Archives

As propostas das industrias para a renovación de contratos do leite: baixada entre 2 e 5 céntimos e duración de 3 a 4 meses

A chegada estes días ás explotacións dos contratos de compra do leite a partir de abril pon fin á calma tensa que se vivía no sector. A intención anunciada por todas as industrias nas súas ofertas era a de baixar o prezo, unha tendencia que se está a confirmar xa coas primeiras renovacións, que inclúen correccións á baixa de entre 2 e 5 céntimos, quedando o litro de leite en orixe en Galicia no entorno dos 45 céntimos. O sector agardaba unha lixeira corrección, pero non tanto. Logo de caer uns 15 céntimos desde fai un ano e ter desaparecido por completo o diferencial positivo que durante todo o 2023 se mantivo no prezo do leite en España a respecto do resto de países europeos, o prezo para os vindeiros meses comeza a apertar a rendibilidade das explotacións, sobre todo daquelas máis intensivas e máis dependentes da compra de insumos, e tamén das que acometeron investimentos nos últimos anos e aínda os están a pagar.
Unha baixada de máis de 2 céntimos non é asumible por parte de moitas explotacións, sobre todo das máis intensivas, cos custos de produción actuais
É certo que algúns custos de produción para as granxas baixaron con respecto aos máximos acadados a finais de 2022 e comezos de 2023, como por exemplo a electricidade ou as materias primas. O millo está a 200€ a tonelada no porto e a soia a 430€, pero os futuros apuntan novas baixadas debido a unha boa produción mundial, aínda que os seu traslado aos pensos que reciben as explotacións foi até o momento máis limitado. Pola contra, outros gastos, como os custos salariais ou os prezos da maquinaria e os equipamentos, que subiron por mor da inflación, seguen altos e non se van mover. Comeza a sobrar leite O aumento da produción en Galicia no último ano (+1%), que se mantén tamén neste comezo de 2024 (+1,37%), e que podería mesmo verse acrecentado nos meses da primavera a medida que aumenten as horas de luz, coincide cun momento de baixada na produción de queixo (-3%) e de caída no consumo de iogures (-3,1%) e batidos (-2,5%) que non é capaz de compensar o leve incremento no leite bebido nos fogares (+0,16%). O ano pasado, moitas queixerías optaron por mercar o leite directamente nas explotacións logo do desabastecemento sufrido no 2022, pero neste momento as que teñen recollida propia están a ofrecer as súas cisternas sobrantes de leite a outras industrias a prezos de oportunidade que chegan mesmo aos 40 céntimos, o que está a impulsar a caída de prezos no mercado. “Neste momento hai leite a disposición barato a 41 céntimos”, recoñecen nalgunhas industrias.
Os excedentes de materia prima das queixerías están a tirar dos prezos cara abaixo. Neste momento hai leite a disposición barato a 41 céntimos   
Con este escenario, a maioría de empresas volven apostar por contratos de compra de leite a curto prazo, de 4 a 6 meses de duración, que lles garanta o mantemento dos provedores á espera de ver o que acontece tralo verán, xa que a enfermidade da EHE e os seus efectos en zonas produtoras coma Galicia poderían mudar a situación de subministro nos vindeiros meses. Poucos movementos entre industrias Os últimos meses estanse a caracterizar polos escasos cambios de industria dentro da recollida do leite en Galicia. A estabilidade nos prezos, o estancamento da demanda e o leve incremento na produción limitou os movementos. Os poucos que se deron foron a consecuencia da decisión dalgunhas empresas de reducir os seus volumes de leite, o que obrigou a algunhas explotacións a buscar novo comprador. É o caso dos socios da cooperativa Codeira de Portomarín, que vendían a García Baquero, a queixería castelán-manchega con planta de fabricación en Palas de Rei.
Neste momento non hai moito para onde ir; todas as empresas están cubertas
O consumo de queixo de vaca barato procedente da importación incrementouse no último ano a costa dos queixos tradicionais e dos feitos con mestura de leite de vaca e ovella, de maior prezo. Ante isto, algunhas queixerías españolas tomaron a decisión de deixar de facer recollidas regulares, optando por mercar cisternas spot puntuais para producir máis barato. É o que explica a redución no número de primeiros compradores, que pasou de 325 no conxunto do Estado en xaneiro do 2023 a 309 a comezos deste ano.
García Baquero deixou de recoller a socios da cooperativa Codeira, que se repartiron entre Celta, Lactalis e Inleit
Aínda que a intención inicial de Codeira era atopar un único comprador para o leite das granxas que subministraban a García Baquero, finalmente unhas explotacións colleunas Celta (as que estaban en pastoreo), outras Lactalis (as que cumprían coa certificación de benestar animal) e outras pasaron a entregar a Inleit, que tamén asumiu parte do leite que Larsa deixou de recoller a Aira e á cooperativa de Frades.   As explotacións máis pequenas, na corda frouxa As explotacións de maior tamaño seguen tendo a onde ir, pero as ganderías pequenas están a atoparse con menos opcións para a recollida. Empresas como Lactalis están deixando por exemplo as explotacións trabadas, algo que xa fixo tamén Leite Río fai xa catro anos, cando incorporou a certificación a todas as súas granxas.  As industrias esgrimen a normativa de benestar (moitas veces son as propias empresas as que realizan as auditorías para a certificación) para non renovarlles o contrato, aínda que a lexislación non esixe polo momento a desaparición deste tipo de ganderías, pois establece un prazo que vai do ano 2026 ao 2030 para a súa adaptación.
Lactalis está deixando ás explotacións trabadas esgrimindo a normativa de benestar animal
Este é ademais un dos aspectos da normativa que as organizacións agrarias esixen que sexa modificado e formaba parte das súas reivindicacións nas recentes protestas levadas a cabo polo sector agrogandeiro. Son moitas veces ademais granxas que fan pastoreo, polo que os animais só están trabados parte do tempo, cando voltan ao establo. A raíz das esixencias das cadeas de distribución, a maioría das industrias teñen adoptado nos últimos anos o estándar Welfair e algunhas empresas mesmo optaron por lucir o logo no seu brick, como Lactalis, Pascual ou o Grupo Lence. Pero esta certificación non só está a poñer contra as cordas ás explotacións pequenas, senón que vai esixir cambios importantes no sistema de manexo e tamén nas instalacións da maioría de granxas. Por exemplo, os emparrillados non van estar permitidos en Welfair a partir do ano que vén e a superficie dos boxes dos tenreiros teñen que ser de 2 metros cadrados para 1 xato, cando en moitas ganderias son de menores dimensións, sendo habituais os de 1,5 metros cadrados. Sinatura a un tempo en toda España Agás Entrepinares, que vai un mes descolgado en Castela e León (ten contrato asinado até o 30 de abril), desta volta a renovación en Galicia coincide tamén coa do resto de comunidades, que antes asinaban normalmente un mes máis tarde e tomaban como referencia o acontecido en Galicia.
Larsa e Entrepinares manteñen neste momento os prezos máis altos, mentras Inleit e Reny Picot firman as maiores baixadas
Os gandeiros galegos seguen a manter unha marxe de prezos negativa de 4,7 céntimos no caso de Asturias, 3,5 céntimos no caso de Castela e León ou 3 no caso de Cataluña, segundo amosan os últimos datos do FEGA, correspondentes ao mes de xaneiro.    No mes de xullo tocará volver renovar contratos, xa que todas as empresas apostaron por asinar a 4 meses (agás Naturleite, que asinou por 3). Estes contratos a curto prazo permiten ás industrias axustar mellor as súas compras de materia prima á evolución do mercado en canto a prezos, oferta e demanda.

Tocou fondo a baixada do prezo do leite en orixe?

A día de hoxe todas as empresas xa saíron cos seus contratos. Agárdase que a semana que vén se asinen a maioría deles, tendo en conta que na última semana de marzo cadra a Semana Santa. Con todo, moitas das empresas están a apurar unha vez máis os prazos, pois a informatización do proceso de sinatura permite acurtar os tempos. Os últimos contratos moitas empresas optaron por mandalos ás súas explotacións pola aplicación (salvo Entrepinares o resto do sector apostou por Docuten, que unha vez asinado polo gandeiro sobe directamente o contrato á AICA). Repasamos a continuación algúns dos contratos que se teñen presentado até o momento: Tres céntimos menos en Lactalis Malia que as industrias que traballan para Mercadona en Galicia (Naturleite, Entrepinares e agora tamén Larsa) teñen cada vez máis que dicir á hora de marcar prezos e tendencias, o contrato de Lactalis segue a ser un dos referentes para o resto de empresas. A multinacional francesa enviou o pasado venres o seu contrato ás máis de 1.100 granxas ás que merca o leite en Galicia (uns 450 millóns de litros anuais). A empresa da familia Besnier propón un contrato de 4 meses de duración (abril, maio, xuño e xullo) cun prezo base de 41 céntimos, tres menos que no actual contrato. Sumando a prima de volume (que pode ir até os 3 céntimos), e as de dobre AA (1 céntimo) e benestar (1 céntimo), o prezo final no mellor dos casos situaríase nos 46 céntimos, aínda que a maioría de granxas galegas moveríanse entre os 45 e os 45,5 céntimos.
A maioría das máis de 1.100 granxas galegas da multinacional francesa pasarían a cobrar entre 45 e 45,5 céntimos
Habitualmente, para cubrirse as costas, as empresas acostuman presentar ofertas iniciais baixas, que despois matizan nos contratos, pero desta volta dase a circunstancia de que o contrato que ofrece Lactalis é mesmo máis baixo que a proposta inicial remitida ás explotacións fai un mes en forma de oferta a un ano, (que caduca automaticamente aos 15 días se o gandeiro non contesta afirmativamente, pois dase así por rexeitada trala última reforma do Paquete Lácteo). Neste caso, o prezo base era de 41,5 céntimos e a duración de 12 meses, mentres que agora no contrato ofrece só 4 meses e reduce o prezo en medio céntimo, aínda que moitas das explotacións que entregan a Lactalis, sobre todo as de maior volume, optaron por non asinar de momento este contrato.  Contrato ponte dun mes en Reny Picot A empresa Reny Picot renovou a principios de mes unha parte dos seus contratos, que caducaban o día 29 de febreiro, marcando o camiño das baixadas para o resto de industrias e consolidando unha caída de até 5 céntimos nos contratos a partir do 1 de abril. A compañía asturiana da familia Rodríguez propuxo inicialmente ás súas granxas galegas unha baixada de 6 céntimos de golpe, que mesmo deixaba o prezo base nalgúns casos por baixo dos 40 céntimos. Pero as explotacións protestaron e a solución final adoptada foi facer un contrato tan só dun mes (marzo) baixando 2 céntimos nalgúns casos e mantendo o prezo noutros. “Foron só uns poucos contratos, cunha renovación por un mes para igualalos cos que finalizan o 31 de marzo, que son a maioría”, aclaran, pero avanzan que “a partir do 1 de abril sairemos con prezos novos que, por suposto, apuntan baixada”, avanzan desde ILAS.
Reny Picot, que recolle en Galicia 250 millóns de litros ao ano en case 500 ganderías, segue sendo unha das empresas con maior disparidade de prezos
O prezo base para o próximo contrato pasa a ser de 40 céntimos e, malia a disparidade de contratos que segue mantendo Reny Picot, o prezo final, no mellor dos casos e para as ganderías máis grandes, situaríase neste momento por baixo dos 45 céntimos, dos que 3 céntimos se corresponderían coa prima por cantidade (logo de ter eliminado a empresa asturiana a prima por volume super especial que tiña), mentres que a prima por dobre AA sería de 0,6 céntimos e a décima de sólidos pagaríase a 0,3 céntimos a partir de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Como no caso de Lactalis, tampouco as ganderías de maior volume de Reny Picot terían aceptado polo momento o contrato proposto.  Os 490 gandeiros aos que recolle Reny Picot en Galicia suman uns 700.000 litros diarios, contando á cooperativa Cobideza, o principal proveedor de ILAS na comunidade, que non conta polo momento con fábrica de transformación en Galicia. Fai un ano adquiriu as antigas instalacións de Leche Pascual en Outeiro de Rei coa intención de desenvolver un proxecto industrial que semella estar parado nestes momentos.
O proxecto para Outeiro de Rei segue adiante pero vai máis lento do que nos gustaría
“O proxecto segue adiante pero vai máis lento do que nos gustaría. A situación concursal da anterior propietaria da planta e o desmantelamento das instalacións está a retrasar o proceso”, admiten na empresa. Mentres tanto, a industria asturiana está a apostar pola factoría de Navia, trasladando desde Galicia o leite para a súa transformación. A planta de Outeiro de Rei estaría destinada á fabricación de distintos tipos de queixo, pero a situación de mercado neste momento non é tampouco propicia, con estancamento no consumo e entrada masiva de queixo barato desde Centroeuropa, segundo constatan os datos oficiais de importacións. Regularizacións fóra de contrato en Inleit A estratexia de Inleit o ano pasado foi distinta ao do resto de empresas do sector. Mentres que a maioría de industrias foron pechando contratos de prezo fixo a curto prazo, a planta de Teixeiro asinou cos seus gandeiros a un ano, vinculando o prezo ao índice A3 da Inlac. A evolución deste referencial en 2023, en boa parte ao estar vinculado ao prezo en Europa, acabou por deixar o contrato de Inleit moi por baixo do resto do mercado en Galicia, pero a compañía de capital español e estadounidense optou por ir regularizando trimestralmente aos seus gandeiros o diferencial existente co prezo medio mensual fixado polo Obsevatorio Lácteo para Galicia por tramos de tipos de granxas segundo volumes, un indicador que se elabora cos datos que aportan todas as industrias tendo en conta as calidades. Inleit apostaba por esta mesma estratexia para o 2024, cunha oferta co mesmo prezo base de 44 céntimos para abril referenciado nos 11 meses seguintes ao índice A3 da Inlac, co compromiso de seguir corrixindo o desfase de prezo coa media galega no caso de existir. Pero esta política de pagos extracontractuais non está exenta de riscos para as ganderías, sobre todo se deciden cambiar de empresa, pois a industria ten nas súas mans pagar ou non esa cantidade fóra de contrato correspondente aos últimos meses.
Inleit ofrecía inicialmente 44 céntimos en abril para un 4,2% de graxa e un 3,4% de proteína, que estandarizado a un 3,70% de graxa e 3,20% de proteína, o habitual en Galicia, quedaría en 41,4 céntimos
A proposta inicial de Inleit tiña ademais outra diferenza, xunto co feito de estar o prezo referenciado á Inlac, pois esixía uns niveis de sólidos moi por enriba do estándar habitual en Galicia. O prezo de 44 céntimos para abril é para un 4,2% de graxa e un 3,4% de proteína, cando o máis frecuente nos contratos asinados na comunidade é 3,7% e 3,2%. A planta de Teixeiro paga a décima de graxa a 0,4 céntimos e a de proteína a 0,3 céntimos, polo que descontadas esas cantidades o prezo base situaríase en 41,4 céntimos. Con todo, no contrato definitivo Inleit cambia a modalidade a prezo fixo, cun prezo base nos próximos catro meses de 40 céntimos para un 3,7% de graxa e un 3,2% de proteína, máis primas por volume a partir de 45.000 litros ao mes de 0,1 céntimo por cada 10.000 litros máis ata un tope de 3 céntimos. A prima super AA por calidade hixiénico-sanitaria (menos de 30.000 xermes e 200.000 células) supoñería outro céntimo a maiores (medio céntimo no caso de estar entre os 50.000 e os 30.000 xermes e entre as 250.000 e as 200.000 células), pero habería descontos por mostra diaria que superase eses parámetros, ao igual que fai Naturleite. A prima de certificación de benestar animal é de 0,3 céntimos e a de "antigüidade, permanencia e fidelidade" de 0,05 céntimos por cada ano completo na empresa. O contrato de Inleit quedaría deste xeito, no mellor dos casos, para explotacións de máis de 300.000 litros en 44,35 céntimos e baixaría ata os 42,35 céntimos nunha granxa de 200.000 litros.  O Grupo Lence segue gañando cota de mercado Se no último ano as queixerías perderon competitividade e as industrias que fan iogures notaron a caída acusada no consumo, as empresas que se adican a envasar leite líquido seguen mantendo unha posición máis vantaxosa, con maior demanda e mellores marxes. O prezo da marca branca no supermercado, que gañou cota de mercado grazas á inflación, segue no entorno dos 90 céntimos na maioría das cadeas de distribución, malia algunha oferta puntual por baixo mesmo dos 80 céntimos en leite de segundas marcas de fabricante como estratexia das industrias de envasado para desfacerse de excedentes ou lotes próximos á data de caducidade.
Río consolida unha baixada de 2 a 3 céntimos, polo que o prezo final quedaría entre os 43 e os 46 céntimos, en función do volume de entregas da explotación
O Grupo Lence (Río e Leyma) consolida nos seus contratos para os vindeiros meses unha baixada de entre 2 e 3 céntimos, en función do tamaño da granxa, de maneira que as ganderías de maior volume quedarían, no mellor dos casos, nos 45 céntimos, mentres que as máis pequenas baixarían até os 43. O prezo base do novo contrato é de 42 céntimos, aos que habería que sumar primas de volume (de 40.000 a 60.000 litros 1 céntimo e máis de 60.000, 2 céntimos), as primas por calidades (0,3 céntimos a décima de graxa e proteína), certificación de benestar (0,01 céntimos) e bacterioloxía (a super A de Lence sitúase en menos de 30.000 xermes e menos de 250.000 células e págase a 0,01 céntimos). A maiores, o Grupo Lence utiliza a súa "prima de fidelidade" para subir a certas ganderías, sobre todo ás máis grandes, que chegarían desta forma aos 46 céntimos, do mesmo xeito que ocorre nas granxas de maior volume que entregan a Leite Celta. A planta de Pontedeume pertencente á cooperativa portuguesa Lactogal fixou o prezo para os vindeiros meses en 42 céntimos máis primas. Larsa pásase a prezo fixo No caso de Larsa, que se pasou á marca branca tralo acordo ao que chegou CAPSA con Mercadona, estaba por ver se existía concertación de prezos con outros provedores da cadea de supermercados, como é o caso de Naturleite, que nas ofertas de renovación presentadas fai mes e medio incluía as maiores baixadas, de 8 céntimos no prezo base. No contrato final a cooperativa cordobesa propietaria da planta de Meira matiza esta baixada, que queda en 2 céntimos, pasando o prezo final de 48 a 46 céntimos, dentro dos que se incluirían xa os 2 céntimos de primas de benestar e dobre AA. O contrato de Naturleite é o de menor duración, só tres meses, polo que será a primeira industria en Galicia que terá que volver renovar, xa a mediados de xuño, con vistas ao 1 de xullo.
Unha das incógnitas da actual renovación de contratos era ver se Covap e Capsa unificaban a súa estratexia de prezos
Larsa mantivera sempre até agora un contrato con dous prezos, un 70% a prezo fixo e un 30% vinculado ao prezo da manteiga. Esta indexación xogou a favor do prezo final de Capsa en Galicia no actual contrato, con explotacións, as de maior volume, que mesmo están a picar neste momento os 50 céntimos, dos máis altos que se están a pagar na comunidade. Os produtos lácteos industriais están a subir nos últimos meses, despois de teren tocado fondo a finais do verán pasado. O que máis se revalorizou foi precisamente a manteiga que pasou de 430€ a 561€/100kg, cun incremento do 30% no seu valor, un incremento que se trasladaba ata o de agora aos contratos de compra no campo. Pero no contrato para os próximos meses Capsa cambia de estratexia e pásase ao prezo fixo, cun prezo base de 42 céntimos, aos que habería que sumar a súa prima de cantidade (ata 4,5 céntimos no caso das ganderías de maior volume), a prima por calidade hixiénico-sanitaria (a super A de Larsa é esixente, de menos de 25.000 xermes e 190.000 células e págase a 1,5 céntimos) e a prima de pastoreo (1,5 céntimos) no caso de granxas en extensivo. Aínda que vai desescalando en función do tamaño da granxa, o de Larsa segue sendo nestes momentos un dos mellores contratos, con prezos que chegan aos 48 céntimos no mellor dos casos. Entrepinares agarda pola nova planta en Vilalba En horas máis baixas está o queixo, o que restou competitividade ao contrato de Entrepinares, que liderara as subas no 2022. A empresa de Valladolid está a recoller neste momento uns 580.000 litros diarios en Galicia nunhas 165 explotacións, ás que ofrece un contrato de 4 meses de duración cun prezo base de 47 céntimos en abril e maio (un menos que no actual contrato) e 46 céntimos (2 menos que o prezo de marzo) en xuño e xullo, polo que a baixada media no conxunto dos 4 meses sería de 1,5 céntimos, quedando o prezo base medio en 46,5. En Castela e León a empresa da familia Martín ten asinado contrato para abril a 48 céntimos de prezo base, despois de ter baixado 1 céntimo de xeito escalonado en febreiro (48,5) e marzo (48 céntimos). O prezo final do contrato en Castela e León neste momento, no mellor dos casos, é de 50,5 céntimos, sumando a prima de volume (que en Galicia non ten) e a dobre AA, mentres a súa competencia directa na comunidade, Lactiber e Pascual, sitúanse nos 51,5 céntimos o litro.
O contrato de Entrepinares é por 4 meses: abril e maio a 47 céntimos e xuño e xullo a 46
En Galicia, Entrepinares non está a coller novas granxas, aínda que a empresa prevé poñer en funcionamento nos vindeiros meses a nova liña de queixo de mestura na planta de Vilalba, pero a estratexia da compañía pasa por cubrir as necesidades de materia prima que poida acarrear co crecemento orgánico das explotacións actuais, que terían incrementado a súa produción un 7% nos últimos dous meses.    “Estase empezando a ver o resultado do investimento que moitas ganderías fixeron o ano pasado. Animadas polos bos prezos, quen máis quen menos fixo algunha mellora na explotación e meteu máis vacas”, explican desde o equipo de campo da empresa.

“Sen estabilidade nos prezos do leite non vai haber remuda nas explotacións”

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas centrada no lácteo. Na xuntanza, que dá continuidade á que mantiveron a semana pasada con representantes das industrias lácteas, participaron responsables de Unións Agrarias, do Sindicato Labrego Galego, da Asociación Agraria de Galicia, da Federación Rural Galega e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias. O encontro prodúcese nun momento de inquedanza no sector tras unha baixada media de 10 céntimos no prezo do lei no que vai de ano e anuncios de baixadas de entre 2 e 3 céntimos para o mes de decembro. Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural salientan que “este encontro serviu para reiterar o apoio do Goberno galego aos gandeiros -un elo que require un esforzo adicional na súa defensa” e para insistir na mensaxe trasladada a pasada semana á industria láctea: “É primordial garantir unha estabilidade en prezos para asegurar a sustentabilidade e a remuda xeracional no sector”. Neste sentido, José González destacou que nun momento de negociación de contratos, grazas á existencia de Contaláctea -a aplicación informática creada ao abeiro da Estratexia sectorial-, é posible trasladar á industria que “non pode haber baixadas de prezos, porque poríamos en perigo a rendibilidade e a competitividade do sector”. De feito, reiterou que “o maior perigo para a competitividade do sector é que non haxa gandeiros que produzan leite e por iso precisamos que as súas explotacións sexan rendibles”.

Estabilidade no tempo

Ademais, o conselleiro demandou que esa estabilidade “se manteña no tempo para ser capaces de garantir a remuda xeracional e que a medio e longo prazo sigamos tendo sector gandeiro de vacún de leite en Galicia”. A maiores, José González insistiu en trasladar que “non comprendemos nestes momentos a existencia de diferenciais de prezos” entre Galicia e outros territorios, que “non se xustifican por cuestións de calidade do produto”. Na xuntanza coas organizacións profesionais agrarias tamén se puxo sobre a mesa a demanda da Xunta, trasladada á Interprofesional Láctea (Inlac), para que poña en marcha o antes posible unha campaña publicitaria de fomento do consumo do leite con orixe España. Neste sentido, por parte da Consellería do Medio Rural xa se amosou a súa disposición a colaborar na iniciativa.

Félix Porto (Unións Agrarias): “A Xunta ten ferramentas para actuar como non dar axudas públicas a industrias lácteas que incumpren a Lei de Cadea”

Antes da reunión, Félix Porto, responsable de Gandería de Unións Agrarias, lembrou que a Xunta ten capacidade para actuar e que é o momento de facelo. “Non se pode permitir diferenza de prezos de 6 céntimos por litro entre Galicia e outras comunidades e por outra que as industrias que cometan infraccións graves á Lei de Cadea Alimentaria e con sentenzas firmes entendemos que a Xunta de Galicia non debe concederlles axudas públicas, o mesmo que a aquelas que están amparando a desigualdade dos prezos simplemente pola ubicación xeográfica da explotación”, subliñou. Como prioridade, o representante de Unións destacou que “neste momento hai que impedir por todos os medios que se produza unha nova baixada do prezo do leite en Galicia que incremente ese diferencial con outras comunidades autónomas”.

Prezos do leite en xullo nos distintos países da Unión Europea

O prezo medio do leite en xullo situouse en 0,5184 euros o litro en España e en 0,4412 na media da Unión Europea, segundo adiantou este xoves o Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea . En concreto, en xullo prezo medio do leite estandarizado ao 4% de graxa e 3,3% de proteína baixou un 0,6% respecto a xuño e un 20,85% en relación a xaneiro deste ano. En España, os cálculos da Comisión Europea estiman que o prezo medio situouse en orixe en 0,5184 euros, o mesmo que en xuño, pero un 10,87% menos que a comezos de 2023. En canto aos principais produtores da UE, o prezo medio en xullo foi de 0,4206 euros o litro en Alemaña; de 0,4462 en Francia, 0,4325 en Holanda, 0,5160 en Italia e de 0,4822 euros o litro de leite en Portugal. Está por ver como este importante diferencial de prezos entre España e Francia, Holanda ou Alemaña repercute este ano na entrada de leite, queixo e outros derivados lácteos no mercado español procedente deses países.

Descarga aquí o informe da Comisión Europea

¿Canto están gañando os gandeiros por litro de leite?

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar o seu informe periódico sobre a situación do sector de vacún de leite en España no que conclúe que, malia a suba dos custos de produción no último ano, a rendibilidade das ganderías de vacún de leite mantívose en positivo. En concreto, o gasto de alimentación -que representa arredor do 60% dos custos de produción- pasou de situarse nunha media de 18 céntimos por litro de leite no ano 2021 a 24,50 céntimos neste pasado mes de xullo, o que supón un 36% máis. Porén, o prezo do leite variou no mesmo período dunha media de 32 céntimos por litro a 52,72 o pasado mes, o que representa unha suba do 62%. Deste xeito, o informe do Ministerio de Agricultura estima que os custos de produción para unha granxa de vacún de leite en España sitúanse nunha media de 0,36 céntimos por litro de leite e nos últimos anos a marxe de beneficio por litro de leite ven roldando os 4 céntimos de media. A peor situación viviuse no primeiro trimestre do pasado ano, cando coincidiu o importante incremento da suba do penso cun prezo do leite estancado, o que levou a marxes negativas. Afortunadamente, a suba do segundo semestre de 2022 elevou as marxes a cifras positivas de até 15 céntimos por litro.

As ganderías galegas deixarán de ingresar case 200 millóns de euros pola baixada do prezo do leite

Unións Agrarias estima que as ganderías galegas deixarán de ingresar neste 2023 case 200 millóns de euros pola baixada do prezo do leite acordada polas industrias nos últimos meses. En concreto, entre marzo e decembro deste ano os gandeiros galegos deixarán de ingresar 198 millóns pola baixada do prezo en orixe, o que representa uns 37.700€ menos de media por explotación. Neste sentido, a organización agraria anunciou este martes en rolda de prensa na Coruña que denunciará ante a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e ante a AICA estatal e autonómica “as condutas ilícitas das industrias lácteas, ao actuaren á marxe da Lei de Cadea Alimentaria”. Logo da renovación de contratos deste mes de agosto o prezo medio que os gandeiros galegos perciben por litro de leite sitúase nos 0,48€; case 11 céntimos por debaixo do que cobraban a comezos de ano. Segundo se recolle nun informe de UUAA o prezo medio do leite en orixe en Galicia no que levamos de ano alcanzou un máximo de 58,9 €/100 litro (sen IVE) no mes de febreiro pero en abril rexistrou unha baixada ata os 53,3 €/100 l (-5,6€ ou – 9,5%) que continuou ata o mes de maio no que a cotización chegou a 52,2 €/100 litros. A renovación dos contratos de subministración de leite a partir de agosto e ata finais de ano apuntan a un prezo medio de 48 €/100 litros de aquí a decembro. “As sucesivas rebaixas impostas de xeito unilateral polas industrias prodúcense sen que exista ningunha razón de mercado que as avale. E, o que é peor: totalmente á marxe da evolución dos custos dos insumos, o que na práctica supón obrigar ás explotacións a cobrar por debaixo de custos de produción”, advirten dende Unións. Así, advirten de que “mentres as industrias forzan estas reiteradas baixadas do prezo do leite en orixe, o que os consumidores pagan nos puntos de venda por ese mesmo leite non ten sufrido variacións. Así, no que levamos deste 2023 o PVP do leite de marca branca mantívose estable en 0,90€/litro, mentres que o prezo percibido polos gandeiros acadou unha media de 0,552 €/l; o que supón unha baixada do -6,2% respecto do prezo rexistrado en xaneiro (0,588€)”. A organización agraria destaca as coincidencias existentes entre os contratos que unhas e outras industrias poñen fronte aos gandeiros cos que traballan: “todos coas mesmas baixadas de prezo e todos con idéntica redacción e cláusulas”, aseguran. “Un feito que evidencia que, unha vez máis, as industrias están a actuar como un cártel organizado para adaptar o mercado ás súas necesidades e incrementar as súas contas de beneficios á marxe da legalidade e da evolución do mesmo”, denuncian. Ante esta situación, Unións Agrarias presentará demandas contras as industrias lácteas ante a AICA galega e estatal e tamén ante a Comisión Nacional do Mercado e da Competencia.

Galicia lidera o repunte da produción de leite en abril, malia a baixada de prezos

Os prezos do leite en España baixaron en orixe en 3,5 céntimos por litro en abril, o que non impediu que a produción volvese incrementarse, tras varios meses de baixadas interanuais. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo. En canto aos prezos a media en España foi de 0,56 euros o litro, o que supón unha baixada de 3,5 céntimos por litro respecto a marzo. En Galicia a media foi de 0,533 euros o litro, cun descenso maior con respecto ao mes anterior (0,585). O dato máis salientable é o incremento da produción interanual, tras encadenar varios meses consecutivos de baixadas: No conxunto de España as entregas ascenderon en abril a 635655 toneladas, un 0,65 % máis que no mesmo mes do ano pasado . En Galicia a suba interanual da produción foi do 1,56%, con 256568 toneladas de leite entregadas en abril fronte ás 252619 do mesmo mes de 2022. Se miramos o dato acumulado de xaneiro a abril, en España a produción de leite nese período caeu un 0,88% respecto ao mesmo periodo do ano pasado, mentres que en Galicia mantívose estancada (un -0,04%). En canto ás calidades do leite en abril foron dunha media en España de 3,76% de graxa e de 3,36% en proteína. Galicia continúa líder, xunto con Asturias, en sólidos do leite un mes máis a nivel estatal, cun 3,85% de graxa e cun 3,38% de proteína. En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en abril de 0,646 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,614.

Descarga aquí o informe do FEGA

Agromuralla sitúa en 60 céntimos o prezo mínimo de renovación dos contratos lácteos

A dúas semanas da renovación da maioría dos contratos de compra de leite en Galicia, a asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla di que o prezo do leite para todo o ano 2023 "non pode baixar de 60 céntimos". Agromuralla recomenda aos seus socios que non asinen contratos por baixo desa cifra e pídelles "que fagan uso do poder de negociación que lles ofrece a lei e unha coxuntura de mercado favorable na que segue faltando leite". Por iso, dende Agromuralla pídese aos produtores "que non se deixen influenciar pola estratexia premeditada que están a levar a cabo as industrias para tentar revisar á baixa os contratos que rematan o vindeiro 31 de marzo". 

Incremento desmesurado dos custos

Agromuralla afirma que "os custos de produción seguen á alza, polo que os prezos do leite teñen que manterse nos niveis actuais" para que as explotacións poidan facer fronte a estes incrementos e seguir producindo leite, xustifica o seu presidente, José Luis Pérez Barreiro.  Segundo os datos facilitados pola asociación de gandeiros, en base aos custos reais das súas granxas socias, no último ano productos como os fertilizantes viron triplicado o seu prezo, pasando de 230€/tonelada en xaneiro de 2022 a 900€ a día de hoxe.  O mesmo aconteceu co gasóleo, que pasou no mesmo periodo de 0,73 céntimos a 1,32€ (unha suba do 81%), ou o recibo de autónomos, que se increntou ata nun 60%, os pensos (un 31,5%), os plásticos dos silos (un 31%), ou a electricidade (un 27%).  "Con estes custos de produción ningunha explotación láctea debería cobrar o litro de leite a menos de 60 céntimos porque estaría en risco a súa viabilidade económica", asegura Agromuralla, xa que "os custos das granxas están a subir en porcentaxes moi superiores á inflación media e á revalorización que se ten producido no prezo do leite", afirma José Luis Pérez Barreiro. 

Risco de caída drástica na produción de leite

A asociación de gandeiros aproveitou para mandar tamén unha mensaxe á industria láctea e aos consumidores. "Se as empresas queren ter garantido o seu subministro de leite o prezo pagado ao gandeiro non pode baixar porque do contrario estará en perigo toda a cadea láctea", din.  "Se o prezo do leite baixa de 60 céntimos as explotacións deixarán de ser viables", afirma Pérez Barreiro, o que levaría de novo ao que Agromuralla define como "Operación Chuletón", é dicir, "ao sacrificio masivo de vacas leiteiras". "A cabana gandeira non deixou de minguar no último ano, caendo en torno a un 8%, e sen vacas é imposible que se poida producir leite. Ese é o motivo de que a produción de leite caera un 3% no último ano en España", asegura o presidente de Agromuralla. Polo tanto, di, "neste momento segue faltando leite no mercado, unha situación que non se vai reverter a curto prazo".  "A falta de rendibilidade sufrida nos últimos anos fixo que o sector non sexa atractivo para as novas xeracións, que buscan outras alternativas laborais en vez de quedar nas explotacións. Hai un problema acuciante de relevo xeracional e seguen pechando granxas", evidencia José Luis Pérez Barreiro, que afirma que "só con prezos do leite que permitan unha vida digna aos gandeiros haberá mozos e mozas interesados en continuar producindo leite", asegura Agromuralla. 

Especulación cos alimentos básicos nos supermercados

En canto aos consumidores, Agromuralla dilles que "os gandeiros non son os culpables do incremento da cesta da compra", senón "as cadeas de distribución, que están a especular cos alimentos básicos incrementando as súas marxes de beneficio".  "É suicida tirar pedras contra quen che dá de comer, por iso non entendemos como moitas veces os agricultores e gandeiros somos atacados inxustificadamente por determinados sectores da sociedade", argumenta José Luis Pérez Barreiro.  Agromuralla quéixase da aprobación de novas normas e lexislación cada vez máis restritiva que fai que sexa máis difícil producir leite e a un custo maior. "Cada día temos máis dificultades para seguir coa nosa actividade diaria", afirma o seu presidente.  Ademais, a asociación de gandeiros acusa ao Goberno central de "amputar" o 4% do IVE ás granxas produtoras de leite como "medida propagandística e electoral que non serviu para baixar o prezo do leite nos liñais dos supermercados" e sen embargo "está a castigar aos produtores". "A rebaixa do IVE é un esforzo que fai integramente o gandeiro reducíndolle drásticamente o seu circulante ás explotacións", quéixanse. 

Críticas á Xunta e ao Goberno central

Desde Agromuralla lanzan duras críticas tanto á Xunta como ao Goberno central por "abandonar aos gandeiros á súa sorte de cara á inminente renovación de contratos". "A Xunta dedícase a lanzar mensaxes triunfalistas e a facer públicos informes de dubidosa obxectividade situándose a carón das industrias e non dos gandeiros, mentres a AICA, dependente do Ministerio, mira para outro lado ante os incumprimentos flagrantes das empresas na presentación das ofertas aos gandeiros, algo que limita claramente a capacidade de negociación das granxas", denuncia José Luis Pérez Barreiro. Agromuralla lembra que as industrias teñen obriga de facer chegar ao produtor a súa oferta con alomenos dous meses de antelación, un prazo que as industrias non están a cumprir, polo que pide á AICA que actúe de oficio ante este "incumprimento da lei". 

Menos produción de leite e mellores prezos en xaneiro

Os prezos do leite no campo continuaron subindo en xaneiro en toda España e e en Galicia, se ben é certo que a menor ritmo que nos meses anteriores, nun contexto de menor produción. Así se recolle no informe do Ministerio de Agricultura de entregas do sector lácteo. En canto aos prezos a media en España foi de 0,599 euros o litro, cunha lixeira suba con respecto aos 0,597 de decembro. En Galicia a media foi de 0,588 euros o litro, cunha lixeira suba respeto ao mes anterior (0,586). O dato máis salientable é a caída da produción interanual: No conxunto de España as entregas ascenderon a 621538 toneladas, un 1,43 % menos que no mesmo mes do ano pasado (630629). En Galicia a caida interanual da produción foi do 1,58%, con 251728 toneladas de leite entregadas en xaneiro fronte ás 255658 do mesmo mes de 2022. Haberá que ver se esta baixada da produción continúa nos vindeiros meses e como inflúe no prezo do leite en orixe e na importacións de leite doutros países. En canto ás calidades do leite en xaneiro foron dunha media en España de 3,91 de graxa e de 3,42 en proteína. Galicia continúa líder, xunto con Asturias, en sólidos do leite un mes máis a nivel estatal, cun 3,98 de graxa e cun 3,42 de proteína. En leite ecolóxico, as cotizacións medias no campo foron en xaneiro de 0,66 euros o litro, en tanto en Galicia foron de 0,53.

Descarga aquí o informe do FEGA

Récord de facturación das ganderías galegas de vacún de leite: 1568 millóns de euros no 2022, un 35% máis

O sector produtor de vacún de leite reafirmou o pasado ano o seu papel de motor económico do rural galego. As arredor de 6000 ganderías de vacún de leite que quedan en Galicia facturaron en 2022 un total de 1568 millóns de euros, un 35% máis que no 2021, segundo os datos facilitados a Campo Galego pola Fundación Juana de Vega e elaborados a partir da información publicada tanto polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) como polo seu equivalente galego, o FOGGA. O dato é aínda máis meritorio se se ten en conta que as apenas 6.000 granxas galegas, concentradas na súa maior parte no interior das provincias da Coruña e Lugo, dispoñen de pouco máis que 200.000 hectáreas de base territorial, só o 8% do territorio galego. Para ilustralo mellor, o segundo sector económico en importancia do rural galego, o forestal, facturou por venda de madeira o pasado ano 348 millóns de euros, pero dispoñendo de máis de 500.000 hectáreas de superficie forestal ordenada. Detrás destes bos datos das ganderías de vacún de leite de Galicia, que obtiveron 339,8 millóns de euros máis de ingresos que no 2021, están fundamentalmente os bos prezos acadados polo leite en orixe. Así, malia que as entregas de leite á industria baixaron lixeiramente o pasado ano en 16.941 toneladas menos (-0,57%), quedando nas 2.971.400 toneladas, o 40,85% da produción nacional -datos do último informe da asociación Terra e Leite- o prezo medio ponderado coa produción no 2022 foi de 45,28 c/L. Deste xeito, as vendas de leite reportaron ás ganderías galegas o pasado ano un total de 1.306,3 millóns de euros. A isto habería que sumarlle os 56,87 millóns de euros da axuda extraordinaria do Ministerio de Agricultura polo impacto da guerra de Ucraína, pero tamén ingresos pola venda de animais (becerros, animais para vida e para desvelle), as subvencións da PAC e a variación do inventario e outros ingresos. No caso da venda de animais, a Fundación Juana de Vega fai unha estimación de 76 millóns de euros en vendas, para as axudas da PAC 96,22 millóns e para o terceiro capítulo calcula uns 33,56 millóns de euros, sumando en total 1.568,95 millóns de euros.

Unha ano de moi bos resultados para as ganderías e malos para a industria láctea

O 2022 non só será recordado por un volume de facturación récord para as granxas galegas, senón tamén de moi bos resultados de beneficios para os produtores. Pola contra, e de forma excepcional, a industria láctea por primeira vez non foi quen de trasladar o encarecemento do leite no campo aos prezos de venda dos produtos lácteos á distribución, o que perxudicou notablemente as súas contas. Así se reflicte no informe sobre o sector lácteo elaborado polo Observatorio Galego da Cadea Alimentaria. Se ben é certo que os custos de produción das ganderías de vacún de leite se incrementaron o pasado ano nun 11,76% (tal e como se desglosa na táboa), sen embargo o prezo do leite pagado pola industria aos produtores galegos subiu de media un 48,88%, un incremento que en realidade foi maior pois o informe recolle só os datos de xaneiro a outubro de 2022, mentres que foi en novembro e decembro cando se rexistraron as maiores subas do prezo do leite no campo. Pola contra, os prezos do brik de leite e derivados lácteos (queixo, iogures, manteiga...) nos lineais dos supermercados incrementáronse menos da metade: un 22%. É dicir, a industria só foi quen de trasladar á distribución a metade do incremento do prezo da súa materia prima, o leite. Así, as conclusións do informe son reveladoras: -Os incrementos dos prezos do leite pagado aos produtores no 2022 máis que compensou o incremento dos custos de produción, polo que as marxes das gandarías de Galicia melloraron no 2022 con respecto ao ano anterior. ‣ Os prezos nos lineais en 2022 incrementáronse menos en termos porcentuais que os pagados aos produtores. ‣ A industria láctea, especialmente a orientada á fabricación de leite en brik, deteriorou as súas marxes por non ser capaz de repercutir nos prezos de venda á distribución o incremento dos custos que está soportando, tanto pola compra de leite, como polo incremento dos custos da enerxía

Agromuralla denuncia “diferenzas inxustificadas” de ata 7 céntimos no prezo do leite entre comunidades

A asociación de gandeiras e gandeiros Agromuralla denuncia "un claro incremento das desigualdades" entre explotacións no prezo que cobran neste momento polo leite que producen en función do tamaño da explotación, o momento no que foi asinado o contrato coa industria e a comunidade autónoma na que se atope.   Para Agromuralla, "resulta inconcebible que a comunidade que máis leite produce no Estado cobre un prezo inferior á media", e que este diferencial de Galicia con outras comunidades mesmo se teña incrementado, pasando dos habituais 2-3 céntimos menos a 7 neste momento con respecto ao que cobran por exemplo os gandeiros de Castela e León ou Andalucía (53 céntimos de media en Galicia e 60 nestas comunidades). "A falta de leite está a levar a unha competencia entre industrias por captar novas granxas subministradoras e á fixación de criterios de negociación dispares mesmo dentro da mesma empresa, con ofertas individualizadas para a renovación dos contratos que fan aumentar as diferenzas entre ganderías", quéixase Agromuralla, que critica "as dubidosas prácticas de negociación que seguen a aplicar as industrias" e apela á "importancia da unión dos gandeiros en defensa dos seus intereses".

Intentos de baixar os prezos por parte das industrias

Dacordo coa información da que dispón Agromuralla, algunhas industrias están a informar da baixada do prezo do leite nun curto - medio prazo. “Neste momento hai razóns obxectivas para que o prezo do leite en orixe siga en ascenso, posto que os custos de produción están en máximos históricos e está habendo un importante descenso da produción de leite a nivel europeo, ao tempo que os produtos lácteos están a subir de maneira importante nos supermercados”, argumenta Agromuralla.

Desfase entre o valor nos supermercados e o que cobran os gandeiros

Con todo, os prezos pagados aos gandeiros polo leite seguen sen subir en relación ao que o fan os produtos lácteos no supermercado. “Os consumidores están a pagar máis polo leite, pero ese incremento non acaba chegando aos produtores, senón que segue quedando polo camiño, nos petos das cadeas de distribución e das industrias, que queren enriquecerse unha vez máis a costa do traballo e o esforzo dos produtores”, asegura Agromuralla. Até agora, a maior parte dos contratos entre gandeiros e industrias renovábanse na primavera cunha vixencia dun ano, pero a alta volatilidade vivida no mercado nos últimos meses levou á sinatura de contratos de menor duración, por tres meses na maioría dos casos, polo que neste momento tocaría revisar os contratos asinados no pasado mes de setembro. "Neste momento non hai xustificación algunha para cambiar o criterio de firma dos contrato, nin en canto a prezos nin en canto a duración" argumenta Agromuralla. 

Novas subas dos insumos a partir de xaneiro

Cos custos de produción do penso, o gasóleo, os fertilizantes e a electricidade disparados, as granxas perderon cartos de maneira importante na primeira metade deste ano 2022 e só lograron cadrar os números e aminorar as perdas coas subas no prezo do leite producidas tralo verán, que serviron para nivelar as marxes negativas que viñan arrastrando moitas das granxas leiteiras galegas. Agromuralla fai un chamamento á unidade de todos os gandeiros, produtores de leite, á hora de negociar os contratos que corresponde renovar neste momento, a coxuntura é a mesma que  nos últimos meses polo que os prezos seguen a mesma tendencia á alza e a duración dos contratos debe seguir a mesma liña, e alerta do previsible encarecemento dalgúns insumos a partir de xaneiro, o que acabaría impactando nos “altísimos custos” de produción que soportan as granxas neste momento.   

“O prezo do leite subiu 5 céntimos no supermercado desde decembro e só 1,2 chegaron ao gandeiro”

Membros de Agromuralla e da Unión de Consumidores, esta mañá trala rolda de prensa en Lugo Desde decembro a marzo o litro de leite no supermercado pasou de 79 a 84 céntimos, mentres o prezo base que cobra o gandeiro por producilo pasou de 31,4 a 32,6 céntimos, segundo os datos facilitados hoxe por Agromuralla e a Unión de Consumidores de Galicia. É dicir, tan só unha cuarta parte do incremento do prezo do leite nos supermercados (5 céntimos) acabou trasladándose realmente aos produtores. Con todo, os datos feitos públicos este mércores non reflicten na súa totalidade a revalorización do leite en orixe que se produciu na última renovación dos contratos, que entraron en vigor no mes de abril. “Nos catro meses analizados, de decembro a marzo, o leite subiu un 6,46% no supermercado e só un 4,04% ao gandeiro. Hai un 2% que non chega ao produtor”, explicou Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.  
Segundo os datos dos gandeiros, os custos de produción incrementáronse en 4 céntimos en litro de leite desde decembro
Agromuralla e UCGAL veñen de poñer en marcha un Observatorio de Prezos do Leite co obxectivo de aportar “transparencia á cidadanía para que poida tomar decisións de compra conscientes”, segundo explicaron ambas entidades en rolda de prensa este mércores en Lugo. “O consumidor cando compra o leite pensa que o que está pagando é para que o gandeiro cobre un prezo xusto, cando realmente non é así”, asegurou Roberto López, portavoz de Agromuralla, que detallou que neste mesmo periodo de tempo o incremento dos custos de produción nas granxas foi de 4 céntimos en litro. “O prezo do concentrado subiu 100€ por tonelada desde decembro e a iso hai que engadir o custo do gasóleo, a luz, os abonos e os plásticos”, dixo. Transparencia para os consumidores O Observatorio de Prezos bota a andar “con carácter de permanencia” e aportará mensualmente datos sobre a evolución do mercado e como as subas e baixas nos liñais de venda se trasladan aos produtores.
Os socios de Agromuralla aportarán as facturas mes a mes para facer chegar aos cidadáns o prezo real ao que están cobrando o leite
”Queremos que o consumidor saiba a verdade, que haxa transparencia, porque hai axentes intermedios que non están a ser claros co consumidor, que sabe ao prezo ao que está pagando o leite no supermercado pero non ao prezo ao que o está cobrando o gandeiro. Queremos que o consumidor saiba que parte do que está pagando agora polo leite chega a nós”, indicou Roberto López. Por iso, os gandeiros socios de Agromuralla aportarán cada mes as facturas de compra do leite por parte das industrias. Facilitar decisións de compra “Queremos ir retratando a cada un dos axentes, porque hai sensibilización por parte do consumidor, que quere un prezo xusto e queremos que saiba cal é a marca de leite que maior porcentaxe do prezo traslada ao gandeiro”, avanzou Miguel López, que sen embargo non quixo dar polo de agora datos concretos de empresas leiteiras e cadeas de supermercados.
Queremos que o consumidor saiba que parte do que está pagando agora polo leite chega a nós, os produtores e cal é a marca de leite que maior porcentaxe do prezo traslada ao gandeiro
 A monitorización incluirá tamén aos consumidores, para saber se están dispostos a ir asumindo un pequeno incremento de prezo no leite se iso vai destinado aos gandeiros. “O consumidor galego é un consumidor consciente, responsable e comprometido co seu propio territorio. Esta información vailles servir para tomar decisións de compra en base a información clara e transparente”, afirmou o representante da Unión de Consumidores. O consumo medio de leite sitúase en España en 80 litros por persoa ao ano, polo que unha suba de 4 céntimos no litro de leite equivalería a que o gasto medio anual por persoa se incrementaría só en 4 euros. “Unha ampla maioría de familias galegas estarían dispostas a asumilo se iso repercute no gandeiro”, asegurou Miguel López. Soberanía alimentaria “É fundamental avanzar cara a unha soberanía alimentaria. En só 3 meses comprobamos a gravidade de ter que depender de terceiros países e non ter a capacidade de satisfacer a nosa demanda interna. Segundo os nosos datos, nos últimos tres meses produciuse unha suba dun 15% na cesta da compra media das familias galegas, con algúns produtos que chegaron a subir case un 200%”, detallou Miguel López.
Conseguiuse despertar a conciencia do consumidor e pensa que lle subiron o leite no supermercado para que cobre máis o gandeiro, cando non é así
“Como produtores nós defendemos que a gandería de leite siga viva, que non sigan a pecharse granxas e que os mozos e mozas poidan tomar a decisión de continuar na actividade. Porque cando non haxa granxas que produzan leite e teña que vir de terceiros países, non será un produto de proximidade nin chegará nas mesmas condicións de calidade que chega hoxe aos consumidores. Hai que coidar ao gandeiro para que o gandeiro poida coidar do territorio e da alimentación da sociedade”, defendeu o portavoz de Agromuralla. Ampliación do estudo a Asturias e Castela e León Agromuralla e UCGAL pretenden que o Observatorio sexa “unha ferramenta útil” e que sirva para comparar o funcionamento do mercado do leite nas distintas comunidades. “Xa estamos traballando para ampliar os datos tamén a Asturias e Castela e León a través de consumidores e gandeiros para ver se hai diferenzas de comportamento da industria e a distribución en función do territorio”, explicou Miguel López. Deste xeito, dixo, os datos serían representativos a nivel estatal, dado que “máis do 60% do leite orixínase nestas 3 comunidades autónomas”, indicou. Esta colaboración entre UCGAL e Agromuralla representa ademais “un compromiso serio de pervivencia no tempo”, máis alá do Observatorio que a propia Xunta de Galicia está a pór tamén en marcha. Comparativa de datos homoxénea Os datos empregados para o seguemento do mercado non teñen en conta produtos transformados ou de alto valor engadido. “Para falar de comparativa temos que falar de datos que sexan realmente comparables. Por iso imos facer seguemento do prezo do brick de leite enteiro no supermercado, xa que é o que menos transformación sofre, e o prezo base pagado ao gandeiro por ese leite nos contratos”, detallou Miguel López .
Prodúcese un desfase de meses entre as subas dos supermercados e as trasladadas ás granxas e durante ese tempo hai quen se está beneficiando diso
“O único dato que ten natureza homoxénea é o prezo base, xa que é o que marca a referencia sobre a capacidade do gandeiro de desenvolver o seu traballo en condicións de seguridade. As primas ou penalizacións son variables, ademais de que non existe uniformidade entre as distintas industrias para poder facer unha comparativa”, defendeu. Prodúcese ademais un desfase temporal entre as subas producidas nos supermercados e as trasladadas ás granxas. “Durante ese tempo hai quen se está beneficiando diso”, indicou Roberto López, portavoz de Agromuralla.

Contratos con primas dispares e enganosas

Segundo explicaron tanto Agromuralla como a Unión de Consumidores, a revalorización do leite en orixe nos contratos renovados esta primavera non se levou a cabo maioritariamente no prezo base, senón en toda unha serie de primas aparte, de carácter dispar en función da empresa, que dificulta en moitos casos as comparativas entre as ofertas e contratos presentados. Por iso, Agromuralla aproveitou a rolda de prensa para denunciar a “política de prezos escurantista por parte das industrias lácteas". “As empresas queren camuflar o prezo do leite a través de primas, é algo que dá inseguridade aos gandeiros. Gustaríanos que as industrias trasladasen esas primas ao prezo base”, pediu Roberto López.
Queremos un prezo base claro e estable para o gandeiro, porque a viabilidade das explotacións vén dada polo prezo base, non polas primas
“A industria xoga con primas moitas veces enganosas para dar a sensación de cara á sociedade de que nos sobe o prezo do leite co obxectivo de confundir ao consumidor e de que os gandeiros non saibamos moi ben por que conceptos cobramos a fin de mes. Ademais, estas subas puntuais non se consolidan ao non estar no prezo base e poden desaparecer no momento en que as empresas o estimen convinte ou converterse en penalizacións de modificarse as cláusulas, como aconteceu en moitos contratos esta primavera”, argumentou, polo que asegurou que “a viabilidade das explotacións vén dada polo prezo base dos contratos, que debe ser claro e estable para o gandeiro”, dixo. 

A Xunta critica que o Goberno Central fai “ouvidos xordos” ás propostas de Galicia para subir o prezo do leite

A Consellería do Medio Rural critica a negativa do Ministerio de Agricultura a implantar unha prima excepcional de 4 céntimos por litro de leite para compensar ás ganaderías de vacún durante este 2022 pola suba dos custos de produción. En concreto, o departamento que dirixe José González reclama que “se o Ministerio ten constatado con informes que a proposta de Galicia sobre esta prima de emerxencia para o lácteo é ilegal, que os aporte”. “Consideramos que o Goberno central ten que argumentar, con fundamento, esta negativa a contemplala, sobre todo cando outros países –caso de Italia- están impulsando medidas semellantes”, engaden.

“O Ministerio fai ouvidos xordos ás propostas de Galicia e non traslada nada útil“

O desencontro entre a Xunta e o Goberno Central na crise de prezos que padecen os produtores de leite é evidente. “Lamentamos que unha vez máis o Ministerio de Agricultura faga ouvidos xordos ás propostas de Galicia nesta materia”, critican dende a Consellería de Medio Rural. “Cando menos, que o Ministerio formule algunha idea construtiva ao respecto, porque semella que non fai máis que tratar de desmontar as iniciativas galegas, sen trasladar nada útil”, advirten. Así, lembran que “por parte da Xunta se trasladaron diferentes medidas para reactivar este sector, pero o Ministerio non contestou ningunha”. Concretamente refírense á proposta de Galicia para recoñecer na normativa estatal plataformas informáticas de organismos públicos como medio de proba do custo efectivo de produción, caso da galega Conta Láctea. “A implantación desta ferramenta reforzaría a posición negociadora dos gandeiros, pero o Ministerio desprezouna”, denuncian dende a Xunta. A outra reclamación do goberno galego é que a devandita prima de emerxencia para reducir as perdas das ganderías de vacún de leite, unha media que o Ministerio desbota por considerala ilegal. A este respecto, a Xunta denuncia que o Ministerio incumpre as súas propias leis, en concreto a Lei da Cadea Alimentaria. “En Galicia estamos nunha situación de venda a perdas xeneralizada, como se pode discutir a aplicación da Lei da Cadea Alimentaria (...) e se os custos de produción son de 40 céntimos por litro, todos os contratos que estean por baixo dese prezo serían ilegais”, conclúen. “Lamentamos que o Ministerio defina como “ilegal” a prima de 4 céntimos por litro, cando está pendente de arranxar algo que non é legal -os contratos con prezos por debaixo dos 40 céntimos- de acordo cunha norma -a Lei de Cadea Alimentaria- que eles mesmos aprobaron no Parlamento nacional e que nós xa advertimos que ía quedar en papel mollado”, critican dende a Consellería de Medio Rural. Outras propostas que se trasladaron ao Ministerio por parte da Xunta son a creación da Axencia de Información e Control Alimentario de Galicia, un organismo de control do cumprimento das obrigas derivadas da Lei da Cadea Alimentaria na Comunidade Autónoma Galega; e a creación do Observatorio do Sector Lácteo, un organismo no que se formalizarán as relacións entre os diferentes elos da cadea de valor, “co fin de construír ese valor de xeito equilibrado e transparente”.

A cooperativa CLUN anuncia que subirá entre 2,5 e 3 céntimos o prezo do leite

As persoas asociadas á cooperativa CLUN verán novamente incrementados os seus ingresos pola recollida do leite en orixe, cun aumento de entre 2,5 e 3 céntimos por litro que se aplicará a partir do próximo mes de abril. Este é o cuarto incremento de prezos que a cooperativa galega produtora das marcas lácteas Únicla, Feiraco e Clesa efectúa en oito meses, xa que durante o segundo semestre do pasado 2021 tiveron lugar tres subidas: a primeira en xullo, a segunda en outubro e a terceira no mes de decembro. Con esta nova medida, que se suma a outras xa implantadas como o axuste á baixa na tarifa dos pensos, CLUN segue contribuíndo á maior estabilidade do sector lácteo de Galicia. “A conxuntura actual do sector, co incremento dos custos de produción que afectan as explotacións gandeiras, fai necesario redobrar esforzos para lograr unha cadea de valor do lácteo máis equilibrada, que garanta a sustentabilidade e o futuro do sector”, sinala Juan Gallastegui, director xeral de CLUN. “Traballamos pola estabilidade, para lograr prezos sostibles en cada tramo da cadea de valor do lácteo, coidando especialmente dos nosos gandeiros e das súas familias, que son o piar fundamental”, engade Gallastegui, indicando que “a rendibilidade das explotacións é garantía do futuro do sector e do medio rural galego, para que se poida vivir del e nel”.

O custo de producir un litro de leite en Galicia incrementouse un 12%

O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou hoxe aos representantes dos gandeiros galegos de vacún de leite un estudo que constata un impacto do incremento dos seus custos de produción de 4 céntimos por litro no 2021 en comparativa co ano 2020. Na presentación, que tivo lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), participaron representantes de Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega, a Asociación Agraria de Galicia e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias. Este informe, elaborado en colaboración coa Fundación Juana de Vega a partir dunha mostra representativa de explotacións, avalía a evolución tanto dos prezos do leite como dos seus ingresos e custos entre 2020 e 2021. Así, en relación cos primeiros, confírmase que aumentaron un 3,16%. Pola súa banda, os ingresos medraron un 2,71%, mentres que os custos se incrementaron en preto do 12%. Isto supón, tal como explicou o conselleiro, que “se está a rexistrar no sector unha situación de venda a perdas xeneralizada, algo que vai en contra da Lei nacional da Cadea Alimentaria”. En concreto, os custos das materias primas e insumos avaliados neste estudo refírense aos alimentos para o gando, a electricidade, o gas e o gasoil, fundamentalmente. No caso da enerxía rexistráronse subas de ata o 55%. No que atinxe á cebada, o custo medrou en máis dun 31%, no penso preto do 17% e no carro mesturador externo que leva a ración ás explotacións de case o 12%. Con estes datos, o conselleiro indicou que se está a vivir un importante deterioro das contas de resultados das explotacións, situándose a marxe neta de ingresos no -2,3%, cando no 2020 este indicador era positivo e acadaba case o 6%. “Como conclusión, -tal e como advertiu o titular de Medio Rural-, constátase que o impacto estimado da suba de materias primas nos custos de produción nas explotacións foi de 4 céntimos, pasando dos 0,36 céntimos por litro aos 40.

Demandas ao Ministerio

Tendo en conta estas consideracións, e para buscar unha regulación desta situación de crise, o conselleiro reiterou as demandas trasladadas ao Goberno central por parte da Xunta e os representantes dos gandeiros galegos. Así, demándase ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os produtores a nivel nacional que faga que se habiliten mecanismos para incrementar o prezo actual dos contratos de venda do leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade económica do sector. Esta prima, insistiu González, debería acadar os 4 céntimos por litro de leite producido, cun tope de 41 céntimos (excluíndo primas por calidades e IVA) e debería manterse durante todo este ano. O obxecto desta medida, xa aplicada polo Goberno de Italia, é paliar as dificultades que está a atravesar o sector polo incremento dos custos de produción. Porén o Ministerio de Agricultura pecha a porta a esta medida ao considerar que vulneraría tanto a lexislación española como a europea en materia de competencia. Ao tempo, o conselleiro sinalou que o MAPA ten que habilitar de inmediato mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición da venda a perdas. Isto pasa, engadiu, por unha mellor regulación a nivel de lei estatal dos mecanismos de control desa prohibición, pero tamén por contribuír con financiamento do Estado ao desempeño polas comunidades autónomas e nomeadamente Galicia das súas novas competencias en materia de control. Nesta mesma liña, José González recordou outra das petición ao Ministerio, relacionada coa aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta para permitir os gandeiros calcular os seus custos de produción e, consecuentemente, o prezo ao que deberían vender o leite para obter rendibilidade. Trátase de que o Estado recoñeza esta ferramenta na normativa como medio de proba do custo efectivo de produción. Así, lembrou o conselleiro, a implantación deste instrumento no conxunto do sector permitirá ter datos homoxéneos e constatar a súa evolución no tempo, o que tamén fará posible a xeración de informes e índices que sirvan de referencias para a negociación dos contratos.

Importancia do sector

Ademais, o titular de Medio Rural puxo en valor a importancia do sector lácteo para a economía rural da nosa comunidade. Isto, salientou, maniféstase con feitos como o liderado de Galicia como principal rexión produtora de España e a súa novena posición no ranking europeo e remarcou que por iso a Xunta, de acordo co sector, aprobou unha Estratexia de dinamización que ten como principal obxectivo consolidar a súa profesionalización e mellorar a súa rendibilidade. Tras a xuntanza de hoxe, a Xunta e as organizacións profesionais agrarias asinarán un acordo que recollerá todas estas medidas e que será remitido ao Ministerio. Na reunión participaron Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias; a vicerresponsable do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez Vázquez, e Xulio Fernández, desta mesma organización; Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), e Manuel Iglesias, desta mesma entidade; Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e Higinio Mougán, xerente desta entidade; e -por último- Manuel da Cal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga).

Descarga aquí o informe

O prezo do leite en orixe na UE sitúase no nivel máis alto dos últimos 20 anos

O prezo do leite en orixe está nestes momentos na Unión Europea nos niveis máis altos dos últimos 20 anos: unha media de 0,413 euros por litro en decembro e 0,418 en xaneiro. Así se desprende do último informe do Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea, onde se constata a boa evolución do prezo do leite no campo, impulsado polos elevados prezos dos derivados lácteos no mercado internacional. De feito, hai que retrotraerse a xaneiro de 2014 para atopar un prezo similar: 0,40 euros o litro. Como xa vendo sendo habitual, naqueles países cunha industria láctea máis volcada a produtos de valor engadido e con vocación exportadora e cun leite con máis porcentaxe de graxa e proteína, os prezos medios son maiores (Holanda, Dinamarca, Bélxica, Irlanda...).

Continúa a suba dos productos lácteos no mercado internacional

A boa marcha do mercado lácteo internacional de produtos lácteos está detrás desta evolución positiva. En concreto, as cotizacións na Unión Europea a mediados de febreiro rexistraron unha suba do 2,4% respecto a comezos de xaneiro na manteiga, que se mantén en prezos moi altos (5,92 euros o quilo). O leite en pó foi o que experimentou unha maior suba respecto á primeira quincena do mes pasado: un 4,3% máis o desnatado (3,60 euros o quilo) e un 3,9% máis o enteiro (4,48 euros o quilo), mentres que o queixo cheddar tamén puxa á alza nas súas cotizacións (3,61 euros o quilo, un 4,9% máis respecto a xaneiro). A nota menos positiva na primeira quincena de febreiro está a ser o incremento dos custos de produción para as ganderías debido a suba dun 6,4% dos custos da enerxía (gasóleo, fertilizantes e electricidade) e dun 1,7 nos costes de alimentación. En canto ao Global Dairy Trade, a poxa de lácteos organizada cada dúas semanas pola cooperativa neozelandesa Fonterra, os datos publicados esta semana tamén son moi positivos: subas do 6% nas cotizacións do leite en po desnatado; do 4,2% para o leite en po enteiro; do 5,1% para a manteiga e do 3,5 % para o queixo cheddar.