Archives

Pasos a dar en Portugal para lograr un sistema de innovación agraria sólido e fortalecido

Reunión de membros do AKIS portugués o pasado 26 de maio no Polo de Innovación de Vairão (Vila do Conde)

Na avaliación da actual situación dos AKIS en Portugal identificáronse certos signos de debilidade comúns a outros países da UE: financiamento insuficiente, falta de coordinación, afastamento do sector e entre algúns actores relevantes.

Superar esas barreiras iniciais e fomentar unha maior relación entre os distintos axentes implicados na xeración e transmisión de innovación é unha prioridade para o Ministerio de Agricultura de Portugal no actual período PAC.

Ana María Ribes forma parte do equipo de dinamización da Rede Rural Nacional de Portugal, que ten unha función importante á hora de acompañar o desenvolvemento da rede AKIS do país. “Neste momento o AKIS en Portugal atópase algo fragmentado e imos tentar modificar esa situación, tratando de involucrar máis aos técnicos e asesores agrarios para conseguir que a difusión da innovación e o coñecemento chegue de forma máis rápida aos produtores”, avanza.

Ana María Ribes, Rede Rural Nacional de Portugal: “Imos dar máis formación aos técnicos para que ese coñecemento chegue ao agricultor”

“Foi identificada a necesidade de dar máis formación aos técnicos e asesores nas áreas que foron priorizadas neste novo Plan Estratéxico da PAC para poder transmitirllas ao agricultor, en temáticas como innovación, ecorreximes ou adaptación ao cambio climático”, detalla.

Búscase tamén unha maior integración e aproveitamento de recursos. “O asesoramento público e o asesoramento privado neste momento en Portugal non están interrelacionados, non teñen ligazón entre si, e aparentemente o servizo público é máis feble á hora de transmitir innovación. Por iso estamos a crear grupos de traballo nos que participan técnicos públicos e privados para favorecer esa relación”, explica Ana María Ribes.

Dar valor aos asesores

A nova PAC reforza o rol dos asesores no fortalecemento dos AKIS e no achegamento do coñecemento para a súa posta en práctica no sector agroalimentario. Os asesores agrarios pasan a ser deste xeito facilitadores da innovación.

Rui Almeida é consultor privado e leva anos traballando en proxectos para mellorar a coordinación do sistema de innovación agrícola tanto en Portugal como a nivel da UE, onde se busca unha valorización do traballo e cualificación dos asesores agrarios.

“Un dos nosos puntos débiles en Portugal é a promoción da adopción real da innovación. Xa se fai moita investigación e xa hai agricultores involucrados, pero o que falta é consolidar a adopción desas novas prácticas máis a longo prazo e por parte do conxunto do sector”, asegura.

Ana María Ribes, durante a xornada celebrada en Vila do Conde

Rui Almeida, consultor agrario: “Dentro do AKIS cabemos todos; o obxectivo é desenvolver investigación e innovación para resolver os problemas dos agricultores ou responder a futuras oportunidades”

Para lograr ese obxectivo, considera, “o máis importante é contar cun servizo de asesoramento técnico forte, formado e capacitado para responde a estes desafíos. Os asesores son unha peza chave non só para identificar oportunidades e ameazas conxuntamente cos agricultores, senón para estar dentro dunha rede que permita resolver eses problemas ou potenciar esas oportunidades que aparecen”, insiste.

I2Connect: un AKIS europeo integrado e eficiente

Rui Almeida, explicando o proxecto I2connect aos asistentes

Ese é precisamente o obxectivo de I2connect, un proxecto no que Rui participa e que está financiado polo programa de investigación e innovación da UE, Horizonte 2020. I2connect busca a creación dunha plataforma de asesores a nivel europeo, inventariando quen son os técnicos que traballan no ámbito da innovación agraria nos distintos países e cal é a súa experiencia para poder compartila co resto.

“Buscamos dotar aos asesores de capacidade e coñecemento para poder traballar en innovación interactiva, que é a innovación baseada na interacción dos diferentes axentes, onde cada paso é froito da discusión conxunta, logrando así sumar o coñecemento de cada un e onde o resultado final é moito máis democrático e moito máis útil e utilizable por todos”, destaca.

Dentro deste proxecto realizouse unha completa análise de cal é a situación de partida en cada país. “En Portugal o noso AKIS está cada vez máis maduro. Houbo unha evolución moi grande nos últimos 10 anos e actualmente podemos ver un cambio de percepción importante. Cuestións como a innovación xa non son vistas como algo inalcanzable, senón como algo necesario para facer fronte a desafíos como as alteracións climáticas ou as novas políticas europeas en distintos ámbitos”, asegura Rui.

Con todo, defende que “é necesario traballar en conxunto e en aspectos innovadores en produto, novos procesos ou novos servizos para que nos próximos anos poida ser realmente un apoio chave ao sector agrícola, forestal e tamén á industria agroalimentaria”.

O papel da formación na modernización agraria

No triángulo Ciencia-Innovación-Educación, este último vértice atópase algo máis desconectado do sistema. Constátase a existencia dun certo distanciamento cos actores vinculados á formación profesional e tamén á formación continua do resto de actores AKIS. Isto a pesar de que este é un aspecto moi relevante para o sector agrario nesta década, pois a formación agraria alcanzará especial relevancia para facer fronte a retos como a remuda xeracional, o cambio climático ou a dixitalización.

Zulmira Campelo traballa no ámbito docente dentro da Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP), que creou unha academia para a formación dos seus socios. É un proxecto recente que busca contribuír á asistencia e capacitación dos titulares de explotación e as persoas que se incorporan á actividade.

“É moi importante que os agricultores teñan formación porque estarán máis capacitados para conseguir desenvolver unha agricultura máis sostible e con maior valor engadido”, afirma.

A AJAP é unha das principais organizacións de produtores de Portugal e trata de servir de nexo de unión entre os agricultores e as institucións, tanto a nivel estatal como europeo. Por ese motivo está representada tamén en Bruxelas. Neste sentido, Zulmira destaca o papel destas entidades como “trasmisores ao terreo” das novas políticas da PAC.

Fenda xeracional

Outro dos obxectivos principais da AJAP é axudar aos agricultores para aproveitar os fondos dispoñibles en materia de innovación para contribuír deste xeito á modernización do sector da agricultura e a gandería en Portugal.

Pero non sempre a porta das explotacións permanece aberta á innovación e á adopción de tecnoloxía que derive nun aumento da produtividade, a sustentabilidade e a comunicación entre agricultores e consumidores.

Zulmira Campelo, Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP): “Identificamos a falta de motivación para a innovación entre a maioría dos nosos agricultores maiores”

“Hai unha loita entre xeracións entre novos agricultores, que queren avanzar, e a xeración máis antiga, que é maioría, e máis remisa aos cambios. Non sei se se trata dunha barreira física, cultural ou de que tipo”, recoñece Campelo.

Accións demostrativas e de transferencia

Aplicación da metodoloxía Lego para identificar as principais barreiras do sistema de innovación agraria

Un dos grandes problemas a día de hoxe da formación agraria é a ausencia dunha oferta integrada, pois existe unha gama de coñecementos dispersos en termos de aprendizaxe, onde o saber teórico carece de medidas orientadas á transferencia de coñecemento.

Zulmira Campelo, Asociación de Novos Agricultores de Portugal (AJAP): “Falta transferencia de información desde a investigación ao agricultor”

Identificouse a necesidade de innovar nas fórmulas de difusión e os intercambios de coñecemento a través de accións prácticas, espazos de encontro e livinglabs. As visitas demostrativas son actividades moi ben acollidas polos agricultores e gandeiros, dado que se produce dentro dun proceso de transferencia do coñecemento entre iguais, onde uns agricultores mostran in situ, nas súas explotacións comerciais, os resultados da implantación de novos procesos ou tecnoloxías para a mellora da produtividade e sustentabilidade das explotacións. A partir deste tipo de actividades xéranse redes que conectan aos agricultores entre si.

Implementar as Demo Farms

Para favorecer os ecosistemas de innovación aberta, desde Europa proponse o establecemento dunha rede de explotacións demostrativas que poidan facer de polos de innovación para fomentar a mellora da rendibilidade, a produtividade e a sustentabilidade dos produtores a través de exhibicións, intercambio de mellores prácticas, casos de éxito e debate sobre asuntos de actualidade, seguindo o exemplo do Teagasc en Irlanda.

“Implementaremos granxas experimentais porque estas Demo Farms xogan un papel importante á hora de diseminar o coñecemento e a innovación. Permiten un intercambio con quen xa experimentou os resultados desas novas técnicas, algo que resulta fundamental para que outros agricultores adopten esas melloras nas súas explotacións”, asegura Ana María Ribes.

Gandería de Anselmo Pires (Azores-Portugal): Vacas sen establo alimentadas en base a pasto e cunha media de 7500 litros

Sen establo, coas vacas no prado día e noite os 365 días do ano, con sala de muxido móbil e cunha alimentación case en exclusiva en base a pasto coa que logran producións medias de 7500 litros por vaca. Así é a gandería de Anselmo Pires, un dos nove gandeiros de vacún de leite en ecolóxico que existen na Ilha Terceira, unha das 9 que conforman o arquipélago dos Azores (Portugal). Anselmo compatibiliza a súa gandería familiar coa vicepresidencia da Associação de Produtores de Leite Biológico Terceirence. A pasada semana estivo en Galicia canda un grupo de gandeiros azorianos visitando granxas de vacún de leite en ecolóxico, unha visita organizada por Xestión Agrogandeira e Natureza (XAN). Neste momento, conta cun rabaño de 45 animais (30 vacas adultas e 15 xovencas) nunha base territorial de 21 hectáreas nun radio cercano, o que facilita o pastoreo e tamén o muxido. E é que as vacas pasan todo o ano no prado, grazas ao clima benigno das illas, con temperaturas mínimas que raramente baixan dos 10 graos nos meses de inverno. “O noso clima é moi parecido ao do norte de Galicia, pero os nosos invernos son algo máis suaves e os veráns menos calorosos, co que prácticamente temos pasto todo o ano”, destaca. O muxido faino 2 veces ao día nunha sala de muxido móbil de 6 puntos na que lle leva arredor dunha hora muxir as 25 vacas que adoita ter en produción. “Aquí nos Azores está moi extendido o muxido móbil e hai uns 4 fabricantes deste tipo de salas, que tamén se exportan ao continente. O seu prezo tamén é máis asequible que construír unha sala fixa, pero nos últimos dous anos incrementouse notablemente debido á inflacción, de forma que unha sala coma esta pode roldar agora os 30.000 euros”, explica este gandeiro. Prácticamente a totalidade do seu rabaño é de raza Holstein, aínda que recentemente está a probar con varios exemplares das razas Jersey e Roxa Sueca. “Estou moi satisfeito coa Holstein pero a industria páganos cada vez máis por calidades de graxa e proteína e buscando máis sólidos é polo que estou probando estas razas”, explica. A produción media da gandería de Anselmo Pires é de 7500 litros, cunha achega de arredor de 3 kilogramos de penso por vaca e día. “Fago punteo en cada animal segundo o momento de lactación no que estea, pero dende que nos pasamos a ecolóxico hai seis anos reducimos notablemente o uso de penso. Temos moita herba disponible e de moi boa calidade e hai que aproveitala”, subliña. O penso ecolóxico que empregan está pelletizado e é fabricado pola cooperativa ourensá COREN. Cústalles neste momento 20 euros o saco de 30 kilogramos, co que o prezo da tonelada sáelles a uns 660 euros. O muxido faino cunha sala móbil

A cooperativa Lactogal comercializa o seu leite baixo a marca “Milhafre dos Açores”

En canto ás calidades do leite logran unha media de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína, cun RCS de 130000. A cooperativa UNICOL, propiedade á súa vez do grupo cooperativo portugués LACTOGAL -propietario en Galicia de Leche Celta- é o único comprador de leite ecolóxico dos Azores, que comercializa baixo a marca “Milhafre dos Açores”. O prezo medio que recibe Anselmo neste momento é de 0,52 euros por litro, uns 12 céntimos por riba do que se paga polo leite convencional nos Azores. “Cando nos pasamos a ecolóxico hai seis anos a diferenza de prezo era de 10 céntimos”, explica. En canto ao manexo do pastoreo, Anselmo procura manter pradeiras diversas, con forte presenza de trevos e raigrás. “O importante é que a vaca dispoña cada día de pasto tenro, non espigado, para lograr boas producións de leite. Dividimos as parcelas axudados polos valados tradicionais de pedra que temos nas illas e tamén polo pastor eléctrico e facemos un circuito de pastoreo, deixando 40 días de descanso en inverno e entre 20 e 25 días na primavera e no verán. Non empregamos adubos químicos, o único fertilizante son as excretas do gando, e cando nos pasamos a ecolóxico si que aproveitamos para encalar as pradeiras”, detalla Anselmo. ¿Está satisfeito coa paso dado pasarse a ecolóxico? “Si, cando o fixen xunto cun grupo de gandeiros o principal motivo foi o económico, de maior prezo do leite, pero hoxe estou convencido tamén porque é máis sustentable medioambientalmente e síntome máis realizado como gandeiro”, recoñece. Así, malia reducir o número de animais e a produción -pasou e 37 a 30 vacas en produción e dun total de 60 animais a 45- a rendibilidade da súa granxa incrementouse. “Produces menos pero quédache máis diñeiro. No meu caso pasei de gastar uns 1000 litros ao mes en gasóleo a 200; de facer 250 rolos de herba a só 100; de cultivar millo para forraxe a non facelo, a aforrar todo o gasto en adubos químicos e herbicidas e tamén baixou moito o consumo de penso”, detalla.

Moi boa saída para os becerros pintos nos Azores

Ademáis, a necesidade de recría tamén é menor, pois mellora a saúde e a lonxevidade das vacas (a media no seu rabaño é duns 5 partos), o que lle permite obter máis ingresos pola venda de becerros e animais para vida. “Nos Azores os xatos teñen moi boa saída, de forma que un becerro pinto con 10 días de vida é raro que baixe dos 100 euros e os cruzados andan nos 180 euros”, asegura. E cales son os plans de futuro de Anselmo Pires para a súa gandería? “Seguir avanzando nunha produción sustentable, seguir experimentando con outras razas que se adapten ben ao pastoreo e ao que nos demanda a industria, e aumentar o rabaño se existen posibilidade de incrementar a base territorial, algo complicado nesta illa onde o prezo da hectárea rolda neste momento os 50.000 euros e o aluguer triplicouse nos últimos anos até os 1500 euros a hectárea, e mesmo máis”, conclúe. Anselmo durante a súa visita a ganderías de Galicia

Encanto Natural, como traballa unha das ganderías top en xenética en Portugal

Norberto Gonçalves (á dereita) co seu irmán João (no medio) e o seu fillo Norberto (á esquerda) Encanto Natural é unha das explotacións de referencia en xenética holstein en Portugal. Norberto Gonçalves e o seu irmán João están á fronte desta gandería, ubicada en Ponte de Lima, que está a modernizar as súas instalacións para garantir un maior benestar animal ás súas vacas e unha maior calidade de vida para eles. Norberto fillo está a acabar os seus estudos para incorporarse á granxa, garantindo así o relevo xeracional necesario para dar continuidade ao traballo de mellora xenética levado a cabo polo seu pai e o seu tío nas últimas 3 décadas. A granxa conta hoxe con 300 cabezas en total, das que 125 son vacas en produción, outras 20 secas e o resto becerras e xovencas. “Aquí facemos moita recría”, explica Norberto, xa que a venda de animais supón unha vía de negocio importante para esta explotación. Venden tanto embrións como becerras pequenas e xovencas preñadas. Esta actividade supón “un complemento importante nos ingresos”, destacan.
Ir aos concursos sérvenos para mostrar a calidade xenética que temos na casa para logo vender mellor a recría
Encanto Natural ten neste momento o mellor animal holstein de Portugal, con 16 en conformación, 13 en ubres e 12 en patas. “O que máis nos enche de orgullo é que tivemos aquí á bisavoa desta xata, á avoa e á nai. Procede dunha familia que xa vai na quinta xeración criada aquí na nosa granxa, non fomos mercar esa familia fóra, fixémola nós aquí na explotación”, salienta Norberto. Ocupan tamén os primeiros postos nas listaxes das probas xenómicas de Portugal, cun animal con 3.076 puntos de TPI.  “Nós vivimos do leite do tanque” Norberto, cunha xovenca nun dos habituais concursos aos que acoden co seu gando Pero ter bos animais desde o punto de vista morfolóxico non é incompatible con que dean moito leite. Ao contrario, asegura Norberto. “Hoxe logramos ter vacas que producen 12.000 e 13.000 litros ao ano sen ningún tipo de estrés por iso. Cando eu comecei, as mellores vacas que tiñamos viñeran de Alemaña e daban 18 e 20 litros por día; hoxe se non dan iso en cada muxido non quedan na explotación”, recoñece. Producen un millón e medio de litros de leite por ano, o que supón unha media de 11.600 litros por vaca, cun 4% de graxa de un 3,4% de proteína, o que lles permite recibir primas pola composición físico-química, xa que o pago por calidade en Portugal realízase ao leite que se atopa por enriba de 3,7% de graxa e 3,2% de proteína. Prezo do leite Venden o leite á cooperativa Agros, pertencente ao Grupo Lactogal, que foi o ano pasado a última empresa en subir o prezo do leite en Portugal, polo que Norberto agarda que agora sexa tamén a última en baixalo. “O leite hai un ano estabamos a vendelo a 35 céntimos, era unha situación na que por moi ben que o fixeras todo xa non daba para os custos. Coa escaseza de produción, foi aumentando de prezo e hoxe cobramos a 58 céntimos”, explica. Norberto defende que as ganderías deberían ser rendibles por si mesmas, a través do prezo de venda dos seus produtos, sen necesidade de axudas como a da PAC. “No noso caso representa pouco, porque temos pouca superficie. Eu vou máis pola valorización da materia prima, algo que foi esquecido até o de agora. Esa é a forma máis xusta de remunerar o traballo do produtor”, di.
Dá gusto traballar nunha explotación leiteira cos prezos que se pagan hoxe polo noso produto
“A axuda máis importante que pode haber ao gandeiro é valorizar o prezo do leite. O resto, as subvencións, son préstamos, porque o Goberno dá cunha man e quita coa outra. Neste momento dá gusto traballar no sector, porque o leite está a ser pagado a un prezo que considero xusto, porque os custos de produción están carísimos”, argumenta. Por iso, malia os bos prezos actuais pagados polo leite, non cre sen embargo que vaia incrementarse moito a produción. “Hai escaseza e carestía tamén nos produtos para a alimentación do gando, que é un factor que tamén pesa moito”, di. Encarecemento dos custos de produción “En Portugal facíase moito cereal, pero deixouse de facer porque cando o millo estaba a 100 ou 120 euros a tonelada ninguén quería facer gran, era máis barato mercalo fóra, pero agora que sobe dos 300 euros todo o mundo quere volver a plantar cereal”, lembra Norberto.
Europa deuse conta agora coa guerra de Ucraína de que non podemos ser dependentes de outros
Encanto Natural non ten necesidade de mercar silo de millo, porque colleitan dabondo para autoabastecerse, pero hai outras granxas que non logran cubrir a súa demanda e que sufriron un forte encarecemento neste produto básico para a alimentación do gando. “O silo de millo pasou de 5 céntimos o quilo a 10 céntimos. Se unha explotación ten que mercalo a 10 céntimos, canto custa a ración das vacas?”, pregúntase. “Os custos de produción case se duplicaron. No caso dos concentrados, ti mercabas a tonelada a 250 euros e pasou a 500 euros. O penso dobrou o seu prezo e os fertilizantes tamén, un big bag que custaba 300 euros custa agora 600. O mesmo acontece coa alfalfa; eu tráioa de España, pero tamén dobrou o prezo, de 220 euros pasou a 440”, detalla.
Non notamos suba no recibo da luz porque puxemos paneis solares; foi un bo investimento
En canto á electricidade, di, “subiu moito aquí en Portugal, encareceuse un 40%”, aínda que no seu caso non notaron esa suba na factura xa que puxeron paneis solares. “Foi un bo investimento, financiado cun 60% polo Goberno”, destaca. Sen embargo, non opina o mesmo no que ten que ver cos combustibles: “o gasóleo é unha desgraza porque o Goberno quere gañar diñeiro cos impostos, é ridículo, porque chegamos a pagar a 1,30 euros o litro do gasóleo agrícola”, quéixase. Benestar animal A procura dun maior benestar para os seus animais foi desde sempre un dos obxectivos nos que se centrou esta explotación. “O benestar animal é un aspecto que preocupa ao produtor, mais tamén ao consumidor, ao que lle gusta saber que os animais son ben tratados. O mito hoxe é que o produtor explota á vaca, e iso é mentira, o gandeiro é o mellor amigo da vaca. Porque nós somos coidadores delas as 24 horas do día: pómoslles cepillos, ventiladores para que no verán teñan unha temperatura fresca, facémoslles e limpámoslles a cama todos os días, etc. Ao final quen é o patrón da granxa son as vacas e nós somos os seus sirventes”, argumenta.
O mito hoxe é que o produtor explota á vaca, e iso é mentira, o gandeiro é o mellor amigo da vaca, porque nós somos coidadores delas e os seus sirventes as 24 horas do día
Realmente a granxa ten que ter boas condicións para todos os seus animais, defende. “Nós temos as vacas que levamos aos concursos e ás demostracións mesturadas coas outras, as que enchen o tanque do leite; polo tanto, se temos benestar para unhas tamén o temos para as outras”, razoa. Prevención de enfermidades "Aquí procuramos traballar na prevención máis que na curación. Somos unha explotación libre de enfermidades como IBR, BBD e neospora no gando, pero chegar até ese punto foi un traballo arduo", recoñece Norberto.    "Tiñamos casos de neospora na explotación e neses animais inseminabamos con carne ou usabámolos como ventre de aluguer para embrións e deste xeito logramos erradicar a enfermidade na nosa granxa", explica. Considera que non se deben dar tratamentos ou antibióticos por dar. "Debemos usalos só cando fan falta de verdade. Nós non vacinamos ningún animal por vacinar. Só aqueles que van a algunha feira ou concurso para non correr o risco de traer a doenza para a casa", conta. Endurecemento das normativas de medicamentos Nos últimos anos anos tense producido a nivel da UE un endurecemento nas normativas de uso de antibióticos e produtos fitosanitarios, o que complica os tratamentos nas explotacións. “Con estas novas normas estannos a prohibir usar certos produtos que non son doados de substituír porque hai casos de mamites que se non son tratadas con antibióticos nas primeiras horas é perder o animal. Quen di defender os animais non pode prohibir que teñamos un pequeno stock de medicamentos nas granxas porque ese animal pode enfermar de repente e nós debemos estar preparados para atendelos coa axuda do noso veterinario, que é o médico de cabeceira dos nosos animais", valoran. "Polo tanto, eu considero que non deixarnos actuar de xeito rápido é ir en contra do benestar animal. Están a morrer máis animais agora que hai un ano atrás por causa destas normas. Eu penso que un bo profesional coma nós sabe cando ten que usar un medicamento. Ninguén gasta un medicamento por gastar. Se o usamos é porque o veterinario nolo recomenda e porque o animal necesita desa emerxencia”, asegura.
Están a morrer máis animais agora que hai un ano atrás por causa das normas que limitan os medicamentos; iso tamén é ir contra o benestar animal
"Non hai risco ningún para o consumidor porque non hai ninguén máis preocupado que o produtor polos prazos de seguridade. Ningún gandeiro aproveita un litro de leite que teña residuo algún de medicamentos. Aínda que xa pasaran os días da receita, todo o mundo fai un test a ese leite antes de mandalo para o tanque", di. Norberto tamén considera contraproducente a prohibición xeralizada do uso de antibióticos no secado. “Hoxe a xenética está cada vez máis avanzada e secamos vacas dando aínda 30 litros de leite. En moitos deses casos o antibiótico é unha prevención para evitar ter que curar despois. Se só desen 10 litros de leite era doado secalas só co selador”, xustifica. 
Antes poñiamos ás primeirizas un antibiótico ao parir como prevención, iso deixamos de facelo no último ano
"O que mudei neste último ano é que ás xovencas de primeiro parto, ás que poñiamos un antibiótico ao parir como prevención, erradicámolo por completo. Agora dámoslles uns bolos para axudarlles a ubrar e a arrincar mellor na produción de leite pero non poñemos medicamentos, a non ser que o parto se complique, por exemplo por unha retención posterior de placenta", detalla. Camas de serrín Dispoñen de aspersores e ventiladores para aminorar a calor no verán A granxa ten o apoio técnico da cooperativa Agros, á que lle venden o leite, para mellorar no aspecto sanitario do gando e na calidade do leite que producen. Ese asesoramento é moi importante para Norberto. “Estamos á cabeza de Europa en calidade hixiénico-sanitaria do leite. En Portugal permítense só 300.000 células somáticas no leite, cando en moitos países europeos o límite é maior e sitúase en 400.000”, lembra.
Estamos no Control Leiteiro, que é unha ferramenta moi boa para identificar animal a animal
Os controis nas explotacións para garantir a calidade do produto son máximas. "A empresa que nos recolle o leite saca unha mostra para analizar todos os días. Polo tanto, se un animal foi tratado con algún tipo de medicamento, ese leite non vai para o tanque sen facer un test previo que determine que non ten ningunha presenza de residuos do tratamento", insiste. "Eu levo 30 anos nisto. Cando eu comecei xa se traballaba moi ben en termos de calidade e hixiene do leite, pero había células máis altas, andabamos daquela sempre no fío da navalla das 300.000 células porque non había unha alimentación equilibrada como hai hoxe nin as condicións de benestar animal que temos hoxe", destaca. Minifundio A gandería é atendida por Norberto e João xunto coas súas mulleres, que son as que moxen, e coa axuda puntual dos fillos. Contan a maiores cun empregado e realizan eles mesmos a recría e o traballo agrario. “Esta é unha zona de moitas parcelas e moito minifundio. Non hai ningunha granxa aquí na zona norte que teña 100 hectáreas. Esta é unha zona ademais de moita terra arrendada. Nós traballamos 40 hectáreas de terra, 35 delas destinadas a millo para ensilar e 5 a cultivo de alfalfa. O único que se compra na explotación é a palla e os concentrados”, indica Norberto.
Esta zona do norte de Portugal é unha zona de minifundio, con fincas pequenas
Outra parte esencial do traballo na granxa é a recría. As becerras son alimentadas co costro e o leite da propia nai os primeiros tres ou catro días. Logo son cambiadas a leite en po até o destete, que se produce entre os 3 e os 3 meses e medio de vida para que se desenvolvan ben. Pasan despois a estar en lotes, primeiro até os 8 meses na propia granxa e logo noutra nave até os 12-13 meses, a idade na que son inseminadas. No último lote, o das xovencas preñadas, están até dous meses antes de parir, cando volven para a nave de produción no lote das vacas secas.

Investimentos pendentes na explotación

Á sociedade familiar iniciada polos dous irmáns están agora incorporando ao fillo de Norberto. Teñen planificada tamén unha ampliación e actuacións de mellora en materia de benestar animal pero polo momento non hai resolución á solicitude do plan de mellora polo que levan máis dun ano agardando. “O leite semella que non é un sector prioritario para o Goberno portugués”, quéixase. “Hai 30 anos, cando nós comezamos, o Goberno miraba máis polos agricultores que hoxe en día. Daquela tiveramos unha axuda para instalarnos. Eu tiña 18 anos e arrinquei con 30 animais”, lembra Norberto.
O sector do leite semella que non é prioritario para o Goberno portugués
Sen embargo, di, “hoxe un mozo que teña que empezar de cero non o podería facer”. A lentitude na tramitación e a escaseza de fondos está a impedir que a xente moza se achegue ao sector, considera. O seu fillo Norberto pretende dar continuidade á explotación, unha vez rematada a súa formación como enxeñeiro agrónomo, pero o ano pasado cando quería facer a incorporación só había 8 millóns de euros e quedou fóra porque priorizáronse os proxectos ecolóxicos.
A agricultura portuguesa está moi envellecida, non hai mozos dabondo para repoñer as persoas que se xubilan
“Neste momento o sector agrícola en Portugal está no esquecemento. Non hai máis que ver que o Ministerio de Agricultura cada vez é máis pequeno, con competencias cada vez máis limitadas”, afirma. Robotización da granxa O obxectivo de Encanto Natural é instalar dous robots de muxido e crear máis camas para o gando. “Queremos seguir medrando, pero sempre preocupados polo confort e o benestar animal. Sempre foi a nosa filosofía de traballo e algo polo que sempre apostamos”, asegura Norberto.
Queremos seguir medrando, pero sempre preocupados polo benestar animal. Sempre foi a nosa filosofía de traballo e algo polo que sempre apostamos
Mentres agardan pola resolución das axudas por parte do Goberno portugués están xa a acometer os investimentos para modernizar a granxa, valorados en 500.000 euros. A axuda que lles correspondería sería de 250.000 euros, pero “con ou sen as axudas haberá robots para muxir as vacas e máis camas para o gando”, aclara
Grazas aos paneis solares nas horas de sol producimos o 100% das necesidades enerxéticas da granxa
Tamén instalaron paneis solares para diminuír a factura eléctrica e un sistema de ventilación para amortiguar o estrés por calor do gando nos meses do verán e pretenden incorporar asimesmo unha amamantadora para as becerras. Simplificar a tramitación das axudas Norberto quéixase da excesiva burocracia nos proxectos para a modernización das explotacións lácteas e compáraos coas facilidades que no seu momento se deron en Portugal no sector do viño, no que teñen unha pequena adega, para a reconversión dos viñedos antigos en viñas modernas. “Hai 30 anos era máis doado executar un proxecto do que é hoxe, pídense excesivos papeis”, di.
Tiña que haber liñas específicas de axudas para aspectos concretos no canto de esixir proxectos megalómanos
“No sector do leite tiña que haber unha liña de axudas específica para robotizar as explotacións e outra para a renovación da frota de tractores antigos, para eliminar os que aínda carecen do arco de seguridade, cunha tramitación que fose sinxela e rápida”, exemplifica. Ás dificultades burocráticas engádese a suba dos materiais e o custo das obras neste momento. “Hai un mozo aquí, veciño noso, que desistiu dunha axuda aprobada porque o proxecto fora presentado hai dous anos e desde entón os prezos mudaron significativamente. Está todo a subir de xeito abismal”, conta.

Xa está disponible o programa das IX Jornadas Internacionais de Bovinicultura da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro

A Associação Internacional de Estudantes de Agricultura da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (IAAS-UTAD), organiza as IX Jornadas Internacionais de Bovinicultura, que se celebrarán en Vila Real os días 10 e 11 de marzo de 2023 en formato presencial. Esta edición vai ter como temas principais as novas políticas, o ambiente e o futuro do setor da bovinicultura em Portugal. Xunto a estas abordaranse outras temáticas como a reprodución e mellora xenética, medicina preventiva, nutrición e manexo do gando. Velaquí o programa: Para máis información enviar un email a iaas@utad.pt 

“Para as granxas de leite é moi complicada esta inestabilidade, por iso están parando os investimentos”

O xuíz internacional portugués Henrique Moniz durante o Concurso Autonómico Fefriga 2022 celebrado na Moexmu Henrique Moniz coñece ben o sector leiteiro portugués. Procede dunha familia de gandeiros da illa de São Miguel, no arquipélago das Azores, a principal zona de produción de leite de Portugal. A explotación familiar, Herdeiros de Manuel Elías Melo Moniz, pertence na actualidade á súa nai e aos seus tíos. No ano 2007, con 24 anos, Henrique entrou a traballar na Asociación Agrícola de São Miguel, onde coordinou o servizo de control leiteiro, e no 2015 trasladouse ao departamento de nutrición animal da fábrica de pensos de Santana da cooperativa União Agrícola, polo que coñece de primeira man a situación actual de encarecemento dos custos de produción ao que están a facer fronte as explotacións. – Como está a situación dos custos de produción neste momento en Portugal? – A situación é semellante á que pode haber en Galicia, polo que falo con xente de aquí. Os custos están a subir moito, primeiro debido á pandemia e agora á guerra de Ucraína. Sempre hai unha razón para subir os custos; o que sucede é que o prezo do leite non acompaña a subida dos custos.
O incremento producido no prezo do leite de entre 3 e 4 céntimos non está a ser proporcional á suba dos custos de produción
Tivemos algunhas pequenas subas de 3 ou 4 céntimos no prezo do leite, pero non compensan o que efectivamente os custos están a subir. Os factores de produción están a subir máis, dun xeito que non é proporcional ao incremento do prezo do leite. – Que estratexias se están a seguir nas granxas portuguesas para facer fronte á actual situación? – O que algunhas explotacións están a facer é dar menos penso e retirar aquelas vacas que son menos produtivas. Neste momento temos moitas granxas que están ameazadas porque os custos de produción non se ven acompañados polo prezo do leite e que están a abandonar.
O mercado con este nivel de inestabilidade non nos dá garantías de futuro
Esta é unha das peores situacións que viviu o sector, porque sempre houbo algunhas crises de prezos pero neste momento é imposible prever como vai evolucionar a situación, o mercado está inestable e non se poden facer investimentos porque non sabemos como vai estar a cousa dentro de 2 ou 3 meses. O prezo dos cereais, dos fertilizantes ou dos combustibles mudan dun día para outro e non se consegue neste momento prever o que vai acontecer e iso dificulta facer investimentos que son sempre necesarios nas explotacións. O mercado con este nivel de inestabilidade non nos dá garantías de futuro para proxectar o noso negocio a medio prazo. É moi complicado traballar sen saber como van ser as cousas o día de mañá. – Ti procedes dunha familia gandeira das Azores, onde a alimentación a base de pasto pode ser unha vantaxe competitiva para as granxas nun momento de prezos altos dos insumos coma este. – Nas Azores temos as vacas sempre en pastoreo e son suplementadas con ensilaxes e penso á hora do muxido. Iso fai que teñamos menores custos a nivel de instalacións ou maquinaria, pero somos máis dependentes das condicións meteorolóxicas.
Nas Azores temos menores custos a nivel de instalacións ou maquinaria, pero somos máis dependentes das condicións meteorolóxicas
Ademais, producimos leite en illas pequenas e temos outros contratempos como que as parcelas son tamén pequenas, que son factores que nos limitan un pouco. É certo que ao alimentar as vacas a base de pasto somos un pouco menos vulnerables neste momento pero hai que ter en conta que a suba dos cereais e os fertilizantes ten sido moi grande e se non fose por unha serie de apoios que hai da Unión Europea as granxas nas Azores terían moi difícil mercar estes insumos polo encarecemento engadido que supón levalos desde o continente; esas axudas atenúan un pouco o custo do transporte, que doutro xeito sería moi elevado.   – Como está a evolucionar a produción de leite nas Azores nos últimos anos? – Nos últimos anos estamos a ter unha redución de leite, tanto en termos de produción como de número de granxas. A maiores dos problemas dos custos de produción hai outros, como son a falta de man de obra. É complicado atopar persoas para traballar na agricultura e no sector leiteiro máis en concreto, que é bastante esixente en termos de man de obra capacitada.
Algunhas explotacións de leite estanse a pasar á carne. Nos últimos 10 anos a redución foi do 5% da produción
O número de explotacións gandeiras mantense, cunha pequena redución que non é significativa, pero estamos tendo algunhas explotacións leiteiras que se están a reconverter cara a produción de carne e o Goberno está a incentivar tamén a redución da produción de leite. Nos últimos 10 anos a redución está a ser de case o 5% da produción. Até agora as fábricas de leite dicían que non subía o prezo porque había exceso de produción e agora que se está a reducir están preocupadas porque falta leite. É un pouco irónico por parte das industrias.

"Nos concursos hai que fixarse sobre todo nos aspectos produtivos, pois tentamos escoller os animais que serán máis rendibles nunha explotación"

Un momento do Concurso Fefriga 2022 celebrado a comezos de abril en Muimenta Henrique Moniz forma parte desde o ano 2012 do grupo de xuíces da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisia (APCRF) e conta con experiencia internacional en concursos de España, Países Baixos e Hungría. – Como viche o Concurso Autonómico da Moexmu que xulgache este ano? – Os gandeiros en Galicia están a un nivel moi alto, con animais fantásticos e con seccións do concurso con moitos animais todos moi bos. Xa coñecía o alto nivel existente porque teño vido noutras ocasións aos concursos de gando que se celebran, comecei a vir á Semana Verde e a Gandagro a partir do 2004 e tamén temos boa relación con CONAFE e coas asociacións de gandeiros e organizamos conxuntamente algunhas escolas de xuíces. Polo tanto, sabía que o nivel ía ser elevado, iso non me sorprendeu, pero o que non agardaba era que houbera tantos animais a un nivel tan alto. – Que aspectos valoras á hora de escoller unha vaca campiona? – Temos que reflexionar sobre as características morfolóxicas, por tanto, buscar aqueles animais que serán máis rendibles nunha explotación. Para iso temos que fixarnos esencialmente nos aspectos produtivos, pois tentamos escoller aqueles animais que serán máis produtivos e rendibles para os gandeiros. Para iso é fundamental que teñan unhas boas patas e uns bos ubres para garantir que van estar moitos anos producindo leite na granxa.

Leche Celta subiralles 1,5 céntimos por litro de leite aos gandeiros portugueses

Lactogal, a cooperativa portuguesa propietaria en España de Leche Celta, ven de anunciar que lles subirá aos gandeiros portugueses 1,5 céntimos por litro de leite a partir do 1 de outubro. Igualmente, a empresa Unileite, anunciou unha suba de 1 céntimo por litro aos produtores de Sao Miguel, nas illas Açores. Para a Asociaçao de Produtores de Leite de Portugal (APROLEP), a asociación máis representativa das ganderías de vacún de leite no país veciño, “são decisões no bom sentido, apesar de chegarem muito atrasados e serem insuficientes face ao aumento brutal do custo das rações que os produtores suportam desde o início de 2021 e face ao aumento do custo da eletricidade que começam agora a suportar”. Neste sentido, anima ás demais industrias lácteas de Portugal a incrementar tamén o prezo que lle pagan ao produtor. En todo caso, dende a APROLEP consideran esta suba insuficiente e reclaman “aumentar em 6 cêntimos o preço médio ao produtor em Portugal, pois esse é o valor que estamos neste momento abaixo dos custos de produção e da média comunitária”. Para iso reclaman tamén “uma resposta pública e efetiva das cadeias de distribuição, pois estamos convictos de que sem a sua colaboração não será possível atualizar o preço ao produtor para os valores que referimos.

A sustentabilidade económica, ambiental e social da gandería de vacún, a debate nas “Jornadas Internacionais de Bovinicultura”

Este venres e sábado, 12 e 13 de marzo, emitiranse en formato online as “VIII Jornadas Internacionais de Bovinicultura”, organizadas pola Associação Internacional de Estudantes de Agricultura Universidade de Tras os Montes e Alto Douro (Portugal). As xornadas analizarán cuestións de actualidade para a gandería de vacún, como a súa sustentabilidade medioambiental, como mellorar a percepción social do sector, así como os beneficios nutricionais do leite ou da carne de vacún e aspectos técnicos (manexo da alimentación, sanidade animal ou novos equipamentos para o sector). As ponencias correrán a cargo de expertos tanto de Portugal como doutros países (César Resch, do CIAM; Jude Capper, do Reino Unido, ou Ana Pimenta, gandeira australiana que explicará o sistema australiano que permite producir carne de vacún cunha alimentación 100% a base de pasto). Velaquí o programa:

Máis información e inscripcións nesta ligazón.

 

“A colaboración entre as cooperativas DELAGRO e UCANORTE XXI ten moita marxe para medrar”

No ano 2013 a cooperativa española DELAGRO, que integra a máis de 26 cooperativas e entidades de Asturias, Cantabria e Galicia, e a cooperativa portuguesa União Agrícola do Norte , U.C.R.L. (UCANORTE XXI) iniciaron unha frutífera cooperación que foi consolidándose co tempo.

Para coñecer cal é a situación actual e os plans de futuro da cooperativa lusa falamos con Ana Coimbra, enxeñeira agrónoma e enxeñeira técnica agrónoma e responsable en UCANORTE XXI da gama de fertilizantes UCAFERT, fabricados por DELAGRO na súa planta das Pontes.

Que posto de traballo e que funcións desempeñas dentro da cooperativa UCANORTE XXI?
Son Enxeñeira Técnico Agrónomo, comercial e responsable en UCARNORTE XXI do desenvolvemento da gama Ucafert e de potenciar as súas vendas.

É a túa primeira profesional no mundo cooperativo?
Si, sempre traballei no sector sector privado.

Como é o teu día a día en  Ucanorte?
En primeiro lugar, planeo o meu traballo semanalmente e trato de cumprilo sempre que sexa posible. A miña xornada laboral en Ucanorte é multitarea: visitar cooperativas e situar os produtos Ucafert segundo a tempada, traballando en alianza con xerentes, comerciais e persoal técnico. Ademais, dedícome a promocionar os fertilizantes Ucafert entre os agricultores e gandeiros, acompañándoos técnica e comercialmente. Busco sempre novos mercados onde haxa potencial de crecemento (como novos agricultores e distribuidores).

Cal é a situación de UCARNOTE XXI a día de hoxe: número de socios, sectores nos que traballa, servizos que presta?
Ucanorte XXI – União Agrícola do Norte O.C.R.L., con sede en Maia, foi fundada en 2002, distínguese polo seu carácter cooperativo e xoga un papel moi importante e diferenciador no apoio ao sector agrícola.

Actualmente agrupamos a 33 cooperativas socias no Norte de Portugal. Contamos cunha filosofía empresarial dinámica e especializada nos máis variados segmentos do sector agropecuario da rexión, a saber: sementes, fitosanitarios, plásticos agrícolas; fertilizantes e asesoramento técnico.

Como está a impactar a pandemia da Covid 19 na actividade da cooperativa?
A Covid 19 tróuxonos limitacións en visitas e contactos presenciais. Hoxe en día non é tan fácil para os agricultores recibirnos, así como para as cooperativas (o que é normal …). Sen embargo, usamos máis o teléfono e o correo electrónico.

Cales son as principais vantaxes que achega UCANORTE aos seus socios cooperativistas?
Actualmente, a estratexia apunta a reforzar a centralización de compras de medios de produción (sementes, abonos..etc), xerar sinerxías e achegar ganancias de competitividade efectivas ás cooperativas asociadas e aos seus produtores, así como o asesoramento técnico e de proximidade aos nosos socios.

Como a cooperativa axuda a produtores e gandeiros a mellorar a comercialización dos seus produtos?
Ter mellores prezos nos insumos agrícolas e gandeiros, aumentando a rendibilidade das explotacións ao lograr prezos competitivos na venda dos produtos.

En setembro de 2020 inauguráchedes en Barcelos unha planta de secado de gran de millo. Que vantaxes achegará aos gandeiros socios?
O noso secadoiro de millo ten as principais vantaxes de ser unha alternativa á produción de millo para ensilaxe (que actualmente ten prezos baixos) e a perda consecutiva de produtores de leite durante os últimos 10 anos. O millo en gran é un produto máis valorado, e desde UCANORTE XXI ofrecemos asesoramento técnico durante todo o ciclo do cultivo.

“A relación de UCANORTE XXI con DELAGRO é moi sa, cun excelente traballo en equipo baseado na honestidade e a transparencia”

En 2013 UCANORTE XXI e DELAGRO asinaron un acordo de colaboración. Como valoras a relación comercial con Delagro?
Considéroa unha relación moi sa, cun excelente traballo en equipo baseado na honestidade e a transparencia. Creo que esta unión aínda ten moito que medrar.

Consideras que o coñecemento e experiencias que achega Delagro pode servir para o voso desenvolvemento en Portugal?
Seguro que si! Delagro é unha cooperativa con moita experiencia, coñecementos técnicos e moitos anos no mercado. Ten unha alta capacidade organizativa que nos axuda moito no desenvolvemento aquí en Portugal.

“Os gandeiros melloraremos os prezos se producimos só o leite que o mercado precisa para non causar excedentes”

Coñecemos de man do presidente da Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep), Jorge Oliveira, a situación actual do sector lácteo luso así como as súas reclamacións a curto prazo para mellorar o prezo do leite en orixe ou outros retos que se lle presentan ós produtores lácteos. Tamén abordamos a posible colaboración entre os gandeiros lusos e os galegos. -Como naceu APROLEP e con que obxectivos? -A Aprolep naceu en 2010 co obxectivo de loitar de forma consistente e organizada pola valorización da actividade dos produtores de leite e para alcanzar un prezo xusto para o leite portugués. A asociación defende os produtores de leite de todo o territorio nacional, independentemente da súa localización, dimensión económica e entidade compradora, xunto de entidades nacionais e comunitarias, pero a súa acción está sobre todo enfocada en Portugal continental. -Con cantos socios contan a día de hoxe? -Temos varios centos de asociados. -Como son as ganderías que se integran nesta asociación? -Temos asociados de todas as dimensións, desde o pequeno produtor con 40 vacas até empresas con máis de 1.000 vacas en muxido. -Cal é o modelo de gandería de leite polo que máis se está apostando en Portugal? -A raza dominante é a Holstein frisoa,criada en granxa a base de silo de millo e silo de herba. Só na rexión das Azores e situacións puntuais no continente é que hai condicións para o pastoreo.
"Dende hai 10 anos estamos con prezos moi baixos, sempre por debaixo da media comunitaria e nalgúns meses tivemos o peor prezo de Europa"
-Como valorades a situación actual do sector leiteiro en Portugal? -Vemos con moita preocupación o futuro, porque dende hai 10 anos estamos con prezos moi baixos, sempre por debaixo da media comunitaria e nalgúns meses tivemos o peor prezo de Europa. Estamos tamén preocupados coa perspectiva de redución das axudas da política agrícola común ata 2027. -Co remate do 2020 volvestes reclamar unha suba do prezo do leite, cal é o prezo medio actual en Portugal e que prezos pedides? -Tivemos en novembro (últimos datos dispoñibles) un prezo medio de 31,45 euros por 100 quilos de leite no continente e 28,84 euros nas Azores, o que dá un prezo medio nacional de 30,57 euros. Cremos que sería preciso chegar a 40 céntimos por quilo para ter un prezo xusto, capaz de pagar os custos de produción, remunerar o traballo do produtor de leite e da súa familia e facer os investimentos necesarios para o futuro do sector. Nunha primeira fase, sería importante acadar rapidamente os 35 céntimos por quilo e despois subir de forma gradual. -Que creedes que está a provocar que haxa este prezo á baixa para os gandeiros? -Ter prezos baixos do leite xa é unha tradición en Portugal, tanto para o produtor como para o consumidor. O prezo normal das marcas brancas de leite UHT, nos supermercados, está entre os 45 e os 55 céntimos e hai promocións por debaixo dos 40 céntimos. Isto é responsabilidade da industria e da distribución, dos supermercados.
"Lactogal garante a recollida e o pago regular do leite, pero non conseguiu valorizar o leite da forma que precisamos"
-Como inflúe para os gandeiros que a primeira industria láctea do país sexa a cooperativa Lactogal? -Lactogal garante a recollida e o pago regular do leite, pero non conseguiu valorizar o leite da forma que precisamos. Esperamos que no futuro poida cambiar, valorizando máis o leite e facendo máis queixo e iogures, pois hai unha enorme importación, temos un déficit de 300 millóns de euros entre exportacións e importacións. Por outro lado, hai outras cooperativas nas Azores que teñen excedentes de leite e colocan o leite á venda aquí no continente a 40 céntimos. Ten que haber unha maior condena e unión no sector para que todo o sector leiteiro faga forza para subir os prezos. -Como funciona a interprofesional láctea do país? -A interprofesional láctea apenas proporciona o laboratorio de análises, que funciona moi ben, pero agardamos que no futuro esta interprofesional impulse unha maior unión do sector leiteiro. -En Galicia estase a fomentar a creación de organizacións de produtores de leite como unha ferramenta para que os gandeiros teñan unha maior capacidade de negociación fronte á industria, está a axudarvos a vós a asociación para ter máis forza para negociar? -Aquí as cooperativas socias de Lactogal pediran o rexistro como OP e o prezo de Lactogal funciona como referente para Portugal continental.
"Débese aumentar a produción de queixos e iogures para substituír as importacións"
-Cales son para vós as liñas nas que máis se debe centrar o sector leiteiro? -O sector leiteiro debe concentrarse en producir apenas o leite que o mercado precisa para non causar excedentes, unha posición defendida xa pola European Milk Board a nivel europeo. Tamén se debera aumentar a produción de queixos e iogures para substituír as importacións e comunicar mellor á sociedade a forma como cultivamos a terra respectando o medio ambiente e coidando dos nosos animais seguindo as regras de benestar animal. -Credes necesaria unha maior cooperación entre Galicia e Portugal, pola proximidade e a importancia do sector leiteiro para ambos? Como se podería formalizar esta cooperación? -Si, e nós xa temos feito ese traballo na medida das nosas posibilidades. Xa organizamos visitas de estudo dos nosos asociados a ganderías en Galicia, ó Ciam en Mabegondo e xa convidamos a un investigador de Mabegondo, Cesar Resch, para falar no noso coloquio anual. Pensamos que pode ser por aí o camiño. Os produtores téñense que comunicar a nivel da Península Ibérica e a nivel europeo, por iso nos asociamos en 2019 ó European Milk Board (EMB). As industrias de Portugal, España e do resto da Europa tamén falan entre si e con maior facilidade do que nós os produtores.
"En Portugal durante anos, tamén nos dicían ós produtores que a culpa dos prezos baixos era do leite importado"
-A entrada de leite procedente de Portugal en España a prezos á baixa e sen identificar claramente a súa procedencia é un dos temas que teñen criticado moito dende o sector galego e español, pola competencia desleal que supón, que opinión tedes ó respecto destas prácticas? -O prezo ó produtor en Portugal continental e na Galiza é moi semellante, é moi baixo, ese é o problema, pero nós os produtores cremos nas desculpas que nos dan, e a culpa é sempre dos outros. Hai camións circulando nos dous sentidos. Nós, os produtores, non vendemos leite ás industrias de España e non sabemos cal é o volume que vai de aquí para España, pero en todo Portugal producimos tanto leite como en Galicia e un terzo dese leite prodúcese nas Azores, polo tanto non debe ser un volume tan significativo, aínda máis cando se dicía que España era deficitaria en leite. Aquí, durante anos, tamén nos dicían ós produtores que a culpa dos prezos baixos era do leite importado, por iso esiximos o etiquetado coa orixe do leite. Iso non o resolve todo, pero axuda ó consumidor a escoller. -Cales son as prioridades dos produtores de leite portugueses para a nova PAC? -O noso obxectivo de futuro é ter un prezo xusto para non precisar das axudas da PAC, pero como iso non é posíbel a curto prazo temos que manter as axudas actuais e conseguir eco-réximes que compensen ó agricultor pola súa contribución na conservación do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.
"A pesar de tódolos ataques dos activistas e do esquecemento dos políticos, a maioría das persoas valora o noso traballo, que lles permite ter comida na mesa"
-Como é a normativa sobre esparexido de xurros no país? En España acaba de aprobarse un novo decreto nesta cuestión que obriga a soterrar o xurro e que está a penalizar á gandería de vacún, ocorre tamén en Portugal? -Aquí temos regras mais estritas nas zonas vulnerables de nitratos e temos obrigación de enterrar o xurro nas 4 horas posteriores ó seu espallamento. De momento non esperamos cambios. -Que perspectivas de futuro vedes para o sector leiteiro en Portugal? -Vemos o futuro con preocupación por manterse o prezo baixo, pola ameaza da redución das axudas da PAC, polo envellecemento do sector e polos ataques dos animalistas aproveitando a preocupación coas alteracións climáticas, pero tamén temos esperanza, porque coa pandemia vimos que a contaminación baixou e as vacas continuaron a producir, as persoas correron ós supermercados e levaron todo o leite que había, porque saben que o leite é un alimento saudable. No fondo, a pesar de tódolos ataques dos activistas e do esquecemento dos políticos, a maioría das persoas valora o noso traballo que lles permite ter comida na mesa. E nós sabemos que as persoas van continuar a precisar de comer, que somos gardiáns do medio ambiente e que teremos un papel tamén fundamental no combate contra o cambio climático.

“As vacas nas Azores poden estar en pastoreo os 365 días ao ano, é algo que non poden facer en Irlanda, en Francia ou en Holanda”

André Almeida é profesor de Producción Animal do Instituto Superior de Agronomía da Universidade de Lisboa. Coa súa axuda facemos unha radiografía da produción de leite en Portugal e analizamos o caso particular das Azores, que comparte similitudes con Galicia, como o seu carácter excedentario e periférico ou o feito de buscar incrementar a produción en base a estabular as vacas. Portugal produce ao ano 2 millóns de toneladas de leite, con tres modelos claramente diferenciados: a metade norte do país, onde abundan as granxas familiares de pequeno tamaño; a zona sur, onde hai explotacións industriais de maior tamaño; e as illas Azores, cunha actitude leiteira predominante e un sistema produtivo baseado no pastoreo, aínda que a busca de maiores rendementos leiteiros por vaca está a propiciar un cambio neste modelo cara á intensificación.
O fin das cotas coincidiu cunha fonda crise económica en Portugal, o que fixo que no norte do país só sobreviviran unha de cada catro granxas leiteiras
O fin das cotas coincidiu cun momento de fonda crise económica en Portugal, co país intervido polos organismos financieiros internacionais, e todos eses factores aparellados levaron á desaparición dun número moi importante de explotacións, unha redución que no norte do país fixo que só sobreviviran unha cuarta parte das granxas leiteiras existentes fai 5 anos. Á par disto, as novas esixencias ambientais e no ámbito do benestar animal teñen provocado unha grande transformación do sector leiteiro no país veciño. Azores produce tres veces máis leite por quilómetro cadrado ca Galicia As Azores son un caso diferenciado. De todo Portugal é a gran rexión especializada en produción de leite e nos últimos anos gañou peso fronte a outras zonas do país onde a cabana gandeira foi a menos. Pero o seu carácter insular e a estrutura minifundista da propiedade da terra, que dificultan o incremento da base territorial das explotacións, son factores que están a levar a moitos gandeiros a apartárense do modelo tradicional de produción de leite no arquipélago, baseado no pastoreo, para adoptar modelos máis intensivos. São Miguel, Pico, Terceira, São Jorge, Faial, Flores, Santa María, Graciosa e Corvo ocupan 2.333 quilómetros cadrados, menos dunha décima parte da superficie de Galicia (29.574 quilómetros cadrados), pero producen ao ano máis de 600.000 toneladas de leite, o 35% do leite de Portugal.
Os gandeiros das illas portuguesas producen leite principalmente en base a pastos, polo que o factor que limita o seu crecemento é a falta de terra dispoñible
As nove illas do arquipélago atlántico portugués comparten ademais con Galicia problemas na industrialización do leite e a lonxanía dos centros de consumo, ademais dunha estrutura minifundista da superficie agraria que dificulta o incremento da base territorial das explotacións. Por iso, a gandaría nas Azores está a experimentar unha progresiva intensificación, cunha maior utilización de concentrados e de silo de millo. – Mentres países do norte de Europa, coma Holanda, están volvendo ao pastoreo, as Azores está abandonando este modelo co argumento de aumentar a produción?  – O arquipélago das Azores é unha zona de produción leiteira moi importante. Representa un terzo da produción de Portugal. O seu segredo é producir leite a prezos moi baratos. Azores ten moi boa climatoloxía para producir leite, pode producir leite a prezos competitivos a base de pastos. As vacas nas Azores poden estar en pastoreo os 365 días do ano, é algo que non poden facer noutras rexións de Europa, non o poden facer en Irlanda, nin en Francia, nin en Holanda.
Unha explotación con máis de 50 animais xa é considerada grande nas Azores, a maioría dispoñen dunhas 20 hectáreas de terreo repartidas en moitas fincas dispersas
Pero neste momento estase dando un proceso de intensificación da produción para poder producir máis porque hai pouca terra dispoñible. Coa excepción de San Miguel, todas as illas son relativamente pequenas e a terra que hai é limitada. Todas teñen montañas no medio polo que non é doado aumentar a superficie. Ademais, é difícil mercar terra e as propiedades agrícolas, as fincas, están moi dispersas, diseminadas por toda a illa. Unha explotación con máis de 50 animais xa é considerada grande nas Azores, a maioría dispoñen dunhas 20 hectáreas de terreo repartidas en moitas fincas dispersas. Leiras pequenas e peches de pedra: o sistema agrario máis habitual nas illas portuguesas – Que estratexia se segue para ampliar a produtividade desas fincas? Como a terra está adicada a pastizais e son fincas pequenas hai dúas cousas que se están a facer: por un lado incrementar a produción do pastizal e por outra mellorar a calidade das forraxes e iso lógrase introducindo leguminosas. A través da sementeira de trevo, por exemplo, lógrase unha valorización da herba para a produción de leite, porque ademais de fixar nitróxeno e mellorar a fertilidade do chan, as forraxes con leguminosas diminúen a dependencia das explotacións e aumentan a súa rendibilidade, porque supón unha fonte proteica propia que reduce a pegada de carbono asociada ao transporte transcontinental de materias primas importadas para as racións, como a soia, e poden tamén axudar á redución dos niveis de metano que emiten as vacas.
As forraxes con leguminosas son unha fonte proteica propia que reduce a pegada de carbono asociada ao transporte transcontinental de materias primas como a soia, diminúe a dependencia das explotacións e aumenta a súa rendibilidade
Hai compañías de sementes que teñen liñas específicas de produto para as Azores e sementes específicas adaptadas ás características do solo e á climatoloxía do arquipélago. Deste xeito os gandeiros das Azores logran producir leite de grande calidade que está baseado no aproveitamento do pastizal todo o ano e que ten moi boa aceptación por parte dos consumidores. O interesante das Azores é iso, que os gandeiros fan un produto de calidade a un prezo baixo e que ten moi boa imaxe no mercado. – Pero logo hai que vendelo no resto de Portugal. Iso tamén pasa en Galicia, onde tamén somos excedentarios. – Ese é o gran problema. Porque aínda que o leite sexa producido a prezos máis baixos tes un custo engadido de transporte que é altísimo. Por iso é moi difícil vender leite barato en Lisboa se é producido nas Azores. Se ti miras nun supermercado en Portugal o leite normal é vendido a uns 50 céntimos, mentres que o leite das Azores é vendido a máis de 60, normalmente o prezo é un 25% máis alto, iso é debido á calidade, que é maior, pero tamén aos altos custos de transporte.
O leite das Azores véndese nos supermercados de Lisboa a un prezo un 25% máis alto que o producido no resto de Portugal. Iso é debido á calidade, que é maior, pero tamén aos altos custos de transporte
Ten moito que ver con Galicia, pero quizais máis con Canarias, porque está máis lonxe da península. As Azores producen moito leite e a maioría é vendido fóra do arquipélago. Ese leite compite nos supermercados portugueses con leite de outras zonas leiteiras de Europa, como Galicia ou o norte de Francia. Penso que a solución sería incrementar a transformación, facer produtos de alta calidade, como queixos ou outros, que non teñan tanta dificultade de transporte e que teñan unha vida útil máis grande que o leite. E competir nun nicho de mercado máis especializado que non sexa o mercado do leite líquido convencional. – En Portugal tamén mandan as cadeas de distribución na fixación de prezos? – Si, e ese é outro grave problema, porque en Portugal hai só tres ou catro grandes compañías de supermercados. Así que a distribución manda na produción, presiona e fai o que quere. E temos outro problema engadido a maiores en Portugal e é que hai só tres ou catro industrias de transformación no sector lácteo, hai moi pouca competencia e iso é sempre moi inxusto para os gandeiros, porque producen un leite de alta calidade pero o prezo é sempre baixo.
A distribución manda na produción, presiona e fai o que quere e en Portugal hai moi pouca competencia e iso é sempre moi inxusto para os gandeiros
– Vostede ten traballado con algúns países africanos. Pode ter unha vantaxe Portugal coas súas ex colonias á hora de acceder a mercados emerxentes, por exemplo en África? – Si, pero unha vez máis tes o problema dos transportes. Se me fas a pregunta no caso concreto de Angola, por exemplo, que é un país moi emerxente neste momento e que fai un ano tiña moitos cartos para importar produtos estranxeiros eu diríache que si, pero quizais aplicado sobre todo a outros produtos como viño, cervexa ou mesmo auga. Para o leite é diferente porque o sector do leite é moi particular nese sentido.
En Angola o que fan é mercar leite en po, diluilo e envasalo e para iso está a competencia do leite en po de Nova Zelandia
En Angola hai plantas de envasado de leite, pero ese leite non é producido localmente. O que fan é mercar leite en po, diluilo e envasalo, e para isto hai a competencia do leite en po producido a moi baixo custo en países como Nova Zelandia ou mesmo en países de Europa. É leite que ten unha pegada de carbono moi importante, tanto no transporte como no secado. Quizais hai máis posibilidades no caso da manteiga, pero no caso do leite liquido é complicado. Ademais África ten un problema engadido a maiores para exportar alí produtos lácteos e é que a rede de frío e a electricidade son moi deficientes. E iso non é un problema para unha cervexa que está envasada nunha lata pero no caso do leite iso limítate ao UHT.

"O turismo é unha ferramenta útil nas Azores para vender o seu leite. Iso tamén o podería facer Galicia"

O desprazamento das vacas polas estradas para iren aos pastos é unha estampa habitual nas Azores A agricultura e a produción gandeira ten moita importancia na paisaxe das Azores, que constitúe un elemento esencial á hora de vender a imaxe verde das illas portuguesas como destino turístico natural, polo que a diminución da contaminación e da pegada de carbono das explotacións ten moita importancia xa non só desde o punto de vista gandeiro, senón tamén turístico, e ás vantaxes ambientais que supón a mellora neste eido engádense as de carácter económico para o conxunto do arquipélago, traspasando deste xeito ao propio sector leiteiro. – Teño lido nalgunha entrevista súa que a redución da pegada de carbono, ademais dunha cuestión ambiental é tamén unha cuestión de márqueting para as granxas. – Efectivamente non é só unha cuestión medioambiental. A redución da contaminación da auga, que non haxa olores, etc, todo iso é moi positivo para a imaxe das Azores e tamén dos propios gandeiros para vender despois o seu leite nos supermercados portugueses. Os turistas que van quedan namorados das Azores, da súa gandeiría e dos seus produtos e normalmente cando volven ás súas casas a probabilidade de que empecen a consumir leite das Azores é alta. Iso tamén o podería facer Galicia ou o norte de Portugal, onde por exemplo o queixo limiao ten unha boa imaxe, unha imaxe positiva e diferenciada en comparación co resto de queixos que se fan en Portugal.
O leite das Azores leva décadas posicionado no mercado coma un leite de calidade. Os produtos lácteos do arquipélago usan o selo 'Produto dos Açores', unha marca valorada polo consumidor portugués
As Azores é a única zona produtora de leite de Portugal que ten esa capacidade turística e iso tamén é unha ferramenta de promoción do leite e dos queixos producidos nas Azores, o turismo é unha ferramenta útil para que os gandeiros das Azores poidan incrementar a venda dos seus produtos e tamén aumentar o seu valor. – É posible producir un leite cero carbono? – Nas Azores eu penso que si. Pero unicamente producilo, porque logo para comercializalo hai que transportalo 2.000 quilómetros. Eu penso que o gran problema da pegada de carbono do leite é precisamente o transporte, non o feito de producilo. Se ti produces leite de pastizal logras unha produción a un custo económico e tamén ecolóxico moi baixo, polo que se ti descontas das emisións producidas a fixación de nitróxeno e a captura de carbono que fai o chan penso que ese leite si que podería considerarse cero carbono.
Eu penso que o gran problema da pegada de carbono do leite é precisamente o transporte, tanto dos insumos para alimentación como do propio leite, non o feito de producilo
Ademais, hai unha cuestión engadida que en lugares como Galicia ou Portugal hai que ter en conta e que é moi importante. Temos pastizais que están intimamente ligados á produción de rumiantes. Cal é a alternativa a iso? Se miras a zona de montaña de Galicia e todo o interior de Portugal, desde os anos 60 a estratexia na zona interior do país foi reemprazar a produción de rumiantes, sobre todo de pequenos rumiantes no caso de Portugal, por forestación de eucaliptos e de piñeiros.
Os pastizais nos montes estaban ligados á produción de rumiantes. Cal é a alternativa a iso? Se ti miras o mapa de lumes coincide coas zonas nas que desde os anos 60 se reemprazou ese modelo por forestación de eucaliptos e piñeiros
Iso desde o punto de vista da fixación de carbono está moi ben até que arde, cando arde hai unha liberación de carbono monumental. Eu penso que todos os problemas de incendios que temos cada xullo, cada agosto e cada setembro ten moito que ver coa substitución desta produción tradicional de rumiantes por sistemas de plantacións forestais, porque ese sistema de produción animal, contrariamente ao que opina moita xente, permíteche fixar carbono e diminuir as emisións.

Menos vacas pero máis produtivas: a tendencia na maioría de países da UE trala fin das cotas

Vacas camiño do pasto nunha explotación holandesa, onde a produción por vaca medrou un 15% desde o 2015 O sector leiteiro europeo é cada vez máis eficiente. O último informe elaborado polo Observatorio Lácteo da UE, con datos do 2018, pon de manifesto o incremento na produción de leite por vaca que están a experimentar a meirande parte dos países produtores de leite da UE, agás Francia. No conxunto da Unión, hoxe con 27 países trala marcha do Reino Unido, hai na actualidade 20,5 millóns de vacas leiteiras, case un millón menos ca no 2015. Pero esta caída do 4,2% no número de cabezas foi compensada cun maior rendemento leiteiro por animal, cun incremento medio de 133 litros por lactación, o que equivale a un 5,9% máis de produción por vaca en só tres anos, o periodo comprendido entre 2015 e 2018.
No ano 2018 España foi o cuarto país da UE con maior produción de leite por vaca, con 8.982 quilos por lactación, só superada por Dinamarca, Estonia e Países Baixos
En España a evolución desde a fin das cotas leiteiras no ano 2015 levou a un incremento de produtividade do 7,85%, dous puntos superior á media comunitaria, o que supuxo unha mellora de 218 quilos por lactación e ano entre 2015 e 2018, pasando o promedio por vaca de 8.328 quilos a 8.982 en só tres anos. Este incremento de produción por vaca foi quen de compensar o descenso na cabana española de vacún de leite, que caeu desde as 844.000 cabezas no ano 2015 até as 812.000 no ano 2019, un 3,79% menos.
Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España pero as que quedan dan case 3.500 litros máis ao ano
Aínda así, a mingua no número de vacas de leite en España reduciuse trala fin das cotas lácteas, xa que a perda de cabezas produtoras nos dez anos anteriores foi moito máis importante. Entre o 2003 ao 2015 desapareceran no Estado español unha cuarta parte das vacas leiteiras, desde 1.118.000 animais en produción a 844.000, a un ritmo dun 2% cada ano, mentres desde o 2015 o descenso ralentizouse e o ritmo actual na caída de cabezas é do 1,26% anual. Nos últimos 20 anos desapareceron unha de cada catro vacas de leite en España. Pola contra, as que hai dan moito máis leite. A produción por vaca e ano é hoxe 3.487 quilos superior ao que se lograba no 2001, cando de media as vacas de leite españolas producían só 5.495 quilos por lactación.

Á cabeza en produtividade

En conxunto, España é un dos países da Unión Europea onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%). Sen embargo, a caída acusada na cabana gandeira foi compensada cunha maior produtividade por vaca, que se incrementou neste tempo un 63,46%, dos maiores avances logrados en Europa. De feito, España atópase neste momento entre os países con maior produción de leite por cabeza: os 8.982 quilos por vaca e ano segundo os datos do 2018 que manexa a UE só son superados polos 9.851 quilos por lactación de Dinamarca, os 9.353 de Estonia e os 9.079 dos Países Baixos.
España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%) pero nos que máis se incrementou a produtividade por vaca (63,46%)
A media por vaca dos 27 países comunitarios é de 7.159 quilos por ano, con niveis superiores a esa cifra nos países do norte, do centro e do sur de Europa con maior grao de intensificación (Finlandia, Suecia, República Checa, Hungría, Alemaña, Bélxica, Austria, Italia, España e Portugal) e máis baixos en países que alimentan o gando en base a pastos, caso de Irlanda, ou en países do leste de Europa incorporados máis tarde á UE e nos que o desenvolvemento do sector produtor de leite non acadou aínda os niveis do resto da Unión, como por exemplo Polonia, Croacia, Bulgaria ou Romanía, que pechan o ránquing de produtividade por cabeza.
Maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións
Con todo, maior grao de intensificación e produción por vaca non equivale a maior rendibilidade das explotacións, senón que países como Irlanda ou rexións de Portugal como as Azores, que alimentan o gando case exclusivamente en base ao pasto, logran maiores marxes na venda do leite ao conseguir custos de produción sensiblemente máis baixos aos de países con sistemas de produción máis dependentes dos concentrados. O estudo do Observato Lácteo europeo exclúe xa ao Reino Unido, que abandonou a UE no mes de marzo, tralo Brexit, e que era até entón o terceiro Estado con maior produción de leite da Unión Europea, con 15 millóns de toneladas, só por detrás de Alemaña, con 32 millóns, e Francia, con 24.

Francia, a excepción á evolución positiva

Explotación leiteira de Francia, onde a cabana gandeira se reduciu un 4,15% e a produción por vaca un 0,7% Dos principais países produtores de leite na UE, tan só a Francia semella que lle está a sentar mal a eliminación das cotas. Francia decidiu autolimitar a súa produción tralo fin das cotas lácteas, algo que o levou a perder peso no contexto europeo, e o oco que deixou aproveitouno Alemaña. Desde o ano 2015 a cabana gandeira francesa reduciuse un 4,15%, practicamente na mesma porcentaxe que no conxunto da Unión Europea (4,19%), pero mentres que a produtividade por animal se incrementou un 5,9% de media dos 27 países que forman o clube comunitario, na República Francesa a produción por vaca caeu un 0,7% neste tempo.
As vacas francesas e portuguesas deron menos litros de leite no 2018 que no 2015
As vacas francesas dan de media ao ano 7.049 quilos de leite, lixeiramente por debaixo da media comunitaria (7.159) pero o seu rendemento é hoxe menor que fai 5 anos, mentres o resto de principais produtores europeos foron incrementando a produción por cabeza desde o 2015, con melloras do 16,48% no caso de Italia, 15,29% nos Países Baixos, 9,09% en Bélxica, 5,81% en Alemaña, 5,23% en Dinamarca. Ao igual que en Francia, a evolución en Portugal tamén foi negativa desde o 2015, cunha caída de rendemento do 0,48%, desde os 7.450 quilos por vaca até os 7.414 en 2018.

Países Baixos, menos cabezas polas limitacións ambientais

Gandeiría en pastoreo con robot de muxido en Holanda, onde as limitacións ambientais reduciron a cabana un 7,4% No lado oposto destacan os incrementos de produtividade en Italia e Holanda, superiores ao 15%. Destaca sobre todo no caso dos Países Baixos, que contaba xa con niveis produtivos elevados pero que en 3 anos logrou que as súas vacas dean 1.204 quilos máis de leite, pasando de 7.875 a 9.079 quilos por lactación. Sen embargo, foi tamén neste periodo no que a produción das granxas holandesas se viu condicionada pola vía do establecemento de cotas de emisións de fosfatos, que obrigaron a unha redución importante no número de cabezas en moitas explotacións. Hóuboas que optaron por mercar dereitos de emisións a outras gandeirías ou mesmo por enviar a recría a Alemaña para que deste xeito as xovencas non computasen como cabezas da granxa, pero na maioría dos casos reduciron o número de animais compensando isto cun incremento na súa produtividade.
En Holanda hai hoxe 127.000 vacas menos dando leite que no 2015 e 234.000 xovencas e becerras de recría menos que fai 5 anos
A cabana gandeira holandesa ten hoxe 1.590.000 vacas dando leite, segundo os datos do 2019 publicados polo Observatorio Lácteo da UE no seu informe, un 7,4% menos que na última campaña de cotas lácteas; ás que hai que sumar 107.000 xovencas entre 1 e 2 anos, fronte ás 129.000 do 2015 e 395.000 xatas de menos de 1 ano, fronte ás 607.000 que había contabilizadas no 2015.

Irlanda e Polonia lideran o crecemento

Vacas leiteiras en pastoreo en Irlanda, que aumentou un 15% a súa cabana gandeira entre 2015 e 2019 Só cinco países da Unión Europea aproveitaron o final das cotas lácteas para aumentar tanto o número de cabezas de gando como a produción por vaca: Irlanda, Polonia, Bélxica, Luxemburgo e Chipre. No caso de Irlanda, o incremento na cabana gandeira foi dun 15% entre o ano 2015 e o 2019, pasando de 1.240.000 vacas leiteiras na última campaña de cotas ás 1.426.000 de hoxe. Se o comparamos con España, Irlanda tiña no ano 2003 un número de vacas leiteiras semellante (1.136.000 no caso irlandés e 1.118.000 no español) pero mentres en España a cifra de animais non deixou de descender desde entón até os 812.000 actuais, en Irlanda o número evolucionou en sentido contrario, medrando un 25,53% entre 2003 e 2019.
Irlanda e España partían dun número de animais produtores semellantes no ano 2003 pero mentres en España minguaron unha cuarta parte en Irlanda aumentaron nesa mesma proporción
De xeito parello ao aumento da cabana gandeira, Irlanda logrou tamén incrementar a produción por vaca un 2,46% desde o fin das cotas, desde os 5.327 quilos por vaca e ano no 2015 aos 5.720 tres campañas máis tarde. O aumento do número de vacas, unido a un sistema de produción vinculado ao pasto, está a xerar na actualidade problemas de contaminación por nitratos en Irlanda, onde se calcula que as emisións procedentes do sector agrogandeiro supoñen o 35% do total de gases de efecto invernadoiro do país.
Irlanda aumentou un 15% o rabaño de leite e un 2,5% a produción por cabeza entre o 2015 e o 2019 e Polonia un 1,5% o número de vacas e case un 6%% o leite que dan
En Polonia, o outro dos países emerxentes de Europa a nivel leiteiro, o aumento da cabana produtora foi moito menor que en Irlanda, pasando de 2.134.000 vacas a 2.167.000, pero a mellora na produtividade pasou dos 5.097 quilos do 2015 aos 5.399 en 2018, un incremento anual próximo ao 2%.

Camiñando cara a especialización produtiva na UE

O estudo da evolución da cabana gandeira en Europa nas últimas dúas décadas amosa claramente que o continente camiña cara a unha especialización na produción de leite dentro da UE, que se está a afianzar nos tradicionais países produtores (Alemaña, Francia, Países Baixos, Irlanda, España) e aos que se está a sumar Polonia, mentres o número de vacas leiteiras se reduce a un ritmo acelerado no resto de países.
Europa camiña cara a unha intensificación da produción nas rexións máis leiteiras e unha desaparición do sector no resto do territorio
Agás en España, Suecia, Polonia e Portugal (27,37%, 25,5%, 23,05% e 18,75% respectivamente), no resto de países con vocación para a produción de leite o descenso da cabana gandeira nos últimos 15 anos foi menor que na media da UE, situada no 14,15% de caída promedio. Os valores de Italia (13,83%), Francia (13,41%), Alemaña (7,51%), Austria (6,09%), Bélxica (5,94%) e Dinamarca (4,41%) situáronse por baixo da media europea e mesmo houbo dous países, Países Baixos e Irlanda, onde o balance 2003-2019 en canto á evolución da cabana gandeira é positivo, con incrementos do 2,51% no caso holandés do 25,53% no irlandés. Evolución do número de cabezas Datos por 1.000 vacas No conxunto dos 27 países da Unión Europea hai hoxe 20,5 millóns de vacas dando leite, con Alemaña, primeiro produtor de leite da UE e que aproveitou o periodo post-cotas para afianzar o seu liderado, á cabeza, cun rabaño de 4 millóns de vacas. Francia (3,4 millóns), Polonia (2,1), Italia (1,6), Países Baixos (1,5), Irlanda (1,4) e Romanía (1,1) están tamén por enriba do millón de vacas leiteiras. España superaba esa cifra fai 15 anos (1.118.000 cabezas no ano 2003) pero a día de hoxe está nas 812.000 vacas.
Desde o ano 2003 o número de vacas de leite só aumentou en Irlanda e Países Baixos, mentres en España, Suecia, Polonia e Portugal foi onde se deron os maiores descensos
De feito, España foi dos países onde máis descendeu a cabana leiteira desde o ano 2003 (27,37%), só superada por países do leste de Europa: Croacia (46,94%), Lituania (46,21%), Eslovaquia (41,12%), Bulgaria (37,29%), Grecia (36,24%) e Romanía (29,18%). Todos, agás Romanía, que ten 1.131.000 vacas leiteiras, contan con moita menor vocación láctea e número de cabezas produtoras ca España. Evolución da produtividade Datos en quilos de leite por vaca e ano Pero é precisamente neses países onde máis caeu a cabana gandeira nos que tamén máis se incrementou a produtividade por vaca. No caso de España esa mellora foi do 63,46% desde o 2001. Destaca tamén o incremento logrado polas repúblicas exsoviéticas do Báltico, Estonia, Letonia e Lituania (75,84%, 67,70% e 57,33% respectivamente), así como en Eslovenia (72,07%), Croacia (71,99%) e República Checa (69,15%). Grecia (52,37%), Italia (45,83%) e Bélxica (43,76%) tamén están por enriba da mellora media do conxunto da UE (32,33%).
Nos últimos 20 anos España mellorou un 63% a produción por vaca, Italia un 45%, Dinamarca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%
Aínda con variacións, esa mesma tendencia positiva tamén se deu no resto de países, aínda que cunha evolución máis contida en países como Francia, Holanda ou Irlanda, cunha produción de leite máis vinculada a territorio e á produción local de forraxes. Nos últimos 20 anos Dinamarca mellorou a súa produción por vaca un 35%, Alemaña un 28%, Holanda un 24%, Irlanda un 22% e Francia un 19%.

Na procura dunha etiqueta de eficiencia para as granxas de leite europeas

Algúns dos expertos europeos reunidos esta semana en Galicia A palabra eficiencia está relacionada coa utilización da enerxía en ámbitos diversos. Intimamente ligada coa protección do medio ambiente, pero tamén coa rendabilidade económica, é un concepto comunmente empregado en numerosos sectores e bens de consumo habituais. Aplicado á produción láctea, é un dos aspectos a ter en conta para a viabilidade de moitas explotacións nos vindeiros anos. Por iso, a mellora da eficiencia produtiva é o obxectivo central dun proxecto europeo que, baixo o nome Dairy for future, busca establecer unha folla de ruta para avanzar nunha produción láctea sustentable desde o punto de vista económico, social e ambiental. Trátase dun proxecto conxunto no que participan 10 rexións pertencentes a 5 países distintos da UE que comparten a fachada atlántica de Europa e que está a servir para poñer en contacto a investigadores e gandeiros galegos con homólogos seus doutras zonas produtoras.
O proxecto europeo Dairy for future busca establecer un etiquetado específico do leite que procede de granxas con prácticas eficientes dende o punto de vista tanto económico e produtivo como medioambiental
O obxectivo final desta iniciativa, na que colaboran entidades científicas e explotacións de Portugal, Francia, Reino Unido, Irlanda e España (de País Vasco e Galicia) será chegar a establecer un etiquetado que tanto en granxas como en produtos identifique aquelas prácticas máis eficientes desde o punto de vista da utilización de recursos e a preservación do medio ambiente. O proxecto está coordinado polo Institut de l´Élevage (IDELE) de Francia. Galicia participa a través da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). A nosa comunidade foi a anfitriona esta semana dunha das reunións periódicas que manteñen os distintos membros. Durante dúas sesións, celebradas o mércores e o xoves, os integrantes das delegacións dos distintos países analizaron en Lugo a situación do sector lácteo nas súas respectivas rexións, poñendo en común tanto aspectos compartidos e problemáticas comúns ás que se enfrontan as gandeirías dos distintos países como aquelas características específicas e diferenzas existentes na produción de leite das distintas rexións.
O obxectivo final é lograr un método que permita reducir un 10% os custos de produción e un 20% a pegada de carbono das gandeirías
O máximo responsable de Dairy for future a nivel europeo é André Legall, do IDELE, quen explicou que o obxectivo final do proxecto é acadar un método efectivo para que as explotacións do eixo atlántico europeo poidan mellorar a súa eficiencia produtiva nun 10%, mediante unha redución dos custos de produción e a implementación de sistemas innovadores de produción, e reduzan ao mesmo tempo nun 20% a súa pegada de carbono. Mellor aproveitamento dos recursos = menos contaminación O proxecto está coordinado en Galicia por César Resch Zafra, investigador da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, quen aclara que esa etiqueta de eficiencia das explotacións leiteiras sería un mecanismo sinxelo semellante a etiqueta de eficiencia que aparece actualmente nos electrodomésticos ou a clasificación das vivendas en función do seu certificado de eficiencia enerxética, de maneira que, do mesmo xeito, as explotacións da categoría A terían, por exemplo, unha alta viabilidade económica, social e medioambiental. "Trátase de simplificar a categorización das granxas segundo o seu funcionamento e maneira de traballar á marxe da calidade do leite, aínda que é un aspecto que tamén vai relacionado", aclara. Este indicador do grado de eficiencia tamén sería unha ferramenta útil para as industrias.
Todo o que é contaminación non se usa no ciclo produtivo, polo tanto, se reducimos a contaminación estamos aproveitando máis os recursos e sendo máis eficientes na produción
Para clasificar as gandeirías segundo este criterio analizaríase a utilización de recursos que fan a través da cuantificación das emisións de CO2 que, xunto cunha análise económica, derivaría nunha tipificación de explotacións en función da súa eficiencia. "Medimos todo o que entra (forraxes, concentrado, nitróxeno en forma de abono) e todo o que sae (produción e calidade de leite) para medir e cuantificar o conxunto do sistema produtivo dunha granxa", explica César, quen explica que contaminación e eficiencia produtiva están relacionados: "todo o que é contaminación non se usa no ciclo produtivo, polo tanto, se reducimos a contaminación estamos aproveitando máis os recursos e sendo máis eficientes", di. Análise comparativa dos distintos sistemas de alimentación do gando A británica Martina Dorigo durante unha das sesións de traballo Unha das vertentes do proxecto é a análise comparativa da eficiencia produtiva e medioambiental dos distintos sistemas de alimentación empregados con máis frecuencia na produción de leite. Este ensaio, que se desenvolveu nos últimos dous anos na granxa do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), mediu distintos parámetros de cinco sistemas de alimentación de vacas de leite. Analizáronse 60 vacas divididas en 5 grupos de 6 vacas cada un durante dous anos. Cada grupo responde a un tratamento diferente que se ensaia durante 305 días. Os distintos sistemas de alimentación diferéncianse na forraxe e no aporte proteico do concentrado (1.500 quilos de concentrado por vaca e lactación). Os grupos serían:
  1. vacas confinadas alimentadas con silo de millo e silo de raigrás italiano + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  2. vacas confinadas alimentadas con silo de millo e unha leguminosa que rota co silo de millo + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  3. vacas confinadas alimentadas con sorgo e unha leguminosa en rotación  + 1.500 quilos de concentrado convencional con soia
  4. vacas en pastoreo 200 días e 100 días confinadas alimentadas con silo de raigrás híbrido os días que non saen ao pasto + 1.500 quilos de concentrado a base de pulpa de remolacha e cebada
  5. vacas en pastoreo  200 días e 100 días confinadas alimentadas con silo de trevo violeta os días que non saen ao pasto + 1.500 quilos de concentrado a base de pulpa de remolacha e cebada
Posteriormente foron asignados a cada cultivo unhas emisións de óxido nitroso e a cada vaca unha superficie concreta. "Os cinco sistemas son bastante equilibrados en canto a resultados de emisións por litro de leite porque os sistemas máis produtivos en litros, aínda que xeran máis emisións, producen máis leite", explica César. Os resultados concretos deste ensaio, que forman parte dunha tese de doutoramento, serán presentados este verán no Reino Unido, onde os días 1 e 2 de xullo terá lugar en Plymonth a Conferencia de Verán do proxecto Dairy for future.

Dez rexións que suman o 20% da produción europea

Visita dos integrantes de Dairy for future a Recría Castro As rexións do arco atlántico europeo producen máis do 20% do leite da UE e nelas atópanse algunas das principais zonas produtoras, como a Bretaña francesa, primeira rexión produtora de leite da UE con 5,8 millóns de toneladas ou a rexión Sur-Leste de Irlanda, segunda con 5,5 millóns (Galicia sería a oitava rexión productora da UE con 2,7 millóns). Todas elas comparten unha clara vocación para a produción láctea e incrementaron, en maior ou menor medida, a súa produción de leite trala desaparición das cotas lácteas no ano 2015. Con diferenzas en canto ao sistema de alimentación empregado, teñen sen embargo problemas e desafíos comúns, como son a falta de relevo xeracional, que afecta en boa medida a todas as rexións, ou o incremento das esixencias medioambientais no conxunto da UE, no só como consecuencia dos novos criterios da PAC post 2020 e das limitacións impostas á contaminación por nitratos ou fosfatos, senón tamén polo incremento da demanda social da poboación neste eido.
A Bretaña, a zona do Loira ou Normandía en Francia, a rexión Sur-Leste de Irlanda, Galicia ou as Azores son rexións cunha clara vocación para a produción de leite dentro da UE
Por iso, dentro da análise para a clasificación das distintas explotacións polo seu índice de eficiencia téñense en conta datos económicos e produtivos pero tamén aspectos de carácter social e ambiental, como por exemplo a porcentaxe de insumos que se consomen de produción local ou o seu aporte na conservación e mellora da paisaxe. "Medimos a biodiversidade das explotacións, porque o impacto dunha gandeiría non ten por que ser negativo. As granxas poden aportar á biodiversidade e cuantificamos en base a distintos parámetros, que cantidade de biodiversidade aporta cada unha, porque non aporta o mesmo unha explotación con 50 hectáreas concentradas en parcelas grandes e adicadas a monocultivo de millo que unha con parcelas máis pequenas adicadas a pradeiras que manteña os peches de pedra ou os peches vexetais de separación ou con arborado e arbustos nas extremas", razoa César Resch. Intercambio e visitas a explotacións en distintos países Os expertos europeos coñecendo o proxecto de Arqueixal Dairy for future conta cunha rede de 100 granxas piloto colaboradoras distribuídas polas dez rexións que participan no proxecto e dez destas explotacións están en Galicia (son Granxa O Cancelo, Casa Codesal, SAT Margá, Gandaría Ventura, Gandeiría A Cernada, Gandaría Patalarga, Gandaría Boga, Gandaría Sebastián, SAT Sampérez e Ganaderia Colorado SC). Algunha destas explotacións, como é Gandeiría A Cernada, de Friol, ou o proxecto de Arqueixal, en Palas de Rei, formaron parte do programa de visitas durante a última xornada da estancia dos distintos expertos europeos esta semana en Galicia, na que tamén coñeceron de primeira man o funcionamento do Centro de Recría impulsado pola Deputación de Lugo na Granxa Gayoso Castro, en Castro Riberas de Lea. Este é precisamente un dos obxectivos fundamentais do proxecto Dairy for future, fomentar o intercambio de coñecementos e a colaboración entre técnicos e gandeiros das distintas rexións. Contémplanse, por exemplo, unha serie de programas de intercambio e visitas a explotacións para coñecer a maneira de producir leite nas distintas rexións, nas que participan tanto  produtores como investigadores dos distintos países. Un grupo de técnicos e gandeiros de vacún de leite de Irlanda visitaron varias explotacións galegas en setembro de 2018 dentro deste programa. Finalización en 2021 O proxecto Dairy for future foi aprobado polo comité de seguimento de Proxectos Interreg da convocatoria Interrreg da Rexión Atlántica e ten catro anos de duración (comezou en xaneiro de 2018 e extenderase até 2021). Financiado polo Arco Atlántico, conta cun orzamento próximo aos 4 millóns de euros e nel participan, xunto ao CIAM e Ingacal, prestixiosos centros de investigación, entidades de asesoramento e universidades doutras nove rexións da fachada atlántica europea que abranguen dende Escocia ate as Illas Azores. Os centros galegos (Agacal e CIAM) participan neste proxecto interrexional en colaboración con outros moitos centros como o Institut de l´Elevage (Bretaña), INRA (Francia), Teagasc (República de Irlanda); College of Agriculture, Food and Rural Enterprise (Irlanda do Norte), AFBI Hillsborough (Irlanda do Norte), Scotland’s Rural College (Escocia), Agriculture and Horticulture Development Board (Reino Unido), NEIKER (País Vasco), UTAD, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Norte de Portugal) e o Instituto Superior de Agronomia – Universidade de Lisboa (Lisboa, Val do Teixo e Rexión de Azores). O proxecto contou co apoio de, entre outros, Lactalis no Reino Unido, os procesadores Glanbia e Carbery en Irlanda, a cooperativa Sodiaal en Francia, a cooperativa vasca Iparlat e a portuguesa Agros. Por parte galega as entidades colaboradoras son CAP Coruña, LIGAL, CLUN e AGACA.

APROLEP celebra 10 anos preparando o futuro dos produtores de leite de Portugal

A APROLEP-Asociaçao dos Produtores de Leite de Portugal organizou este martes en Benavente, un xantar-debate onde participaron preto de 70 produtores de leite oriúndos de todo o territorio nacional e que contou coas intervencións de Pedro Pimentel, Director Xeral da Centromarca e David Gouveia, Director de Servizos de Competitividade do Gabinete de Planificación e Políticas do Ministerio de Agricultura de Portugal. “Que futuro para o mercado de produtos lácteos?” foi o título para a presentación de Pedro Pimentel, quen destacou que “a pesar das oscilacións conxunturais, o futuro do sector lácteo a nivel global é prometedor”. “En Portugal rexistrouse unha baixada no consumo de leite UHT, pero unha suba no consumo de queixo, a pesar de aínda estar por debaixo da media comunitaria. A calidade nutricional do leite e dos lácteos é incuestionable, pero é preciso valorar a orixe e manter a notoriedade con apoio científico e unha comunicación enfocada», aconsellou Pedro Pimentel. “A produción de leite na PAC despois de 2020” foi abordada por David Gouveia, que presentou o Plan Estratéxico da próxima Política Agrícola Común, en cuxos obxectivos se destacan «promover un sector agrícola intelixente, resiliente e diversificado asegurando a seguridade alimentaria e apoiando a protección do medioambiente e a loita contra o cambio climático, en consonancia cos obxectivos ambientais e climáticos da Unión Europea».

A nova PAC debe compensar polos servizos que os gandeiros prestan ao mediombiente

Neste sentido, a pesar de que a nova PAC aínda non está definida e de que a súa implementación non se prevé até o ano 2022, a APROLEP considera importante alertar da probable redución das axudas europeas aos produtores de leite. A este respecto, a asociación incide na que foi a súa posición de sempre: “os produtores non queren depender de subsidios compensatórios de crises permanentes, queren vivir do seu traballo a través dun prezo xusto do leite”. Por iso a APROLEP considera que as axudas ao investimento deben contribuír a unha produción máis eficiente, sustentable e adaptada ás necesidades do mercado, pero deben tamén ser pagados a través da PAC os servizos ambientais que os agricultores prestan, expresamente a fixación de carbono e todas as contribucións para a mitigación do cambio climático. Este xantar-debate foi a primeiro encontro desta dimensión, con produtores, organizado pola APROLEP ao sur do río Texo e foi a primeira iniciativa para celebrar os 10 anos de existencia da Asociación, que asume como misión defender os intereses dos produtores de leite. Para reforzar o funcionamento da APROLEP Carlos Neves asumiu o cargo de Secretario Xeral e José Augusto Ferreira pasará a formar parte da dirección.

Agro-Pecuária Afonso Paisana, unha gandería de referencia en Portugal que cambiou de raza para ser rendible

En Portugal hai unhas 200.000 vacas de leite, máis ou menos a metade das que hai en Galicia, e delas unhas 100.000 están nas Azores e a outra metade repartidas fundamentalmente nas rexións de Minho, no norte do país, e de Lisboa, Évora e Santarem, no centro. É aquí onde se atopa unha das ganderías con máis historia do país veciño, que será visitada os días 11 e 12 deste mes de xullo por gandeiros de distintos países europeos para coñecer de primeira man o seu funcionamento e os cambios que está a introducir en busca dunha maior rendibilidade. Afonso Paisana, que dá nome á explotación, foi o fundador da Asociación Portuguesa de Criadores de Raza Frisona . En 1967 importou 40 xovencas procedentes de Canadá e anos despois montou unha das primeiras salas de muxido de Portugal e instalou un dos primeiros tanques de frío que houbo no país. A ubicación orixinal da granxa, preto de Lisboa, impedía o seu crecemento, así que en 1982 mercaron 106 hectáreas de terreo no actual emprazamento, no municipio de Salvaterra de Magos, no distrito de Santarém, a 70 quilómetros da capital, ao que mudaron as instalacións do gando no ano 2000 fuxindo da presión urbanística.
 “Unha explotación non pode funcionar cun 30% de eliminación como tiñamos nós”
Tiñan daquela 366 vacas en produción pero funcionaban cunha alta taxa de reemprazo que fixo que, no canto de medrar, foran perdendo cabezas até ter 100 animais menos en muxidura unha década despois, no 2010. Iso motivou que pensaran mesmo en pechar a explotación, tal como recoñece João Paisana, propietario na actualidade xunto ás súas irmás desta granxa. "Unha explotación non pode funcionar cun 30% de eliminación como tiñamos nós, é imposible de manter así. O número de cabezas estaba caendo moito e con 242 vacas non era viable a granxa, así que no ano 2012 tomamos unha decisión de vida ou morte. As miñas irmás querían mercar animais fóra para repoñer o número de cabezas perdido pero eu son o veterinario da explotación e negueime a facer iso porque aquí non temos enfermidades nin problemas de mamite e eu non quería que entraran na explotación a través das vacas compradas. Así que era pechar ou probar co método Procross que xa estaban empregando outras explotacións portuguesas como sistema para aumentar o número de cabezas", explica. En Portugal algunhas das principais explotacións leiteiras do país, como Agro Leite da Canha ou Casal de Quintanelas decidiron na última década inseminar as súas vacas de raza Holstein con seme das razas montbeliarde e roja sueca para mellorar a lonxevidade e a resistencia a enfermidades do seu rabaño, un método que explotacións galegas están comezando a adoptar tamén.
 “Até agora eu nunca decidín as eliminacións, decidíano as vacas. Agora vou poder empezar a decidir eu iso"
No ano 2012 João fixo a primeira inseminación con montbeliarde ás súas vacas holstein e no 2014 obtiveron a primeira xovenca nada dese primeiro cruzamento. Desde entón lograron recuperar boa parte do número de cabezas perdido. Teñen neste momento 311 vacas en produción, das que 270 están en muxidura e 40 están secas. O 58% dos animais adultos son xa vacas híbridas, mentres que o 42% restante son aínda frisoas puras, pero o 100% das vacas están sendo inseminadas con cruce, polo que nun prazo de 2 ou 3 anos a totalidade dos animais desta granxa serán cruce de frisona, montbeliarde e roja sueca. Esta explotación caracterízase ademais por dispoñer dunha completa e exhaustiva toma de datos individualizada de cada animal, polo que é doado comparar o resultado e o nivel de rendemento dos dous grupos de animais, procross e frisonas puras, que ademais comparten corte, alimentación e manexo sen distinción ningunha.

A porcentaxe de eliminación reduciuse á metade 

Do total de animais eliminados no 2017, 59 foron vacas holstein e só 25 animais cruzados. "A taxa de eliminación nas vacas Procross no ano 2017 foi só do 17%, a metade con respecto ás holstein", explica João. A media dos animais enviados a matadoiro o ano pasado foi de 6 anos de vida e 3,9 anos en produción, cunha media de 36.000 litros de produción vitalicia. As vacas froito de cruzamentos producen entre 1 e 3 litros menos de leite ao día, pero compénsano ao estar máis días en leite, algo que se nota tanto nas primeirizas coma nas de segundo parto, pero sobre todo na porcentaxe de animais que chegan ao terceiro parto con respecto ás frisonas puras. "As vacas híbridas son animais de produción máis constante durante toda a lactación, non fan picos tan altos de produción pero mantéñense moito mellor, conservando case os mesmos litros de leite desde que paren até que secan", conta João, que considera, desde a súa experiencia como veterinario, que "eses picos de 90 litros das Holstein non son bos para as vacas". Neste momento só o 20% dos animais en produción son vacas de terceiro parto. Aumentar esa porcentaxe é precisamente un dos obxectivos desta granxa, para reducir deste xeito a taxa de reemprazo necesaria e dispoñer de excedente de xovencas para medrar en número de cabezas e ao mesmo tempo facer unha mellor selección do rabaño. "Até agora eu nunca decidín as eliminacións, decidíano as vacas. Agora vou poder empezar a decidir eu iso", explica. Mellora na fertilidade e aumento do rabaño João notou tamén os cambios introducidos desde o 2012 na taxa de fecundidade. "As vacas procross quedan preñadas antes e son máis regulares", asegura. Só o 43% das súas vacas holstein empreñan antes dos 150 días en lactación, mentres que esa porcentaxe sobe ao 55% no caso dos animais híbridos da explotación, que precisan menos doses de seme: 4,7 inseminacións de media nas holstein fronte a 2,1 nas procross. "Queremos as vacas preñadas canto antes por dous motivos: para que volvan canto antes a producir e para ter máis xovencas dispoñibles en menos tempo e para iso vemos que os cruzamentos son efectivos, porque as vacas híbridas teñen máis partos en menos tempo", explica. No ano 2012 as vacas desta explotación estaban de media 181 días en aberto (o tempo que transcorre desde o parto até a preñez). Hoxe esa cifra está en 131 días e o obxectivo é reducila até os 100 días, é dicir que entre o parto e o inicio da seguinte xestación pasen, de media, menos de tres meses e medio. A mellora da fertilidade leva aparelladas varias vantaxes: "Coas mesmas vacas pero preñadas antes podemos producir máis leite ao aproveitar máis a curva de lactación. Ao mesmo tempo, ao aumentar a taxa de fertilidade tamén aumenta o número de femias nacidas na explotación. Neste ano vou ter 90 xovencas parindo e en 2019 van ser 122", conta. Neste momento o 30% das xovencas existentes están preñadas de seme sexado. "Necesitamos medrar", xustifica João. Maior crecemento corporal Os becerros e becerras froito de cruzamento teñen un maior índice de crecemento (polo chamado vigor híbrido, que se logra ao mesturar dúas razas puras), o que permite adiantar o momento de inseminación das xovencas. De media, en Agro-Pecuária Afonso Paisana a primeira inseminación prodúcese neste momento aos 377 días de vida (12,5 meses), a inseminación fecundante lógrase aos 403 días (13,4 meses) e o primeiro parto prodúcese aos 700 días (23,3 meses), pero co cambio progresivo a procross están a comezar a inseminar antes as xovencas para adiantar o proceso.
“O uso do costro nunha toma única de entre 4 e 5 litros subministrados ao animal recén nacido con sonda supuxo unha mellora enorme”
Outra das vantaxes do maior crecemento corporal dos animais cruzados é que permite reducir os custos de alimentación da recría, "porque desenvolven ben a estrutura ósea e muscular con menos comida", di, aínda que, neste momento de transición da granxa non é posible levar a cabo unha redución da ración porque as xovencas holstein e procross están mesturadas. Iso leva aparellado un problema de descompensación, xa que as procross chegan ao momento de inseminación pasadas de peso con respecto ao recomendable. Outro dos cambios que João introduciu desde o ano 2012 foi o uso do costro nunha toma única de entre 4 e 5 litros subministrados ao animal recén nacido con sonda. "Supuxo unha mellora enorme", admite. Todos os animais contan con lámpada de calor os primeiros días de vida en boxes individuais e o destete prodúcese aos 80 días.

Volveron de 3 muxidos diarios a 2

A experiencia desta granxa portuguesa cos cruzamentos é positiva en varios aspectos. Un deles é tamén o da facilidade de manexo. "É unha vaca máis doada de traballar. Son menos fráxiles e non hai que estar tan pendentes delas", din. Ao ser "vacas máis loitadoras e combativas pola súa supervivencia" non é necesario separar en lotes as primeirizas”, asegura. En Agro-Pecuária Afonso Paisana os animais en muxidura están separados unicamente en función dos días transcorridos desde o parto, cunha división en 5 grupos: vacas en costro ou con mamite, vacas até 54 días de paridas (con 41 litros de produción media), de 55 a 134 días (con 37 litros de media), de 135 a 220 (con 35 litros) e de 221 até 332 días (con 21 litros de produción media diaria). A explotación conta cunha sala de muxido de 2x12 puntos e o proceso realízao unha soa persoa en 4 horas. Moxen cada día unha media de 260 animais que producen uns 8.000 litros. A explotación está atendida por seis empregados, pero no muxido participa unha soa persoa. As horas de muxido teñen lugar ás catro da mañá e ás tres da tarde.
Obxectivo: Chegar a unha media de 20 litros por día de vida da vaca
"Fixemos durante 20 anos 3 muxidos e coa crise reducímolos a 2 diarios e obtivemos sen embargo a máxima produción deses 20 anos, cunha media de 39 litros por vaca e día", conta João, que afirma que "no cómputo total de toda a lactación as vacas cruzadas dan máis litros de leite porque están máis frescas, máis recén paridas". No ano 2012 a media de produción por día de vida de cada animal (desde o nacemento da becerra até o momento do seu envío a matadoiro, contando o tempo de recría e os períodos de secado) era de 14,3 litros, hoxe están en 16 litros e o obxectivo é chegar a unha media de 20 litros por día de vida.

Agro-Pecuária Paisana en imaxes: 

Anterior
Siguiente
Usan lámpadas de calor para os xatos

"Non quero mises, quero funcionalidade"

A maior fortaleza física das vacas híbridas tamén se nota en termos de saúde. "Dan menos problemas, xa estamos moi por debaixo en termos de cetoses e case non temos desprazamentos de abomaso nin mamite e estamos no nivel máis baixo de células somáticas da historia da granxa", explica João, que se marca como seguinte obxectivo reducir as hipocalcemias. "Temos que mellorar o calcio na alimentación porque temos moitas vacas caídas, en torno ao 15%, que é un nivel moi alto. No último ano tivemos 25 vacas con hipocalcemias, das que 5 morreron e temos que cambiar a dieta, que ten moito potasio, para mellorar nisto", recoñece. João é claro en relación á diferente configuración corporal das vacas froito de cruzamento con respecto ao prototipo estético de vaca que buscan a maioría dos gandeiros: "Eu non quero mises, quero funcionalidade, porque non busco beleza, senón cartos na conta". Esta explotación só fai dous diagnósticos reprodutivos durante a xestación, os dous con ecógrafo. "A resistencia de moitos veterinarios a usar ecógrafo non ten sentido co prezo que teñen hoxe; é a mesma resistencia das persoas maiores aos teléfonos móbiles", compara. Un terzo da superficie a regadío Agro-Pecuária Afonso Paisana dispón de 156 hectáreas de superficie, das que 60 son de regadío, nas que cultivan arroz e millo. Contar con rego nas parcelas é vital nunha zona onde a época seca dura varios meses e a temperatura no verán sobe dos 40 grados. Desde a súa experiencia de veterinario, João di que o calor non inflúe de maneira determinante na fertilidade e que, malia que o verán pasado chegaron aos 43 graos centígrados, non houbo un descenso significativo na taxa de preñez da granxa, que se move entre o 24 e o 29%. Onde si que se notan as altas temperaturas é na produción. "Coincidindo coa vaga de lumes do ano pasado tivemos varios días seguidos de máis de 40 grados e as vacas baixaron unha media de catro litros diarios porque o stress por calor afecta moito na produción, aínda que en canto baixou a temperatura recuperaron enseguida o nivel anterior", explica. Van comezar a cebar os machos na propia granxa Nos vindeiros dous anos esta explotación ten dous obxectivos fundamentais. O primeiro é ter a granxa ao 100% da súa capacidade produtiva (320 vacas en muxidura) , sen para iso ter que facer investimento algún na compra de animais. E o segundo é engordar na propia explotación a totalidade dos machos nacidos até que cheguen a pesar entre 160 e 200 quilos. Unha das consecuencias positivas do feito de que as vacas duren máis é o excedente de recría. Por iso xa están comezando a facer descartes voluntarios e a inseminar unha parte das vacas con razas de carne. "Ao baixar as eliminacións necesitas menos recría e podes poñer máis carne e é algo que imos incrementar paulatinamente, porque cando cheguemos á capacidade total da granxa faremos máis inseminacións con razas de produción de carne para sacar máis rendemento aos tenreiros", avanza João.
 O leite desta gandería ten un 3,7 e graxa e un 3,3 de proteína
Até agora vendía os xatos con 3 ou 4 días de vida e tamén desa idade, recén nacidos, son máis rendibles os cruzados, que llos pagan a uns 115 euros de media, fronte aos 65 euros dos holstein puros. Pero agora pensa engordalos e comercializalos directamente unha vez cebados con destino á cadea de supermercados portuguesa Pingo Doce, que merca a carne directamente aos gandeiros cunha prima de 20 céntimos por quilo con respecto aos procedentes de cebadeiro (o prezo é de 3,70 euros por quilo para o gandeiro e de 3,50 para os cebadeiros desvinculados de explotacións). Agro-Pecuária Afonso Paisana tamén vende o leite a Pingo Doce a través dunha cooperativa de entrega, Viva Leite, formada por outras 9 explotacións da zona. Páganlles o leite a 33,5 céntimos máis calidades. As da explotación de João son 3,7% de graxa e 3,3% de proteína, o que supón dous céntimos máis por litro de leite.