Archives

Curso en Guísamo sobre enxerto de primavera en froiteiras e plantas ornamentais

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, programou un curso sobre enxerto de primavera. A acción formativa desenvolverase entre os días 9 e 13 de maio no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, no concello coruñés de Bergondo. O curso celebrarase en horario de tarde, entre as 16.30 e as 20.30 horas. Está destinada a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozas e mozos do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. A formación ten unha duración de 20 horas e nelas abordarán as técnicas dos distintos enxertos a realizar tanto na fruticultura como nas plantas ornamentais, leñosas e semi-leñosas. O curso será tanto teórico como práctico. Na primeira parte explicarase a utilidade e a necesidade de facer enxertos, así como os distintos tipos de técnicas que se poden realizar tendo en conta os parámetros que se deben considerar, en función das clases de madeira (duras e brandas) ou da compatibilidade entre distintas especies vexetais. No terreo práctico, os alumnos -coa supervisión e tras as demostracións pertinentes por parte dos mestres- realizarán os distintos tipos de enxerto adecuados á época de realización do curso. Así, prepararán os elementos a enxertar, tales como xemas e púas, e colocarán e atarán os distintos elementos sobre o patrón.

Inscrición

As persoas interesadas en asistir ó curso deben descarga as solicitudes de asistencia e remitilas cubertas ao enderezo electrónico cfea.guisamo@edu.xunta.gal para formalizar deste modo a inscrición. Tamén poden solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 881 881 043. A formación inclúese dentro do plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 da Consellería de Medio Rural, que pode consultarse aqui.

A Xunta prevé crear un polígono agrario en Tomiño para planta ornamental e fruticultura

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, xunto á alcaldesa, Sandra González A Xunta de Galicia estuda crear no concello pontevedrés de Tomiño un polígono agroforestal na zona de concentración parcelaria dos Panascos, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, analizou este mércores xunto coa alcaldesa, Sandra González, a zona onde se situaría dito polígono, que se dedicaría á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo.
A parroquia de Goián conta con importantes empresas do sector, como Coplant ou Viveiros Río Tollo
Neste senso, Inés Santé destacou que os polígonos agroforestais constitúen un dos principais instrumentos contemplados na nova norma e subliñou que esta ferramenta voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización. Ademais, a representante da Consellería de Medio Rural trasladou tamén que os polígonos, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, son unha figura concibida para contribuír á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume. 534 hectáreas infrautilizadas A parcelaria dos Panascos, finalizada no ano 2009, ten unha superficie total de 534 hectáreas, propiedade de 1.150 veciños. Debido ao elevado grado de abandono ou infrautilización que ten esta zona, o conselleiro do Medio Rural, José González, comprometeuse na última xuntanza mantida coa rexedora municipal a estudar a área e poñer en marcha unha figura de mobilización de terras que poida crear unha nova actividade económica nesta zona do Baixo Miño.
A parcelaria dos Panascos, finalizada no ano 2009, ten terras cun elevado grado de abandono
Seguidamente, e tendo en conta que este posible polígono agroforestal se dedicaría á produción de planta ornamental, hortofruticultura e viveirismo, a directora xeral visitou as instalacións das empresas Viveiros Rio Tollo e a comercializadora de planta Coplant, ambas entidades localizadas na parroquia de Goián.

Convocadas as axudas para os productores de flor cortada e planta ornamental

O Diario Oficial de Galicia plublica este xoves a convocatoria para o ano 2020 das axudas pola crise sanitaria do COVID-19 no sector da flor cortada e da planta ornamental.

Entidades beneficiarias:

Poderán solicitar a axuda as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que se trate de titulares de explotacións de flor cortada ou planta ornamental e

b) Que acrediten a destrución de produción entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020, ambos inclusive.

Importe :

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación financiará as subvencións previstas, en función das dispoñibilidades orzamentarias, cunha contía máxima de 10.400.000 euros, que se repartirán entre todas as solicitudes que as distintas Comunidades autónomas consideren admisibles.

A contía máxima da subvención establécese en 20.000 euros por beneficiario. En virtude do principio de concorrencia competitiva, terán prioridade os solicitantes que teñan a condición de explotacións de titularidade compartida de acordo coa Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias.

En virtude do establecido no punto anterior, en primeiro lugar concederase a subvención que corresponda aos beneficiarios que teñan o carácter de prioritarios, ata a contía máxima de subvención de 20.000 euros.

No caso de que estes importes superen o orzamento dispoñible, procederase ao rateo lineal destas ata axustarse ao devandito orzamento.

En caso de non esgotarse o orzamento dispoñible, procederase ao pagamento dos importes de subvencións aos beneficiarios sen carácter de prioritarios, ata a citada contía máxima de subvención de 20.000 euros.

De igual maneira, en caso de superarse o orzamento dispoñible tendo en conta o pagamento xa concedido sobre a base do punto anterior deste artigo, procederase ao rateo dos importes que percibirán os beneficiarios non prioritarios ata axustarse ao devandito orzamento.

Finalmente, se hai sobrantes de orzamento tras as anteriores operacións, repartirase o remanente mediante rateo entre aqueles beneficiarios cuxas actuacións subvencionables superen a contía de 20.000 euros, sempre sen superar o máximo de 100.000 euros por beneficiario, de maneira proporcional ao importe total admisible da solicitude, priorizando novamente as solicitudes presentadas por beneficiarios para os cales se concedeu prioridade.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará mañá venres e finalizará o 5 de novembro de 2020.

Axudas por 10,4 millóns de euros para o sector de flor cortada e planta ornamental

O Consello de Ministros aprobou este martes, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), o real decreto polo que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións pola crise sanitaria da COVID-19 no sector de flor cortada e planta ornamental. O texto lexislativo recolle a concesión no ano 2020 de subvencións por importe total de 10.400.000 euros aos produtores que tivesen que destruír a súa produción durante o estado de alarma. O obxectivo principal deste real decreto é contribuír a paliar o prexuízo económico que a adopción das necesarias medidas para frear a extensión da COVID-19 tivo para os agricultores produtores de flor cortada e planta ornamental. Para iso, os beneficiarios desta subvención serán os titulares de explotacións que acrediten a destrución de produción durante o estado de alarma. Estes agricultores percibirán unha axuda en función da superficie de cultivo ocupada por esa vexetación que tiveron que destruír. As axudas, baixo o réxime de axudas de Estado,  serán compatibles con outras de idéntica finalidade cando a suma total non exceda do valor do material perdido, así como con outras subvencións concedidas para paliar os efectos da epidemia no sector.

Importe das axudas

O importe establécese entre os 7 e os 80 euros por metro cadrado de superficie destruída, en función da especie de flor ou planta da que se trate. As explotacións de titularidade compartida serán consideradas prioritarias a efectos da súa percepción. Para a adopción desta medida tívose en conta que o sector da flor cortada e planta ornamental viu imposibilitada a comercialización da súa produción no período comprendido entre o 14 de marzo e o 20 de xuño de 2020 como consecuencia das limitacións impostas polo estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19. Así mesmo, considerouse que o 70 % da produción total anual comercialízase nos meses de primavera pola demanda que xeran festas e eventos como Semana Santa, Fallas, a Feira de Abril, o Día da Nai ou o Día do Libro, todos eles cancelados con motivo da pandemia. Ademais, tanto a flor cortada como a planta ornamental teñen unha vida útil moi curta, que fai imposible o seu almacenamento para posterior venda o que obriga aos produtores a destruír a súa produción.

Campaña promocional

O MAPA porá tamén en marcha nunha campaña de promoción da flor cortada e a planta ornamental que contará cun orzamento de 500.000 euros. Con esta acción transmitiranse os beneficios de ter flores e plantas naturais en casa e promoverase a compra destes produtos en calquera momento do ano.

Concrétanse as axudas aos produtores de flor cortada e planta ornamental

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) abriu o proceso de información pública ao proxecto de real decreto polo que se establecen os requisitos para conceder subvencións ao sector da flor cortada e a planta ornamental, como consecuencia da crise da COVID-19. Aos efectos de solicitar a opinión dos cidadáns, así como das organizacións representativas do sector, até o 15 de xullo, os interesados poderán examinar o documento e formular as alegacións que consideren oportunas a unha iniciativa coa que o Goberno de España porá a disposición dos produtores até 10,5 millóns de euros procedentes dos Orzamentos Xerais do Estado. O obxectivo é compensar aos agricultores polas perdas sufridas entre o 14 de marzo e 15 de maio como consecuencia das limitacións derivadas do estado de alarma e que supuxo a suspensión de actos como a Semana Santa, Fallas ou as festividades do Día da Nai ou Día do Libro.

Requisitos para os beneficiarios

As subvencións destinadas á flor cortada e planta ornamental -un dos poucos sectores agrarios que non dispón de axudas da PAC, nin de ferramentas de regulación de mercado- concederanse en réxime de concorrencia competitiva e exclusivamente no exercicio de 2020. Os beneficiarios, titulares de explotacións que acrediten a destrución de produción entre as datas indicadas, cobrarán en función da superficie de cultivo ocupada por esa vexetación destruída. Para documentar a cantidade de flor ou planta da que se teñan desfeito, os interesados poderán servirse de actas notariais, certificados ou informes de técnicos competentes ou entidades de certificación acreditadas ou outros que as comunidades autónomas poidan articular, sempre co fin de que quede acreditada a destrución. As axudas serán compatibles con outras de idéntica finalidade cando a suma total non exceda do valor do material perdido, así como con outras subvencións concedidas para paliar os efectos da COVID-19 no sector. As explotacións de titularidade compartida serán consideradas prioritarias. Ademais, as comunidades autónomas poderán establecer criterios adicionais de priorización.

O proxecto e as instrucións para a participación pública poden atoparse na seguinte ligazón

O Ministerio anuncia un paquete de axudas adicional de 25 millóns de euros para o porcino ibérico, os produtores de flor e promoción

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, presidiu este luns por videoconferencia os Consellos Consultivos de Política Agrícola e Política Pesqueira, onde presentou aos conselleiros do ramo das comunidades autónomas un paquete de medidas adicionais de apoio estatal ao sector agrario, valorado en preto de 25 millóns de euros, para apoiar ao sector da flor cortada e do porco ibérico, especialmente afectados pola crise sanitaria da COVID-19, así como para medidas de promoción dos Alimentos de España. As circunstancias derivadas da declaración do estado de alarma, co peche de viveiros de flor cortada e planta ornamental e a cancelación de festexos tradicionais, provocaron unha forte caída na comercialización de flores e plantas ornamentais. Ante a falta de medidas excepcionais por parte da Comisión Europea verdadeiramente aplicables, o MAPA decidiu pór en marcha para este ano 2020 unha liña de axudas para o sector dotada con 10 millóns de euros. Así mesmo, o peche da canle Horeca ocasionou unha caída do consumo dunha parte importante dos produtos do porco ibérico. Para aliviar a situación deste mercado, o Ministerio vai destinar 10 millóns de euros para subvencionar o sacrificio de animais, cunha idade e peso diferente aos que permitirían ser comercializados baixo a norma de calidade para a carne, o xamón, a paleta e a cana de lombo ibérico. En relación coas medidas de promoción, Planas explicou que se destinarán 4,9 millóns de euros, para campañas de promoción dos Alimentos de España e para apoiar a campaña específica de promoción internacional en colaboración co ICEX “Spain Food Nation”. Estas campañas de promoción do Ministerio van contar cun orzamento de 3 millóns de euros adicionais, que se destinarán, entre outros, ao viño con denominación de orixe e ao aceite de oliva. Mentres, o MAPA destinará outros 1,9 millóns de euros á campaña de comunicación internacional co ICEX, que achegará unha cifra igual, que se centrará no fortalecemento da imaxe exterior dos alimentos españois máis emblemáticos en mercados estratéxicos. Por outra banda, e como exemplo do apoio prestado polo Goberno ao sector agroalimentario, o ministro sinalou que, en relación cos avais dos préstamos do ICO para garantir a súa liquidez, rexistráronse 70.500 operacións por importe de 9.600 millóns de euros, practicamente o 10 % do conxunto dos avais.

Solicitudes de axudas da PAC

En relación coa PAC, conseguiuse que agricultores e gandeiros reciban, a partir do 16 de outubro, o 70 % dos anticipos das axudas (o 85% no caso das axudas de desenvolvemento rural). Tras a ampliación do prazo de presentación da PAC 2020, ao 15 de xuño, rexistráronse un total de 677.134 solicitudes en toda España até a citada data. Esta cifra supón un 98 % das 692.751 solicitudes que se presentaron na campaña 2019. O ministro destacou que o sistema de presentación por Internet funcionou con éxito en todas as Comunidades Autónomas. Despois da declaración do estado de alarma, presentáronse preto de 500.000 solicitudes de maneira telemática, das que máis de 47.000 presentáronse na última semana.

A Xunta solicita ao Goberno Central unha liña específica de créditos ICO para o sector do viño

A Xunta solicita ao Goberno central que habilite unha liña específica de préstamos avalados polo Estado a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para o sector do viño de cara á vendima deste ano. Neste senso, o conselleiro do Medio Rural, José González, trasladoulle ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no seo do Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, a necesidade de poñer sobre a mesa un paquete de achegas para reverter, na medida do posible, os efectos e perdas ocasionadas neste sector debido ao peche da canle Horeca, unhas das súas principais vías de comercialización, de cara a asegurar a vendima do 2020 e garantir a compra de uvas aos viticultores. Neste senso, o conselleiro sinalou que as axudas aprobadas polo Ministerio de 90 millóns de euros para este sector produtivo “non cobren as necesidades do sector galego, debido a que as medidas aprobadas non se adaptan ás demandas de Galicia nin á súa realidade, pois a cantidade que recibirá a nosa comunidade para as súas denominacións de orixe é irrisoria para as máis de 20.000 familias que viven do viño en Galicia”. Así mesmo, José González aproveitou para solicitar a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores. Sector da carne de vacún Do mesmo xeito, a Xunta solicitou tamén ao Goberno central que habilite axudas directas para o sector vacún de carne, tamén afectado pola emerxencia sanitaria ao constatar unha baixada nos prezos de venda con respecto á situación anterior á crise sanitaria. Ao igual que o sector vinícola, o vacún de carne viuse moi afectado polo peche da canle Horeca (hostalaría e restauración). "Unha situación, -sinalou o conselleiro-, que debe ser afrontada tamén polo Goberno central mediante unha liña de achegas específica que permita solventar este problema e reactivar o fluxo económico neste sector". Tamén lle trasladou que se está estudando o impacto sectorial noutros ámbitos do cárnico. O titular de Medio Rural subliñou que “o sector da carne é un dos principais motores económicos de Galicia e precisa ser atendido ao igual que o resto”. Doutra banda, o conselleiro sinalou que é preciso asegurar que o Real Decreto Lei recentemente aprobado que modifica a cadea alimentaria garante prezos que cubran os custos de produción aos operadores do sector primario, obrigando así a cada operador da cadea a pagar ao anterior un prezo igual ou superior ao que lle custa producir.

San Sadurniño en flor, unha iniciativa de apoio ós viveiros locais de planta ornamental

O sector da planta ornamental e a flor cortada foi un dos grandes prexudicados pola crise do coronavirus, que os deixou sen poder vender a súa produción en plena campaña e ocasionou grandes perdas económicas. Neste contexto, o Concello de San Sadurniño puxo en marcha hai dúas semanas a iniciativa “ San Sadurniño en flor” coa que pretende apoiar ós viveiros e empresas do municipio relacionadas co sector primario. Ademais, esta proposta, coa que queren engalanar o municipio con plantas e flores, tamén busca recuperar a esencia da Feira da Plantación do mes de abril, que este ano foi suspendida por mor do coronavirus, cando acadaría a súa 25 edición. Con este proxecto agardan que San Sadurniño entre no circuíto estatal “Vilas en Flor”, xestionado en Galicia pola Fundación Juana de Vega. A iniciativa “San Sadurniño en flor” proponlle á veciñanza decorar con plantas e flores as fiestras, balcóns, soleiras, peches e patios do concello. Para iso, o departamento de Desenvolvemento local, en colaboración con Vivergal e outros viveiros da zona, axudaralle ós veciños a iniciar o proceso decorativo cun pequeno lote de plantas de tempada que lle entregarán na casa de balde. Ademais, as mellores decoracións realizadas con estas plantas levarán premio.

Peticións dende todo o concello

A iniciativa está a ter unha boa acollida entre a veciñanza, tal e como comenta o titular de Desenvolvemento local, Manuel Varela, quen tamén agarda que se incrementen as peticións nestas últimas xornadas de prazo. Ata media tarde do mércores, contabilizáranse un total de 108 peticións. O maior número de solicitudes produciuse en San Sadurniño, onde se rexistraron 46, seguida de Naraío con 24, Lamas con 11, 9 en Bardaos, 8 procedentes de Santa Mariña, 7 desde Igrexafeita e 3 de Ferreira.

Decorar con plantas ten premio

A entrega das plantas, que se fará entre o 1 e o 12 de xuño ás persoas que se inscribiran para participar, será o primeiro paso para poder optar a distintos lotes de premios. Unha vez reciban as plantas, os veciños deberán pensar onde e como colocalas para que queden o máis lucidas posible. Dende o Concello recomendan botarlle imaxinación e colocalas en lugares onde se vexan ben dende a vía pública. Asimesmo, o lote entregado polo Concello poderá combinarse con máis flores ou variedades de planta, así como con outros elementos decorativos. Unha vez que se teñan os espazos decorados deberán facer 2 ou 3 fotos que logo terán que enviar ó Concello por correo electrónico ou por WatsApp antes do 22 de xuño, indicando na mensaxe o nome e o enderezo da persoa participante. Un xurado integrado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros fará as valoracións dos conxuntos fotografados e incluso poderá visitar os que considere necesario. As decoracións premiadas daranse a coñecer o día 30 de xuño, así como a data da entrega de premios para as tres categorías coas que conta o concurso: 10 lotes de produtos, proporcionados por empresas locais do sector primario, para as mellores composicións florais de exterior, 10 para as xanelas ou balconadas máis floridas e outros 10 para os patios, peches ou xardíns máis vistosos. As persoas interesadas en participar nesta proposta e recibir o lote de plantas gratuítas terán ata mañá venres ás 14.00 horas para inscribirse no teléfono 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez(arroba)sansadurnino.gal indicando no asunto "San Sadurniño en flor", ademais do nome, os apelidos, o enderezo e un teléfono de contacto. Esas dúas vías tamén serán as que deban empregar para enviar as fotos das composicións.

“A campaña de planta ornamental está perdida, temos xa millóns de euros en perdas”

As restricións de actividade pola pandemia do coronavirus pillou ós viveiros de planta ornamental na campaña alta de produción. O peche e as limitacións para a venda provocaron que, pese a poder continuar coa actividade ó pertencer ó sector primario, non puideran vender os seus produtos. Máis dun mes despois, dan a campaña por perdida e miran xa con preocupación cara a próxima tempada. “O sector do viveirismo traballa cuns prazos moi longos e agora debiamos estar xa preparando a planta do outono e a do próximo ano, cando aínda temos a desta campaña nos nosos viveiros”, explica Santiago Ramos, técnico da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor).
O sector viveirista de Galicia estima que sufrirá perdas de 18 millóns de euros na actual campaña de primavera
As exportacións cara a países coma Francia convertéronse nunha pequena vía de saída da produción para algúns dos produtores galegos, pero que non conseguen absorber toda a planta coa que contaban os viveiros. Ademais, os gastos mantéñense case como se estivesen a pleno rendemento, mentres as vendas se limitaron ó mínimo. “A estas alturas da tempada e coa planta sen vender a xente está desesperada e dan a campaña por perdida”, concreta Ramos. Así, o sector viveirista de Galicia estima que sufrirá perdas de 18 millóns de euros na actual campaña de primavera.

As exportacións, unha válvula de comercialización

“A situación mellorou minimamente coas exportacións, que están sendo un pequeno alivio ó ser unha válvula de comercialización da nosa produción”, indica Emilo Estévez, vicepresidente da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam) e xerente de Coplant, unha comercializadora ornamental na zona sur de Galicia. No seu caso, están exportando arredor dun 20% da produción que deberan, sobre todo cara a Francia.
Viveiros do Baixo Miño están exportando a Francia un 20% da produción que deberan
Pese a que o país galo está a ser un dos principais destinos para a planta ornamental galega, o volume de exportacións está moi por debaixo do habitual e os trámites burocráticos están a dificultar moito a comercialización, como indican dende o sector. Mentres, as vendas ó resto de Europa están case completamente paralizadas. “Agora mesmo podemos estar destinando á exportación un 2% da nosa produción”, detallan dende Asvinor. Pese a que as restricións para a venda de flor e planta ornamental noutros países europeos están a ser menores, a crise do coronavirus fixo que estean optando por adquirir planta de proximidade, no canto de importala dende España.

No limbo do sector agrario

A planta ornamental é un subsector dentro das producións agrarias, pero non foi considerada dende un primeiro momento como ben esencial e a súa comercialización limitouse ó máximo. Así, mentres nos viveiros puideron seguir coa actividade, a comercialización cancelouse mesmo naqueles puntos que seguían abertos por ter outros produtos como fitosanitarios, abonos, plantón de horta ou pensos para animais. “Estamos sendo un dos máis prexudicados nesta crise, posto que non podemos vender, pero seguimos tendo case o 98% dos gastos que tiñamos cando estamos a pleno rendemento”, indica Ramos. A maioría dos viveiros continúan con boa parte do persoal que teñen habitualmente e só se acolleron a ERTES a comezos do sistema de alarma para aqueles traballadores contratados especificamente para as tarefas de expedición da planta. “A xente que normamente está nos viveiros tiñamos que seguir con ela para o mantemento da planta”, explican dende Asvinor.
Pese a que aplicaron ERTES para o persoal contratado para a expedición da planta, a maioría dos viveiros continuaron con boa parte dos traballadores
O mesmo aconteceu durante as semanas de máxima paralización, onde a actividade continuou nos viveiros posto que as tarefas de mantemento precisaban do persoal especializado para a atención das plantas. “As plantas tivemos que seguir supervisándoas, axustando a rega e a fertilización xa que non se poden descoidar 15 días”, apuntan os produtores. Os viveiros atópanse neste momento aínda coa maior parte da súa produción sen vender, o que está condicionando tamén a produción das próximas campañas. “Temos o espazo dos nosos viveiros ocupado, cando xa deberamos estar plantando as próximas plantas”, indican. Volver enmacetar as plantas que quedaron sen vender supón uns costes elevados sen garantías de que poidan conseguir vendelas despois noutros tamaños. Moita desta planta terán que destruíla, posto que os costes de transplante e abonado superan ó que poidan obter, ademais de ser máis complicada a súa comercialización. “Non só é reenmacetar a planta senón conseguir vendela despois con ese tamaño”, explica Ramos. Os viveiristas valoran estas opcións para salvar a planta pero temen incrementar os gastos e non conseguir sacar esa produción. É o caso, por exemplo, dun viveirista que adoita comercializar unhas 20.000 hortensias en macetas de 3 litros, mentres que en maceta de 5 litros apenas vende unhas 20 na tempada. “Aínda que reenmacetemos, sabemos que non hai mercado para elas”, valora.

Adiar as celebracións

A cancelación das celebracións polo Día do Pai, a Semana Santa e agora o Día da Nai fai que moita da planta e flor pensada para estes actos se teña que desbotar. No Baixo Miño, especializados en planta arbórea, adoitan comercializar unha importante cantidade de hortensias para o Día da Nai, que este ano xa dan por perdidas. “A hortensia é unha das plantas que máis saída ten para esa data nos nosos viveiros e chegamos a comercializar uns 5.000 exemplares”, concretan dende Coplant. Unha vez terminada a floración, os viveiros teñen moitas dificultades para comercializar estas plantas. Precisamente para tentar paliar a falta de festexos destas datas sinaladas, hai propostas para cambiar estas celebracións e adialas coa intención de poder salvar as vendas, aínda que tampouco estas medidas convencen moito ós produtores, xa que ven difícil contar con planta para outras datas. “A xente cando merca unha planta quere vela florecer, non adoita mercala para agardar un ano a que floreza, por iso unha vez que cumpriu o ciclo é moi difícil que a merquen noutra data”, reflexionan os produtores. Ademais, os viveiros afrontan agora unha das épocas máis difíciles para manter a planta nas instalacións, posto que co incremento das temperaturas, boa parte das especies rematan os ciclos. Neste momento, os produtores, ó igual que noutros sectores, tamén valoraron as vendas por internet como unha maneira de comercializar a súa produción. Porén, as propias características do produto dificulta e encarece moito o coste, co que os viveiros desbotaron polo momento esta canle. “Ó ser un produto perecedoiro e delicado os costes para o envío triplicaban o prezo das plantas”, indican dende o sector.

Medidas para paliar as perdas

Os esforzos dos viveiristas céntranse en conseguir que se poida comercializar a súa planta e flor naqueles espazos que continúan abertos e que permiten establecer medidas de seguridade, tanto para os clientes como para os comerciantes. “Outros países como Holanda ou Alemaña están permitindo ter os centros de xardinería abertos e poder adquirir planta, o que para nós sería un xeito de darlle saída”, indican dende o sector. De feito, moitos destes puntos de venta están agora mesmo funcionando ó comercializar outros produtos relacionados co sector agrogandeiro. Outra das medidas que urxen ó Ministerio de Agricultura son as pautas para destruír a planta, de tal xeito que logo poidan optar a recibir axudas compensatorias por estas perdas. “Estamos aguantando ata ter as instrucións porque estamos xa case ó final da campaña e precisamos comezar cos traballos das próximas”, indican. Un dos maiores temores para estes produtores é que poidan quedar excluídos das axudas compensatorias que se propoñan nos próximos meses para o sector primario. “Nos viveiros non estamos funcionando coma o resto dos produtores agrarios, polo que pedimos que despois tamén nos teñan en conta”, piden dende Acubam. O colectivo tamén valora impulsar medidas de promoción para a venda directa da planta galega, para o que tamén solicita o apoio da Administración.

Petición de un plan de axuda europeo para o sector de planta ornamental

A demanda de planta ornamental baixou por riba do 80% en toda Europa desde mediados de marzo, polo que o sector de flor cortada e planta ornamental afronta un colapso histórico. Ante esta situación, o Copa-Cogeca, a organización que agrupa a cooperativas e organizacións agrarias de toda Europa, solicitou da Comisión Europea un plan de axudas comunitarias para abordar de xeito urxente as necesidades do sector. Galicia é unha das zonas da UE afectadas pola crise da planta ornamental, pois a comunidade conta cun potente sector de planta ornamental que exporta flor e planta a toda Europa. O secretario xeral do Copa Cogeca, Pekka Pesonen, lembra que a crise do sector golpea no peor momento do ano, pois a primavera é o periodo no que se xera a maior parte da facturación do sector. A crise do coronavirus está obrigando de xeito inevitable a destruír a produción en toda a UE, cun efecto dominó polo peche da cadea de venda. Desde o Copa-Cogeca piden a activación extraordinaria de medidas de xestión de crise, como as previstas no Reglamento 1308/2013. As propostas do Copa son as seguintes: - Apoios para compensar as perdas, garantir liquidez e a continuación da actividade agraria. - Compensacións de polo menos o 80% dos custos de eliminación de planta e produción do produto que non se vende. - Mantemento do funcionamento do mercado único. Tamén se demandan medidas para o medio e longo prazo, cun fondo de promoción que aborde as necesidades do sector de flor e planta ornamental. “A supervivencia de todo o sector da UE de planta ornamental está en xogo”, advirten.

O sector galego de planta ornamental, contra as cordas polo coronavirus

Dende que o pasado sábado se concretaron as medidas do estado de alarma pola pandemia do coronavirus, o sector dos viveiristas galegos atravesa unha situación crítica para moitos produtores, ó manterse bloqueada a comercialización. “Agora mesmo o sector dos viveiristas estamos nun limbo: somos parte do sector primario e poderíamos traballar, pero temos pechados os puntos de comercialización, ó non ser un produto de primeira necesidade, pese a que boa parte da nosa produción é perecedoira”. Así describe a situación que atravesa o sector Santiago Ramos, técnico da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor).
Os principais centros de comercialización pecharon pese a que boa parte da produción é perecedoira
Aínda que todo o sector está moi afectado polas limitacións de comercialización, os máis prexudicados están a ser os viveiros de planta de tempada, flor cortada e horta. Todos eles comercializan produtos cunha época de venda moi concreta e se non despachan no momento marcado, logo xa non poderán facelo. “Ou sacamos a produción que temos lista para vender agora ou teremos que tirala, e se teño que tirala tamén terei que pechar o viveiro”, comenta un viveirista centrado na planta ornamental.

Parón no peor momento

A paralización das vendas prodúcese no momento de maior actividade para os viveiros. A chegada da primavera marca o arranque da tempada de vendas de sectores como a flor cortada que atopa nos adornos florais de festividades e celebracións un dos seus principais destinos. Os produtores ven perdidas xa datas destacadas coma o Día do Pai de hoxe ou a Semana Santa.
Moitos viveiros comercializan na primavera o 80% da súa produción e nalgúns casos mesmo o 100% da súa planta
Xeranios, surfinias, margaritas ou caraveis son algunhas das plantas de tempada que os viveiros galegos teñen preparadas para comercializar. “Esta planta véndese agora, cando comeza a vir o bo tempo e a xente quere preparar os seus xardíns, se non se comercializa agora moitos terán que tirala, xa que non poden estar regándoa e fertilizando para logo non a vender”, concreta Ramos. A planta de tempada, a flor e a horta viven agora a temporada forte mentres que no outono abonda máis o mercado de arbusto. “Hai moitos viveiros que comercializan na primavera o 80% da súa produción, nalgúns casos mesmo o 100% da súa planta”, indican dende Asvinor. Planta de tempada no seu momento óptimo para a venda, nun viveiro galego. Así, os esforzos por desestacionalizar a produción, que moitos viveiros fixeron hai máis de 10 anos, cando a crise económica oprimiu tamén ó sector, non evita que a primavera siga a ser o momento clave para moitos produtores. “A primavera sigue sendo o momento de máis vendas”, destaca tamén Emilio Estévez, vicepresidente da Asociación de Cultivos Baixo Miño (Acubam) e director xerente de Coplant, unha comercializadora de planta ornamental que agrupa a 5 viveiros na zona sur de Galicia e na que traballan máis de 200 persoas. No caso de Coplant, os seus esforzos nestes momentos céntranse en aproveitar a exportación cara a países do norte de Europa sen restricións, como Holanda ou Gran Bretaña. Á par, na súa central de compras optaron dende comezos de semana polo teletraballo e dende hai xa máis dunha semana nos seus viveiros incorporaron protocolos de seguridade para evitar o contacto entre o persoal. Porén, as restricións comezan tamén a chegar dos países europeos. Esta mesma semana, dende Alemaña cancelaban importantes pedidos de arbusto a viveiros galegos. “Pese a que poida parecer que moitas plantas poden resistir, teñen unha época de venta, que é xusto antes de florecer, se non se venden agora logo xa non as queren”, recorda Ramos.

Restricións nas vendas

Aínda que a comercialización está paralizada, a situación, por agora, tampouco está moi clara, segundo apuntan dende o sector. Mentres que a Xunta permite o comercio ó por menor de flores, plantas ou sementes, as indicacións dende o Ministerio de Agricultura apuntan a que non está permitida esta comercialización. “Consultámosllo xa a comezos de semana ó Ministerio e indicáronnos que só se permite estar abertas as tendas que tamén teñan produtos de primeira necesidade como pensos para animais, fertilizantes, sementes ou produtos indispensables para o sector agrario", especifican desde Asvinor.” Por iso dende o colectivo, que agrupa a máis de 40 viveiristas galegos, trasladaranlle ó goberno autonómico a petición para poder comercializar a súa produción, ó tratarse de produtos perecedoiros.
Tentan que a Xunta autorice a venda, ó tratarse de produtos perecedoiros
Nos últimos días tamén se están a promover iniciativas para visibilizar a importancia que poden ter as plantas, aínda que non sexan considerados bens de primeira necesidade nesta crise. Búscase fomentar que estes produtos perecedoiros tamén contribúan a pasar dun xeito mellor, os encerros preventivos da poboación. “Se se permite comercializalas, estas plantas tamén poden purificar ambientes ademais de ser un aliciente máis para as persoas que teñen que permanecer pechadas nas súas casas todo o día. Ter que regar a planta ou poder plantar un tomate ou unhas leitugas pode axudar a sobrelevalo encerro”, sinalan dende o sector. Á par, a venta de plantel de horta para autoconsumo é unha xeito máis de garantir os bens de alimentación básicos á poboación.
Viveiros como Pamiplant, centrados na flor cortada, dan a produción por perdida ó non poder comercializala.

A flor cortada, os grandes esquecidos

Sen dúbida un dos grandes prexudicados polo peche dos puntos de comercialización están a ser os produtores de flor cortada, posto que as súas ventas son moi puntuais e unha vez que se paralizou o mercado estase a desbotar toda a flor que xa tiñan preparada e a que floreza mentres duren as restricións. “O sector da flor cortada en España é o gran esquecido sempre que se deseñan plans de axuda ou estratexias de calquera tipo”, denuncian dende a Unión de Pequenos Agricultores (UPA), matriz estatal de Unións Agrarias. “O paro do mercado minorista e do sector turístico e de eventos supuxo deixar de vender todo. No noso caso, ó ser un produto perecedoiro, as perdas son moi importantes”, concreta Patricia Rodríguez, centrada na produción de flor cortada no seu viveiro Pamiplant. Aínda que en Galicia, o número de produtores centrados na flor cortada é reducido, en España destínanse a esta produción preto de 1.200 hectáreas. As importantes restricións sanitarias para o cultivo da flor fixeron que moitos viveiros optaran por outros cultivos nos últimos anos. “As perdas que afronta o sector da flor cortada son totais, por iso pedimos que non se abandone á súa sorte ós produtores”, reclaman dende UPA. Xerberas en flor do viveiro Pamiplant. Dende Asvinor tentarán abordar posibles solucións para o sector dos viveiristas de xeito conxunto con outras comunidades autónomas. “Levamos moito tempo no que o marxe de beneficios para a produción de planta é mínimo e estas restricións van supor moitas perdas insostibles para os viveiros”, concretan dende o colectivo de viveiristas. Á marxe da paralización da comercialización, os viveiros afrontan nestes momentos as plantacións das próximas campañas cunha gran incertidume sobre o que serán capaces de afrontar tras esta crise.

“Era preciso un distintivo para a planta ornamental galega, moi demandada en países como Alemania”

A planta ornamental galega acaba de estrear a súa nova marca e certificación Planta Ornamental de Galicia - Galicia Calidade, que lle permite diferenciar a oferta galega no mercado internacional. O técnico Santiago Ramos, da Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor), impulsora da iniciativa, concrétanos que supón contar con este distintivo e os retos que se lle presentan agora ao sector. Cando e por que decidistes empezar a traballar nesta certificación de planta de Galicia? A idea de comezar a traballar en diferenciar a planta de Galicia xurdiu nunha viaxe a Alemaña na que tivemos unha reunión co dono dunha cadea de centros de xardinaría en Colonia que nos dixo que a planta de Galicia estaba a funcionarlles moi ben, pero que tiñan o pequeno hándicap de que lles chegaba como planta de España. Como é lóxico, a planta española asóciase máis a unha planta mediterránea, de Andalucía e Levante, xa que producen bastante máis que nós desde Galicia, e a diferenza da galega, esa é unha planta que non se adapta ben en Centroeuropa. Necesitabamos unha marca ou un distintivo para a planta galega, que era a que estaban a demandar, porque se adaptaba ben e funcionaba en países como Alemaña, con climas de continentais. De aí xurdiu todo, fai xa bastantes anos. Comezamos a traballar niso na asociación e buscamos axuda para desenvolvelo, que veu a través da Fundación Juana de Vega, que creu no proxecto. Tamén contamos con colaboración de técnicos externos e da Xunta e creouse a norma, logo rexistramos unha marca colectiva (Planta Ornamental de Galicia, propiedade da asociación Asvinor). E por último, unha vez que tiñamos isto, solicitamos formar parte de Galicia Calidade.
"Somos os primeiros que fixamos unhas normas a nivel nacional e poucos exemplos hai a nivel mundial"
Que dificultades atopastes até o momento no camiño de botar a andar esta certificación? Foi un traballo duro e de moitos anos. Hai que ter en conta tamén que somos pioneiros, somos os primeiros que fixamos estas normas a nivel nacional, e poucos exemplos hai a nivel mundial. En Europa hai unhas normas da Asociación Europea de Viveirismo e en Estados Unidos teñen tamén definidas xa algunhas normas, pero é moi pouco o que hai concretado. Chegar a ter unhas normas específicas para as condicións climáticas e a produción de Galicia levounos moito tempo porque a casuística de toda a produción de plantas é enorme, é practicamente infinita. Agora mesmo estámonos dando de conta, unha vez que puxemos a funcionar a marca e a certificación, que nos faltan moitas producións por incluír ou por actualizar. A norma sempre vai estar viva e vaise a ir modificando para as necesidades que se vaian detectando no mercado. Que producións se inclúen baixo esta certificación? Ten que ser planta producida en Galicia. A semente ou o plantel pode chegar de fóra, pero despois debe pasar, dependendo do tipo de planta, un determinado tempo en Galicia, para aclimatarse e poder funcionar realmente como unha planta feita en Galicia. Que producións estades a ver que é preciso incluír na norma e que non tiñades? Estamos a ver que nos falta incluír temas concretos que nos van xurdindo, como o caso das coníferas, que as tiñamos definidas só en terrón e non en colector . Estamos a incluír aquelas plantas que nos están demandando. Así, imos incluíndo cada vez máis planta.
"O sector está a reactivarse, os viveiros empezan a producir máis e a aumentar exportacións, porque a planta de calidade está a venderse"
A que mercados está orientada a produción desta planta certificada? Principalmente cara ao mercado europeo, tanto Francia como Alemaña, Bélxica, Holanda ou o Reino Unido. Son países de clima máis ben continental, cun clima máis duro, en canto a tema de frío ou luz. Son un pouco máis restritivos que Galicia pero a planta vai bastante rústica e adáptase ben, sen ter maiores problemas nestes climas. Lograr esta certificación foi un paso máis na modernización do sector, pero como evolucionou o sector da planta ornamental en Galicia nos últimos anos? Os primeiros viveiros en Galicia apareceron xa en 1900, pero é en 1990 cando se produce un boom no viverismo de Galicia debido á demanda, principalmente, da zona centro de España, Madrid e arredores. Esa expansión tan importante mantívose até 2005-2007, coa chegada da crise económica, que provocou o peche de moitos viveiros en Galicia. Nos últimos anos, trala crise, os viveiros volveron outra vez a apostar pola produción e agora estamos na primeira fase da reactivación do viveirismo. A xente está a empezar a producir máis, mirando para aumentar as exportacións, xa que agora a planta boa e de calidade está a venderse. Como é esa planta de calidade que demanda o mercado? Antes da crise, había tal demanda de planta que, aínda sen ser unha planta de tanta calidade, vendíase. Pero agora mesmo a planta que se demanda, tanto por parte da pouca obra pública que hai como da xardinaría privada son plantas de moita calidade, plantas selectas. Dos mercados exteriores piden tamén planta seleccionada.
"A camelia é a produción estrela en Galicia. Están a porse á venda preto de 2 millóns de plantas ao ano"
Que cantidade de planta se produce actualmente en Galicia? É moi complicado dar unha cifra respecto diso, pódese ofrecer unha aproximación en plantas puntuais. Por exemplo, na produción estrela de Galicia, a camelia, están a porse á venda preto de 2 millóns de plantas ao ano. A produción de planta é moi variable, porque entra tamén a planta de tempada, como petunias ou surfinias, que se fai moi rápido e vaise renovando, polo que ten unha rotación enorme tanto nos viveiros de produción como na venda. Que superficie manexan os viveiristas? Agora mesmo en Galicia estáse nas 700 hectáreas de produción. Dentro da asociación temos viveiros con 40 ou 50 hectáreas, os máis grandes, aínda que non é o máis habitual. A media dentro do colectivo é que manexen entre 5 e 7 hectáreas. Entre os nosos 40 socios concéntrase o 80% do volume de produción de planta en Galicia. A parte da produción da camelia que destacabas, en que está centrada a produción en Galicia? Sobre todo no arbusto. Hai tres grandes grupos na produción galega. Por unha banda a árbore ornamental, destinada, sobre todo, ó mercado nacional. Logo o arbusto, que é o que máis volume ten, que copa o groso da produción e que está máis enfocado á exportación. Por último, a planta de tempada, que ten uns prezos tan baixos que non compensan os portes, nin sequera a nivel nacional, polo que se centra nun mercado local e de proximidade.
"Os principais viveiristas galegos están centrados no mercado francés e alemán"
Apuntabas que os produtores están a buscar tamén novos mercados, cara a onde se está mirando desde o sector? A maior cantidade de planta destínase a un mercado nacional. Despois, un dos mellores mercados para os viveiros galegos é Francia, a pesar da proximidade con Portugal que temos. Nos últimos tempos outro mercado que nos está funcionando moi ben é o mercado do Reino Unido, só que agora mesmo co Bréxit estamos un pouco á expectativa do que pasa e como nos pode afectar. Outros grandes consumidores son Alemaña e Holanda. Os principais viveiristas galegos están centrados en ir ó mercado francés e alemán.

"Hai demanda de miles de exemplares de oliva autóctona galega, tanto de brava como de mansa"

Do mesmo xeito que se está mirando a novos mercados, mírase tamén a novos produtos, como a comercialización das variedades de oliveiras autóctonas? Hai interese no sector? O tema das oliveiras autóctonas xurdiu por mor dun proxecto do CSIC, que conseguiu o respaldo tamén da Fundación Juana de Vega, para comezar a indagar sobre as variedades que había en Galicia. Desde a fundación contactaron tamén connosco para saber se había viveiros interesados en comercializalos. Agora mesmo hai dous viveiros interesados e onde se está xa producindo planta tanto da variedade mansa como brava, pero creo que vai ir en aumento porque hai moito interese. Persoalmente recibo entre tres ou catro chamadas semanais interesándose polas oliveiras. É un cultivo que se está iniciando agora. Tivemos aínda fai un par de meses a primeira transferencia de material para reprodución e imos solicitarlle ao CSIC material nas tres fases de reprodución: a que fixemos xa sobre madeira dura, a de madeira verde que se fai agora a principios de verán e semidura, que, en teoría é a que mellor funciona, que se fai a finais de verán. Agora mesmo, hai unha gran cantidade de oliveira demandada. Hai miles de exemplares de oliveira autóctona galega demandada, tanto de brava como de mansa. Hai planta xa dispoñible para a venta? Estes dous viveiros teñen en produción pero, polo momento, non están a vender.
"O viveirismo vai cambiar cara a unha produción un pouco máis hermética polo tema da transmisión de pragas"
Outro dos retos dos últimos anos para o sector é facer fronte ás pragas, como vos está afectando e como o enfocades? Estamos nun momento bastante crítico en canto a sanidade vexetal a nivel europeo, cunha chea de pragas e ameazas. A lexislación europea agora mesmo está a ser demasiado conservadora. En Estados Unidos levan 100 anos convivindo coa 'Xylella fastidiosa', unha das principais ameazas tanto das oliveiras como da vide, sen maior problema. Unha vez que se detecta, desinfectase a zona e vólvese a plantar, mentres que aquí, a nós, estásenos esixindo destruír toda a planta que poida estar afectada en 100 metros e en 5 km estamos a facer actuacións fitosanitarias contra os vectores, analíticas de plantas que poden ser susceptibles desta praga... Creo que hai demasiado medo a esta enfermidade e, como a esta, a moitas outras. Agora estamos nunha fase de medo cos positivos que se van dando tanto en Europa como a nivel nacional. O viveirismo vai cambiar cara a unha produción un pouco máis hermética polo tema da transmisión de pragas. Desde a asociación xa estamos a avanzar tamén en formación en materia de bioseguridade nos viveiros, que é cara ao que se vai a tender cada vez máis.

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño acolle un obradoiro sobre oportunidades de formación e emprego no agro

O sector da xardinería e planta ornamental ten unha das súas principais citas do ano entre o 15 e o 17 de marzo en Tomiño, na Mostra de Cultivos do Baixo Miño. O certame, que chega este ano a súa décimosexta edición, contará con 32 stands de viveiros e empresas auxiliares do agro, así coma cun amplo programa de actividades para profesionais e público en xeral. Como é habitual, a cita tamén adicará un taller dirixido a abordar as oportunidades de formación e emprego no agro, pois un dos problemas habituais das empresas do sector é a falta de man de obra especializada. Este ano, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que se desenvolverá no pavillón de Goián (Tomiño), abordará a cuestión do emprego desde unha perspectiva transfronteiriza. En colaboración coa Eurocidade Cerveira – Tomiño, desenvolverase durante a Mostra un workshop (obradoiro) sobre ‘Oportunidades de formación e emprego no agro’, que contará coa colaboración de empresas e centros educativos de Galicia e Norte de Portugal. No obradoiro, presentarase a posta en marcha dunha Bolsa de emprego agraria transfronteiriza e promoveranse fórmulas de colaboración entre as empresas e os centros educativos. Contarase, ademais, cunha xornada técnica sobre ‘O agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo’. Para participar neste workshop, que se celebrará o 15 e 16 de marzo, é necesario facer inscrición previa a través deste enlace. A programación transfronteiriza completarase coa presentación dunha misión comercial inversa, que se está a organizar co obxectivo de facilitar a materialización de relacións comerciais entre as empresas do sector agrícola do norte de Portugal e do Baixo Miño.

Unha Mostra para todos os públicos

A XVI Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 15 ao 17 de marzo no pavillón municipal de Goián, organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño. Serán tres días repletos de actividades divulgativas dirixidas a profesionais e a público xeral, con actividades pensadas tamén para desfrutar en familia. Así, por exemplo, o domingo 16 o chef Iván Méndez ensinará como preparar produtos do país con dous showcooking (un para cativos e cativas -12.30 h- e outro para adultos -17.30 h-), mentres que os nenos e nenas poderán desfrutar dunha xornada chea de xogos e talleres cunha temática vencellada principalmente aos cultivos e á froita (de 11 a 19 h). Tamén haberá un taller de plantación no stand do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño, que permitirá ás persoas participantes levarse a casa a súa propia planta, ou un obradoiro de purín de ortigas como ferramenta ecolóxica para a horta. 32 expositores e máis de 15 actividades A 16ª Mostra de Cultivos conta esta edición cun amplo programa de actividade e con 32 expositores que amosarán as súas novidades ao público asistente. Entre as empresas participantes, celebrarase o certame Acubam Innovación, un premio que chega á súa cuarta edición recollendo innovacións tecnolóxicas aplicables a calquera elo da cadea de valor do agro na comarca. Por outra banda, durante a Mostra darase a coñecer o gañador ou gañadora dos Premios Xardín Galego, posto en marcha o ano pasado por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar) co obxectivo de dignificar e promocionar o sector da xardinería en Galicia. Ademais, o público poderá asistir a calquera das catro mesas técnicas organizadas para a ocasión, na que se tratarán dende as cubertas axardinadas e a xardinería vertical, o agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo ou técnicas de control de impacto da vespa velutina na contorna ata o tema da auga no rural.
Máis información - Programa completo da Mostra de Cultivos do Baixo Miño (15 – 17 de marzo do 2019).

O piñeiro araucano de Soutomaior, candidato a árbore europea do ano

Piñeiro araucano de Soutomaior. A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), está a dar un último pulo á candidatura do piñeiro araucano dos xardíns do Castelo de Soutomaior para que sexa declarado ‘Árbore Europea do 2019’. Esta peza, segundo lembra a deputada Eva Vilaverde, é a única árbore galega que opta a pasar á fase europea do concurso entre as dez candidatas do estado español e precisa do voto cidadán, que se pode realizar na web do certame. A campaña a favor do piñeiro araucano do Castelo de Soutomaior rematará o venres 23 e leva activa dende o pasado mes de outubro. Segundo manifestou a deputada Eva Vilaverde, a intención da Deputación con esta candidatura é acadar o mellor posto posible na clasificación, mais subliñou que o obxectivo último “é dar a coñecer toda a riqueza natural da provincia”. Hai diversos motivos polos que Areeiro escolleu o piñeiro araucano como peza botánica singular, tanto dende o punto de vista da súa morfoloxía como pola súa historia dentro do Castelo de Soutomaior. A Araucaria araucana ten uns 150 anos, alcanza os 27 metros de altura –é das máis altas de España-, e ten 2,67 metros de perímetro basal, o que a sitúa entre as de maior envergadura de Europa. A importancia desta árbore é tal que existen numerosas referencias bibliográficas da súa existencia (as primeiras datan de 1879, no diario político ‘La época’); tamén está referenciada no libro ‘Árboles chilenos del mundo’ escrito por Rodrigo Fernández Cargo; e está incluída na web monumentaltrees.com, onde se recollen as pezas botánicas máis salientables do planeta. Os competidores do piñeiro araucano pontevedrés están fundamentalmente na franxa mediterránea: piñeiro laricio de La Yesa (Valencia), pinsapo de Grazalema (Cádiz), algarrobo de Foia Brell (Alicante), piñeiro da Virxe (La Palma), olmo de Navallas (Castellón), amendoeiro Real (Badaxoz), olivo Milenario ‘La Farga del Arión’ (Tarragona), palmeira imperial (Elche) e piñeiro de Roble de Peñascosa (Albacete). Esta é a segunda ocasión na que unha árbore galega é presentada ó certame de Árbore Europea do Ano, pois no 2016 optara a entrar na fase final unha metasequoia de Lourizán.

“O mercado de flor e planta ornamental tira, pero precisamos terra e persoal”

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño, que representa un escaparate da produción de flor e planta ornamental na comarca, chega a súa décimoquinta edición do venres 2 ó domingo 4 de marzo en Tomiño, no pavillón de Goián. O evento está organizado conxuntamente polo Concello de Tomiño e pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (Acubam). Falamos con Patricia Rodríguez, presidenta de Acubam, una entidade que agrupa a 24 empresas da comarca, principalmente de planta ornamental e flor, así como da súa cadea de valor (insumos, transporte). - A Mostra de Cultivos oriéntase tanto a un público profesional como xeral. Cóntanos que van poder atopar tanto uns coma outros. - Os primeiros dous días da Mostra, venres e sábado, están orientados a un público profesional. O venres temos dúas mesas de traballo, unha sobre sanidade vexetal, na que participan persoas investigadoras, e outra sobre o modelo de negocio no agro, xa que unha das ambicións que temos é a de profesionalizar as nosas empresas para ser máis puxantes do que xa somos e mellorar en cuestións como formación ou innovación. O sábado, coa colaboración de Coxapo, temos unha xornada sobre a auga, que é un elemento fundamental nas nosas empresas e no rural. Desenvolveremos tamén o sábado á tarde, a partir das 16 horas, un obradoiro de empregabilidade, xa que a obtención dunha man de obra cualificada é un dos aspectos que precisamos reforzar nas nosas empresas. Imos divulgar os diferentes títulos e capacitacións que necesitamos, tanto a nivel de enxeñeiros agrícolas ou industriais como en peóns ou persoas especializadas en podas. A xornada do sábado complétase cun obradoiro de xardinería ecolóxica, que se celebrará ao longo de toda a tarde. Para o domingo, abrímonos tamén a un público familiar, que vai ter multitude de actividades lúdicas ao longo de todo o día para os máis cativos, desde xogos con plantas ata actividades de reciclaxe ou á realización dun mural colectivo. - Falábasnos da falta de man de obra especializada, que é un dos problemas que identificastes no Plan Estratéxico de Planta Ornamental e Flor do Baixo Miño, rematado recentemente. Semella sorprendente que falte man de obra nun contexto coma o actual... - É un problema común a todas as empresas do agro, sobre todo no tocante a man de obra profesional. Penso que é unha cuestión de imaxe, o sector ten que verse como o que é hoxe. A agricultura foi dura en tempos, pero hoxe temos unha agricultura moi técnica que precisa persoas capacitadas.
"A agricultura foi dura en tempos, pero ten que verse como o que é hoxe, como unha profesión moi técnica que permite boa calidade de vida"
O agro é un modo de vida distinto e respetuoso co medio. Outros países europeos teñen avanzado máis na imaxe da agricultura, aínda que tamén comparten con nós o problema de que a xente nova vaise, pensando que vai ter mellor calidade de vida e salario traballando nunha cadea de montaxe dunha industria, cando moitas veces no agro pode terse un salario equiparable e maior calidade de vida. É un problema conceptual. - Outra cuestión que vos preocupa ás empresas de planta ornamental e flor é a falta de terra para acometer ampliacións ou novos proxectos. - Xunto coa falta de man de obra, é unha das cuestións prioritarias. Estase traballando coas institucións públicas e estanse abrindo liñas de solución a longo prazo. Hai moita terra abandonada e á vez empresas demandantes de solo para poñelo en produción. Precísase unha ordenación territorial e accións como a creación de polígonos agrarios e parcelarias. O minifundio súfrese en toda Galicia.
"Tomiño é o maior produtor de kiwi de todo o Estado. As posibilidades de medrar están aí, coa repercusión que iso tería en postos de traballo e poboación no rural"
Moita xente non saberá que a comarca do Baixo Miño, e en concreto o concello de Tomiño, é o maior produtor de kiwi de todo o Estado. As posibilidades de medrar en superficie están aí, coa repercusión que iso tería en crear postos de traballo e asentar poboación no rural. - En planta ornamental e flor, cales son as perspectivas de mercado para os próximos anos? - O mercado tira e as exportacións xa están instaladas no día a día das empresas. O factor limitante que temos non é o mercado, é a dificultade para aumentar as nosas capacidades produtivas polos factores que comentabamos, a falta de dispoñibilidade de man de obra especializada, a falta de superficie e a necesidade de investimentos para aumentar en superficies de produción. Para chegar ós mercados, ás veces precísase de volumes e dun crecemento exponencial das empresas. - No 2017 presentouse a marca ‘Planta Ornamental de Galicia’, en base a unha norma que trata de estandarizar formatos e tamaños, de cara a facilitar exportacións conxuntas de planta galega. Vedes de interese o proxecto? - O camiño da profesionalización vai por aí, é un paso importante e estamos traballando para implementala. Resulta complicado, xa que hai que avanzar nunha estandarización de tipoloxías e formatos, e precísase ademais dun cambio de mentalidade. - Para o Baixo Miño, unha das principais áreas produtoras de flor e planta ornamental de Galicia, barallades tamén a creación dunha marca propia complementaria? - Hai xa comarcas de Europa que teñen selos distintos e crear un selo para o Baixo Miño é unha idea da que temos falado, pero non hai nada en firme. A cuestión de fondo é que queremos que o Baixo Miño se visualice cunha identidade propia, como un territorio cun agro empresarial, innovador e xerador de riqueza e emprego.

Recollida de currículos e obradoiro de empregabilidade

Unha das novidades desta XV edición da Mostra de Cultivos do Baixo Miño está na habilitación dun punto adicado á recollida de currículos. O punto contará coa presenza de varios asesores laborais especializados que estudarán e orientarán a todas aquelas persoas interesadas en desenvolver a súa carreira profesional en distintas áreas deste sector. As persoas interesadas poden asistir tamén o sábado ás 16 horas a un obradoiro de empregabilidade. Outra das novidades este ano é a presentación dos Premios Xardinería 2018, organizados por primeira vez por Acubam e pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar). Os premios, ós que se poderán presentar autónomos e empresas do sector, queren servir de recoñecemento ós profesionais do sector e distinguirán ós mellores traballos en xardinería. Exposicións A Mostra contará con diversas exposicións, como unha de imaxes sobre a historia do agro na comarca, facendo un percorrido polo que é e polo que representa. Ao longo dos tres días que dura a mostra, o público tamén poderá desfrutar dunha exposición de arte do Colectivo Somosarte, composto por artistas, escultores e pintores locais, que amosarán as súas obras vinculadas á temática do agro no Baixo Miño.