Archives

Primeiros resultados do inventario forestal continuo de Galicia

Os primeiros mapas e informes do Inventario Forestal Continuo de Galicia (IFCG) xa están dispoñibles para a súa descarga no portal web da Consellería do Medio Rural. Esta información é froito do labor desenvolvido ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Xunta e as universidades de Vigo e de Santiago. En particular, poden consultarse os mapas de usos da cuberta para os concellos de Carral e Abegondo (A Coruña), Alfoz (Lugo), Laza (Ourense) e Oia (Pontevedra). Así, a Universidade de Vigo complementa esta información con mapas de dispoñibilidade do recurso, incorporando variables como a forma, a superficie ou a pendente da parcela e mesmo a súa distancia a pistas e estradas, como posibles condicionantes na xestión dos bosques. Doutra banda, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presenta uns informes detallados dos resultados obtidos no inventario piloto da rede base de parcelas forestais que se mediron ao longo do ano 2021 por brigadas forestais da Xunta. A calidade da toma de datos foi excelente e os resultados poñen de relevo a diversidade de especies e idades que existen en Galicia. O protocolo de recollida, así coma os datos brutos que foron recompilados polas brigadas de campo, tamén están dispoñibles para o seu uso público. O obxectivo deste avance de contidos é amosar ás principais organizacións que compoñen o sector forestal galego e a todas as persoas interesadas a información que se pretende xerar para toda a superficie forestal de Galicia. Trátase tamén de recoller a súa opinión e de incorporar melloras ou cambios froito do que remitan estas entidades. A maiores, a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia traballan nun portal web que permitirá navegar polos mapas, acceder a información das parcelas e descargar os informes de especies e volumes de madeira dos montes galegos. Este Inventario é un instrumento básico para coñecer e recoñecer a realidade da superficie forestal de Galicia e avanzar así nunha mellora da súa xestión. Trátase dun mecanismo que permite facer diagnoses adecuadas e constitúe, en consecuencia, unha ferramenta fundamental para a toma de decisións políticas públicas ou empresarias relacionadas co sector, que permitirá afondar no desenvolvemento sustentable do medio rural, a prol da política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable.

Plan Forestal de Galicia

A revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “cara á neutralidade carbónica” sinala como unha medida a desenvolver, no seu eixo V, a realización dun Inventario Forestal continuo para Galicia, concibido para o seguimento do propio Plan (sistema de avaliación continuada). Ademais, tamén se enfoca á elaboración dos plans de ordenación dos recursos forestais (PORF), xunto co necesario mapa de usos agroforestais que permita a elaboración do Catálogo oficial dos solos rústicos de protección forestal e agropecuaria sinalado na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. No ano 2018 o ditame da Comisión forestal do Parlamento galego establecía nunha das súas recomendacións a necesidade de dispor dun “Sistema de Información e Estatística Forestal de Galicia, como mecanismo que permita facer diagnoses adecuadas e ser unha ferramenta esencial para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.” Esta recomendación facíase eco dunha demanda histórica das principais organizacións que forman o sector forestal na nosa comunidade. A Consellería do Medio Rural asumiu o compromiso que representaba este proxecto. O 69% da superficie do territorio galego é forestal. Un territorio caracterizado por cambios de uso frecuentes e pola importancia económica da masa forestal. As masas dedicadas á produción de madeira, concentrada nos montes de particulares, cun alto grao de parcelación, e nos montes veciñais, en grandes unidades de explotación, supoñen o 4% da superficie arborizada dedicada á produción de madeira en España e nela prodúcese máis do 50% da madeira cortada no Estado.

‘Contra a moratoria, un modelo de monte sostible e equilibrado é posible’

Os e as socialistas de Galicia fomos moi críticos co novo Plan Forestal que o goberno de Feijóo aprobou hai uns meses. Difícil crer que o PP desexe planificar algo cando non fai unha análise da situación sobre a que establecer o modelo de monte que desexa implantar, e cando xustifica todo nunha suposta flexibilidade na que todo cabe e na que só saen beneficiados uns poucos. Galicia representa o 50% da produción madeireira de toda España, pero só aporta o 13% da renda estatal do sector e unha porcentaxe similar do total do emprego. Ademais, a súa contribución é inferior á que tiñamos na última década do século pasado, a industria local e comarcal foi desaparecendo e carecemos dun sector industrial que transforme a madeira e deixe un maior beneficio na nosa terra. O voceiro socialista de Medio Rural, Martín Seco. Despois de establecer en dito Plan Forestal un incremento dunha “descoñecida” superficie de eucalipto nun 3% no quinquenio 2021-2025, o goberno da Xunta anunciou no propio debate parlamentario unha moratoria “en diferido” das plantacións de eucalipto alí onde non estivese plantado antes desa suspensión. Feijóo lanzou unha mensaxe de “sálvese quen poida” ao noso rural, e conseguiu que nun mes se esgotaran as existencias de eucalipto nos viveiros e que os madeiristas foran incapaces de cortar todo o monte de piñeiro e outras especies que lles ofertaban os propietarios coa única condición de facelo no menor prazo posible e, consecuentemente, cunha importante depreciación da madeira. O goberno non explicou quen foi beneficiado desta incomprensible intervención no mercado da madeira dun suposto goberno liberal e a que prezo estivo pagando a industria o piñeiro durante case cinco meses. O que está claro é que moitos cidadáns humildes do noso país sufriron unha depreciación dos seus bens nun duro momento de crise, e que o eucalipto nalgunhas partes do noso territorio incrementouse de xeito alarmante durante estes cinco meses. Nestas datas vimos como aparecían múltiples sancións a pequenos propietarios forestais por toda Galicia e, tres días despois de que a consellería anunciase a moratoria, apareceu publicado un proxecto de macroplantación de eucalipto equivalente a 760 campos de fútbol no entorno das Pontes, no distrito forestal de Galicia con maior porcentaxe desa especie segundo o estudo do grupo de investigadores Smartforest. É dicir, as políticas do PP seguen beneficiando aos poderosos, aos que permite macroplantacións nas zonas de monocultivo de Galicia, mentres castiga aos pequenos propietarios forestais sen a posibilidade de acudir a unha pequena renda forestal polas súas propiedades. Este grupo de investigadores independentes volve poñer de manifesto que a solución está na planificación dos distritos, como defendemos dende o PSdeG dende hai tempo, cunha xestión sostible do monte baseada en catro eixos.
"Hai que romper as actuais tres Galicias forestais: a do monocultivo de eucalipto, a do abandono da montaña oriental e a da conflitividade e inseguridade da franxa central"
En primeiro lugar, a planificación e o cumprimento da lei, que debe desenvolver con axilidade os plans de ordenación de todos os distritos de Galicia, apoiando as actuacións que están na lei e vixiando as que non. En segundo termo, establecendo un modelo de xestión forestal asentado no territorio que regule o que pode facer cada xestor forestal e fixando como unidade da xestión ao propio xestor, que debera ter unhas superficies dedicadas á produción e outras á conservación, como os modelos que se aplican na agricultura para a PAC. Como terceiro eixo, cómpre establecer o monte como base de desenvolvemento da gandería e outras actividades agrarias. Por último, o reequilibrio territorial: hai que romper as actuais tres Galicias forestais (a do monocultivo de eucalipto, a do abandono da montaña oriental e a da conflitividade e inseguridade da franxa central), permitindo as plantacións de distintas especies por todo o territorio e rompendo o monocultivo en certos distritos e a imposibilidade de plantar algunhas especies noutros. Un modelo de monte sostible e equilibrado é posible en Galicia, só hai que ter vontade política.

‘Cicloxénese sobre o monte galego?’

Enténdese como cicloxénese explosiva a aquela situación que se caracteriza por ser un fenómeno meteorolóxico que, polos seus efectos destrutivos, produce importantes danos a consecuencia dos ventos e choivas intensas e fortes, como sucede cando afecta ós terreos forestais. A súa repercusión é parecida ás ocasionadas por un ciclón tropical. A ‘cicloxénese’ á que me vou a referir non ten unha orixe natural, senón que é consecuencia da situación socioeconómica na cal se vai atopar o monte galego. Por iso, é urxente a elaboración dun Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia que englobe a planificación sectorial e territorial de maneira efectiva. O obxectivo é ter instrumentos para activar iniciativas e frear a conflitividade xerada polo abandono, consecuencia do despoboamento. A nova PAC para o período 2021-2027 vertébrarase nun proceso de innovación, resiliencia, loita contra o cambio climático e mantemento de actividade no rural, pois un dos seus focos pasa por aumentar os apoios a pequenos e medianos titulares. Observacións sobre o monte en Galicia As observacións máis significativas da foresta galega que reflicte o Plan Nacional de Observación do Territorio (PNOT) a día de hoxe son: - Non existe planificación na xestión do territorio. A superficie forestal na costa é un monocultivo ao servizo dun oligopolio industrial, a zona central presenta unha alta conflitividade e inseguridade que desincentiva calquera tipo de actuación, consecuencia da situación lexislativa. Por último, a zona de montaña oriental e suroriental vén determinada polo abandono, con amplas superficies de propiedade colectiva sen utilización ocupadas pola matogueira, foco de importantes incendios forestais. - A desaparición da industria forestal de economía local e comarcal. - Os conflitos, entre gandeiros e propietarios forestais, como tamén entre a sociedade urbán e a rural. Esta situación maniféstase notoriamente nos montes veciñais, que actualmente son considerados como solos rústicos de especial protección forestal, como tamén en relación aos aproveitamentos eólicos, no que se recoñece a declaración de utilidade pública do proxecto enerxético. - A perda de valor do monte, dáse o paradoxo de que a superficie arborado non parou de crecer nos últimos 20 anos, e en moitas zonas só hai un monocultivo forestal. Esta situación non se reflicte na súa contribución ao PIB galego ou ao emprego, como o pon de manifesto o informe da Economía Galega 2019-2020, no que determina que o sector forestal pasou de ser en 1995 o 2,7% do PIB a soamente un 2% no 2018, é dicir, reduciuse un 25% a súa achega á economía galega nos últimos 5 lustros. - Os procedementos de aprobación de instrumentos de ordenación do territorio, entre os que se inclúe a Revisión do Plan Forestal, nos que se formulou o informe ambiental estratéxico antes da entrada en vigor da lei 1/2021 poderán continuar a súa tramitación até a súa aprobación definitiva con arranxo ao disposto na Lei 10/1995, de 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal. Podemos resumir a situación do monte galego a curto prazo nos seguintes puntos. Situación actual dos aproveitamentos - O prezo do metro cúbico da madeira de piñeiro redúcese, consecuencia das cortas que se están realizando con esta especie, para substituíla por ‘Eucalyptus nitens’, co que se produce unha situación dun exceso de oferta deste produto, coa consecuente diminución do seu prezo de mercado. - Hai unha diminución nas cortas dos aproveitamentos de eucalipto, como indican as empresas da 1ª transformación da madeira, que actualmente dedican todos os seus medios ás cortas de piñeiro. - Polo art. 30.1 do decreto 73/2020, tense que os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se destinen a uso doméstico serán obxecto de declaración responsable previa á súa realización, non considerándose excepcionalidade segundo o art 6.2, é dicir, que non requirirían declaración responsable nin autorización administrativa, como sucedía no decreto 50/2014, segundo establecía no seu art. 8 que serían obxecto de comunicación os aproveitamentos madeireiros e leñosos que se produzan en montes ou terreos forestais cuxo obxecto sexa para uso doméstico e non teñan aproveitamento comercial, co consecuente trastorno burocrático para os solicitantes. - De cara a unha maior transparencia no mercado, urxe de forma inmediata a creación por unha banda de lonxas locais de madeira e por outra dun Rexistro de tasadores cubicadores de madeira e o apoio ás organizacións de propietarios forestais e impulso do selvicultor activo. - O obxectivo para incrementar o valor do monte está en activar a xestión forestal sustentable, aumentar a produtividade e calidade dos seus produtos. Repoboacións forestais - Pola orde de 9 de febreiro de 2021, nos modelos selvícolas, entre os que está o ‘Eucalyptus nitens’, aparece como modificación importante que estes se aplicarán preferentemente en determinados distritos forestais, deixando a porta aberta a utilizalos noutros, como tamén a posible moratoria desta especie nos que previamente non estivesen repoboados con esta. - Esta situación é consecuencia dunha falta de planificación, debido entre outras causas á inexistencia dos Plans de Ordenación dos Recursos Forestais. - Prodúcese un dano diferido no tempo ao produto que se vai a fixar no mercado, consecuencia da excesiva oferta que haberá a anos vista. Prevención e extinción de incendios forestais - Débese recoller nun único texto lexislativo toda a normativa existente en materia de prevención e extinción de incendios forestais, conforme ao ditame do Parlamento de Galicia. - Integrar as actividades en gandaría extensiva nos plans de prevención contra os incendios forestais. - Hai que cambiar o investimento en extinción por investimento en prevención activa (silvicultura, resolución de conflitos: o 95% dos lumes están relacionados con este motivo, ordenación do territorio, incremento do valor do monte), e así deixarían de ser os incendios forestais o principal problema ambiental de Galicia, cun gasto ímprobo ano tras ano. Economía e industria - É necesario de forma inmediata a elaboración do Plan Estratéxico da Industria Forestal Galega, co fin de diagnosticar a súa situación actual, corrixindo as súas debilidades, e buscando aumentar o número de pequenas e medianas empresas vinculadas ao medio rural. - Apoio á diversificación da actividade económica no rural, promovendo iniciativas de economía local. - Unha industria que debe apostar pola I+D+i e o deseño de novos produtos con maior valor engadido. - Establecer sinerxías entre a industria e os propietarios na cadea monte-industria. Observacións en relación ao patrimonio natural - Establecemento de mecanismos públicos de compensación para o pago dos servizos ambientais para aqueles propietarios forestais que teñan limitacións ambientais. - Control da fauna silvestre mediante un plan integrador e con obxectivos claros. En relación ao lobo, é necesario facer unha revisión e actualización do seu Plan de xestión, conforme ao Decreto 297/2008, de 30 de decembro.

Concentracións de protesta contra o Plan Forestal de Galicia no Día Internacional dos Bosques

Este mediodía tiveron lugar en 22 vilas e cidades galegas concentracións de protesta contra a reforma do Plan Forestal de Galicia que está a tramitar o Goberno da Xunta. As mobilizacións, convocadas pola Plataforma “Por un monte galego con futuro”, formada por organizacións agrarias como o SLG e a Fruga ou organizacións ecoloxistas, demandaron a paralización do Plan Forestal; así como “a adopción de medidas específicas, a través dun regulamento, para aplicar de maneira efectiva a anunciada moratoria do eucalipto, impedindo novas plantacións mediante o reforzamento das medidas de control e vixilancia e en defensa dun monte con futuro”. Máis informacion nesta ligazón:

Galicia conta xa con 300.000 hectáreas de monte ordenado

Galicia dispón xa de 300.000 hectáreas de monte ordenado, que contan con máis de mil instrumentos aprobados de ordenación ou xestión forestal. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, con motivo da celebración este domiengo do Día internacional dos bosques instituído por Nacións Unidas para poñer de manifesto a importancia destes ecosistemas e sensibilizar á poboación sobre a necesidade da súa adecuada protección, ordenación e fomento. O conselleiro lembrou ademais que a comunidade conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal e está considerada como a novena potencia europea neste eido. O conselleiro salientou tamén que ao longo do 2020 aprobáronse un total de 132 instrumentos de ordenación e xestión forestal, incorporando así unha superficie de 48.000 novas hectáreas. Ademais, no que levamos de 2021 sumáronse máis de 5.000 hectáreas adheridas a un modelo silvícola, coa previsión de acadar, a final de ano, unhas 30.000 hectáreas adheridas por este procedemento. En parecidos termos, o titular de Medio Rural referiuse tamén ao elevado nivel do monte galego canto á súa certificación forestal. Así, salientou que Galicia ten o 30% das superficies certificadas polo sistema FSC en España e que o 60% da superficie incorporada no 2020 ao outro sistema internacional de certificación, PEFC, proveu da nosa comunidade. Trasladou ademais que o 87% dos novos silvicultores certificados con este selo o pasado ano no conxunto do Estado son galegos. Plantación de carballos Este sábado, como previa ao Día internacional dos bosques, o conselleiro e o director xeral participaron na plantación simbólica de carballos en terreos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude. Ademais, tamén amosaron o procedemento de implantación dun souto de castiñeiro para aproveitamento de froito nestas mesmas instalacións. Esta plantación servirá como base para posteriores actividades demostrativas sobre os distintos aspectos deste cultivo e as características das diferentes variedades de castiñeiro empregadas. O conselleiro explicou que se escolleu este centro de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, porque se está traballando no proceso de conversión do Pazo de Quián no espello do rural galego e quérese potenciar este espazo mediante a creación dun parque forestal para resaltar a multifuncionalidade e diversidade dos montes galegos. José González engadiu que a posta en marcha deste parque forestal é, precisamente, un dos eixos da proposta gañadora do concurso de ideas para este espello do rural que se desenvolverá por fases. Así, primeiro darase prioridade á reforma do Centro de Formación e en etapas posteriores proxéctase levantar unha especie de escaparate das actividades e dos produtos agroalimentarios e forestais integrado coa paisaxe, dadas as súas óptimas condicións de miradoiro cara ao Pico Sacro.

Organizacións silvícolas e da madeira defenden o consenso acadado no Plan Forestal

As asociacións da cadea de valor da madeira insisten na necesidade de que o novo Plan Forestal de Galicia se debata no Parlamento de Galicia antes de aprobarse. Apuntan á necesidade de que se obteña un consenso político que lle dea estabilidade, tal e como ocorreu co anterior Plan, posto que se trata dun documento a 20 anos no que o futuro do medio rural está en xogo. Dende o Clúster da Madeira inciden no consenso logrado, con moito traballo, no sector sobre dito Plan, dende que se iniciou o proceso público de definición das directrices. “O sector da madeira galega traballou activa e intensamente durante máis de 5 anos, cedendo nalgunhas das súas reivindicacións e aportando os seus puntos de vista, co obxectivo posto no desenvolvemento e beneficio do medio rural, polo que se considera xusto e necesario que os políticos fagan o mesmo”, reivindican. Recordan que desde a cadea de valor da madeira durante estes anos se mantiveron encontros de traballo con tódolos axentes implicados, a fin de conseguir o ansiado consenso. “Desde os estamentos científicos, ata os grupos ecoloxistas, partidos de todo espectro político e todos os sectores sociais implicados no medio rural, chegaron a puntos de encontros comúns. Traballouse deixando a un lado formulacións particulares, cedendo para chegar ao consenso, co firme convencemento de que é máis forte o que nos une que o que nos separa; aquí está en xogo o medio rural de Galicia. Os silvicultores, a industria e todos os colectivos antes citados, traballaron conxuntamente, de forma colaborativa, co único afán de lograr un documento que axude a mellorar o medio rural”, indican.

Chave para os fondos europeos

O sector forestal insiste na importancia de conseguir a aprobación do Plan Forestal de Galicia xa que é unha ferramenta indispensable para poder acceder ós fondos europeos que se mobilizarán nos próximos anos e que se canalizarán a través do Plan de Desenvolvemento Rural. “Para que o medio rural conte con estes investimentos, é fundamental que o documento saia adiante. Non existe en Galicia un documento máis traballado, dialogado e consensuado previamente á súa entrada no Parlamento que o novo Plan Forestal”, defenden. Ó mesmo tempo, estas organizacións forestais e da madeira reclaman que o Plan Forestal sexa un documento sólido, posto que segundo reivindican reflicte o traballo de colaboración de todos estes anos. Apuntan que deberá ser “un documento a longo prazo que aporte seguridade xurídica pensando no futuro de Galicia, de todos os galegos e dos seus montes, un documento que garanta a supervivencia e desenvolvemento do medio rural”, insisten. En contra do Plan Entre tanto, un grupo de organizacións da órbita nacionalista e ecoloxista, como Adega, Fruga, Frouma, a CIG ou a Organización Galega de Comunidades de Montes, estanse a desmarcar do consenso maioritario, posicionándose nas últimas semanasen contra da actual proposta do Plan Forestal, con accións de recollida de sinaturas e de contactos cos grupos parlamentarios.

“Galicia é o referente forestal en España, polo que debéramos ter un Plan Forestal á altura, e este é mellorable”

A enxeñeira de montes Verónica Rodríguez Vicente acaba de converterse na primeira muller que accede ao Decanato do Colexio de Enxeñeiros de Montes en Galicia. Ademais, é a primeira decana formada na universidade galega (USC), xa que ata comezos da década dos 90, a enxeñería de montes era impartida case exclusivamente en Madrid. Abordamos con ela os proxectos do Colexio para os próximos anos e algúns dos temas de actualidade que afectan directamente á xestión do monte, como o novo Plan Forestal, as agrupacións de xestión conxunta ou os novos contratos para os montes veciñais conveniados coa Xunta. -Cal é o programa de traballo para estes 4 anos? -Queremos continuar co propósito inicial do Colexio, que é defender e apoiar a profesión de enxeñeiro de montes, como técnico superior especializado na xestión e conservación do medio natural. Buscamos potenciar o valor engadido que ten a nosa titulación. Pretendemos ser un referente en materia forestal e un interlocutor válido en todos aqueles órganos e foros relacionados co ámbito forestal, como o Consello Forestal. Para nós é moi importante a transparencia e o acceso á información por parte de todos os colexiados galegos. -Cantos asociados teñen actualmente en Galicia? -No noso caso, para exercer a profesión é obrigatorio estar colexiado, mesmo os funcionarios públicos deben estalo. Actualmente temos 262 colexiados, o que supón un 8% dos enxeñeiros de montes de España.
"Moitas veces os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo"
-A enxeñería de montes é unha profesión que se ten que revalorizar? -É certo que debemos ser máis visibles para a sociedade. En numerosas ocasións, os traballos que realizan os enxeñeiros de montes non son apreciables directamente, senón máis ben a longo prazo. É o caso, por exemplo, da restauración forestal de concas hidrográficas, a fixación de sistemas dunares ou a xestión sustentable de madeira e froitos silvestres. Moitas veces, a sociedade non é consciente de que existe un técnico especializado que se dedica a xestionar da forma máis sustentable o medio natural. Tamén é tarefa nosa afondar na divulgación, pois detectamos crenzas erróneas que desafían á ciencia forestal, como a falsa idea de que os piñeiros son exóticos en España, cando os rexistros históricos demostran a presenza desta especie no territorio nacional desde antigo; de feito 7 das especies de piñeiro que hai na Península son autóctonas.

"A fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo forestal"

-Como valoran o novo Plan Forestal de Galicia? -En primeiro lugar, cremos que debera ser un plan e, neste caso, carece do principio básico que debe ter calquera plan forestal nunha rexión, xa que ten que ser un programa marco para todo o territorio rexional. Debera de existir un compromiso unánime de toda a Administración pública, conciliando así intereses, usos, utilización dos recursos forestais... O documento que se presentou polo momento non cumpre con este principio básico, polo que non pode considerarse como un Plan Forestal. O monte non atende a competencias administrativas. En Galicia, as competencias en materia forestal divídense entre as Consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente. Esta última é a que se encarga de xestionar os espazos da Rede Natura, onde o 80% desta rede é terreo forestal, pero Medio Ambiente non é coimpulsora do Plan Forestal. Non se trata dun programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural. Debera de ser un programa para toda a sociedade, toda a Administración, e vinculante. Por outra banda, a día de hoxe non coñecemos a delimitación exacta dos nosos recursos forestais, xa que unha parte importante dos nosos 2 millóns de hectáreas non terían a consideración legal de monte e quedarían excluídos do Plan Forestal.
"O Plan Forestal non é un programa marco de política forestal, senón que é un plan da Consellería de Medio Rural"
Galicia é o referente forestal en España, xa que o 7% do monte de España é galego e se miramos o espazo arborado, increméntase ao 8%. Con esta superficie facturamos 2.200 millóns de euros e xeramos a metade das cortas a nivel español. Galicia concentra o 30% dos recursos de uso forestal que hai en España. Somos o referente do Estado e merecémonos un plan forestal á altura, e este é mellorable. É un plan que adoece de moitas carencias, por exemplo, a falta de datos actualizados de inventario, xa que os que se manexan son de 2009. Para planificar, tamén habería que ter en conta cuestións como a importación e exportación de madeira.
"En Galicia non extraemos do monte todo o potencial que temos. Debemos mellorar na xestión silvícola"
-Unha das liñas destacadas deste Plan é que procura unha regulación das plantacións de eucalipto e favorecer o aumento dos piñeirais e soutos. Prevén reducir nos próximos 20 anos un 5% os eucaliptais, ven acertada esta previsión? -Nós preguntámonos porqué se fíxa ese 5%. Sabemos que superficie de eucalipto hai realmente?. As medidas que contempla o plan son moi pouco detalladas, son só boas intencións. Unha política forestal debe ter unha planificación anual de todas as actuacións que pretende levar a cabo, e esta debe estar vinculada con indicadores claros, concretos, medibles e verificables, cousas das que carece este plan. Hai unha carencia de programación e planificación estratéxica. Precisamos de metas revisables a curto e medio prazo. -En que se debería incidir para ter unhas masas forestais con xestión máis activa? -Nas nosas masas forestais tanto de coníferas, como de frondosas autóctonas, temos que pensar que se trata dun cultivo, polo que ademais do investimento inicial que supón a propia plantación, requírese unha serie de tratamentos silvícolas que a ciencia forestal leva desenvolvendo e investigando. Non podemos pensar que só hai que plantar, senón que se precisan unha serie de tratamentos para mellorar a súa rendibilidade e lograr a ordenación sustentable desa masa. Así, no caso dos piñeirais, ademais da roza, é preciso realizar accións como clareos e podas. Tamén existen tratamentos de mellora do chan a través de vexetación espontánea, que pode interesarnos polo seu valor ambiental ou biolóxico. Todas estas prácticas están moi estudadas pola ciencia forestal e deben de aplicarse, o que en Galicia aínda custa, polo que non extraemos do monte o potencial que poderiamos obter.
-Sinalouse ao minifundismo dos montes de Galicia como un dos principais atrancos para o aproveitamento forestal, consideran que a Lei de Recuperación e Posta en Valor de Terra Agraria pode atallar este problema? -Aínda non tivemos oportunidade de examinar a lei en profundidade, polo que non podemos valorala. As leis feitas até o momento para atallar esta situación non deron os resultados esperados. É certo que o problema que temos hoxe en día co minifundio é moi importante, xa que o 97% do monte galego é privado e contén o maior número de parcelas catastrais de España. Doutra banda, temos a media máis alta de parcelas por titular. Ademais, hai un gran número de parcelas de uso forestal cuxo propietario non está claro, o chamado propietario forestal descoñecido.
"Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal"
-Que posibilidades ven nas agrupacións de xestión conxunta para reducir o minifundio? -A día de hoxe, se o que se quere é unha actividade económica que sexa rendible, viabilizar os custos e actividade, canto maior sexa o tamaño da propiedade máis fácil será logralo. Segundo apuntan diferentes estudos, hai certos tamaños da propiedade onde tamén resulta máis factible conseguir moitos dos servizos que se lle piden ao propietario dos montes como a mellora de biodiversidade, a non fragmentación esaxerada dos ecosistemas ou a provisión de servizos. Calquera tipo de agrupación e asociación contribúe a conseguir estes obxectivos. Agora estase empezando a traballar nesa liña. O propietario galego é reticente aos procesos de agrupación do territorio ou para realizar actuacións de reestruturación das parcelas debido a ese apego á terra que hai en Galicia. Ademais, a fiscalidade actual anula calquera interese polo asociacionismo. Temos aínda unha batalla de socioloxía co propietario forestal para facerlle entender as posibilidades de proxectos piloto de asociacionismo forestal, algúns deles con moi bos resultados. -As Sofor tamén se presentaron como solucións, pero non acaban de ser unha opción escollida polos propietarios forestais, que falla? -É unha figura cun marcado carácter económico-financeiro e bastante complexo para a actividade forestal. Para esta actividade precisaríase de figuras cunha maior flexibilidade económica (dobre tributación), unha agrupación forestal como pode ser unha SAT agraria, que non sexa tan coutada podería funcionar mellor. De feito, en zonas da provincia de Lugo xa están a funcionar moi ben algunhas SAT que teñen entre os seus obxectivos a xestión das masas forestais. Tamén hai proxectos de agrupación de xestión conxunta que están a funcionar moi ben, como Monte Cabalar, na Estrada (Pontevedra) ou a SAT Trabada, en Lugo. -Como se presentan os novos contratos de xestión pública para os montes veciñais con convenios coa Xunta? -A día de hoxe aínda non se sabe como se van a levar a cabo. Existe a posibilidade de que esa xestión pública por parte da Administración sexa subcontratada, o que pode ser bo, pero tamén pode converterse nunha arma de dobre fío. Si é certo que as antigas figuras que existían de xestión pública, tanto consorcios como convenios, requirían ser revisados e modernizar a situación, xa que eran acordos feitos boa parte deles entre 1976 e 1980 e a xestión e situación cambiou moito dende entón. -En que aspectos deben mellorar estes acordos de colaboración coa Administración? -Hai que diferenciar a xestión que realiza a Administración nos montes públicos da que fai en montes privados, mediante convenios en montes veciñais en man común ou con pequenos propietarios. En ámbolos dous casos, a xestión pública debe de ser única, exclusiva e baseada no respecto da ordenación da actividade forestal de forma sustentable. Nos montes privados, debe mellorarse en transparencia, ten que existir unha planificación aprobada por ámbalas dúas partes e cuxos resultados e revisións deben trasladarse aos implicados. Ademais, a xestión pública debe ser un referente e modelo para o resto, debe haber un proxecto de ordenación realizado por enxeñeiros de montes, e que debe executarse, non pode ser un documento baleiro. Ten que adaptarse ás posibilidades dese monte e debe ser un proxecto multiservicio e multiproducto, non limitarse ao aproveitamento de madeira. Tendo en conta as tendencias actuais, eses montes deberían esta certificados por unha entidade independente que garanta que se realiza unha xestión sustentable. -Como ven o futuro do sector forestal e o monte en Galicia a curto prazo? -O sector forestal é un sector de futuro e estratéxico nas axendas públicas, internacionais e nacionais e en Galicia éo indiscutiblemente. Pero o noso documento marco (Plan forestal) non planifica coherentemente todo o potencial dos nosos recursos nin liquida moitas das súas debilidades.
Xunta rectora Completan a xunta rectora do Colexio os enxeñeiros Santos G. Arenas, Gonzalo Perales, Pablo Arbones, Jesús de la Fuente e Alberto Rojo.

Galicia conta coa primeira estratexia consensuada para o sector forestal, cun investimento de 4900 millóns de euros ata o ano 2040

O Plan Forestal de Galicia (PFG) contempla un investimento de 4.900 millóns de euros de fondos públicos e privados no monte galego ata o ano 2040. Tras un longo proceso de debate entre todos os axentes do sector que comezou no ano 2015, a revisión do Plan Forestal -que terá finalmente forma de Decreto- continuará a súa tramitación ambiental e remitirase ao Consello Forestal de Galicia e ao Parlamento para culminar este ano coa súa aprobación polo Consello da Xunta. O documento, que se elaborou dando cumprimento ás recomendacións do Ditame da Comisión Forestal do Parlamento de Galicia, estase a ultimar baixo a premisa de acadar un amplo consenso sectorial e da sociedade galega en xeral. Establece unha proxección do monte do futuro para o período 2021-2040, cunha serie de grandes obxectivos e indicadores.

Mellora das masas de carballos e potenciación do castiñeiro

Unha das principais liñas pasa por promover a rexeneración natural de frondosas caducifolias, ata chegar a unha superficie total ocupada por estas masas autóctonas de 425.000 hectáreas en 2040. Ademais, a superficie de frondosas obxecto de xestión activa mediante tratamentos silvícolas incrementarase dende as 5.000 ha no primeiro quinquenio ata as 20.000 ha no último. Pola súa banda, o programa de recuperación de bosques de ribeira abranguerá outras 20.000 hectáreas. No caso concreto do castiñeiro, o PFG contempla un programa estratéxico para contribuír á conservación e posta en valor desta especie, con actuacións en 8.000 hectáreas deica o ano 2040 para recuperar soutos tradicionais en produción mediante medidas de rehabilitación. Así mesmo, prevese crear novos soutos tanto para a produción principal de castaña como para xerar madeira, cada unha das liñas con 8.000 hectáreas de actuación.

Eucalipto: máis madeira producida en menos superficie

En relación ao eucalipto, márcanse programas de actuación e iniciativas que contribúan a unha redución da superficie con presenza de eucalipto do 5%, ao final do período. Para iso, priorizarase a mellora da xestión e a produtividade das masas de eucalipto xa existentes, reforzarase o control das novas plantacións e aplicarase un programa de transformación de eucaliptais degradados. Así mesmo, potenciarase a silvicultura do eucalipto e reducirase a combustibilidade das masas mediante a xestión activa, incrementando tanto a taxa de aproveitamento da especie como a certificación e as iniciativas de xestión conxunta. Así, dentro desa redución, un total de 20.000 hectáreas converteranse en masas doutras especies. O obxectivo é que no 2040 Galicia conte cunha superficie menor de eucaliptais, mediante a transformación en plantacións doutras especies. Paralelamente, mellorarase a produtividade naquela superficie na que se circunscriban as masas de eucalipto, incrementando a taxa de aproveitamento co obxectivo de alcanzar un 90% do crecemento corrente anual. Así, cunha menor superficie de eucalipto, a produtividade das masas vai ser maior como consecuencia das medidas adoptadas.
Pasar de 9 a 12 millóns de metros cúbicos de madeira cortada ao ano
En base a estas premisas establécese, por exemplo, o obxectivo de mobilizar os recursos madeireiros que permitan atender, como recurso de proximidade, as demandas da actividade industrial ligada á madeira e á biomasa. Así, márcase un incremento da mobilización de recursos madeireiros cunha taxa global de extracción de todas as especies (incluída a conífera) de xeito tal que pase do 60% ata o 70% da posibilidade, cunhas cortas anuais de ata 12 millóns de metros cúbicos ao remate do período, unha cifra que arestora se sitúa en algo máis de 9 millóns.

Piñeiro de calidade

En relación coas coníferas, especialmente o piñeiro, no plan contémplase fomentar a través de liñas de axuda as repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas especies en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o ano 2040 e irase incrementando a porcentaxe de volume de cortas con destino a serra ou usos estruturais ata un 75% nese tempo. O control das especies invasoras (especialmente das acacias) mediante un programa de control que abranguerá 1.000 hectáreas en total, o fomento da multifuncionalidade do monte ou a regulación do seu uso socio-recreativo son outras liñas de traballo. Outro programa destacado, xunto coa mellora da xenética forestal, é o dos chamados “montes protectores”. Trátase de inventariar e rexistrar aqueles montes ou terreos forestais que teñan un especial carácter protector do solo e regulador do ciclo hidrolóxico. Así, planifícase a creación e inscrición de montes protectores, para chegar a un total de 90.000 hectáreas amparadas por esta figura no horizonte do plan. Todo isto, cun aumento progresivo da superficie forestal xestionada con criterios de protección (incluíndo a que adquira a administración, a xestionada por contratos de xestión pública ou a de xestión privada), chegando no ano 2040 ata as 130.000 hectáreas. Ademais, porase en marcha un Programa de conservación de recursos xenéticos que abranguerá 15.000 ha e promocionarase o uso social ou turístico do monte mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico de forma progresiva, actuando en 25.000 hectáreas deica o ano 2040. No ámbito da saúde e vitalidade do monte, o Plan Forestal de Galicia intensifica os traballos de loita biolóxica contra a avespiña ou o cancro do castiñeiro, así como fronte ao gorgullo do eucalipto, a praga dos ameneiros ou a procesionaria do piñeiro, entre outras doenzas, uns traballos que se levarán a cabo en función do avance dos organismos. Outra liña de traballo é a mobilización das terras agrarias infrautilizadas ou abandonadas -especialmente mediante proxectos liderados por agrupacións forestais de xestión conxunta- para recuperar o rural e fixar poboación nas aldeas, apoiando as explotacións resultantes mediante incentivos fiscais, axudas directas ou de discriminación positiva. Para isto, en 20 anos crearanse un millar de aldeas modelo, actuarase en 150.000 hectáreas ao abeiro de proxectos de mobilización de terreos agroforestais e mobilizaranse outras 35.000 ha de terras forestais mediante actuacións de xestión conxunta, creando unha liña potente e consolidada de superficie baixo algún tipo de figura de xestión conxunta para chegar ás 150.000 ha en 2040.

Outros aproveitamentos forestais

Dentro do fomento dos recursos forestais non madeireiros, porase en marcha un programa de aproveitamento de pastos e forraxes en monte e de establecemento de sistemas silvopastorais, concretándose como obxectivo final chegar ás 225.000 hectáreas de superficie para esta actividade en toda Galicia en 2040. O fomento de proxectos de ordenación de montes e instrumentos equivalentes de xestión forestal sustentable é un eido que tamén se aborda no plan. Deste xeito, márcase como obxectivo chegar a unha superficie total ordenada ao final do plan de 850.000 hectáreas. Delas, procurarase que cando menos 650.000 dispoñan da certificación forestal mediante calquera dos sistemas recoñecidos internacionalmente. Así mesmo, prevese que a superficie rexistrada de silvicultores activos sexa de 360.000 hectáreas en 20 anos, co apoio de 50 millóns de euros. Outro ámbito de actuación é o da cadea monte-industria. Vaise incidir na súa modernización e en procurar que sexa altamente cualificada, produtiva e que elabore produtos de madeira ou baseados en madeira cun alto valor engadido. Farase mediante iniciativas coma o programa de divulgación e comunicación da cultura forestal, con, entre outras, 250 accións de formación e profesionalización de propietarios e/ou xestores de montes nos seguintes 20 anos. Tamén, cun programa de fomento da investigación, desenvolvemento e innovación forestal dotado con 135 millóns de euros en todo o período de vixencia e promovendo a cooperación e coordinación para mellora da formación forestal universitaria e profesional en Galicia.

Novo marco legal de protección e extinción de incendios

No marco do PFG, prevese ter lista na primeira metade desta lexislatura unha nova lexislación en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais, un proceso totalmente participativo. Ademais, revisaranse e actualizaranse os plans de defensa e prevención dos incendios forestais dos distritos e elaborarase un inventario da rede de faixas de xestión de biomasa forestal. Así mesmo, elaborarase anualmente o Plan preventivo que integre as actuacións dos medios propios e contratados nos montes de xestión pública, nos Perímetros de Alto risco (PARI), no marco dos convenios coa Administración Local e nas accións subsidiarias en cumprimento da lexislación vixente, por exemplo, nas franxas secundarias. A previsión é actuar nunhas 120.000 hectáreas deica 2040. A maiores, elaborarase de xeito participativo un plan plurianual para a definición das instalacións, dos equipamentos e dos recursos necesarios para as sedes de distrito, talleres, almacéns, garaxes, puntos de encontro, puntos de vixilancia e bases de medios aéreos, recollendo as necesidades de equipamentos persoais, de parque móbil e de recursos tecnolóxicos e informáticos. Canto á colaboración coas entidades e administracións locais, impulsarase o convenio para a xestión das faixas secundarias, reforzaranse os destinados a ter dispoñibles as brigadas de prevención/extinción e os camións de extinción, integraranse os convenios para a limpeza de marxes de pistas municipais e seguiranse elaborando e actualizando os Plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. En relación ás tarefas preventivas en parroquias priorizadas, continuarase incidindo na xestión de biomasa nas faixas secundarias, actuando nas 10 ha que pode solicitar anualmente cada concello en virtude das accións subsidiarias e nos 10 km anuais que poden solicitar a maiores para ter limpas as vías de titularidade municipal. Neste capítulo, prevese un investimento de 200 millóns de euros ata 2040, para acadar as 20.000 ha de accións subsidiarias, os 20.000 kms de vías municipais con xestión de biomasa, as 20.000 ha de faixas secundarias priorizadas xestionadas e o 100% dos concellos adheridos con Plan Preventivo. Ademais, desenvolverase un plan continuado de formación do persoal do Servizo de prevención e defensa contra os incendios e coa posta en marcha dun Centro Integral para a Loita contra o Lume que se situará en Ourense, na provincia máis afectada polos lumes. Así, o antigo hospital de Toén reconverterase nun centro de referencia, no que se conte cos maiores especialistas no comportamento e análise dos lumes forestais para dar formación aos bombeiros forestais, concienciar á sociedade civil a través da educación medioambiental e desenvolver análise e investigación.

Valoracións do sector

Francisco Dans (Asociación Forestal de Galicia): “Os eixos deste plan responden á realidade e ás necesidades do sector forestal galego”

Francisco Dans del Valle, presidente da Asociación Forestal de Galicia, entidade que agrupa aos propietarios forestais privados – o 97% da superficie forestal galega é de titularidade privada- valora de forma positiva o último documento que se coñece da revisión do Plan Forestal, un proceso no que a asociación participou dende os seus inicios. “Os eixos estratéxicos do Plan Forestal responden á realidade e ás necesidades do sector forestal galego e da cadea da madeira, pero tendo en conta que o plan hai que desenvolvelo e que implica uns compromisos de investimentos e de iniciativas para parte da administración pública a longo prazo, contando tamén cos propietarios forestais e coa industria da madeira”, subliña. En canto ás medidas que demandaba a Asociación Forestal de Galicia para impulsar o sector, Francisco Dans destaca que se recoñece o papel do propietario forestal privado e das comunidades de montes, que están facendo unha xestión forestal sostible a través da figura do silvicultor activo. Ademáis, establécese un horizonte de investimentos públicos que se inclúen no plan. Recóllense tamén no Plan aspectos complementarios como liñas de investigación forestal para a mellora xenética das especies, da sanidade forestal, e tamén de formación, tanto regrada, como para os propios axentes do sector. “Estes aspectos complementarios son decisivos”, subliña Francisco Dans. Asemade, establécese un control e seguimento do cumprimento do Plan Forestal de Galicia. “Isto é algo clave, -destaca- pois detectamos que un fallo do anterior Plan é que non houbo un seguimento e avaliación sistemática nin dos investimentos nin dos indicadores temáticos e económicos para cumprilo. Neste sentido, pedimos que o Consello Forestal faga un seguimento do cumprimento dos investimentos públicos relacionados co plan”. Igualmente, dende a Asociación Forestal de Galicia salientan que se fomentan os aproveitamentos de frondosas para produtos de alto valor, con plans específicos. Por outra parte, Francisco Dans destaca que “o plan anuncia nos seus principios que vai acometerse unha simplificación administrativa e normativa e que onde existan restriccións á actividade do propietario forestal nos seus dereitos por motivos ambientais ou de interese público, existirían compensacións económicas. Isto está enunciado nos seus principios. Asemade, haberá por primeira vez unha estatítica forestal, con datos actualizados do sector (superficie que ocupan as especies, cortas, emprego do sector, etc.) o que vai permitir seguir de forma continua o Plan e vai ser un apoio moi importante para poder tomar decisións. “Todo iso no seu conxunto, e á espera de coñecer o documento definitivo, dános unha idea xeral do Plan que é próxima aos principios e ideas que planteamos dende a Asociación Forestal de Galicia”, conclúe Francisco Dans.

Alfonso Fernández Braña (SERFOGA): “Vanse destinar fondos europeos para o sector forestal galego”

A Asociación de Servizos Forestais de Galicia (SERFOGA) representa a unhas 30 empresas do sector e dende os seus comezos tamén participou activamente no proceso de revisión do Plan Forestal de Galicia. O seu vicepresidente, Alfonso Fernández Braña, destaca que este documento estratéxico “é algo imprescindible que ten que ter o monte galego”. “Pola nosa parte estamos satisfeitos do traballo realizado, que foi moi meditado e consensuado, e do que fixo a Consellería do Medio Rural no último ano e medio, pondo de novo a andar este Plan. É de esperar que parlamentariamente haxa un consenso, que se dote presupostariamente e que se cumpra”, afirma. Entre as demandas de SERFOGA que se viron recollidas na revisión do Plan Forestal de Galicia, Alfonso Fernández destaca que os montes veciñais en man común deixan de estar tutelados pola Xunta e pasan a ser rexidos e gobernados polos comuneiros, como unha propiedade privada máis e cun proxecto de ordenación. Fondos europeos tamén para o sector forestal “Pelexamos para lograr para o sector forestal máis de 300 millóns de euros de fondos europeos no último quinquenio. Esperamos que na negociación do próximo PDR de Galicia se siga o mesmo camiño e a mesma proporcionalidade, que xa se está notando no sector en Galicia, con plans de ordenación para case 200.000 ha de monte “, destaca. Por outra banda, destaca a posta en marcha dun inventario permanente de especies de crecemento rápido. En concreto, o vicepresidente de SERFOGA salienta que “vai ser moi importante para adecuar as especies que plantamos ao que demanda o mercado, pois a realidade é que no caso do eucalipto é non está habendo un aproveitamento eficiente, e que temos un gran déficit de piñeiro de calidade para os próximos 20 anos”.

Roque Rodríguez (catedrático de silvicultura da USC): “A revisión do Plan Forestal foi un proceso moi participativo e consensuado”

Roque Rodríguez é catedrático de silvicultura da Universidade de Santiago de Compostela e un dos coordinadores do grupo de traballo creado no 2015 dentro do Consello Forestal de Galicia para a revisión do Plan Forestal de Galicia. “Foi un proceso de debate e de traballo longo, no que estiveron representadas nun principio 26 organizacións e a partir de aí acordáronse as directrices da revisión do Plan Forestal”, destaca. No propio proceso de redación houbo varias etapas con participación de empresas consultoras e do propio Sistema Universitario galego.  O PFG 2020-2040 supón unha aposta clara pola Xestión Forestal Sostible baixo Instrumentos de ordenación ou xestión forestal, a certificación forestal, o desenvolvemento da figura de selvicultor activo, a movilización de terras forestais, a xestión conxunta e o asociacionismo forestal. O Plan dá cabida no monte á actividade gandeira, aos montes protectores, ás infraestructuras verdes ou a conservación de recursos xenéticos, nun marco de necesaria adaptación do monte ao cambio climático, e de mantemento da resiliencia,  saúde e vitalidade forestal. O plan desenvolve iniciativas de mellora da estatística forestal (Inventario Forestal Continuo de Galicia) e aposta pola innovación, a dixitalización e a mellora dos recursos nos ámbitos cuantitativo e cualitativo. O catedrático considera importante contar con este documento de planificación, pero subliña que “a clave é o seu cumprimento”. En canto ás liñas estratéxicas destaca que “o monte en Galicia debe ser un mecanismo para dinamizar o medio rural, apostando pola diversificación de actividades e de especies, con distintas opcións produtivas, ademáis do eucalipto”. No relativo aos recursos madeireiros, o PFG contempla desenvolver un programa de mellora da produtividade dos eucaliptais existentes, un programa de fomento e valorización de coníferas, un programa estratéxico do castiñeiro ou outro de xestión activa de frondosas autóctonas.  Ao seu xuízo, a revisión do PFG, segue o exemplo de Portugal en canto ao relacionado coas plantacións de eucaliptos. “Temos planteamentos moi parecidos: Estabilizar a superficie ocupada por estas especies e ter plantacións cun bo nivel de produción e con menor risco de incendios”, destaca.

Convócase unha mesa de traballo sobre as normativas forestais en preparación

Selga, a empresa de silvicultura ligada á Asociación Forestal de Galicia, dirixe unha mesa de traballo sobre as novas normativas forestais que se aveciñan na comunidade. O evento, aberto a comunidades de montes, propietarios forestais e persoas interesadas, busca tanto asesorar ó sector forestal como coñecer os puntos de vista das persoas participantes. A mesa de traballo enmárcase no proxecto Gefrecon, orientado á prevención de incendios forestais, que está promovendo o Instituto Tecnológico de Galicia. A participación na mesa de traballo é aberta. A xornada desenvolverase online, tendo en conta as actuais restriccións pola Covid, e farase o venres 18 de decembro a partir das 16.30 horas. Poderase acceder ó evento a través deste link. O programa da xornada é o seguinte: - Presentación do proxecto Gefrecon, Fernando Echevarría. - Contratos de xestión pública, Daniel Rodríguez. - Plan Forestal de Galicia, Francisco Dans. - Agrupacións forestais de xestión conxunta, Daniel Rodríguez. - Revisión da Lei de Prevención e Extinción de Incendios Forestais, Xosé Covelo.

Boas perspectivas no sector da madeira para o primeiro semestre de 2021

O Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia (CMD) celebrou este martes de maneira online, debido ás restricións da pandemia, a súa asemblea anual. A sesión contou cunha participación masiva dos asociados, o que pon de manifesto o espírito colaborador da entidade. En liñas xerais, as empresas fixeron unha lectura optimista da situación de cara aos próximos meses, polo menos, até o primeiro semestre do 2021, onde apuntan a que a demanda relacionada coa vivenda suplanta a caída do lecer, aínda que as empresas ven certa incerteza cara á segunda metade do próximo ano. O presidente do CMD, José Manuel Igrexas, transmitiu unha mensaxe de ánimo ás empresas do sector, indicando que a unidade e colaboración foron fundamentais noutros momentos delicados e afirmou, con rotundidade, que é o momento de dar un paso á fronte e de facer entender á sociedade que sen empresarios, non hai futuro, polo que agora, máis que nunca, é vital que se perciba a importancia do rol do empresario.

Novo Plan Estratéxico

A entidade presentou o seu novo Plan Estratéxico para os próximos 4 anos, Made, que contempla unha serie de proxectos e accións encamiñados a mellorar a competitividade das empresas asociadas e, en xeral, do sector da madeira galego. As actuacións centraranse na relación directa cos prescriptores, o deseño, a construción, na formación, na sensibilización e divulgación dos valores da madeira, a internacionalización e as alianzas con outros sectores. Un dos grandes retos do novo Plan Estratéxico é o deseño, que buscan converter na etiqueta que diferencie ás empresas do CMD. Tamén esperan que o deseño sexa a ferramenta que permita pór en marcha estratexias empresariais de diferenciación, sustentables no tempo e con valor engadido para o consumidor final. O Clúster tamén está a coordinar un grupo de traballo, no que participan as principais asociacións do sector, co obxectivo de elaborar un Plan Estratéxico conxunto. Este Plan debe identificar as tendencias internacionais da demanda e fixar o camiño que se debe percorrer nos próximos 20 anos. A través deste Plan Estratéxico buscan conectar as capacidades do recurso forestal e do tecido produtivo e transformador coas oportunidades do mercado. Ademais, pretenden que sexa unha ferramenta de traballo executiva para levar a cabo o novo Plan Forestal.

As liñas de acción da Xunta

A asemblea tamén incluíu unha mensaxe institucional do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no que transmitiu o apoio do goberno galego ao sector e mandou unha mensaxe de ánimo para continuar xerando riqueza e valor á comunidade. Mostra do compromiso co sector, Núñez Feijóo lembrou que o goberno galego, a través da Axencia Galega dá Industria Forestal, Xera, anunciou un investimento de case 1,7 millóns de euros para favorecer o uso da madeira local en edificacións. Ademais, destacou o desexo de impulsar o uso da nosa madeira tanto en nova construción e rehabilitación e, ao mesmo tempo, en produtos dentro do obxectivo de impulsar a transformación da economía e a industria en Galicia. Por último, Núñez Feijóo sinalou que o novo Plan Forestal Galego, que marcará as directrices de xestión de montes galegos durante os próximos 20 anos, ten como unha das súas metas conseguir 3 millóns de metros cúbicos máis ao ano de curta, pasando dos 9 millóns actuais, aos 12, co obxectivo de converter a Galicia nunha das grandes potencias madeireiras de Europa.

A Xunta anuncia que o Plan Forestal de Galicia reducirá un 5% a actual superficie de eucalipto

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o Plan Forestal de Galicia 2021-2040. O documento, logo dun longo proceso, está xa listo para os seus trámites finais. Pasará primeiro polo Consello Forestal, o órgano consultivo da Administración no que participa toda a cadea forestal e colectivos ambientalistas, e despois levarase ó Parlamento. Tras eses trámites, será aprobado como decreto polo Consello da Xunta. En relación á última versión coñecida do proxecto, unha das novidades que anunciou hoxe a Xunta é unha maior limitación para o cultivo do eucalipto. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, subliñou hoxe que o Plan Forestal prevé unha diminución dun 5% da actual superficie de eucalipto, o que supón que de aquí ó 2040 reducirase a presenza do eucalipto en 20.000 hectáreas. En concreto, a Xunta sinala que reforzará o control de novas plantacións e aplicará un programa de transformación de eucaliptais degradados. Tamén actuará sobre a xestión e produtividade das actuais masas de eucalipto, co obxectivo de que se poida aumentar o volume de madeira cortada cada ano cunha menor superficie no monte. A meta é chegar a cortar un 90% do volume de crecemento anual da especie. Entre tódalas especies, a Xunta prevé que Galicia poida chegar no 2040 a unhas cortas de 12 millóns de toneladas anuais, fronte ós 9 millóns actuais. Iso implicará pasar dunhas cortas do 60% do volume de crecemento anual do monte ó 70%, o que continuaría garantindo a sostibilidade do seu aproveitamento. De cara á estratexia de prevención de lumes, a Administración tamén anuncia que porá en marcha medidas para rachar a continuidade das masas de eucalipto. Anúnciase ademais unha nova lei de prevención de incendios. Frondosas caducifolias e castiñeiros Outro dos obxectivos do Plan Forestal sitúase en chegar a 425.000 hectáreas de frondosas caducifolias no ano 2040, aumentando a súa vez os bosques de frondosas que teñen unha xestión silvícola activa. Para o caso concreto do castiñeiro, prevese aumentar a súa superficie en 16.000 hectáreas, a metade para a produción de castaña e a outra metade para madeira. Piñeiros En relación coas coníferas, no plan recóllese o fomento de liñas de axuda para repoboacións e reforestacións de alta calidade xenética, incrementando mediante esta vía a superficie que ocupan estas especies en 20.000 hectáreas no prazo de 20 anos. Tamén se aplicarán actuacións silvícolas nun total de 50.000 hectáreas de coníferas deica o ano 2040 e irase incrementando a porcentaxe de volume de cortas con destino á serra ou usos estruturais ata un 75% nese tempo, segundo o plan da Administración. Creación de ‘montes protectores’ Outro programa destacado que se anuncia no marco do Plan Forestal é o dos chamados “montes protectores”. Trátase de inventariar e rexistrar aqueles montes ou terreos forestais que teñan un especial carácter protector do solo e regulador do ciclo hidrolóxico. Así, planifícase a creación e inscrición de montes protectores, para chegar a un total de 90.000 hectáreas amparadas por esta figura no horizonte do plan. Ademais, porase en marcha un programa de conservación de recursos xenéticos e un plan de uso social ou turístico do monte mediante o establecemento dunha rede de infraestruturas verdes en contornas urbanas e en zonas de especial interese paisaxístico, actuando en 25.000 hectáreas deica o ano 2040. Xestión conxunta No ámbito da agrupación da xestión das propiedades particulares, a Xunta márcase o obxectivo de agrupar a xestión de 150.000 hectáreas ao abeiro de proxectos de mobilización de terreos agroforestais e mobilizaranse outras 35.000 ha. de terras forestais mediante actuacións de xestión conxunta, segundo anuncia a Administración.

Desestimado o carácter invasor do eucalipto

Hoxe mesmo trascendeu tamén unha sentencia do Tribunal Superior de Justicia de Madrid na que desestima a demanda do Concello de Teo contra o eucalipto. O Concello de Teo pedira que o eucalipto se incluira no catálogo español de especies invasoras, pero o Tribunal considera que, dado que sobre esa cuestión hai criterios científicos totalmente contrapostos, non é posible concluír a necesidade de catalogar o eucalipto como invasor.

Xornadas sobre o novo plan forestal e os montes veciñais en man común

O Campus de Lugo acollerá a principios de setembro as xornadas O Monte do Século XXI, nas que se abordará o novo plan forestal e a situación actual dos montes veciñais en man común en Galicia. As sesións contarán cun amplo abano de relatores para tratar ademais temas como a reestruturación parcelaria e a súa influencia no aproveitamento das parcelas agrarias ou o emprendemento a través de recursos agrarios, así como o papel das cooperativas para a organización da produción e para a comercialización. As xornadas teñen unha duración de 20 horas que se reparten en sesións presenciais en horario de tarde, de 16:00 a 20:00 horas. Terán lugar dende o luns 7 ata o venres 11 de setembro no Salón de Actos do Vicerreitorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC). A formación está dirixida a emprendedores rurais, comunidades de montes veciñais en man común, organizacións profesionais do sector forestal, así como a persoas interesadas no emprendemento cooperativo e ó público xeral interesado nestas temáticas.

Programa das xornadas

A continuación detallamos o programa das xornadas:

Luns 7 setembro

Módulo 00. Presentación da Rede Eusumo. María Paz Rodríguez Rivera, xerente ADR Comarca de Lugo. Marta Blanco, técnica ADR Comarca de Lugo. Módulo 01. A propiedade forestal. Formalización e xestión dos diferentes tipos de propiedades. Santiago Fraga Saenz. Área técnica do Servizo de Montes de Lugo.

Martes 8 setembro

Módulo 02. Instrumentos de planificación e xestión forestal. Santiago Fraga Saenz. Área técnica do Servizo de Montes de Lugo. Módulo 03. Dinámicas de traballo en común no ámbito forestal. José Ramón Pedreira Dono, xefe de sección no Servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo.

Mércores 9 setembro

Módulo 04. Visita ó MVMC de Carballo en Friol (Lugo). Xosé Manuel Iglesias, técnico da MVMC de Carballo.

Xoves 10 setembro

Módulo 05. Deseño e implementación de sistemas agroforestais. Rosa Mosquera Losada, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría.

Venres 11 setembro

Módulo 06. Xestión agroforestal en masas forestais comúns. Módulo 07. Liñas de axudas agroforestais no actual PDR como ferramenta de cambio. Rosa Mosquera Losada, catedrática da Universidade de Santiago de Compostela do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría

Inscrición

A inscrición é gratuíta e poderase realizar a través deste formulario. As persoas interesadas en participar tamén poderán solicitar máis información e xestionar a inscrición mediante os teléfonos 982 238 000 e 679 732 163 así como enviando un correo electrónico a info(arroba)comarcadelugo.gal. A actividade está organizada pola ADR Comarca de Lugo (Grupo de Desenvolvemento Rural, GDR) e conta coa colaboración da USC. As sesións enmárcanse no programa de actuación 2019 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social e que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.   

-Consulta aquí máis información sobre as xornadas.

 

‘O porqué do movemento deseucaliptizador: alternativas para o Plan Forestal de Galicia’

Este artigo tenta analizar por que moita xente se lanza ao monte a arrincar eucaliptos, actividade que a priori, podería ser considerada antiprodutiva e en contra dun proceso natural de invasión difícil de combater, sobre todo nas zonas queimadas. Este potencial invasor, puido facer, ata o de agora, que a propiedade se resignase a convivir co eucaliptal froito do abandono, que incluso tamén pode chegar a render algo se non arde de novo. Inercia difícil de vencer. Comezo por aclarar que estes traballos, normalmente realizados por voluntariado máis ou menos organizado, fanse en zonas onde o eucalipto inzou a superficie sen que a propiedade o desexase. Para afondar nesta cuestión, utilizaremos un documento público que leva debaténdose, “sen coñecemento de boa parte da sociedade galega”, dende o ano 2015; trátase do novo Plan Forestal de Galicia (PFG), pendente de aprobación.
"A uniformidade do monte está a provocar preocupación nunha parte importante da sociedade"
Na diagnose sobre o monte galego realizada para a redacción do plan, detéctase un exceso de superficie ocupada por eucaliptais, que é consecuencia dunha falla de seguemento e control na aplicación do Plan Forestal anterior (1992). Isto levou a superar a superficie prevista para 2032 de eucaliptais puros en máis de 55.000 ha . Existiron dúas tendencias que fixeron isto posible: a económica, promovida por unha industria especializada na primeira transformación, e o abandono do rural ligado á proliferación dos incendios forestais. Finca particular na que se cortou a madeira queimada. Pódese observar rebrote dalgúns pés de eucalipto, que semella están en fincas colindantes, e con maior forza vese o inicio de rexeneración de acacia negra. O grao de esforzo para eliminar a acacia debería ser bastante maior e é previsible que o banco de sementes do solo teña abundancia desta especie. A presenza de toxo e xesta é de interese para combatir o rexenerado natural de acacia. Estes eucaliptais acostuman ser moi densos (máis se son froito do abandono), de árbores moi similares (masas regulares ou incluso coetáneas), con pouca variedade de estruturas e tratados a quendas curtas, por medio de cortas a feito ou, no peor dos casos, afectados por incendios con frecuencia. Esta uniformidade do monte, ao meu modo de ver, está a provocar preocupación nunha parte importante da sociedade. Esta falla de diversidade podemos observala a tres niveis: especies, estruturas e paisaxe. Estudiaremos o novo PFG nestes tres importantes aspectos, o que nos axudará a entender por que un gran sector da sociedade está descontento coa extensión desmesurada da superficie ocupada polos eucaliptais . Para ampliar a exposición que se desenvolve a continuación, pódese consultar o blogue O Sequeiro.

Especies

En relación ao primeiro aspecto, se analizamos o número medio de especies arbóreas presentes nos montes arborados galegos, atopámonos cunha pobreza que é preocupante: entre 3-5 especies en cada zona inventariada, incluídas especies alóctonas (foráneas). Tamén se constatan os seguintes feitos: as zonas de maior riqueza de especies arbóreas son as próximas aos ríos e as ocupadas por frondosas autóctonas; en máis do 90% das masas arbóreas que tenden á monoespecificidade non existe subpiso arbóreo (practicamente non hai piso inferior arbóreo nin arbustivo). Ademais do anterior, no diagnóstico do novo Plan Forestal de Galicia (PFG)indícase que “a superficie ocupada polas plantacións de eucaliptos non debe seguir aumentando” e conclúe que “deberían establecerse criterios técnicos e normas para limitar a súa expansión, xa que non é posible reducir a súa ocupación actual con carácter retroactivo, salvo que se trate de medida voluntaria suficientemente subvencionada, posiblemente en masas mesturadas con piñeiros e carballos”.
"A expansión dos eucaliptais non foi contrarrestada por incentivos que promovesen outro tipo de usos ligados a vexetación diferente"
O novo plan, entrando en contradición co expresado máis arriba, propón incorporar 25.000 hectáreas de Eucalyptus nitens, a engadir ás 300.000 ha de eucaliptais puros que xa existen en Galicia. Este impulso repoboador centraríase nos primeiros 5 anos de aplicación dos 20 que abrangue esta planificación. O fomento desta especie, menos sensible ás xiadas que o Eucalyptus globulus, fai que o límite altitudinal das plantacións de eucalipto ascenda, de xeito que á expansión que xa existe nas zonas costeiras se estenda practicamente sen límite cara ao interior. Se a este feito lle sumamos que non se endurece a normativa existente en canto a regulación das plantacións de eucalipto, é de supor, que a superficie ocupada por esta especie seguirá aumentando, pois se reforza a tendencia económica que xa existía. Por outra banda, inda que de forma xeral o número de incendios diminúe, non o fan os grandes incendios forestais, que incrementan como efecto indirecto do cambio climático, polo que tamén se reforza a outra tendencia, a ligada ao abandono e ao inzamento provocado tras este tipo de catástrofes. A máis, o novo Plan prevé incorporar 125.000 hectáreas (ha) de repoboacións de especies arbóreas, das que tan só 50.000 ha serían de especies frondosas autóctonas, e sen garantir diversidade de especies dentro das novas plantacións. En definitiva, sorprende que cando se analiza o grao de cumprimento do PFG de 1992, non se estudien cales foron os aspectos que fallaron para que se disparase a superficie ocupada polos eucaliptais. As dúas tendencias que fixeron que isto ocorresenon foron suficientemente contrarrestadas por incentivos que promovesen outro tipo de usos ligados a vexetación diferente. A falla desta análise, é percibido dalgún xeito por unha sociedade que ao fin, busca solucións ante o que xa está diagnosticado coma problema. Chaín (Pontecaldelas). Zona afectada por incendio que asolou máis de 20.000 hectáreas en outubro do 2017. Fotos de xaneiro do 2019, uns 15 meses despois do incendio. En primeiro plano, rexenerado de eucalipto procedente de semente sobre un antigo piñeiral cortado meses antes. A semente procede na súa maior parte dun enclavado particular de masa mixta eucalipto – piñeiro.

Estrutura das masas forestais

O segundo aspecto que se analiza, é o estrutural. Neste sentido, séguense a potenciar especies destinadas a producir madeira para pasta ou trituración, a quendas curtas e densidades altas, con individuos todos eles moi parecidos e pouco espacio para outras especies, formando o que se chaman masas regulares. Este tipo de formacións arboradas aprovéitanse polo sistema de cortas de rexeneración (fanse para producir unha nova xeración de árbores) coñecido co nome de cortas a feito (córtanse todas as árbores dunha vez en superficies continuas que abren un gran claro no bosque), utilizada para especies amantes da luz, coma os eucaliptos e moitas especies de piñeiro.
"Debería promoverse un xiro no sistema produtivo, fomentando especies de crecemento medio-baixo que proporcionen madeira de calidade"
Neste tipo de masas regulares, temos un só piso de vexetación con moi reducida diversidade estrutural. De feito, na diagnose detéctase este problema, como vimos máis arriba, o que se recoñece coma un empobrecemento dos ecosistemas forestais. A cuestión é que o novo PFG podería empeorar esta situación, ao potenciaren os cultivos enerxéticos, nos que o obxectivo é producir madeira en pouco tempo para queimar nunha central eléctrica de biomasa. Nestes cultivos interesa producir moito e moi rápido, e isto significa quendas máis curtas e masas máis densas, co que o sistema se simplifica aínda máis. Concluímos, polo tanto, que a revisión, a pesar de localizar na súa diagnose o problema, non vai resolvelo, se non complicalo máis, ao introduciren os cultivos enerxéticos coma unha medida para aproveitar a biomasa, cando en realidade só se consigue producila con maior rapidez. Estas masas de estrutura regular que o novo Plan Forestal reforza, poden render se hai unha industria que consuma a madeira producida, inda que saibamos que por estes crecementos pagamos un prezo moi alto en forma de maior impacto ambiental, maiores perdas de solo, montes menos resilientes e un maior grao de propagación dos incendios forestais. Pero no caso de Galicia, é que ademais non se está obtendo un rendemento “xustificador” destas debilidades do sistema productivo, e o novo plan tampouco presenta unha previsión de consumo que xustifique o aumento deste tipo de arborado ata o millón de hectáreas, o 33% do territorio galego (masas monoespecíficas de prioridade produción madeira). É por isto que se debería promover un xiro no sistema produtivo, fomentando especies de crecemento medio-baixo que producirían menos biomasa para arder, e máis madeira de calidade que podería ser consumida a un ritmo axeitado, á par que se reduciría o impacto ambiental, as perdas de solo e o grao de transmisión dos incendios forestais, logrando un monte máis resiliente e máis rico en estruturas (tendencia á representación de individuos con diferentes formas e tamaños). Bidueiros que non sobreviviron ao incendio de Chaín e que formaban parte de piñeiral, que agora se ve substituído por eucaliptos, a maior parte procedentes de semente.

Paisaxe

En conexión cos dous niveis anteriores, temos o terceiro, a paisaxe, gran esquecida no documento, pois a pesar de que se cita en varias ocasións, non se describe unha estratexia para a súa potenciación e vertebración. Incluso fálase de que a continuidade e extensión das masas monoespecíficas podería estar comprometendo a capacidade de recuperación do monte galego, pero non se toman medidas. O novo plan podería deseñar un monte con paisaxe en mosaico, vertebrado gracias a unha densa rede fluvial, con vexetación de fondo de val que formaría verdadeiros corredores de flora e fauna e efectivas áreas cortalumes.
"O novo plan podería deseñar un monte con paisaxe en mosaico, dándolle peso á vexetación de fondo de val"
Tamén caberían as masas monoespecíficas, eminentemente produtivas, limitadas por outras formacións arboradas máis diversas, nas que entre outros, estarían os bosques de frondosas autóctonas, os prados, os soutos ou as zonas agrícolas, as masas mixtas conífera-frondosas autóctonas, as turbeiras, …, así como outras formacións arboradas e non arboradas con diferentes usos. Unha paisaxe así deseñada reduciría a fragmentación de hábitats e a falla de conectividade entre poboacións, á vez que xeraría un monte máis resistente ao paso do lume.

Propostas

Para concluír, cito algunhas medidas que se poderían tomar en cada un dos tres niveis citados. - Especies: A nivel especies, a potenciación do rexenerado natural de piñeiros e frondosas autóctonas, así como o fomento de plantacións mixtas con diversidade de usos, incluída a produción de madeira. Produción que sería máis lenta, pero tamén máis acorde coa capacidade de procesado e consumo, de xeito que non se xeraría biomasa non aproveitada, condenada a arder no seguinte gran incendio forestal. - Estruturas: A nivel estruturas, pois bosques diversos precisan sistemas de corta diferentes das talas a feito, que potencien máis as cortas intermedias e que deixen masa remanente, é dicir, arborado que se salva da corta de rexeneración, ben para morrer no monte, ou para servir de “nodriza” temporalmente, facilitando así a supervivencia das novas árbores que precisan de certa protección nas primeiras fases da súa existencia. Estas masas “menos regulares” posibilitan a existencia de maior biodiversidade, é dicir, maior número de especies de flora e fauna, pero tamén, maior diversidade de estruturas: depresións, pequenas turbeiras, zonas con liques, plantas que viven nas árbores (epífitas), herbáceas, matogueiras, arbustos, gabeadoras, restos leñosos, materia orgánica en descomposición, ocos nos troncos, árbores mortas, tocóns, solos non alterados ricos en micelios, … - Paisaxe: A nivel paisaxe, se podería empezar polos ríos e polas aldeas, vertebrando así o territorio e protexendo o rural. As medidas non poden ser tímidas e reducidas ao entorno dos 15 m a cada lado das correntes de auga de certa entidade, onde o novo PFG propón cumprir a lei e eliminar acacias, piñeiros e eucaliptos, pois isto non xera protección suficiente para os cauces fluviais, nin supón un freo para o lume. Tampouco será suficiente cumpri-la lei no referente ao entorno das aldeas, e limpar tódolos anos as faixas de xestión de biomasa, entre outras cousas porque é insostible economicamente, polo que xa se está a falar de promover usos que manteñan o combustible a raia, e aquí xogará un papel imprescindible o gando. Gando que non se potencia no novo PFG, pero que sen dúbida será unha das ferramentas a utilizar. O entorno dos ríos e das aldeas pode se-la base da vertebración da paisaxe galega, creando así unha infraestrutura verde que se potencia dende Europa, e mesmo dende Galicia, cun proceso de participación pública que podería dar ideas para xerar un novo PFG de veras “participado”. Para conseguir estas melloras, a sociedade galega ten que facer un esforzo e diversificar os modelos de uso e xestión do monte. Resulta moi sinxelo cortar todo o arborado á vez; é moi doado facer plantacións cunha soa especie que ademais é pouco esixente e require poucos coidados; non nos temos que preocupar por máis usos que o de producir madeira … Sabemos que é moito máis complexo facer repoboacións mixtas ou darlle saída a un rexenerado natural que hai que traballar e “domar” para conseguir algo parecido ás ringleiras “simplificadoras” das repoboacións. Tamén que unha xestión diversa require dun maior esforzo do persoal técnico, da administración forestal, dos rematantes de madeira e das empresas, da propiedade forestal, pero creo que realmente paga a pena, e que desa diversidade de xestión depende o futuro do monte. Noutros países, como Alemania, Suiza, Francia ou Eslovenia levan décadas apostando por modelos de monte máis diversos e máis próximos á natureza. Un/ha lector/a crític@ plantexaríame a seguinte pregunta: como pode vostede utilizar o novo Plan Forestal de Galicia (PFG) coma xustificación do movemento deseucaliptizador? … De verdade cre vostede que est@s voluntari@s son coñecedor@s do documento? A miña resposta, é que desgraciadamente non, porque o novo PFG é un gran descoñecido para unha maioría da poboación galega, incluso para aquelas persoas que se lanzan ao monte a arrincar eucaliptos … E a continuación veñen as miñas preguntas: Que pasaría se este novo PFG estivese na axenda política e na rúa? Como afectaría ao movemento deseucaliptizador? Que outros movementos a prol dun monte máis diverso e mellor para o conxunto da sociedade galega poderían xurdir?.

A Xunta usará drons para vixiar os montes e na extinción dos lumes forestais

A Xunta empregará este ano, por primeira vez, drons para a vixilancia preventiva dos montes e para a xestión e investigación dos incendios forestais. A medida inclúese no Plan de prevención de defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2019) que se presentou hoxe ó sector na reunión do Consello Forestal, a segunda na que vai de ano. A actualización anual deste plan está pendente aínda da súa aprobación no Consello da Xunta. Os drons utilizaranse como ferramenta de vixilancia preventiva para coñecer a xestión que se fai das franxas próximas ás vivendas e para a detectar lumes nos montes. Tamén se empregarán para a xestión dos lumes, como unha ferramenta de apoio para as labores de extinción e nas investigacións dos incendios.
Este ano funcionarán 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos
Xunto cos drons, a Consellería de Medio Rural tamén incrementará para esta campaña a rede de vixilancia fixa instalada nos montes. Súmanse 30 novas cámaras ás 88 colocadas en distintos puntos e que cubrían o 56% do territorio galego. Así, este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes. Coa actualización do Pladiga redúcense en 6 as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), quedando en 71. Esta calificación realízase en función a criterios como o número de lumes rexistrados nos últimos anos ou á súa virulencia.

Queimas controladas

Outra das medidas que contempla o Pladiga é un protocolo novo para fomentar e supervisar as queimas controladas da biomasa nos montes. Esta campaña tamén se habilatará un teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra condutas incendiarias. Este número estará operativo na época de alto risco de lumes. A consellería tamén incrementará a formación sobre a xestión dos lumes cun plan de formación que incidirá en aspectos como a seguridade, coordinación e investigación dos grandes incendios forestais e no que se inclúen 15 cursos específicos.

Banco de sementes e tratamentos sanitarios

Á marxe dos lumes forestais, nesta reunión do Consello Forestal tamén se abordou a mellora da tramitación e xestión telemática das solicitudes para o aproveitamento madeireiro dos montes. Na reunión informouse ó sector do estado de tramitación dos convenios e consorcios asinados coa Administración forestal e para os que os titulares solicitaran a súa rescisión.
Medio Rural dispón de máis 900 quilos de sementes de piñeiro e 60 de carballo
A consellería de Medio Rural tamén aproveitou para concretar que dispón de máis de 900 quilos de sementes de piñeiro das especies Pinaster, Radiata e Sylvestris. Xunto a estas existencias, a administración ten outros 60 quilos de landras de carballo (Quercus Robur), entre outras especies. Na reunión, o conselleiro de Medio Rural, José González, informou que a consellería ten previsto realizar varias actuacións de control sanitario de pragas e enfermidades forestais, con especial atención ao chancro e á avespiña do castiñeiro, así como ao gorgullo do eucalipto.
Prevén facer 14.000 inoculacións contra o chancro do castiñeiro e soltar 1,5 millóns de Torymus sinensis contra a avespiña
Nesta liña, o conselleiro sinalou que ao longo desta primavera vanse facer arredor de 14.000 inoculacións de cepas hipovirulentas nos castiñeiros (das cales xa se realizaron 9.000) para loitar contra o chancro. Ó longo deste ano Medio Rural ten previsto soltar ata 1,6 millóns de individuos do parasitoide Torymus sinensis, que se usa na loita biolóxica contra a avespiña. Con respecto ó gorgullo do eucalipto, no que vai de ano colocáronse un total de 4.830 bolsas de ootecas parasitadas (depósitos de ovos) de Anaphens nitens, un parasito natural desta praga.

Que pasou cos obxectivos do Plan Forestal do 1992?

O novo Plan Forestal de Galicia, o documento estratéxico do que se quere que sexa o monte galego, será aprobado previsiblemente de xeito definitivo nos primeiros meses deste ano. A iniciativa proporá uns obxectivos de superficies a acadar no prazo de 20 anos para as distintas especies forestais (piñeiros, frondosas, eucaliptos), así coma para pastos no monte. Esas cifras de superficies obxectivo plasmadas no papel, que xeran polémica no debate público e político, poden analizarse tamén á luz do que sucedeu cos obxectivos do Plan Forestal do 1992, o actualmente vixente. Aquel Plan do 1992 trazaba un monte en Galicia para o 2032 no que se pronosticaban 732.000 hectáreas de coníferas, 245.000 de eucaliptos, 218.000 de castiñeiros e 189.000 doutras frondosas. A realidade é que no 2009, data do último inventario forestal, a superficie de coníferas, en lugar de aumentar, fórase reducindo ata as 400.000 hectáreas. As previsións co castiñeiro tampouco foron exitosas, pois no 2009 non se pasaba de 26.000 hectáreas, arredor dun 12% da superficie obxectivo para o 2032; en tanto que eucalipto e o capítulo doutras frondosas caducifolias si medraron exponencialmente, máis alá das previsións iniciais. O eucalipto, para o que se esperaban 245.000 hectáreas no 2032, estaba no 2009 en 283.000 hectáreas e se continuou o ritmo de crecemento da década 1999-2009, na actualidade superará as 330.000 hectáreas en Galicia. Coas outras frondosas (carballos, rebolos, bidueiros, etc.), houbo tamén un crecemento maior do esperado, pois se no 2032 se agardaban 189.000 hectáreas, no 2009 xa había máis do dobre, 396.000 hectáreas. Dobre tendencia, produtivismo e abandono Esta evolución do monte, que foi analizada nun artigo por dous investigadores da Universidade de Santiago, Eduardo Corbelle e José María Tubío, debeuse a un dobre proceso. As comarcas costeiras de Galicia, principalmente o entorno de Pontevedra e a Mariña lucense, tiveron unha forte especialización productivista no eucalipto, unha cuestión que se considera debida á proximidade das factorías de Ence Pontevedra e Navia e á boa produtividade do eucalipto nesas comarcas. O outro proceso paralelo foi o do abandono de terras agrogandeiras no interior galego, o que derivou nunha expansión das frondosas caducifolias, que experimentaron na maior parte dos casos un crecemento á marxe de calquera xestión forestal. Esa circunstancia explica o feito de que na actualidade máis dunha cuarta parte do monte galego arborado estea con frondosas caducifolias, pero que estas representen só arredor dun 3% das cortas anuais con destino industrial. As diferenzas entre o Plan Forestal do 1992 e a evolución real que tivo o monte galego plantean unha serie de incógnitas sobre o novo Plan Forestal que se vai aprobar no 2019. Como trasladar as declaracións de intencións do papel ó monte? E como facelo en Galicia, onde o 98% da superficie forestal é de titularidade privada ou veciñal?.