Archives

Este domingo celébrase a Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá

Este domigo, 26 de marzo, terá lugar a 29ª edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, considerada desde o ano pasado Feira de Interese Turístico de Galicia. Nela os protagonistas serán os dous produtos máis recoñecidos do municipio , o queixo e o pan, expostos entre 95 negocios da zona -unhas 90 queixerías e 5 panaderías-. A apertura da feira terá lugar ás 11.00h e o recinto feiral contará coa tradicional carpa localizada na Praza de Andón Cebreiro. Ademais, na liña do ano pasado, na súa entorna situaranse stands de produtos doutros sectores. Cartel de presentación Feira do Queixo de Friol 2023 / Fonte: Concello de Friol O queixo de Friol e o pan de Ousá son dous produtos consolidados, coñecidos en toda a xeografía galega, e agora comezan a selo no ámbito nacional e internacional. Deste xeito, tanto queixerías como panaderías “teñen máis demanda que a súa propia produción. Por iso nos últimos anos fixeron un esforzo transformando e modernizando as súas instalacións para poder ampliar esta produción, sobre todo nas queixerías”, afirma o alcalde de Friol, José A. Santos. O ano pasado, a feira rexistrou un récord de afluencia de público de en torno a 25.000 e 30.000 persoas “así que para esta nova edición temos a esperanza, cando menos, de alcanzar a mesma cantidade de público e se o tempo nos acompaña mesmo podemos superar as 30.000 persoas que nos visiten nesta 29ª Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá”, sinala. Imaxe do trascurso da Feira do ano pasado / Fonte: Concello de Friol

Máis información de programación

“Esta edición vai ser o rexurdir da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá”

O vindeiro 20 de marzo volve, tralo parón obrigado pola pandemia do Covid19, a Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá, un evento xa consolidado como referencia nas citas gastronómicas galegas. Falamos co alcalde de Friol, José Ángel Santos, para coñecer as novidades desta feira tradicional, que este ano chega á edición número 28. Que importancia ten esta edición para o rexurdir da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá despois de dous anos de parón? Esta edición é como comezar de cero despois de dous anos sen poder celebrar eventos deste tipo. Esta edición vai ser especial porque significa o rexurdir da feira, que tivemos que reinventar cun novo formato que cumpra os protocolos sanitarios para evitar calquera risco de contaxio. Desde o Concello facemos un esforzo moi grande para que todo saia ben no día máis importante de Friol. Que medidas se teñen previstas para adaptar a feira aos novos tempos? Dentro da carpa este ano cambia por completo o formato dos stands, pois serán postos independentes e separados para cada expositor. Perdemos a interacción e cercanía que sempre tivo a feira, pero gañamos distancia de seguridade entre os participantes. Tamén cambia o formato no exterior da carpa, cunha serie de stands independentes en diferentes zonas da praza.
 “Temos moi boa previsión de afluencia, pois a xente está desexando volver a esta feira tradicional”
Que previsións de participación se teñen para esta nova edición? Temos unha previsión de participación similar á das últimas edicións: en torno a noventa queixeiras e as cinco panaderías de Ousá estarán presentes na feira expoñendo os seus produtos. Ademáis, haberá expositores fóra da carpa con 'jaimas' individualizadas expoñendo os diferentes produtos agroalimentarios do municipio. En canto á previsión de afluencia de público estimamos que pode ser un ano récord nese sentido, dado que a xente está desexando volver celebrar esta festa, que é o evento máis importante de Friol. Se as condicións climatolóxicas nos acompañan, estimamos que pode ser un dos anos con maior afluencia de público, en torno a vinte ou vintecinco mil persoas. Que previsión de prezos tanto de queixo como de pan hai para este ano? Os prezos máis ou menos continuarán nas cifras de edicións anteriores, aínda que é certo que pode haber unha pequena alza posto que o custe da materia prima para a alimentación do gando subiu moito e ten que repercutir inevitablemente no produto final no caso do queixo. O mesmo ocorre no caso da elaboración do pan, xa que os custes de produción tamén se dispararon neste último ano. Estimamos que un queixo fresco dun quilo pode andar polos seis euros, oito euros o semicurado e un queixo curado en torno a dez euros. O prezo do quilo de pan estará entre 2,40 e 2,50 euros.
“Esperamos que en breve a feira sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego
Cal é o estado actual do Queixo de Friol e do Pan de Ousá no mercado? A día de hoxe o queixo de Friol e o pan de Ousá son produtos xa consolidados no mercado, que camiñan sós, pero evidentemente a feira é unha grande potenciadora que repercute na súa difusión, co cal tamén axuda a promocionar o noso sector primario, que é moi importante para este municipio. En que punto se atopan as xestións para que a feira sexa declarada como "Festa de Interese Turístico Galego"? Cónstame que a ‘Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá’ está a punto de ser declarada Festa de Interese Turístico Galego. Os informes son todos favorables e só estamos á espera de que a Xunta de Galicia convoque a Comisión de Turismo para incorporala na orde do día e que se proceda á súa votación, un feito que esperamos que se poida dar nas vindeiras semanas. 

Descarga aquí o programa da Feira do Queixo de Friol e do Pan de Ousá