Archives

Unións advirte de que os fabricantes de plásticos agrícolas vanlle empezar a cobrar aos produtores pola súa recollida

Unións Agrarias reclama a “paralización da taxa encuberta que a asociación de fabricantes de plásticos agrícolas pretende impoñer ao sector produtor”. A organización considera “intolerable que de xeito unilateral, e sen ter en conta a xa delicada situación que atravesan agricultores e gandeiros a causa do encarecemento que afecta á totalidade dos insumos, a asociación Medio Ambiente, Agricultura y Plásticos MAPLA, pretenda gravar pola porta de atrás a xestión dos plásticos: un procedemento ata o de agora gratuíto”. En concreto, a organización agraria advirte de que serían 215 euros por xestionar cada tonelada de plástico recollida no caso de explotacións gandeiras e 400 para as agrícolas. “É a suba que o colectivo que agrupa aos fabricantes de plásticos agrícolas españois quere facer efectiva, e que suporía un aumento do 20% do gasto que as explotacións agrogandeiras destinan a este input”, advirten. Unións Agrarias considera “intolerable que pola porta de atrás e sen negociación, comunicación nin consenso previos os fabricantes de plásticos pretendan impoñer unha suba que supón multiplicar por 4 o actual custo do transporte dos plásticos empregados polas explotacións gandeiras, e por 6 no caso das agrícolas”. Unha información que a organización agraria confirmaba logo da xuntanza que mantivo coa empresa Tyrma, que realiza a reciclaxe dos plásticos agrícolas en Galicia. Ata o de agora a recollida dos plásticos de uso agrícola viña realizándose de xeito conveniado cos Concellos, que asumían o custo dun servizo gratuíto para agricultores e gandeiros. Unións Agrarias considera “intolerable que os fabricantes pretendan agora facer negocio coa reciclaxe, e que pretendan facelo a costa de agricultores e gandeiros”. Nese senso, fai un chamamento para que “a Consellería do Medio Ambiente dea un paso adiante e interceda para frear a mercantilización dun servizo cuxo custo non pode asumir o sector produtor, e menos aínda no momento actual, e tras as fortes subas de custos que as explotacións xa veñen soportando”.

Consellos de Delagro para facer un silo de millo de calidade

Javier Caneda, responsable de Produción Vexetal de Delagro, explica neste vídeo as claves para realizar un silo de millo de calidade.

En concreto, o representante da cooperativa de segundo grao, explica a importancia dos plásticos para a boa conservación do ensilado de millo. “O seu correcto uso así como a calidade dos mesmos axuda a que se reduzan as mermas no silo, mellora a fermentación da forraxe e evita danos derivados da climatoloxía, animais etc. As solucións de ensilado de Delagro: Triotech, Oxiprotec e Silonet caracterízanse por usar a tecnoloxía máis avanzada do mercado no seu proceso de fabricación”, destaca Javier Caneda.

Delagro anima aos gandeiros a adquirir plásticos de ensilado de cores para sumarse á loita contra o cancro

Desde hai case unha década, Trioworld, líder mundial en fabricación de plásticos de ensilado, conta cunha gama de plásticos de cores que destina unha parte das súas vendas á investigación contra o cancro. A compañía, apoiada por clientes e distribuidores como DELAGRO, recadou para esta causa máis de 1 millón de euros en todo o mundo.  

O cancro é unha das principais causas de morte en España. Polo seu profundo impacto social e sanitario, o mellor acompañamento dos pacientes e as súas familias, así como maiores investimentos para investigar as causas da enfermidade e novos tratamentos que permitan combatelo, foron reivindicacións que xeraron unha importante mobilización nos últimos anos.

Fran Cerón, responsable comercial en España de Trioworld, explica que “a idea xurdiu en Nova Zelandia no ano 2014 e fíxose realidade grazas a unha estreita cooperación entre Trioworld e os seus socios locais no país. A campaña, que comezou co filme rosa para concienciar e recadar fondos para o cancro de mama foi un gran éxito e por iso decidimos lanzar o plástico de ensilado azul en 2015, neste caso dirixido ao cancro de próstata. En 2018 completamos a familia cun filme amarelo para apoiar ás organizacións que loitan contra o cancro infantil”.

“Pola compra dunha bobina Tenospin Plus Charity Edition garantimos unha doazón de 3 euros para a loita contra o cancro”, engade Cerón.

DELAGRO, distribuidor exclusivo de Trioworld no norte de España, decidiu sumarse a esta iniciativa no ano 2017 como parte do seu programa de Responsabilidade Social Corporativa (RSC). “Quixemos colaborar incluíndo no noso catálogo de produtos a gama Tenospin Plus Charity Edition e animando a todos os gandeiros a adquirir os plásticos de ensilado de cores, xa que facéndoo non só obteñen un produto de máxima calidade, senón que axudan a distintas asociacións españolas a seguir apoiando a investigación contra o cancro e acompañando ás familias afectadas por esta enfermidade”, explica Jose Manuel Díaz, director comercial da cooperativa de segundo grao.

Cabe destacar, engade Díaz, que “os plásticos de ensilado de cores teñen a mesma función e calidade que os Tenospin plus 1900m, simplemente incorporan unha tinguidura que en ningún caso afecta o rendemento do produto. Ademais, son aptos para todas as máquinas e para todos os tipos de pacas”.

Presenza en eventos de referencia

Para dar maior visibilidade a esta campaña de recadación de fondos contra o cancro, DELAGRO quixo levala até as feiras agropecuarias máis importantes da zona Norte, a máis recente a IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandaría Cimag-GandAgro, celebrada a principios de marzo.

“Colocamos na nosa caseta exterior pacas ensiladas con plásticos rosas, azuis e amarelos e ofrecemos a todos as visitantes gorras destas cores a cambio de donativos que se destinarán tamén á investigación contra o cancro. Máis de 450 persoas quixeron achegar o seu grauciño de area en Cimag-GandAgro 2023 e gandeiros procedentes de diferentes países e rexións coñeceron de primeira man como poden colaborar con pequenos xestos como a adquisición de produtos agrícolas”, sinalou o director comercial de DELAGRO.

A importancia do plástico na conservación do ensilado

A calidade final dun ensilado depende de varios factores, condicións de cultivo, ensilado ou enchido do silo e manexo da forraxe no momento de consumo. Do coidado e esmero na execución de todos os procesos, dependerá a calidade final, cuxo principal obxectivo é que as perdidas e deterioracións na forraxe sexan as mínimas posibles.

O período máis crítico en todo o proceso é o que transcorre desde finalizado o tapado ou selado do silo, até a súa apertura para ser administrado ao gando. Nese espazo de tempo, prodúcense todas as reaccións químicas ou fermentacións que determinarán a calidade final do noso ensilado e que dependerá da boa realización dos distintos procesos, entre os cales se atopa lograr un perfecto illamento entre a masa de forraxe e o medio exterior, evitando a entrada de auga e aire para lograr a máxima calidade nutricional e sanitaria da forraxe.

Deste xeito, logramos que se realice unha fermentación anaeróbica (sen presenza de osíxeno), onde proliferarán as bacterias lácticas, as cales realizarán a fermentación dos azucres e transformarán o almidón en ácido láctico, etanol e dióxido de carbono axudando a que a acidificación da masa de forraxe sitúese por baixo de ph 4, evitando así a putrefacción.

O outro gran inimigo é o exceso de auga, que ademais do arrastre de nutrientes por lixiviación, impide ou diminúe a posibilidade de lograr unha masa de forraxe cun ph <4, permitindo o desenvolvemento de bacterias do tipo Clostridium, produtoras de ácido butírico, amoníaco e aminas indesexables.

Por iso, é de vital importancia aplicar unha cuberta adecuada, que nos garanta tanto un correcto illamento da masa de forraxe ensilada, como da súa protección ante animais, vento, saraiba e outros factores agresivos. En ocasións, chama a atención a pouca importancia e investimento na cuberta que se aplica aos silos, fronte ao gran valor económico. Debemos concienciarnos da gran diferenza de valor económico entre o contido e o continente.

Cálculo perda económica por deterioración ou baixa calidade nutricional na parte superior dun silo de trincheira de dimensións 8m x 30m (240m2), independentemente do seu volume total de forraxe:

Se consideramos un silo destas dimensións en superficie e cunha altura media de 2m, cun custo de forraxe en silo de 60 euros/tm, temos unha valoración de 18.720 €, para o cal, unha boa cuberta protectora pode supor un custo aproximado de 230 €

Con estes cálculos, é evidente que non debemos tomar riscos innecesarios tratando de minimizar o gasto na protección do noso silo, a cambio de produtos de dubidosa calidade. Deberemos plantearnos o investimento na protección do noso silo como un seguro e non como un gasto.

Produtos para a conservación e protección do ensilado

Cando nos referimos á protección integral do noso/s silo, temos que diferenciar entre produtos para conservación e produtos de protección:

-Conservación. Lamina plástica para muros:

Lámina en polietileno que nos permite illar a forraxe das paredes de silo, dado que, co paso dos anos, estes pódense gretar, desgastar ou mesmo permitir a entrada de auga por escorrentía.

-Conservación. Lámina 40 micras:

Lámina en polietileno extremadamente fina cuxa principal función é a de adherirse á forraxe, provocando que o pouco osíxeno que nos puido quedar despois do pisado, se sitúe entre as dúas láminas plásticas e non en contacto coa forraxe.

-Conservación. Lámina barreira osíxeno:

Lámina en polietileno, normalmente de tres capas e dúas cores, onde o negro estará en contacto coa forraxe para dar opacidade total á forraxe e outra capa exterior nunha cor cálida para reflectir os raios solares e non provocar elevados incrementos de temperatura. Esta lámina, ha de ter un nivel de transmisión de osíxeno (OTR) comprendido entre 100 e 250 cc/m2/día (unidade de medida e proba realizada en laboratorio).

-Protección. Malla protectora:

Malla en polipropileno situada encima das dúas láminas anteriores cuxa función é a de protexer ante axentes externos que poidan danar as láminas de conservación, como animais, vento e saraiba.
A súa calidade virá determinada por:

-Gramaxe. Dará consistencia e resistencia. Mídese en grs/m2 e deberá superar o valor de 200 grs/m2

-Tecido. Os fíos que o conforman deberán estar soldados entre si e non debería ser inferior a 6 fíos por cm lineal en horizontal e vertical.

-Protección raios UV. Tratamento que nos garanta polo menos tres anos de duración, pola contra o seu custo resultaría demasiado alto

– Protección. Sacos rafia:

Sacos para encher preferiblemente con pedras pequenas e redondeadas para que, coa manipulación, non destrúa o tecido. A súa utilización permitiranos exercer presión na superficie do silo, así como evitar o desprazamento de todas as láminas contra vento e choiva.

Curso sobre xestión e normativa dos resíduos das granxas

A Oficina Agraria Comarcal de Ferrol, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza para o vindeiro 11 de outubro un curso sobre “Xestión e lexislación dos resíduos das explotacións: medicamentos, xurros, fitosanitarios e plásticos”. A actividade formativa desenvolverase na sede da Cooperativa Campo Capela, no concello homónimo, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 15:30 a 18:00 horas. O programa do curso é o seguinte. 10:30-11:30 Tipos de residuos nas explotacións agrarias: Enumeración dos distintos tipos de residuos das explotacións e lexislación que lle afecta. 11:30-14:00 Lexislación que afecta a cada grupo de residuos: Analizar as posibilidades de minimización do impacto de ditos residuos con unha redución en orixe, bo uso e almacenaxe. 15:30-18:00 Minimización e Xestión adecuada dos residuos: Aprender os distintos plans e prácticas adecuadas para a xestión correcta dos residuos Para máis información e solicitudes para asistir ao curso chamar ao teléfono 981337049. As solicitudes para o curso teñen que enviarse cubertas e asinadas polos alumnos interesados a oac.seca.ferrol@xunta.gal 

Descarga aquí a solicitude

Este curso está cofinanciado con fondos europeos FEADER nun 75%, e polo Estado e a Xunta de Galicia na porcentaxe restante a partes iguais.

Claves para lograr un bo encintado plástico das bólas de forraxe

Estamos ao comezo da tempada de ensilado de herba, unha práctica de conservación de forraxes que en moitos casos séguese facendo en bólas ou pacas plastificadas. De como realicemos esta operación dependerá en boa medida a conservación da forraxe e por tanto centos ou mesmo miles de euros que estarán en xogo. A este respecto, o responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro, Javier Caneda, explicou cales son os puntos clave que debemos ter en conta no ensilado de herba en roto-pacas na recente edición da “Xornada Delagro sobre cultivo de forraxes e pastos: Un modelo ambiental e socio-económico no norte da península ibérica”. Partindo de que o obxectivo do ensilado é manter a forraxe en bo estado até o seu consumo, conseguindo unha forraxe final san e palatable, cun valor nutritivo próximo á forraxe inicial, debemos controlar durante o proceso tres elementos: -Luz: Evitar a chegada de luz á forraxe ensilada, pois permite a proliferación de organismos prexudiciais para a súa conservación, como os fungos. -Auga: Para que o silo desenvolva correctamente as fermentacións debe ser nun medio ácido. A auga ten PH neutro e faría subir a acidez do ensilado. -Osíxeno: Necesitamos expulsar e evitar que entre aire para evitar que proliferen fungos e mofos. Outro punto crucial é o estado fenolóxico da planta, xa que canto máis espigado estea o raigrás ou a leguminosa menor valor proteico, menor inxesta e maior contido en fibra, o que redunda en que a rotopaca leve máis aire. Puntos críticos do manexo do plástico estirable

1) Máquinas de ensilado:

A primeira, unha das máis comúns, é unha máquina suspendida, que ten a vantaxe de que é moi versátil, móbil e ocupa pouco espazo. Pero hai que andar con moito coidado cando a bóla non está ben compactada e non ten a circunferencia perfecta pois pode deformarse e mesmo chegar a romper. O segundo tipo de máquina é unha arrastrada con dous satélites e a terceira é unha combi, que realiza tanto o picado, o encintado e o plastificado. Cada vez está máis presente en empresas de servizos agrarios e cooperativas. Independentemente do tipo de máquina, é moi importante enfardar en plástico canto antes a forraxe, para mellorar a fermentación da mesma e evitar que se deforme a bóla. O recomendable é aplicar o plástico como máximo 2 horas despois de facer a bóla. Unha vez enfardadas, hai que esperar 48 horas para movelas, unha vez estabilizadas, pois pola contra podemos ter enfraquecementos e roturas do plástico, por moi coidadosos que sexamos coas pinzas.

2) A unidade de preestirado

A unidade de preestirado das máquinas é unha peza fundamental pois fai o preestiramento do plástico, con dous rodetes e unha zona onde se pon a bobina. Fai falta un preestiramento do 70%. O plástico ten unha memoria de forma e unha vez aplicado na bóla trata de recuperar o estado inicial, apertando a bóla e expulsando o aire que a bóla ten en superficie, non o aire que queda dentro. Os dous rodetes funcionan a distintas revolucións e iso posibilita o estirado. Por tanto, resulta clave que os rodetes estean perfectamente limpos.

3) Tensión do muelle de preestirado:

O muelle de preestirado é a peza corta e é moi importante revisalo, e cambialo en caso de ser necesario, para que manteña sempre a presión. Cando funciona mal non aplica o plástico de forma uniforme, ou que o plástico quede solto...etc

4) Rodetes:

Os rodetes sempre teñen que estar limpos: O plástico leva unha cantidade de pegamento que co paso polos rodetes vaise depositando, e aí péganse sementes, areas...et polo que pode deteriorar o plástico. Non se deben limpar con produtos abrasivos como gasolina etc,, senón cun pano ou toalla e alcol. É fundamental limpalo antes e despois de finalizar a campaña, así como revisalo ao longo da mesma. Os rodetes teñen que estar tamén perfectamente paralelos, pois do contrario pode suceder que rompa mal o plástico. Cando ese paralelismo non é correcto nunha zona queda aberto pero noutra demasiado axustado e fai mordeduras no plástico, co que pode romper facilmente.

5) Unidade de corte:

A unidade de corte tamén é moi importante: o corte do plástico ha de ser preciso e quedar dispoñible para a seguinte aplicación Cando non sucede así pasa isto:   É dicir, o plástico non se cingue de todo e pode haber entrada de aire e de auga na bóla.

6) Preestirado do plástico:

O plástico durante o encintado debe ser preestirado ao 70%. Podemos comprobalo pintando 10 cm na bobina e unha vez aplicado na bóla debe medir 17 cm. O número de capas debe ser como mínimo de 6 capas. “Moitas veces vemos bólas con 4 capas e mesmo menos. A diferenza é unha perda media de 0,2 ou 0.5% a unha perda media do 7% da forraxe. Esa perda media é 3 veces máis que o custo do plástico. Compensa aplicar máis capas de plástico pois, á parte de que a protexe mellor, dá maior consistencia á bóla”, destaca Javier Caneda. Cando estamos encintando outro punto crítico é que o plástico ha de estar aplicado xusto no centro da bóla para que se produza correctamente o solape.

7) Ancho do plástico:

Outro punto crítico é o ancho do plástico: Non viría mal que o comprobásemos regularmente cunha cinta métrica. A distancia ideal na bobina de 750 mm de ancho debe ser dun óptimo de 60 cm. Se mide máis de 62 o plástico non leva o preestiramento óptimo e para cubrir a mesma bóla utilizamos máis plástico. Con menos de 58 facemos sobreestirado e podería perder as súas propiedades.

8) Solape do plástico:

O solape ha de ser óptimo ao 50% unha capa sobre outra: “Do contrario quedan pequenas lengüetas onde queda menos cantidade de plástico e aí queda moito máis débil para calquera inclemencia. Por iso é clave que o solape sexa do 50%”, subliña o responsable do Departamento de Produción Vexetal de Delagro. “Cando coincide mal solape con esa forte tensión do plástico este queda debilitado e imos ter máis roturas, con cortes que parecen feitos cunha coitela. Nestes casos adoitan coincidir estes condicionantes : solape mal feito e sobreestiramento e se as manexamos en pleno proceso de fermentación, rotura asegurada”, engade.

Recomendacións para a almacenaxe das roto-pacas

É importante que estean almacenadas en vertical pois nas cabezas é onde teñen máis capas de plástico. Nesta zona é onde fan máis presiones paxaros e é máis difícil que se estrague. Tamén é importante protexer as bólas con mallas ou redes para evitar danos dos paxaros. Recoméndase tamén colocar as bólas nas esquinas das leiras, pero evitando que queden debaixo das árbores, pois son lugares onde caen continuamente esporas de fungos e se hai un buraco na bóla contamínana facilmente. O apilamento ten que ser vertical e dependendo da cantidade de materia seca da forraxe, pode chegar a 3 filas como máximo. No caso de que a forraxe estea máis húmida desaconséllase o apilamento debido ao risco de derrube ou deformación das pacas, co consecuente risco de entrada de aire. Por último, aconséllase manter as bólas algo separadas entre elas, pois coa diferenza de temperaturas entre día e noite o plástico dilátase e coa fricción pode chegar a romper.

Pídenlle á Xunta que renove o acordo para a recollida de plásticos agrícolas

A Comisión de Agricultura, Gandería e Montes do Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade de todos os grupos unha iniciativa pola que lle demandan á Xunta de Galicia que estableza un novo acordo cos concellos para a recollida e transporte dos plásticos usados de orixe agrícola. A iniciativa foi presentada polo Bloque Nacionalista Galego, que aceptou unha emenda do grupo do Partido Popular, o que propiciou que fose aprobada. O plan de recollida de plásticos agrícolas comezou a funcionar no ano 2005 pero leva sen funcionar dende novembro de 2017 debido a que a Consellería de Medio Ambiente non renovou o contrato de servizo que tiña en marcha cos concellos, e que permitía subvencionar parte do transporte ás empresas autorizadas. Neste sentido, o deputado do BNG e autor da iniciativa, Xosé Luis Rivas Cruz, advertiu de que de non renovarse este acordo “estamos ante un importante problema medioambiental, xa que se estima que en Galicia se producen unhas 7.800 toneladas anuais de plásticos agrícolas -fundamentalmente de silos, de invernadoiros...etc- e no mellor ano de recollida, o 2010, recolléronse para o seu tratamento e reciclaxe 5.200 toneladas”. “O resto acabou ou tirado, ou queimado ou no contenedor verde do lixo no mellor dos casos, un problema que se agravaría de non renovarse o acordo”, advertiu. Ante esta situación, o parlamentario nacionalista demandou que se mellore a recollida de plásticos agrícolas no medio rural galego e que se estableza unha liña de axudas aos concellos para mellorar os puntos de acopio deste material. “Non é de recibo que por 24.200 euros anuais que destinaba a Xunta ata agora a este convenio non se renove o acordo”, advertiu. Partido Popular: “A Consellería de Medio Ambiente explorará novas vías de colaboración cos concellos” Por parte do grupo do Partido Popular, o deputado Carlos Gómez Santiago, cualificou como “positivos” os resultados do plan posto en marcha en 2005 e ao que se sumaron 85 concellos galegos con importante actividade agrogandeira. Os axudas que achegaba a Xunta procedían de fondos europeos FEDER, unha liña de financiamento para este obxectivo que xa se esgotou. Porén, o parlamentario popular lembrou que “nin a Xunta nin os concellos teñen esta obriga legal de realizar a recollida e tratamento dos plásticos agrícolas, a obriga por lei é para os produtores que os utilizan”. “O plan cumpriu os seus obxectivos de concienciar aos agricultores e gandeiros de que os plásticos non se poden tirar en calquera sitio nin queimar, e agora a Consellería de Medio Ambiente explorará novas vías de colaboración cos concellos para a axeitada xestión destes plásticos” de orixe agrícola. Baixada dos prezos do plástico reciclado O plástico de orixe agrícola, tras o seu lavado e tratamento por parte das empresas xestoras autorizadas, era enviado ata hai pouco principalmente a China para a fabricación de novos produtos. Sen embargo, dende xaneiro deste ano o goberno chinés prohibiu as importacións de plástico reciclado para favorecer a recollida e reciclaxe dos seus propios residuos. Isto levou a unha importante baixada dos prezos do plástico reciclado, argumento que esgrimen as empresas de xestión para demandar máis axudas. Unha vez lavado, secado e triturado, os plásticos reciclados transfórmase en partículas de entre 15 e 25 milímetros, o que se denomina ganza plástica, que se comercializa para fabricar, no caso de España, novos produtos como bolsas de lixo ou tubos de polietileno, en boa medida dirixidos aos sistema de regadío do sur da península.

Aprobada unha iniciativa para seguir mellorando a xenética da raza Rubia Galega

Por outra parte, a Comisión de Agricultura, Gandería e Montes aprobou tamén unha iniciativa pola que instan á Xunta de Galicia a seguir a potenciar os programas de mellora da raza rubia galega. O deputado popular Daniel Vega Pérez, autor da proposición, lembrou a importancia do labor realizado neste sentido por ACRUGA para a mellora desta raza, que conta neste momento en Galicia cun censo duns 36.000 animais repartidos nunhas 1.800 ganderías. “É necesario seguir mellorando na xenética da raza Rubia Galega porque iso significa máis rendibilidade para o gandeiro. Unha vaca que teña bos aplomos, boa profundidade torácica, apertura de cruz, boa grupa...etc, vai ser mellor nai e vai ter menos problemas nos partos”, explicou. Ademais, defendeu a seu emprego como raza cárnica nas explotacións de vacún de leite. “Se os nosos gandeiros apostan por facer cruces cárnicos en vacas Frisonas coa Rubia Galega e non con outras razas foráneas, estarán a deixar o diñeiro aquí e apostando pola xenética galega, cuns rendementos iguais ou superiores aos das foráneas”. A iniciativa foi apoiada polos grupos do PsdeG-PSOE e polo BNG aínda que con críticas pola súa falta de concreción, en canto a medidas e orzamento. Uns argumentos que tamén foron expostos por En Marea para votar en contra. “É unha mera declaración de intencións e propaganda se non se concreta con medidas e se acompaña dun orzamento”, subliñou a deputada Paula Quinteiro.