Archives

“En tres semanas, podemos sacar só dos nosos prados arredor de 2.000 ratas toupa”

O problema da rata toupa leva afectando desde hai máis de tres anos ás zonas de montaña de Lugo, principalmente na contorna de Triacastela, Pedrafita do Cebreiro e Becerreá. É unha situación para a que polo de agora non se atoparon solucións eficaces. Este ano as consecuencias da praga da rata toupa agraváronse pola seca e os problemas derivados da subida dos prezos. A estes factores, os gandeiros afectados unen a ausencia de medidas eficaces por parte da Administración: “Vemos solucións ineficientes e a falta de compromiso das autoridades competentes con todo isto, o que compromete a viabilidade económica das nosas explotacións”, explica Jorge Rodríguez, gandeiro de Sabugos (Abadín). Outro dos afectados confirma a seriedade da situación: “Os que collemos o relevo xeracional nos últimos anos, como é o meu caso, estámonos vendo sen herba e lévanos a barallar o abandono da actividade”, critica David Rodríguez, gandeiro de Chan da Pena (Pedrafita do Cebreiro).

Unha situación preocupante agravada pola seca

David Rodríguez e Jorge Rodríguez relatan a súa experiencia de convivencia coa rata toupa. Ambos teñen unha gandería de vacún de carne en réxime semi extensivo, no caso de David en Pedrafita, e Jorge en Sabugos (Abadín). “Temos uns pastos cheos de capas brancas, en terra, o silo é de moi mala calidade e moi escaso debido a que todo o prado está canalizado por estes animais e a máquina, ao ensilar recolle moitas impurezas”, afirma David Rodríguez. “Non hai herba para recoller, todo se volve terra, e o que traes para a casa é de moi mala calidade aínda por riba, o que nos obriga a comprar forraxes noutras zonas porque aquí ninguén ten, e iso incrementa aínda máis os custes de produción”, critica Jorge Rodríguez. Segundo este gandeiro, levan xa case catro anos convivindo co problema, pero non se toman solucións eficientes. “Ademais, este ano todo isto viuse agravado polo aumento dos prezos de carburante, de abonos, de forraxes e de pensos, polo que está comprometendo a viabilidade económica da nosa actividade”, opina.
“Non hai herba para recoller, todo se volve terra, e o que traes para a casa é de moi mala calidade aínda por riba, o que nos obriga a comprar forraxes noutras zonas” (Jorge Rodríguez)
Danos en pradería ocasionados pola rata toupa As solucións adoptadas polo de agora demóstranse insuficientes. “Puxemos trampas segundo estableceron as autoridades competentes, pero eu son unha persoa que traballa soa, polo que teño demasiada carga de traballo como para andar supervisando cada unha das trampas a diario”, amplía David Rodríguez. No caso de Jorge, as trampas demostraron eficacia en capturar exemplares da rata toupa, pero é máis cuestionable que iso axude a controlar a praga, segundo o gandeiro: “Nun día podes sacar entre 40 e 50 exemplares das trampas; a miña muller e eu en 20 días igual sacamos sobre 2.000 rata toupas”, especifica Jorge Rodríguez. Pero alto grado de reprodución fai que o manexo destes animais se volve moi complicado: “na trampa poden caer machos, pero non serve de nada se queda preñada a femia porque o problema continúa expandíndose”, comenta.
“Nun día podes sacar entre 40 e 50 exemplares das trampas; a miña muller e eu en 20 días igual sacamos sobre 2.000 rata toupas” (Jorge Rodríguez)
Ademais, a situación este ano volveuse máis complexa. A escaseza de choivas e o aumento de temperaturas motivou unha seca que afectou gravemente á montaña. “Fai anos durante o inverno estábamos cubertos de neve durante 15 días, e sen embargo, este ano non nevou ningún día”, afirma Jorge Rodríguez. Ao respecto, David Rodríguez explica as complicacións derivadas desta falta de auga xa que “se non hai precipitacións, se non neva ou chove vese como secan as fontes, e nós non temos regadío”, explica David Rodríguez. Isto estaos obrigando “a ter que estar dándolles forraxe desde agosto cando antes de todo isto ata novembro ou decembro non lles dabamos nada”, avanza.

Medidas

A afección da seca e a proliferación da praga fan que “a herba non floreza e que teñamos que estar comprando forraxes e pensos, que tal e como están os prezos fan inviable seguir a este ritmo; eu por exemplo teño 27 anos e din o relevo xeracional á gandería familiar fai 5 anos buscando unha forma de vida na que asentarme no rural, pero así é imposible”, denuncia David Rodríguez.
“Eu buscaba unha forma de vida para asentarme no rural pero así é imposible” (David Rodríguez)
A pesar dos diversos intentos de frear a expansión da especie pola zona, as medidas de control propostas polas autoridades non resultan de todo efectivas, e mentres “os gandeiros da zona seguimos convivindo coa especie e tendo perdas o que nos leva a unha situación moi crítica; chegará a un punto que non poidamos facer nada”, sinala Jorge Rodríguez.
“Estamos nunha situación moi crítica e chegará a un punto que non poidamos facer nada” (Jorge Rodríguez)
Estes dous gandeiros reclaman que se continúe traballando na situación “buscando medidas paliativas máis eficaces”, afirma David Rodríguez. Así mesmo, piden “indemnizacións por danos aos gandeiros, mentres a especie siga dificultando a súa actividade”, reclama Jorge Rodríguez. No mesmo sentido, David Rodríguez insiste nestas demandas e deixa claro que “é convinte obter axudas que nos axuden a sobrelevar a situación porque se non é imposible”.

Unións Agrarias pide unha liña de axudas para as ganderías da montaña de Lugo afectadas pola praga da ratatoupa

Felix Porto xunto aos responsables das oficinas de UUAA de Becerreá e Sarria, Iván Raposo e Miguel Tomé O responsable de coordinación sectorial de UUAA, Félix Porto, xunto cos responsables das oficinas de Becerreá e Sarria, Iván Raposo e Miguel Tomé, presentaron este xoves en rolda de prensa a situación que están a vivir as explotacións de carne da montaña de Lugo, afectadas por problemas como o da ratatoupa, o da seca ou o da vaga de lumes deste verán.  UUAA considera ademais discriminatorias as axudas habilitadas para compensar ás explotacións de leite e de carne pola guerra de Ucraína, pois mentres unha explotación de leite de 40 vacas recibiu uns 200 euros por cabeza, unha de carne tivo que conformarse con 130 euros.  Impacto da seca  Nas zonas de montaña da provincia de Lugo o acopio de forraxe é imprescindible para pasar o inverno, pois pode durar até 5 meses, polo que a escaseza de alimento está a impactar na viabilidade das explotacións. "As ganderías están a tirar xa do silo que tiñan para o inverno", aseguraron. 
Das 70.000 hectáreas de millo forraxeiro que se plantan en Galicia, unhas 20.000 están na provincia de Lugo
Noutras zonas onde prima a produción de leite, como na de Sarria ou a de Chantada, a seca está a provocar unha menor colleita de millo. "No conxunto de Galicia calculamos unhas perdas de 30 millóns de euros pola merma na produción de millo para silo", calculou o responsable de coordinación de UUAA. "Os gandeiros de leite destas zonas van ter un problema de incremento de custos no próximo inverno", asegurou.  Praga da ratatoupa Pradeira afectada pola presenza de 'arvícola terrestris' na montaña de Lugo No que respecta á ratatoupa, Iván Raposo denunciou que "despois de máis de tres anos de espera" e tralos traballos realizados tanto por técnicos da Consellería como de Tragsa, a praga da ratatoupa "de momento non se reduce, senón que segue aumentando e os gandeiros levan case catro anos de perdas moi significativas tanto nos pastos coma nas forraxes, obtendo menor cantidade e de peor calidade". 
O impacto da praga da ratatoupa, que afecta principalmente á parte alta das comarcas de Ancares e Sarria, multiplicouse desde o ano 2019, según UUAA
"Xa vai sendo hora de que a Consellería tome cartas no asunto e habilite unhas axudas para a adquisición de forraxe por parte dos gandeiros afectados e, ao mesmo tempo de adoptar medidas, en función dos informes e estudos dos técnicos, para lograr reducir a poboación de roedores", demandou o responsable de UUAA na comarca dos Ancares. "Pedimos que no caso da ratatoupa se faga o mesmo que noutras comunidades veciñas, como Asturias, que tiña un problema similar e habilitou fondos para compensar as perdas dos gandeiros afectados", indicou. Miguel Tomé, da oficina de Sarria, calculou que nas zonas con presenza de arvícola terrestris estase a recoller un 40% menos de forraxe e, o que se recolle, leva moita terra e moitas pedras. Ao mesmo tempo, o estado das parcelas tampouco permite facer un pastoreo eficiente, polo que os animais demandan despois máis alimento. 
Os invernos fríos eran elementos fundamentais de control deste tipo de pragas
Entre as medidas que se poderían aplicar para axudar no control da praga estaría a renovación das pradeiras, polo que UUAA pide que as axudas contemplen tanto a compra de forraxe como a resementeira das fincas naqueles casos nos que sexa posible, en función da pendente e por tratarse de terreos pedregosos. Algunhas axudas da PAC están condicionadas precisamente á non renovación das pradeiras nestas zonas de pendente, polo que Unións Agrarias pide á Consellería que exima aos gandeiros afectados pola praga do cumprimento desta condicionalidade para evitar unha mingua a maiores no cobro da PAC.  Vaga de lumes Alén dos problemas xerados pola ratatoupa nas pradeiras e nos rabaños pola fauna salvaxe, tanto lobo como xabarín, amplas zonas da montaña de Lugo víronse afectadas este verán por incendios forestais. "As explotacións gandeiras son imprescindibles para o control do territorio e a loita contra o lume", destacou Miguel Tomé. 
Galicia acumula más de 40.000 hectáreas calcinadas, o 17% de todo o ardido no conxunto de España. Delas, 12.000 hectáreas están na provincia de Lugo 
"Na Teixeira, no Courel, onde hai 7 ou 8 explotacións en funcionamento había unha franxa verde preciosa ao redor das casas e aí non chegou o lume, porque para que as motobombas poidan chegar aos lumes os camiños teñen que estar abertos e para que os incendios non cheguen ás casas ten que haber prados", indicou. 

Control da rata toupa na montaña de Lugo: receitas para reducir o seu impacto

Triacastela, xunto con Pedrafita, foi dos primeiros concellos da montaña lucense no que se detectaron danos importantes nas pradeiras debido ó aumento das poboacións de rata toupa (Arvicola scherman). E foi tamén neste concello onde veñen de reunirse algúns dos expertos que están abordando a problemática. O obxectivo da xornada, organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, era incrementar o coñecemento sobre esta especie que está a causar estragos. O encontro congregou a representantes da Consellería de Medio Rural, da Universidade e do Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario de Asturias (Serida), que está a colaborar estreitamente coa administración galega para procurar solucións. Na xornada técnica participaron tamén expertos franceses que amosaron os seus coñecementos sobre a rata toupa, unha especie que levan estudando máis de 20 anos. Entre as conclusións do encontro tres conceptos claves: seguimento constante das poboacións, actuar cando haxa baixa densidade de poboacións e a implicación conxunta de todos os propietarios afectados. Aínda que non son solucións a curto prazo para atallar a praga, estas tres indicacións son parte da receita para manter a raia as poboacións de rata toupa, segundo coincidiron en sinalar os expertos. A experiencia en Francia amosa tamén que pasar por alto algún deles trae explosións de poboacións de rata toupa, como a que afecta dende hai dous anos á montaña lucense.
“A solución pasa por un tratamento integral da praga, non temos unha única solución e esta resposta debe efectuarse de xeito coordinado”: Aitor Somoano, investigador do Serida
"A solución pasa por un conxunto de medidas, é dicir un tratamento integral da praga, non temos unha única solución e esta resposta debe efectuarse de xeito coordinado con tódolos propietarios, de nada serve tratar o problema de xeito individual”, explica Aitor Somoano, investigador da área de Sanidade Animal do Serida.

O seguimento das poboacións

Realizar unha supervisión constante sobre todas as zonas afectadas é un dos factores determinantes para poder atallar a praga da rata toupa. Este seguimento, que os expertos recomendan realizar dúas veces ó ano, na primavera e no outono, permite coñecer a evolución da especie e definir as estratexias a seguir en cada momento. De feito, no país galo levan anos realizando este tipo de seguimento periódico nas rexións con presenza da rata toupa. Neste mesmo senso, dende o Serida están a levar a cabo un estudo das poboacións tanto en territorios de Asturias como agora na montaña lucense, logo de asinar un convenio coa Administración galega. Unha das liñas de actuación nas que están centrando os traballos é en coñecer como están estruturadas as poboacións para desenvolver solucións que axuden a mantelas baixo control e mesmo chegar a coñecer os factores que poden provocar que se orixine un incremento.
O seguimento das poboacións pode permitir predicir as explosións demográficas e resulta imprescindible para garantir a efectividade das medidas de control
“Sería de interese garantir que estas investigacións sobre o comportamento da rata toupa se manteñan no tempo para así ter un maior coñecemento sobre a especie que permita chegar a predicir en que momento se van a producir explosións demográficas e poder atallalas”, valora o experto, que está a colaborar na coordinación das accións desenvolvidas por Medio Rural en Galicia. Non son as únicas liñas de traballo que teñen na mesa do Serida sobre a rata toupa. Somoano tamén está a abordar a presenza de patóxenos e parasitos que poidan afectar á rata toupa, non só polo que condicione a súa supervivencia, senón polo risco que poidan supoñer para outras especies. Cómpre ter presente que os roedores son portadores potenciais de microorganismo que poden afectar ós humanos, así como ó gando e a outra fauna salvaxe. Toupeiras causadas pola rata toupa en pradeiras da montaña de Lugo. // Foto SGPF.

Cando actuar?

Outra das claves para atallar a praga da rata toupa pasa por escoller o momento axeitado para aplicar as medidas de control. Os estudos realizados durante máis de 20 anos polos franceses ratifican que é preciso actuar cando a especie se atopa en momentos con baixa densidade de poboación, xa que en plena explosión demográfica non hai solucións que consigan reducir a incidencia. O estudo realizado en Francia sobre o impacto dos depredadores no control das poboacións da rata toupa ratifica que nas explosións demográfica, aínda cunha presenza superior de depredadores non abonda para facer fronte á rata toupa. Así, se a principios de ano se contabiliza unha presenza de rata toupa de 77 exemplares por hectárea a finais de ano pode chegar a reducirse esa cifra ata os 66 animais, debido á incidencia dos depredadores. Porén, se ese número se eleva a 200 rata toupas por hectárea e aínda que se incrementen os depredadores, chegaranse a contabilizar uns 600 exemplares a finais de ano.
“Precisamos ese seguimento constante sobre as zonas afectadas. Non podemos pensar que en canto baixe a poboación xa desapareceu o problema”: Joan Alibés, presidente da SGPF
“Os expertos coincidiron en que é en momentos de baixa densidade de rata toupa cando debemos facer fincapé nas medidas de control para evitar unha explosión demográfica como a que estamos tendo agora en Lugo”, incide Joan Alibés, presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. De aí que tamén insista na necesidade de manter ese seguimento por parte da Administración para poder actuar de xeito efectivo contra a praga. “Precisamos ese seguimento constante sobre as zonas afectadas. Hai que ter clara a dinámica da poboación e xa que vai haber picos cada certo tempo precisamos coñecer en que momento é máis efectivo actuar e incrementar esforzos”, apunta Alibés. “Non podemos pensar que en canto baixe a poboación xa desapareceu o problema, como aconteceu no 2007”, recorda.

Medidas contra a praga

Tan importante como escoller o momento axeitado para aplicar medidas contra a praga é conseguir que a aplicación se leve a cabo dun xeito coordinado e coa implicación de tódolos axentes implicados, dende a Administración ata os gandeiros e produtores. “De nada serve actuar de xeito individual fronte á rata toupa, as actuacións dun gandeiro a nivel individual poden axudar a frear momentaneamente, pero sen unha resposta conxunta non haberá resultados. O gandeiro non pode estar só, precisa da coordinación de moitos axentes e a colaboración pública”, explica Patrick Giraudoux, un dos expertos franceses que asistiu á xornada e investigador da Universidade de Franco-Condado.
Os depredadores naturais son un dos mellores aliados para o control da rata toupa
Garantir a presenza de depredadores naturais como o raposo, o gato montés e o doméstico, a garduña, o teixugo ou as aves rapaces é fundamental para manter controlada a poboación da rata toupa, tal e como sinalaron os investigadores franceses. Na xornada tamén se apuntaron tanto factores que poden influír na explosión demográfica como algunhas das medidas que se están impulsando dende a Consellería de Medio Rural para tentar frear a praga, que afecta a unha superficie de 1.629 hectáreas repartidas en 2.995 parcelas dos concellos lucenses de Pedrafita, Folgoso do Courel, Triacastela, Samos, As Nogais e Cervantes. Neste senso, a redución do pastoreo apúntase como un dos posibles desencadeantes, posto que a presenza do gando contribúe a destruír as galerías da rata toupa e limita a súa presenza. Por iso, unha das medidas pasa por alongar as quendas de pastoreo e que este se prolongue durante todo o ano. Neste senso, Alibés advirte da importancia de contar con medidas que fomenten estas prácticas e que os gandeiros non saian prexudicados por este motivo na nova PAC.
Incrementar as quendas de pastoreo e recuperar a rotación de cultivos poden contribuír a manter baixo control a poboación de rata toupa
Xunto coa recuperación do pastoreo, a rotación de cultivos nas pradeiras tamén se presenta como unha opción para destruír as galerías. “Retomar o cultivo de cereais en rotación coas pradeiras pode traer beneficios coa rata toupa á par de ser unha alternativa para reducir a dependencia de concentrado das ganderías nun contexto de incrementos de prezos como o actual”, valora Alibés. Tendo tamén en conta os efectos do pastoreo, dende Medio Rural desenvolveron un rulo con pistóns, cun peso de 3.500 quilos e con tacos lisos e troncocónicos co que simular a presenza do gando vacún nas pradeiras e conseguir romper as galerías da rata toupa. Tamén levaron a cabo probas con trampas de caída, pero que non remataron con éxito. Rulo con pistóns para simular o efecto do gando pacendo na pradeira. // Foto. Medio Rural. Dende marzo deste ano, optaron por adquirir unhas 2.000 trampas tipo golpe, modelo Supercat, que cederon a case un cento de veciños dos municipios afectados para que poidan realizar o trampeo nas pradeiras. “Tamén temos de xeito permanente 4 técnicos de Tragsatec que lles proporcionan información sobre estas prácticas de trampeo ós veciños e contribúen no seguimento da evolución da praga así como no propio trampeo ó xestionar 250 trampas”, concreta Pablo Iglesias, xefe do Servizo de Explotacións de Lugo. Tamén están a estudar a aplicación doutras solucións fitosanitarias, como fosfuro de aluminio empregado en Asturias, pero para o que se require formación especializada polos riscos que pode supoñer durante a súa aplicación. Outra das materia activas que se valora empregar é o fosfuro de zinc, que se presenta como unha alternativa eficaz contra os roedores e que non se degradaría coa choiva, reducindo as posibles contaminacións.

Novas liñas de investigación

Pola súa banda, dende a Facultade de Veterinaria de Lugo están a traballar noutras alternativas para diminuír a presenza de rata toupa. En concreto, o equipo liderado polo investigador Pablo Sánchez propón botar man dos sinais químicos producidos polos depredadores da rata toupa, como pode ser o raposo ou as rapaces, para xerar unha situación de estrés no animal e limitar así a súa capacidade de reprodución. “Trátase de empregar as chamadas cairomonas, as feromonas que as rata toupas identifican cos seus depredadores e lle fan estar alerta ante o perigo que lle supón”, concreta Sánchez. Ademais, o emprego destas cairomonas non supón ningún risco, xa que son as propias secrecións dun depredador.
“A rata toupa ten un sistema vomeronasal máis desenvolvido que outros roedores, o que abre a posibilidade de empregar as cairomonas para axudar a regular esta especie”: Pablo Sánchez, investigador da USC
Para levar a cabo esta proposta, o equipo de Sánchez estivo a estudar en detalle a anatomía da rata toupa, en concreto o seu sistema vomeronasal, órgano encargado de identificar as feromonas, así como as conexións cerebrais deste. “Vimos que esta especie ten un sistema máis desenvolvido que outros roedores, o que abre a posibilidade de empregar as cairomonas para axudar a regular a poboación de rata toupa”, detalla o investigador. A investigación abre o camiño non só para empregar as cairomonas no control da rata toupa, senón para seguir traballando nestes métodos de control noutras pragas ou fauna salvaxe que supón problemas no agro, coma os xabarís. Á marxe destes traballos, dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes reclaman que tamén se inicien outras investigacións agrarias para aproximarse dende outros ámbitos e nos centros agrarios públicos a solucións que poidan funcionar e adaptar as prácticas ós coñecementos que se vaian manexando sobre a rata toupa.

Xornada técnica sobre os últimos avances no control da ratatoupa

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes organiza, en colaboración co Concello de Triacastela, a Universidade de Santiago de Compostela e o SERIDA, unha xornada técnica sobre a ratatoupa, unha praga que recentemente chegou a Galicia e que está a ocasionar importantes danos nas pradeiras da provincia de Lugo. A cita será o próximo sábado, día 6, no Hostal Lemos, en Triacastela. Para inscribirse é preciso enviar un email a sgpf.galicia@gmail.com ou chamar ao 628 713 263 Velaquí o programa:

Proxectan unha investigación sobre como reducir a reprodución da rata toupa

A praga da rata toupa, que afecta a concellos do interior de Lugo da contorna de Triacastela e Becerreá, continúa sen ter unha solución sinxela. A Consellería do Medio Rural sinala que segue a avaliar posibles medidas contra a especie, que está a causar danos en arredor de 1.600 hectáreas de prados e hortas. Entre tanto, para buscar solucións no medio prazo, anúnciase unha investigación sobre como reducir a reprodución da especie. O proxecto de investigación, segundo sinala a Consellería do Medio Rural, formalizarase a través dun convenio co Campus de Lugo (Universidade de Santiago), co Ministerio de Agricultura e cos gobernos das comunidades de Asturias e Cantabria. O obxectivo é buscar fórmulas que permitan controlar a poboación de exemplares de rata toupa. En concreto, investigarase como incidir na intensidade de reprodución desta especie. Mentres, na busca de solucións máis inmediatas, técnicos da empresa Tragsa iniciaron meses atrás un plan piloto de trampeo, por encargo da Xunta, pero a Administración autonómica, consultada ao respecto, sinala que aínda non tomou unha decisión sobre a posibilidade de estender o trampeo. A Consellería precisa que se están a avaliar posibles medidas, “sempre de acordo coa normativa vixente e respectando tanto a actividade gandeira como o medio natural”.

Unións pide medidas contra a praga da rata toupa, que afecta á montaña de Lugo

A praga da rata toupa, detectada en Galicia por primeira vez no 2019, na comarca de Triacastela, continúa sen estar baixo control. Unións Agrarias considera que hai un “abandono” da Consellería de Medio Ambiente na resolución do problema. “Pasaron máis de dous anos ata que puxeron en marcha un plan piloto de ensaio, sen ir máis alá, porque a fase de erradicación aínda está sen concretar”, cuestionan. A organización agraria considera que os ensaios para probar distintos métodos de control da praga chegan tarde. “Máis alá dos trampeos experimentais que está facendo persoal de Tragsa, non hai estratexia nin orzamento. Todo apunta a que a Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación de trampeos”, critica Unións. Outro punto de disconformidade está na falta de axudas para paliar os danos. Fronte a esa situación, Unións pon o exemplo de Asturias, que no 2017 habilitou axudas de 700 hectáreas nas pradeiras de sega e 380 euros nas de pastoreo para os gandeiros afectados por un andazo de rata toupa similar ó da montaña lucense. A expansión do problema preocupa tamén en Lugo, pois se no 2019 a praga afectaba á contorna de Triacastela e de Becerreá, na actualidade xa chegou ós municipios das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Samos, segundo indica a organización agraria, que cifra a superficie afectada nunhas 1.600 hectáreas.

Unións critica que a Xunta traslade aos gandeiros a responsabilidade de controlar a rata-toupa

Destrozos provocados pola rata-toupa O sindicato Unións Agrarias critica o que considera "inacción" por parte da Consellería de Medio Rural para frear a praga de ratas toupa nos concellos da montaña de Lugo. A organización agraria lamenta o desleixo da administración autonómica, "que ten deixado pasar case dous anos ata a posta en marcha da primeira actuación ao respecto: un plan piloto que non é máis ca un ensaio e que, de dar resultados, deberá ser asumido polos propios agricultores e gandeiros", lamenta UUAA. O sindicato considera "inaceptable" que en todo este tempo a Xunta de Galicia teña feito "ouvidos xordos" ás peticións de axuda dos afectados e que non se teña habilitado ningunha liña de axudas para paliar os cuantiosos danos" ocasionados pola praga.  “A posta en marcha de ensaios para probar distintos métodos para o control da praga que nos últimos días están a ser realizados por persoal de TRAGSA en distintas fincas da zona chega moi tarde e dá boa mostra do escaso compromiso da administración cara aos problemas que afectan ao noso medio rural”, afirma Unións Agrarias, que non entende que, a pesar das reiteradas peticións de axuda lanzadas pola organización, a Xunta de Galicia "teña adiado calquera medida ao respecto". 
A Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación dos trampeos, unha actuación que tería un custo económico engadido ao dos cuantiosos danos que estes animais levan meses provocando ante a pasividade do goberno galego
"Lamentamos que máis aló destes trampeos experimentais, o goberno galego non conte cun plan de acción integral nin orzamento destinado á erradicación desta praga de roedores na totalidade da superficie afectada. Pola contra, as informacións dispoñibles apuntan que a Consellería pensa deixar en mans dos afectados a instalación dos trampeos. Actuación que tería un custo económico engadido aos cuantiosos danos que estes animais levan meses provocando, ante a pasividade do goberno galego", engade. O exemplo de Asturias Neste sentido, UUAA lamenta que a Xunta de Galicia non teña tomado exemplo doutras comunidades autónomas da cornixa cantábrica como o Principado de Asturias; que no 2017 habilitou axudas de 700 euros por hectárea nas pradeiras de sega e 380 euros nas de pastoreo para os gandeiros afectados por un andazo similar ao que padece a montaña lucense. En marzo de 2019 agricultores e gandeiros da contorna de Becerreá e Triacastela daban a voz de alarma ante os destrozos que uns pequenos roedores estaban a causar nos prados da zona. Un problema que non deixou de medrar, e que se ten extendido aos municipios das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro e Samos. Máis de 1.600 hectáreas e 3.000 parcelas están afectadas, segundo os cálculos da propia Consellería.

Comeza un trampeo piloto contra a rata-toupa en pradeiras da montaña de Lugo

Semella que a Xunta se decidiu a actuar contra a praga da rata-toupa, que desde fai máis dun ano ten afectadas unhas 2.000 hectáreas de pradeiras de distintos concellos da montaña de Lugo. Nos últimos días, técnicos e persoal contratado pola Consellería do Medio Rural están a realizar probas con distintos métodos de control da poboación de roedores en parcelas concretas para avaliar os seus resultados. Segundo constatan os gandeiros das zonas onde se están a facer estes ensaios piloto, a efectividade do método empregado mediante a colocacion de trampas para a captura e eliminación das ratas nas súas propias galerías é alta, pero a dificultade para acabar coa invasión de individuos da especie Arvícola terrestris con este sistema radicaría na enorme extensión a tratar, dado que segundo os cálculos efectuados no mes de xaneiro pola propia Consellería a rata-toupa tería colonizadas máis de 1.600 hectáreas de terreo en case 3.000 parcelas pertencentes aos concellos de As Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.
Estase a ensaiar cun sistema de control mediante a colocación de trampas nas galerías, pero a enorme extensión a tratar fai que a erradicación da praga mediante este método leve moito tempo
Outro dos problemas deste método estaría no seu custo. Cada trampa custa uns 12 euros e o número idóneo a colocar por hectárea estaría entre 20 e 30 trampas, o que supón uns 300€ por hectárea, aínda que as trampas poden ser reutilizadas, cambiándose de finca a medida que se van trampeando as distintas parcelas afectadas. Sen axudas previstas Ao contrario do que acontece noutras comunidades da cornixa cantábrica onde tamén hai presenza de rata-toupa, en Galicia non hai aprobadas polo de agora axudas nin para paliar os danos ocasionados nas pradeiras e cultivos nin para subvencionar a adquisición dos equipos de trampeo por parte dos gandeiros afectados.
Ao contrario do que acontece noutras comunidades onde tamén hai presenza de rata-toupa, en Galicia non hai aprobadas axudas nin para paliar os danos ocasionados nin para subvencionar a adquisición dos equipos de trampeo
Até o de agora os técnicos desprazados pola Consellería están seleccionando fincas piloto onde se están realizando os trampeos experimentais, pero non está previsto que sexa a Administración a que se encargue de aplicar este método de control na totalidade da superficie afectada, senón que cada gandeiro tería que encargarse de trampear, pola súa conta, as súas pradeiras, o que requeriría tamén, ademais do mencionado custo económico, de traballo conxunto e concienciación por parte da totalidade dos gandeiros, xa que se uns trampean e outros non produciríase reinfectación dunhas parcelas a outras e non se resolvería o problema.
A Consellería non ten previsto tratar a totalidade da superficie afectada, senón que cada gandeiro tería que encargarse de trampear as súas propias fincas
A maiores do trampeo nas galerías, a Xunta ten previsto probar sobre o terreo outros métodos de control, como é o caso dun rulo especial, de orixe francés, dotado de púas e que se pasaría pola superficie das pradeiras infestadas perforando o terreo onde se aloxan e crían as ratas. O veleno non está permitido Exemplares de rata-toupa capturados O que está descartado por completo é a colocación de veleno, que non está permitido empregar polos riscos sobre o medio ambiente e sobre outras especies animais. "A Consellería do Medio Rural está avaliando as posibles medidas a adoptar para facer fronte aos danos causados pola rata-toupa, sempre de acordo coa normativa vixente. É preciso actuar coa máxima prudencia e cautela á hora de tomar as decisións oportunas, co fin de non danar a flora e a fauna nos concellos afectados da provincia de Lugo. Nesta liña, coa colaboración da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, estanse a analizar os diferentes métodos de control da poboación deste animal permitidos pola lexislación e compatibles coa actividade gandeira e co medio natural. O obxectivo é escoller a opción máis axeitada e efectiva, así como a menos invasiva co territorio, o ambiente e a fauna", detallan desde a Xunta, sen aclarar cal será a opción finalmente escollida. Á fronte destes ensaios piloto atópase un biólogo asturiano especialista en pequenos roedores, que foi contratado polo departamento que dirixe o conselleiro José González xunto a dous técnicos máis da empresa pública Tragsa que tamén están a traballar xa sobre o terreo. Promesas paralizadas polas eleccións Os problemas que ocasiona a presenza de Arvicola terrestris nas pradeiras foron comunicados á Xunta de Galicia fai máis dun ano polos gandeiros afectados, que sofren perda de produtividade nas súas pradeiras, contaminación do pasto, dificultades para a recollida e conservación da forraxe, danos na maquinaria e mesmo risco de que o gando contraia algunha enfermidade contaxiosa procedente dos roedores. Tralas denuncias públicas dos gandeiros, a Consellería avaliou a dimensión real do problema e mantivo xuntanzas in situ cos afectados nas que comprometeu un plan de actuación, mais as promesas caeron no esquecemento tralas eleccións do pasado mes de xullo.
A 'Arvicola terrestris' destaca pola súa grande capacidade reprodutiva e estase demostrando que salvo en lugares de alta montaña como os Pirineos, onde as nevaradas duran varios meses, non hai parada invernal
Agora retómanse os traballos para tratar de controlar e reducir unha praga que destaca pola súa grande capacidade reprodutiva. Cada parella de ratas desta especie é capaz de producir nun ano uns 170 novos individuos xuvenís, o que equivale a un crecemento exponencial da praga, se ben nos últimos meses non semella ter ido a máis, segundo os testemuños dos propios gandeiros.

Gandeiros afectados tamén polo incremento de ataques do lobo

Unha vaca xunto á cabeza dun becerro devorado polo lobo Non está a ser un bo ano para os gandeiros de vacún de carne dos concellos da montaña de Lugo. Á importante caída de prezos dos becerros que crían como consecuencia do peche da hostalaría a causa do coronavirus, un mal que sofren desde fai meses o conxunto dos produtores en Galicia, engádese a maiores nesta zona a perda de produtividade das pradeiras por mor da rata-toupa, o que encarece os custos de produción nun sistema de cría en extensivo que se basea no aproveitamento do pasto e na recollida de forraxe para o inverno. Malia a demora da Administración galega á hora de actuar e tomar decisións, semella que a praga non foi a máis e mantense estabilizada dentro da área xeográfica que comprenden os concellos de As Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela.  Pola contra, os gandeiros desta zona da montaña lucense o que notaron nos últimos meses foi un incremento dos ataques do lobo ao seu gando. "Desde hai medio ano está a haber moita incidencia, é impresionante, sentímolos incluso polo día. Nunha das mandas debe haber máis de 10 lobos", asegura un dos produtores de carne da zona de Triacastela. Para completar a ecuación, o xabarín, un mal endémico en toda Galicia que semella ademais que ten predilección polas parcelas onde hai presenza de Arvicola terrestris. "O porco bravo abre as galerías da rata-toupa, o que incrementa os danos nas pradeiras e dificulta a súa recuperación", explican.

1630 hectáreas afectadas pola rata toupa na provincia de Lugo

A superficie afectada pola rata toupa en diferentes concellos da provincia de Lugo sitúase nas 1.629,63 hectáreas, nun total de 2.995 parcelas. Así o reflicten as declaracións feitas polos propios afectados, unha vez rematado o prazo que eles mesmos solicitaron ampliar á Xunta para facer esta avaliación. Os municipios lugueses nos que se detectou a presenza deste roedor son os das Nogais, Baralla, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Samos e Triacastela. Tendo en conta esta información, técnicos da Consellería do Medio Rural desprazaranse de novo á zona afectada para determinar a poboación de roedores e avaliar as posibles medidas a adoptar. “O persoal da Xunta xa traballou sobre o terreo en novembro pasado. Naquel momento, os gandeiros e agricultores afectados comprometéronse a trasladar os datos da incidencia despois da Ponte da Constitución. Posteriormente, eles mesmos solicitaron que se ampliase ese prazo de declaración, algo que a Consellería aceptou, prolongándoo ata despois da festividade de Reis”, explican dende a Consellería.

Analizaranse os diferentes métodos de loita contra este animal permitidos pola lexislación

A partir de agora a Xunta informa de que volverán manterse reunións cos afectados para avaliar e consensuar as medidas a aplicar. Así, analizaranse os diferentes métodos de loita contra este animal permitidos pola lexislación e compatibles coa actividade gandeira e co medio ambiente. “Nun primeiro momento, os propios afectados trasladaron á Xunta que as medidas a levar a cabo non terían efecto en períodos de choiva nin de neve, unhas condicións que, como é sabido, viñéronse dando desde novembro de 2019 ata practicamente finais do pasado ano”, aseguran dende o departamento que dirixe José González. Por último, dende a Xunta lembran que “a presenza destes roedores non é novidosa, xa que houbo un caso semellante en 2010”. Daquela, foi atallado cun principio activo que na actualidade non está autorizado, polo que o titular de Medio Rural apelou á “cautela, á responsabilidade e á prudencia para xestionar este problema, uns principios que seguen a rexer a actividade do Goberno galego ao respecto”.