Archives

Os avicultores de carne e a industria avanzan nun contrato tipo que asegure a sustentabilidade do sector

As organizacións profesionais agrarias ASAJA, COAG e UPA, así como AVIANZA, (Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola) levaron a cabo negociacións desde o pasado verán, coa única finalidade de pór en marcha un Contrato Tipo de integración que asegure o cumprimento efectivo da lei da cadea alimentaria, en especial por parte da distribución O obxectivo é consolidar un acordo no primeiro trimestre do 2024. Desde o sector lembran que "a produción agrogandeira atópase nun contexto socio-económico crítico desde hai case 3 anos, que necesita un diálogo continuo por parte de todos os axentes, incluídas as empresas da distribución".  "Atopámonos -engaden- ante un sector que, a pesar da redución xeneralizada da produción e o consumo de carnes, mantén unha tendencia positiva, que debe verse reflectida na renda de toda a cadea de valor deste alimento, desde a produción, as empresas integradoras e todas as industrias de servizos asociadas (.....), cunha repartición equilibrada do valor económico entre todos os axentes, e neste aspecto, as empresas da distribución teñen e deben asumir un papel fundamental". Neste sentido, en abril de 2023 constituíuse de forma oficial o Comité Executivo de Integración, que ten como obxectivo a revisión e actualización das Bases do Contrato Tipo de Integración, que establece as principais garantías e o marco de actuación para a regulación da actividade entre as empresas produtoras (integradoras) e os seus integrados (granxas avícolas), actualizando e mellorando as condicións da produción, e estandarizándoas a nivel nacional. Este Comité Executivo de Integración é un instrumento operativo para o debate construtivo e a negociación proactiva da relación entre as empresas integradoras e os granxeiros dedicados á produción de carne avícola en España. En España prodúcense cada ano máis de 1.6 millóns de toneladas de carne avícola -o segundo produtor a nivel da Unión Europea-, correspondente a 793 millóns de aves, segundo datos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en 2022.

Poulet de Janzé: un exemplo de como revalorizar a produción tradicional de polos

Stéphane Letué e Sophie Guillet, na sede da cooperativa Poulet de Janzé Os produtores de polo galegos non pasan por un bo momento. A suba dos custos de produción e o seu escaso poder de negociación condiciona neste momento a rendibilidade das granxas. Moitas delas montáronse nos últimos anos, como complemento ás explotacións de vacún, en comarcas leiteiras, como a de Sarria, a da Ulloa ou a do Deza.  É a mesma estratexia de diversificación que levaron a cabo na Bretaña francesa os produtores de leite nos anos 80 e 90, mais neste caso souberon escapar ao modelo de produción integrada que ata de pés e mans aos avicultores galegos.
O modelo de produción integrada afoga neste momento ás granxas avícolas galegas debido á suba dos custos de produción e á conxelación do prezo en orixe
Como exemplo de autoorganización, coñecemos a experiencia dos produtores de polo da zona de Janzé, no departamento de Ille et Vilaine, da man de Stéphane Letué, director da cooperativa Poulet de Janzé, que aposta pola produción de polos campeiros, con tradición na zona e hoxe recoñecida por distintivos de calidade franceses e europeos. Ao igual que na Bretaña, a produción avícola ten tamén unha longa tradición en Galicia e mesmo localidades como Vilalba ou Vila de Cruces contan con producións diferenciadas, aínda que non logran traspasar o mercado local e unha época de demanda concreta no ano que coincide co Nadal.
Un produtor avícola de Janzé recibe 1,80€ por polo; un galego 0,40
Estandarizar esas producións a maior escala, gañando en volume e posicionamento no mercado, podería ser unha alternativa rendible para asentar novas explotacións profesionalizadas. Foi o que fixeron os produtores desta zona próxima a Rennes, que hoxe venden os seus polos campeiros, os seus capóns, pavos e galiñas de Guinea por toda Francia e noutros países europeos. Tradición e estratexia comercial Un de cada tres polos consumidos en Francia prodúcese na Bretaña. En conxunto, a área coñecida como Grand Ouest (Bretaña, Normandía e País de Loira) concentra o 63% da producción avícola de Francia. Pero na zona de Janzé apostaron por unha produción diferenciada mantendo criterios tradicionais, mais con técnicas actuais e unha dimensión das granxas que permita a profesionalización das explotacións e cunha comercialización en conxunto que asegure mellor prezo e poder de negociación no mercado.
Un terzo da produción avícola de Francia concéntrase na Bretaña
Esa é a estratexia que están a seguir os 170 produtores que integran hoxe a Cooperativa, creada no ano 2000 e herdeira da Asociación Polo de Janzé nada no ano 1980 e que é a que se segue a encargar da xestión da IXP coa que contan desde o ano 1996. A cooperativa presta unha serie de servizos aos socios e comercializa en conxunto toda a produción, para escapar deste xeito ao control dos matadoiros e empresas de distribución e lograr un mellor prezo en orixe. Controis estrictos durante o proceso de cría No século XIX xa existía un importante comercio de aves nesta zona da Bretaña francesa, até o punto de que as ceas de gala dos barcos que facían a viaxe trasatlántica entre Francia e América incluían no seu menú polo de Janzé. “Quixemos aproveitar esa fama e esa reputación para desenvolver un produto de calidade”, explica Stéphane. Na súa casa producían polos e cebaban xatos e el entrou como técnico de seguimento da cría da Asociación no ano 1991.
Os polos son criados ao aire libre cunha idade mínima de sacrificio de 81 días
“Sabiamos que para diferenciarnos o primeiro era controlar todo o proceso de crianza para distinguírmonos do polo convencional”, indica. Existen uns 100 criterios, pero os máis importantes serían:  - Idade mínima de sacrificio aos 81 días, en comparación co tipo industrial, onde se manexan periodos de 35 días. - Densidade máxima de 11 polos por m2, a metade que na avicultura industrial. - Saída ao exterior a partir dos 42 días, cun espazo ao aire libre de 2 m2 por polo. - Tamaño máximo das naves de 400 metros cuadrados, en comparación cos 2.000 m2 que poden ter as granxas industriais. “Estes criterios impactan no custo de producción, pero tomamos a decisión de restrinxir para dar calidade”, asegura. Existen controles por sorpresa nas granxas e Stéphane aclara que “en Francia os controis funcionan ben”.
Hai controis sorpresa e somos esixentes e estritos neles para manter a calidade
“Somos esixentes con eses controis. Aos polos hai que abrirlles ás 9 da mañá e sería aceptable que se lles abrira ás 9 e 5 minutos, pero se aceptas que se abra ás 9 e 5 acabaráse abrindo ás 10 porque se van creando unha serie de derivas. Por iso somos estritos e se hai problemas establécese un plan de acción con melloras concretas”, detalla. O poder dos matadoiros O matadoiro é subcontratado pero a cooperativa dispón dunha frota propia de veículos de reparto a nivel local A Asociación creada en 1980 incluía a produtores, matadoiros e fabricantes de penso, mentres na cooperativa están só os produtores. “Aquí eran os matadoiros os que tiñan o poder e por iso os granxeiros agrupáronse nunha cooperativa para defender mellor os seus intereses e falar cunha soa voz”, explica Stéphane. De 1980 a 2003 os matadoiros pagaban directamente a cada produtor. Agora é a cooperativa a que compra a produción aos produtores e a vende aos matadoiros e a marxe que logra pode reinvestila en servizos aos produtores.
Os produtores dispoñen dun seguro mutualista propio para axudar a outro produtor en dificultades económicas
Un exemplo concreto das melloras que supuxo a creación da cooperativa sería o prazo de cobro. Antes eran 5 semanas de prazo de pago desde a saída dos pitos, agora os produtores teñen un primeiro pago anticipado ás 3 semanas. É tamén a cooperativa a que paga as visitas de control, as visitas técnicas de asesoramento, as visitas sanitarias e de desinfección para axilizar o sistema. Dispón asimesmo dunha caixa de seguridade, unha especie de seguro mutualista para apoiar a gandeiros en apuros. Non se habilita en casos de gripe aviaria ou sinistros protexidos por seguros convencionais e decide unha comisión formada por produtores. Lista de espera para entrar á cooperativa Desde hai 10 anos cada novo socio que entra na cooperativa ten que achegar unha carta de motivación que explique o seu proxecto para ver a coherencia e os compromisos adquiridos. “Os socios teñen que implicarse cos obxectivos da cooperativa”, defende Stéphane. Unha comisión valida as candidaturas. “Para 2023 xa está pechada esa lista e estamos a traballar xa na listaxe das persoas que solicitan unirse en 2024”, conta.
Constrúen entre 20 e 25 naves novas cada ano e limitan o acceso de novos socios buscando un crecemento sostido que garanta ingresos razoables aos produtores
Buscan un crecemento sostido que garanta ingresos aceptables aos produtores. “Neste momento estamos en situación de seguir construíndo naves de produción de maneira razoable”, asegura. Constrúen entre 20 e 25 naves novas cada ano. Cada novo socio incorpórase normalmente con 2 naves, cada unha de 400 m2 e con capacidade para 4.400 pitos/ano (animal presente). “Aínda que o aumento non é tanto en novos socios senón en socios actuais que constrúen unha nova nave ou na adaptación de edificios xa construídos, máis antigos e que non cumpren cos criterios de benestar animal actuais”, detalla. Alimentación A cooperativa céntrase na venda da produción e no asesoramento aos socios pero non fabrica o penso. “En Francia hai tamén moitas cooperativas que traballan co modelo de integración, na que o produtor non é nada, pero esa é unha perversión do modelo cooperativo”, defende Stéphane. Aínda que a cooperativa non fabrica directamente o penso, si que fixa os criterios de alimentación das granxas e escolle aos provedores. “O 100% de alimentos proceden dunha soa fábrica para que sexa cal for o produtor o pito teña o mesmo sabor e a mesma conformación. A receita e formulación é única e a elección da fábrica é unha escolla do Consello de Administración. Hai 30 anos había 5 fábricas baixo a mesma fórmula pero non había uniformidade”, aclara.
Hai 30 anos había 5 fábricas baixo a mesma fórmula pero non había uniformidade; hoxe escollemos un só fabricante de penso para todas as granxas
O fabricante de alimento non decide en nada a composición da receita, son enxeñeiros externos contratados pola cooperativa os que fan a formulación. Iso pásase á fábrica de penso, que elabora e factura ese traballo. É o fabricante o que compra todas as materias primas e entre eses provedores pode haber socios da cooperativa (en Bretaña é frecuente que os gandeiros sementen tamén cereal), aínda que non é obrigatorio, hai liberdade de comercio tanto para o socio como para a fábrica de pensos.
As tres materias primas principais son trigo, millo e soia e as dúas primeiras hainas no mercado local
A cooperativa non caeu na tentación de crear a súa propia fábrica de penso. “Fabricas de penso en Bretaña hai moitas con bo custo de prestación e co noso volume non é interesante fabricar. Son 40.000 toneladas de penso ao ano, é o 10% da capacidade de produción dunha fábrica actual de penso, con ese volume non podemos ser competitivos”, argumenta Stéphane.
O obxectivo non é controlar nós todo o proceso senón ofrecer ao produtor un sistema no que se sinta seguro
O mesmo co matadoiro. “Custa moito un matadoiro para ter pouca produción. Somos demasiado pequenos e demasiado especializados neste momento para ir sós, quizais iso poida cambiar dentro de 20 ou 30 anos, pero hoxe en día é o matadoiro o que corre co risco de negociación coa gran distribución. O obxectivo non é controlar nós todo o proceso senón ofrecer ao produtor un sistema no que se sinta seguro”, razoa.
Label Rouge é unha marca de calidade especificamente francesa para produtos delicatesen
A márcaa Polo de Janzé está dentro do selo Label Rouge, que achega valor ao produtor e ao matadoiro. “Temos que explicar as nosas diferenzas para vender a nosa imaxe e os nosos produtos investindo máis en comunicación”, considera. Organización do mercado A cooperativa comezou tamén a fabricar produtos elaborados, como por exemplo patés Para fixar o prezo ponse de acordo toda a cadea de forma transparente: desde a fábrica de penso, a cooperativa e o matadoiro. “É unha garantía para todos. O matadoiro coñece todos os elementos que constitúen o prezo, polo que a negociación non é complicada. O prezo de compra é o prezo da materia prima, máis a marxe de produción que acordamos co gandeiro, máis a marxe para o funcionamento da cooperativa, máis o prezo de transporte. Cada mes facemos ese tipo de traballo para fixar o prezo”, detalla.
Traballan con dous matadoiros, pero un deles é o máis importante, vende o 80% da produción da cooperativa, sobre todo aos supermercados
“A diferenza dos porcos, poñemos en produción o que nos piden os matadoiros, que son os que teñen realizado unha análise de necesidades. Anticipan esa demanda cunha perspectiva de mercado de 4 a 6 meses de antelación para que nós podamos adaptarnos a ela á hora de producir, xa que necesitamos 21 días para incubar os ovos máis 81 días de crianza”, explica. Esa adecuación ao mercado é un reto tanto para o matadoiro como para os produtores, pero se por unha circunstancia non hai demanda suficiente nun momento concreto o matadoiro sempre respecta os compromisos de compra e de prezos, aínda que el teña que vender despois ese pito sen o selo Label Rouge a menor prezo. O produtor recibe 1,8€ por pito O selo Label Rouge representa o 15% da produción avícola de Bretaña. A metade é Polo de Janzé e a outra metade Polo de Bretaña, outra marca de produtores da zona oeste similar en canto aos criterios de cría das aves. “Iso significa que o 85% das aves producidas son industriais”, evidencia Stéphane.
Polo de Janzé acapara o 5% da produción avícola francesa
“En Francia o sistema de segmentación do mercado é quizais demasiado complicado, moitísima diferenciación, con moitas categorías e o consumidor pérdese. Nos países do norte de Europa só hai 3 categorías: pito industrial e pito ecolóxico e no medio Freerange”, explica. O prezo final de venda non o decide nin o produtor nin o matadoiro, senón a distribución. O prezo ao consumidor sitúase en 8€ o pito enteiro baixo o selo Label Rouge; 6,5€ no caso do Freerange; e 3,5 o pito industrial. Dese montante, o produtor recibe 1,8€ en Label Rouge; 1,50€ en Freerange; e 1,10€ en pito industrial.
Debido á inflación non hai tantos consumidores que teñan o poder de compra suficiente para comprar Label Rouge
“A marxe que as cadeas de distribución fixan é moito maior nun pito Label Rouge que nun pito industrial, se a marxe fose a mesma o Label Rouge venderíano a 6,5€ e habería máis vendas coa mesma marxe para o produtor”, quéixase Stéphane. “A curto prazo poida que non haxa marxe de crecemento no mercado, porque coa inflación non hai tantos consumidores que teñan o poder de compra suficiente para comprar Label Rouge”, teme. E se hai menor demanda e atraso na saída de animais, iso tería un impacto sobre o baleiro sanitario entre lotes de produción e provocaría edificios baleiros, provocando unha afectación importante sobre a rendibilidade e o futuro das granxas. Diversificando razas e tipos de produción Galiñas de Guinea, coñecidas como pintadas en Francia Por iso a cooperativa puxo en marcha unha estratexia de diversificación da produción máis aló do polo campeiro, pero mantendo sempre o emblema da calidade. “Debido á inflación, a situación de mercado actual e os custos de materias primas non sabemos como van funcionar mañá os produtos baixo a marca Label Rouge. A cooperativa é consciente da dificultade de prever como vai evolucionar o consumidor e hai que ter capacidade de adaptarse a esa evolución e a esas demandas dos consumidores. Temos que anticiparnos aos desexos da sociedade para preparar o futuro con optimismo”, argumenta Stéphane.
O 8% dos produtores da cooperativa son ecolóxicos
“Os nosos edificios son capaces de producir pitos e pintadas Label Rouge pero tamén pitos de nivel intermedio entre industrial e Label Rouge (56 días no canto de 81), con selo Freerange, baixo estándar europeo”, detalla. As 170 granxas asociadas producen ao ano 4 millóns de pitos, 300.000 pintadas ou galiñas de Guinea, 50.000 capóns (tradicionais en Francia tamén en Nadal), 5.000 pavos tamén para Nadal e 1,5 millóns de polos Freerange para exportar unicamente (a Alemaña e Holanda principalmente).
O matadoiro non pertence á cooperativa e confíaselle o traballo de matar os pitos pero non queremos concederlle o monopolio da comercialización
Investiron tamén en crear unha empresa filial da cooperativa para facer o reparto da produción a nivel local (restaurantes, carnicerías, asadores) e empezar a comercializar produtos elaborados. “Esta estratexia serve para non concederlle ao matadoiro o monopolio da comercialización e tamén para valorizar e comunicar a marca”, defende Stéphane.

“Estamos convencidos de que podemos aportar futuro aos nosos fillos nas granxas”

Os polos son criados en liberdade a partir dos 42 días de vida Sophie Guillet é un dos 170 produtores que forman parte da cooperativa. A maioría están nun radio de acción de 30 km desde Janzé, xa que o feito de dispoñer de IXP limita a localización das granxas. Sophie empezou a produción de pito no ano 2000 xunto ao seu marido, Cristophe. “Tiñamos só vacas de leite e queriamos ter outra produción complementaria sen necesitar demasiada man de obra”, lembra. Fixérono tamén cunha perspectiva de futuro. Sophie e Cristophe teñen 3 fillos e aspiran a que continúen na granxa. “Investimos coa idea do relevo xeracional”, asegura.
Investimos e diversificamos pensando en nós, pero tamén cunha perspectiva de transmisión futura
En 2013 asociáronse con outra familia veciña e hoxe son 5 os socios que constitúen GAEC Des Ondes. Dispoñen en total na actualidade de 8 naves de produción na localidade de Thourie e ademais de Sophie, Cristophe, Christine, Marie e Eric, teñen unha persoa asalariada. Sophie e Cristophe seguen mantendo a produción de leite aínda que a maioría dos seus compañeiros de cooperativa fóronse especializando na produción avícola. “Ao principio eramos todos produtores de leite pero pouco a pouco imos indo a menos e a maioría dos 170 socios producen só pito hoxe en día”, conta Sophie. Complementar os ingresos Mentres lembra os motivos que os levaron a pensar en ter vacas e pitos, advirte do risco de depender dunha única produción. “Nos anos 80 e 90 démonos conta que era perigoso apostar só polo leite e pensamos nun enfoque de diversificación e en complementar os ingresos que tiñamos os agricultores para non depender exclusivamente dos ingresos da venda de leite. Esa experiencia iniciada para diversificar as producións agrícolas da zona deberíanos servir de exemplo e de advertencia para non apostar agora todo exclusivamente aos pitos”, di.
Démonos conta que era perigoso apostar só polo leite, había que diversificar os ingresos
Naquel momento, lembra, “había moitos agricultores que estaban como concelleiros nos concellos, algo que non pasa hoxe, e dábanse conta de que era importante diversificar para preparar o futuro. Foron eles os que dixeron temos que desenvolver unha produción de aves como seguro para os produtores. Por iso é importante que os agricultores se impliquen na vida local, para pensar en desenvolver o territorio e non exclusivamente en gañar eleccións”, argumenta. Benestar e medio ambiente A cooperativa aposta polas enerxías renovables nas granxas e nas súas instalacións e veículos O sinal distintivo do Polo de Janzé é a súa crianza ao aire libre. “Saen fóra todo o ano, mesmo no inverno, pero o pito é intelixente e cando vai frío queda dentro”, conta Sophie. Label Rouge utiliza a raza I657, que non é unha raza autóctona específica de Bretaña. “É unha raza rústica, que non crece demasiado rápido”, indica. Aínda que é o produtor o que compra directamente tanto os pitos pequenos como o penso, tanto as incubadoras como os fabricantes de alimentos son seleccionados pola cooperativa, que ademais de na estandarización das producións nos últimos anos está a facer moito fincapé tamén na calidade das instalacións.
Mellorar a imaxe das granxas serve tamén para mellorar a comercialización do produto
“Non podemos ser cribles para os consumidores se non damos unha imaxe positiva coas nosas granxas. A responsabilidade é conxunta, porque cun só produtor que teña unha mala imaxe impactaría en todos os demais, por iso temos a obriga de ser esixentes. Hai un equipo da cooperativa sobre o terreo que vela por iso”, defende Sophie. Cos beneficios da cooperativa empezaron un programa de apoio á mellora das granxas (seguridade, benestar animal, mellora enerxética, imaxe dos edificios para os visitantes e veciños, etc) para mellorar deste xeito tamén a imaxe do produto que venden.

Piden un incremento “urxente” de 5 céntimos en quilo no prezo que cobran os produtores de polo para evitar o peche das granxas

Concentración este venres de produtores e membros de UUAA ás portas do supermercado Family Cash en Lugo O sindicato Unións Agrarias denunciou este venres diante do novo supermercado Family Cash en Lugo, ubicado no centro comercial Abella, “prácticas ilegais” das cadeas de distribución e as empresas integradoras de carne de polo mentres os produtores reciben en orixe prezos que non lles permiten facer fronte á suba de custos e aos préstamos solicitados para construír as granxas. “Os titulares son persoas moi novas, que se meteron en grandes investimentos para ter unha granxa que cumpra cos condicionantes que esixe a lexislación vixente. Polo tanto, esta crise de rendibilidade colle ás explotacións en pleno proceso de amortización das instalacións”, explicou Roberto García, secretario xeral de UUAA.
Esta crise de rendibilidade afecta a explotacións montadas hai pouco e, polo tanto, en pleno proceso de amortización das instalacións
Nos últimos anos proliferou en Galicia a instalación de granxas avícolas por parte de persoas mozas que montaron as explotacións ben como actividade principal, ben como complemento a ganderías de leite ou de carne. Pero o feito de non ter as granxas pagadas fai que as perdas que están a sufrir neste momento non só afecten aos seus ingresos como medio de vida, senón que pon en risco mesmo o pago das letras e a amortización dos préstamos. Prácticas ilegais Produtores e representantes de UUAA concentráronse este venres diante da cadea Family Cash en Lugo, “unha cadea que acaba de abrir pero que vén con todas as malas mañas que xa lle vimos na zona do Levante, de onde procede”, dixeron. O polo de entorno a 3 quilos de peso está vendéndose a un prezo de 3,29€ na maioría de supermercados, mentres o novo supermercado Family Cash abriu esta semana en Lugo cunha “oferta agresiva” de 2,59€.
UUAA presentou unha denuncia diante da AICA por venda a perdas contra a cadea de supermercados Family Cash, que abriu esta semana en Lugo
Ás portas do novo supermercado os membros de UUAA denunciaron “a utilización de produtos sensibles, como é o leite ou a carne de polo, como produto gancho para gañar clientes”.  “Non é só un problema ético, senón de clara ilegalidade”, afirmou Roberto García. “É unha práctica enganosa, porque non pretenden beneficiar ao consumidor, pretenden atraelo coa desculpa de que o polo é máis barato para despois cobrarlle iso con creces no resto de produtos da cesta da compra”, denunciou.
O consumidor paga agora un 35% máis por un polo mentres o granxeiro segue cobrando o mesmo que cobraba antes de que lle subira a luz e o gas
“Cando un consumidor merca un polo de tres quilos no supermercado e paga por el 3,29€, o granxeiro está recibindo entre 40 e 45 céntimos, é dicir, uns 15 céntimos por quilo, o mesmo que recibía antes de que se produciran todas as subas da enerxía”, explicou Roberto García. “Todos os incrementos de prezo que houbo no polo, que foron do 35%, quedáronse na cadea de distribución ou na empresa integradora, pero non chegaron aos produtores”, denunciou o secretario xeral de UUAA, que explicou que pasar de cobrar 15 céntimos por quilo a 20 en orixe serviría unicamente para repercutir o incremento dos custos de produción dos últimos dous anos, tal como esixe a Lei da Cadea Alimentaria.

“Os produtores cobramos 40 céntimos por polo mentres o consumidor está pagando 3,29€”

José Luis Camiñas, avicultor cunha granxa de polos desde hai 4 anos, contou en primeira persoa cal é a situación do sector. “A nós os custos de produción subíronnos moito, desde a factura da luz, que se duplicou, a do gas, que pasa o mesmo, ou a da cama. Todo subiu menos o prezo do polo en orixe, xa que as liquidacións das integradoras aos granxeiros mesmo baixaron”, denunciou.
Se isto segue así non vai haber polo porque imos ter que deixar de producir
A situación pon en risco a viabilidade do sector e a continuidade das explotacións. “Os investimentos deste tipo de granxas son enormes para poder cumprir coas normas de benestar que esixe a lexislación vixente”, explicou.
Temos as mans atadas, porque non temos capacidade de repercutir os incrementos de custos
A produción avícola ten características que a diferenzan doutros sectores gandeiros, xa que no sistema de integración o gandeiro pon as instalacións e a man de obra e a empresa que lle merca a produción pon os animais e o alimento, polo que os produtores traballan nun réxime de exclusividade que fai que teñan “as mans atadas”, denunciou José Luis.

Denuncian que as integradoras seguen sen trasladar a subida da carne de polo aos granxeiros

A Unión de Pequeños Agricultores y Ganaderos (UPA) denuncia que menos dun 5% do prezo que paga un consumidor polo quilo de polo chega aos granxeiros, unha porcentaxe "irrisoria e totalmente insuficiente que non deixou de baixar nos últimos meses". "Este baixo prezo percibido polos granxeiros afunde a súa rendibilidade e dificulta a súa supervivencia, até o punto de pór en perigo o abastecemento de polo o próximo outono", advirte a organización. UPA leva semanas denunciando a actitude "egoísta" das integradoras,"apenas unha ducia de empresas que controlan a práctica totalidade da produción de pito, e que no últimos seis meses subiron o polo á distribución e aos consumidores, sen que isto chegue aos granxeiros". "A situación é insustentable", aseguran desde UPA, que fai un retrato do sector avícola como un sector baseado en pequenas explotacións de propietarios novos, cun nivel importante de endebedamento debido aos investimentos necesarios para implantar e modernizar as súas explotacións. "Cada día é máis difícil pagar as débedas", aseguran desde a organización agraria.

Autorización a Marrocos para exportar polo á Unión Europea

Recentemente coñecíase a autorización por parte da Unión Europea de importar carne de polo procedente de Marrocos, en base ao Regulamento de Execución 2022/1040 que o pasado 29 de xuño publicaba o Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). Desde UPA aseguran descoñecer que se agocha tras esta decisión, pero ao seu xuízo "non é difícil imaxinar que as industrias queiran asegurarse a subministración de polo se os baixos prezos terminan por afundir aos granxeiros españois". UPA volveu esixir ao Goberno e ás Comunidades Autónomas que actúen, a través da AICA e das autoridades competentes en cada territorio, "para lograr que se cumpra a Lei da Cadea Alimentaria e se cubran os custos de produción dos granxeiros, que superan con fartura os prezos percibidos". UPA asegurou que, de non subir os prezos aos granxeiros, organizarán protestas ante as principais integradoras e ante a patronal que as aglutina, Avianza, para "denunciar os abusos que están a cometer cos granxeiros".

Estes son os importes máximos das axudas para vacún de carne, ovino, caprino, coellos e polos

O Ministerio de Agricultura inicia este martes 19 de abril o proceso de audiencia e información pública do borrador de Real Decreto que regulará o proceso de concesión do fondo de 193,47 millóns de euros de axuda excepcional para determinados sectores agrícolas e gandeiros. O paquete creouse para paliar a delicada situación como consecuencia dos efectos da invasión rusa de Ucraína. En concreto, concederanse un total de 193.470.759 euros aos sectores máis afectados polas consecuencias da invasión rusa de Ucraína, 64.490.253 euros dos cales son achegados pola Unión Europea, e o resto, 128.980.506 euros, polo Ministerio de Agricultura.
Este paquete de axudas complementa os 169 millóns de euros que o Goberno destinará aos produtores de leite de vaca, ovella e cabra que se farán efectivas nos próximos días
O proxecto, por razóns de urxencia, estará sometido a información pública por un período de 7 días, ata o próximo 26 de abril inclusive. Este paquete de axudas complementa os 169 millóns de euros que o Goberno destinará aos produtores de leite de vaca, ovella e cabra e que se farán efectivos nos próximos días. Topes máximos Os montantes da axuda distribuiranse por sectores da seguinte forma: - Vacún de carne, ata 110 millóns de euros, correspondendo 97,7 millóns ao subsector da vaca nodriza e 12,3 ao engorde de tenreiros. - Ovino e caprino de carne, ata 31,7 millóns de euros. - Carne de polo, ata 10 millóns de euros. - Carne de coello, ata 3 millóns de euros. - Cítricos, ata 38,7 millóns de euros. Establecéronse teitos de animais e de hectáreas subvencionables e consecuentemente uns máximos de axuda por explotación, así como importes unitarios máximos por animal ou hectárea. O número máximo de animais subvencionables será de 125 vacas nodriza, 520 tenreiros de engorde e 800 ovellas ou cabras. O importe máximo das axudas queda fixado en 60€ por vaca nodriza, 15€ por tenreiro e 7€ por ovella e cabra.
Ao sector de vacas nodriza destinaranse 97,7 millóns de euros e ao de cebo de tenreiros 12,3 millóns
No caso dos produtores de carne de polo ou pavo, a contía total dependerá do volume da explotación: 600€ para granxas de 251 a 1.000 prazas; 810€ de 1.001 a 5.000 prazas; 1.200€ de 5.001 a 10.000 prazas; 1.800€ de 10.001 a 20.000 prazas; 2.400€ de 20.001 a 30.000 prazas; 3.000€ de 30.001 a 40.000 prazas; 3.600€ de 40.001 a 50.000 prazas e 4.800€ a partir de 50.001 prazas. Para as explotacións cunícolas, a axuda máxima dependerá tamén da capacidade da explotación, con tres tramos: 2.580€ de 50 a 500 prazas de reprodutoras; 3.870€ de 501 a 1.000 prazas e 5.160€ a partir de 1.001 prazas de reprodutoras. Incrementos trala guerra en Ucraína do 20% nos pensos O ministerio, coas comunidades autónomas, as organizacións profesionais agrarias e as cooperativas agroalimentarias, analizou a magnitude das perturbacións do mercado e o incremento sostido dos custos de produción e o desequilibrio nos intercambios comerciais. Tras esta análise, optouse por destinar as axudas aos produtores de carne de vacún, ovino e caprino, carne de polo, carne de coello e cítricos. "No caso dos sectores gandeiros mencionados, o conflito bélico en Ucraína agravou a situación que xa atravesaban ao longo dos últimos meses, caracterizada por un incremento sostido dos custos de produción derivados do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal e da enerxía e combustibles. A situación é aínda máis crítica se se teñen en conta os efectos da seca, que provocou unha menor dispoñibilidade de pastos e, por tanto, unha maior necesidade de suplementación na alimentación animal a prezos máis elevados", argumenta o Ministerio.
O prezo dos concentrados aumentaron un 75% en comparación co ano 2020
"Os incrementos dos pensos desde o inicio da guerra, o pasado 24 de febreiro, superan o 20% na maioría dos casos, o que se suma aos incrementos de prezos acumulados respecto ao ano pasado, que poden mesmo superar o 50% ou o 75% se os comparamos cos prezos de 2021 ou de 2020, respectivamente. Do mesmo xeito, e malia que aínda non se dispoñen de datos posteriores ao comezo do conflito, o último dato dispoñible do INE correspondente ao mes de xaneiro indicaba que o custo do gasóleo incrementouse case un 95,8%, a electricidade máis dun 114,7% e os fitosanitarios máis dun 6,5%", detalla o departamento que dirixe Luis Planas.
O gasóleo e a electricidade duplicáronse nos últimos 12 meses
No caso das axudas aos sectores agrícolas, o dos cítricos é un sector de elevado consumo de insumos, especialmente enerxía, fertilizantes e fitosanitarios, cuxos custos se incrementaron. A produción e a exportación española de cítricos teñen unha importancia crucial para o sector agroalimentario no seu conxunto. A súa competitividade viuse afectada pola guerra, ao producirse desvíos de producións de países terceiros que habitualmente se destinaban a Rusia, Ucraína ou Bielorrusia, cara ao mercado comunitario. Estes cambios nos fluxos comerciais presionan á baixa os prezos dos cítricos españois.

Xestión simplificada das axudas por parte das comunidades autónomas en base á PAC 2021

A xestión, tramitación e pago das axudas, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas, e están previstos procedementos moi simplificados de solicitude e concesión, de forma que as axudas outorgaranse a todos os produtores de vacún, ovino e caprino e cítricos que cumpran uns requisitos básicos, e que presentasen en 2022 a solicitude única da Política Agraria Común (PAC), prevista no Real Decreto 1075/2014. 
Utilizarase a información contida nas solicitudes de axuda da PAC correspondente a 2021 para determinar o número de animais e hectáreas elixibles
Con estes mesmos fins utilizarase a información contida nas solicitudes de axuda da PAC correspondente a 2021, e a obrante en poder das comunidades autónomas para determinar tanto os animais e as hectáreas elixibles, como o cumprimento dos condicionantes ambientais que esixe o regulamento comunitario.
No caso das incorporacións terase en conta o censo de animais ao 30 de abril de 2022
No caso de produtores de carne de pito e de coello, dado que non se dispón de toda a información anterior, establécese un procedemento simplificado de xestión baseado nos datos máis actualizados declarados polos gandeiros no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA).
Os pagos aos produtores levaranse a cabo antes do 30 de setembro de 2022. Un terzo das axudas son financiadas pola Unión Europea
Os fondos correspondentes transferiranse polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ás comunidades autónomas. Os pagos aos produtores levaranse a cabo antes do 30 de setembro de 2022.

Advirten dunha “tormenta perfecta” para os produtores de carne de polo e de pavo pola suba do penso e da electricidade

A Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola (AVIANZA) advirte da "tormenta perfecta" para as granxas avícolas españolas debido ao forte encarecemento do penso, a subida do custo da electricidade e a baixada dun 16% nos prezos da carne de polo e de pavo. A organización calcula que os produtores poderían perder máis de 300 millóns de euros este ano. En concreto, e como mostra da situación crítica pola que pasan os produtores, lembran que "desde xaneiro de 2020 a agosto de 2021, o custo de penso para polo, o máis común nas cadeas de distribución, subiu un 26,20%, pasando dos 297,42 € por tonelada aos 375,37 €". "Extrapolando os datos aos 600 millóns de exemplares que se producen ao ano no noso país, cunha media de 3,9 quilos de alimentación para o seu engorde, só nese ámbito estímase un sobrecusto de máis de 198 millóns de euros. Este sobrecusto supón pasar de 1,13 € por alimentación de exemplar a 1,46 € máis de 0,33 € por polo", explican. Estes incrementos tamén afectan os criadores de pavos, xa que o custo de penso de engorde pasou dos 293,22 € por tonelada en xaneiro de 2020 aos 362 € actuais (un 23,4% máis). "Un exemplar de 10 kg de peso pode requirir até 24 kg de alimentación ao longo da súa crianza (adoitan estar entre os 8 e o 17 kg de peso/exemplar). De xaneiro de 2020 a setembro de 2021 o custo de alimentar a un pavo en granxa pasou de 1,10 €/kg a 1,29 €/kg, é dicir máis de 1,9 € adicionais por exemplar. En total prodúcense cada ano máis de 13 millóns de pavos en España, polo que o sobrecusto total podería superar os 24,7 millóns de euros", aseguran desde Avianza.

Os prezos da carne de polo e de pavo baixaron un 16%

Por contra, a organización denuncia que, "segundo datos do Ministerio de Agricultura, os prezos medios nacionais do polo que se pagan aos produtores pasaron de 1,82€/kg a 1,52 €/kg (datos febreiro 2020 vs setembro 2021), un 16,49% menos e no caso do pavo, os prezos pasaron de 2,53€/kg a 2,12€/kg (datos febreiro 2020 vs Setembro 2021), un 16,2% menos". A isto habería que sumar, segundo denuncia Avianza, a subida do custo da enerxía eléctrica, que na produción avícola estándar (granxa e procesado de aves) podería supor un incremento de custos de máis de 0,05 €/kg de ave, o que equivale a máis de 87 millóns de euros ao ano para todo o sector. Por último, lembran que se produciu un incremento do IPC superior ao 4%, que impacta directamente os custos laborais do sector. "A suma total de todos estes custos pon ao sector avícola español nunha factura adicional que supera os 309,7 millóns de euros", advirte a organización interprofesional.

Unha tormenta perfecta contra un sector estratéxico

Para Jordi Montfort, secretario xeral de Avianza, "o incremento dos prezos das materias primas ha posto ao sector avícola nunha posición crítica, unido a outros factores -importación de carne de ave a baixos prezos de fóra da UE- que de seu xa debilitaban a un colectivo que é un exemplo de produtividade, innovación e calidade dos seus produtos e que xera milleiros de postos de traballo".

Traloagro, unha volta ás orixes desde a emigración

Isabelle, cunhas hamburguesas de polo ecolóxico con espinacas elaboradas coa carne que eles mesmos producen Manolo Gómez tivo que marchar de Galicia nos anos sesenta por falta de oportunidades. O seu espíritu "aventureiro" levouno a asentarse en Bruxelas, onde traballou na construción das liñas do metro e máis tarde, coa axuda da súa muller, Maricarmen, acabou abrindo varios negocios de hostalaría en pleno centro da que hoxe é a capital da Unión Europea. Alí, na emigración, naceron os seus fillos, Tito e Isabelle, pero a familia nunca perdeu o vínculo coa terra. Cando eran pequenos, cada verán os cativos voltaban á casa dos avós, José e Carmen, onde seguía habendo vacas. "Nós estabamos en Bélxica, pero os avós voltaron para Friol, estiveron en Bruxelas un ano pero non se afacían, botaban de menos a terra e as vacas. Os meus pais cando viñan de vacacións mercaban fincas aquí, porque o galego sempre quere volver ás orixes", conta Isabelle.
"Traloagro vén do nome do lugar onde estaba a casa dos avós"
Co paso dos anos foi algo que acabaron facendo realidade ela e o seu irmán, unha volta ás orixes, a Friol, e unha volta ás orixes tamén na maneira de producir. "Tiñamos claro que tiña que ser en ecolóxico, coidando a natureza e o benestar animal", di. Traloagro conxuga pois, un xeito respectuoso de produción de alimentos e un proxecto empresarial complementario. "O amor polo agro foinos transmitido polos nosos avós e o espíritu emprendedor é algo case innato en nós, polas vivencias dos nosos pais na emigración", razoa Isabelle.

Polos e vacas en liberdade

Ao ir comprando fincas había que coidalas e José e Carmen, os avós, ían facéndose maiores, así que a solución foi meter máis vacas e contratar unha persoa para atendelas. Aquela base foi o xerme de Traloagro, un proxecto que leva o nome do lugar onde se atopa a casa familiar, ubicada no lugar de Burgo de Negral, na parroquia de Pacio.
Tito e Isabelle decidiron emprender o camiño de volta a Galicia e poñer en marcha hai 10 anos na casa familiar de Friol, á que voltaban todos os veráns, unha explotación ecolóxica de vacas de carne e polos seguindo as ensinanzas que aprenderan dos seus avós
"Cando nós, eu e o meu irmán, nos viñemos para aquí a estudar, como nos gustaba tanto o campo, decidimos facer algo relacionado con iso. En decembro do 2010 incorporámonos coas vacas que había, unhas 20, e solicitamos a conversión a ecolóxico. Xunto coa incorporación pedimos un plan de mellora para facer tamén a granxa de polos", explica Isabelle.
A gandería bovina conta con 160 cabezas, a gran maioría de raza rubia galega, e da granxa avícola saen uns 120.000 polos ao ano
No 2013, pasados os dous anos de conversión, comezaron a comercializar os primeiros tenreiros certificados en ecolóxico e a vender tamén os polos criados en liberdade. A gandería conta neste momento con 160 cabezas de gando vacún, de raza rubia galega fundamentalmente, e da granxa de polos campeiros saen uns 120.000 exemplares ao ano.

Ampliando a base territorial e recuperando terra baldía

Son conscientes de que co seu sistema de manexo en extensivo é imprescindible contar con base territorial, polo que o aumento de cabezas que levaron a cabo vai parello sempre ao da terra. "Queremos aumentar unhas 20 vacas máis, de aí a necesidade de facernos con máis superficie", avanzan.
Están certificados en ecolóxico e producen dentro da IXP Ternera Gallega Suprema
Neste momento, contan cunhas 120 hectáreas de superficie, que están a ampliar. "Mercamos terras que estaban abandonadas e estamos traballándoas e poñéndoas a producir", explica Isabelle.
"Contamos con 120 hectáreas de terreo onde temos as vacas, unhas 160 cabezas entre nais e becerros, que pacen en extensivo e só se meten nos últimos dous meses para o cebo final en boxes de palla"
A maior parte dos pastizais nos que pacen as súas vacas atópase no lugar de Traloagro, pertencente a Burgo de Negral, na parroquia de Pacio, aínda que as últimas 22 hectáreas que adquiriron están a uns 3 quilómetros, en Racamonde, tamén pertencente ao concello de Friol.

Unha das maiores granxas de polo ecolóxico de España

A maiores, tamén crian polos campeiros, uns 120.000 ao ano. Os polos, ao igual que as vacas, tamén están en ecolóxico. "Buscabamos unha actividade complementaria á das vacas e que fora compatible e decidimos montar a granxa de polos. Cando a montamos era a máis grande de España, con capacidade para 20.000 animais", lembran.
Os polos saen ao exterior e contan cunha finca de 9 hectáreas de patio arborado
A nave está moi automatizada, tanto o subministro de penso e auga como o control da temperatura, o que reduce a man de obra necesaria. No exterior hai 4 metros cadrados de patio por animal, a onde os polos saen a pacer diariamente.

Dar o paso a comercializar directamente

Posto de venda directa que Traloagro ten na Praza de Abastos de Lugo Xunto coa produción en ecolóxico, outro dos aspectos esenciais do seu proxecto era o de vender directamente o que producían. "Que queriamos comercializar a nosa propia carne era algo que tiñamos bastante claro desde o comezo, pero neses primeiros anos aínda seguiamos indo nos veráns a traballar a Bélxica porque aínda non nos desligaramos completamente dos negocios de restauración que a familia mantiña alí, e era difícil compatibilizar as dúas cousas", conta.
Desde o 2019 venden os seus produtos na cidade de Lugo e tamén no centro de elaboración aberto no polígono de Friol contan con tenda para venda directa
No 2019, xa asentados definitivamente en Friol, incorporouse tamén ao proxecto a muller de Tito, Ana, e foi xa cando decidiron iniciar a comercialización sen intermediarios. "Empezamos en xullo dese ano cun posto da Praza de Abastos de Lugo que colleramos e en decembro abrimos tamén en Friol a ecotenda e o biocentro de despece e elaboración dos nosos propios produtos cárnicos", detalla Isabelle.

... e nisto chegou a pandemia

Pero foi case empezar e parar, porque "xusto estabamos arrincando e chegou o coronavirus", lamenta Isabelle. "Tes todo planificado, mesmo estratexias para comercializar para fóra, e ves que todo iso se detén. Pero se sobrevives a isto nada máis empezar, despois ten que ser rodado", razoa. No último ano agarráronse ao mercado local e ao cliente de proximidade e o balance que fan é moi positivo. "Quitando a situación de parón inicial que se deu ao comezo do confinamento, estamos moi contentos de ter dado o paso de comercializar directamente", afirma. A comercialización sen intermediarios foi a idea que moveu o proxecto desde o inicio, para deste xeito poder pechar o círculo coa produción ecolóxica, a transformación e a comercialización directa dese produto. Por iso, o deseño do centro de elaboración aberto no polígono de Friol contou sempre, de maneira inseparable, con tenda para venda directa, ao igual que fan en Lugo ao contar con carnicería propia na Praza de Abastos, un edificio reformado nos últimos anos e que está a gañar nova vida, cun novo perfil de cliente e iniciativas como o reparto a domicilio postos en marcha durante o confinamento.

Maior concienciación do consumidor

A raiz da covid-19 tiveron que pospoñer os seus plans de exportar carne de tenreira e polo ecolóxico ao mercado europeo, onde xa tiñan contactos feitos, pero a nivel local apreciaron un cambio de tendencia no consumidor, que valora cada vez máis os produtos saudables e de calidade. "A pandemia tamén nos fixo reflexionar como consumidores e entender que hai que coidarse. Hai unha concienciación maior sobre o feito de que hai que coidar máis a saúde e a alimentación e xente que até agora non se plantexara comer ecolóxico está comezando a interesarse por este tipo de produtos", asegura.
"A raíz da pandemia hai como un novo consumidor de ecolóxico, xente que se comeza a preocupar por coidar a saúde a través da alimentación"
"Nós tiñamos xa a visión de que o noso proxecto fora algo en ecolóxico exclusivamente", explica Isabelle, un modo de producir e consumir que a nivel europeo, en países coma o do que eles viñan, estaba moito máis extendido que en Galicia, pero que esta crise sanitaria veu mudar.
"Viuse a grande necesidade e dependencia que hai do campo e o consumidor valora máis os produtos de proximidade"
A parte boa da pandemia foi, di, a maior concienciación do consumidor. "Viuse a grande necesidade e dependencia que hai do campo e o consumidor valora máis os produtos de proximidade porque o abastecemento que hai stockado nunha nave é limitado, e se non fora polos produtores locais, que seguimos producindo, a ver que se tería feito nestes meses?", pregunta.

Un auténtico supermercado do ecolóxico 

A nave construída no polígono industrial de Friol conta con dúas edificacións. Na principal, duns 1.300 metros cadrados, están as instalacións industriais, con distintas salas de despeze e cámaras de conservación, oficinas e sala de degustación. A edificación anexa, con claro predominio da madeira na súa construción, acolle a ecotenda, na que ademais dos produtos elaborados por Traloagro tamén se poñen á venda outros alimentos diversos de orixe ecolóxica, desde marmeladas e conservas ata lácteos, produtos frescos da horta ou ovos, un auténtico supermercado do ecolóxico de máis de 250 metros cadrados.
Contan cunhas instalacións que ocupan algo máis de  1.500 metros cadrados repartidos entre o biocentro cárnico e a ecotenda
Todo o que hai na ecotenda de Traloagro é produto ecolóxico certificado, con máis de 1.200 referencias de produtores tanto galegos como do resto de España. O 80% son produtos de proximidade. Por exemplo, as froitas e verduras de tempada proceden da Casa de Ribeiras, de Palas de Rei; os lácteos de Casa Grande de Xanceda, de Mesía; os queixos de Cobideza, a cooperativa de Agolada, etc. Pero Isabelle recoñece que "aínda hai produtos que non podes atopar en Galicia en ecolóxico, como queixo de cabra, que aínda non se produce en ecolóxico aquí, ou os cítricos, e eses artigos temos que procuralos fóra, pero sempre buscamos que veñan directamente do produtor", xustifica.
"Procuramos ter unha gama ampla de produtos que permita confeccionar a cesta da compra habitual completa en ecolóxico"
Malia non atoparse nunha gran cidade, o reclamo do ecolóxico e da variedade está a funcionar. "Houbo moi boa aceptación. Hai clientes aos que lles enviamos os pedidos, pero hai outra xente de distintos puntos de Galicia que prefire achegarse aquí a facer a compra un día á semana, normalmente os sábados, porque valora a experiencia de compra. Procuramos ter un surtido amplo de produtos para que sexa posible facer a compra semanal aquí a base todo de produtos ecolóxicos. As tendas ecolóxicas que hai mesmo nas cidades normalmente teñen menos variedade e surtido de produtos ca temos nós", di.

Carnicería ao corte e acordo con outros produtores

En poucas tendas de produtos ecolóxicos hai carnicería ao corte e produtos elaborados, un elemento máis de diferenciación de Traloagro. Para completar a súa gama de tenreira e polo ecolóxico de produción propia, teñen un acordo con outro produtor colaborador, Vence y Otero SL, a explotación que Lorena e José Manuel teñen en Agolada e que os subministra de carne de porco producida tamén en ecolóxico.
A carne de porco ecolóxica procede da gandería en extensivo que Lorena Vence e José Manuel Otero teñen en Agolada
Xunto á carne de vacún, a súa idea é tamén comercializar directamente unha parte da súa produción de carne de polo. De feito, as instalacións do centro de procesado contan con dúas liñas independentes, unha para a elaboración de produtos de carne de vacún e outra para os polos. "Por temas de seguridade alimentaria e para evitar contaminacións cruzadas ou problemas de salmonela, o polo conta con obrador propio e muelle de carga independente", explican. O feito de controlaren todo o proceso, desde a produción ao despece e elaboración, permítelles garantir a trazabilidade dos seus produtos.

Vacún maior e elaborados innovadores

Coa carne de vacún, ademais de cortes especiais das pezas con maior valor comercial, elaboran outros produtos cos que incrementar o valor de mercado doutras partes e aproveitar deste xeito máis as canais. "Imos innovando, facemos desde hamburguesas de polo con espinacas ou de tenreira con remolacha a piruletas de carne, cachopo de tenreira, brochetas, pinchos morunos", explica Isabelle.
"Sacamos unha liña de elaborados que lles chamamos GourmetAgro, que son todos feitos con carne ecolóxica e condimentos tamén ecolóxicos e que non levan nin conservantes nin colorantes artificiais"
Este tipo de produtos están pensados máis de cara ao consumidor final, mentres que a hostalaría pide normalmente pezas de carne enteiras. "Aos restaurantes servimos normalmente a materia prima en si e logo eles elaboran á súa maneira, aínda que ás veces xa nos piden un despezado ou un fileteado concreto e estamos empezando a traballar tamén con comedores de empresas, como o de Norvento en Lugo, e aí si que levamos produto xa elaborado", conta.
Tanto a tenda como a súa produción está certificada como Slow Food
Poñen énfase en transmitir, a través das redes sociais, como producen e coidan dos animais e do medio e iso dá garantía e confianza ao consumidor e serve para implicar ao cliente no proxecto. "O que consume os nosos produtos está facendo parte con nós e contribuíndo a coidar o medio ambiente, o benestar animal e todo o que iso conleva", explica Isabelle.

Subministrar tenreira galega ao mercado europeo

Estar centrados en atender o mercado local e o consumidor de proximidade por mor das condicións especiais do último ano non lles fai perder outro dos seus obxectivos: apostar por vender fóra a carne ecolóxica que producen, na procura dun maior volume de mercado. O centro de procesado está pensado con esas miras, a elaboración de produtos de carne ecolóxica destinados tanto ao mercado galego e español como á exportación a países europeos como Francia ou Bélxica, onde os produtos ecolóxicos contan cunha maior cota de mercado.
"Hai moito interese pola rubia galega en Europa e países coma Francia, que teñen moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico, demandan produtos de calidade", di Isabel
"Coñecemos o mercado centroeuropeo, sobre todo o mercado francés e belga, e vemos que aquí moitas veces non valoramos dabondo o que producimos, que ten moita calidade, e o ecolóxico aínda máis. Hai moito interese pola rubia galega en Europa, fálase moito dela e comercialízase moito xa en Francia e Bélxica, pero a que chega a estes países é rubia galega convencional", explica Isabelle. Hamburguesas de polo campeiro ecolóxico con espinacas, unha das súas creacións Por iso eles pretenden encher o oco existente fóra de Galicia para a carne ecolóxica. "Francia ten moito máis desenvolvido o mercado ecolóxico do que está aquí e hai moito interese polos produtos de calidade", asegura. De feito, Traloagro xa tiña feito, antes de que irrompera o coronavirus, contactos con distribuidores franceses e belgas para comercializar os seus produtos en restaurantes de alta gama, hoteis 5 estrelas e tendas delicatesen. "Hai empresas francesas interesadas nas nosas hamburguesas ecolóxicas, que non levan aditivos, polo que para poder vendelas en Francia e que se conserven sen engadirlles produtos químicos imos comercializalas conxeladas", aclara.
Fan hamburguesas sen aditivos nin conservantes que comercializarán conxeladas para o mercado exterior
Pero "na situación na que estabamos iso foi imposible e quizais fose tamén algo precipitado nada máis comezar querer xa mandar para fóra", recoñece. Isabelle aproveitou este ano de pandemia para formarse e afinar máis a estratexia de expansión da empresa, a través de dous programas para emprendedores, un, financiado por Coca Cola, para a páxina web e a estratexia de márketing dixital e outro, da Fundación Juana de Vega, para consolidación e crecemento da empresa, dentro do que están preparando a estratexia de internacionalización. "Tomamos as cousas con máis calma, pero ás veces hai que poñer a base sólida para despois poder medrar sobre seguro", admite.
Pretenden comercializar en Europa a súa propia carne e a doutros gandeiros da zona que produzan en ecolóxico
Aínda que ao principio se van centrar só na rubia galega, están valorando tamén exportar outras razas, como por exemplo a cachena, en función da demanda que poida haber para ela. Se, chegado o momento, a súa produción non lles chega, teñen pensado comercializar tamén a carne doutros produtores galegos, servindo deste xeito para abrir portas ao sector. Tamén está entre os seus plans o vacún maior, aínda que "ao non haber aínda liñas de comercialización está un pouco parada a certificación dentro da nova IXP Vaca e Boi de Galicia", considera Isabel.

Voltar á terra a crear emprego

Francisco, un dos empregados, atando uns chourizos na sala de elaborados do biocentro cárnico de Friol Manolo e a súa familia nunca perderon as raíces e a vinculación co lugar do que tiveron que marchar e, anos despois, decidiron voltar e poñer en marcha unha iniciativa produtiva con visión empresarial que crea valor engadido no territorio e que xera riqueza e postos de traballo para que outros non teñan que seguir hoxe o camiño da emigración que eles emprenderon décadas atrás.
En total xeran 8 postos de traballo entre a granxa, a carnicería, a ecotenda e o centro de procesado
Aínda que teñen as distintas tarefas máis ou menos definidas, "facemos todos de todo e axudamos na explotación cando fai falta". A granxa familiar de vacún e de polos aténdea Tito, Ana está na carnicería da Praza de Abastos de Lugo e Isabelle encárgase do centro de transformación e a ecotenda de Friol. A maiores deles tres, están a xerar 5 postos de traballo máis, un na explotación, e catro no centro de procesado e en tarefas de venda e administración. "Meu irmán, coa axuda dun empregado, está máis na gandería, Ana está no posto de Lugo e organiza alí os repartos e eu estou máis no biocentro. Á parte de nolos tres creamos cinco postos de traballo estables, catro no biocentro e un na explotación, aínda que neste momento estamos sen traballador na granxa porque se xubilou a persoa que estaba", explica Isabelle.

Unións acusa á avícola Avigrao de actitude “abusiva”

Unións Agrarias denuncia en nota de prensa unha suposta actitude abusiva da integradora Avigrao; empresa avícola que, segundo Unións, nos últimos meses lle está a impoñer aos gandeiros cos que traballa a cría dun novo tipo de polo que supón maiores custos de produción para as granxas; pero que a avícola paga usando as mesmas táboas de prezos que para o convencional. Unións Agrarias faise eco do malestar existente entre os criadores de polo en relación ás prácticas de Avigrao. A organización agraria considera intolerables este tipo de prácticas e insta á firma con sede en Melide a respectar a Lei de Cadea Alimentaria e a renegociar tarifas acordes a esta nova produción. "A integradora, tal e como reflicten as liquidacións das granxas, está a ignorar o dereito dos produtores a percibir prezos xustos, aplicando tarifas que atentan contra a rendibilidade das explotacións", denuncia o sindicato. O periodo de cría pasa de 45 a 80 días Nos últimos meses Avigrao está a testar a viabilidade dun novo tipo de polo, o coñecido como polo rubio, cuxos requerimentos de cría supoñen un elevado incremento dos custos de produción das granxas -segundo Unións- que a empresa non está a cubrir. Mentres o tempo de cría habitual para un polo do tipo broiler rolda os 45 días, no caso do rubio ese período case chega a duplicarse, acadando os 80. Ademais, trátase dun ave cuns requerimentos de espazo tamén moi superiores ao convencional; que obrigan ás granxas a reducir a súa capacidade nun 60%.
O novo tipo de polo ten uns requerimentos de espazo moi superiores, o que obriga ás granxas a reducir a súa capacidade total nun 60%
Unións Agrarias entende que a introdución deste novo tipo de polo pode ser unha nova saída de negocio para o sector. Porén, considera intolerable que as probas sexan de obrigado cumprimento para as granxas; que en ningún caso se teña consultado aos gandeiros a súa vontade de incorporar este produto e, sobre todo, que non se adecúen as tarifas e que se estea a pagar por el o mesmo prezo que por un polo convencional, que supón unha rendibilidade de practicamente o doble para as granxas.

Retrasos na recollida asumidos polos gandeiros

A introdución deste polo rubio ten sido a pinga que colmou o vaso da paciencia dos produtores. Porén, o malestar dos gandeiros en relación ás prácticas desta empresa vén de atrás, pois non é esta a primeira vez que Avigrao obriga aos gandeiros a asumir o custo económico das súas probas -cuestiona Unións-; pois o que agora está a acontecer con este novo tipo de polos pasou hai un ano; cando a experimentación con distintos tipos de alimentación se saldou coa aplicación dunha tarifa case un 40% inferior á habitual.
A partir da sétima semana os animais son máis esixentes e menos rendibles: aumentan os seus requerimentos de alimento e apenas gañan peso, co que os gastos dos criadores se disparan
As supostas prácticas abusivas da empresa cos gandeiros tamén se dan no momento de recollida dos animais nas granxas para o seu sacrificio. “As demais integradoras recollen os polos aos 45 ou 47 días. E se o tempo nas granxas pasa dos 52 aplican uns abonos ao prezo. Sen embargo, os tempos de recollida de Avigrao adoitan exceder a media habitual e a empresa obriga aos gandeiros a asumir o custo engadido; pois aplica sempre a mesma tarifa independentemente do tempo de cría das aves", explica Loli García, responsable sectorial de Avicultura de UUAA. A partir da sétima semana os animais son máis esixentes e menos rendibles: aumentan os seus requerimentos de alimento e apenas gañan peso, co que os gastos dos criadores se disparan. Unións Agrarias insta a Avigrao a rectificar e a cumprir co dereito dos produtores a cubrir os seus custos de produción, tal e como estipula a Lei da Cadea Alimentaria.

O sector avícola entra en perdas pola suba da luz e a baixada de prezos da carne

A organización Unións Agrarias advirte das perdas do sector avícola galego polo forte incremento dos custes da electricidade nas granxas. "Neste momento as explotacións están a soportar picos de crecemento do gasto eléctrico de ata un 36%, o que supón unha cantidade insoportable, tendo en conta que a enerxía representa, en condicións normais, máis do 33% dos custes de produción", explican dende a organización.

Fronte a esta realidade, os avicultores están a ver como os prezos da carne de polo non se dan recuperado do impacto da caída do consumo en hostalería e turismo, derivada da pandemia. Neste momento, os criadores perciben 0.18 €/Kg no tipo Broiler, cando para cubrir gastos non deberían de baixar de 0.23€/Kg, segundo Unións, que incide en que esta situación implica que a Lei de Cadea non está a funcionar, ao non poder trasladarse os custes ao prezo en orixe.

As granxas deben facer fronte a unha serie de gastos fixos de insumos, enerxía ou seguros que non se reduciron a pesar do coronavirus.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78999" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Porén, a crise sanitaria si obrigou a mermar o seu habitual número de crianzas anuais, alongando as estancias dos polos de 14 días a 1 mes, do que deriva maior gasto. E como colofón, estase a reducir, por parte das empresas integradoras, a entrada de crías, pasando de 35.000 a 30.000 por camada.

A organización lembra que moita xente nova que apostou por este sector para iniciar a súa actividade está a ver como os resultados condicionan a súa viabilidade por causas alleas o seu traballo. Neste sentido, anima ao goberno galego a buscar apoios e a liderar a procura dun consenso a nivel nacional que evite que o sector avícola se converta nunha nova vítima da Covid-19.

Dende Unións Agrarias tamén consideran necesario lembrar a situación de dependencia dos produtores respecto das industrias integradoras para as que traballan, xa que condicionan o ritmo de produción e a saída dos animais.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="79000" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Este feito supón que a caída do consumo a nivel nacional derivada dun menor número de turistas está implicando o abaratamento da produción por parte desas empresas, polo que é necesario poñer sobre a mesa medidas que sirvan para compensar as subas constantes na enerxía, da viruta ou da alimentación.

Segundo UU.AA. as máis de 900 explotacións de polo de Galicia poderían deixar de ingresar no marco da pandemia uns 13,5 millóns de euros.

Unións calcula unhas perdas no sector de 13,5 millóns de euros. Son as estimacións que o propio sector xa ten sobre a mesa, en vista dos hábitos de consumo que, nun ano normal, se traducirían nun aumento do consumo de carne de polo durante os meses do verán. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a buscar fórmulas que permitan compensar o baixón da actividade e prezos.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85884" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Os produtores de carne de polo lanzan un SOS pola crítica situación á que se enfrontan

Uns 50 avicultores convocados por Unións Agrarias concentráronse esta mañá en Santiago de Compostela para denunciar a crítica situación á que se enfrontan polo descenso da demanda, o incremento dos custos de produción e a utilización da carne de polo por parte da distribución como produto reclamo para atraer clientes. Precisamente, o acto de protesta tivo lugar diante dun supermercado da cadea de distribución GADIS, que estes días está a realizar unha oferta de “Pollo Extra Kilo 1,99 Euros”. A organización agraria advertiulle a GADIS que no caso de que non retirara os elementos promocionais dos supermercados, nun prazo máximo de 48 horas coa oferta -prevista para o 30/11 e 1/12-, iniciaría unha campaña de sinalamento a través de tódolos medios dos que dispoña UUAA, tal como sucedeu hoxe. En calquera caso, a organización deu traslado e propuxo que se abra un expediente sancionador ante a Axencia de Información e Control Alimentarios, (AICA) á cadea de supermercados por introducir no mercado galego produtos “en clara venda a perdas”. Por parte de GADISA decidiron non facer valoracións. Neste sentido, para o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, con este acto de protesta perseguen un triple obxectivo. En primeiro lugar, esíxenlle á Xunta de Galicia e ao Goberno Central que “fagan cumprir a Lei da Cadea Alimentaria non só á parte feble da cadea, senón tamén ás grandes distribuidoras, para que non se vendan alimentos por debaixo dos custos de produción”. “Hoxe vemos que nesta cadea véndense polo a 1,99 euros o kilo, un 30% por debaixo do que custa producilo”, advertiu.

Caida do prezo do polo e incremento do prezo do penso

Neste sentido, Roberto García asegurou que “imos estar moi vixilantes ante calquera venda por debaixo dos prezos de coste, denunciándoo ante a AICA para que sancione estas prácticas, pero tamén pedíndolle ao consumidor a súa complicidade cos produtores non comprando eses produtos reclamo”. Por último, a organización agraria alerta sobre o descenso de demanda á que se enfrontan ás arredor de 670 granxas de polo que existen en Galicia debido a crise provocada pola Covid19. “Cada produtor de polos vai cobrar este ano de media 5.000 euros menos, pois vai ter 3 meses as granxas baleiras por falta de demanda; a caída do turismo tamén vai implicar unha caída da produción e aínda por riba vemos unha caída de prezo no polo de 0,25 euros por kilo, cando os custos de produción se viron incrementados un 30% nas últimas semanas pola subado prezo dos cereais”, alertou o secretario xeral de Unións Agrarias.

Forte caída da rendabilidade para os produtores de polo debido ao peche da hostalaría e ao encarecemento do penso

A Unión de Pequeños Agricultores (UPA) advirte da forte caída da rendibilidade para os produtores de carne de polo, un sector que supón o 12,75% da produción gandeira, rozando os 2.500 millóns de euros en valor. A situación complicada pola que atravesan as máis de 7.000 granxas de polo que hai en España débese por unha parte á menor demanda, motivada pola ausencia de turismo e o descenso de actividade ou peche da hostalaría. Sirva como exemplo que, segundo a patronal PROPOLLO, a produción total de aves cada mes en España está ao redor dos 44 millóns de exemplares, dos que un 25% derívanse á canle HORECA e que o 65% das vendas de polos asados están ligados ás festas e ao turismo, agora baixo mínimos. Esta menor demanda estase traducindo en menos produción nas granxas: Se ata o de agora producían unhas 5 camadas de polos ao ano, cuns 15 días libres entre unha crianza de polos e a seguinte, agora estase baixando a 3. “Estamos indo a 25 días coa granxa sen animais, pero os gastos fixos seguen sendo os mesmos”, advirte un avicultor de Ourense. O descenso de ingresos pon nunha situación especialmente difícil a aquelas granxas máis novas e con máis endebedamento.

Importacións de polo conxelado a baixo prezo

O outro motivo de preocupación é a suba dos pensos. Así, segundo UPA a soia encareceuse un 25% dende agosto, pasando, de 299,5 $/tonelada en agosto a 398,7 $/Tn. De momento parte dos produtores aínda non sufren esta suba ao negociar anualmente o prezo do penso coa integradora, pero é previsible que nos contratos do vindeiro 2021 se trasladen estas subas de xeito xeneralizado. Ante esta situación, UPA pídelle aos supermercados un compromiso co sector, rexeitando as importacións de polo conxelado a baixo prezo, “que países como Polonia, fundamentalmente, están intentando colar en España”. Desde esta organización tamén lle esixen ao Ministerio de Agricultura que actúe, activando medidas de xestión de mercado para xestionar as cerca de 30.000 toneladas de polo conxelado que están almacenadas actualmente, e artellando edidas de apoio aos produtores.

Calculan que cada granxa de polo perderá uns 5300 euros a causa da crise do Covid 19

Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a dar un paso á fronte e a poñerse a traballar sen demora no deseño de fórmulas que permitan paliar as graves perdas que o sector do polo prevé para este ano. A organización agraria anima ao goberno galego a actuar coa anticipación precisa para compensar o baixón da actividade que podería darse nos vindeiros meses. “Sen unha actuación axeitada, traduciríase en 3,5 millóns de euros de perdas para as 670 granxas galegas de avicultura de carne”, advirten dende a organización agraria. Son, segundo Unións, as estimacións que o propio sector xa ten sobre a mesa, en vista dos hábitos de consumo que, nun ano normal, se traducirían nun aumento do consumo de carne de polo durante os meses do verán. O consumo de carne de polo está moi ligado ao turismo e á actividade hostaleira. E adoita repuntar durante a época de maior afluencia de visitantes. É por iso que as granxas galegas ollan con temor cara á tormenta que se lles ven enriba; a consecuencia do descenso do fluxo turístico previsto para esta tempada. “As granxas deben facer fronte a unha serie de gastos fixos de insumos, enerxía ou seguros que non se reducirán a pesar do coronavirus. Porén, a crise sanitaria si podería obrigar ás explotacións a mermar o seu habitual número de crianzas anuais. Unha redución da produción que suporía un duro golpe para as rendas destes produtores”, explican dende o sindicato. En concreto, calculan que podería significar a perda de 5.300 euros por explotación. Así as cousas, Unións Agrarias demanda anticipación e insta á Xunta de Galicia a buscar fórmulas que permitan compensar o baixón da actividade previsto a consecuencia da redución do turismo. A organización lembra que, debido á estrutura do propio sector, que traballa de xeito integrado, non caben solucións parciais que se apliquen unicamente na comunidade. E anima ao goberno galego a buscar apoios e a liderar a procura dun consenso a nivel nacional que evite que o sector avícola se converta nunha nova vítima da Covid-19. Advirten tamén da tentación de abaratar a produción por parte desas empresas integradoras ante a previsible baixada da demanda desta carne. Así as cousas, Unións Agrarias urxe un plan estatal que permita adaptar a produción anual ás necesidades de consumo estimadas para este 2020, e que compense a perda de ingresos dos produtores derivada dese parón. Unha especie de ERTE que, igual que xa se fixo noutros sectores, permita atallar os problemas de ingresos dos produtores de polo.

Detense a caída do prezo da carne de polo grazas ao descenso da produción

O prezo da carne de polo detivo estas últimas semanas a súa súa caída na Unión Europea grazas aos descenso da produción que acometeu o sector. Ao igual que noutras producións gandeiras, a crise do coronavirus, co conseguinte peche da hostalaría -que en España representa arredor do 25% das vendas- e o parón no turismo provocou unha caída de prezos significativa no sector avícola. Sen embargo, segundo o informe que publicou esta semana a Comisión Europea, o descenso da produción que está acometendo o sector para facer fronte á caída da demanda está a permtir que se free o descenso dos prezos. En concreto, a cotización esta semana do broiler situouse en 1,77 euros o quilo de media na Unión Europea, o que supón un 1,6% de subida respecto á semana previa, aínda que acumula unha caída interanual do 7,2%, respecto ao 1,9 euros o quilo de maio de 2019. Idéntico comportamento se observou nos principais exportadores mundiais de carne de polo, sobre todo en Estados Unidos, onde tras un desplome dos prezos en abril e maio de ata 0,75 euros o quilo, nas últimas semanas rebotou ata os 1,26 euros o quilo. En Brasil, o outro gran produtor mundial, a evolución é peor, e a carne de polo mantense nos 0,63 euros o quilo. A recuperación dos prezos da carne de polo na Unión Europea prodúcese grazas ao descenso da produción: en marzo producíronse arredor de 650.000 toneladas, fronte ás arredor de 730.000 do mesmo mes do pasado ano. A contraparte é que as exportacións de carne de polo da UE perden competitividade fronte ás de Brasil e de Estados Unidos, cun prezo notablemente inferior. Así, nos tres primeiros meses deste ano as vendas ao exterior europeas baixaron en arredor de 100.000 toneladas, mentres que EE.UU e Brasil incrementaron as súas exportacións de xaneiro a marzo nunhas 100.000 toneladas cada un. Pola parte das importacións, China disparou as súas compras ao exterior de carne de polo nos tres primeiros meses do ano: pasando unhas 320.000 toneladas o pasado ano a case 450.000 nos tres primeiros meses deste 2020.

Descarga aquí o informe completo.