Archives

San Sadurniño recupera os cursos de fruticultura e apicultura suspendidos pola crise sanitaria

O Concello de San Sadurniño (A Coruña), coa colaboración da Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) e da Casa do Mel de Goente, volve lanzar as convocatorias formativas que quedaran suspendidas polo estado de alarma debido á crise do coronavirus. Celebrarán dous cursos que serán gratuítos para veciñanza empadroada en San Sadurniño, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro será unha iniciación no mundo do mel e as abellas. O primeiro dos cursos que se celebrará será o de iniciación á apicultura, que se levará a cabo os días 4, 5, 11 e 18 de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas. Durante estas catro xornadas abordarán a bioloxía do enxame, o funcionamento da colmea e o papel de quen coida dela. Tamén se tratará a instalación do apiario, a flora melífera, así como a reprodución da colmea cos enxames e a saúde das abellas. A última xornada centrarase na produción e a comercialización do mel, pole, própole, xelea e cera. A formación teórica impartirase na Casa da Cultura, aínda que esta ubicación está suxeita á dispoñibilidade nos primeiros días de xullo por mor dos actos da campaña electoral. As prácticas faranse no apiario da Cortiña. Ademais, está prevista unha visita á Casa do Mel de Goente. O segundo curso, de Iniciación á fruticultura, celebrarase os días 10, 17 e 31 de xullo, 7 e 14 de agosto, en horario de 16:30 a 20:30h. Ignacio Bellas encargarase de impartir este curso impulsado por AGFA e dirixido a persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. Nas sesións abordarán a morfoloxía, as técnicas de plantación e as tarefas de mantemento, poda e enxertado. A teoría darase tamén na Casa da Cultura e para as prácticas acudirase á horta de conservación "Carlos Fornos". Unha das xornadas resérvase para visitar unha explotación froiteira.

Inscrición

Ambos cursos son gratuítos para os veciños de calquera parroquia de San Sadurniño. No caso do obradoiro de apicultura tamén será de balde para os asociados da Casa do Mel de Goente e no taller de fruticultura para os socios de AGFA tampouco terá custo. Mentres, para o resto de persoas interesadas en participar o prezo será de 40 euros en cada un deles. En ambos cursos será preciso contar cun grupo mínimo de 10 persoas para levar a cabo a actividade, que conta cun máximo de 20 prazas. A inscrición no curso de apicultura deberá formalizarse antes das 12.00 horas do día 3 de xullo e para o taller de fruticultura o prazo para anotarse finaliza ás 14.00 horas do día 8 de xullo. En ambos casos a inscrición poderá facerse chamando ó 981 490 027, onde tamén lle facilitarán máis información sobre as actividades.

Curso sobre própole este fin de semana en Ourense

A Asociación Apícola Ourensá organiza o vindeiro fin de semana, 29 e 30 de xuño, un curso sobre própole. Celebrarase na antiga escola de Trasalba, no concello de Amoeiro. O curso será impartido polo experto Féliz Adanero Jorge. Para anotarse enviar un email a apicolourensa@gmail.com ou enviar un washap a 647 48 47 88 Velaquí o programa :

Curso sobre o própole: recolección, procesado e usos

A Asociación Apícola Ourensá organiza para os vindeiros 19 e 20 de maio un curso sobre “Própole: Recolección, procesado, propiedades e usos”. As xornadas celebraranse na Casa Grande Otero Pedrayo, en Trasalba (Amoeiro – Ourense). Programa: SÁBADO 19 de maio 2018: Día Mundial da Abella -9:30h. Características, usos e recolección do pole Relator: José Manuel Estevez (Apicultor) -11:30h. Própole: Recolección, procesado, propiedades e usos. Relatores: Félix Adanero Jorge, doutor polla Universidad de León. Ldo. en Farmacia e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, e Daniel Cangas Redero, Ldo. en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos. 16:30h. Obradoiro de Própole I. Elaboración de tintura de própole, mel con própole, xabóns e cosmética con própole. Asistencia limitada a 25 persoas, por orde de inscrición. Entregarase mostra dos produtos elaborados Custo (inclúe os produtos que se levan): Socios 30€ (se participaron noutra das nosas actividades. Socios 35€. e non socios: 50€. Entendese como socio ao membro de calquera asociación galega apícola. DOMINGO 20 de maio 10:00h. Taller práctico de elaboración de fórmulas con própole II Elaboración de 5 fórmulas maxistrais (orais e tópicas): Fórmulas orais: xirope, gominolas, caramelos. Fórmulas de cosmética apícola: pomada, xel dental, pos pédicos, champú. Outros preparados: verniz para colmeas, preparado funxicida para a horta. Entregarase mostras de todo, agás de xirope, gominolas o caramelos, que se probarán durante o final do obradoiro. Custo (inclúe os produtos que se levan): 20€. Asistencia limitada a 25 persoas, por orde de inscrición. Preferencia asistentes as primeiras xornadas. Pódese asistir a xornada do sábado pola mañá. Informacion: wasap: 647 48 47 88 / correoelectrónico: apicolaourensa@gmail.com Inscrición:   Asociación Apícola Ourensá. Ingreso en Banco Sabadell Galego conta n.: ES50 0081 2192 7700 0117 4318 Cota socio da Asociación Apícola Ourensá:  20 € socios.

A Agrupación Apícola de Galicia organiza un curso sobre “O uso do propóleo”

A Agrupación Apícola de Galicia organiza para o próximo 17 de febreiro en Pontevedra un curso sobre “O uso do propóleo”, un produto con crecentes aplicacións en medicina.

O curso será impartido por Félix Adanero Jorge, Doutor pola Universidade de León. Ldo. en Farmacia e Ldo. en Ciencia e Tecnoloxía de Alimentos, e un referente en España no estudo do propóleo.

Programa do curso:

11:00 a 14:00 horas: Coñecementos teórico sobre o propóleo

– Aspectos xerais
– Produción de propóleos
– Comercialización de produtos a base de propóleos
– Apiterapia con produtos a base de propóleos
– Lexislación

Esta parte do curso será de asistencia libre para socios/as.

16:30 a 19:30 horas: Aplicación práctica para a obtención, procesado e consumo de propóleos

– Colocación de mallas/reixas e retirada de propóleos destas.
– Consumo habitual de propóleos.
– Obtención de tintura e extractos de propóleos.
– Elaboración de 4 fórmulas maxistrais (orais e tópicas). Fórmulas orais: Mel con propóleos. Fórmulas tópicas: Stick labial, Xabón de glicerina, Crema O/W LBPA

Para a parte práctica admitirase un máximo de 25 persoas. O prezo é de 25€ para socios e de 35 € para persoas non socias.

Todos os asistentes ao taller práctico levarán para casa as 4 elaboracións e un folleto coa teoría e as fórmulas realizadas.

Últimas prazas para o día 17, se hai máis xente interesada posibilidade de facelo o día 18. Teléfono de contacto: 646788215

A própole: métodos de recolección e calidades

A própole é un cemento ou masilla bio-activa de carácter principalmente resinoso que as abellas procesan de forma natural a partir de substancias oleo- gomo- resinosas que recollen de diferentes partes de plantas diversas próximas ao colmear. É coñecido desde fai miles de anos polas súas propiedades farmacolóxicas e nos últimos anos a súa demanda incrementouse de forma notable, sendo España un país claramente importador, polo que existe un amplo mercado para os apicultores profesionais españois que desexen comercializalo. Algúns dos requisitos que son necesarios para que as abellas elaboren própole son: - Temperatura exterior entre 21-28 º C. - Vexetación dispoñible para a colmea de plantas resinosas, gomosas e aromáticas, tales como chopo, castiñeiro, carballo, salgueiro, olmo, faia, aliso, bidueiro, piñeiro, xara, breixo, romeu, tomiño, lavanda, etc. - É necesario que a colmea teña necesidades adicionais de propolizar, tales como a súa propia inmunidade (a nivel individual e social), inmovilización de estruturas (cadros, panais, etc.), preparación da colmea en meses fríos, selado de ocos ou fendas, colocación de mallas ou reixas para recoller própole, etc. - Outros factores que condicionan a produción de própole son a época do ano (máis cara a final do verán e cara ao outono), a fortaleza da colonia, a xenética das abellas ou a estrutura a propolizar. En canto á composición do própole, esta resulta moi variable, sendo maioritariamente resinas (45-80%), entre un 8 e 40% de ceras, impurezas (5-40%) e pole (5%). Estes parámetros téñense en conta á hora de valorar un própole de mellor ou peor calidade. Por outra banda, para evitar a presenza no própole de residuos de produtos cos que se trata a colmea, é moi importante cando se utilicen mallas ou reixas, retiralas e respectar o tempo de espera do produto empregado, e unha vez que se cumpra este prazo, poderíase volver colocar de novo dita malla/ reixa. Unha vez que o própole é extraído, debe ser sometido a unha limpeza e selección, para a súa posterior etiquetaxe e almacenamento a temperaturas baixas de refrixeración (2-8º C) ou conxelación (-18 º C) en envases aptos para uso alimentario e hermeticamente pechados.

Métodos para a extracción de própole das colmeas:

Raspado do própole das colmeas A) Raspado As súas vantaxes é que é un método rápido, barato e que permite obter maior produción. Ademais, favorece a limpeza da colmea e nalgunhas colmeas é a única forma de obtelo. Os seus inconvenientes son que presenta un alto contido en impurezas, é un própole de mala calidade, o que tamén dificulta o posterior procesado do mesmo. Actualmente non se comercializa para consumo. Reixas de plástico de uso alimentario colocadas enriba dos cadros B) Reixas plásticas de uso alimentario Como aspectos positivos, é un método cómodo, que permite obter unha produción limitada (de 50 a 200 gramos por colmea) pero de moi boa calidade, á vez que a súa extracción e a súa limpeza é fácil. Os inconvenientes son que só se poden utilizar en colmeas industriais, e as abellas ás veces non propolizan a reixa. Require de equipo adicional de frío para a súa extracción, no que ás veces rompen as reixas polas baixas temperaturas. Mallas para uso alimentaro olocadas enriba dos cadros C) Mallas plásticas de uso alimentario Os seus puntos a favor son que permite unha maior produción (ata 300 g), de moi boa calidade, e cun procesado posterior fácil. O manexo destas mallas na colmea tamén é fácil e duran máis que outros métodos. Como contrapunto, requiren tamén de equipo adicional de frío para a extracción. Ademais, presentan maior grao de pulverización e requiren de movemento na colmea. D) Aperturas laterais na colmea ( Pirassununga) Método brasileiro: aperturas laterais Este método brasileiro presenta como principais vantaxes que permite lograr unha maior produción de própole e que o manexo é fácil. Como inconvenientes, require modificar a colmea, o procesado posterior é difícil e está suxeito a contaminación externa. Tamén favorece un alto contido en impurezas E) Outros métodos Outros métodos que se poden empregar son cadros metálicos, teas mosquiteiras, rolos de teas plásticas, mallas de sacos de tea/plástico...etc. As vantaxes son que algúns son moi económicos, como a malla de tea, e permiten unha gran versatilidade. Porén, ao tratarse de elementos metálicos ou plásticos, poden oxidar ou contaminar o própole, e ademais descoñécese se é apto para uso alimentario.

Cal é a própole ben valorada?

A própole mellor valorada e pagada ao apicultor é o que cumpre estas características: -Ecolóxico -Baixo % ceras e impurezas e alto % resinas -Alto grao de frescura: de menos dun ano. -Extraído mediante malla ou reixa -Boas características organolépticas -Uniforme, non heteroxéneo -Con conservación, envasado e etiquetaxe adecuados -Que foi estudado e analizado cientificamente nun laboratorio que certifique a súa composición. Por tanto, que presenta unha análise de laboratorio. Resulta, por tanto, moi importante que o apicultor coñeza o tipo de própole que produce mediante unha análise de calidade e de contaminantes nun laboratorio especializado.

Recomendacións para o consumo de própole

Por último, unhas advertencias con respecto á utilización este produto: .Non se recomenda o seu consumo en cru, debido á presenza de impurezas e outros contaminantes, sendo recomendable a súa utilización de forma procesada (en tintura, extractos, etc.) -Tampouco en mulleres embarazadas, en lactación nin en nenos menores de 4 anos. -Unha pequena porcentaxe dos consumidores de própole poden ter alerxia a algún dos seus compoñentes, polo que debe terse especial precaución.