Archives

O futuro do sector cárnico en Galicia a debate este xoves na VII Reunión Casal de Armán

Expertos, académicos, empresarios e cooperativistas participarán o próximo xoves 8 de xuño na VII Reunión Casal de Armán para abordar o futuro do sector cárnico en Galicia. O encontro celebrarase, como ven sendo habitual, no Casal de Arman, en Ribadavia (Ourense). O encontro, organizado polo Foro Económico de Galicia, será inaugurado polo seu presidente, Emilio Pérez Nieto. O primeiro dos relatorios da mañá abordará a “Estratexia de dinamización do sector cárnico de Galicia 2022-2030. Contexto xeral e principais medidas e accións”. Correrá a cargo de José Manuel Andrade Calvo e Alfonso Ribas Álvarez, da Fundación Juana de Vega, que exercen tamén de coordinadores da xornada. A segunda mesa da mañá abordará os “Retos e perspectivas de futuro do sector cárnico” e participarán Alberto Herránz, Organización Interprofesional Agroalimentaria do Porcino de Capa Blanca (Interporc), Javier Lóper, da Organización Interprofesional de Carne de Vacún (Provacuno) e Tomás Rodríguez, da Interprofesional do ovino e caprino (Interovic). A última presentación da mañá centrarase na produción galega con distintos actores do sector galego como empresas ou organizacións. Nesta mesa intervirán Emilio Rial (Coren), José Manuel Núñez Torre (Torre de Núñez), José Ramón González (Unións Agrarias), Pablo Meijomín Fidalgo (Fegapor), Jesús González Vázquez (Ternera Gallega). Pola tarde, será quenda para os produtores de razas autóctonas e pequenas producións en Galicia. Abordarán os problemas actuais e retos de futuro que se lle presentan. Participarán Iván Rodríguez Paz (Asoporcel), Laura Arias González (Acruga), José Ramón Justo Feijóo (Boaga), Amaia Santamarta (Ovica) e Isabel Casariego Vierna (Puraga).

-Consulta aquí o programa en detalle.

 

Provacuno busca potenciar as exportacións de carne de vacún en Meat Attraction

A Interprofesional da Carne de Vacún, Provacuno, estará presente en Meat Attraction para amosar os avances realizados no ámbito da sustentabilidade e o benestar animal, así como para dar a coñecer as diferentes accións de comunicación e internacionalización acometidas. Ademais, como novidade, nesta edición do 2023 impulsou Beef Place, un espazo para todas as empresas de carne de vacún. En palabras do director de Provacuno, Javier López, “Meat Attraction é un dos eventos agroalimentarios máis importantes do mundo, pola súa visión innovadora e o seu indiscutible enfoque cara o negocio e a internacionalización”. Deste xeito, a feira é un punto de encontro de importadores de distintos destinos e o punto de partida de compradores de diferentes países, polo que a Interprofesional mírao como “un escaparate para dar a coñecer as características fundamentais do modelo de produción español nos diferentes eslabóns da cadea: desde granxas, ata matadoiros ou salas de despece”. “A nosa carne de vacún é moi demandada en todo o mundo pola súa calidade, froito da alimentación (grain feed) e do tipo de animal, así como por cumprir cos máis estritos controis de rastrexabilidade, sanidade animal e sustentabilidade; o noso modelo de produción é a mellor tarxeta de visita para triunfar nos mercado internacionais”, destaca López.

Jaime Yartu San Millán, novo presidente de Provacuno

A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (Provacuno) acaba de renovar a súa xunta directiva durante a celebración en Madrid da súa asemblea xeral. Jaime Yartu San Millán foi nomeado novo presidente tras recibir o apoio unánime das diferentes asociacións que integran a Interprofesional. O novo presidente amosaba o seu agradecemento por confiar e apoiar a súa candidatura, da que se sente “profundamente orgulloso e á que dedicará tempo e esforzo para representar a un sector tan importante para a sociedade como é o vacún de carne”. Jaime Yartu San Millán é licenciado en economía e dereito e leva toda a vida vinculado ao sector cárnico. O novo presidente é consciente do papel estratéxico do sector de vacún de carne, así como do difícil escenario que atravesa o sector onde “a carestía de produto, o aumento dos custos de produción e os sobrecustos lexislativos colócannos nunha situación complexa”, lembra. Tras esta Asemblea Xeral a xunta directiva de Provacuno queda da seguinte maneira: • Presidente: Jaime Yartu San Millán (ANICE) • Vicepresidente: Raúl Sanz (COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS) • Secretario: Joan Algueró (ASOPROVAC) • Tesoureiro: Josep Friguls (ANAFRIC) • Vogais: ◦ Manolo Vázquez (ASAJA) ◦ Román Santalla (UPA) ◦ Joaquín Gargallo (COAG) ◦ Pol Viñals (FECIC) ◦ Cecilio Folgado (AGEMCEX) ◦ María Sánchez (CEDECARNE) ◦ Octavio Gonzalo (COOPERATIVAS AGROALIMENTARIAS) Pola súa banda, Eliseo Isla, antes de abandonar o seu cargo como presidente, puxo en valor o traballo realizado como representante de Provacuno nestes anos. Isla destacou os logros conseguidos: “fomos capaces de abrir importantes países para a exportación como Xapón, realizamos campañas de comunicación transcendentais para mellorar a percepción do noso sector e produto, e puxemos en marcha excelentes proxectos en favor da sustentabilidade e do benestar animal, e, todo isto, con situacións moi complexas froito da pandemia do Covid-19”. Participantes da asemblea xeral de Provacuno.

Retos e obxectivos do novo equipo

Entre os próximos retos da nova directiva para Provacuno, Yartu sinala a necesidade de seguir apostando pola investigación para afrontar o futuro con garantías, así como por mostrar a realidade do sector. O presidente electo tamén subliñou que este sector “é exemplo de competitividade, rastrexabilidade, sustentabilidade, benestar animal e calidade”. O novo equipo afronta esta etapa co obxectivo de seguir traballando na internacionalización do sector, coa apertura de novos mercados e a consolidación dos xa abertos, de dar resposta ás novas tendencias do consumidor e de mellorar a competitividade da cadea a través da investigación.

Radiografía do sector produtor de vacún de carne en España

Momento da presentación do informe este luns en Madrid A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (PROVACUNO) presenta o informe Análise do sector vacún de carne de España, a maior e máis exhaustiva radiografía realizada até agora, que permite coñecer ao detalle en que punto se atopa o sector, e que servirá de guía para emprender accións encamiñadas a lograr unha mellor vertebración e competitividade. O informe, presentado este luns en Madrid, utilizou dúas fontes de información e estatística: o Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), adscrito ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación; e unha enquisa realizada a 260 granxas tipo repartidas por 15 comunidades (46 delas en Galicia) entre setembro de 2020 e febreiro de 2021.
Nestes momentos hai unhas 122.000 explotacións, das que o 40% están en municipios con risco demográfico
“É o informe máis exhaustivo xamais feito sobre o vacún de carne en España, un estudo rigoroso e fiel tras dous anos de traballo”, destacou Eliseo Isla, presidente de Provacuno. O vacún de carne en España é un piar básico para o medio rural, actuando de tractor para as zonas máis desfavorecidas. “O noso sector actúa de freo contra o despoboamento”, destacou. O estudo analiza os sistemas de produción do vacún de carne en España, o seu impacto na economía rural e a súa contribución para loitar contra o abandono e o despoboamento. Neste momento hai 122.000 explotacións gandeiras de vacún que manteñen algún tipo de vinculación coa produción de carne. Trátase na súa maior parte de explotacións familiares e o 40% están situadas en municipios con risco demográfico.
España non é Arxentina, Brasil, EEUU ou Australia. En España as vacas non deforestan, permiten conservar os nosos ecosistemas e loitar contra os incendios forestais
Con este estudo, a interprofesional española do vacún de carne trata de desterrar falsos mitos sobre o sector. “España non é Arxentina, Brasil, EEUU ou Australia. En España as vacas non deforestan, permiten conservar os nosos ecosistemas e loitar contra os terribles incendios forestais que estamos a vivir estes días. A situación podería ser peor se non estivesen as nosas vacas bombeiro”, afirmou Eliseo Isla. Explotacións de base familiar O estudo foi coordinado polo veterinario e consultor Manuel Lainez, quen destacou que se trata dunha actividade "de base familiar". O tamaño das granxas é un dos datos que se desprende deste informe, onde o grupo máis frecuente sitúase entre 20 e 50 animais.  A medida que o tamaño da explotación aumenta, tamén o fan as fórmulas de titularidade xurídica A maioría das explotacións teñen como titular a unha persoa física (86%), mentres que do 14% que teñen forma xurídica, a metade serían Sociedades Limitadas, o 16% Comunidades de Bens, o 14% Sociedades Agrarias de Transformación; o 9% Cooperativas e o 7% Sociedades Anónimas, polo que as SA só representarían o 1% do total das granxas, con menor incidencia no subgrupo das vacas nodriza e maior peso no de cebo. A idade media dos gandeiros de vacún de carne en España é de 56 anos. "Temos unha idade media avanzada e o máis preocupante é que temos por baixo dos 40 anos só ao 11,6% dos titulares de explotacións", indicou Lainez.
O 61% das ganderías non contan con remuda xeracional
O 61% dos gandeiros con máis de 60 anos non teñen substitución para a súa explotación. "Vemos que hai un futuro incerto para o sector se non lle aplicamos algunha medida de protección específica", afirma Manuel Lainez, que asegura que "os produtores necesitan un recoñecemento que os impulse a promover o relevo xeracional". "Para que os mozos vexan claro o futuro téñeno que ver tamén os seus pais, porque senón esa remuda non se vai producir", argumenta. O 40% dos titulares de explotacións de vacún de carne son mulleres, un dato superior ao doutros sectores agrícolas e gandeiros (o Censo Agrario de 2020 sitúa a porcentaxe de mulleres titulares de explotacións no 28%). Ademais, a presenza da muller é maior canto máis pequena é a explotación, sendo maioría no estrato de menos de 10 vacas pero perdendo peso a medida que se incrementa o tamaño da granxa, representando, por exemplo, só un 25% no de 50 a 100 cabezas. O 30% das granxas están situadas en municipios con risco grave de despoboamento (menos de 5.000 habitantes e menos de 8 habitantes por km cadrado). O 91% dos gandeiros vive na comarca onde ten a explotación. Alimentación en base a pastos e forraxes O 64% das explotacións son de carácter extensivo, criando aos animais ao aire libre, fronte a un 36% que mantén aos animais confinados. Os pastos son o elemento principal para a alimentación no 74% das granxas e, cando se suplementa en pesebre, faise con forraxe, palla e penso. Por tanto, "o noso modelo produtivo é pasto + forraxe + palla + penso", insiste Lainez. "Os produtores de vacún son os garantes da biodiversidade", asegurou o coordinador do informe, que indicou que o 26% das explotacións pastorea en zonas con algún tipo de protección ambiental. Marxe de mellora na redución de emisións O 80% das explotacións producen esterco e o 20% utilizan xurros, “sobre todo en ganderías da cornixa cantábrica”, detallou o autor do informe. Estes fertilizantes de orixe orgánica procedentes dos animais aplícanse ás pradeiras de media 1,4 veces ao ano, sobre todo en dous períodos: ao final do inverno e inicio de primavera e ao principio do outono. A dose media é de 16 toneladas por hectárea, a metade en caso de explotacións de vacas nodriza. "Se pensamos en termos de unidades de nitróxeno, a limitación de 170 kg por hectárea fixada para as zonas vulnerables equivalería a entre 25 e 30 toneladas en función das características do esterco", detallou Lainez.
O 9% das granxas instalou enerxías renovables nos últimos anos
A pesar de tratarse dun exemplo de economía circular "as prácticas de manexo das explotacións deixan marxe de mellora para reducir as emisións e garantir unha adaptación ás esixencias das políticas ambientais", recoñece Provacuno nas conclusións do estudo.

"Temos un só modelo produtivo de vacún de carne, non un de cebadeiros e outro de granxas de vacas nodrizas"

Manuel Lainez insistiu en considerar ao sector produtor de carne no seu conxunto, englobando tanto a ganderías como a cebadoiros. "Temos un só modelo produtivo, non temos un modelo de vacas nodriza e outro de instalacións de cebo, son o mesmo modelo, cunha fase de produción de tenreiros e outra de engorde. Sen os cebadoiros non existe a posibilidade de ter explotacións de vacas nodriza, porque os tenreiros que nacen nas ganderías de vacas nodriza non se poden cebar moitas veces nesas mesmas explotacións por falta de recursos naturais e condicións adecuadas", afirmou, en alusión a granxas que venden os becerros pasteiros ou de recría a cebadoiros. En canto ás actuais circunstancias de encarecemento de custos de produción, Javier López, director de Provacuno, asegurou que "a guerra de Ucraína foi un elemento máis, pero non o único. Era unha situación que xa viña de antes, fundamentalmente porque China tomou nota da covid e pasou de importar 3 millóns de toneladas de cereais ao ano a case 30", explicou.
China tomou nota da covid e pasou de importar 3 millóns de toneladas de cereais ao ano a case 30
En canto ás consecuencias sobre a produción, recoñeceu unha "tendencia decrecente". "Está a haber unha redución de animais para cebo, como xa ocorreu en 2007-2008, cunha redución dun 15%. Viñamos dun ciclo ascendente co ano 2019 con récord de produción e unha situación boiante do sector. Veu a covid e o sector aguantou, pero atopámonos cun incremento de prezos das materias primas que está a facer moito dano", asegurou. Seguimento de stocks para evitar a especulación Esperanza Orellana, directora xeral de Producións e Mercados Agrarios do Ministerio de Agricultura, encargada de clausurar o acto, recoñeceu que “estamos nun momento difícil e de moita incerteza, sen precedentes en canto á concatenación de factores”. “Asistimos a unha escalada de prezos das materias primas para alimentación animal que é algo que nos preocupa e por iso puxemos en marcha un sistema de seguimento dos stocks en mans de operadores privados para evitar a especulación. Non podemos tomar decisións se non coñecemos con exactitude a realidade do sector, por iso decidimos monitorizar cales son a existencias en mans de almacenistas, cooperativas e importadores”, detallou.
O comercio é o que permite garantir a seguridade alimentaria a nivel global e se todos nos poñemos proteccionistas non queda outra cousa máis que a fame
Orellana alertou sobre a “tentación proteccionista” por parte dalgúns países afirmando que “o comercio é o que permite garantir a seguridade alimentaria a nivel global e se todos nos poñemos proteccionistas non queda outra cousa máis que a fame”, advertiu. En canto ás consecuencias que sobre o consumo podería ter a forte inflación, recoñeceu que aínda que as exportacións no sector do vacún de carne no ano 2021 comportáronse moi ben, cun incremento do 5% en volume e un 19% en valor, e a pesar de que o vacún é a segunda carne máis consumida fóra da casa, “os datos de consumo doméstico non son alentadores”, dixo. Alimentar na UE a 450 millóns de persoas No acto tamén interveu por videoconferencia desde Bruxelas María Gafo Gómez-Zamalloa, xefa adxunta da Unidade de Sustentabilidade Social da Comisión Europea, quen destacou que o 83% do territorio da UE é rural e nel vive o 30% da poboación. “É necesario ter unha visión a longo prazo para as zonas rurais”, insistiu tras destacar a importancia de asegurar o abastecemento alimentario na UE, onde 40 millóns de produtores alimentan a 450 millóns de consumidores. Fomentar a substitución xeracional “Temos un grave problema de remuda xeracional na agricultura. Só 1 de cada 10 agricultores teñen menos de 40 anos e a presenza da muller non representa máis do 30%. Na futura PAC dáse prioridade a estes dous aspectos”, insistiu.
Os Estados membros teñen que dedicar polo menos o 3% do orzamento da PAC 2023-2027 a favorecer a incorporación de mozas
Os países teñen que dedicar polo menos o 3% do orzamento da PAC 2023-2027 a favorecer a incorporación de mozos, aínda que as estratexias seguidas polos países son diferentes: “en Irlanda foméntase o relevo dentro da propia contorna familiar, mentres noutros países búscase a substitución fóra, en sectores que non teñen ningún tipo de tradición agrícola ou gandeira”, detallou. Servizos ecosistémicos asociados á produción de carne Margarita Rico, profesora da área de Economía, Socioloxía e Política Agraria da Universidade de Valladolid, puxo o foco nos servizos ecosistémicos que proporciona a gandería. “Os do medio rural non nos sabemos vender ben. Se desde fóra nos desacreditan, temos que defendernos. Temos que empezar a cuantificar en euros o valor dos servizos ecosistémicos. Será a maneira de acalar moitas bocas. É un sector que dá máis do que quita”, afirmou. Dar argumentos ao consumidor O informe presentado este luns trata de dar argumentos ao consumidor. “Está a haber un ataque desmesurado a todo o sector, non só de vacún, senón de produción de proteína animal, por sectores e intereses que queren cambiar os hábitos de consumo e facer negocio, e a partir de aquí constrúen un discurso cheo de falsidades e barbaridades e desde o sector até agora non soubemos responder”, recoñece tamén Javier López.
A nivel mundial, producir 1 quilo de carne de vacún xera 65 quilos de CO2; en España 22 quilos
“Temos un incendio en Zamora, iso si que solta carbono. E iso prodúcese porque o gando desapareceu e onde desaparece o gando temos un desastre ambiental. Hai intereses que tratan de gañar unha cota de mercado porque o mercado mundial de proteína é moi goloso. A partir de aí xorde a procura de argumentos”, afirmou.

A Interprofesional Provacuno divulga na Semana Verde a súa actividade na apertura de mercados

A Interprofesional de Vacún de Carne, Provacuno, asiste por primeira vez á Feira Semana Verde, dada a importancia do sector en Galicia. A organización decidiu acudir a esta e outras feiras sectoriais de toda a xeografía española para dar a coñecer a gandeiros e industriais o traballo que se está realizando no ámbito internacional, da comunicación e a innovación.

De forma paralela, André Arzúa recoñecido chef galego, está a realizar diferentes show cooking na caseta de Provacuno. O chef amosará, a través de diferentes preparacións, a versatilidade da carne de vacún, tanto na cociña tradicional como na moderna.

Na caseta da Interprofesional pódese coñecer toda a actividade exportadora do sector, así como os sete mercados que se lograron abrir desde que comezou a actividade de Provacuno. Nos primeiros cinco anos de actividade do organismo, o sector aumentou as súas exportacións un 25%.

O director da Interprofesional, Javier López, destaca “o gran esforzo que se fixo durante estes anos para incrementar as exportacións de Carne de Vacún”. PROVACUNO participou en máis de 30 feiras por Europa, América, Asia e Oriente Medio. “Seguiremos traballando para a apertura de novos países como Corea do Sur , Tailandia ou China, países que poderían activar a comercialización do vacún”, subliña o director da interprofesional.

Coidado do medioambiente
Provacuno destaca ademais que leva desde o 2019 traballando para minimizar as emisións de carbono á atmosfera, en colaboración coa comunidade científica co obxectivo de alcanzar a neutralidade climática no 2050.

O código de boas prácticas en gandaría é a primeira peza da estratexia Vacún de Carne Carbono Neutral 2050, e pronto se presentará o código de boas prácticas ambientais na industria. Tamén se puxo en marcha o esquema de benestar animal máis rigoroso do mundo e co valor engadido de ser un esquema acreditable pola Entidade Nacional de Acreditación, ENAC.

Ademais, desde a Interprofesional están a realizarse diferentes campañas de comunicación para valorizar a importancia de apoiar a este sector estratéxico. É un sector que mantén a 132.000 familias directamente e a outras tantas de forma indirecta, cuxa actividade actúa como motor económico e retén fronte ao despoboamento.

Sobre PROVACUNO
PROVACUNO é a Organización Interprofesional da Carne de Vacún, entidade de carácter privado, sen ánimo de lucro e de ámbito nacional, integrada polas principais organizacións do sector produtor e do sector da transformación/comercialización para a defensa dos intereses do sector de carne de vacún, lugar de encontro e foro de debate para a mellora da situación da cadea alimentaria sectorial.

Presenza na feira das IXPs de vacún de Galicia
A Semana Verde, que se celebra até o domingo en Silleda, conta tamén coa presenza das IXPs de vacún de carne de Galicia, Ternera Gallega e Vaca Galega / Boi Galego.

Ámbalas IXPs están a ofrecer masterclass coas carnes certificadas como protagonistas. A calidade excepcional e o gran sabor destas carnes, de categoría premium, exhíbese a través de diferentes pezas e propostas gastronómicas da man dos chefs Criselda Iglesias, da Tapería Lecer de Cangas, e Xosé Manuel Mallón, do Espazo Gastronómico Remollo. As tres demostracións culinarias programadas poñen en valor tanto os cortes singulares do vacún como outros máis tradicionais.

“O metano xerado polo vacún de carne forma parte dun ciclo circular”

Provacuno, a interprofesional da carne de vacún, presentou no marco da feira Meat Attraction o vídeo ‘Carbono Bioxénico’, un traballo realizado coa axuda dos científicos da Rede Remedia: Fernando Estellés da Universidade Politécnica de Valencia; David Yañez do Consello Superior de Investigacións Científicas (CISC); e Agustín del Prado, del Basque Center for Climate Change (BC3). O vídeo é unha mostra de como as emisións de metano xeradas polo sector do vacún de carne forman parte dun ciclo natural que, a diferencia doutros gases, permanece na atmosfera durante 12 anos para transformarse en CO2 e volver a ser absorbido polas plantas, que despois van ser consumidas polos propios animais. Este vídeo forma parte do compromiso do sector por informar sobre as accións que está realizando a cadea de valor do vacún de carne, avanzando cara a neutralidade climática en 2050. A diferenza dos gases emitidos pola gandería, o CO2 procedente dos combustibles fósiles permanece na atmosfera durante centos de anos, producindo un efecto acumulativo e xerando un quecemento global. Deste xeito, Provacuno aproveitou a súa participación na feira Meat Attraction para presentar este vídeo e avanzar na posta en marcha dun código de boas prácticas medioambientais no sector do vacún de carne.

O sector do vacún de carne lanza a estratexia ‘Carbono Neutral 2050’

A Organización Interprofesional da Carne de Vacún (Provacuno) lanzou a estratexia Vacún de Carne Carbono Neutral 2050. A iniciativa, aprobada no 2019 polos órganos directivos da organización, procura alcanzar a neutralidade climática do sector en 2050. Os últimos datos de inventarios do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico feitos públicos o pasado marzo, atribúen ao sector a penas o 3,6% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro no noso país. Desta maneira, o sector da carne de vacún de España busca asumir un papel proactivo para garantir o respecto ao medio ambiente, reducir ao mínimo as súas emisións e aumentar o secuestro de carbono. Para iso, leva desde o ano 2015 dando impulso a distintas actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico para conseguir os obxectivos acordados a nivel mundial no Cume do Clima de París, COP21.

Investigación e boas prácticas

Na estratexia Vacún de Carne Carbono Neutral inclúense medidas e accións como son a investigación e a innovación continuas, coa posta en marcha, ao longo de 2020, dalgunhas iniciativas. Entre elas, uns códigos de boas prácticas, en colaboración cos investigadores españois que traballan na mitigación do cambio climático no sector agrario, e agrupados en torno ao colectivo Remedia. Tamén traballan na caracterización socioeconómica do sector, como base para orientar de forma precisa as actividades de innovación. Como asegura Javier López, director de Provacuno: "O sector do vacún de carne está comprometido para alcanzar a neutralidade climática en 2050, e ímolo conseguir", apunta. López concreta os esforzos realizados polo sector nesta liña, como foi a redución das emisións asociadas aos estercos nun 18% nas dúas últimas décadas. "O noso cumprimento das normas e o recoñecemento deste esforzo pola sociedade e os consumidores contribuirá a alcanzar a sustentabilidade económica e social no sector e a garantir unha actividade esencial para conservar o medio rural", indica López.

Vías para potenciar a sustentabilidade

Provacuno incluíu na súa estratexia unha serie de liñas de actuación nas que vai incidir a curto, medio e longo prazo, como son a mitigación e adaptación ao cambio climático, o impulso á economía circular, o fomento da biodiversidade, un uso da auga máis racional e eficiente, e a procura da sustentabilidade, tanto económica como social. A Interprofesional asegura que todo o sector do vacún de carne español está a traballar para reducir as emisións de gases contaminantes. O sector considera realista o poder alcanzar a neutralidade climática en 2050, reducindo as emisións e aumentando o secuestro de carbono, dado o coñecemento científico actual e a velocidade coa que se está avanzando neste terreo nos últimos anos. Ademais, desde o sector destacan a súa contribución ao medio ambiente, posto que a actividade gandeira resulta fundamental para a fixación de carbono no chan, para a preservación da biodiversidade e para protexer o medioambiente no medio rural, especialmente nas áreas protexidas, así como para colaborar na prevención de incendios. "O traballo de Provacuno cos grupos de investigación españois e coas ONG que queiran construír connosco o futuro do medio rural español permitiranos non só aplicar unha serie de medidas sustentables, senón transformalo nun sistema de boas prácticas que logre chegar a conseguir o obxectivo dun sector de carbono neutral e sustentable, que tan necesario é para o noso planeta", conclúe Javier López, coa mirada xa posta en 2050.  

A tenreira cae de prezo, pero mantén mercado

A crise do coronavirus xerou un aumento inicial das compras de carne de tenreira que se demostrou un espellismo. A maior demanda dos supermercados mantense, pero constátase xa que é insuficiente para cubrir o peche da hostelaría, principalmente porque a carne máis valorada e máis usada na restauración, como o lomo e a falda, quédase agora cunha saída escasa. Eses excedentes de pezas nobles provocaron o abaratamento dos becerros, unha situación que xa se percibe no campo, con caídas de prezo que oscilan entre 30 e 50 céntimos / Kg. Outra parte do mercado, a xestionada directamente polas cadeas de distribución, mantense sen embargo, pois grupos como Vegalsa-Eroski están a respetar os prezos pactados coas ganderías que os suministran, segundo apuntan fontes do sector.
Os becerros chegaron a baixar no campo entre 30 e 50 céntimos / Kg. polo peche da hostalaría
O empeoramento do mercado preocupa no campo, aínda que as ganderías continúan en xeral cunha saída fluída de animais. “Non sabemos que sucederá nos próximos meses, pero polo momento o mercado mantense e estanse vendendo os animais sen problema” -explica Antonio Álvarez, xerente da cooperativa Artesáns Gandeiros, que agrupa ás cooperativas Clun, Lemos e A Carqueixa-. “A parte negativa é que o peche da hostelería xerou excedentes de faldas e lomos, o que provocou baixadas considerables de prezo nos becerros”, lamenta. En caso de que o mercado empeorase, as granxas e os cebadoiros contan este ano con maior marxe de manobra polos cambios normativos de Ternera Gallega, que nada teñen que ver coa crise do coronavirus, pero que chegan nun momento axeitado. Os exemplares de Ternera Gallega pódense vender desde febreiro ata con 12 meses de idade, cando o límite anterior eran 10 meses. En Ternera Gallega Suprema mantense o límite de 10 meses, pero os animais poderían comercializarse ata con 12 meses pasándose á categoría Ternera Gallega, o que sería un mal menor.
"Os animais véndense sen problemas, pero é certo que houbo unha caída considerable de prezos" (Antonio Álvarez, Artesáns Gandeiros)
“Se o mercado empeorase 2-3 meses, poderíase salvar bastante a situación con esa solución de manter un pouco máis os animais nas ganderías”, valora Antonio Álvarez. Polo momento, é unha medida que non é precisa. Na cooperativa A Carqueixa (Cervantes, Lugo), que agrupa a ganderías que venden baixo o selo de Ternera Gallega Suprema, sinalan que os animais seguen saíndo antes do límite dos 10 meses. “Estamos sacando só os animais que chegan ó límite porque o prezo baixou bastante. A comercialización que mellorou é a venda online directa a particulares, pero non compensa a perda de beneficios da outra parte”, explica o xerente da Carqueixa, Román Sánchez.
"A venda online directa mellorou moito, pero non compensa a caída nos prezos dos becerros vendidos a matadoiro" (Román Sánchez, A Carqueixa)
Vacún maior Con todo, o mercado de carne de vacún máis afectado pola crise é o de vacún maior, sobre todo o centrado en pezas nobres para hostelaría. “Só están saíndo vacas que é necesario sacrificar, pois o mercado caeu moito e o prezo tamén”, confirman na Carqueixa. Desde Artesáns Gandeiros centran a caída de mercado do vacún maior nas vacas máis engraxadas, en tanto precisan que o mercado das vacas magras ou medias mantense aínda en certa medida.

Provacuno pide apoios ó almacenamento privado, intervención pública e axudas para granxas e cebadoiros

A Interprofesional da carne de vacún, Provacuno, emitiu hoxe unha nota de prensa na que solicita medidas públicas de apoio ó sector. En concreto, Provacuno pide que a Comisión Europea habilite axudas para o almacenamento privado, que se poña en marcha un sistema de intervención pública de carne e que haxa axudas directas para cebadoiros ou para ganderías de vacas nodrizas que se vexan obrigadas a manter os becerros máis tempo do habitual. En canto a medidas a nivel estatal, a Interprofesional pide que haxa apoio ás exportacións, incentivos fiscais para gandeiros, cooperativas e industrias, así como un programa de promoción do consumo de carne de vacún nos próximos meses.
"Os apoios ó sector primario teñen que ser rápidos. Se pecha unha granxa, non volve" (José Ramón González, Unións Agrarias)
Medidas propostas desde Galicia Desde o sector en Galicia, tamén se valora a necesidade de medidas. Tanto Unións Agrarias como o Sindicato Labrego Galego están a favor da activación das compras públicas para desconxestionar o mercado. “En xeral no sector primario hai que ser rápidos coas medidas de apoio. Se unha explotación tivese que pechar, non vai volver, así que o esforzo tense que facer antes de que ninguén caia” -valora o responsable de vacún de carne de Unións, José Ramón González-. “Hai tamén matadoiros que se poden atopar con dificultades por falta de capacidade de almacenamento ou de capacidade financieira para compras, polo que tamén precisarán de apoios”.
"Unha reivindicación histórica nosa é a activación dun sistema público de compras en casos de crise" (Lois Varela, Sindicato Labrego)
O responsable da sectorial de vacún de carne do Sindicato Labrego, Lois Varela, demanda igualmente a posta en marcha de compras públicas de carne, de xeito que se retire carne temporalmente do mercado. A organización amosa a súa preocupación pola baixada de prezos no campo, que varía en cada caso particular.