Archives

As posibilidades da loita biolóxica contra a praga da rata toupa

A investigadora Sara Ruiz Rubio xunto ao profesor Pablo Sánchez Quinteiro, coordinador do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC en Lugo O órgano vomeronasal da rata toupa (Arvicola scherman) ben podería ser o talón de Aquiles desta praga de roedores herbívoros que desde hai anos está a colonizar as pradeiras dalgúns dos municipios da montaña luguesa, como Pedrafita ou Triacastela, nos que a súa presenza crecente provoca importantes perdas económicas aos agricultores e gandeiros. O estudo anatómico e morfofuncional do órgano vomeronasal da rata toupa desenvolvido pola investigadora Sara Ruiz Rubio, un traballo no que tamén participaron outros integrantes do grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC que coordina Pablo Sánchez Quinteiro, centra a temática dun artigo que acaba de saír publicado na revista americana The Anatomical Record, no que se constata a excepcional relevancia que ten este órgano sensorial para a rata toupa.
O órgano vomeronasal é un dos principais referentes sensoriais da rata toupa xunto co seu olfacto
O órgano vomeronasal é o que permite captar e interpretar sinais de comunicación química emitidas por feromonas ou cairomonas, explican estes investigadores da USC, ao tempo que salientan o gran tamaño e tamén o avanzado grao de desenvolvemento que presenta este órgano no caso da rata toupa, un mamífero subterráneo no que actúa como un dos seus principais referentes sensoriais xunto co olfacto, dado que a vista e o oído son sistemas moi atrofiados, cando non inexistentes, nesta especie de roedores. A caracterización anatómica, morfolóxica e funcional do órgano vomeronasal da rata toupa feita pola veterinaria Ruiz Rubio, reforza se cabe a pertinencia da loita química como a alternativa máis viable e sustentable para controlar e erradicar unha praga "cuxo número de individuos segue a multiplicarse en moi diversas localizacións a nivel europeo a pesar da posta en marcha doutras estratexias que resultaron ser insuficientes ou pouco eficaces, tal e como pode ser o caso da distribución de dispositivos de trampeo nas áreas afectadas ou o incremento nestas mesmas localizacións de depredadores (raposo, lobo, aves rapaces, felinos, etc), salientan os autores do estudo.
O número de exemplares deste mamífero subterráneo segue a incrementarse en diversas zonas de Europa sen que as medidas de contención aplicadas até o de agora tivesen éxito
A información achegada pola veterinaria Sara Ruiz Rubio no artigo publicado en The Anatomical Record, un traballo que forma parte da súa tese de doutoramento, revela aspectos ata agora descoñecidos do sistema vomeronasal da rata toupa, ao tempo que apunta o emprego de cairomonas de depredadores que provoquen estrés neste tipo de roedores e alteren os seus ciclos reprodutivos, como posible estratexia apropiada para avanzar no seu control, na progresiva diminución de individuos e a posterior eliminación.

Ensaios en parcelas do concello de Triacastela

Parcelas de ensaio levados a cabo en pradeiras afectadas por rata toupa no concello de Triacastela O profesor Sánchez Quinteiro explica que as pescudas realizadas por Sara Ruiz Rubio desenvolvéronse ao mesmo tempo que outros traballos de campo en diversas parcelas de control localizadas no concello de Triacastela, espazos nos que se testaron con diverso nivel de éxito estratexias de loita contra unha praga de roedores que, a través de galerías subterráneas, come desde a raíz as plantas herbáceas que brotan da superficie. “Os danos son cuantiosos, pois estamos a falar dun roedor cun tamaño lixeiramente superior ao dunha toupa común e que se reproduce durante todo o ano”, salienta Sánchez Quinteiro.
A Consellería do Medio Rural financiou os traballos de campo e de laboratorio, nos que tamén participou o Serida asturiano
A información achegada por esta investigación constitúe un novo argumento científico que avala a estratexia de loita biolóxica proposta polo profesor Sánchez Quinteiro para combater as pragas de rata toupa. Este traballo do Campus Terra desenvolveuse á par que outros estudos promovidos en Francia sobre a utilidade da comunicación química para combater este tipo pragas de roedores. “Os dous estudos perseguen o mesmo obxectivo”, precisa Sánchez Quinteiro, pero teñen enfoques diferentes, engadiu, pois “mentres os colegas franceses profundan sobre o uso de feronomas que poderían actuar como atracción cara a dispositivos de trampeo, a investigación do grupo de Morfoloxía Animal do Campus Terra da USC céntrase no efecto desestabilizador e no estrés que produce na rata toupa a percepción destas cairomonas, en canto que advirten da presenza de depredadores”, explica.

Sanidade do castiñeiro e da castaña

O castiñeiro sempre foi un elemento clave na economía rural galega, pero desde o século XVIII foi fortemente ameazado por diferentes doenzas, que nalgunha época case o levaron á extinción. Nos últimos 40 anos asistimos a un rexurdimento do castiñeiro a nivel mundial, derivado principalmente da revalorización do consumo da castaña en fresco e do desenvolvemento da industria de transformación, que está impulsando a creación de novas plantacións en Galicia e no resto do mundo. A profesora da Universidade de Santiago Fina Lombardero incide en que, neste contexto, é importante que os produtores se baseen no coñecemento e na experiencia para non repetir erros do pasado. Fina Lombardero. Poderíanse resumir os principais problemas sanitarios do castiñeiro e da castaña en cinco: dúas son especies nativas e tres son introducidas, froito da globalización e falta de control nas importacións. As tres especies introducidas son a tinta, o chancro e a avespiña. As dúas autóctonas son a antracnose e o ‘Xyleborus’. Por último están as pragas que afectan á castaña e non ao castiñeiro.

A tinta

A tinta foi a primeira gran doenza dos castiñeiros, é causada por unha especie moi complexa, “pois hai pouco pensabamos que era un fungo, pero agora entendimos que está máis perto das algas que dos fungos pola composición e comportamentos. Agora é considerado un pseudofungo”, sinala Lombardero. Hai indicios de que se orixinou cerca de Papua Nova Guinea e no sudeste asiático. Na península Ibérica, foi detectada en Portugal no século XIX, pero xa na Serra de Gredos, no século anterior, se perderan moitos castiñeiros cos mesmos síntomas descritos posteriormente. En Galicia, estímase que desapareceron preto do 60% dos castiñeiros só na provincia de Lugo por culpa da tinta, un pseudofungo que vai matando ás árbores pouco a pouco. Recoñécese o seu ataque polo decaemento e amarelado da copa, e afecta a moitos vexetais, non só aos castiñeiros. Prevención Como técnicas preventivas, hai que ter en conta unha serie de cuestións á hora de comezar unha nova plantación. En primeiro lugar, empregar plantas libres de patóxenos. Tampouco se deben plantar castiñeiros en zonas que encharquen, que podan ter asolagamentos no solo, pois é un medio moi favorable para a propagación da tinta para infectar ás plantas. En caso de ter algún tipo de asolagamento, deberíase drenar o antes posible. Outra recomendación principal é a de empregar xenotipos tolerantes, como híbridos de castaños europeos con xaponeses ou chineses, o sistema máis común en Galicia desde 1926, se ben non todos os híbridos se adaptan igual. Cómpre ter en conta ademais que canto máis subimos na montaña e fai máis frío, temos menos riscos, especialmente cando ao longo do ano non hai temperaturas mínimas por debaixo de 3º. En casos de risco, recoméndanse técnicas culturais, como a colocación no solo de mantiños ricos en celulosa, que axudan a degradar a tinta, pero implican o perigo das clamidosporas, uns fungos que poden aparecer e xerar problemas. Tratamentos Non existen funxicidas autorizados para o seu uso en campo, pero sí en viveiro, o Fosetil-Al. Para aplicación en campo, estase investigando nun organismo que combata a tinta, como o ‘Trichoderma’, un fungo depredador de fungos, empregado en control biolóxico, que polo de agora non está autorizado no castiñeiro, aínda que si noutros cultivos, nos que xera unha película arredor das plantas que impide a penetración das esporas da tinta.

O cancro ou chancro

A seguinte especie en entrar cronolóxicamente en España e en danos ocasionados, é o fungo responsable do cancro do castiñeiro, o Cryphonectria parasitica, descrito por primeira vez no 1904 en New York, pero orixinario de Asia, desde onde se desprazou debido ao movemento de castiñeiros infectados. O cancro deixou o castiñeiro americano funcionalmente extinto, matando 4.000 millóns de árbores en 50 anos. En Europa detectouse no 1938 en Italia, pero espallouse rápidamente por toda Europa, citándose en Galicia no 1972, aínda que é posible que estivera xa presente no 1938 en Vilamartín de Valdeorras. Os productores, con medo da tinta, comezaron a traer castiñeiros asiáticos inmunes á tinta, pero ao facelo trouxeron o chancro. “Temos a sorte de que o castiñeiro europeo é un pouco máis resistente que o americano, do contrario podería terse extinguido”, subliña Lombardero. A enfermidade recoñécese porque aparecen pólas mortas e a cortiza hincha e adquire unha coloración alaranxada, comezando a rachar. O fungo precisa dunha vía de entrada na árbore como feridas de podas, danos mecánicos, fisuras naturais, etc. A árbore non é capaz de combatir o fungo, o que remata causando a súa morte. Prevención A mellor prevención pasa por desinfectar as ferramentas de poda, eliminar as pólas afectadas e destruir os restos de podas. “Ás veces expandimos o fungo ao podar”, advirte Lombardero, se ben o maior problema son os castiñeiros abandoados que están morrendo e botando esporas. Outro sistema de prevención pasa pola xenética, con cruces híbridos resistentes, vía seguida por Europa. Ou a través de cisxenia e transxenia, introducindo xenes resistentes doutras especies, vía pola que opta Norteamérica. Tratamentos Como método curativo, é posible aplicar cepas hipovirulentas pertencentes ó mesmo grupo de compatibilidade vexetativa (ECV). Son cepas do fungo afectadas por un virus, con cancros superficiais de crecemento lento. Con estas cepas hipovirulentas, en Galicia existe un programa de control biolóxico experimental levado a cabo por Medio Rural, no que, dependendo do tipo de grupo de compatibilidade vexetativa, inocúlanse as cepas hipovirulentas.

A avespiña

A avespiña do castiñeiro é un insecto orixinal de China que se converteu na principal praga do castiñeiro a nivel mundial. Detectouse en Europa no 2002, en España no 2012 e en Galicia no 2014. Ataca a todas as especies e híbridos do castiñeiro, é moi fácil de recoñecer polas bugallas nas follas, estípulas, flores e xemas, adquirindo aspecto transparente. Causa reducións na produción de castaña entre o 40-80%, reducións do crecemento e predisposición a outras patoloxías. A súa abundancia non é homoxénea, existindo puntos críticos e puntos sen actividade. Canta máis calor e menos chuvia, máis a atopamos. Cando chega a un souto, vai facendo grupos, parece que comeza colonizando as árbores máis altas e despois vai pasando ás anexas, sen importar a especie ou híbrido, iso si, existen 7 xenotipos de híbridos (os clons comerciais números 3, 88, 89, 110, 324, 334 e 90.025) nos que os ovos non medran ben, polo que se consideran inmunes á praga. Isto débese á reacción hipersensible da árbore, pola interferencia hormonal da planta cos ovos do insecto, facendo que a planta, nunha sorte de acto autoinmune mate as partes con ovos, o que fai que os ovos non sobrevivan e os castiñeiros queden marcados estéticamente con partes necrosadas, pero que non afectan á saude xeral da planta. As avespiñas non teñen preferencia polos castiñeiros con cancro, pero é certo que é un problema que adoita favorecer o crecemento das avespiñas debido ao maior nivel de taninos na planta, substancia que nutre ao insecto e é un síntoma do cancro. Sistemas de control A mellor forma de controlar a avespiña é destruindo bugallas infectadas se non houbo solta de parasitoide. Se este foi liberado, como xa ocorreu en toda Galicia, haberá que manter as ramiñas finas de poda na parcela cas bugallas vellas para permitir a emerxencia de ‘Torymus’, e por suposto evitar mover partes de zonas infectadas a zonas sas. Actualmente, os danos e a poboación do insecto están en descenso e hai motivos para pensar que estes niveis van seguir baixando. As dúas especies nativas: ‘Antracnose’ e ‘Xyleborus dispar’.

Antracnose

A Antracnose do castiñeiro é un fungo que se considera secundario, pero que en anos de humidade pode causar danos importantes. Tamén afecta aos carballos e frondosas. Recoñécese fácilmente polas manchas necróticas nas follas, rodeadas sempre dunha mancha amarela, que van crecendo coa expansión do fungo, pasando a ser follas non funcionais para a planta. Os anos chuviosos e temporados favorecen a súa aparición e propagación, así como a pouca ventilación de copas. Prevención O mellor sistema de prevención é que as masas estean dispersas e ventiladas, pois iso reduce a infección das follas novas e acelera a descomposicion de follas no chan. Tamén se recomenda recoller e queimar as follas caídas afectadas ou compostalas. Non existe ningún produto rexistrado para o tratamento desta enfermidade.

‘Xyleborus dispar’

O ‘Xyleborus dispar’ pertence a un tipo particular de insectos escolítidos. Aparecen en coníferas, pero máis en frondosas. Facil de recoñecer, fai uns orificios moi pequeniños na árbore, xeralmente de cor escura, polos que sae un serrín blanco moi fino, casi como fariña, e se levantamos a madeira veremos as galerías de cor escura. Se aparece é que pasou algo nesa planta, xeada, seca, encharcamento, danos mecánicos, mal inxerto… O insecto detecta unha situación de estrés na planta e aprovéitaa. Prevención As mellores técnicas preventivas consisten en favorecer o vigor da masa, manter os solos húmidos durante os picos de voo do insecto, eliminar plantas susceptibles de ser infectadas ou cortar e destruír ramas ou árbores afectadas, retirando a madeira cos individuos no interior. Funcionan tamén moi ben as trampas con alcohol ao 50%. Con dúas trampas por hectárea pode chegar como prevención, pero se queremos reducir a poboación, teríamos que ir ata 8 trampas por hectárea. O insecto ten tamén inimigos naturais e nunca se recomenda un tratamento químico, xa que está no interior da árbore ou voando a maioría do tempo.

Pragas da castaña

Entre as pragas da castaña, destacan tres mariposas e dous escarabellos, existindo gran descoñecemento sobre os fungos que tradicionalmente atacan a castaña. Nos últimos anos obsérvase unha gran diversidade de danos. Repasamos algúns dos problemas principais.
  • Cydia splendana’, larva blanquecina e alongada de mariposa que estraga o froito. Presenta unha xeración anual, voan entre agosto e outubro e poñen os ovos na cara das follas. As larvas penetran no froito e desenvólvense en tres semanas, saindo por un orificio de saída de menos de 2 mm e enterrándose no chan, onde se transforman en adultos. A mellor prevención é limpar o solo, retirando os ourizos atacados antes de que o insecto se enterre (o antes posible desde que os ourizos caen da planta ao chan, pois en tres semanas os vermes pasan do froito ao chan). Non existen productos químicos rexistrados contra esta especie, pero si unha trampa con feromona sexual sintética que pode reducir as poboacións.
  • Curculio elephas’. É un insecto, non mariposa, que ten un comportamento moi similar, pero a larva é curvada en forma de C, sen patas, máis ancha, e o orificio de salida é maior de 2 milímetros. As medidas de control son as mesmas que para ‘Cydia’, pero sen as trampas con feromonas.
  • A ‘Gnomoniopsis’ é un fungo que está presente en varios países de Europa, Asia, Australia e América, pero non se coñece moito sobre esta especie de ascomiceto, que causa podremia dos froitos e do endospermo , cancros e necrose nas pólas, con danos de importancia variable. Existen técnicas de calor para combatilo, pero deteriora a calidade do froito.

Ciclo de conferencias Luis Asorey sobre o castiñeiro

As XXXIV Xornadas Luis Asorey son un foro de divulgación científica celebrado no salón de actos da Deputación de Lugo, do 13 ao 22 de novembro. Están conformadas por unha serie de charlas, que se ofrecen de 19 a 21h, e este ano pódense seguir por streaming a través de YouTube. Estas xornadas están coordinadas por Antonio Rigueiro, do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo e Académico Numerario da Real Academia Galega de Ciencias.

“Na Mariña a colleita de millo vai ser un desastre, non se recorda un ano tan malo coma este”

Parcela de millo en Barreiros, na comarca da Mariña, afectada pola seca O cultivo de millo vén adiantado este ano na maior parte de Galicia e con resultados desiguais en canto a crecemento e produción esperada nas distintas zonas. A máis castigada está a ser a comarca da Mariña, onde a seca extrema fixo estragos este verán. No resto da comunidade, onde o millo tivera problemas de falta de auga o ano pasado, este ano as perspectivas non son malas. As néboas e o barruzo desta fin de semana van axudar a aguantar verde o talo e completar a formación da espiga, mais non servirán xa para recuperar aquelas plantas que non medraron nin se desenvolveron por mor do estrés hídrico sufrido. O descenso de precipitacións é unha tendencia que se aprecia nos últimos anos na zona. Os datos de marzo a agosto indican claramente que se está producindo unha caída significativa nas precipitacións acumuladas no período que coincide co cultivo de millo: 360 l/m2 no 2020, 332 l/m2 no 2021, 298 l/m2 no 2022 e 224 l/m2 en 2023 (datos de Ribadeo). 
Os resultados varían en función da data de sementeira e do tipo de terreo, con mellores perspectivas nas sementeiras temperás de finais de abrir e comezos de maio
A falta de chuvias trala sementeira tamén multiplicou os problemas de pragas, sobre todo os ataques de rosquilla, e dificultou o seu tratamento e control, un problema que se deu por toda Galicia, pero con maior intensidade na provincia da Coruña. En zonas como Muxía, Santa Comba ou Mazaricos ao ataque da rosquilla nos estadíos iniciais do cultivo estase engadindo agora o do verme, que está a saltar das pradeiras para as fincas do millo e a provocar unha defoliación importante nas plantas. Analizamos polo miúdo como está a situación nas distintas comarcas:

“Este é un ano difícil, de 195 hectáreas que labramos só hai 30 que se salvan”

Juanjo Fraga xestiona na Mariña dúas explotacións leiteiras que suman máis de 1.000 cabezas. Para alimentalas sementaron este ano unhas 195 hectáreas de millo na zona de Ribadeo e Alfoz pero a colleita vai ser moi inferior á habitual na zona. “Este é un ano difícil, eu non recordo na Mariña ningún ano tan malo coma este. Nós teremos unhas 30 hectáreas boas que se salvan e moitas fincas nas que haberá que valorar se se recolle ou non”, indica.   Juanjo é enxeñeiro agrónomo de formación e, ademais da menor cantidade de colleita, alerta das consecuencias en canto á perda de calidade do silo. “Con pouca produción, cando a espiga non se dá formado, a dixestibilidade pérdese e o silo non aporta amidón e enerxía”, explica.
Con pouca produción, cando a espiga non se dá formado, a dixestibilidade pérdese
Casa Barbeiro fixo nunha parte das fincas sementeira directa e nelas o resultado é semellante ao que se dá nas parcelas labradas ao xeito tradicional. “Temos parcelas sementadas coa máquina nova que teñen bo millo pero hai moitas outras nas que a planta ten un metro de altura e vai intentar facer espiga pero non vai chegar a ter grao”, asegura. O culpable desta situación desastrosa foi o tempo. De xuño a mediados de agosto practicamente non choveu nada e non houbo tampouco na zona as néboas habituais, que aportan humidade. “Nas fincas botadas cedo a planta está alta e ten bo porte, pero está medio seca e non é capaz de espigar. Ao chover estes días polo menos a planta vai verde para o silo e con dixestibilidade, pero en xeral imos ter pouca produción, moitas plantas sen espiga e pouca dixestibilidade”, resume. Un consello habitual para evitar levar o talo seco é cortar máis alto, aínda que nun ano coma este de pouca produción iso reduciría aínda máis a cantidade de silo.  Roturar parcelas moi húmidas de cara ao ano que vén Diante da situación vivida este ano e co temor de que o cambio climático acentúe estas anomalías, Juanjo tomou a decisión de preparar parcelas que eran moi húmidas e non se podían traballar porque era moi difícil entrar nelas para adicalas a cultivo de millo en anos sucesivos. “Para a produción de millo dependemos da auga porque en fincas coa capa freática baixa estamos a expensas do que chova no verán. Normalmente sementamos escalonado e este ano as que sementamos tarde non van ter nada, excepto nas fincas que son húmidas, e o primeiro que sementamos colleu altura pero agora está secando dereito sen acabar a espiga”, conta.
Unha finca de 15 hectáreas máis da metade coméunola o verme; o avance é moi rápido, en 2 ou 3 días acaba con todo
Á falta de auga engádese este ano os ataques da fauna salvaxe e as pragas. “Temos o xabaril nas fincas boas, a seca nas intermedias e o verne nas frouxas. Primeiro foi a rosquilla e agora o verme defoliador. As pradeiras permanentes ventilóunolas todas e o millo dunha finca de 15 hectáreas en Ribadeo máis da metade coméunola. O avance é moi rápido, en 2-3 noites acaba con todo. O que fixemos para tratar de mitigalo un pouco foi aplicar tratamento metendo un tractor con roda estreita”, explica Juanjo.

“Nalgunha finca non merece a pena que entre a colleitadora”

Víctor Argul é técnico de Agropres, a empresa con sede en Barres que traballa fincas tanto no occidente de Asturias e os concellos da zona oriental da Mariña. A súa planta de mestura húmida traballa co silo de millo como materia prima principal e sementan 1.000 hectáreas para subministrala máis entre 700 e 800 hectáreas a maiores para ganderías da zona. “Este ano o rendemento vai ser baixo nun terzo das parcelas”, calcula Víctor. “As sementeiras temperás, feitas na segunda quincena de abril, foron as que mellor aguantaron. Esas parcelas, se non tiveron cultivo antes, terán rendementos normais, pero as fincas que se sementaron despois notaron o déficit hídrico porque viñamos xa dunha primavera con pouca precipitación e arrastrouse esa falta de auga”, di.
Viñamos xa dunha primavera con pouca precipitación e arrástrase esa falta de auga
“Nas parcelas nas que houbo raigrás antes o resultado é nefasto por déficit de auga e abonado, porque agardouse por un corte máis de raigrás postergando a sementeira do millo e despois xa non choveu nada. Nalgunha finca non merecerá a pena que entre a colleitadora”, recoñece. Colleita adiantada Agropres colleitou xa algunha parcela de millo hai dúas semanas. “Eran fincas nas que o millo se estaba secando todo, pero no resto empezaremos tamén en breve, eu calculo que nunha semana ou 10 días nas parcelas que van máis adiantadas e despois a intención xa é non parar, ir de seguido”, avanza Víctor.
Tivemos que picar xa algunha parcela que se estaba secando toda
Tanto na Mariña como no occidente de Asturias houbo tamén bastantes ataques de rosquilla, aínda que ás fincas labradas por Agropres non lle afectaron moito. “Nós como aplicamos insecticida na liña de sementeira tivemos casos moi pequenos pero pola zona si que houbo bastante, e cara a Barreiros está habendo agora problemas coa oruga militar ou verme cogollero (Spodóptera frugiperda), que come as follas do millo”, describe.   É unha praga contra a que pouco se pode facer, “unicamente tratar algo perimetralmente se a afección non é moi grave para tratar de frear ou ralentizar o seu avance”, di.

“Prevese unha suba no prezo de compra”

Coma Agropres, o Centro de Alimentación de Vacún (CAVI) da cooperativa Os Irmandiños, agora integrada en CLUN, tamén emprega silo de millo na súa ración húmida, aínda que neste caso engadindo tamén silo de herba. José Ramón Loza é o responsable de cultivos na zona e prevé que este ano haxa unha produción cando menos un 20% inferior. “A produción media por hectárea estará por baixo das 35 toneladas, cando o ano pasado pasamos das 42.000”, compara. A planta que o CAVI ten en Vilamartín ensila unhas 700 ha de millo, 400 de xestión propia directa e o resto aportadas polos socios. Para encher os silos este ano haberá que recurrir á compra externa e José Ramón prevé que haxa unha suba no prezo, que o ano pasado situouse de media nos 58€/tonelada. 
Nós somos transparentes, pagamos o millo que entra na planta en función da calidade que ten
“Nós pagamos por fórmula, facemos unha analítica e pagamos en función da calidade que ten, en base á porcentaxe de amidón e materia seca, somos transparentes nese sentido. Un millo aceptable debería ter un 33% de amidón e un 33% materia seca”, detalla. Unha porcentaxe, no caso do amidón, que non vai ser doada de acadar este ano en moitas parcelas da zona. “O que foi sementado en abril e principios de maior está relativamente ben pero as sementeiras de finais de maio e xuño sufriu moito a seca. Estes días choveu e reverdeceu un pouco pero o millo non vai medrar máis, pode servirlle para facer algo de espiga e retrasar algo a data de colleita; se non chovera teriamos que empezar xa case a apañar”, explica. SAT Casa Carballo, en Pol, terá este ano unha colleita histórica de millo

“Nós botámolo moi cedo e temos un millo moi bo, está moi alto, por enriba dos catro metros”

Na Mariña o ano pasado houbo boa produción mentres no resto de Galicia sufriron coa seca, e este ano foi ao revés. “Para nós é o mellor ano de todos de momento; a xente chámanos preguntando que variedade botamos”, conta Iago Villamide, da gandería SAT Casa Carballo, de Pol, máis cara ao interior de Lugo, entre a Terra Chá e Meira. “Sementamos moi cedo e ata agora está moi bo, esperemos que non veña un setembro moi seco e empece a apertalo. Está moi alto, por enriba dos 4 metros”, describe.
O millo cada vez hai que botalo antes, pero se queres sacar herba ás veces é complicado
Esta gandería con case 500 animais en produción labra 140 hectáreas de millo e as 20 últimas van un pouco máis pequenas. “Sempre deixamos para o final as fincas mellores, nas que facemos tres cortes de herba, pero estamos vendo que o millo cada vez hai que botalo antes. Agora no inverno xa non chove coma antes e podes entrar antes nas fincas. Nós dúas cortas de herba sacámolas sempre e este ano a primeira fixémola xa en febreiro. Iso permitiunos empezar a sementar o millo a finais de abril coa segunda corta xa feita”, explica. 
A planta está na floración e quédalle como moito un mes; se o tempo vén como ata agora chegaremos ás 55 toneladas por hectárea
Iago prevé sacar este ano entre 52 e 55 toneladas por hectárea, cando o ano pasado a media estivo entre as 43 e as 45. “O ano pasado foi un ano moi xusto pero este ano se seguira o tempo como ata agora a colleita sería moi boa. Aquí estivo chovendo seguido ata hai 3 semanas. O millo xa está na floración, quédalle como moito un mes”, calcula. Parque de maquinaria da cooperativa Aira recollendo fincas de millo a semana pasada en Taboada

“A campaña vén 15 días adiantada”

Máis ao sur de Lugo xa comezaron a colleitar. Estanse empezando a ensilar xa parcelas sementadas a finais de abril con ciclos curtos. Aínda que son fincas puntuais, Jorge Meiriño, técnico da cooperativa Aira na zona de Chantada e Taboada, asegura que “a colleita en xeral vai vir adiantada, incluso en parcelas que non sufran seca”. “Este ano adiántanse os ciclos. Contra o que se podía pensar, o tempo estivo estable e non houbo estrés de temperatura. As fincas que se empezaron a ensilar a semana pasada son parcelas de mediados e finais de abril sementadas con ciclos curtos que están cumpridos e que se estaban empezando a secar, por iso se están segando”, explica.
Este ano púidose sementar un pouco antes e o tempo estivo bastante estable, sen altibaixos de temperatura
“Outros anos despois había un parón, pero este ano empezamos e xa non imos parar, segundo o que estivemos revisando. Temos xa unhas 150 hectáreas previstas para meter para esta semana de 4 ou 5 granxas. Iremos despacio pero non se vai parar e en torno ao 10 de setembro xa se vai estar traballando forte”, avanza Jorge.

“Temos previsto arrincar o 28 de agosto”

En Sarria a evolución do cultivo avanza tamén algo por diante do que é habitual na zona. “Nós temos previsto arrincar o 28 de agosto, empezaremos 4 ou 5 días para recoller o que secou, que é pouca cousa, e logo pararemos unha semana, porque o forte da campaña non comezará ata mediados do mes que vén, en torno ao 10-15 de setembro. O ano pasado xa viñera adiantado unha semana e este ano aínda máis, outros 8-10 días antes con respecto ao ano pasado, porque houbo moitas sementeiras temperás e o verán foi máis caloroso do habitual e pouco chuvioso”, explica José Manuel Lópea, responsable da planta de mestura húmida de Aira en Sarria.
Esperamos unha colleita un 10% inferior á do ano pasado
“A colleita o ano pasado fora boa, con cerca dos 40.000 quilos de media, pero con moita variabilidade das terras boas ás que non o son tanto, e este ano esperamos unha colleita algo inferior, arredor dun 10% menos. De Lugo para baixo nótase moito a escaseza de precipitacións”, afirma. A cooperativa Aira ensila cada ano na súa planta de mestura húmida de San Xulián da Veiga entre 15.000 e 16.000 toneladas de millo, procedentes dunhas 400 hectáreas. Delas, 300 hectáreas atópanse na zona de influencia da planta e mercan a maiores millo doutras zonas de Galicia para completar os silos, procedente de fincas na zona de Meira, Pol, Cospeito e Xinzo. Parcela de regadío no concello de Bóveda, no val de Lemos

“As sementeiras tardías xa non desarrollaron, esas quedaron polo camiño”

Ao sur de Sarria, xa no entorno de Monforte de Lemos, o millo atópase xa nunha zona límite. A viabilidade do cultivo está asegurada unicamente polo regadío do Val de Lemos, que leva décadas sen ser modernizado, mentres que son poucas as ganderías que se arriscan a botalo en parcelas de secaño. Pablo Rodríguez, da gandería Xuíz, de Bóveda, sementou este ano unhas 40 hectáreas. “Na nosa zona todo ía ben ata o mes de agosto, no que a calor esta apertando moito. Fixo aire e chegamos varios días a 37 e 38 grados e iso quéimao todo. Se segue a calor xa veremos se dá aguantado”, di.
De Bóveda para abaixo, cara a Monforte, en secaño xa non bota millo ninguén, o que o sementa faino en regadío
Na zona de regadío Pablo logra habitualmente colleitas de entre 45 e 50 toneladas por hectárea pero nas outras non pasa das 35 y este ano serán menos. “As sembras tardías xa non desarrollaron, esas quedaron xa polo camiño porque espiga non vai ter, e moitas veces non vale moito a pena colleitalas porque levas só o toco para o silo”, argumenta. Pablo e outras ganderías da zona están á espera de que a Xunta poña en marcha un polígono agroforestal anunciado para incrementar a súa base territorial. “Esta é unha zona boa para o millo e se modernizaran o regadío poderiamos obter boas producións. Agora regamos todo por manta; este ano non houbo restrición de auga pero é un sistema menos eficiente. Habería que decantarse polos aspersores ou polo rego por goteo”, defende. Gandería Xuíz ten previsto ensilar a principios de setembro o millo labrado o 15 de abril, un ciclo 600. “O resto, o que foi botado a finais de maio, que é un ciclo 400, virá cara o día 20 de setembro”, explica. Colleitadora da cooperativa Cobideza traballando este luns nalgunhas parcelas de ganderías da zona

“No Deza este ano as perspectivas son boas”

Ao igual que na comarca de Lemos, no Deza a colleita depende moito do ano. E na comarca pontevedresa este non se prevé malo. “Hai fincas que están moi boas, con boas perspectivas de colleita. A rosquilla e o taladro non atacaron moito e de momento non hai verme tampouco. Choveu esta fin de semana e de momento vai ben a cousa, pero aínda pode vir moita calor en setembro”, explica Kiko Mosquera, da cooperativa Cobideza, que labra unhas 400 hectáreas de millo para as ganderías socias.
Pode vir aínda moita calor en setembro, pero de momento vai ben
O xoves e venres da semana pasada o parque de maquinaria de Cobideza comezou xa a segar as primeiras parcelas. “O millo era da altura da colleitadora e ía en bo estado”, describe. “O ano pasado fora regular tirando a mal pero este ano de momento vai ben a cousa; palla polo menos vai haber”, asegura. O forte da campaña prevese desde mediados de setembro ata a primeira semana de outubro, “un pouco antes que o ano pasado porque se sementou tamén antes”, xustifica Kiko. “Ensilouse máis cedo a herba e botouse antes o millo, e despois choveu algo en maio e xuño, non pasou coma o ano pasado, que non caera nada”, lembra.

“O principal problema que está a haber na zona de Muxía, Santa Comba e Mazaricos é o verme”

Na zona do Xallas, outra das grandes áreas que acaparan o groso da produción de millo en Galicia, foi un verán no que non choveu moita cantidade, pero choveu bastantes veces, polo que a nivel climatolóxico non houbo demasiado problema. Sen embargo, está habendo contratempos en relación a determinadas pragas. A cooperativa Ganxabar, que xestiona a alimentación en conxunto para 8 granxas da zona, botou 850 hectáreas de xeito escalonado, por tramos, e o primeiro silo está previsto facelo na segunda semana de setembro. “De momento parece que o cultivo este ano vén algo adiantado, pero vai depender como veña o tempo de aquí en diante”, explican.
Vai un pouco máis adiantado, pero se chove nestas semanas iso sempre retrasa un pouco a recollida
En canto aos rendementos agardados, espéranse producións “correctas”, similares ao ano pasado, no entorno das 45 toneladas por hectárea de media. “Non foi un ano seco, medrou bastante rápido e de momento presenta moi ben. Está bastante adiantado pero se chove nestas semanas iso sempre retrasa un pouco a recollida”, indica Jesús Otero. “Nunca acordamos tanto ataque de rosquilla coma este ano” Na provincia da Coruña as pragas castigaron con forza este ano o cultivo de millo. “En xeral houbo moitísimo problema coa rosquilla, nunca acordamos tanto ataque, no momento inicial leváronse plantas por diante e houbo que resementar bastante. Na zona de Mazaricos houbo granxas que tiveron que volver labrar máis do 10% da superficie, aínda que non foi algo xeralizado nin afectou a todas as explotacións por igual. Esas fincas tratáronse con herbicidas e houbo que volver a labralas con ciclos máis curtos, polo tanto as producións neses casos van ser menores”, detalla Jesús.  
Agora non é recomendable entrar a tratar contra o verme porque destrozas o millo e con dron non está permitido, o único que se pode facer é tratar á man polo exterior
Superado ese problema inicial, “neste momento o principal problema é o verme”, di. “Se ten para escoller vai primeiro á pradeira pero cando acaban na pradeira saltan ao millo. Na zona de Muxía, Santa Comba e Mazaricos está habendo bastante ataque, e onde entra afecta de xeito moi importante á planta, porque come toda a folla e afecta tamén á mazorca”, explica.

Pode ser o ozono unha alternativa para atallar o mildio nos viñedos?

A presión para reducir o uso de tratamentos fitosanitarios químicos na agricultura en xeral fai que se estean a probar diferentes produtos na procura de alternativas máis sostibles e que xeren un menor impacto ambiental. Unha das opcións a estudo é o emprego do ozono para atallar enfermidades coma o mildio ou o oídio no viñedo. Este é precisamente o obxectivo do proxecto Vitiozón, promovido pola adega Martín Códax, da DO Rías Baixas e desenvolvido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) que tamén contou coa Universidade de Santiago de Compostela. Os primeiros resultados deste traballo foron presentados recentemente nunha xornada técnica que contou con viticultores e investigadores, celebrada en Leiro e na que se deron a coñecer distintas propostas innovadoras na viticultura. A experiencia práctica dun dos viticultores socios da adega co uso do ozono para o tratamento de augas para acuicultura fixo que se decidira a deseñar un prototipo para o emprego do ozono no viñedo. Esta foi a primeira achega da adega co uso do ozono. “Aqueles primeiros resultados non foron concluíntes, pero seguimos investigando coa intención de probar nos viñedos para ver se o ozono resultaba unha técnica alternativa ou complementaria na protección do cultivo”, explican dende o departamento técnico de Martín Códax.

Por que empregar ozono no viñedo?

O proxecto Vitiozón centrouse en comprobar a eficacia que pode ter o ozono para combater o mildio, pola incidencia que ten a praga, sobre todo nas viñas das Rías Baixas. Na adega Martín Códax, durante a campaña 2020 rexistráronse 80 infección secundarias de mildio dende a brotación ata o envero.
As restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas obriga a procurar alternativas nos tratamentos
Dende a adega tamén sinalan que optaron por estudar os beneficios do uso do ozono para procurar unha redución de usos de praguicidas. Ademais, os cambios que se produciron nos tratamentos, logo das restricións ó emprego das materias activas clásicas de protección dos cultivos e a dificultade por parte das empresas fitosanitarias para rexistrar novas materias activas obriga a procurar alternativas. O uso do ozono estudouse neste proxecto para combater o mildio, pero tamén podería ser unha alternativa para outras pragas que afectan ós viñedos. “Intuitivamente parecíanos que mesmo podía ser máis efectivo contra o oídio que contra o mildio, pero durante as campañas nas que se levaron a cabo os traballos de investigación case non houbo incidencia de oídio nos viñedos e non vimos grandes avances co tratamento”, concretan dende Martín Códax. Deixan a porta aberta aínda a poder estudar a aplicación de ozono contra outras enfermidades, en especial contra o oídio. O uso do ozono tamén se emprega no cultivo da viña trala vendima, xa que o ozono ten un efecto positivo en polifenois, permite incrementar a concentración de compostos aromáticos e contribúe á redución de fermentos. Ademais, xa se está empregando no propio viñedo, a través da rega, polo efecto vigorizante que proporciona á planta, así coma nos viveiros para mellorar a sanidade dos enxertos.

Aplicar o ozono nos viñedos

Un dos retos do emprego do ozono nos viñedos é que o ozono ten unha vida útil baixa dende que se produce e debe aplicarse en situ, polo que a súa aplicación tamén supuxo un reto para a adega. De feito desenvolveron un ozonizador para poder aplicar o ozono de xeito inmediato. En concreto, este aparato permite o aplicación de auga ozonizada sobre o viñedo. Neste estudo realizaron 6 tratamentos de ozono nos viñedos. Xenerador de auga ozonizada empregado na adega Martín Códax.  

Os efectos do ozono fronte ás pragas

No estudo estableceron 8 estratexias para comprobar a eficacia do ozono contra o mildio, de xeito que contaban dende viñedos sen tratamento, ata viñedos tratados unicamente con ozono ou aqueles nos que se empregaban tratamentos químicos para atallar todas as pragas ou para manter controladas outras coma o oídio e se trataba exclusivamente con ozono o mildio. Os resultados obtidos foron xestionados pola Evega e tamén participou o equipo liderado polo profesor Javier Cancela Barrio da Universidade de Santiago que se encargou da avaliación de parámetros fisiolóxicos da planta.
“Unha vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”: Emilia Díaz, técnica da Evega
Aínda que se trata de datos recollidos durante unha única campaña, amósase que o tratamento con ozono pode ser efectivo para controlar as pragas só durante as primeiras fases, xa que despois o grao de infección increméntase significativamente, mentres que con tratamentos químicos convencionais lógrase un maior control. Así, aínda que nas primeiras etapas non se atopan diferencias e o ozono podería ser unha alternativa contra o mildio, en canto se incrementa o risco e a presenza do patóxeno é preciso optar por outras solucións para manter a praga baixo control. “Una vez que aumenta a presión, o ozono deixa de ser efectivo, tanto nos ataques na folla coma no acio”, explica Emilia Díaz, técnica da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), dependente da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Avaliación da incidencia de enfermidades realizada por un técnico da Evega.

O ozono e a microbiota dos solos

O proxecto tamén avaliou o efecto que ten o ozono na microbiota dos solos, é dicir o impacto sobre os microorganismos que teñen os solos e que cumpren unha función imprescindible nos procesos bioquímicos da materia.  Unha das principais conclusións obtidas é que os tratamentos con ozono fomentan a biodiversidade de microorganismos en folla e acios fronte ás solucións convencionais. “Cos tratamentos estándar estanse eliminando microorganismos, que poden ser interesantes ou non para o viñedo”, explica Díaz Losada. De feito, a auga ozonizada parece actuar sobre un escaso número de xéneros. Aínda que non puideron comprobalo en campo, o uso de ozono tamén serviu para reducir a abundancia de patóxenos coma a botrite en acio.

Curso sobre identificación e control de pragas e enfermidades na vide

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza un curso práctico de formación profesional e adquisición de nocións básicas en identificación e control de pragas e enfermidades na vide. A formación celebrarase na Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia do 29 de agosto ao 2 de setembro, cunha duración total de 16 horas. Terá horario de tarde, das 18:00 ata ás 21:00 horas; excepto o día 2 que comezará ás 17:00 horas. O taller aborda tanto aspectos teóricos como prácticos sobre a eficacia das medidas de control e prevención de pragas e enfermidades na vide. Así mesmo, pretende ensinar diferentes métodos e ferramentas en materia de control de pragas, prácticas no campo de recoñecemento de síntomas e danos das pragas e das diferentes enfermidades nas vides. Esta iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira. As persoas interesadas poden inscribirse e obter máis información consultando o curso no Plan de Formación que a Consellería de Medio Rural está a impulsar. O coordinador poñerase en contacto coas persoas inscritas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitida. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 886 15 94 10 ou enviarse un correo a evega.ribadumia.medio-rural@xunta.gal.

Bio-ferramentas para o control de pragas nos viñedos, alternativas para reducir o uso de pesticidas

España atópase entre os 3 países nos que a viticultura ecolóxica ten un maior peso en Europa, cuns 2,1 millóns de hectáreas con este tipo de produción. Mentres, en Italia e Francia, os outros dous países que completan a clasificación da produción ecolóxica europea, apenas se conta con 1,9 e 1,7 millóns de hectáreas, respectivamente. “A viticultura ecolóxica en España é un sector importante ao que apoiar e brindar ferramentas”, reivindica Raquel Campos Herrera, investigadora Ramón y Cajal do Instituto de Ciencias de la Vid y del Viño (CSIC-UR da Rioxa), durante a súa participación no Seminario Internacional de Viticultura: Avances e desafíos conxunturais, organizado pola plataforma Vitivin.
“A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas”
Dado o espazo que reclama a viticultura ecolóxica e o impacto ambiental que supón a produción convencional, onde chegan a aplicarse ata 30 tratamentos fungicidas por campaña dependendo das condicións climáticas, as alternativas biolóxicas e sostibles para combater as principais pragas do viñedo fanse cada vez máis necesarias. “A xestión integrada de pragas no viñedo adoece dun uso reiterado de pesticidas e require dun avance en métodos máis sostibles para reducir os residuos en viñas, tanto en solos como na auga”, apunta a investigadora. O grupo de traballo no que participa a investigadora abordou nos últimos 3 anos o uso de bio-ferramentas que poidan contribuír no control de pragas e enfermidades da vide. Unha das estratexias de control de pragas nas que se están centrando é a utilización dos nematodos entomopatóxenos, empregándoos como axentes de control biolóxico e organismos de modelo ecolóxico para o control de pragas como a avelaíña do acio, entre outros.

Os nematodos, aliados no viñedo

Do mesmo xeito que xa se están empregando noutros cultivos, o grupo de investigación abordou a utilización dos nematodos entomopatóxenos, sobre cuxo uso en viñedo apenas se levaron a cabo investigacións polo momento. Pero, como poden os nematodos converterse nunha ferramenta contra pragas? O seu propio ciclo natural no solo lévalles a acabar co seu hospedador, é dicir, o insecto; unha vez que liberan as bacterias, por iso é polo que poden chegar a ser de utilidade para combater determinadas pragas propagadas por insectos. “Unha vez que os nematodos penetran no insecto, proliferan e liberan unha serie de moléculas e toxinas que afectan a órganos como o intestino e que acaban por provocar a morte do insecto, que despois os nematodos seguirán aproveitando para reproducirse, proliferar e volver ao solo en busca dunha nova vítima”, detalla a investigadora.
As súas investigacións centráronse na avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela
Coñecendo este proceso, o grupo botou man dos nematodos entomopatóxenos para desenvolver ferramentas biolóxicas, en parte desenvolvidas polo investigador Ignacio Vicente Díez, como parte da súa tese doutoral. Centráronse en tres insectos para observar de que maneira os nematodos poden converterse nun aliado para o seu control nos viñedos. En concreto traballaron sobre a avelaíña do acio, a cigarra espumadora e as arañas vermella e amarela. Centrarse nestes insectos motivou que os seus traballos vaian máis aló do desenvolvido para outras pragas que sobreviven na terra, onde tamén se localizan os nematodos. “Todas estas especies desenvólvense na parte aérea, o que obrigou a traballar nunha tecnoloxía paralela”, detalla a investigadora. Levan aplicando en campo esta nova tecnoloxía desde 2015 con distintos modelos de aplicación. “Coa tecnoloxía desenvolvida conseguimos que estes nematodos sobrevivan o tempo suficiente como para que se poidan utilizar na parte aérea e que penetren nestes insectos”, detalla Campos. Ademais, nos últimos anos foron máis aló de utilizar o propio nematodo senón que pasaron a utilizar todas as bacterias que o nematodo produce dentro do insecto, xa que estas bacterias poden crecer nun medio líquido, é dicir nun cultivo artificial, de maneira que logo se poidan empregar de distintas formas.

Ferramentas biolóxicas e pragas

Polo momento, xa comprobaron que a utilización destes extractos é eficaz contra a araña vermella, así como contra a cigarra espumadora, a avelaíña do acio e mesmo para o control da botrite. “Os traballos realizados con estes extractos mostran que teñen unha elevada eficacia para controlar ácaros como a araña vermella”, detalla a investigadora. No caso do seu uso para controlar a cigarra espumadora (Philaenus spumaius), comprobaron que a escuma producida por este insecto é un hábitat ideal para que actúe o nematodo. Tamén certificaron que estes nematodos resultan moi eficaces para matar as ninfas deste insecto. Ademais, confirmaron que non só os propios nematodos senón os extractos estaban a resultar de gran utilidade para acabar co insecto aos 3 ou 4 días. Taxa de mortalidade da cigarra espumadora exposta a nematodos. Nos seus traballos sobre o uso de nematodos entomopatóxenos como dos extractos para controlar a avelaíña do acio (Lobesia botrana), centráronse en distintas fases do insecto e confirmaron que no caso da fase 3 de larva o uso dos extractos dos nematodos consegue unha mortalidade do 80%. “Son resultados moi prometedores e sobre os que necesitamos seguir traballando”, recoñece a investigadora, xa que os traballos apenas comezaron o verán pasado. A taxa de mortalidade das larvas de Lobesia botrana (couza do acio) chega case ó 100% ó quinto día. Tendo en conta a relación que existe entre a avelaíña do acio e o desenvolvemento da botrite, xa que este insecto actúa como vector do patóxeno, os investigadores quixeron comprobar tamén se o uso destes nematodos ou os extractos podía ser un método de control deste patóxeno, conseguindo resultados prometedores, aínda por confirmar. Ademais, nos seus traballos están a estudar cales son os mellores co-adxuvantes que se podían utilizar no viñedo para conseguir a mellor supervivencia dos nematodos entomopatóxenos na parte aérea. “Búscase que poidamos mellorar a prevalencia dos nematodos nos viñedos”, explica a investigadora. Así, estas investigacións abren a porta á utilización de novas alternativas biolóxicas e cun menor impacto para o control de pragas no viñedo.  

-Consulta aquí algúns dos artigos de referencia para este proxecto. 

-Utilización dos nematodos no control da couza do acio.  -Efectos insecticidas dos nematodos contra a cigarra espumadora. 

“Os morcegos son grandes aliados para controlar pragas nos viñedos”

A presenza de morcegos nos viñedos preséntase como un aliado no control de pragas de insectos como a couza do acio. A firma valenciana Adegas Enguera levou a cabo un proxecto para fomentar o asentamento dos morcegos nos seus viñedos e que poidan axudar no control deste insecto, con iso pretenden comprobar se é posible controlar a praga da couza do acio sen utilizar a técnica de confusión sexual baseada en feromonas. Coñecemos a súa experiencia de man de Sandra Córdoba Lloria, bióloga da área de Xestión de Proxectos de I+D+i da adega, despois de participar recentemente nas xornadas do proxecto europeo IPMWorks, xestionado en Galicia pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e celebradas na Adega Martín Códax, na que se trataron tamén o uso de difusores de confusión sexual para atallar estas praga. -Por que decidistes comezar a traballar cos morcegos? - En Adegas Enguera todo o noso cultivo é ecolóxico, co que está moi limitado o uso de produtos insecticidas. Durante anos empregamos o método de confusión sexual para controlar as poblacións de couza do acio e, pese a ser un método con moitas vantaxes, xa que ofrece bos resultados sen xerar residuos; un dos seus maiores inconvenientes é o seu prezo por hectárea. Ademais, é moi difícil de implementar en parcelas pequenas, polo que a súa eficacia está condicionada a que se empregue en grandes parcelas ou cotos. En Adegas Enguera tiñamos as poboacións de avelaíña do acio controladas desde facía anos utilizando difusores de feromonas. Cos morcegos buscamos dar un paso máis na agricultura ecolóxica: reducir o uso de feromonas e aforrar custos para combater a avelaíña do acio. -Había experiencias previas que vos animasen a apostar polos morcegos? -Hai máis de 10 anos, compañeiros da Àrea d’ Investigació do Museu de Ciències Naturals de Granollers iniciaron no Delta do Ebro un proxecto para coñecer como podían axudar as colonias de morcegos na praga do coñecido como barrenador do arroz. Este grupo comprobou, despois de 10 anos, que eran capaces de controlar esta praga só cos morcegos. Sabendo que son uns grandes insectívoros, que as avelaíñas de pequeno tamaño forman parte da súa dieta e tendo en canta os bos resultados do proxecto catalán, decidimos facer o propio con este proxecto no viñedo. -Cando comezastes a impulsar accións para que as colonias de morcegos se asentasen no viñedo? -En 2015 colocáronse algunhas caixas refuxio para realizar unha proba piloto. Os resultados forman parte do TFG de Juan Martínez Barberá (responsable de I+d de Adegas Enguera), pero non foi ata 2018 cando iniciamos unha colaboración coa Universitat de València grazas á concesión dun Proxecto Cooperación subvencionado con fondos Feader. Comezamos con este proxecto piloto en base aos traballos previos que daban boa conta de que os morcegos son uns insectívoros moi voraces. Hai estudos que revelan que podían comer entre 1.500 e 3.000 insectos por noite. -Que fixestes para conseguir aumentar o número de morcegos? -Unha das principais accións que levamos a cabo foi a colocación de caixas refuxio para que os morcegos puidesen descansar e criar nelas. Ao cabo de dous anos rexistrando a actividade dos morcegos mediante gravadoras de ultrasóns observamos que nas parcelas onde colocaramos caixas refuxio, a actividade dos morcegos era moitísimo máis elevada en comparación coas parcelas onde non se colocaron. Isto evidencia que se se colocan caixas refuxio os morcegos están máis activos nesa zona e, polo tanto, cazan nesa zona polas noites.
“Favorecer a presenza de morcegos nos viñedos é gañar por partida dobre: permite controlar pragas e contribúe a axudar a unha especie prioritaria”
-Con cantas caixas refuxio contades na adega? -Con este proxecto instalamos 118 caixas colocadas en poste. Estas caixas unidas ás colocadas anteriormente suman unhas 150. Trátase de caixas planas que os morcegos utilizan para descansar polo día e tamén para criar no verán. Unha vez colocadas as caixas, cada 15 días faciamos unha revisión para ver se as ocupaban e no verán comprobabamos se criaran. O feito de que os morcegos críen no interior das caixas refuxio é moi importante, xa que todos os morcegos europeos están protexidos e as poboacións dalgunhas das súas especies son escasas. Os morcegos unicamente teñen unha cría ao ano, polo que medidas que favorezan as súas colonias de cría axudan moitísimo á súa conservación. Favorecer a presenza de morcegos nos viñedos é gañar por partida dobre: permite controlar pragas e contribúe a axudar a unha especie prioritaria. Unha das caixas refuxio situada nas parcelas dos viñedos da adega. -Que pautas seguistes para a colocación das caixas refuxio? -Unha das premisas máis importantes é que deben estar colocadas á altura suficiente como para que eles poidan entrar e saír da caixa voando. Polo que vimos, o recomendable é colocalas a unha altura de entre 4 e 5,5 metros. É necesario que a caixa teña a entrada despexada, sen obstáculos, xa que eles localizan a caixa mediante ultrasóns, de forma que se hai ramas tapando a abertura é máis difícil que a atopen. É fundamental evitar unha insolación excesiva que podería matar os morcegos durante o verán. Para iso debemos ter en conta o tipo de soporte e a orientación da caixa. -Como colocastes as caixas nos vosos viñedos? -Pódense colocar en postes, en árbores ou na parede. Nós estivémolas colocando en postes, xa que a porcentaxe de ocupación é maior que noutros soportes. Recomendamos a opción do poste porque podes colocalo onde queiras, o que vai moi ben para campos de monocultivo, e ademais teñen menor risco de requecer.
“Os gatos son os maiores depredadores dos morcegos, por iso é importante colocar as caixas refuxio fóra do seu alcance”
-Algunha recomendación á hora de colocar as caixas refuxio? -É moi importante ter en conta a insolación que pode sufrir a caixa. Aos morcegos gústalles que a caixa estea quentiña, xa que son mamíferos moi pequenos e que perden a temperatura moi rápido. Debe estar quente sen experimentar episodios extremos de calor. No Mediterráneo, no verán coas vagas de calor deben extremarse as precaucións para que non chegue a facer demasiada calor dentro da caixa. Por iso, nunca debe colocarse ao sur nin ao oeste. Cómpre ter presente que se a colocas nunha parede ademais da calor directa que teña polo día, recibirá a calor da propia parede pola noite. Ademais, as crías dos morcegos, que nacen no verán, son tamén moi delicadas en canto a altas temperaturas, polo que debe terse moi en conta xa que poden morrer por un golpe de calor. -E nun clima como o de Galicia, cal sería a mellor orientación? -Na zona de Rías Baixas, en base ás temperaturas medias, habería que evitar colocalas ao sur, xa que no verán poden darse tamén episodios de calor extremo. Tamén é recomendable non situalas orientadas cara á o norte, xa que recibirían poucas horas de luz e a caixa estaría moi fría. O mellor sería colocalas ao leste ou ao oeste. -Algún outro consello para conseguir unha maior adecuación das caixas? -En zonas como e Centro Europa utilizan cores escuras para conseguir maior temperatura no seu interior. En boa parte de España o máis recomendable é utilizalas de cor branca ou madeira de cores claras. So se usan de cor negra en zonas moi frías da Cordilleira Cantábrica. Tamén se fai fincapé en que as caixas non se coloquen en zonas nas que poidan subir predadores, en especial os gatos, que son a principal ameaza dos morcegos. Morcegos saíndo dunha das caixas refuxio da adega. -Tiveron boa aceptación as caixas? -Desde que colocamos as caixas ocupáronsenos todas elas nalgún momento. Con este modelo e seguindo unhas pautas específicas, as caixas adóitanse ocupar moi rápido. Este é un dos medos máis frecuentes entre os viticultores. No propio proxecto estudamos varios modelos ou cuestións como a orientación das caixas para poder ofrecer asesoramento neste sentido.  
“Tivemos picos de ocupación do 80% das caixas e ata 7 colonias de crías. Chegamos a contabilizar case 150 morcegos nunha caixa”
Despois de 3 anos anos tivemos picos de ocupación do 80% das caixas. Ademais criaron dentro delas. Chegamos a ter 7 colonias de crías. De feito, nunha desas caixas chegamos a contar saír case 142 morcegos. Se só nunha caixa tes ese número de morcegos o cálculo do que comerán esa noite no viñedo é moi elevado. -Canta superficie abarcades con este número de caixas? -Temos unhas 130 hectáreas repartidas entre Enguera e Fontanars dels Alforins. En concreto, neste proxecto seleccionamos unha área dunhas 40 hectáreas de viñedo en cada unha das localizacións e contamos cunha parcela testemuña para comparar o efecto da colocación das caixas na actividade dos morcegos da zona. -Puidestes chegar a comprobar que os morcegos están a comer á avelaíña? -Si, confirmámolo grazas á colaboración no proxecto coa Universitat de València, quen realizou unha análise xenética de mostras de guano dos morcegos que habitaban as caixas. Así detectamos que comían avelaíña do acio, entre outras pragas agrícolas. Ademais, a época de máxima actividade dos morcegos (no verán cando crían) coincide cos picos de voo que detectamos na avelaíña do acio. -En que fase do proxecto vos atopades nestes momentos? -Temos xa máis de 600 morcegos contabilizados nas caixas refuxio, polo que demos un paso máis, comezando a retirar paulatinamente os difusores de confusión sexual dalgunhas parcelas para comprobar se fomentando poboacións de morcegos nos viñedos somos capaces de controlar a couza do acio sen confusión sexual. O ano pasado conseguimos un novo proxecto de cooperación para seguir investigando nesta liña, sumándose ademais ao equipo a Asociación Valenciana de Agricultores, grazas a quen poderemos dar a coñecer mellor os resultados entre os propios produtores. Son estudos a longo prazo, pero os datos que estamos obtendo dannos esperanzas para seguir traballando. -Cando saberedes se só cos morcegos é suficiente para o control da avelaíña? -Os datos da retirada dos difusores, que se enmarcan neste novo proxecto, terémolos en novembro, aínda que haberá que seguir recompilando máis información nos próximos anos. Un dos viños elaborados na adega e cos que dar a coñecer esta iniciativa sostible. -Fixestes chegar dalgún xeito este esforzo da adega por combater as pragas dun xeito sostible ó consumidor? -Por mor deste proxecto producimos dous viños (Aliats e Aliats tinto) mediante os cales realizamos tamén unha difusión da iniciativa e poñémola en valor. Ademais, estamos a realizar visitas á adega en formato "noite de morcegos". Son xornadas nas que o público xeral pode vir coñecer o proxecto, ver aos morcegos que axudan no control de pragas e realizar unha cata diferente. Xa realizamos case 30 destas xornadas, co que tivemos máis de 600 asistentes e esta actividade forma parte da oferta enoturística da adega. É unha forma de difusión moi potente e no noso caso está a axudarnos a xerar marca.

Como informar á Xunta das fincas onde se labre pataca dentro da zona tampón da couza guatemalteca?

En moitos municipios do norte da Coruña e Lugo andan preparándose xa para volver plantar patacas despois de catro anos de prohibición por causa da couza guatemalteca e unha vez que a Xunta autorizou as plantacións dentro do ámbito de aplicación das medidas para o control e erradicación da praga. Porén débese ter presente que moitos destes concellos seguen a estar declarados zona tampón, o que supón unha serie de condicionantes á hora de botar o tubérculo.  Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle á Consellería do Medio Rural inmediatamente despois da sementeira (e sempre antes do 1 de abril) todas as parcelas que teñan cultivadas, independentemente da superficie plantada e de se esta é para autoconsumo ou para a venda. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.
Tanto os propietarios das leiras como os almacenistas de pataca para semente deberán levar un control do tubérculo
O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente ben nas oficinas agrarias comarcais, ben nos Concellos, para mandarllo directamente a Medio Rural a través do Portelo Único municipal. A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas que vendan pataca de semente mediante un formulario específico, ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona para a captura da Tecia solanivora povolny. Colaboración desde as entidades locais Na zona de Ferrolterra están declarados como libres da praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes e As Somozas. A maiores, está declarada zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén teñen esta condición as parroquias de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño. En toda a comarca só a parroquia da Pedra, pertencente tamén a Cariño, continúa coa cualificación de zona infestada, na que non se poderá plantar.
O Concello de San Sadurniño axúdalle á veciñanza a tramitar a declaración das plantacións de pataca para facilitar os trámites para a recuperación do cultivo
Ante a necesidade de facer as comunicacións á Xunta, algúns Concellos da comarca están a axudar aos veciños co papeleo. "Co tempo solleiro que temos xa hai quen anda preparándose para volver plantar patacas e nos últimos días foron varias as persoas que se achegaron ao Concello para preguntar que tiñan que facer. Por esta razón, na oficina do Rexistro Municipal xa están ao tanto para facilitarlles as cousas", explican no Concello de San Sadurniño. "O trámite é ben doado para persoas que estean afeitas a andar con papeleos relacionados cos montes ou coas terras, pero tamén hai quen non se manexa ben co ordenador nin tampouco cos formularios en papel", evidencian. "A declaración hai que facela despois de plantar, non antes, e para quen non saiba como cubrir e presentar o papel, no Concello hémoslle de axudar", indican.

Burela, Trabada, Arteixo, A Laracha, Muxía e Cariño manteñen a corentena e non poderán plantar

Trampa para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros O Consello da Xunta analizou este xoves un informe sobre as actuacións levadas a cabo pola Consellería do Medio Rural para a erradicación da praga de corentena da Tecia solanivora (couza guatemalteca da pataca) na comunidade galega, que supuxeron máis de 4 millóns de euros de investimento por parte da Xunta. Así, desde a súa detección en 2015 e tras a aplicación das pertinentes medidas, constatouse que unha trintena de concellos galegos deixaron de ter zonas infestadas pola couza. Mentres, só quedan seis municipios galegos (Burela, Trabada, Arteixo, A Laracha, Muxía e Cariño) con áreas nas que actualmente non se pode cultivar pataca, entre outras medidas.
O control da praga supuxo un gasto de 4 millóns de euros por parte da Xunta
En concreto, seguen a ser zonas infestadas pola couza a parroquia da Pedra, no municipio de Cariño; as parroquias de Sorrizo e Chamín, en Arteixo; as de Lendo e Caión, no concello da Laracha e as de Nosa Señora da O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía, dentro da provincia da Coruña. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo. Nestes casos, a prohibición de plantar pataca prolongarase durante un período mínimo de dous anos desde a aparición do último caso de couza.
Desde a detección dos primeiros casos en 2015, unha trintena de concellos galegos deixaron de ter zonas infestadas pola couza
Mentres, están na zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñán e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e as parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha e Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, na localidade de Cariño. Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias de Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada. Revisión periódica das trampas con feromonas Os traballos efectuados tras a detección da couza en Galicia consistiron no establecemento dunha rede de trampeo para capturar masivamente o insecto nas zonas infestadas e controlar a súa expansión, así como na zona tampón nas franxas estremeiras coa área infestada. Tamén se instalaron trampas nas principais zonas produtoras de pataca, nomeadamente na comarca coruñesa de Bergantiños e na ourensá da Limia.
Na actualidade, o traballo céntrase en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución de capturas e a dispersión da praga, así como na vixilancia de todo o territorio demarcado para evitar plantacións ilegais
A maiores, desde o comezo da praga procedeuse á recollida de patacas de semente nos almacéns comercializadores das zonas infestadas, así como do propio produto nas explotacións dos concellos afectados, ademais de controlar o movemento de pataca producida na zona infestada, dentro desta zona e entre a zona infestada e a zona tampón. Na actualidade o traballo céntrase en revisar periodicamente as trampas instaladas para rexistrar a evolución de capturas e a dispersión da praga. Ao mesmo tempo, séguese a vixiar todo o territorio demarcado para evitar plantacións ilegais.

Novo spot do popular ‘Ratibrom’

Impex Europa S.L., a empresa de Vilagarcía líder en España e Portugal en fabricación e venda de raticidas, tanto para uso profesional como doméstico, gravou este outono o novo spot do seu popular raticida Ratibrom nunha tenda agrícola da comarca de Arousa, en concreto en Comercial Agrícola Agrogrande SL., de Vilanova de Arousa.

A rodaxe das escenas do spot contou coa participación protagonista do actor Alfonso Agra, popular pola súa aparición en numerosas series televisivas e que desde hai anos é a imaxe da marca, e tamén coa intervención dos actores César Goldi, Rebeca Montero, Iván Rodríguez, Roi da Costa e Silvia Lorenzo.

O novo spot de Ratibrom, que xa se está a difundir en televisión, presenta o ‘Ratibrom rojo’, o tradicional de sempre, e tamén o ‘Ratibrom Azul’, que ten unha efectividade instantánea. Tal e como se conclúe no spot, ‘A solución é Ratibrom’.

Declarados libres da praga da couza da pataca 16 novos concellos das provincias da Coruña e Lugo

Trampeo para a detección da couza da pataca no concello de Barreiros, declarado como zona tampón Este martes celebrouse en Santiago unha nova reunión da Comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, onde os datos acadados das trampas en campo e en explotacións mostran un avance significativo na contención desta praga de corentena, "un paso previo a unha posible erradicación", asegura a Xunta. Así, tras os últimos datos de capturas, quedan totalmente libres desta praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas, Cee e Fisterra. Na provincia de Lugo, saen da zona demarcada os concellos de Abadín, Muras, Ourol, A Pastoriza, A Pontenova e Riotorto.
En Cariño, A Laracha, Arteixo, Muxía, Burela e Trabada séguese detectando presenza deste organismo nocivo, polo que seguirán permanecendo, ben na súa totalidade ou nalgunha parroquia concreta, na zona infestada
Doutra banda, pasan a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén pasan a esta demarcación as parroquias de Bardullas, Buiturón, Caberta, Couceiro, Frixe, Morquintián, Nemiña, Touriñan e Vilastose, do concello de Muxía; así como unha franxa de 5 km limítrofe cos concellos infestados que afecta a parcelas dos municipios de Camariñas, Dumbría e Vimianzo e ás parroquias de Monteagudo, Barrañán e Armentón, no concello de Arteixo; Rebordaos, Vilela e Noicela, no concello de Carballo; Cabovilaño, Lemaio e Torás, no concello da Laracha; Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño.
En zona tampón os propietarios deberán comunicar antes do 1 de abril as parcelas nas que labraron patacas
Na provincia de Lugo, a zona tampón supón os concellos de Alfoz, Barreiros, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove; ademais das parroquias Balboa, Fórnea, Ría de Abres, Sante, Vidal, Villaformán e Villapena, no concello de Trabada. En todas estas zonas tampón, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora. Zonas infestadas Doutra banda, incorpórase a parroquia da Pedra, no concello coruñés de Cariño, á zona infestada pola existencia da praga da couza. Esta área súmase ás parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo; de Lendo e Caión, no concello da Laracha; de Nosa Señora A O, Leis, Muxía, Moraime e Ozón, no concello de Muxía. Na provincia de Lugo considérase como zona infestada a totalidade da superficie do concello de Burela e a parroquia de Trabada, no concello homónimo.
Segue detectándose a praga en parroquias dos concellos de Cariño, Arteixo, A Laracha, Muxía, Burela e Trabada, onde está prohibido plantar pataca
En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír de novo da dita zona.

Terra de diatomeas, o insecticida ecolóxico para controlar pragas de caracois

Nos últimos cinco anos en España, no mundo da agricultura ecolóxica vense aplicando, cada vez con máis frecuencia, a terra de diatomeas como o fertilizante e insecticida orgánico por excelencia. Este mineral, composto por pequenos organismos fosilizados que pertencen a un grupo diverso de algas, pódese atopar como rochas sedimentadas nos fondos de lagos, mares e océanos. Agora, moitas empresas especializadas no abastecemento material para o cultivo ecolóxico estana a comercializar con éxito.
Os seus usos estanse a estender máis alá de pequenas hortas ecolóxicas ou agriculturas especializadas
Grazas á súa sinxela extracción para as empresas produtoras e o seu baixo coste para o cliente final, os seus usos estanse a estender máis alá de pequenas hortas ecolóxicas ou agriculturas especializadas. De feito, en certo tipo de gandarías intensivas e nalgúns procesos industriais estase a utilizar tanto como insecticida, como complemento alimenticio. Terra de diatomeas aplicada sobre un cultivo de tomates

Como funciona a terra de diatomeas?

A diferenza da meirande parte de insecticidas empregados, a terra de diatomeas non mata os insectos mediante envelenamento, xa que o que realmente fai é deshidratalos. O mineral está composto por microcristais que se adiren ao exoesqueleto dos insectos e abrásalles a cutícula exterior. Nese momento, como son incapaces de reter auga, prodúcese a deshidratación xeral e morren.
A terra de diatomeas nin xera resistencias fronte os organismos, nin é agresiva co solo
Neste xeito de actuar atópase un dos factores diferenciais das diatomeas fronte a outros tratamentos —incluso ecolóxicos— e é que nin xera resistencias fronte os organismos, nin é agresivo co solo. Ao tratarse dun tratamento físico aplicado en pequenas doses, non afecta negativamente a ningún animal doméstico ou de gando.

Cales son os seus usos máis habituais?

Aínda que polo seu prezo e a súa composición porosa está a ser usado industrialmente como filtro antibacteriano ou incluso como aditivo para masas como o cemento, imos explicar os seus usos máis estendidos na agricultura ecolóxica e na gandaría, ademais da súa faceta de insecticida agrícola.
  • Desparasitador para animais. A terra de diatomeas estase a empregar tamén como axente desparasitador para animais de granxa e mascotas, xa que ademais de ser inocuo para os mamíferos, resulta extremadamente efectivo contra as pulgas e as garrapatas.
As algas que compoñen este produto contan cun alto contido en minerais e nutrientes útiles
Malia que cada animal ten a súa idiosincrasia e é convinte seguir o criterio dos especialistas para cada caso, esta opción é escollida especialmente para aqueles animais aos que outros tipos de tratamentos lles producen reaccións dermatolóxicas.
  • Fertilizante agrícola. A terra de diatomeas é biodegradable e rexeneradora do chan, polo que tamén adoita empregarse na fertilización da terra de cultivo. Aínda que máis adiante explicaremos a súa composición química detallada, as algas que compoñen este produto contan cun alto contido en minerais e nutrientes útiles para que leiras e hortas prosperen. Os principais compostos son o carbonato de calcio, o óxido de silicio, a alúmina e máis o óxido de magneso.
  • Complemento alimenticio. Aínda que o seu uso en España non está demasiado estendido en gando, a terra de diatomeas emprégase dende hai décadas na alimentación de peixes e moluscos de cría. Porén, nos Estados Unidos hai reportes de usos nesta liña dende hai máis de dez anos.
Nos Estados Unidos hai reportes dos usos da terra de diatomeas en agricultura dende hai máis de dez anos
Un dos principais beneficios que produce é o retardo no tránsito intestinal, fomentando unha adecuada absorción de nutrientes das racións. Por outra banda, o carbonato de calcio fomenta un excelente crecemento e fornecemento dos ósos dos animais, prevendo fracturas ou outras lesións. Ademais, aquel retardo no tránsito axuda, en menor medida, á solidificación das feces e a previr úlceras. Terra de diatomeas

Como aplicar a terra de diatomeas como insecticida?

A aplicación deste insecticida orgánico non se diferencia moito de outros similares de actuacións físicas e non químicas. Isto ten unha implicación evidente e é que pode perxudicar gravemente a outros insectos beneficiosos para os cultivos, como son aqueles polinizadores (abellas, moscas, bolboretas, escaravellos, avespas, etc.). Polo tanto, convén ter algunhas precaucións.
A súa aplicación é habitual nas estacións chuviosas e non tanto nas calurosas
Hai que ter claro que un dos usos máis habituais da terra de diatomeas na agricultura ecolóxica é para combater gasterópodos (principalmente caracois e babosas) que son difíciles de controlar con remedios non agresivos. Isto fai que a súa aplicación sexa habitual nas estacións chuviosas e non tanto no final da primavera ou durante o verán.
A aplicación foliar, malia ser máis efectiva, pode afectar aos insectos polinizadores
O xeito máis habitual para a aplicación é mediante un pulverizador que se pode aplicar pola vía foliar, ou tamén cercando o terreo que se desexe protexer (como os velenos máis utilizados contra os caracois). Esta escolla depende do agricultor, pero a aplicación foliar, malia ser máis efectiva, pode afectar aos mencionados insectos polinizadores. En calquera caso, é recomendable evitar a aplicación sobre a zona máis problemática: as flores.  

As precaucións que se deben ter

Aínda que os compoñentes da terra de diatomeas son inocuos para persoas e animais domésticos, para a súa aplicación en seco e de maneira prolongada, recoméndase a utilización de máscara, luvas e lentes, coa fin de evitar calquera problema de contacto accidental co produto, como tose, pel seca ou irritación de ollos.
Os compoñentes da terra de diatomeas son inocuos para persoas
Aínda que moitas das empresas comercializadoras falan dalgún risco da exposición prolongada ao po de sílice como factor de risco para o desenvolvemento de silicoses, a revista científica Archivos de Bronconeumología estudou os efectos da exposición prolongada ás diatomeas sen observar ningunha evidencia científica ao respecto. Segundo apunta o estudo, “a terra de  diatomeas utilizada como biocida é basicamente amorfa, moito menos nociva que a  sílice cristalina”.

O detalle da súa composición química

As diatomeas, na súa forma viva, constitúen un dos tipos máis comúns de fitoplancto e a composición específica de cada produto depende, principalmente, dos procesos extractores da empresa que o subministra. En liñas xerais, pódese estimar que a meirande parte das terras de diatomeas do mercado teñen unha composición que orla ás seguintes cifras:
  • Óxido de silicio (SiO2), cunha presenza estimada do 62,00 %
  • Carbonato de Calcio (CaCO3), cunha presenza estimada do 34,50%
  • Alúmina (Al2O3), cunha presenza estimada do 1,40%
  • Óxido de magnesio (MgO), cunha presenza estimada do 0,77%
Para obter máis información técnica, podes acudir a esta investigación académica elaborada polos investigadores V. E. Mazzuferi, R. H. Gonçalvez, M. Tablada e D. García. Ou tamén esta outra de J.C. Acosta, arredor do efecto larvicida da terra de diatomeas sobre poboacións de mosquitos e outros dípteros.

Mosquito verde da vide: como facer fronte a esta praga?

A presenza do mosquito verde da vide increméntase ante condicións climáticas de altas temperaturas, como as que acostuman instalarse durante o verán. Estamos, por tanto, nun momento propicio para o seu desenvolvemento, algo que preocupa aos viticultores ante a proximidade do momento clave da campaña.

Para o control desta praga, Seipasa desenvolveu o bioinsecticida Pirecris, que actúa cun potente efecto de choque para eliminar rapidamente as poboacións de cicadélidos como o mosquito verde (Empoasca vitis) ou Scaphoideus titanus.

O mosquito verde da vide é un insecto de entre 2 e 3 mm de lonxitude. Na súa fase larvaria adóitase situar no envés das follas e é máis fácil de identificar ante a ausencia de ás, algo que dificulta o seu movemento. Cando evoluciona a adulto é máis difícil de ver porque voa ao máis mínimo movemento.

A incidencia aumenta xusto agora coa calor propia dos meses de verán, aínda que este ano a presión da praga non é preocupante, tal como ocorreu en campañas anteriores

O mosquito verde ataca os nervios das follas, xa que se alimenta do zume da planta. O seu efecto é moi prexudicial porque detén o desenvolvemento vexetativo e, en consecuencia, a maduración do froito. Visualmente, a consecuencia máis evidente é a desecación marxinal das follas, que se tornan de cor amarela.

A presión máis intensa de mosquito verde en viña adóitase producir durante os meses de verán por mor das altas temperaturas e o tempo cálido e seco. As perdas económicas poden ser cuantiosas porque os efectos poden chegar a estenderse na campaña seguinte ao ataque, cunha posible diminución no vigor da brotación e un descenso no rendemento da colleita.

Control e tratamentos contra o mosquito verde da vide

Pirecris é un bioinsecticida desenvolvido por Seipasa cun excelente comportamento no control e eliminación de cicadélidos (mosquito verde, Scaphoideus titanus e outras especies de insectos). O produto, ademais, acaba de obter a ampliación de etiqueta por parte do Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación para o control desta praga en viña e uva de mesa.

Pirecris está deseñado a partir dunha exclusiva formulación grazas ao perfecto equilibrio das moléculas PI e PII que compoñen a substancia activa, e que achegan a máxima eficacia insecticida, tanto en campo aberto como en invernadoiro.

O produto actúa sobre o sistema respiratorio do insecto ata provocar a súa morte e sobre os ovos e as larvas, reducindo de forma moi significativa o número de novas xeracións

As micromoléculas que compoñen a súa formulación condensan e xeran unha rede estable e equilibrada en toda a disolución, e proporcionan unha cobertura perfecta sobre a folla e o insecto.

Pirecris proporciona un potente efecto insecticida que actúa bloqueando o sistema respiratorio do insecto ata provocar a súa morte. O produto actúa sobre ovos e larvas, reducindo de forma moi significativa o número de novas xeracións.

Na seguinte gráfica pódese apreciar o rápido efecto de choque na redución das poboacións de mosquito verde (Empoasca vitis). O ensaio técnico, realizado na rexión italiana de Sicilia en uva de mesa con 2 aplicacións cada 7 días, pon en valor a rápida acción do produto, xa que consegue cortar o ciclo vital da praga para partir do terceiro día de aplicación.

Conteo de larvas de mosquito verde en uva de mesa

O ingrediente activo de Pirecris garante o seu efecto de choque, a contundencia e a súa efectividade. Así mesmo, a formulación dun produto de alta tecnoloxía permitiu a Seipasa obter a súa patente garantindo un perfil verde baseado en antioxidantes que melloran a persistencia e un matriz vexetal que potencia a acción.

Pirecris está certificado para o seu uso en agricultura ecolóxica, non deixa residuos no cultivo e ten un prazo de seguridade curto

Pirecris está certificado para o seu uso en agricultura ecolóxica (UNE 315500) e é unha ferramenta ideal para a súa inclusión en programas de Xestión Integrada de Pragas. Trátase, ademais, dunha solución 100% natural que non deixa residuos no cultivo e cun curto prazo de seguridade.

Pirecris está aliñado coas necesidades de produtores e consumidores cara a unha agricultura cada vez máis racional, sostible e responsable coa contorna. Ademais de en España, Pirecris para o control e eliminación de cicadélidos en viña tamén está rexistrado en dous grandes mercados produtores en Europa como Italia e Portugal.

As viñas centenarias do Morrazo que resistiron á praga da filoxera

A finais do século XIX, o sur de Europa foi vítima dunha das pragas máis agresivas da historia: a filoxera. Este insecto parasitario emparentado cos pulgóns chegou como invasor nas importacións de esgallos de vides americanas, que se mercaban para facer fronte a unha praga de oídio que estaba descontrolada, ata aquel momento, en todo o vello continente. Malia que as intencións eran controlar a praga de oídio, os danos colaterais foron inesperados. A filoxera acabou con gran parte das vides autóctonas que non estaban adaptadas a este insecto e forzou aos viticultores europeos a enxertar as súas viñas nas variantes americanas. O avance da praga foi imparable en todo o continente agás nalgúns puntos moi singulares. Un deles, as viñas dunares da comarca do Morrazo (Pontevedra). Na aldea de Donón, en Cangas do Morrazo, aínda hoxe pódense atopar unhas poucas viñas autóctonas con algo máis de cen anos que, sen estar enxertadas en variantes americanas, resistiron as pragas de filoxera. Esa fortaleza non foi casual. O principal motivo de que estas viñas plantadas no areal da praia de Barra resistisen foi a súa peculiar técnica de cultivo. As raíces de tódalas viñas percorren entre dous e tres metros de profundidade de area branca antes de atopar a materia orgánica que lles permite vivir. O ataque maioritario da filoxera prodúcese a través das raíces das viñas, aínda que o traspaso entre cultivos afastados faino na súa forma alada. É no momento da migración á raíz cando o ataque é devastador. Os insectos comezan a picar nas raíces das viñas para alimentarse das substancias nutricionais e acaban por podrecer a planta enteira. O feito de que as raíces das viñas desta aldea da comarca do Morrazo estean soterradas en máis de dous metros de area branca, imposibilita a viabilidade da filoxera. Esta peculiaridade é unha excepción nos cultivos vitivinícolas de Europa e iso foi o que fixo que o enólogo galego César Alonso comezase a investigar nel e conseguise a cesión dun terreo de cultivo na aldea de Donón. No seguinte vídeo falamos con el das peculiaridades do cultivo.

Consellos para o correcto control de roedores en explotacións gandeiras

Impex Europa S.L., empresa galega líder en España e Portugal en fabricación e venda de raticidas, tanto para uso profesional como doméstico, con marcas de gran prestixio como Ratibrom, Ratibrom Azul ou Brody, ofrécelle aos usuarios unha guía de boas prácticas para a correcta aplicación destes produtos.

Os roedores, principalmente a rata común (Rattus norvegicus), a rata negra (Rattus rattus) e o rato doméstico (Mus musculus) son pragas graves que afectan tanto a explotacións gandeiras e entornos edificados como á agricultura. Seguir unha serie de boas prácticas no uso de raticidas contribuirá non só a eliminar a praga, senón tamén a garantir o uso sustentable das ferramentas de control.

“Cando os anticoagulantes dos raticidas se aplican incorrectamente, hai o risco de aumentar a resistencia dos roedores e de propagar esas resistencias”, explican desde Impex Europa, a empresa galega líder en raticidas na Península Ibérica, fabricante do popular Ratibrom, Ratibrom Azul e do Brody.

Punto de partida: utilización de portacebos

Para conseguir un control efectivo e duradeiro dos roedores, desde Impex Europa SL lembran que é necesaria unha boa planificación. Para facela, cómpre ter en conta as seguintes recomendacións:

– A normativa da Unión Europea esixe o uso de portacebos cos raticidas. Os portacebos serven para protexer o raticida da humidade, po e choiva. Tamén ofrece un espazo onde os roedores se senten seguros e se alimentan, evitando desta forma o consumo de cebo por especies non obxectivo, como cans ou gatos. Ademais, o portacebos evita o contacto accidental de humanos co cebo e facilita a monitoraxe.

-Sempre que sexa posible, os cebos deben estar fixados no interior de portacebos, de forma que se evite que o animal o transporte. Existen modelos con peche de seguridade e soporte para fixar o cebo. Convén que teñan dous orificios duns 6 cm. de diámetro, de forma que permita o libre acceso dos roedores ao seu interior e evite o acceso a especies non obxectivo.

-Os portacebos deben distribuírse por toda a área a desratizar, dándolle prioridade ao perímetro da propiedade e as zonas de maior probabilidade de paso polos roedores. Os roedores adoitan camiñar pegados ás paredes, así que é recomendable que os portacebos os situemos preto delas. Dispoñer os cebos de forma aleatoria é unha perda de tempo e diñeiro, xa que os roedores raramente se apartan do seu camiño habitual.

-Para obter os mellores resultados, os portacebos deben ser colocados cunha distancia entre si de 5 a 10 metros no caso dunha infestación de ratas ou de 2 a 5 metros no caso do rato común.

Monitoraxe

-Para os anticoagulantes de 2ª xeración, onde chega cunha única toma de veleno, recoméndanse pequenas cantidades con renovacións cada 3-4 días ata que se vexa que se deixa de consumir. Na fase de mantemento (despois de alcanzar o control), as visitas aos puntos de control non teñen que ser tan frecuentes como na fase de ataque.

-A mellor forma de avaliar os resultados dunha desratización é monitorar e rexistrar regularmente os consumos en cada posto ao longo da desratización. É raro atopar cadáveres, xa que cando empezan a ter síntomas refúxianse en zonas seguras.

-Os portacebos onde non se verifiquen consumos semana tras semana deben ser recolocados en zonas máis activas.

-Nos casos en que a pesar da presenza confirmada de roedores, os consumos non se inicien no prazo de dúas a tres semanas (período inicial en que a ausencia de consumos pode ser xustificada polo comportamento de neofobia, característico das ratas), deberá substituírse o cebo utilizado por outro máis atractivo e garantir que foron implementadas todas as medidas posibles para limitar o acceso dos roedores e outros alimentos.

-Manipular sempre o material utilizado para desratizar (portacebos, cebos e trampas) con luvas, para non comunicar cheiros que poidan provocar a desconfianza dos roedores.

-Non mesturar o raticida con ningún produto.

-Non comer, beber ou fumar durante a manipulación dos rodenticidas, portacebos ou outros materiais de risco.

-Non colocar o produto xunto a cursos de auga para evitar a respectiva contaminación.