Archives

Tríptico sobre a xestión de pragas e a produción integrada no viñedo

A Consellería do Medio Rural ven de presentar un tríptico elaborado pola Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia, co que se pretende informar ao sector sobre a produción integrada no viñedo e aconsellar sobre a xestión de pragas. Este tríptico ten como obxectivo dar unha maior difusión das técnicas de control de pragas e os aspectos máis relevantes para implantalas nos viñedos galegos. Así, vaise potenciar a combinación de técnicas culturais, de selección de vexetais, biolóxicas, biotecnolóxicas e químicas para que o emprego de produtos fitosanitarios se limite ao mínimo necesario nos viñedos galegos. O obxectivo é reducir o emprego de produtos fitosanitarios nos viñedos galegos Ademais, neste tríptico tamén se informa aos viticultores profesionais e adegueiros sobre a produción integrada, sistema de certificación da produción de uva obtida a partir do Sistema de Xestión Integrada de Pragas. Con este novo selo, o viño contará cunha nova etiquetaxe que garante ao consumidor un produto máis sostible e respectuoso co medio ambiente, así como unha calidade por riba dos estándares esixidos na normativa xeral. Trátase este dun sistema de produción agraria máis próxima á elaboración tradicional pero que non ten por que ser ecolóxico. Utiliza ao máximo os recursos e os mecanismos de produción naturais mediante a introdución de tecnoloxías respectuosas co medio, asegurando unha produción de alta calidade e salubridade contrastada, así como a rendibilidade da explotación e a eliminación ou redución de insumos exteriores e de fontes contaminantes. Descarga aquí o tríptico sobre produción integrada en viñedo

Aprobada a norma para envasar viños galegos co selo de ‘Produción Integrada’

Os viños galegos poderán optar a etiquetarse baixo a mención de 'Produción Integrada', un selo que recoñecerá aqueles produtos cun ciclo de elaboración máis respetuoso co medioambiente que no sistema agrario convencional. A produción integrada adoita definirse como un modelo de traballo a medio camiño entre o convencional e o ecolóxico. Caracterízase por reducir o uso de fontes contaminantes e os insumos exteriores á explotación, así como por privilexiar métodos de produción naturais. En Galicia, xa existía unha regulación técnica sobre a produción integrada na que se especifican as características que ten que cumprir o cultivo e, de ser o caso, a súa elaboración ou procesado final. Para o sector vitivinícola, a normativa determinaba como cultivar as uvas, pero ó non existir normas para a elaboración do viño, as botellas non podían identificarse coa mención de produción integrada. A entrada en vigor da nova regulación, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), permite a partir de agora a mención de produción integrada nas botellas. Creouse ademais unha etiqueta identificativa para facilitarlle ó consumidor un recoñecemento do produto, de cara a poñer en valor a súa calidade e a súa elaboración respetuosa co medioambiente. O selo de 'Produción integrada' é compatible coas 5 denominacións de orixe e 3 indicacións xeográficas protexidas que hai en Galicia. Desde Medio Rural consideran que a etiqueta reforzará o recoñecemento da calidade dos produtos galegos no mercado. A comunidade conta con máis de 500 adegas e 16.000 viticultores. A produción anual do sector ronda os 40 millóns de litros de viño, cun valor de mercado de 180 millóns de euros.