Archives

Cadea de custodia, madeira certificada do monte ó consumidor

A certificación forestal está a medrar de xeito progresivo en Galicia pola esixencia dos mercados internacionais. O consumidor quere garantías de que a madeira ou papel que utiliza procede dunha xestión sostible do monte, cuestión que se garante a través dos selos de certificación forestal FSC ou PEFC, visibles no produto final. Falamos co Grupo Alvariza, un dos que opera en Galicia no ámbito da certificación forestal, para coñecer máis do proceso de certificación da cadea de custodia.

A cadea de custodia garante a trazabilidade da madeira certificada que se extrae do monte, de xeito que haxa un seguemento da mesma desde o cargadeiro a pé de monte ata o consumidor final. Todos os operadores que interveñen no proceso, desde o rematante que corta a madeira no monte ata o aserradoiro e a industria que transforma a madeira, teñen que estar certificados na cadea de custodia.

“Basicamente, a cadea de custodia obriga a levar un rexistro de todas as entradas e saídas de madeira, con indicación da que está certificada, sempre coa xustificación dos correspondentes documentos de orixe”,explica Raquel González, de Asefor, a firma que xestiona o Grupo de Certificación Alvariza.

Trazabilidade
Tanto FSC como PEFC ofrecen diferentes sistemas para garantir a trazabilidade na cadea de custodia, de cara a que cada empresa escolla o que mellor se adapta a súa actividade. Deste xeito, por exemplo un aserradoiro non terá que separar fisicamente o material certificado do que non o é, podendo utilizar un sistema de créditos para a venda de material certificado. Canta maior sexa a cantidade de madeira certificada introducida na cadea, maiores serán os créditos dos que disporá a liña de produción.

O sistema é “sinxelo”, valora o Grupo de Certificación. “A nosa filosofía é que a cadea de custodia non lle supoña unha carga ás empresas. Tratamos de solucionarlles o traballo e que non lles supoña un esforzo engadido a maiores, ou o menos posible” -subliña Raquel González.- “O asesoramento é continuo, ben en persoa ou telefonicamente, e encargámonos de todas as tramitacións e auditorías internas, cando tocan. Tamén acompañamos á empresa nas auditorías externas que fan tanto FSC como PEFC”, detallan.

En caso de rematantes ou pequenos autónomos que non estean afeitos a levar un rexistro dixital das entradas e saídas de madeira -cuestión esixida na cadea de custodia FSC-, o Grupo Alvariza incluso se ocupa da xestión do rexistro dixital.

Certificación dobre
A certificación adóitase facer sempre dobre, tanto no selo FSC como PEFC, a fin de que a empresa poida satisfacer a demanda de calquera cliente. “O sistema de certificación funciona á inversa. O cliente final é o que fai presión sobre toda a cadea, ata chegar ó propietario forestal, en demanda de madeira certificada. Nun principio, a certificación comezou co eucalipto, pois os selos FSC e PEFC son hoxe en día imprescindibles na venda internacional de pasta de papel, pero na actualidade a demanda da certificación estase extendendo ó piñeiro. As industrias e os aserradoiros teñen clientes que xa lles demandan, por exemplo, taboleiros ou palés de madeira certificada”, apunta Raquel González.

Impulso á dobre certificación FSC e PEFC dos montes galegos

O Grupo Galego de Certificación Forestal e Cadea de Custodia, creado polas asociacións empresariais da madeira, ultimou o proceso para poder certificar unha mesma parcela forestal baixo os dous principais sistemas internacionais, o PEFC e o FSC. A dobre certificación poderase facer dun modo “áxil, sinxelo e económico” para propietarios e empresas, segundo destaca o grupo de xestión forestal. Esa posibilidade dunha dobre certificación permite que os propietarios se adapten ás necesidades das empresas, que a través dos selos FSC e PEFC melloran as posibilidades de exportación. A maior parte dos propietarios que forman parte do Grupo Galego de Certificación Forestal adscribíronse ata o de agora ó selo PEFC, que conta con 11.460 hectáreas de máis de 7.100 propietarios; en tanto o grupo FSC ten 32 propietarios con 118 hectáreas. O tamaño medio das parcelas en ambos os casos ronda as 0,5-0,6 hectáreas. O Grupo, que vén de superar a primeira auditoría de seguemento de FSC e renovou a PEFC, aspira agora a impulsar a dobre certificación nos próximos anos.
Os 7.100 propietarios que conforman o grupo suman arredor de 11.500 hectáreas certificadas
O traballo do Grupo Galego de Certificación Forestal céntrase nos pequenos propietarios forestais, maioritarios no monte galego. O Grupo, nado no 2010, deseñou plans de xestión conxunta para as pequenas propiedades das distintas comarcas xeoforestais en que dividiu Galicia (costa norte, costa atlántica, meseta interior, etc.). Os plans conxuntos permiten un abaratamento do proceso de certificación e facilitan o acceso do minifundio ós selos FSC e PEFC. Actualmente, os propietarios do 70% dos concellos de Galicia poderían acceder a un destes plans, segundo destaca o Grupo Galego en nota de prensa. Os xestores do Grupo Galego de Certificación Forestal preséntano como líder en España na certificación do minifundio. En Galicia, a certificación forestal está implantada en arredor do 12% da superficie forestal, maiormente en montes veciñais conveniados coa Administración autonómica, aínda que de xeito progresivo tamén vai gañando peso a certificación dos pequenos propietarios. O Grupo Galego impulsado polas empresas madeireiras xestiona arredor do 7% do monte certificado en Galicia. Para a industria do sector, o impulso á certificación forestal na comunidade é un proceso clave, xa que hoxe en día os selos PEFC e FSC son imprescindibles para o acceso da madeira e dos seus produtos (pasta de papel, mobles, etc.) ós mercados internacionais.

A facturación da industria galega da madeira medra un 4,5 %

Confemadera Galicia, a patronal de empresas do sector, vén de presentar o informe anual de resultados correspondentes ó 2014, no que se constata un aumento da facturación da industria nun 4,5 % en relación ó 2013, ata acadar os 1.744 millóns de euros. Tódolos sectores da corta e primeira transformación da madeira melloraron as súas cifras, con un total de facturación que se achega ós 1.400 millóns de euros; se ben o sector do moble experimentou unha leva caída do 3,5 %, ata situarse nos 358 millóns. O monte galego cortou no 2014 arredor de 7,5 millóns de metros cúbicos de madeira, segundo as estimacións de Confemadera, o que supón unha redución de 300.000 metros cúbicos en relación ó 2013. Do total, 3,75 millóns correspondéronse a eucaliptos, 3,45 millóns a pinos e 260.000 a frondosas caducifolias. Máis de 70.000 familias cortaron madeira no último ano, o que lles supuxo uns ingresos duns 280 millóns de euros, segundo cálculos de Confemadera. A cifra dá unha idea do potencial do monte para complementar as economías domésticas. A comparativa de cifras tamén pon de manifesto os altos custos que representa para o propietario a corta e saca da madeira. O sector dos rematantes, encargado desta labor, facturou no 2014 uns 404 millóns de euros, segundo estimacións da patronal. Demandas En Galicia operan no sector da industria e da madeira arredor de 3.000 empresas que dan traballo directo a 20.000 persoas. Confemadera Galicia, a patronal que agrupa á maioría do sector, incidiu na presentación do informe 2014 nas boas cifras acadadas, aínda que apuntou a necesidade dunha mellor xestión do monte que consolide o potencial forestal galego. Entre as eivas do monte, o presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, apuntou á existencia dunhas 600.000 hectáreas improductivas –dun total de 2 millóns de hectáreas de monte-, que poderían ser aproveitables forestalmente. Confemadera Galicia mantén nás últimas semanas un enfrontamento coa Xunta polo que entende como falta de solución ás necesidades do monte. Ojea lamentou na presentación do informe non ter ningunha resposta da Administración as súas demandas.

A certificación forestal medra en Galicia un 80% nos últimos 5 anos

A facturación do sector forestal galego desplomouse desde o inicio da crise, no 2007, en torno a un 30 por cento; pero as empresas madeireiras foron sen embargo capaces de aumentar as súas exportacións nos últimos anos. Esa aparente contradicción de subir nas vendas ó exterior en plena caída do mercado doméstico explícase en parte polo impulso que está a rexistrar en Galicia a certificación forestal, unha ferramenta clave para o acceso da madeira e da pasta de papel ós mercados internacionais. Nos últimos 5 anos, a superficie forestal certificada na comunidade medrou nun 80%. En Galicia operan dous sistemas de certificación forestal, o PEFC, consolidado desde hai máis dunha década, e o FSC, que está experimentando unha forte expansión nos últimos anos. Entre as dúas marcas suman na actualidade arredor de 180.000 hectáreas certificadas na comunidade, cando hai pouco máis de 5 anos, a finais do 2009, rondaban as 100.000.
O eucalipto para pasta de papel é o punto forte da certificación forestal. Ence paga máis por madeira FSC ou PEFC
Os sistemas de certificación forestal tratan de garantir unha xestión do monte que sexa ambientalmente sostible. Os propietarios que queren certificar os seus montes deben contar cun plan de xestión validado ben polo sistema PEFC, ben polo FSC, e someterse a auditorías de cumprimento. Esa certificación forestal permite que as empresas madeireiras e de pasta de papel poidan logo comercializar os seus produtos cos selos PEFC ou FSC, que nun inicio representaban un ‘plus’ de marketing e que hoxe en día son xa unha obriga para acceder a boa parte dos mercados internacionais. Sobreprezo no eucalipto Para o propietario, a certificación forestal representa inicialmente un custo, se ben á hora da venda da madeira, o certificado adoita xerar un valor engadido que supera ó gasto previo. Ence, por exemplo, paga un sobreprezo pola tonelada de eucalipto certificada con FSC de 6,5 euros e de 2,75 para a certificada con PEFC (segundo as últimas tarifas publicadas na súa web, correspondentes ó 2014). O eucalipto para pasta de papel é precisamente o punto forte da certificación forestal, tanto en Galicia como no resto do mundo. O sistema FSC calcula que o 39% de todas as compras de madeira certificada a nivel mundial realízana as empresas papeleiras, en tanto outro 25% corresponderíase coas firmas de taboleiros e aserrado. “O eucalipto podemos dicir que é o produto estrela da certificación forestal, pero en Galicia tamén traballamos en piñeiros e noutras especies como bidueiros, castiñeiros ou carballos”, explica Marcos Estévez, técnico de FSC en Galicia, que onte interviu nunha xornada organizada por FSC en Santiago para promover a certificación forestal. Montes de xestión pública A maior parte da superficie forestal certificada correspóndese en Galicia con montes xestionados pola Xunta de Galicia a través de convenios ou consorcios con comunidades de montes veciñais. Das 180.000 hectáreas certificadas na comunidade, arredor de 100.000 hectáreas son montes de xestión pública co sistema PEFC. As outras 80.000 hectáreas repártense entre montes veciñais e pequenos propietarios particulares, 55.000 hectáreas no sistema PEFC e 29.000 no FSC.
Galicia é a quinta comunidade do Estado en hectáreas certificadas
Os grupos de xestión forestal promovidos polas asociacións de propietarios forestais e polas industrias experimentaron un especial impulso nos últimos anos, con casos nos que mesmo se promove a dobre certificación PEFC e FSC. En PEFC pasouse dunhas 100.000 hectáreas certificadas no 2009 a unhas 155.000 na actualidade, en tanto en FSC das 2.000 hectáreas certificadas no 2009 chegouse ás 29.000 do 2015. Galicia é a segunda comunidade en certificación FSC en España, só por detrás de Andalucía. Ranking español En global, na suma das hectáreas certificadas con PEFC e FSC, Galicia sitúase no ranking español como quinta comunidade, cun 12% da súa superficie arborada baixo sistemas de control. En España, sobresae o caso de Castilla y León, con arredor dun 40% de súa superficie forestal certificada, unha porcentaxe similar á marcada no 2009 como obxectivo para Galicia pola patronal galega de empresas da madeira, Confemadera Galicia, que considera insuficientes os avances experimentados nos últimos anos, sobre todo en canto á certificación de montes de xestión pública. Cadea de custodia Os sistemas PEFC e FSC, ademais de auditar a xestión do monte, tamén operan a nivel industrial de cara a garantir a trazabilidade da madeira empregada. En Galicia, hai 199 industrias que contan co certificado PEFC e outras 114 que dispoñen do certificado FSC para a cadea de custodia.

A Xunta, sorprendida polas críticas da patronal da madeira

A decisión de Confemadera Galicia de rachar relacións coa Xunta de Galicia sorprendeu no executivo autonómico. O Goberno galego di non entender esa decisión e fai un repaso das medidas lexislativas e orzamentarias que emprendeu desde o 2009 para defenderse das críticas da patronal da madeira, que acusaba á Xunta de pasividade ante as medidas que entende que precisa o monte galego. A Administración autonómica destaca en nota de prensa medidas como a aprobación da Lei de Montes en xuño do 2012, así como de posteriores decretos que regulan os aproveitamentos do monte e a ordenación e xestión forestal. No apartado orzamentario, a Xunta sostén que no periodo 2009-2014 destinou 170 millóns de euros a accións forestais e de loita contra os lumes. En canto á relación con Confemadera, a Xunta asegura que desde outubro pasado mantivo alomenos 8 xuntanzas coa entidade, polo que di non entender as acusacións de “falta de atención”. Doutro lado, a Administración autonómica considera que o presidente de Confemadera debería comprender os prazos e tempos que require o traballo das administracións públicas, “xa que el mesmo foi delegado en Ourense dunha consellería” (delegado de Política Territorial, na época de Fraga).

A industria forestal pide autorizar máis carga nos camións das cortas

Os camións de transporte forestal poden cargar en España ata 40 toneladas. En países veciños como Portugal, a cifra ascende a 60 toneladas, e en Francia ata 57 toneladas. A industria da madeira considera que a carga máxima en España débese equiparar á doutros países de Europa, xa que entende que non existen motivos para unha restricción maior. Confemadera Galicia, a patronal do sector na comunidade, participa da reclamación que se lle presentou recentemente ó Goberno en tal sentido. O presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea, incide en que a autorización dunha maior carga para os camións das cortas repercutiría nun aumento da competitividade de toda a cadea, desde o propietario ata a empresa de transformación da madeira. “Calculamos que con esta medida os custos pódense reducir nun 20%. É unha cuestión de futuro –valora-. Se temos unha maior competitividade, poderase mellorar o prezo da madeira e iso repercutirá en ter un bosque máis axeitado para as cortas, con madeira de máis calidade”, defende.
"Os custos pódense reducir nun 20%. É unha cuestión que beneficiaría a toda a cadea" (Elier Ojea. Confemadera Galicia)
A industria forestal pide que a carga máxima autorizada dos camións sexa a que figura na súa ficha técnica, cun máximo de 48 toneladas para camións de 5 eixes e de 57 toneladas para os de 6 eixes. Actualmente en España circulan cada día arredor de 2.500 transportes procedentes das cortas, que poderían reducirse ata 1.300, segundo estimacións das empresas forestais. Esa baixada, destacan, repercutiría nunha maior competitividade do sector e na reducción de emisións de gases de efecto invernadoiro. Contexto galego A rede galega de estradas secundarias, que presenta vías con limitacións de tonelaxe ou con particulares dificultades de maniobrabilidade, cuestiona a posibilidade dunha aplicación xeralizada do aumento de tonelaxe, se ben, desde Confemadera Galicia consideran mínimos os posibles problemas. “En aqueles lugares con dificultades, poderíanse establecer os cargadoiros nos puntos máis idóneos e dialogar co titular da vía sobre as posibles limitacións”, explica Elier Ojea. “Tampouco se trata de que todos os camións cheguen a cargarse con eses topes, pero si de que exista a posibilidade cando sexa operativo”. Confemadera Galicia destaca tamén que as empresas de transporte forestal están de acordo coa medida e opina que a nova norma podería implantarse de xeito progresivo, de cara a que a flota de camións se prepare para as novas condicións. Da reunión que mantiveron recentemente as asociacións do sector con representantes do Goberno para trasladarlles a petición, Ojea extrae conclusións positivas. “Quedaron sorprendidos da situación. A directiva europea sobre transporte permite que cada estado membro regule de xeito interno o transporte forestal. Eles pensaban que lles iamos pedir unha excepción da normativa, pero non se trata diso, senón de equiparar a situación de España coa doutros países da UE. Se en Portugal, poden cargar ata 60 toneladas, penso que en Galicia non temos por que ter máis limitacións”, conclúe.