Archives

A Plataforma mantense á espera de que cese a queima de cisternas

As accións de control sobre a importación de cisternas de leite mantéñense ó ralentí á espera de que cesen as queimas de remolques e camións cisternas. A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo xa se desmarcou publicamente dos ataques, unha posición que volveu reiterar onte a través de nota de prensa Unións Agrarias, un dos colectivos que participa da Plataforma. A queima durante a noite de cisternas iniciárase en marzo cun remolque de Leche Río en Frades e nas últimas semanas recrudeceuse cos ataques sobre tres camións estacionados ó carón de Logística Alimentaria (Outeiro de Rei) e con outras dúas accións sobre cisternas de Reny Picot. Desde Unións Agrarias lembran que parte dos ataques perxudicaron a traballadores autónomos que nada teñen que ver no conflicto entre gandeiros, industrias e cadeas de distribución. Baixos prezos A organización agraria fai tamén un chamamento para que Xunta e Ministerio busquen solucións para as granxas que teñen que entregar o seu leite a baixos prezos, en especial aquelas que están comercializando por baixo de 24 céntimos. Tamén se pide que o Ministerio continúe a avanzar na aplicación do acordo lácteo, en primeiro lugar coa publicación do decreto que permitirá coñecer os prezos de cesión do leite entre industria e distribución. Outra cuestión na que cómpre avanzar, segundo Unións, é na trazabilidade e identificación da orixe do leite e dos productos lácteos.

Triplícanse as solicitudes para a incorporación ó agro e para plans de mellora

A nova reunión do grupo que traballa no plan de fortalecemento do sector lácteo deixou poucas novidades a curto prazo na situación do sector. Desde a perspectiva da Consellería, a situación non é tan mala como fan ver os gandeiros. A titular de Medio Rural, Ángeles Vázquez defende que só hai arredor de 550 explotacións que vendan o leite por baixo dos 20 céntimos e esgrime os datos de solicitudes de axudas para incorporación e para plans de mellora como proba de que o rural galego ten futuro.
Ángeles Vázquez considera que a situación do sector non é tan mala e suliña que só hai 550 granxas vendendo por baixo de 20 céntimos
A conselleira destaca que tanto as solicitudes para incorporación de mozos o agro como as solicitudes para plans de mellora se triplicaron en relación ás últimas convocatorias. Este ano, solicitaron a axuda á incorporación 2.240 mozos fronte ós 710 do 2014; en tanto que as peticións de plans de mellora pasaron das 219 do ano pasado ás 757 deste exercicio. Para Medio Rural, esta é unha proba de que a xente está interesada por traballar e vivir no agro. O inicio do novo Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020, que dotou de máis fondos a estas liñas de axudas, tamén ten algo que ver no aumento de peticións. En canto á situación do mercado lácteo, Ángeles Vázquez sinalou que os gandeiros que venden por baixo de 20 céntimos, a prezos de leite en po, rondan os 550 e producen só o 1,15% do leite comercializado na comunidade. A conselleira tamén destacou que a día de hoxe se está recollendo todo o leite no campo. Plataforma Algunhas das organizacións agrarias participantes na xuntanza, caso de Unións Agrarias ou do Sindicato Labrego, ven as cousas de xeito distinto. Óscar Pose, de Unións Agrarias, calificou de “estéril” a reunión do grupo de traballo do plan de fortalecemento. Desde a óptica das organizacións agrarias, o encontro, no que participou unha representación da Federación Nacional de Industrias Lácteas e das asociacións da distribución, non permitiu avanzar nas cuestións clave para os gandeiros, como os baixos prezos xeralizados do leite e a situación pola que pasan máis de medio milleiro de explotacións que están entregando o leite a prezos de ruina. Queima de camións En relación á queima de tres camións cisterna en Logística Alimentaria, a conselleira destacou que se trataba dunha acción que carecía de sentido e advertiu de que con ese tipo de actos non se vai conseguir nada. Por parte da Plataforma, tampouco comparten a queima dos camións e sinalan nun comunicado que non lles parece o xeito de enfrontarse ós problemas do sector. “Desvinculámonos publicamente dos actos de sabotaxe a camións (…) O noso fin segue a ser a defensa dos miles de empregos vinculados directa ou indirectamente ás granxas, entre os que tamén se atopan os do transporte”. De todos os xeitos, Óscar Pose, representante de Unións na Plataforma, tamén precisou á saída da reunión na Xunta que este tipo de actos son entendibles pola situación “dramática” que atravesan ás granxas, se ben tamén suliñou que non os compartía. Decreto de cesións O decreto de cesión de prezos do leite, que permitirá coñecer o prezo ó que lle entrega o leite a industria á distribución, continúa os seus trámites administrativos. Tanto o Ministerio como a Consellería como organizacións do sector, caso de Asaja, anunciaran nos últimos días que o decreto se aprobaría no Consello de Ministros este venres, pero finalmente non foi posible e haberá que agardar para ver se sae adiante co actual Goberno.

Concentración ante Logística Alimentaria para denunciar baixos prezos

Os gandeiros concentráronse hoxe ante Logística Alimentaria, en Outeiro de Rei, en protesta polos baixos prezos que paga a empresa. Os produtores, que levaron unha ducia de tractores ata a industria, tamén están a controlar a entrada de camións cisterna, a fin de evitar a chegada de leite importado. En próximos días, barallan repetir este tipo de controis ante outras industrias da comunidade. A mobilización de hoxe, iniciada a raíz da asemblea convocada pola Plataforma en Defensa do Sector Lácteo en Outeiro de Rei, quere chamar a atención sobre os incumprimentos de contratos por parte de Logística, algúns deles xa denunciados ante a Administración. A industria tamén se está a distinguir polos baixos prezos que abona ós gandeiros, arredor dos 22-23 céntimos de media, segundo as estimacións da Plataforma. “Ten unha fórmula de pago 70-30, cun 30% do leite referenciado a produtos lácteos industriais, o que baixa moito o prezo”, explica Óscar Pose, representante de Unións Agrarias na Plataforma. “A maiores, houbo incumprimentos nos contratos en canto a primas, penalizacións e outras cuestións”, critica. Os produtores sospeitan tamén da importación de leite por parte de Logística, motivo do control establecido ante a planta de Outeiro de Rei, que podería continuar en próximos días. Os gandeiros están a organizarse para operar por grupos que controlen os accesos ás industrias, de cara a evitar a chegada de leite de fóra, tal e como se acordou na concentración de Santiago de Compostela do pasado 31 de marzo.

Asemblea da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo este mércores en Outeiro de Rei

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo manterá unha asemblea este mércores 6 de abril para organizar a vixilancia dos camións de leite que entren de fóra para fornecer as industrias galegas. O encontro será ás 11.30 da mañá na área de servizo da A-6 ó seu paso por Outeiro de Rei, a poucos quilómetros da cidade de Lugo. As organizacións que integran a Plataforma lembran que durante o 2015 se importaron en Galicia máis de 160.000 toneladas de leite líquido e nata, sendo a comunidade autónoma coas maiores importacións de España. Desde a Plataforma, consideran inadmisible que se lle estean a impoñer ás granxas galegas fortes restriccións de produción e se estea a apelar á sobreprodución para deixar a recollida de granxas ou para aplicar importantes descontos no prezo, mentres continúa a entrar leite de fóra, segundo os gandeiros. As organizacións que participaron na mobilización de Compostela do pasado día 31, tanto as que forman parte da Plataforma (Gandeiros de Mazaricos, Fruga, OPL, Oruga, Sindicato Labrego e Unións Agrarias) como Agromuralla, acordaron daquela iniciar o control dos camións cisterna de leite importado. Este mércores organizarán en Outeiro de Rei a súa vixilancia, polo que piden a asistencia de todos os gandeiros interesados en participar nos controis.