Archives

A demanda de piñeiro desplómase, en tanto o eucalipto arrastra prezos e compras á baixa

O mercado da madeira arrefríase. A demanda cae tanto no caso do eucalipto como do piñeiro e as principais fábricas que dan saída á madeira de Galicia están a reducir a súa produción e a baixar os prezos, o que arrastra a toda a cadea até chegar ao propietario forestal. Logo dun ano 2022 con alta demanda e bos prezos, o 2023 acumula xa dúas baixadas importantes, a última o mes pasado, que deixa o prezo final do eucalipto en pé (con certificación e IVE) en 28€/tonelada sen pelar para o nitens e 34 para o góbulus (6 máis se é pelado).  
O eucalipto, que xa caera de 2 a 4 euros na primavera, volveu baixar en agosto
Os prezos de eucalipto para pasta de celulosa comezaron a baixar entre 2 e 4 €/tonelada na primavera e os contratos asinados no verán aplicaron unha nova caída. “O axuste pode andar entre os 4-6 euros desde principios de ano, é unha baixada importante”, recoñece Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia, que recomenda agardar a vender a unha posible recuperación do prezo o vindeiro ano.
O piñeiro perdeu entre 4 e 8 euros, dependendo da zona e das características da madeira
No caso do piñeiro, a baixada foi duns 5 euros de media, situándose neste momento a rolla no monte no entorno dos 45€/tonelada (madeira en pé sen IVE). “O piñeiro baixou menos que o eucalipto, viña dun prezo alto e aínda se mantén. Chegou a 55-60€ de media e agora pode estar en 45-50”, explica Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia. Aínda que hai diferenzas importantes dependendo da zona e das características da madeira. “A rolla de máis calidade mantense porque hai pouca, pero baixou a rolla convencional para serradoiro e trituración. Ademais, en piñeiro no norte sempre se paga un pouco menos que no sur de Galicia, ao contrario que o eucalipto”, lembra.
A demanda de palés, o principal segmento de negocio dos aserradoiros galegos, caíu arredor dun 50% nos últimos meses
O problema para o piñeiro é a drástica caída da demanda, pois nos últimos meses todos os sectores se están resentindo a nivel de Galicia e do resto de Europa. O mercado de palés e embalaxes, principal nicho de negocio dos aserradoiros galegos, sufriu unha caída da demanda de arredor dun 50% nos últimos meses, froito da coxuntura económica, marcada pola suba de tipos de interese, a inflación e un menor consumo. Pero tamén o resto dos sectores, como bricolaxe ou xardín, se están vendo afectados, con caídas de arredor do 30%, segundo as estimacións do sector. Cupos de entrega nas fábricas A caída da demanda, tanto de piñeiro como de eucalipto está a motivar xa algunhas limitacións á entrada de materia prima nas fábricas e serradoiros. “En Ence xa hai empresas que teñen cupos para as entregas”, asegura Rubén Pena, de Forestal Cando, unha empresa de Ferrolterra. Tamén baixou a exportación e estanse establecendo restricións á saída de madeira de eucalipto, o que deixa sen alternativa ás empresas forestais da comunidade. “Se o glóbulos para Ence baixou 4 euros en varias veces, o nitens que se mandaba para Portugal, para Altri e Navigator, baixou 6 euros, e con limitacións xa ás compras”, explica Luis Díaz, de Forestal Díaz Casariego, que corta na Mariña.
Ence, Altri e Navigator están a establecer limitacións ás compras
A súa empresa compra tanto eucalipto como piñeiro, onde tamén se dan neste momento problemas para dar saída á madeira cortada, pois hai unha importante redución de demanda nos aserradoiros e, en menor medida, nas fábricas de taboleiros. Stock de piñeiro En Galicia, a caída na demanda e as compras acumuladas fixo aumentar rapidamente os stocks de madeira de piñeiro nos parques das fábricas, supoñendo un freo en toda a cadea. “Os serradoiros están con moi pouco pedido, o taboleiro tamén, e o desenrrollo e todos os derivados do piñeiro están igual. Garnica (La Rioja), por exemplo, está nun ERE de 45 persoas e todo o que é mobles e accesorios está bastante parado”, explica. Canto vai durar esta situación?. Non se sabe, pero o escenario preséntase complicado. "Como mínimo, ata o verán que vén a situación non ten trazas de mellorar. Quizais esteamos ante o momento máis complicado para os aserradoiros desde a crise do 2008 - 2009", valora unha fonte do sector.
O sector asegura que as empresas de biomasa seguen metendo puntal de piñeiro para queimar
Ante esta situación, estase a dar saída ao piñeiro de peor calidade cara á produción de enerxía. As empresas de biomasa, como Greenalia, seguen metendo puntal para queimar, xa que non hai ningunha restrición ao respecto, e a demanda para péllets tamén é elevada, polo que se agarda que se reactive a demanda de cara ao inverno, ao igual que aconteceu o ano pasado, con subas de entre un 30 e un 35% nos diámetros finos de pino. Aumenta a diferenza de prezo entre glóbulus e nitens En eucalipto, neste momento Ence está a priorizar as entradas de eucalipto glóbulus fronte ás de nitens, coa diferenza habitual de 6 euros entre eles, e mantén a promoción dunha prima a maiores de 7 €/tonelada por venda de pezas sobredimensionadas. “Cada vez separan máis o glóbulos do nitens. Queren máis glóbulus, pero o que o propietario puxo nos últimos 10 anos foi nitens; glóbulus nesta zona non se planta e cada vez queda menos”, recoñecen en Forestal Cando.
O que o propietario puxo nos últimos 10 anos foi nitens; cada vez queda menos glóbulus
O ano pasado, debido á alta demanda, a diferenza entre o prezo de compra de eucalipto glóbulus e nitens reducírase, e mesmo en zonas do interior, con maior presenza de nitens ca de glóbulus e menores custos de aproveitamento, ese plus era practicamente inexistente. “No norte de Galicia está máis consolidado o mercado do nitens e estaba sendo consumido polas pasteiras, polo que a diferenza de prezo era menor, duns 4 euros; sen embargo no sur, onde non hai grandes masas de nitens, sempre se mantivo esa diferenza dos 6 euros”, explica Xosé Covelo. Descenso na cotización da pasta de papel A coticación da pasta de papel (BHKP fibra corta de eucalipto) en Europa, está neste momento en prezos de 2015-2016, fixada a 23 de agosto en 818€ a tonelada, cando en xaneiro deste ano se situaba en máximos históricos de 1.379€. Os volumes de inventario actuais de pasta de papel a nivel internacional mantéñense en cifras moi altas. O último informe de Europulp, do pasado 28 de agosto, reporta un stock de 1,5 millóns de toneladas paradas nos portos de Europa. Se o comparamos coas cifras de xullo do 2022, trataríase dun 50% máis.
A cotización da pasta de papel caeu case un 50% no último ano
“Hai unha causa clara na baixada da madeira no monte e o motivo é que a pasta de papel tamén baixa. Había un boom porque fixo falta madeira despois da covid e houbo demanda, pero a situación agora é distinta”, salienta Rubén. Así as cousas, Rubén considera que mentres os stocks non baixen, os prezos non mellorarán, pois empresas como Ence, Altri ou Navigator compiten nun mercado globalizado. O mesmo opina Luis, que di que “co prezo que ten agora a pasta de papel, a fábrica de Ence está próxima a producir números vermellos”, asegura. De feito, Ence rexistrou unhas perdas de 4,2 millóns de euros no primeiro semestre deste ano, mentres que en Portugal Altri empeorou os seus resultados nun 52% no segundo trimestre de 2023.  

Descenso das compras de madeira no monte

O monte sempre foi a caixa de aforros dos galegos, un capital ao que botar man en momentos de dificultades. A actual suba da inflación e os tipos de interese, que está a castigar ás familias, podería animar á venda, pero a baixada de prezos está a frear o mercado. “O mercado está moi frío”, recoñece Luis. “As compras frenáronse”, asegura tamén Rubén. “A xente vén de vender eucalipto a moi bo prezo nos últimos anos, porque o glóbulus pelado chegou a pagarse a 48 euros, e non quere vender aos prezos aos que está hoxe porque ten na memoria esa época dourada recente”, argumenta.
Ao haber pouca demanda, non te atreves a mercar moito piñeiro
No piñeiro, a baixada foi máis paulatina que no eucalipto, manténdose os prezos estabilizados neste momento en niveis superiores aos da gran escalada de cotizacións vivida no período 2020-2021, pero as empresas prefiren ser prudentes á hora de facer compras. “Ao haber pouca demanda, non te atreves a mercar moito piñeiro. Agora mesmo está a pasar o contrario do que pasaba estes últimos anos, cando había máis demanda que oferta. E están todos os países igual, desta volta non hai escapatoria na exportación”, asegura Luis. Un bache pasaxeiro ou duradeiro? Neste momento non é doado aventurar se a actual situación de caída de prezos é algo coxuntural que se vai recuperar a curto prazo ou, pola contra, será máis duradeira no tempo.
Eu confío máis no eucalipto, porque se dirixe a produtos de primeira necesidade; o piñeiro vai a un mercado secundario que depende moito máis do consumo das familias (Luis Díaz)
“Isto non é para catro días. O piñeiro débese moito ao consumo das familias, e mentres os intereses sigan altos non vai haber consumo, porque se soben os gastos da hipoteca e non queda para consumir”, razoa Luis, que di confiar máis a curto prazo no eucalipto que no piñeiro. “O piñeiro diríxese a un mercado secundario, non coma o eucalipto, que en moitos casos é de primeira necesidade, como pasa por exemplo cos derivados do tisú”, argumenta. De cara a 2024 Nesa mesma liña, Xosé Covelo recomenda aos propietarios de eucalipto agardar a vender, á espera dunha posible mellora no mercado de cara ao vindeiro ano. “Normalmente o eucalipto cando baixa pode estar de 6 meses a un ano ata que volve a subir, iso é o habitual”, lembra.
Para o eucalipto eu recomendaría agardar; no caso do piñeiro aínda mantén prezos interesantes para vender
A situación do piñeiro é diferente, xa que non se move en ciclos repetitivos. “O piñeiro baixou moi lentamente, agora está estabilizado e co prezo que ten non é un mal momento para vender. Pódese presumir o mantemento do prezo actual pola demanda que hai de conífera a nivel internacional, a non ser que outro factor desestabilice o mercado”, advirte.

O prezo do eucalipto baixa pola caída do mercado de pasta de papel

As industrias da celulosa están a aplicar baixadas de ata 4 euros nos prezos do eucalipto en monte, segundo os datos que manexan propietarios forestais e empresas de corta de madeira. Ence, a pasteira de referencia en Galicia, baixou 2 euros o prezo do eucalipto globulus e 4 o do nitens, en tanto Navigator baixou 3 euros en toda a madeira. O resto de fábricas compradoras, como Altri ou Torras Papel, están igualmente a baixar tanto prezos como demanda de madeira. A cuestión de fondo é que o mercado de pasta de papel tocou teito en decembro e desde aquela entrou en caída libre. Se a pasta de papel de fibra curta de eucalipto cotizaba en decembro en Europa a uns 1.380 dólares / tonelada, a finais de marzo xa baixara 200 dólares e no último mes seguiu costa abaixo. Con todo, a pasta de papel aguanta aínda en niveis altos de prezos, pois cómpre lembrar que, segundo as tarifas vixentes de Ence, a prima de ata 3 euros / tonelada de eucalipto que paga Ence en función do prezo da pasta de papel só se comeza a reducir cando a cotización da pasta baixa dos 900 euros / tonelada (992 dólares). O problema é que a evolución á baixa dos prezos vén acompañada dunha forte caída da demanda. Os stocks das fábricas aumentaron no primeiro trimestre do ano nun 30% en Europa, pois o ano pechouse con 1,3 millóns de toneladas de pasta en stock e a finais de marzo xa se pasaba dos 1,7 millóns de toneladas, a cifra máis alta dos últimos anos. En España, o aumento dos stocks seguiu unha liña similar. A caída da demanda afecta en especial ó papel de impresión e escrita, en tanto o sector tissue, o principal mercado de Ence, amosa debilidade pero está menos afectado, segundo os analistas internacionais do sector. Nos próximos meses, a perspectiva é a dun mal segundo trimestre para a pasta de papel, á espera de ver como evolucionan as cousas na segunda metade do ano. Nestes momentos, a demanda internacional mantense baixa, pois grandes compradores, como China, están á espera de baixadas maiores de prezos para acometer compras. Prezos en monte Así as cousas, a Asociación Forestal de Galicia calcula na actualidade uns prezos medios para o eucalipto globulus duns 30-35 euros por tonelada, falando de madeira en pé, sen Ive, sen pelar e certificada. En función dos accesos da parcela e do tamaño do lote, o prezo pode ser mesmo un pouco superior, en caso de grandes volumes, ou baixar desas cifras, no caso de pequenas parcelas. A tarifa de Ence desde o 2021 sitúa o prezo do eucalipto nitens 6 euros por abaixo do globulus, se ben en monte, en función do momento de mercado, existían variacións nos prezos. Coa baixada de 4 euros que aplicou agora Ence para o nitens, o diferencial co globulus poderíase ir ata os 8 euros. Valoracións no sector Desde as empresas de corta de madeira entenden como comprensible as baixadas de prezo que están a aplicar as pasteiras. “Baixou o prezo da celulosa, aumentaron os custos de fabricación e é lóxica esta situación. De tódolos xeitos, estamos falando de baixadas de prezo que en pequenas parcelas o propietario vainas notar pouco, polo que a perspectiva é a de manter o nivel de cortas actual”, valora Luis Díaz, de Forestal Díaz Casariego, na Mariña lucense. Noutra firma do sector, Forestal Cando, de Ferrolterra, lembran que a última década do sector “foi impresionante”, polo que vén lóxico o actual ciclo de baixada: “Viñemos de anos moi bos, eu canseime de dicirlle ós propietarios que aproveitaran para vender a madeira porque eses prezos en monte non eran normais, nin en piñeiro nin en eucalipto”, sinala Rubén Pena De cara ó segundo semestre do ano, Rubén observa a situación con preocupación: “Penso que antes de que remate o verán teremos cupos de entrega nas fábricas. Ence xa nos está limitando a entrada de nitens, se ben de globulus podemos mandar todo o que queiramos” -explica-. “Hai fábricas como Torraspapel (Zaragoza), que está tamén limitando as compras, pois co que baixou a pasta de papel, prefire mercarlle a pasta directamente a outras pasteiras e pasar a elaborar directamente o produto final”, apunta. Similar opinión expresa Óscar Piñón, un madeirista de Ortigueira que pronostica tamén posibles restriccións na compra de madeira das fábricas de cara ó verán. “Polo de agora as cortas seguen con normalidade, pero se hai unha restricción na entrada de madeira das fábricas, si que se poderían frear”, sinala.

Estabilidade no piñeiro, con lixeiros axustes á baixa

Se en febreiro o prezo do piñeiro mantíñase estable, con lixeiras baixadas nalgún sector, como o do palé, nas últimas semanas continúase nunha situación similar, con algúns axustes no mercado, que son distintos en función do destino da madeira e da zona. A perspectiva xeral no sector é a de que os prezos das coníferas continúen altos, con tendencia á alza no medio prazo pola baixada de oferta que se espera para os próximos anos, acompañada dun aumento da demanda. Sen embargo, este inverno e primavera están a producirse algúns picos de serra, con baixadas en parte dos aserradoiros e fábricas. No norte de Lugo, Forestal Díaz Casariego dá a referencia dunha baixada de arredor de 2 euros na rolla para aserradoiro, en tanto desde Forestal Cando apuntan a baixadas de ata 5 euros na rolla para algúns aserradoiros e de 3 euros no puntal para taboleiro. Outras empresas, como Madeirista Souto, apuntaba a pasada semana que o mercado do piñeiro aínda se sostén sen baixadas, a pesar de que nos últimos meses os rumores sobre posibles reduccións de prezo viñan sendo continuos. En calquera caso, de cara ó futuro, para consolidar prezos nas coníferas, Rubén Pena, de Forestal Cando, é da opinión de que a vía debería ser a de traballar no monte por obter madeira de calidade que se poida transformar en produtos de maior valor engadido. “Se facemos palés non lle damos valor ó piñeiro porque está claro que non pode valer máis o palé que a mercancía que leva enriba”, compara. Pena considera que Galicia debería facer unha aposta estratéxica polo forestal que non está a ver. “Polo noso traballo do día a día, teño claro que as Administracións deberían investir moito máis no monte, en pistas, cargadoiros, cortalumes... Se viaxas a países forestais, como Finlandia, ves que teñen unha aposta polo forestal e polo uso da madeira que aquí non hai, estamos moitos anos atrás, cando o sector forestal de Galicia é un sector que ten moita importancia no emprego, nos ingresos das familias e no PIB de Galicia”, defende.
-- Actualización 8-III Ence, pola súa banda, defende que os prezos do eucalipto gozan dunha boa estabilidade e que, dentro dese contexto, "actualmente estamos en prezos historicamente moi elevados". A compañía recoñece unha baixada de prezos no último mes debido a que os prezos e a demanda de pasta de papel están a baixar. "Despois duns meses en máximos históricos, a pasta empezou a baixar en febreiro e os analistas predín que seguirá baixando". A pasteira lembra ademais que existen xa empresas da madeira con Expedientes de Regulación de Emprego temporais (Ertes) pola baixada da demanda, tanto do sector do taboleiro como do papel. "En Ence estamos a traballar para conseguir que o sector poida continuar traballando e as empresas non vexan reducida a súa actividade. Como xa fixemos en época de Covid, investimos para habilitar capacidade de almacenamento extra, por se fose necesaria, e que esta situación afecte o menos posible á sustentabilidade da empresa". Fe de erratas: Nun inicio indicouse que os stocks de pasta de papel en España se mantiñan estables, cando en realidade están aumentando na mesma porcentaxe que no resto de Europa. https://www.campogalego.gal/o-prezo-pineiro-leva-medio-ano-ameazando-con-caer-pero-de-momento-non-pasou-nada/

A gran demanda mantén forte o eucalipto, en tanto o piñeiro estabilizouse en valores altos

O mercado da madeira, igual que o contexto económico, continúa nun escenario de gran imprevisibilidade, pero coa perspectiva dunha primavera tranquila, sen sobresaltos. Tanto o eucalipto como o piñeiro mantéñense cunha elevada demanda, o que fai que os prezos sigan en máximos desde o 2008. Actualización 19-9-2023 https://www.campogalego.gal/demanda-de-pineiro-desplomase-en-tanto-o-eucalipto-arrastra-prezos-e-compras-baixa/ No norte galego, nas principais comarcas de eucalipto, madeiristas e propietarios forestais constatan que demanda “continúa medrando” e chégana a calificar de “demasiada”. O mercado benefíciase alí dunha competencia polo eucalipto entre Ence, as pasteiras portuguesas, BSL -que está exportando ó norte de Europa desde os portos de Cariño e Burela- e os envíos por tren para as papeleiras do noreste peninsular. “O prezo mantén unha tendencia á alza. Nestes momentos, o eucalipto globulus en lotes grandes, en cotos de 300-400 toneladas, estase pagando ata a 50 euros por tonelada, falando de madeira pelada con Ive e descontado o Irpf”, explica o presidente da Asociación de Produtores de Madeira de Cedeira, Julio Aneiros.
"Chegamos a 50 euros por tonelada en madeira de eucalipto globulus pelada e con Ive" (Julio Aneiros, Proma Cedeira)
Se se pasan eses números a madeira en pé, con casca e sen Ive, o prezo situaríase nuns 38-39 euros, e no caso de partidas de madeira máis pequenas, o valor rondaría uns 35 euros por tonelada, dependendo da dimensión da parcela e da súa accesibilidade. No eucalipto nitens, o prezo estaría arredor de 6 euros por baixo do globulus nas compras de Ence, se ben outras industrias compradoras están subindo lixeiramente o prezo pola súa necesidade de madeira A situación actual de Ence é distinta, pois logo de ter durante meses parada a planta de Ence Pontevedra pola seca, chegou a finais de ano cos parques de madeira a tope. Esa circunstancia, segundo se interpreta desde o sector, levou a que en decembro baixara 2 euros o prezo por tonelada da madeira pelada, pero foi un movemento que non secundaron o resto de industrias, polo que tivo que dar unha certa marcha atrás na medida nalgunhas zonas. “É certo que houbo unha baixada de Ence, pero no global do mercado non a notamos” -explica o madeirista de Ortigueira Óscar Piñón-. “As cortas máis próximas a Ferrol enviámolas a porto, con destino a Portugal, xa que saen mellor de prezo, e as que están máis lonxe e que non compensa mandar a Ferrol, van para Navia, co cal o prezo no global podemos dicir que se mantén”, valora.

Envíos de eucalipto para chapa a Exipto

A empresa da Mariña lucense Forestal Díaz Casariego está complementando as cortas de eucalipto para pasta cunha experiencia de envíos de eucalipto globulus para chapa. O destino da madeira é Exipto, onde unha industria probou a desenrolar o eucalipto galego para chapa, con bos resultados. “Estaban traballando con madeira de chopo, pero semella que tiveron nalgún intre escasez de chopo e decidíronse a probar o desenrolo de eucalipto”, explican desde Díaz Casariego. O resultado da experiencia foi positivo, polo que a empresa da Mariña lucense consolidou un envío periódico de 10 contedores cada tres meses. “Mandámolos por tren ata Valencia e dalí saen en barco para Exipto. Piden eucalipto recto, que teña en couce un diámetro de 27-35 centímetros e en punta non menos de 20 centímetros, con longos de 11,5 metros, que logo alí dividen”, explican. Polo de agora é un mercado pequeno, pero interesante, con prezos máis elevados que os da madeira destinada para pasta de papel.
Diferenzas norte e sur En monte, constátase unha certa diferenza no mercado do norte e do sur da comunidade, pois no sur o comprador único é Ence. Se no norte, o eucalipto globulus pode chegar ós 35 – 38 euros tonelada, con casca e sen Ive, no sur, dependendo da parcela, pode chegar a baixar dos 30 euros / tonelada. É o caso do Morrazo, unha comarca ademais moi lastrada polo minifundio e a falta de investimento no monte. “Na nosa comarca, os aproveitamentos adoitan ser en pequenas parcelas de 1.000 – 2.000 metros cadrados, polo que o rendemento que se obtén é escaso” -explica o madeirista de Bueu Manuel Crespo-. “En prezos, estamos pagándolle ó propietario arredor de 30-32 euros por tonelada, prezo total”, apunta Manuel, que é un gran defensor da necesidade de agrupar a xestión do monte para obter maior rendabilidade. Infraestruturas e persoal No norte galego, cunha serie de comarcas que manteñen un asociacionismo forte e que impulsan cortas e plantacións en cotos redondos, os problemas son outros. Julio Aneiros, de Proma Cedeira, sitúaos na necesidade de cargadoiros e máis pistas forestais de saca. “Necesitamos máis infraestruturas, levamos moitos anos dicíndoo. No seu día, en Proma Cedeira, en colaboración co Concello, habilitamos dous cargadoiros, pero son necesarios máis, así como investimentos por parte do Distrito Forestal en apertura de pistas e en infraestruturas de prevención de incendios, como puntos de auga”, expón. Outro atranco que se atopa o sector é a falta de man de obra para traballos forestais, un escenario que Óscar Piñón califica como “grave”. Perspectivas da pasta de papel O bo momento de prezos do eucalipto en monte correspóndese con altas cotizacións da pasta de papel, que chegou ao final do 2022 en cotizacións de 1.380 dólares por tonelada de pasta BHKP (1.308 euros, no cambio actual). Malia que estes primeiros meses de ano, a pasta comezou a baixar, a previsión é que ese descenso non chegue a ter impacto no mercado da madeira, pois as primas de Ence ligadas ó prezo da pasta de papel só comezarían a baixar a partir dos 900 euros / tonelada, segundo a súa tarifa oficial. A pasteira portuguesa Navigator, que presentou resultados recentemente, fala dun escenario de gran imprevisibilidade. Logo dun segundo semestre do 2022 marcado polo descenso da demanda, debidos ós altos stocks acumulados, Navigator estima que no primeiro trimestre do 2023 continuará co proceso de liberación dos stocks almacenados. Con todo, o 2022 pode calificarse como un bo ano para a pasta de papel. No caso da pasta de eucalipto, a súa demanda mundial aumentou un 7,8%. Se se analiza o mercado global de pasta de fibra curta (elaborada a partir de eucalipto e doutras especies, como o bidueiro), a procura global medrou por riba do 2%, coa perspectiva de que o aumento da demanda continúe estable ó longo de toda a década. Queda por ver agora como afectan este ano ó mercado a entrada en produción de novas liñas de pasta de papel en Uruguai e Chile, así como factores loxísticos, de custos e posibles paradas imprevistas de liñas de produción.

Aumenta a oferta de madeira de coníferas no mercado e baixa a presión polo piñeiro galego

A alta demanda internacional de madeira de coníferas derivou no 2022 en situacións límite, con prezos disparados e unha alta presión en Galicia pola madeira, cun importante desembarco de compradores de Castela e de Portugal. Ese escenario xa se relaxou, principalmente polo aumento da oferta europea de coníferas (madeira de ‘pino rojo’ -piñeiro silvestre- e de abeto), pero a boa noticia é que o piñeiro mantén en Galicia prezos e demanda en monte. O piñeiro estabilizouse en prezos altos, que a Asociación Forestal de Galicia sitúa para a rolla no arco de 35 a 60 euros/metro cúbico (madeira en pé sen IVE), con prezos máis altos no sur de Galicia, en tanto a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, móvese nos 66-71 euros e o puntal para trituración ronda os 20 euros ata os 25 €. Desde as industrias do sector falan tamén dun escenario de estabilidade de prezos e demanda nos últimos meses, “con algunha lixeira baixada puntual nalgúns sectores”. Unha das liñas de produto que tirara á alza dos prezos no 2022 fora o de elaboración de palés, que agora atravesa por un momento de menor consumo e con maior oferta de madeira, polo que pódense aplicar puntuais baixadas de prezo nas súas compras. Outros sectores, sen embargo, mantéñense fortes, o que terma do prezo do piñeiro en monte. As perspectivas en liñas como carpintería, bricolaxe, construción en madeira ou envases son positivas, cunha demanda que se presenta estable e sostida, logo do carrusel vivido nos últimos dous anos. Incluso o taboleiro, un sector que ao final do verán presentaba un panorama incerto, cun posible Erte en Finsa, mantén agora unha alta actividade. En conclusión, o temor que existía no outono en Galicia a unha certa caída de prezos e de mercado das coníferas está xa a desaparecer. A iso axuda ademais un bo escenario internacional, pois logo de que no segundo semestre do 2022 caesen a nivel mundial os prezos dos produtos finais en madeira, o primeiro semestre do 2023 presenta unha certa recuperación desas cotizacións.

Os propietarios forestais de Galicia aumentan a facturación un 40% nos últimos dous anos

O mercado de madeira en Galicia atravesa un dos mellores momentos das últimas décadas, como confirman os datos de facturación do sector. Os propietarios forestais galegos facturaron no último ano 348 millóns de euros, o que supón arredor dun 40% máis que hai dous anos e un 20% máis que hai un ano, segundo os datos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural. Do total da facturación, 192,7 millóns de euros corresponden ó eucalipto, 149 millóns ás coníferas e 6,5 millóns ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual para a industria. A mellora da facturación explícase por un dobre motivo encadenado. A suba do prezo da madeira en monte levou a un aumento das cortas, pois ao pagarse máis a madeira, cortouse máis. Aumento das cortas En cifras, o aumento de cortas nos últimos dous anos superou o 17%, chegándose no 2022 a 10,7 millóns de metros cúbicos cortados, dos que un 58% corresponden a eucalipto (6,2 millóns de metros cúbicos), 4,2 millóns a piñeiros (39%) e 300.000 metros cúbicos a frondosas caducifolias (3%). O aumento do volume de cortas foi parello no último ano en piñeiros e eucalipto, con arredor dun 11% máis en ambas especies. É un incremento que se explica de xeito principal polos bos prezos do mercado, se ben tamén hai que ter en conta que nos últimos meses do ano houbo un aumento da saca de madeira afectada polos grandes incendios forestais do verán. Os datos de cortas corresponden a propietarios privados (comunidades de montes e propietarios particulares),que suman o 98% da madeira cortada en Galicia, en tanto o outro 2% é de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración. Aumento da facturación En facturación, os ingresos para os propietarios forestais no 2022 aumentaron especialmente nos piñeiros, pois os 149 millóns facturados pola venda de coníferas supoñen un 50% máis que a media dos últimos tres anos. En eucalipto, a facturación do 2022 foi de 192 millóns de euros, a mellor desde o 2018, cun aumento dun 11% en relación á media dos últimos tres anos. Os cálculos de facturación correspóndense a ingresos por madeira en pé, con casca e sen incluír o IVE. Distribución provincial As dúas provincias con maior peso económico no sector seguen a ser A Coruña e Lugo, que en conxunto aglutinan tres cuartas partes das vendas de piñeiro e máis do 85 % das de eucalipto. Por comarcas, Santiago-Meseta interior lidera as vendas de eucalipto; en tanto Lugo-Sarria é líder en vendas de piñeiro e de frondosas. Prezos do piñeiro A pesares do aumento de costes pola subida dos combustibles, os prezos da madeira de pino manifestaron unha lixeira subida no primeiro semestre do 2022, mantendo a tendencia apreciada xa durante 2021. Sen embargo. no cuarto trimestre o mercado estabilizouse, segundo os datos da Asociación Forestal. En rolla de calidade media de piñeiro, o prezo sitúase no arco de 35 a 60 euros/metro cúbico (madeira en pé sen IVE), prezos máis altos no sur de Galicia, en tanto a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, móvese nos 66-71 euros e o puntal para trituración ronda os 20 euros ata os 25 € Prezos do eucalipto O mercado do eucalipto experimentou unha lixeira suba ó longo do 2022 pola mellora dos prezos da pasta de papel, chegando a final de ano a unha situación de moi bos prezos (os máis altos nos últimos 15 anos). O prezo do eucalipto glóbulus chegou aos 35 euros/metro cúbico (madeira en pé sen IVE e con casca), en tanto o nitens está ao redor dos 30 euros. Nos prezos inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira. Multifuncionalidade do monte A maiores do percibido pola venda de madeira, os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogumelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (venda de dereitos de carbono), entre outros. Desde a Asociación Forestal de Galicia destacan que todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. Cómpre subliñar que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.

Datos de corta por especies e provincias

https://www.campogalego.gal/saca-da-madeira-queimada-arrefria-o-mercado-de-pineiro-en-tanto-o-eucalipto-mantense-estable/

A madeira aguanta o bo momento de prezos, á espera dun outono incerto

A madeira de piñeiro e de eucalipto mantívose nuns prezos elevados nos últimos meses, notoriamente máis marcados no caso das coníferas. En xuño deste ano o piñeiro situábase “en torno aos 45 - 55 euros / tonelada de media por lote, en pé no monte e sen Iva, frente ao intervalo de 25€ a 34€ que se rexistraba en setembro do ano anterior”, detallan desde a Fundación Arume, unha entidade que agrupa a toda a cadea monte – industria ligada ás coníferas. A cuestión é durante canto tempo se manterán estes niveis récord de cotizacións. No eucalipto, os prezos continúan estables, cunha lixeira suba que os sitúa “sobre uns 34 -35 euros de media, con casca, en pé e sen IVA”, sinala Xosé Covelo, director técnico da Asociación Forestal de Galicia. Mellora de prezos das coníferas O piñeiro viña dunha década mala, pois trala crise do 2008 non iniciou a remontada ata estes últimos anos, cando comezaron a medrar as plantacións, a demanda de madeira e os prezos. “Estamos nun momento no sector primario no que as materias primas están revalorizadas e demandadas, en especial a madeira de piñeiro nos últimos anos” -resume Óscar Piñón, un madeirista de Ortigueira-. “Formo parte dunha empresa familiar, meu pai ten máis de 30 anos de experiencia e eu máis de 15, e nos 40 anos que levamos nunca se alcanzaran estes prezos”, destaca.
“Formo parte dunha empresa madeireira familiar e nos 40 anos que levamos nunca se alcanzaron estes prezos” (Óscar Piñón)
O prezo por lote de piñeiro chegou case a duplicarse no último ano, chegando en xuño a uns 45-55 euros de media, en pé sen Ive, segundo as estimacións da Fundación Arume. Se falamos de madeira posta en fábrica, os prezos achéganse ós 80 euros para a rolla. “Estes días estivemos cortando dúas plantacións de piñeiro e a rolla posta en fábrica está en 75 euros e o puntal sobre 42 euros”, avanza Piñón. Tala de madeira de piñeiro. Demanda de piñeiro Os bos prezos do piñeiro aguantan polo de agora porque a demanda continúa sendo elevada, segundo testemuñan desde a Fundación Arume: “Non temos a situación de escaseza de madeira dos últimos dous anos, cando había menos madeira dispoñible para importar e as empresas españolas tiveron que refuxiarse no piñeiro galego, pero a demanda continúa elevada”, analizan. “A demanda destes meses foi brutal, especialmente por parte dos serradoiros, aínda que agora vemos como pouco a pouco se vai freando” -expresa Miguel Vázquez, da empresa lucense Maderista Souto-. “Hoxe estamos traballando a un ritmo normal, pero temos a incerteza de se seguirá así para o futuro”, comenta. Moita da demanda que hai en Galicia por parte dos serradoiros está ligada á industria e ao mercado da embalaxe. “O noso mercado é principalmente o español, onde se serran en torno a 5 millóns de toneladas de madeira de piñeiro, dos cales 2 millóns se traballan en Galicia. Deste volume, aproximadamente un 70% vai para palés e embalaxes, polo que cómpre ter en conta este sector na subida ou na baixada da demanda de coníferas” -detallan desde a Fundación Arume-. “Ata o momento tivo moita saída, pero desde xuño cara a aquí percíbese un certo arrefriamento da demanda”, advirten. Noutros sectores, como o do triturado de piñeiro para taboleiro, os madeiristas sinalan que continúa a boa demanda: “Mantéñense os prezos e mesmo aumentou a solicitude sobre este tipo de madeira”, destaca Luis Díaz, de Forestal Díaz Casariego, unha empresa forestal da Mariña lucense.
“Cómpre ter en conta o sector industrial e de embalaxe na subida ou na baixada da demanda de coníferas, posto que representan un 70% da madeira que se serra en Galicia” (Fundación Arume)
Factores externos Malia o bo momento do mercado, o sector espera con desconfianza o outono. “Hai factores a ter en conta, como a ameaza dun posible empeoramento económico no outono, ou a entrada no mercado dos piñeiros que arderon nos incendios dos pasados meses”, analiza Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. “A madeira queimada de coníferas ten un prazo para ser cortada e serrada sen que perda as súas propiedades. Nos pasados meses ardeu moito piñeiro que proximamente chegará á industria”, engade Miguel Vázquez, de empresa Maderista Souto. Esta chegada de madeira afectada polos lumes ás fábricas “incrementará a dispoñibilidade de piñeiro no mercado, o que probablemente xerará unha baixada de prezos por exceso puntual de oferta. Deste xeito, o puntal, que conseguira bos prezos neste ano, poida que baixe en torno a 4 euros aproximadamente”, valora Covelo, que lembra descensos similares tras outras campañas con importantes incendios forestais. Situación no punto de venda O mercado final é outro dos escenarios ós que prestar atención, pois a suba de prezos que experimentou a madeira e un certo temor ó outono que se aveciña son factores que lle afectan ó consumidor. “A partir de abril, o primeiro canal en notalo foi o da bricolaxe, por estar máis cerca do consumidor final. Unha gran empresa comercializadora do sector tivo unha baixada de vendas nos produtos de madeira que se aproxima ao 30% con respecto ao mesmo mes do ano anterior. Así as cousas, os produtos transformados de madeira vanse ir perfilando cara abaixo, e iso quizais repercuta na materia prima”, valoran na Fundación Arume. En calquera caso, desde o sector inciden en que estes cambios cínguense ó curto prazo, pois “é evidente que temos unha alta demanda real de piñeiro por parte das industrias, que están aumentando o valor engadido que lle dan a esta materia prima e que van seguir necesitando un elevado suministro de coníferas a longo prazo”, subliña Covelo.

Os altos prezos da pasta de papel sosteñen o bo momento do eucalipto

Os prezos da pasta de papel mantivéronse nunha tendencia ascendente nos últimos meses, rexistrando a inicios do verán un 38% de aumento en comparación con maio do 2021. Iso derivou en que o paquete de folios nas papelerías subira arredor dun 40% en relación a hai un ano. Pero en que medida repercuten estes incrementos na materia prima?. As pasteiras teñen unhas primas nas súas tarifas ligadas á cotización da pasta de papel, pero son primas que non adoitan implicar cambios sustanciais. “Si que houbo un lixeiro aumento de prezos a pé de monte, pero nada extraordinario, son as flutuacións habituais”, valora Manuel Freire, un madeirista do Morrazo que traballa principalmente con eucalipto. Sobre o prezo do eucalipto, Freire lembra que a principal firma do sector, Ence traballa cuns prezos base ós que engade complementos por cuestións como tamaño do lote, certificación ou prezos da pasta de papel. “Este ano engadiu unha prima a maiores para axudar a paliar os custos pola alza dos combustibles, sendo unha das cuestións que repercutiu, en certo modo, no mantemento dos prezos do eucalipto”, expresa Manuel Freire. “O prezo medio da madeira de eucalipto globulus a pé de monte e sen Iva é actualmente duns 34€ ou 35€”, concreta Covelo. Un dato que confirman os madeireiros consultados. “O prezo máximo nestes momentos está polos 34 € máis Iva con casca, e uns 6€ máis pelada”, sinala Luis Díaz, en tanto Freire apunta un arco de prezos de 30 – 35 euros, dependendo de factores como o tamaño do lote ou as características do terreo. O bo momento de prezos da pasta de papel mantén tamén unha alta demanda de madeira por parte da industria. Incluso en Ence Pontevedra, onde a factoría tivo que pechar temporalmente pola escaseza de auga no Lérez. “Polo momento seguen demandando madeira, non puxeron ningún cupo. A única cuestión é que están desviando a madeira do norte de Galicia para Navia pola necesidade do momento”, explica Manuel Freire. En canto ó envío de madeira para as pasteiras portuguesas, os madeiristas apuntan tamén a unha alta demanda e a unha redución de requisitos. “Están demandando madeira de eucalipto mesmo con casca, unha cuestión que anos atrás apenas se contemplaba”, sinala Óscar Piñón.

O piñeiro inicia a remontada

O piñeiro deixou atrás o pozo no que se metera no 2008, cando a crise da construción tirara de súpeto cos prezos. Aquela crise levara a que os piñeiros perderan atractivo para o propietario forestal, pois o eucalipto ofrecía rendibilidades moi superiores. O piñeiro entrou entón nun círculo vicioso. Como non se pagaba a súa madeira, non se plantaba. Esa travesía do deserto durou algo máis dunha década, pero semella terse pechado. No 2018, ante a decadencia que arrastraban os piñeirais galegos, a cadea galega do piñeiro uniuse en bloque, desde os propietarios forestais ata a industria, para impulsar a recuperación das coníferas. O obxectivo era claro, impulsar o piñeiro con mellora xenética, silvicultura e marca (Pino de Galicia) co obxectivo prioritario de transmitirlle ó propietario que apostar polo piñeiro tiña futuro. O inicial acordo da cadea forestal, plasmado nun convenio no outono do 2018, deu paso á creación da Fundación Arume, a mediados do 2019. Ese foi un primeiro punto de inflexión para o piñeiro, tal e como revelan os datos de plantacións de coníferas en monte, que vén de presentar en rolda de prensa a Fundación Arume. Se no 2018 os viveiros galegos produciron só 524.000 plantas de coníferas, no periodo 2019 – 2021 esa cifra de produción anual ascendeu a unha media de 5,1 millóns de plantas, case dez veces máis. “O feito de que industria e propietarios nos uníramos cun obxectivo común, o de atender as necesidades de madeira da industria, foi un factor clave” -valora o vicepresidente de Arume, Francisco Dans, tamén director da Asociación Forestal de Galicia-. “Houbo tamén un golpe de sorte asociado, como foi o ‘boom’ da bioeconomía, cunha maior demanda de madeira para usos tradicionais e novos usos, caso da construción ou novas fibras”, salienta.
"Estamos comercializando maior porcentaxe de planta con categorías xenéticas superiores. En Galicia, estamos moi acostumados ó regateo na planta, pero paga a pena investir un pouco máis para ter mellores resultados" (Isabel Álvarez, Vifoga)
En paralelo ó aumento das plantacións en monte, os viveiros galegos, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, están traballando para impulsar a mellora xenética dos piñeiros. “Estamos comercializando un maior volume de plantas de categorías xenéticas superiores, os chamados materiais controlados e cualificados, que lle ofrecen ó propietario maiores produtividades. O obxectivo último é acortar os turnos de corta do piñeiro”, explica a presidenta da asociación Viveiros Forestais de Galicia (Vifoga), Isabel Álvarez. De cara ó 2023, os viveiros teñen ademais previsto comercializar xa unha partida significativa de planta de piñeiro resistente ó nematodo, unha praga que se convertiu no pesadelo dos piñeirais do sur de Pontevedra. “Cun lixeiro investimento maior en planta, o propietario terá acceso a unha planta resistente a enfermidades e máis produtiva. En Galicia, estamos moi acostumados ó regateo na planta, pero é importante que o propietario vexa as vantaxes da mellora xenética e aposte pola calidade”, conclúe Isabel.
Das pouco máis de 400 hectáreas plantadas no 2018 pasouse ás 4.000 do último ano. Espérase que o aumento de prezos do piñeiro teña ademais un efecto chamada sobre as novas plantacións
O cambio de tendencia nas plantacións en monte, cun aumento do cultivo do piñeiro, supuxo pasar das pouco máis de 400 hectáreas plantadas no 2018 a unhas 4.000 no último ano. Delas, 1.774 foron de piñeiro do país, 1.335 de piñeiro insigne e 870 de piñeiro silvestre, o habitual en zonas de montaña do interior de Lugo e Ourense. A estas hectáreas, hai que sumar as de rexeneración natural tras corta, co cal se calcula que cada ano se instalan arredor de 8.000 novas hectáreas de piñeiro en monte. É unha cifra que convida ó optimismo, sobre todo porque o aumento de prezos que está a experimentar ó piñeiro terá o seu efecto chamada.

O prezo do piñeiro sobe entre un 40 e un 50%

No último ano, o prezo da madeira de piñeiro disparouse en monte entre un 40 e un 50%, o que levou a que claramente as coníferas recuperaran atractivo para o propietario forestal. “Se hoxe en día tivese que facer un investimento, unha plantación de piñeiro vaime dar máis rendibilidade que calquera produto financieiro que haxa no mercado”, compara o secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), Jacobo Feijoo.
"Non hai ningún produto financieiro no mercado que proporcione o retorno que se vai obter dunha plantación de piñeiro" (Jacobo Feijoo, Asefoga)
“Estamos no bo camiño e nesta recuperación do piñeiro é xusto recoñecer o papel que tiveron os aserradoiros galegos á hora de arrimar o ombro e que fora para adiante o proxecto da Fundación Arume de impulsar as coníferas”, conclúe Jacobo Feijoo. “Quizais poidamos dicir que volvemos á situación anterior ó 2008, cando o piñeiro era unha alternativa para o eucalipto” -apunta Francisco Dans-. “O eucalipto deixa de ser a única opción rendible e o piñeiro é unha alternativa moi interesante, sobre todo porque pensamos que estamos ante un cambio do mercado estrutural, non coxuntural”, destaca. De feito, no sector vense aínda como insuficientes as preto de 8.000 hectáreas que se instalan cada ano de piñeiro en Galicia, entre plantacións e rexeneracións naturais, pois o volume de corta de piñeirais é probablemente superior.
"As restauracións con piñeiro acompañaranse de frondosas caducifolias nos terreos propicios. O coidado da biodiversidade é unha das nosas preocupacións" (Francisco Dans)
“O obxectivo que probablemente se teña que marcar a Fundación Arume é o de superar as 10.000 hectáreas de piñeiro plantadas cada ano”, reflexiona Dans. Esa cifra permitiría xa contrarrestar a decadencia experimentada nas últimas décadas polos piñeirais, lastrados polo cambio cara o eucalipto, por grandes incendios en Ourense e Pontevedra, e pola debacle que experimentaron os piñeirais portugueses por factores semellantes. Francisco Dans, Isabel Álvarez e Jacobo Feijoo, trala rolda de prensa. Biodiversidade e medioambiente De cara ós proxectos de restauración de montes afectados por lumes que poida acometer a Fundación Arume no futuro, Dans subliña que a intención da entidade pasa por impulsar as coníferas como especie principal, pero con acompañamento de frondosas caducifolias nos terreos propicios. “O coidado do entorno e da biodiversidade é unha das nosas preocupacións”, destaca. A Fundación Arume lembra ademais o papel do piñeiro na absorción de carbono atmosférico, o que contribúe a mitigar o cambio climático. O sector ve no piñeiro unha estratexia ‘win – win’ (gañar – gañar), bo para o medioambiente e atractivo para o propietario forestal, cunhas perspectivas de prezos positivas. “O único temor que temos é puntual, é dicir, se na actual coxuntura de guerra de Ucraína e subas enerxéticas, o mercado vai poder soster o crecemento de prezo da madeira, que tamén se ve afectado polo aumento de gastos de transporte e de gastos enerxéticos na industria. Pensamos que si. Primeiro porque hai menos madeira no mercado (a de Rusia, Bielorrusia e Ucraína) e segundo, porque tamén se encareceron os materiais que son competencia da madeira”, sopesan na Fundación.

Os propietarios forestais de Galicia aumentan a súa facturación un 29 % no ano 2021

O monte en Galicia demóstrase un ano máis como un bo investimento para as familias galegas. No 2021, os propietarios forestais facturaron arredor de 291,8 millóns de euros por venda de madeira, segundo as estimacións da Asociación Forestal de Galicia, elaboradas a partir dos datos de cortas da Consellería do Medio Rural. Esa cifra supón arredor dun 29 % máis que o facturado o ano anterior. Facturación Dos 291,8 millóns de euros facturados polos propietarios forestais no 2021, 168,1 millóns corresponden ó eucalipto , 117,8 millóns ás coníferas e en torno a 5,8 millóns ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual para a industria. O maior aumento en facturación correspondeu ás coníferas, en tanto o eucalipto mellorou en relación ó 2020, pero mantense aínda por atrás das cifras de facturación e cortas do 2018 e 2019. As dúas provincias con maior peso no sector son A Coruña e Lugo, que en conxunto aglutinan tres cuartas partes das cortas de piñeiro e máis do 85 % das de eucalipto. Por comarcas, Santiago – Meseta interior lidera a facturación por cortas de eucalipto (29 millóns de euros); en tanto Lugo – Sarria é líder en piñeiros (19,2 millóns de euros) e en frondosas (960.000 euros). Prezos en coníferas O aspecto máis destacado do último ano foi o aumento progresivo dos prezos na madeira de piñeiro, que se intensificou no segundo semestre do 2021. Este aumento debeuse á situación do mercado internacional, no que se produciu unha mellora da demanda que favoreceu tanto ás coníferas galegas como ás do resto de Europa (abeto, piceas, piñeiro silvestre, etc.). Os prezos do piñeiro para serra sitúanse xa arredor dun 40 – 50 % por riba dos rexistrados no 2020, segundo os datos que manexa a Asociación Forestal de Galicia. En rolla de piñeiro, o prezo sitúase no arco de 42 – 51 euros / metro cúbico (madeira en pé sen Ive); a rolla selecta, con diámetros superiores a 40 centímetros, móvese nos 66-71 euros, e o puntal para trituración ronda os 18-25 euros. Prezos en eucalipto En eucalipto, o mercado experimentou menores cambios no 2021, cunha lixeira suba ó longo do ano pola mellora dos prezos da pasta de papel. O eucalipto globulus sitúase na actualidade nos 30-35 euros / metro cúbico (madeira en pé sen Ive e con casca), en tanto o nitens ronda os 26-30 euros. Nos prezos inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira. Cortas No 2021, é de destacar tamén unha lixeira suba no volume da madeira cortada en monte, que se situou no entorno dos 10 millóns de metros cúbicos (9,7 millóns correspondente a propiedades particulares e montes veciñais e arredor de 300.000 metros cúbicos correspondentes a montes de xestión pública, na súa maioria por convenios con comunidades de montes). Da madeira cortada por particulares e montes veciñais, 5,6 millóns de toneladas foron de eucalipto, 3,8 de piñeiro e pouco máis de 200.000 de frondosas caducifolias. As cortas de propietarios particulares e montes veciñais incrementáronse en arredor de medio millón de metros cúbicos en relación ó ano anterior. Subiron tanto as cortas de eucalipto como, sobre todo, as de piñeiro, froito dos bos prezos de mercado e dun aumento de cortas puntual na primavera do 2021, antes de que entrase en vigor a moratoria do eucalipto. Multifuncionalidade do monte e manexo sostible Os cálculos de facturación correspóndense a ingresos por madeira en pé, con casca e sen incluír Ive. A maiores do percibido pola venda de madeira, os montes veciñais e propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, resina, plantacións froiteiras, rabaños en silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (venda de carbono), entre outros. Todos estos ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. A Asociación Forestal subliña que os propietarios proceden á plantación ou á rexeneración natural de tódalas superficies cortadas, o que contribúe a garantir a continuidade dos servizos ambientais, sociais e económicos que prestan os bosques.

O prezo do piñeiro continúa á alza, mentres o eucalipto mantense alto

A burbulla que se comezou a xestar a mediados deste ano no mercado da madeira de piñeiro continuou crecendo. A época COVID alterou todos os mercados, aumentando a demanda, e outras causas estruturais, como a limitación loxística e de transporte actual, favoreceron un incremento dos prezos da madeira, principalmente de piñeiro. En menor medida, os prezos do eucalipto experimentaron pequenas melloras polo aumento do prezo internacional da pasta de papel. Este outono arrancou coa pasta de papel por riba dos 900 euros / tonelada, o que representa unha suba de preto de 400 euros nun ano. Esa situación propiciou unha mellora progresiva dos prezos pagados polas industrias do papel. No caso de Ence, as súas tarifas contemplan primas de ata 3 euros / tonelada en escenarios de bos prezos da pasta de papel. En piñeiro, “o prezo da madeira depende da calidade do lote, da accesibilidade e en xeral das características que teña”, tal e como explica Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. Na zona sur de Galicia, tendo en conta eses factores, o prezo “pasou duns 32-36 euros de media na madeira en quenda (prezo da madeira en pé sen Ive) a uns 35-42 euros, polo que se evidencia unha alza nestes pasados meses”. No caso do eucalipto, Covelo fai alusión a “unha mellora progresiva dos prezos, que non é nin con moito tan marcada coma no caso do piñeiro”, e que oscila pouco na súa “rutina anual de subidas e baixadas dos prezos, quedando nunha media de 32-34 euros no caso da madeira de eucalipto certificada”.
“O eucalipto está seguindo os ciclos habituais de subas e baixas, con pequenos aumentos, mentres que os prezos do piñeiro están pasando pola mellor etapa dos últimos 30 anos” (Xosé Covelo)
“As causas do bo momento de mercado son multifactoriais e alcanzan desde as limitacións loxísticas ao aumento da demanda de grandes consumidores, como Estados Unidos e China” explica Xosé Covelo. Ademais, existen trabas internacionais na produción desta clase de madeira: “Portugal non consegue satisfacer as necesidades demandadas, e grandes países exportadores, coma Rusia, van restrinxir as exportacións porque teñen necesidade interna”. O mercado marca os prezos. Así o afirma Manuel Ángel Fernández, madeireiro do Deza (Pontevedra), quen a pesar de destacar un aumento dos prezos do piñeiro e da súa demanda, concibe o mercado coma “algo cíclico” no que “estamos pasando por unha fase de expansión dos prezos das coníferas que non se producían desde fai anos”. Entre as causas que poden xustificar isto, Manuel Ángel salienta o feito de “estar construíndo con máis madeira, que trae consigo unha demanda cada vez maior desta materia prima como material principal”.
“Cada vez hai máis demanda de madeira porque se está utilizando para moitas máis funcións, o que vai xerando equilibrios no mercado entre oferta e demanda” (Manuel Freire)
As súas aplicacións son cada vez máis plurais, e as pretensións de buscar produtos sostibles fai colocar a madeira coma un ben altamente solicitado. “Cada vez vai ter máis demanda debido á substitución de materias primas derivadas do petróleo e o plástico” apunta Manuel Freire, madeireiro do Morrazo. A tendencia de mercado é positiva, pero Xosé Covelo explica que é posible que nun futuro os prezos estean influenciados por unha “situación cambiante do mercado”. Así mesmo, sobre a evolución de prezos, Covelo pronostica unha continuidade indefinida da situación actual para o eucalipto -debido á regularidade na súa demanda-, mentres que o piñeiro, e en xeral as coníferas, manteranse un tempo máis nesta expansión, e despois pasando por un axuste do mercado que, “cun pouco de sorte deixará os prezos máis altos aos previos rexistrados a este ‘boom’ das coníferas”, segundo Covelo. Os prezos dos mercados de futuro de papel e de madeira de China e de Estados Unidos xa se moderaron, o que apunta a que o mercado se tranquilizará ó longo do 2022.
“Nunha predición moi atrevida, poida que a tendencia nas coníferas se estire 3 meses máis ou incluso 6, e despois quizais se relaxe un pouco o prezo” (Xosé Covelo)
Aumento de custos O aumento nos prezos vai da man dun aumento dos custos de produción. Manuel Ángel comenta que “os prezos son máis altos pero en paralelo tamén existen unha alza nos custos”. O incremento destes custos vencellado, entre outras cuestións, ao aumento dos carburantes para o transporte son cuestións “propias do sistema” que, nun futuro, tamén poden influenciar os prezos da madeira. Organización do mercado Da mesma maneira, Manuel Freire fai fincapé na necesidade de organización dos propietarios para “evitar o baixo rendemento, facerlle fronte ás necesidades de produción e evitar riscos, posto que se non se planta, reprodúcese a vexetación e a maleza do solo, facilitando a propagación de incendios”. As palabras de Manuel forman parte da súas experiencias como madeireiro en moitas pequenas parcelas que “despois de ser cortadas, quedan sen plantar, simplemente con rebrotes ou practicamente abandonadas”.

A influencia da COVID na situación actual dos prezos da madeira

Segundo o artigo “Perspectivas do comercio electrónico e os hábitos de consumo tras a COVID-19”, publicado polo ESI -Instituto Científico Europeo-, as tendencias de compra en liña aumentaron ata ao punto de condicionar a loxística internacional. O eCommerce pasou a formar parte dos novos hábitos de consumo mundiais; como xa comentaba Covelo: “a era COVID alterou todos os mercados”. Estes cambios nos hábitos estiveron vinculados a un aumento da demanda de madeira para todo aquilo que as empresas de trasporte necesitan: paquetes, embalaxes, palés, e en xeral, derivados da celulosa. Isto, ao tratarse dun incremento a nivel mundial, tivo un efecto directamente proporcional sobre a demanda madeireira en todos os mercados, incluído o galego. O ecosistema da construción tamén supuxo un factor de forza sobre o incremento da demanda de madeira a nivel internacional. A preocupación pola sostibilidade das construcións leva á introdución da madeira como un dos materiais principais nos sistemas estruturais de casas pasivas. As tendencias xeradas pola pandemia, segundo inciden consultoras do sector da construción, como ‘Apliqa’, levaron a un aumento da demanda no sector das reformas, unha cuestión que tamén se percibe no sector forestal en Galicia.

A inminente moratoria do eucalipto desencadea un efecto boomerang de plantacións

O anuncio realizado pola Xunta sobre unha próxima moratoria de novas plantacións de eucalipto xerou no monte unha reacción en cadea. Os propietarios que tiñan pensado cambiar de especie, pasando de piñeiro a eucalipto, están a acelerar o proceso antes de que se regule a moratoria. Iso disparou as cortas de piñeiro no interior norte de Galicia e aumentou as plantacións de eucalipto, ata o punto de que os viveiros teñen vendida de antemán toda a planta que son capaces de producir. A tendencia iniciada hai máis dunha década de sustituír piñeiro por eucalipto nitens nas comarcas do interior da Coruña e de Lugo está a vivir un acelerón final. A Xunta anunciou este inverno que dictará unha moratoria de novas plantacións de eucalipto por medio da Lei de Recuperación de Terras Agrarias, que conta con aprobar no Parlamento antes do verán. Pero entre tanto a suspensión non entra en vigor, as novas plantacións de eucalipto multiplicáronse.
"Tódolos propietarios queren desfacerse do piñeiro para plantar eucalipto, pero vémonos sen tempo e tivemos que renunciar á corta de lotes" (Luis Díaz Casariego)
Na zona norte de Galicia, os madeireiros non dan abasto para atender todas as peticións que teñen para cortar piñeirais. “Todo o mundo quere cortar xa para desfacerse do piñeiro e plantar eucalipto, pero vémonos sen tempo e tivemos incluso que renunciar a lotes”, recoñece Luis Díaz Casariego, de Xove (Lugo). Ese escenario de aumento de cortas de piñeiro vívese sobre todo no interior de Lugo, onde o sector forestal está volcado na corta de coníferas. “Estamos cortando todos piñeiro porque os propietarios queren facer plantacións rápidas de eucalipto”, expón Miguel Vázquez, de Maderista Souto (Lugo).
"No tempo en que medra un piñeiro, o propietario ten dúas cortas de eucalipto, con máis toneladas por corta da que daría unha de piñeiro, e con máis prezo por tonelada" (Miguel Vázquez, Maderista Souto)
A preferencia polo eucalipto dos propietarios ten unha explicación sinxela. “No tempo en que medra un piñeiro para cortar, tes dúas cortas de eucalipto, cada unha delas con máis toneladas por hectárea das que che vai dar o piñeiro, e con maior prezo por tonelada” -resume Miguel Vázquez-. “Pero a clave para min é que o eucalipto pódese cortar a 12 anos. Se o piñeiro permitise cobrar aínda que fose a metade de prezo ós 12 anos, a xente animaríase, pero case ninguén está disposto a investir nunha plantación para cortar a 25 – 30 anos”, valora. Escasez de planta de eucalipto O aumento de demanda de planta de eucalipto está a provocar o seu esgotamento nos viveiros, pois o anuncio da moratoria chegou xusto cando se iniciaba a campaña primaveral de plantación. Á habitual demanda de cada primavera sumouse este ano a busca de planta dos propietarios que están apurando a corta dos seus piñeirais. “Falta planta porque se xuntaron varios factores. Estamos agora en plena época de plantación e tamén vemos que coa pandemia, hai máis xente nas casas con tempo para ocuparse dos montes, pero o principal factor é o anuncio da moratoria”, opina Óscar Piñón, un madeirista de Ortigueira (A Coruña) que tamén se encarga de replantar parte das parcelas que corta.
"Temos parada a plantación de fincas moitos días porque falta planta de eucalipto e temos que esperar por ela" (Óscar Piñón, Ortigueira)
“No noso caso, o habitual é que arredor da metade dos propietarios cheguen a un acordo con nós para cortar e para replantar, pero a parte de plantación témola agora parada moitos días porque falta planta e temos que esperar por ela” -explica Óscar-. “Os puntos de venda traballan baixo reserva previa e só che dan suministrado unha parte da planta que precisarías”, conclúe. O aumento da demanda de planta de eucalipto é confirmado pola Asociación de Viveiros Forestais de Galicia, que recoñece que toda a planta que son capaces de producir os viveiros está vendida, segundo sinala a súa presidenta, Isabel Álvarez. “No noso caso particular, somos un viveiro de Ourense que nunca producimos nin comercializamos eucalipto, esta época estamos centrados en coníferas e castiñeiro, pero aínda así estamos tendo chamadas de propietarios doutras zonas que nos preguntan por eucalipto, o que dá unha idea da demanda de planta que hai nestes momentos”, apunta Isabel.

Prezos da madeira en monte, lixeiras melloras para eucalipto e piñeiro

O mercado da madeira está a atravesar un bo momento. A caída da cotización da pasta do papel, que lastrou o prezo do eucalipto nos últimos dous anos, tocou fondo e iniciou a remontada, o que xa tivo repercursión en monte. No piñeiro, tralo parón de hai un ano, o mercado está tamén animado, tanto en madeira de serra como en puntal para trituración, o que levou desde xaneiro a unha certa recuperación. “En madeira de piñeiro, detectamos no primeiro trimestre do ano unha necesidade de madeira pola industria” -explica Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira da Asociación Forestal de Galicia-. Esa demanda está a propiciar bos prezos medios nos lotes e como caso destacado no sur de Pontevedra, podemos comentar un lote espectacular de piñeiro insigne de 35 anos que se pagou en subasta a 41 euros por tonelada, madeira en pé sen Ive. Estamos falando de calidades de madeira moi boas, tamén temos prezos medios de lotes de 31 – 32 euros”, explica.
"Hai boa demanda para a madeira de piñeiro, o que propicia bos prezos medios. Como caso destacado, un lote de piñeiro insigne de moi boas calidades chegou ós 41 euros por tonelada en subasta" (Xosé Covelo, Asociación Forestal de Galicia)
A boa demanda do piñeiro confírmase na zona norte de Galicia, onde fábricas e aserradoiros manteñen os prezos a pesar do aumento da oferta. “Os confinamentos levaron a que mellore o mercado para fogar, polo que hai demanda de madeira tanto para as fábricas de taboleiros como para os aserradoiros e os prezos mantéñense”, explica Luis Díaz Casariego, madeirista con base na Mariña lucense. “En xaneiro, o prezo do piñeiro recuperouse algo e desde entón fábricas e aserradoiros manteñen prezos, pero si é certo que en monte baixou algo nas últimas semanas no caso dos propietarios que queren facer cortas rápidas, xa que aí estase pagando a rapidez do servizo de corta” -precisa Miguel Vázquez, de Maderista Souto-. “Pero non é significativo”, conclúe. Novas tarifas de Ence En eucalipto, tras dous anos de caída de prezos pola baixada da pasta de papel, a tendencia de mercado invertiuse desde comezos de ano. A tonelada de pasta de papel, que hai uns meses cotizaba no entorno dos 560 euros / tonelada, ronda xa os 700 euros / tonelada, o que xa levou a unha mellora de prezos no monte. “O prezo en monte subiu xa en máis dun euro a tonelada”, explica Luis Díaz, que confirma as boas perspectivas do mercado. Coincidindo co cambio de tendencia da pasta de papel, Ence aplica desde o 1 de marzo novas tarifas, coas que busca estabilizar máis os prezos da madeira. A compañía subiu o prezo base do eucalipto globulus a 22 euros / tonelada (fronte ós 18 euros da anterior tarifa) e reduciu as primas ligadas ó prezo da pasta de papel, que antes movíanse nun arco de ata 7 euros e agora quedan nun arco de 3 euros. Por madeira certificada, Ence continúa pagando unha prima de ata 2 euros / tonelada (madeira con dobre certificación FSC ou PEFC) e ofrece ademais primas por volume ou por madeira vendida en coto redondo, o que pode deixar en monte uns prezos de 26 – 30 euros por madeira de eucalipto globulus, en pé sen Ive, dependendo do volume do lote e das súas condicións de saca. En eucalipto nitens, a tarifa de Ence establece unha penalización de 6 euros por tonelada, que se incrementa a 8 euros no caso do eucalipto regnans, pois ambas especies presentan un menor rendemento para pasta de papel, segundo explica a empresa.

A oposición demanda medidas inmediatas para parar as plantacións de eucalipto

O aumento das plantacións de eucalipto que se está a detectar en monte levou ós grupos da oposición, PSdeG e Bloque, a solicitar nas últimas semanas unha suspensión inmediata das mesmas. O grupo socialista presentou onte mesmo novas iniciativas para esixirlle á Xunta un control das plantacións de eucalipto “naquelas superficies nas que non existe a especie na actualidade”. Co anuncio de moratoria ‘en diferido’ feito pola Xunta, o PSdeG considera que Medio Rural está incidindo de forma negativa no mercado da madeira, “pois está tirando polo chan os prezos do piñeiro”, que se está cortando co obxectivo de plantar no sitio eucalipto antes de que estea prohibido tal cambio. “Esa situación tamén esgotou as plantas de eucalipto nos viveiros”, advirten os socialistas, que critican que se estea facendo unha “plantación masiva sen control, o que incidirá de xeito negativo nos intereses dos propietarios”, conclúen.
Máis información - A Xunta anuncia un plan de control de novas plantacións de eucalipto.

A madeira capea a crise con baixadas de prezo no eucalipto e ralentización de cortas no piñeiro

A crise do coronavirus golpeou duro en parte do sector forestal, sobre todo no ligado á cadea do piñeiro, pero empresas e mercado están superando con nota os meses máis duros da pandemia, tendo en conta o contexto xeral. En piñeiro, as cortas mantéñense ralentizadas pola redución de actividade de Finsa e dos serradoiros, entre outras empresas, mentres que en eucalipto continuou un ritmo alto de cortas, se ben os prezos están a baixar. Ence, o comprador de referencia en Galicia en madeira de eucalipto, anuncioulle ós seus subministradores unha baixada dun euro na prima por dobre certificación forestal (PEFC e FSC), que estaba situada en 3 euros. A compañía tamén lle trasladou ó sector unha baixada de arredor de 80 céntimos no prezo base por tonelada a partir de xullo, segundo os datos que se manexan no sector, co cal a baixada total rondaría os 1,5 – 2 euros / tonelada en madeira con dobre certificación forestal. Se os lotes de eucalipto globulus estaban saíndo antes do inicio da pandemia a 28-30 euros por tonelada, sempre falando de madeira en pé sen Ive con dobre certificación, o escenario a partir de xullo quedaría nos 26-28 euros. No caso do eucalipto nitens, os prezos veñen situándose en arredor de 6 euros menos por tonelada que o globulus. Contexto de mercado O eucalipto xa viña arrastrando desde o pasado verán a caída dos prezos da pasta de papel, o que xa desencadeara unha baixada de 2 euros / tonelada na última parte do 2019. No que vai do 2020, a pasta de papel estabilizou os seus prezos e está a superar a pandemia sen novas baixadas, pero os analistas internacionais non agardan unha remontada neste ano, dado o actual contexto. A crise está a afectar ó sector da pasta de papel, sobre todo nas industrias orientadas a papel de oficina e para imprenta. En papel tisú, a principal liña que traballa Ence, adicada a papel hixiénico e material de limpeza ou sanitario, incluídas as mascarillas quirúrxicas, a crise notouse menos, pois a demanda de materia prima mantívose alta. Ence, de feito, continuou durante a crise con plena actividade nas súas factorías de Pontevedra e Navia, e nas primeiras semanas da crise anunciou mesmo un aumento da demanda dos seus compradores. En calquera caso, a compañía atravesa por un ciclo complicado polos baixos prezos internacionais da pasta de papel, que se sitúan desde hai uns meses por baixo dos 700 dólares / tonelada, fronte ós máis de 1.000 dólares que rexistraba hai un par de anos. Nese escenario, Ence anunciou que pechou o primeiro trimestre do 2020 cunhas perdas de 12 millóns de euros. Situación no monte No sector forestal, as empresas madeireiras centradas no eucalipto destacan que o mercado da madeira está aguantando a crise do coronavirus cun impacto limitado. “Estase a notar algo a crise, pero en xeral aguantamos ben e as expectativas non son malas” -subliña Óscar Piñón, un madeireiro de Ortigueira (A Coruña)-. “A demanda de eucalipto por parte de Ence mantense alta e os cupos de madeira que temos contratados respétanse, aínda que si é certo que se limita a entrada total de madeira. De eucalipto globulus cóllese toda, pero de nitens esta tempada límitase algo”, explica. Na mesma liña describe a situación Manuel Freire, de Maderas Freire (Bueu, Pontevedra): “Aos proveedores estables de madeira, Ence estanos respetando os cupos de entrada, pero hai algunhas restriccións. Ao reducirse as cortas de piñeiro, pola menor actividade de Finsa, é probable que estean aumentando as cortas de eucalipto, co cal hai unha oferta maior da habitual”, apunta Freire. No Morrazo, as cortas de piñeiro son puntuais, polo que no caso de Maderas Freire non experimentaron un gran impacto pola ralentización da cadea do piñeiro. “Si que é certo que a madeira de piñeiro que cortamos, témola por agora en cargadoiro, igual que os restos de biomasa que se destinan a un consumo enerxético en Finsa, pero no noso caso o impacto é menor”, conclúe. A redución das cortas de piñeiro afecta en especial ás grandes zonas produtoras da comunidade, como o sur de Pontevedra, a zona centro da comunidade e o interior da provincia de Lugo. “O mercado do piñeiro ralentizou, aínda que mantén parte da súa actividade, pero en xeral as vendas de madeira de comunidades de montes e propietarios particulares están paradas, á espera de que a cadea vaia recuperando actividade e se aclare o mercado”, explica Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira na Asociación Forestal de Galicia. Perspectivas Hai mercados puntuais do piñeiro, como o puntal destinado a trituración para papel de embalaxe, que presentan boas perspectivas internacionais polo aumento das vendas online, que se intensificaron durante a crise, pero trátase dun mercado reducido en Galicia, cunha demanda centrada no sur da comunidade para a factoría de Viana do Castelo (Portugal). Tamén continuaron funcionando durante a crise os serradoiros que traballan envases e palés para o sector da alimentación, pero o groso da cadea depende do taboleiro e da madeira serrada para sectores como o moble e a construción, que se resentiron estes meses. Así as cousas, o sector móvese na incertidume, á espera de comprobar canto tempo dura a crise e que impacto final deixa, pero con optimismo no tocante ás perspectivas a medio prazo.

Ence xustifica a baixada no aumento de custos e no baixo prezo da celulosa

Consultada sobre a baixada de prezos do eucalipto, Ence sinala que se trata dunha “decisión dura” que se toma co obxectivo de “garantir a sostibilidade de toda a cadea de suministro no medio e longo prazo”. A compañía lembra que o prezo internacional da pasta de papel está afundido desde hai 8 meses. “A nosa situación financieira é sa, pero o negocio está dando perdas tódolos meses. Iso obríganos a axustar o prezo da madeira, con baixadas que xa tiñamos que ter feito en decembro do 2019”, valora a empresa. Aumento de custos de produción No actual contexto da pandemia, a compañía destaca que desenvolveu un gran esforzo, “con importantes gastos”, para conseguir que toda a cadea de suministro do eucalipto se manteña funcionando. “Tratamos de que o máximo número de empresas do sector puidesen manter a actividade en condicións seguras. Para elo, adaptamos e ampliamos a capacidade dos nosos parques externos, sacrificando eficiencia loxística, o que derivou en situacións puntuais en que limitamos a entrada de madeira en fábrica e a derivamos a estes parques. Ademais, incorporamos traballadores e estámonos dotando de novos procesos, como a compra telefónica e a sinatura por voz, para evitar así saídas e posibles contaxios de propietarios forestais, que loxicamente neste periodo venderon bastante menos madeira en pé”, explica Ence. Impacto e demanda Sobre o impacto da crise, Ence recoñece que está afectando máis duramente ó piñeiro e ó taboleiro que ó eucalipto e á pasta de papel, “pero non estamos exentos”. Se ben o mercado amosou no primeiro trimestre un certo crecemento da demanda para papel tisú e produtos hixiénicos, o sector está lastrado polas caídas dos papeis de impresión e de escritura. O futuro dependerá da evolución da pandemia, pero Ence apunta que “non son previsibles incrementos significativos da demanda nos próximos meses”. “A nosa actividade durante o periodo de alarma continuou para que a sociedade puidese dispoñer dos necesarios produtos hixiénicos e sanitarios. Sentimos satisfacción e responsabilidade pola importancia dos nosos produtos e pola repercusión económica que temos sobre decenas de miles de familias e sobre miles de empresas, moitas das cales se refuxiaron no eucalipto polas paradas e redución de actividade no piñeiro. Todas elas son indispensables para nós”, conclúe Ence.

Prezos de adxudicación da madeira nas poxas da Xunta

O Observatorio Forestal, creado por Medio Rural, vén de publicar os prezos medios de adxudicación de madeira en pé nas poxas da Xunta. A información ofrécese dividida en series anuais do 2011 ó 2019, con datos das principais especies forestais que entran nas subastas públicas: piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), piñeiro insigne (‘Pinus radiata’) e piñeiro silvestre. Os prezos medios por especie forestal informan do valor de venda da madeira nas poxas públicas organizadas por Medio Rural, correspondentes na súa gran maioría a montes veciñais con convenios de xestión coa Administración. Esas superficies teñen principalmente aproveitamentos madeireiros de piñeiro, polo que a corta doutras especies, como eucaliptos ou frondosas caducifolias, é residual e non se tivo en conta nas gráficas de prezos do Observatorio. Os datos serven para amosar unha tendencia de prezos medios das coníferas nos lotes adxudicados pola Xunta. En piñeiro do país, o valor medio de adxudicación dos últimos 9 anos foi de 27,21 euros / metro cúbico, falando de madeira en pé sen Ive. As cifras anuais oscilan entre os 29,89 euros do 2015 e os 23,22 do 2017. En piñeiro radiata, o valor medio de adxudicación de lotes nos últimos 9 anos foi de 28,78 euros / metro cúbico, cun arco entre os 23,44 euros do 2019 e os 35,75 euros do 2018. As importantes oscilacións de prezos que se producen en ocasións dun ano a outro débense sobre todo ás características dos lotes que se poxan cada ano. Interpretación dos datos Se se analizan, por exemplo, os lotes de piñeiro radiata subastados no 2018, cun prezo medio de adxudicación de 35,75 euros / metro cúbico, atópanse numerosos lotes en quenda final de corta. Se en cambio se collen os lotes de piñeiro radiata poxados no 2019, adxudicados a un valor medio de 23,44 euros / metro cúbico, vese que ese ano vendéronse sobre todo lotes para claras ou por adaptación a distancias, no entorno de vivendas ou estradas. Os prezos medios de adxudicación da madeira nas poxas públicas hai que tomalos, por tanto, con precaución, pois as variacións anuais débense máis ás diferentes características dos lotes que a cambios no mercado da madeira. Para unha comparación de datos máis útil para as comunidades de montes, poderíase considerar analizar os prezos en función de características análogas dos lotes, como por exemplo dividir os prezos medios de cada especie en función de criterios como o tipo de corta (por quenda final, por clara ou adaptación de distancias, por lumes) ou as características da masa (pura ou mixta), segundo se analiza desde o sector. As características de cada lote é a cuestión fundamental a ter en conta á hora de analizar os prezos. Así, valores medios como o acadado polo piñeiro radiata no 2018, con 35,75 euros / metro cúbico, son posibles sempre que se trate de masas de boa madeira. No sector incluso se teñen constancia de lotes de radiata vendidos en poxas privadas no entorno dos 42 euros, pero tratábase de masas que tiveran rareos, que foran podadas e que tiñan unha madeira final recta, sen nós e de alta calidade tecnolóxica.

Volverá ser o monte un recurso fundamental ante a crise?

O monte galego, con preto de 500.000 propietarios forestais e figuras xenuinas como as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, é un dos máis socializados de Europa. Por iso, cada vez que a situación económica se pon difícil, actúa como caixa de aforro das familias. Iso foi o que pasou durante a crise económica da última década e prevese que as cortas de madeira volvan ser unha táboa de salvación para a nova crise que vai deixar tras de si a pandemia do coronavirus. Aínda que a situación desta volta é diferente. Coa actividade parada en moitos sectores, a demanda de madeira de piñeiro atópase baixo mínimos e no eucalipto danse como posibles baixadas de prezos a curto prazo, o que non animaría a vender. Pero, en moitos casos, a necesidade é máis forte que a oferta e a demanda.
Os plans de pensións dos galegos non están nos bancos senón no monte, que é a verdadeira caixa de aforros das familias e un salvavidas nos momentos difíciles
"Sempre que hai unha crise a xente recurre ao monte como banco para subsistir, sobre todo no rural, así que nos vindeiros meses haberá seguramente un aumento na intención de venda, outra cousa é que se venda ou non en función de que o mercado e o prezo ofertado cumpra as expectativas do propietario do monte, pero ás veces a necesidade tira máis", afirma Xosé Covelo, da Asociación Forestal de Galicia. "No 2008 a xente tirara do monte para aguantar a crise e notárase moito o incremento de cortas, pero facía falta que o prezo axudara un pouco para animar á xente, aínda que ao que lle faga falta vai vender igual", opina tamén Luis Díaz, propietario de Forestal Díaz Casariego SL, unha empresa que dá traballo a 32 persoas na comarca da Mariña.
Aínda que os prezos non axuden, a necesidade moitas veces tira máis que a oferta e a demanda
Nuria Rodríguez, secretaria da Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, que reúne a case 300 empresas que traballan en montes da provincia de Lugo, tamén concorda en que "en Galicia historicamente o monte sempre foi unha caixa de aforros e sempre se botou man del para suplir a falta de ingresos ou un gasto extraordinario como a compra dun coche ou a reforma da vivenda", pero engade un elemento a maiores, ademais do prezo: "vai depender do consumo, porque eu podo poñer o monte á venda, pero para poder vendelo ten que haber demanda de madeira", evidencia. "Hai moitísima incertidume do que poida pasar. Coa economía parada, as fronteiras pechadas e todo o volume de exportación en stand by, non temos certezas a curto ou medio prazo nin sabemos como vai respirar a economía a nivel mundial", di Nuria. Caída brusca da demanda de piñeiro A pandemia do coronavirus supuxo un freo en seco no mercado da madeira de piñeiro. "O mercado da madeira de piñeiro trancou porque non hai saída, está moi frouxo tanto o puntal como a rolla de aserradeiro", indica Luis. "Estabamos traballando moi ben este ano, viñamos dunha época non tan boa pero recuperárase a cousa no 2020. O coronavirus supuxo agora un parón total e instantáneo", recoñece Jorge Souto Franco, que xunto ao seu irmán Alberto tomaron no ano 2007 o relevo na empresa Hijos de Ramón Rubal SL, que dá traballo a 24 persoas e move un volume importante de madeira de piñeiro na comarca da Mariña.
A nivel nacional o mercado está moi baixo, pero estamos mandando máis para China, que é o que nos está salvando (Jorge Souto, Hijos de Ramón Rubal SL)
Con máis de tres cuartos de século de historia ás súas costas, esta empresa familiar, que conta cun aserradeiro no concello de Alfoz, está a salvar a situación grazas ás exportacións cara ao exterior. "A nivel nacional o mercado está moi baixo, pero estamos mandando máis para China, que é o que nos está salvando", admite. Máis do 50% do piñeiro que procesan está saíndo na actualidade cara ao mercado asiático, cando o ano pasado era só un 5%. Envían desde o porto de Vigo, solventados os problemas iniciais de falta de contedores, cando o xigante asiático pechou os seus portos no momento álxido da pandemia en China. No aserradeiro de Hijos de Ramón Rubal SL en Alfoz están enviando a metade da súa produción a China Malia que o sector forestal está considerado actividade esencial, o parón na industria e a construción a raíz do estado de alarma en España acabou arrastrando a toda a cadea. "Os pedidos de madeira de piñeiro están moi baixos, o que ía para facer palés está parado, agás o que se destinaba a alimentación; as empresas de taboleiro non están collendo material ou cólleno a contagotas e os aserradeiros están tamén bastante a tope de madeira", explica Nuria. Hijos de Ramón Rubal subministraba tamén estelas a Finsa para taboleiro e casca a Greenalia para aproveitamento como biomasa para a produción de enerxía, "pero as dúas están traballando moi pouco", confirma Jorge. Ante o descenso da demanda, nesta empresa de Alfoz decidiron tamén ralentizar o volume de corta pola vía de traballar aquelas parcelas con menor rendemento diario de volume de madeira. "Estamos facendo os montes máis pequenos, que levan máis tempo e que tamén os hai que facer, son montes que dan máis traballo", explican. O eucalipto está aguantando mellor Pola contra, as cortas de madeira de eucalipto mantivéronse durante a pandemia sanitaria coas empresas adoptando medidas preventivas para evitar contaxios. "Seguimos traballando con normalidade, os operarios xa traballaban separados cada un no seu posto para previr accidentes, un na procesadora e os dous motoserristas un pouco máis distanciados, e levando a comida ao monte, cada un a súa", explica Luis. "O eucalipto segue comercializándose. Produciuse un cambio de consumo duns produtos por outros e a demanda de materia prima de celulosa para máscaras, papel para limpeza de mans, material médico ou paquetería, que son produtos onde xa está habendo máis demanda, está compensando o parón da industria, do comercio minorista e do papel que se usaba nas oficinas, que agora están pechadas", argumenta Xosé.
Ence comezou a poñer limitacións ao acopio de madeira en Navia, obrigando ás empresas compradoras a desprazar madeira a outros parques como os de Ribadeo ou Begonte
Pero o parón no mercado do piñeiro está derivando as cortas nos montes cara ao eucalipto e aínda que segue habendo demanda, Ence xa comezou a poñer algunha limitación, admitindo unicamente certas cantidades na súa planta de Navia e obrigando ás empresas compradoras a desprazar o resto da madeira a outros parques, como o ubicado en Ribadeo, a piques de completar tamén xa a súa capacidade, ou o de Begonte, o que leva tamén aparellado un menor prezo pagado por tonelada. Moi poucas compras de madeira durante o estado de alarma Aínda que se habilitaron mecanismos para que os propietarios puideran saír durante o confinamento a amosar os seus montes a compradores interesados, o certo é que nos case dous meses que levamos de estado de alarma practicamente non se realizou ningunha transacción comercial de madeira en pé. "Os particulares non están ofertando madeira, os donos dos montes son todos xente maior e teñen medo a saír da casa", indica Luis. Unha cortadora de Forestal Díaz Casariego SL, que está tirando do stock de madeira que tiña mercada Como as demais, a súa empresa está a tirar de compras efectuadas con anterioridade para seguir traballando. "Normalmente contamos cun stock de madeira comprada para catro ou cinco meses e estamos tirando diso, pero fai falta empezar a mercar algo xa porque fainos falta comprar con 2 meses de antelación para tramitar as solicitudes e permisos e planificar as cortas. Esperemos que o mes que vén poida empezar a saír un pouco máis a xente da casa e poder ensinar os montes. A ver se mentres recupera un pouco o prezo da pasta tamén para animar á xente, que de momento está a mostrar pouco interese. De feito, outros anos por estas datas os propietarios que tiñan vendida madeira chamabannos aos compradores para meternos présa para que lles cortaramos os montes para poder plantalos antes da chegada do verán, pero este ano nin iso", engade o responsable de Díaz Casariego.
Os particulares non están ofertando madeira, os donos dos montes son todos xente maior e teñen medo a saír da casa (Luis Díaz, Forestal Díaz Casariego SL)
No caso do piñeiro, desde a AFG afirman que "hai comunidades de montes e propietarios particulares que teñen necesidade de vender porque a madeira está xa pasada do turno de corta" e constatan tamén que aínda que se poden facer saídas con autorización previa, "hai certo medo a saír da casa e ralentizáronse os contactos de compra-venda de madeira". "A industria segue demandando eucalipto e estase tirando de compras previas, pero en canto se produza a desescalada, os propietarios van querer vender porque seguramente entremos nunha fase social na que quereremos contar con aforros e botaremos man da madeira que teñamos", razoa. Nuria concorda nesa apreciación: "hai medo e tampouco fixo falta vender polo de agora, porque a xente non tivo esa necesidade porque ao estar na casa confinados non gastas nin consumes igual, non cambias de coche nin fas unha reforma na casa, pero a medida que pasen os meses, as persoas que quedaron sen traballo pode que precisen tirar do monte", opina.

Prezos á baixa

Na madeira de piñeiro augúranse prezos entre 3 e 5 euros por baixo pola ausencia de demanda É difícil facer prognósticos sobre prezos, pero todo o mundo no sector augura baixadas nos vindeiros meses. "Ao ter sido bastante repentino todo, non hai información moi consolidada, pero o mercado do piñeiro xa viña dunha situación de certa ralentización e agora hai unha parálise, con pouca actividade das empresas de trituración e cos aserradeiros á espera, porque son sectores máis dependentes do nivel de actividade económica xeral. Eu penso que a parálise vai seguir nos vindeiros meses, con prezos medios de final de lote de adquisición entre 3 e 5 euros máis baixos do que debería ser", augura Xosé Covelo.
Nas últimas subastas celebradas antes do estado de alarma no sur de Galicia, o piñeiro pagouse a 26 euros, cando antes do nadal eran habituais prezos de entre 28 e 32 euros (Xosé Covelo, AFG)
Os lotes de madeira de piñeiro estábanse vendendo ultimamente entre 22 e 24 euros/tonelada na zona norte de Galicia e entre 24 e 26 euros no sur, onde sempre se paga un pouco máis, cando antes de nadal os prezos habituais estaban entre os 28 e os 32 euros, lembra. Pero nas últimas subastas antes do estado de alarma o piñeiro pagouse xa a só 26 euros, "que era un prezo xa baixo", considera Xosé Covelo, que o achaca a unha "lixeira ralentización da economía que se estaba a notar xa na construción, que é un sector que tira tanto de táboa como de taboleiro, polo que a súa caída acaba afectando en toda a cadea do piñeiro, de aí a necesidade de buscar alternativas de produtos de alto valor", insiste. A mesma idea defende Nuria: "Creo que de cara aos vindeiros meses hai que reforzar o consumo local de madeira e engadir valor a esa madeira que temos, esas son as perspectivas coas que temos que traballar para este ano. Porque o mercado do piñeiro está agora mesmo moi frío, non hai movemento, máis que baixar os prezos o que non hai é saída. Eu agardo que a medida que a industria se reactive, poidamos traballar con algo de normalidade, aínda que as perspectivas son pouco alentadoras", di.
Para o piñeiro agora mesmo non hai saída. Eu agardo que a medida que a industria se reactive poidamos traballar con algo de normalidade (Nuria Rodríguez)
Tamén prognostica unha mellora limitada para os vindeiros meses Jorge. "Así que levanten o estado de alarma a cousa mellorará un pouco, aínda que non creo que volva ao nivel de antes. Isto é unha cadea, se traballamos nós traballan tamén outros", evidencian neste aserradeiro, que compra directamente e tamén a través doutras empresas do sector. As plantacións de eucalipto habituais nesta época do ano tamén se están a retrasar esta primavera Hai incerteza ademais sobre a evolución do mercado do eucalipto nos vindeiros meses, aínda que a día de hoxe está resistindo mellor. A pasta de papel leva todo este 2020 estable e non se veu afectada polo coronavirus. Segue cotizándose ao mesmo prezo que hai uns meses, con poucos cambios logo da forte caída no 2019, cando tocou fondo. "A pasta aguantouse cun prezo estándar arredor dos 600 euros a tonelada, tan só baixou algo a semana pasada, uns 4 euros", explica Luis.
A pasta de celulosa de fibra curta (eucalipto) está nuns 630 euros a tonelada, un 25% menos que hai un ano, pero non se prevén novas caídas importantes
A madeira de eucalipto certificada estase a pagar neste momento en Galicia a 30 euros tonelada en pé con casca máis IVE, con variacións entre os 28 euros en lotes pequenos ou con dificultades de saca e os 31 nos lotes máis grandes e accesibles. Desde a Asociación Forestal de Galicia non prevén que poida haber "baixas tan acentuadas coma no caso do piñeiro", aínda que na Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo advirten de que "aínda que se está a traballar o eucalipto con normalidade, os prezos fluctúan e as compañías tamén teñen a súa tensión financieira, polo que non pensamos que mellore a cotización, senón incluso que empeore algo".
Máis información: - O Concello do Valadouro propón axudas extraordinarias para relanzar as cortas.

A Xunta actualizará en tempo real os datos das solicitudes de cortas de madeira na comunidade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería do Medio Rural están a colaborar no Observatorio Forestal, que permitirá no futuro difundir en tempo real os datos de corta de madeira na comunidade, entre outra información de interese para o sector. Mediante este sistema de gráficas dinámicas situado na Oficina Virtual de Medio Rural iranse amosando en tempo real os valores máis representativos das producións forestais que estean almacenados en rexistros administrativos da Xunta. Trátase dunha ferramenta en construción situada na Oficina Virtual de Medio Rural -accesible na web da Consellería- que, unha vez completada, amosará en tempo real as series históricas dos datos das principais producións e aproveitamentos forestais almacenados en rexistros electrónicos administrativos. Deste xeito, cando un cidadán tramite unha declaración responsable ou solicitude de aproveitamento, a gráfica actualizarase automaticamente incorporando os datos dese trámite.
Esta información gráfica é o primeiro paso do Observatorio Forestal promovido pola Consellería do Medio Rural onde no futuro se irán presentando valores dos volumes de aproveitamento e prezos de adxudicación dos principais produtos forestais en Galicia
Para ter unha idea do volume de información que se xestionará a través desta ferramenta, cómpre lembrar que só no pasado ano 2019 tramitáronse preto de 94.000 solicitudes administrativas. Polo tanto, a tecnoloxía utilizada pola Amtega para agregar os datos de cada unha destas solicitudes ao longo dos últimos 10 anos e amosalos en tempo real requiriu a posta en funcionamento de novas funcionalidades complexas e eficientes. Datos actualizados en tempo real Este proxecto tecnolóxico conxunto ten como principal obxectivo comezar a difundir datos en tempo real das producións forestais que son estratéxicas para Galicia, que permitan avaliar ás administracións públicas e ás principais organizacións e asociacións do sector forestal os grandes indicadores de actividade. Pero tamén pretende dirixirse á sociedade galega, á fin de divulgar estes datos e axudar achegando información de interese.
80.000 familias reciben anualmente ingresos procedentes do monte por importe de máis de 300 millóns de euros, que se transforman en 2.300 millóns a través da industria forestal
Así pois, nos vindeiros meses este Observatorio forestal amosará, entre outros, os datos dos prezos de adxudicacións das poxas públicas que celebra a Consellería do Medio Rural nos alleamentos de madeira en montes da súa xestión. Preténdese no futuro ampliar a información a outras producións forestais, coma cogomelos, castañas ou resina. O forestal é un sector estratéxico no rural galego, xa que actualmente se están a aproveitar 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano, o que lle reporta a máis de 80.000 familias galegas ingresos superiores aos 300 millóns de euros. Estas cortas son o comezo do proceso de transformación deste ecomaterial renovable nunha cadea monte industria que factura preto de 2.300 millóns de euros ao ano en Galicia.
Máis información O link para acceder á ferramenta, en proceso de construción, que desenvolve a Xunta é o seguinte: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/observatorio-forestal

O 16% dos produtos de madeira de importación proceden de zonas de risco

A Asociación Española de Comercio e Industria da Madeira (Aeim) acaba de facer públicos os datos sobre a importación de produtos sometidos ao Regulamento europeo da madeira (EUTR) en 2018. Destas importacións o 16% procede de zonas de risco; é dicir, zonas nas que é difícil coñecer e asegurar a trazabilidade do produto. E desa porcentaxe, o 40% son mobles de madeira. No 2018, as importacións dos produtos de madeira supuxeron máis de 6.200 millóns de euros, dos que case o 60% corresponde a papel e cartón, con 3.642 millóns de euros. Só a madeira (sen contar papel, cartón e pasta de madeira), supuxo un valor de 1.869 millóns de euros e desta cantidade, os mobles representan un 11% e supoñen máis de 654 millóns de euros. Galicia recibe un 8% do total das importacións de madeira de España, case ao mesmo nivel que Andalucía, onde chegan un 7%, ou o País Vasco cun 5% e moi afastada doutras comunidades que concentran o mercado deste tipo de madeira. Así, Cataluña recibe un 29% destas importacións, seguida da Comunidade Valenciana, que alcanza un 16% ou Madrid, que percibe un 13% destes produtos de madeira. Desde a asociación inciden en que "só o 16% dos produtos de madeira proceden de países de risco"d. Esta porcentaxe representa uns 309 millóns de euros. Precisamente os produtos que teñen maior risco de proceder deste tipo de madeira son os mobles que alcanzan un valor de 124 millóns de euros.

China, un dous principais provedores

China segue sendo uns dous países con maior cota de madeira de risco, cun 31% que supón máis de 94 millóns de euros. O xigante asiático segue a ser a principal vía de abastecemento para España de madeira que non se axusta ao tratado europeo. En concreto, segundo o Sistema de Dilixencia Debida (SDD) da Aeim, que valora o grao de cumprimento da normativa europea, China considérase un país de alto risco. Esta cualificación atende ás dificultades para coñecer a trazabilidade dos produtos, á falta de transparencia e os problemas para coñecer a orixe da madeira, xa que non abonda con coñecer que o produto procede de China senón que é necesario coñecer a orixe da materia prima. Precisamente, a trazabilidade da orixe da madeira complícase en produtos elaborados como os mobles. Por detrás de China, Brasil é outra das portas de entrada deste tipo de madeira de risco, cunha taxa do 13%, na que se engloban só as madeiras tropicais. Mentres, en Europa, países como Romanía conta cunha taxa do 8% desta madeira de risco.