Archives

“Temos un produto moi bo, o sector ten capacidade para seguir medrando en Galicia”

David, xunto ao seu pai, Uxío, na sala de extracción en Santa María de Vilar, en Sarria Cando unha colmea está forte, o natural é que saia un enxamio. Algo parecido lle pasou a Uxío Veiga. Para David, o seu fillo, as abellas son o que as vacas para outros mozos do rural galego: criouse entre elas e desde pequeno tomou contacto co oficio axudando na casa. Despois formouse e hoxe xa voa só, cunha explotación que está a medrar e que busca garantir a rendibilidade pero mantendo o sistema tradicional de producir mel en Galicia nas últimas décadas. David representa esa remuda xeracional que está a tomar o relevo no sector apícola galego. Os seus pais, Uxío e María, comezaron con dúas colmeas antes de que el nacera e manteñen hoxe unha explotación profesional con 10 apiarios repartidos polos concellos de Sarria, Láncara, O Incio, Bóveda, A Pobra do Brollón e Samos. David, o máis pequeno de tres irmáns, seguiu os seus pasos. Conta hoxe xa con 400 colmeas propias pero quere chegar ao dobre "para que deixe un soldo digno cando hai un ano malo".
Os seus pais, Uxío e María, comezaron con dúas colmeas antes de que el nacera e manteñen hoxe unha explotación profesional con 10 apiarios repartidos polos concellos de Sarria, Láncara, O Incio, Bóveda, A Pobra do Brollón e Samos
A base de operacións tanto de David coma dos seus pais atópase no lugar de Crecente, na parroquia de Santa María de Vilar, en Sarria. Alí está a casa familiar e a sala de extracción e envasado do mel. Alí faise o traballo "coma toda a vida: pélase co coitelo, os panais van para a centrifugadora e o mel que sae repousa no madurador antes de ser envasado", explican. "Desde que recupere un pouco o investimento inicial que tiven que facer para montar os colmeares quero mercar algo de maquinaria para axilizar o proceso de extracción pero sen perder a esencia do produto final", di David. "Como o manexo que fago é o de toda a vida, o sabor tamén o é. Este mel sabe ao que sempre se colleu nas casas", asegura. David pretende seguir aumentando o seu número de colmeas até acadar unha cantidade que lle asegure unha rendibilidade mínima. "A miña idea é chegar a 700 ou 800 para dar atendido sen ter que meter xente", xustifica.
A miña idea é chegar a 700 ou 800 para que deixe un soldo digno se vén un ano malo e dar atendido sen ter que meter xente
Pensa que "o sector ten capacidade para seguir medrando en Galicia" e defende que "cantos máis sexamos mellor". Cando tomou a decisión de deixar o traballo para adicarse profesionalmente á apicultura, fixo cursos de formación de iniciación no CFEA de Monforte, de perfeccionamento na Escola Galega de Apicultura de Allariz e de fecundación instrumental de raíñas en Madrid. "Trato de facer algún curso todos os anos, porque sempre coñeces xente e sacas amigos daí", destaca. Descenso da produción O manexo das colmeas que fai este mozo é o mesmo que xa facían os seus pais, pero hai unha diferenza evidente de cando comezaron Uxío e María a hoxe. "Os anos bos que había antes, cando se sacaban 30 ou 35 quilos por colmea, non volven", di Uxío. "Agora o normal está entre 10 e 12 quilos, un ano moi bo podes chegar a 20 como moito", compara David. Hai tamén menos estabilidade e a produción volveuse moito máis variable. "Este último ano saquei a metade, sobre 4.000 quilos, cando nun ano normal había que sacar o dobre", explica.
Os anos bos que había antes, cando se sacaban 30 ou 35 quilos por colmea, non volven
Entre os factores aos que achaca o descenso na produción están o cambio climático, a varroa ou a vespa asiática. Na zona que el traballa (9 colmeares repartidos pola comarca de Sarria), "o cambio climático e a varroa case son máis problema que a velutina", di. "Aquí aínda non temos a infección que hai na costa e o ano pasado, por exemplo, non afectou moito porque veu mal tempo ao principio para as abellas e tamén para as velutinas", remarca. Loita contra a velutina e a varroa O traballo tamén se multiplicou con respecto a cando empezaron os seus pais. "A apicultura cambiou moito, eu acórdome de pequeno que era poñer as alzas e as tiras para a varroa e listo. Hoxe hai traballo todo o ano, entre limpar e desbrozar os colmeares, poñer cera, tratamentos, renovar as trampas para a velutina, etc. Mínimo hai que ir cada 15 días ao colmear, non é só ir sacar o mel", evidencia.
A apicultura cambiou moito, hoxe hai traballo todo o ano, mínimo hai que ir cada 15 días ao colmear, non é só ir sacar o mel
O que David e Uxío fan para minimizar os ataques da vespa asiática ás colmeas é colocar trampas para a captura de raíñas. "Trampeamos a partir da primeira revisión, desde mediados de febreiro ata maio ou xuño e colocamos piquera antivelutina ao final do verán, para que non entren dentro en agosto e setembro", explican. Para a varroa tratan con Apivar, seguindo as recomendacións de Gonzalo Calvo, o veterinario da Asociación Galega de Apicultura, da que forman parte. "Seguiremos con este tratamento mentres non cree resistencia. Non estamos en ecolóxico porque dá máis traballo, porque hai que comprobar que o tratamento foi efectivo e en moitos casos volver tratar", argumenta David. A eiva da comercialización Ao coidado das abellas hay que sumar tamén a labor de comercialización do mel. David vende o seu produto a nivel local e en tendas de alimentación, froitarías, panadarías e carnicerías da comarca, da cidade de Lugo e de Monforte. Polo de agora etiqueta coa marca conxunta que a Asociación Galega de Apicultura ofrece aos seus asociados, aínda que está a valorar crear a maiores a súa propia marca para diferenciarse no mercado con determinados produtos.
Eu prefiro traballar coas abellas, aínda que te obriguen a madrugar e che pique algunha de vez en cando
Polo de agora non o fixo porque "se eres produtor, poñerte a comercializar é outro traballo a maiores, moi distinto ademais", recoñece. "Eu prefiro traballar coas abellas, aínda que te obriguen a madrugar e che pique algunha de vez en cando, pero haberá que poñerse e ir aprendendo pouco a pouco, porque esa é a gran eiva que temos os apicultores", considera. "Temos un produto bo e temos que saber como vendelo, temos que mellorar niso", asegura.

Diversificar para reducir os riscos

Un dos colmeares cos frontais para recoller o pole á entrada das piqueras Unha das estratexias que este mozo está a seguir para valorizar o seu produto é diversificar. "Tratamos de producir mel, pole e núcleos, porque deste xeito se vén un mal ano de mel poder compensar co resto. Eu agora neste momento vendo poucos enxamios porque estou medrando, pero os meus pais venden uns 100 núcleos ao ano para aforrar traballo e non ter que andar con tanto peso á hora de sacar o mel", conta David. Entre os caracteres que seleccionan á hora de facer os novos enxamios están os da produción e limpeza, algo que considera importante para combater enfermidades como a varroa ou o locke americano.
Tratamos de producir mel, pole e núcleos para poder compensar se vén un mal ano de mel
Outro dos produtos apícolas polo que están a apostar é polo pole. "Aquí practicamente non se coñece pero cada vez é máis demandado", asegura. Trátase dun produto laborioso e que require de certo investimento. "Dá traballo, porque hai que ir ao colmear a sacalo cada dous días e no noso caso son rutas longas nas que facemos máis de 100 quilómetros, e tamén gasto, porque tes que ter un secadeiro e gastas en luz", conta David. Pole, que recollen cada dous días e someten a un proceso de esterilización e secado Producen entre 1.000 e 1.500 quilos por tempada, que comercializan deshidratado. Trátase dun pole con bastante variedade floral, que se aprecia na súa diversidade cromática: o de silva é verdoso, o de castiñeiro amarelo, o de queiroga marrón claro e o de vigorera violeta.
O pole dá traballo e gasto, pero é un produto cada vez máis demandado
Para colleitalo instalan unhas trampas nas piqueras para que as abellas ao chegaren cargadas co pole nas súas patas o vaian deixando antes de almacenalo nas celdiñas de cera. Iso require estar moi pendente. O proceso posterior tamén é máis complicado ca o do mel. "Recollemos cada dous días o pole no colmear, logo facemos unha limpeza e vai ao conxelador un mínimo de 3 ou 4 días para que se vén algunha larva morra e despois pasa ao deshidratador para que se conserve. Antes de envasalo aínda lle facemos outra limpeza a maiores", explica David.
Cada vez a xente ten máis información do produto e sabe que se cristaliza é porque é natural. Fai anos dicíanche que era porque lle botabas azucre ao mel
O mel tamén é multifloral, aínda que o da última colleita resultou cun 74% de castiñeiro na analítica polínica realizada, polo que entraría dentro dos parámetros para ser considerado monofloral. "Extraemos en dúas veces por comodidade nosa, pero até agora non nos adicamos a sacar monoflorais", indica. O seu mel leva castiñeiro, silva, brezo e algo de mielato nun dos colmeares. "Por aquí o que non hai é eucalipto", di. Cría de raíñas para facer núcleos para repoñer baixas e vender a outros apicultores O seu pai, Uxío, que trata de contaxiar agora a afección polas abellas ao seu neto Nico, valora que hoxe o consumidor estea máis informado e demande calidade. "Cada vez a xente ten máis información do produto. Moita xente sabe, por exemplo, que a cristalización do mel é unha garantía de que se trata dun produto natural, pero fai anos dicíanche que era que lle botabas azucre", lembra.

A colleita de mel redúcese, afectada pola seca estival e as chuvias da primavera

Este ano, as previsións dos abelleiros e as primeiras esmelgas xa realizadas, sobre todo en zonas de costa, fan prever unha menor colleita de mel, ademais de resultar moi dispar. Unha primavera cunha meteoroloxía moi irregular deixou consecuencias nos apiarios, cunha redución tanto do mel coma da produción de polen. A seca dos últimos meses tampouco contribuíu a mellorar as previsións, posto que floracións como a do castiñeiro ou da silva foron escasas en moitas zonas da montaña, o que condicionará a colleita de mel. No sector tamén se apunta a que a produción será este ano moi irregular. Así, algúns apicultores teñen boas previsións de colleita, pola contra outros están a ver reducida a súa produción de xeito moi notable.

Baixa produción na costa

“Na costa colleuse moi pouco mel e no interior a seca está reducindo moito a produción”, resume Xesús Asorey, portavoz da Asociación Galega de Apicultura (AGA). A meteoroloxía cambiante dos primeiros meses da primavera provocou, segundo explica Asorey, que moitas colmeas comezasen a traballar moi cedo naquelas zonas do litoral centradas, sobre todo, no mel de eucalipto. “O mal tempo que lles veu despois fixo que moitas colmeas xa non puidesen volver recuperar. Así é que na costa hai moitos apicultores que non teñen case ningún mel”, detallan dende AGA.
“Na costa colleuse moi pouco mel e no interior a seca está reducindo moito a produción”: Xesús Asorey, AGA
A mesma opinión comparten dende a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. “A previsión xeral é que sexa unha colleita menor que a doutros anos, aínda que nalgúns casos puntuais pode lograrse boa produción”, valora Esther Ordóñez, presidenta do Consello Regulador Mel de Galicia. A meteoroloxía cambiante da primavera condicionou en gran medida non só a produción de mel de eucalipto na costa, senón mesmo a supervivencia dos apiarios. “As chuvias do mes de abril pillaron a moitas colmeas moi avanzadas na produción de mel, pero cando volveu o bo tempo xa non conseguiron recuperarse, porque xa rematara a floración. Houbo moitas colmeas que comeron toda a produción que tiñan e mesmo algunhas chegaron a morrer de fame”, detalla Ordóñez.
“Houbo moitas colmeas que na primavera comeron toda a produción que tiñan acumulada”: Esther Ordóñez, Mel de Galicia
Tamén coinciden nestas valoracións dende Mieles Anta, a maior produtora de mel de Galicia. A pesares de que a maioría das súas colmeas se atopan na montaña lucense, tamén contan cunha pequena parte da produción na costa, onde este ano as previsións de colleita son máis baixas. “Nas colmeas da costa está a haber moi pouca cantidade de mel. No resto, aínda que non é unha das mellores colleitas con respecto dos anos máis abundantes, agárdase ter mesmo un 10% máis de produción que o ano pasado”, concreta David Iriso, xerente de Mieles Anta. Cunha produción anual dunhas 300 toneladas de mel, a empresa lucense comezou a finais de xullo coas primeiras esmelgas, logo de rematar a recollida de polen, que lles resultou mellor que a campaña pasada. “Este ano acadamos unhas 7 toneladas de pole de castiñeiro, pero a avespiña está a afectar moito e redúcese a recollida ó non botar ou ter menos flor os castiñeiros”, detalla Iriso.

A seca, un dos condicionantes

Mentres na primavera foron as chuvias, a baixada de temperaturas e a inestabilidade as que condicionaron a colleita, nas zonas de interior e na montaña a seca prolongada dos últimos meses tamén influíu directamente na produción. Así o poñen de manifesto dende a Asociación Provincial Lucense de Apicultores. “Non é un dos peores anos, pero en xeral parece que vai haber menos produción”, explica Pablo Piñeiro, presidente do colectivo e apicultor. Nos seus apiarios, situados na zona da Pontenova (Lugo), xa realizou a esmelga en días pasados e a produción foi bastante boa, porén indica que moitos abelleiros da zona do interior e da montaña de Lugo están notando os efectos da seca. “Nas zonas máis próximas á costa as floracións de castiñeiro e silva van case cun mes de adianto, co que as abellas puideron aproveitalas moi ben. Tamén para eles o comezo do ano, coa flor do eucalipto, resultou boa, pero na montaña esta seca fixo que esas flores non foran tan produtivas”, detalla Piñeiro.
"É moi importante ter coidadas e fortes as colmeas para que poidan superar malas condicións meteorolóxicas": Román Cid, Abellas Nais
Na provincia de Ourense, a situación é moi irregular, con apiarios onde as perspectivas están a ser boas e outros nos que xa contan cunha baixa produción, segundo explica Román Cid, promotor da Asociación Abellas Nais. Así, na zona Verín, Ourense ou A Veiga, algúns dos socios constatan que está a ser un ano frouxo de mel. Porén, no Carballiño ou en Celanova, algúns dos apicultores asociados apuntan a que terán producións de entre 30 ou 40 quilos por colmea. Nesta provincia, cunha importante produción de mel, os recentes incendios en concellos como Cualedro ou Monterrei tamén deixaron danos nos apiarios. "Cada ano vémonos afectados polos lumes nas colmeas, nunha época na que non só perdemos as nosas abellas senón tamén a produción de mel",valora Cid. Dende a Asociación Abellas Nais inciden en que, a pesar do papel fundamental que xoga a meteoroloxía para a colleita do mel, tamén os coidados dos abelleiros son determinantes. “É moi importante ter coidadas e fortes as colmeas e preparadas para que poidan superar as malas condicións meteorolóxicas. O manexo que se fai do apiario é determinante”, explica Cid, ó tempo que recomenda optimizar o apiario e optar por un menor número de colmeas ben xestionadas e coas que garantir unha maior produción.

Adianto da esmelga

Nas últimas tempadas, tamén se está detectando un adianto da esmelga, que nalgúns casos mesmo chega a ser dun mes. Mentres que hai anos, a cata das colmeas adoitaba realizarse en setembro, sobre todo naquelas zonas de montaña e interior de Galicia, agora estes traballos realízanse, en moitos apiarios xa a finais de agosto ou mesmo no mes de xullo, máis aínda cando se trata das zonas costeiras. Un dos motivos que está detrás deste adianto é a presenza de vespa velutina. “Os apicultores prefiren recoller antes o mel e protexer as abellas contra o ataque da velutina, que é máis intenso nos últimos meses do verán”, explica Asorey. A posibilidade da venda directa do mel ós turistas e visitantes é outro dos motivos que apuntan dende o sector para querer realizar a esmelga máis cedo e aproveitar a maior presenza de clientes nos meses de estío.

San Sadurniño recupera os cursos de fruticultura e apicultura suspendidos pola crise sanitaria

O Concello de San Sadurniño (A Coruña), coa colaboración da Asociación Galega da Froita Autóctona (AGFA) e da Casa do Mel de Goente, volve lanzar as convocatorias formativas que quedaran suspendidas polo estado de alarma debido á crise do coronavirus. Celebrarán dous cursos que serán gratuítos para veciñanza empadroada en San Sadurniño, un deles centrado nos labores que cómpre facer neste momento nas árbores froiteiras e outro será unha iniciación no mundo do mel e as abellas. O primeiro dos cursos que se celebrará será o de iniciación á apicultura, que se levará a cabo os días 4, 5, 11 e 18 de xullo en horario de 9:00 a 14:00 horas. Durante estas catro xornadas abordarán a bioloxía do enxame, o funcionamento da colmea e o papel de quen coida dela. Tamén se tratará a instalación do apiario, a flora melífera, así como a reprodución da colmea cos enxames e a saúde das abellas. A última xornada centrarase na produción e a comercialización do mel, pole, própole, xelea e cera. A formación teórica impartirase na Casa da Cultura, aínda que esta ubicación está suxeita á dispoñibilidade nos primeiros días de xullo por mor dos actos da campaña electoral. As prácticas faranse no apiario da Cortiña. Ademais, está prevista unha visita á Casa do Mel de Goente. O segundo curso, de Iniciación á fruticultura, celebrarase os días 10, 17 e 31 de xullo, 7 e 14 de agosto, en horario de 16:30 a 20:30h. Ignacio Bellas encargarase de impartir este curso impulsado por AGFA e dirixido a persoas que queiran iniciarse ou mellorar os seus coñecementos sobre a produción das árbores froiteiras. Nas sesións abordarán a morfoloxía, as técnicas de plantación e as tarefas de mantemento, poda e enxertado. A teoría darase tamén na Casa da Cultura e para as prácticas acudirase á horta de conservación "Carlos Fornos". Unha das xornadas resérvase para visitar unha explotación froiteira.

Inscrición

Ambos cursos son gratuítos para os veciños de calquera parroquia de San Sadurniño. No caso do obradoiro de apicultura tamén será de balde para os asociados da Casa do Mel de Goente e no taller de fruticultura para os socios de AGFA tampouco terá custo. Mentres, para o resto de persoas interesadas en participar o prezo será de 40 euros en cada un deles. En ambos cursos será preciso contar cun grupo mínimo de 10 persoas para levar a cabo a actividade, que conta cun máximo de 20 prazas. A inscrición no curso de apicultura deberá formalizarse antes das 12.00 horas do día 3 de xullo e para o taller de fruticultura o prazo para anotarse finaliza ás 14.00 horas do día 8 de xullo. En ambos casos a inscrición poderá facerse chamando ó 981 490 027, onde tamén lle facilitarán máis información sobre as actividades.

Xornadas sobre a vespa velutina e alternativas ó mel no CFEA Lourizán

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán (Pontevedra) celebra a próxima semana unas xornadas apícolas centradas no control da vespa velutina e en distintas alternativas ó mel. As sesións levaránse a cabo o luns 23 e o xoves 26 nas instalacións do centro educativo. Están dirixidas a técnicos e propietarios agroforestais así como a titulares de explotacións e empresas vinculadas co aproveitamento apícola. Detallamos o programa das xornadas: LUNS 23 - 16:00-18:00 h. Métodos de loita e control da Vespa velutina. Sandra Victoria. Universidade de Vigo. - 18:00-20:00 h. Abelleiro europeo. Resposta natural contra a invasión da Vespa velutina. Primeros resultados e futuro da investigación. Jose Manuel Fernández. Naturalista ornitólogo do Departamento de Ciencias da Vida da Universidade de Alcalá de Henares. XOVES 26 - 15:30-20:00 h. Alternativas ao mel: cera, paquetes de abellas, raíñas e realeras, xalea, propóleos, pole. Producións industriais: hidromel, alimentación. Apiterapia. Román Cid. Presidente da asociación apícola Abellas Nais.

“O pole ten moi boa saída no mercado pero vemos unha gran oportunidade en producir xelea real”

Francisco Rogao é propietario da tenda apícola Macmel e tamén apicultor, cunhas 1.000 colmeas en produción en Macedo de Cavaleiros, no nordeste de Portugal. Este referente en Portugal na produción de pole ven de impartir un relatorio sobre as claves deste produto na Mostra Galega de Apicultura, organizada pola Asociación Galega de Apicultura (AGA) e que se celebrou o pasado sábado en Arzúa. ¿Como comezaches neste sector da apicultura? Tiña uns libros que mercara en Francia e en Suíza sobre apicultura e comezoume a gustar. Un día merqueille catro “corchos” a un veciño do meu pobo, de Macedo de Caleiros, preto de Bragança, e ese mesmo ano enxamearon e xa pasei e 8 de a 14 colmeas ao ano seguinte. Ese ano tiven un problema e morreron 13 colmeas porque non atopaba tratamento. Foi así como xurdiu a idea de abrir na zona unha tenda para apicultores, Macmel, e teño neste momento unhas 1.000 colmeas en produción. Comentabas no teu relatorio na xornada da Asociación Galega de Apicultura que varios apicultores da zona vos organizades para reducir custos de produción. ¿Como traballades? Somos un grupo de 6 amigos que nos chamamos a Seita da Abelha e organizámonos para reducir custos. Así, facemos quendas para visitar e revisar os apiarios, facendo rutas que nos aforren tempo de desprazamento e combustible. Chegamos a reducir os custos nun terzo mantendo a mesma produción. ¿Cales son as vosas principais producións? Facemos sobre todo pole, mel, criamos raíñas, vendemos enxames e neste momento tamén estamos a producir propóleo, que é un produto que se logra sen minguar as outras producións. Nun ano normal producimos unhas 3 toneladas de pole e unhas 10 toneladas de mel. Facemos moitos enxames e raíñas tamén e iso reduce a produción de mel e pole. ¿Que requisitos debe reunir unha colmea para ser boa produtora de pole? Para ser boa produtora de pole a colmea debe ter moita cría, porque as abellas precisan de pole para alimentar a cría. A abella produce o que necesita e se ten moita cría vai producir máis pole, e se llo quitamos, máis pole ela vai buscar. Por outra parte, a colmea debe estar forte, cun mínimo de 8 ou 9 cadros e ter máis da metade dos cadros con cría. A colmea tamén debe ser nova, pois se fóra vella as abellas evitarían pasar polo cazapole. E se a colmea ten fondo de rede moito mellor, pois evítase que o lixo da colmea caia no cazapole. A raíña tamén debe ser nova. A flora do entorno tamén é clave. ¿Que especies no voso entorno son máis produtivas para pole? Para nós a especie máis produtiva é a xara. Tamén é moi interesante a silva, o carballo cando está en floración, e tamén a sobreira. O eucalipto tamén é interesante. Pero se hai abellas hai pole, e por iso pode recolectarse pole en todas as zonas. O apicultor ten que observar e analizar o seu entorno e ver cales son as épocas idóneas.
 “Logramos producir unha media de 5 kilos de pole por colmea”
No noso caso empezamos a colleita de pole nun ano normal no mes de abril e logramos unha colleita media de 5 kilos de pole por colmea. ¿Que tipo de pole vos demanda o mercado? É difícil lograr pole de monoespecie porque temos un entorno, como en Galicia, moi diverso, sen grandes monocultivos. Hai épocas do ano onde podes ter máis pole de castiñeiro ou de xara, pero é case imposible lograr un pole monoespecie. Coa vosa xa longa experiencia, ¿Cales son os erros máis comúns que se solen cometer? Non escoller as datas correctas. Cando hai previsión de choiva, para unha semana, débense retirar os cazapoles. Os apicultores deben saber o que hai no seu entorno, porque se se colocan os cazapoles moi cedo, en marzo ou en febreiro, comprometemos o desarrollo da cría, temos que dar tempo a que aseguren e almacenen o pole para a cría. Debemos saber cales son as épocas propicias e iso lógrase coa experiencia de campo, porque senón podemos chegar á primavera sen abellas suficientes.
 “Hai que observar moi ben o entorno para colocar os cazapoles”
A maior parte dos manuais recomendan ter pechados os cazapoles durante 6 días e abrilos durante 2 para que non falte pole na colmea. Pero se se fai así vas ir unha vez abrir os cazapoles e ao día seguinte volver para pechalos, e iso obriga a aumentar os gastos de desprazamento e tamén baixar a produción. A nosa recomendación é ter telos sempre pechados para desta forma traer sempre produción. ¿Compromete a vida da colmea o feito de colleitarlle pole? Non observamos diferencias porque boa parte das colmeas teñen pole de máis, que vai colocar nas alzas, nas medias alzas. Se o quitas vas lograr rendibilidade, pero se non o quitas esa cera que ten pole vai ser a primeira en coller couza, e vas ter tamén un problema. ¿Traballades con selección xenética? Si, cando facemos as raíñas para nós e aquelas colmeas que máis pole producen son das que obtemos raíñas. Temos moitas colmeas e non hai problemas de consanguinidade. Temos un colmeas de fecundación que está entre 15 e 20 km das outras colmeas, e nunca se van cruzar coas súas irmás porque a distancia é moi grande. Advertías no teu relatorio de que a conservación do pole é clave. Explícate... Se o pole, unha vez secado, mantén unha humidade superior ao 6 ou ao 7%, poden producirse fermentacións e o pole non ten valor comercial. Unha vez secado, o pole debe meterse nunha bolsa para que non absorba a humidade ambiente. E para evitar que desarrolle ovos de larvas de couza, é preciso meter Nitróxeno e CO2, dous gases da atmosfera, e desta forma morren as larvas que poda haber. Previamente o pole debe ser secado, e posteriormente é peneirado para evitar refugallos e que sexa o máis puro posible. No caso do pole que vai ser consumido en fresco, sen deshidratar, debe ser ultraconxelado e desta forma pode conservarse ata 3 anos. O pole deshidratado, se está protexido da luz solar, pode aguantar para o consumo sen problema 3 anos.
 “Estamos vendendo o pole a unha media de 12 euros o kilo”
¿Como están os prezos do pole para o apicultor? O ano pasado de promedio estivo a 12 euros o quilo. Creo que é unha boa opción para un apicultor producir pole tamén. No noso caso de Macmel, exportamos pole directamente, tanto a nosa produción como a doutros apicultores da zona. O destino principal é Alemaña, Francia, Bélxica... O pole que máis nos demandan é o de xara e agora imos empezar tamén a recoller algún de castiñeiro. O de carballo tamén é un pole que se demanda. ¿Que posibilidades ves en Galicia para producir pole? É clave asociarse entre varios apicultores para xuntar un volume interesante. Ademais, as máquinas para secar pole son moi caras, e non compensa facelo un só. É moito máis rendible que a merque unha asociación de varios apicultores. É clave asociarse para comercializar pole, pois ademais un comprador vai ofrecer mellor prezo. No noso caso cando negociamos cos importadores estranxeiros logramos xuntar 12 toneladas de pole, entre a produción nosa e a dos apicultores da zona, e desa forma logramos mellor prezo.
 “A nosa estratexia de futuro é potenciar a produción de xelea real”
¿Que vos gustaría cambiar de cara ao futuro? Estamos intentando comezar a producir xelea real en Portugal. O 90% da que se consume na Península Ibérica procede de China e hai moito campo para que a produzamos nós. A nosa estratexia é dentro de 5 anos reducir a produción de pole, porque neste momento en Portugal xa producimos moito, e incrementar a produción de xelea real.

O pole de abella: o único alimento completo en aminoácidos esenciais e en vitaminas

O pole é un auténtico superalimento, con numerosos compostos bioactivos que son beneficiosos para a saúde humana. Esta é unha das conclusións dos estudos que está a levar a cabo o Grupo de Investigación Recoñecido (GIR) Técnicas de Separación e Análise Aplicada (TESEA) da Universidade de Valladolid (Uva), en colaboración co Centro Apícola Rexional de Marchamalo, centro adscrito á Junta de Comunidades de Castela-A Mancha.

O doutor en químicas pola Universidade de Valladolid e investigador do TESEA, José Bernal del Nozal, presentou en recentemente celebrada Feira Apícola Internacional de Pastrana (Guadalaxara) un relatorio sobre “Compostos Bioactivos do Pole de Abella”. Conel falamos para coñecer os resultados das súas investigacións.

Que che levou a investigar sobre o pole de abella?
O noso grupo (TESEA; Técnicas de Separación e Análise Aplicada) leva máis de 30 anos dedicado ao estudo de produtos apícolas, sempre en colaboración co centro de Marchamalo (Guadalaxara), posto que nós traballamos na área da Química Analítica e o que facemos é apoiar as súas investigacións, ao mesmo tempo eles fornécennos as mostras que usamos para levar a cabo distintos proxectos de investigación.

Como recentemente constatouse unha desaparición inusual das abellas, sinalouse como unha das posibles causas o déficit nutricional, polo que pensamos en abordar o estudo daqueles compoñentes que puidesen diferenciar as distintas achegas nutritivas das diferentes plantas.

Ao mesmo tempo e tendo en conta a situación de seca, pensamos en examinar algúns compostos relacionados co estrés hídrico, iso motivounos a solicitar un proxecto, que está en fase de execución, dedicado a buscar algúns compostos bioactivos tratando de achegar datos que poidan resultar de interese para os investigadores dese despoboamento. No noso grupo levamos bastante tempo estudando produtos apícolas entre os que sempre estivo incluído o pole de abella.

Cales son os principais compostos bioactivos que presenta este produto?
Publicáronse estudos onde se determinaron moi diversos grupos de compostos, sendo os máis destacados os grupos de proteínas, péptidos e aminoácidos, o dos lípidos (acedos graxos), e os compostos fenólicos e carbohidratos, e xa en menor medida as vitaminas, minerais, e os glucosinolatos cos seus produtos de degradación.

Gustaríame destacar, que nun dos nosos traballos atopamos resveratrol -un composto fenólico que se atopa presente na vide (uvas negras e en produtos derivados como o viño tinto), e que conta con diversas propiedades beneficiosas para a saúde- en pole de abella en niveis superiores ao mg/kg, e este feito non fora publicado ata a data.

 “Atopamos resveratrol no pole de abella”

Ademais, gustaríame remarcar que o pole de abella remítese como “o único alimento absolutamente completo”, xa que contén os 22 aminoácidos esenciais necesarios para o organismo humano, e que á súa vez é un dos alimentos que se atopan na natureza máis rico en vitaminas.

Que beneficios poden achegar para a saúde humana?
Antes de nada, quixera aclarar que os beneficios non son directamente atribuíbles ao pole de abella, senón aos compostos bioactivos que contén. Unha vez dito isto, atribuíronselle numerosos beneficios para a saúde, como pode ser a actividade antioxidante, anti-inflamatorias, anticanceríxena, anti-bacteriana, anti-fúnxica, e efectos positivos para combater a arterioesclerose.

“Está demostrado o efecto saudable dos compostos bioactivos do pole de abella”

Pero cabe destacar que na maioría dos casos fan falta facer estudos/ensaios clínicos para poder demostrar estes efectos saudables de maneira inequívoca. Resumindo, está máis que demostrado o efecto saudable dos compostos bioactivos, de maneira individual, que contén o pole de abella, pero o que non foi estudado en detalle aínda son os efectos que ten sobre a saúde o consumo de pole de abella.

Como varían estes compostos bioactivos segundo o tipo de especie vexetal da que procedan?
A composición do pole de abella en xeral, e dos compostos bioactivos en particular, depende de varios factores non só do tipo de especie vexetal do que proceda, como pode ser das condicións climáticas, o tipo de solo, as prácticas agrícolas e apícolas, e mesmo o tratamento que se lle dea ao produto durante o seu almacenamento ou procesado previo á súa comercialización.

Hai numerosos estudos xa publicados onde se trata en detalle este tema. No noso caso particular e é do que podo falar máis en detalle, realizamos recentemente estudos previos para determinar algún destes compostos bioactivos, como son os glucosinolatos e os seus produtos de degradación ou o resveratrol, onde constatamos diferenzas significativas entre as mostras de pole de abella analizadas. Este feito levounos a querer continuar con esta liña de investigación e solicitar axuda para realizar un estudo máis completo, ampliando o número de mostras e de compostos bioactivos (betaínas) co fin de atopar as plantas que máis compostos deste tipo achegan dado que son micronutrientes esenciais para os polinizadores. Iso é o que pretendemos examinar, para o que precisamos de pole ben seleccionado

Que outras diferenzas detectaches no estudo dos compostos bioactivos do pole de abella?
Remitíndome á resposta anterior, os estudos que levamos ata agora foron desenvolvidos cun número pequeno de mostras de pole de abella, onde en moitos casos non puidemos elixir a zona de onde proviñan, e por tanto os resultados só poden ser considerados como preliminares. Para poder sacar conclusións máis sólidas precisamos analizar un maior número de mostras de diversas áreas xeográficas. Polo que aproveito esta ocasión para lembrar que agradeceriamos o envío de mostras de pole de abella para realizar este estudo dunha forma máis completa.

“Necesitamos que nos envíen mostras de pole de abella para realizar un estudo”

Detectaches tamén sustancias contaminantes? Que medidas deberían tomar os apicultores para evitar a súa presenza?
A análise de contaminantes en pole de abella non foi o obxectivo do noso traballo, polo que non podo falar en primeira persoa deste aspecto. Sen embargo, si que hai investigacións realizadas non só no noso país, se non noutros países que demostraron a presenza de contaminantes (metais pesados, antibióticos, praguicidas, micotoxinas e bacterias) en diferentes mostras de pole de abella, en distintos escenarios e con diversas mostras.

Nalgúns casos a súa presenza no pole de abella é atribuíble ao labor pecoreador das abellas e outros atribuíbles a un mal uso dos tratamentos nas colmeas. Polo que eu recomendaría aos apicultores que deberían velar porque non entren eses compostos na colmea atendendo ao lugar onde as levan e respectar as boas prácticas no coidado da albariza, evitando en todos os casos, as prácticas e tratamentos non autorizados.

En que liñas de traballo queres seguir investigando sobre o pole de abella?
Como xa comentei anteriormente, estamos inmersos nun proxecto coordinado financiado polos fondos FEDER e recentemente concedido (Decembro 2017) polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade-INIA (RTA 2015-00013-C03-03) que ten por título xeral: Factores de mellora na produtividade da cabana apícola: eficiencia dos recursos alimenticios e da resistencia xenética a enfermidades e o noso sub-proxecto: BETAÍNAS E GLUCOSINOLATOS COMO MICRONUTRIENTES DO POLE , así pois durante tres anos dedicarémonos ao estudo deses compostos nas diferentes mostras que consigamos.

“Imos investigar como incide o pole na mellora da produtividade da colmea”

Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame terminar esta entrevistando remarcando a idea de que o pole de abella é un alimento rico nun gran número de compostos bioactivos, e que desde o meu punto de vista este aspecto é moi pouco coñecido non só polo consumidores, senón polos propios apicultores.

De feito, non hai máis que comprobar nunha procura rápida en internet como se fala do pole de abella en España e noutros países. Hoxe en día, están de moda o consumo dos produtos con propiedades beneficiosas para o organismo debido tanto a compostos orixinais nese alimento como a produtos engadidos, non hai máis que ver os anuncios de televisión, e desde o meu punto de vista os apicultores non está a saber vender un dos seus produtos que pode competir coa maioría dos que se están promocionando actualmente.

“Os apicultores españois non saben vender o seu pole”

Iso si, hai que deixar claro que non todos os poles de abella teñen os mesmos compostos e nas mesmas cantidades, e que poden conter tamén contaminantes, polo que se require dunha análise previa para certificar a súa composición.

Doutra banda, tamén fai falta máis estudo para comprobar os efectos reais sobre a saúde do consumo de pole de abella, e lembrar que antes do seu consumo de maneira habitual, hai que consultar cun médico para comprobar que non se é alérxico ao pole de abella, e para que lle recomende a dose adecuada.