Archives

Últimas cotizacións dos produtos lácteos na EU: Subas da manteiga e do leite desnatado en po

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións desta última semana de febreiro dos produtos lácteos. Con respecto á pasada semana, destacan as subas da manteiga e do leite desnatado en po e, en menor medida, do leite en po enteiro e do queixo cheddar. En concreto, no territorio da UE as cotizacións desta última semana de xaneiro para os produtos lácteos son as seguintes: -Manteiga: 557 €/100 kg, +2,9 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 254 €/100 kg, +1,4 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 363 €/100 kg, +0.5 % ,, -Queixo cheddar: 361 € /100 kg +0,3% Evolución de prezos dentro da Unión Europea. / Fonte: Unión Europea Polo demáis, o prezo do leite spot en Italia sofre unha lixeira baixada respecto á semana pasada e queda nos 0,45 euros o litro. En canto á situación do mercado internacional, Nova Zelandia é máis competitiva en prezos de manteiga e leite enteiro en po, mentres que Estados Unidos ten os menores prezos da manteiga, queixo e leite en po desnatado. Situación comparativa do mercado internacional. / Fonte: Unión Europea

Descarga aquí o informe completo do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

Subas nos prezos do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistra este martes unha suba dos prezos medios de cotización do vacún maior en tódalas categorías. Na recría e nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, cunha redución dos prezos de referencia en boa parte das seccións. Nas mesas de porcino volveu producirse unha baixada xeral tanto nos prezos dos porcos cebados coma dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 44 euros, é dicir 16 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 89 euros, o que supón 7 euros máis que na feira pasada. Foi a única suba entre os machos desta raza. Os becerros de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 113 euros, cunha redución de 24 euros. Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos sumaron 2 euros e o prezo medio sitúase nos 341 euros. Mentres, nas femias houbo unha baixada de 33 euros e cotízanse a 189 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha redución de 6 euros e teñen un prezo medio de 327 euros. As femias quedaron nos 221 euros, logo de descontar 7 euros. Os machos de máis de 50 días tiveron un valor de referencia de 517 euros, (-9 euros). As femias incrementaron o seu valor en 81 euros, polo que se sitúan nos 431 euros. A tendencia foi semellante nos becerros de cebo, sen predominar unha. Os machos frisóns experimentaron unha baixada de 301 euros, de xeito que caen a un prezo de referencia de 473 euros. A única femia vendida marcou un prezo de 438 euros. Nos becerros de cruces industriais, o valor medio foi de 1.094 euros, logo dunha suba de 21 euros. Nas becerras desta categoría, o prezo de referencia atópase nos 846 euros, ó producirse unha baixada de 32 euros con respecto da última feira. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.138 euros, é dicir 2 euros máis. As tenreiras rexistraron unha baixada de 31 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.039 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema tiveron unha suba do seu valor medio en 132euros e acadan os 1.145 euros. O vacún maior experimentou destacadas subas en tódalas categorías. As vacas da extra incrementaron o seu valor en 141 euros e o seu prezo de referencia sitúase nos 2.250 euros. As vacas de primeira acadan os 1.145 euros (+17). Os exemplares de segunda cotizáronse a 747 euros, logo dunha suba de 5 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 495 euros, polo que se incrementou en 17 euros en comparación coa última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia acadaron un valor de referencia de 2.755 euros, o que supón 1.572 euros máis que a feira pasada.

Baixadas no porcino

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana baixadas nos prezos tanto do porco cebado como dos leitóns. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal descontaron 0,03 euros e quedan nos 1,84 e 1,815 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,357 euros, tras unha baixada de 0,039 euros. Os animais de descarte descontaron 0,06 euros e cotízanse entre 1,05 e 1,11 euros o quilo. Nos leitóns houbo unha baixada dun euro para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 70 euros (cun prezo de 3,5 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 65 euros e cun prezo por quilo de 3,25 euros. O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Os ovos da XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,4 euros, os da M cotízanse a 1,87 euros e os da S están en 1,62 euros a ducia. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,22 e os 0,30 euros o quilo. O prezo do coello acada os 2,65 euros o quilo (+0,10) segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Dobre récord nos becerros de cebo en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou este martes dous novos récords históricos nos becerros de cebo, tanto na asistencia coma no volume de transaccións. Mentres, os prezos medios desta sección foron á baixa en referencia ós acadados a pasada semana. Houbo subas nas cotizacións medias do vacún maior e a recría mantívose sen unha tendencia clara, con subas ou baixadas dos prezos en cada categoría. Nas mesas de porcino, houbo unha baixada xeral tanto nos prezos dos porcos cebados coma dos leitóns. Mentres, o mercado do ovo mantense sen cambios, logo de varias semanas experimentando baixadas dos prezos.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 62 euros, é dicir 1 euro máis que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 84 euros, o que supón 21 euros menos que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días tiveron un prezo medio de 118 euros, cunha baixada de 5 euros. Nos tenreiros de recría de cruces industriais, os tenreiros machos máis novos e os de entre 20 e 50 días mantiveron os prezos da semana pasada. Así, cotizáronse a 273 euros e 309 euros, respectivamente. Mentres, nas femias de menos de 20 días houbo unha baixada de 20 euros que deixa un prezo medio de 156 euros. No caso das becerras de entre 20 e 50 días, rexistrouse unha suba de 4 euros e acadan os 232 euros. Nos machos de máis de 50 días, o prezo de referencia foi de 569 euros, logo dun incremento de 10 euros. Nas femias desta sección a suba foi de 43 euros, polo que se sitúan nos 381 euros. Na sección dos becerros de cebo acadouse a maior asistencia de animais do mercado nunha sesión, con 215 tenreiros. Ata hoxe o récord atopábase nos 210 animais que se rexistraran o 17 de decembro de 2019. A maior afluencia pode estar en certa medida motivada polo feito de que a próxima semana non se celebre a poxa de gando, ó ser xornada festiva. Como sinalan dende a Central, esta elevada cifra de afluencia de becerros carniceiros conlevou a que se acadase outro récord no volume de transaccións de cebo con 206.974 euros. Ata o momento, a cifra máxima foran os 162.360 euros da poxa do 28 de marzo deste mesmo ano. En canto ós prezos dos becerros de cebo, a tendencia foi á baixa en case tódalas seccións. Só os tenreiros frisóns experimentaron unha suba de 57 euros, de xeito que acadan un prezo de referencia de 700 euros. Nos becerros de cruces industriais o valor medio foi de 1.129 euros, logo dunha baixada de 52 euros. Nas becerras desta categoría, o prezo de referencia atópase nos 938 euros, cunha redución de 92 euros con respecto da semana pasada. Os machos de Rubia Galega cotizáronse de media a 1.241 euros, cando a semana anterior estaban 43 euros por encima deste prezo. Nas tenreiras a baixada foi máis destacada, de 151 euros, ata situarse nun prezo medio de 1.107 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema reduciron o seu valor medio en 121 euros e quedan nos 1.034 euros. O vacún maior foi unha das excepcións, con subas en case tódalas categorías. As vacas da extra incrementaron o seu valor en 82 euros e sitúanse nos 2.090 euros. As vacas de primeira cotizáronse a 1.145 euros, o que amosa unha suba de 13 euros. Nos exemplares de segunda o prezo medio foi de 762 euros, logo dunha suba de 5 euros. Nos animais de desfeito, o valor medio situouse nos 423 euros, polo que se incrementou en 20 euros con respecto da última feira. A única excepción veu nos animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia, que tiveron un prezo medio de referencia de 1.151 euros, o que supón unha redución de 953 euros.

Baixadas no porcino

As mesas de cotizacións do porcino experimentaron esta semana baixadas nos prezos tanto do porco cebado como nos leitóns. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal descontaron 0,02 euros e quedan nos 2,035 e 2,01 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,610 euros tras unha baixada de 0,026 euros. Os animais de descarte mantivéronse sen cambios e cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo. Nos leitóns houbo unha baixada de 5 euros para ambas categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 86 euros (cun prezo de 4,3 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 81 euros e cun prezo por quilo de 4,05 euros. O mercado do ovo mantense esta semana sen cambios. Os ovos da XL teñen un prezo de 2,98 euros a ducia, os da L están a 2,59 euros, os da M cotízanse a 2,07 euros e os da S están en 1,82 euros a ducia. No prezo das galiñas de descarte semipesadas tampouco houbo cambios e cotízanse entre os 0,23 e os 0,31 euros o quilo. O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Unha Rubia Galega de récord, vendida por 7.139 euros

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou este martes o maior prezo pagado por unha vaca neste mercado. Se ben o récord da categoría de vacún maior se sitúa nos 10.469 euros acadados por un boi de raza mestiza o 1 de marzo de 2022, en canto ás femias de vacún o maior prezo situábase ata hoxe nos 6.129 euros. Foi unha vaca Rubia Galega a que elevou esta semana a cifra récord en Silleda para as vacas ó acadar un prezo de 7.139 euros. Trátase dun animal inscrita na IXP Vaca e Boi de Galicia, nacida o 15 de febreiro de 2013 e pertencente a unha gandería do Pino (A Coruña). O exemplar foi adquirido pola empresa portuguesa, Serragados Comércio de Gado. https://www.campogalego.gal/suba-xeral-dos-prezos-gando-vacun-en-silleda/

“Boom” nos prezos da uva branca en Galicia nesta vendima

As Denominacións de Orixe de Galicia están na época da vendima, algunhas en plena actividade e outras, como o caso da Ribeira Sacra, no pistoletazo de saída da data de inicio oficial. Ata o momento, os prezos desmárcanse notoriamente dos anos anteriores dun xeito xeneralizado en todas as D.O., principalmente nas uvas brancas. Os valores máis altos rexístranse nas Rías Baixas, onde os casos máis comúns enmárcanse entre os 2,30€ e os 2,50€, e os máis extraordinarios superan os 3€. Tras a baixada dos prezos da uva durante os anos de pandemia, a situación foise estabilizando ata subir repentinamente nesta campaña. A chegada de grandes grupos bodegueiros, o aumento da comercialización dos viños brancos galegos, e as melloras de marca nos últimos anos serviron de caldo de cultivo para que os prezos destas variedades se disparase. Ademais, o recoñecemento adquirido por todas as Denominacións en premios nacionais e internacionais, xoga un papel fundamental nas leis de mercado da uva galega.

Balance de prezos

Este ano a uva branca está moi buscada nun mercado caracterizado polo aumento de prezos. Isto denota que “nos últimos anos os viños brancos galegos están de moda, o que significa que se están facendo cousas ben feitas a nivel vitícola, e iso repercute nos prezos; as bodegas necesitan maior volume polo incremento de ventas, e polo tanto, teñen que axustar máis os prezos se as queren levar”, explica Carlos Basalo, responsable de viticultura en Unións Agrarias. Uva branza a piques de ser recollida “Hai que recordar que a obriga de ter contratos feitos, posto que así o establece a Lei da cadea agroalimentaria, leva a que se mova antes o mercado, e a establecer uns prezos de recollida anteriores á vendima. Este ano, coa suba xeneralizada dos combustibles, entre outros, “é entendible que os prezos da uva aumenten para paliar os custos de produción, e a viticultura se converta nunha actividade rendible para que se incorporen mozos e garantir o futuro do sector vitícola”, detalla Basalo.
“É entendible que os prezos da uva aumenten para paliar os custos de produción, e a viticultura se converta nunha actividade rendible para que se incorporen mozos e garantir o futuro do sector vitícola” (Carlos Basalo)
Así, a uva máis cotizada de Galicia é a Albariño das Rías Baixas que está situada “no abano dos 2,30€ aos 2,50€, aínda que hai algúns casos que chegaron aos 3€ ou 3€ e algo”, concreta Santiago Roma, de Bodegas Roma. Así mesmo, o adegueiro expresa que “non foi unha mala colleita, senón todo o contrario”, e expresa que “ao ir implantándose o viño nos mercados nacionais e internacionais medrouse moito en demanda porque a D.O. Rías Baixas estaba sendo competitiva en relación calidade prezo, e isto foi repercutindo na uva cada vez máis”.
“A uva Albariño das Rías Baixas chegou nalgúns casos aos 3€ ou 3€ e algo” (Santiago Roma)
Do mesmo xeito, “outra das uvas buscadas e ben valoradas en todas as Denominacións é a Godello”, avanza Carlos Basalo. “De maneira porcentual, Monterrei foi o mercado da uva que máis subiu no territorio; se o ano pasado a Godello estaba en torno a 0,90€ de media, este ano está sobre 1,40€ e 1,50€ supón un gran incremento. Por iso, a min estas cantidades non me parecen normais porque hai que aplicarllas á botella de viño, e o mercado vaise resentir”, concreta Ernesto Rodríguez, da Bodega Crego e Monaguillo. Por outra banda, os prezos na D.O. Ribeiro acadan prezos similares: “as castes utilizadas, tanto Treixadura, como Godello ou Albariño sitúanse entre o 1,40€ e o 1,70€; outras como a Palomino baixan aos 0,85€”, detalla Basalo. Acio de uva tinta en óptimas condicións
“De maneira porcentual, Monterrei foi o mercado da uva que máis subiu no territorio, se o ano pasado a Godello estaba en torno a 0,90€ de media, e este ano está sobre 1,40€ e 1,50€ supón un gran incremento” (Ernesto Rodríguez)
A tendencia dos prezos continúa ao cambiar á Denominación de Orixe de Valdeorras. Efectivamente a diferencia económica con respecto ao ano pasado é notoria “pero depende do tipo de comprador”, afirman fontes locais do sector. “Se a compra a realiza unha cooperativa, a uva de Godello ronda o 1€, e a uva Mencía os 0,95€; sen embargo, se a compra a fai unha adega privada pode oscilar o 1,50€, e chegar a case 3€ naquelas fincas con bo terreo, onde ten unhas calidades e unhas propiedades superiores”, concretan. Pola contra, a escalada dos prezos rómpese coas variedades tintas posto que son “as que maior estabilidade mantiveron”, destaca o responsable de viticultura de Unións Agrarias. A zona que máis utiliza estas castes é a Ribeira Sacra: “Nós somos 93% tinto”, sintetiza o presidente da Denominación de Orixe José Manuel Rodríguez. “Houbo un lixeiro aumento que se encaixa na absoluta estabilidade; a nós non nos afectou a seca e hai unha cantidade sen moita variación”, afirma. Por iso, “a uva Mencía, ao ser a que máis abunda, pode rondar os 0,90€ e o 1,20€, mentres que as variedades autóctonas como son Sousón, Caíño tinto ou Brancellao están próximas ao 1,50€”, da de referencia Carlos Basalo.

Situación insostible para a próxima campaña?

Esta subida de prezos na uva estivo acompañada por un desequilibrio entre produtores e adegueiros. A chegada de grandes grupos bodegueiros a Galicia influenciou o balance de pagamentos, como foi no caso das Rías Baixas. “Ao implantarse bodegas con repercusión nacional e internacional, ofertando un maior prezo por quilo de uva, incrementou en exceso os pagos medios e moitas adegas asentadas desde fai anos aquí víronse obrigadas a subir, e en moitos casos iso non permitía ningunha marxe para o bodegueiro”, critica Santiago Roma. “O viticultor ten que cobrar un prezo digno posto que é unha base para perpetuar o potencial do sector, pero non debemos pasarnos en darlle un salto tan grande aos prezos porque pode comprometer a situación para as vindeiras vendimas”, opina Santiago Roma. Deste xeito, o adegueiro explica que perpetuar estes prezos pode ser algo inasumible no sector agroalimentario, polo que “o que se está facendo é tirar pedras contra o noso propio tellado”, comenta. Imaxe da vendima en Monterrei, na adega Castro Lobarzán Neste sentido, “quen ten que axustar os prezos da venda final da uva son as adegas; vender un viño a 3€ a quen lle vai repercutir é ao produtor de uva, por iso hai moitas veces que, en vez de vendelo a ese prezo, cómpre vendelo a máis para que a produción sexa sostible”, aporta Francisco Pérez, da Bodega Couto Mixto. Así mesmo, “se queremos soster o sector, temos que ir á par bodegueiros e produtor de uva, evitando os desequilibrios agora existentes no mercado”, avanza Roma.

Que tipo de tarifa eléctrica escoller nunha granxa?

O prezo da electricidade e as subas que se levan producindo nos últimos meses fan que a factura da luz sexa un dos temas de actualidade. Nas granxas, cun avultado gasto en electricidade derivado do muxido, nas ganderías de vacún de leite; ou dos sistemas automatizados de alimentación e ventilación nas de polos ou porcino, buscar o aforro no gasto eléctrico vólvese unha prioridade. Á hora de analizar o gasto en electricidade un aspecto a valorar é a propia tarifa contratada, que pode influír, en gran medida, no desembolso a realizar. Sobre a mesa dúas alternativas: a tarifa regulada, cun sistema de prezos xestionado polo Goberno central; ou a tarifa de mercado libre, que se acorda a través dunha comercializadora. Analizamos cada unha delas para coñecer as vantaxes e inconvenientes que poden ofrecer ás granxas os dous modelos de contratación:

Tarifa regulada

A tarifa regulada é un sistema para determinar o prezo da luz implantado polo Ministerio de Industria, que fixa o prezo do kWh no termo variable, baseado no mercado maiorista eléctrico, que opera de forma diaria no operador de mercado eléctrico (OMIE), tamén coñecido como “pool eléctrico". Ao anterior engádeselle o termo fixo (potencia contratada, peaxes de acceso e cargos). Esta é a parte fixa que cobra a distribuidora de zona polo uso de liñas eléctricas e arrendo de contadores, que no caso de Galicia maioritariamente se realiza por parte de Fenosa e Begasa/Viesgo distribución. 
“O prezo da electricidade na tarifa de prezo variable, sempre foi unha opción moi interesante e facía unha media anual por debaixo dos prezos fixos do mercado libre”
Durante moito tempo, unha das principais vantaxes da tarifa regulada eran os prezos segundo as variacións do mercado. Presentábase como unha alternativa moi competitiva, resultando máis económica que os contratos de prezos fixos do mercado libre . “O prezo da electricidade na tarifa de prezo variable, sempre foi unha opción moi interesante e facía unha media anual por debaixo dos prezos fixos do mercado libre”, explica Antón Duarte, asesor enerxético autónomo. Durante os anos 2019 e 2020 estes prezos foron á baixa. Porén, como se prevía para o segundo semestre do 2021, nestes últimos meses os prezos da electricidade disparáronse, con máximos históricos que mesmo fixeron duplicar os importes das facturas. “Este último ano mudou todo por problemas co abastecemento do gas, que practicamente fixeron multiplicar o prezo da luz por dous”, indica Duarte. Nas facturas ligadas ó prezo do mercado, o consumidor paga a luz a prezo real, de xeito que hai variacións de prezo cada hora, ademais de existir 3 períodos de consumo horario. O prezo pode ser á alza ou á baixa en función do mercado e a demanda. O feito de estar regulada polo Estado fai que este tipo de tarifas case non permitan mecanismos de regulación do prezo, senón que están suxeitas en todo momento ás variacións do mercado, un dos principais inconvenientes en momentos de subas. Ademais, só as comercializadoras chamadas de referencia (as grandes compañías multinacionais), son as únicas que poden ofrecer este tipo de tarifa, ofrecendo unha xestión e atención ao cliente deficiente, ó non ter interese en comercializar este tipo de tarifa. 
Por primeira vez no 2021, na tarifa regulada polo goberno estableceuse a posibilidade de realizar contratos con prezos fixos
A tarifa regulada de Prezo de último recurso ou PVPC (Prezo Voluntario para o Pequeno Consumidor) só é aplicable ata 10 kw por potencia contratada, polo que moitas das granxas xa non poden acceder a ela ó precisar dunha potencia maior. Existen dúas modalidades en función das necesidades do consumidor: prezo variable segundo mercado ou fixo. Así, a tarifa regulada polo Goberno tamén ofrece a posibilidade de establecer contratos cun prezo fixo, en semellantes condicións ás que teñen as compañías do mercado libre, pero fixado polo Estado. “No 2021 foi a primeira vez que se ofreceu a posibilidade de fixar o prezo coa tarifa regulada, aínda que con prezos altísimos”, detalla Duarte. Así, a modo de exemplo, a finais de xaneiro nas distintas franxas horarias que se establecen ó longo do día, nas tarifas fixas marcadas polo goberno estipulaban os períodos punta (as franxas horarias máis caras) a 46 céntimos o kilovatio/hora, nos períodos chan a 37 cént/kWh e a 34 cént/kWh no períodos val (noites, festivos e fin de semana).

Tarifa de mercado libre

No mercado libre tamén existen as 2 mesmas fórmulas de prezos: prezo fixado (normalmente pactado durante 12 meses), ou prezo indexado segundo as variacións do mercado. Tamén hai comercializadoras que ofrecen un prezo fixo as 24 horas e mesmo unha tarifa plana mensual. Abordamos as distintas fórmulas para coñecer as vantaxes e inconvenientes do mercado libre. -Prezo fixado. Caracterízanse por ser contratos cunha tarifa fixada entre a empresa eléctrica e o cliente, que incorpora unha marxe comercial sobre unha estimación do prezo de mercado, de xeito que se paga un prezo fixo do kWh durante toda a duración do contrato. Na situación actual, con subas constantes no prezo da electricidade, contar cun prezo fixo está a resultar unha vantaxe para moitos consumidores, que decidiron dar o paso cara esta modalidade. Porén, de producirse unha baixada substancial do prezo tampouco haberá variacións nin aforros.
Nas tarifas de mercado libre con prezo fixo, as compañías establecen limitacións máximas nos prezos e adoita haber unha permanencia mínima dun ano
É habitual que este prezo fixo, estipulado pola compañía eléctrica, teña unha permanencia mínima de 12 meses, aínda que tamén hai pequenas comercializadoras que evitan establecer esta condición no contrato. Este tipo de tarifas permite ás compañías fixar limitacións máximas do prezo, para garantir ó cliente que, pese ós incrementos do prezo da enerxía, o prezo do kWh non sobrepasará ese prezo tope fixado con anterioridade. Tamén existe a posibilidade de aglutinar os prezos de tódolos períodos horarios, nun só. É dicir, contratar un único prezo do kWWh para as 24 horas do día, para facilitar o uso da enerxía sen ter en conta os horarios da tarifa. - Prezo indexado. Nesta modalidade pode contratarse calquera tipo de potencia e distintas tarifas. Alén da limitación da potencia contratada na tarifa regulada, a principal diferenza entre estas dúas modalidades é que no prezo indexado establécese unha pequena marxe comercial, que son os honorarios da comercializadora eléctrica e que normalmente van sumados ó prezo do kWh. Esta marxe é pública e coñecida polo consumidor. Estipúlase como unha marxe comercial entre o prezo puro da electricidade no mercado e o prezo final de cada kWh que paga o consumidor. En función do consumo eléctrico da granxa, esta marxe comercial poderá ser máis ou menos axustada. Por exemplo, no caso dunha gandería cun consumo anual de 100.000 kWh, a marxe para a comercializadora podería establecerse en 0,005 euros por kWh e terminar pagando por estes gastos de xestión uns 500 euros ó ano e ó mesmo tempo dispoñer dun servizo de asesoramento e xestión directa. “Deste xeito, pagaríanse eses 500 euros a maiores da tarifa regulada polo goberno, pero gañaríase en xestión e un trato directo co cliente”, explica Duarte. -Tarifa plana mensual. Neste tipo de oferta páctase unha cota mensual fixa segundo o consumo anual dos últimos 12 meses. Nos últimos meses de contrato faise unha regularización, de xeito que se se excede o consumo calculado nun principio, os kWh consumidos por encima do contratado páganse moito máis caros do normal. Por outro lado, nos modelos de mercado libre, o asesoramento enerxético vólvese un valor engadido. “Este servizo, que pola miña parte presto gratuitamente ó usuario, serve para ofrecer unha mellor atención ao cliente en xeral, desde a contratación, a ter un maior control da facturación, optimizar a tarifa ou potencias, procura de tecnoloxías e subvencións para enerxías renovables, aplicación de bonificacións, cambios administrativos ou para resolver posibles trámites ou problemas que poida haber coa compañía distribuidora”, explica Duarte.

Que facer na situación actual?

O inverno está a ser un dos momentos críticos para os prezos da electricidade, debido en gran medida ós problemas de abastecemento de gas. "Era previsible que ata que baixase a demanda de gas non se producirían baixadas nos prezos da electricidade, alomenos ata a primavera, pero despois do comezo do conflito en Ucraína, ninguén se atreve a predicir que vai pasar. Nestes últimos días de xaneiro volveron repuntar os prezos", sinala Duarte. Ante as constantes subas da electricidade e a inestabilidade do mercado, Duarte recoñece que agora é un moi mal momento para facer un cambio e optar por un contrato con prezos fixos. “Os prezos fixos agora están moi altos e asinar agora un contrato de 12 meses pode conlevar a ter que aguantar este prezo durante un ano sen a posibilidade de melloralo, no caso de que baixe o prezo da electricidade”. Cómpre sinalar que en decembro batéronse récords históricos ó acadar o megavatio os 400 euros durante 3 días consecutivos.
"Unha das opcións máis recomendables nestes momentos pasa por contratar unha tarifa con prezos fixos, pero sen permanencia para poder axustalo nun futuro a curto prazo"
A aqueles consumidores que a finais do verán decidiron contratar unha tarifa de mercado libre, con prezos fixos, pode que non lles estea a resultar desfavorable, pero xa está habendo compañías que están rachando con estes contratos polas perdas que lle están repercutindo ou non están aplicando os prezos pactados. “De feito dende que comezou esta crise enerxética, en España entraron na quebra 12 comercializadoras, mentres que en Alemaña xa van 38”, indica o asesor. “Na miña opinión, o mais seguro nestes momentos, sería pactar cunha comercializadora non convencional, un prezo fixo temporal, con vista a volver á tarifa regulada no caso de contratar menos de 10kw de potencia, a un prezo indexado ou a un prezo fixo menor que o inicial, dependendo de cada punto de abastecemento e por suposto, cando a situación do mercado enerxético tenda a estabilizarse”, recomenda o asesor. Cómpre ter presente que o cambio á tarifa regula só se podería facer naqueles casos que precisen unha potencia menor de 10kW e previa notificación. Ademais, ás veces na práctica existen trabas por parte das grandes compañías eléctricas para permitir volver ó mercado regulado.  Tamén hai quen apunta a que a opción máis recomendable pasa por manterse no mercado regulado, á espera dunha estabilización do prezo da enerxía. “As grandes compañías están facendo contratos a varios anos a prezos competitivos para poder lograr clientes. Cómpre ter presente que nestes momentos máis do 60% dos españois están xa no mercado libre, cando hai uns anos apenas había clientes neste. Unha vez que o 80% dos clientes estean no mercado libre e con tarifas planas, de seguro que ha baixar a luz”, apunta José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, colectivo especializado na xestión eléctrica.

Que vaca elixir para a produción de leite en Galicia?

Elixir a raza de vaca coa que contar na gandaría é unha decisión determinante para lograr o éxito e a rendibilidade da actividade. Cun descenso do número de gandarías notable nos últimos anos, a caída dos prezos do leite pagados aos produtores, os elevados custos de produción e os problemas asociados como a falta de substitución xeracional e o abandono do campo, esta decisión cobra maior importancia. Así o destacou a investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, Isabel Roca, durante a súa participación nas II Xornadas de Pastos e Forraxes, organizadas por Delagro, recentemente. "As gandarías están a buscar un modelo produtivo alternativo que axude a afrontar estas problemáticas e para iso é determinante a elección dunha raza de vaca que se adecúe a ese modelo", explica Roca. Pero, que raza se adapta mellor ás necesidades das gandarías galegas? Para tentar dar resposta a iso, Roca botou man do traballo de investigación que dirixiu e que foi realizado por Cristina Carro en tres granxas de vacún de leite en intensivo e que contan con distintas razas. O traballo permitiulles coñecer sobre o terreo os datos que manexan tres das principais razas seleccionadas para a produción de leite en Galicia: Holstein-Friesian, a máis habitual nas granxas de leite galegas e as dúas razas que se están introducindo nos últimos anos, Jersey e Procross. A información proporcionada por estas granxas galegas ofrece maior detalle sobre as consideracións iniciais de cada unha das tres razas, xa que mentres as Holstein son recoñecidas polas súas altas producións de leite, as Jersey destacan polo alto contido en sólidos e as vacas Procross achegan un maior vigor híbrido. Así, o estudo ofrece información sobre cuestións como a produción de leite e sólidos que logran o tres razas coas racións similares ás que se utilizan en boa parte das gandarías de leite galegas.

Tres gandarías, tres razas

O estudo realizouse desde novembro de 2019 e ao longo dun ano en tres gandarías todas elas situadas na provincia da Coruña. En concreto trátase da Gandaría Carro, unha granxa familiar situada en Mesía, que conta cunhas 290 vacas Holstein, cunha superficie territorial de 50 hectáreas, das que dedica 37 hectáreas á produción de millo e as restantes a herba. A súa produción está orientada á venda de leite con Betacaseína A2A2. A Gandaría Esperanza, de San Sadurniño, pertence á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña (CAP) que conta con 440 animais, ten un rabaño de 220 vacas Jersey en muxido. Venden o seu leite líquido para a elaboración de xeados. Para alimentar o gando teñen unha superficie de 54 hectáreas dedicadas a producir millo. As vacas Procross sitúanse na Gandaría Perfecto, en Dumbría, con 250 animais en muxido e que manexa unhas 100 hectáreas, 75 delas para millo e as 25 restantes para herba. A súa produción destínase á venda de leite líquido. Manexo alimenticio das tres gandarías que participaron no estudo. No caso da gandería Perfecto, a estes datos engádense 5,8 quilos de materia seca por vaca e día no robot de muxido.

Limitacións e obxectivo da gandaría

A experta apunta que para optimizar o rendemento da gandaría, débese elixir tanto a raza de vaca como o manexo alimenticio que máis se axuste aos obxectivos que se marcaron e que se adapte ás limitacións que ten. Roca sinala que a elección da raza de vacas dunha gandaría debe estar directamente relacionada con condicionantes como a superficie coa que conta a granxa e as forraxes que dispón para alimentar ao gando, xa que as necesidades alimenticias dunha raza a outra varían. Ademais, Roca sinala que é importante ter en conta outros factores que tamén condicionan a elección da raza que mellor se axusta como é o prezo dos insumos externos que incorpora a gandaría e o grao de dependencia deles para cubrir a alimentación do gando.
"As vacas Jersey non necesitan unha alta inxestión de materia seca para producir un alto contido de sólidos en leite": Isabel Roca, investigadora da USC
As tres gandarías do estudo realizaban un aporte de forraxe concentrada do 50%. Aínda que, o contido en materia seca, enerxía neta, a proteína bruta, a enerxía metabólica, carbohidratos non fibrosos, almidón, azucres, graxas e cinzas foron maiores nas vacas de raza Procross e Holstein fronte a Jersey. "As vacas Jersey non necesitan unha alta inxestión de materia seca para producir un alto contido de sólidos en leite (proteína e graxa)", detalla Roca. Por outra banda, á hora de valorar o consumo alimenticio dos animais, a experta destaca que as vacas Procross presentan un maior aproveitamento ao final da súa vida produtiva ao ser posible utilizalas como vacas de dobre propósito. En relación á alimentación, no estudo tamén avaliaron a eficiencia alimentaria das tres razas. Neste caso os mellores resultados obtivéronos tanto as Holsteins e Procross pola súa produción de leite. Aínda que, a investigadora incide en que para obter un dato máis acertado sobre a eficiencia alimentaria da vaca é necesario incluír unha corrección co contido en graxa e proteína, de maneira que as Holstein logran a eficiencia xa que aínda que realizan unha maior inxesta tamén producen máis litros de leite, aínda que a Jersey con menor produción conseguen compensalo cos sólidos que logran.

Máis leite ou maior cantidade de sólidos

O destino que teña o leite que se produce na gandaría será tamén determinante para elixir unha raza en función doutra. Por iso, en función de se se pretende lograr maior cantidade ou leite con calidades de graxa ou proteína superiores deberá optarse por un tipo de animais ou outros. As vacas Holstein e Procross demostraron unha maior produción de leite, case o dobre que a Jersey, pero con menores contidos en sólidos. Tamén hai que ter en conta que os recontos de células somáticas foron superiores tanto en Holstein e Procross en comparación con Jersey. No caso das vacas frisoas e Procross a produción media de leite nas 3 primeiras lactacións oscila entre os 30 e os 50 quilos por vaca ao día. Mentres, esta cifra sitúase entre os 15 e 35 quilos por vaca e día na raza Jersey. Parámetros produtivos nas tres granxas. Na produción de leite e o reconto celular (gráfica 1 e 4) as Holstein e as Procross teñen os valores máis elevados. Nas gráficas 2 e 3 (proteína e graxa) destacan as Jerseys. Ademais, Roca incide en que, independente da raza da vaca e do manexo alimenticio que se faga na gandaría, a produción de leite increméntase co número de lactacións, de maneira que as mellores cifras lógranse na terceira lactación. "Pola contra, o contido de proteína e graxa en leite diminúe coas lactacións e o reconto celular aumenta", apunta Roca. Á hora de analizar os resultados de sólidos, o contido de proteína en leite das vacas Holstein e Procross sitúase entre un 3 e un 4%. No rabaño de Jerseys estas cifras roldan entre o 3,5 e o 5%. Contido de proteina no leite das tres razas de vacas. As maiores diferenzas na análise dos sólidos prodúcese na graxa, onde a Jersey imponse ás outras dúas razas. Así, a media na gandaría do estudo sitúase entre o 5 e o 7% , mentres que o contido en graxa en leite nas Holstein e Procross oscila entre 3 e 5%. Contido de graxa no leite das tres razas de vacas. Con estes resultados, Roca insiste en que a elección da raza estará determinada polo prezo que se pague no leite. Nestas tres gandarías, a pesar de ter un prezo base similar, as primas por sólidos en leite logradas no rabaño de Jersey provoca que o prezo final do leite nesta gandaría sexa notablemente superior que nas que contan con Holstein e Procross. Así nestas dúas razas, o prezo final sitúase ao longo de todo o ano por encima dos 30 euros por tonelada, pero sen chegar en ningún momento aos 40 euros. Pola súa banda, na granxa de Jersey, o prezo medio a excepción do mes de novembro de 2019, situouse sempre por encima dos 40 euros por tonelada, e nos últimos meses do estudo (de xullo a outubro) mesmo superou os 50 euros por tonelada. "As vacas Jersey con altos contidos en sólidos resultan rendibles para as gandarías cando as primas do leite son elevadas. Con todo, cando se valora a cantidade de leite producido, as vacas Holstein e Procross resultan adecuadas para lograr beneficios económicos polo seu alto rendemento", valora a especialista. Debido ás primas logradas polos sólidos o prezo final do leite do Xersei foi notablemente superior. O estudo tamén abordou parámetros reprodutivos e sanitarios. En cuestións como o número de días en leite, as razas que mellores resultados obteñen son Holstein e Procross, cunha media de 180 e 189 días respectivamente, fronte aos 158 que manexan as vacas Jersey deste rabaño. De igual modo, as Holstein teñen un maior intervalo entre parto e parto (409 días), cifras similares manexan as vacas Procross (414 días) e as Jerseys sitúanse en 391 días, aínda que destaca a súa taxa de preñez (60) fronte a Holstein (54) e Procross (52). Nunha análise da saúde dos animais nas gandarías, Roca sinala que as causas maioritarias de descarte, independentemente da raza e do manexo alimenticio, son de tipo reprodutivo e debido á incidencia de mastite.