Archives

A D.O. Ribeiro recibe a visita de 11 profesionais da enoloxía referentes en España

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro organizou esta semana a visita dunha delegación de profesionais a nivel nacional relacionados coa enoloxía para facerlle un percorrido pola zona do Ribeiro, amosarlles algúns dos seus viños, e darlles unha formación específica. O obxectivo desta visita é apostar pola promoción, o desenvolvemento de negocio das bodegas locais, e dos seus viños. O programa incluíu a visita a catro adegas, con cata dos seus viños máis representativos nas súas instalacións, tras visitar os seus viñedos e coñecer máis de preto as variedades de uva autóctonas. Priorado de Razamonde, Leive Ecoadega, Canción de Elisa e Ramón do Casar foron as visitadas, de tal xeito que “os invitados coñeceron de primeira man proxectos pequenos, grandes e medianos de diferentes vales da Denominación de Orixe, probando a Treixadura en viños monovarietais, combinada con outras variedades autóctonas, así como nalgunhas elaboracións moi especiais”, comenta o presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan M. Casares. Así mesmo, tamén levaron a cabo unha xornada de formación, que contou coa presentación da D.O. Ribeiro da man de Casares Gándara denominada “O Ribeiro, unha mirada desde o territorio”, seguida do relatorio “Treixadura, clave da viticultura do Ribeiro”, impartida por Emilia Diaz, investigadora da EVEGA e unha cata de 12 viños guiada polo catador, docente e catador Luís Paadín, que levaba por título “A raíña Treixadura nos vales do Ribeiro”. En total, participaron nela un total de 11 profesionais, entre os que se atopaban xornalistas dos medios de comunicación Vivir El Vino, La Razón, Punto Radio, El Confidencial, Restauradores, Citizen, 7 Caníbales, PlanetaVino, El Español, Sector Ejecutivo e os directores de compra de Bodeboca e Vinoselección.

As accións de promoción serán a prioridade da D.O. Valdeorras para este ano

O pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras deu luz verde á liquidación orzamentaria e á memoria de actividades de 2021, aprobando, así mesmo, as contas para o novo exercicio, que ascenden a 757.897,76 euros. Tal e como sinala o presidente do Consello, José Luis García Pando, “as accións de promoción centrarán gran parte deste orzamento; nelas investiranse máis de 300.000 euros”. Unha das accións previstas é a recuperación da tradicional Feira do Viño de Valdeorras, que este ano se desenvolverá con normalidade no mes de xullo logo de dúas edicións nas que tivo que cancelarse por mor da pandemia. Do mesmo xeito, A Coruña, Santiago de Compostela, Alicante, Madrid e Barcelona serán algunhas das cidades que acollan actos promocionais dos viños da comarca. Así, os brancos e tintos valdeorreses poderán degustarse, por exemplo, na Barcelona Wine Week e tamén no Salón Gourmets de Madrid. Ademais, os viños promocionaranse na London Wine Fair, un dos foros vinícolas máis importantes do mundo, nun stand conxunto no que participará a D.O. Valdeorras xunto ao resto de territorios amparados de Galicia.

Mercado da Colleita, as voces do desenvolvemento rural

Ese termo un pouco abstracto que é o desenvolvemento rural plásmase en historias como a de Alexandre Cendón, un filósofo que se iniciou por accidente no mundo das abellas, cando un amigo que emigraba a Suíza lle deixou tres colmeas, e que hoxe en día xestiona Abella Lupa, unha sociedade agrícola adicada á produción de mel ecolóxico e á divulgación da cultura apícola. Esta e moitas outras historias están dándose a coñecer cada ano a través do Mercado da Colleita, unha iniciativa que trata de facer visibles proxectos innovadores no rural. O Mercado da Colleita engloba un conxunto de accións dirixidas a facer de escaparate do novo rural galego. O seu punto central son os Parladoiros, un evento anual que xunta nun teatro a un grupo de emprendedores rurais para que conten as súas iniciativas e vivencias.
"O noso proxecto demostrou que se pode volver da cidade ó campo sen grandes gastos" (Xan Fraga, produtor de porco celta)
Este ano foron 8 proxectos os que congregaron no teatro Rosalía de Castro da Coruña a centos de persoas interesadas en coñecer historias como a de Alexandre, de Abella Lupa, ou a de Xan Fraga, da Horta de Teodoro, unha iniciativa de volta ó rural centrada na cría do porco celta e na elaboración de embutidos artesanais. “O noso proxecto demostrou que se pode volver da cidade ó campo sen grandes investimentos. Nós fomos a un pobo, Palas de Rei, e comezamos a plantar as patacas a man”, lembra Xan dos seus inicios na Horta de Teodoro. A historia de Xan, igual que a dos outros proxectos participantes, vaise difundindo logo tamén en vídeo tanto a través da web do Mercado da Colleita como das plataformas e redes sociais. Quen non estivese nos Parladoiros, que este ano se desenvolveron a mediados de marzo, pode ir así coñecendo ó longo do ano iniciativas como a da Horta de Teodoro ou a da Casa Grande de Xanceda. "Poñer en valor o noso" A iniciativa do Mercado da Colleita naceu hai tres anos impulsada por tres empresas galegas, Corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), Gadis e máis R, que centraron parte dos seus proxectos de Responsabilidade Social Corporativa na idea de “poñer en valor o noso”. “O Mercado da Colleita está sendo un éxito pero non é algo que nos sorprenda. Estaba latente o interese e o feito de que o rural pode ser unha alternativa vital e de traballo, non ó xeito de antes, senón unha alternativa moderna e actualizada”, reflexiona Marcos Pérez, un dos coordinadores do proxecto.
"Había latente un interese no rural como alternativa moderna e actualizada" (Marcos Pérez, coordinador)
A experiencia do Mercado tamén é ben valorada polos participantes. “A xente que vén ós Parladoiros a dar a coñecer o seu proxecto o que máis agradece é ter un espazo no que contar a súa historia”, apunta Marcos. “É un xeito de facer visible e de recoñecer un traballo; nós non somos un proxecto lucrativo nin é o noso cometido”. Os proxectos participantes no Mercado da Colleita pasan despois a formar parte dunha comunidade que serve de apoio á propia organización do Mercado de cara a definir proxectos futuros. “Os Parladoiros están a ser o pilar do proxecto e a idea é continuar con eles en tanto haxa interese por parte da cidadanía, que estamos vendo que si hai, e a maiores todos os anos tratamos de impulsar iniciativas paralelas. Por exemplo, un ano tivemos durante tres meses unha tenda no centro da Coruña na que cada proxecto participante estaba unha semana promocionando e vendendo os seus produtos” -explica Marcos Pérez-. “En tanto haxa interese por isto e teñamos iniciativas no rural que compartir e que apoiar, o Mercado da Colleita ten sentido e futuro”, conclúe. Vídeo resumo dos Parladoiros 2015

Axudas para programas de información e promoción de produtos agrícolas

As destinatarias destas axudas son as organizacións profesionais e interprofesionales representativas do sector agroalimentario en España, que leven a cabo programas de información e promoción no mercado interior e terceiros países. No caso de que varias organizacións presenten un programa de forma conxunta, estas deberán de aportar un acordo onde se estableza a distribución de responsabilidades entre ellas.

A partida orzamentaria para estas axudas procede da Unión Europea e ascende a 1,2 millóns de euros, a repartir en distintas anualidades até o 2019.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o vindeiro 28 de febreiro.

Máis información nesta ligazón:https://www.boe.es/boe/dias/2015/01/14/pdfs/BOE-A-2015-297.pdf