Archives

Tres reflexións sobre a cadea do leite no 2024

O contexto global do mercado lácteo foi positivo no 2023, cun lixeiro retroceso da produción a nivel global e un leve aumento da demanda. Ese escenario permitiu que os prezos en orixe do leite se mantivesen altos, cunha boa situación de rendibilidade para as granxas. Francisco Sineiro e Jorge Santiso, analistas do sector ligados á Universidade de Santiago, veñen de publicar un artigo no que a partir de datos económicos e de mercado, fan balance do 2023 e evalúan as perspectivas para o 2024. Ese artigo sobre o escenario do sector complétase cunha serie de reflexións finais, das que destacamos tres:

1) Por que a produción de leite se mantén estancada ou en retroceso, a pesar de niveis de prezos altos?

Durante os dous últimos anos, os prezos do leite chegaron a niveis históricos, con picos no entorno dos 60 céntimos / litro, pero sen embargo, no 2022 e no 2023 pecharon un 12% das granxas de vacas de leite. No mesmo periodo, pecharon ademais un 16% das granxas de ovellas e cabras de leite, malia contar tamén con prezos altos. Como se explica esta situación? Santiso e Sineiro conclúen que existen factores, máis alá da rendibilidade económica, que inciden na perda de granxas. En concreto, citan tres:
  • Dificultades no relevo xeneracional.
  • Dificultades na contratación de traballadores.
  • Incertidume xeral, que condiciona a toma de decisións. Os tipos de interese altos, por exemplo, fan dubidar de investimentos nas granxas. As novas normativas medioambientais e de benestar animal representan tamén un factor que desincentiva a continuidade de parte das explotacións. O mesmo sucede coa incerteza sobre a evolución dos prezos do leite en orixe.
Así as cousas, cun bo nivel de prezos do leite no campo, España reduciu un 3% a súa produción de leite nos últimos dous anos, pois o crecemento das granxas que quedan e o aumento de produtividade por animal non compensan a perda das granxas que pechan. A análise constata algo que xa se vén advertindo no sector nos últimos anos: a rendibilidade económica é condición necesaria, pero non suficiente, para a continuidade das granxas.
Como evolucionará o prezo do leite no 2024? A tendencia á baixa na produción de leite no 2023, tanto en España como nos países veciños, deixou unhas posibilidades de abastecemento limitadas nas industrias, o que fixo que os prezos españois se mantivesen en niveis altos e por riba dos prezos medios da UE. A evolución do prezo do leite a curto prazo en España vai estar condicionado por diversos factores, en gran medida interrelacionados. Santiso e Sineiro destacan os seguintes:
  • A cotización na UE, que rexistrou unha lixeira recuperación, pero a partir de niveis máis baixos que os españois. Nos próximos meses, cómpre atender á evolución do prezo do leite equivalente na UE (o empregado en manteiga e leite en po desnatado), pois adoita anticipar nuns meses a evolución do prezo medio en orixe. Un dos factores a ter en conta a nivel europeo é a evolución no mercado global de produción e demanda, pois se ben só un 14% da produción europea se exporta ós mercados internacionais, as variacións globais de prezos e demanda teñen un impacto directo en Europa.
  • A produción de leite en España.
  • A capacidade de manter o diferencial de prezo existente coa UE, afectada polo posible aumento das importacións de leite en cisternas e de queixos e lácteos en po.
  • O mantemento dos prezos acadados nos produtos lácteos no supermercado, en especial no caso do leite envasado.

2) Necesidade de maior estabilidade nas relacións contractuais na cadea do leite

Unha das cuestións que se derivan da perda de produtores é a urxencia de dotar de maior estabilidade ás relacións ó longo da cadea Sineiro e Santiso propoñen aplicar ferramentas xa dispoñibles, como os contratos indexados entre granxas e industrias, ou negociacións transparentes entre industrias e gran distribución.
Formación de prezos: o caso do leite envasado O leite envasado é un destino que ocupa máis da metade do leite producido en España, polo que é relevante unha análise da súa situación particular. É ademais o produto final que máis directamente se pode vincular en evolución de prezos ó leite en orixe. Se se analizan os datos dos tres últimos anos, apréciase como o prezo medio ó consumidor pasou de pouco máis de 75 céntimos (2021) a unha media de 1,06 euros no 2023. Foi un aumento de prezos que veu derivado, como é sabido, dun aumento de custos en toda a cadea, en especial de pensos e enerxía. Pero como evolucionaron durantes estes últimos anos as marxes brutas de granxas, industrias lácteas e cadeas de distribución? A análise que fan Santiso e Sineiro das marxes brutas revela que a mellora das marxes produciuse basicamente nas granxas e nas cadeas de distribución, que foron as que máis marxe bruta gañaron de media nos dous últimos anos, en tanto a industria mesmo perdeu marxes brutas no 2022 para recuperar no 2023 unha situación similar á do 2021. Con cargo ás marxes brutas, os operadores teñen que facer fronte ós seus propios custos operativos. No caso de produción e industria, nos últimos anos estes custos vironse afectados pola tendencia á alza de enerxía e, no caso da industria, tamén de suministros (envases, embalaxes), en tanto na distribución tiveron maior impacto os custos laborais. Marxes brutos dos distintos operadores. / Fonte: Francisco Sineiro e Jorge Santiso.

3) O sector queixeiro é o que máis sofre a competencia das importacións

Como é coñecido, España é un país deficitario na produción de leite, pois consume máis do que produce. As importacións representan así en torno ó 40% do consumo aparente, segundo as estimacións dos dous autores, que tamén precisan que do mesmo xeito hai que ter en conta que España exporta arredor do 17% da súa produción. As importacións de produtos lácteos no 2023 sumaron 4,2 millóns de toneladas en leite equivalente, o que supón unhas 520.000 toneladas máis que no 2022, orixinadas principalmente polas partidas de queixo e de leite en po. Este aumento das importacións de queixos deixa ó sector queixeiro nacional nunha situación comprometida, pois nun escenario de dificultade de aprovisionamento de materia prima, ten que competir cunha industria europea que se abastece de leite a prezos menores e que é capaz de colocar a súa produción en España a prezos máis competitivos. Por último, Santiso e Sineiro apuntan a necesidade de mellorar as estatísticas do sector, sobre todo no referente ó consumo extradoméstico e industria, pois se ben o Ministerio de Agricultura conta con información detallada do consumo no fogar, non sucede o mesmo co consumo na hostalaría e nas industrias alimentarias, que empregan principalmente queixos e lácteos en po.

“Os gandeiros deberían tomar a decisión de autolimitar a produción para evitar que os prezos caian na primavera”

Francisco Fernández, director de Agaprol OPL Entre as funcións que o Paquete Lácteo outorga ás Organizacións de Produtores está a negociación de prezos en conxunto en representación dos gandeiros socios para a formalización de contratos coas industrias e a regulación da oferta, de modo que están plenamente lexitimadas por Competencia para controlar os volumes de produción. Francisco Fernández é o director de AGAPROL, a maior OPL de España, con importante presenza en Castela e León, Cataluña ou Castela-A Mancha, onde aglutina a metade da produción nestas comunidades, pero con escasa presenza aínda en Galicia. A semana pasada estivo en zonas como A Mariña, Lugo, Ordes ou Santa Comba visitando a gandeiros socios e mantendo reunións coas industrias ás que entregan o leite de cara á renovación de contratos a partir de abril. A súa proposta para lograr manter os prezos nos niveis actuais pasa por invertir a posición de forza na negociación en favor dos gandeiros por ter nas súas mans a materia prima que as industrias necesitan. “O control da produción será a única forma de manter os prezos”, asegura.
Agaprol aglutina a 600 gandeiros e máis dun millón de toneladas de leite, o 13% da produción láctea española
Agaprol considera que o prezo de renovación de contratos que diten os grandes operadores do sector en España virá marcado pola evolución do prezo do leite en países como Francia, Holanda ou Alemaña, pero, sobre todo, di Francisco, “pola dispoñibilidade ou non de leite que haxa en España”. “Se as industrias detectan un crecemento superior á media non terán obstáculo para forzar novas baixadas de prezos”, asegura, polo que pretenden concienciar aos gandeiros de que “se aumentan a súa produción inexorablemente desencadearase unha baixada do prezo do leite que producen”.
O control da produción será a única forma de manter os prezos
O ano 2023 pechouse cunha estabilización da produción láctea no conxunto de España, con incrementos do 1% en Galicia, do 0,5% en Cataluña, do 2,4% en Castela-A Mancha ou do 3,9% en Navarra que compensaron os descensos do 0,5% en Andalucía, do 0,7% en Castela e León, do 1,9% en Asturias ou do 2,6% en Cantabria. “O que marca o prezo do leite no seu conxunto é aquel que a industria está disposta a pagar polos últimos litros cos que enchen as súas cisternas e os seus almacéns”, asegura Francisco. “Nun país deficitario como é España, que importa unha cuarta parte dos produtos lácteos consumidos, esta situación non debería de existir, pero as industrias saben que poden ditar a súa lei coa condición de que sobre unha cisterna no mercado capaz de facer baixar o prezo da totalidade do leite”, insiste. “A industria está a buscar o momento de maior crecemento da produción de todo o ano para aproveitar e volver baixar os prezos. Está nas mans dos gandeiros evitalo. Hai que concienciarlos de que cada vaca que deixen de muxir supón unha subida do prezo do leite das que sigan muxindo na granxa”, argumenta.
A 'Operación Cisterna' é unha medida necesaria diante da intención por parte da industria de novas baixadas de prezo para a primavera
O prezo das vacas de desvelle está repuntando, insiste Agaprol, polo que “podería aproveitarse a oportunidade para dar saída a aqueles animais que pola súa baixa produtividade poden minguar a rendibilidade das explotacións e, á súa vez, evitar un aumento perigoso da produción de leite”, recomenda Francisco. Tensionar a demanda Agaprol asegura que con esta campaña a favor da moderación na produción non pretenden “provocar unha situación de desabastecemento”, senón “controlar a oferta para que o gandeiro poida esixir polo seu leite o que realmente vale”. “En España as subidas de prezos víronse vinculadas historicamente a lixeiras baixadas de produción que provocaban a tensión suficiente entre as industrias para que se visen obrigadas a pagar o que vale o leite antes de quedar sen materia prima para transformar e cumprir cos contratos de abastecemento que manteñen coa gran distribución”, argumentan.
O leite é moi sensible, de sobrar un litro para faltar un litro cambia totalmente o panorama
E pon como exemplo o ocorrido durante o verán e o outono de 2022. “Non é que faltase tanto leite, pero foi o suficiente para que as industrias se pelexasen entre elas por captar explotacións subministradoras e mira a que se montou, tanto que en poucos meses o leite púxose a 60 céntimos”, lembra. Pero a situación inversa, dun pequeno excedente, xeraría agora o efecto contrario. “O leite é moi sensible, de sobrar un litro para faltar un litro cambia totalmente o panorama. O caldo de cultivo perfecto para a industria é que cada ano subamos un pouco a produción. Con só un pouco de leite de máis saben que o gandeiro está cautivo porque non ten posibilidade de cambiar de empresa e baixan os prezos. Pero iso non o poden facer no momento no que o leite está xusto ou falta algo”, argumenta. Maior concentración na recollida “A concentración da demanda está a ser determinante en todo este proceso. Cada vez son menos os operadores independentes con capacidade para influír no prezo dos contratos e iso afecta negativamente os gandeiros”, asegura Francisco. Esa unificación de prezos por redución da competencia podería observarse xa en Galicia nos próximos contratos debido ao acordo entre Capsa e Mercadona para envasar leite Hacendado na planta de Outeiro de Rei. “Mercadona controlaría xa nestes momentos, directa ou indirectamente, uns 600 millóns de litros só en Galicia, sumando as recollidas de Naturleite, Entrepinares e Larsa”, calcula o director de Agaprol.
Tras o acordo con CAPSA, o 20% da produción galega e o 40% da española estaría en mans de empresas que fornecen a Mercadona
No conxunto de España estima que o volume de leite controlado pola cadea de supermercados de Joan Roig situaríase preto dos 3 millóns de toneladas, o que representa o 40% da produción láctea española. “Covap manexa máis de 700 millóns de toneladas ao ano e Capsa outro tanto, só de brick. Se metes a Iparlat, estariamos xa en 2 millóns de toneladas. Se sumamos queixos e iogures, son case 3 millóns os que están baixo o paraugas de Mercadona, que controla máis do 30% do mercado do leite líquido de consumo (1,2 millóns de toneladas de brick dos 3 millóns que se consomen en España), o 40% da venda de queixos e o 45% do mercado de iogures”, detalla Francisco.
Mercadona é quen marca as pautas, a que di se hai que subir ou baixar e canto
“Capsa está metida de cheo na órbita de Mercadona. A join venture de Cataluña foi callando e estendeuse ao resto de plantas. Con iso Mercadona ten garantido o abastecemento e o crecemento para os próximos anos. Capsa perde en boa medida a súa identidade, pero non tivo máis remedio polo descenso do leite de fabricante”, indica. Pero ese cambio de estratexia terá consecuencias no campo, augura. “A pinza Larsa-Lactalis acabouse. Antes os seus contratos vencían un mes antes e marcaban a tendencia. Agora Mercadona é o que marca as pautas, a que di se hai que subir ou baixar e canto”, asegura o director de Agaprol. “Covap e Capsa ían facer unha central de compras, ao estilo de Compras e Suminstros Lactalis. Querían facer algo parecido, pero deulles medo por se tiñan problemas con Competencia. Cortáronse, pero dunha maneira ou outra haberá concertación de prezos”, augura. Risco de contaxio na distribución Agaprol mostra o seu temor ante unha baixada en cadea do prezo do leite desde o campo ao supermercado. “Ese é o risco maior que corremos. Se algunha industria decide optar por unha política agresiva de prezos, baixando o leite no campo para ofrecer ás grandes superficies o brick 4 ou 5 céntimos máis barato para rabuñar cota de mercado a outra industria que faga tamén marca branca podémonos cargar a cadea, que neste momento é sostible”, asegura.
A cadea láctea neste momento, tal como está, é sostible para todos
Afirma que “os supermercados tamén se atopan cómodos con esta situación”, pero advirte de que “se Carrefour, Día, Lidl ou outra gran superficie entra no xogo dalgunha destas industrias kamikace” habería un reflexo en toda a distribución. “Mercadona non está por baixar o prezo pero se baixan as demais eles farano de forma inmediata. Todas as cadeas queren ter o leite ao mesmo prezo para que non condicione ao consumidor a que supermercado ir. Hai anos actuaba como produto reclamo; agora non”, asegura. Por iso Francisco incide en evitar “que as industrias forcen unha baixada no campo e que esa baixada non se traslade despois á distribución”, porque “despois volver subir é dificilísimo”, advirte. “Non por producir máis se gaña máis” Desde Agaprol non pretenden dicirlle ao gandeiro o que ten que facer, pero lanzan un “aviso a navegantes”: “Se crecemos de forma desmedida podemos provocar unha baixada de 5-6 céntimos e volver aos 40 céntimos”. “Se Galicia non subise a produción no último ano estou convencido de que esta primavera repetiriamos prezos sen ningún problema”, asegura Francisco, que insiste en que “non por producir máis se gaña máis”.
En Galicia os gandeiros que queden teñen que medrar, pero ten que ser un crecemento sostido e moderado
Recoñece que a situación en Galicia é diferente ao resto de comunidades en canto a redimensionamiento das granxas. “Fóra de Galicia hai pouca xente que teña ganas de medrar, porque os que quedan no sector xa o fixeron, pero en Galicia eses crecementos aínda se están producindo. Os gandeiros que queden teñen que medrar, pero ten que ser un crecemento sostido e moderado. Do contrario, médrase a base de investimento e iso é unha dinámica infernal”, asegura. Ademais, explica, o límite de 850 UGM que fixa o Real Decreto de Ordenación de granxas de vacún supón un tope no caso das granxas de maior tamaño de comunidades como Cataluña, Castela e León, Andalucía ou Castela-A Mancha, pero permite aínda un considerable percorrido para as ganderías de tamaño medio en Galicia. A ameaza da EHE Pese ao peche de explotacións, existe un crecemento orgánico, indica o director de Agaprol, non só polo aumento de tamaño das granxas que quedan, senón pola maior profesionalización do sector. “Con menos vacas está a producirse máis leite por mellor manexo, alimentación, instalacións, xenética etc. Desde que se acabaron as cotas no conxunto de España aumentamos a produción de leite en 1 millón de toneladas con 7.000 gandeiros menos”, destaca.
A produción no inverno está a ser alta porque non fixo frío, pero a EHE podería reducir a produción en Galicia de cara ao verán
Para este ano, Francisco ve un risco importante na EHE. “O aumento da produción galega podería verse afectada este ano polo posible repunte da incidencia da Enfermidade Hemorrágica Epizoótica, que a campaña pasada practicamente non afectou as granxas lácteas da comunidade pero que co bo tempo e a humidade podería repuntar de forma considerable en toda a zona”, alerta, tras a experiencia vivida o ano pasado en Castela e León. A ameaza da EHE podería frear as entregas de leite nos meses de verán, tras un inverno favorable á produción. “Este ano está a ser espectacular polo tempo, con medias de 2 litros máis por vaca, porque non houbo inverno e as vacas están en modo primavera todo o ano. A estacionalidade na produción é agora menor. Este ano vaise notar menos a subida na primavera, cando outros anos a produción dispárase porque vés dun inverno máis frio”, explica.

“Estamos moi preocupados porque en Galicia vai haber presión para baixar prezos e iso pódenos arrastrar aos demais”

Aínda que a súa presenza na comunidade limítase a unhas 30 granxas socias, Agaprol levará a cabo nas próximas semanas unha intensa campaña de concienciación na comunidade galega sobre a necesidade de conter as entregas debido ao seu peso na produción láctea española. “Galicia condiciónanos a todos”, asegura o seu director. “A guerra que temos no resto de comunidades autónomas coas industrias é que nos ameazan precisamente con vir comprar o leite a Galicia porque é máis barato. Antes ameazábannos con traer leite de Francia e agora ameázannos con traer leite de Galicia, porque a media actual en Galicia está en 47 céntimos, mentres fóra de Galicia móvese entre 51,5 e 52 céntimos, son entre 4 e 5 céntimos de diferenza”, evidencia Francisco. Dos contactos que mantivo coas distintas industrias, conclúe que “en Galicia hai moitas ganas por parte das industrias de baixar, e bastante, o leite no próximo contrato. Vai haber moita presión para baixar prezos e iso pódenos arrastrar aos demais”, alerta.
En Galicia hai moitas ganas por parte das industrias de baixar, e bastante, o leite no próximo contrato
“Todas as negociacións están interconectadas porque ao final todas as empresas compran en todos os sitios. Cando empezamos coa OPL fixémola en Castela e León pero démonos conta de que iso non servía, que hai que estar en todos os lados”, xustifica. Por iso é polo que Agaprol foise estendendo e está presente hoxe xa en 11 comunidades. En Galicia, con todo, recoñece dificultades. “Noutras comunidades as explotacións grandes son as que están máis integradas na organización de produtores; en Galicia non pasa iso e as máis pequenas tampouco participan”, explica. Impunidade das empresas “Na maioría de sitios as industrias fan o que lles dá a gana e en Galicia máis”, afirma Francisco para defender a necesidade dunha maior unión entre os produtores e unha maior implicación tamén por parte da Xunta. “En Galicia as industrias están afeitas a facer auténticas barbaridades sen que pase absolutamente nada. As sancións ponas a AICA, pero o labor de inspección corresponde á Xunta”, aclara.
En Galicia as industrias fan barbaridades e non pasa nada. As multas ponas a AICA pero a inspección tena que facer a Xunta
“A folla de ruta que tiñan fixada as industrias era baixar dous céntimos en decembro e outros 2 en abril. En Galicia esa primeira baixada parouna a Xunta tras unha reunión coas industrias, mentres en Castela e León baixáronnos un céntimo coa desculpa de acurtar o diferencial con Galicia. Pero neste momento, sen o comodín do público, que eran as eleccións, en Galicia a intención das industrias é baixar agora de golpe, dunha tacada, eses 4 céntimos en abril”, advirte. Necesidade de negociar prezos en conxunto Agaprol acaba de cumprir 10 anos e o seu director defende a necesidade de que os gandeiros se integren en organizacións de produtores. “Xa non se pode negociar á antiga usanza, hai que profesionalizar eses procesos e dotalos de transparencia”, incide. “Agora mesmo negociamos máis dun millón de toneladas pero o noso obxectivo é seguir crecendo para poder plantar cara ás industrias, que cada vez máis acumulan volumes incribles”, xustifica.
A Xunta parou a baixada de 2 céntimos en decembro porque había eleccións pero agora a intención das industrias é baixar de golpe 4 céntimos
Francisco anuncia “unha campaña forte en Galicia nas próximas semanas” porque, di, “agora mesmo onde está o pescozo de botella e onde hai que apertar para frear a baixada é en Galicia”. Aínda que recoñece que na comunidade que produce o 43% do leite de España, sumando a produción convencional e ecolóxica, o labor das Organizacións de Produtores é máis difícil: “En Galicia hai empresas kamikace que non atenden a ningunha razón”, denuncia.

As industrias lácteas definirán en marzo as súas ofertas de prezos do leite para primavera

Para mediados de marzo, o sector gandeiro espera que as industrias lácteas concreten a súa proposta final de prezos do leite para os contratos que se asinan esta primavera. A perspectiva apunta a unha estabilidade á baixa, con lixeiras caídas de prezo pero por baixo do anunciado polas industrias hai un par de meses. Datos internacionais O escenario de mercado semella estable a nivel europeo e internacional, de acordo cos últimos datos. En produtos lácteos industriais, en Europa a manteiga mantén unha lixeira tendencia á alza (+1,5% no último mes), cun valor un 23% superior ó de hai un ano. En queixos e leite en po, en cambio, as cifras apuntan a unha estabilidade en valores baixos, pois a maioría de queixos móvese en cifras un 5 – 8% inferiores ás de hai un ano, coa excepción do cheddar, que caíu un 29%. No nivel internacional, a subasta quincenal de lácteos de Fonterra, en Nova Zelanda, leva encadeando subas de prezos desde setembro pasado. Na última subasta desta semana, o índice xeral de prezos subiu un 0,5 %. Como nota negativa, queixos e leite en po enteiro manteñen unha tendencia á baixa, en consonancia coa situación europea. Mercado español A característica particular do mercado español, fronte ó europeo e ó internacional, é o elevado peso do leite líquido, que representa máis dun 40% do destino de todo o leite producido no país. A ese respecto, as organizacións agrarias sinalan que o leite continúa mantendo un valor alto no supermercado, polo que se entende que non hai motivos para baixadas nas granxas, que á súa vez desencadearían abaratamentos non desexados do leite no supermercado. Claro que distinta é a percepción das industrias, que perderon cota de mercado nas súas marcas de fabricante, en favor das marcas de distribución, e aspiran a recuperar vendas se o prezo do leite se abarata nos liñais. Así as cousas, o sector agarda a ver cal é a decisión final das industrias sobre as propostas de contratos para a primavera. Queda por valorar como están a evolucionar en Europa prezos do leite e entregas nestes primeiros meses do ano. España polo de agora continúa en prezos superiores á media europea, que para xaneiro calcúlase en 45,9 céntimos, cos países veciños, Francia (45) e Portugal (44,5) nesas cifras, o mesmo que Alemania (45).

Control da produción?

En vista do escenario, unha organización de produtores de leite de Castela e León, Agaprol, está a recomendarlle ás súas granxas que moderen as entregas de leite, pois consideran que unha maior produción levará a un abaratamento dos prezos. A moderación das entregas por parte das granxas, sen embargo, é un escenario que en Galicia desaconsella Ulega, a organización de produtores de Unións Agrarias, que agrupa a 1.600 ganderías galegas.
"Limitar a nosa produción para que entre máis leite de fóra?. Non lle vemos sentido" (Óscar Pose, Ulega)
“Limitar a nosa produción para que entre máis leite de fóra?” -pregúntase Óscar Pose, responsable de Ulega-. “Esa proposta tería sentido se España non fora un sumidoiro do leite europeo -vía queixos e outros produtos importados-. Ou se houbera posibilidade dun acordo europeo de produtores para regular as entregas, pero aconsellar ás granxas a que tomen esa decisión de xeito individual non lle vemos sentido”, valora Óscar Pose. Contratos En canto á negociación de contratos do leite para a primavera, un dos motivos polo que naceron as organizacións de produtores, Pose é pesimista sobre a posibilidade de chegar a acordos colectivos en Galicia.
"Con Lactalis, Naturleite e Celta podémonos sentar a falar de prezos, con independencia de que despois cheguemos ou non a acordos. O resto de grandes industrias nin sequera están dispostas a dialogar" (Óscar Pose)
“Basicamente seguimos no modelo de contratos de adhesión, sen negociación. Hai industrias como Lactalis, Naturleite ou Celta coas que podemos sentarnos a falar de prezos, con independencia de que ás veces cheguemos a acordos e outras non, e logo unha maioría de industrias que se negan de xeito sistemático a sentarse con nós”, valora Pose. “A única solución que vemos para que as organizacións de produtores verdadeiramente funcionen pasa por cambios lexislativos, como a creación da figura dun mediador público que verifique as conversas e que poida contar ademais con ferramentas, como índices de custos de produción, para valorar a situación e intermediar entre as partes”, sinala.

O leite con marca de fabricante véndese un 20% menos polo seu encarecemento

O escenario do leite no supermercado mudou de xeito radical nos últimos anos. Se ata hai un par de anos, as marcas brancas movíanse no arco de 55 – 60 céntimos, agora sitúanse nos 85 - 90 céntimos, coas marcas de fabricante por riba do euro. O cambio deixou consecuencias positivas, como prezos xustos de leite no campo, pero tamén efectos colaterais que preocupan nas industrias lácteas. O principal, o debilitamento das marcas de fabricante, que perderon cota de mercado en favor das marcas brancas. As estatísticas de consumo do Ministerio apuntan a que o leite con marca de fabricante véndese agora un 20% menos, se se comparan os datos do 2023 cos de antes da pandemia (2019). Se daquela as marcas de fabricante superaban o 55% de cota de mercado, na actualidade a penas sobrepasan o 40%, en tanto as marcas brancas ou segundas marcas de fabricante, comercializadas no treito baixo de prezos, achéganse ó 60%. O ascenso das marcas brancas obrigou ás industrias a recompoñerse. É un dos factores que explica, por exemplo, a decisión de Capsa de comezar a suministrarlle leite a Mercadona baixo a marca Hacendado.
"As industrias lácteas que non teñan peso nas marcas de distribución vano pasar mal" (Xabier Iraola, Enba)
A outra cara da moeda do debilitamento das industrias lácteas está no fortalecemento das cadeas de supermercados, sobre todo de Mercadona, que gaña peso como actor principal da cadea do leite, unha situación que preocupa no campo e tamén nas propias industrias. “As industrias lácteas que non teñan peso no mercado das marcas de distribución vano pasar mal” -pronostica o vasco Xabier Iraola, da organización agraria Enba-. “O que estamos vendo a nivel europeo é que os fabricantes están posicionando nos supermercados leites con valores adicionais, con selos de medioambiente, benestar animal ou leites enriquecidos. Este tipo de leites e as marcas locais, asentadas en cada territorio, poderán competir no supemercado, pero o resto do mercado estao gañando a marca de distribución”, opina Iraola. Evolución futura Se ben o equilibrio actual de prezos e de cotas de mercado valórase no sector como positivo para as granxas, para as industrias lácteas a situación é distinta, pois o desexable para elas é recuperar cota de mercado para as súas marcas de fabricante. Agora ben, co actual escenario de prezos no supemercado, o cambio de tendencia antóllase complicado. As marcas brancas de leite xa experimentaron un lixeiro abaratamento no último ano, pasando do arco de 90-95 céntimos ó de 85-90 céntimos, en consonancia coa baixada de prezos do leite no campo, pero iso a penas repercutiu nun aumento de vendas das marcas de fabricante.
As patronais da alimentación descartan baixadas dos prezos nos supermercados pola presión dos custos laborais e de produción
Tampouco é previsible un abaratamento moito maior das marcas brancas de leite, pois as propias asociacións das cadeas de distribución, como Asedas ou Fiab, descartaron estes días unha baixada xeral no prezo dos alimentos, “dada a presión de custos laborais e de produción que teñen que asumir os supemercados”. Contratos de primavera no campo En calquera caso, as industrias están a apostar por novas baixadas de prezos do leite no campo en primavera, un escenario que se terá que aclarar nas próximas semanas. No caso de Central Lechera Asturiana, a cooperativa que é propietaria do 80% de Capsa, a información que trascende no sector é que en Asturias quere baixar só os prezos no campo na medida en que baixen os custos de produción, principalmente o penso, de xeito que se manteña a marxe de beneficio para as granxas. O razonamento semella en principio correcto no sector. Se o encarecemento do leite no campo veu motivado en boa medida pola suba dos custos de produción, na medida en que os custos se moderen, debe facelo tamén o leite. A cuestión, para as organizacións agrarias, é a incertidume e a falta de estabilidade e transparencia que xeneran con frecuencia as propostas de contrato de boa parte das industrias lácteas, incluída en Galicia Larsa, propiedade de Capsa. Entre as ofertas iniciais para esta primavera, chama a atención a de Naturleite (Covap) -suministradora de Mercadona-, que propuxo unha rebaixa de 8 céntimos, á espera de ver cal é a súa decisión final. Índice A3 da Inlac Unha das solucións que se teñen proposto para introducir maior transparencia no sector pasa pola sinatura de contratos a máis longo prazo e cun índice validado por toda a cadea, como o A3 da Interprofesional Láctea (Inlac). É un índice que ten en conta factores como custos de produción das granxas, prezos do leite nos principais países da UE ou prezos dos produtos lácteos industriais. Sen embargo, trátase dun índice que ata o de agora tivo un uso limitado polas industrias, pois as principais firmas en Galicia, Capsa e Lactalis, apostan por indexar unha parte do leite ó valor dos produtos lácteos industriais, sen ter en conta o factor dos custos de produción das granxas.

Baixa o consumo de leite líquido no fogar, pero xera máis valor

Os últimos datos de consumo de leite apuntan a unba baixada de consumo de leite líquido no fogar de arredor do 3,6% no último ano (decembro 2022 a novembro 2023). A parte positiva é que con menos leite, xerouse un 13% máis de valor, pois o prezo do leite encareceuse de media no supermercado un 17% en comparación co ano anterior. O escenario de perda de consumo de leite líquido agudizouse polo encarecemento do leite no supermercado, pero trátase dunha tendencia que vén de atrás. Entre o 2008 e o 2022, o leite líquido perdeu un 13,7% de cota de mercado e no 2023, a falta de pechar decembro, semella que baixará por primeira vez dos 3 millóns de toneladas. É, con todo, un volume importante que representa arredor dun 40% da produción española de leite, o que explica a correlación en España entre prezos do leite líquido e prezos do leite no campo.
Os únicos leites que soben o consumo son os enriquecidos con vitaminas
En derivados lácteos, tamén houbo unha baixada de consumo superior ó 3%, aínda que tamén é de subliñar un aumento de valor en dobres díxitos, 12,6%. O único leite que evolucionou á alza en vendas foi o enriquecido con vitaminas (+4%), que representa unha cota de mercado pequena e que vén de anos malos. É de destacar que a categoría xeral de leites enriquecidos (con calcio, vitaminas, Omega 3) perdeu un 21% de vendas entre 2019 e 2022. Bebidas vexetais En paralelo á baixada do leite, as bebidas vexetais subiron un 4% as vendas no último ano, seguindo a tendencia á alza das últimas campañas. Ese ascenso das bebidas vexetais explica que boa parte dos operadores lácteos, incluídas cooperativas como Iparlat ou Capsa, estean apostando por liñas paralelas de bebidas vexetais.

O aumento de produción de leite en Galicia contrarresta a caída do resto do Estado no 2023

Galicia salva un ano máis a produción leiteira española. Durante o 2023 a comunidade superou os tres millóns de toneladas de leite producidos, en concreto 3.001.683, 30.158 toneladas máis que no 2022 (un 1% máis), o que serviu para paliar o descenso en termos similares producido noutras comunidades. Segundo o último informe publicado polo Ministerio de Agricultura, correspondente ao mes de decembro, no total estatal, a produción foi de 7,330 millóns de toneladas de xaneiro a decembro de 2023, fronte aos 7,325 millóns do ano anterior, o que representa un mínimo incremento do 0,1%, insuficiente para recuperar a produción do ano 2021, que se pechou con 7,49 millóns. Cos datos do 2023, Galicia achégase ao 41% da produción láctea total española, de maneira que o pasado ano, de cada 10 litros producidos en España, máis de 4 muxíronse en granxas da comunidade. Os prezos, entre 4 e 5 céntimos menos en Galicia En canto aos prezos, a media en España dos 12 meses de 2023 foi de 54,64 céntimos, 8 céntimos máis que o promedio do 2022 (46,62 céntimos). Os gandeiros galegos foron unha vez máis en decembro os que menos cobraron de toda España, con diferenzas de máis de 4 céntimos con respecto a Asturias, Castela e León, Andalucía ou Cataluña. 
No promedio do ano, o prezo medio en 2023 foi 8 céntimos superior ao de 2022
Decembro mantívose nos 52,1 céntimos no conxunto estatal, aínda que con notables diferenzas entre comunidades autónomas. En Galicia o prezo medio pagado en decembro ás explotacións foi de 49,5 céntimos, 4,9 céntimos menos que en Andalucía (54,4), 4,7 menos que en Asturias (54,2); 4,4 menos que en Castela e León (53,9) ou 4,1 menos que en Cataluña (53,6). Menos produtores Malia os bos prezos do leite rexistrados en todo o 2023, seguen a pechar granxas, a un ritmo dunha ao día en Galicia. A comunidade perdeu no último ano 362 explotacións leiteiras. Das 6.017 ganderías con entregas que había fai un ano quedan hoxe tan só 5.655.
En 2023 desapareceron 642 ganderías de leite en España, 362 delas en Galicia
No conxunto das comunidades autónomas, quedan 10.023 explotacións entregando leite, 642 menos que a comezos de ano. Asturias perdeu 71 explotacións (quedan 1.260), Castela e León 69 (quedan 714),  Cantabria 58 (quedan 847), Andalucía 12 (quedan 407), Cataluña 19 (quedan 348) e País Vasco 10 (quedan 230). Movementos no sector no 2024 Este 2024 comeza con anuncios de baixadas de prezo das industrias, que xa iniciaron a negociación dos contratos da próxima primavera. Tamén é de destacar a incorporación de Capsa como envasador de leite Hacendado para Mercadona.

Ofertas iniciais á baixa para a renovación dos contratos do leite na primavera

Naturleite ofrece un contrato a un ano cun prezo base de 40 céntimos Primeiros movementos de cara á renovación dos contratos do leite na primavera, co envío por parte das industrias das ofertas preliminares ás explotacións. Algunhas delas, como as de Naturleite, Lactalis ou Entrepinares, recollen baixadas importantes, que marcan a tendencia no inicio das negociacións pero que non teñen por que plasmarse despois nos contratos finais asinados. Como se está a converter xa en práctica habitual, cando menos nas renovacións levadas a cabo no últimos ano, as empresas acostuman saír con ofertas moi baixas, de puro trámite, que ningunha das dúas partes toma en serio, pois as propias empresas avisan aos gandeiros de que non será a proposta definitiva.
A presentación de ofertas ás granxas para a renovación dos contratos de compra do leite estase a volver un mero trámite, un simple formalismo legal
A Lei da Cadea Alimentaria e o Paquete Lácteo establecen que as empresas compradoras deben presentar ás ganderías das que se aprovisionan de materia prima unha oferta de renovación de contratos con dous meses de antelación á data de vencemento e as industrias buscan cumprir con este formalismo legal a través das propostas que están a remitir ás explotacións, para non arriscarse a recibir sancións por parte da AICA. As empresas, ademais, presentan prezos baixos nas ofertas para ter logo máis marxe para negociar coas explotacións a medida que se achega o momento da renovación, en función de como evolucione o mercado, por exemplo, a nivel de demanda, ou de como actúe a competencia. Se o gandeiro non responde á oferta presentada decae no prazo de 15 días, o que dá inicio á negociación real, prevista para o vindeiro mes de marzo.   Globo sonda de Naturleite Á hora de presentar ofertas ou contratos, as empresas apuran os tempos, moitas veces incluso máis aló do límite legal. Ningunha quere ser a primeira en mover ficha. Desta volta, Naturleite foi quen tirou a primeira pedra, cunha oferta de renovación cunha vixencia dun ano (1 de abril de 2024-31 de marzo de 2025) e un prezo base de 40 céntimos, 8 menos dos que a empresa está a pagar neste momento.
Legalmente as ofertas deben recoller unha duración mínima dun ano pero agárdase que os contratos se asinen por 6 meses
A oferta de Naturleite en Galicia chama aínda máis a atención se se compara cos prezos que a cooperativa COVAP, propietaria da planta de Meira, está a pagar noutros territorios nos que opera, por exemplo en Castela e León a través de Lactiber, con prezos por enriba dos 50 céntimos, ou en Andalucía, de onde é orixinaria, situados nos 55 céntimos neste momento. A factoría de Meira envasa uns 110 millóns de litros de leite ao ano baixo a marca Hacendado para a cadea de supermercados Mercadona logo de ter ampliado nos últimos meses a súa recollida con algunha granxa, movéndose na actualidade cerca dos 300.000 litros diarios procedentes dunhas 250 ganderías. Oferta indexada de Lactalis Aínda que a maioría dos contratos que se asinan en Galicia son a prezo fixo, algunhas empresas están a apostar polo envío de ofertas indexadas a distintos índices, de maneira que o prezo de compra flutuaría ao longo dos 12 meses de vixencia do contrato. É o caso da multinacional francesa Lactalis, que segue a ser a industria que máis leite recolle en Galicia, e que está a presentar unha oferta co 75% do prezo a 41,5 céntimos e o 25% restante vinculado á cotización do leite enteiro en pó (WMP) na UE, que pechou a semana pasada a súa última cotización en 36,7 céntimos, o que deixaría o prezo base final no caso do contrato de Lactalis en 40,3 céntimos, o que suporía tamén unha rebaixa importante, de 4 céntimos, a respecto do que está a pagar neste momento.
Os dous últimos contratos de Lactalis colleron de prezo base final o incluído para o 75% do leite na oferta inicial presentada
Aínda que se trata do primeiro contacto coas súas granxas, tendo en conta o precedente das dúas últimas renovacións, o prezo a partir de abril da multinacional francesa podería caer máis de tres céntimos, xa que os dous últimos contratos asinados por Lactalis colleron de prezo base final o incluído para o 75% do leite na oferta inicial presentada, neste caso 41,5 céntimos, cando o prezo base actual é de 44 céntimos. Baixada dun céntimo de Entrepinares en Castela e León Tamén aposta por unha oferta variable a queixería Entrepinares, proveedora da cadea Mercadona ao igual que Naturleite, cun prezo base no caso da planta de Vilalba de 43,5 céntimos pero vinculado á evolución do índice A3 publicado pola Inlac. Entrepinares está a ser sinalada nos últimos días en Castela e León por baixar 1 céntimo o prezo de renovación dos contratos para os meses de febreiro e marzo, cunha baixada escalonada: 48,5 céntimos para este mes de febreiro e 48 para marzo.
As industrias comprometéranse coa Xunta a manter o prezo en Galicia para ir corrixindo o diferencial negativo a respecto doutras comunidades
O resto de empresas que operan na comunidade veciña, como Lactalis, Lactiber, García Vaquero ou Pascual, decidiron finalmente manter os prezos, o que xerou malestar no sector produtor coa queixería de Valladolid, que segue a manter con todo un diferencial positivo de entre 1 e 2 céntimos en Castela e León a respecto do que está a pagar en Galicia, debido a que na comunidade veciña conta con primas por volume que non paga ás granxas galegas. Prudencia nos movementos do Grupo Lence A oferta de renovación do Grupo Lence, a segunda empresa que máis leite recolle neste momento en Galicia, nunhas 360 explotacións, presenta unha baixada de 2 céntimos no prezo base, que quedaría en 41,7 céntimos, ao que habería que engadir as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar animal (0,01 céntimos), bacterioloxía (a super A de Leite Río e Leyma sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos) e volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos).
Leite Río busca non repetir o acontecido en outubro, cando quedou descolgada no prezo
Tamén está a presionar os prezos á baixa Reny Picot, que está a derivar unha parte da súa recollida ao envasado de leite debido á menor rendibilidade do leite en pó e a fabricación de queixo, o seu mercado principal; e Leche Celta, que volve apostar por unha oferta a prezo fixo pero escalonada ao longo do ano, con 3 meses a un prezo e 9 a outro, para a súa planta de Pontedeume, na que envasa leite para cadeas de distribución como Lidl. Situación no resto de Europa Mentres as ofertas presentadas en Galicia apuntan a unha posible baixada do prezo a partir da primavera, a situación en Europa foi ata o de agora por camiño oposto, a falta de ver o que sucede na primavera. O prezo medio na UE leva repuntando desde o mes de setembro e situouse en decembro en 46,14 céntimos, logo de aumentar 2,73 céntimos en tres meses. 
Irlanda, Alemaña, Países Baixos e Polonia acumulan unha importante revalorización no prezo do leite nos últimos meses
Entre os principais países produtores, Irlanda presenta unha das subas máis notables, pasando de 40 a 44 céntimos; mentres en Alemaña o leite pasou de 41,3 a 44,3; en Holanda de 41,4 a 46,3 e en Polonia de 41 céntimos a 50. Francia e Italia mantéñense sen oscilacións, nos 46,8 céntimos no país galo e nos 48,5 no caso italiano, segundo os últimos datos publicados polo Observatorio Lácteo da UE, que reflicte tamén unha tendencia á revalorización dos produtos lácteos industriais.

Larsa anuncia que deixa de recoller leite a varias cooperativas a partir do 1 de abril

Corporación Alimentaria Peñasanta (CAPSA), propietaria das marcas Central Lechera Asturiana e Larsa, que chegou a ser a segunda empresa con máis recollida en Galicia, está a perder peso na comunidade. A planta de Outeiro de Rei, segundo se interpreta no sector, acusa as consecuencias da caída de vendas das primeiras marcas de leite. A empresa vén de anunciarlle a varias cooperativas coas que tiña acordos, entre elas Aira ou ganderías socias da Cooperativa Central de Frades, a redución da recollida a partir do 1 de abril.
Naturleite e o Grupo Lence aumentaron a recollida nos últimos meses
Nas renovacións levadas a cabo en decembro non houbera grandes movementos de granxas entre industrias e o máis salientable foi o abandono por parte de Nestlé doutras dúas rutas en Galicia. A multinacional suíza xa se vira obrigada a facer o mesmo na primavera pasada, ao igual que lle pasou a Pascual, outra das empresas que se están a ver afectadas pola caída da demanda de produtos de alta gama no mercado. Transvase cara a marca branca Pola contra, o leite de marca branca segue a gañar cota de mercado en España. Favorecidas pola inflación, as marcas de distribución levan meses comendo terreo ás primeiras marcas das industrias lácteas.  
O brick segue ao mesmo prezo no supermercado pero as primeiras marcas están a sufrir
Mercadona, a cadea de supermercados que máis leite vende, controla arredor dun terzo do mercado de leite líquido e segue ampliando a súa necesidade de subministro, o que está a obrigar á compañía propiedade de Juan Roig a reforzar a súa cadea de proveedores.

O sector lácteo aumenta en 2023 a súa rendibilidade grazas ao incremento do prezo medio en orixe nun 22% e á baixada dos principais insumos

A renda agraria española alcanzará este ano os 31.931 millóns de euros, o que supón un incremento do 11,1% con respecto a 2022, segundo a primeira estimación das principais cifras macroeconómicas elaborada polo Ministerio de Agricultura. Neste exercicio, a produción da rama agraria, que engloba a produción vexetal e a produción animal, rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022. O aumento do valor da produción e da renda agraria fundaméntase principalmente na subida dos prezos e no descenso dos custos tralos máximos rexistrados en 2022.
A suma de agricultura e gandería rexistra un valor récord de 65.081 millóns de euros, un 3,3% máis que en 2022
Ese aumento global reflicte, sen embargo, un comportamento moi diferente entre sectores, o que responde “á gran variedade de producións españolas”, destaca o Ministerio, entre as que se constatan este ano descensos importantes nas que foron máis golpeadas pola seca. En termos xerais, o factor prezo e a redución dos insumos compensou os descensos de volumes, que foron moi acusados nalgúns sectores como os cereais. A renda agraria en termos correntes por unidade de traballo anual (UTA) aumentou un 16,9 % ata alcanzar os 39.535 euros. Produción animal A produción animal alcanza o seu valor récord de 27.685 millóns de euros debido exclusivamente a un aumento dos seus prezos (+16,3%), xa que a cantidade producida descende respecto ao ano anterior (-2,5%). Destaca o porcino (+16,3%) e as aves (+6%), así como o leite (+21,1%) e os ovos (32,2%). No sector lácteo destaca o importante incremento medio do prezo do leite en orixe no conxunto do ano (un 22,4%), a pesar dos descensos de entorno ao 10% aplicados pola maioría das industrias na primavera. A produción total española, con todo, pechará este exercicio cun descenso do 1,1%, malia o incremento de produción rexistrado en Galicia. Insumos O aumento de rendibilidade das explotacións lácteas viuse favorecido, ademais de polo incremento no prezo de venda, polo descenso dalgúns dos principais custos de produción, Este comportamento vén determinado principalmente polos pensos (-1,3 %), a enerxía e combustibles (-31,9%) e os fertilizantes (-27,4%). Pola contra, este ano incrementouse o prezo das sementes un 10,3%, dos produtos fitosanitarios (1,1%), dos gastos veterinarios (2,2%), dos servizos agrarios (5,9%), así como os derivados do mantemento de maquinaria e edificios.
Os consumos intermedios sitúanse en 32.155 millóns de euros, o que supón un descenso dun 4,6% respecto ao máximo histórico que rexistraron en 2022
Os consumos intermedios, entre os que se atopan o gasto en sementes, enerxía, pensos, fertilizantes ou fitosanitarios, rexistran no conxunto de España un descenso en valor (-4,6% respecto á cifra récord de 2022) e alcanza os 32.155 millóns de euros. O descenso de prezos foi do 5,3% e a cantidade utilizada aumentou un 0,7%.

Descende á metade a renda da produción de cereais debido á seca e á caída nas cotizacións

A produción vexetal descendeu un 3,4% en valor, ata os 35.741 millóns de euros, debido á diminución das cantidades producidas (-11,7%), nun ano marcado por unha primavera inusualmente seca e cálida no conxunto de España. O recorte de volumes non se viu compensado polo aumento dos prezos percibidos polos agricultores (9,4%). Os datos poñen de manifesto os efectos das adversidades climáticas nalgunhas das producións. Os cereais sofren un importante descenso dun 50% en valor, froito tanto da seca, que fixo reducirse a súa colleita (-34,7%), que se sumou ao descenso dos prezos (-23,7%), tras un ano 2022 no que as cotizacións foron extraordinariamente altas debido aos efectos da guerra de Ucraína.
A colleita de aceite de oliva descendeu un 58% pero viuse compensada cunha suba de prezos do 70%
Así mesmo, foi notable o descenso do aceite de oliva (-29,4% en valor na campaña 2022-2023), debido á súa escasa colleita (-58,6%), pero neste casi si que se viu compensada en gran medida cun significativo incremento de prezos (70,7%). Tamén se reduciu o valor da produción de viño e mosto (-20%), fundamentalmente pola curta vendima rexistrada. Neste exercicio destacou o comportamento positivo do grupo das froitas, cuxo valor subiu un 16,9%, e hortalizas, que crecen un 8,8%.

Críticas ó novo contrato de Leite Río para as granxas a partir de decembro

A escasa estabilidade e alta incertidume coa que se moven os contratos do leite nos últimos meses deixan escenas como a que afecta a Leche Río e a Celta. Con contratos asinados para novembro e decembro con baixadas de prezo, ambas industrias tiveron que rectificar os acordos e presentarlle xa novos contratos ás granxas, con recuperación de prezos, para non quedar fóra de mercado. Só que no caso de Río, esa recuperación é incompleta, segundo advirte Unións Agrarias. A organización agraria amósase molesta de que a industria lucense declare nos medios de comunicación que está a revalorizar os prezos no campo, “cando logo a realidade das liquidacións que lle pasa ás granxas é distinta”, cuestiona Unións. “Río baixara 3 céntimos no contrato de novembro, pero nas últimas semanas comprometeuse coas granxas a non aplicar esa baixada. Despois comunicou que tiña que facela -ao estar os contratos na AICA-, pero que ía compensar a baixada de novembro coa recuperación do prezo (de outubro) a partir de decembro, ao que se lle sumarían 0,50 céntimos adicionais de decembro a marzo”, explica Óscar Pose, de Unións Agrarias. “A realidade, en cambio, é que a partir de decembro só recupera 2 dos 3 céntimos de baixada, co que en realidade hai unha baixada dun céntimo” - cuestiona Unións Agrarias-. “Recupéranse só 2 céntimos e si que é certo que se engade un complemento de 0,50 céntimos para compensar a baixada de novembro, pero estariamos 1 céntimo por debaixo de outubro. Non se pode dicir nos medios e ante o presidente da Xunta que vas facer unha cousa, e logo coas granxas a contraria”, critica. Desde Unións Agrarias valoran unha campaña de denuncia pública contra Río e felicitan ás industrias “que si se comprometeron de forma seria a manter as cotizacións”. https://www.campogalego.gal/os-prezos-leite-mantenense-ata-marzo-ante-o-medo-aos-efectos-da-ehe-sobre-producion-en-2024/

Os prezos do leite mantéñense ata marzo ante o medo aos efectos da EHE sobre a produción en 2024

Mantense a actual perspectiva de estabilidade nos prezos de compra do leite para os vindeiros meses, cando menos até a renovación de primavera. As empresas con recollida en Galicia estiran os seus contratos actuais até o 31 de marzo sen reducións significativas no prezo base e nos demais complementos.  O mantemento dos prezos máis aló do mes de decembro permite ás ganderías pechar un bo ano, no que o prezo medio dos 12 meses se sitúa por enriba do de 2022 e no que insumos como o penso ou os fertilizantes reduciron o seu custo. Encárase así o comezo de 2024 sen ameazas de baixadas inminentes no prezo do leite e despois de que as anunciadas para este outono non se teñan consumado. As dúas industrias con maior volume de entregas neste momento na comunidade, a multinacional francesa Lactalis e a compañía lucense Leite Río, están a competir entre si por contratos de subministro a grandes superficies e míranse de reollo tamén á hora de comprar a materia prima.
Lactalis e Leite Río míranse de reollo nas ofertas ás grandes superficies e ás ganderías
As dúas buscan incrementar os litros comprados e envasados, o que está a tirar dos prezos no campo. No caso do Grupo Lence, ten previsto poñer en marcha de cara ao vindeiro ano unha nova liña de envasado na súa planta Ceao II, que estaría destinada a brick e que se sumaría ás xa existentes para leite, nata e batidos. Lactalis mantén prezos e arrastra ás demais Lactalis mantén o prezo actual (o establecido no contrato do mes de agosto) até marzo, cun novo contrato continuista de catro meses. A multinacional francesa prescinde do complemento empresarial e mantén o prezo base en 44 céntimos, ao que se engadirían as primas de benestar (de 1 a 1,2 céntimos), pastoreo (1 céntimo) e dobre AA (1 céntimo con menos de 25.000 xermes e 240.000 células).
Lactalis paga máis os sólidos que Leite Río, a súa principal competidora neste momento, tras subir a 0,4 céntimos a décima de graxa no anterior contrato
En canto ás calidades, a multinacional francesa subiu a décima de graxa a 0,4 céntimos no anterior contrato e mantén en 0,3 a de proteína. A prima de volume inclúe 8 tramos, cun máximo de 3 céntimos: 3 céntimos no caso de granxas de máis de 200.000 litros; 2,7 entre 150.000 e 200.000; 2,5 entre 100.000 e 150.000; 2 entre 75.000 e 100.000; 1,7 entre 50.000 e 75.000; 1,2 entre 35.000 e 50.000 e 0,5 entre 20.000 e 35.000). Deste xeito, o prezo final, no mellor dos casos, quedaría no entorno dos 49 céntimos. Lence e Celta reaccionan tras quedar descolgadas O Grupo Lence, que asinara por dous meses (novembro e decembro) cunha baixada de entre 2 e 3 céntimos, reaccionou asinando un novo contrato nas explotacións, que entraría xa en vigor no mes de decembro e co que recúa na rebaixa aplicada (que se mantería, iso si, no leite entregado en novembro por estar xa o contrato rexistrado na AICA). O descontento pola baixada aplicada é evidente nalgunha das súas granxas, o que levou á empresa propietaria de Río e Leyma a negociar os prezos do novo contrato de maneira máis individualizada e a recuperar de novo a prima de fidelidade para incrementar o prezo e compensar ás explotacións.
O Grupo Lence racha o contrato do mes de decembro e recupera a prima de fidelidade para subir o prezo ás explotacións
O prezo base mantense nos 43,7 céntimos de novembro,  ao que habería que engadir as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar (0,01 céntimos), bacterioloxía (a super A de Lence sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos) e volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos). A prima de fidelidade, que a empresa volve recuperar no contrato, fai que o prezo final do Grupo Lence até marzo varíe, en función da granxa, entre os 46 céntimos no caso das ganderías máis pequenas e os 48,5 céntimos en casos de explotacións grandes ou grupos de ganderías que negocian en conxunto. O prezo final de decembro a marzo inclúe medio céntimo para compensar a baixada aplicada en novembro, polo que no cómputo global dos 5 meses Lence estaría baixando o prezo do leite para as 356 explotacións que entregan a Leyma e Río medio céntimo.
Celta ofrece un céntimo máis en xaneiro, febreiro e marzo para compensar a baixada de céntimo e medio de novembro e decembro
A mesma estratexia de compensar a baixada no leite do primeiro trimestre está a seguir Leche Celta, a outra empresa que quedou descolgada nos prezos por ter asinado tamén un mes antes cas demais. A planta de Pontedeume non variaría o contrato asinado, que recolle unha baixada de 1,5 céntimos para novembro e decembro, pero está a ofrecer ás súas ganderías recuperar estas cantidades nos meses de xaneiro, febreiro e marzo, nos que pagaría un céntimo por enriba do prezo de outubro, antes de ter aplicado a rebaixa, co que o prezo resultante para o primeiro trimestre de 2024 no caso das granxas de Lactogal moveríase no entorno dos 48 céntimos, quedando aínda medio céntimo máis baixo que Lence e un por debaixo de Lactalis.
Reny Picot segue sendo unha das empresas que mantén prezos máis desiguais no campo
Empresas como a catalana TGT, que aplicara unha baixada de 3 céntimos en novembro, ou Queserías Sarrianas, que baixou 2, poderían verse tamén obrigadas a dar marcha atrás de cara ao mes de xaneiro, mentres no caso de Reny Picot, segue sendo unha das empresas que mantén prezos máis desiguais no campo, con máis de 5 céntimos de diferenza entre unhas granxas e outras. O prezo base de renovación sitúase en 43 céntimos logo de ter baixado un céntimo o mes pasado á maioría de explotacións, pero a empresa asturiana aplica despois unha serie de pluses moi dispares que permiten recuperar o prezo final a algunhas delas.  Pugna entre as industrias do brick para captar clientes Segue a ser un bo momento para as industrias centradas en envasar leite líquido, que son as que están a pugnar por novos clientes. Os prezos do leite nos supermercados seguen manténdose en niveis elevados e o anuncio do Goberno de prorrogar até xuño de 2024 a rebaixa ao 0% no tipo de IVE aplicado aos produtos lácteos podería contribuir a manter o consumo. Pero a intención dalgunha cadea de distribución de volver ao sistema de poxa para as compras de leite ameaza con reducir as marxes das industrias envasadoras e tirar do prezo do leite en orixe cara abaixo.
O risco de volver ao sistema de poxas na distribución reduciría as marxes das industrias envasadoras e tiraría do prezo do leite en orixe cara abaixo
A cooperativa Clun, por exemplo, vese obrigada en ocasións a facer ofertas agresivas na súa marca branca para dar saída a excedentes, o que desestabiliza aos seus competidores: Iberleche (Celta), Lactalis e Grupo Lence, tres da industrias que máis marca branca envasan en Galicia neste momento. No caso das empresas que traballan en exclusiva cunha única cadea, caso de Naturleite ou Entrepinares, non dependen tanto destas subastas puntuais, pero eses movementos á baixa acaban tamén producindo un efecto contaxio en todo o sector.
Entrepinares mantén o prezo en decembro e xaneiro e baixa un céntimo en febreiro e marzo
Entrepinares, que deixou algunha granxa por discrepancias, asinou por catro meses, mantendo o prezo base en 49 céntimos en decembro e xaneiro e baixando a 48 nos meses de febreiro e marzo, á espera de que as cotizacións do queixo e do soro en po melloren para recuperar o volumen de crecemento que mantivo a planta de Vilalba desde a súa creación. Naturleite, proveedora tamén de Mercadona e que vén de mercar a fábrica de Meira de Cereais Rego, nunha estratexia de diversificación pola que leva anos apostando a súa matriz, a cooperativa cordobesa COVAP, asinou contrato de momento só por dous meses, decembro e xaneiro, a un prezo base de 46 céntimos, aos que se sumarían 0,5 céntimos por benestar, 0,5 por boas prácticas medioambientais y 1 por calidade hixiénico-sanitaria AA (aínda que Naturleite penaliza as células e a baterioloxía por mostra diaria en vez de facelo pola media mensual).  Cambios para 2024 na tendencia aos contratos a curto prazo A totalidade das industrias, agás Inleit, que asinou por un ano en primavera, apostaron en 2023 por ir facendo contratos ponte de pouca duración, de 2, 3 e 4 meses, por medo ás incertas perspectivas futuras. Esta estratexia obriga ás industrias a estar revisando e renegociando constantemente pero minimiza os riscos ante unha caída brusca, aínda que non evita quedar momentáneamente fóra de mercado, como lles aconteceu a Celta e Río na última sinatura de contratos en outubro.
Agárdase un alongamento da duración dos contratos de primavera para garantir os volumes de recollida ante o risco que supón a EHE
Agárdase que as industrias opten por alongar un pouco a duración dos contratos na primavera, para evitar o desgaste de estar cada poucas semanas renegociando coas súas granxas provedoras para manter os volumes de recollida, que se poderían ver comprometidos o vindeiro ano como consecuencia da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica. Á espera desa renovación xeral de contratos en marzo, en xaneiro volverá haber pequenos movementos no mercado do leite en Galicia, xa que a comezos de ano quedan libres algunhas das explotacións afectadas polas rutas que deixan de recoller Pascual e Nestlé na provincia da Coruña, polo que é probable que volva haber certa disputa entre Lactalis e Río por facerse con algunha delas, igual que pasou estes días no caso da que deixa Entrepinares.
Larsa deixará de recoller en xaneiro a varias pequenas ganderías na Mariña
Se o panorama actual de demanda de leite non cambia de cara á primavera, as explotacións que estean situadas en zonas onde operan o resto de empresas non terían dificultades para atopar novo comprador. O problema atópano granxas de pequeno tamaño situadas en zonas máis illadas ou alonxadas das principais rutas de recollida. É o caso de cando menos tres granxas de Larsa na Mariña, na zona de Foz e O Valadouro, que non teñen polo momento quen lles recolla o leite a partir do 1 de xaneiro. Este tipo de ganderías teñen cada vez menos opcións de entrega e un diferencial de prezo maior.

Prezo medio anual 8 céntimos superior a 2022 e aumento das diferenzas entre comunidades

O 2023 comportouse de xeito moi volátil, con redución de prezo na primeira metade do ano (de febreiro a agosto) e mantemento do prezo de compra sen apenas variacións a partir de entón. O prezo medio final do ano estará en torno aos 54,5 céntimos en España e 52,3 en Galicia, uns 8 céntimos por enriba da media de todo o ano 2022: 46,6 céntimos no conxunto das 17 comunidades e 45,4 en Galicia.
España segue mantendo prezos medios superiores aos europeos: 6,5 céntimos máis en outubro
Dentro de España, Galicia segue a ter un diferencial negativo con respecto a outras comunidades veciñas: 5,3 céntimos en setembro con respecto a Asturias e 4,9 con respecto a Castela e León. Algunhas das industrias que mercan tanto en Galicia como nesas outras comunidades (caso de COVAP ou CAPSA) comprometéronse a ir reducindo esa diferenza de prezo, que ao longo deste ano se foi incrementando. A suba da manteiga reflota o contrato de Larsa No caso da asturiana CAPSA, en Galicia ofrece aos gandeiros de Larsa manter as condicións actuais, as asinadas en agosto, cun novo contrato de catro meses de duración até marzo co 70% do leite a 50 céntimos de prezo base e o outro 30% vinculado á súa habitual fórmula de manteiga e leite en po, dous produtos industriais que están a repuntar nas últimas semanas, sobre todo a manteiga, o que eleva o prezo variable do 30% do leite dos 32 aos case 38 céntimos e deixa o prezo base medio total en 46,3 céntimos neste momento.  
Larsa opta por alongar tamén o contrato de agosto até o 31 de marzo
No caso de contar con calidade hixiénico-sanitaria extra, que se move no caso de Larsa en parámetros esixentes por debaixo de 190.000 células e 25.000 xermes, difíciles de lograr durante os meses de verán, supón 1,5 céntimos a maiores (medio céntimo no tramo de menos de 50.000 xermes en bacterioloxía e 250.000 células somáticas). En canto ás primas por volume, nas granxas de máis de 250.000 litros ao mes supoñen 4,5 céntimos, o que deixaría o prezo final en decembro rozando os 51 céntimos. No caso das ganderías máis pequenas, compensan normalmente unha prima por volume moito máis baixa coa prima de 1,5 céntimos de pastoreo. Os sólidos páganse a 0,3 céntimos a décima de graxa e proteína.
A suba da cotización internacional da manteiga nas últimas semanas permite a Larsa ofrecer prezos máis atractivos para os vindeiros meses
Mentres, a matriz do grupo pagou aos seus gandeiros socios en Asturias a 58,5 céntimos en setembro e a 57,5 en outubro, sempre que se consuman os distintos produtos e servizos que ofrece a cooperativa a través de ASA, como a compra do penso, os carros mesturadores para facer a ración ou os servizos veterinarios e de nutrición.
Central Lechera Asturiana conta en Asturias con pouco máis de 900 ganderías con entregas de leite e prevé o peche de máis de 150 granxas en 2024 
O sobreprezo existente con respecto aos produtores non socios en Galicia trata de manter con vida un sector que agoniza, xa que Central Lechera Asturiana está a sufrir un goteo constante de peche de granxas (entre 8 e 10 ao mes) e prevé para o vindeiro ano uns 160 abandonos, debido á elevada media de idade dos seus socios.

Reunión de Medio Rural coas cadeas de distribución sobre o sector lácteo

O conselleiro do Medio Rural, José González, avoga por unha estabilidade nos prezos do leite, que lle garanta aos gandeiros cubrir os custos de produción e obter unha marxe de beneficio. O titular de Medio Rural manifestou esta postura durante unha reunión con representantes da distribución alimentaria con presenza en Galicia. En dita reunión estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Esta xuntanza forma parte da rolda de contactos que mantén periodicamente o Goberno galego con todos os axentes sectoriais. Segundo explicou González, trátase de impulsar este eido produtivo clave do rural galego, co fin de garantir o seu futuro e a remuda xeracional nas explotacións. Ademais, destacou que con este encontro péchase o ciclo de reunións sectoriais, tras as mantidas con representantes das organizacións profesionais agrarias e da industria. Nesta liña, o conselleiro insistiu na idea de que sen gandeiros non hai industria nin distribución. Por iso, concluíu -tal e como sinalou este mesmo martes nunha visita a Carrefour- que é preciso apostar por un prezo axeitado para os consumidores finais, pero tamén cómpre traballar por un prezo adecuado para os gandeiros e para a industria. Engadiu que neste intre “non pode haber ningunha baixada de prezos do leite, para non entrar nunha situación de venda a perdas” por parte dos gandeiros, que ademais “legalmente non se pode consentir”, remarcou. E reiterou que a Xunta quere “ir da man” de toda a cadea de valor do leite (gandeiros, industria e distribución) para conseguir ese obxectivo de estabilidade nos prezos.

Estabilidade nos prezos do leite até final de ano

A maioría de granxas galegas comerán o turrón sen sufrir baixadas importantes no prezo do leite. Malia as ameazas iniciais aos produtores dun novo descenso de entre 2 e 3 céntimos (sería o terceiro este ano tralos sufridos en marzo e agosto), semella que en moitos casos esta baixada no prezo do leite en orixe non se vai chegar a producir de momento ou será mínima. Empresas cun importante volume de recollida en Galicia, como Lactalis, Grupo Lence e Naturleite, dan marcha atrás da súa intención inicial (explicitada hai un mes na presentación das ofertas de renovación enviadas ás explotacións) e manterán os contratos até final de ano.
Celta e Río renovaron contratos o 1 de novembro e Lactalis, Larsa, Entrepinares, Naturleite ou Reny Picot farano o mes que vén
O prezo para novembro e decembro resiste deste xeito no entorno dos 48 céntimos, o que fai que a media de todo o ano sexa superior á do 2022, cando o leite no campo chegou aos 60 céntimos unicamente no último trimestre pero acadou prezos sensiblemente inferiores no primeiro treito da campaña. Empresas ás que lle sobra leite A actual espiral inflacionaria e de suba de tipos de interese está provocando cambios nos hábitos de consumo das familias, que dispoñen dun menor poder adquisitivo e estanse a mover cara a produtos de marca branca e menor prezo. Isto está a afectar negativamente a empresas como Pascual ou Nestlé que se viron obrigadas a reducir o seu volumen de recollida en Galicia pola caída na demanda de produtos de gama alta.
Pascual deixou dúas rutas e Nestlé outras dúas. As ganderías prexudicadas excedían o volumen de entregas por estaren medrando
No caso de Pascual, a empresa con sede en Aranda de Duero (Burgos) deixou dúas rutas en Galicia, cun volume próximo aos 30.000 litros diarios, mentres que a multinacional suíza Nestlé comunicou a distintas explotacións a súa intención de abandonar a partir do 1 de xaneiro outras dúas rutas en Galicia (uns 25.000 litros diarios). Trataríase dunha nova perda de materia prima por parte da planta de Pontecesures, que deixou de recoller esta primavera outros 25.000 litros diarios á cooperativa de Ordes e que foron parar a Río e Lactalis. As ganderías afectadas serían sobre todo granxas que están a medrar moito en volume, nalgúns casos por contar con relevo xeracional e estar facendo investimentos en ampliar as súas instalacións. Lactalis e Naturleite manteñen prezos No outro lado da balanza están empresas como Naturleite, que envasa para a cadea Mercadona e que se está a ver beneficiada polo incremento de consumo de leite de marca branca. De feito, a planta de Meira xa colleu a tres das granxas que soltou Pascual.   A cooperativa andaluza COVAP, propietaria de Naturleite, é unha das industrias que está a pagar máis o leite fóra de Galicia, en concreto en Castela e León a través de Lactiber, ao igual que fai CAPSA con Central Lechera Asturiana e Larsa. Esta diferenza, que acostumaba ser de 2-3 céntimos, medrou até os 4-5 céntimos, o que levou á Xunta a dar un toque de atención ás empresas que operan na comunidade. Algunhas delas, como a propia Naturleite, comprometéronse a reducir ese diferencial e a primeira decisión da planta de Meira nesta liña foi a de manter o prezo do leite en Galicia para decembro e xaneiro en 48 céntimos.
Naturleite aguanta o prezo base para decembro e xaneiro en 48 céntimos
Lactalis tamén está buscando leite (esta primavera perdeu un volumen importante en Andalucía) e visitou a todas as granxas que deixou Pascual e Nestlé en Galicia facéndolles propostas de captación. A compañía propiedade da familia Besnier, con plantas en Nadela e Vilalba, ofrece un prezo base de 44 céntimos, máis 2,5 céntimos de prima de volume ás explotacións máis grandes e 1 céntimo de dobre AA e outro de certificación de benestar animal (1,2 no caso de nivel excelente). É dicir, unha granxa que entregue a Lactalis cobraría un prezo final de 48,5 céntimos no mellor dos casos.
Lactalis ofrece 4 meses, até o 31 de marzo, ao mesmo prezo que o actual contrato
As marcas de fabricante perderon moito mercado este ano. Pola contra, a marca branca segue mantendo un bo prezo no supermercado, o que está a impulsar ao Grupo Lence, que está a centrar a súa estratexia neste segmento, logrando novos clientes aos que envasar leite, o que lle fixo gañar volume de recollida e ser hoxe, tras Lactalis, a segunda industria que máis leite compra en Galicia. O Grupo Lence recúa tras asinar baixadas de 2 e 3 céntimos A propietaria de Leite Río e Leyma asinou contratos de renovación para as súas 300 granxas con data 1 de novembro, ofrecendo tan só dous meses a 43,70 céntimos de prezo base, coa pretensión de baixar dous céntimos á maioría de explotacións (3 no caso das máis grandes), aínda que recuou posteriormente unha vez que Lactalis e Naturleite anunciaron o mantemento de prezos nos seus contratos, chamando esta semana ás ganderías que xa tiñan asinada a rebaixa para anunciarles que daban marcha atrás. A grande diferenza de prezos entre unhas granxas e outras é unha das lousas que está a pesar na empresa lucense, que reduciu de 3 a 2 os tramos da súa prima por volume (1 céntimo para producións entre 40.000 e 60.000 litros ao mes e 2 para as explotacións de máis de 60.000).
Malia o discurso oficial de defender ás pequenas granxas, Leite Río págalles o leite até 5 céntimos menos
O resto de incentivos do Grupo Lence son de inferior cuantía, pois a prima de dobre A equivale só a 1 euro a tonelada (0,001 céntimos por litro) e a certificación Welfare Quality outro tanto. En canto aos sólidos, a empresa paga a décima de proteína por enriba de 3,2% a 3 euros a tonelada, o mesmo que a graxa por enriba de 3,7%, coa salvedade que Río non penaliza a graxa ao mesmo nivel (non o ten en conta até que baixa de 3,5%). A maiores, o Grupo Lence conta cunha prima de fidelización fóra de contrato, que pode chegar até os 4 céntimos, de reparto discrecional e coa que se está a fomentar certa especulación entre as súas granxas provedoras (as de máis volume aguantan até o último momento para asinar, presionando deste xeito á empresa na negociación). Descenso de 1,5 céntimos en Celta Ao igual que o Grupo Lence, Leche Celta tamén foi das primeiras en asinar as renovacións, ao rematar os seus contratos o 31 de outubro. O novo contrato é de dous meses, para novembro e decembro, no que a planta de Pontedeume, pertencente á cooperativa portuguesa Lactogal, baixa 1 céntimo e medio, 1 na base e 0,5 na prima por volume, deixando o prezo final, dependendo da granxa, entre os 44 e os 47 céntimos no mellor dos casos, cando viñan de  prezos de 48,5 no anterior contrato.  
Desde o sindicato UUAA pídese a Celta que manteña os prezos, igual que se comprometeron a facer Lactalis, Naturleite e Lence
O resto de industrias teñen aínda todo este mes para asinar as renovacións, ao finalizar contratos o 30 de novembro. É o caso de Reny Picot, que ten renovación escalonada, pero a maior parte agora. Ao igual que no Grupo Lence, a disparidade de prezos tamén é notable na empresa asturiana, que acostuma retrasar o máis posible a sinatura, até o punto de levar xa a oferta e o contrato xuntos. Tamén Larsa mantén o sixilo na súa proposta aos gandeiros, que se agarda siga vinculada nun 30% ao valor de mercado dos derivados lácteos (manteiga e leite desnatado en po), pagando segundo o prezo do Observatorio europeo do mes en curso. Inleit, en horas baixas Ao igual que lles está a acontecer a Pascual ou a Nestlé, non é un bo momento para empresas como Entrepinares ou Inleit. A actual coxuntura en Europa, con prezos no campo máis baixos, e a situación do mercado internacional, coas cotizacións dos produtos lácteos industriais que non acaban de remontar, castiga ás empresas que elaboran produtos de maior valor engadido. No caso de Inleit, a planta de Teixeiro ten asinados contratos até marzo, xa que foi das poucas industrias que na pasada primavera pechou compras cos seus gandeiros por un ano, apostando por contratos a máis longo prazo pero indexando o prezo de compra do leite ao índice A3 publicado pola Inlac, que acumula neste momento unha caída interanual do 17,7%.
Inleit prometeu ás explotacións corrixir a final de ano en forma de atrasos o diferencial negativo que poida existir con respecto ao prezo medio do Observatorio
O contrato arrincaba en 48 céntimos de prezo base máis 1 céntimo por dobre AA hixiénico-sanitaria e prima por volume (1€ por cada 10.000 litros producidos ata un máximo de 3 céntimos/litro), pero debido aos fortes vaivéns dos produtos industriais e á caída do prezo do leite nos 5 países europeos de referencia, o prezo actual resultante de aplicar o índice A3 estaría por baixo dos 42 céntimos. A compañía de capital español e americano optou por non trasladar esa baixada na súa totalidade ás explotacións que a subministran, malia permitirllo o contrato que ten asinado con elas, pero fixo unha corrección no leite de agosto e setembro de 2,5 céntimos, deixando o prezo base en 45,5.

Entrepinares, castigada pola entrada de queixo barato

Entrepinares, competencia directa de Inleit en Galicia na busca de leite con altas porcentaxes de sólidos, fixo chegar o mes pasado ás súas granxas unha oferta de renovación por un ano (do 1 de decembro de 2023 ao 1 de decembro do 2024) na que tamén vincula o prezo ao índice A3, cun prezo base de 45 céntimos, fronte aos 49 dos contratos actuais. Na maior parte dos casos os gandeiros reciben estas ofertas pero non as aceptan, agardando un mellor prezo nun contrato cun horizonte máis curto. No caso da queixería de Vilalba serían contratos por 4 meses, até marzo e, á vista do prezo fixado por Naturleite, tamén provedora de Mercadona, non se agarda que o novo contrato estea por baixo dos 48 céntimos de prezo base.
O índice A3, que subira en 2022 un 30%, leva unha caída acumulada do 18% este ano
A coxuntura actual de mercado non está a ser de todo favorable para Entrepinares. Ao igual que a caída das vendas de derivados lácteos de proteína a China castigou nos últimos meses a Inleit, a entrada masiva de queixo barato procedente de países europeos como Alemaña, Dinamarca ou Holanda está a prexudicar a produción da planta de Vilalba, que se atopa inmersa nun novo proceso de ampliación para incrementar a súa capacidade prudutiva de queixo mezcla. Entrepinares móvese nunha gama media de prezos para o seu queixo de formatos de 1 kg e cuñas, destinado a supermercado, polo que podería beneficiarse da caída de consumo de queixos de gama alta, como xa aconteceu o ano pasado, no que as súas vendas medraron un 25%, pero, sen embargo, non é capaz de competir neste momento na fabricación de queixo industrial.
Países como Holanda, Alemaña ou Dinamarca están regulando os seus excedentes a través da exportación de queixo barato
A fábrica de Vilalba ten unha parte que está especializada na fabricación de queixo en bloques e conta tamén cunha torre de secado do soro resultante do proceso de fabricación do queixo, pero ningún destes produtos, que se usan para regular os excedentes, é rendible neste momento, xa que o prezo do soro en po segue afundido e os prezos pagados polo leite non permiten competir na fabricación de queixo barato cos países do centro e norte de Europa. Europa segue producindo máis leite que consome (cun incremento de produción dun 2% en Alemaña e dun 3% en Holanda), mentres a economía China non acaba de arrincar, lastrando as importacións. Tanto é así que a neozelandesa Fonterra, unha das principais exportadoras ao país asiático, tivo que refuxiarse este verán no norte de África, con vendas de leite en po a baixo prezo a Alxeria, para cubrir o oco deixado por China, que está ao mesmo tempo a aumentar a súa produción, até alcanzar na actualidade un nivel de autoabastecemento superior ao 75%.

Medio Rural reúnese coas industrias lácteas tralos anuncios de novas baixadas de prezos no campo

O prezo do leite no campo atravesa nos últimos meses unha tendencia á baixa, se ben ese descenso a nivel europeo semella ralentizarse este outono. Con todo, de cara a decembro as industrias anuncian novas baixadas de 2-3 céntimos. Ante este escenario, Medio Rural vén de manter un encontro coas industrias no que lles trasladou a necesidade de apostar por unha estabilidade de prezos a longo prazo, unha liña que entende que beneficiará ó conxunto do sector, granxas e industrias. O conselleiro do Medio Rural, José González, apelou á responsabilidade da industria para garantir unha estabilidade no sector lácteo que propicie a súa sustentabilidade e a remuda xeracional nas explotacións. Segundo explicou o conselleiro, esta reunión forma parte da rolda de contactos que vén mantendo a Xunta con todos os axentes sectoriais. Neste caso, falou da necesidade de trasladar unha serie de mensaxes clave aos compradores de leite en Galicia. En primeiro lugar, José González dixo non compartir, “en absoluto”, as análises da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), que sinalaron aos prezos actuais do produto en orixe como un suposto lastre da competitividade da industria. Fronte a isto, asegurou que o que verdadeiramente lastraría ao sector lácteo sería a escaseza de gandeiros e de produto. Un prezo do leite que cubra os custos de produción e a rendibilidade necesaria é fundamental, remarcou o conselleiro, “porque os gandeiros son como calquera outro empresario”. González referiuse tamén á importancia dunha estabilidade dos prezos a longo prazo. Advertiu que dita estabilidade en prezos e beneficios é esencial para asegurar a sustentabilidade do lácteo e para garantir a remuda xeracional no agro galego. Algo que -dixo- se lle traslada unha vez máis á industria, para insistir en que só cun reparto equitativo dos beneficios entre todos os axentes é posible asegurar esa estabilidade. Rendibilidade das explotacións Por todo isto, o titular de Medio Rural fixo de novo unha chamada á responsabilidade e á unión de todos os axentes -gandeiros, distribución e industria-, definindo ese acordo de fondo como clave para garantir a sustentabilidade do sector. Neste mesmo sentido, invitou á Organización Interprofesional Láctea (Inlac) a elaborar unha campaña publicitaria para fomentar o consumo de leite con orixe español, “leite que defenda os intereses dos nosos gandeiros”. O conselleiro puxo hoxe en valor o feito de que o lácteo galego non deixa de medrar en produción nos últimos anos, amosando unha extraordinaria profesionalidade e competitividade. Así, indicou, Galicia conta con explotacións cada vez máis competitivas, concentradas e de maior tamaño, sendo a CCAA española na que máis medrou a produción.

A UE calcula que a produción de leite manterase estable no 2024, con boa evolución do mercado

A Comisión Europea lanzou un estudo sobre as perspectivas a curto prazo para os mercados agrícolas da UE no 2023 e 2024. Estas perspectivas teñen en conta a información macroeconómica máis recente e a evolución e expectativas dos mercados nacionais e internacionais. No sector lácteo, a principal conclusión é que espérase que a produción se manteña estable no 2024, cunha boa evolución do mercado. Se ben os prezos do leite cru na UE non deixaron de baixar desde principios de ano, as entregas de leite mantéñense bastante estables, con perspectivas dun lixeiro descenso no segundo semestre, co que se pecharía o ano cun + 0,3 % en comparación co ano pasado. As condicións meteorolóxicas foron máis favorables que no 2022, o que axudou a reducir os custos de alimentación e contribuíu a unha mellor calidade dos silos. Esa mellora da alimentación axudou a aumentar o contido de sólidos lácteos do leite (+0,2 %) e apoia un incremento do 1 % no rendemento lácteo. A mellora do rendemento lácteo por vaca fai que a penas se estea a notar a baixada de cabana gandeira que houbo este ano, motivada polo descenso de prezos do leite e o aumento dos insumos. A baixada da cabana podería rondar o -0,6 %, pero a produción manterase máis alta que o ano pasado. As entregas de leite na UE foron un 0,7 % superiores entre xaneiro e xullo, en comparación co mesmo período de 2022, cunha evolución moi dispar entre países, e calcúlase que o ano rematará cun +0,3 %. Para o 2024, prevese que a oferta de leite da UE se manteña relativamente estable (+0,2 % interanual). Neste contexto, os altos custos da enerxía e dos fertilizantes, combinados coa diminución dos prezos do leite cru, a inflación alta na UE e en todo o mundo, e o aumento dos tipos de interese crean incerteza sobre as marxes dos produtores de leite en 2024. O informe da UE evitou facer pronósticos sobre os prezos do leite, pero o debuxo que fai da situación é de estabilidade, xa que as entregas de leite estanse moderando e percíbese unha tendencia de mellora do mercado internacional. O estudo sinala que a demanda mundial de produtos lácteos segue sendo relativamente escasa, cun mal comportamento do mercado chino, pero espérase que o descenso dos prezos dos produtos lácteos na UE, unido a unha alta dispoñibilidade de leite, favoreza a recuperación dalgunhas exportacións, especialmente de leite en po (+15%) e tamén de queixo (+1,5 %) e de soro de leite (+4,5 %). Entre tanto, o consumo interno rematará este 2023 con estabilidade, segundo a previsión da UE, que sinala que categorías como leite líquido e nata mesmo poden rematar o ano cun aumento de vendas (+ 0,7%) polo menor prezo dos lácteos en comparación coa inflación das carnes. Nese aumento de vendas, hai que ter en conta tamén un trasvase das primeiras marcas cara as marcas brancas, máis económicas e cun aumento da demanda por parte dos consumidores. Altas demandas de queixo A produción de queixo da UE segue sendo a opción preferida na transformación do leite tamén no 2023. En consecuencia, a súa produción podería aumentar un 1 %. Isto, apoiado polos competitivos prezos de exportación da UE, podería contribuír ao crecemento das exportacións da UE (+1,5 %), mentres que o consumo interno (-6 %) probablemente seguirá limitado polas presións inflacionistas, que tamén afectarán as importacións, en particular de queixos de calidade superior. Tamén se espera que a produción de soro de leite da UE creza máis no 2023 (+1,2 %). Isto débese ao aumento das exportacións da UE grazas á recuperación da demanda en China, mentres que o consumo interno podería baixar. Pola súa banda, se ben a produción de leite desnatada en po da UE diminuíu lixeiramente entre xaneiro e xullo (en termos interanuais), as exportacións rexistraron unha forte recuperación, apoiadas principalmente pola forte demanda de Arabia Saudita e Marrocos.

Descenso no consumo de carne de porcino e vacún, suba na avícola

O informe da Comisión Europea aborda tamén o consumo de carne, que se prevé que caía un 1,5 % no 2023, debido á inflación dos prezos e a unha menor oferta no mercado. Por especies, espérase que a produción de carne de vacún da UE siga diminuíndo no presente ano nun -3,1 %, debido a un axuste estrutural no sector da carne de vacún polas baixas marxes. As importacións da UE poderían descender debido á baixa produción en Reino Unido. Así mesmo, as exportacións da UE seguen combatendo cos altos prezos internos. En canto á produción porcina, cómpre destacar que tamén está á baixa. Unha cabana reprodutora máis pequena, así como a peste porcina africana (PPA) provocan un descenso dun 6,6 % no 2023, a pesar da baixada dos prezos dos pensos. A demanda interna sostida e a menor demanda de China frean as exportacións da UE nun 16 % no 2023. Pola contra, a produción avícola da UE podería beneficiarse dunha recuperación do 3,3 % en 2023 por ser unha das proteínas animais máis baratas dispoñibles. Doutra banda, os prezos das aves de curral da UE restan competitividade ás exportacións. Por último, a cabana ovina da UE, historicamente baixa, fai que os sacrificios descendan un -1,8 % en 2023. A demanda sostida e os altos prezos internos favorecen máis importacións de Nova Zelandia e Reino Unido (+15 % en 2023).

Resposta de Agromuralla á FENIL: “Os que arruinan ás industrias lácteas son os seus directivos, non os gandeiros”

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla considera "intolerables e inaceptables" as declaracións do secretario xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas, Luis Calabozo, culpando ao prezo do leite en orixe da perda de competitividade do sector lácteo en España. 

Para o presidente de Agromuralla, José Luis Pérez Barreiro, con este tipo de declaracións "as industrias tratan de poñer aos consumidores en contra dos gandeiros que producimos o leite, acusándonos de ser os culpables do encarecemento da cesta da compra, cando a realidade é que este ano baixáronnos un 20% o prezo que nos pagan polo leite aos produtores sen que baixara nada nos supermercados". 

Para producir necesitamos estabilidade nos prezos, porque unha xata non se cría en 5 meses nin un establo se paga nun ano

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Segundo denuncia Agromuralla, "as industrias lácteas teñen en marcha neste momento un complot para baixar o leite aos gandeiros" e contan "coa connivencia das Administracións públicas", pois "nin a Xunta nin o Ministerio están a mover un dedo en favor dos produtores, permitindo baixadas unilaterais impostas polas industrias e que incumpren a Lei da Cadea Alimentaria". 

"As empresas queren facerse ricas a costa dos produtores", denuncia Pérez Barreiro, que acusa á FENIL de propoñer "un sector lácteo terceiromundista para España, onde as industrias obteñan os seus beneficios a base de comprar a materia prima barata". 

As empresas queren un sector lácteo terceiromundista para España, onde as industrias obteñan os seus beneficios a base de comprar a materia prima barata

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

"Tanto as industrias como as cadeas de supermercados están a presentar as súas contas do ano pasado con datos de facturación récord en todos os casos", lembra o presidente de Agromuralla, que di que "os que arruinan as empresas lácteas non son os gandeiros senón os seus directivos".  

Cinismo coas importacións

José Luis Pérez Barreiro acusa tamén ás industrias de "cinismo" a respecto das importacións de leite, queixo e outros produtos lácteos. "As industrias son as principais culpables de que España sexa deficititaria en leite e son as primeiras en mercar fóra; de feito agora están a baixarnos o leite aos gandeiros en España porque prefiren traer leite e queixos baratos doutros países", di. 

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80038" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar unha cuarta parte dos produtos lácteos que consume; é normal que aquí se pague máis polo leite que noutros países

Agromuralla considera normal que o prezo do leite en España sexa superior ao doutros países da UE que son excedentarios, caso de Alemaña, Francia ou Holanda e  lembra que "España é un país deficitario en produción de leite que se ve obrigado a mercar máis dunha cuarta parte dos produtos lácteos que consume". 

A produción total española é uns 7,3 millóns de toneladas e as importacións supoñen 2 millóns de toneladas máis, polo que "o prezo que se paga aos gandeiros debería reflectir esa realidade", argumenta Pérez Barreiro. 

"Os custos de produción das granxas seguen aumentando pola adaptación ás novas normativas"

Mentres os ingresos das granxas seguen baixando, logo de tres descensos no prezo do leite no que vai de ano, os custos de produción das explotacións non deixan de aumentar.

"O prezo do gasóleo para a actual campaña de ensilado do millo e sementeira das pradeiras disparouse até 1,30 euros o litro, as sementes multiplicaron o prezo, a palla segue polas nubes e a electricidade está volvendo a subir", enumera o presidente de Agromuralla, que pide que os contratos de compra do leite se referencien aos custos das granxas. 

O Caderno Dixital, a nova PAC ou a adaptación das cisternas de purín supoñen un encarecemento do que custa producir cada litro de leite que non se compensa vía prezo

Ademais do encarecemento dos insumos básicos, a adaptación aos requisitos da nova PAC e a entrada en vigor de normativas en materia materia de medio ambiente, benestar animal e dixitalización requiren investimentos aos produtores.  

"A adopción do Caderno Dixital ou a modificación das cisternas de purín para cumprir co Real Decreto de fertilización supón un encarecemento do que custa producir un litro de leite, sen que neste momento eses custos se vexan compensados vía prezo", asegura. 

Se os prezos seguen baixando camiñamos cara un novo desabastecemento polo peche masivo de granxas

Por iso, Pérez Barreiro apela á responsabilidade das empresas compradoras para garantir o relevo xeracional e o mantemento do sector produtor, porque, asegura, "se as granxas volvemos de novo aos números vermellos caerá a produción e pecharán máis explotacións". 

"Imos novamente camiño do desabastecemento, porque unha xata non se cría en 5 meses nin un establo se paga nun ano; necesitamos estabilidade de prezos e rendibilidade", defende.