Archives

Explicación sobre o funcionamento de Conta Láctea a vindeira semana en Castro de Rei e Lugo

A Xunta de Galicia levará a cabo a vindeira semana en Castro de Rei e en Lugo dúas xornadas informativas sobre o funcionamento da ferramenta Conta Láctea, que permite ás explotacións de leite calcular os seus custos de produción de xeito individualizado. 

As sesións explicativas terán lugar o martes 16 ás 12 da mañá na casa da Cultura de Castro Riberas de Lea (Castro de Rei), organizada en colaboración con Africor Lugo, e ao día seguinte, o mércores 17 tamén ás 12 do mediodía, no salón de actos do Edificio da Ronda da Muralla, organizada conxuntamente con Agromuralla

Nestes actos de presentación sobre esta nova aplicación informática participarán Silvestre José Balseiro Guinarte, director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural e José Manuel Andrade Calvo, presidente da Fundación Juana de Vega. No acto do mércores en Lugo asistirá tamén o conselleiro do Medio Rural, José González. 

Dato de referencia para a negociación dos contratos coas industrias

Conta Láctea é unha ferramenta posta en marcha pola Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación Juana de Vega dentro da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo.

Esta aplicación ten como finalidade facilitar a xestión empresarial das ganderías produtoras de leite galegas, permitindo aos gandeiros coñecer os verdadeiros costes de producción, algo imprescindible neste momento de encarecemento de pensos, gasóleo ou enerxía.

Ademais ese coste de produción por litro de leite, segundo a Xunta, debe servir para futuras negociacións coa industria, algo que dende a Consellería xa teñen solicitado ao Ministerio de Agricultura, para que se cumpra deste xeito o estipulado na Lei da Cadea Alimentaria, que impide a venda a perdas.

A vindeira semana comezan en Sergude e Monforte os cursos de formación económica para produtores de leite

O momento actual de incremento de custos de produción obriga a axustar os parámetros económicos das ganderías A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten programados para a comezar a semana vindeira dous novos cursos titulados Gandeiros 20-30, impulsando as competencias empresarias nas explotacións gandeiras, no marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego. Así, a que sería a cuarta edición desta iniciativa está previsto que comece o mércores 3 de novembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, no concello coruñés de Boqueixón, mentres a quinta edición se fixou dende o xoves 4 no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos. Ambos cursos perseguen, en primeiro lugar, facilitar aos participantes coñecemento e ferramentas útiles no campo do control e xestión de custos. Trátase, tamén, de facilitarlles unha visión e un potencial máis amplos no eido económico sobre a súa actividade gandeira e identificar proxectos conxuntos ou individuais que poidan ser susceptibles de apoio posterior por parte da Xunta. Optimización da xestión económica da explotación En total, o curso contempla seis módulos, que se desenvolverán noutras tantas sesións, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O programa da acción formativa aborda cuestións como a xestión integral do negocio na explotación gandeira, o control de custos a través do manexo da aplicación Conta Láctea e a elaboración de orzamentos, a optimización da xestión fiscal das explotacións, a innovación, o desenvolvemento de habilidades de negociación e os instrumentos financeiros para o crecemento e o desenvolvemento dos gandeiros, como empresarios que son. Así, con respecto á xestión do negocio, darase formación sobre temáticas como a cadea de valor láctea, a produción, a importación, a exportación e o consumo ou a evolución nos formatos máis demandados polo mercado. No que atinxe ao control de custos, avaliaranse tanto os propios da produción de leite ou carne como os derivados dos cultivos, así como os indicadores máis relevantes nunha explotación gandeira. En relación coa xestión fiscal, abordaranse cuestións coma os impostos de sociedades, sobre a renda ou sobre o valor engadido, así como o réxime xeral, simplificado e especial da agricultura, a gandaría e a pesca. Negociación dos contratos lácteos O módulo relacionado coa innovación contempla a formación partindo da distribución, da orixe, da calidade, da trazabilidade e tamén orientada cara ao consumidor. Así, formarase aos gandeiros en aspectos como os formatos, os sabores, a saúde e tamén en materia de cooperación para a innovación. No que ten que ver coas habilidades para a negociación dos contratos lácteos, o curso orientará aos gandeiros sobre o mellor xeito de afrontar estes procesos nas súas diferentes etapas e tamén sobre o seguimento da negociación, a xestión de concesións ou o peche da oferta. Este módulo está especialmente pensado para dotar aos participantes de ferramentas útiles na súa negociación sobre os prezos do leite cos compradores e a industria. Por último, no que respecta aos instrumentos financeiros, esta acción facilitará aos gandeiros ferramentas para a procura de alternativas financeiras a curto e longo prazo, así como información sobre instrumentos de financiamento específicos para cooperativas e plataformas para a captación de fondos. Inscricións A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este. O plan de accións formativas e de transferencia da Consellería do Medio Rural para este ano 2021 pode consultarse no seguinte enlace, onde tamén se poden descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que no caso destes dous cursos deben ser remitidas cubertas ao enderezo electrónico agacal@xunta.gal. As persoas que precisen consultar calquera dúbida poden chamar ao teléfono 881997276.

A Xunta ultima unha aplicación informática para que as granxas de leite calculen custos de produción

José Manuel Andrade, da Fundación Juana de Vega, explicando a Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo A Lei da Cadea Alimentaria establece que os prezos dos produtos agrogandeiros pagados en orixe deben cubrir os custos de produción. Pero, cales son eses custos de produción? No caso do leite, non existe ningún índice público de referencia que os estableza, polo que na práctica a sinatura dos contratos depende unicamente da negociación entre gandeiro e industria. Pero esa situación podería mudar a partir do vindeiro ano. A Xunta traballa nunha ferramenta informática que permitirá aos gandeiros calcular os seus custos de produción de xeito individualizado e obxectivo e, con todos eses datos, establecer o promedio de cal é o custo real de producir leite en Galicia. Sen embargo, non hai ningunha garantía de que as empresas que recollen leite na nosa comunidade estean dispostas a aceptar eses baremos de referencia. "Un obxectivo sería que puidesemos acadar o consenso a respecto de que esa ferramenta se tivese en consideración á hora de fixar o prezo nos contratos do leite, de maneira que se admitise ese custo de produción que establece a aplicación", afirmaba este venres José Balseiros, director xeral de Gandería da Consellería do Medio Rural, nun acto en Castro para explicar a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego da Xunta.
Aspiramos a que iso sirva para crear un índice público sobre custos de produción que despois se teña en conta nos contratos lácteos
Dentro desa Estratexia, presentada recentemente polo presidente da Xunta, figura precisamente como unha das 125 medidas a aplicar de aquí a 2025 esta ferramenta informática. "Fixemos un estudo con explotacións de distintos tamaños e segmentos para saber que datos sería preciso introducir e estamos xa na fase de desenvolvemento tecnolóxico da aplicación. Témola practicamente rematada e en poucas semanas poderemos estar en disposición de presentala. O que queremos é facilitarlle unha ferramenta a todos os gandeiros para que a través dunha aplicación informática poidan facer o cálculo do custo de produción do seu litro de leite", avanzou Balseiros.
Os últimos datos publicados sobre os custos de produción son do ano 2017, logo dun estudo elaborado polo Ministerio de Agricultura en só 6 ganderías de Galicia
"O primeiro obxectivo é que sexa unha ferramenta moi simple, de maneira que con moi pouca adicación e emprego de tempo os gandeiros poidan meter as facturas e catro datos e que iso de maneira practicamente automática lles ofreza uns datos que lles vai permitir non só saber canto lle custa producir cada litro de leite senón coñecer como teñen o sistema de amortización da maquinaria ou dos investimentos e ao mesmo tempo darlle información sobre que aspectos ten que mellorar da xestión da súa explotación a respecto doutras ganderías mediante uns índices de referencia", detallou. Marca Leite de Pastoreo de Galicia Outro dos obxectivos que a Xunta persegue a curto prazo é o de duplicar nos vindeiros cinco anos o volume de leite de produción ecolóxica na nosa comunidade. Neste momento hai en Galicia 109 ganderías de leite certificadas polo CRAEGA, cun total de 4.500 vacas, que producen 15.700 toneladas de leite ao ano, o que representa só o 0,6% do total do leite producido na nosa comunidade.
En Francia o 3,5% do leite está certificado como ecolóxico, igual que no Reino Unido (3,7%). En Dinamarca supera o 12%, en Suecia o 16% e en Austria ronda o 20%
Esa porcentaxe atópase moi por baixo da de outras rexións europeas de Francia ou o Reino Unido con condicións similares ás galegas para a produción de pastos, polo que a Xunta confía en incrementar eses niveis por medio dunha nova marca de calidade que rexistrará a vindeira semana para o Leite de Pastoreo de Galicia. Os GDR financiarán actuacións enerxéticas Outra das cuestións prácticas que modificará a nova estratexia da Xunta ten que ver cos criterios para a concesión de axudas por parte da Consellería do Medio Rural. As medidas de eficiencia enerxética nas explotacións, apoiadas neste momento polo Inega, pasarán a ter financiación tamén a través dos GDR.
Placas solares, miniaeroxeradores e separadores de purín entrarán dentro dos obxectivos do vindeiro PDR
"Adaptaremos as novas liñas de axudas que se saquen nos vindeiros exercicios dentro do Programa de Desenvolvemento Rural encamiñadas a que os titulares das explotacións poidan reducir o seu custo enerxético por exemplo instalando placas solares ou algún aeroxerador dimensionado para a explotación, así como para o tratamento de puríns", avanzou Balseiros. Tres novas Inleit? Pero quizais o obxectivo central da Estratexia láctea do Goberno galego para os vindeiros cinco anos sexa o de incrementar a transformación de leite en produtos de valor engadido en Galicia. Sen querer avanzar nomes, a Xunta di que mantén contactos con tres novas industrias do sector lácteo para que se implanten na nosa comunidade. "Desde o mesmo día da presentación por parte do presidente da Xunta estamos tendo chamadas de industrias importantes, algunhas xa implantadas pero outras que non teñen aínda presenza en Galicia, que mostraron o seu interese en instalarse aquí tendo en conta a alta capacidade produtora que ten a nosa comunidade e a gran profesionalización que ten o sector pero tamén pola seguridade que aporta a Xunta de Galicia con esta Estratexia, que é algo novidoso que non se está facendo en ningún sitio. Hai empresas xa implantadas que proxectan duplicar a súa capacidade de transformación pero houbo tamén tres chamadas de industrias que non están implantadas aínda en Galicia. O feito de que Galicia sexa unha comunidade xeradora de pastos é algo tamén atractivo para as industrias. A finalidade última da Estratexia é que lle suba o prezo en orixe aos produtores e para iso unha das conclusións principais é que hai que transformar máis e hai que facelo en produtos de alto valor engadido", defendeu Balseiros.
Gandeiros asistentes ao acto organizado por Agromuralla o pasado venres

Haberá axudas para instalar inxectores de purín nas cisternas?

Un dos motivos de preocupación actuais para o sector produtor de leite está nos cambios normativos que se aveciñan para a aplicación de xurros. Trala presentación do novo Real Decreto de fertilización sostible por parte do Ministerio a Xunta presentou unha serie de alegacións que non foron aínda respostadas. "Houbo unha reunión vía videoconferencia co Ministerio para falar das alegacións presentadas pero de momento non temos resposta oficial. Non estamos en contra de que se regule a aplicación dos puríns dunha forma ordenada, porque todos os fondos europeos, tanto da PAC como do PDR van a vir revestidos sobre todo dese traxe de sostenibilidade medioambiental, polo que hai que camiñar cara aí, pero hai que dar unha marxe, hai que dar axudas e hai que ter en conta as peculiaridades de cada comunidade autónoma, porque as condicións de Galicia, igual que as do resto da cornixa cantábrica, non son coincidentes coas das comunidades do centro e sur de España", defendeu Balseiros. A Consellería pide tamén que haxa unhas axudas para que os titulares das explotacións poidan acollerse a elas para que lles supoña "menos quebranto económico" adaptar os seus equipos para as novas aplicacións de xurros conforme á norma e que se teñan en conta determinados usos que se veñen facendo na nosa comunidade autónoma, como pode ser o pastoreo, que minimiza o impacto medioambiental das dexeccións dos animais. "A Xunta está disposta a habilitar unha liña de axudas, pero pedímoslle ao Ministerio que tamén se implique, xa que é o Goberno central o que impón esta norma", argumentou o director xeral de Gandería, que admitiu sen embargo que estas hipotéticas axudas, por mor dos prazos administrativos, non estarían resoltas e concedidas, cando menos, até mediados do vindeiro ano. Aprazamento Por iso, a Consellería ten solicitado ao Ministerio un aprazamento da entrada en vigor do novo Decreto o vindeiro 1 de xaneiro. "Solicitamos que se espere a xuño para aplicalo para ter definidos os novos criterios da PAC e o PDR. As solicitudes da nova PAC abriranse o 1 de febreiro e estarían resoltas en xuño. O problema é que se o decreto entra en vigor pode haber gandeiros prexudicados nas axudas porque incumprirían e veríanse penalizados. E preocúpanos como pode afectar na condicionalidade reforzada da nova PAC, por iso pedimos que non se empece a aplicar até que estean definidos os futuros ecoesquemas", defendeu Balseiros.
Preocúpanos como pode afectar na condicionalidade reforzada da nova PAC, polo que pedimos que non se empece a aplicar até que estea definida a nova PAC e os futuros ecoesquemas
As explotacións de leite galegas reciben anualmente uns 120 millóns de euros da PAC, 96 deles a través do primeiro pilar e 24 do segundo, o que supón unha media de 15.000 euros por explotación, que equivalen ao 10% dos seus ingresos. "Agardamos que haxa sensibilidade con este tema por parte do Goberno central, porque sería especialmente traumático para as pequenas explotacións, que teñen unha capacidade investidora limitada e podería poñerse en risco a súa viabilidade económica", alertou. Balseiros pediu "que non se criminalice ao sector, porque non é o mesmo o sector do porcino que o do vacún e dentro do vacún hai explotacións de distinto tipo e non se están tendo en conta as prácticas en extensivo ou de pastoreo nas valoracións que está facendo o Ministerio", insistiu. En busca de financiamento para as catro plantas de tratamento de xurros Sobre o anuncio da Xunta de crear catro plantas para tratamento de puríns nas principais comarcas gandeiras (Terra Chá, O Deza, Xallas e A Limia), Balseiros indicou que o Goberno galego está neste momento tratando de captar fondos europeos para financiar a súa construción con cargo ao orzamento estraordinario da UE destinado a paliar os efectos da actual pandemia sanitaria. Isto fará que, aínda que inicialmente se descartaba a produción enerxética para que tivesen un menor custo, "neste momento iso cambiouse e contémplase o aproveitamento enerxético porque é algo que está dentro dos obxectivos que fixan estes fondos europeos Next Generation", xustificou.

Xornada informativa este venres en Castro sobre a normativa de puríns e o Plan do Sector Lácteo

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla organiza este venres, 11 de decembro, no salón de actos da Casa da Cultura de Castro Riberas de Lea (Castro de Rei) unha xornada informativa sobre o novo Decreto estatal sobre fertilización sostible, que afecta a cuestións fundamentais para as explotacións leiteiras, como por exemplo o abonado con xurro, e sobre as medidas incluídas na Estratexia da Xunta para o sector lácteo galego, que acaba de ser presentada. A cita será ás 11:00 horas e comezará coa benvida ao asistentes do presidente de Agromuralla, Roberto López. A causa da pandemia sanitaria por mor do coronavirus, o aforo está limitado a 60 persoas. O acto proseguirá cunha conferencia do director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, sobre “O decreto de nutrición sostible do solo: o purín”. A continuación, ás 12:00 horas, intervirá o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, que explicará a “Estratexia para o Sector Lácteo Galego: 2020/2025”. Esta xornada informativa está organizada por Agromuralla en colaboración coa Fundación Juana de Vega e a Consellería do Medio Rural e forma parte da xira que o Goberno autonómico está levando a cabo por cooperativas e asociacións agrarias para falar destes temas. 

Obxectivo de recuperación de terras para o leite, 35.000 hectáreas

O sector leiteiro galego presenta importantes fortalezas, pois é a décima rexión de toda a Unión Europea en produción de leite, pero tamén ten debilidades significativas. Entre elas, salienta a escasez de base territorial en Galicia en comparación coas grandes rexións lácteas de Europa. Cada granxa galega ten de media 25 hectáreas, repartidas nunhas 60 parcelas, cunha superficie de 0,4 hectáreas por finca. Un informe elaborado polas Universidade de Santiago e pola Uvigo considera que o sector lácteo galego podería aumentar a súa superficie agraria útil nunhas 53.600 hectáreas, o que suporía un crecemento dun 26,5%. Existen en toda Galicia arredor de medio millón de hectáreas abandonadas que son recuperables para o agro, segundo ese informe, das cales 110.000 corresponden a terras aptas tanto para cultivos como para prados, e o resto sería apta, en diferentes graos, para prados. As principais terras abandonadas de valor, aproveitables para cultivos e prados, sitúanse no occidente da provincia da Coruña (ver mapa), en tanto un segundo nivel de terras válidas para prados poderíase recuperar tamén na zona occidental de Lugo, no interior da Coruña e en zonas con menor tradición leiteira, como o val do Miño ou Verín, que terían capacidade para acoller novos proxectos lácteos (ver mapa). Terras abandonadas con aptitude para cultivos e prados (mapa da esquerda) e para prados (mapa da dereita). En consonancia con ese escenario, o Plan Estratéxico 2020 – 2025 para o sector lácteo propón a recuperación de 35.000 hectáreas de terras agrarias para as granxas de leite. Esa medida permitiría que as granxas galegas continuasen a medrar nos próximos anos cunha menor dependencia de compras de alimento externo. O aumento da base territorial sobre terras abandonadas posibilitaría reducir ademais a presión de carga gandeira, que é especialmente significativa nos 20 concellos galegos con maior produción láctea, pois sitúase en arredor de 2,05 unidades de gando maior por hectárea, existindo nalgún deles cargas próximas a 3 unidades por hectárea.

Principais concellos en produción de leite

O ránking dos 10 concellos con maior produción de leite encabézao Mazaricos, seguido da Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito e Mesía. Se a estes concellos se lle une tamén a produción dos dous seguintes, Guntín e Pol, a suma da produción destes doce concellos supera en produción a Castela e León, segunda comunidade autónoma con maiores entregas de leite en España. A explotación media de Galicia produce 340 toneladas de leite ao ano, con 42 vacas e 22 becerras en recría.

Transmisión de granxas sen relevo

O Plan Estratéxico do Sector Lácteo Galego, coordinado pola Fundación Juana de Vega, marca outro obxectivo importante en relación coa base territorial, como é o de promover a continuidade de granxas viables sen relevo xeneracional. Con esta medida trataríase de evitar a perda de superficie agraria e de investimento produtivo realizado. Arredor do 40% das granxas galegas teñen como titular a unha persoa de máis de 55 anos que, no caso de non ter sucesión, pechará nos próximos dez anos. Un factor que dificulta a transmisión das explotacións é a súa forma xurídica, pois na maioría non hai separación do patrimonio persoal co das explotacións. O 71% das granxas son titularidade de persoas, un 21% de sociedades civís, un 3,5% Sats, un 0,7% cooperativas e só un 1’8% ten unha forma xurídica mercantil, como unha sociedade limitada. Na presentación do Plan Estratéxico do Sector Lácteo, realizada recentemente, a Xunta reiterou a súa intención de crear un Banco de Explotacións para promover o relevo de granxas que cesan na actividade sen substitución.

Aumento do pastoreo e da produción ecolóxica

De xeito paralelo ó aumento de base territorial, o Plan Extratéxico considera que é posible para parte das granxas reorientar a súa produción cara modelos máis sostibles. Nunha enquisa realizada a gandeiros, só o 4,6% manifestou producir en base a pastoreo, pero un 28% dos enquisados considera que podería pasarse a ese tipo de produción ou a ecolóxico. A porcentaxe aumenta en granxas pequenas, cun sistema máis facilmente adaptable. En canto á produción ecolóxica, que na actualidade representa o 0,6% da total, o Plan entende que é posible duplicar esa porcentaxe nos próximos cinco anos.

Formación e calidade de vida no rural

Outros dous obxectivos estratéxicos do Plan ligados co tecido produtivo sitúanse na formación e na mellora da calidade de vida no rural.
  • Formación. A formación do colectivo de profesionais gandeiros considérase indispensable, tanto en termos técnicos como a nivel de xestión empresarial e comercial. O Plan entende que é un elemento imprescindible de competitividade para adaptarse a un mercado cambiante. En Galicia, na enquisa realizada a gandeiros, dúas terceiras partes teñen estudos primarios ou secundarios, en tanto un 10% ten tamén Bacherelato, un 20% formación profesional e un 4% formación universitaria. Das persoas con formación profesional, só un terzo estudou unha familia agraria, en tanto que na formación universitaria un 38% correspóndese á rama agraria. Son números que poñen de manifesto a insuficiente formación do agro en cuestións técnico – produtivas e de xestión empresarial. Por outra banda, o curso modular de incorporación á empresa agraria, requerido polas axudas de incorporación, é valorado en xeral de xeito negativo polos gandeiros, pois un 27% considera que a formación recibida non é axeitada, un 82% pide máis especialización en temas de leite, un 85% máis formación en xestión empresarial e un 67% máis formación práctica.
  • Mellora da calidade de vida no rural. Un dos aspectos que contribúe a manter o atractivo do rural para as persoas mozas é a existencia de servizos de calidade, a distancias prudentes, que garantan unha calidade de vida. Nas mesas de traballo realizadas con axentes do sector, púxose de manifesto a necesidade de servizos como gardarías, colexios, médicos ou servizos de atención á terceira idade. Outro aspecto imprescindible hoxe en día nas granxas é o acceso a tecnoloxías da información e comunicación.