Archives

A Xunta ofrece formación en técnicas de gabeo, desprazamentos e traballos en altura nas árbores

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no concello lucense de Becerreá un curso sobre técnicas de gabeo, desprazamentos e traballos en altura nas árbores. A formación impartirase de maneira presencial no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Becerreá os vindeiros días 27 e 28 de outubro. A formación acerca das técnicas de gabeo, desprazamentos e traballos en altura nas árbores terá unha duración total de 15 horas e se impartirá en horario de 9,00 a 14,15 e 15,30 a 18,30 horas. O obxectivo desta formación é que os alumnos adquiran os coñecementos necesarios acerca das técnicas elementais de instalación de cordas, ascenso e descenso en seguridade sobre árbores que non presenten dificultades específicas. Ademais, tamén tratarán outros temas como nocións básicas da arboricultura moderna ou as características xerais dun EPI. Todos os interesados poden consultar máis información sobre esta formación chamando ao teléfono 982 828 367, ou enviando un correo a cfa.becerrea@xunta.es

Curso en Ribadeo sobre poda de árbores en altura

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza este venres 10 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo un curso sobre técnicas de gabeo, desprazamentos e poda en altura. A iniciativa está previsto que se desenvolva en horario de mañá e tarde, de 10,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h. A acción formativa persegue explicar as técnicas de trepa e desprazamentos sobre árbores, os métodos de poda en altura xunto cos seus fundamentos e como se pode podar dende o alto do propio exemplar con motoserra e outras ferramentas de xeito seguro. Así, o programa recolle os principios xerais do traballo de poda en altura, as distintas técnicas de trepa e gabeo e os equipos de trepa e de acceso á árbore, así como os métodos de poda en altura. Este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector. Para inscribirse é preciso descargar a solicitude nesta ligazón, e enviala cuberta ao enderezo electrónico pablo.gomez.nogueira@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982828553.