Archives

Unha ampla mostra de viños galegos teñen presenza na feira do viño internacional Prowein

O salón de viños internacional Prowein celebra dende onte luns unha nova edición neste 2024 coa presenza de 16 adegas galegas en representación das cinco Denominacións de Orixe galegas, facéndose oco nesta cita internacional. Esta edición desenvolverase ata mañá na cidade alemá de Düsseldorf, cun programa deseñado pola Xunta de Galicia para impulsar a repercusión comercial da delegación galega. Hoxe continuarán desenvolvéndose as actividades organizadas pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, deseñadas co fin de reforzar a repercusión comercial da presenza da comunidade nesta feira, incluíndo visitas guiadas polo espazo de Galicia dirixidas a pequenos grupos de profesionais alemáns do sector da hostalería, distribución e xornalismo. No percorrido enogastronómico amosarase a influencia dos climas, solos e variedades autóctonas que caracterizan e definen a calidade dos viños galegos. Durante a xornada de onte, o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), José Luis Cabarcos, asistiron á feira para dar o seu respaldo institucional. Nesta cita “é vital estar nesta feira todos xuntos, facendo referencia ao noso territorio. Porque ademais de traballar para seguir potenciando o cultivo de viñedo, recuperar zonas históricas, seguir crecendo en termos de produción e facturación... apostamos por converter Galicia nun referente do turismo enolóxico, e captar a visitantes a través de todo o bo que estamos a facer no territorio”, remarcou o conselleiro. Ademais de estar no espazo de Galicia, o conselleiro José González visitou os ‘stands’ doutras comunidades autónomas con presenza en ProWein, como A Rioxa, Valencia ou Murcia, definindo a presenza da Xunta nesta “feira referencial para o sector a nivel global” coma “un exemplo máis do potente compromiso da Xunta co viño galego, e que vai a máis”, sinalou. Así mesmo, no contexto desta cita o titular do Medio Rural fixo referencia “a concesión de 11,5 millóns de euros na convocatoria do 2023 para mellorar a competitividade do sector”, e do mesmo xeito fixo referencia do enclave estratéxico que supón o viño galego.  Neste contexto, “o Consello da Xunta deu conta de razón a semana pasada da resolución anual da liña de elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas (6,5 millóns) e de promoción en terceiros países (1millón). E o pasado 16 de febreiro publicouse no DOG a resolución da liña anual para reestruturación e reconversión de viñedo, dotada con outros 4 millóns de euros”, aproveitaron para sinalar desde a Consellería.

27 viños da D.O. Valdeorras participan en Alemaña na feira Prowein 2024, un referente en Europa

A cidade alemá de Düsseldorf é a nova parada promocional dos viños de Valdeorras, que estes días poden degustarse nunha das máis prestixiosas feiras europeas do sector: Prowein. Un ano máis, o Consello Regulador volve participar neste foro dando a coñecer ata 27 referencias diferentes da comarca, 19 brancas e oito tintas. Prowein é un dos salóns europeos con máis arraigo no continente para a promoción de viños de diferentes territorios amparados. A pasada edición desta feira, celebrada no ano 2023, contou con máis de 49.000 visitantes e a organización prevé aumentar a cifra neste ano. O Consello Regulador da D.O. Valdeorras participa nesta feira da man da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), xunto a outras denominacións de orixe vitivinícolas galegas e “baixo o formato dun túnel do viño”, tal e como indica o presidente do organismo, José Ramón Rodríguez Castellanos. Máis de 6.000 expositores participarán neste salón no que a D.O. Valdeorras terá presenza cun túnel do viño de seu, no que diferentes grupos de interese e públicos especializados poderán coñecer e degustar algunhas das referencias máis sobranceiras da comarca. “Tras a nosa participación en Vinexpo, na capital de Francia, achegámonos un ano máis ata Alemaña, parada obrigatoria para todo o sector do viño europeo. A nosa intención de promocionar os brancos e tintos da comarca, máis alá das nosas fronteiras, é un dos obxectivos prioritarios para o Consello Regulador que, neste 2024, ten planificada unha intensa axenda de difusión en distintos foros nacionais e internacionais”, conclúe Rodríguez Castellanos.

67 adegas galegas participan na feira Prowein, a máis importante de Europa

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, atópanse este domingo na feira Prowein de Alemaña apoiando os viños galegos de calidade. No evento, que se celebra ata este martes 21 de marzo na cidade de Düsseldorf, están a participar un total de 67 empresas galegas, acompañadas dos seus respectivos consellos reguladores. Alí, o conselleiro puxo en valor a presenza en eventos coma este, na liña do que se persegue coa “Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia”, que busca consolidar o viño galego nos mercados nacional e internacional e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce.

Prowein 2023

Na feira Prowein, o consello regulador da denominación de orixe Rías Baixas está presente cunha caseta propia, onde organizará un túnel do viño, no cal participarán 94 marcas de 54 adegas. Ademais, están un total de 11 adegas coexpositoras. A denominación de orixe Ribeiro tamén contará cun posto propio onde se exporán ata 25 referencias de viños brancos e tintos. Así mesmo, participan tamén nesta feira -con caseta propia- un total de oito empresas desta denominación. O consello regulador de Valdeorras acode ao certame da man de 15 empresas coexpositoras, mentres que o de Ribeira Sacra o fai con 19 adegas. Por último, a denominación de orixe Monterrei levará mostras de 14 adegas que exporá no seu posto. A feira Prowein está centrada no sector do viño e outras bebidas espirituosas, dirixida exclusivamente a un público profesional. Así, os visitantes que acoden son expertos compradores das distintas canles de distribución (almacenistas, industria hostaleira, cátering, retallista especializado, importadores, grandes cadeas de distribución, etc.). Na pasada edición participaron unhas 5.800 empresas provenientes de 62 países, o que supuxo un fluxo de 38.000 profesionais procedentes de ata 145 países. Dese xeito, consolídase como a feira máis importante do viño en Europa e unha das máis relevantes a nivel internacional.