Archives

Curtis acollerá unha planta biotecnolóxica de extracción de proteínas vexetais

A empresa ‘In proteins for all’, unha start up creada no 2022, proxecta construír en Curtis unha planta biotecnolóxica para a extracción e transformación de proteína vexetal. A iniciativa oriéntase ao suministro de ingredientes á industria alimentaria e empregará como materia prima sementes de leguminosas e fariñas de legumes. O Consello da Xunta vén de declarar a iniciativa como prioritaria, a fin de axilizar trámites para a súa posta en marcha. O proxecto prevé un investimento de 16,9 millóns de euros e emprego directo como mínimo a 25 persoas, segundo anunciou hoxe a Xunta. A Administración indica que a industria desenvolverá un sistema de produción híbrido, onde se combina a extracción seca de proteínas concentradas ao 50 % a partir de sementes ou fariñas de legumes e un procedemento húmido posterior para transformar esas proteínas concentradas en proteínas illadas e purificadas e en proteínas funcionais. Ademais, impulsarase unha liña de amidóns con diversas aplicacións na industria alimentaria, como a obtención de produtos de panadería ou pastas. Se ben a Xunta non informou sobre a materia prima coa que traballará a planta, é previsible que se suministre de vexetais importados, ben soia, ben outras leguminosas que poidan entrar polo porto da Coruña. A promotora pretende, con esta iniciativa, construir a primeira planta integral de produción de proteínas vexetais en España, para fornecer de forma global produtos e ingredientes de orixe vexetal de alta calidade e sustentables a toda a industria agroalimentaria. O Consello da Xunta sinala que os promotores xa puxeron en marcha unha empresa biotecnolóxica de éxito en Estados Unidos, polo que o Goberno galego confía na iniciativa. Unha das administradoras de ‘In protein for all’ é Ana Rosa Caamaño Vara, que é a súa vez directiva de Cleariver Ventures, unha sociedade de capital risco orientada a investir na industria biotecnolóxica de proteínas vexetais. Con anterioridade a isto, no seu periplo laboral, Caamaño traballou nunha das grandes industrias internacionais especializadas en proteína vexetal, Kerry, unha firma irlandesa que naceu como cooperativa láctea e que hoxe xestiona dúas liñas de negocio principais, a láctea e outra de proteínas vexetais. En Curtis convén lembrar que opera xa Inleit, unha industria orientada á extracción de proteína láctea, co que a posta en marcha da planta de ‘In protein for all’ convertirá ao polígono de Teixeiro nun dos principais polos da proteína alimentaria en España. De cara ó futuro, a planta de proteína vexetal complementarase ademais cun centro de innovación, para optimizar procesos produtivos e impulsar tecnoloxías innovadoras para a alimentación e a saúde, segundo sinala a Xunta en nota de prensa.

Seis datos de utilidade que ofrece o Control Leiteiro, á marxe das calidades e o reconto de células

Falar do Control Leiteiro é para moitos gandeiros pensar nos valores de calidade do leite como a porcentaxe de proteína, graxa ou o reconto de células somáticas, xa que son os valores que puntualmente destacan nas analíticas. Porén, como apunta Ramiro Fouz, veterinario e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), os datos que se recollen nestas analíticas, máis alá de ditos parámetros destacados, poden ser claves para a granxa, aportando información sobre puntos favorables, pero tamén indicadores de posibles problemas. “Cos datos do Control Leiteiro pódeste facer unha idea do que tes na granxa”, destaca. Fouz recordou que o Control Leiteiro é unha das ferramentas destacadas do programa de Mellora Gandeira co que conta Galicia e que cada ano analizan de media 1.850.000 mostras de leite procedentes de boa parte das ganderías de vacún de leite de raza frisoa da comunidade.
O Control Leiteiro galego analiza cada ano 1,8 millóns de mostras de leite. É o único de España en aportar niveis de ácidos graxos
Ademais, o Control Leiteiro galego é punteiro neste tipo de analíticas de leite en granxas. “A nivel nacional, o Control Leiteiro galego é o único que aporta niveis de ácidos graxos nas súas analíticas de forma sistemática, vaca a vaca e sen custe engadido na cota xeral”, sinala Fouz.

Parámetros de interese para a granxa

No marco das xornadas organizadas por Africor Pontevedra e celebradas recentemente en Lalín, Fouz abordou algúns destes datos claves que se inclúen nas analíticas do Control Leiteiro e que pasan máis desapercibidos para os gandeiros, aínda que poden resultar de gran utilidade.

Días en leite

Os días en leite (DEL) son a media de días que levan paridas as vacas. Debería coincidir coa metade da duración da lactación para esa gandería. Este valor pode ser un indicativo de problemas reprodutivos, cando tende á alza. Mentres, se estas cifras son moi baixas adoita deberse a un lote de vacas mercadas recentemente, vacas paridas de pouco ou á concentración de partos. Tal e como sinala Fouz, tamén cómpre ter en conta que esta baixada se pode deber a que haxa poucos efectivos para atender o volume de partos e traballo da granxa. Ademais, é importante ter presente que “cando aumentan os DEL, a graxa e a proteína tenden a aumentar e o leite a diminuír”, explica Fouz. Así, este valor é significativo para entender variacións das calidades e da produción de leite na granxa.

Leite corrixido por enerxía

O leite corrixido por enerxía exprésase na analítica como L. É un valor que aparece situado entre a produción de leite e a porcentaxe de graxa e que se estandariza para todas as vacas. Este dato permite ó gandeiro estimar canto leite produciría de máis ou de menos se diminuíse ou aumentase a graxa e a proteína do leite que producen as súas vacas. “Resulta un valor moi útil para comparar a produción de vacas de razas distintas entre si”, concreta Fouz.

Puntuación lineal

Nas analíticas, a puntuación lineal amósase como PL e expresa o nivel de células somáticas. Dado que non se poden facer medias con este valor, transfórmase nunha escala de tal xeito que un reconto de 50 células por mililitro representa un valor de 2 e increméntase de xeito gradual ata un valor máximo de 9 cando representa 6.400 células por mililitro. Escala de puntuación lineal. Este valor é tamén de gran utilidade para as granxas, xa que pode ser un aviso de alerta sobre cuestións como o secado, cando ese índice se dispara.

Ratio graxa/ proteína

Máis alá da porcentaxe de graxa e proteína, nas analíticas do Control Leiteiro tamén se inclúe unha ratio de graxa e proteína, un indicador metabólico que proporciona información sobre o estado de saúde dos animais e serve para detectar posibles afeccións dos animais. Así, os ratios baixos, inferiores a 0,9, son indicadores de acidose ruminal. Mentres, os ratios altos, superiores a 1,4, son indicadores de cetoses. Este é un dos indicadores que permite coñecer o estado de saúde da granxa mediante as analíticas.

Urea

É un dos indicadores de maior utilidade que aportan as analíticas do Control Leiteiro e que adoita pasar desapercibido para os gandeiros. “Non se lle dá o valor real que pode proporcionar esta analítica. É realmente valioso para lograr un bo equilibrio na ración do animal”, reivindica Fouz.
“As variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode haber outros factores para que a ración non estea equilibrada”
Cando os valores de urea son altos reflicten que hai unha falta de enerxía ou que sobra proteína (ou é moi dixerible) na ración. Neste caso, os valores adoitan situarse por encima de 280. Pola contra, os niveis baixos de urea adoitan presentalos vacas subalimentadas. “Estas variacións na urea non teñen porque deberse a que a ración estea mal deseñada polo nutrólogo, pode deberse a outras causas como non estar ben mesturada e producirse deste xeito unha ración que non estea ben equilibrada aínda que fose ben deseñada”, explica o veterinario. Ademais, a urea é un indicador que axuda a detectar problemas hepáticos do animal, posto que o fígado é o órgano que se encarga de destoxicar o amoníaco que se produce no rume, amoníaco que transforma en urea. “Os valores altos de urea indican que o fígado está soportando un traballo extra e é un órgano que hai que coidar moito, xa que é de gran importancia para as vacas, posto que se encarga de detoxicar o sangue, sintetizar proteínas e glucosa, transformar o amoníaco (que é tóxico para o animal) en urea, metaboliza lípidos ademais de ser depósito de elementos esenciais como o ferro, cobre ou vitamina B12...”, detalla Fouz. Por outra banda, a presenza elevada de urea é un indicador de que tamén hai moito nitróxeno nos ouriños desas vacas, o que produce un impacto maior da granxa a nivel ambiental.

Ácidos graxos

Galicia é a única comunidade onde as analíticas do Control Leiteiro inclúen os ácidos graxos, que foron dos últimos parámetros incorporados. A graxa do leite esta composta nun 94% de ácidos graxos e a proporción de cada un deles depende, en gran medida, do que acontece no rume, de aí que sexa importante telos en conta. Os ácidos graxos poden clasificarse en base a distintas cuestións como a lonxitude da cadea (cadea curta, media ou longa) ou o grao de saturación (saturados, monoinsaturados ou poliinsaturados). Nas analíticas identifícase a cantidade de ácidos poliinsaturados debido a que están presentes na maioría das forraxes e cereais como a soia ou o millo e porque poden proporcionar información sobre o aporte nutricional da ración. “Os ácidos graxos insaturados teñen propiedades antibacterianas, polo que as bacterias ruminais transfórmanos en saturados para que non lles sexan tóxicos á vaca. Se o leite presenta unha elevada cantidade de ácidos graxos poliinsaturados pode ser debido a que as bacterias non están facendo esta transformación de xeito correcto”, explica o experto. Un dos valores de referencia no caso dos ácidos graxos poliinsaturados é 0,09. Por outra banda, os ácidos graxos tamén se poden clasificar atendendo á súa orixe. Poden dar información sobre a saúde do animal e establécense tres tipos, que tamén aparecen identificados nas analíticas do control leiteiro: - DeNovo. Son ácidos graxos de cadea curta, prodúcense na glándula mamaria a partir do butirato e do acetado procedentes da fermentación ruminal, é dicir, proporcionan información sobre o estado do rumen da vaca. -Preformados: Ácidos graxos de cadea longa que proceden do alimento ou da mobilización das reservas corporais. -Mixtos: Trátase de ácidos graxos de cadea media que poden ser sintetizados na glándula mamaria ou proceder do alimento ou da mobilización das reservas corporais. Neste caso o importante é ver a tendencia, máis que ter un valor de referencia, de aí que nas analíticas apareza o valor e ó lado unha frecha (ascendente ou descendente segundo a tendencia) ademais dun valor entre paréntese que indica a evolución con respecto do mes anterior. “Cambian moito en función da alimentación, por iso é importante ver a evolución e non quedarse con valores de referencia”, detalla Fouz. En liñas xerais e de xeito práctico, para lograr bos resultados na granxa, Fouz recomenda manter os ácidos graxos Preformados o máis baixos posibles e os DeNovo canto máis altos mellor. Como valores de referencia das mellores granxas, os DeNovo atópanse en valores por encima de 29% (porcentaxe sobre o total de ácidos graxos do leite). Cando estes ácidos se sitúan por debaixo do 26%, poden non estar funcionando correctamente. Así, os ácidos graxos son indicativos do estado do rumen e poden ser preditores de problemas como o cuajar. Estes valores mudan con factores de variación como o número de partos, polo que Fouz recomenda sempre prestar atención ós datos tendo en conta o contexto da granxa e non perseguir esas cifras sen analizar o resto de información da gandería en cada momento. O experto reivindica a importancia dos datos facilitados polo Control Leiteiro como unha ferramenta de gran utilidade na toma de decisións da gandería.

Proteinleg: Un proxecto para recuperar a produción de proteína vexetal, clave na seguridade alimentaria

Campo de ensaio de guisantes A recente guerra en Ucraína volveu a pór en primeira plana o debate sobre o risco que entraña a dependencia das importacións de alimentos. Un risco aínda maior cando o produto importado é de primeira necesidade. O conflito ucraíno, país considerado como o “celeiro de Europa”, puxo en xaque a cadea de subministración alimentaria a nivel mundial, véndose seriamente comprometidos un gran número de sectores. Esta dependencia é aínda máis marcada no caso da gandaría española, cuxa dependencia respecto das importacións de soia é elevada. Actualmente, a soia é practicamente a única fonte viable de achega de proteína para a elaboración de pensos compostos para o gando. A perspectiva non é mellor en canto á alimentación humana. No caso de España, o déficit nacional no que a proteínas de orixe vexetal se refire é do 70%. Doutra banda, a sociedade é cada vez máis esixente respecto dos produtos que consome. A demanda de alternativas á proteína de orixe animal que sexan sustentables, saudables e nutritivas, sen deixar de lado a parte económica, é crecente.

Proteinleg: Un proxecto para reducir a nosa dependencia da importación de proteína vexetal

É ante este contexto que xorde o Grupo Operativo PROTEINLEG, un proxecto de innovación que busca desenvolver novos produtos ricos en proteína vexetal para alimentación humana e animal, mediante o cultivo sustentable de variedades tradicionais e de proximidade de leguminosas (en concreto: xudías, fabas, garavanzos, altramuces e guisantes). Os legumes foron tradicionalmente unha peza clave na dieta mediterránea. Ademais, teñen unha serie de características, derivadas da súa gran capacidade de fixación de nitróxeno, que as fai moi interesantes á hora do seu cultivo. En concreto, destacan por: -Baixa necesidade de fertilizantes. -Incremento da produción en cultivos rotativos. -Diminución da degradación da terra. PROTEINLEG, unha iniciativa de carácter multidisciplinar e supra-autonómico, está coordinada pola Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA), e conta coa participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG); o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Almacenes Gamallo, Semillas Ramiro Arnedo e MIMIC SeaFood. Coa data de fin do proxecto en marzo deste ano, PROTEINLEG atópase nunha fase moi avanzada, e xa se obtiveron numerosos resultados en cada un dos bloques de traballo: agrobiodiversidade, sustentabilidade e o desenvolvemento e validación das novas formulacións para alimentación humana e animal.

1. Agrobiodiversidade:

Ensaio de xudías Este primeiro paquete de traballo estaba enfocado en coñecer as especies mellor adaptadas a diferentes condicións edafoclimáticas. Procedentes do banco de sementes do que dispón a MBG, avaliáronse un total de 175 variedades tradicionais e silvestres de leguminosas en distintos ambientes de cultivo, que incluían guisante, xudía, faba, garavanzo e altramuz. Os ensaios realizados permitiron avaliar a adaptación agronómica e o rendemento destas variedades en tres localizacións diferentes (Ourense, Pontevedra, e Almería). Froito destes ensaios, seleccionáronse, para cada legume, as variedades mellor adaptadas a un ambiente concreto. Estas 10 variedades (2 por cada leguminosa estudada) procedían, en todos os casos, do leste da Península Ibérica. Os resultados demostran que, en xeral, a data de sementeira influíu no rendemento total da colleita para todas as especies, véndose beneficiada nuns casos a sementeira de outono e noutros a de primavera. Ademais, as producións demostraron que se dispón de variedades autóctonas que mostran rendementos similares ou mesmo maiores a algunhas variedades comerciais, o que demostra o valor da biodiversidade como recurso que debe manterse nestes cultivos.

2. Sustentabilidade:

A sustentabilidade na agricultura implica aumentar a produción de alimentos de calidade a través de prácticas respectuosas co ambiente. Ante un escenario de cambio climático é necesario identificar as variedades de leguminosas que presentan unha mellor adaptación fronte a diferentes estreses, e por tanto melloran a sustentabilidade do cultivo. Para iso, levaron a cabo ensaios de estrés biótico e abiótico a cargo da MBG, do CTC e de Semillas Ramiro Arnedo, en diferentes localizacións de España, para cultivos de guisante, faba e xudía. En canto á tensión abiótica, causado pola baixa dispoñibilidade da auga, extraéronse as seguintes conclusións:  -Guisante. En rexións de baixa pluviometría (Ourense), a rega favorece a súa produción. Pola contra, en provincias con maior pluviometría (Pontevedra), a rega non mellorou o rendemento. -Faba. A rega en floración contribúe a asegurar un bo desenvolvemento de flores e callado de froito. -Xudía. Identificáronse variedades cunha boa tolerancia á tensión hídrica. Respecto á tensión biótica, causada pola presenza de patóxenos e pragas, realizáronse ensaios de tolerancia con e sen tratamento fitosanitario, en cultivos de guisante, faba e xudía. Salvo no caso da xudía (na que por motivo do tempo deste ano apenas houbo incidencia de inóculo ou praga), tanto o guisante como a faba tiveron perdas de entre o 36 e o 58% da produción.

Táboa 1. Porcentaxe de perda de produción debida á tensión biótica.

3. Alimentación animal: Resultados positivos do guisante

O chícharo pode substituír prácticamente á soia nos pensos para porcino En primeiro lugar, realizouse unha caracterización analítica das variedades de leguminosa de maior interese para a elaboración de pensos compostos, limitándose a 9 variedades de guisantes e fabas. En particular, é vital coñecer o contido proteico e o perfil de aminoácidos das diferentes especies e variedades, posto que algúns destes compostos son esenciais para o correcto crecemento e desenvolvemento das crías, polo que deben ser proporcionados na cantidade precisa. A seguinte gráfica recolle a cantidade de aminoácidos totais presente en cada unha das 9 variedades de faba e guisante testadas. Esta cantidade total de proteínas tradúcese nunha concentración de entre 22 e 27,8 g/100g, segundo a variedade. 

Gráfica 1. Contido de aminoácidos totais en faba (VIF) e guisante (PSM)

As análises do perfil de aminoácidos esenciais demostraron que as medias máis elevadas atópanse nos guisantes e, en concreto, a variedade de maior calidade nutritiva é a PSM 1112-50, unha variedade tradicional portuguesa.  Estes ensaios parecen indicar que o guisante pode ser unha alternativa sustentable para a substitución parcial da soia na elaboración de pensos compostos sen causar deficiencias nutricionais, especialmente de proteína. Ofrece unha concentración de aminoácidos esenciais equilibrada e de elevado interese nutritivo para o gando de abasto. A partir desta información, desenvolvéronse dúas formulacións de penso para porcos e polos de crecemento lento, nos que se realizou unha substitución parcial da soia polo guisante. O penso para porcos contén un 20% de guisantes, mentres que o do polo un 6%. Os resultados preliminares indican que a calidade nutritiva destes pensos non diminuíu con respecto aos pensos comerciais.

4. Alimentación humana:

Liderada por MIMIC SeaFood, nesta actividade desenvolvéronse novos produtos para alimentación humana saudables, saborosos e sustentables a partir de leguminosas. Novamente, a leguminosa con maior valor nutricional e máis interesante polas súas características físico-químicas foi o guisante. A partir del, desenvolveuse unha proteína texturizada de guisante mediante un proceso de extrusión húmida, que lle outorgaba as seguintes características:  -Resistencia aos procesos de conxelación e descongelación. -Resistencia ao cociñado. -Mordida adecuada. -Un bo perfil organoléptico. Tras diversas probas, obtívose un prototipo cunha textura similar ao peixe e un sabor moi semellante ao atún. En canto ao valor nutricional deste prototipo, destaca o seu alto contido en proteína e en ácidos grasos omega-3. Para analizar a aceptación deste prototipo, realizáronse varias catas e degustacións recentemente, de onde se extraeu a conclusión de que a súa introdución ao mercado é viable. Así mesmo, trátase dun produto apropiado para o escalado industrial. Por último, e de cara á parte final do proxecto, as actividades centraranse en realizar estudos de mercado e organizar degustacións para ter unha visión máis detallada da aceptación do produto, a nivel organoléptico, por parte dos consumidores. Toda a información na web do proxecto: www.proteinleg.es PROTEINLEG é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das ditas axudas. Orzamento total do proxecto: 556.240,12 €, Subvención total: 551.440,12€.
<!-- AdSpeed.com Tag 8.0.2 for [Zone] AMP Agroalimentacion 1 [Any Dimension] --> <script type="text/javascript" src="https://g.adspeed.net/ad.php?do=js&zid=101852&oid=18217&wd=-1&ht=-1&target=_blank"></script> <!-- AdSpeed.com End -->

Claves para o cultivo do chícharo bravo en Galicia

A suba dos custes das forraxes e pensos sumada á preocupación por incorporar cultivos forraxeiros cos que reducir os gastos das ganderías e o impacto ambiental están a abrir a porta tanto a novas especies coma a algunhas que xa se cultivaran en Galicia, pero que foran quedando en desuso. O chícharo bravo (Lupinus), tamén coñecido como chícharo tremoceiro, é unha das alternativas que se están a valorar e sobre as que traballan no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), na Coruña, co gaio de ofrecer as claves sobre o seu cultivo ós produtores que deciden apostar por ela. O chícharo bravo ten un alto contido en proteína, de entre o 30 e o 50% en especies coma o Lupinus albus, coñecido como chícharo bravo branco. Este é un dos eixos que pode impulsar a recuperación do seu cultivo en España, xa que ademais de ser unha fonte de proteína para alimentación animal, a nova PAC contempla axudas para a produción sostible de proteínas de orixe vexetal, con achegas que poden chegar a ser de entre 80 a 100 euros por hectárea e sen ter que empregar semente certificada.
O chícharo bravo preséntase coma unha fonte de obtención de proteína vexetal e que tamén ten en conta a nova PAC
A nova PAC e os ecorréximes tamén buscan favorecer a rotación dos cultivos, introducindo especies mellorantes como as leguminosas e nas que se inclúe o chícharo bravo, o que pode supoñer un pago de máis de 80 euros por hectárea. “O chícharo bravo ten raíces profundas e pivotantes, que lle permiten ter unha alta resistencia á seca. Empregalo como abono verde permite mellorar en gran medida a capacidade de infiltración da terra”, explicaba o enxeñeiro agrónomo do Ciam Luis Urquijo durante a súa participación nas xornadas sobre este cultivo organizadas polo propio centro e que tiveron lugar en Lalín (Pontevedra). Do chícharo bravo pode aproveitarse tanto o seu gran, para alimentación humana ou animal; como toda a planta, para abono verde ou forraxe. O chícharo bravo é tamén un aliado para a recuperación de solos erosionados. O prezo medio do cultivo deste gran en 2022 estimouse en 450 euros por tonelada, duplicando case o seu valor con respecto do 2010, cando rondaba os 230 euros, segundo os datos manexados dende o Ministerio de Agricultura. Evolución do prezo do chícharo bravo en España entre os anos 2009 e 2019. Fonte: MAPA.

Unha alternativa para Galicia?

Aínda que o chícharo bravo se ten cultivado en zonas de Lugo, a súa presencia é mínima en Galicia e mesmo se reduciu moito dende os anos 60 en rexións coma Extremadura, Andalucía ou Castela e León, principais produtores españois e onde se cultivara dende os anos 30. Esta redución da superficie adicada ó seu cultivo debeuse en especial ó baixo prezo da soia, que pasou a converterse nunha alternativa máis rendible na alimentación. Porén, o incremento do valor que experimentaron os cereais como a soia no último ano derivada da guerra de Ucraína volve poñer sobre a mesa ó chícharo bravo. Gran de chícharo bravo. Un dos aspectos polos que se presenta como unha alternativa a producir en Galicia é a súa alta tolerancia ás xeadas (entre -6º e -9º), aínda que como recorda Urquijo, durante a floración é máis sensible. A temperatura de crecemento óptima sitúase entre os 15º e os 25º. Ademais, tampouco require gran aporte de auga, o que permite que se poida cultivar en zonas cunha pluviometría mínima duns 350 milímetros ó ano, precisando o maior aporte durante a floración e o callado das vainas. Así, segundo apuntan dende o Ciam en base a diferentes estudos realizados por outros investigadores, para un rendemento dunhas 4 toneladas por hectárea precisaríanse entre 400 e 500 milímetros de auga ó ano, unha cantidade moi por debaixo do rexistrado en todas as localidades galegas . Ademais é unha especie que se adapta a diversos solos, en especial dáse en solos acedos ou neutros, polo que tamén resulta viable de cultivar en Galicia.“É un cultivo que tamén está adaptado para solos pobres e dependendo da pH da terra pode empregarse unha especie ou outra”, detalla o investigador. Así, o chícharo bravo amarelo (Lupinus luteus) dáse ben en solos máis acedos e pobre, pero ten menor resistencia ás xeadas e ó frío ca outras variedades. Mentres, o chícharo bravo branco (Lupinus albus) require solos máis fértiles e menos acedos.
En función da zona na que se cultive e do tipo de solo que haxa é recomendable empregar unha especie ou outra, e realizar a sementeira na primavera ou no outono
Esta leguminosa adoita sementarse no outono, e a finais de febreiro prodúcese a floración, que durará ata maio. “Tamén se están logrando bos resultados con sementeiras primaverais realizadas naquelas zonas máis frías”, explica Urquijo. En función de cando se realice a sementeira tamén varía o cantidade de semente a empregar. Nas sementeiras de inverno, en zonas cálidas, recoméndase empregar unhas 20 plantas por metro cadrado. Mentres, se a sementeira se realiza na primavera, en zonas frías, increméntase o número de sementes ata as 50 plantas por metro cadrado. O investigador tamén recomenda que a terra estea ben arada, para evitar a costra superficial que pode dificultar a nascenza. Tamén recomendan realizar a sementeira a unha profundidade de entre 1 e 5 centímetros e deixar unha distancia entre liñas de entre 15 e 60 centímetros. Urquijo tamén apunta que para lograr un rendemento de entre 3 a 4 toneladas por hectárea adoita ser habitual realizar un abonado de 0-60-80 (N – P2O5P2o5- K2O). A maduración do gran estará condicionada polas altas temperaturas e a seca.
A rotación de cultivos como o trigo, a colza ou a pataca contribúe a unha produción máis sa ó reducir a incidencia de Antracnose, principal patoloxía
Un dos maiores problemas deste cultivo en Galicia parece ser a Antracnose, que aparece diseminada na sementeira e acaba causando podredoiro na planta e no froito. Un dos métodos para reducir a incidencia desta doenza fúnxica é usar semente libre de patóxenos e producida en rexións secas ou semiáridas, e contar con semente certificada. Outro método é a rotación de cultivos. “Facer unha rotación de cultivos como chícharo bravo, trigo ou centeo, colza e patacas é unha maneira de reducir a incidencia deste patóxeno”, explica o enxeñeiro agrónomo. Con todo, en todas as sementeiras realizadas no Ciam non tiveron que botar man de funxicidas. Tampouco empregaron herbicidas para o control de herbas de competencia posto que foi un ensaio ecolóxico e fixeron un control mecánico con grade de púas, un método que lle serviu para o seu control. “É recomendable pasar a grade cando a planta ten unhas 8 follas, é dicir cunha planta de 3 meses, xa que de facelo antes, remátase por arrancar un importante número de plantas, xa que aínda son moi pequenas”, detalla o investigador. Instante da intervención do enxeñeiro agrónomo, Luis Urquijo nas xornadas celebradas en Lalín.

A experiencia do Ciam

No Ciam xa levaran a cabo probas para incluír o chícharo bravo nas rotacións con outros cultivos de gran no ano 1993 e no 2013. Máis recentemente iniciaron un estudo en rotación co trigo Rumbo durante a campaña 2019- 2020, sen empregar abono, herbicidas ou funxicidas. Conseguiron un rendemento de 4 toneladas por hectárea e unha calidade de proteína de 39,5%. “Alternar nese terreo co chícharo bravo permitiu lograr un rendemento do trigo superior, en concreto de 1.100 quilos máis, conseguindo un incremento do 48% se se compara con monocultivo de trigo”, explica o enxeñeiro agrónomo.
Alternar o chícharo bravo co trigo permitiulles incrementar a colleita de trigo case un 50% que o monocultivo do cereal
Xa durante a campaña 2021- 2022 realizaron probas co chícharo bravo branco alternando con tres variedades de trigo: Rumbo, Estoril e Orden Dorado, seguindo sen abonar, empregar herbicidas nin funxicidas. Ademais realizaron sementeiras tanto en outubro, coma en febreiro e marzo. Das tres variedades, os mellores resultados acadounos a variedade Rumbo, sementada a mediados de outubro. En concreto, con esta variedade de chícharo bravo conseguiuse un rendemento de 3.109 quilos por hectárea, cun aporte de proteína do 40,6% e sen case incidencia de antracnose (6,5%), mentres que noutras variedades e datas esta afección chegou a ser do 31 ou 20 %, no caso do Estoril. Resultados de produción do 2021-2022. Así, como destaca Urquijo, en base ás investigacións realizadas, esta é unha alternativa a ter en conta en Galicia. “O chícharo bravo ten un alto potencial produtivo en Galicia, de entre 2 a 4 toneladas por hectárea, e un alto porcentaxe de proteína (entre un 38 e un 42%), ademais de mellorar o solo e a súa fertilidade”, destaca o enxeñeiro agrónomo.
Instante do debate que pechou as xornadas sobre o chícharo bravo celebradas en Lalín, no que participaron parte dos relatores.

O chícharo bravo, dende distintos eixos

Nas xornadas tamén se abordaron outros aspectos sobre o chícharo bravo que resultan de interese á hora de valorar o seu cultivo en Galicia. Así, o investigador Fernando Almeida ratificou os bos resultados que ofrece para combinar con cultivos como o trigo, en base ás investigacións que levou a cabo, logrando tamén mellores resultados con esta leguminosa que co monocultivo do cereal. Pola súa banda, José Manuel Mateos-Cañero, un destacado coñecedor do cultivo do chícharo bravo polos anos que leva comercializando esta sementeira, apuntaba o potencial desta leguminosa. “Do chícharo bravo aprovéitase todo, e, aínda que foi desprezada, en zonas de Galicia pode chegarse a conseguir un 40% de aporte de proteína”. Á hora de valorar o cultivo de chícharo bravo, Extremadura convértese nun referente, non só pola importancia que tivo alí esta leguminosa senón porque alí están a desenvolver o único programa de mellora realizado en España e contan cun banco de xermoplasma con máis de 2.000 ecotipos, dos cales máis de 150 proceden de Galicia, tal e como sinalaba Antonio García, un dos investigadores do Centro de Investigacóns Científicas e Tecnolóxicas de Extremadura (Cicytex) onde se desenvolven estes traballos e que tamén participaron nas xornadas cunha conexión por videoconferencia. Abrir a porta a un aproveitamento do gran do chícharo bravo en Galicia destinado á alimentación animal é un dos obxectivos que os relatores e asistentes consideran fundamental. Neste senso, dende Piensos del Sil, Manuel Fernández apuntaba a viabilidade do emprego deste gran para a elaboración de racións e fórmulas de penso, pero o reto pasa por conseguir unha oferta estable deste gran para que se poida comezar a valorar en firme por parte das industrias.

Chícharo bravo, un aliado para a produción de trigo autóctono en Galicia

O chícharo bravo (Lupinus albus L.) leva tempo asentado en Galicia e é un cultivo adaptado ás condicións edafoclimáticas de Galicia. “É fácil atopar chícharo de bravo silvestre en solos acedos das catro provincias”, apunta o enxeñeiro agrónomo Fernando Almeida, que participou recentemente nas xornadas sobre esta leguminosa celebradas en Lalín, coa organización do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e da empresa galega de sementes Sementares S.L. Pero malia estar adaptada ao territorio, o chícharo bravo a penas se cultiva en Galicia; por tanto tampouco se están a aproveitar as vantaxes que pode ofrecer esta leguminosa. A crecente demanda asiática de proteína vexetal para a elaboración de pensos está a acaparar a produción de soia dos principais países produtores americanos, polo que cada día resulta de maior interese a produción propia de protexinosas, das que Europa é deficitaria. Unha posibilidade é o chícharo bravo, que se sitúa ao nivel da soia, cunha achega do 40% de proteína. “Países como Australia, Canadá ou Chile son referencias na produción desta leguminosa. A crecente demanda internacional de proteína vexetal de calidade constitúe unha oportunidade de mercado que debemos aproveitar”, apunta Almeida. Á marxe da achega de proteína, o chícharo bravo é unha leguminosa cunha alta dixestibilidade, alto valor enerxético e baixo contido en graxa. Almeida, que acaba de presentar a súa investigación de doutoramento centrada en analizar a rotación sostible de cultivos co trigo autóctono (Triticum aestivum L.), apunta os bos resultados que ofrece o chícharo bravo doce, en especial con este cereal. Alternar o cultivo de trigo e chícharo bravo permite incrementar a produción de trigo, á vez que se reduce o gasto necesario en fertilizantes pola achega que proporciona ao solo esta leguminosa.
Alternar o cultivo de trigo e chícharo de raposo permite incrementar a produción de cereal e reducir o gasto en fertilizantes
Parcelas de ensaio de chícharo bravo e trigo.

Trigo e chícharo bravo, bos compañeiros

Unha das principais vantaxes que proporciona rotar o cultivo de chícharo bravo con trigo é o incremento da produción do cereal, en especial nas variedades autóctonas galegas, como Callobre ou Caveeiro. Así, mentres que co monocultivo do cereal acaba por reducirse a produción ao terceiro ano de colleita, se se alterna con chícharo bravo a produción chega a ser máis do dobre. En concreto, segundo os estudos realizados por Almeida en parcelas de Carral (A Coruña), rotar chícharo bravo con trigo autóctono permitiu obter ata un 62% máis de rendemento de trigo que en monocultivo, en liña con traballos anteriores do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), nos que se obtiveran incrementos de ata o 50%.
A rotación con chícharo bravo tamén reduce a incidencia de enfermidades e a competencia de malas herbas, incrementando a rendibilidade do cultivo de trigo
A rotación con esta leguminosa tamén contribuíu a unha redución de enfermidades e malas herbas. “O monocultivo de cereal aumenta a presión das plantas adventicias de similar ciclo vexetativo”, explica Almeida. Doutra banda, para reducir a competencia do chícharo bravo con malas herbas, o enxeñeiro recomenda realizar sementeiras tardías, debido a que se se sementa cedo está máis exposto á competencia. Ademais, recomenda utilizar entre  30 e 35 plantas de chícharo bravo por metro cadrado. Calidade do trigo En paralelo ó aumento de produtividade do trigo, a rotación con chícharo bravo permitiu a mellora en parámetros de calidade do gran, como o peso hectolitro, con incrementos entre o 7 e o 13%, así como o peso de 1.000 sementes con aumentos do 12 ao 15%. Do mesmo xeito que ocorre co rendemento, son cifras máis altas que as que se observaron noutros traballos de investigación similares. En concreto, supón un 2,43% máis que noutros ensaios. Á marxe do incremento da produción, outra das vantaxes que presenta a rotación con determinadas variedades de chícharo bravo é que permiten activar o fósforo en terreos cunha elevada concentración de aluminio, de maneira que o fósforo queda dispoñible para o cultivo seguinte, é dicir para o trigo. “As raíces proteoides dos chícharos bravos branco e amarelo permiten o seu desenvolvemento en solos onde o fósforo se atopa insoluble e queda inmobilizado pola presenza de aluminio. En Galicia, por desgraza, temos moitos solos con estas características”, explica Almeida.
O cultivo do chícharo contribúe a mobilizar o fósforo do solo, de xeito que queda dispoñible para o cultivo seguinte
Diferencias entre parcelas nas que se realizou un monocultivo de trigo e nas que se rotou con chícharo branco. No terceiro ano a rotación ofrece mellores resultados para a produción de trigo.  Desta maneira, combinar o cultivo de chícharo bravo e trigo autóctono tamén supón un aforro en fertilizantes. Nos ensaios realizados por Almeida, o seu cultivo fíxose sen necesidade de ningún tipo de fertilización química. “O chícharo bravo amarelo e o branco son dous cultivos para os que, en moitos casos, non sería preciso a achega de nitróxeno e fósforo ao solo. O Rhizobium -bacterias fixadoras do nitróxeno atmosférico, ligadas ó chícharo bravo- e as raíces proteoides permiten o seu desenvolvemento sen as devanditos achegas”, detalla o enxeñeiro agrónomo.

Portugal, o primeiro mercado para o chícharo bravo galego

Un dos retos que se presentan para o aproveitamento do chícharo bravo en Galicia é conseguir unha saída comercial para a súa produción. A pesar das vantaxes que ofrece o seu cultivo para a produción de trigo, a cuestión é que non se converta nun ano sen rendemento para os produtores. O chícharo bravo doce pode aproveitarse tanto para alimentación animal (e humana), ben sexa como forraxe ou en gran para a elaboración de pensos, pero polo momento en Galicia a penas se está comercializando para estes fins. “Estamos a buscar unha saída para a produción que se está realizando en Galicia en mercados próximos como o portugués”, sinalaba Almeida. Así, máis 15 de produtores agrupáronse esta mesma campaña para producir chícharo bravo de gran doce en diferentes zonas de Galicia e comercializar a súa produción no país veciño. Máis aló doutros condicionantes, a disposición dunha produción estable é un dos factores que poden determinar o interese das industrias de pensos por este gran. Por iso é polo que, como sinalaba Almeida, sería interesante que máis produtores vaian incorporando este cultivo, de cara a abrir un mercado tamén galego. Doutra banda, a crecente demanda de proteína vexetal de calidade para alimentación humana é outra oportunidade de mercado con alto valor engadido.

Alternativas de rotación do trigo con outros cultivos

Na súa investigación doutoral, Almeida, en colaboración coa USC e o CIAM, analizou rotacións alternativas do trigo autóctono, representativas en Galicia, en sistemas convencional e ecolóxico. En concreto, estudouse a inclusión na rotación doutros tres cultivos: a pataca, o millo forraxeiro e a colza. Nesta comparativa, alternar o trigo autóctono, ben sexa en convencional ou nun cultivo ecolóxico, coa colza resultou a mellor opción desde un punto de vista ambiental en canto ao seu impacto nos solos, ao analizar parámetros como a toxicidade ou a eutrofización. No outro extremo, rotar trigo con millo forraxeiro ou pataca presenta un alto impacto ambiental, tanto pola emisión destacada de amoníaco ao aire, no caso do millo; como a lixiviación de nitratos que pode producirse coas patacas. Como mellor opción económica destas tres, valorouse a rotación trigo autóctono - pataca.

Graxa, proteína e rendemento en leite por animal: a situación comparada de Galicia

As granxas galegas destacan a nivel europeo polos seus rendementos anuais en Kg. de leite por vaca, pero atópanse na franxa baixa en calidades de graxa e proteína. Un artigo elaborado por investigadores de Mabegondo e do Ligal, publicado na obra ‘El sector lácteo en España’ (Cajamar), compara os valores galegos e españois cos das principais potencias lácteas europeas. Debullamos os datos e conclusións. Para a comparación, tomáronse en conta os valores promedio do último quinquenio (2016-2020), a fin de evitar posibles sesgos dun ano concreto. O contido medio en graxa da UE-27 foi do 4,07%, en tanto a proteína foi do 3,43%. En Galicia, a comunidades cos mellores datos de sólidos en leite de España, a graxa foi do 3,81 e a proteína do 3,28%, en tanto a media española situouse no 3,69 e 3,27 respectivamente. Son datos que ubican á produción láctea española na franxa baixa de produción de graxa e proteína a nivel europeo, unha cuestión que ten que ver con múltiples factores, principalmente pola tradición española de industrias orientadas ó leite líquido e granxas centradas, consecuentemente, no rendemento leiteiro en Kg. Escenario europeo A nivel europeo, en graxa destacan Países Baixos, Irlanda e Dinamarca, con porcentaxes que oscilan entre o 4,2 e o 4,4% de graxa. Alemania, Francia e Polonia superan tamén o 4%, en tanto España e Italia sitúanse no treito baixo, con 3,7-3,8. En proteína existe menor fluctuación, pero pódense establecer similares agrupacións, cos países líderes nun 3,5-3,6 de proteína, seguidos de Alemania, Italia e Polonia, cun 3,3-3,4 %, e á cola quedan Francia e España, por baixo do 3,30%. A composición do leite vese afectado por múltiples factores, entre os que figura o sistema de alimentación, a xenética ou a raza. A raza é un dos factores máis importantes, pois hai diferenzas significativas na produción de sólidos entre a Holstein e outras razas, pero países cunha alta proporción de Holstein, como Países Baixos, destacan tamén nas porcentaxes de sólidos do leite. Datos de sólidos só en Holstein A raza frisona (ou Holstein) é a dominante en toda Europa, pero en países como Alemaña, Francia, Dinamarca ou Italia presenta unha menor proporción, con arredor dun 70% dos animais. No resto de Europa (España, Países Baixos, Irlanda ou Polonia), a porcentaxe supera o 90%. Se se analizan só os datos das vacas Holstein na UE-27, destacan Países Baixos e Irlanda, con porcentaxes do 4,2 - 4,3 % de graxa e 3,4 – 3,5% de proteína. España, pola súa parte, situaríase entre os países con valores máis baixos, con arredor do 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Rendementos No rendemento de leite por animal, nunha produción normalizada a 305 días, España sitúase nos valores máis altos de Europa, por riba dos 10.000 Kg. por vaca, en tanto Irlanda ten menos de 7.000 Kg. por vaca. O resto de países sitúanse entre 9.000 e 10.000. Hai, por conseguinte, tres modelos de produción de leite, un con altos rendementos e baixo en sólidos lácteos (España e Italia), outro con poucos rendementos e alto en sólidos (Irlanda) e un terceiro, o máis habitual en Europa, que busca un equilibrio entre rendementos e porcentaxes en sólidos.
A raza Holstein presenta significativas diferenzas por países, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en España en canto ó aumento de sólidos en leite, en especial na graxa
Os autores do artigo (Gonzalo Flores, Adrián Botana e César Resch polo Centro de Investigacións de Mabegondo; e Roberto Lorenzana polo Laboratorio Interprofesional Galego de Leite) subliñan precisamente a conveniencia de que España teña como referencia países que combinan unha elevada produtividade por animal cunha alta concentración de sólidos en leite. Os investigadores inciden en que a raza Holstein presenta significativas diferenzas entre os distintos países europeos, do que se deduce que existe unha ampla marxe de mellora en canto ó aumento de sólidos en España con esta raza, principalmente en materia graxa. Comparativa de datos en raza Holstein: graxa, proteína e rendementos. Calidades do leite de vacas en pastoreo As granxas en pastoreo, comparadas coas estabulacións permanentes, teñen en xeral menor produción de leite (e menor gasto de concentrado), pero destacan por unha maior porcentaxe de graxa, en comparación cos sistemas de alimentación baseados no millo. Outro dos puntos fortes das granxas en pastoreo (convencionais e ecolóxicas) radica na composición de ácidos graxos do seu leite e nunha maior presenza de antioxidantes. É de destacar que todo o leite presenta bos datos de ácidos graxos e de antioxidantes, pero o leite en pastoreo presenta unha maior porcentaxe de ácidos graxos cardiosaudables, así como unha proporción máis positiva de Omega 6 / Omega 3, desde o punto de vista da dieta humana. As granxas en pastoreo, por tanto, obteñen un leite con características diferenciais que ten demanda entre un sector dos consumidores. A expansión deste modelo de produción, como sinalan os investigadores, está limitado sen embargo pola escasez de base territorial e pola deficiente estrutura territorial da superficie (minifundio).

Desmóntase o mito da ineficiencia da proteína animal procedente do vacún de leite

O debate sobre a eficiencia da proteína obtida dos animais, en comparación coa procedente dos vexetais, é outro dos puntos abordado no artigo polos investigadores de Mabegondo e do Ligal. Trátase dun debate que -din-, presenta en xeral importantes carencias, pois bótanse de menos análises baseadas na diversidade de dietas animais e nos distintos niveis de eficiencia da súa aportación á dieta humana. Para o caso do vacún de leite, os investigadores decidiron facer os cálculos. En xeral, a literatura científica valora a eficacia da conversión en proteína do porcino e da avicultura, pero habería que precisar que estas especies consumen maioritariamente cereais que tamén poderían ser consumidos polos humanos. En cambio, a gandería vacún emprega con frecuencia terras marxinais, convertindo pastos e forraxes non empregables na alimentación humana en alimentos de alto valor nutricional, á vez que lle proporciona abonos orgánicos á terra. Un 86% das terras mundiais destinadas ó vacún son pastos e outro 14% terras de cultivo de cereais, leguminosas e oleaxinosas. Se ben unha parte dos pastos poderíanse destinar a terras de cultivo -aproximadamente a metade dos pastos a nivel mundial-, iso tería tamén un efecto medioambiental desde o punto de vista do cambio climático, principalmente pola roturación de pastos semi/permanentes e a perda do carbono almacenado no solo.
Os investigadores conclúen que, co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano
Do total da dieta animal do vacún, o máximo de alimentación que poderían consumir os humanos oscila entre o 9 e o 34%, en función do sistema de alimentación da granxa. Se se mide en proteína, a porcentaxe oscilaría entre o 6 e o 22%. Se collemos a proteína utilizable polos humanos que consume o vacún de leite e a comparamos coa proteína que esta mesma gandería lle aporta á dieta humana, atopámonos cunha relación positiva, pois as granxas de leite, en función do seu sistema alimentario, consumen entre 0,28 e 0,85 Kg. de proteína por cada Kg. de proteína que lle aportan á dieta humana. Estos datos demostran, segundo os investigadores, que co actual uso da terra, o gando vacún realiza unha contribución positiva á dispoñibilidade de proteína para consumo humano. Os autores destacan que é unha cuestión a ter en conta, pois factores como a competencia animal – humana polos alimentos, o impacto da actividade gandeira no cambio climático ou a relación entre dieta e saúde terán a cada paso unha maior importancia entre os consumidores e nas institucións públicas.