Archives

Teixeiro acollerá unha planta para producir biogás a partir de xurro

O polígono de Teixeiro (Curtis) contará en menos de dous anos cunha planta de biogás que terá capacidade de procesar preto de 100.000 toneladas ó ano de xurros e residuos agrícolas. Para montar a instalación, prevese un investimento de 12 millóns de euros e a creación de 25 postos de traballo, entre directos e indirectos, segundo anunciou hoxe a Consellería de Economía. A conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, subliñou hoxe que a iniciativa, impulsada pola firma Vertex Bioenergy, inclúese nun plan de aceleración de proxectos industriais da Xunta, a fin de acompañar o proceso administrativo e axilizar os trámites. O obxectivo é que a planta estea en funcionamento a finais do 2025 e que produza case 6 millóns de metros cúbicos de biogás, que equivalen ao consumo de gas de 8.500 vivendas ao ano. Así o explicou Lorenzana durante unha visita a Bioetanol Galicia (Curtis), unha industria que forma parte de Vertex Bioenergy, a compañía promotora da planta de biometano.
Bioetanol Galicia produciu o último ano 188.000 metros cúbicos de biocombustibles a partir de millo importado
Bioetanol Galicia, que leva en marcha desde o ano 2022, adícase á produción de biocombustibles a partir de millo importado. É previsible, por tanto, que parte dos residuos da produción de biocombustibles poidan tamén ser usados como materia prima na planta de biogás, que precisará de sustratos vexetais para sumar á incorporación de xurros. Durante o 2023, Bioetanol Galicia produciu máis de 188.000 metros cúbicos de biocombustibles, comercializado coas principais petroleiras da Península e do resto de Europa, que os empregan nas formulacións das gasolinas de automoción. Segundo proxecto en curso A instalación proxectada en Curtis súmase á que se executará en Lugo, impulsada principalmente polo Grupo Lence, Agroamb e Norvento, coa participación da consultora Medrar. A planta de biometano lucense tratará os residuos lácteos das industrias do Grupo Lence (Río, Leyma) e a maiores ofrecerá un servizo para procesar xurros das explotacións gandeiras que lle entregan o leite a Lence. A finais do 2023, trascendeu que o proxecto tiña un apoio europeo de 4,5 millóns de euros, cun presuposto total de 7,5 millóns. Rede de plantas con participación pública Previsiblemente, as iniciativas de Lugo e Curtis contarán en breve con novos proxectos en marcha en distintas partes de Galicia. Xa hai un par de anos, a Xunta anunciara a súa participación nun proxecto de plantas de biogás, conxuntamente con Repsol, Naturgy e e Reganosa, que incluía a construción dunha gran planta de biogás en Cerceda (A Coruña), acompañada dunha rede de plantas comarcais. Está por ver que instalacións se van poñer en marcha finalmente a través desta iniciativa, se ben espérase que as comarcas gandeiras con máis problemas de xurro, como a Limia ou o Deza, conten con instalacións comarcais de tratamento.
O aproveitamento de xurros en Galicia representa un modelo de economía circular de km 0, con só dúas comarcas con excedentes claros
Escepticismo no sector Os proxectos de plantas de biogás para a produción de enerxía a partir de xurro son mirados con escepticismo polo sector gandeiro, pois o xurro é apreciado como abono, xa que reduce os gastos en abonos químicos. No sector consideráse que o aproveitamento dos xurros en Galicia constitúe un modelo de economía circular de kilómetro cero, polo que sinálase que só no caso de excedentes comarcais -como na Limia-, son comprensibles as plantas de biogás.

Críticas unánimes do sector de vacún de leite ás novas normas do Goberno central: “Non se adaptan a Galicia nin á realidade do sector”

A xestión do xurro é un aspecto que cambia, prohibindo as cisternas convencionais e esixindo Plans de Abonado O 2023 preséntase como un ano de cambios nas explotacións leiteiras. Á entrada en vigor da nova PAC súmanse unha serie de normativas en materia de abonado, ordenación de granxas e dixitalización que obrigarán ás ganderías a modificar rutinas e facer investimentos e que supoñen unha ameaza para as máis antigas. Trala súa aprobación a finais de decembro, o calendario de aplicación destas novas normativas é inminente. A partir de setembro as ganderías que traballen máis de 30 hectáreas de terreo deberán contar cun Caderno de Explotación dixital no que vaian apuntando os traballos realizados en cada parcela, así como as aplicacións de abonos e tratamentos fitosanitarios efectuados. Para o resto de explotacións entrará en vigor o 1 de xullo de 2024. As ganderías terán de prazo un mes para facer esas anotacións e a partir do 1 de xaneiro do 2024 os sistemas informáticos deberán incluír a ferramenta de sostibilidade agraria para nutrintes. Ademais, non se poderá botar o purín cos sistemas actuais de prato ou abanico, agás en fincas de menos de 2 hectáreas ou cunha pendente superior ao 10%, en virtude do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas.
As novas normativas foron aprobadas en pleno Nadal, na última semana de decembro, e son polo momento descoñecidas para a maioría dos gandeiros
A maiores, haberá unha serie de esixencias no relativo ás instalacións coas que contan as explotacións e o benestar dos animais, en función do Real Decreto de Ordenación das granxas de vacún. Segundo establece a normativa, desde o 1 de xaneiro de 2025 as ganderías de máis de 180 UGM deberán dispoñer dun patio exterior ao que poder saír os animais, unha obriga que se estenderá ás ganderías de máis de 20 UGM tres anos máis tarde. A partir de 2026 os establos xa existentes deberán contar con elementos que permitan minimizar o estrés térmico dos animais, os comedeiros e bebedoiros deberán ser suficientes para evitar situacións de competencia e o número de vacas por lote non poderá superar o número de cubículos e prazas de alimentación dispoñibles.
Algúns aspectos quedan a expensas da regulación por parte das comunidades autónomas
Son todos cambios normativos aprobados na última semana de decembro, en plenas festas do Nadal e, aínda que anunciados durante meses, descoñecidos por boa parte do sector. As novas esixencias collen en moitos casos aos gandeiros desinformados e ás ganderías sen estar adaptadas ou con escasa marxe para facelo. Falamos con organizacións agrarias e cooperativas para avaliar o grao de adaptación á realidade galega dalgunhas das medidas e a capacidade de cumprilas por parte das explotacións.

José Luis Pérez (Agromuralla) “Ou coidas os animais e as terras ou cubres papeis, para todo non dá o tempo”

Desde a asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla incídese na carga de burocracia e traballo que as novas normas van levar aparelladas. “En cada granxa case vai ter que haber un secretario para que che leve os papeis, porque ou coidas os animais e as terras ou cubres papeis, para todo non dá o tempo”, afirma o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro. “O caderno dixital é máis burocracia, supón cumprimentar máis formularios. E o problema é que cada vez que se burocratiza algo é un gasto a maiores para o gandeiro que non se ve repercutido no valor do noso produto”, quéixase. “Agora a maioría de granxas van ter que contratar un técnico máis para que lles faga o Plan de Abonado, que é imprescindible no Caderno de Explotación dependendo das características da granxa, pero as granxas que quedamos producindo leite en Galicia xa temos todas máis de 10 ha e estamos obrigadas”, di. 
O Caderno Dixital cómeche moitas horas se queres levalo ao día
Na súa explotación, Caseiro SAT, ubicada na Pastoriza, levan dous anos traballando xa cun caderno dixital. Desa experiencia José Luis destaca que é necesario dedicarlle tempo. “Cómeche moitas horas e telo que levar ao día. Nas campañas hai que meter moitos datos porque se converte case nun parte de traballo diario e hai que ter uns coñecementos de informática que moita xente non ten”, insiste. Facer investimentos a curto prazo En canto ás novas normas de xestión de xurros, o presidente de Agromuralla considera que “vén dado pola mala xestión da Administración á hora de organizar as granxas”. “As explotacións intensivas sen terra de polos e porcos de zonas como a Limia ou Rodeiro son un pouco o problema. Non lles estou botando a culpa a eles, pero por uns imos pagar todos. Déronse licenzas e autorizacións onde non se deberían ter dado. O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros”, quéixase José Luis.
O do purín é un problema xerado pola Administración que nos traslada agora aos gandeiros
Agora, unha vez creado o problema, di, “aproban unha norma que vai repercutir en investimentos a curto prazo,  porque a normativa está aí”. “Durante moitos anos déronse axudas para maquinaria pero non se priorizou a ampliación e cubrición das fosas”, lamenta.
Déronse axudas para maquinaria pero non se priorizou a ampliación e cubrición das fosas
Desde Agromuralla insístese en que “non hai exceso de nitróxeno en Galicia” e propoñen acordos entre granxas de polos e porcos que non dispoñen de superficie e ganderías de vacún, tanto de leite como de carne, que teñan capacidade para asumir ese xurro nas súas terras. “O xurro hai que xestionalo ben, non é tiralo de calquera maneira, pero non sobra. Só hai que ver a cantidade de fertilizantes químicos que se mercan cada ano”, razoa José Luis.  
Ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros
“Os gandeiros non nos negamos a coidar o medio ambiente; ao contrario, xa o facemos, porque somos os verdadeiros xestores do territorio. Pero hai unha dobre vara de medir, porque ás cidades non se lles está pedindo a trazabilidade dos seus residuos que se nos pide aos gandeiros. Nós non temos onde botar o noso purín pero queren que botemos os lodos das depuradoras das cidades”, quéixase. Flexibilización a nivel autonómico Sobre o Real Decreto de ordenación de granxas, Agromuralla considera que “hai moitas esixencias que non son adaptables ás condicións de Galicia”. “Hai que poñer normativas que sexan cumpribles e que se adapten á realidade. Regular é necesario, pero o que se regla ten que ser realista e cumprible e para iso á hora de poñer as normas hai que contar cos que as imos sufrir e ter que aplicar”, razoa José Luis.
Falta a adaptación das directrices xerais á comunidade autónoma e pedímoslle á Xunta que flexibilice a nivel autonómico a norma
O presidente de Agromuralla repróchalle ao Goberno central “o seu descoñecemento da realidade” e pídelle á Xunta “que xa que non deu feito a presión suficiente en Madrid para que as directrices xerais se adaptaran á situación de Galicia, polo menos que non aperten máis a nivel autonómico a norma e a flexibilicen o máis posible”. “Con todo isto van obrigar ás pequenas granxas a pechar” José Luis considera que para as explotacións de maior tamaño as novas esixencias normativas van supoñer un incremento de custos, pero para as granxas máis pequenas pode ser a súa sentenza definitiva. “En 5 anos moitas destas explotacións vanse ver obrigadas a pechar. Sobre todo no caso de ganderías sen un relevo que están esperando a xubilación e ás que non lles é viable facer investimentos. Neses casos todas estas normas supoñen o seu peche prematuro”, lamenta. Ademais da necesidade de adaptar as súas infraestruturas e maquinaria, a propia configuración de moitas explotacións xa existentes fai inviable a aplicación de determinadas solucións alternativas. “As épocas de botar o purín coinciden con momentos de colleita e sementeira, polo que o parque de maquinaria actual do que dispoñen tanto as cooperativas como as empresas de servizo non van dar abasto. E está o problema engadido de que en moitos casos as grandes máquinas non entren á esterqueira ou a cargar á fosa de xurro, sobre todo cando non son establos novos e foron medrando e ampliando as instalacións existentes”, di.

Óscar Pose (Unións Agrarias): “Aplicar o decreto de xurros é tanto como dicirlle á xente que non vai cobrar a PAC”

O sindicato Unións Agrarias é moi crítico coa decisión final dos Ministerios de Agricultura e de Medio Ambiente de non permitir a aplicación de xurros polos sistemas convencionais e anuncia que “dará a batalla” para que o Decreto non se aplique tal e como está aprobado. “Eu esperaba que houbera algo de cordura e que finalmente se abrira permitindo o prato invertido. Iso sería o viable, porque o plantexamento que hai agora non é viable para as explotacións, nin tampouco é posible que se fabriquen todas esas máquinas que serían necesarias para cumprir co Decreto para xaneiro do 2024”, asegura Óscar Pose, responsable do sector de leite.
O Decreto de xurros aprobado é unha medida para lavarse a cara ante Europa pero que tecnicamente non se sostén
Na súa opinión, o Real Decreto aprobado “é unha medida para cubrirse fronte a Europa pero que tecnicamente non se sostén, porque hai outras medidas moito máis efectivas para reducir as emisións”. Propón facer “o mesmo que se fai noutros países”, con solucións como ampliar e cubrir as fosas de purín, mellorar a formación dos produtores á hora de aplicar o xurro ou fixar condicións para que a partir dunha determinada temperatura ambiental non se poida botar. Implicará perder as axudas da PAC “Imos dar unha batalla dura para que non se chegue a aplicar o Real Decreto, porque iso é tanto como dicirlle á xente que non vai cobrar a PAC. O único que van facer é levarse por diante moitas explotacións, e as que non, supoñerlles un custo engadido”, argumenta Óscar.  É partidario de que “se persiga a quen xestione mal o xurro” pero pide “que non se criminalice a todo o sector”. “O purín non vacuno non é un residuo, é un abono. Se mercamos abono químico para o millo ou para as pradeiras é porque non nos chega o purín que temos nas explotacións. E, se sobra o purín, tamén sobran os lodos de depuradora. Son debates que hai que abrir”, di. O responsable do sector leiteiro de UUAA ve “presións do lobby do sector dos fertilizantes e do porcino” e considera unha clara discriminación o feito de que ao vacún de leite, responsable segundo os datos oficiais do 8% das emisións de amoníaco, se lle obrigue a unha redución do 40%; mentres as de porcino, que supoñen o 20%, unicamente se teñan que reducir nun 8%.
En Galicia non temos un problema e onde o hai non se debe ao vacún, polo que non se vai solucionar con esta norma
“Non queremos xerar un enfrontamento entre sectores, porque somos todos gandeiros, pero é unha realidade que hai que contar, porque por moito que se insista en Galicia non temos un problema e onde o hai non se debe ao vacún, senón á contaminación por acumulación de outras especies. Así que con isto non se vai solucionar o problema nesas zonas porque non está causado polas vacas”, afirma.   Os patios exteriores carecen de toda lóxica En canto ao Decreto de Ordenación de granxas, “non supón cambios moi importantes para as explotacións, pero si unha volta de tuerca máis con esixencias, moitas delas ridículas, como peches ou rexistros, que non teñen moita efectividade desde o punto de vista sanitario”, opina Óscar. 
Non ten sentido ningún obrigar ao vacún a ter un patio exterior e non facelo con outras especies que están máis acinadas. Carece de toda lóxica
A respecto dos borradores iniciais houbo unha certa “flexibilización”, di, en cuestións como as distancias a núcleos de poboación, pero quedan aspectos da norma aínda por pulir, considera. “Entendemos que no caso da esixencia de patios exteriores se poderá adaptar aos períodos no que as vacas están secas. Non ten sentido nun establo no que as vacas andan libres, teñen un espazo adecuado e un volume de aire de boa calidade, esixir un patio exterior, sobre todo cando noutras especies onde os animais están moito máis acinados non se pide”, compara. “Eso está posto aí por descoñecemento”, asegura. En canto á limitación do tamaño máximo das granxas, considera que o tope fixado en 850 UGM “en Galicia practicamente non nos afecta e serve para protexer ás explotacións pequenas e medianas, que son as que temos aquí, as que manexan o territorio e fan que teña vida o rural”, afirma. Para a aplicación do Caderno dixital, Óscar ve “moi apurados os prazos” e agarda “certa marxe de flexibilidade” para permitir ás explotacións irse adaptando porque, di, “hai que ser conscientes da realidade que temos no sector”. “Estamos cargando ás explotacións de burocracia que incide en máis custos de produción. Con isto imos obrigar ás explotacións a ter máis técnicos contratados”, asegura.

Isabel Vilalba, SLG: “O número de cabezas ten que gardar unha relación equilibrada coa terra que se traballa”

O Sindicato Labrego Galego fai fincapé na redución da carga gandeira como solución para cumprir tanto coa nova normativa de xurros como con distintos aspectos da ordenación de granxas. “O modelo que nós defendemos é no que o número de cabezas garda relación equilibrada coa terra que se traballa, por varios aspectos: por alimentación, para unha menor compra de insumos, e para unha xestión adecuada do medio”, argumenta a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba.
Parécenos esaxerado o número máximo de 850UGM; farían falta 400 ha de base territorial e en Galicia non hai ningunha granxa que as teña
“Por iso, parécenos esaxerado o número máximo de 850UGM. Desde ese criterio de lograr un equilibrio entre terra e número de animais, con 2UGM/ha faría falta moita máis base territorial porque estariamos falando de granxas de 400 ha, que non hai ningunha en Galicia”, di. O “despropósito” das plantas de tratamento de xurros “É necesario apostar por un modelo sostible e a base territorial é un parámetro necesario para iso. O contrario lévanos a disfuncións como a concentración de cebadoiros e o consecuente problema para as augas”, afirma Isabel, que critica a intención da Xunta de inzar Galicia de plantas de biogás. “Outra cousa que nos parece un despropósito é o anuncio das plantas de tratamento de xurros, esa é a consecuencia de apostar por un modelo equivocado. Se nós temos un modelo onde se prioriza o extensivo e dotar de base territorial ás granxas, xa habería unha diminución das emisións”, di.
Os sistemas de inxección ao chan non funcionan ben co tipo de purín que se xera nas granxas
O SLG tampouco está dacordo cos novos condicionantes impostos para a aplicación do purín. “Estamos moi en contra de que se esixan esas grandes máquinas, cando falamos de inxección ao chan. Debe analizarse a medida cunha mirada integral, porque a máquina tractora ten que ser de gran potencia e se reduces as emisións por meter o xurro no chan pero tes máis emisións por queimar gasóleo non fixeches nada”, razoa. 
Parécenos adecuado reducir as emisións, pero hai outros métodos para facelo. A solución non son grandes máquinas senón medidas que estean ao alcance dos gandeiros
Ademais, di, “en cooperativas e en ensaios que se están facendo estamos vendo que os primeiros sistemas de inxección teñen múltiples problemas. Trancan e non funcionan ben co tipo de residuo que se xera nas granxas e leva máis tempo botar o purín. Hai máquinas dese tipo aparcadas nas cooperativas”, asegura Isabel.
O feito de eximir aquelas superficies de menos de 2 ha ou con pendente superior ao 10% é un respiro
O SLG aposta polo dimensionamento das fosas e por  tempos máis axeitados de aplicación. “Nisto é básico apostar pola investigación e desde o CIAM están apostando por modelos sostibles sen ter grandes máquinas nin ter que facer grandes investimentos que moitas veces non son sostibles. A solución non ten que vir por grandes máquinas e si por un modelo sostible e medidas de reducción máis nas mans dos gandeiros”, conclúe. “O Caderno dixital implica unha complicación enorme” “O Caderno dixital para as granxas parécenos unha barbaridade porque non engade nada novo, pero si implica unha complicación enorme e un gasto para moitas explotacións”, quéixase Isabel Vilalba. “Sabemos a media de idade que temos no sector, bastante elevada, e unha cousa é facer un trámite online concreto, que xa supón unha complexidade, pero outra cousa é o día a día, e facer estas anotacións case diarias van obrigar a moitas granxas a ter que recurrir a un gabinete externo”, asegura.
Noutros países optouse por que estes cadernos dixitais foran unha opción voluntaria
“Noutros países optouse por que estes cadernos dixitais foran unha opción voluntaria pero aquí decidiuse facelo obrigatorio. Iso é non coñecer o sector que tes e pensar que todas as granxas son grandes empresas que teñen unha oficina para iso. O sector ten unha sobrecarga de traballo enorme para meterlle esta complexidade a maiores”, argumenta. Ademais, di, “o caderno dixital non engade nada a nivel de trazabilidade e seguridade alimentaria porque xa existen eses libros onde se anotan os tratamentos e os animais que entran e saen da explotación”. “Queriamos que a dixitalización fora unha ferramenta de mellora para as granxas e non un problema, e tal como está plantexado neste momento é un problema”, conclúe. Ausencia de modelos oficiais Malia a publicación do Real Decreto que o regula e a súa entrada en vigor inminente xa no mes de setembro non existen aínda cadernos dixitais oficiais a disposición das explotacións, nin da Xunta nin do Goberno central, algo do que se queixa o SLG.
Eu recomendo á xente cautela, non vaia ser que agora merquen un paquete tecnolóxico que despois non estea homologado
“O sistema non está preparado aínda. Debería estar dispoñible o modelo oficial esixido no momento de aprobación do Real Decreto. O que temos agora no campo son empresas que están pensando en facer o seu agosto con isto, pero os oficiais non saíron. Eu recomendo á xente cautela, non vaia ser que agora merquen un paquete tecnolóxico que despois non estea homologado ou non se adapte aos modelos esixidos. A obriga é verdade que é próxima, pero eu recomendaría agardar a que saian os modelos da Administración”, recomenda Isabel.

Román Santalla (Cobideza): “O 50% dos socios veránse afectados e non poderán botar o purín coa súa cisterna actual”

A entrada en vigor dentro dun ano da prohibición de botar o purín cos sistemas de prato ou abanico vai obrigar a moitas explotacións a adaptar a súa maquinaria ou a externalizar os traballos. Pero o problema é a capacidade coa que contan as empresas e cooperativas para acoller esa sobrecarga de traballo cos parques de maquinaria actuais.   “No noso caso, o 50% dos socios veríanse afectados pola normativa e non poderían botar o purín coa súa cisterna actual. Teríamos un problema serio, porque non teriamos capacidade para botar o purín a ese 50% de socios. E igual ca nós, o resto de cooperativas e empresas de servizos”, recoñece Román Santalla, presidente de Cobideza.
A xestión do purín é algo moi complicado, porque cando vén a campaña todo o mundo quere nos mesmos días e non hai maneira
A cooperativa conta con dúas cisternas con sistemas de tubos colgantes pero admiten que “o traballo está sempre ao límite e no momento oportuno farían falta 20 cisternas”.  Por iso, di, “é necesario ter unha cisterna na casa, porque a colectiva está ben, pero por servizo hai que ter a outra tamén”, asegura.
Hai un problema de acceso á maquinaria; queres mercar unha cisterna e tes que esperar un ano por ela
Por iso, Román lamenta que o Ministerio non autorizara finalmente esparcir o xurro co sistema de prato invertido, moito máis doado de incorporar ás cisternas actuais que hai nas explotacións que os inxectores. “Co prato invertido as emisións son menores e cando se saca no inverno ou en días de orballo hai incluso emisións negativas”, di.
O de porco é un purín máis doado de xestionar porque é máis líquido pero o de vaca atranca e causa problemas nos inxectores
 “Iso hai que telo en conta e axustar o modelo un pouco máis antes de culpabilizarnos. Non é lexislar nun salón. Todos temos a mellor vontade de facer os nosos deberes na redución das emisións, pero teñen que facernos algún caso”, pide. A pesar de que na versión definitiva do Real Decreto reduciuse a dimensión requerida para as fosas de 6 a 3 meses, Román defende que nas explotacións fai falta capacidade de almacenamento. “A comunidade autónoma ten que esquecerse das plantas de tratamento e de andar transportando o purín para elas; o purín fai falta para a terra. Ese fertilizante é un valor engadido e a maioría de explotacións andamos xustas”, recoñece. Distancia das granxas ás vivendas En canto ao Decreto de Ordenación de granxas, Román asegura que ten “luces e sombras”. Defende, por exemplo, a utilidade de “poñer teito ás granxas de gran tamaño”. “Había que buscar unha fórmula legal para que ese tipo de granxas non proliferen, que para Galicia ían ser un problema, pero ao mesmo tempo que permitira o establecemento de granxas comunitarias, onde varios socios se unen para reducir custos e gañar en calidade de vida e eu penso que o teito establecido, 850 UGM, é suficiente para iso porque para vivir das vacas o que hai que ter é unha rendibilidade”, argumenta.
Necesitamos granxas de tipo medio onde poidan agruparse distintas persoas para recudir custos e gañar calidade de vida, pero non necesitamos Noviercas
 “O que me preocupa máis é o sistema de xestión que hai que facer en materia urbanística, como peches perimetrais e control de accesos, aínda que foi positivo que non se fixasen distancias, como estaba ao principio, porque en Galicia non temos territorio para que unha granxa teña que poñerse a medio quilómetro das casas”, razoa. A normativa aprobada finalmente recolle que o establecemento de novas explotacións debe adaptarse ás regulacións autonómicas e aos plans urbanísticos dos Concellos. “En Lalín, por exemplo, temos que separar 50 metros do núcleo de población, a partir desa distancia podemos facer un establo”, exemplifica Román. “Non é o mesmo unha gandería de 20 vacas que unha de 180” Para o presidente de Cobideza, o que “non ten sentido” do Real Decreto aprobado é “que se meta no mesmo saco as granxas de 20 vacas e as de 180”. “Nese baremo é no que se move o 90% das ganderías galegas e obriga a pequenas explotacións de 25 vacas a facer o mesmo que unha de 180 vacas. Para as pequenas granxas pode ser o acicate para que desaparezan antes”, asegura.
Hai que limar algunhas cousas e estamos a tempo de facelo aínda que o decreto estea xa publicado
Por iso propón establecer o corte en 100 UGM, de maneira que se adapte mellor á realidade de Galicia. Tamén no relativo a outras medidas como a esixencia de patio exterior para os animais para que, debido ás condicións climatolóxicas galegas, non se convirta nun “patio de castigo”. Considera que, coa nova regulación, “o modelo canadense co pastor eléctrico por riba leva camiño de desaparecer” pero, sen embargo, “a eliminación do emparrillado aprázase bastantes anos e se conta cunha zona de cubículos non tería problemas”, di.
A xente oe rumores e pouco máis; o primeiro que hai é unha falta de información tremenda
O Caderno dixital pide que se aprace a súa entrada en vigor porque “setembro xa está aí”. “É unha preocupación tremenda para as granxas porque leva moito tempo e a xente non está preparada para iso e os sistemas informáticos moitas veces non funcionan ben. Estase querendo pasar o mundo gandeiro a tecnoloxía punta e iso leva consigo dificultades, non é todo tan doado”, afirma.

Rosa Otero (CLUN): “A obriga de ter un patio exterior non é unha medida que se adapte a Galicia”

Rosa Otero traballa no servizo de xestión técnico-económica que Clun presta ás súas granxas socias e é a responsable da Entidade de Aconsellamento da cooperativa. Asegura que moitas das normas aprobadas “non colleron por sorpresa aos gandeiros porque levaban anos anunciándose”. Desde a cooperativa realizaron xa 17 xornadas informativas nas distintas comarcas para informar ás ganderías e porán o seu equipo de enxeñeiros agrícolas e veterinarios a disposición dos socios para asesoralos na aplicación destas novas normativas. Rosa pon o énfase en que moitos dos cambios supoñen para as granxas ter que facer algún tipo de investimento, ben sexa en materia de benestar animal e reforma das instalacións, ben en adquisición de maquinaria ou dixitalización, e di que “dependendo da situación financieira de cada granxa, pode ser difícil acometer eses investimentos nos prazos que se establecen”.
Levamos anos incidindo nestas materias e informando aos socios
Tamén detecta que cuestións como o Caderno dixital ou a obriga de elaborar Plans de Abonado “os gandeiros venas como un requisito burocrático máis”. “E o problema grave das explotacións é a falta de man de obra; teñen tanto traballo que a documentación déixana para o final”, recoñece. Aspectos difíciles de cumprir As cuestións que afectan ao benestar animal, di, “son aspectos que desde a cooperativa xa estabamos recomendando porque son medidas que benefician á produción, como dimensionar o número de animais ás instalacións que tes e que non haxa superpoboación nos cubículos”, indica.
As explotacións que están deseñadas con 3 filas de cubículos teñen normalmente un 30% máis de prazas de descanso que de alimentación
Un problema pode estar, conta Rosa, na aplicación nas explotacións que están deseñadas con 3 filas de cubículos “porque teñen normalmente un 30% máis de cubículos que prazas de alimentación”, aínda que Rosa agarda que poidan acollerse a unha salvedade recollida na norma, que o permite se se garante que todos os animais acceden, aínda que sexa por turnos, ao pasillo de alimentación.
No inverno o patio exterior converterase inevitablemente nunha lameira
Outro requisito difícil de cumprir pode estar na obriga de contar con patios exteriores, “tanto se obrigan a telo cementado como se é unha finca”. “Se é de cemento tes que recoller o líquido e mandalo para a fosa de xurro, co que son cantidades moi grandes de auga que irían para o purín, restando capacidade de almacenaxe. E se está en terra, no inverno converterase inevitablemente nunha lameira, que penalizaría en materia de benestar animal. Polo tanto, para Galicia non vai ser unha medida moi adaptada, porque o benestar que ganas por un lado, porque os animais saen fóra, pérdelo por outro, porque van estar encharcados nese patio”, asegura.
Os gandeiros son profesionais de elite e queren o mellor benestar para os seus animais
En canto ás medidas fronte ao estrés térmico, di, “a maioría das granxas fóronse adaptando e este pasado ano coa ola de calor no verán colocáronse moitos ventiladores e aspersores porque son cambios beneficiosos que supoñen maior produción”. Fondos para adquisición de maquinaria As granxas máis grandes levan tamén anos adaptándose ás novas obrigas en materia de xestión e aplicación de xurros. “Levamos dous anos metendo nos plans de mellora tanto cisternas como ampliación de fosas, pero sobre todo aplicadores, porque a maioría das fosas estábanse dimensionando xa para 6 meses porque o esixía Medio Ambiente e co que chove aquí compensa ter as fosas cubertas e, de feito, a maioría xa se foron cubrindo”, explica.
Espéranse axudas Next Generation para poñer ao día as cisternas
As explotacións teñen ata xaneiro de 2024 para eliminar o prato e abanico, polo que se agarda que o número de solicitudes aumenten dentro dos plans de mellora deste ano. É un investimento que se financia nun 35% con estas subvencións, pero que require afrontar a outra parte ao gandeiro. “Espéranse tamén axudas dos fondos Next Generation para poñerse ao día no tema da maquinaria”, indica Rosa. No parque de maquinaria de Os Irmandiños na Devesa, en Ribadeo, vanse adaptar as cisternas para facer as aplicacións de xurros conforme á nova normativa e en caso de non ser dabondas está prevista a compra dalgunha máis. “A obriga de Clun é darlle servizo ao socio que o requira. Se é moi grande a demanda temos previsto a adquisición de máis equipos para tratar de cubrir esa demanda”, anuncia.

Métha-Ferchaud, un exemplo dunha planta de biogás que si beneficia aos gandeiros

Produción de electricidade Km0 a partir do metano contido no purín xerado polo gando. Esa é a filosofía de Métha-Ferchaud, unha planta de biogás colectiva, propiedade de tres granxas, dúas leiteiras e unha de porcos, ubicada na localidade de Martigné-Ferchaud, na Bretaña francesa. “Asociarme a ese proxecto colectivo era unha maneira de diversificar a miña actividade agrícola. Na miña granxa xa tiñamos paneis fotovoltaicos e queriamos continuar producindo enerxías verdes”, explica Guénaël Hamelin, titular dunha explotación de leite en Retiers, GAEC Ker Laezh, formada por 150 vacas en produción e 170 hectáreas de terreo.
En Francia hai 500 granxas que fan aproveitamento enerxético do metano e a meirande parte delas atópanse na rexión da Bretaña
En Francia hai 500 granxas que fan aproveitamento do metano xerado polas dexeccións do seu gando. Están integradas na Asociación de Agricultores Metanizadores de Francia. A meirande parte das plantas atópanse na rexión da Bretaña e son instalacións de pequeno tamaño. Un proxecto colectivo que empezou a funcionar no 2016 Guénaël explicando o funcionamento da tolva de residuos sólidos que alimenta ao dixestor Tres explotacións gandeiras próximas puxeron en funcionamento no ano 2016 esta planta de metano para tratar os seus puríns e estercos. Hoxe subministran electricidade a 1.000 fogares e aproveitan o calor para secar a alfalfa que producen nas súas terras. Guénaël destaca precisamente o feito de que Métha-Ferchaud sexa un proxecto colectivo e autoxestionado por varias granxas. “Emprender entre varios é algo importante para min, porque permite intercambiar e dinamizar o noso día a día. Traballar nun proxecto colectivo é algo moi enriquecedor”, asegura.
O asociacionismo agrario está moito máis desenvolvido na Bretaña que en Galicia
Ademáis da gandería leiteira de Guénaël, tamén é socio da planta de biogás Stéphane Boudet, que ten unha explotación porcina en Fercé. A súa granxa, EARL du Jahan, está formada por 230 nais reprodutoras e 86 hectáreas de cultivos, adicados maioritariamente a cereais cos que alimentar os porcos. Participan tamén no proxecto Frédéric Brizard e Stéphane Choquet, socios nunha granxa de vacas en Martigné-Ferchaud, EARL de la Voie Lactée, con 150 vacas en produción e 240 hectáreas de superficie agraria. Reducir os desprazamentos necesarios A planta de biogás ubícase nun lugar intermedio entre as tres granxas para así facilitar o transporte do purín e reducir os desprazamentos. Contan cun traballador a tempo completo no biodixestor e outro a media xornada, encargado do transporte do xurro desde as explotacións e de levar de volta o material dixestado, que aproveitan como materia orgánica fertilizante para as terras de cultivo.
A ubicación do biodixestor, nun lugar intermedio ás tres granxas, facilita o transporte do xurro
As tres explotacións contan con dúas fosas de purín, unha de menor tamaño para o xurro fresco que produce o gando e outra con maior capacidade que é na que almacenan o produto dixestado que é devolto ás ganderías.
Un metro cúbico do material dixestado equivale a 5 unidades de nitróxeno
“Un dos nosos obxectivos era tamén valorizar agronomicamente os puríns para o seu mellor aproveitamento á hora de aportalos ao chan”, explica Guénaël. “Hai que tratar os nitratos. Non o digo para ir contra a agricultura de España nin para xerar alarmas, senón por convencemento e para chamar a atención sobre un problema real”, remarca.

Problemas de contaminación por nitratos

“En Bretaña nos anos 90 tiñamos serios problemas de contaminación do chan debido á carga gandeira, porque os solos aquí son moi areosos, de orixe granítico, e polo tanto moi permeables, o que favorece a contaminación das augas subterráneas”, recoñece.
100.000 hectáreas de superficie agrícola e 1.500 produtores víronse afectados en Francia pola declaración de zonas vulnerables a raíz da aplicación da Directiva de Nitratos europea
A presión social, cunha poboación cada vez máis concienciada pola ecoloxía, levou á aprobación de normas restritivas por parte das autoridades, en virtude da Directiva europea de Nitratos, que en Francia afectou a 1.500 produtores e 100.000 hectáreas de superficie agraria declaradas zonas vulnerables.  “Había realmente un problema e unha preocupación social por todo iso, pero hoxe ese problema de contaminación diminuíu e está controlado”, asegura Guénaël. Aínda así, o nivel de nitratos nos solos e acuíferos é avaliado de maneira permanente por parte de técnicos da administración.
Os plans de abonado e os cadernos de explotación xa son obrigatorios en Francia e o purín non se pode botar nos meses de verán nin nas fins de semana
“Os gandeiros temos que facer unha declaración anual de cantas vacas temos e, polo tanto, cantas unidades de nitróxeno producimos. A iso engádese o abono químico que mercamos e o resultado desa suma divídese entre a superficie que tes. Se non cumpres coas ratios establecidas, a Administración vén a inspeccionarte. Van parcela por parcela realizando analíticas”, conta. O dobre de vacas leiteiras ca Galicia e tres veces máis superficie agraria O tractor da CUMA encargada do transporte cargando o purín nunha das explotacións para levar á planta de biogás Bretaña conta con 2 millóns de cabezas de gando bovino, das que 740.000 (o 37%) son vacas leiteiras, que producen 5,3 millóns de toneladas anuais de leite (o 40% da produción francesa). A rexión produce ademais carne de vacún (150 toneladas anuais), 8,6 millóns de polos (o 33% da produción francesa) e 13,7 millóns de porcos (o 54% da carne de porco francesa).
Un de cada tres polos e un de cada 2 porcos franceses prodúcese en Bretaña
Con esta carga gandeira, e malia dispoñer de tres veces máis superficie agraria que Galicia (1,6 millóns de hectáreas de SAU), a Bretaña leva anos sufrindo problemas de contaminación por nitratos, o que levou á aprobación de normativas medioambientais estritas que limitan a aplicación de xurros.
O límite máximo na Bretaña son 70 unidades de nitróxeno de orixe orgánico por hectárea
O límite máximo permitido á hora de fertilizar solos agrícolas son 220 unidades de nitróxeno por hectárea, das que 70 poden proceder de orixes orgánicas. Á hora de realizar a aplicación, están prohibidos os sistemas de prato ou abanico, ao igual que pasará en España a partir de 2024.

Producen 500kw/h  

Imaxe do interior do dixestor, que produce o biogás que é despois transformado en electricidade “É moi importante explicar á sociedade civil que os agricultores non só non contaminamos senón que coidamos do medio ambiente e contribuímos á economía circular con proxectos coma este. Nesta planta recibimos moitísimas visitas. As escolas veñen todos os anos, e tamén persoas particulares. Cando a puxemos en marcha, en só dous días de portas abertas visitaron a instalación 1.200 persoas. Esa parte de comunicación é moi importante”, di Guénaël.
Subministran electricidade a 1.000 fogares e 2.500 habitantes da contorna
Un panel explicativo na sala onde reciben as visitas trata de explicar o funcionamento do complexo baixo un esquema de economía circular. “O purín que producen os nosos animais contén metano, que extraemos no biodixestor, que produce gas, que vai a dous motores que producen enerxía eléctrica para a sociedade civil e calor que empregamos para un secadeiro de alfalfa coa que despois alimentamos o gando que produce o xurro. Pero a planta de metano non fai ecoloxía, somos nós, os gandeiros os que facemos ecoloxía a través da planta de metano”, remarca.
A enerxía producida é vertida á rede, a través da compañía estatal francesa EDF, que llela paga a 23 céntimos o Kw/h
No 2016 a planta de Métha-Ferchaud comezou a funcionar cun motor de 200 KW/h e no 2022 engadiron un segundo motor, cunha capacidade de produción de enerxía eléctrica total actual de 500Kw/h, o que permite subministrar de electricidade a 1.000 fogares e uns 2.500 habitantes. A enerxía é vertida á rede, a través da compañía estatal francesa EDF, que llela paga a 23 céntimos o Kw/h.

Aproveitamento da calor xerada para secar alfalfa e outros produtos 

Secadeiro da planta, empregado para alfalfa, raigrás, grao de millo e péllets e estelas de madeira Ademais de valorizar o xurro producido polas tres explotacións gandeiras para xerar electricidade, coa calor producida no proceso secan a alfalfa que tamén producen as súas granxas para lograr ser autónomos en insumos proteicos.
Os restos do dixestor van aos campos de cultivo, nos que producen cereais e alfalfa para alimentar o gando
Ata o ano 2015 a normativa francesa obrigaba a aproveitar o calor xerado polos dixestores, o mesmo que o xerado nas ganderías no proceso de enfriamento do leite, por exemplo. Por iso inicialmente os impulsores de Métha-Ferchaud pretendían vender o calor producido tralo proceso de fermentación anaeróbica do xurro á industria local e ás comunidades de veciños da localidade máis próxima, Martigné-Ferchaud, en forma de auga quente a través dunha rede comunitaria, pero na actualidade aprovéitano na propia instalación para o secado de forraxes (alfalfa e raigrás) e outros materiais como cereais (grans de millo ou trigo) ou madeira (péllets e estelas).
O secadeiro supón unha fonte de ingresos a maiores
Contan para iso cun secadeiro de grandes dimensións, dentro das instalacións da propia planta de biogás. O calor xerado é conducido por unhas tubaxes e sae través duns buratos que hai no chan do secadeiro, onde son descargados os distintos materiais a secar. O secadeiro é empregado tanto polas ganderías socias da planta, como por outras empresas e é unha fonte de ingresos máis.

Financiamento público  

Os seis socios de SAS Métha-Ferchaud O investimento total realizado para a posta en marcha de Métha-Ferchaud foi de 1,6 millóns de euros. O 83% foi para a construción da planta de biogás e o 17% para a zona de almacenaxe de residuos e produtos empregados e o resto de instalacións.  
En Francia apóstase por pequenas instalacións locais; a Xunta por megaproxectos
Os 6 socios aportaron o 4% do capital necesario, uns 15.000€ cada un. O 30% procedeu de subvencións tanto rexionais como departamentais e o 65% restante financiouse mediante un crédito bancario.   As cifras contrastan coas que manexa a Xunta para o seu proxecto de construír en Galicia 5 plantas de biodixestión e 19 de transferencia de xurros, cun custo estimado total de 600 millóns de euros.

Cultivos intermedios con vocación enerxética

Un grupo de 4 amigos que se coñecían de organizar un festival de música folk bretona na localidade de Martigné-Ferchaud (Festival Les Mines d’Or), dous deles gandeiros, decidiron montar este proxecto para tratar os xurros da súas explotacións e producir electricidade a partir del. Métha-Ferchaud é hoxe unha planta de produción de metano modélica desde o punto de vista económico, social e medioambiental.
A idea xorde no ano 2010 pero non bota a andar ata o 2016
Este proxecto colectivo de tres granxas xorde con varias motivacións e obxectivos: produción de enerxía renovable, valorización dos xurros gandeiros e mellora no aproveitamento do nitróxeno orgánico como fertilizante, diversificación dos ingresos das explotacións e contribuír a mellorar a imaxe da agricultura e os agricultores. Non só de purín vive o dixestor Almacenaxe de distintos residuos sólidos dentro da planta O 60% dos aportes ao dixestor son xurros e estercos procedentes das tres explotacións gandeiras e o 40% restante cereais, cultivos enerxéticos, lodos de depuradora e restos da industria alimentaria. Os cidadáns tamén poden levar os restos de poda ou outro tipo de material vexetal.
O 60% do que entra ao dixestor é xurro e o 40% restante, restos de cultivos, lodos de depuradora, cereais e subprodutos da industria alimentaria
“O máis importante para un bo funcionamento do dixestor é ter sempre xurro fresco”, explica Guénaël. Dous días á semana transportan o purín das granxas para a planta de metano, que consome cada día 25 metros cúbicos. A mestura que fan leva un 80% xurro de vaca e un 20% de porco. Ademáis da fosa de estocaxe de puríns, nas instalacións da planta dispoñen doutras zonas de almacenaxe para o resto de produtos empregados na mestura: 5 metros cúbicos día de lactosuero e 20 toneladas diarias de centeo, restos de palla ou millo en gran. “O dixestor é como o intestino dunha vaca e un especialista fainos unha ración equilibrada para el”, compara. Rotación de cultivos para alimentar a fermentación Nunhas 15 hectáreas de superficie Guénaël fai cultivo de centeo para alimentar o dixestor, dentro dunha rotación bianual con trigo e millo. “Recollo o trigo a 31 de xullo e abono con 125 unidades de nitróxeno procedentes do dixestor. O 15 de setembro meto o centeo, que recollo o 20 de abril, aporto 30 metros cúbicos do dixestor (150 unidades de nitróxeno) e a continuación labro o millo. Facemos unha produción agrícola moi intensiva”, recoñece.
Facemos unha produción agrícola moi intensiva
As outras dúas explotacións socias, EARL du Jahan e EARL de la Voie Lactée, tamén sementan cultivos enerxéticos para aportar ao dixestor, como millo en grao, das que consomen entre 30 e 40 hectáreas ao ano. “É a gran pega que os ecoloxistas lle poñen á planta, xa que non entenden que se cultive millo para producir enerxía”, afirma.

Maior capacidade fertilizante ca o purín  

Carga de material xa dixestado O dixestor é un pozo en forma de tubo de 6 metros de profundidade onde se mesturan os aportes sólidos e líquidos, que fermentan alcanzando os 42 graos de temperatura. O biometano xerado sae por unha tubaxe colocada na parte superior e a parte liquida, qué é máis pesada, queda abaixo. A continuación o gas é arrefriado e vai a dous motores, de 200 e 300 kw de potencia, que son os que transforman o biogás en electricidade.
Empregando o material dixestado como abono estamos a aforrar cartos, porque o seu poder fertilizante é maior e evitamos utilizar abonos químicos
As tres explotacións fan o abonando das súas terras co material dixestado, con maior poder fertilizante que o purín a partir do cal se produce. “Por exemplo, se collemos o purín de vacas leiteiras ten 2,5 unidades de nitróxeno mentres que un metro cúbico de dixestato contén 5,5 unidades de nitróxeno. É un abono máis concentrado e máis asimilable polas plantas que o xurro en estado puro. Ao aportar esas unidades de nitróxeno extra sobre os cultivos de trigo e millo economizo, porque antes utilizaba fertilizantes químicos que agora non preciso co dixestato. Nese aspecto, estou a aforrar cartos”, asegura Guénaël.

A Xunta apurará os prazos para a declaración de zonas vulnerables por contaminación na Limia

Xuntanza da chamada Mesa da Limia, onde están representados os concellos da comarca e os sectores afectados A contaminación por nitratos na comarca da Limia é un problema ambiental no que urxe tomar medidas, pero o posible custo electoral que traerían aparelladas estas decisións fai que a Xunta prefira apurar os prazos, como fixo até o de agora. A mediados de maio de 2022 o Ministerio de Transición Ecolóxica fixo pública no BOE a actualización do mapa das augas afectadas pola contaminación ocasionada por nitratos e fosfatos de orixe agrogandeira. Inclúe tamén as augas que poderían verse afectadas de non se tomaren medidas.
O Goberno galego ten de prazo até 2025 para facer a declaración de zonas vulnerables
É o paso previo necesario para a declaración da Limia como Zona Vulnerable e o establecemento de topes de fertilización (170 kg. de nitróxeno por hectárea e ano, cunha maior flexibilidade inicial) e limitacións nos períodos de abonado. A declaración compete á Xunta, que ten tres anos para facela, segundo admitiu este venres na Comisión de Agricultura do Parlamento galego o deputado popular José Antonio Armada, quen avanzou que se estirará o prazo até o 2025. Mapa de augas contaminadas O Goberno galego tratou até agora de evitar a declaración de zona vulnerable da Limia presentando alegacións contra o mapa de augas contaminadas do Ministerio. En concreto, o informe do MiTECO indica unha serie de recomendacións a aplicar por parte das explotacións en Galicia e a cartografía sinala tres masas de augas superficiais situadas no Limia en Porto Alto, no río Nocedo en Rebordechá, as dúas no concello de Xinzo, e na canle da Lagoa en Vilar de Santos. Do mesmo xeito, tamén identifica dúas masas de augas subterráneas en San Pedro de Laroá (Xinzo) e Cardeita (Sandiás), e dous puntos no pantano das Conchas, un no curso do río Limia, máis ou menos á altura de Güimil e outro na zona de Porto Quintela e Mugueimes.
O Goberno galego tratou até agora de evitar a declaración alegando contra o mapa de augas contaminadas do Ministerio
Segundo a normativa vixente, unha vez que o Ministerio fixa o mapa de augas contaminadas, as comunidades autónomas deberán designar como zonas vulnerables aquelas nas que as escorrentías flúan cara ás augas incluídas no mapa de contaminación. Problema ambiental, debate político O prazo para a declaración por parte da Xunta é de tres anos e o PP é consciente de que este é un tema sensible que podería ter consecuencias electorais na comarca. “Estamos traballando cos 12 concellos da comarca para buscar solucións”, afirmou Armada.  
Adiar a declaración de zona vulnerable a 2025 permitiría salvar o ciclo electoral das vindeiras municipais, xerais e autonómicas
A Xunta puxo en marcha o chamado Plan Estratéxico da Limia, do que non se coñecen polo de agora medidas concretas. “Estamos traballando en medidas como o establecemento de limitacións á fertilización nitroxenada ou prohibicións de abonado en determinadas épocas do ano”, avanzou o deputado popular, que unha vez máis botou a pelota enriba do tellado do Goberno central, alegando que o Goberno galego está agardando polo Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, que prepara o Ministerio de Transición Ecolóxica, para concretalas.
A inmensa maioría das explotacións que están a xerar este problema a día de hoxe autorizounas o BNG cando gobernou (José Antonio Armada, PP)
José Antonio Armada tratou de repartir culpas e responsabilidades entre a oposición. “O BNG autorizou durante o bipartito (2005-2009) un total de 107 granxas na Limia. A inmensa maioría das explotacións que están a xerar este problema a día de hoxe autorizounas o BNG cando gobernou”, espetoulle ao deputado nacionalista Xosé Luís Rivas, Mini, que defendeu na Comisión de Agricultura a proposición non de Lei do BNG sobre este asunto.   “Ocultación, inacción e desleixo” Para o deputado do BNG, a situación da contaminación por nitratos na Limia “é o resultado dun proceso dilatado de ocultación e mala xestión que é responsabilidade do Goberno autonómico, pola súa inacción e desleixo interesado”. “A contaminación difusa da comarca da Limia por exceso de xurros e fertilizantes foi agochada ano tras ano até que reventou no ano 2018”, asegurou Xosé Luis Rivas. Desde entón, dixo, comezou “un antroido que dura xa 4 anos, porque á Xunta o que menos lle interesa é a saturación das terras agrícolas de nitratos e fosfatos, as cianobacterias e os perigos para a saúde humana a través das augas”, afirmou.
Até o 2018 sempre se negou o problema por parte da Xunta, até que as evidencias foron claras e o problema reventou; foron 12 anos de permisividade (Xosé Luis Rivas, BNG)
“Son vostedes cobardes politicamente, están esperando a que os alcaldes seus da zona deixen de presionar, a que pasen as municipais”, insistiu o deputado nacionalista, que acusou á Xunta de “non facer caso aos informes dos expertos” e propuxo medidas como “unha moratoria das ampliacións das granxas, un plan de redución da carga gandeira e a compostaxe da galiñaza en terreos adecuados”. O Goberno galego aporta “solucións ao chou”, denunciou Xosé Luís Rivas, no canto de buscar “unha solución sostible e compatible coa actividade agraria na comarca”. Neste sentido, o deputado do BNG criticou a intención da Xunta de tratar 25 millóns de metros cúbicos de xurros, aqueles que non sexa posible usar ás propias granxas mediante autoaplicación, a través de 4 plantas de tratamento ubicadas nas comarcas con máis carga gandeira (A Limia, Terra Chá, Xallas e o Deza).
Están en entredito o bo nome da comarca da Limia, a súa actividade agrícola e gandeira e o seu futuro inmediato e a longo prazo
“Nada sabemos da Lei galega de xurros nin do Plan Estratéxico da Limia , o tempo corre e a carga gandeira continúa. Foron catro anos perdidos en sacudir responsabilidades; demasiados intereses comerciais e electorais, que veñen sendo o mesmo”, concluíu. O control da contaminación compete á Confederación Miño-Sil Desde o PSOE apoiaron a proposición non de Lei presentada polo BNG, na que se pedía informar tanto á Mesa da Limia como á sociedade das medidas a adoptar. “Os problemas de contaminación por nitratos en Galicia son consecuencia do abandono da superficie agraria e a aposta polo modelo de gandería intensiva”, afirmou o deputado socialista Martín Seco. Para o PSOE, a contaminación por nitratos que sofren os solos e os acuíferos na Limia presenta “datos preocupantes”. “Galicia e Cataluña eran as comunidades que tiñan máis problemas de contaminación no informe relativo aos anos 2016 a 2019, pero mentres Cataluña adoptou medidas, a Xunta non fixo nada”, denunciou.
Os problemas de contaminación por nitratos en Galicia son consecuencia do abandono da superficie agraria e a aposta polo modelo de gandería intensiva (Martín Seco, PSOE)
José Antonio Armada respostoulle que ata o pasado mes de maio “Galicia era das poucas comunidades autónomas que non tiña unha determinación de masas afectadas, polo que a gandería galega é das que menos afecta ao medio ambiente de toda España”. O deputado popular insistiu en que “a bacía do río Limia pertence ao territorio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e, de acordo con isto, o control da contaminación por nitratos das augas desta zona corresponde á Administración do Estado”. “A responsabilidade do control de contaminación por nitratos das augas da Limia corresponde á Administración estatal, que dispón de puntos de toma de auga que analiza periodicamente. Tamén lle corresponde a publicación e comunicación destes datos, sen que ningunha destas responsabilidades corresponda á Xunta, que non ten capacidade algunha de ocultación”, argumentou.

Galicia recibirá 7,4 millóns de euros para xestión de puríns, enerxías renovables e agricultura de precisión

O ministro de Agricultura, Luis Planas, informando do reparto de fondos trala Conferencia Sectorial A Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural acordou este xoves a distribución territorial entre as distintas comunidades autónomas dun total de 145.048.752,72 euros que se corresponden con distintos programas de actuación para impulsar a sustentabilidade ambiental e a competitividade do sector agrícola e gandeiro (115,3 millóns de euros) e para o cofinanciamento de programas de desenvolvemento rural (29,6 millóns de euros). O montante principal, 115.358.752,72 euros, está constituído por fondos procedentes do marco europeo de recuperación e será destinado á concesión de axudas a proxectos de “transformación ambiental e dixital do sector agroalimentario e pesqueiro”, integrados no Compoñente 3 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ( PRTR) que xestiona o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
Trátase da primeira distribución de fondos europeos post-covid entre as comunidades autónomas
O ministro, Luís Planas, destacou que se trata da primeira distribución de fondos que se realiza entre os distintos territorios para as actuacións contempladas neste plan, que debe servir de impulso e modernización para ao sector agroalimentario. "A mobilización dun volume tan importante de recursos abre unha oportunidade extraordinaria para o sector agrícola e gandeiro, que permitirá non só a superación da crise e a recuperación do emprego, senón que facilitará a modernización do sector primario, co obxectivo de que dita recuperación sexa verde, dixital, inclusiva e social", destaca o Ministerio nunha nota de prensa. 151.000 euros máis para saneamiento Por outra banda, a Conferencia Sectorial acordou igualmente que o MAPA transfira 151.659,67 euros á comunidade autónoma de Galicia dos fondos do programa estatal para a erradicación de enfermidades animais porque na distribución aprobada o pasado 20 de maio produciuse un erro no cálculo da asignación que lle correspondía. Igualmente aprobouse o pago de 21.667,5 euros á comunidade de Andalucía, que é a parte que corresponde ao MAPA para cumprir unha sentenza do contencioso administrativo sobre incremento de axudas ao oliveiral por unhas xeadas producidas no inverno de 2005 (a outra metade débea achegar a Junta de Andalucía).

Agricultura de precisión, eficiencia enerxética e economía circular

O Consello de Ministros autorizou na súa última sesión, o martes día 19, a distribución territorial dos fondos de recuperación tras a covid-19 (145 millóns de euros), que á súa vez se divide en dúas partidas. A máis cuantiosa delas, de 102.758.752,72 euros, está destinada ao apoio a investimentos en agricultura de precisión, eficiencia enerxética e economía circular no sector agrícola e gandeiro. Os outros 12.600.000 euros empregaranse no financiamento de proxectos no ámbito da sanidade animal e vexetal que reforcen os sistemas de capacitación e bioseguridade en viveiros e centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte terrestre de animais. Os 102.758.752,72 euros distribuídos neste capítulo principal correspóndense coa anualidade de 2021 do citado plan de investimento para promover a agricultura de precisión, que ten prevista unha dotación total de 307 millóns de euros ata o ano 2023. A medida inclúe catro programas: investimentos en sistema de xestión de estercos en gandería (27.750.896 euros), transformación integral e modernización de invernadoiros (40.218.690,72 euros), investimentos en eficiencia enerxética e enerxías renovables (incluíndo biomasa e biogás) (8.345.378 euros) e aplicación de agricultura de precisión e tecnoloxías 4.0 no sector agrícola e gandeiro (26.443.788 euros).
As axudas financiarán actuacións de carácter ambiental e de dixitalización en 5.000 explotacións ata 2026
Así, o obxectivo destas axudas é o de mellorar a sustentabilidade, a competitividade e a resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, ambiental e social, en explotacións agropecuarias, que executarán antes do segundo trimestre de 2026 proxectos relacionados coa agricultura de precisión, a eficiencia enerxética, a economía circular e o uso de enerxías renovables. Luís Planas sinalou que esta medida trata de chegar polo menos a 5.000 explotacións para que executen proxectos relacionados coa agricultura de precisión, a eficiencia enerxética, a economía circular e o uso de enerxías renovables. Aproveitamento de xurros e instalación de enerxías renovables En materia de economía circular, inclúense investimentos para a xestión, provisión e acondicionamento de biomasa de orixe agrícola e tamén as destinadas á valorización enerxética das dexeccións na gandería. Para favorecer o uso de enerxías renovables, incentívase a substitución de sistemas de xeración de enerxía a partir de combustibles fósiles ou a instalación de sistemas de abastecemento con fontes renovables presten apoio ás necesidades enerxéticas eléctricas e térmicas das explotacións e as súas instalacións.
As axudas promoverán o uso de plantas de biogás e a valorización enerxética das dexeccións na gandería
Na eficiencia enerxética contémplanse, entre outras actuacións, o acondicionamento e illamento de edificios, e naves auxiliares das explotacións, ou os sistemas de climatización e ventilación que optimicen e o consumo enerxético das explotacións.   Plan específico para invernadoiros O programa de apoio para a transformación integral e modernización de invernadoiros consta dun conxunto de actuacións que inclúen tanto investimentos de tipo produtivo para a mellora estrutural e da eficiencia enerxética, como tamén de tipo non produtivo para impulsar a transición cara a modelos ambientais máis sostibles. A agricultura de precisión inclúe os sistemas de xeolocalización e navegación por satélite (GNSS), a recollida de datos en tempo real mediante sensores e imaxes por satélite e aerotransportadas, sistemas de información xeográfica (SIG), cartografía, comunicación e conectividade.
A agricultura de precisión inclúe os sistemas de xeolocalización e navegación por satélite
Así, as actuacións previstas neste programa abarcan un amplo abanico de equipos, dispositivos e aplicacións software con alcance tecnolóxico diverso, que poden combinarse en proxectos de investimento dirixidos á consecución duns obxectivos concretos de sustentabilidade nas explotacións.

Bioseguridade en Sanidade Animal e Vegetal

O obxectivo deste investimento é reforzar as condicións de bioseguridade como elemento determinante para a prevención da propagación de enfermidades animais ou pragas e organismos nocivos dos vexetais. A anualidade de 2021 distribuída hoxe (12.600.000 euros) completarase nos dous exercicios seguintes ata un total de 38 millóns de euros. Dentro deste capítulo contémplanse dúas liñas de investimentos, para a mellora dos centros de limpeza e desinfección de vehículos de transporte de gando ou a creación de novos centros (6,3 millóns de euros), e para instalacións de protección en invernadoiros fronte a insectos vectores (6,3 millóns de euros). Prevese a actuación en polo menos 465 instalacións.

Aportación adicional de 29 millóns de euros para desenvolvemento rural na anualidade 2021

A Conferencia Sectorial acordou tamén a distribución territorial de 29.690.000 euros de achega adicional da Administración Xeral do Estado durante a anualidade 2021 destinada ao cofinanciamento dos programas de desenvolvemento rural das comunidades autónomas, que foron prorrogados ata o ano 2022 en virtude do regulamento de transición da PAC.
Esta achega é complementaria á realizada en abril, por importe de 104 millóns de euros
Esta achega é complementaria á xa realizada na conferencia sectorial do pasado mes de abril por importe de 104,1 millóns de euros. Con esta achega adicional, o Goberno contribúe a cumprir co compromiso de cofinanciamento das medidas e intervencións de desenvolvemento rural durante o período 2021-2027.

Así é a folla de ruta para reducir as emisións de gases no agro

O agro ten un escaso papel na emisión de gases de efecto invernadoiro, que se pode cuantificar en arredor dun 12% do total das emisións españolas. Tampouco é unha actividade á que se lle poida achacar unha gran responsabilidade na contaminación atmosférica, pero en calquera caso, o agro, igual que o resto de sectores produtivos, verase na obriga nos próximos anos de adoptar medidas para reducir as emisións. É un compromiso político a nivel europeo que semella non ter volta de folla. Analizamos as restriccións ambientais que chegarán ás granxas nos próximos anos da man de Juan Sagarna, técnico de Cooperativas Agroalimentarias de España, que vén de falar sobre estas cuestións nunha xornada da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca). “Podemos falar das medidas que aparecen recollidas no Plan Nacional de Energía y Clima e no Plan Nacional de Control de la Contaminación Atmosférica, pero probablemente pasen anos antes de que estas medidas se plasmen en decretos ou ordes ministeriais. Polo de agora son tendencias, un compromiso de que no futuro se regularán estes aspectos”, explica Juan Sagarna.

Medidas propostas a Europa para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro

A actividade gandeira produce emisións de metano e óxido nitroso, dous dos gases responsables do cambio climático. Para diminuílas, o plan nacional de Enerxía e Clima propón, entroutras, as seguintes medidas: - Establecemento de plans de fertilización por cada produtor e rexistro de tódalas aplicacións nun caderno de explotación. - Baleirado frecuente de purín nas granxas de porcino. - Cobertura das balsas de puríns nas novas instalacións de vacún e porcino. - Separación sólido-líquido dos puríns en zonas con alta concentración de porcino e bovino. Elaboración de compost a partir da fracción sólida dos xurros nesas zonas.

Medidas propostas a Europa para reducir as emisións de amoniaco

O amoniaco é outro dos gases producidos pola gandería que preocupa a nivel europeo, pois considérase que ten impacto na saúde humana. Malia que o porcino é o gran responsable das emisións gandeiras de amoniaco (40%), o vacún de leite, que só produce o 10%, e o vacún de carne (20%) terán tamén que afrontar medidas de reducción con toda probabilidade. As que se propoñen no plan nacional de control da contaminación atmosférica son as seguintes: Xestión dos xurros - Ampliar a prohibición de repartir puríns en abanico ós fertilizantes orgánicos con máis dun 40% de humidade. - Limitar a aplicación de nitróxeno ureico a un 30% do total das unidades de nitróxeno aportadas. - Evacuar dúas veces por semana o esterco en explotacións de gando bovino e porcino. - Incorporar as mellores técnicas dispoñibles (MTDs). Alimentación animal - Implementar a alimentación multifase en vacún, aves de carne e porcino. É dicir, a ración deberase axeitar ás necesidades do animal en cada momento, evitando os excesos de nutrintes na dieta. - Reducir a proteína na alimentación do gando. A menos proteína, menos nitróxeno e menos amoniaco nas dexeccións.

Que pasará coa aplicación de puríns en abanico?

O Plan Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que foi aprobado polo Goberno e remitido a Bruxelas este outono, aspira a que no 2030 o 80% dos xurros se apliquen coa tecnoloxía de tubos colgantes e a que sexan enterrados antes das 24 horas. Por tanto, a medio prazo o reparto de puríns en abanico semella sentenciado. Para o 2020, todo apunta a que se permitirá a continuación das excepcións dos últimos anos, pero Juan Sagarna é escéptico sobre o que sucederá en anos vindeiros. “É complicado que se poidan manter as excepcións, pois previsiblemente haberá presións da Comisión Europea”, valora. Papel das axudas da PAC O novo periodo de axudas da Política Agraria Común (PAC), que non arrancará antes do 2022, incluirá liñas de axudas para mellorar as prácticas ambientais no agro. Serán os chamados ecoesquemas, que previsiblemente apoiarán ás ganderías que adopten medidas para reducir as emisións. Como se lexislarán as restriccións e os incentivos para mellorar as prácticas gandeiras é a gran incertidume que pende sobre o sector. A esperanza das organizacións do agro é que as medidas sexan consensuadas co sector antes da súa publicación.

SAT O Liñar, unha explotación preocupada polo confort das vacas

Miguel López, na súa explotación de San Martiño de Fontao, en Sarria SAT O Liñar é unha explotación familiar con relevo xeracional que mira cara ao futuro. Miguel López incorporouse fai 5 anos e investiu desde entón sobre todo no benestar das vacas. Xa dobrou o número de cabezas que antes atendía a súa nai, Belén, e pretende dimensionar a granxa para que sexa viable contar con man de obra externa que lle permita tamén a el ter a calidade de vida da que agora disfrutan as súas vacas. Miguel, coma moitos outros mozos e mozas fillos de gandeiros, non se formou pensando en seguir coa explotación. El fixo un Ciclo Superior de Mantemento Industrial e traballou como empregado fóra do sector agrario. "Pero a min as vacas gústanme e fastidiábame moito deixar isto, polo que tanto loitaron os meus pais, sen relevo. É certo que invistes moito para gañar pouco, así que ten que gustarche. E eu estiven debaixo de xefes e prefiro traballar para min", di Miguel.
"Cando chegue ás 100 vacas en produción pararei, non quero perder o control do establo"
Así que se animou no 2014 a seguir coa gandería e desde entón non parou de facer cambios, unhas melloras que quere seguir acometendo de xeito progresivo, para non hipotecar a viabilidade da explotación, e en paralelo ao aumento no número de vacas co que financiar os investimentos. Pasou xa das 60 cabezas que había cando tomou o relevo a 125. Está muxindo neste momento 67 vacas e quere que sexan 80 en menos dun ano. A súa intención e chegar, cando complete as melloras e ampliacións previstas, a entre 90 e 100 vacas en produción. "Teremos que meter entón unha persoa a traballar, pero non quero medrar máis porque senón perdes o control do establo e eu son da idea de facer eu as cousas e se aumentas moito e metes moita man de obra perdes ese control", razoa. Mellora das instalacións O Liñar aumentou a zona para as vacas en produción con máis cubículos e máis amplos De momento a explotación aténdena el e a súa nai. "Meu pai bótanos unha man cando sae de traballar e as fins de semana, ou tamén en campaña, cando eu me dedico máis ao traballo agrario", explica. Cos cambios que foron facendo na granxa nestes últimos anos tamén foron gañando en comodidade á hora de traballar e agora "co mesmo traballo ca antes temos o dobre de animais e o dobre de produción e tamén máis beneficios", afirma Miguel. "Hoxe unha explotación para que sexa algo rendible tes que tela cómoda e ordenada, que haxa confort tanto para as vacas como para o gandeiro. Foi no que me centrei nos últimos tres anos. Dinlle unha volta ao que había buscando sobre todo maior confort tanto para as vacas como para min", di.
"Hoxe unha explotación para que sexa algo rendible tes que tela cómoda e ordenada, que haxa confort tanto para as vacas como para o gandeiro"
O primeiro que fixo foi reformar os cubículos e aumentar o número de prazas dispoñibles coas que contaba. "Ampliei os cubículos, as camas e os pasos e puxen panel sándwich nesa zona. As vacas están aí todo o tempo, iso quere dicir que están máis cómodas nesa zona, así que quero cambiar o resto do teito e poñer panel sandwich ao resto da nave tamén", explica. Máis espazo para a recría As becerras e xovencas están moi apertadas, polo que precisan dunha zona nova para elas A prioridade para Miguel no momento de incorporarse foi mellorar antes de nada e en primeiro lugar as instalacións das vacas en produción, co que notou xa un incremento inmediato na rendibilidade. Pero agora, en segundo lugar, tocaralle o turno á recría, algo que tamén terá efectos sobre a produción nas primeiras e sucesivas lactacións dos animais. Ten xa solicitado un plan de mellora para facer unha nova nave de 12x18 metros destinada ás becerras e xovencas. A súa intención é ter toda a recría en cama fría de compost separada en lotes por idades. "Botarei 40 centímetros de compost de inicio e logo movereino cada 3 días en inverno e cada máis tempo no verán porque cando fai bo tempo seca máis e non é necesario movelo tanto", calcula.
"Ao final gastas en xenética e non lle sacas todo o rendemento, porque ao ter as xatas apelotonadas por moito que as mimes non logras resultados. Estanme parindo aos 26 meses, polo que estou perdendo 3 meses de leite en cada unha por non ter instalacións axeitadas"
"As becerras témolas moi mal de espazo e están bastante apertadas. Paren aos 26 meses, estou perdendo 3 meses en cada unha por non ter instalacións axeitadas", recoñece. "É moi raro que teñamos unha becerra con neumonía ou con descomposición. Até o destete, que facemos con 2 meses ou 2 meses e medio, van moi ben, porque a miña nai é un fenómeno para as becerras porque ten moita paciencia e trátaas moi ben, pero todo ese traballo vaise ao traste despois por non ter sitio", indica. "Ao final gastas en xenética e non lle sacas todo o rendemento, porque ao telas apelotonadas por moito que as mimes non logras resultados", conclúe. Na SAT O Liñar poñen seme sexado nas xovencas coa intención de medrar no número de cabezas. No traballo que fai en xenética, tanto nas primeirizas como nas vacas con máis dun parto, Miguel o que prioriza son calidades e litros. Está entregando neste momento a Naturleite. A sala quedou tamén pequena A sala de muxido quedoulle tamén pequena. "Temos 6 horas diarias de sala entre muxir e lavar", conta. Ten só 6 puntos polo que o tempo nela alóngase cando ás 7 e media da mañá e ás 7 e cuarto da tarde se poñen a muxir. Miguel decántase por unha nova sala no canto de poñer robots. "Meterei sala outra vez, porque un robot non me chega e para dous non teño gando dabondo", argumenta.
"Notamos moito aumento de produción ao mellorar a comodidade das vacas e en tres anos pasamos de 27 litros de media a 32"
Pero a súa substitución terá que agardar. "O primeiro é rematar a ampliación para as vacas en produción e facer a nova zona para a recría e despois cambiar a sala, os cambios teñen que ser escalonados e ir por fases, e teño claro que o primeiro é a comodidade das vacas e despois a miña á hora de muxir", razoa. Eses cambios que foi facendo xa deron resultados. "Por mellorar o manexo aumentei en tres anos a produción de 27 litros de media a 32 e seguimos subindo", explica. "Notamos moito aumento de produción ao mellorar o confort das vacas. Ao ampliar os cubículos as vacas están máis cómodas e iso notouse tamén no leite", di. "Son un esclavo das forraxes" Na ración reduce o uso de concentrado Nese programa de mellora progresiva que Miguel ten previsto, despois de acabar coa ampliación das instalacións e coa substitución da sala de muxido, tocaralle o turno a mercar un carro mesturador propio. Agora mesmo está nunha CUMA. O ensilado realízao na propia explotación e a ración é única: 21 quilos de silo de millo, 19 de herba e 10 de penso. "Non é tampouco unha ración de alta produción. Eu son un esclavo das forraxes pero limito moito o concentrado porque nós non queremos saír en revistas, queremos ter rendibilidade a final de mes e se non superas o 50% do cheque do leite en pensos, unha media de 32 litros é tan rendible como unha de 40 con máis penso", di.
"Nós queremos ter rendibilidade a final de mes e unha media de 32 litros con menos penso é tan rendible coma unha de 40 litros con máis concentrado"
Dispoñen de 26 hectáreas de terreo, das que botan a millo 16 e o resto están a herba. Pero a intención de Miguel é aumentar máis superficie para non ter que facer rotación anual de millo e raigrass en tantas fincas. "O millo quere ir cedo e ben traballado e rotando pégaste un tute grande pero non abonas nin fas os traballos igual e o rendemento non é o mesmo. Eu saco de media entre 40 e 42 toneladas por hectárea. Con menos de 30 non compensa botar millo porque sáeche en 1.300 ou 1.400 euros por hectárea, que son moitos cartos", afirma. Na zona na que se atopa esta SAT hai varios gandeiros sen relevo, pero San Martiño de Fontao está pegado a Sarria e iso encarece moito os prezos. "Merquei 3 hectáreas pero pagamos a 4 e a 4,50 euros o metro cadrado", conta Miguel. "Tiven que ir coller terras a 10 quilómetros porque aquí están carísimas", engade.

Separador de purín e cama de compost

O separador funciona 2 días á semana, en 6 horas logra 14 metros cúbicos de compost O primeiro que fixo Miguel ao incorporarse á granxa dos pais foi mercar un separador para o purín. "Non me chegaba a balsa e así reducín a necesidade de ter máis balsa", explica. Outra razón foi mellorar o confort das vacas nas camas. "Tiña cascarrilla e cal e facía eu a mestura na casa porque mercada era insostible. Tiña 700 euros de custo ao mes pero as vacas mancábanse moito porque botaba cada 10 días e baleirábanse moito os cubículos", lembra.
Reduciu as células case á metade ao empezar a mover o compost das camas todos os días
Así que non o pensou moito. "Fun ver dous separadores a Navarra no mes de xullo do ano pasado e aos dous días merqueino. Vin convencido porque estaba aburrido das camas baleiras e area non podía poñer porque teño emparrillado e balsa de lona", explica. Mercou unha gradilla para mover o compost e en 20 minutos ten todas as camas feitas "Decanteime por este polo prezo, porque aforraba algo en comparación con outros separadores que hai no mercado e tés o mesmo produto", considera. Aínda así o investimento é grande. "Moita xente pregúntame se me compensa para unha explotación pequena coma esta e eu digo que si, porque só por ver as vacas ben, limpas e cómodas, xa me merece a pena. Tardarei 2 anos máis en pagalo seguramente con respecto a unha explotación máis grande pero penso que é rendible igual o investimento", xustifica. O modelo que Miguel instalou distribúeo a empresa de Sarria Corbar Maquinaria e comezou a funcionar na súa explotación hai agora un ano. Xunto ao instalado na SAT Ladeira do Páramo foi dos primeiros en poñerse en Galicia. Así que empezou todo "un pouco á aventura", di Miguel. "Cando comecei tiña recontos de 240.000 células e botei así meses. Cando empecei a mover todos os días o compost e a telo seco baixei até as 130.000", conta.
"A 70ºC non matas todas as bacterias, matas as malas, como o E-coli, pero levas as bacterias boas para a cama das vacas"
Defende que a utilización de compost nas camas ten importantes beneficios para a saúde dos animais. "A 70ºC, que é a temperatura á que sobes o compost, non matas todas as bacterias, matas só as malas, como o E-coli, pero levas as bacterias boas para a cama das vacas", argumenta. Como o custo do material é inferior a sistemas como a area, o carbonato ou a cascarilla, as camas están sempre máis cheas, coa vantaxe de que o sobrante volve ao pozo do purín e non se perde, xa que volve ao circuito e é reciclado e reutilizado. Cubrir a balsa e fertirregar Pretenden separar toda a parte sólida do purín para botar nas terras do millo e fertirregar coa parte líquida Coa dimensión que ten SAT O Liñar o separador non ten que funcionar todos os días para dispoñer da cantidade de compost precisa para encher os cubículos. "Separo dous días á semana, cada día 6 horas e logro 14 metros cúbicos de compost. Encamo cada 5 días e móvoo todos, que é o ideal", di. Mercou unha gradilla para mover o compost nos cubículos diariamente para que deste xeito non se apelmace para que as vacas estean máis cómodas e ao airearse seque mellor tamén, sobre todo no inverno. "Coa gradilla aforras traballo, porque con 20 minutos ao día tes as camas amañadas", explica. Miguel ten solicitado tamén cubrir a balsa do purín para empregalo para botar nas segundas cortas e nun futuro fertirregar con ela e pasar a separar todo o purín en compost para botar ao millo. "Boto 10 hectáreas de millo que están a 4 quilómetros e cando levas o purín a metade é auga, así que non optimizas o transporte. Se en vez de purín levara compost todo o que vai na viaxe é abono", argumenta. Pouca potencia de luz Miguel instalou placas solares e non notou incremento na factura polo uso do separador Esta explotación ten un problema coa potencia de luz da que dispón, unha situación que se repite en moitas granxas que deciden ampliar. "Teño 8 Kw e ando moi xusto, grazas a que non teño arrobadeiras, senón non me chegaría. E o separador teño que poñelo nas horas nas que non muxo", conta. Coma moitos outros gandeiros na súa mesma situación, atópase co problema de que para ampliar a potencia que ten contratada é necesario reforzar antes a liña eléctrica que chega até o seu establo, pero a compañía subministradora obrígao a ter que pagar el o custo que isto supón. Os problemas de subministro eléctrico e a falla de potencia é unha situación que vén de vello e que tratou de mitigar coa instalación de placas solares. "Puxen só 8 Kw porque era a potencia máxima que tiña contratada. Instalei as placas cando puxen o separador e non notei aumento na factura da luz como consecuencia do seu funcionamento", asegura.
   

As granxas terán que medir a súas emisións e comprometerse a reducilas

O sector gandeiro analiza con preocupación algunhas das esixencias que recaerán sobre as granxas en poucos anos. A orientación que Europa lle está dando á nova Política Agraria Común (PAC), que se espera para o 2022, elevará os requisitos que terán que cumprir as granxas para contribuír a mitigar o cambio climático e para colaborar na conservación da biodiversidade. Unha das esixencias claras será a medición das emisións de cada granxa e a adopción de compromisos para reducilas. Que aspectos cambiarán para as granxas á hora de cobrar as axudas da PAC?. Unha das primeiras cuestións a ter en conta é que o que hoxe son requisitos ambientais voluntarios pasarán a ser obrigatorios. É dicir, pagos adicionais de hoxe coma o ‘greening’ (pago verde), que esixe unha diversificación de cultivos ou o mantemento de superficies de interese ecolóxico, convertiranse en parte do pago básico. “Haberá unha condicionalidade reforzada. Se non se cumpren uns requisitos mínimos medioambientais, non se cobrarán as axudas da PAC”, explica Concha Gafo, da Subdirección de Productos Ganaderos do Ministerio, que vén de explicar as regulacións que se aveciñan nunha xornada en Santiago organizada pola Interprofesional Láctea. Ecoesquemas de clima e medioambiente Outra cuestión que preocupa no sector é a das esixencias que se marcarán para reducir emisións, tanto de gases de efecto invernadoiro, caso do CO2 ou do metano, coma doutros gases que afectan á saúde, coma o amoniaco. “Estase traballando nunha ferramenta informática, Ecogan, que permitirá calcular as emisións de cada granxa, e teranse que regular e valorar as medidas de mitigación que poderán adaptar as ganderías”, sinala Concha Gafo. A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de reducción é unha das cuestións que se premiarán na próxima PAC a través de ecoesquemas, uns pagos adicionais cos que se quere incentivar ó sector a implicarse na mitigación do cambio climático e na conservación da biodiversidade. Entre o sector gandeiro, agárdase a que por parte do Ministerio haxa unha consulta activa ó sector antes de regular novas esixencias. O Ministerio, pola súa banda, está a actuar nestes momentos en dous frentes normativos. Plan Estratéxico da PAC Un primeiro pilar de cara ó futuro é a elaboración do Plan Estratéxico Nacional para a PAC post-2021, un apartado no que Agricultura está traballando con reunións separadas a tres bandas coas comunidades autónomas, organizacións agrarias e cooperativas, e ONGs ambientalistas. O Plan Estratéxico que se está a elaborar en España terá que ser despois validado pola Comisión Europea, antes da súa aplicación na práctica. Decreto de ordenación do vacún Un segundo frente é a elaboración dunha normativa de ordenación sectorial para o vacún, un proceso que arrancou en xuño do 2017. O obxectivo de Agricultura é a publicación dun decreto básico que regule aspectos coma o benestar animal, a bioseguridade ou cuestións medioambientais. O novo decreto podería abarcar tanto a granxas de leite como a produtores de vacún de carne (granxas de vacas nutrices e cebadoiros), se ben tamén existe a posibilidade de publicar decretos específicos para ordear cada sector. A idea do Ministerio é lograr un consenso coas organizacións agrarias e cooperativas para regular cuestións mínimas a cumprir polas granxas en funcionamento e polas novas ganderías. Tamén se definirán as responsabilidades de titulares das granxas e dos veterinarios, así coma os controis e sancións que se poderán aplicar. O obxectivo do Ministerio é que esta normativa xa estea adaptada ós requisitos da próxima PAC, a fin de evitar esixencias diverxentes en ambos regulamentos. Para a elaboración da normativa de ordenación sectorial, o Ministerio mantivo aberto un periodo de consulta pública o inverno pasado. Unha das poucas aportacións chegou da organización agraria Coag, que pediu que se regulara no decreto o tamaño máximo das granxas, a fin de evitar a creación de macrogranxas en España.

O agro busca unha saída ó ‘labirinto’ de xurros da Limia

O alto volume de xurros que xeran as ganderías intensivas da Limia teñen complicado encaixe na comarca, unha situación que se foi capeando ata que o problema saltou a Bruxelas, onde a Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea recibiu a finais do 2018 unha denuncia pola contaminación por nitratos na Limia. O sector gandeiro e industrial da comarca apura dende entón reunións coa Administración, a última na mañá de hoxe, para buscar solucións que non vaian en perxuicio de gandeiros e agricultores. As alternativas que a Xunta pon sobre a mesa pasan polo tratamento de parte dos xurros xerados nunha nova planta que quere poñer en marcha na Limia. Esta planta viría a complementar á que Coren ten en Sarreaus, en proceso de reapertura, tras anos pechada. Coren informou hoxe na reunión da Mesa da Limia que antes do Nadal conta con reabrir a planta, que ten capacidade para tratar arredor de 100.000 toneladas de puríns ó ano. Primas para as granxas A nova planta proposta pola Xunta para A Limia complementaríase con outras tres no resto de Galicia (Deza, Mazaricos e A Pastoriza). O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou hoxe na Limia que o obxectivo da Administración é abonarlle ós gandeiros primas por metro cúbico de purín que entreguen nas futuras plantas de tratamento. A Xunta proxecta que esas primas se financien cos fondos do novo ciclo de axudas da Política Agraria Común (PAC 2021-2027). Outra das iniciativas medioambientais anunciadas pola Xunta é a elaboración dunha Lei de Dexeccións Gandeiras. Con estas medidas, a Xunta considera que poderá esquivar a declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos na Limia.

Zona Vulnerable a Nitratos, 'pataca quente'

A declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos, que non desexan nin Coren nin a maioría de granxas da comarca, obrigaría a establecer medidas de obrigado cumprimento para ganderías e agricultores. Entre elas, a limitación dos periodos nos que se pode fertilizar a terra ou aplicar xurros, a cantidade máxima de fertilizantes a aplicar (170 quilos de nitróxeno por hectárea e ano) ou un rexistro de abonado e de parcelas nas que se aplicaron os puríns.
A Xunta oponse a que o Ministerio identifique o encoro das Conchas como zona afectada por nitratos agrarios
O problema evidente de contaminación por nitratos que atravesa o encoro das Conchas, augas abaixo da Limia, levou ó Ministerio para la Transición Ecológica a identificalo este verán como zona afectada por nitratos agrarios nun proxecto de orde que prepara sobre a materia. Esa catalogación é un paso previo á declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos na comarca, unha declaración que sería competencia da Xunta. A Administración galega trata de esquivar ese paso. Polo de agora, Medio Rural alegou contra o proxecto de orde do Ministerio para la Transición Ecolóxica. Argumenta a Xunta que ningún punto de mostreo de augas subterráneas reflicte valores medios anuais superiores ós 50 miligramos de nitratos por litro de auga -o límite legal-, se ben tamén é certo que a Confederación Hidrográfica ten detectados incumprimentos puntuais nun 24% dos seus puntos de mostreo.
A Plataforma Auga Limpa Xa incide na necesidade de medidas eficaces que atallen a contaminación das augas
O problema dos xurros na Limia é dobre. Por un lado, as posibles limitacións afectan a granxas e agricultores. Por outro lado, a contaminación das augas é un asunto que lle preocupa a tódolos veciños. Debate A Plataforma Auga Limpa Xa, que aglutina a veciños sensibilizados co problema da contaminación das augas, analiza a cuestión con prudencia. “Estamos vendo que nos últimos meses hai interese de tódalas partes por buscar solucións, pero tamén é certo que son precisos feitos, non só palabras. Pola nosa parte, pedimos medidas eficaces de regulación dos residuos gandeiros”, explica Carmen Rodríguez, que participou hoxe na Mesa da Limia como unha das integrantes da Plataforma Auga Limpa Xa. Desde o colectivo veciñal advirten tamén de que hai análises de pozos privados que reflicten valores máis altos de nitratos que os recollidos polos mostreos da Confederación Hidrográfica. “Hai un problema de valores altos de nitratos, dos que os veciños deben estar informados, e hai que buscar solucións antes de que o problema medre”. O aumento da xestión dos puríns en plantas de tratamento é unha cuestión que a Plataforma vería como positiva. Outra opción que suxire é a extensificación de parte da gandería intensiva da Limia. “Coren está traballando en proxectos de porcino ecolóxico ou semiextensivo e sería interesante que algún deses proxectos, con menor carga gandeira, sustituíse a granxas intensivas da comarca”, valora Carmen Rodríguez.
-- Actualización: Información modificada o 21-IX por petición da Plataforma Auga Limpa Xa, que quixo rectificar as declaracións feitas o día anterior.

Os condicionantes ambientais que se aveciñan nas ganderías

A gandería verase afectada nos próximos anos por unha serie de restriccións ambientais que se están comezando a perfilar. A cuestión de fondo é que a Comisión Europea embarcouse nun ambicioso plan para reducir tanto as emisións de efecto invernadoiro como as de gases que afectan á saúde humana, caso do amoniaco ou o óxido nítrico. Son dúas cuestións que impactarán de cheo na gandería. O borrador do plan estatal 2019-2022 para o control da contaminación atmosférica prevé unha serie de restriccións ambientais na gandería, unha cuestión que preocupa moito ó sector. A inquietude polos condicionantes ambientais que se aveciñan púxose de manifesto nunha xornada sobre o sector lácteo organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), na que o director xerente de Agaca, Higinio Mougán, enumerou algunhas cuestións previstas, como a prohibición da aplicación de xurros en abanico, cambios nas naves gandeiras e nas foxas de xurro, a limitación da fertilización con urea ou a modificación da dieta das vacas para reducir a inxesta de proteína.
O Goberno está desenvolvendo normativas sectoriais en porcino e avicultura e prevé tamén unha regulación específica para o bovino
Para o director de Agaca, que botou en falta unha clase política máis comprometida co agro, é preciso que alomenos tódolos condicionantes que se aveciñan sexan consensuados co sector, de xeito que se poidan aplicar de xeito gradual e co menor impacto posible sobre as ganderías. O que sucedeu hai dous anos coa normativa que nun principio prohibiu de súpeto as aplicacións de xurro en prato ou canón é para Higinio Mougán un exemplo do que non debe volver a pasar. Medidas sen lóxica non abordadas previamente co sector. En Galicia, existe tamén un malestar claro pola proposta gubernamental de penalizar a gandería de vacún no plan de reducción de emisións, en tanto ó porcino, principal actividade emisora de amoniaco en España, permitiríaselle seguir medrando en emisións. O director de Agaca, Higinio Mougán, na xornada sobre o sector lácteo. O borrador do plan nacional de control da contaminación atmosférica 2019-2022, que estivo recentemente a exposición, márcase o obxectivo de reducir as emisións de amoniaco na gandería nun 22% no 2025 e nun 45% no 2030. Para elo, prevense as seguintes limitacións para a gandería:

Establecemento de plans de abonado e fertilización

Os plans de abonado por explotación serán obrigatorios no agro a partir dunha determinada superficie, que se definirá en función do tipo de cultivo. Ese plan calculará as necesidades totais de nitróxeno e limitará a parte que se poderá aportar en forma de nitróxeno ureico, pois este ten maiores perdas de amoniaco á atmósfera. No caderno de explotación xa habilitado para rexistrar as aplicacións de fitosanitarios, está previsto que os produtores teñan que consignar tamén as aplicacións que fan de fertilizantes e xurros.

Limitación do uso de urea

O etiquetado dos fertilizantes obriga a declarar e garantir os contidos en nitróxeno nas súas distintas formas (ureica, amoniacal e nítrica). Restrinxirase a aplicación de nitróxeno en forma de urea, tanto en solucións nitroxenadas coma en compostos NPK. Prevese tamén un impulso a boas prácticas, como a aplicación dunha rega inmediata tras a distribución de fertilizantes químicos, o que contribúe a incorporación do nitróxeno ó solo. Espérase ademais que aumente o uso nos fertilizantes de tecnoloxías coma inhibidores da ureasa ou recubrimentos.

Prohibición de aplicar en abanico puríns, abonos orgánicos con humidade superior ó 40% e lodos

O escenario debuxado para o futuro é que no 2030 un 80% dos puríns se estean repartindo cun sistema de tubos colgantes ata o solo, quedando no mínimo a distribución habitual hoxe en día, cun sistema de abanico. De xeito complementario, o plan aspira a que un 80% dos puríns sexan enterrados antes de 24 horas, a fin de reducir as emisións de gases á atmósfera.

Reducción da proteína na ración dos animais

Fomentarase unha alimentación que limite a proteína bruta en función das necesidades dos animais, pois por exemplo, en vacún de leite, non son iguais as necesidades proteícas dunha vaca na primeira fase da lactación que na súa última fase ou nunha vaca seca. A menor proteína, menos inxesta de nitróxeno e menores emisións de amoniaco nas dexeccións gandeiras. O obxectivo da Administración é fixar unhas pautas de alimentación nas normas sectoriais que se están desenvolvendo na actualidade para porcino e avicultura, así como na normativa de ordenación que se prevé desenvolver para as ganderías bovinas. Esa normativa, a parte de cuestións ambientais, abordará cuestións de benestar animal e bioseguridade, entre outras.

Manexo dos estercos nas ganderías

Nas instalacións de gando porcino e bovino, deberase retirar o esterco das instalacións alomenos dúas veces á semana, o que reducirá as emisións de metano e amoniaco.

Cambios nas instalacións do gando e nas foxas de xurros

O plan de control da contaminación atmosférica prevé que se establezan medidas que contribúan a reducir as emisións tanto nas naves gandeiras e foxas de xurro existentes, como nas de nova creación. Estas últimas terán que cumprir con novos condicionantes, unha vez que se aproben as correspondentes normativas. A normativa europea xa enumera unha serie de técnicas que contribúen a reducir as emisións, pero está por ver que obrigas se fixan na regulación estatal. Cuestións como a cobertura das foxas de purín ou a reducción do vento na súa superficie por medio de barreiras naturais coma árbores son algunhas das posibilidades para limitar emisións. Xornada sobre o sector lácteo desenvolvida onte por Agaca en Santiago.

O complicado ‘puzle’ de xurros e estercos da Limia

A Limia conta con arredor de 400 granxas intensivas de porcino, polos e becerros. En conxunto, estas explotacións suman unhas 75.000 unidades de gando maior e xeran uns residuos que equivalen a unha poboación de 1,4 millóns de persoas. A xestión de tal volume de xurros e puríns convertiuse nos últimos anos nun problema para as augas da comarca, nas que se detectan episodios de contaminación por nitratos. A Confederación Hidrográfica Miño-Sil recoñece que o encoro das Conchas, no río Limia, presenta un “problema evidente” de contaminación por nitratos, que leva a episodios estivais de eutrofización e proliferación de cianobacterias. Outro dato negativo é que un 24% dos puntos de control de augas subterráneas, 5 de 21, presentan incumprimentos puntuais do valor límite para os nitratos. A boa noticia é que os valores medios anuais de tódolos puntos de control de augas subterráneas e de augas superficiais cumpren coas normas de calidade aplicables ós nitratos. Con todo, a Confederación conclúe que é preciso reducir a concentración de nutrientes nas masas de auga, que actualmente están implicando que no encoro das Conchas se produzan episodios de cianobacterias. “Esta contaminación é difusa e non ten unha orixe puntual, polo que é necesario que toda a Limia no seu conxunto reduza estes aportes de nutrientes”, valora a Confederación Hidrográfica. A Xunta mantivo un encontro co sector agrario da Limia e con ecoloxistas.

Reunión da Mesa da Limia

Os problemas xerados polos xurros e estercos chegaron nos últimos meses á Dirección Xeral de Medioambiente da Comisión Europea, ante a que presentaron unha denuncia o Movemento Ecoloxista da Limia e a Sociedade Galega de Historia Natural. O aumento da presión ecoloxista e veciñal, coa tamén recente constitución da plataforma Auga Limpa Xa, levaron á Xunta a convocar unha primeira reunión da Mesa da Limia, un foro de diálogo ó que asistiron representantes da Xunta, Deputación de Ourense, de colectivos de gandeiros e agricultores, e movementos ecoloxistas. Esta primeira xuntanza, celebrada onte, foi presidida polo director xeral de Gandería, José Balseiros. O encontro, no que se abordaron tamén demandas do sector agrario como a mellora dos regadíos e das canles de drenaxe, deixou sobre a mesa a necesidade de regular a xestión dos residuos gandeiros. A Xunta busca un acordo conxunto con gandeiros, agricultores e ecoloxistas que aporte solucións ó territorio. Desde o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL) sinálase que na próxima reunión, a Xunta presentará unha proposta de regulación dos residuos animais. Este colectivo pediu que á próxima xuntanza da Mesa da Limia sexan convidadas a empresa Coren, que ten nun sistema de integración á maioría de granxas da comarca, e máis as organizacións agrarias. O MEL tamén destaca que a Xunta advertiu de que outra comarca na que haberá que tomar medidas é a do Deza.

‘Zona Vulnerable a Nitratos’, a pelota que se pasan as Administracións

A lexislación española prevé desde hai máis de dúas décadas a posibilidade de que as comarcas afectadas por contaminación de nitratos se declaren como Zonas Vulnerables a Nitratos (ZVN). É unha declaración que disgusta ó sector agrario, pois obriga a un estricto rexistro dos movementos e aplicacións de xurros, e tamén limita as cantidades máximas de nitróxeno por hectárea a 170 quilos ó ano.
Augas de Galicia anunciara hai dous anos a declaración en Galicia de Zonas Vulnerables ós Nitratos, pero a Xunta deu marcha atrás
O actual mapa de Zonas Vulnerables a Nitratos recolle multitude de áreas en comunidades como Cataluña, Castilla La Mancha ou Andalucía, pero en Galicia non se declarou polo de agora ningunha. Hai dous anos, o daquela director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, anunciou no Parlamento de Galicia que lle trasladaría a información pertinente a Medio Rural para que procedese á declaración en Galicia de zonas vulnerables a nitratos. Dous anos despois, consultada a Consellería de Medio Rural sobre a cuestión, asegura non ter constancia de dita información nin ter previsto a declaración en Galicia de zonas vulnerables a nitratos. O caso da Limia Medio Rural puntualiza ademais que a posibilidade de declarar a Limia como Zona Vulnerable de Nitratos correspondería en realidade ó Ministerio de Agricultura, previa proposta da Confederación Hidrográfica, pois trátase dunha comarca -argumenta- que a nivel fluvial está xestionada pola Confederación Hidrográfica Miño Sil, non por Augas de Galicia.
Unións Agrarias advirte contra medidas que poñan en risco ás explotacións, "auténtico motor económico da comarca"
Desde a Confederación Hidrográfica Miño Sil lembran, sen embargo, que tal e como figura na normativa vixente, a declaración dunha Zona Vulnerable a Nitratos corresponde á Comunidade Autónoma. “Este Organismo -sinala a Confederación en alusión a si mesma- non é competente para a declaración de zona vulnerable por nitratos na comarca da Limia, sendo a Administración autonómica competente á que lle corresponde a dita declaración. De todos os xeitos, previamente á declaración de zona vulnerable, debe designarse a figura de “augas afectadas” por contaminación de nitratos, na que podería entrar dentro de dita consideración o encoro das Conchas, de acordo coa normativa aplicable á contaminación por nitratos”. Desde o sector agrario, colectivos como Unións Agrarias teñen valorado que, en xeral, os produtores da Limia cumpren coa normativa medioambiental vixente e destacan que o agro é o "motor económico" da Limia, con 1.100 produtores, entre agricultores e gandeiros, polo que consideran contraproducente calquera medida que poida afectar á viabilidade das explotacións agrarias.

SAT Ladeira, como converter o purín en compost para usalo nas camas do gando

O confort e comodidade das vacas é un factor básico que determina a producción. Concienciados deste feito, os gandeiros galegos poñen cada vez máis o foco na cama na que descansan os animais. Palla, serrín, carbonato, area… distintos sistemas coas súas vantaxes e inconvintes pero, en todo caso, sempre un importante gasto para as explotacións. En SAT Ladeira empregaban area até hai tres meses. Supoñíalles un desembolso de 1.000 euros ao mes, máis outros 4.000 euros para sacar a area que se ía acumulando na fosa do purín. En total, uns 15.000 euros ao ano. Era un material que lles daba bo resultado desde o punto de vista produtivo e hixiénico-sanitario, pero decidiron mudalo e probar unha alternativa habitual en explotacións de Inglaterra, Francia ou Holanda pero inusual en Galicia. O sistema consiste basicamente en usar nas camas a propia bosta das vacas logo dun proceso que separa, seca e fermenta a parte sólida do purín para convertelo nun compost orgánico co que cubrir os cubículos. O proceso arrinca coa separación da parte sólida e líquida do xurro. Colócase un depósito intermedio antes do pozo de purín, de 25.000 litros, que conta cun sinfín que separa a bosta dos ouriños. A parte sólida é bombeada a un silo de fermentación e a parte líquida continúa camiño cara o pozo de purín, con capacidade para 4 millóns de litros. No silo de fermentación a materia orgánica sométese a un proceso de secado mediante unha turbina de aire quente a 70 grados que esteriliza os excrementos matando microbios e bacterias ao sometelas a un proceso semellante á pasteurización. Tres días despois, convertido xa nun produto inerte, o compost está listo para usarse nos cubículos, onde se reparte coa encamadora, de igual xeito que a area. Ao tratarse dun material orgánico, o resultante de facer as camas ou o que os animais arrastran volve ás canles de limpeza para reiniciar o proceso que permite a súa reutilización continua. O material sobrante pode esparexerse nas terras como abono.
Gastaban 15.000 euros ao ano en area
Con este material evitan o uso das 27 toneladas de area que precisaban á semana e con el os problemas derivados da súa utilización nas explotacións: desgaste nas instalacións e nos cascos dos animais, acumulación no pozo do purín e depósito final nas terras. Factores medioambientais Pero as vantaxes van máis aló de aspectos como a durabilidade das instalacións ou o aforro económico. “Vemos que en pouco tempo o tema do xurro vaise poñer moi restrictivo e que os aspectos medioambientais van limitar o medre das explotacións e condicionar a súa rendibilidade, como xa acontece noutros lugares de Europa, por exemplo en Holanda, onde desaparecereron as cotas lácteas, como no resto da UE, pero as granxas teñen cotas de emisións que acaban sendo igualmente límites á produción. Aquí acabará pasando o mesmo, polo menos para as explotacións máis grandes, porque ás pequenas terán que deixalas á marxe destas normativas, senón acabarán de afundilas e faranlles pechar irremediablemente”, argumenta Toño López Mouronte, un dos tres socios de SAT Ladeira.
"Dentro de pouco os factores ambientais van condicionar o medre das explotacións e con esta solución reducimos metano ao purín"
Converter un refugallo en recurso é precisamente a base da chamada economía circular e co sistema aplicado nesta explotación logran reutilizar o principal residuo das explotacións leiteiras e reducir o seu contido contaminante. “Deste xeito, ao eliminar a parte sólida, retírase metano do purín e facilítase a súa inxeccción na terra en caso de que acaben obrigando a inxectalo”, explica. 200.000 euros de investimento Paneis solares instalados para reducir a factura eléctica da granxa Aínda que o aforro económico nun produto como a area é importante, o sistema adoptado nesta explotación do Páramo require dun investimento elevado e non está tampouco exento de gastos para o seu funcionamento. A tecnoloxía que permite a reutilización da bosta das vacas ronda os 200.000 euros. O máis caro é o silo de fermentación, que supón case a metade do investimento total. Ademais, o funcionamento de todo o sistema require dun consumo elevado de enerxía, uns 500 euros ao mes, necesario principalmente para o secado da materia orgánica. Para reducir este custo, en SAT Ladeira instalaron paneis solares cunha potencia de 24 Kw cos que aforrar nun terzo a factura eléctrica da explotación. “Gastamos 23.000 euros na instalación, dos que nós puxemos 7.000. O resto, 16.000 euros, recibímolos a través dunha subvención do INEGA”, explica José Manuel Rodríguez, outro dos socios da SAT.
Sepárase a parte sólida do xurro e pasteurízase con aire quente a 70 graos para converter a bosta nun material inerte
Coma esta, o resto das decisións que toman nesta explotación son con miras a longo prazo. “Aínda que é un investimento forte, pensamos que o sistema de compost vai resultarnos moi rendible a longo prazo”, considera. Até o de agora, nos tres meses que levan con el, os resultados son satisfactorios. Inovación constante Para a recría empregan cama fría de compost SAT Ladeira constituiuse no ano 2005 da unión de tres gandeiros do concello do Páramo, das parroquias de Vileiriz e San Vicente. Ao ano seguinte xa recibiron un premio na Semana Verde de Silleda pola maneira de constituir a SAT. “Arrendamos as fincas e as naves ás nosas propias explotacións e non investimos nas instalacións, investimos en dous robots e no tanque de leite”, explica Toño. “Logo fomos ampliando as naves, pero seguen sendo instalacións simples, aquí non se gastou nunha ventá de aluminio”, exemplifica. Pouco a pouco acabaron por concentrar todo o gando nas actuais instalacións, na parroquia de San Vicente. As últimas en chegar foron as xovencas. A nave que acolle á recría fixérona eles mesmos. “Empezamos en febreiro do ano pasado e acabamos en maio”, explican. Foi aí onde comezaron a probar as camas de compost, aínda que cun sistema diferente, a chamada cama fría de compost, na que se mestura serrín coa bula, que se grada todos os días. Os animais non están en cubículos, senón nun patio aberto. Nesta SAT usan este sistema, que tamén empregan outras explotacións da provincia de Lugo, como Gandería Varela, nas vacas secas e na recría. Todo automatizado para gañar calidade de vida Un dos 4 robots de ordeño instalados SAT Ladeira é a explotación máis grande que hai nesta zona. Conta con 400 cabezas, das que 230 son vacas en muxidura. A produción anual sitúase en 3,2 millóns de litros. A granxa está toda automatizada, con catro robots de muxido, achegador e amamantadora. “O que máis gañamos foi calidade de vida ao xuntarnos e apostar pola robotización”, asegura Toño, que di que “non é un traballo físico, é máis ben estar pendentes” e asegura que “a explotación aténdena perfectamente dúas persoas soas”. Teñen un empregado, Mohamed, de nacionalidade marroquí, que leva dous anos na explotación, e os tres socios vanse turnando. “Somos tres socios, pero aquí só traballa un por semana. Traballamos por semanas completas, de martes a martes, e logo libramos 15 días seguidos”.
Os tres socios vanse turnando na explotación: traballan unha semana completa e logo libran 15 días seguidos
Contan con 4 robots de muxido que logran medias de entre 3,1 e 3,2 muxiduras diarias por animal e 40 litros de leite de produción. Para sacarlle o máximo partido posible ao investimento realizado, están tentanto medrar até as 260-270 vacas en produción porque “os robots unha vez que os tés hai que exprimilos”, di Toño. Pretenden chegar ao límite máximo recomendado das 65 vacas por robot dentro dun ano. En SAT Ladeira contan con achegador de comida automático Para iso apostaron por poñer seme sexado ás primeirizas e tamén nas de segundo parto ás que lle detectan celo natural. “Tiramos de seme sexado para medrar pero non o usamos nas que sincronizamos os celos”, contan. O 90% do seme que mercaron o ano pasado era A2 A2 e despois de tres intentos inseminan con limusin. Fan control reprodutivo unha vez cada quince días e aproveitan unha vez ao mes para facer tamén o contol da mamite porque xa as teñen presas. Ademais da podoloxía periódica, dúas veces ao ano, no final do outono e no comezo da primavera, esquílanlles o rabo e quéimanlles os pelos do ubre ás vacas en produción para que estean máis limpas e dean menos fallos os robots. Non acostuman dar moitos problemas se están as postas a punto ben feitas e o mantemento ao día, din, aínda que “ás veces temos que vir por tonterías”, recoñecen, polo que decidiron poñer cámaras na explotación para facer o seguemento a distancia e valorar deste xeito se é urxente ou non acudir en función da gravidade do problema.
“A báscula é coma un can grande, úsela ou non xa asusta, e debería habela en todas as explotacións porque se amortiza soa e rápido”
Hai catro anos decidiron tamén instalar unha báscula. “A báscula é coma un can grande, cando te achegas pensas se trabará ou non, pero xa mete medo. Pois a báscula igual, úsela ou non, xa asusta”, compara Toño. Por iso di que “é unha das cousas que se amortiza rápido”, e asegura que “debería habela en todas as explotacións que teñen un certo tamaño e que moven grandes cantidades”. “No noso caso, é unha ferramenta imprescindible, todo o que entra e sae da granxa pasa por ela: o penso, o abono, o millo, mesmo o leite”, relata. Primeira CUMA de Galicia Tan só contan cun carro mesturador propio Para os traballos agrícolas, a explotación non conta con maquinaria propia. Forman parte dunha CUMA, a primeira que se constituiu en Galicia. “Nacimos a partir dun parque de maquinaria, eramos 13 gandeiros e a proposta inicial era xuntarnos todos, logo fixemos a SAT”, explica José Manuel. A CUMA está composta neste momento por dúas SATs e 5 gandeiros individuais. Failles todo a CUMA, incluída a sementeira, a sega ou botar o purín, pero decidiron mercar un carro mesturador para uso da propia explotación para poder adaptar mellor a ración aos distintos lotes. “Facemos catro racións diarias: dúas para vacas en produción, unha para secas e outra para a recría. O carro da CUMA custábanos 500 euros ao mes por ración, así que serían 2.000 euros mensuais, por iso decidimos facer o investimento necesario para mercar un carro propio. Énos máis rendible porque a partir de certo volume compensa, para poucas vacas non, é mellor alugar”, di José Manuel. Sen contar o carro, que é deles, pagan 7.300 euros ao mes polas tarefas que realiza a maquinaria da CUMA na súa explotación. A cuota está fixada en función das horas de traballo realizadas.

“O maior handicap que temos é o minifundio”

Vista desde a explotación da parroquia de San Vicente, afectada por un problema de minifundio SAT Ladeira dispón dunhas 100 hectáreas de superficie, entre as que pertencen aos tres socios (70 hectáreas) e outras alugadas (unhas 30 hectáreas). Pero atópase cun problema gravísimo que mesmo pon en risco a viabilidade da explotación: o minifundio. “Estamos mirando de diversificar noutros sectores en vez de aumentar neste porque nestas condicións parécenos inviable”, alerta José Manuel. Pon un exemplo: “Para a PAC temos declaradas 64 hectáreas, formadas por 370 parcelas. Temos que traballar unhas 500 parcelas para sumar as 100 hectáreas actuais da explotación”, relata.
Para xuntar 100 hectáreas teñen que traballar unhas 500 parcelas
Este foi un dos motivos que fixo que diminuiran considerablemente a superficie adicada a millo. “Antes adicabamos a millo a metade da superficie que temos, botabamos unhas 50 hectáreas. Pero desde o ano pasado só botamos 20 hectáreas. Adicamos máis a raigrass e o millo para ensilar mercámolo porque aquí son todo leiros, fincas de pouco tamaño e así non compensa botar millo”, di José Manuel.
Gastan un 30% máis en horas de traballo da maquinaria por mor do minifundio
“Se as fincas foran grandes podías mesmo poñer rego e ter millo, pero para un ferrado non podes poñer o rego”, quéixase. “Nesta zona terreo hai, pero aínda que che deixen as fincas de balde non vale a pena traballalas. Na CUMA gastamos un 30% máis polo problema do minifundio que temos nesta zona”, calcula. Solicitude conxunta de 5 parroquias para pedir a concentración parcelaria O concello do Páramo supera as 5.000 cabezas de gando concentradas nas parroquias de Friolfe, Grallás, Vileiriz, Gondrame e San Vicente fundamentalmente. É unha zona chá dunhas 3.000 hectáreas de superficie. “Temos pedida a concentración desde o ano 2001. No ano 2002, cando Diz Guedes era conselleiro de Medio Rural e veu inaugurar o parque de maquinaria díxonos que recolleramos sinaturas. Pasamos o traballo de ir casa por casa, presentámolas e non valeu para nada. Xa van máis de 15 anos, presentamos a solicitude as cinco parroquias xuntas e a única que ten algo feito a día de hoxe é Friolfe”, quéixase José Manuel, que lembra que “nesta parroquia, en San Vicente, non houbo un só veciño que non firmara, así que non sería conflictiva”. “Se simplemente facilitaran e simplificaran as permutas e os cambios entre os veciños xa estaba medio feita a concentración”, asegura.
“Hai 15 anos recollimos sinaturas para a concentración parcelaria e non volvimos saber máis nada”
“As concentracións parcelarias eran facilísimas de facer se houbese vontade política, habería que tocar a fiscalidade dos que se negan”, engade Toño. “Deron cartos para peches, se en vez de dar axudas para iso as deran para permutas, para xuntar terras e para pagar os gastos de notario e che mandaran un técnico para facer o proceso, xa estaba”, di.
Máis información - Xestión da fracción sólida dos puríns para a cama das vacas.

Xestión da fracción sólida do purín para a cama das vacas

A fracción sólida dos puríns sometida a un proceso de hixienización é un material válido para a cama das vacas, como están a demostrar nos últimos meses as primeiras explotacións galegas que comezaron a incorporar o sistema. Unha xornada abordou en Cimag Gandagro o proceso a seguir no manexo dos xurros para camas e as posibilidades que ten o sistema en Galicia.

A reutilización da parte sólida dos puríns para a cama das vacas ofrece dúas vantaxes claras para as granxas. Por un lado, ao separar a parte sólida da líquida, redúcese a carga de nutrientes da fracción líquida, o que permite o reparto de máis cisternas en terras próximas á explotación. A segunda cuestión é o aforro de gastos en area ou noutros materiais empregados para as camas.

“Unha explotación de 200 vacas que decida sustituír a area da cama das vacas pola fracción solida do purín, previamente hixienizada, pode aforrar ó ano arredor de 12.000 euros”, calcula Ramón Gea, de Segalés, unha firma catalana que impulsa este sistema e que conta con Maquinaria Agrícola Corbar como distribuidor en Galicia, Asturias e norte de Portugal.

Proceso

O manexo dos xurros almacenados na balsa comeza pola súa separación nunha fracción líquida e unha sólida, para o que se emprega un separador de puríns. O seguinte paso consiste no depósito da fracción sólida nunha balsa cunha base de cemento e acondicionada cuns tubos a través dos que se insufla aire, por medio duns ventiladores.

A aireación intermitente da fracción sólida do purín provocará a súa compostaxe e hixienización. O proceso, no que se acadan temperaturas superiores ós 50º centígrados, débese manter un mínimo de 5 días. O resultado é un compost esponxoso que presentará alomenos un 40% de materia seca e cun baixo reconto de microorganismos. “Os indicadores de fecalidade e as enterobacterias redúcense en máis dun 99%”, explica Josep Turet, microbiólogo da Universidade de Vic, que participou onte na xornada sobre puríns organizada na feira Cimag – Gandagro.

Experiencia

A xornada contou tamén coa participación dun dos primeiros gandeiros galegos que instalou o sistema, Miguel López, de Sat O Liñar (Sarria), que confirmou a súa satisfacción co cambio ás camas elaboradas coa fracción sólida dos xurros. “O principal medo que tiñamos era que nos subiran as mamites. Na nosa explotación nunca tivemos problemas especiais de mamite, algún caso esporádico, e pensabamos que igual comezabamos a ter máis problemas, pero seguimos coma sempre. Non detectamos ningunha incidencia” -valora Miguel, que instalou o sistema este outono-. “Queremos ver como funciona no verán, pero polo de agora a experiencia é boa”, conclúe.

A explotación fai un acondicionamento diario das camas e sustitúeas na actualidade cada sete días, aínda que o seu obxectivo é pasar a sustituílas cada catro días.

Ramón Gea, Josep Turet e Miguel López, de esquerda a dereita.

Plantas de nitrificación – desnitrificación

Outra alternativa de manexo de puríns abordada na xornada, de especial interese para granxas intensivas, como as de porcino, foi a das plantas de nitrificación – desnitrificación. Estas plantas, que teñen un custo que ronda os 140.000 euros, son capaces de reducir os nitratos do xurro nunha media do 58%.
O proceso comeza coa separación dos puríns, tratándose a fracción líquida por medio dun dixestor, no que as bacterias transforman o nitróxeno amoniacal en nitratos. Eses nitratos son a súa vez modificados por outras bacterías, que os converten en nitróxeno atmosférico, que pode ser liberado ó aire. “Só hai un 3% de emisións incorrectas, co cal a rebaixa da contaminación é moi alta”, explicou Josep Turet, da Universidade de Vic.

O efluente resultante do sistema pode ser usado en fertirrigación, presentando baixas porcentaxes de nitratos.

Cinco claves para evitar sancións nos controis de condicionalidade da PAC

A normativa de condicionalidade da Política Agraria Común (PAC) obriga ás explotacións beneficiarias das axudas europeas a manter boas prácticas medioambientais e de produción. As esixencias europeas, que se recollen nos anexos do Real Decreto 1078/2014, enfócanse a evitar o deterioro da auga e do solo, así coma a garantir cuestións coma o benestar animal e a trazabilidade dos produtos agrarios, entre outras. En Galicia e no resto do Estado, desenvólvense cada ano controis específicos das explotacións beneficiarias da PAC en materia de condicionalidade. Cando se detectan incumprimentos de certa gravidade, a Administración aplica unha penalización que adoita oscilar entre o 3 e o 5% das axudas da PAC que cobra a persoa afectada. Se nos anos seguintes, se detectasen reiteracións no incumprimento, a penalización nas axudas podería subir entón ata o 15%, e de percibirse no sucesivo que hai unha intencionalidade nas infraccións, podería chegar a retirarselle á explotación a totalidade das axudas desa campaña. Abordamos algúns dos principais incumprimentos da condicionalidade da PAC que se veñen detectando en Galicia co xefe do servizo en Lugo do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Fernando López, que esta semana ofreceu unha charla sobre a condicionalidade da PAC, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo. Tamén repasamos con el a situación da normativa de aplicación de xurros no agro.

1) Almacenamento de estercos

Os estercos non poden estar depositados directamente sobre o terreo, xa que poden provocar infiltracións ó solo. “O ideal é que se almacenen sobre unha base de formigón con recollida de efluentes” -explica Fernando López.- “En ocasións, hai ganderías que almacenan o esterco baixo cuberto e que non teñen recollida de efluentes. É unha posibilidade que podería servir sempre e cando se trate de estercos secos e que non haxa perigo de escorrentías provocadas polas choivas, pois do contrario, estariamos ante unha infracción clara”, analiza. Os incumprimentos sobre o almacenamento de estercos é un dos motivos máis habituais para a aplicación de penalizacións da PAC en Galicia. “Tamén se detectan algúns problemas co almacenamento de puríns, pero son moito menores”, sinala López.

2) Aplicación de xurros no campo

Que obrigas vai haber no 2019 para a aplicación de xurros no campo? É unha cuestión da que está pendente todo o sector gandeiro. A intención última do Ministerio é obrigar a medio prazo a que a gran maioría das aplicacións se fagan con sistemas de inxección no solo ou tubos colgantes, evitando o reparto dos puríns por medio de sistemas de canón, abano ou prato. O tema xa quedou así regulado, pero polo de agora admítense excepcións, como foi o caso da establecida pola Xunta a comezos do 2018, cando autorizou as aplicacións de abano ou prato, quedando prohibido o canón. O decreto ministerial que regula a PAC para o 2019 volve permitir que se fagan excepcións autonómicas de xeito xustificado, polo que todo apunta a que a próxima campaña manterase en Galicia como a actual. “Non sabemos con que marxe temporal xogamos, pero a estas alturas ninguén dubida de que no futuro haberá que adaptar os sistemas de distribución de xurro ás novas esixencias” -valora Fernando López.- “Para quen teña que renovar xa os equipos de reparto de xurro, a recomendación é que adquira un equipo que lle permita adaptarse á normativa”, conclúe. Charla sobre a condicionalidade da PAC organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo.

3) Efluentes dos silos

Os efluentes que saian dos silos teñen que ser recollidos, xa que se consideran altamente contaminantes. “A maioría dos novos silos de trincheira de formigón xa cumpren normalmente con esa recollida, pero nos silos que se fan sobre un plástico, con frecuencia non se está facendo esa recollida. Si é verdade que nos atopamos poucos silos que se fagan directamente sobre o solo, é un aspecto no que se avanzou, pero continúa habendo problemas cos efluentes”, incide o xefe de servizo do Fogga en Lugo. Ante esas situacións, López recomenda que as explotacións prioricen investimentos. “A diferencia económica entre facer as cousas mal e ben non é tan grande. É preciso tomar conciencia de que son cuestións que hai que correxir”.

4) Coidado do entorno das explotacións

Unha escena habitual que se detecta nos controis de condicionalidade da PAC é a de explotacións onde os plásticos das bolas de silo están ciscados sen orde polo entorno. “Quedan onde coincide e moitas veces son arrastrados polo vento ou quedan expostos á choiva con restos de silo. É certo que hai unha dificultade na xestión deses plásticos, porque a súa recollida por un xestor especializado igual só se fai unha vez ó ano, pero é necesario telos recollidos nun punto e evitar este panorama”, advirte Fernando López.

5) Parcelas abandonadas ou con malas prácticas

A maiores dos controis específicos de condicionalidade, a Administración desenvolve inspeccións da PAC relativas á admisibilidade das parcelas e a cuestións administrativas. Se en calquera deses controis se detectan incumprimentos da normativa da condicionalidade, cúrsase tamén o correspondente expediente sancionador. Un dos motivos de incumprimento da condicionalidade nas parcelas é a declaración na PAC de terreos abandonados, que levan varios anos sen segar ou sen ser aproveitados polo gando. “Esa situación non só repercute na admisibilidade da parcela na PAC, senón que se considera tamén un incumprimento da condicionalidade. É un problema que, con máis frecuencia, detectamos en determinadas zonas que se caracterizan ou ben por un menor grao de profesionalidade ou por beneficiarios de maior idade”, explica Fernando López. Á hora de controlar as parcelas, é posible tamén a detección doutros problemas relativos á condicionalidade, como pode ser a aplicación de fitosanitarios ou de fertilizantes nas marxes de cursos de auga. A normativa obriga a deixar cinco metros de marxe nos que non poderá haber cultivos agrarios nin se poderán aplicar fitosanitarios nin fertilizantes ou xurros.