Archives

A Xunta impulsa tres novos polígonos agroforestais para gandería en extensivo nos concellos da Peroxa, Carballedo, San Xoán de Río e Os Blancos

O Consello da Xunta aprobou este xoves a declaración de utilidade pública e interese social de tres novos polígonos agroforestais. Así, ascenden xa a 33 os polígonos postos en Galicia desde 2021 -7 foron aprobados nos últimos 4 meses-, que mobilizan no seu conxunto 9.475 hectáreas. Os tres decretos aos que onte deu o visto e prace o Consello supoñen a devandita declaración para outros tantos polígonos agroforestais de iniciativa pública, dous deles situados integramente na provincia de Ourense (nos concellos de San Xoán de Río e Os Blancos) e un terceiro cunha parte dos seus terreos no municipio ourensán da Peroxa e outra no concello lugués de Carballedo. Esta declaración implica, entre outras cousas, o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. Así mesmo, autorízase a redacción de cadanseu proxecto básico e a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Estes tres novos polígonos terán como actividade principal a gandaría en extensivo, dentro da aposta do Goberno autonómico por previr incendios forestais a través da xestión e a dinamización socioeconómica do territorio.

San Xoán de Río, Os Blancos e A Peroxa-Carballedo

No seu conxunto, estes tres novos polígonos aprobados hoxe polo Consello da Xunta permitirán mobilizar un total de 152,57 hectáreas, repartidas en 745 parcelas de 350 propietarios. Así, o polígono de Cambela, no concello de San Xoán de Río, beneficiará 135 titulares de 301 parcelas, cunha superficie total de 97,36 ha; o dos Blancos, no municipio homónimo, permitirá mobilizar 29,73 ha, distribuídas en 249 parcelas de 122 propietarios, e por último, o polígono que abrangue terreos dos concellos da Peroxa, na provincia ourensá, e de Carballedo, na de Lugo, beneficiará a 93 propietarios de 195 parcelas e terá unha superficie de 25,48 hectáreas. A maiores destes tres que agora se declaran de utilidade pública, hai outros 30 polígonos agroforestais en marcha (en diferentes fases de execución) na comunidade. En conxunto, estas 33 iniciativas de mobilización de terras supoñen a posta en valor das xa mencionadas 9.475 hectáreas, distribuídas en 30.110 parcelas propiedade de 8.917 veciños.

Landra, o proxecto do polígono agroforestal de Chantada para criar porcos en ecolóxico

Julio Taboada, cos porcos da súa explotación de Sabadelle (Chantada) Julio Taboada e Ramón Fernández empezaron hai 4 anos a criar porcos en extensivo na parroquia de Sabadelle, en Chantada. Contaban cunha superficie de monte que levaba anos en situación de abandono pero que ofrecía boas posibilidades para a alimentación dos animais, ao contar con castiñeiros e carballos. “Onde temos os porcos non se daba nin entrado, había unha corredoira moi estreita. Hai 4 anos preparamos o sitio cunha pa e metemos os animais. O primeiro ano empezamos con 15 porcos e despois xa fomos aumentando”, explican. Neste momento dispoñen dunha extensión de 11 hectáreas pechadas e teñen solicitado un polígono agroforestal para ampliar a superficie da explotación. Serían outras 40 hectáreas en Vilameá, na zona de monte que rodea as casas, pertencentes a uns 80 propietarios. É superficie particular dos veciños que neste momento está sen uso, con parcelas de prados (unhas 5 hectáreas) e o resto de monte con presenza de castiñeiros e carballos.
Cambiámolos de parcela e encalamos para que o monte se recupere
A superficie total en conxunto permitiría criar uns 500 porcos ao ano en extensivo. “Faríamos parcelas de entre 4 e 5 hectáreas para poder ir rotando os animais e que se fose recuperando o monte unha vez que eles pasen e desbrocen. Neste momento, das 11 hectáreas das que dispoñemos, temos 3 en descanso. Normalmente cambiamos de parcela logo de dúas campañas”, explica. O valor de criar porcos en extensivo Julio destaca dous aspectos positivos da cría de porcos en extensivo: “por un lado temos os montes limpos para que non ardan e por outro producimos carne de moita calidade que non ten nada que ver coa de porcos criados nunha granxa, aínda que a raza poida ser a mesma”, defende. “A calidade é totalmente distinta, porque ademais da raza ten que ver moito a alimentación”, asegura. Neste caso, “o que comen é natural para que o sabor da carne lembre á dos porcos de antes”, di. Ademais do que eles comen no monte danlles tamén un pequeno aporte de cereal.
Suplementámolos unicamente cun quilo de cereal ecolóxico por animal e día; o resto do que comen é o que eles atopan no monte
“Suplementámolos con algo de penso ecolóxico, un quilo por animal e día, pero sobre todo eles aliméntanse do que atopan. Toda esta zona era monte con moita castaña e moita bellota”, indica. Ademais, non se xeran problemas de puríns ou contaminación. “Aquí non hai emisións de amoníaco como pode haber nunha granxa porcina convencional. Iso sábese tan só polo olor, neste sistema de manexo non hai cheiros”, asegura. Facer o ciclo de cría completo A explotación está focalizada polo momento no cebo, pero pretende completar o ciclo. "Até o de agora mercabamos os porcos de pequenos, xa destetados, e introduciámolos no monte, pero agora xa contamos con varias reprodutoras e un macho para facer tamén nós aquí a cría. Para a campaña do ano que vén xa os criaremos nós aquí todos", indica Julio. Dentro da parcela dispoñen dun cobertizo onde os animais se poden resgardar da chuvia e o frío, onde reciben a ración diaria de cereal e onde teñen bebedoiros. É tamén a zona de manexo para os tratamentos e a desparasitación e o lugar de carga para a saída dos porcos cebados cara ao matadoiro. Os peches, o máis importante Pechar ben as parcelas é “o máis importante e tamén o máis custoso”, recoñece Julio. “Nós pechamos con malla en todo o perímetro e logo poñémoslles a maiores o pastor. É importante non só para que non se boten eles senón tamén para que non entre o xabarín”, explica. Revisan case a diario o estado dos peches, algo que lle supón bastante tempo, xa que son perímetros de varios quilómetros con zonas algunhas delas difíciles de andar. “Fago o percorrido todo ao redor cada dous días por se puido caer algunha póla, por exemplo, e lévame hora e media. Case é o que máis traballo dá”, recoñece. Raza duroc Os porcos son de raza duroc 100%, que se caracteriza por un bo crecemento e unha axeitada infiltración de graxa. “Probamos distintas razas, desde porco celta a landrán, e tamén cruce de landrán con petrén, pero decantámonos por esta. É a que mellor aguanta o frío e ten un xamón moi entrefrebado. É a que máis rendible nos sae", asegura Julio.
Nun ano gañan uns 100 quilos de peso
Nós pesámolos cando entran e cando saen. Entran con entre dous meses e dous meses e medio e veñen pesando entre 30 e 35 quilos. Logo témolos aquí entre un ano e catorce meses e veñen saíndo con entre 130 e 140 quilos. Sala de transformación Polo de agora Julio e Ramón non contan con instalacións propias nin para sacrificar nin para elaborar, polo que dispoñen de acordos con outras empresas ás que tamén lles venden os porcos cando teñen excedentes unha vez que están cebados. "Matámolos no matadoiro, tanto aquí no de Taboada como en Lugo, e logo elaboramos nunha sala de transformación autorizada para poder vender o produto con tranquilidade", indica. Pero a súa idea a medio prazo é contar cunha sala de despece e elaboración propia e facer uso do servizo de matadoiro móbil que acaba de poñer en marcha a Xunta.
O sobreprezo deste tipo de porcos con respecto a un de granxa non é moito e sen embargo a calidade é outra moi diferente
Venden tanto a particulares que buscan un porco de calidade para a matanza como tamén a bares e restaurantes. Ofrecen tamén para grupos, e previa reserva a través do número de teléfono 647521992, a posibilidade de degustar nunha casa tradicional do século XVIII un cocido elaborado coa carne e as salazóns que eles fan. Dispoñen ademais dalgunha tenda que comercializa xa os seus produtos elaborados (chourizo, chourizo ceboleiro, butelo e androlla, entre outros).
Ofrecen para grupos a posibilidade de degustar un cocido previa reserva
Neste momento a produción que teñen é máis estacional e concéntrase sobre todo nos meses do inverno, que é tamén cando hai máis demanda pola tradición das matanzas nas casas, pero cando teñan a pleno funcionamento o polígono agroforestal, cos 500 porcos, a súa idea é ter produción durante todo o ano e que os seus embutidos e produtos salgados e curados poidan mercarse nas tendas. “E o que non sexamos capaces de transformar e vender nós seguirémolo vendendo a outras industrias cárnicas de transformación que hai en Galicia e que apostan polos produtos de calidade igual ca nós. Hainas que están interesadas en mercarnos a produción”, di Julio.

Vacas cachenas para manter limpos os prados

Nos prados pace un rabaño de dúas ducias de cachenas Na casa de Julio en Sabadelle houbo vacas de leite pero cando a explotación pechou as fincas fóronse abandonando e enchendo de maleza. Por iso decidiu introducir vacas de carne, de raza cachena, coas que manter coidados os prados. “Empecei con 5 e agora teño 24”, detalla. Coa carne de cachena tamén fai venda directa. “Ao principio non había moita saída, pero agora non se dan producido becerros, hai moita demanda”, asegura. Os animales están todo o ano fóra, "tanto en verán como en inverno”, explica. Máis aló do que pacen, nos meses de agosto e setembro ten que suplementar con silo ou herba seca porque “isto é moi seco”, conta.
Para cambialas de prado teño que manexalas eu só; son animais con bastante temperamento
O manexo que fai é sinxelo, simplemente vai cambiando de finca as vacas coas súas crías. A raza cachena ten fama de ter temperamento, pero Julio explica que no seu caso bota man dunha das vacas máis vellas do rabaño, que é a máis mansa, para levala diante e que as outras a sigan. “Teño que manexalas eu só, iso si”, recoñece. Para Julio tanto a cría dos porcos como as vacas cachenas é polo de agora unha actividade complementaria, polo que ten que buscar un sistema de manexo o máis sinxelo posible e que requira a menor carga de traballo posible.
As cachenas non dominan o monte, os porcos si
Aínda que a cachena é unha raza rústica que pace e é capaz de alimentarse en zonas arbustivas, “a vaca non domina o monte”, asegura Julio, polo que a maleza e a vexetación acabaría pechándoo. Por iso pensaron nos porcos que, nese sentido, “desbrozan moito máis que as cachenas”, di. “Os porcos pacen igual que as vacas, pero acaban tamén coas silvas e os toxos; deixan todo limpo e despois aí medra a herba”, valora. O ano pasado no outono, cando retiraron os porcos da parcela de monte na que levaban dous anos, encalaron para favorecer a desinfección do terreo e o nacemento da pradeira, grazas ao mellor aproveitamento do abono depositado polos propios animais.

Inicio da tramitación de senllos polígonos agroforestais en Salvaterra de Miño e Arnoia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar os decretos polos que se declaran de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de Remuíño, localizado no concello ourensán da Arnoia, e o da Cabreira, en Salvaterra do Miño (Pontevedra). Esta declaración implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público aos efectos da aplicación da tramitación de urxencia do procedemento. O caso de Remuíño aprobouse o pasado 8 de xullo de 2022, e ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, en progresivo estado de abandono ou infrautilización. A superficie total neste caso é de 224 hectáreas, distribuídas en 6.753 parcelas de 780 propietarios. Mentres, o polígono de Cabreira actuará sobre 22,21 hectáreas distribuídas en 237 parcelas de 148 propietarios. Neste caso, cómpre destacar que a zona delimitada está na área da Denominación de Orixe Rías Baixas, existindo unha gran demanda de terreos para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculados á produción vitivinícola, gandería extensiva e aproveitamento forestal. “Na actualidade, tendo en conta este de Salvaterra do Miño, estanse a desenvolver un total de 30 polígonos agroforestais de iniciativa pública en toda Galicia, que se atopan en distintas fases de execución. Isto supón un total de 9.323 hectáreas mobilizadas grazas á Lei de recuperación da terra agraria, abranguendo 30.357 parcelas e 8.568 persoas propietarias directamente beneficiadas”, detallan desde a Consellería do Medio Rural.

Medio Rural anuncia tres novos polígonos agroforestais na provincia de Lugo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polos que se aproban os acordos de inicio de tres polígonos agroforestais na provincia de Lugo, que permitirán a posta en valor de preto de 158 hectáreas no seu conxunto, o que implica 361 parcelas de 149 propietarios. Trátase dos polígonos de Sabadelle, no municipio de Chantada; de Loio, na localidade de Paradela; e de Xesto, no concello do Saviñao. Estes polígonos teñen por obxecto pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva, que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal. O obxecto dos polígonos agroforestais pode ser a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Datos dos tres polígonos No relativo ao polígono de Sabadelle, no concello de Chantada -que suporá a mobilización de 38,68 hectáreas de terreo, distribuídas en 114 parcelas de 80 propietarios-, a zona na que se atopa está delimitada na área de actuación de varias Indicacións Xeográficas Protexidas, formando parte da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ademais, existe gran demanda de terreos na zona de actuación para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes, ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculadas á gandaría en extensivo. Por outra banda, o polígono de Loio, no municipio de Paradela; abrangue unha superficie de 23,23 hectáreas, repartidas en 104 parcelas de 36 titulares catastrais. Ademais, atópase na área de actuación da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ao igual que no caso de Sabadelle, en Loio existe unha gran demanda de terreos para iniciativas relacionadas á produción vitivinícola, gandaría extensiva e aproveitamento forestal. Por último, o de Xesto atópase na localidade do Saviñao, e conta con 95,94 hectáreas de superficie, divididas en 143 parcelas de 33 propietarios. Atópase na área de actuación de varias Indicacións Xeográficas Protexidas, como é a IXP Castaña de Galicia. Existe tamén unha gran demanda de terreos vinculados a gandaría en extensivo. Con estes son xa 29 os polígonos agroforestais actualmente en proceso de execución, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que supoñen a posta en valor de 9.300 hectáreas distribuídas en 30.120 parcelas propiedade de 8.420 veciños.

Impulsan un polígono agroforestal en Trazo de 174 hectáreas para producir forraxes para o gando

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega da Industria Forestal, Inés Santé, e da alcaldesa do concello coruñés de Trazo, Josefina Suárez, reuniuse con veciños da localidade en relación co polígono agroforestal de Campo-Gorgullos. O conselleiro explicou que se prevé a mobilización de 174 hectáreas, distribuídas en 112 parcelas de 45 propietarios. Atópanse nunha zona na que existe unha demanda de terras para a produción de forraxe para o gando, polo que o polígono podería orientarse a satisfacer ese tipo de necesidade. Na xuntanza tamén participou o alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro, ao estar unha parcela deste proxecto de mobilización no seu concello. Este polígono agroforestal sumaríase aos 26 que actualmente están en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.100 hectáreas distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Xunto cos polígonos agroforestais cómpre salientar tamén a figura das aldeas modelo, das cales hai xa 21 aprobadas, segundo sinalou José González. Seguindo esta liña, os polígonos agroforestais son unha das figuras de mobilización de terras impulsadas a través da Lei de recuperación da terra agraria -que entrou en vigor en maio de 2021- mediante a cal se están recuperar grandes áreas da terra potenciando os tres usos do chan -agrícola, gandeiro e forestal-, segundo o tipo de cultivo máis acaído. Neste sentido, o conselleiro salientou que neste caso de Trazo trátase especialmente de “reconcentrar” terra moi traballada para crear predios de maior superficie e mellorar así a base territorial das explotacións. Deste xeito, engadiu, dáse un mellor soporte e impulso á actividade agrogandeira da zona.

Propoñen un novo polígono agroforestal no concello ourensán da Peroxa

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños da Peroxa para estudar a posibilidade de implantar a primeira fase dun polígono agroforestal neste concello. Esta figura, entre a súa primeira e segunda fase, abarcará tanto o concello da Peroxa como o de Carballedo, mobilizará unha superficie de máis de 25 hectáreas, distribuídas en 195 parcelas duns 49 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar este polígono a gandaría en extensivo. Este futuro polígono sumaríase ao outro xa implantado neste concello, o de Mirallos, que conta con 44,52 hectáreas, divididas en 193 parcelas de 65 titulares, cuxo uso principal está dedicado tamén á gandaría en extensivo e que se atopa con acordo de inicio. Do mesmo xeito, tamén pasaría a formar parte dos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños.

A Xunta impulsa dous novos polígonos agroforestais nos concellos lugueses de Chantada e Paradela

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, mantivo hoxe unha reunión cos veciños de Chantada para estudar a posibilidade de implantar un polígono agroforestal na parroquia de Sabadelle. Logo de rematar este encontro e resolver as dúbidas dos asistentes, trasladouse ata o concello lucense de Paradela, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, para abordar tamén a posibilidade de crear un polígono na parroquia de Loio. No caso de Sabadelle, o polígono agroforestal abranguería unha superficie de preto de 39 hectáreas, divididas en 114 parcelas de 80 propietarios. Mentres tanto, no de Loio ocuparíanse unhas 23 hectáreas con 90 parcelas duns 25 propietarios. Segundo explicou o conselleiro, proponse dedicar estes polígonos a cultivos agrícolas, incluíndo no de Paradela a posibilidade de recuperar antigos terreos dedicados á viña no ámbito da Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra, co fin de darlle valor ás variedades autóctonas que caracterizan aos viños da comunidade. Ademais, ambos poderían contar tamén con gandaría en extensivo. Estes futuros polígonos sumaríanse aos 24 que actualmente existen en distintas fases en Galicia, que supoñen a posta en valor de máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de 7.900 veciños. O conselleiro no encontro cos veciños de Paradela

Propoñen un polígono agroforestal de 85 hectáreas no concello de Coristanco

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañada do alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, mantivo este venres unha reunión con veciños deste concello coruñés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En particular, a directora xeral explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Erbecedo-, cunha superficie de 84,73 hectáreas distribuídas en 407 parcelas propiedade de 261 titulares. Neste encontro, Inés Santé lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea, non só para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, senón tamén para mellorar a estrutura da propiedade facilitando así a actividade agrogandeira e incrementando a súa rendibilidade. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando máis de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 29.000 parcelas propiedade de máis de 7.900 veciños. Na provincia da Coruña localízase polo de agora unicamente o polígono do concello de Curtis, sendo o de maior dimensión de Galicia, con 3.386 hectáreas.

Propoñen un novo polígono agroforestal no concello pontevedrés de Arbo dedicado a viña

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil, mantivo esta semana unha reunión con veciños deste concello pontevedrés para informalos das vantaxes que presentan os instrumentos de mobilización contemplados na Lei de recuperación da terra agraria, como os polígonos agroforestais ou as aldeas modelo. En concreto, o conselleiro explicou a posibilidade de establecer un polígono agroforestal na zona -en concreto, na parroquia de Arbo-, cunha superficie de 46,67 hectáreas distribuídas en 351 parcelas propiedade de 115 titulares. Así, José González lembroulles aos veciños que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. De feito, en Galicia hai 24 polígonos agroforestais en diferentes fases dende a entrada en vigor da Lei de recuperación -hai xa dous anos-, mobilizando preto de 9.000 hectáreas distribuídas nunhas 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños. Precisamente, deses 24 polígonos, tres atópanse na provincia de Pontevedra. Por unha parte o de Vilalén-Tomonde, no concello de Cerdedo-Cotobade, que prevé mobilizar preto de 68 hectáreas, divididas en 1.534 parcelas de 278 propietarios. O polígono de Mandelos, no municipio de Crecente, conta con 45 hectáreas de superficie divididas en 391 parcelas de 183 propietarios. No concello de Tomiño está proxectado o polígono de Panascos, cunha superficie de 122 hectáreas divididas en 724 parcelas de 633 propietarios. Xunto a estes polígonos agroforestais, o conselleiro sinalou que Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, unha delas na provincia de Pontevedra: a de Mouteira-Parada, no concello de Cerdedo-Cotobade. Con esta ferramenta, insistiu o conselleiro, búscase recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios. Por último, o titular de Medio Rural tamén fixo fincapé nas permutas de especial interese agrario, que no concello de Friol conseguiron mobilizar 400 hectáreas de superficie. Así, salientou, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.

Novo polígono agroforestal no concello pontevedrés de Valga

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este xoves o acordo da Consellería do Medio Rural polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento dun polígono agroforestal de iniciativa pública que estará situado no concello pontevedrés de Valga, concretamente na parroquia de San Miguel, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Constará de 29,75 hectáreas cunhas 377 parcelas de 107 titulares catastrais, que se prevén destinar aos usos agroforestais con maior potencial en función das condicións agronómicas e que se definirán no proxecto técnico do polígono.

Deste xeito, a Consellería do Medio Rural, en colaboración co Concello e tras abrir un período de información ou actuacións previas co fin de coñecer as circunstancias do caso, resolveu a conveniencia de iniciar dito procedemento. O obxectivo prioritario será poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal, así como mellorar a estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas.

Tamén prevé o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos e nas que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

As causas polas que procede desenvolver este polígono de iniciativa pública é a existencia dunha situación produtiva cun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, polo que se lle dá carácter preferente para recuperar as terras acaídas en zonas de producións acollidas a indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe, así como para producións que estean a optar a ese recoñecemento ou calquera outra marca de garantía de calidade.

Enlace no DOG ao acordo do polígono agroforestal de San Miguel (Valga)

Declarados de utilidade pública pola Xunta tres polígonos agroforestais de Ourense

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe cadanseu anuncio da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polo que se declaran de utilidade pública os polígonos agroforestais de San Amaro (San Amaro), Mirallos (A Peroxa) e Prado de Miño (Castrelo de Miño), todos eles na provincia de Ourense. Deste xeito, dáse conta dos diferentes usos aos que se poden someter os terreos para executar distintas actividades agroforestais. Estes proxectos enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e supoñen a mobilización, en conxunto, dun total de 232 hectáreas. Así, o polígono de San Amaro, no concello homónimo, conta con 28,03 hectáreas de terreo divididas en 422 parcelas de 146 propietarios; no de Mirallos, situado no concello da Peroxa, están agrupadas un total de 44,52 hectáreas de terreo correspondentes a 193 predios de 65 titulares e o de Prado de Miño -en Castrelo de Miño- reúne 160 hectáreas conformadas por 1.685 parcelas de 372 propietarios. Cabe sinalar que neste caso, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, o obxectivo prioritario é poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade agrícola ou forestal. No caso do polígono de San Amaro, o uso planificado é principalmente para a gandaría en extensivo, cultivos para a alimentación do gando e mesmo cultivos leñosos. Pola súa banda, o polígono agroforestal de Mirallos destaca polo uso principal da gandaría en extensivo. Así mesmo, no polígono agroforestal de Prado de Miño establécese como uso destacado o cultivo da vide dentro da denominación de orixe do Ribeiro. Toda a documentación pode consultarse no portal web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Enlaces ás publicacións dos anuncios no DOG: San Amaro (San Amaro): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0426-300623-0004_gl.html Mirallos (A Peroxa): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0426-300623-0006_gl.html Prado de Miño (Castrelo de Miño): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230710/AnuncioG0426-300623-0005_gl.html

Medio Rural prevé proxectos piloto de permutas agrarias en Lugo, Ordes e Deza – Tabeirós

En Friol estase desenvolvendo desde o 2020 un proxecto piloto de permuta de terras que agora a Consellería do Medio Rural quere extender a máis comarcas galegas. En concreto, para este ano espéranse novos proxectos piloto de permutas en Lugo, Ordes e Deza / Tabeirós – Montes (Pontevedra Norte), en colaboración cos correspondentes Grupos de Desenvolvemento Rural que actúan nesas áreas. O obxectivo é traballar en zonas onde as propiedades están ben identificadas e que presentan suficientes viais de servizo das terras agrarias. As novas tres áreas piloto para traballar con permutas agrarias foron anunciadas esta semana no Parlamento polo deputado popular José Antonio Armada, que propuxo instar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a abrir unha liña de axudas para cubrir os gastos notariais e rexistrais dos propietarios que participen nas permutas. A proposta do grupo popular foi aprobada por unanimidade, co apoio do Bng e do grupo socialista, se ben por parte do BNG, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ cuestionou a suposta falta de xestión da Xunta na reestruturación das terras agrarias. “En permutas só temos o caso de Friol, que foi unha iniciativa concreta dun alcalde, canso de ver que os outros sistemas non funcionaban” -opinou ‘Mini’-. “Das concentracións parcelarias, mellor non falemos, porque quero lembrar que en decembro do 2022, a Xunta rematou unha concentración que se iniciara no ano 1967”. Polígonos agroforestais En canto á Lei de Recuperación das Terras Agrarias, ‘Mini’ interesouse polo polígono agroforestal de 3.400 hectáreas que se comezou a tramitar no concello de Curtis (A Coruña). “Cantos anos tardarán en poñelo en marcha?” -preguntouse-. “É un proxecto dunha dimensión moi interesante, suficiente para poñer terra a disposición das explotacións do concello e tamén podería haber sitio para proxectos innovadores de neo-rurais. O problema que temos en Galicia é que cada vez pechan máis explotacións e as poucas que quedan engordan en terras, pero precisamos tamén máis explotacións, porque é o que mantén xente no campo e o que trae servizos”, valorou. Sobre as iniciativas de polígonos agroforestais en marcha, ‘Mini’ advertiu de que lle preocupa a “intención política”. “Sería un problema que 2 ou 3 empresas se fagan con moita propiedade e fagan o seu agosto. Á beira dun dos polígonos agroforestais en proxecto, a adega Vega Sicilia xa estivo mercando terras”, cuestionou ‘Mini’.

Novo polígono agroforestal no concello ourensán de San Cibrao das Viñas

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e do alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández, mantivo esta mañá unha reunión cos veciños deste municipio ourensán que se poderán ver beneficiados pola implantación do polígono agroforestal de Soutopenedo. Neste senso, sinalou que dito instrumento prevé mobilizar unha superficie total de 53,27 hectáreas, dividida actualmente en 90 parcelas propiedade de 75 veciños. Así, o conselleiro indicoulles que con este polígono -que se atopa en fase de actuacións previas- búscase recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

O 58% da superficie mobilizada pola Xunta a través dos polígonos agroforestais está na provincia de Ourense

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, supervisou esta mañá os traballos de roza que se están levando a cabo no futuro polígono agroforestal deste municipio ourensán. Alí destacou que a provincia de Ourense aglutina preto do 58% da superficie total que está sendo mobilizada a través dos polígonos agroforestais, que impulsa a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Na visita tamén estivo presente o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. Neste senso, o conselleiro lembrou que Galicia conta –a día de hoxe- cun total de 21 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases. Estes suporán a mobilización de case 8.800 hectáreas distribuídas en algo máis de 26.400 parcelas propiedade duns 7.250 veciños. No tocante á provincia de Ourense, José González indicou que son 15 os polígonos declarados, os cales mobilizarán algo máis de 5.000 hectáreas. Precisamente, un deles é o de Cualedro, que contempla unha superficie de 64 hectáreas repartidas en 72 parcelas propiedade de 70 veciños, cuxo principal uso sería a gandaría en extensivo e cultivos complementarios. Amais, nesta mesma comarca, están tamén os polígonos de Monterrei, Riós e Oímbra. Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándose aos incendios forestais. A mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado. Así mesmo, a Lei de recuperación establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Aldeas modelo

Xunto a estes 21 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas, das cales 14 están na provincia de Ourense. Precisamente, unha delas está no municipio de Cualedro, en Carzoá, que tamén visitaron hoxe. Dita aldea conta cunha superficie de case 54 hectáreas arredor do núcleo a dinamizar repartidas en 389 parcelas de 215 propietarios. O seu uso principal perfílase para os cultivos de horta e de ciclo curto, ademais da explotación gandeira. Polo tanto, destacou José González, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario. Neste senso, o titular de Medio Rural lembrou que nos orzamentos deste ano da Consellería destínanse 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11 % máis ca en 2022.

Axudas dinamización núcleos

Cabe lembrar que a Consellería sacou unha liña de axudas para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. Así, a convocatoria deste ano 2023 -a cal está aberta a día de hoxe- conta cun orzamento de dous millóns de euros. Precisamente, o concello de Cualedro foi beneficiario de dúas subvencións correspondentes á convocatoria de 2022, cun orzamento total de case 57.000 euros. A primeira axuda correspondeuse a mellorar as instalacións da Casa da Cultura de Cualedro, que se atopa na zona de influencia do polígono agroforestal, mentres que a segunda achega foi para a mellora das redes de saneamento e abastecemento do núcleo da propia aldea modelo de Carzoá. Con estas axudas, búscase mellorar a calidade de vida e a contorna habitada dos núcleos rurais vinculados aos instrumentos de recuperación, ao tempo que se melloran infraestruturas para o desenvolvemento de actividade económica.