Archives

Calizas Calfensa, beneficios para as praderías

Cando o solo ten un pH ácido, como o habitual en Galicia, os cultivos atopan maior dificultade para aproveitar os nutrientes, o que supón un handicap para o seu desenvolvemento. “Con frecuencia, atopámonos con análises de solos que teñen unha presenza alta de nutrientes, ata o punto de estar sobreabonados, pero eses nutrientes están pouco dispoñibles para os cultivos por ter o solo un pH ácido” -explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola de Calfensa.- “Para lograr un abonado eficaz, é preciso coidar a corrección do pH do solo”, subliña.

No caso das praderías, a aplicación das calizas agrícolas pode facerse tanto en labores de fondo, aproveitando os traballos de renovación da pradería, como en superficie, tralo último corte de herba ou fin do pastoreo da parcela. “Nos encalados de mantemento, un efecto claro é que as calizas contribúen a rexuvenecer o cultivo, co que aumenta a produción e a calidade do ensilado”, valora Alberte Momán.

Dado que a acción dos produtos encalantes é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas.

Beneficios do encalado en solos ácidos
As condicións xeolóxicas e climáticas habituais en Galicia deparan solos ácidos nos que as plantas adoitan ter a disposición grandes concentracións de aluminio e manganeso, que en porcentaxes altos repercuten nun pobre desenvolvemento das plantas. O aluminio ten un impacto directo sobre as raíces, que aparecerán curtas e fráxiles, en tanto o manganeso causa un menor crecemento do talo.

A acidez do solo limita ademais a dispoñibilidade dos nutrientes principais, nitróxeno, fósforo e potasio. Así as cousas, o encalado aportaralle ós cultivos importantes beneficios:

• Bloquea parte dos ións de aluminio, ferro e manganeso, que poden estar en concentracións moi tóxicas para algúns cultivos.

• Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos.

• No caso de que estea presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental.

• Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio.

• Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica.

• No caso das leguminosas en praderías polifitas, o encalado pode aumentar a cantidade de proteína da forraxe, ao incentivar o crecemento das leguminosas.

• Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas, sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Gama de produtos encalantes

Caliza agrícola
O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción no chan.

Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para corrixir a acidez do chan, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea.

Á hora de consultar o valor neutralizante dun produto, hai que ter tamén en conta que en Portugal contan cun sistema de medición diferente, polo que produtos portugueses cun valor neutralizante de 85 son equivalentes aos que en Galicia teñen 40.

Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio)
Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Así corríxense as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos.

A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico. Nos últimos anos está medrando o consumo da caliza magnesiana, pois é unha necesidade en moitas zonas da comunidade.

“As analíticas de solo nas explotacións son cada vez máis habituais e con frecuencia adoitan revelar carencias de magnesio, que é un elemento importante para mellorar a nutrición dos cultivos”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa.

Caliza Magnesiana Granulada
De xeito complementario á caliza magnesiana en po, Calfensa lanzou unha caliza magnesiana granulada, coa mesma riqueza pero que pode ser aplicada directamente polo profesional, ao presentar un grao esférico como o do abono.

“Coa creación dun granulado de caliza magnesiana buscamos un produto de boa calidade que cubra as necesidades de clientes específicos, como pequenos produtores con hortas e xardíns, ou áreas verdes públicas”, explica Alberte Momán, que precisa que a dose de aplicación da caliza granulada terá que ser similár á da caliza en po.

“Con determinados produtos granulados, houbo mensaxes engañosas no mercado, pois recomendaban doses de aplicación moi inferiores ás aconselladas técnicamente, polo que carecían do efecto necesario en campo”.

Óxido de calcio e óxido de magnesio
Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, aínda que o seu custo tamén é máis alto.

O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o do óxido magnesiano en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto comercializado por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparexido polo propio gandeiro por medio de abonadoras.

Diferentes estratexias das ganderías galegas para rotar as terras do millo e cumprir coa PAC

Os cultivos de inverno ábrense paso en Galicia. Dúas son as razóns principais: por unha banda, a medida que as explotacións van medrando, as súas necesidades de forraxe aumentan; por outra, a PAC empurra cara a implantación de técnicas de mellora e conservación do solo, como o é non deixar os chans baleiros ou sementar especies mellorantes que fixan nitróxeno ambiental ao terreo. Á hora de deseñar a súa estratexia anual de cultivos e rotacións, cada explotación ten que tomar as súas decisións en función das súas características e de factores como a zona na que se atopa, a climatoloxía, a tipoloxía das parcelas ou o nivel de autosuficiencia forraxeira da gandería. A dispoñibilidade de semente, que está a ser limitada nalgúns casos este ano, e o seu prezo, que se incrementou notablemente debido á alta demanda, fixo subir os custos de sementeira nesta campaña, a primeira trala entrada en vigor da nova PAC, que aposta pola rotación dos cultivos.
A climatoloxía condiciona as sementeiras e tamén a produción final obtida coas leguminosas, que son sensibles ao encharcamento e precisan de calor para medrar
A climatoloxía condiciona en ocasións as sementeiras e tamén o rendemento obtido cando se labran leguminosas, pero especies como chícharos, altramuz, veza ou trevos anuais estanse a abrir camiño nas explotacións galegas polos beneficios agronómicos e nutricionais que aportan. Coñecemos algunhas experiencias concretas:   

“Este ano non imos botar raigrás; sementaremos en todas as fincas unha mestura de varias leguminosas para enterrar”

A Cooperativa Agraria Provincial da Coruña posúe dúas ganderías (Granxa o Cancelo en Miño e Granxa A Esperanza en San Sadurniño), ademais de asesorar a outras explotacións por toda Galicia. A maioría das explotacións leiteiras galegas intentan sacar o maior proveito á produción forraxeira, sendo unha das posibilidades a rotación anual de cultivo de inverno e verán con aproveitamento das dúas colleitas para ensilado, pero “non en todos os casos é posible, pois depende das condicións edafoclimáticas ou da superficie total da explotación”, indican desde o equipo técnico de CAP Coruña.
Non serve para todos o mesmo; as cousas hai que velas en directo na explotación e estudar cada caso
Por iso insisten en que “cada quen ten que optar polo mellor para a súa explotación, establecendo unha estratexia adaptada ás condicións que un ten”, sen que sirvan recomendacións xeralizadas. “O cultivo principal para nós é o millo, polo que este ano xa non imos sementar nada con raigrás, todo vai ir cunha mestura de leguminosas para enterrar. Este ano imos facer o mesmo ou moi parecido en Miño e en San Sadurniño”, contan.
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas nas fincas que non teñen cultivo no inverno
CAP Coruña leva moito tempo traballando con leguminosas para abonado en verde as fincas que non teñen cultivo no inverno. “En anos anteriores levamos probado con chícharos, con vezas e con altramuces”, explican. A mestura escollida para esta campaña leva varias leguminosas, entre elas trevo e altramuz, non con vistas ao aproveitamento forraxeiro senón co obxectivo de fixar nitróxeno.
O abonado en verde ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero fixas nitróxeno, evitas a escorrentía e melloras a estrutura do solo
“Estamos contentos e pensamos que é o mellor para a terra en comparación con deixar o solo desnudo, porque abonas e melloras a estrutura e fertilización do solo. Ten un custo asociado, o de sementar, triturar e enterrar, pero cremos que ten máis vantaxes que custos, sendo á súa vez unha práctica que encaixa nas novas medidas regulatorias en canto á condicionalidade e os ecorreximes da nova PAC”, argumentan.
Pradeira de raigrás con veza e trevo en SAT O Palomar na última campaña de ensilado da herba

“Sementamos unha mestura de raigrás, veza e trevo onde o 60% son leguminosas”

SAT O Palomar, de Láncara, ten unha superficie agraria de 206 hectáreas, 120 delas son de pradeira permanente e o resto están enfocadas ao cultivo de millo. “Facemos rotación en todas, non deixamos ningunha baleira”, destaca Odón Castro. Como cultivo de inverno, levan xa 9 anos apostando por unha mestura de gramíneas con leguminosas, onde o 60% son leguminosas. En concreto, empregan dous tipos de raigrás (un raigrás inglés e un raigrás híbrido moi tardío) e tres leguminosas (dous tipos de trevos e veza).
Quero ter máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo
“Quero máis elasticidade no momento da sega e non estar tan condicionado polo tempo”, explica. Fan un só corte, entre a segunda quincena de abril e o 5 de maio, dependendo de como veña o tempo. “Imos sempre ao límite en produción, con colleitas de entre 16.000 e 18.000 quilos facendo un bo presecado e acadando unha media de entre o 14% e o 16% de proteína no silo”, detalla. Este ano, na campaña de ensilado de herba en primavera, unicamente fixeron dous cortes nas primeiras pradeiras sementadas, labradas a primeiros de setembro, para preservar a calidade da forraxe. “Fixemos un primeiro corte en marzo cun 18% de proteína e outro na primeira semana de maio”, conta. Foi unha excepción, xa que asegura que “non compensa facer dous cortes, porque estás ensilando todo o tempo e os gastos son maiores”.

“Para facer abonado en verde, a semente de grelo sae máis barata porque leva menos quilos por hectárea”

Ganxabar, a cooperativa formada por 8 explotacións das comarcas do Xallas e A Barcala, botou este ano 850 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de xestión conxunta de forraxes. Unha vez levantado o millo, teñen previsto sementar a metade da superficie con pradeira para facer silo de herba na primavera e noutra metade das fincas sementarán unha cobertura vexetal para enterrar como abono en verde.  “Sempre se botou algo para enterrar, pero non tanto. Cada vez son menos as fincas que quedan baleiras”, recoñece Jesús Otero. “Antes sementabas millo e deixabas baleiro no inverno para volver botar millo, pero iso agora non se vai poder facer. Nesta zona estanse dando certos cambios nese sentido”, asegura. E insiste en que a nova PAC vai obrigar ás explotacións a cambiar algunhas prácticas. “Antes traballabas con mesturas pero non estabas pendente de que tiveran máis do 50% de leguminosa”, exemplifica.
O valor do ecorrexime non compensa o custo da sementeira, pero é unha práctica boa para o terreo
No seu caso, para as pradeiras, optaron polo raigrás e por introducir mesturas con leguminosa no 10% da superficie para cumprir co ecorrexime de rotación de cultivos da PAC.  No resto das fincas, nas que non teñen previsto facer corte de herba para ensilar, Ganxabar botaralles nabos á maioría das parcelas. “A semente de grelo sae máis barata porque leva moitos menos quilos por hectárea, entre 8 e 10 quilos, cando outras mesturas de leguminosas para enterrar poden andar entre 25 e 35 quilos”, compara. O valor do ecorrexime de rotación de cultivos con especies mellorantes, establecido finalmente en 68,64€ para as primeiras 30 hectáreas e en 48,05 para as seguintes, “non compensa o custo da sementeira”, di, pero “é unha práctica boa para o terreo, independentemente da PAC, porque estás abonando e mellorando o solo”, defende Jesús. “Se o queres facer ben e traballar ben a terra, teste que ir a unha hectárea por hora, polo que o custo do laboreo está entre 60 e 80€. A iso hai que engadir o custo da semente, que no caso do grelo son uns 30€. É dicir, por menos de 100€/ha non das feito a sementeira”, calcula.
Cultivo de cereal con leguminosa en Casa Barbeiro, que superou o metro de altura a pasada primavera

“Botamos cereal con veza porque o rendemento é altísimo e as calidades son boas”

Gandería Casa Barbeiro conta con dúas granxas na comarca da Mariña, ubicadas nos concellos de Alfoz e Ribadeo, e traballa unhas 190 hectáreas de terreo. Agás 30 hectáreas que labraron a comezos de setembro cunha mestura de wester con raigrás híbrido coa intención de facer un corte de forraxe a comezos de novembro, nas outras 160 hectáreas repetirán a mestura pola que levan anos apostando: a de veza con cereal. “O rendemento é altísimo e as calidades boas. Segámolo con cinta, coas mariposas, e vai o produto moi limpo, tamén porque non o collemos moi baixo. O ano pasado houbo parcelas de moitas toneladas, nas que a herba tiña máis dun metro de alto, con proteínas medias dun 15% e pasando do 17% nalgunha mostra puntual”, explica Juanjo Fraga.
Se se sega a principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril
Fan un só corte e procuran estiralo o máximo posible. “Colleitámolo o máis tarde posible, para conseguir cantidade de forraxe e que a veza estea moito máis desarrollada, porque o crecemento da veza prodúcese fundamentalmente despois de abril. Se se deixa a sega para finais de abril ou principios de maio é cando se conseguen producións extraordinarias”, indica. Sementeira directa Gandería Barbeiro está a apostar tamén polo mínimo laboreo, logo da compra este ano dunha máquina composta por cuba de purín e equipo de sementeira directa, o que lles permite nunha mesma pasada ir enterrando o purin e labrando con strep-till e con grada rotativa detrás. A mestura de sementes varía en función da parcela da que se trate e do tipo de veza, que combinan principalmente con trigo híbrido e algo con cebada híbrida. “Dependendo das vezas e do tipo de cereal imos adaptando a mestura e xogamos tamén coa humidade das parcelas, porque a veza coa humidade non se leva ben”, explica Juanjo.
A combinación habitual inclúe un 60% de veza sativa e un 40% de trigo híbrido
As combinacións van desde un 60% de veza e un 40% de cereal nas fincas máis enxoitas a unha mestura ao 50% nas máis molladas. O tipo de veza tampouco é sempre o mesmo. “Se hai sativa, botamos sativa, pero está sendo difícil de conseguir. A min gústame máis a variedade sativa porque ten máis dixestibilidade e aguántase mellor, aínda que o comportamento depende moito do ano”, recoñece. En anos climatoloxicamente adversos e parcelas moi húmidas acabaron usando o cultivo para abono en verde. “Algún ano moi húmido optamos por enterrar a leguminosa en vez de ensilala, pasándolle a grade de discos, e tamén vale, porque fixa moito nitróxeno e deixa a terra esponxosa para labrar o millo”, argumenta. “Non tivemos que cambiar nada para cumprir co ecorrexime” Gandería Barbeiro leva moitos anos apostando pola leguminosa con cereal no inverno fronte ás gramíneas. “O raigrás para o manexo da alternativa co millo é moito máis complicado, tes que facer varios cortes, require máis abonado e déixache a terra en moito peor estado, porque queda máis seca e máis dura”, relata. “Nós non tivemos que facer cambio ningún para cumprir coa PAC, porque xa estábamos traballando con leguminosas. E agora coa sementeira directa máis aínda”, di. Ás vantaxes ambientais engádense as económicas, cunha redución no gasto en abono químico, unha das estratexias que están a seguir nos últimos anos para mellorar a eficiencia das dúas granxas, xunto co incremento da produción de forraxes propias.
No inverno usamos o purín en coberteira en vez de abonos minerais
A compra da nova máquina para botar o purín persegue o obxectivo de adaptarse á inminente entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas no vindeiro mes de xaneiro e, ao mesmo tempo, lograr un mellor aproveitamento do poder fertilizante do xurro. “Nos momentos de sementeira, tanto agora como para botar o millo, enterrámolo, e despois en coberteira usamos un aplicador de tubo localizado con ballesta, que fai unha fendidura de 3 cm de fondo na terra e vaino deixando por ese canal como se fora co disco. É o único abono que lle metemos ao cultivo de inverno, non usamos abonos químicos”, conta.

A suba das sementes e do gasóleo encarece até nun 30% a sementeira das pradeiras

O custo de sementeira de pradeiras está a incrementarse considerablemente este ano en Galicia, até nun 30% nalgún caso. Ao forte encarecemento das sementes e á pouca dispoñibilidade engádese o prezo do gasóleo, que escalou de novo nas últimas semanas até 1,4 euros o litro. A obriga de rotar cultivos e meter especies mellorantes para cumprir coa PAC disparou este ano a demanda de leguminosas e o seu prezo. Mesmo hai problemas de subministro dalgunhas sementes, como a veza, que está sendo moi difícil conseguir, sobre todo a da variedade sativa, a preferida en Galicia por ser máis rústica e adaptarse mellor ao chan e á climatoloxía da comunidade, e que escalou a súa cotización até situarse por enriba dos 2 euros o quilo.
Está habendo moitas dificultades para conseguir veza e está cara
As  empresas distribuidoras están a priorizar aos clientes habituais no reparto das poucas existencias que hai, e mesmo houbo ganderías que tiveron que retrasar a sementeira das pradeiras á espera de que chegase o pedido de leguminosas e outras que tiveron que variar as mesturas programadas para poder labrar. Con prezos por enriba de 2.000 euros a tonelada (cando hai dous anos podía estar a 600€), nin as empresas multiplicadoras nin as comercializadoras fixeron un acopio excesivo de semente, polo que non estaban preparadas para a avalancha de peticións.
As mesturas estanse a impoñer este ano fronte ás pradeiras monofitas
Aínda que é posible labrar unha única especie de leguminosa ou que as explotacións fagan as súas propias combinacións, algunhas casas comerciais reaccionaron á nova PAC facendo mesturas específicas ou modificando fórmulas xa existentes para engadir máis leguminosa, até lograr sobrepasar o 50% esixido no ecorrexime. Veza con avea, o máis caro A escolla das sementes varía de xeito importante o custo final de sementeira, que depende de varios factores, entre eles o tipo de variedade, as proporcións empregadas na mestura, as doses por hectárea utilizadas e o destino final do cultivo. A suba de prezo está a afectar sobre todo á veza dentro das leguminosas e á avea na parte dos cereais, pero dase un efecto contaxio que acaba por provocar un encarecemento xeralizado no resto de sementes, xa que a falta dunha produce unha sobredemanda noutra. Por exemplo, a escaseza de veza está a derivar en maior demanda tamén de chícharo como alternativa para as mesturas con cereal. O triticale e o centeo están a prezos equiparables e un pouco máis asequibles, pero a avea é máis cara este ano que noutras campañas. Cos prezos desta campaña, sementar unha hectárea de veza con avea como cultivo de inverno para ensilar, para o que serían necesarios uns 150 kg/ha (80 de veza e 70 de avea), pode chegar aos 300€ só de semente. 
Os cultivos de inverno con veza poden chegar nesta campaña aos 300€/ha sumándolle o cereal para acompañala
Para as explotacións que labran a veza non como cultivo forraxeiro, senón para non deixar a terra baleira, enterrando despois a leguminosa como abono en verde, as doses son máis baixas, pero como pouco hai que meter entre 40 e 50 quilos por hectárea, o que supón uns 110 €/ha. Se en vez de botar unha única especie (veza, chícharo ou altramuz só) se opta por unha mestura de varias leguminosas lógrase abaratar algo o custo, que pode situarse en 90€/ha con doses de 35 kg/ha.
Labrar unha pradeira de raigrás custaría uns 150€/ha en total entre semente e traballo. Se se mestura con trevo serían 40€ máis
A sementeira de pradeiras de herba só con gramíneas sae un 40% mais barata que mesturada con trevo, pero por menos de 90€/ha é difícil botar calquera raigrás. Se se lle mestura trevo e se quere que sirva para cumprir co ecorrexime, para o que a leguminosa ten que ser maioritaria, o importe sobe até os 120€. Neste caso unha mestura habitual podería consistir en 13 kg/ha de trevo violeta e 12 de raigrás italiano, por exemplo. Entre 60 e 80 euros por hectárea de laboreo A eses custos, só da semente, habería que engadir os de laboreo e sementeira. As empresas de servizos tamén subiron tarifas, uns 10€ con respecto ao ano pasado, polo que o custo do traballo de sementeira moveríase entre os 60 e os 80€/hectárea, que sería o custo dunha hora de grade rápida ou combinada.
As empresas de servizos están a repercutir tamén a suba do gasóleo e dos intereses dos préstamos para mercar a maquinaria
Se se paga por sacar o purín, habería que sumar tamén esas horas,  porque aínda que para labrar a leguminosa tralo cultivo de millo non sería necesario fertilizar, a maioría das ganderías non dispoñen de capacidade de almacenamento suficiente para o xurro para aguantar todo o ano sen sacalo, até volver labrar de novo o millo a primavera que vén, polo que aproveitan a sementeira das pradeiras en outono para baleirar as fosas de purín de cara ao inverno. Máis proteína nos silos para lograr un abaratamento da ración Alén dos beneficios agronómicos das leguminosas como cultivos mellorantes dos solos, unha consecuencia directa do incremento da superficie labrada con este tipo de especies vai ser un aumento do contido proteico dos ensilados dos que disporán as ganderías galegas o vindeiro ano, o que lles permitirá axustar a ración e reducir a compra de insumos como soia ou colza.
Canta máis leguminosa haxa na mestura, máis proteína pero menor cantidade de materia seca
A veza acada porcentaxes do 20% de proteína, ao igual que as mesturas de trevos, e o chícharo mesmo supera eses niveis. Ao mesturar cunha gramínea (o raigrás ten un 7%) ou cun cereal (a avea aporta un 8-9% e o triticale un 13%) redúcense as porcentaxes medias, que poden chegar ao 17-18%. Pero estas fórmulas para cumprir co ecorrexime da PAC, onde predomina a leguminosa, son mesturas difíciles de ensilar, xa que son combinacións forraxeiras moi altas en proteína e baixas en carbohidratos non exentas de riscos á hora da conservación (son recomendables inoculantes a base de bacterias). Leguminosas como os chícharos conteñen proteínas moi solubles, en ocasións difíciles de trasladar á ración, e que penalizan a cantidade de forraxe en términos de materia seca obtida.

Piden que, de modo excepcional, non se esixa este ano o requisito do 5% da superficie labrada con leguminosas

Ante a carestía e escaseza de sementes, en Cataluña a organización de produtores Unió de Pagesos, que está integrada a nivel estatal en Unión de Uniones, solicitou á Generalitat de Cataluña que faga unha excepción este ano dentro do ecorrexime de cultivos mellorantes e non esixa que o 5% da superficie se labre con leguminosas como semente principal, debido á caída da produción de semente certificada de leguminosas coincidindo cun ano de forte demanda. Sen embargo, desde a Asociación de Empresas Produtoras de Sementes Selectas (APROSE), rexeitan de plano esta petición e aseguran que tería importantes consecuencias negativas para as empresas multiplicadoras.
No conxunto de España, están acollidas ao ecorrexime de rotación case 7 millóns de hectáreas, o que obrigaría a labrar 350.0000 hectáreas con leguminosas
Os produtores de sementes din que para garantir o subministro nesta campaña, e ante a escasa colleita en España, tiveron que aprovisionarse a un custo elevado noutros países, polo que, de non dar saída agora a esta mercadoría, sufrirían perdas considerables. Colleita moi escasa e altísima demanda A situación de falta de semente de leguminosa vénse arrastrando desde a campaña pasada. A seca, e despois as xeadas, minguaron a anterior colleita de semente certificada de xeito moi considerable. Tanto, que os rendementos baixaron de 1.200 kg por hectárea a só 300, insuficientes para cubrir unha campaña de sementeira normal, e moito menos esta, onde a demanda se disparou.
Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos para mesturar cos cereais de inverno
Á mala colleita engádese o feito de que case sete de cada 10 hectáreas adicadas a terras de cultivo en España se acolleron ao ecorrexime de rotación con especie mellorante, o que equivale a case sete millóns de hectáreas. Habería que botar leguminosas alomenos no 5% desa superficie, o que significa que unhas 350.000 hectáreas terán que ser sementadas con leguminosa nesta campaña no conxunto de España.   Debido á falta de veza, moitas explotacións optaron polos chícharos como substitutivo para mesturar cos cereais de inverno. A veza é un cultivo forraxeiro, polo que a cantidade de semente que se colleita é moito menor que no caso dos chícharos. Sementes importadas Para cumprir co fixado na PAC esíxese labrar semente certificada. O problema é que o proceso para a súa posta no mercado require dunha planificación a longo prazo, polo que non é doado incrementar a produción dun ano para outro. Por iso, Unión de Uniones tamén pide que se permita, excepcionalmente, o intercambio entre agricultores, aínda que non se trate de semente certificada, para poder cumprir coa PAC deste ano. A veza ou cereais como a avea, o centeo ou o trigo proceden maioritariamente de empresas multiplicadoras españolas, pero algunhas variedades do trevo utilizado nas sementeiras de pradeira en Galicia proceden de países tan alonxados como Australia. No caso de gramíneas como o raigrás, é frecuente que as sementes veñan dos EEUU.

Beneficios da introdución de especies mellorantes nas pradeiras

Pradeira mixta de raigrás e trevo na Finca de Cartelos, en Carballedo (Lugo), nun ensaio do CIAM O outono é o momento idóneo para sementar novas pradeiras ou renovar as existentes. Ben sexa para pacer ou para ensilar, as leguminosas son unha boa opción. A implantación acostuma ser mellor ca na primavera, ademais de coincidir coa rotación habitual en Galicia co cultivo do millo.  Este ano, despois do ensilado do millo, moitas ganderías terán que variar a súa estratexia para cumprir co esixido na nova PAC, o que supón unha oportunidade para mellorar algunhas prácticas. “Deixar a terra sen cultivar no inverno agronomicamente non é recomendable, polo que hai que sementar un cultivo de inverno cando se colleite o millo. O recomendable é introducir un cultivo rexenerador e mellorante do solo e cando te adicas á gandería o que hai que introducir son leguminosas”, insiste Juan Valladares, investigador do CIAM.
Cando te adicas á gandeiría hai que introducir leguminosas nas pradeiras
No Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo levan varios anos estudando distintas alternativas para os cultivos de inverno en Galicia e comparando os resultados das diferentes mesturas de gramíneas e leguminosas. Juan enumera os beneficios de sementar especies mellorantes nas pradeiras desde o punto de vista agronómico (o terreo queda mellor preparado e é máis doado de traballar; saen menos malas herbas, polo que son necesarios menos herbicidas; e lógrase un aporte extra de nitróxeno para o seguinte cultivo, que redunda nunha maior produción); pero tamén desde o punto de vista nutricional, ao lograr maior contido en proteína na ración.
Dos trevos hai moito que estudar aínda e é necesario aprender a traballar con eles
Pero coas leguminosas, di, “é necesario aprender a traballar con elas”. Nos últimos anos o CIAM estivo realizando ensaios con leguminosas anuais en distintas zonas de Galicia, como na finca de Mabegondo ou na do Pazo de Cartelos (Carballedo), pertencente á Fundación José Luis Taboada, onde se probaron distintas mesturas de trevos para comprobar a súa implantación e rendemento: trevo migueliano, tamén chamado balansa; trevo resupinatum (persa); trevo maral (trifoliun suaveolens ou trevo resupinatum de folla grande) e trevo encarnado. “Segundo en que zonas de Galicia, danse mellor uns trevos ca outros. O trevo maral, por exemplo, ten capacidade de rebrote, pero é tardío, polo que se implanta mellor en Mazaricos que en zonas do interior”, asegura Juan. Mesturas de trevos e gramíneas Independentemente da variedade escollida, o trevo funciona mellor mesturado cunha gramínea, que aporta o contido en azucres suficiente para unha boa conservación do silo. “Ademais, nos estudos que fixemos vimos que había que introducir un raigrás porque a implantación dos trevos é lenta; o que mellor funciona é o raigrás híbrido”, explica. “Se despois do millo sementas só trevo, como tarda en implantarse, se veñen chuvias lávase o terreo. Mesturado co raigrás, sen embargo, evítase a escorrentía, porque o raigrás ao mes xa ten o desenvolvemento suficiente para frear o efecto de lavado do solo pola chuvia”, detalla.
Os trevos funcionan mellor mesturados con raigrás híbrido, porque se evita o lavado do solo cando chove
Ademais das diferenzas na implantación, a preparación do terreo debe ser tamén diferente cando se sementan só gramíneas que cando se aportan mesturadas con leguminosas. “O trevo obriga a preparar mellor o terreo para a sementeira e despois pasar sempre un rulo. O raigrás, cando se sementa só, vai creando unha especie de fieltro no chan que impide a contaminación por pedras e cinzas cando ensilas a herba, algo que non acontece no caso do trevo”, indica.   Cereal con leguminosa Mestura de veza, raigrás e avea O CIAM tamén fixo ensaios con veza, unha leguminosa cada vez máis frecuente en Galicia tralo millo en combinación con cereal de inverno. “Probáronse mesturas de veza villosa con trevos e raigrás. A veza villosa é menos dixestible que a sativa, pero a sativa tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada ou avea) como titor”, indica Juan.  
A veza sativa é máis dixerible que a villosa pero tende a tumbarse e necesita un cereal (triticale, cebada, avea) como titor
Xunto coa veza, outra das leguminosas empregadas nas mesturas con cereal é o chícharo. “A clave está na proteína. Póñense estes cultivos porque vas a un só corte e logras un contido proteico máis elevado. No raigrás se vas a dous cortes podes igualar a cantidade de proteína, pero os custos duplícanse”, razoa. Labrar sen abonar De cara á sementeira do cultivo de inverno non é imprescindible abonar as terras. É máis, pode ser mesmo contraproducente. “Nos ensaios que realizamos fixemos laboreo e sementamos sen abonar en fondo, aproveitando unicamente os excedentes da fertilización con xurro no cultivo do millo (entre 50 e 60 metros cúbicos por hectárea). No purín unha cuarta parte do nitróxeno que aporta quedaría para o ano seguinte, porque se corresponde coa mineralización da materia orgánica. Pola composición habitual do xurro en Galicia, uns 25 kg de nitróxeno por hectárea quedan para o seguinte ano, que é o que se necesita para o arranque das leguminosas. E non hai que pasarse de 25 kg/ha de nitróxeno porque senón prexudícase o desenvolvemento do rizobium”, advirte o investigador do CIAM.
O momento de abonar en coberteira está determinado en función da temperatura do chan (entre 8 e 10 grados)
Sería convinte, iso si, aplicar unha fertilización despois en coberteira, duns 50 kg de nitróxeno por hectárea. “Cando o cultivo empeza a desenvolverse sería o momento de aplicar esta fertilización con abono químico convencional ou incluso purín, pero depositado no terreo. A leguminosa tende a medrar cando a temperatura do chan está entre 8 e 10 grados. Segundo as zonas, isto prodúcese a finais do inverno ou comezos da primavera; no interior de Galicia acostuma cadrar a primeiros ou mediados de marzo”, exemplifica. A data de abonado marca tamén o momento de segar, pois habería que cortar dentro dos 40 días posteriores. Sementar en outubro ou en xaneiro? Hai ganderías que optan por retrasar a sementeira do cultivo de inverno ao mes de xaneiro, para evitar a presenza de malas herbas, algo que Juan só recomenda en determinados casos. “A implantación das leguminosas é lenta e iso fai que se temos no chan un banco de malas herbas saian e se desenvolvan antes. Sementando o cultivo de inverno en xaneiro evitariamos esta competencia, pero hai que ter en conta que as leguminosas en xeral son bastantes sensibles ao frío. O chícharo, por exemplo, é sensible á humidade excesiva e ao frío, daí que debamos consideralo”, alerta.
As leguminosas son bastante sensibles ao frío, polo que se na zona hai xiadas é preferible non agardar
Por iso, se na zona hai xeadas en xaneiro e febreiro, recomenda sementar o cultivo antes, no outono, sen agardar aos meses de inverno. “En zonas onde non hai xeadas, podes sementalo máis tarde, pero en zonas onde xea é preferible sementar en outono, para que cando veñan as xeadas xa estea implantado. A leguminosa cando nace é extremadamente sensible, a medida que xa ten 3 follas aguanta mellor as xiadas”, explica.   Un único corte en abril As mesturas con leguminosa tardan máis en desenvolverse que cando se sembra só raigrás. O punto de crecemento márcao a temperatura do chan (por enriba de 8-10 grados), que é cando se activan as bacterias (rizobium) e a planta aproveita o nitróxeno atmosférico e medra máis. “As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Os trevos se hai chuvias, frío ou encharcamento non medran. Co chícharo pasa algo parecido. Son cultivos de implantación lenta e que dependen da temperatura do chan para medrar e desenvolver todo o seu potencial”, indica Juan.
As leguminosas quédanse paradas á espera do bo tempo. Son de implantación lenta e dependen da temperatura do chan para medrar
O ensilado, mediante un só corte, depende da zona e de como viñera o tempo. “O momento de segar é cando comeza a floración das leguminosas, que nun ano normal podería estar en torno ao 15-20 de abril en zonas como Mazaricos, pero en zonas interiores vén un pouco máis tarde”, explica. “Se vén mal tempo e non dá medrado tes que meter nitróxeno extra, mediante abono químico, pero nese caso non estaríamos aproveitando a función das leguminosas como fixadoras de nitróxeno ambiental”, di. Rendementos Nos ensaios realizados en Cartelos no 2021 cunha mestura de raigrás híbrido e tres trevos anuais e unha fertilización de 60 metros cúbicos de xurro por hectárea previos no cultivo do millo máis un abonado en coberteira con tres doses diferentes de abono químico no mes de marzo, lográronse os seguintes rendementos:
  • Sen abonado en coberteira = 4,7 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 50 kg de nitróxeno por hectárea = 5,8 toneladas de materia seca por hectárea
  • Con 100 kg de nitróxeno por hectárea = 6,3 toneladas de materia seca por hectárea
“Canto máis abonas máis se incrementa o rendemento, pero habería que ver se compensa desde o punto de vista económico pasar dunha determinada cantidade, porque con 50 kg de nitróxeno por hectárea temos uns rendementos superiores a se metes 0 kg pero similares estatisticamente a se metes 100”, argumenta Juan.
Introducindo trevo mesturado co raigrás obtés un 40% máis de proteína por hectárea na forraxe e incrementas un 5% a proteína bruta na ración
Pero ademais da cantidade de forraxe obtida, o investigador do CIAM pon o énfase na calidade do ensilado. “Nunha pradeira de raigrás só, cos mesmos 50 kg de nitróxeno por hectárea sacas 400 kg de proteína por hectárea, mentres que coa mestura con leguminosas obtés 577 kg por hectárea de proteína, un 40% máis”, compara. A porcentaxe de incremento depende do nivel de implantación das leguminosas. “Canto mellor se implanten máis proteína vas ter despois no silo, pero hai que ter en conta que o raigrás ten un 6% de proteína fronte ao 11% dos trevos. Se vas a máis dun corte no raigrás incrementaríase a proteína, pero os custos de sega, recollida e ensilaxe tamén son maiores”, razoa. Mellora no seguinte cultivo A vantaxe de introducir unha leguminosa de inverno é que o solo queda máis abonado e en mellores condicións para recibir o seguinte cultivo. “As raíces e a parte aérea non segada quedan no terreo, descompóñense e aportan nitróxeno. A cantidade cuantifícase entre 40-100 kg de nitróxeno por hectárea dependendo da implantación de leguminosa”, explica Juan.
As leguminosas poden chegar a fixar no solo a metade do nitróxeno que precisa o millo
Esa fixación dese nitróxeno supón un aforro considerable en fertilizante, ou ben un extra de colleita, debido ao plus de abonado. “O millo é vicioso en nitróxeno, canto máis lle aportas máis medra, e ter ese nitróxeno almacenado no chan supón unha gran vantaxe a nivel de toma de decisións”, considera. Por iso, en función da estratexia que adopte o gandeiro (aforrar en abono ou recoller máis forraxe) pódese variar ou non a fertilización do millo tralo cultivo de inverno con leguminosa.
Co raigrás só o terreo queda máis compacto e é máis difícil de traballar
Segundo o tipo de terreo, a dispoñibilidade de nitróxeno pode ser maior ou menor, pero a dose recomendada para o millo pode ser establecida en función dos rendementos agardados. “En base ao rendemento (proteína) téñense unhas extraccións de nitróxeno ou outras. Se espero un rendemento para o ciclo que labrei de 15 toneladas de materia seca por hectárea (7% de proteína), as extraccións serán de 170 kg de nitróxeno por hectárea, polo que o nitróxeno dispoñible (no chan máis o aportado) debe ser superior a esa cantidade”, exemplifica Juan. En base a iso, para facer unha correcta fertilización sería preciso coñecer o nitróxeno mineral presente no chan ao inicio do cultivo e o que se xera por mineralización da materia orgánica. Este nitróxeno mineral pode ser importante cando se cultiva previamente unha leguminosa ou cando se incorpora ao terreo un cultivo como abonado en verde. “Ademais, agronomicamente, de cara ao laboreo, ao introducir leguminosas o terreo queda máis mullido, polo que é máis doado de traballar”, conclúe o investigador do CIAM.

A veciñanza da Montaña luguesa recolle 700 sinaturas para a preservación dos banzados nos Ancares

A veciñanza dos Ancares fixo chegar á sede da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, en Oviedo, a súa preocupación sobre a ameaza de eliminar os banzados e presas tradicionais dos ríos dos Ancares. “Algúns destes banzados son infraestruturas de orixe medieval, fundamentais para a viabilidade das explotacións gandeiras da zona, xa que permiten a rega e que os prados sigan sendo produtivos no verán e nas épocas de seca coma as que estamos sufrindo na actualidade”, apuntan desde o Centro de Desenvolvemento Rural (CDR) dos Ancares. Impacto medioambiental positivo Ademáis do seu impacto directo na actividade agrogandeira, os prados de regadío conforman unha paisaxe en mosaico, rompendo coas zonas de monte e evitando en gran medida a propagación dos incendios. Tamén contribúen a fixar máis CO2 no solo e forman parte do patrimonio tradicional e agrogandeiro deste territorio da montaña. Un membro do CDR Ancares e un gandeiro do territorio, achegáronse á cidade de Oviedo en representación da veciñanza da montaña, para reunirse co Comisario de Aguas Gonzalo Gutiérrez. Nesta xuntanza fíxose entrega das numerosas firmas que se recolleron no territorio reivindicando a defensa dos banzados tradicionais. A Confederación está inventariando os banzados Por parte da Confederación transmitiuse nesta xuntanza unha mensaxe de calma á veciñanza e manifestouse que se está facendo un inventario no territorio para ver cales banzados están en uso e cales non. A partir deste inventario, convocarase unha xuntanza aberta á cidadanía para confirmar se os banzados catalogados como en desuso realmente o están. Finalmente, os banzados en desuso que supoñan un problema para o ecosistema fluvial ou para a protección civil, serán derribados. Por outra parte, os banzados que están en uso e que non teñan a correspondente autorización legal, deberán ser legalizados. “Desde a Confederación Hidrográfica do Cantábrico comprometéronse a facer un acompañamento técnico para a tramitación de ditas autorizacións, de forma que se facilite a súa legalización”, sinalan desde o C.D.R. Ancares. https://www.campogalego.gal/compromiso-da-confederacion-hidrografica-cantabrico-para-manter-os-banzados-en-activo-na-montana-lucense/

Estratexias de fertilización de pradeiras en ecolóxico

Galicia caracterízase por solos ácido e con gran humidade, pero non son as únicas características que influencian a fertilización en ecolóxico das pradeiras. Darlle ao solo o que necesita é unha das bases fundamentais para mellorar a súa produtividade, así como para incrementar a rendibilidade e competitividade das explotación de gando vacún con este tipo de certificación. Isto, xunto a unhas boas prácticas na fertilización, aumenta a eficiencia na utilización dos nutrientes, e deste xeito, mellora a fertilidade dos solos, pero, ¿con que se pode abonar e cales son as bases a ter en conta para facelo de xeito óptimo? Para responder a estas preguntas o enxeñeiro agrónomo e asesor técnico Joan Alibés da algunhas recomendacións. Tipos de fertilizantes autorizados A pradeiras en ecolóxico poden utilizar fertilizantes orgánicos con aportes de nitróxeno, fósforo ou potasio (NPK) como xurros, estercos -moi variables dependendo das súas orixes, pero con especial atención aos de pitos e galiñas-, e aqueloutros comerciais, aínda que cuns custes moi elevados. Tamén existe outra variante que son materias primas minerais que non sufriran ningún proceso de síntese ou tratamento químico; as máis interesantes son a rocha fosfórica para o aporte de fósforo, e a sal potásica para o potasio. “A sal potásica está extraída en Cataluña, bastante cerca e dispoñible en cantidade, aínda que o principal problema para o ecolóxico é conseguila sen ningún tratamento químico. Tanto unha como a outra, ao ser materias primas non necesitan unha certificación en ecolóxico, isto é, que veñan cun selo de ecolóxico. En canto á rocha fosfórica, unha das reservas máis importantes do mundo está no Sáhara Occidental, polo que tamén interveñen cuestións de política internacional”, comenta Joal Alibés. A rocha fosfórica é unha materia prima que, ao ser mineral, contén outros elementos aínda que a “dispoñibilidade de fósforo para as plantas é relativa porque ven en dentro dun composto complexo”, afirma Alibés. Así mesmo, contén outras vantaxes moi interesantes, como o aporte de calcio e a redución da saturación de aluminio -efecto encalante-. “En Nova Zelanda, no 2003, o 10% dos fertilizantes fosfóricos son rocha fosfórica de aplicación directa nos pastos”, amplía. Outro punto positivo deste material é que, ao ser unha materia prima, “esperase un custe menor”, concreta.
“A rocha fosfórica aporta calcio e contribúe á redución da saturación de aluminio, polo que actúa coma un encalante” (Joan Alibés)
Algunhas limitacións da rocha fosfórica non só están vencelladas á súa dispoñibilidade comercial, senón tamén ás súas orixes, posto que, dependendo do tipo de terreo de extracción ten unha solubilidade determinada. Ademais, cabe ter en conta que a súa absorción tamén depende das características do solo: “necesitamos unha humidade determinada, recomendan utilizala en climas por riba dos 850 litros por m2 -que é a maior parte de Galicia, en solos ácidos e ricos en materia orgánica para unha maior solubilización do produto, e en solos cunha presencia de xofre”, enumera o enxeñeiro agrónomo. Neste sentido, para comprobar a utilidade da rocha fosfórica como fertilizante ecolóxico nas condicións de solo e clima de Galicia, desde o CIAM realizaron un ensaio de campo nunha pradeira composta de raigrases e trevos. Con esta investigación, tamén se pretendía “axustar as doses de fósforo para obter un bo rendemento e calidade da forraxe, así como para mellorar a produtividade das pradeiras”, detalla a investigadora do CIAM María Isabel García. “O ensaio consistía en usar tres fertilizantes fosfóricos a dúas doses; os fertilizantes utilizados eran superfosfato do 18%, unha rocha fosfórica comercial cunha riqueza total de fósforo do 27% e unha rocha fosfórica importada cunha riqueza do 32%. As doses de 90 kg/ha de P2O5 e 150 kg/ha de P2O5 axustáronse en función da riqueza do fertilizante fosfórico soluble en ácidos minerais (18, 27 e 32%, respectivamente) para poder facer unha comparativa entre eles”, especifica María Isabel García. Tamén se incluíu un tratamento control sen fertilización fosfórica. As aplicacións dos fertilizantes realizáronse durante 3 anos, antes da implantación da pradeira e cada outono. Previamente ás aplicacións analizouse o contido en fósforo do solo. Nos cortes realizados fixéronse controis de produción, calidade e da extracción de fósforo pola planta. Aplicación de roca fosfórica nos campos de ensaio do CIAM. Fonte: CIAM Polo momento, en canto aos resultados obtidos tras tres anos de aplicación de rocha fosfórica en pradeira, “o contido en fósforo na capa de 0 a 10 centímetros do solo descendeu nos tratamentos con rocha fosfórica e no tratamento control sen fósforo dun xeito semellante, mentres que nos tratamentos con superfosfato incrementouse”, avanza García. “Os contidos de fósforo na planta presentaron uns valores lixeiramente máis altos nos tratamentos con superfosfato, sendo menor nos tratamentos con rocha fosfórica e no control que tiveron valores similares. As producións foron maiores para os tratamentos con superfosfato. Por tanto, como a rocha fosfórica non amosou o seu efecto nos 3 primeiros anos, renovouse a pradeira para ver se se precisa un período máis longo para que sexa efectiva”, conclúe a investigadora do CIAM. Bases para a fertilización en ecolóxico por tipos de pradeira “Necesitamos análises para ter información de referencia do solo, concretamente eu o que me atopo en moitas ocasións son solos moi ácidos, con moita saturación de aluminio, e en certas partes de Galicia hai moita dificultade para encalar. Despois, tamén hai que ter en conta que nos vindeiros anos vai ser necesario, por lei, realizar analíticas periódicas”, recalca o asesor técnico. Ao respecto, Alibés insiste en “analizar os solos e calcular, cos programas do Ciam, as necesidades nutricionais de cada pradeira en concreto”.
“Necesitamos análises para ter información de referencia do solo, concretamente eu o que me atopo en moitas ocasións son solos moi ácidos, con moita saturación de aluminio” (Joan Alibés)
“O pH e saturación do aluminio non só afecta á dispoñibilidade dos nutrientes no solo, senón que tamén afecta á súa microbioloxía”. Nun caso práctico dunha terreo abandonada presentado polo enxeñeiro agrónomo, “o primeiro análise de terra feito rexistraba unha saturación por acidez de máis dun 80% -polo que, independentemente do que lle botemos quedará aí bloqueado- un pH baixo, e unha inmensa cantidade de materia orgánica sen mineralizar”. En canto ás pradeiras en ecolóxico, sóense diferenciar tres tipos, aquelas que son de sega e dente, parcelas a dente, que son máis dificilmente mecanizables, e pequenas superficies convertidas tras unha recuperación de terreo. “No caso dos prados de sega e dente, as necesidades totais para unha produción de 10 toneladas por hectárea son 160kg/ha de nitróxeno, 100kg/ha de fósforo, e 120kg/ha de potasio, aínda que son cantidades difíciles ás que chegar”, afirma Joan Alibés. Como se poden satisfacer esas necesidades? “Se se establece un valor medio de 3,7 de nitróxeno, 0,7 de fósforo e 3,6 de potasio para un xurro, serían necesarios entre 40 e 50.000 litros por hectárea, ademais dun bo manexo do xurro para evitar perdas de nitróxeno, así como facer varias aplicacións”, explica o técnico. Nos prados a dente as necesidades para a produción de herba cambian reducíndose á metade os nutrientes NPK, e polo tanto, cubrindo a cantidade necesaria de xurro cuns 25 ou 30.000 litros. De non ter suficientes, “cómpre valorar o aporte doutros estercos, principalmente de pitos e galiñas, aínda que tamén é necesario analizalos porque hai unha forte variación entre uns e outros”, sinala Joan Alibés. Ante a maior esixencia de recuperación de terras agrarias, a transformación de parcelas de monte raso a pradeira representa nunha converxencia de gran potencial debido á súa dispoñibilidade no territorio e á produción de futuros aproveitamentos. Este terceiro tipo de terras de pasto parten dun proceso de mecanización completa e un posterior cultivo no que Alibés reivindica “a importancia das especies autóctonas adaptadas, que nestes momentos están no Banco de Xermoplasma do CIAM á falta de patentes e rexistros”, ao que engade que “ata que teñamos acceso á súa multiplicación cómpre seguir apostando polas mesturas biodiversas”. Cómpre sinalar que as pradeiras biodiversas representan outro instrumento para reducir os requisitos de fertilización, así como para prolongar o tempo de produción forraxeira. “Como son campos moi ricos en leguminosas xa contamos cun aporte de nitróxeno dunhas 40 ou 50 unidades. Aínda así, as necesidades de fósforo son imprescindibles porque, se non se cobren, no caso das parcelas de recuperación é difícil competir coa flora anterior”, amplía o enxeñeiro agrónomo.

Recomendacións de fertilización en pradeiras: o uso do programa RAX e a aplicación de xurros

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo desenvolveu a aplicación RAX, a partir da cal se poden calcular as doses de xurro necesarias para utilizar como fertilizante orgánico en pradeiras. O uso do xurro ofrece amplas vantaxes, como son unha mellor xestión dos residuos das ganderías e unha fertilización menos dependente de abonos minerais. Ademais, cómpre ter en conta que ten uns efectos positivos a longo prazo para o solo e o cultivo. As cantidades resultades recomendadas polas aplicacións RAX varían en función da composición dos xurros (contidos de nitróxeno, fósforo e potasio ou NPK) e dos contidos de fósforo e potasio dos solos. Aplicación RAX para a fertilización de pradeiras. Fonte: CIAM Estas e outras cuestións abordáronse no CIAM, na última xornada técnica sobre mellora na fertilización das pradeiras. Durante a cita, tamén se amosaron as claves para lograr a eficiencia da utilización do nitróxeno do xurro, as técnicas máis axeitadas para a aplicación dos xurros, así como os resultados en diferentes campos de ensaio. Esta actividade foi realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020.

Xestión eficiente na incorporación do xurro e os programa RAX de pradeiras

“As pradeiras constitúen un gran sumidoiro de carbono por unha menor labranza do terreo, o que permite a estabilización da materia orgánica aportada ao solo cos xurros e estercos, debido a un gran desenvolvemento radicular e unha gran biomasa residual; isto contribúe á sustentabilidade ambiental dos sistemas de produción de vacún e, así mesmo, o maior contido en materia orgánica nos solos das pradeiras ten outros beneficios engadidos, como o incremento da fertilidade e da biodiversidade do solo”, afirma a investigadora do CIAM María Isabel García Pomar. O nitróxeno aplicado nas pradeiras pódese diminuír coa presenza de especies de leguminosas que contribúen á fixación de nitróxeno atmosférico. Ademais disto, “é necesario incrementar a eficiencia de utilización do nitróxeno do xurro evitando a volatilización do nitróxeno amoniacal, onde inflúe desde a técnica de aplicación, ao momento e ás condicións meteorolóxicas nas que se realiza”, amplía a investigadora. Estas circunstancias son consideradas polos programas RAX para calcular a eficiencia no uso do nitróxeno, ben mediante unha táboa ou dun xeito máis preciso, a través do modelo de simulación Alfam. As eficiencias son maiores co soterrado, o ideal sería facelo no momento da aplicación, e se non é posible, en menos de catro horas; nas aplicacións de coberteira o momento máis adecuado é a finais de inverno. En canto ás condicións meteorolóxicas para a súa aplicación o óptimo sería facelo cunha elevada humidade relativa do aire -con orballo, ao amencer ou incluso ao atardecer-, vento en calma, e baixas temperaturas. Tractor con cisterna con inxectores de purín
“As condicións meteorolóxicas óptimas de aplicación do xurro serían cunha elevada humidade relativa do aire -con orballo, ao amencer ou mesmo ao atardecer-, vento en calma, e baixas temperaturas”
En condicións adversas, con tempo seco, altas temperaturas e forte vento non é recomendada a aplicación. Así, “facendo unha simulación de aplicación de xurro co modelo Alfam, para un xurro aplicado sen soterrar, a súa aplicación con malas condicións en comparación cunha realizada en boas condicións, supón que a perda de nitróxeno amoniacal redúcese dun 100% a un 58%, o que nos permite lograr unha maior dispoñibilidade deste nutriente polo cultivo”, explica María Isabel García. Reducción de 100% ao 58% en función da aplicación do xurro. Fonte: CIAM O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo introduciu recentemente unha nova mellora na aplicación RAX dispoñible na súa web: o cálculo da eficiencia do nitróxeno aplicado cos xurros a partir do modelo Alfam. As aplicacións RAX de fertilización de establecemento e de fertilización anual en pradeiras , a partir de certos parámetros, fan unha recomendación das cantidades necesarias para unha correcta fertilización. As doses varían en función do solo, do tipo de xurro -de vacún ou porcino-, e do seu contido en nutrientes. Por este motivo “é necesario facer unha análise de laboratorio do solo, e coñecer a composición química do xurro”, afirma María Isabel García. Os programas RAX , “permiten varias opcións para introducir os valores de nutrientes dos xurros: da pé a poñer uns valores medios tanto para porcino -permitíndonos diferenciar se é de cebo ou de xestación lactación- como para vacún; pódense engadir os valores resultantes dunha analítica de laboratorio, ou ben, facer unha estimación a partir da medida da súa densidade e condutividade”, especifica a investigadora do CIAM. Unha vez introducidos todos os parámetros necesarios e premendo sobre ‘obter recomendación’ da unha saída. “Neste punto danos, por unha banda, cantas unidades fertilizantes de nitróxeno, fósforo, potasio e nitróxeno amoniacal hai nun metro cúbico de zurro; logo dinos a canto equivalen os nutrientes de 10m3 a prezo de fertilizantes simples, e despois, danos un resumo dos datos que metemos sobre analítica de solo”, sinala María Isabel García. “O uso do modelo Alfam indícanos a eficiencia de utilización dese zurro baixo as condicións aplicadas. Esa cifra será mellor canto máis se aproxime a 1. Por último, o programa móstranos unha saída que son os metros cúbicos necesarios de xurro por hectárea que teríamos que aplicar para satisfacer as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio da pradeira”, afirma a investigadora.
“O programa móstranos unha saída que son os metros cúbicos necesario de zurro por hectárea que teríamos que aplicar para satisfacer as necesidades de nitróxeno, fósforo e potasio da pradeira” (María Isabel García)
Unha vez seleccionado a dose de xurro (m3/ha) o programa indica as unidades fertilizantes de nitróxeno (kg/ha de N), de fósforo (kg/ha de P2O5) e de potasio (kg/ha de K2O) que faltarían por aportar á pradeira, cantidades que poden ser subministradas seleccionando un fertilizante mineral da listaxe que se amosa. A fertilización de establecemento ten como obxectivo xerar un contido base de nitróxeno, fósforo e potasio para a pradeira, e así mesmo, achegar estes nutrientes a capas máis profundas do solo. Cómpre ter en conta que as necesidades das pradeiras varían en función da produción e da fertilidade do solo, “nun solo cun nivel medio en fósforo e potasio, en establecemento o que se recomenda é aplicar unhas 40 unidades fertilizantes, 100 de fósforo e 150 de potasio por hectárea, para unha produción estimada de 10 toneladas de materia seca por hectárea e ano”, detalla María Isabel García. A fertilización anual das pradeiras ten que aportar o que a pradeira extrae nos anos sucesivos á implantación, as necesidades anuais variarán segundo o tipo de manexo: pastoreo, ensilado (1 corte), ensilado (2 cortes), a composición da pradeira (% de leguminosas), a produción esperada e o nivel de fertilidade do solo. “Sempre se recomenda ter os solos cun nivel de fertilidade medio”, aclara María Isabel García. Para niveis de fertilidade medios en fósforo e/ou potasio o programa RAX da unhas recomendacións e, se existen uns niveis baixos nun dos nutrientes, o programa recomenda unha cantidade lixeiramente maior “para evitar inmobilizacións, de tal forma que se alcance un solo medio de forma progresiva”. Polo contrario, se existen niveis altos nun dos nutrientes, o programa recomenda cantidades menores para utilizar os nutrientes que xa temos dispoñibles no solo.

Efectos a longo prazo da aplicación de xurro no solo e o cultivo

O uso de xurros ten un gran valor fertilizante nas terras de cultivo, principalmente no caso do de vacún. Este último, respecto á fertilización mineral con NAC, “mellora as propiedades químicas do solo provocando un aumento nos contidos de materia orgánica, carbono e nitróxeno na capa de 0 a 10 centímetros no solo, e cunha tendencia a incrementar os stocks de carbono sobre capas máis fondas, comprendidas entre os 0 e os 90 centímetros”, destaca a investigadora do CIAM María Dolóres Báez. Do mesmo xeito, Báez expón que “con ambos tipos de xurro obsérvase un incremento do pH respecto á fertilización mineral con NAC, ademais dun aumento nas bases do complexo de cambio e unha diminución da saturación por acidez co conseguinte aforro en aplicación de encalantes”. Ademais, en medicións feitas en Mabegondo, obsérvase que considerando períodos longos, como pode ser tres anos “as producións de materia seca e extracción de nitróxeno poden ser semellantes ou superiores a aquelas resultantes da utilización de fertilizante mineral”.
“En períodos longos, as producións de materia seca e extracción de nitróxeno poden ser semellantes ou superiores a aquelas resultantes da utilización de fertilizante mineral” (María Dolóres Báez)
A evolución de materia orgánica presente no solo, ao longo do tempo, varía coa aplicación de xurros con respecto ao uso de abonos minerais, principalmente na capa de 0 a 10 centímetros do solo, manifestando un maior crecemento naqueles campos abonados con xurros. Igualmente, é necesario levar a cabo “técnicas para reducir a volatilización de amoníaco, como pode ser unha correcta aplicación dos xurros mediante cisternas con inxectores”, afirma a María Dolóres Báez.

Xornada técnica este martes no CIAM sobre mellora na fertilización das pradeiras

O vindeiro martes, 29 de novembro, celebrarase no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada técnica sobre "A Fertilización das pradeiras". A xornada está dirixida a gandeiros de vacún ou persoas con expectativas de incorporación interesados en mellorar a produtividade das pradeiras para a alimentación de gando.  O programa da xornada é o seguinte: 10:00-10:15 horas. Presentación da xornada. 10:15-10:45. As aplicacións web RAX de recomendación de abonado con xurro nas pradeiras. Mª Isabel García Pomar. Investigadora CIAM-AGACAL. 10:45-11:15 horas. Fertilización de pradeiras con xurros. Resultados do campo de ensaio (TT2022/075). Dolores Báez Bernal. Investigadora CIAM-AGACAL. 11:15-11:45 horas. Descanso. 11:45-12:15 horas. Estratexias de fertilización de pradeiras en ecolóxico. Joan Alibés Biosca. Técnico de Beealia Asesoramento e Xestión de Ganderías. 12:15-12:45 horas. O uso da roca fosfórica como fertilizante ecolóxico nas pradeiras. Resultados do campo de ensaio (TT2022/076). Mª Isabel García Pomar. Investigadora CIAM-AGACAL. 12:45-14:00 horas: Demostración de aplicacións de xurros na finca do CIAM. Mª Isabel García Pomar, Dolores Báez Bernal, Juan Valladares Alonso As solicitudes de inscrición pódense descargar da páxina web www.ciam.gal e deberanse remitir por correo electrónico a ciam.cmr@xunta.gal  Admitiranse solicitudes ata as 12:00 h do día 14 de novembro.   Xornada realizada no marco do Plan de transferencia para o apoio ás actividades de demostración e de información ao agro galego 2022, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do PDR de galicia 2014-2020. 

 

DESCARGAR SOLICITUDE DE INSCRICIÓN

DESCARGA DÍPTICO DA XORNADA

SAT Sabadelle, unha gandería que moxe en robot e non dá silo de millo ás vacas

Na parroquia de Sabadelle, en Chantada, atópase unha gandería inusual en Galicia, onde o 80% do leite é producido en base ao cultivo de millo, sobre todo nas explotacións de maior tamaño. Na SAT Sabadelle están a muxir na actualidade arredor de 120 vacas en dous robots, pero prescinden por completo do silo de millo na ración. Son dúas decisións, a de automatizar a granxa e a de deixar de cultivar millo, que tomaron en base ás características propias da explotación. “A adaptación que nós fixemos está motivada por dous factores: por un lado, temos xa máis de 50 anos e un dos traballos nos que máis se sofre fisicamente é na sala de muxido, por iso puxemos os robots; e por outro lado, debido á ubicación e ás condicións de clima e solo nas que nós estamos, cultivar millo era problemático. Pero cada granxa ten que facer a súa propia evolución, porque as circunstancias en cada unha non son as mesmas, e evidentemente se estiveramos no norte de Lugo a estratexia tería que ser distinta”, razoa Lois Lareu, un dos tres socios actuais da SAT. A piques de cumprir 20 anos A granxa comezou a funcionar en 2002, polo que está a piques de cumprir 20 anos. É o resultado da fusión de tres explotacións familiares. “Naquel momento houbo un boom das SATs, pero eu vexo que despois, co paso dos anos, deixaron de producirse fusións deste tipo. Non sei se é porque as explotacións familiares medraron e non se ve necesario xuntarse co veciño ou porque as ganderías foron desaparecendo e non queda con quen xuntarse”, argumenta Lois.
José Manuel Fernández, María Suárez e Lois Lareu son os tres socios actuais da SAT
Das tres familias iniciais, a día de hoxe quedan dúas. “Na actualidade somos tres socios e un empregado. No inicio traballabamos entre 7 e 8 persoas, pero cando un dos socios fundadores tivo que abandonar a SAT (fíxoo por enfermidade hai 12 anos), produciuse unha redución tanto no número de traballadores como de animais”, explica. 2 robot desde marzo deste ano Malia teren pasado xa dúas décadas desde a súa construción, o establo está en boas condicións e simplemente fixeron nestes anos investimentos en eficiencia enerxética e obras de adaptación para a instalación do novo sistema de muxido con robot. “A nave que se fixo no 2002 practicamente é a mesma que temos na actualidade. Houbo un esforzo económico importante no inicio para ter unhas instalacións novas e modernas para aquel momento e que están aínda en bo uso a día de hoxe”, conta Lois.
Nos últimos anos fixeron investimentos en aforro enerxético, tanto placas solares como intercambiador de calor
Pero con miras a enfrontar os vindeiros anos tomaron a decisión de investir na automatización do muxido. “Este ano substituímos a sala, que era rápida e estaba ben, por 2 robots. O motivo principal foi que un dos socios ten 60 anos, e os outros dous temos 54 anos e comezabamos a notar os achaques típicos da idade á hora de muxir, posto que as pernas e ombreiros resíntense tendo que pasar tres horas na sala á mañá e tres á tarde. E outra das razóns é a dificultade de atopar man de obra cualificada”, recoñece. A adaptación dos animais ao robot foi “rápida e doada”, di. Para iso, antes de comezar a muxirse no robot as vacas fóronse afacendo a comer nel o penso durante dúas semanas.
A ración de produción leva 30 kg de silo de herba, 1,5 de palla, 1,5 de alfalfa e 9,5 de penso, máis o punteo do robot (6 kg máximo)
O paso ao robot supúxolles un incremento duns 8 litros de leite por vaca e día. “Antes estabamos nuns 32 litros de media e desde a instalación do robot acadamos os 40 litros”, di. A composición media do leite é dun 3,6% de graxa e un 3,1% de proteína. “A graxa e proteína descendeunos moitísimo coa implantación do robot”, admite Lois. Lote de gando en pastoreo para reducir custos Lote de vacas secas e xovencas, con saída ao pasto A robotización da granxa levounos a modificar algunha rutina de manexo do gando, sobre todo no relativo ao secado. “Co robot hai un incremento de gasto en concentrado, polo que nós se vemos que unha vaca que está no robot non ten a produción axeitada e non nos compensa tela no lote de produción o que facemos é secala e pasala ao lote de pastoreo, onde o custo de alimentación é baixo”, di.
Para minimizar o gasto en concentrado adiantan o secado nas vacas que perden produción
Dispoñen dunhas 20 hectáreas arredor da granxa que pastorean coas vacas secas e xovencas. “Iso axúdanos a reducir de  xeito significativo o custo de alimentación dese gasto”, afirma Lois. “Facemos un carro para xovencas e secas, que levan a mesma alimentación. E se no mes de agosto, cando non hai pasto, temos que facer un carro diario, cando hai pasto ese mesmo carro dura tres días”, exemplifica. Non é un carro estritamente seco, porque bótanlle herba seca da que eles colleitan, máis uns quilos de silo de herba de segundo corte, máis o concentrado. Beneficios na recuperación das vacas As vacas recén paridas ou con algún tipo de problema están tamén fóra Lois considera que os períodos de pastoreo, ademais de aforrar custos, melloran a saúde dos animais e alongan a súa vida útil. Antes de muxir co robot as vacas en produción saían a fóra e neste momento seguen mantendo esta práctica para determinados animais.
Cando hai unha vaca con problemas, ao botala fóra mellora moito máis rápido
“Temos un pequeno grupo de vacas adultas que saen fóra, ben sexa por problemas de pés ou porque están recén paridas e vemos que deste xeito melloran máis rapidamente o seu estado sanitario e podal”, asegura.
O inverno aquí non é extremo, pero o verán si que é duro para o pastoreo nesta zona
Na zona de Chantada os invernos non son extremos, pero é habitual que a seca afecte de cheo no verán. “Os nosos solos son areosos e secan moito nos meses de xullo, agosto e setembro”, explica Lois. Por iso, a alimentación do gando en SAT Sabadelle susténtase a base de ensilados de herba, unha vez que foron deixando paulatinamente de botar millo. Abandono do cultivo de millo Desde hai 13 anos apostan exclusivamente polas pradeiras para a produción de forraxe para a ración “O cultivo de millo para nós era un sufrimento. Obtiñamos unas producións moi baixas e cando había boa colleita tiñamos problemas co xabarín, ademais do traballo que nos supuña. Eu non discuto que o millo sexa interesante para a produción leiteira, pero cada quen ten que analizalo nas súas circunstancias”, argumenta Lois.   “Na zona na que nós estamos, cando durante varios días a temperatura pasa de 30 grados, que foi o caso deste ano, o millo xa non era capaz de recuperarse viñera despois o tempo como viñera”, di.
O millo para nós era un sufrimento, cando non era a seca era o xabarín, os corvos ou a rosquilla
Hai 13 anos que deixaron definitivamente de botar millo e apostaron polas pradeiras permanentes.  Son basicamente de raigrás italiano e trevos que pouco a pouco se van introducindo e colonizando de forma espontánea as parcelas de pastoreo. Xestión do minifundio As fincas son de pequeno tamaño e o solo é areoso e seca no verán SAT Sabadelle bate cunha das dificultades habituais en Galicia, a do minifundio. “Xestionamos unha superficie de 120 hectáreas distribuídas catastralmente en 427 parcelas, o que supón un esforzo non só físico, senón tamén mental para poder xestionar todas esas leiras”, di Lois.  
Traballamos 427 parcelas en tres concellos: Chantada, Taboada e Carballedo. Supón un esforzo físico e mental importante
O tamaño real das parcelas de traballo foise incrementando a base de apezar fincas. “Co paso do tempo foron pechando explotacións no noso entorno e iso permitiunos ter pezas de 5 ou 6 hectáreas, pero cunha salvedade, polo medio está cheo de marcos que temos que respectar no laboreo para non modificar a estrutura de propiedade da terra”, indica. A superficie en propiedade é dunhas 40 hectáreas e o resto, unhas 80, son alugadas e están moi dispersas, o que dificulta a súa xestión. “Manexamos fincas en varios concellos e tiñamos xente que nos pastoreaba esas fincas no inverno e que nos servía para facer o corte de limpeza e telas dispoñibles para o abonado de xaneiro. Pero hoxe esas explotacións están pechando e vémonos xa obrigados a triturar unha parte delas”, admite.

Manexo das pradeiras de sega para lograr a resementeira sen laboreo

SAT Sabadelle fai unha xestión forraxeira das pradeiras enfocada a lograr un corte para silo a finais de abril ou principios de maio e un segundo corte para silo ou herba seca a partir do 15 de xullo. Para iso, a estratexia de abonado consiste na aplicación de xurro no mes de xaneiro en toda a superficie, logo do corte de limpeza do inverno, e unha fertilización con NAC do 27% a mediados de marzo.  “Abonamos con xurro en xaneiro e nitróxeno en marzo. Habitualmente botabamos uns 250 kg/ha de abono químico, pero este ano reducimos a 150 kg/ha polo custo do fertilizante e notouse, a produción das pradeiras non foi a mesma”, admite Lois.
Co abono de xaneiro-febreiro de xurro e o nitróxeno de marzo chega para a produción de herba de todo o ano
“No segundo corte, se o tempo é propicio, ás veces volvemos a fertilizar con xurro. Pero se sobe a temperatura, como pasou este ano, deixamos de botar purín, porque consideramos que facemos máis dano á pradeira que beneficio”, razoa. Silo en pacas Fan rolos de herba seca e pacas para silo co segundo corte O primeiro corte coincide normalmente a finais de abril ou comezos de maio, en función de como veña a climatoloxía. “Ensilamos todo a un tempo a través dunha empresa de servizos, de maneira que en 3 días temos toda a forraxe ensilada, o que nos permite que non haxa variacións na composición do silo e na ración durante todo o ano”, destaca. O segundo corte repártese entre herba seca e silo empacado. “Empezamos a facelo en pacas porque ese segundo corte para ensilalo en trincheira tiñamos problemas de conservación polas bolsas de aire, porque era herba que era difícil de pisar. Así, ao ensilalo en pacas non temos ningún problema”, di. Con ese método fan unhas 200 pacas de silo de herba, que empregan para o carro das xovencas e secas. Colleita de semente Collen a semente de raigrás cunha colleitadora para resementar con ela unhas 20 hectáreas cada ano Pero no segundo corte a protagonista é a herba seca, tanto polo tipo de forraxe como método de resementeira natural das pradeiras. “Collemos rolos de herba seca nunhas 100 hectáreas, pero delas eleximos sempre un par de hectáreas, as que teñen máis calidade, que as collemos cunha colleitadora de cereal para aproveitar a semente. Con esa semente resementamos fincas que o necesitan, ben por estaren en boas condicións ou nas que ensilamos o segundo corte, porque nas que collemos herba seca non fai falla, coa semente que cae xa chega”, di.
Facemos o corte de herba seca cunha colleitadora de cereal nunhas dúas hectáreas e coa semente que collemos resementamos o resto de parcelas
Cada ano, a principios de setembro reparten esa semente que recolleron nunhas 20 hectáreas, para ir renovando deste xeito de maneira natural e sen laboreo as pradeiras. “Botamos a semente cando o terreo está seco, para que non teña competencia á hora de saír. Non pasamos rulo nin botamos xurro ata que a planta está ben implantada para non pisar nin machacar, unicamente depositamos a semente na superficie cunha sementadora Amazon pero sen facer laboreo e cando veñen as primeiras chuvias xa se encargan de facer que a semente entre en contacto co terreo. É un método barato que nos está dando bos resultados”, explica Lois.  

‘Calcimer’, única emenda cálcico magnésica extraida directamente do mar

Calcimer T400 é unha emenda cálcico-magnésica granulada que presenta unhas características singulares. É a única caliza extraída directamente do fondo do mar, o que lle achega unha composición e un modo de acción distinto aos carbonatos de canteira. Timac Agro, a empresa que elabora e comercializa Calcimer, comprobou nos seus ensaios que o produto se demostraba até catro veces máis eficaz na corrección do pH do solo. “É un paso adiante na mellora dos chans ácidos”, valora a empresa.

O alto contido do produto en Aragonito, un mineral máis soluble que a calcita, aumenta a rapidez da suba do pH do solo

A eficacia do produto vén definida polo seu alto contido (75%) nun mineral calizo, Aragonito, máis soluble que a calcita e de estrutura máis porosa. Isto incrementa considerablemente a rapidez no aumento do pH do solo, que se reforza coa posterior acción da calcita, que representa o 25% restante do produto.

Calcimer, é extraído na costa atlántica da Bretaña francesa. A súa orixe está en algas coralinas do fondo mariño, unha particularidade que lle proporciona gran riqueza en elementos secundarios, como xofre e sodio, ou en oligoelementos, como iodo ou boro, con propiedades positivas para os cultivos. Timac Agro destaca que Calcimer é un produto que estimula a actividade microbiana do chan e mellora a asimilación de nutrientes.

O produto, recomendado para pradarías e outros cultivos, é ademais utilizable en agricultura ecolóxica.

Máis información

Pódese consultar para máis información cos seguintes contactos:

  • A Coruña: 646 064 967 / 618 935 499
  • Lugo: 650 681 874 / 609 627 705 / 618 455 418
  • Ourense/Pontevedra: 609 667 591

As mellores sementes para as túas pradeiras

Como complemento ao cultivo do millo, os cultivos de inverno completan a base da alimentación do gando vacún.
Unha adecuada selección da semente e un bo manexo do cultivo contribúe á redución dos custos de produción, tendo un peso tan importante coma o millo na explotación.

O catálogo inclúe distintas combinacións:

  • Siega Max é a mestura de raigrás westerwold e raigrás italiano, unha combinación de variedades selectas con alta capacidade de implantación e tolerancia a enfermidades que garanten a máxima produción no primeiro e segundo corte de ensilado, con resistencia ao encamado e marxe de espigado para que a climatoloxía non condicione a elección do momento de sega.
  • Siega Max-pro é a combinación ideal de raigrás con trevos anuais de actitude forraxeira, que proporcionan alto contido en proteínas, boa palatabilidade e gran capacidade de rebrote.
  • Siega Max-pro alternativa proporciona maior contido en azucres que outras mesturas para unha mellor conservación do silo e unha proteína máis asimilable grazas á súa fórmula de raigrás italiano, raigrás híbrido e trevos.
  • Siega Max-plus representa o equilibrio perfecto entre proteína e fibra grazas á combinación de raigrás westerwold con trevo alexandrino, encarnado e persa, o que proporciona ao gando un excelente equilibrio nutricional.
  • Triti Max é unha mestura de veza, triticale e raigrás italiano que achega máxima produción sen descoidar a calidade nutritiva. Inclúe semente inoculada de variedades selectas.
  • Hibrid Max é unha combinación ao 50% de raigrases ingleses e híbridos con dobre actitude, apta para rotación con millo ou pradeira plurianual, destacando o seu alto valor nutricional por enriba da media.
  • Pasto Max é a pradería de longa duración para sega e pastoreo. A combinación de raigrás inglés, raigrás híbrido, trevo branco e trevo vermello achega alta produción e gran calidade nutritiva nunha pradeira con boa implantación e resistencia ao pisado que dura ata 6 anos.

Na seguinte ligazón pódese descargar o catálogo completo de sementes pratenses de Soaga con indicación das doses de sementeira recomendadas. O departamento técnico da empresa, formado por enxeñeiros agrónomos, está a disposición dos agricultores e gandeiros para axudarlles a elixir a mestura que mellor se adapta ás súas necesidades, en función de factores como o tipo de chan ou a duración e destino final da pradeira.

Podes contactar co Grupo Soaga no teléfono 986 516 035 ou a través da páxina web www.gruposoaga.com.

A importancia da rotación millo-pradeira

O cultivo de inverno con mesturas de raigrás, cereais e leguminosas achega proteína e reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán ao fixar nitróxeno ambiental

As condicións edafolóxicas nas que traballamos son as idóneas para sacar un alto rendemento do cultivo de inverno. Outra das vantaxes de non deixar as terras baleiras é a redución da escorrentía, así como a fixación de nitróxeno ambiental por parte dos trevos, o que reduce as necesidades de fertilización do cultivo de verán.

A rotación de cultivos é precisamente un dos aspectos ambientais nos que a nova PAC fai fincapé, tanto a través dos ecoesquemas como da condicionalidade reforzada, polo que a partir de 2023 a sementeira de praderías trala colleita de millo será unha das prácticas esixidas ás explotacións agrícolas e gandeiras.

O xabaril adiántase á campaña do millo

As altas temperaturas rexistradas este verán están a facer que os ciclos do millo se adianten en moitas zonas. Con todo, na maior parte das plantacións aínda está por criar a espiga. Pese a iso, xa se están producindo importantes danos do xabaril en distintos puntos de Galicia. En moitas das parcelas afectadas, aínda estando pechadas con fíos do pastor eléctrico, o porco bravo está causando igualmente estragos. A Mariña Lucense é unha das zonas máis afectadas polos ataques do xabaril. “O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”, explican dende a cooperativa Os Irmandiños, integrada en Clun. Precisamente en concellos como Ribadeo ou Trabada están a detectarse parcelas arrasadas xa pola fauna salvaxe. “Este ano os ataques están a ser moito peores ca noutras campañas”, sinala José Ramón Loza, responsable da área de cultivos da cooperativa Os Irmandiños.
“O millo aínda case non ten espiga con grans e as mandas de xabarís están causando grandes danos”: José Ramón Loza, de Os Irmandiños
Nesta zona xa tiveran danos do xabaril durante a sementeira. Daquela foran puntuais e conseguiran atallalos con distintas medidas realizadas polos cotos de caza. Agora apuntan que están a sufrir danos moi severos. Máis cara o interior da provincia, en parcelas de Castro de Rei tamén están acusando danos provocados pola incursión de mandas de xabarís. Nalgúns casos, os danos producíronse en fincas que xa acusaban importantes dificultades pola seca e que xa dan totalmente por perdidas tras pasar os xabarís por elas. Danos nunha finca de millo en Castro de Rei (Lugo). Na provincia da Coruña, en concellos coma Lousame, a incidencia do xabaril deixou danos importantes xa na sementeira e agora volven a telos. É o caso por exemplo de Henrique Laranga que nesta campaña tivo que sementar de novo 4 hectáreas de millo, co gasto que iso implica. Nalgúns casos mesmo tivo que resementar ata 4 veces o millo. “O millo que non me comeu na sementeira é o que está a vir máis cedo e o que me está comendo agora. Leva xa máis de 1,5 hectáreas de danos”, apunta o gandeiro.
Gandeiros de Lousame tiveron que sementar varias veces as parcelas e agora teñen xa máis dunha hectárea de millo novamente afectado polo xabaril
Aínda que están autorizadas batidas para esta fin de semana, apuntan que chegan tarde, xa que hai moitas fincas con moitos danos, nunha campaña na que a produción xa está a ser menor pola seca. Insisten en que as accións preventivas deberían levarse a cabo máis axustadas ós calendarios das colleitas e sementeiras, para que resulten máis efectivas. “O xabaril está a ser unha praga, aínda que non queiran recoñecelo”, valora o gandeiro. Tamén no Deza están a rexistrarse xa danos en parcelas de millo, ó que aínda lle falta tempo para madurar. En Lalín detectaron danos mesmo en fincas que estaban cerradas co pastor eléctrico. Do mesmo xeito que os gandeiros da costa lucense, reclaman accións para controlar a fauna. Esta zona está a ser moi castigada pola seca e os danos do porco bravo reducen unha colleita que xa se agarda moi inferior á doutros anos. Só pola seca estímase que a colleita se reduza en máis do 40% na comarca, ó que se engaden agora os danos causados polo xabaril. Prados con danos polo xabaril en Cervantes.

Arrasa coas pradeiras nos Ancares

Aínda que nos meses centrais do verán é habitual que case non haxa danos do xabaril, na zona dos Ancares están a sufrir importantes danos nas pradeiras xa nos últimos meses. José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes, rexistrou importantes perdas nos seus prados xa dende xuño. “Xa non se esconden nada. Estamos cansados de ver os xabarís onda o rabaño, por entre as vacas”, apunta o gandeiro. Nos prados onde ten algo de rega os danos prolónganse todo o ano.
“Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”: José Manuel Rodríguez, gandeiro de Cervantes
Esta campaña, José Manuel tivo importantes danos nas pradeiras que tiña para seco, o que lle ocasionou recoller menos cantidade de forraxe da que contaba, nun ano no que o aprovisionamento de forraxe é fundamental, dados os altos custos que está a ter o penso. Á marxe de coller menos herba, os estragos do xabaril nos prados tamén levan parello maior carga de traballo para o gandeiro. “Ademais dos danos que che fai na herba, tiven que segar coa máquina pequena, co que me leva máis tempo e as vacas non pacen alí por moito tempo”, explica. José Manuel xa deu conta este ano de 20.000 metros cadrados de pradeiras afectadas, aínda que recoñece que é máis superficie a danada. “Moitas veces son danos pequenos nun prado e noutro, e só acabas por poñer aquelas fincas nas que hai máis desfeita, pero ó final todo suma. Vas reducindo dun lado e doutro e cando te dás conta quedas con menos herba da que precisas”, argumenta o gandeiro, que ten un rabaño dunhas 60 cabezas de gando de carne. Coma el, gandeiros dos Ancares levan tempo reclamando medidas que lles axuden a paliar os danos da fauna salvaxe, dado que moitas accións de control están limitadas ó atoparse en plena Rede Natura e Reserva de caza. “Non están facendo batidas, aínda que cheguen a estar autorizadas e os que pagamos sempre somos os gandeiros. Cada vez quedamos menos e deste xeito non vai quedar ninguén con gando”, sinala.

Instalación de gaiolas-trampa

Dende organizacións coma Unións Agrarias apuntan que está habendo unha maior sensibilidade e entendemento entre cazadores, gandeiros e agricultores, o que está deixando unha maior colaboración á hora de organizar batidas por danos naquelas zonas afectadas. Con todo, dende Unións seguen insistindo na importancia de contar con máis medidas para o control da fauna salvaxe, tal e como recolleran na Iniciativa Lexislativa Popular que presentaran ó Parlamento Galego e que fora rexeitada polo goberno autonómico. Neste mesmo mes, dende Unións remitiron de novo á Consellería de Medio Ambiente unha petición para o uso de gaiolas-trampa para o control dos xabarís naquelas zonas con maior incidencia. Solicitan cambios na xestión deste método, xa que na actualidade é o gandeiro ou agricultor quen debe facerse cargo do animal que cae na gaiola, o que está a supoñer un importante gasto para os produtores, ó tempo que limita o seu uso. “Mentres obriguen ós gandeiros a asumir a xestión dos animais que caen, non se utilizarán. A tutela destes animais debe ser da Xunta e debe haber uns protocolos estritos do manexo deste método, polo complexos que son para que resulten efectivos”, sinala Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural en Unións. Tal e como sinalan dende Unións, o emprego de gaiolas-trampa está a ser un método empregado en zonas como Extremadura para reducir os danos en plantacións e co que están logrando resultados exitosos ó conseguir eliminar as mandas desa zona. Dende Unións, tamén temen que a incidencia dos lumes forestais provoque movementos de mandas de xabarís e que poidan incrementarse os danos en zonas que noutras campañas tiñan unha menor carga desta fauna.

Como mellorar a cantidade de proteína en pradarías forraxeiras?

Na actualidade, o gandeiro de vacún está a sufrir día tras día subas nos custos dos pensos compostos, motivadas polas altas cotizacións das materias primas que as compoñen, e esta situación, dados os acontecementos internacionais, parece que chegou para quedar e non ser algo puntual.

É posible compensar este aumento na factura dos pensos, se se manexan adecuadamente outros factores que inflúen dunha maneira directa sobre o custo do penso, como é a realización dunha fertilización rendible das pradarías.

Cun manexo adecuado do abono nitroxenado, aportado no momento correcto, á dose necesaria, na forma química máis asimilable e preferiblemente acompañado de xofre totalmente asimilable, pódese asegurar un aumento significativo da produción de proteína por hectárea.

Un abono nitroxenado pódese mercar en tres formas químicas únicas ou combinadas entre si:

  • Ureica ou Amídica
  • Amoniacal
  • Nítrica

O nitróxeno en forma ureica ou amidica presenta como característica principal que non pode ser directamente asimilado polo cultivo. Por tanto, necesita dunha transformación para pasar a nitróxeno amoniacal. Esta transformación está condicionada pola temperatura e humidade presente no solo, se non é a adecuada provoca perdas de Nitróxeno en forma de gas amoníaco.

Iso quere dicir que parte do nitróxeno pagado polo gandeiro pérdese na atmosfera. Estas perdas por volatilización ou por lavado dependen do ano e das condicións, pero poden chegar a ser moi elevadas.

O nitróxeno en forma amoniacal queda fixado nas arxilas do chan e apenas ten perdas, por isto o cultivo írao tomando en función da súa transformación a nítrico.

O nitróxeno en forma nítrica é como os cultivos prefiren absorber o nitróxeno, fano rápida e facilmente, o que os converte nos máis eficientes por unidade de nitróxeno aportada.

A aplicación de fertilizantes nítrico – amoniacales, combinados con xofre, permite mesmo duplicar a cantidade de proteína por hectárea

Queda demostrado por ensaios de fertilización realizados en pradaría, que se pode chegar a alcanzar teitos produtivos de até o dobre de proteína por hectárea, se se aplican fertilizantes combinando as formas nítrico-amoniacales con xofre altamente asimilable.

Estas graficas representan os resultados dunha pradaría onde se realizaron dous tratamentos de nitroxenados o 28 de maio coas mesmas unidades, segándose o 30 de xuño.

  • Tratamento 1: Fertilizante nitroxenado de importación
  • Tratamento 2: Nitro sulfato amónico 26% (NSA) de Fertiberia

A gama de fertilizantes con xofre asimilable e nitróxeno nítrico de Fertiberia, NSA 26%, NSA GREEN e Nitramón, axúdalle a conseguir este beneficio por hectárea, que permitirá reducir o custo da ración para o gando.

ENTEC®, o abono máis eficiente para cubrir todo o ciclo da pradería

Falamos con dúas granxas dos concellos de Ponteceso e Trazo (A Coruña) que traballan de xeito habitual con ENTEC®, tanto na pradaría como no millo. Neste vídeo, gravado a pasada primavera, explican o manexo que fan do abonado en pradaría.

Completamos a peza con dous técnicos que valoran as mellores estratexias de abonado e as vantaxes deste fertilizante, que en Galicia ten como puntos fortes evitar o lavado de nutrientes polas choivas e aportarlle nutrientes á herba durante todo o seu ciclo produtivo.

Repasamos a continuación as vantaxes do fertilizante Entec® e as distintas opcións de abonado en pradaría e millo.

Optimiza a eficiencia dos nutrientes

Os fertilizantes ENTEC® están estabilizados e contan coa tecnoloxía de fertilizante máis avanzada, que permite reducir as perdas por lixiviación de nitratos, mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro (N2O) e garantir unha maior eficiencia dos nutrientes. Estas vantaxes tradúcense nunha maior dispoñibilidade do nitróxeno para os cultivos, incrementando o seu potencial de rendemento e calidade.

Excelente calidade de produto

A gama ENTEC® son fertilizantes complexos NPK, NP e N, que aglutinan as excelentes características dos abonos de EuroChem – perfecta granulación, ausencia de po, baixo contido en cadmio (metal pesado), alta solubilidade e sen nitróxeno ureico.

O nitróxeno ureico, ademais de non estar dispoñible directamente para as plantas, provoca perdas por volatilización de amoniaco, que é un gas moi prexudicial para a atmósfera. ENTEC® conta cunha das tecnoloxías de fertilizantes máis eficientes para mellorar a absorción dos nutrientes, especialmente a do nitróxeno. Os fertilizantes ENTEC® favorecen a nutrición mixta dos cultivos con nitróxeno nítrico e amoniacal, favorecendo unha mellor absorción de macronutrientes, como o fósforo, e micronutrientes.

O nitróxeno sempre dispoñible

O nitróxeno, igual que o resto de nutrientes achegados cos fertilizantes ENTEC®, está completamente dispoñible desde o momento da aplicación. ENTEC® non é un fertilizante de liberación lenta. ENTEC® conta cunha excelente relación de nitróxeno en forma nítrica, fundamental nos primeiros estados de desenvolvemento dos cultivos, e amoniacal (sen urea), ademais da tecnoloxía de fertilizante máis avanzada.

As súas características permítenlle cubrir as necesidades nutritivas de cultivos forraxeiros tan esixentes co nitróxeno como son o millo ou as pradarías durante todo o seu ciclo. A maior eficiencia dos fertilizantes ENTEC® tamén se traduce en beneficios ambientais, como son a redución de perdas de nitróxeno por lixiviación de nitratos ou emisións de gases de efecto invernadoiro.

Ideal para cultivos forraxeiros

As formulacións ENTEC® teñen unha relación do nitróxeno en forma nítrica e amoniacal óptima para o correcto desenvolvemento dos cultivos desde as súas fases iniciais. A pequena parte en forma nítrica, necesaria e facilmente asimilable no caso do millo, achega unhas condicións óptimas para desenvolverse desde a xerminación e inicio do sistema radicular até a aparición das primeiras follas verdadeiras.

Na pradaría, permítelle un empuxe importante ao desenvolvemento foliar cando se aplica en coberteira. A parte do nitróxeno en forma amoniacal (estable no tempo pola tecnoloxía ENTEC®) está dispoñible desde a aplicación do fertilizante, pero tamén durante un longo período de tempo, permitindo cubrir as necesidades deste nutriente en etapas de desenvolvemento posteriores. Isto non ocorre con fertilizantes convencionais, onde sen ENTEC®, o nitróxeno pérdese rapidamente. Sen aplicar a tecnoloxía ENTEC® ao nitróxeno, as choivas poden provocar grandes perdas por lixiviación.

A mellor opción para pradaría

A vantaxe dos abonos ENTEC® é que lle proporcionan ao cultivo unha maior cantidade de nitróxeno dispoñible. Isto permítelle á pradaría ‘espertar’ máis rápido e iniciar en mellores condicións as etapas que teñen un gran impacto no rendemento final, como son o desenvolvemento radicular e vexetativo.

Os fertilizantes ENTEC® non só lle achegan á pradaría este ‘empuxe’, senón que tamén permiten unha nutrición progresiva durante todo o ciclo de cultivo. Este feito permítelle ao agricultor ser máis flexible coa aplicación de coberteiras de nitróxeno, podendo axustar mellor a dose se fose necesaria unha segunda aplicación.

Unha boa estratexia para mellorar a eficiencia da fertilización nitroxenada en coberteira das pradarías é ENTEC® 27. O novo fertilizante da gama ENTEC®, que nos permite axustar a dose de nitróxeno nunha coberteira, achega flexibilidade no momento de aplicación e permite minimizar as perdas de nitróxeno. Con ENTEC® evítase ter que fertilizar pronto cun nitróxeno convencional e en días moi fríos, e, por tanto, permite minimizar as perdas de nitróxeno asociadas a esta práctica. ENTEC® 27 mellora producións e calidades de forraxe á vez que reduce os encamados debido ao exceso de nitróxeno tardío.

ENTEC® 27, do mesmo xeito que o ENTEC® 25-15 ou ENTEC® 24-8-7, garante unha fertilización totalmente respectuosa co medio ambiente. Con ENTEC®, pódese axustar mellor a fertilización nitroxenada en coberteira ás condicións específicas do ano.

A mellor opción para o millo

O millo é un cultivo moi esixente no que a fertilización se refire, sendo o nitróxeno o nutriente ao que normalmente presenta maior resposta. Isto débese a que a gran maioría dos solos non son capaces de fornecer as cantidades deste nutriente que necesita o millo. Por tanto, a fertilización nitroxenada é fundamental para conseguir bos rendementos.

Cos fertilizantes ENTEC® proporciónase unha maior cantidade de nitróxeno dispoñible e durante un maior período de tempo. Este aspecto é fundamental para evitar momentos puntuais de deficiencia de nitróxeno que poidan causar grandes perdas de rendemento. A gama de produtos ENTEC® altos en nitróxeno, ENTEC® 24-8-7, 20-10-10, 25-15, permite ser flexible coas aplicacións de fertilizante en fondo, favorecendo a organización e o traballo de campo dos agricultores.

A combinación de nitróxeno nítrico e amoniacal con ENTEC® resulta especialmente interesante para o millo. A parte nítrica totalmente necesaria nas primeiras fases do cultivo, permite unha rápida asimilación en fases temperás, desde a xerminación até as primeiras follas, e a parte amoniacal con ENTEC® garante a subministración continua de nitróxeno, á vez que reduce o risco de perdas.

A mellor opción para o medioambiente

O abonado con ENTEC® evita o risco de perda de nitróxeno que se pode producir por fortes eventos de choiva, diminuíndo así a contaminación das augas por nitratos. Os abonos convencionais aplicados van perder unha parte moi importante do nitróxeno por lixiviación, contaminando as augas superficiais e subterráneas con nitratos. Este feito tamén ten consecuencias na forraxe, que pode sufrir de falta de nitróxeno, aumentando o número de aplicacións das coberteiras nitroxenadas.

ENTEC® é un produto especialmente interesante en zonas vulnerables á contaminación por nitratos, xa que a súa tecnoloxía de fertilizante contribúe a protexer estas áreas máis sensibles á contaminación.

Benefíciaste ti, benefíciase o teu cultivo, benefíciase o medioambiente

Coa aplicación de abonos ENTEC® tamén se diminúen de forma substancial as emisións de gases de efecto invernadoiro que contribúen ao quecemento global da atmosfera, con nefastos efectos ambientais. Igualmente, ao ser fertilizantes sen nitróxeno en forma de urea, minimízase o risco de volatilización de amoníaco, outro composto nitroxenado procedente da aplicación de urea e xurros na agricultura.

Con ENTEC® achégase resiliencia aos cultivos, proporcionando unhas condicións de produción óptimas mesmo con condicións meteorolóxicas adversas ou fortes eventos de choiva. Algúns dos principais beneficios ambientais, agronómicos e económicos:

  • Aumentan o rendemento nun 5% de media, e, ademais, permiten aforrar arredor dun 10% de fertilizante nitroxenado.
  • Teñen unha gran flexibilidade de aplicación dos fertilizantes: necesítanse menos aplicacións e lógrase unha aplicación máis flexible e axustada das coberteiras.
  • Ademais, aseguran a subministración de nitróxeno ás plantas ante condicións climáticas cada vez máis cambiantes (e adversas).
  • Reducen até o 80% das emisións de gases de efecto invernadoiro e diminúen considerablemente as perdas por lixiviación de nitratos. Ademais, ao non levar N en forma de urea, redúcese o risco de emisións por volatilización de amoníaco.
  • Son moi seguros: non se bioacumulan, non se transporta a augas subterráneas ou superficiais, e non ten efectos secundarios nas persoas nin na biosfera. E ademais, presentan un baixo contido en metais pesados, principalmente cadmio.
  • Son ideais para o abonado de cultivos forraxeiros como as pradarías e o millo, xa que aseguran unha subministración óptima de nitróxeno e outros nutrientes durante as fases iniciais do cultivo, e tamén, cando empezan as necesidades importantes de nutrientes que determinan os factores do rendemento.