Archives

“Necesitamos aplicar unha silvicultura que poña no mercado madeira de máis valor, con novos usos para a industria”

A boa demanda e altos prezos que acadaron os piñeiros nos últimos anos fixeron que propietarios forestais e comunidades de montes recuperasen a ilusión nas masas de coníferas. Entrevistamos ó enxeñeiro de montes Jorge Bouzas, da Asociación Forestal de Galicia, para falar con el da xestión que deben ter os piñeirais, de cara a producir madeira de calidade. Visitamos ademais con el traballos forestais na comunidade de montes de Balouta e Fontecova (Dodro, A Coruña). - Explícanos unhas recomendacións xerais para planificar as masas de piñeiro. - Na Asociación Forestal de Galicia partimos de modelos silvícolas de produción de madeira de alta calidade, con dous itinerarios posibles: a rexeneración artificial, que se fai mediante plantación, e a rexeneración natural tras corta, que é moi habitual en comunidades de montes. No caso da rexeneración artificial por plantación, sempre aconsellamos empregar planta con mellora xenética, con I+D. Partindo desa planta de calidade, temos a opción dun marco aberto de 4x4 metros, case definitivo, con planta moi boa, e hai tamén a posibilidade dun marco máis denso, de 4x2,50 metros, que nos permite facer unha posterior selección dos pés de porvir, así como acceder a axudas públicas para a xestión da masa. En calquera caso, sempre recomendamos distancias de 4 metros nas filas para evitar nos posteriores traballos danar o arborado, con toques do tractor ou maquinaria. Nos traballos de preparación de terreo, recomendamos sempre un subsolado profundo, se pode ser cruzado mellor. Outra opción é a apertura de buracos de plantación con mini pala. No caso do rexenerado natural, trala corta hai que facer un tratamento dos restos e esperar a ese rexenerado natural, para ver se é suficiente, e logo abrir unhas rúas e selecionar as árbores que se deixan. Poda nun piñeiral no monte veciñal de Balouta E Fontecova. - Estamos na comunidade de montes de Balouta e Fontecova, un monte veciñal que é un exemplo de aposta polo piñeiro nas arredor de 500 hectáreas que xestiona. Cóntanos a situación silvícola do monte. - A comunidade de montes de Balouta e Fontecova principalmente ten masas de piñeiro que sempre acuden a rexeneración natural. Teñen unha rexeneración natural moi boa no monte, teñen moi boa planta e entón sempre optan por facer cortas, tratamento dos restos e aproveitar o rexenerado para abrir rúas o primeiro ou o segundo ano, axudando con rexeneración artificial nas zonas puntuais onde non nacera o piñeiro. - Cales son os traballos silvícolas precisos ó longo de todo o ciclo dunha plantación ou dun rexenerado natural de piñeiros? - Unha vez feita a plantación, hai que facer un seguemento aos 6 meses ou primeiro ano, para proceder a unha reposición de marras. Isto é importante sobre todo se estamos nun marco de densidade baixo, de 4x4 metros, para asegurar o número de plantas.
Con carácter xeral, haberá que facer unha poda entre os 8 e os 10 anos, de cara a evitar a formación de nós ou a minimizalos
Logo é recomendable nos primeiros 3-4 anos facer un desbroce, para o control da vexetación acompañante e facilitar o desenrolo dos piñeiros. Este traballo, dependendo do crecemento, pódese acompañar dunha poda moi somera dos verticilos inferiores dos piñeiros. No caso dunha rexeneración natural, se esa rexeneración é viable hai que abrir rúas, cun ancho de labor de 2,5 – 3 metros. No metro restante, iremos seleccionando os pés que queremos , ata conseguir as rúas e densidade buscada. A partir de aí, os tratamentos son comúns. Consisten en facer unha primeira poda baixa, que se debe facer, en función dos crecementos, entre os 8 e 10 anos. Convén non retrasala moito para que as pólas non sexan grosas cando se podan. As pólas de 3 centímetros ou menos son as ideais para que as feridas pechen o antes posible e para concentrar os nós no interior das árbores.
Os rareos son importantes para concentrar o volume de madeira para corta final nos mellores pés, que sexan máis rectos e cilíndricos
Despois, unha vez feitas esas podas, son tamén importantes os rareos para rebaixar a densidade, sobre todo nos modelos de densidade máis alta. Faríanse rareos que se chaman polo baixo para eliminar os pés máis baixos, que están dominados, bifurcados, que están torcidos ou con algún dano. Favorecerase así que queden na finca os pés mellores, máis rectos, máis cilíndricos, con poda correcta, nos que tentaremos concentrar o volume de madeira para corta final. - En canto á elección de especie de piñeiro, que recomendacións estades dando na Asociación Forestal? - Hai varios tipos de piñeiro no mercado, que son sobre todo o ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país) e o ‘Pinus radiata’ (piñeiro radiata ou insigne). O ‘pinaster’ é un piñeiro máis agradecido se hai pouca xestión, porque tende a facer unha mellor poda natural, tende a ter menos enfermidades. No caso do ‘radiata’, é recomendable unha silvicultura para reducir eses nós, que non debe haber na madeira de calidade, polo que hai que facer esas podas temperás. Tamén son necesarios os rareos para que a masa estea saneada e circule ben o aire por ela, evitando os fungos, que son habituais nas masas de piñeiro radiata.
"En piñeiro insigne, a recomendación é ter as masas o máis aireadas posible, con podas baixas e rareos, para previr a entrada do fungo das bandas"
- Na actualidade e de cara ós próximos anos, cales son as perspectivas de sanidade nas masas de piñeiro? - Os principais problemas son a praga do nematodo do piñeiro, que por agora está concentrada na zona sur de Pontevedra, e os fungos das bandas, que afectan sobre todo ó piñeiro radiata na zona de Lugo. No caso do nematodo, non se sabe ata que punto quedará retido na zona sur de Galicia. En todo caso, hai ensaios de proxenie feitos para atopar familias de piñeiro que manifesten máis resistencia ó nematodo. A recomendación sería que no momento en que esas familias testadas estean dispoñibles nos viveiros, claramente identificadas, optar por esas familias para a plantación. No caso das bandas, si é certo que houbo un aumento, por entradas da enfermidade das bandas desde País Vasco e Asturias, algo fomentado por invernos cálidos. Agora estamos nun ciclo no que a enfermidade das bandas está tendo bastante importancia, sobre todo na zona de Lugo e en piñeirais de insigne. A recomendación é ter as masas o máis saneadas posible, con podas baixas e rareos que permitan mellorar a aireación da masa. Chegado o caso, a nivel de tratamentos tamén se pode intervir con produtos funxicidas para intentar rebaixar o nivel de esporas do fungo e controlar a enfermidade.
"Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. É certo que agora estamos nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para o piñeiro"
- Cal é a perspectiva de rendibilidade das plantacións de piñeiro a medio prazo? - Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. Iso demostrou que o propietario, cando percibe que o piñeiro ten un valor, vai apostar por el. Estamos agora mesmo nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para esa madeira. Temos que traballar nós tamén para facer os traballos silvícolas necesarios, de cara a poñer no mercado madeira de alta calidade que lle permita valor engadido á industria e usos que ata agora non eramos capaces de acadar. - Os traballos silvícolas dos que falamos, serían a principal clave para obter madeira de calidade? - Efectivamente, nos piñeirais sempre son moi importantes os coidados silvícolas de podas, rareos e entresacas. Estes traballos van sempre encamiñados a producir madeira dun elevado diámetro, moi cilíndrica e sen presenza de nós. Se facemos podas no momento que proceda, entre os 8 e os 10 anos, e rareos en anos posteriores, imos concentrar o volume de madeira en pés de calidade de maior diámetro, o que nos permitirá pensar en destinos de serra, chapa e desenrolo. No caso de que partamos de marcos amplos de plantación, son importantes as entresacas de madeira adulta, ós 15-18 anos, nas que imos extraer sempre os pés dominados, partidos, enfermos ou danados. - Falabas antes de que os altos prezos do piñeiro confirmaron que o propietario forestal, cando hai boas perspectivas, aposta polo piñeiro. Que evolución estades vendo do interese na especie? - As comunidades de montes sempre foron máis fieis á especie, por exemplo no Barbanza e no sur de Pontevedra, sempre tiveron bastante superficie de piñeiro, con tendencia a mantela. No caso dos propietarios particulares, si que é certo que cando os prezos foron baixos houbo un claro cambio ó eucalipto por tema de rendibilidade. Pero no momento en que o propietario viu que o piñeiro acadou un prezo moi superior ó eucalipto, houbo unha aposta clara pola plantación de piñeiro. - Na Asociación, que recomendacións estades facendo en canto a elección de especies e ordenación do monte? - Distinguimos entre pequeno propietario e comunidades de montes. O recomendable é non apostar sempre por unha especie, senón diversificar. Para as comunidades de montes, a parte das masas de piñeiro, recomendamos apostar por frondosas nas zonas de valgada, nas franxas dos camiños e preto das vivendas. Son zonas condicionadas pola normativa de prevención de incendios e pódense facer aí plantacións de frondosas con vistas a controlar o sotobosque, de xeito que os traballos posteriores de desbroce se abaraten. No caso dos propietarios particulares, a diversificación é máis complicada, pois falamos de pequenas propiedades nas que non ten sentido rodalizar en exceso. O normal é facer aí unha aposta máis monoespecífica, tendo en conta a normativa que lle afecte a cada persoa. - As masas de piñeiro presentan nos últimos anos un certo auxe de aproveitamentos multifuncionais, a maiores da madeira. Que posibilidades destacarías? - Hoxe en día, xa hai cada vez máis comunidades de montes que teñen os seus coutos micolóxicos. Está tamén a extracción de resina, que probaron bastantes comunidades, como forma de ter a masa limpa e persoal traballando no monte en época na que é importante a prevención de incendios. Outra opción a ter en conta é a dos mercados de carbono, que poden proporcionar un extra de ingresos. Polo de agora, en España a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica permite que entren nos mercados de carbono as superficies forestadas que estiveran rasas desde o 1989 ou terreos afectados por un incendio nos que se faga plantación ou apertura de rúas para rexeneración natural. Extractos da entrevista en vídeo

Como afrontan montes veciñais e propietarios a prevención de lumes arredor das vivendas?

Dúas de cada tres hectáreas de Galicia son forestais. O resto do territorio divídese entre terras agrarias e máis de 30.000 núcleos de poboación. Durante décadas, as terras agrarias constituían unha fronteira natural entre aldeas e monte, pero a progresiva perda de actividade agraria, unida á perda de poboación no interior galego, difuminou a barreira de prados e terras de cultivo. Outro fenómeno paralelo foi o achegamento de urbanizacións e vivendas ó monte en áreas periurbanas, co consentemento das Administracións. Ese escenario explica a situación actual, na que a xestión das arredor de 85.000 hectáreas forestais que se ubican en franxas de seguranza de vivendas convertiuse nunha tarefa titánica. Como afrontan montes veciñais e propietarios particulares ese desafío?. Falamos con técnicos do sector que traballan coas comunidades de montes e propietarios particulares. Hai coincidencia en dúas apreciacións. Primeira, as comunidades de montes están adaptándose de xeito progresivo ás esixencias de prevención, basicamente con investimentos propios. Segundo, sería preciso un maior apoio público para a xestión da rede seguranza.
Xosé Covelo. Director técnico da Asociación Forestal de Galicia (AFG)

“As comunidades de montes están investindo nun labor de protección civil que non lles corresponde”

A Asociación Forestal de Galicia destaca en primeiro lugar o seu traballo de información e asesoramento ós propietarios e montes veciñais, “que en xeral teñen pouca información da Administración, en moitos casos só por vía de propostas de sanción”, sinala o director técnico da AFG, Xosé Covelo. En canto ás comunidades de montes, Covelo apunta que a maioría das redes de prevención figuran nos instrumentos de ordenación das comunidades. De acordo con eses instrumentos, os montes veciñais están procedendo a eliminar piñeiros e eucaliptos nas faixas de seguranza establecidas (50 metros arredor do límite de solo urbano ou vivendas). Un segundo paso é a plantación nas franxas de corredores verdes de frondosas caducifolias, “principalmente bidueiros e carballos”, sinala Covelo. Trala plantación, queda a obriga de acometer periódicas rozas do mato, “que representan un gasto permanente”. “É un traballo que con frecuencia faise en exclusiva con fondos propios, xa que as axudas da Xunta para forestación con frondosas obrigan ó propietario a elixir só unha liña de forestación: ou ben plantacións en parcelas forestais non ubicadas en redes de seguranza ou ben a plantación en faixas de seguranza” -cuestiona Covelo-. Así as cousas, “as comunidades de montes están asumindo o peso do gasto dun labor de protección civil que non lles corresponde”, valora. Malia as dificultades, a maioría de montes veciñais está acometendo a xestión das franxas, a excepción, nalgúns casos, dalgunhas zonas que, pola súa orografía, teñen complicada mecanización. Aumentar a biodiversidade “Para a xestión das franxas de seguranza arredor de vivendas, estamos recomendando en xeral a plantación de frondosas, salvo algunhas zonas que non teñen solo apto para estas especies”, apunta Covelo. “Son unha vía para aumentar a diversidade do monte e en 15-20 anos, cando a súa copa impida o paso da luz, reducirase o custo do mantemento, pois non medrará o mato”, explica.
"A frondosa máis habitual para as faixas é o bidueiro, co complemento do carballo. En solos bos de exposición norte e oeste, tamén o castiñeiro"
A recomendación principal de especies pasa polo bidueiro, unha árbore pioneira que adoita implantarse ben, co complemento do carballo autóctono. “En zonas con solo profundo de orientación norte ou oeste, tamén pode plantarse castiñeiro, pero en orientación sur non tería sentido”, sinala o director técnico da AFG. “Para zonas de exposición sur, nalgúns casos empréganse sobreiras”. Franxa plantada con frondosas nunha zona de orografía difícil. / Imaxe: AFG. Propiedades particulares Entre os propietarios particulares, en zonas marcadas polo minifundio, as actuacións son máis complicadas. Hai que ter en conta que unha parte das parcelas é de propietarios descoñecidos ou ausentes, en tanto no resto do monte, os propietarios adoitan actuar, en xeral, a requerimento da Administración.
Alejandro Oliveros. Director de ordenación forestal de Ence

“Estamos animando ós propietarios a respetar as franxas de seguridade, para as que lles entregamos de xeito gratuíto planta de bidueiro”

Ence, a principal consumidora de eucalipto na comunidade, iniciou este verán unha campaña para incentivar a plantación de frondosas caducifolias nas franxas de protección de vivendas e núcleos de poboación. “Estamos agasallándolle planta de bidueiro ós propietarios forestais que nos venden madeira de eucalipto e, nesta primeira fase, estamos correndo ademais cos custos de plantación”, explica Alejandro Oliveros, director de ordenación forestal de Ence. Plantación de bidueiros por Ence. Oliveros considera que o bidueiro é unha especie que ademais pode proporcionarlle ós propietarios unha renda futura, se deciden cortalo. En Galicia, na actualidade o principal destino do bidueiro é para leñas e taboleiros, se ben trátase dunha especie que en países do norte de Europa emprégase tamén para pasta de papel. Preguntado sobre esa posibilidade, Oliveros non a descarta, se ben precisa que Ence na actualidade traballa en exclusiva con eucalipto. A pasteira valora tamén introducir outras frondosas caducifolias na oferta de planta para as franxas de prevención dos propietarios que lles vendan madeira.
Manuel Méijome. H20 Iniciativa no medio rural

“Os montes con proxectos de ordenación aprobados están a deixar as distancias esixidas en todas as repoboacións”

Manuel Méijome, da consultora forestal H20 Iniciativa no medio rural, apunta a que a maioría de comunidades de montes con proxectos de ordenación aprobados están a cumprir as obrigas derivadas das franxas, tanto no caso das secundarias, arredor de núcleos de poboación, como das primarias, arredor de estradas. “Nas estradas, a idea da normativa é crear cortalumes verdes con frondosas nas dúas beiras da estrada. En xeral, estanse empregando para iso bidueiros e carballos. É un sistema que para ter eficacia, está condicionado a que as frondosas non morran e a que esa superficie se manteña desbrozada, que é complicado”, apunta. Nos propietarios particulares, a xestión das franxas difire duns concellos a outros, segundo a experiencia de Méijome. “No interior de Lugo, temos casos como o do Incio, que cumpre ao pé da letra a normativa, con notificacións ós propietarios no caso de incumprimento, en tanto outros Concellos teñen unha actitude máis flexible”, valora.
"A orde de axudas obriga a empregar planta de orixe galega, pero non existe suficiente carballo de procedencia galega"
En canto ás dificultades que se están atopando comunidades de montes e propietarios para cumprir coa normativa, a parte das económicas, Méijome apunta a carencia de plantas de frondosas de procedencia galega. “A orde de axudas obriga a empregar planta de procedencia galega, pero atopámonos con que non existe suficiente carballo de orixe galega”, cuestiona. Ante esa situación, a alternativa que queda é o bidueiro e o castiñeiro, este último no caso de solos profundos con humidade suficiente. “Se o castiñeiro se planta nun sitio equivocado, nun verán seco pode morrer a metade da planta”, advirte.
José Manuel Iglesias. Xesforest Ingeniería

“Os corredores de frondosas arredor das estradas teñen un custo laborioso”

Outro técnico que traballa no interior de Lugo é José Manuel Iglesias, de Xesforest Ingeniería, que analiza o que sucede no entorno de Friol. “As comunidades de montes e propietarios están xestionando por si mesmas en gran medida as áreas lindantes coas casas, tanto por iniciativa propia como por requerimentos dos Concellos”, explica. En canto ás beiras das estradas, onde hai que cortar piñeiros e eucaliptos e pódense implantar frondosas, “é un traballo moi laborioso que esixe un investimento anual de rozas. É máis complicado, sobre todo cumprir en tempo e forma cos desbroces do mato cada ano”, valora José Manuel. “O ideal sería facer alí unha selección de brotes de frondosas, para rexeneralas, pero é un traballo que ten un custo laborioso e que non ofrece rendemento económico”, explica. En canto ás especies coas que máis se traballa, José Manuel coincide en sinalar o bidueiro, “que ten fácil implantación, mesmo en terreos malos” e o castiñeiro para froito en zonas que foron terras de cultivo no seu día.

A Xunta limpará a biomasa arredor das vivendas en sete concellos nun plan piloto

A Xunta xestionará directamente a biomasa preto das vivendas de sete concellos piloto seleccionados ao abeiro do convenio de defensa das aldeas, asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga. Nestes municipios, as franxas secundarias comprenden unha superficie total de 2.500 hectáreas preto das casas, distribuídas en máis de 50.000 parcelas dos concellos de Carnota, na provincia da Coruña; As Nogais, na de Lugo; Cualedro, A Gudiña, Monterrei e Lobios, na provincia de Ourense; e Gondomar, na de Pontevedra. Precisamente hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, realizou unha visita a unha zona na que se están a executar traballos de xestión da biomasa preto das vivendas no concello de Carnota. Estivo acompañado polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, polo alcalde en funcións da localidade, Juan Manuel Saborido, e pola directora-xerente de Seaga, María Luisa Piñeiro. O conselleiro lembrou que o principal obxectivo do devandito convenio é apoiar os particulares e os municipios no seu cumprimento da normativa sobre prevención de incendios, pero que a Xunta quixo ir máis alá e por iso se planificaron estas actuacións integrais nos sete concellos mencionados, como complemento ao labor feito polos propios titulares dos terreos.

Reforzo da prevención

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou que se introduciron melloras na normativa sobre incendios forestais para reforzar dita prevención. Así, cunha disposición adicional modificouse a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia para facilitar e axilizar a execución dos labores de xestión da biomasa. Desta forma, sinalou José González, con dita modificación precisouse mellor que a obrigación de xestión de biomasa é durante todo o ano, aínda que desde finais de maio se intensifiquen os controis e desde principios de abril para aqueles que incumpriron nos últimos catro anos as súas obrigacións de xestión. Do mesmo xeito, clarificou o conselleiro, o apercibimento aos particulares é válido por catro exercicios, o cal soluciona o problema de ter que apercibir todos os anos e abriuse a posibilidade de proceder directamente á execución subsidiaria por parte da Administración competente naquelas parcelas de propietarios que desatenderan ditos avisos. Por último, tamén se solucionou o problema do cobro dos custos da execución subsidiaria, xa que ata o momento non se podía recadar pola Administración autonómica, por corresponder a unha competencia municipal, matizou o titular de Medio Rural.

Actuacións en Carnota

No caso concreto de Carnota, segundo explicou González, as franxas secundarias comprenden unha superficie de preto de 377 hectáreas preto das casas, distribuídas en algo máis de 9.600 parcelas, e engadiu que preto de 46 hectáreas xa foron contratadas a Seaga para a súa adecuada xestión. Ademais, neste municipio tamén se está traballando nun Perímetro de Alto Risco de Incendios (PARI), unha figura que ten por obxecto anticiparse aos lumes forestais adecuando as infraestruturas preventivas e a rede de faixas de xestión de biomasa situadas preto das vivendas. Así, estanse levando a cabo actuacións preventivas en case 12 hectáreas e 10 quilómetros de superficie onde o estado de abandono significa un alto risco de propagación de incendios forestais. Nesta liña, estes labores enmárcanse no Plan preventivo impulsado pola Xunta e que estará en vigor ata marzo de 2024. Esta planificación prevé actuar cando menos en 60.000 hectáreas e nuns 5.600 quilómetros de vías, ademais de en máis de 4.800 puntos de auga, en toda a xeografía galega. Neste contexto, salienta como novidade este ano a posta a disposición dun visor de faixas secundarias de xestión de biomasa (as que rodean as vivendas), accesible para toda a cidadanía. Mediante esta ferramenta é posible delimitar as devanditas faixas daqueles concellos que teñan o plan de prevención de incendios aprobado. Desta forma, calquera persoa poderá visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e área afectada pola faixa.

Convenio coa Fegamp e Seaga

En relación co convenio asinado coa Fegamp e Seaga, ao que están adheridos o 89 % dos concellos galegos -entre eles o de Carnota-, José González puxo en valor o feito de que entre 2021 e 2022 se inspeccionaran preto de 85.000 hectáreas e máis de 1,2 millóns de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias e que a superficie xestionada -ben polos propietarios, ben de xeito subsidiario- pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70% en 2022.

Principais novidades do Plan de Prevención de Incendios Forestais de Galicia 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa; subliñou a “novidade” de contar cun visor público en liña para que calquera cidadán saiba que parcelas deben estar acondicionadas; e valorou a implicación das brigadas forestais na revisión das faixas preto das casas para que a xestión da biomasa sexa a correcta, xa que ata o de agora só se encargaban dos labores de roza e extinción. Ademais destas accións no territorio, Conde puxo en valor actuacións dirixidas á concienciar a poboación que se recollen no Plan de prevención de incendios forestais —ao que hoxe o Consello da Xunta lle deu o visto e prace— como as máis de 300 charlas en centro educativos de Galicia ou accións de formación en 40 parroquias de alta actividade incendiaria do rural. Conde precisou que o plan estará en vigor ata marzo do próximo ano 2024 (incluído) e prevé actuar en cando menos unhas 60.000 hectáreas de terreo e nuns 5.600 km de pistas forestais e outras vías, ademais de en case 4.840 puntos de auga, entre a creación de puntos novos e o mantemento dos existentes. No que se refire ás queimas prescritas, deica marzo de 2024 está previsto executalas en máis de 2.100 hectáreas. O plan contará cun orzamento de case 38,8 millóns de euros, máis dun 17 % de aumento con respecto ao de 2022.

Principais novidades

Conde explicou que coa incorporación de diversas novidades, búscase reforzar a revisión e xestión da biomasa nas franxas secundarias (as máis próximas ás vivendas), tendo en conta ademais que son xa 279 os municipios adheridos ao convenio de protección das aldeas entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, o que supón o 89 % do total. Deste xeito, avanzou que están previstas xa 2.790 hectáreas de execucións subsidiarias no marco do acordo, cifra que podería aumentar coas actuacións en concellos piloto. Unha desas novidades é un visor público ao abeiro do convenio, que mostrará aos cidadáns, para a súa consulta e posterior limpeza, as parcelas dentro das faixas (en concreto, dos concellos con Plan municipal de prevención aprobado). Así mesmo, incorpórase a revisión para comprobar o nivel de xestión dos predios das franxas secundarias nos convenios de brigadas que mantén o Goberno galego cos consistorios, que ata agora se centraban en labores de roza e de extinción.

Obxectivos xerais

O principal obxectivo deste plan preventivo é anticiparse aos incendios forestais ou que, no caso de que se rexistren, a súa propagación sexa a menor posible. Asemade, entre as súas finalidades están as de limitar a potencialidade dos grandes incendios forestais (GIF), elaborar a cartografía necesaria para planificar as actuacións preventivas con maior eficiencia ou deseñar unha rede de infraestruturas preventivas correctamente dimensionada, e mantela en bo estado de conservación. Trátase tamén de xestionar a biomasa forestal en zonas estratéxicas mediante técnicas silvícolas axeitadas, e de fomentar actuacións silvopastorais e pasteiros, así como de desenvolver un plan de queimas prescritas, avaladas polos técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, co fin de reducir a biomasa en lugares estratéxicos. Neste caso, prevese actuar en máis de 2.100 hectáreas, triplicando as preto de 700 ha realizadas desde abril pasado. A concienciación da poboación sobre o risco que supoñen os incendios forestais e os seus impactos negativos é outra das finalidades do plan, que incidirá sobre todo na poboación rural e tamén na comunidade educativa. Así mesmo, trátase de regular o uso do lume polos cidadáns en función do risco esperado e de manter informados os habitantes do rural, así como de colaborar coas administracións e cos organismos implicados na prevención de incendios, coordinando as actuacións para lograr unha maior efectividade das medidas. Este plan estrutúrase en dous grandes bloques. Por un lado, a programación de medidas e accións dirixidas á poboación e, por outro, as centradas no territorio. As primeiras teñen que ver, por exemplo, coa sensibilización da poboación escolar. Así, están previstas un total de 304 charlas, 16 en cada distrito forestal, dirixidas a estudantes de diferentes niveis, que serán impartidas por axentes ambientais e técnicos. Nesta mesma liña, tamén se prevén accións de formación dirixidas á poboación rural -como 40 charlas en parroquias de alta actividade incendiaria-, así como campañas de difusión en medios de comunicación. Neste punto tamén se inclúe a tramitación do anteproxecto da Lei integral contra os incendios forestais ou o desenvolvemento do Centro Integral para a Loita contra o Lume de Toén (Ourense), que ten xa en funcionamento as pistas de adestramento para vehículos todo terreo e motobombas.

Accións no territorio

O segundo gran bloque deste pan preventivo céntrase nas medidas e accións dirixidas ao territorio. Neste amplo abano intégranse por exemplo as relativas á vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión da biomasa, tanto nas faixas primarias (de estradas e vías férreas) como nas secundarias (as máis próximas ás vivendas) e nas terciarias (de camiños, pistas e devasas en terreo forestal, fundamentalmente). En relación coas faixas máis próximas ás casas, o plan integra, entre outras accións, as vinculadas ao convenio de colaboración subscrito coa Fegamp e Seaga para a protección das aldeas. Así, ponse en valor o feito de que xa estean adheridos ao acordo o 89 % dos municipios galegos (279 en total), así como de que xa estean elaborados 273 plans municipais de prevención (representan case o 98 % dos concellos adheridos) e 216 plans aprobados (máis do 79 % dos elaborados). No marco do avance na elaboración destes plans, este ano -como novidade- ponse á disposición un visor de faixas secundarias de xestión de biomasa, accesible para toda a cidadanía. En concreto, aparecerán delimitadas as faixas secundarias daqueles concellos que teñan o Plan de prevención aprobado, de xeito que calquera persoa poderá visualizar as parcelas incluídas nestas franxas, con indicación da parroquia, referencia catastral, superficie total e superficie afectada pola faixa, co fin último de garantir a prioritaria xestión da biomasa nas contornas das vivendas, de cara á anticipación aos incendios forestais. No plan recóllense datos relativos á xestión da biomasa, tanto en parroquias priorizadas como non priorizadas dentro deste convenio, así como as execucións subsidiarias previstas ou os labores en vías de titularidade municipal. No caso das execucións subsidiarias, cada concello dos 279 adheridos poderá solicitar ata 10 hectáreas de actuación, ata un total de 2.790 ha; pero os designados como concellos piloto (de momento, As Nogais, Monterrei, Cualedro, Lobios, Carnota, Gondomar e A Gudiña) non terán límite, polo que se prevé que esta cifra aumente. A maiores, recóllense as iniciativas veciñais realizadas e as actuacións mecanizadas previstas (mediante o uso de ata 35 tractores e de maquinaria multifunción). Canto á planificación dos labores preventivos, recóllense os que está previsto realizar con medios propios (incluídas as queimas prescritas), os contratados, os desenvolvidos mediante subvencións e os enmarcados en convenios coas entidades locais. Estes últimos refírense ás motobombas, ás rozas ou á constitución de brigadas, neste último caso, con novidades, xa que incorporan para a súa subvención a inspección do estado de xestión de biomasa das parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, máis aló da extinción e da prevención mediante roza. A estes acordos cómpre engadir os convenios entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as deputacións provinciais para o desenvolvemento dos grupos de emerxencia supramunicipais (GES), que tamén desenvolven, entre outros, traballos preventivos; ou o convenio coa Deputación Provincial de Ourense e 13 concellos da provincia para a dotación de tractores e rozadoiras. Con respecto aos puntos de auga, prevese actuar en case 4.840, entre o mantemento dos existentes e a creación de puntos novos. Este plan preventivo integrarase no Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) 2023 que, como é habitual, se aprobará antes do inicio da tempada de alto risco de lumes, que se iniciará o 1 de xullo.

Aposta pola prevención

A implicación da Administración autonómica nas actuacións preventivas incrementouse notablemente nos últimos anos. No ano 2020 o orzamento roldaba os 30,5 millóns de euros, que pasan aos case 39 millóns da actualidade, dende entón propóñense actuacións que cada ano superan os 5.000 km de pistas e que en hectáreas se achegan na actualidade a 60.000 (partíase en 2020 de preto de 46.000). Un punto destacado neste senso é a importantísima evolución do convenio de colaboración coa Fegamp e Seaga, principalmente desde o ano 2021. Así, entre 2021 e 2022, inspeccionáronse un total de 84.914,57 hectáreas de 1.243.069 parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión da biomasa. No relativo á superficie xestionada, ben polos propietarios ou ben de xeito subsidiario, pasou de representar a metade do total en 2019 a superar o 70 % en 2022. Ademais, os propietarios das parcelas non xestionadas están sendo obxecto da correspondente notificación, advertíndolles da repercusión do custo e da imposición de sanción en caso de incumprimento. Estamos a falar, desde o ano 2021, de 250.303 notificacións xeradas e de 208.635 referencias catastrais para publicar en diarios oficiais. Con base no convenio e como reforzo das actuacións preventivas propias deste plan, proseguiuse coa cesión de maquinaria para empregar con este fin. Deste xeito, durante os anos 2021 e 2022 foron beneficiados directamente 55 concellos. Ademais, cedéronse tractores para uso do persoal propio dos distritos forestais, que actuaron en concellos adheridos da súa demarcación.

Ribadeo repoboa as faixas de prevención contra os lumes con árbores autóctonas e froiteiras

A Área de Medio Rural da Deputación de Lugo e o Concello de Ribadeo colaboran na campaña de sensibilización sobre prevención de incendios que a administración municipal ven desenvolvendo nos últimos anos, a través de axudas para a repoboación de faixas de protección fronte aos lumes con árbores autóctonas ou froiteiras. A área provincial financia o programa de achegas que o concello convocou este ano, no que se establecen axudas entre os 50 e os 500 euros para a adquisición de especies como bidueiros, freixos, castiñeiros, cerdeiras, carballos, nogueiras, maceiras ou pereiras, cun importe total de 13.900 euros. A medida axuda ás persoas propietarias de terreos situados en franxas de protección contra os lumes a repoboar con estas especies, adaptándose á normativa contra incendios forestais vixente. A deputada provincial Mónica Freire sinalou que “ao longo destes anos, desde a área de Medio Rural, artellamos diferentes mecanismos para colaborar tanto cos concellos como con asociacións agrogandeiras e particulares nesta materia, entre eles o programa O que non arde”. Lembrou ademais “que a colaboración entre administracións locais ven sendo a única vía para levar a cabo estas iniciativas de sensibilización e prevención de incendios ante a inacción da Xunta de Galiza que, a través da normativa, xenera obrigas tanto para concellos como para propietarios sen poñer os recursos e medios para o seu cumprimento”.

Medio Ambiente dá catro semanas para executar as axudas de prevención de danos da fauna salvaxe

Os beneficiarios das axudas de medidas de prevención para danos de fauna salvaxe vense metidos nunha carreira contrarreloxo, pois quédanlles menos de catro semanas para contratar, executar e xustificar as subvencións de danos de fauna salvaxe. No caso de actuacións de prevención contra danos do lobo con valados e peches fixos, a misión é case un imposible. Outras liñas, como a compra de pastores por danos do xabarín, de mallas móbiles ou de mastíns terán máis posibilidade de execución e xustificación en tempo. Desde Unións Agrarias piden que Medio Ambiente amplie os prazos, unha cuestión que semella complicada polos condicionantes burocráticos. A organización agrogandeira critica que a Consellería de Medio Ambiente atrasase case 6 meses a resolución desta liña de axudas e agora deixe só 4 semanas para que os beneficiarios poidan contratar, executar e xustificar as accións subvencionadas. A Consellería de Medio Ambiente, pola súa banda, sinala que o atraso da resolución das axudas debeuse a que tivo que tramitar un gran volume de solicitudes e a que tivo que pedir nalgúns casos documentación complementaria. A iso engade as inspeccións que precisaba facer en campo para comprobar as fincas nas que os gandeiros querían construír valados fixos. Ese traballo de inspección das fincas semella agora en balde, visto os prazos que deixa a Administración para levantar os valados. Dada a situación, Unións apela ó sentido da responsabilidade da administración autonómica para demandar que a Consellería que dirixe Ángeles Vázquez aprobe unha ampliación do prazo de xustificación das axudas para prevención de danos da fauna salvaxe. Co prazo de presentación de solicitudes finalizado o 21 de febreiro, Medio Ambiente debía ter feito pública a súa resolución no mes de maio, segundo Unións. A organización destaca que desde maio, as persoas beneficiarias terían contado con algo máis de catro meses para realizaren as obras ou actuacións subvencionadas e xustificar o gasto ante a administración. Porén, non foi ata esta semana que a Consellería fixo pública unha resolución que deixa ás explotacións sen marxe de actuación. Unións advirte ademais, que nalgúns casos se reduce o montante das contías solicitadas. Unións tilda de "burla" a ampliación do prazo de xustificación publicada tamén no día de hoxe pola Consellería. E é que coa nova data límite fixada no 9 de decembro, os beneficiarios destas axudas pasan de contar con case 5 meses a pouco máis de 3 semanas, "un prazo no que moi dificilmente lles será posible adquirir os materiais, contratar obreiros e acometer actuacións como instalación de valados ou cercas que en moitos casos acadan extensións quilométricas", apuntan dende a entidade. A organización insta ademais á Consellería a cubrir o 100% do importe das actuacións solicitadas; algo que a Administración non fai en todos os casos. E critica que a Xunta de Galicia tente solventar a falla de fondos suficientes con trabas que obstaculizan o acceso dos beneficiarios a un orzamento raquítico, que deixa ás ganderías sen apoio para facer fronte a uns ataques que ano tras ano lles ocasionan cuantiosas perdas. UUAA lembra que o cárnico de vacún en extensivo será o maior perxudicado, un sector estratéxico e que, como denuncian, xa resultou damnificado no reparto público de axudas para paliar a suba de custos de produción derivada da invasión de Ucraína. A organización agrogandeira destaca o imprescindible papel que estas ganderías realizan dende o punto de vista da xestión do territorio e a prevención dos lumes. E insta á Xunta de Galicia a correxir as condicións desta resolución.

Xornada en Antas de Ulla sobre aspectos prácticos da normativa forestal e de prevención de lumes

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto realizar este xoves, 17 de novembro, no concello lugués de Antas de Ulla unha xornada sobre aspectos prácticos da normativa en materia de montes e de prevención de incendios forestais. Organizada polo distrito forestal IX Lugo-Sarria, terá lugar no salón de actos da Casa de Cultura en horario de 16,00 a 21,00h. Con esta acción formativa preténdese instruír sobre os principais aspectos normativos en materia de montes e de prevención de incendios forestais, avanzar na planificación da prevención e na diminución do risco de lumes, así como preparar á sociedade ante este tipo de continxencias, buscando a súa implicación e corresponsabilidade na adopción de medidas preventivas. Nese senso, o programa inclúe aspectos da lexislación en materia de montes relativos a repoboacións forestais, cambios de actividade, cortas de madeira ou queimas de restos amoreados. No que respecta aos incendios, abordaranse as faixas de xestión de biomasa, a prevención e a autoprotección de vivendas e persoas fronte aos lumes. Esta formación está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas Precisamente nesta páxina poden atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 828 620, ou enviarse un correo a distrito.forestal9@edu.xunta.gal

Curso de formación para a prevención de incendios

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza o curso “Aspectos prácticos da normativa en materia de montes e de prevención de incendios de Galicia” -código FC2022F127172- que se celebrará en Monterroso o xoves 20 de outubro. Terá lugar no Salón de Actos do Centro Sociocultural de Xuventude e Terceira Idade, de 16h a 21h. Contaranse con outras edicións do mesmo en Guntín, o día 27 de outubro, e en Antas de Ulla, o día 17 de novembro. Dentro dos contidos do curso abordarase desde a normativa en materia de montes -cortas de arborado, repoboacións forestais, cambios de actividade, montes veciñais en man común, etc.- a normativa en materia de incendios -obrigas de xestión de biomasa, prevención de incendios, etc.- ou mesmo a medidas de autoprotección de vivendas e persoas ante un incendio forestal. A súa asistencia require de preinscrición, e pode realizarse a través deste enlace. Nesta ocasión, o curso será desenvolvido por persoal técnico da Consellería do Medio Rural e por persoal do Parque de Bombeiros Comarcal de Chantada. Así mesmo, esta acción inclúese na programación de outono de 'Cadeiras de Divulgación Forestal' organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, dentro do plan de formación agroforestal 2022 de Agacal-Consellería do Medio Rural. Para máis información pode escribirse a distrito.forestal9@xunta.gal ou a través do número 982 828 620.

¿Como avaliar as accións a tomar para paliar os danos que provoca o lume no monte?

As vagas de lumes nos montes galegos son un dos males endémicos que ano tras ano afectan a estes espazos naturais, poñendo en risco mesmo vidas humanas ou refuxios para a fauna e montes dun elevado valor paisaxístico como aconteceuno 2020 cos lumes que arrasaron o corazón do Parque do Xurés (Ourense). Pero, que se pode facer para recuperar estes montes arrasados e que políticas de prevención cómpre impulsar? Estas son dúas das preguntas sobre as que están traballando no proxecto europeo “EpyRIs” financiado dentro da convocatoria SUDOE, no que participa a Xunta de Galicia e que conta coa colaboración da Universidade galega, xunto coa Universidade de Valencia, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán e as firmas Tragsa e Tragsatec, entre outros. Na Universidade galega, o grupo multidisciplinar integrado pola catedrática de Análise Económico da Universidade de Santiago María Luz Loureiro García, así como polo catedrático da Área de Proxectos de Enxeñaría na Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Marey, e o investigador Pablo Coello, está a traballar sobre as políticas de restauración dos espazos afectados por estes lumes. “ Para ver que espazos debemos priorizar na restauración, non só se valoran as perdas económicas, senón tamén as ambientais ou aquelas puramente sociais”, explica a investigadora María Loureiro.
“Trátase de ver o impacto global dos lumes dende unha perspectiva multicriterio”: María Luz Loureiro, investigadora involucrada no proxecto
Para decidir que accións priorizar para minimizar estas perdas (ou restaurar os espazos afectados) están botando man de ferramentas empregadas polos servizos federais de protección de bosques americanos. “Trátase de ver o impacto global dos lumes dende unha perspectiva multicriterio”, detalla Loureiro. Buscan deste xeito estimar tamén aqueles custos dos lumes que non sempre teñen unha cantidade económica asignada, pero que son importantes para a sociedade. É o caso por exemplo, do impacto que os lumes teñen sobre os danos ás infraestruturas ou o déficit de investimentos no rural que os incendios provocan. “Xa non é só as perdas económicas directas, senón que a xente deixa de investir por medo a que o lume arrase coas plantacións ou con outras actividades coma os apiarios, ou que a paisaxe se deteriore e deixe de atraer visitantes”, concreta a experta. Para estimar os valores dos montes ardidos máis alá da madeira, tamén están utilizando novas fontes de datos, moitas delas en aberto, como poden ser as fotografías compartidas en redes sociais por turistas, que dan conta do valor destes espazos.

O caso das Neves

Un dos casos que xa teñen estudado é o lume que se produciu no 2017 en As Neves (Pontevedra) onde a virulencia das lapas e o avance do lume arrasara varias vivendas e aproximárase a núcleos importantes de poboación cunha gran virulencia. “Agora estamos en proceso de ampliar a información que obtivemos de xeito directo e completala con outras fontes que nos axuden a estimar os custos que tivo este lume”, explica Loureiro. Ademais dos danos máis obvios tras estes lumes, o equipo tamén concreta que se produciron outras perdas derivadas deles como foi a redución de capturas na campaña da lamprea, cunha fonda tradición nesta zona e que se viu afectada pola merma da calidade da auga. “Un elemento que en Galicia non se valorara moito como é a perda da calidade da auga, nun contexto de cambio climático crecente, comeza a tomar moita relevancia”, concreta a investigadora.
Os danos sobre a calidade da auga tralos incendios comeza a tomar maior relevancia
Os primeiros traballos para coñecer os danos destes lumes baseáronse en enquisas coa poboación afectada e que vivira de primeira man os incendios. Agora, nesta segunda fase están a realizar de novo enquisas, pero desta volta con persoal involucrado en actuacións de recuperación dos espazos queimados, coma os técnicos encargados de planificar as accións a realizar, como pode ser a construción de diques ou presas para evitar escorrentas de terra ou esparexer palla no solo. Unha das prácticas para evitar maiores danos ambientais nas zonas queimadas está a ser o reparto de palla.  Estas enquisas axúdanlle a determinar aquelas accións que deberan ser prioritarias pala conseguir a recuperación de espazos queimados dentro da zona SUDOE. Aínda que logo estas pautas deberán axustarse ás necesidades específicas de cada monte, buscan establecer un catálogo de accións rápidas xerais. “A orografía de sí, así como os asentamentos poboacionais xa van determinar en gran medida as actuacións específicas”, concreta.
Tódalas técnicas propostas dende o CIF Lourizán para a recuperación de espazos superaban amplamente calquera estudo de rendabilidade feito con criterios custo-beneficio
No proxecto, iniciado no 2018 e que se prolongará durante todo este 2021, tamén están a avaliar o custo destas políticas de recuperación para que as técnicas recomendadas realmente teñan un impacto maior ó seu custo. “Polo momento, tódalas técnicas propostas dende o CIF Lourizán para a recuperación de espazos superaban amplamente un estudo sobre rendabilidade, en termos de custo e os beneficios asociados”, detalla Loureiro. Cómpre ter en conta que boa parte das actuacións propostas dende Lourizán se realizaron en zonas con graves problemas de erosión. Co remate da investigación agardan publicar unhas recomendación xerais para aplicar en boa parte do territorio e que logo deberán adaptarse ás características específicas dos montes queimados.

O impacto ambiental, cada vez máis presente

Á marxe do caso de As Neves, no marco deste proxecto tamén realizaron enquisas entre a poboación para coñecer o grao de implicación e concienciación sobre os danos dos lumes. Estas consultas amosáronlles que se está a ter máis en conta o dano ambiental que producen os lumes. “Os incendios acarrean cada vez maiores perdas ambientais, en gran medida pola virulencia dalgúns episodios que resulta moi complicado controlar, e a poboación estase facendo máis consciente destas perdas medioambientais profundas”, comenta a investigadora.
Botaron man de enquisas para coñecer o impacto máis social e global dos lumes
Estas primeiras enquisas realizáronas a través da web e a nivel estatal, polo que agora contemplan ampliar a mostra para contar con outros sectores da poboación ós que lle foi máis difícil acceder deste xeito, como as zonas rurais e a xente de maior idade. Nestas consultas buscaban coñecer a opinión sobre o impacto do incendio ou aquelas accións que estarían dispostos a realizar para reducir os danos e o risco asociados aos lumes forestais. “As enquisas son moi útiles para coñecer un impacto máis social e global dos incendios”, indica.

A insuficiencia das políticas de prevención

A análise e as consultas á poboación tamén permiten avaliar ata que punto as políticas de prevención contan con apoio da cidadanía, tal e como comprobaron no marco doutro proxecto. “Comprobamos que aquelas persoas que xa viviran os incendios de preto eran as que máis dúbidas tiñan sobre os logros que se podían acadar con determinadas políticas de prevención”, apunta a investigadora.
A poboación reclama políticas de prevención que teñan máis en conta os coñecementos das persoas vinculadas ó monte e ás áreas concretas nas que se pretenden aplicar
Nestas enquisas, os entrevistados tamén inciden en que para conseguir unha maior efectividade das políticas de prevención é preciso lograr accións que teñan máis en conta os coñecementos e a experiencia das persoas vinculadas co monte e coas zonas nas que se pretenden desenvolver estas accións. “Apuntan a importancia de contar con accións codeseñadas cos propietarios do monte e coa xente que vive e ten preto o monte para conseguir a seu compromiso na prevención”, concreta Loureiro. Outro dos aspectos que se sinalan nestas enquisas é o elevado custo que para moitos propietarios pode supoñer as políticas de prevención e xestión dos montes. “Moitos senten que non se está a valorar como debera os beneficios ambientais e sociais que produce o monte para toda a sociedade, mentres que a eles se lles esixe un mantemento cun custe económico e nalgúns casos sen obter un rendemento económico compensatorio”, comenta a investigadora.

Recomendan tratar as viñas contra o mildio ante a aparición das primeiras manchas

O incremento das temperaturas nocturnas dende o pasado domingo e a elevada humidade ambiental fixo aparecer as primeiras manchas de mildio nos viñedos da provincia de Pontevedra. Por iso, dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación, recomendan aplicar tratamentos ás viñas para previr a aparición e expansión do patóxeno. Ademais, o persoal experto recomenda facer a aplicación dos tratamentos con pistola, cando menos nas parras, co fin de evitar perdas do caldo fitosanitario fóra da zona a protexer e tamén reducir o volume aplicado, debido ó escaso desenvolvemento da vexetación. Tamén recordan que, cos produtos que se adoitan empregar no inicio da campaña, pódese aplicar o tratamento nos momentos de claros entre dous períodos de precipitacións, sempre que dea tempo a secar a viña e que teña pasado polo menos unha hora entre a intervención e as choivas.

Traballos preventivos nos montes de Vimianzo e Camariñas

A Consellería de Medio Rural realizou obras preventivas nos concellos de Vimianzo e Camariñas, pertencentes ao distrito forestal V Fisterra. As accións levadas a cabo consistiron principalmente en melloras de masas e pistas forestais, por un investimento de 120.000€. Estes traballos enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais, o cal, no ano 2021, actuou nunhas 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000km de pistas e vías de comunicación. No concello de Vimianzo realizáronse actuacións de mellora de pistas forestais no monte Coto de Gándara, para que os medios do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais teñan un mellor acceso ao monte. As obras consistiron en movementos de terra e baleirados, así como desmontes, execución de gabias e foxos, reparación de camiños con maquinaria; a inversión foi de case 17.500 euros. Nos montes de Montecelo e Piñeu realizáronse rozas manuais e mecanizadas de matogueira, clareos, podas e trituración de restos nunha superficie de 42 hectáreas, por valor de case 52.500 euros. En Camariñas, os traballos interviñeron nos montes da Ínsua, Curbeiro e Cusiñadoiro, todos eles en zonas de alto risco de incendios. As obras consistiron na limpeza dos montes e na realización de labores silvícolas, tales como roza mecanizada, podas, recollida e apiado dos restos e a súa posterior eliminación nunha zona de 60 hectáreas. O custo destas actuacións foi duns 48.000 euros.

O convenio de protección das aldeas fronte aos lumes acada preto do 70% das parcelas e superficie xestionada

Dende a entrada en vigor en 2018 do convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga, a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- das parroquias priorizadas como de maior risco de incendios pasou de representar a metade do total en 2019 a situarse preto do 70% neste ano 2021.

Dende a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia valórase o bo funcionamento do convenio, que é resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, polo que se dá así cumprimento a un mandato da Cámara galega.

Precisamente ao abeiro deste acordo, a Xunta vén de finalizar os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas de parroquias priorizadas, onde os titulares poden executar a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. Nesa inspección, a Xunta constatou o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, acadándose as tres de cada catro parcelas xestionadas.

Mentres, a uns 65.000 titulares a Consellería do Medio Rural enviaralles unha notificación para que procedan á limpeza advertíndolles que, de non facela, cada concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente. A día de hoxe, xa están advertidos uns 8.000 propietarios e persoas xurídicas dos 81 concellos priorizados mentres uns 31.500 son ilocalizables, polo que se publicarán as notificacións no Diario Oficial de Galicia (DOG) e no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Tras a revisión das parroquias priorizadas, a Consellería do Medio Rural procederá este ano á revisión das parroquias non priorizadas deses 81 concellos priorizados. Así, contratáronse un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio das parroquias priorizadas. Nesta revisión estanse a priorizar os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz.

Operario realizando traballos de desbroce

O convenio

Ademais das accións nas faixas secundarias, o acordo contempla a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, con cargo ao convenio, así como 10 ha de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.

A maiores, está incluída a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia.

Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 1.500 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias, como a que supuxo a entrega á Asociación medioambiental “Axuge” de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas.

Asistencia técnica

No que atinxe á asistencia técnica aos concellos, a Xunta segue apoiando aos consistorios para a tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios, chegando xa aos 232 plans enviados a outros tantos municipios. Deles, 130 xa están aprobados e 41 contan con informe favorable da Consellería e están pendentes da aprobación no Pleno dos concellos.

Canto ás ferramentas tecnolóxicas a disposición dos 270 concellos adheridos, o convenio contempla un visor de traballo que permite determinar e visualizar as parcelas afectadas por faixas secundarias e a aplicación Xesbío, para a xestión dos numerosos rexistros que xera o convenio.

 

A Xunta reforza a loita contra o lume forestal coa mellora do seu dispositivo humano e material

Galicia conta este verán cunha trintena de medios aéreos, entre os da Xunta e os do Ministerio. Así o recolle o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2021)

Este dispositivo complétase con medios terrestres, onde cómpre indicar o incremento de 19 motobombas máis por parte dos concellos, que se suman ao dispositivo de loita contra incendios. Así, o número total de vehículos motobomba a disposición do operativo é de 378, sumando os da Xunta e os municipais.

Nesta liña, renovarase tamén o parque móbil do Servizo autonómico, coa adquisición de 6 novas motobombas e a renovación doutros vehículos. Neste sentido, cómpre lembrar ademais que recentemente entregáronse 11 vehículos ao servizo e que dende o ano 2013 o Goberno galego adquiriu un total de 88 novas motobombas, o que supón que se renovou máis da metade do total destes vehículos do dispositivo. 

Os medios humanos e materiais mobilizados no Pladiga mantéñense, en liñas xerais, en valores similares aos das últimas campañas. Así, o operativo está de novo integrado por máis de 7.000 persoas en total, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os doutras administracións..

Ademáis, como novidades introducidas este ano na actualización do Pladiga, destacan melloras tecnolóxicas relacionadas por exemplo coa implantación de novas funcionalidades para o cálculo dos custos de extinción, baseadas na aplicación de custos unitarios e tempo de traballo, o que facilitará despois a reclamación dos gastos en procesos xudiciais contra incendiarios.

Ademais, nesta tempada de alto risco implantouse o acceso ao persoal que intervén no incendio a toda a información operativa do lume, en tempo real. Isto significa coñecer o punto de inicio e evolución, os recursos asignados, os puntos de auga próximos, a cartografía, os datos meteorolóxicos, as descargas dos medios aéreos etc.

Rede de cámaras: Xa se cobre case o 70% do territorio galego

Por outra banda, consolídase a rede de vixilancia no monte con cámaras de última xeración, coa instalación este ano de 22 novos dispositivos, o que permitirá dispoñer xa de 142 en toda Galicia, localizadas en 71 puntos estratéxicos, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de Alto Risco de Incendios. Ata agora, as cámaras instaladas permitían cubrir o 60% do territorio galego e con estas incorporacións chegarase a abarcar unha porcentaxe aproximada do 70%.

Punto de auga para o dispositivo de loita contra os lumes forestais

O Pladiga 2021 incorpora, a maiores, un completo Plan de prevención, que ten como principais magnitudes a actuación en máis de 58.000 hectáreas de superficie, a intervención en preto de 5.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías de comunicación e a realización de labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga existentes na comunidade e a construción doutros 222 novos. Todo isto, cun investimento de arredor de 30 millóns de euros.

Plan de Formación

Outro dos plans incluídos no Pladiga é o de Formación, co que a Xunta imparte este ano preto de 230.000 horas lectivas aos case 3.000 traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), dentro dunha iniciativa que tamén se estenderá aos concellos e á cidadanía ata o ano 2024. Nesta planificación contémplanse catro programas, dous para o persoal da Xunta , outro para o dos concellos e un cuarto para a sociedade do rural.

Entre as accións realizadas e previstas para o outono-inverno están 31 cursos, en modalidade presencial, telemática ou mixta, para os profesionais da Xunta, 40 iniciativas relacionadas coa seguridade laboral, cos grandes incendios e lumes de interface ou co manexo de equipamentos de traballo, para este mesmo persoal. Tamén se contempla a formación eminentemente práctica para os traballadores adscritos aos concellos e accións de concienciación cara a poboación rural, así como formación en materia de auto protección fronte o lume.

Outra mellora na loita fronte os incendios será a creación do novo Centro integral para a loita contra o lume, que se situará na localidade ourensá de Toén e que funcionará como un verdadeiro “Campus Forestal” grazas ás achegas dos maiores especialistas no comportamento e análise dos incendios. Un complexo no que xa se empezou a traballar con labores silvícolas e de limpeza.

Traballos de formación do persoal de loita contra os incendios

Ademais, cómpre lembrar tamén a próxima creación, no sur de Ourense, dunha moderna base de medios aéreos, que suporá un investimento de máis de 9 millóns de euros. Trátase dunhas instalacións enmarcadas no proxecto transfronteirizo Interlumes, que permitirán dotar a esta área -unha das máis afectadas pola actividade incendiaria- duns modernos servizos para a anticipación aos incendios, mellorando tempos de resposta e optimizando os recursos na loita contra o lume.

Colaboración coa Fegamp

Por outra banda, dentro da loita contra o lume, cómpre salientar tamén o convenio de colaboración subscrito entre a Consellería do Medio Rural e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais. Neste contexto, xa son 270 os concellos adheridos. Esta colaboración interadministrativa garante a correcta xestión da biomasa en parcelas situadas dentro da rede de faixas secundarias de máis do 86% do territorio da Comunidade galega. Unha xestión que está sendo controlada por drons e por 15 supervisores de prevención que están traballando sobre o terreo co obxecto de comprobar o cumprimento da normativa da xestión da biomasa naquelas faixas secundarias de parroquias priorizadas. Ademais, outros 30 supervisores sumáronse a estes controis nas parroquias non priorizadas dos concellos que teñen parroquias priorizadas. 

A maiores, a través de dito convenio, a Xunta entregou 232 plans de prevención municipais aos correspondentes concellos, dos cales 129 xa están aprobados definitivamente e os outros 103 atópanse en tramitación. Así, en tres anos pasouse de non haber case ningún plan a que o teñan hoxe en día en tramitación preto do 75% dos municipios galegos.

Teléfonos para alertar de lumes e da actividade incendiaria

Por último, a Xunta lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais pode ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

A Xunta actuará en 5.500 hectáreas de monte e 2.200 quilómetros de pistas para previr o lume

Aldea modelo de Trascastro, no concello do Incio A Xunta activa o Plan de Prevención de Incendios Forestais deste ano, dotado con 30 millóns de euros, cos que aspira a actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e en 5.000 quilómetros de pistas, aínda que só o fará de xeito directo en 5.000 hectáreas forestais e 2.200 quilómetros de vías, quedando o groso das actuacións para evitar o lume nas mans dos Concellos e as Comunidades de Montes.  O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves na rolda de prensa tralo Consello da Xunta que este ano preténdense limpar un 22% máis de hectáreas que no plan de prevención do pasado exercicio, ademais de realizar labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga que hai repartidos pola comunidade e construír outros 222 puntos novos. 
Realizaranse labores de mantemento nos case 4.000 puntos de auga que hai repartidos pola comunidade e construiranse 222 puntos novos
Máis polo miúdo, Feijóo precisou que a folla de ruta da Consellería do Medio Rural para previr incendios divídese en tres bloques de actuacións: sobre o territorio; sobre a poboación; e actuacións complementarias. Dentro das actuacións sobre o territorio, distinguirase entre os traballos levados a cabo directamente pola Xunta, que se estenderán a máis de 5.500 hectáreas e 2.200 km de pistas (6M€); e os que se sufragan coas subvencións e ao abeiro de convenios do Goberno galego, especialmente con entidades locais, cunha actuación en 52.500 hectáreas e 2.700 km de pistas (23 M€). Polígonos agroforestais cortalume No tocante aos convenios que a Administración autonómica asina coas entidades locais, Feijóo lembrou que estes comprenden distintos aspectos. Por unha banda, están os asinados cos concellos para vehículos motobombas, rozas e contratación de brigadas, que inclúen a 258 municipios e 5 mancomunidades; e, por outra, está o convenio coa Fegamp e Seaga para protexer as aldeas, dotado este ano con 7,7M€ de orzamento. Así mesmo, reforzarase a execución de traballos mecanizados nos concellos adheridos mediante 35 tractores con rozadoira para actuar en 1.500 hectáreas cortalume. Nesta liña Feijóo lembrou que a futura Lei de recuperación da terra agraria inclúe como novidade a creación de polígonos cortalume coa implantación neles de actividade agrícola, gandeira ou forestal.  35 aldeas modelo en trámite Por último, e en relación ás actuacións complementarias, Feijóo precisou que, dentro deste bloque estarán incluídas: as axudas para accións silvícolas, cun orzamento bianual de 13 millóns; o plan de pastos, “para establecer zonas de pastos pero cunha orientación á prevención de lumes”, cun orzamento de 9,5 M€; e as aldeas modelo, con 35 en trámite. Despois de lembrar a decisión de crear o Centro Integral para a loita contra o lume en Toén, o presidente da Xunta fixo fincapé o proxecto Interlumes “para dotar ao sur da provincia de Ourense da primeira base aérea transfronteiriza para a loita contra os incendios”, precisando que nesta iniciativa investiranse 9M€ entre a Xunta e outras institucións españolas e lusas.