Archives

Feira de Razas Autóctonas este sábado no concello do Valadouro

O “Mes Gandeiro” volve en febreiro ao concello lugués do Valadouro para a posta en valor da gandería e a promoción das razas autóctonas. O formato mensual, que xurdiu o ao pasado para dar un novo pulo á feira gandeira que se viña celebrando en anos anteriores, celebrarase os tres vindeiros sábados – os días 3, 10 e 17 de febreiro –, centrando cada xornada nunha das áreas. O deputado de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, Daniel García, e o tenente alcalde e o concelleiro de Medio Rural do Valadouro, Eduardo Chao, presentaron este mércores o programa, no recinto que acollerá as feiras. As actividades comezan esta fin de semana coa V Feira de Razas Autóctonas da Mariña a partir das 10 horas no aparcadoiro municipal ao carón da piscina. Esta cita contará cun concurso morfolóxico de cabalo de Pura Raza Galego coas seccións de sementais, eguas e poldros (nados no 2024,2023 e 2022). Xa pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase a primeira proba do III Campionato Galego do Cabalo Marchador Galego en dúas categorías. Durante toda a fin de semana nos distintos locais de restauración do Valadouro poderase degustar carne de poldro de cabalo de Pura Raza Galega 100% Raza Autóctona. O sábado día 10 celebrarase unha formación entorno ao Real Decreto 1053/2022 de Ordenación das Granxas Bovinas na que, entre outros aspectos, se asesorará ás gandeiras e gandeiros sobre a nova lei de de proteción dos dereitos e o benestar dos animais, coa que deberán ter un veterinario de referencia na explotación. Para rematar, o 17 de febreiro terá lugar a II Feira de Gando no Aparcadoiro Municipal, mentras que no Camiño da Granda terá lugar o III Concurso de Andadura Galega da man de PURAGA. Ambas actividades arrancarán pola mañá. Ao tempo, durante a fin de semana, ASOPORCEL promove a degustación gratuíta de carne de porco celta nos locais hostaleiros. Daniel García destacou “a importancia de levar focalizar estas actividades ao longo dun mes, que permite potenciar o sector primario e, especialmente, a actividade gandeira, poñendo en valor a tradición desta área da provincia na cría de cabalos e gando vacún”. “Dende a área de Rural sabemos a necesidade de desenvolver programas que permitan a promoción da gandería extensiva e das razas autóctonas para dinamizar o rural tanto social como economicamente, ao tempo que axudamos na conservación do territorio” Pola súa parte, Eduardo Chao explicou que o formato do Mes Gandeiro, que puxeron en marcha o ano pasaddo, repítese xa que “isto permite desenvolver as actividades e dedicarlles o tempo que cada unha delas require”. “Ademais, permite dar importancia a citas como a V Feira Gandeira, que xa é un referente na comarca e en toda a provincia e permite visibilizar un sector que produce alimentos de grande calidade”, engade o concelleiro.

Programa: 

3 de febreiro: V Feira de Razas Autóctonas, con exhibición e venda de exemplares de Pura Raza Galega, Porco Celta, Cabra Galega, Rubia Galega, Morenas Noroeste, Burro Fariñeiro, Galiña de Mos, Pita Piñeira e Can de Palleiro 10.00 h. Apertura do recinto ao público Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega Demostración de doma de alta escola co traballa a pe a terra a cargo da asociación Pura Raza Cabalo Galego 16.30 h. II Carreira Cabalo Marchador O Valadouro Durante toda a fin de semana terá lugar unha degustación gratuíta de carne de poldro de cabalo PRG 100% Raza Autóctona nos locais hostaleiros. 10 de febreiro: 12.00h. Conferencia RD 1053/2022. Ordenación das granxas Bovinas. Requisitos mínimos xerais. Celebrarase no Salón de Actos da Casa da Cultura. 17 de febreiro: II Feira de Gando e III Concurso de Andadura Galega. Durante a xornada poderá degustarse carne de porco celta nos locais hostaleiros

Aberto o prazo de solicitude de axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

Hoxe publicáronse no Diario Oficial de Galicia as axudas para o fomento de razas autóctonas galegas, polo cal, queda aberto o prazo de solicitude un mes. Concederanse 220.000 euros a organizacións e asociacións de criadores de razas autóctonas galegas, recoñecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia. Serán subvencionables a creación ou mantemento dos libros xenealóxicos, e as actuacións que se deriven do desenvolvemento do programa de cría oficialmente aprobado para a raza.  As entidades que se poderán beneficiar son aquelas oficialmente recoñecidas para a xestión do Libro Xenealóxico das razas bovinas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa; a ovella galega; a cabra galega; o porco celta; o cabalo de pura raza galega e a galiña de Mos. O investimento total procede dos orzamentos xerais tanto da Xunta, como do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).  Os obxectivos que se perseguen con esta convocatoria de axudas son acadar unha explotación sostible dos recursos autóctonos e o mantemento da súa rendibilidade; a recuperación da variabilidade xenética das razas autóctonas de Galicia, e a súa potenciación de ser o caso; a diversificacións das  actividades económicas no medio rural e favorecer a fixación de rendas complementarias a través da produción con estas razas; o aproveitamento dos recursos naturais e o apoio e difusión da mellora xenética destas razas. Segundo o censo oficial, con data do 31 de decembro de 2022, en Galicia hai 6.029 vacas de raza cachena, 2.958 de vianesa; 1.626 de caldelá; 1.577 de limiá; 947 de frieiresa; 5.385 exemplares de ovella galega; 1.342 de cabra galega; 4.173 de porco celta; 2.098 de cabalo de pura raza galega; e 21.466 exemplares de galiña de Mos.

Que razas de vacún de carne están a medrar máis en Galicia?

A rubia galega perdeu nos últimos 10 anos máis de 34.000 animais, a metade dos censados no libro xenealóxico Na última década, desde o ano 2013 ao 2022, Galicia perdeu máis de 30.000 vacas reprodutoras destinadas á produción cárnica (o 39% da súa cabana) e máis de 1.000 ganderías (o 37% das granxas existentes hai 10 anos). Pero esa diminución non foi homoxénea nin afectou a todas as razas por igual, senón que castigou especialmente á principal raza cárnica galega, a rubia galega, que perdeu neste período o 52% do seu censo de animais (pasando de 65.469 cabezas rexistradas a 31.390) e o 42% das explotacións (caendo de 2.282 a 1.310).
Razas como a limusín, a charolesa ou a blonde medran a costa da rubia galega, que perdeu máis da metade dos seus animais rexistrados
Esta tendencia á baixa na rubia galega coincide tamén no tempo cun momento de limpeza no censo, o que levou a dar de baixa no libro xenealóxico grande cantidade de animais por parte de Acruga, un purgado moi acusado que se deu precisamente no ano 2013. Pero o goteo de peche de granxas e perda de cabezas continuou nos anos sucesivos, reverténdose esa tendencia unicamente no último ano, no 2022, onde a rubia galega gañou no conxunto do Estado 10 explotacións e 15 animais (ademais de en Galicia, hai rexistrados machos e femias de rubia galega en Castela e León, Madrid, Aragón, Andalucía, Estremadura e Castela-A Mancha). Caída en picado dos animais censados Evolución do censo de animais de raza rubia galega inscritos no libro xenealóxico na última década (Fonte: ARCA)  Galicia conta neste momento con 21.331 vacas nodrizas e 468 touros de raza rubia galega, máis 9.591 xatos e xatas tanto de cebo como de recría rexistrados no libro xenealóxico. Estas cifras forman parte da base de datos oficial ARCA (Sistema Nacional de Información de Razas), dependente do Ministerio de Agricultura, e que contén datos censais actualizados de todas as razas presentes no territorio español con data 31 de decembro de 2022. O ARCA inclúe exclusivamente a aqueles animais das razas do Catálogo Oficial e que forman parte das asociacións correspondentes (no caso de Galicia, serían os animais con carta pertencentes a ACRUGA, CACHEGA, CALDEGA, FRIEREGA, LIMIAGA e VIANEGA). Moita rubia galega fóra de Acruga Evolución do censo de animais e do número de explotacións por razas en Galicia (Fonte: ARCA) Se comparamos estes datos cos incluídos no Sistema Integral de Trazabilidade Animal (SITRAN), tamén dependente do Ministerio de Agricultura, a cifra para a rubia galega elévase a 75.171 animais, segundo o último informe do 2021, con datos do 2020, o que evidencia que hai tanta rubia galega fóra do libro xenealóxico e de Acruga coma dentro da asociación, que non foi quen de aglutinar no seu medio século de historia a todos os animais e produtores no seu seo. Outro tanto pasaría noutras razas, como a limusín, e en moita menor medida coa cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, onde as asociacións xogan un papel vertebrador fundamental que está a servir para recuperar os censos de animais, impulsados tamén polas primas nas axudas da PAC. Cada vez máis limusín Na clasificación exclúense as razas Frisona, Parda e Fleckvieh por ser de aptitude leiteira, contabilizando un total de 45 razas cárnicas, tanto autóctonas coma integradas Sexa como for, a rubia galega segue a ser a principal raza cárnica presente na comunidade, pero cunha clara tendencia á baixa. Nos últimos 10 anos (2013-2022), o censo de rubia galega pasou de 66.162 animais en 2013 a 32.145 animais no ano 2022, o cal supón unha perda de máis da metade das cabezas. Pola contra, no mesmo período a limusín aumentou un 150% o número de animais rexistrados. Isto fai que lograse xa dar o sorpasso á raza galega no ránking estatal. Segundo os datos do ARCA a nivel nacional, a Rubia Galega sigue sendo a raza autóctona de Galicia mellor clasificada, no posto número 7, pero perdendo 4 posicións na clasificación en 10 anos.
No mesmo periodo, mentres a limusín aumentou nun 150%, a rubia galega caeu en máis dun 50%
Tanto a raza de Lidia como a Asturiana dos Valles manteñen a primeira e segunda posición, respectivamente, na listaxe das principais razas de carne españolas, mentres que a Rubia Galega perde o terceiro posto, que é ocupado agora pola raza Limusina. Esta raza de orixe francés ten unha forte suba nos últimos 10 anos, cun aumento aproximado do 60% en España e do 150% en Galicia, en comparación co descenso de máis do 50% da Rubia Galega. Tamén a raza Blonde de Aquitania gaña presencia en Galicia, o mesmo que a Charolesa. Peche de granxas En canto ao número de explotacións, baixa en todas as razas autóctonas da comunidade galega, sendo a Cachena a que menor baixada ten (-1,2%), e a Rubia Galega a que máis descende (-42%). Tendo en conta as razas do Top 10 do ranking nacional, a Rubia Galega é a peor parada en todos os aspectos. Os censos de animais da raza Rubia Galega teñen un descenso dramático, que supón a perda de máis da metade das cabezas nos últimos 10 anos, en paralelo á caída producida no número de explotacións.
A rubia galega perde produtores e animais, mentres o resto de razas autóctonas galegas logran aumentar o seu censo malia pechárense explotacións
No resto de razas autóctonas galegas dase un aumento no número de animais e un descenso no número de granxas, o que indica claramente unha maior profesionalización nos últimos anos, con explotacións cada vez máis grandes. Pero a pesar de que ACRUGA perdeu un 42% das explotacións que tiña hai 10 anos, a Rubia Galega séguese mantendo na 2ª posición do ranking estatal en canto a número de explotacións con animais rexistrados. Ao igual que pasa no número de animais, a Limusina está a medrar de maneira significativa tamén no número de granxas, ao igual que o fan as razas Blonde e Charolesa.  

Recuperación dos censos de cachena, vianesa, caldelá, limiá e frieiresa malia á diminución de produtores

A raza cachena conta na actualidade con 147 produtores e 5.452 animais inscritos No territorio español hai un total de 40 razas autóctonas de bovino, das cales 6 razas son orixinarias de Galicia: Rubia Galega, Cachena, Vianesa, Caldelá, Limiá e Frieiresa. A análise da evolución dos censos e do número de explotacións revela a recuperación das razas autóctonas galegas en perigo de extinción. Todas as razas de morenas galegas teñen unha evolución positiva no período 2013-2022. A Limiá é a raza que mais medra, xa que case duplica o número de animais. A raza Vianesa ten un aumento do 19% da súa cabana, mentres que as outras 3 razas (Cachena, Caldelá e Frieiresa) aumentan aproximadamente un 25% no número de animais. A Limiá mellora o seu posto no ranking estatal de razas, a Caldelá e a Cachena mantéñense, e a Vianesa e a Frieiresa perden posicións, a pesar de que a evolución do censo de todas as razas é positivo. Profesionalización das explotacións Evolución dos censos de número de animais das razas autóctonas galegas en perigo de extinción Tendo en conta o número de explotacións, obsérvase unha tendencia clara á perda de granxas e ao redimensionamento das que quedan. Todas as razas autóctonas galegas perden produtores, de maneira moi moderada nas razas Cachena e Limiá e máis acusada na Frieiresa e na Vianesa. Así, a Cachena mantén o posto 17º no ranking español de razas por número de explotacións, a Limiá mellora 3 postos, e as outras tres razas galegas (Caldelá, Frieiresa e Vianesa) empeoran.

Premios aos mellores exemplares de razas galegas de gando en perigo de extinción

A 45ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra dende hoxe ata o domingo, foi esta mañá marco de dez concursos morfolóxicos das razas autóctonas de Galicia en perigro de extinción, os cales estiveron organizados pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel).

En canto aos concursos das bovinas, participaron máis de 90 exemplares de 14 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No X da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Ganadería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Truana, de Finca A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña) e o terceiro para Mosca, de Cachenas de Pantón, de Pantón (Lugo). No IX da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, de Gandería Martelo, de Outes (A Coruña), o segundo para Vivi, de María Concepción Gómez, de Maceda (Ourense) e o tercero para Muralla, de Gandería Martelo, ao igual que a gañadora.

En canto ao VIII de Caldelá, gañou Cebada, de Alejandro Salvatierra, de A Pontenova (Lugo), o segundo posto foi para Cabaza, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e o terceiro para Ceboleira, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense).

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78999" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

No VII Concurso Morfolóxico da Limiá, a campeoa foi Pacheca, de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña), a subcampeoa foi Lixosa, de David López, de Cervo (Lugo) e a terceira Lágrima, tamén de Jesús Pardal. Xa no V da Frieiresa o pódium estivo composto por Festa, de Gandería Armental, de Begonte (Lugo); Fanática, de Roberto Louzán, de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e Carmiña, de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo).

En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 14º Campeonato Galego, no que participaron 150 exemplares adultos de 25 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un de José Luis Freire, de Pol (Lugo), seguido de un de Óscar Rodríguez (Mos- Pontevedra) e o terceiro un de José Zapata, de Castro de Rei (Lugo). De forma individual, en galos venceu un exemplar de Francisco José Monasterio, de Vilalba (Lugo), o segundo foi un animal de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e o terceiro un de Sandra López, de Láncara (Lugo). En galinas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de Carlos Alberto Pampín, de Vila de Cruces (Pontevedra); de José Luis Freire, de Pol (Lugo) e de Óscar Miranda, de Castro de Rei (Lugo).

As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a terceira edición da súa competición, con vinte exemplares participantes. En canto a de la Ovella Galega, centrado en femias, o primeiro e terceiro posto foron para animais de Finca A Tellada, de Nogueira de Ramuín (Ourense), mentras que o segundo foi un de Montes de Boado, de Xinzo de Limia (Ourense).

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="79000" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Respecto ao de Cabra Galega, conseguiu o primeiro posto unha femia de Jaime Fernández. de Cerdido (A Coruña), quedando en segundo posto unha de Dolores García, de Toques (A Coruña) e en terceiro lugar unha cabra de Finca A Ferreira, de Val do Dubra (A Coruña).

En canto ao V Concurso Morfolóxico del Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou con 56 animais de 33 ganderías das cuatro provincias galegas. Na categoría de femias venceu un animal de Manuel Paris, de Outes (A Coruña), seguido dunha de Celso Toimil, de Lalín (Pontevedra) e outro de Fernando Saavedra, de Castro de Rei (Lugo). En machos o vencedor foi un porco de Laura Sánchez, de Oza-Cesuras (A Coruña), o segundo foi un animal de José Vega, de Castro de Rei (Lugo) e o terceiro un de Diego Díaz, de Lugo.

En canto a recría, o vencedor foi un exemplar de Isabel González, de Maside (Ourense), ao que seguiu un de Pablo Cabodevila, de Riotorto (Lugo) e un de Hermelino Javier Sixto, de Alfoz (Lugo).

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85884" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

En canto al Cabalo de Pura Raza Galega, levará a cabo o seu décimo concurso morfolóxico o vindeiro sábado, tamén no marco da feira.

I Foro Activistas: por un futuro rural

A feira acolleu esta mañá o “I Foro Activistas: por un futuro rural”, organizado por Río de Galicia. No seu marco celebráronse dúas mesas redondas. A primeira delas centrouse en “Vivir e traballar no rural. A vida máis aló da cidade”, sendo a súa moderadora Carmen Lence, CEO do Grupo Lence. e as súas relatoras Laura Seoane, gandeira de terceira xeración de Ugasma; Nuria Varela, fundadora e directora xeral de Pazo de Vilane e Inés Rodríguez, fundadora e propietaria de RiR&Co.

A segunda delas versou sobre “Empresa Rural. Viabilidade e servizos”, estando moderada por Cristina Díaz, de Economía Dixital. Nela interviñeron Covadonga Toca, secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Alfredo Ramo, director de R e José Antonio Menéndez, responsable de Relacionas Institucionais de Zona Noroeste de Endesa.

Granxa A Ciruxana, a aposta dun mozo por darlle valor á ovella galega

Xoán, no medio das súas ovellas en Ardexarxe (Viana do Bolo) Xoán González Alonso é un mozo natural de Vilariño de Conso que enfocou o seu futuro cara á vida no rural. Cando acabou o Bacharelato no instituto de Viana do Bolo dicíanlle que estudara Historia, outra das súas grandes paixóns, pero preferiu formarse para incorporarse á actividade gandeira nunha comarca, a do Macizo Central ourensán, necesitada de relevo xeracional. Con 21 anos puxo en marcha Granxa A Ciruxana, unha explotación de ovino ubicada na aldea de Ardexarxe, en Viana do Bolo, e pouco a pouco foise decantando pola ovella galega por ser unha raza máis adaptada ás condicións desta zona. “É un gando que destaca pola rusticidade e por ser animais pequenos que son capaces de engordar con consumo de forraxe de peor calidade”, valora.
No Macizo Central ourensán abunda a terra abandonada e escasean os mozos que queiran adicarse á gandería
Xoán ten as ovellas fóra todo o ano, alimentadas a base do que elas mesmas pacen. “Ter outro tipo de raza con este sistema de manexo sería complicado, porque tería máis baixas e non podería ter o número de animais que teño hoxe porque necesitaría adicarlles máis tempo”, di. O verán pasado, que foi duro porque houbo moita seca, as súas ovellas de raza galega aguantáronse ben. "Se fora outra raza tería que ter dado moito penso e teríanseme disparado os gastos”, compara. O uso de concentrado nesta explotación limítase unicamente a suplementar a alimentación dalgún cordeiro que non engordou dabondo a pasto cando chega o final do verán ou nos partos de inverno. “Poden supoñer un 20% dos animais os que levan algo de suplemento con concentrados, o resto van exclusivamente a pasto e leite”, detalla.
Xoán aposta pola venda directa, sen intermediarios, como xeito de defender o seu produto e ver valorado o seu traballo
Este mozo, que se incorporou hai xa 9 anos, defínese como “gandeiro por vocación”. Xoán non tiña gando na casa, as últimas vacas vendéranse no ano 92, o mesmo ano que el naceu, pero aínda se lembra de cando de pequeno ía co seu avó a regar uns prados que tiña en Vilariño. “Xa os pacía outra xente, pero eu sempre lle ía axudar e sempre me gustou moito isto”, conta. Por iso, decidiu estudar o Ciclo Superior de Xestión de Empresa Agropecuaria en Sergude coa idea de adicarse a algo relacionado co sector agrogandeiro. “Non sabía moi ben o que quería facer pero funme metendo no mundo das ovellas por ser máis sinxelo e precisar de menos investimento que as vacas e foime gustando”, explica. Transición cara a ovella galega Xoán sempre contou co apoio da súa familia para retomar a actividade gandeira coa que non seguira o seu pai, que é administrativo, e comezou por mercar unhas ovellas de razas castellana e Inra 401 cando fixo a solicitude de incorporación. “A miña idea era acabar tendo todo Inra e unha produción super intensiva, con máis cordeiros por animal. Eu naquel momento non cría na ovella galega, pensaba que todo era produción e que había razas industriais mellores. Tamén era o que me inculcaban no ciclo”, di.
Primeiro apostei por razas máis industriais pero dinme de conta que estaba gastando moito e o retorno era pequeno
“Na metade do camiño funme atopando con xente que traballa con ovella galega e dinme de conta de que eu estaba gastando moito e que o retorno era pequeno e comecei a transformar todo o rabaño en ovella galega”, explica. Tamén variou o sistema de manexo e a organización do traballo. "Cando comecei seguía un modelo tradicional: tiña as ovellas na nave e sacábaas e metíaas todos os días, e tamén facía moito pastoreo dirixido, pero teño fincas moi lonxe. Cando cambiei para ovella galega comecei a deixalas durmir fóra e agora dormen todo o ano fóra. Ao final reducín moita carga de traballo e un montón de gastos e aumentei moito a calidade da carne. Fago venda directa e nótase moitísimo”, afirma. Demanda para vida A Asociación de Criadores de Raza Ovella Galega (Asoveega) conta hoxe con 70 socios e uns 4.000 animais inscritos no libro xenealóxico. “Está habendo moita demanda. Hai un rapaz aquí en Rubiá que se incorporou con ovella galega e outro en Vilaboa, en Pontevedra”, explica.
Asovega conta hoxe con 70 socios e 4.000 animais inscritos
Malia a demanda existente, Xoán non pode vender neste momento animais para vida porque vacinou contra paratuberculose. “Esa é outra faena moi grande que nos fai a Xunta. Eu estou nunha ADSG e sangamos para tuberculose. Teño unha incidencia dun 6%, que é moi pouco pero había dúas opcións: ou matar ese gando ou vacinar. Eu optei por vacinar e iso conleva 3 anos de bloqueo para vida”, conta.
É unha contradición, os que nos preocupamos de ter o gando ben e vacinar contra a paratuberculose somos os prexudicados porque non nos deixan mover o gando en 3 anos
Quéixase da contradición que iso supón. “Se me borrarse da ADSG, así desaparecía o problema. A maioría dos rabaños que hai non están en ADSG e non sangan, poden ter un 100% de paratuberculose que oficialmente o problema non existe e poden seguir vendendo para vida”, contrapón. “Tiña que ser ao contrario, que bloquearan aos que non están en ADSG e nos deixaran traballar aos que nos preocupamos de ter o gando ben. Que nos permitan mover os animais entre os que temos o gando vacinado”, pide.  Produción ecolóxica e pastoreo rexenerativo Os animais non están máis de tres días na mesma parcela para que non coman o rebrote do pasto A explotación de ovino de Xoán está certificada en ecolóxico e aposta polo pastoreo rexenerativo para fomentar o coidado do chan e o rebrote da herba. “Tentamos facer sempre pastoreo diario ou cada dous días como moito, con cargas instantáneas moi altas na mesma parcela para que elas vaian abonando. Ten moita importancia non ter o gando máis de tres días no mesmo sitio para que non coman o rebrote, sobre todo na primavera. A verdade é que desde que o empezamos a facer hai 2 ou 3 anos notamos que funciona”, di.
En función do pasto existente, a parcela mínima por día para as 500 ovellas é de media hectárea
A maior dificultade coa que el se atopa para levar á práctica esta técnica é o minifundio. “Temos algunhas parcelas moi pequenas e tes que andar cambiando moito de finca, en ocasións dúas veces no mesmo día. Se foran parcelas grandes, de 10 hectáreas, nas que puideras ir estendendo cercas sería máis doado, porque nun día fas cercas para toda a semana, pero en fincas costas, pegadas ao río, con curvas e malos accesos dáche moito máis traballo e lévache moito máis tempo”, explica. Recuperando fincas do abandono Queima controlada realizada este inverno para recuperar unha zona de matogueira para pasto para as ovellas Xoán naceu no veciño concello de Vilariño de Conso pero mercou uns terreos en Ardexarxe, en Viana do Bolo, onde ten a explotación. “Son sobre unhas 50 hectáreas e unha nave que eran dun gandeiro que tivera primeiro vacas de leite e despois de carne. Inicialmente alugueille e hai dous anos decidín hipotecarme e mercarlle”, explica.
Ardexarxe está nunha zona alta no límite entre Viana do Bolo e Vilariño de Conso
A maiores, en Ardexarxe Xoán está a recuperar terreos que estaban abandonados e que lle ceden os veciños, ao igual que na aldea do lado, Fornelos de Filloás. “Desta maneira vaise evitando que arda e que o lume se achegue a carón das casas”, di. Algunhas destas parcelas que están a recuperar levaban 20 ou 30 anos abandonadas. “Por aquí houbo moitísimo abandono. O que facemos nesas fincas é desbrozalas e ir facendo pradeiras. Resementamos con especies que aguantan ben a seca, como datilo, festuca e trevo”, detalla.
Botamos especies que funcionen ben en pastoreo e que aguanten a seca
Este inverno, axudado pola brigada de Laza, fixeron en Ardexarxe una queima controlada como unha maneira de eliminar o mato para poder comezar coa posterior rexeneración de pastos para as ovellas. “Por parte da administración debería promocionarse máis esta forma de xestión, xa que se queremos evitar os grandes lumes de nova xeración a única maneira de facelo e rompendo a continuidade do combustible”, defende Xoán. Centeo para pacer no inverno Granxa A Ciruxana declara unhas 70 hectáreas na PAC, das que 50 son en propiedade, tras mercalas hai dous anos. “A maiores aproveitamos outras fincas que pacemos pero que non se apuntan. Nós de terra estamos ben e tratamos de facer un aproveitamento eficiente”, asegura.
A base da alimentación é o que comen elas, pero o cambio climático estámolo notando moitísimo
“A base da alimentación é o que comen elas. Aquí o inverno non é duro porque non neva moito, como estamos tan ao sur cando chega unha nevarada chega xa moi desfeita, poden caer unhas folerpas e callar, pero ao día seguinte xa desapareceu. Aquí o problema máis grande son os veráns, porque aquí a seca aperta moito e o cambio climático estámolo a notar moitísimo, con períodos de moita seca e choivas moi intensas que marchan en escorrentía, con esas trombas a auga non infiltra no terreo e os mananciais non dan recuperado”, describe.  
Intentamos labrar a terra o mínimo posible para non danar a estrutura do chan e conservar o solo
“Este último ano pasámolo mal, igual que pasara no 2017. Os peores meses aquí son agosto e setembro. Eu como teño bastante base territorial vou salvando, pero os vellos de 90 anos non lembran unha situación igual nesta zona. Eu fago algo de herba seca, moi pouca, uns 40 ou 50 rolos, para un día que veña moi malo ou se hai que ir a algún sitio, pero o que intentamos é aproveitar todo a dente o máis posible”, explica. Xoán emprega tamén o mesmo sistema que outra explotación da zona, a de Nieves Fernández, de sementar centeo e pacelo de inverno. “Nós botámolo en 3 hectáreas e media. Procuramos labrar a terra o menos posible para non danar a estrutura do solo, por iso non aramos, senón que gradamos, e en vez de darlle 5 ou 6 voltas que é o habitual, nós dámoslle só dúas, buscando o mínimo laboreo, e despois sementamos por enriba coa abonadora, porque para facer sementeira directa teriamos que investir moito en maquinaria”.
O centeo primeiro pacémolo co gando nos meses de novembro e decembro e despois colleitámoslle o grao en xullo
Sementan no mes de setembro. “Bótase cedo para que coas primeiras choivas naza e ter felpa para pacer no inverno, nos meses de novembro e decembro, e logo xa se deixa para grao para no mes de xullo podelo colleitar. Ese grao usámolo para suplementar na explotación”, explica. “Este ano imos probar nesas terras, en canto se levanten, meterlles un altramuz para fixar nitróxeno. Xa probara un ano co altramuz amarelo, que despois dérallo ao gando e ten bastante proteína”, conta. Necesidade de parcelaria e accesos As terras onde labran o centeo levaban 20 anos sen sementarse. Están nun alto e eran unha zona onde tradicionalmente os veciños botaban cereal para pan. “Xuntamos tres hectáreas e media, pero igual son 40 parcelas que nos cederon os veciños, nas que fomos buscando os marcos para non tiralos co tractor”, di. O minifundio existente dificulta enormemente o seu traballo, polo que demanda actuacións de reestruturación da propiedade e mellora de accesos. “Hai fincas nas que teño que ir no Patrol en primeira curta e sufrindo avarías continuas porque vai saltando de pedra en pedra. Hoxe en día non é normal traballar así”, afirma.
Aquí temos moito minifundio; facer parcelarias de verdade tiña que ser algo urxente
Xoán mercou un tractor que tivo que estreitar, porque non collía por moitos dos camiños, que seguen a ser camiños de carro. “Viña a 2,30 metros de anchura e tiña máis estabilidade para traballar en pendente, pero non me entraba na metade dos sitios e deixeino a 2 metros”, conta. Non depender da compra de insumos Desde que empezou, Xoán leva investido “moito diñeiro” que “noutro sector tería que estar dando uns rendementos moi altos, pero que na agricultura non se conseguen”, di . “Calquera economista diríache que non é un bo negocio porque a rendibilidade é baixa, pero isto ten unha parte de romanticismo, de vocación e de amor pola terra”, asegura.
A perda da rendibilidade das explotacións hoxe son os insumos e a ovella galega permíteche sobrevivir sen eles
O investimento máis grande foi a compra hai dous anos das terras, o establo e unhas casas vellas, que foron en total 130.000€. A iso hai que engadirlle o gando e a maquinaria. En maquinaria dispón da precisa unicamente para o día a día da explotación. Mercou tractor, segadora rotativa, xuntador, desbrozadora e caldeirador para facer regos. Protección contra o lobo Granxa A Ciruxana ten 7 mastíns para defender o gando dos ataques do lobo Granxa A Ciruxana atópase nunha zona con presenza tradicional do lobo e Xoán defende a convivencia do gando coa fauna salvaxe. Ten as ovellas pechadas con cercados móbiles de malla electrificada e dispón dunha finca de 10 hectáreas pechada cun peche permanente que é onde cría os cordeiros xunto ás nais recén paridas. “Ten valado perimetral e está a carón da estrada”, explica.
Esta é unha zona lobeira pero eu aposto pola convivencia coa fauna salvaxe
Para protexer as ovellas Xoán ten 7 mastíns, para garantir un mínimo de 2 cans con cada lote de gando, e até agora non tivera moitos ataques do lobo. “Ata fai pouco dentro do pastor eléctrico nunca me entrara, tivera algún ataque a algunha ovella que quedaba estraviada do grupo no monte ou nalgún camiño á hora de facer os cambios de parcela, pero a última vez entroume e matoume tres ovellas e os cordeiros”, conta. Na actualidade os cordeiros están todo o tempo fóra coas nais. “Eu cando comecei facía o sistema tradicional de aquí: os cordeiros quedaban na corte e saían só as ovellas polo día e pola noite volvían e había que andar apartando para que mamaran as crías pero era moito traballo”, afirma. 
Os gastos dun mastín soben dos 1.500 euros ao ano
Por iso, decidiu cambiar de sistema. “Agora fago todo fóra. Teño 10 hectáreas nunha peza nunha finca moi boa e vou apartando para alí as ovellas que van parindo cos cordeiros. Vou facendo parcelas e como a maioría paren na primavera cando acaban de pacer por un lado xa hai comida polo outro e practicamente os cordeiros críoos todos nesa finca”, di. Peches fixos Xoán emprega malla ovelleira electrificada e pediu un Plan de Mellora para facer 7 km de peches fixos en 9 fincas Ademais de ter os mastíns, Xoán pediu no 2022 as axudas da Xunta para peches e sufriu o problema de prazos da última convocatoria. “Veu resolta en decembro, case sen tempo para mercar o material e executar os traballos. Fixemos dous peches fixos con malla de metro e medio de altura e con fíos de corrente por arriba e por abaixo. Eu para facer iso dependía de que me concederan a axuda, senón cos prezos que hai hoxe non podía meterme a ese investimento, pero non é normal que unha axuda que normalmente resolvían en agosto se retrasase ata final de ano, cando os días son pequenos e chove seguido. Non sei cal foi o motivo pero iso é falta de previsión, porque é unha subvención anual que podes planificar doutro xeito”, asegura. 
Cando teño parideira as ovellas están en 2 ou 3 grupos, pero o resto do ano están nun único lote
A Ciruxana non se veu afectada pola redución de explotacións beneficiarias das axudas agroambientais para produción ecolóxica da última convocatoria por estar en zona de montaña. “No meu caso se non me viñera aprobada tería que ter pedido outro crédito ou pedido os cartos a alguén para poder pagar as letras do crédito que pedín hai dous anos para mercar as 50 ha de superficie que comprei”, asegura.
Nos últimos anos merquei dereitos históricos para ter para todas as terras pero agora ao desaparecer o pago verde perden o 51% do seu valor
Coa nova PAC, quéixase da desaparición do pago verde. “Nós tiñamos moito investido en mercar dereitos de pago básico, pero ao desaparecer o pago verde, que era o 51% do valor do dereito, todos os dereitos que mercamos nos últimos anos, que xa perderan o 20% do seu valor pola peaxe, perden agora automaticamente a metade do seu valor”, explica. Calidade de vida O obxectivo de Xoán é vivir no rural pero poder ter calidade de vida. "É un dos factores que inflúen na miña toma de decisións", di. “Agora tería a posibilidade de coller unhas terras máis para ter vacas, pero non as collo porque a carga de traballo que me ía supoñer, ao tratarse de dous tipos de gando diferente e dous manexos distintos íame facer perder moita calidade de vida, por iso prefiro estar centrado só nas ovellas para optimizalo o máximo posible de maneira que me permita máis adiante poder diversificar, pero valorando sempre a calidade de vida, porque se por ter 20 vacas me vai supoñer 3 horas máis de traballo todos os días e non poder marchar unha fin de semana a ningún lado igual non me compensa”, indica.
Tería a posibilidade de coller máis fincas e meter 15 vacas, pero non o fago polo de agora porque me suporía máis carga de traballo
Pasar ao sistema extensivo supúxolle por exemplo reducir á metade as horas de traballo e a través dun Plan de Mellora quere acometer 7 km de lonxitude de peches en 9 das fincas que mercou. Estes cercados fixos permitiríanlle marchar de fin de semana ou de vacacións sabendo que as ovellas non lle van escapar. Xoán trata de aproveitar os saberes tradicionais pero modernizados e traídos aos tempos de hoxe.  “Antes nunha casa había 5, 6 ou 7 persoas. Agora estou eu só e se vou coas ovellas toda a mañá non teño quen me faga os traballos”, di.
A Xunta acaba de convocar axudas para contratar pastores, pero só dan para contratar a 5 persoas en toda Galicia
A súa compañeira, Sara, que é médica, axúdalle cando pode en certas tarefas pero a falta de man de obra é un dos problemas cos que Xoán se atopa. A Consellería de Medio Ambiente vén de sacar unha liña de axudas para a contratación de pastores durante un ano que cubre todos os gastos salariais, pero Xoán critica "a letra pequena": que o orzamento asignado tan só permita contratar a 5 persoas en toda Galicia. Formación e intercambio de experiencias Xoán, en Alerre (Huesca), xunto a Francisto Santolaria nunha explotación de 2.000 ovellas de raza aragonesa Xoán formouse con distintos cursos e libros sobre pastoreo rexenerativo e foi probando o sistema mediante a técnica do ensaio-erro. “Ás veces tes que dar pasos cara atrás e ir cambiando cousas”, recoñece. “Un ten que estar aberto a unha aprendizaxe continua”, di. Este ano participou tamén no programa Cultiva do Ministerio de Agricultura e estivo cinco días na granxa dos irmáns Santolaria en Alerre (Huesca) para aprender desta explotación con 2.000 ovellas de raza autóctona aragonesa. 
Granxa A Ciruxana forma parte da ADSG Acivo e conta co apoio e asesoramento de veterinarios especializados en gando ovino
Recentemente Granxa A Ciruxana tamén organizou xunto a outras explotacións ourensás, o primeiro encontro de ganderías de ovella galega, no que participaron produtores de toda Galicia, para tratar de fomentar o intercambio de experiencias entre as distintas granxas e mellorar aspectos de manexo do gando. Concentración dos partos Dentro da súa organización do traballo, Granxa A Ciruxana procura concentrar os partos en dúas épocas do ano. “A maioría das ovellas paren a finais do mes de abril, bótolles o macho para iso en novembro, e logo volvo soltarlles o macho en maio para tentar ter algúns partos para vender cordeiros en Nadal”, explica.
Ao non usar hormonas, ter cordeiros para o Nadal é difícil
“É unha época boa de vendas, sobre todo para facer venda directa, pero en ecolóxico é difícil ter moita produción para o Nadal porque non empregamos hormonas e para sincronizar celos é difícil. No último ano coa seca e o calor aínda foi peor”, asegura. Selección xenética Ao tratarse dunha raza en perigo de extinción, a selección xenética non se fai por rendemento cárnico, senón para tentar sentar as bases morfolóxicas da raza. Asovega ten en Fontefiz un rabaño de machos para cruzar coas ovellas existentes nas ganderías. "Todos os animais son xenotipados e os machos introducímolos evitando a consanguinidade", conta.
Teño todo o rabaño xenotipado e nos acoplamentos buscamos evitar a consanguinidade
“Estamos conservando un patrimonio xenético e cultural moi antigo, do tronco ovis aries celtibericus, polo que seguramente cando había aquí castrexos xa tiñamos ovella galega. É unha raza moi ben adaptada aquí e que che permite evitar a compra de insumos”, destaca. A suba dos custos de produción a consecuencia da guerra en Ucraína afectoulle menos á explotación de Xoán que a outras. “Notámolo como todos, porque o gasóleo subiu e o pouco penso que damos tamén, pero non é que digas vaime facer pechar ou vaime levar á ruína. Perdes rendibilidade pero podes sobrevivir”, razoa.  A decisión de mercar as terras foi tamén un pouco por iso, di, porque “a base territorial é un aspecto esencial para unha explotación e eu levo anos buscando un sistema que me permita resistir en caso dunha crise moi grande, como a motivada pola pandemia e a guerra, para poder producir sen que te coman os gastos”, argumenta. Aposta pola venda directa Fan os envíos de cordeiro a domicilio envasados ao baleiro e en transporte en frío Séguenlle dando saída á maior parte da produción a través de maioristas, pero a súa intención é seguir aumentando a venda directa, que neste momento representa para eles uns 100 cordeiros ao ano. “A venda directa dá moito traballo, porque hai que preparar os cordeiros, envasalos e envialos. A diferenza de prezo de vender a un tratante ou a un particular non é moita, poden ser uns 30€ en cordeiro e hai que pagar o matadoiro e o transporte, pero é o orgullo de ver recoñecido o teu traballo e valorado o teu produto”, di.
A venda directa dá moito traballo, pero serve para ver recoñecido o teu traballo e valorado o teu produto
Para promocionar a súa carne acoden a algunha feira, como Xantar en Ourense ou a Semana Verde en Silleda, e dispoñen de páxina web e redes sociais. Pero o que máis lles funciona segue a ser o boca a boca e o facebook, a través do cal comezaron a facer envíos refrixerados mediante mensaxería durante a pandemia. “O tratante que nos levaba os cordeiros chamáranos e dixéranos que non había saída para eles e que tiñamos que baixarlles o prezo, así que empezamos a movernos. Pero ao ter tanta produción é moi difícil colocar todo en venda directa”, recoñece.
Venden tamén castañas que apañan nos soutos que pastorean coas ovellas e nos que hai castiñeiros centenarios
É partidario de que se interveñan os prezos porque, di, “non pode ser que se estean a vender os cordeiros aos prezos de fai 30 anos”. “Se contas a inflación un cordeiro tiña que valer 150€ para que isto fose realmente rendible, pero estamos na metade”, indica. Conseguir valorizar a la Outra das intencións de Xoán é conseguir sacar rendemento á la das súas ovellas, que até hai pouco era un simple refugallo. Sen embargo, desde hai dous anos serve de materia prima para pezas de roupa e artesanía que elaboran deseñadoras como Lola García ou Teté Mareque, que co chamado proxecto Ardexarxe pretende aproveitar a la da explotación para que sexa empregada por artesáns galegos e de distintos países europeos.  Cada primavera, cando veñen os tosquiadores da montaña de León a rapar as ovellas, Xoán e Teté escollen as ovellas pola cor da súa la para unha vez rapada levala ao lavadoiro e darlle unha segunda vida.  

“A Consellería de Medio Rural tiña que estar no rural”

As ovellas de Xoán pastoreando unha zona de soutos centenarios A acollida que os veciños tiveron con Xoán cando decidiu asentarse na zona e crear a súa explotación foi moi boa. Déronlle todo tipo de facilidades e cedéronlle as terras. “Nesta zona, aínda que hai moito abandono, a xente que queda sabe o valor do gando, porque son xente maior que até hai 15 ou 20 anos tiveron gando e valoran que as terras estean limpas e traballadas. Aquí non é coma noutras zonas máis pegadas ás cidades, onde hai unha desconexión da poboación local moito maior e a xente que empeza alí ten moitos máis problemas e conflitos”, di. “O sector ovino tanto en Galicia coma no Estado español está a punto de desaparecer e tiña que terse máis en conta porque fai unha función moi importante á hora de previr incendios, porque para que non haxa lumes o que fan falta realmente son ovellas e cabras, que son as que comen monte raso e superficies nas que as vacas non van ter aproveitamento”, defende.
A xente aquí sabe o traballo que dá e os beneficios que aporta o gando
“Tanto en Ardexarxe como en Fornelos de Filloás aínda que veña un incendio de cuarta xeración non van arder as casas, porque hai gando e hai ao redor moito terreo limpo. Os pobos do Barco de Valdeorras que arderon o ano pasado se chega a haber un rabaño coma o noso non ardían”, afirma.
Para que non haxa lumes o que fan falta realmente son ovellas e cabras e, sen embargo, o sector ovino en Galicia está a piques de desaparecer
Nas parcelas de prados e pastizais as ovellas pacen á feito, pero nas de monte e pasto arbustivo “ás veces cada segundo ano hai que repasar pasando o tractor coa desbrozadora”, recoñece Xoán, aínda que “con este sistema de pastoreo con cargas instantáneas altas seleccionan menos e o rexeitamento é moito menor, porque cando entran a unha parcela con uces novas practicamente as comen elas todas”, di. Complemento coa venda de castaña Entre as parcelas que coida Granxa A Ciruxana hai zonas de soutos con castiñeiros centenarios que pastorean co gando e despois no outono aproveitan a recollida da castaña, aínda que os últimos anos foron malos por mor da avispiña e a seca. “Nesta zona a castaña sempre foi un complemento moi importante”, di. Traballan variedades propias da zona, como rapada, inxerta ou porteliño e están a facer algunha plantación nova nas súas fincas. Están a recuperar tamén as fontes e as pozas de rega, que empregan ademais para beber o gando. Mediante un sistema de sifón invertido ou balancín, en función do terreo, fan que se abran soas cando están cheas e reguen por manta o terreo circundante. Necesidade de rexuvenecer o sector Xoán incorporouse á actividade agrogandeira hai xa case 9 anos, con 21, e bota en falta medidas para fomentar o relevo xeracional e a incorporación de xente moza. “Nesta comarca as contas que eu boto é que dentro de 10 anos, cando se xubilen os gandeiros que hoxe teñen 50 e pico anos, con gando imos quedar catro”. Propón seguir o exemplo de Escocia, “onde se fai un esforzo por dignificar o rural nos colexios, onde descentralizaron as universidades para levalas aos pobos e onde crearon unha especie de Erasmus agrario”, enumera.
Á xente nova hai que explicarlles as oportunidades que hai e dicirlles que existen fórmulas para ter calidade de vida no rural
“Aquí todo se leva para Santiago cando a Consellería de Medio Rural, por exemplo, tiña que estar no rural, pero no rural de verdade, non me vale Maceda, que está a media hora de Ourense, nin Ordes, que está a media hora de Santiago. Tiña que estar por exemplo aquí, para que os funcionarios tiveran que vivir aquí e ver os problemas que hai no rural”, di. Entre as medidas que propón están “fomentar as actividades agrogandeiras nos colexios e institutos e mobilizar a terra de verdade. Todas as parcelas abandonadas tiñan que ir por lei a un banco de terras e a quen se negara aplicarlle un imposto”, di. “Os estudos agrarios en Galicia están fatal” “No instituto de Viana, que para certas cousas funciona moi ben, cando son as charlas de orientación veñen militares e enxeñeiros de mil cousas, pero non vén un enxeñeiro agrario. Aquí nesta zona, que hai terreo abandonado e posibilidades para dedicarte a isto, non che traen un referente que te anime e che diga aposta por iso, que vas ter unha saída digna e boa”, propón. "A min sempre me gustou moito a historia e o orientador dicíame fai Historia e despois xa te dedicarás ao gando, pero eu dixen, non, eu vou estudar para isto e se teño tempo despois xa farei Historia. Eu tiña as cousas moi claras, senón o máis probable é que non acabara nisto, porque todos os elementos ao redor xogaban en contra”, asegura.
Ao instituto de Viana cando son as charlas de orientación veñen militares e enxeñeiros de todo tipo, pero ninguén te anima a adicarte á gandería
“Os estudos agrarios en Galicia están fatal”, di. "En Sergude só demos produción intensiva de leite e de mala maneira: o ciclo dura dous anos pero muxir muximos só unha vez e para inseminar fomos nunha ocasión cun papel ao lado dunha vaca e non lle puidemos nin meter a man, co tractor andivemos un par de veces nunha explanada chá, e así todo; moi mal. Non sei se hoxe melloraron, pero naquel momento era así. Ese tipo de estudos téñenche que servir para abrirche os ollos das distintas posibilidades que hai e se só se centran nun tipo de explotación intensiva de leite e te enfocan cara aí non ves máis aló", critica.
 

Programa das Quendas de Mondoñedo, que enxalzarán o Cabalo de Pura Raza Galega

Mondoñedo acollerá durante toda esta fin de semana As Quendas, unha das citas imprescindibles do calendario galego para os afeccionados ao mundo do cabalo. Celebraranse do venres 28 de abril ao luns 1 maio con especial protagonismo para o gando. As actividades ecuestres terán lugar domingo 30 e o luns 31. O domingo será o Certame Morfolóxico de Pura Raza Galega e o Concurso de Andadura de cabalo marchador galego, que se desernvolverán no recinto da granxa. O luns terá lugar a Feira de Gando e a Exposición de Razas Autóctonas, que se concentrarán na xornada festiva do 1 de maio no entorno do campo da feira.  Repartiranse importantes premios tanto entre as ganderías que participen cos seus animais na feira de gando e a exposición de razas autóctonas como entre os vencedores dos distintos concuros e probas ecuestres. Na alameda haberá mercado de produtos de alimentación e terá lugar a Festa da Empanada, con degustación tamén nos locais de hostalaría da vila de empanada de porco celta e poldro.  Colaboración da Deputación A Área de Medio Rural da Deputación Provincial de Lugo colabora coa asociación organizadora das Quendas de Mondoñedo, Asociacion As San Lucas, para que se poidan levar a cabo as actividades ligadas á gandería. A deputada Mónica Freire felicitou á organización por seguir impulsando unha feira que mantén viva a tradición gandeira do concello e da Mariña interior e pon en valor o traballo dos criadores e criadoras de gando cabalar, "fundamental na conservación do territorio” e valorou tamén “o protagonismo das razas autóctonas e dos certames de Pura Raza Galega, que espertan un grande interese en todos os lugares en que se veñen celebrando da man de Puraga”.

PROGRAMA COMPLETO:

A Deputacion de Ourense abre o prazo para adquirir razas autóctonas por parte dos gandeiros

O Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), dependente da Deputación de Ourense, abre o prazo para adquirir os seus animais de razas autóctonas en perigo de extinción (galiña de Mos, porco celta, ovella e cabra galega) logo de aprobar as bases que regulan a venda destes exemplares na Comisión Executiva deste organismo, o pasado 15 de febreiro, e de ser publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia.

Galiña de Mos

O prezo por unidade dos polos dun día de raza “galiña de Mos” é de 1 euro. Para elo, os interesados deberán ter rexistro de gandaría (REGA). 

Ovella e  cabra galega

No caso da ovella e da cabra galega o seu prezo será de 60 euros por animal para as femias maiores de seis meses inscritas no libro xenealóxico, e de 40 euros para as ovellas menores de seis meses e de 45 euros para as cabras de menos de seis meses. Os solicitantes deberán estar en posesión do código de explotación ovino/caprino. Ademais, no momento da entrega deberán acreditar que teñen un carneiro (no caso da ovella galega) ou que teñen algún animal inscrito no libro xenealóxico de dita raza (no caso da cabra galega). Así mesmo, comprométense a non sacrificalos no prazo dun ano e as cordeiras e as cabritas deberán cruzarse, exclusivamente, con machos inscritos no libro xenealóxico.

Porco celta

A venda de porco celta será de lotes máximos por solicitante e ano de porcas xestantes ou porcas de recría 4 unidades, e de verróns, 1 unidade. Os prezos serán os de mercado e tomaranse como base os publicados na prensa provincial e autonómica cada semana. Os solicitantes deberán estar en posesión do código de explotación porcina, estar dado de alta nunha agrupación de defensa sanitaria, no caso de solicitantes de porcas de recría deberán acreditar que teñen algún animal inscrito no libro xenealóxico da dita raza, e terán prioridade os gandeiros que teñan na súa explotación porcos inscritos no libro xenealóxico de raza porco celta. Ademais, os solicitantes comprométense a que as porcas preñadas de recría e verróns inscritos no libro xenealóxico, a non sacrificalas no prazo dun ano, así como a cruzar as porcas exclusivamente con machos inscritos neste libro.

Solicitudes

Os interesados en adquirir ditos animais poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o 31 de decembro de 2023. Os animais irán entregándose, no caso de cumprir con todos os requisitos esixidos en ditas bases, en rigorosa orde de rexistro, revisándose as listas os días 1 e 15 de cada mes. En todos os casos, o transporte de ditos animais corre por conta do gandeiro. Para máis información poden consultarse as bases publicadas hoxe no BOP

Feira de Razas Autóctonas este sábado no concello lugués do Valadouro

O Valadouro dedicará febreiro á promoción das razas autóctonas e á posta en valor da gandeiría co “Mes Gandeiro”, unha iniciativa que conta co apoio de Medio Rural da Deputacion de Lugo. Velaquí o programa:

4 de febreiro:

IV Feira de Razas Autóctonas, con exhibición e venda de exemplares de Pura Raza Galega, Porco Celta, Cabra Galega, Rubia Galega, Morenas Noroeste, Burro Fariñeiro, Galiña de Mos e Pita Piñeira. 10.00 h. Apertura do recinto ao público 11.30 h. Concurso Morfolóxico Oficial de Cabalo Pura Raza Galega. Pasarrúas a cargo da Asociación Cultural Amado Lar 13.30 Demostración de doma de alta escola co traballa a pe a terra a cargo da asociación Pura Raza Cabalo Galego 19.00 h. Entrega de premios na carpa de exhibicións. A organización repartir máis de 5000 euros entre as gandeirías con mellores lotes e exemplares nas distintas categorías.

11 de febreiro:

Conferencias Agrogandeiras, no Salón de Actos da Casa da Cultura, con conferencias en xornada de mañá e tarde. 10.30 h. “A explotación gandeira complexa adaptada ás dificultades das terras de montaña”. Alejandro Salvatierra “Sistemas extensivos de produción de carne” (MVMC Espiñarcao). Lidia Díaz Otero “Produción de carne coa Raza Rubia Galega”. Santiago Crecente 12.00 h. “A dificil convivencia co lobo. Que sabemos de certo?” Joan Alibés 17.00 h. “O Porco Celta. Raza 100% autóctona”. Iván Rodríguez Paz. “GO Forescelta: Innovación na xestión silvopastoril”. Roberto Besteiro. 18.30 h. “O legado de Juan Rof Codina”. Diego Conde. Ese mesmo día, no Camiño da Granda, en Ferreira celebrarase, da man de Puraga, un concurso de Andadura Galega, con probas desde as 11 da mañá, e 2080 euros en premios. Durante a fin de semana celebrarase unha Ruta de Tapas con carne de razas autóctonas nos establecementos hosteleiros do concello.

18 de febreiro:

Feira de Gando. Ademais da actividade comercial, a organización repartirá 1.000 euros en premios entre as gandeirías participantes.

Apoio da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo

A deputada Mónica Freire e o tenente alcalde do Valadouro, Eduardo Chao, acordaron a colaboración que encherá de actividade o concello durante as próximas tres fins de semana e que reforza a feira de razas autóctonas que se viña celebrando nos últimos anos. A responsábel provincial sinalou “que a extensión a todo o mes das actividades reflicte o esforzo que desde a área de Medio Rural do Valadouro está a facer por potenciar o sector primario, e especialmente a actividade gandeira, poñendo en valor a longa tradición da cría de cabalos e gando vacún, sobre todo nas parroquias situadas ao pé da Serra do Xistral”. E destacou que “se trata dunha aposta aliñada coas iniciativas que vimos desenvolvendo desde a Deputación, con programas e colaboracións que inciden na promoción da gandeiría extensiva e das razas autóctonas para dinamizar económica e socialmente o rural e conservar o territorio” Mónica Freire destacou a introdución no programa dunha xornada dedicada á formación e ao intercambio de experiencias coa participación de gandeiros, entidades de aconsellamento e persoas investigadoras, onde gandeiros da zona de montaña relatarán en primeira persoa a súa experiencia no manexo e crianza de gando.

Os criadores de razas autóctonas galegas disporán de case 3 millóns de euros de axudas da Xunta ata o 2025

O Consello da Xunta autorizará mañá xoves a sinatura dun total de seis convenios entre a Consellería do Medio Rural e outras tantas entidades e asociacións de criadores de razas autóctonas gandeiras de Galicia por importe global de 2.994.000 euros ata o 2025. O obxecto destes acordos é apoiar as actividades que realizan estes colectivos a prol da recuperación, conservación e fomento das razas. En concreto, autorízase á Consellería do Medio Rural a asinar un convenio co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), cunha achega por parte do Goberno galego de 220.000 euros, para continuar coa execución de actividades de conservación dos recursos zooxenéticos autóctonos das razas ovella galega, cabra galega e porco celta. O segundo acordo establecerase coa Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), cunha dotación de máis de 1,2 millóns de euros, para a conservación, desenvolvemento e utilización sostible dos recursos zooxenéticos das razas e dos seus produtos derivados, fomentando o seu uso comercial como elemento clave para a súa conservación. Neste caso as razas amparadas son as bovinas autóctonas galegas en perigo de extinción (limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa), así como a ovella galega, a cabra galega e a galiña de Mos. Un terceiro convenio asinarase coa Asociación Nacional de Criadores da Raza Rubia Galega (Acruga) para impulsar o programa de consolidación e diversificación desta raza, cunha achega da Consellería de 600.000 euros. Outro acordo subscribirase coa Asociación de Criadores de Raza Porco Celta (Asoporcel) por importe de 513.000 euros, para financiar actividades de recuperación, conservación e fomento desta raza porcina. Por último, en relación co cabalo de pura raza galego, asinaranse dous convenios. Un deles coa asociación de criadores, por valor de 243.000 euros e outro coa Asociación Pura Raza Cabalo Galego, por importe doutros 174.000 euros. No primeiro caso, a finalidade do convenio é a conservación, desenvolvemento e utilización sustentable dos recursos zooxenéticos da raza. No segundo, financiaranse actuacións destinadas á posta en valor das aptitudes da raza en actividades deportivas, de exposición e de ocio. Todos estes convenios están cofinanciados co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Como complemento a estas actuacións, a Xunta habilita cada ano, dentro das achegas da PAC, axudas para os titulares das explotacións que traballan coas razas autóctonas en perigo de extinción e que supuxeron un esforzo orzamentario de 1,2 millóns de euros no ano 2022. Ademais, achéganse dende Medio Rural fondos para o fomento das razas, máis especificamente para a creación ou mantemento de libros xenealóxicos ou do programa de mellora oficialmente recoñecido de cada raza. Son 220.000 euros anuais destinados ás organizacións ou asociacións de criadores recoñecidas pola comunidade autónoma.

Gañadores dos certames de gando de razas autóctonas na Semana Verde

A feira Semana Verde, que se celebra ata o domingo en Silleda, xa resolveu os resultados dos 10 concursos morfolóxicos das razas autóctonas que acolleu, coa organización da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e da Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel). En canto aos concursos das razas bovinas, participaron 28 exemplares de 10 ganderías en cinco concursos morfolóxicos. No IX da Raza Cachena o primeiro posto foi para Solfa, de Gandería Tras do Río, de Ortigueira (A Coruña), o segundo para Soralia, de Gonzalo Seoane, de Vilalba (Lugo) e o terceiro para Paprika, de Jordi Ánguez, de Triacastela (Lugo). No VIII da Vianesa o primeiro posto foi para Vitureira, o segundo para Vaselina e o terceiro para Deva, todos exemplares pertencentes a Gandería Martelo, de Outes (A Coruña). Primeiro premio en raza cachena. En canto ao VII de Caldelá, gañou Colosa, de Juan Manuel Lage, de Maceda (Ourense), sendo o segundo posto para Cebada, de Alejandro Salvatierra, da Pontenova (Lugo) e o terceiro para Cantina, tamén de Juan Manuel Lage. No VI Concurso Morfolóxico da Limiá, a campioa foi Rubia, a subcampioa Larxa e a terceira Lágrima, todas elas propiedade de Jesús Pardal, de Rois (A Coruña). Xa no IV da Frieiresa o pódium estivo composto por Fábula, Festa e Freba, as tres de Gandería Armental, de Begonte (Lugo). Primeiro premio en raza limiá. En canto á Galiña de Mos, tivo lugar o 13º Campionato Galego, no que participaron 20 criadores. Na súa sección por lotes, o gañador foi un exemplar de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo), seguido dun de Sandra López, de Láncara (Lugo) e doutro de José Luis Freire, de Pol (Lugo). De forma individual, con 43 animais participantes, en galos venceu un exemplar de Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra), sendo o segundo posto para José Luis Freire, de Pol (Lugo) e o terceiro para Mª Carmen Fernández, de Betanzos (A Coruña). En galiñas, o podium foi, de primeira a terceira, para exemplares de Luís Fernández (Riotorto), Alejandro Collazo, de Mos (Pontevedra) e Óscar Rodríguez, tamén de Mos As razas Ovella Galega e Cabra Galega celebraron a segunda edición da súa competición. En canto ao da Ovella Galega, no que participaron 23 reprodutores, na sección de machos gañou unha exemplar propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo). O segundo posto foi para un macho de Francisco Manuel Penabad, de Ortigueira (A Coruña) e o terceiro para un de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). En femias o primeiro e terceiro posto foron para un animal de Xoán González, de Vilariño de Conso (Ourense) e o segundo para un de Luís Fernández, de Riotorto (Lugo). Respecto ao de Cabra Galega, ao que concorreron 11 animais, os premios repartíronse entre dúas exemplares propiedade de Ovidio Rojo, de Monterroso (Lugo), que conseguiron os primeiros postos tanto en machos como en femias, dúas de Jaime Fernández. de Cerdido (A Coruña), que quedaron segundo en machos e terceiro en femias, un macho de María Teresa Fernández, de Santiago de Compostela (A Coruña) que quedou en terceiro posto e unha femia de Dolores García, de Toques (A Coruña), que quedou en segundo posto. Porco Celta En canto ao IV Concurso Morfolóxico do Porco Celta, organizado por Asoporcel, contou coa participación de máis de 50 exemplares pertencentes a 27 ganderías. Na categoría de machos venceu un animal de César Roo, de Vilagarcía (Pontevedra), seguido dunha exemplar propiedade de Sonia Ponte, de Negreira (A Coruña) e outro de Granxas de Lousada, de Irixioa (A Coruña). En femias a gañadora foi unha porca de Saúl Rouco, de Vilalba (Lugo), seguido dun animal de Fernando Calviño, de Vila de Cruces (Pontevedra) e outro de Magdalena Caride, de Vilamarín (Ourense). En canto a recría, o vencedor foi un exemplar de Isabel González, de Maside (Ourense), ao que seguiu un de Laura Sánchez, de Oza-Cesuras (A Coruña) e doutro pertencente a Ramón Vázquez, de Monforte (Lugo). O Porco Celta celebrará tamén o domingo o seu III Concurso de Manexo, o cal consiste en dirixir un exemplar por un determinado percorrido no menor tempo posible, podendo tocalo pero sen golpealo.

Máis de trinta exposicións, concursos e presentacións para coñecer as razas gandeiras autóctonas en Abanca Semana Verde

A 44ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebra entre o 2 e o 5 de xuño, contará na súa área gandeira con multitude de propostas para coñecer as razas autóctonas galegas. En canto ás autóctonas de Galicia en perigo de extinción, estarán presentes de man da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel), Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga) e Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Destacarán as súas exposicións e concursos morfolóxicos. Así, en canto a estes últimos, terán lugar o segundo Concurso da Ovella e Cabra Galegas, o 4º do Porco Celta, o 7º Campionato Galego da Galiña de Mos, que inclúe o 13º Concurso Monográfico e a 9ª Exposición e Concurso por lotes, e tamén unha nova edición do Concurso Morfolóxico Oficial Cabalo Pura Raza Galega de Puraga. Das bovinas celebraranse o 9º Concurso Morfolóxico da Raza Cachena, o 8º da Vianesa, 7º da Caldelá, 6º da Limiá e o 4º da Frieiresa. Ademais, de Galiña de Mos haberá un mercado de aves vivas con varios produtores de Avimós. Estas razas en perigo de extinción tamén protagonizarán outras actividades, como o III Concurso Nacional de Manexo da Raza Porco Celta e as organizadas pola Asociación Pura Raza Cabalo Galego. Estas serán as presentacións “O cabalo de pura raza galega, doma e morfoloxía. a nosa raza”, en colaboración co programa FEADER, Xunta de Galicia e Ministerio de Agricultura, e tamén o taller sobre “Coidado e ferraxe do pé do cabalo”. Por outra banda, a feira Abanca Semana Verde contará nesta edición con outras razas autóctonas, como a Galiña Piñeira, o Can de Palleiro e a Rubia Galega. Desta última haberá unha ampla exposición organizada pola Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de Raza Loura Galega (Acruga), composta por 35 animais entre os que se mostrarán vacas, becerros e sementais. Aínda que as razas autóctonas serán as protagonistas, tamén formarán parte desta área outras razas. Así, poderán verse algunhas avícolas, como a galiña Sussex, a Franciscana, a Isazul ou o pito de Pescozo Pelado, ademais de catro impresionantes parellas de bois das razas Minhota e Barroça e tanto un boi como cinco becerros de Maronesa,

Salimat Abanca

As razas autóctonas galegas tamén estarán presentes no 25º Salón de Alimentación do Atlántico. Participarán 15 produtores das razas en perigo de extinción baixo as marcas comerciais “Gandería Balín”, “Cachenas de Pantón”, “Cachenas de San Breixo”, “ Gandaría e Carnicería Lage”, “Gandería Tras do Río”, “Granxa Castro de Madrosende”, “Aves do Concello”, Montes de Boado” “Granxa Aeiroá”, “Granxa Pitagudín”, “Granxa A Ciruxana”, “O Agro-Roberto Louzán”, “Cooperativa Tres Fuciños”, “Embutidos Hermelino”, “Cárnicas Domínguez”, “ CienporCel” e “ Churras da Caneira”, que presentará ou seu novo Caldo de Galo da raza Galiña de Mos, elaborado con carnes da raza e grelos, entre outros ingredientes. Así mesmo, estarán con stand Asoporcel e Boaga, participando ademais co restaurante “Tapirazas”, onde cada día se poderá degustar un menú diferente a base da maioría destas razas. “Tosta de focaccia con chacina de raza Cachena e crema de queixo San Simón da Costa”, “Goulash das razas Cachena, Caldelá e Limiá con castañas”, “Cabrito de raza Cabra Galega asado ao forno en dous coccións con patacas ao romeu”, “Bao de churrasco de raza Porco Celta con emulsión de chimichurri” ou “Galo de raza Galiña de Mos estofado a baixa temperatura” serán soamente algunhas das súas propostas, elaboradas polo cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do Restaurante AUTGA-Autóctonas.

O Inorde abre o prazo para adquirir razas autóctonas por parte dos gandeiros

O Inorde abre o prazo para adquirir os seus animais de razas autóctonas en perigo de extinción (galiña de Mos, porco celta, ovella e cabra galega) logo de aprobar as bases que regulan a venda destes exemplares na Comisión Executiva deste organismo, o pasado 11 de marzo, e de ser publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia. Galiña de Mos O prezo por unidade dos polos dun día de raza “galiña de Mos” é de 1 euro. Para elo, os interesados deberán ter rexistro de gandaría (REGA).  Ovella e  cabra galega No caso da ovella e da cabra galega o seu prezo será de 60 euros por animal para as femias maiores de seis meses inscritas no libro xenealóxico, e de 40 euros para as ovellas menores de seis meses e de 45 euros para as cabras de menos de seis meses. Os solicitantes deberán estar en posesión do código de explotación ovino/caprino. Ademais, no momento da entrega deberán acreditar que teñen un carneiro (no caso da ovella galega) ou castrón (no caso da cabra galega) de dita raza ou cursada a correspondente solicitude deste animal. Así mesmo, comprométense a non sacrificalos no prazo dun ano e as cordeiras e as cabritas deberán cruzarse, exclusivamente, con machos inscritos no libro xenealóxico. Porco celta A venda de porco celta será de lotes máximos por solicitante e ano de porcas xestantes ou porcas de recría 4 unidades, e de verrons, 1 unidade. Os prezos serán os de mercado e tomaranse como base os publicados na prensa provincial e autonómica cada semana. Os solicitantes deberán estar en posesión do código de explotación porcina, estar dado de alta nunha agrupación de defensa sanitaria, no caso de solicitantes de porcas de recría deberán acreditar que dispoñen dun verrón de raza de porco celta, e terán prioridade os gandeiros que teñan na súa explotación porcos inscritos no libro xenealóxico de raza porco celta. Ademais, os solicitantes comprométense a que as porcas preñadas de recría e verróns inscritos no libro xenealóxico, a non sacrificalas no prazo dun ano, así como a cruzar as porcas exclusivamente con machos inscritos neste libro. Solicitudes Os interesados en adquirir ditos animais poderán presentar as súas solicitudes desde mañá ata o 31 de decembro de 2022. Os animais irán entregándose, no caso de cumprir con todos os requisitos esixidos en ditas bases, en rigorosa orde de rexistro, revisándose as listas os días 1 e 15 de cada mes. En todos os casos, o transporte de ditos animais corre por conta do gandeiro. Para máis información poden consultarse as bases publicadas hoxe no BOP: https://bop.depourense.es/portal/descargarPdf.do?numBoletin=72&fecha=20220329

Axudas para o fomento de razas autóctonas galegas

A Consellería de Medio Rural convoca unha liña de axudas cun orzamento de 200.000 euros para o fomento de razas autóctonas galegas. Ten como finalidade aumentar a rendibilidade da gandería galega e modernizar o sector en materia de xenética, sanidade e produción animal. Tamén busca unha mellora da eficiencia dos sistemas produtivos agrarios e das calidades neste tipo de producións, onde encaixa a optimización destas especies como recurso xenético potencial.

Os beneficiarios potenciais destas axudas son todas aquelas organizacións ou asociacións de criadores das razas autóctonas galegas que estean oficialmente recoñecidas para a xestión do libro xenealóxico das razas autóctonas españolas pola comunidade autónoma galega. As actuacións a subvencionar son a creación ou mantemento de libros xenealóxicos, incluíndo os gastos derivados da súa actividade, os do local ou oficinas, a actualización, adquisición e mantemento de ordenadores e material informático, así como a contratación e gastos de persoal técnico e administrativo.

Tamén serán subvencionables os gastos que se deriven do desenvolvemento do programa de mellora oficialmente recoñecido para a raza, no que se recollerán as actividades destinadas á conservación in situ da mesma, así como a creación e mantemento de bancos de xermoplasma en centros autorizados oficialmente e as probas destinadas a determinar a calidade xenética ou o rendemento do gando.

Tal como se establece na convocatoria, o prazo para solicitar estas achegas é dun mes, contado a partir de mañá, e deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Amanei SC, aposta pola raza vianesa na montaña de Lugo

Amaro López, co seu gando de raza vianesa en Córneas (Baleira) O gando e o monte forman parte da vida de Amaro López. Ten unha empresa de desbroce e traballos forestais e mantén unha explotación con 50 reprodutoras de raza vianesa. Compatibilizar as dúas actividades require buscar facilidade de manexo. Foi o que o levou a cambiar as vacas de raza rubia galega, parda e asturiana por animais máis autónomos e que precisasen menos atencións. "Eu o que peco é de tempo, porque a maiores teño tractores para desbroce de monte. Din nas vianesas por problemas de partos que tiña co gando das outras razas, e para non ter que metelas e sacalas da corte, porque esta é unha zona de difícil orografía", explica.
Quedei coa vianesa porque a cachena dá menos produción, pero a caldelá gústame tamén moito
Decantouse pola raza vianesa e foi o primeiro que as trouxo para a montaña de Lugo. "Cambiei no 2006, comecei con 7 que fun buscar a Vilardevós e logo seguín comprando e recriando das miñas. En pouco tempo montei a cabana actual, que está formada por 50 nais", conta. Tres lotes de animais Amaro, movendo un dos tres lotes nos que ten dividido o gando para cambialo de parcela O gando está dividido en tres lotes para facer máis doado o seu manexo. "Teño tres grupos distintos de animais para non ter que rotar tanto nas fincas e no inverno ter os puntos de comida con menos animais", explica Amaro. "Ademais, se as tes todas xuntas e hai un problema, é máis difícil de ver e para mover o rabaño xunto é máis complicado, o ideal é en grupos de 14 ou 15 animais", argumenta.
Mover o rabaño xunto é máis complicado e se hai un problema é máis difícil de ver
"Móvoas pola estrada, cunha persoa diante e outra detrás simplemente polos coches, porque elas síguenme a min. O manexo agora é doado, pero ao comezo cometín erros, porque ao ser o primeiro e o único que as tiña nesta zona non tiña de onde copiar. Estas vacas hai que tratalas con moito cariño, coma todas, pero estas quizais máis porque teñen un instinto máis nervioso", considera. 36 hectáreas de superficie "Aténdoas eu só e por manexo podería ter máis gando, pero non teño máis por problemas de superficie, porque non vexo viable alugar fincas", asegura Amaro. A gandería dispón de 36 hectáreas de pradeiras, algunhas delas pastizais feitos no monte, e declara 4 hectáreas de pasto arbustivo. A superficie está conformada por 15 parcelas de diferentes tamaños. "Teño 12 hectáreas xuntas no alto do monte e 16 noutra finca, pero despois tamén hai parcelas pequenas", detalla.
Teño varios puntos onde darlles de comer no inverno para non desfacer os prados e quero poñer auga en todas as fincas
No inverno, de novembro a marzo, o gando está nunhas zonas de comedeiros alimentadas con silo de herba e palla. "Se as tes nos prados destrózanchos e logo tardan máis en dar na primavera", argumenta Amaro. Renova as pradeiras menos pendentes cada 5 ou 6 anos para incrementar a súa produción e a calidade do pasto. "Roturo, encalo e fago a sementeira con mestura de raigrás inglés, raigrás italiano e trevo. Nas zonas máis duras boto algo de festuca, que aguanta ben a seca, pero datilo aquí non fai falla botar", explica.
No inverno precisa de tres rolos de silo e unha paca de palla á semana
Para favorecer o rebrote da herba abona con purín todos os anos e encala cada dous, ademáis de empregar abono de síntese en grao nalgunhas parcelas. Na primavera, cando ten excedente de herba, fai rolos de silo, entre 200 e 250 ao ano. "Herba seca non fago, porque dá traballo e porque facer unha herba seca de boa calidade é difícil. Merco palla de cebada de Castela, porque é difícil atopar palla boa de avea seca. A que vén sen mallar, co grao, semiseca, é moi boa, pero vaise de prezo", detalla. 5 cabalos para domesticar o monte Os cabalos son de pura raza galega Co paso dos anos nesta zona da montaña deixouse de botar cereal e fixéronse pradeiras. Amaro mesmo roturou zonas de monte para facer prados. "Agora están en boas condicións, pero antes era monte pecho e moitas veces nesas zonas aínda se dá de todo menos herba", admite. O proceso para transformar as toxeiras en pradeiras comeza cun desbroce mecánico e a introdución posterior de cabalos para en último termo meter as vacas a pacer. "Agora que xa está domesticado invirto a orde, primeiro meto as vacas e despois os cabalos para que coman os brotes do toxo pero ás veces aínda hai que axudar algo con desbroce mecánico ao final", explica.
Teño prados que antes era monte pecho
Os cabalos son de pura raza galega e o seu manexo é doado. "Os cabalos si que non me dan traballo ningún, chámoos co pitido do coche e xa case se cambian sós de finca", asegura Amaro. Na zona comeza a haber algo de lobo e, de feito, o ano pasado levoulle unha poldra. "Outros anos tamén tiven problemas coas vacas, un ano matoume catro becerros e outro ano dous", conta. Un pequeno cebadeiro para os xatos Despois de mamar uns seis ou sete meses nas nais, os becerros son rematados con palla e penso Amaro incorporouse no ano 1996 á gandería familiar dos seus pais e no 2001 montou un pequeno cebadeiro onde agora só ceba os seus xatos. Foi a orixe da actual explotación e de onde toma o seu nome: Ganados Amanei SC. "Cando collín a explotación no 96 pasei de 6 vacas que había a 15 que me esixían para a incorporación. O meu pai dicíame que estaba tolo, que onde as ía manter, porque antes non había medios para facer as cousas como se fan hoxe e nesta zona as terras dedicábanse máis a sementar centeo e as vacas pacían algo de herba pola mañá e pola tarde levábanse á carqueixa ao monte. Despois no inverno mantíñanas con cereal dentro da casa", lembra.
Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos
A finalización dos becerros fana na actualidade con palla e con penso. "Non programo os partos, pero a maioría danse en primavera. Os xatos están mamando 6 ou 7 meses, até setembro máis ou menos, e logo encuádroos e téñoos até que alcanzan certo grao de engraxamento e acadan un nivel óptimo de rematado para iren saíndo ao mercado", explica. Os machos acadan os 240 ou 250 quilos canal e as femias están entre os 200 e os 220 quilos. "A partir diso as xatas xa engraxan de máis", asegura. Comercializa directamente a restaurantes e particulares Amaro non sacrifica por idade, senón por nivel de engraxamento, os machos con 240 quilos e as femias con 200 Ten un sistema de comercialización propio, no que sacrifica e distribúe directamente a carne, tanto a restaurantes como a particulares. "Mato sempre en Castro, transporto os animais eu directamente", conta. Subministra a tres restaurantes da zona: Mesón Catro Ventos, da Fonsagrada; Restaurante Moneda, do Cádavo; e Casa Cazoleiro, de Meira. "Había máis interesados en comprarme pero non me comprometín con eles por non ter dabondo abastecemento", explica.
Á hora de sacrificar Amaro prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico
A relación de Amaro cos seus clientes baséase na confianza xa que el prima a calidade da carne sobre o rendemento cárnico. "Normalmente non miro nin a idade nin o peso, dame igual matar aos 12 ou aos 16 meses se o animal está ben para sacrificar", di. Vende tamén a particulares, cos que supliu en parte a caída da demanda da hostalaría por mor das restricións nos momentos máis duros da pandemia sanitaria do coronavirus. "Aos particulares tes que levarlle as canais despezadas e dame máis traballo", admite. Nos últimos dous anos foi moito traballo para pouco proveito, di, porque o prezo da carne reduciuse e o do penso aumentou de xeito notable. "Ao ter un sistema de comercialización propio dependente en grande medida dos restaurantes, a min esta circunstancia do coronavirus afectoume moito", asegura. Animais moi lonxevos Amaro vende tamén moito para vida, tanto recría coma vacas. Catro ou 5 femias recríaas para el todos os anos e outra ducia e media véndeas para outras explotacións. Os animais de raza vianesa criados deste xeito, en extensivo, duran moito, polo que as necesidades de reemprazo propias non son moitas. "O ano pasado mandei dúas vacas con 22 anos, unha que non empreñaba e outra con problemas por ter os tetos moi grandes, pero teño aínda varias con 18 anos", detalla.
Os problemas de partos desapareceron ao pasarme á raza vianesa. Teño tres touros, un en cada lote e empreñan e paren soas
Con cada lote de vacas nodrizas ten un touro, sempre o mesmo por grupo, sen mesturalos. "Até o terceiro ou cuarto partos déixoos sempre, logo cámbioos", explica. O veterinario só pisa a explotación para facer as receitas para os produtos desparasitantes e pouco máis. "Aquí non hai nin diarreas nin enfermidades respiratorias e ao pasarme á raza vianesa os problemas de partos que había antes desapareceron", asegura.

13 quilómetros de peches moi coidados

Hai dous anos a empresa de pastores eléctricos Ion premiouno pola calidade dos seus cercados Manter un bo sistema de peche electrificado e en condicións óptimas é unha das claves para o funcionamento dunha explotación como a de Amaro, que hai un par de anos foi premiado pola empresa galega de pastores eléctricos Ion pola calidade e coidado dos peches desta explotación. En total, as súas fincas suman 13 quilómetros de peche perimetral, nos que vai mesturando varilla de ferro e estacas de madeira, con dúas ou tres liñas de fío, dependendo da zona. "Non descarto ter que poñer 3 fíos en todo o perímetro exterior polo tema de que non entre o xabarín. Para o gando con 2 sería dabondo e desa forma ademais para limpar é máis doado porque non hai que estar tan enriba", razoa.
Para o gando con dous fíos de pastor sería dabondo, pero para que non entre o xabarín son necesarios tres
"Se tes os peches en boas condicións, fóra de momentos puntuais de máis traballo, cunha hora diaria tes atendido o gando", asegura. A tarefa de vixiar e limpar os peches é continua. "Moita xente vai pasear polo tema do colesterol, pois eu de paso levo algo na man e ademais de camiñar vou limpando", bromea.