Archives

Rexístranse case 6.000 denuncias por infraccións forestais nos últimos tres anos

Medio Rural contabilizou nos tres últimos anos un total de 5.944 infraccións forestais denunciadas tanto polas forzas de seguridade (Seprona, Policía Autonómica, axentes forestais...), así como por propietarios particulares forestais ou entidades forestais ou grupos de defensa do medio ambiente. A maioría delas trátase de incumprimentos das distancias mínimas, plantacións ilegais ou cambios de terras agrarias a forestais sen autorización. Os datos foron expostos este venres no Parlamento polo director xeral de planificación e ordenación forestal, José Luis Chan, durante o transcurso da Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes. A comparecencia de Chan produciuse logo de que o grupo socialista galego solicitase coñecer os datos de cortas, plantacións e denuncias por infraccións na normativa forestal dende o 2019. O grupo socialista buscaba avaliar así o impacto que tivo a moratoria da plantación de eucalipto, unha medida que reprobaron debido ó efecto chamada que aseguran que tivo para facer cortas de piñeiros e plantacións de eucalipto no seu sitio, desbordando ó sector forestal, ademais de afear que fose realizada sen o apoio do sector e sen basearse en criterios profesionais forestais. En canto ó volume de cortas que se produciron nestes anos, Chan recordou que os datos son públicos e que poden consultarse no Observatorio Forestal de Galicia. Porén, apuntou que no 2021 se apreciou unha recuperación con respecto do rexistrado no 2020, situándose a taxa de extracción de madeira en cifras semellantes ás que se manexaron nos anos previos á pandemia, tanto no 2018 coma no 2019. Chan tamén incidiu en que a corta de madeira é un mercado á alza, que pon en valor en especial a madeira de coníferas. “O Plan forestal fixa como obxectivo para os próximos 20 anos acadar os 12 millóns de metros cúbicos de madeira e nestes momentos estamos xa chegando ós 10 millóns (9,6 millóns de metros cúbicos acadados pola xestión privada e 300.000 de xestión pública)”, explica.

Coruña e Lugo, os territorios con máis denuncias

O maior volume de denuncias por infraccións forestais rexistrouse no 2019, cun total de 2.397 apercibimentos, un procedemento previo ó inicio do expediente sancionador e que se aplica para aquelas accións que aínda son reversibles, según recolle a Lei de Montes e incendios. No 2020 producíronse 1.190 e no 2021 contabilizáronse 2.357. Nestes primeiros meses de 2022 formalizáronse 183 apercibimentos. Por provincias, A Coruña cun total de 3.626 e Lugo con 1.755 apercibimentos son os territorios con maior volume de denuncias. Mentres, en Pontevedra contabilizáronse ó longo destes 3 anos un total de 320 e en Ourense rexistráronse 243. Neste trienio tamén se tramitaron un total de 2.243 expedientes sancionadores, derivados en parte de apercibimentos no que os infractores non realizaron os cambios solicitados ou por denuncias que xa derivan directamente neste tipo de procedementos ó ser irreversibles, como as cortas ilegais ou sen autorización. No ano 2019 tramitáronse 730 expedientes, no 2020 foron 615 e no 2021 acadáronse os 898. No que levamos de 2022 xa se tramitaron 53 procedementos sancionadores. Por provincias, de novo A Coruña sitúase á cabeza ó contabilizar 832 expedientes sancionadores, en Lugo chegaron a rexistrarse nestes 3 anos un total de 619 procedementos e en Pontevedra apenas se contabilizaron 117. Destaca que en Ourense se tramitaron 675 expedientes sancionadores. Nun percorrido por algúns dos concellos con maior número de denuncias nestes tres anos destacan na Coruña, municipios coma Cedeira con 159 denuncias, Mazaricos (154), San Sadurniño (152), Touro (147), Santa Comba (118), Carballo (106), Carral (113), Arteixo (103), Ortigueira (90) Aranga (80), Ames (34) ou Abegondo (10). En canto ós expedientes sancionadores, Chan detallou o número de procedementos activos en municipios lucenses coma Palas de Rei con 80 ou Lugo que suma 140. En Pontevedra, concellos coma A Estrada tramitaron 64 expedientes, Caldas de Reis suma 13, Agolada 15 ou 25 en Lalín.

O Plan Forestal e a moratoria ó eucalipto aprobaranse sen o apoio da oposición

O Plan Forestal pasou polo Parlamento sen recabar ningún apoio a maiores do correspondente ó grupo popular. A Xunta, que xa tiña previsto aprobar o documento como decreto, sen necesidade de trámite parlamentario, decidiu debatilo na Cámara galega na busca dun consenso político con PSdeG e Bloque, pero non houbo acordo e o Plan sairá adiante sen os grupos da oposición. Como vía para lograr un consenso, o conselleiro do Medio Rural, José González, propuxo este martes unha moratoria temporal de novas plantacións de eucalipto, só válida para aquelas superficies que non teñan a especie na actualidade, como piñeirais ou monte raso. Esa paralización, que previsiblemente se regulará en breve, manterase en tanto non se teña o Inventario Forestal Galego, que se espera para o primeiro semestre do 2022. Será entón cando a Xunta poida facer un balance máis exacto das existencias de eucalipto e piñeiro en monte. A idea é valorar conxuntamente eses datos con outros, como as necesidades de cantidade e calidade de madeira das industrias forestais ou as demandas sociais de preservación da biodiversidade. Con tódolos elementos na balanza, a Xunta deberá decidir daquela unha normativa definitiva de cando e onde se poderá plantar eucalipto, á marxe dos eucaliptais actuais, onde durante todo este tempo poderase seguir cortando e plantando con total normalidade. Reaccións A moratoria proposta pola Xunta, que buscaba a complicidade social de sectores ambientalistas e o apoio da oposición, recibiu unicamente desprezos. Tanto o BNG como o PSdeG calificaron a moratoria de “pantomima" que non vai ter aplicación na práctica. “Temos que crer que van facer agora o que non fixeron en 30 anos?”, preguntouse o deputado do Partido Socialista Martín Seco. Por parte do BNG, a deputada María González lembrou que o PP rexeitou recentemente no Parlamento unha iniciativa lexislativa popular que pedía precisamente unha moratoria no cultivo do eucalipto. “Estamos encantados de que aproben esa moratoria, pero pensamos que non será real. Na Rede Natura de Galicia segue habendo 5.000 hectáreas de eucaliptos plantados irregularmente e que non retiraron”, criticou. A iniciativa do PP tampouco ten boa recepción entre os propietarios forestais do interior de Lugo, pois estes días agudizáronse as queixas de Concellos como Castroverde ou Baralla, que piden que os seus veciños teñan liberdade para plantar a especie que queiran, respetando as actuais normativas. Valoracións do PP Desde o grupo popular, a deputada Elena Candía lamentou a falta de vontade da oposición para chegar a un consenso. “Din que este Plan chega tarde pero a súa única proposta é que o retiremos para volver a empezar. Seguen na dinámica equivocada de pensar que canto peor lle vaia a Galicia, mellor lles irá a vostedes” -criticou-. “As súas únicas propostas céntranse en demonizar a nosa xestión e en plantear unha guerra contra o eucalipto. En concreto o BNG propón que se retiren 10.000 hectáreas por ano da especie, ata un total de 200.000 hectáreas eliminadas no ano 2040. Quizais deberan pensar como lle afecta unha proposta como esa a un veciño de Xove, de Barreiros ou de Mondoñedo”, concluíu.

Este é o monte que vén: regulación do eucalipto e promoción de coníferas e castiñeiros

Fumata blanca sobre ás políticas públicas que orientarán o futuro do monte galego. O Consello Forestal, un órgano consultivo da Xunta no que participan tódalas asociacións da cadea da madeira, respaldou hoxe de xeito maioritario o proxecto de Plan Forestal de Galicia 2021 – 2040. O documento asenta as bases para regular as plantacións de eucalipto e para favorecer o aumento dos piñeirais e da superficie de castiñeiros. Os números son os seguintes. Nas próximas dúas décadas, a Consellería do Medio Rural aspira a lograr unha redución dun 5% na superficie de eucaliptais, que se retirarían de 20.000 hectáreas. De xeito paralelo, quérese promover un aumento de 20.000 hectáreas na superficie de piñeirais, en regresión nos últimos anos; así como un incremento de 16.000 hectáreas de plantacións de castiñeiros, a metade para castaña e a outra metade para produción de madeira.

Regulación adicional do eucalipto

A expansión progresiva da superficie de eucalipto en Galicia frearase nos próximos anos. A Xunta anuncia un “control de novas plantacións” co obxectivo de que no 2040 se teñan reducido en 20.000 hectáreas as terras ocupadas actualmente pola especie. Queda por ver como se concreta esta regulación adicional, que será posterior á aprobación do Plan Forestal, prevista para o primeiro semestre do 2021. Na actualidade, o eucalipto xa non se pode plantar en terras agrarias nin en substitución de masas de frondosas caducifolias. Tampouco se poden acometer plantacións de novas superficies en zonas de Rede Natura. A regulación adicional que se aveciña apunta a frear a expansión do eucalipto nas zonas nas que logra menores produtividades, ben pola calidade do solo, a altitude, a proliferación de pragas ou outros condicionantes. A Xunta prevé un plan de axudas para a conversión de eucaliptais degradados a outras especies e tamén quere incentivar a rotura das grandes masas, de xeito que se cree unha paisaxe mosaico que reduza os riscos en caso dun incendio forestal. Planta mellorada, rozas e fertilización Nas áreas máis aptas para o eucalipto, entre tanto, a Xunta proxecta fomentar a xestión activa das masas para mellorar a súa produtividade. Para elo, avógase no Plan Forestal por un maior emprego de plantas melloradas e por actuacións silvícolas para controlar o mato e aumentar o aporte de nutrintes nos eucaliptais. O obxectivo é pasar dunha produtividade media dos eucaliptais que se estima na actualidade en 15 metros cúbicos por hectárea e ano a unha produtividade de 20 metros cúbicos por hectárea e ano no 2040 (medias de produtividade conxuntas de eucalipto globulus e eucalipto nitens, tendo en conta as diferentes calidades de estación). Sobre o manexo dos eucaliptais, a Xunta apunta que para reducir os riscos de incendios sería axeitado proceder a rozas de control do mato cada 3 – 5 anos. É unha medida que ademais contribuiría ó aumento da produtividade, ó que tamén axudaría unha maior fertilización das masas. Para a xestión nutricional da especie, Medio Rural sinala a conveniencia de empregar “de xeito sustentable” cinzas procedentes da biomasa forestal.

As fibras téxtiles, unha oportunidade para o eucalipto nitens?

Os proxectos de produción de fibras téxtiles a partir da madeira abren un novo escenario para o eucalipto nitens, segundo recolle o Plan Forestal de Galicia: “A madeira de ‘Eucaliptus globulus’ achégalle aos produtores uns prezos máis competitivos que a de ‘E. nitens’ (dada a súa mellor aptitude para a produción de pasta de papel), sendo previsible que as diferenzas de prezo se incrementen progresivamente. Pero esta dinámica pode verse alterada se o destino das masas de E. nitens se dirixe á obtención doutros produtos non directamente relacionados coa pasta de papel (fluff, dissolving pulp, viscosa, raión, modal, lyocell ou cupro)”. Na última década, produciuse un aumento progresivo da superficie de eucalipto nitens, unha especie máis resistente á praga do gorgullo e máis adaptada ó clima do interior galego. O eucalipto nitens, que xa representa arredor dun 15% das cortas de eucalipto en Galicia, demostrou ademais boas produtividades, que chegaban nalgún caso ata a duplicar as acadadas polo eucalipto globulus. Esas condicións favoreceron a proliferación da especie nas plantacións de eucalipto, se ben, a menor aptitude da súa madeira para pasta de papel, levou ás empresas de celulosa a reducir o prezo da madeira de nitens nun mínimo de 6 euros por tonelada, en comparación coa do globulus. Os proxectos anunciados agora para producir fibras téxtiles a partir do eucalipto poderían xerar un cambio de escenario, segundo a Xunta.

Aumento dos piñeirais e mellora do seu manexo silvícola

De xeito paralelo á redución dos eucaliptais, a Xunta proxecta fomentar o aumento da superficie de piñeirais nas próximas dúas décadas. O obxectivo que se marca a Administración é o de elevar a superficie de coníferas en 20.000 hectáreas. Prevé ademais incentivar maiores tratamentos silvícolas das masas, de xeito que no 2040 ata un 75% do volume de piñeiro cortado teña un destino para serra ou para uso estrutural na construción, fronte ó 50% actual. A mellora xenética dos piñeirais é outro dos eixos de actuación, fixándose o reto de lograr plantas de piñeiro radiata que permitan turnos de corta inferiores a 25 anos.

Castiñeiros e frondosas

Un terceiro eixo de actuación do Plan Forestal centrarase nos castiñeiros e no resto de frondosas caducifollias. Segundo o último inventario forestal, Galicia conta con 26.000 hectáreas de castiñeiros e con preto de 400.000 do resto de frondosas caducifolias (carballos, rebolos, bidueiros, bosques de ribeira, etc.). O Plan Forestal proxecta aumentar a superficie de castiñeiros en 16.000 hectáreas, a metade para produción de castaña e a outra metade para madeira, así como incentivar a xestión activa e recuperación de 8.000 hectáreas de soutos tradicionais. En canto ó resto de frondosas caducifolias -que experimentaron un notable crecemento nas últimas décadas en rexenerados naturais, sobre todo en zonas agroforestais abandonadas do interior galego-, o Plan Forestal pretende incentivar tratamentos silvícolas que favorezan a obtención de madeira de calidade, así como actuacións de repoboación para a obtención de madeira de alto valor. Os obxectivos que se marca o Plan é fomentar os tratamentos silvícolas en 5.500 hectáreas nos próximos 20 anos, así como apoiar a reforestación de 3.500 hectáreas.
Valoracións Tralo Consello Forestal de hoxe, a Consellería do Medio Rural emitiu unha nota de prensa na que se felicitaba polo consenso acadado para o Plan Forestal. Medio Rural prevé que o Plan Forestal sexa aprobado no primeiro semestre do 2021 no Consello da Xunta, logo de pasar polo Parlamento para o seu debate. A Consellería avanzou tamén que na primeira metade da lexislatura quere aprobar a reforma da Lei de Prevención e Extinción de Incendios Forestais de Galicia, para o que iniciará un proceso participativo co sector forestal. Sobre os servizos de extinción, Medio Rural anunciou por último que potenciará a formación do persoal nun Centro Integral para a Loita contra o Lume, que se ubicará no concello ourensán de Toén.
Toén acollerá un Centro Integral para a Loita contra o Lume que formará ós servizos de extinción
Por parte do sector forestal, confirmouse igualmente o consenso maioritario acadado para o Plan Forestal de Galicia 2021 – 2040. Así o manifestaron trala reunión o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, e o representante de Unións Agrarias e Asefoga, Jacobo Feijoo, que unicamente lamentou “a ausencia dunha maior aposta polas frondosas caducifolias. “Temos un 30% de superficie forestal arborada con frondosas caducifolias, que representan arredor dun 3% das cortas con destino industrial. O resto só ten uso para leñas domésticas. Se queremos apostar polas frondosas e que os propietarios vexan nelas unha rendibilidade, hai que ser máis ambiciosos á hora de incentivar tratamentos silvícolas que melloren as masas”, valora. Logo do Consello Forestal de hoxe, as últimas puntadas do Plan Forestal de Galicia daranse previsiblemente no Parlamento nas próximas semanas. Despois, o documento será aprobado polo Consello da Xunta e enfrontarase ó seu gran reto: pasar do papel ó monte nun escenario como o galego, onde o 98% da superficie forestal é propiedade particular ou de comunidades de montes. Na memoria, queda o Plan Forestal de 1992, cun plantexamento ambicioso pero lastrado por unha evolución da cadea forestal que marchou por diferente camiño.

A ordenación e planificación forestal, claves para crear riqueza no monte galego

A Xunta de Galicia está apostando fortemente pola ordenación forestal, un sector no que Galicia é a novena potencia forestal de Europa. Supón o 1,8% do PIB galego; xera nada menos que o 12% do emprego industrial ao longo da súa cadea de valor, move en torno a 2.000 millóns de euros anuais e dá emprego a unhas 70.000 persoas.

Porén, esta é só unha pequena parte do potencial de creación de riqueza que ten o monte galego. Neste sentido, a Xunta de Galicia márcase como obxectivo estratéxico no Plan Forestal multiplicar por dous a cantidade de madeira que produce Galicia nas próximas dúas décadas, pasando dos 8 millóns de metros cúbicos anuais aos 16 millóns e garantindo, evidentemente, a calidade da madeira e a sustentabilidade do monte. E todo iso coa mesma superficie: arredor dun millón de hectáreas.

E para lograr o desenvolvemento do monte galego resulta clave a planificación e a ordenación forestal. Un primeiro paso nesa dirección foi crear unha dirección específica, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, que separou estas funcións das relacionadas coa prevención e extinción de incendios, seguindo así, as recomendacións do ditame do Parlamento Galego en materia forestal e atendendo unha demanda do sector.

Dende a Xunta de Galicia defenden un equilibrio do monte galego no que teñen cabida todas as especies e todos os usos. Neste senso, avogan por unha aposta decidida pola preservación das especies autóctonas e da biodiversidade.

Pero ademáis, estanse a poñer en marcha unha serie de decretos que desenvolven as directrices da Lei de Montes de Galicia e responden tamén ao establecido polo ditame da Comisión forestal do Parlamento galego. Estas novas normativas que axudarán á creación de riqueza no sector forestal galego son:

Rexistro de frondosas:

Recentemente creouse o rexistro de masas frondosas consolidadas. O obxectivo desta norma é mellorar a conservación e posta en valor destas masas, formadas por especies de gran interese como carballos, castiñeiros, cerquiños e bidueiros, como recurso económico, social e ambiental de Galicia.

Deste xeito, os titulares que rexistren estas masas terán prioridade na concesión de axudas públicas, especialmente para dotarse dun instrumento de ordenación ou xestión forestal que regule os seus aproveitamentos dunha forma sustentable. Os seus propietarios, así como os titulares dos aproveitamentos, terán tamén vantaxes e incentivos fiscais.

Cómpre sinalar que a extensión actual das masas de frondosas autóctonas na comunidade é de preto de 415.000 hectáreas, o que supón algo máis do 20% do territorio forestal galego. De aí a necesidade e a importancia de contar cunha ferramenta deste tipo.

Plan Forestal:

Este inventario forestal ademais servirá de guía para a revisión do Plan Forestal de Galicia. A través deste Plan, apóstase por garantir un monte sustentable, tanto desde o punto de vista ambiental como económico e social, co fin de asegurar un enfoque multifuncional dos diferentes aproveitamentos do territorio forestal.

Ademais, o plan aposta por un equilibrio entre conservación e produción e non demoniza ningunha especie. A planificación ten en conta tamén as necesidades en canto a produción sustentable de madeira, orientadas cara o mantemento da riqueza e o emprego que xera o sector.

Precisamente, un exemplo palpable de monte multifuncional é a creación dun bosque periurbano na contorna de Vigo, que conta cun orzamento de case 1,4 millóns de euros e no que xa se está a traballar. Para levalo adiante, asinouse un acordo de colaboración entre a Xunta e a mancomunidade de montes de Vigo, así como con cada unha das comunidades de montes veciñais en man común de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns.

Este acordo ten por obxectivo restablecer o valor ambiental, económico e social da contorna da cidade de Vigo e que suporá unha restauración total da masa forestal nestes catro montes veciñais.

A maiores, é preciso lembrar o acordo de colaboración entre a Xunta e o Banco Santander para acometer a rexeneración ambiental, da paisaxe e preventiva da zona afectada polo lume de Ponteareas de 2017, que tamén chegou aos concellos limítrofes de Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Mondariz, Soutomaior, Pontecaldelas e Cotobade. Esta iniciativa está dotada cun orzamento de preto de 860.000 € para impulsar diferentes actuacións, xa en execución, coma o cambio de uso de dúas parcelas, unha de 135 hectáreas e outra de preto de 11 para a súa transformación en pasteiros, a realización de tratamentos para a vexetación noutras 72 hectáreas e a creación de descontinuidades en valgadas, coa plantación de ata 105.000 bidueiros.

Outros decretos forestais:

Co fin de seguir desenvolvendo a Lei de Montes, a Xunta aprobou para o seu sometemento ao ditame do Consello Consultivo de Galicia o Decreto polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta norma beneficiará aos titulares tanto dos terreos como dos aproveitamentos, xa que redundará nunha simplificación dos trámites e nunha axilización e redución dos prazos, proporcionando maior seguridade xurídica aos cidadáns.

Aproveitamento da resina

Ademais, cómpre destacar que no novo decreto regúlase por primeira vez o aproveitamento de resina, que está tendo nos últimos anos un forte pulo e que está moi ligado á fixación de poboación no rural. Ao tratarse dun aproveitamento en constante evolución, facilita tamén as accións de formación e investigación.

En particular, este decreto regulará a autorización única para os aproveitamentos. Desta forma, será a Consellería do Medio Rural a que solicite e valore os informes preceptivos dos distintos organismos da Xunta, emitindo unha única autorización, nun prazo máximo de dous meses, con silencio positivo.

Ademais, a Xunta aprobou os novos pregos de condicións aos que haberán de suxeitarse os aproveitamentos madeireiros dunha serie de especies madeirables (eucaliptos, piñeiros e acacias) en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público (zonas de protección de estradas autonómicas, policía de leitos de ríos e regatos de competencia galega e de conservación do patrimonio natural).

Así, a aprobación dos citados pregos permitirá substituír a esixencia de autorización administrativa por unha declaración responsable da persoa interesada na corta, comprometéndose ao cumprimento dos requisitos específicos contemplados para as cortas en cada un destes espazos, eliminando así a necesidade de obter informe previo do órgano sectorial competente.

15.000 solicitudes

Deste xeito, amplíanse os supostos de declaración responsable, polo que a Xunta estima que permitirá a presentación de 15.000 declaracións responsables que antes debían tramitarse como autorización. O obxectivo desta medida é minimizar as xestións administrativas e que o declarante quede facultado para realizar o aproveitamento desde o momento da presentación desta declaración responsable, sen máis trámites.

Un ano de prazo para facer as cortas

As especies afectadas por esta previsión son: o eucalipto (Eucalyptus spp), o piñeiro galego ou do país (Pinus pinaster), o piñeiro de Monterrei (Pinus radiata), o piñeiro de Oregón (Pseudotsuga menziesii) e a acacia negra (Acacia melanoxylon), respectando as peculiaridades establecidas en cada prego.

Cómpre sinalar que o piñeiro do país e o eucalipto son as especies máis cortadas en Galicia. Ademais, esta orde contempla tamén os condicionantes -no tocante ás distancias de plantación recollidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia- que han de cumprir as cortas das especies sinaladas en zonas de protección de estradas (autonómicas), policía de leitos (Augas de Galicia) e de conservación do patrimonio natural.

Os aproveitamentos previstos están supeditados á presentación da correspondente declaración responsable na sede electrónica da Xunta de Galicia  segundo o modelo MR604H, e o aproveitamento realizarase no prazo máximo dun ano desde a presentación desta declaración. A corta da madeira levarase a cabo sen abandonar ningún tipo de material que poida resultar tóxico para as augas, a flora ou a fauna acuática e terrestre, como por exemplo plásticos, aceites, recambios usados, etc.

Exclúense montes de máis de 15 hectáreas sen plan de ordenación

No caso de superficies de aproveitamento superiores a 15 hectáreas, os propietarios terán que solicitar autorización previa do plan de cortas mentres o monte non dispoña do instrumento de ordenación ou xestión forestal obrigatorio. É o caso dos Montes Veciñais en Man Común que carezan de plan de ordenación. Unha vez obtida a autorización deste plan xa poderá presentarse a oportuna declaración responsable.

Tampouco poderán, en ningún caso, ser obxecto dunha declaración responsable aqueles usos que requiran a realización dunha avaliación ambiental.

Non afecta ao dominio público estatal

A orde afecta unicamente a montes a carón de estradas ou regatos de competencia autonómica. No caso de dominio público competencia do Estado (estradas nacionais, bacías hidrográficas que afectan máis dunha comunidade autónoma -en Galicia os ríos que están dentro da Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou o río Eo-, montes afectados pola Lei de Costas, ou espazos afectados pola rede ferroviaria), en cuxo caso segue a rexer a normativa básica de aplicación e os trámites en vigor até o de agora para a totalidade das cortas de madeira.

Tamén cabe destacar o inicio da tramitación do anteproxecto de Decreto polo que se rexerán os contratos temporais de xestión pública e o fondo de melloras.

Mediante estas figuras, a Administración autonómica prestará financiamento previo e asistencia técnica aos propietarios forestais que subscriban ditos contratos para a posta en valor dos seus montes. Os titulares dos terreos, pola súa banda, asumen o compromiso de devolver aquela porcentaxe do investimento que sexa cualificada como anticipo reintegrable e a remunerala cos xuros establecidos.

O obxectivo destas medidas é incidir na boa gobernanza dos montes e na súa xestión sustentable, tanto dende o punto de vista económico como social e ambiental, ao tempo que se garante a seguridade xurídica para as partes asinantes, fomentando a colaboración público-privada nesta materia.

“Regular o eucalipto? Veremos se hai que regulalo máis porque xa está moi limitado”

A separación na Administración entre a xestión do monte e a loita contraincendios era unha vella demanda do sector forestal, que entendía que os lumes se comían boa parte dos presupostos e esforzos públicos adicados ó monte. O ditame parlamentario sobre a vaga de lumes do 2017 avogou tamén por esa separación, que se levou á práctica coa creación en decembro do 2018 da Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal, desmarcada da Dirección Xeral de Defensa do Monte, encargada dos lumes. Case seis meses despois da división de competencias, falamos co director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, un profesional cunha experiencia longa nos servizos forestais da Consellería do Medio Rural e que nos últimos catro anos foi xefe de servizo na provincia da Coruña. - No sector forestal houbo descontento nos últimos anos pola xestión das subvencións en todo o referente a súa convocatoria, prazos e inspeccións. Tamén queixas polos retrasos ou falta de investimentos en montes conveniados. Separar xestión forestal e lumes vai permitir unha corrección desas eivas? - A separación da xestión é un feito. Temos agora mesmo unha Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal cunhas competencias diferenciadas, cun servizo adicado á propiedade forestal, outro á sanidade dos montes, outro ó fomento forestal e un cuarto servizo centrado nos montes de xestión pública. Polo tanto, hai liñas do ámbito forestal que corresponden a esta Dirección Xeral, outras á Dirección Xeral de Defensa do Monte e outras compatibles coas dúas direccións. En función diso, iranse determinando os orzamentos anuais. En canto ás axudas, agora mesmo temos tódalas axudas xa lanzadas, estamos pagando as ordes de silvicultura e forestación 2018-2019 e estamos a piques de aprobar a orde de forestación 2019-2020. Tamén estamos revisando os expedientes de axudas de silvicultura 2019-2020, que levan moi pouca anualidade para este ano, pois o importante é que tanto comunidades de montes coma propietarios e empresas de servizos forestais teñan tempo de organizar os seus medios para acometer tódolos traballos. Por iso estamos convocando axudas bianualizadas, que é o lóxico. Por outro lado, temos aprobadas axudas para proxectos de ordenación que afectan a case 130.000 hectáreas e está aprobado o apoio á creación de 12 novas Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), ó amparo da convocatoria 2018-2019. Para a orde de Sofor 2019-2020, na que estamos traballando, faremos algunha modificación. - A figura das Sofor creárona no 2011 co obxectivo de enfrontar un dos grandes problemas do monte, a reducción do minifundio, pero ata o de agora tivo un escaso éxito. Barallan outras fórmulas para enfrontar o problema do minifundio forestal?
"A parte das Sofor, crearemos entre dúas e catro figuras novas para promover a xestión conxunta do monte"
- O movemento asociativo de buscar fórmulas de xestión conxunta da propiedade particular en Galicia non é doado, a ninguén se lle escapa. O monte non é unha excepción, pero na primeira orde de axudas aprobáronse 10 Sofor, agora son 12 máis (22 en total). O camiño, como dicía o poeta, faise andando. Por iso queremos darlle continuidade ás Sofor, porque sabemos que xa hai iniciativas fóra destas ordes de axudas para iniciar novas Sociedades de Fomento Forestal, pero ó mesmo tempo, estamos estudando todo o que a lei pon ó noso dispor para crear entre dúas e catro figuras novas de agrupacións de xestión conxunta. Algunhas destas novas figuras serán máis ambiciosas e outras máis sinxelas, igual encamiñadas a garantir só unha xestión conxunta de mínimos, mantendo á vez a propiedade individual. Esas figuras asociativas pretendemos que aparezan xa na Lei de Mobilidade de Terras, na que está traballando a Consellería.
"As fórmulas asociativas deberán ter unha fiscalidade que as incentive, que é algo que abordaremos coa Administración central"
En canto teñamos as novas figuras reglamentadas, haberá que abordar algo que depende da Administración central, que é ter unha fiscalidade axeitada para todas esas fórmulas, que esa fiscalidade sexa un atractivo que sirva de pulo para que a xente se organice. Se queremos un medio rural activo, os investimentos e aproveitamentos teñen que ter unha fiscalidade axeitada, cando ademais o aproveitamento forestal obtense nun periodo longo de tempo, non falamos de colleitas anuais senón de moitos anos e uns riscos evidentes. Precisamos por tanto unha fiscalidade que favoreza a xestión forestal. - Pasemos a algúns dos temas que están a ser máis polémicos nos últimos anos, Plan Forestal e eucalipto. No borrador do Plan Forestal, falan de limitar a superficie do eucalipto en Galicia. Teñen previsto establecer restriccións a súa plantación en determinadas comarcas? - Respecto ó eucalipto, cada un opina o que considera oportuno, que é algo válido, pero hai que opinar sempre sobre un eixo de coordenadas reais. Se disfrazamos a realidade segundo nos convén, estamos facendo un flaco favor. A política forestal en Galicia está sempre condicionada por un factor clave, o lume. Somos unha comunidade con incendios forestais e que nunha porcentaxe alta son intencionados. Por tanto, falo en plural, poñémoslle lume ó monte, que é algo inconcebible noutros países europeos.
"Hai que preguntarse por que os propietarios elixen o eucalipto e por que xa non se plantean outras especies"
Entón, ante esa situación de inestabilidade e de falta de garantías, a xente reacciona coas cartas que mellor ten. Que lle garante o eucalipto á xente? Un rendemento económico, incluso un rendemento económico a curto prazo, e unha garantía de que, no caso do eucalipto globulus, ten unha capacidade de rebrote. É unha especie que para os propietarios ten unha serie de vantaxes á hora de valorar que plantar nos seus montes. Hai que preguntarse por que os particulares elixen o eucalipto para os seus montes e por que xa non se plantean a utilización doutras especies que tamén serían acaídas para esas superficies. En canto á regulación do eucalipto, no Plan Forestal, que aínda non está aprobado, fálase da regulación e minoración da superficie forestal do eucalipto. - Farase entón esa regulación do eucalipto? Que a plantación do eucalipto haina que regular?. A plantación de eucalipto veremos se hai que regulala máis, porque xa está moi regulada. O eucalipto non se pode plantar en núcleos rurais, por suposto en núcleos urbáns, non se pode plantar en solo rústico de especial protección agropecuaria, non se pode plantar na Rede Natura, non se utiliza como especie nos montes de xestión pública e hai unha serie de distancias detalladas tanto na Lei de Incendios como na Lei de Montes que obrigan á retirada de eucaliptos e piñeiros en determinadas circunstancias: ríos, estradas, vivendas, núcleos rurais, etc.
"Faremos un inventario forestal cada cinco anos, pero de xeito anual teremos datos para valorar a evolución das distintas especies no monte"
Por tanto, hai xa moita regulación que limita a plantación de eucalipto. Con iso manteremos un umbral de superficie de eucalipto que consideramos axeitado? Pois iso hai que velo. Para tomar decisións, temos que basearnos en información contrastada. Os inventarios forestais a nivel estatal fanse cada dez anos. Iso pódese considerar idóneo a nivel doutras comunidades autónomas, pero en Galicia, tendo especies de crecemento rápido, non parece que iso permita un seguemento axeitado da evolución das masas. A nosa intención é plantear un inventario forestal continuo para ter unha revisión máis detallada cada cinco anos, pero anualmente teremos datos para valorar a evolución das superficies en base á información de cortas, voos satelitais e datos dos viveiros. - Fala de que o eucalipto está moi regulado, pero outra cousa é o grao de cumprimento da regulación. Nas comarcas lácteas, é unha queixa recurrente a impunidade das plantacións ilegais en terras agrarias. Pensan aplicar un maior control?
"Levamos tramitados máis de 1.500 expedientes sancionadores por plantacións ilegais"
- Ás veces fanse xuízos de valor, como se todo estivera ben ou mal. Cando baixamos á planificación territorial, a ninguén se lle escapa que a ordenación do territorio en moitos Concellos non é de todo correcta. Á hora de determinar se un solo rústico é ordinario, de protección agropecuaria ou de protección forestal, hai dificultades. Hai persoas que entenden que porque haxa actividade agrícola nunha zona, iso xa é agrícola 100%. Ao mellor, esa actividade agrícola está sobre un solo rústico de protección forestal, co cal pódese plantar. É tamén certo que hai plantacións que se fixeron nun determinado momento sobre solos que deberían ser agrogandeiros exclusivamente. Nese senso, hai que dicir que se levan tramitados preto de 1.500 expedientes sancionadores, pero hai máis de 4.000 advertencias e apercebementos, a parte dun traballo continuo do persoal da Consellería para trasladarlle ós propietarios a necesidade de retirar plantacións sen chegar á fase de sanción.

“O descenso das coníferas en Galicia é un tema que nos preocupa e que temos presente”

- Falaba antes de que os propietarios estanse a decantar de xeito maioritario polo eucalipto. Ve posible políticas que incentiven alternativas, coma os piñeiros? - As coníferas sempre foron un aproveitamento básico do sector forestal galego. A industria forestal galega está baseada maioritariamente no aserrío de coníferas, polo que o descenso de superficie de piñeirais que se aprecia nos sucesivos inventarios forestais é un tema que nos debería preocupar e que temos presente na Dirección Xeral. A especie que paulatinamente vai baixando en superficie é o piñeiro porque empuxa forte o eucalipto e hai cambios de especies entre piñeiros e eucaliptos. As frondosas mantéñense máis ou menos constantes en torno ás 600.000 hectáreas que dan tódolos inventarios. En canto ás axudas, quero remarcalo, a ver se queda claro dunha vez. As axudas da Xunta para silvicultura e forestación son sempre para potenciar coníferas e frondosas autóctonas. Non hai ningunha liña de axudas nin investimentos adicados ó eucalipto. Polo tanto, poderemos valorar se as axudas son suficientes ou non para potenciar plantacións de piñeiro, pero que as axudas están enfocadas cara as coníferas non é algo discutible. Tamén son de destacar os movementos que xurden no sector privado, como a plataforma que creou parte do sector forestal para potenciar as coníferas. Que o sector forestal se organice para defender algo que é vital para eles, nunha comunidade onde o 98% do monte é particular ou veciñal, é de aplaudir e ata é lóxico e coherente. - Que impacto cre que acadará a praga do nematodo do piñeiro, que xa afecta ó sur de Pontevedra, e que se pode facer ó respecto? - As ameazas de riscos bióticos e abióticos en Galicia e na Península están á orde do día. A globalización ten vantaxes, pero de cara ó movemento de recursos naturais, está producindo a introdución de pragas e enfermidades. O nematodo entra por Setubal (Portugal) a inicios de século e exténdese por todo Portugal, que é zona demarcada.
"Estamos entrando a cortar a madeira queimada no 2017 que queda, sobre todo, en montes particulares do sur de Pontevedra"
En Galicia, tras os primeiros positivos, tiñámolo controlado, pero tivemos a mala sorte de que se producira un incendio forestal de gran magnitude na zona demarcada, co cal o vector que expande o nematodo do piñeiro, que é un coleóptero, o ‘Monochamus galloprovincialis’, atopou un hábitat propicio. Os coleópteros adoitan anidar na madeira e ter unha etapa de perforadores, polo que cando comeza a haber madeira seca, é a panacea para eles. Tralos incendios, houbo un comportamento exemplar das comunidades de montes na retirada da madeira queimada. En canto á propiedade privada particular, ten os problemas que sabemos todos. Hai unha porcentaxe importante de propietarios descoñecidos e propietarios que non son silvicultores activos. Nestes momentos estamos entrando nós a cortar esa madeira afectada polos lumes no sur de Pontevedra, a fin de reducir os riscos. O nematodo é unha praga que afecta a outros países e nunca se logrou unha medida concreta que solucione o problema. No Centro de Investigación Forestal de Lourizán iniciamos un plan para comprobar se había certa resistencia nas familias galegas de piñeiro que manexa o Centro e os primeiros resultados coinciden en que hai unha serie de familias que teñen unha certa resistencia á enfermidade. Teremos que profundizas nas investigacións, pero toda mellora en xenética forestal non ten resultados inmediatos no monte. Agora ben, hai esa posibilidade e ímola traballar.
- En canto ó Plan Forestal de Galicia, no que a Consellería leva traballando varios anos, cando está previsto ter un documento final, para a súa posterior aprobación? - Cando se creou a Dirección, atopamos o Plan Forestal a piques de ser finalizado, pero coincidiu con que a comisión parlamentaria creada no Parlamento Galego a raíz da vaga de lumes do 2017 elaborou un ditame cunha serie de 123 recomendacións. Entón, parece lóxico que esas recomendacións, que contaron cun amplo consenso, se inclúan no que atinxe ó Plan Forestal para que se recoñezan claramente
"A nosa intención é ter rematado o Plan Forestal en xuño ou a comezos do verán"
Por outro lado, estamos elaborando unha información estatística, a modo de anuario de estatística forestal, con datos pechados a 31 de decembro do 2018, e tódalas referencias a cortas, montes de xestión pública, etc. van utilizar eses datos. Estamos á espera tamén de que o Ministerio nos remita oficialmente a documentación dun inventario de especies de crecemento rápido en Galicia, do que xa presentou un avance, a fin de incluír eses datos. Durante o desenvolvemento do Plan Forestal, houbo ademais moitas achegas e por iso estamos revisando todo o documento. A nosa intención é telo rematado ó longo do mes de xuño ou comezos do verán. Con ese documento, continuarase por un lado a tramitación medioambiental e polo outro, a coordinación coas outras forzas políticas para que valoren o contido do Plan Forestal. Sería conveniente que ese Plan fose respaldado por tódalas forzas políticas, pois establece as directrices a seguir no monte en Galicia no periodo 2020-2040.

“Queremos ter un contrato de xestión pública de montes veciñais antes de que remate a lexislatura”

José Luis Chan no seu despacho. - Os convenios e consorcios que teñen suscritos coa Xunta parte dos montes veciñais rematarán, a máis tardar, a finais do 2021. Como están enfocando a rescisión deses convenios? - Estamos axilizando todas as rescisións de convenios que veñen de parte, é dicir, por solicitude das comunidades de montes ou particulares. Nos dous últimos meses, debemos levar rescindidos en torno a 50 montes, máis de 6.000 hectáreas, e estamos semanalmente rescindindo consorcios e convenios. Hai tamén unha posibilidade de rescindir de oficio desde a Administración unilateralmente, pero semella lóxico que, xa que esa xestión pública durou décadas, se fale coas comunidades, e hai comunidades que xa están solicitando a rescisión, polo que mentres que esa liña estea aberta, seguiremos traballando así. - A unha parte dos montes veciñais que están conveniados teñen previsto ofrecerlles un novo contrato de xestión pública. Que previsións teñen para a súa posta en marcha? - Gustaríanos abordalo nesta lexislatura. Na Lei de Montes márcanse as prioridades de montes que van ser obxecto desa xestión pública, que irá enfocada a montes protectores, montes de alto valor xenético, masas de frondosas e montes descapitalizados. Esas superficies, se non se abordan desde unha iniciativa pública, probablemente vai ser complicada poñelas baixo o paraugas dunha xestión forestal sostible. Tamén parece lóxico que montes produtivos, mesmo con eucaliptais, non estean baixo o paraugas da xestión pública, pois teñen medios suficientes para xestionarse directamente pola propiedade e ademais, para o manexo de masas de coníferas e frondosas autóctonas, terán apoio das liñas de axudas da Xunta. - Cando se coñecen os informes anuais de cortas en Galicia, sempre chama a atención do sector a baixa cifra de cortas en montes veciñais conveniados. Ve posible unha mellora de rendementos nas superficies de xestión pública? - A primeira conclusión da información de cortas é que nos montes de xestión pública as cortas de madeira son menores, pero hai que ter en conta que temos moito monte claramente protector en xestión pública. Os últimos catro anos estiven de xefe de servizo na provincia da Coruña e nesta provincia, onde non hai moito monte en xestión pública, os montes que tiñamos eran montes nos que produtivamente se podía sacar algo, pero non se podían comparar con outros próximos. Tiñamos montes de Camariñas, o Pindo, a zona alta de Barbanza, a zona da Cova da Serpe… Non se podían comparar con montes próximos que producían eucalipto en cotas baixas e con capacidades de crecemento de 30 metros cúbicos por hectárea e ano.
"En xestión pública hai moito monte claramente protector. A nivel produtivo, non se poden comparar con outros"
Se en Lugo falamos dos Ancares, en Ourense do Macizo Central ou en Pontevedra do Suído, falamos de montes cunha capacidade produtiva inferior a outros montes. Non obstante, tivemos hai pouco unha reunión cos xefes de servizo provinciais e imos tratar de facer un esforzo para aumentar as cortas e a silvicultura. Os montes de xestión pública deberían ser montes modelo, pero para iso teremos tamén que reducir a superficie en xestión pública e así está estipulado no Plan Forestal. Probablemente unha superficie acaída poida estar en 100.000 ou 125.000 hectáreas. Agora estamos, xa baixando, en torno ás 270.000 hectáreas.