Archives

Pode ser o piñeiro taeda unha alternativa ao radiata en Galicia?

Monte de piñeiro taeda en Texas, nos Estados Unidos / FOTO: Ronald F. Billings (Texas A&M Forest Service) A banda marrón segue a facer estragos nas masas de piñeiro radiata en toda a cornixa cantábrica, tamén en Galicia. Outras comunidades como Asturias ou País Vasco están xa a introducir en monte especies alternativas ó piñeiro radiata, ante a magnitude da situación, se ben ese plantexamento en Galicia está nos seus inicios. No País Vasco apóstase tanto polo piñeiro do país, o'Pinus pinaster', (sobre todo en Biscaia) como pola Cryptomeria japónica (máis na zona de Gipúzcoa), mentres o Goberno do Principado de Asturias anunciou a principios de abril que autorizará as repoboacións con seis novas especies de coníferas (Pinus taeda, Crytmoneria japónica, Cedrus líbani, Cedrus atlántica, Sequoia sempervirens e Sequoiadendron giganteum) para dar alternativas de repoboación aos propietarios forestais de montes de piñeiro radiata afectados pola banda marrón.
O Principado comezará este mesmo ano a repoboar con piñeiro taeda os montes públicos danados
Dentro do seu plan contra a enfermidade, o Goberno asturiano quere fomentar as replantacións daquelas masas que haxa que cortar por estaren máis afectadas. O novo catálogo autonómico de coníferas é o resultado dun estudo encargado polo departamento de Medio Rural ao Centro Tecnológico y Forestal de la Madera (Cetemas). Coa mirada posta no piñeiro taeda En Galicia a busca de alternativas ao piñeiro radiata resistente a enfermidades como a banda marrón e o nematodo está centrada tanto en especies de coníferas locais, como o Pinus pinaster, como foráneas, como a Cryptomeria japonica ou a Sequoia sempervirens. De todas elas, o piñeiro taeda (tamén coñecido como piñeiro amarelo ou Pinotea) está a espertar moito interese e a centrar xa os esforzos dalgúns viveiros da comunidade. Por exemplo, Viveiros Franco, de Abadín, comercializa desde fai 4 anos taeda procedente de Francia e Viveros Mañente, de Foz, está comezando a seleccionar e ensaiar variedades procedentes de EEUU.
O piñeiro taeda é quizais o que máis se adapta ás necesidades da industria, por ser unha variedade intermedia, en canto a crecemento e calidade, entre o pinaster e o radiata 
Malia que existe pouca experiencia sobre o seu cultivo, máis aló dalgunhas plantacións existentes na comarca de Bergantiños ou en Frades, desde o sector forestal hai grandes expectativas postas nas posibilidades do taeda como especie substituta do radiata, coa cautela que supón sempre traballar con material vexetal a 25 ou 30 anos vista. Existen tamén outras experiencias no País Vasco, que contaba no ano 2022 con 194 hectáreas de taeda, e en Navarra, con repoboacións levadas a cabo en Goizueta no ano 2016 con planta de procedencia da rexión atlántica francesa. Ecoloxía e características Orixinario do surleste dos EEUU, o piñeiro taeda esténdese por unha ampla zona que abrangue unha ducia de Estados, desde Texas a Virxinia, chegando a Florida polo sur. O clima varía entre continental, atlántico temperado e tropical húmido. A resistencia ao frío invernal depende da procedencia, aínda que polo xeral trátase dunha especie sensible ás xeadas temperáns do outono. Pode medrar en solos de diversa natureza, aínda que prefire os solos profundos e húmidos, que reciban suficiente aporte de auga (800mm repartidos ao longo de todo o ano), aínda que non tolera os solos encharcados.
O piñeiro taeda require de ambiente húmido e tolera mal a seca e as xeadas
Medra mellor en solos moderadamente ácidos, e as súas condicións óptimas de crecemento son veráns longos con abundantes precipitacións e solos fértiles. Nesta situación manéxanse turnos de corta de 25 anos, semellante ao do piñeiro radiata. A súa utilización como especie forestal gañou peso en zonas adecuadas de Sudáfrica, Australia, Brasil ou Arxentina. En canto ás propiedades da madeira, ten elevados valores de resistencia ao desgaste e trátase dunha madeira semilixeira e estable, características que a converten na madeira estrela en construción nos EEUU, moi apreciada para uso estrutural, carpintería interior e recubrementos decorativos. Tamén se fai taboleiro contrachapado e pasta de papel.

“Estamos falando unicamente de cambiar unha especie foránea de produción por outra; é unha vía que vale a pena explorar”

Jacobo Feijóo, secretario xeral da Asociación Sectorial Forestal de Galicia (Asefoga), non ve problema a “cambiar unha especie foránea de produción de madeira por outra” e lembra que o radiata (tamén coñecido como piñeiro de Monterrei) “tamén veu de América”. “É unha vía que vale a pena explorar se con iso se resolve o problema actual das enfermidades fúnxicas do piñeiro”, di. Pero insiste na necesidade de facer ensaios non só de crecemento, senón tamén de resistencia efectiva a enfermidades. “É necesario contrastalo coas outras pragas como a procesionaria e o perforador do piñeiro e ver como se comportan as distintas procedencias porque a epixenética interfire co ambiente”, indica. “Na súa zona base o piñeiro radiata desenvolvía moi pouco, era como un arbusto, pero unha vez sacado de alí empezou a desarrollar 30 metros de altura”, lembra.
Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación como estudos in vitro ou probas de marcadores xenéticos que poden adiantar os resultados
“O piñeiro insigne é unha especie moi mellorada desde o punto de vista xenético e moi adaptada ás nosas condicións ambientais, con crecementos de 25 a 35 metros cúbicos por hectárea ao ano en parcelas da zona centro de Lugo. No caso do taeda non existe base de coñecemento para tomar unha decisión e iso leva tempo”, recoñece. Avoga por empezar liñas de traballo para ir adiantando algúns datos e asegura que hai resultados que se poden adiantar in vitro e tamén probas de marcadores xenéticos. “Hoxe en día hai técnicas alternativas á propia plantación e espera e iso permite acurtar tempos, pero ao final as parcelas de ensaio de produción son as que permiten testar en condicións reais as distintas procedencias”, afirma.  
Cambiar o piñeiro radiata polo taeda non supón problema algún para a industria asentada en Galicia
En canto a características como tamaño de fibra ou resistencia, Jacobo ve compatible a madeira de taeda coa industria actual asentada en Galicia e os usos principais que se dan ao piñeiro na comunidade, principalmente para táboa aserrada e para taboleiro. Non esquecerse do pinaster,  unha “superespecie” O secretario xeral de Asefoga propón tamén seguir mellorando o piñeiro do país. “O pinaster é unha super especie, resistente á seca e ás enfermidades; agás fronte ao lume, pode con todo”, asegura. “O pinaster é moi plástico, dáse en zonas atlánticas e mediterráneas; co taeda pasa un pouco o mesmo, polo que tamén pode haber diferenzas importantes de produción en función das zonas. Para o pinaster a media de idade sitúase nos 32 anos, chegando aos 40 en función da calidade do solo, de se está en zona de costa ou de interior e da altitude (a partir de 900-950 metros recoméndase sylvestris)”, explica.
O radiata aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido
Pero co pinaster, di, “podemos andar na metade de produción con respecto ao radiata, uns 15 metros cúbicos/hectárea, 300 toneladas no final de turno, fronte ao radiata, que nun turno de 25 anos aporta máis produción e maiores grosores, o que permite ir a outros usos de maior valor engadido”, destaca.

“Temos plantacións de taeda na parte baixa de Bergantiños e en Frades nas mesmas ubicacións que o radiata”

Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia, destaca que “o taeda está estudado e experiemntado como unha das especies de conífera que presenta maior resistencia ás bandas”.  “A especie máis afectada é o piñeiro radiata pero tamén hai masas afectadas de pinaster e pseudotsuga, aínda que son máis resistentes ao patóxeno, polo que as medidas preventivas se centran neste momento no radiata”, explica. En Galicia existen xa algunhas plantacións de taeda na parte baixa da comarca de Bergantiños ou en Frades, aínda que non está clara a súa procedencia. Trataríase de masas de taeda e radiata nas mesmas ubicacións, que permiten comparar ambas especies.  
Hai que importar sementes das estacións máis similares a Galicia e facer estudos de aclimatación
“Paréceme que é unha especie moi interesante pero hai que facer estudos de aclimatación en Galicia e analizar ben a procedencia. E isto non o temos e ese é o risco, porque o taeda é pouco resistente á xeada, porque son de zonas subtropicais ou tropicais”, salienta o director da AFG. “Está moi mal estudada a ecoloxía do taeda no seu lugar de procedencia. É un dos piñeiros amarelos do surleste dos EEUU, pero é unha zona moi ampla onde hai moita variabilidade, tanto clima de media montaña como case tropical. Hai que importar a semente das estacións máis similares a Galicia”, indica.
O taeda ten unha madeira moi similar aos nosos piñeiros, é resistente ás bandas e tamén ao nematodo
O taeda é un piñeiro de crecemento rápido, cun turno de corta como o radiata ou lixeiramente inferior. Non existen polo momento cortas comerciais de taeda na comunidade pero a madeira sería semellante á das especies de piñeiros xa existentes. Outras alternativas Francisco Dans salienta que o piñeiro taeda non sería a única alternativa existente para substituír ao radiata, senón que hai outras coníferas con presenza xa en Galicia que son resistentes ás enfermidades fúnxicas. “O pinaster é máis tolerante ás bandas que o radiata pero ten o problema do nematodo, aínda que temos xa unha serie de familias resistentes ao nematodo que nos permite ser optimistas”, valora.
Coa banda vermella levamos convivindo 40 anos, preocúpame máis a banda marrón
“A pseudotsuga é bastante tolerante tamén e témola xa en Galicia. O problema é que medra máis lento que os nosos piñeiros e é mais exixente coa estación. A secuoia tamén é resistente, pero esixente en canto a solos”, describe. “Posibilidades temos pero entre que un planta e hai madeira pasan moitos anos, polo que hai que ir tratando e conservando o que temos e despois pensando en todas estas posibilidades”, conclúe o presidente da AFG.  

“Apostamos por estudar moito antes de dar unha solución definitiva, porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”

Monte de piñeiro taeda / FOTO: Chris M. Morris (CC BY 2.0) Viveiros Mañente é un dos viveiros galegos que está “a traballar para dar nunha alternativa ao problema das bandas”, avanza Enrique Candia, que sen embargo é cauto á hora de adiantar resultados: “estamos a traballar con material vexetal e é unha situación moi complexa”, xustifica. Nas súas instalacións de Foz, na Mariña, Mañente está a empezar a cultivar piñeiro taeda de distintas procedencias coa intención de realizar parcelas de ensaio nas que testar a súa aclimatación a Galicia e analizar resultados. “Apostamos por estudar, o mesmo que fixemos co eucalipto nítens para obter o Max Verde, resistente á mycosphaerella. Vimos dunha frustración que é o piñeiro radiata e non debemos meternos nunha nova frustración, polo que se non o tes claro segue estudando porque a consecuencia de equivocarse é a frustración”, argumenta.
É unha situación moi complexa porque estamos a tratar con material vexetal
Os responsables de Viveiros Mañente levan varios meses viaxando por EEUU en busca de procedencias que poidan adaptarse ás características edafoclimáticas galegas. “Cando traes unha procedencia ten que vir dunhas condicións similares ás túas. E o leste de EEUU é unha zona amplísima e con moitas variacións. A temperatura media anual de Galicia é de 15,80 graos centígrados, a de Virginia é de 13 graos pero a de Florida é de 25, xa case tropical”, explica Enrique.
Estamos a traballar con xenetistas de referencia en piñeiro taeda tanto de EEUU coma doutros países para realizar campos de ensaio. Xogar a unha soa procedencia é perigoso
Ademais de estar a traballar cos principais xenetistas do piñeiro taeda a nivel mundial, apostan por estudar distintas sementes en función das calidades de estación presentes en Galicia. “Para a zona de Lugo ten que ir unha procedencia pero para Pontevedra terá que ir outra; xogar a unha soa procedencia é perigoso, entre outras cousas porque estás reducindo a resistencia ao fungo”, indica. O taeda, que procede de EEUU pero está presente tamén en Europa en países como Francia, non resiste a todas as bandas, aclara Enrique. “Nós estamos nunha latitude diferente a Francia, alí non teñen problemas de bandas, pero non teñen nin a climatoloxía nin o chan para o radiata tampouco”, aclara. “Hai plantacións en Galicia de taeda con 30 anos que están a ir ben, pero as procedencias non están claras”, matiza.
A cryptomeria japónica adáptase ben ao monte, pero non vale para a industria
Viveiros Mañente iniciou hai anos, antes mesmo de que a banda marrón chegase en Galicia, a produción doutras especies de coníferas, como a cryptomeria, unha especie endémica de Xapón pola que se apostou de inicio en Euskadi como alternativa ao radiata, aínda que Enrique rebaixa as súas expectativas. “A cyptomeria adáptase ben ao monte pero non vale para a industria”, sentenza.

“A alternativa non é tanto buscar outra especie de piñeiro como diversificar as masas e plantacións”

Xabier Bruña, responsable do distrito forestal IX (Lugo-Sarria), un dos que conta con máis piñeiro radiata en Galicia e que se está a ver afectado de cheo polas enfermidades causadas por fungos, pon o foco na ordenación forestal máis que na simple substitución dunhas especies de piñeiro por outras. “Con enfermidades como a banda marrón estamos a ver de novo a importancia de ter diversificadas as masas. O radiata é o máis sensible e se tes masas continuas de radiata estás favorecendo a propagación do fungo. O que logras coa diversificación das masas é que non se espalle, xa que fragmentando o territorio minimizas o avance da enfermidade”, argumenta.
Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo aparecerá unha praga. Xa nos pasou co eucalipto glóbulos e co piñeiro insigne. Non caiamos no mesmo erro outra vez
“Os parámetros climáticos están cambiando e iso favorece a aparición de pragas. Non solucionamos nada cambiando todo o radiata por taeda, porque tarde ou cedo volve a aparecer a mesma situación de pragas ou doenzas. Pasounos co eucalipto glóbulos e co piñeiro radiata. Non caíamos no mesmo erro outra vez. Diversifiquemos desde o principio”, defende. “A alternativa non é tanto buscar outra especie como diversificar. Coa incerteza que hai o mellor é buscar unha estrutura variada, tanto en especies como en idades. Iso é complicado en superficies particulares moi pequenas, pero si é posible en comunidades de montes e é o que recomendamos ás CMVMC que teñen convenio coa Administración”, explica.
É difícil artellar solucións desde o minifundismo forestal
Xabier defende as vantaxes da diversificación do monte desde distintos puntos de vista: “economicamente para ter distintas saídas ao mercado, medioambientalmente para loitar contra o lume e tamén para que as masas se defendan mellor destas enfermidades emerxentes, intercalando bandas de frondosas, por exemplo, que provocan unha rotura dende o punto de vista territorial”, salienta. Saída ao mercado Aínda que en montes do distrito Lugo-Sarria estanse probando xa outras alternativas por parte de particulares, “queda definir cal podería ser a especie idónea”, considera Xabier. En zonas con mellor solo e cunha boa calidade de estación unha opción válida podería ser o taeda, admite. “Tería un turno de corta parecido ao radiata. No País Vasco é unha das alternativas que dan, xunto coa cryptomeria. Estase traendo de Francia”, explica, “pero temos que ver como se desenvolven aquí. Non temos datos. Sería interesante probalas”, recoñece.
De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos
E engade outro factor relevante: “Cando se proban outras especies tamén hai que ter en conta a saída a mercado. Poden ir ben no territorio pero hai que ter a industria preparada. Pasou co pseudotsuga (piñeiro de Oregón), onde fallou a comercialización. Son dúas cousas que deberían ir parellas e ver coa industria como abordamos un posible cambio de especie”, defende. Repoboacións con pinaster e sylvestris “De momento temos que ser cautelosos á hora de recomendar unha cousa ou outra, porque non existen evidencias ou datos. Por iso nas plantacións públicas estamos optando por poñer pinaster ou sylvestris”, explica Xabier. “O pinaster é sensible á banda pero deféndese mellor. Débese incorporar planta de boa calidade e mesmo optar por sylvestris en determinadas zonas con solos máis pobres. No caso do radiata, outra posible vía sería a da pranta mellorada xeneticamente para que poida defenderse dos fungos foliares; en Chile e Portugal están avanzando por esta liña”, asegura.
https://www.campogalego.gal/bandas-pineiro-estendense-pola-humidade-e-altas-temperaturas-da-primavera/

As Pontes acollerá un curso de xestión de piñeiros, con prácticas de poda, plantación e tratamentos

A Asociación Forestal de Galicia, en colaboración con Enel – Endesa, organiza o segundo bloque das xornadas sobre xestión forestal sostible nas Pontes de García Rodríguez, esta vez adicado ás coníferas, que terá lugar o 29 de abril, 3 e 4 de maio. Esta xornada consta dunha parte teórica e outra práctica, ambas impartidas por un equipo de enxeñeiros de montes da Asociación Forestal de Galicia. A parte teórica terá lugar na sede da Asociación Seara, no polígono industrial de Penapurreira, as tardes do 29 de abril e 3 de maio, a partir das 16 h. En canto á parte práctica, desenvolverase na zona restaurada da mina de Enel - Endesa e en monte particular o sábado 4 de maio. Para asistir á parte práctica, poñerase a disposición das persoas participantes un servizo de transporte en autobús que partirá da estación de autobuses das Pontes á hora que se indique nas xornadas. Este curso sobre xestión forestal de coníferas é o segundo bloque dunha acción formativa que se iniciou en febreiro, cun curso sobre xestión de frondosas caducifolias e eucaliptos. Dado que naquel momento non se puido facer a saída ao monte debido ao mal tempo, aproveitarase nesta ocasión para facer as dúas sesións prácticas xuntas. Ás persoas asistentes entregaráselles unha bolsa de pícnic para xantar no monte. A inscrición gratuíta pódese facer cubrindo este formulario en liña, nos teléfonos 981 564 011 e 618 752 214 ou no enderezo de correo afg@asociacionforestal.org.

Programa

LUNS 29 DE ABRIL 16.00 h Benvida 16.05-17.30 h Xestión forestal sostible e medio ambiente Producións forestais na comarca (Xosé Covelo, enxeñeiro de Montes) 17.30-18.00 h Pausa para café 18.00-19.00 h Normativa e incentivos que afectan ao sector forestal (Jorge Bouzas, enxeñeiro de Montes). VENRES 3 DE MAIO 16.00-17.30 h Elección de especie e modelos silvícolas (Braulio Molina Martínez, enxeñeiro de Monte) 17.30-18.00 h Pausa para café 18.00-20.00 h A planta, plantación, coidados silvícolas e corta. (Francisco Dans del Valle, enxeñeiro de Montes) SÁBADO 4 DE MAIO 9.30-17.30 h Prácticas en montes de frondosas e coníferas (Francisco Dans e Enrique García, enxeñeiros de Montes) 9.30-12.15 h Monte da zona restaurada da mina de ENEL-ENDESA • Plantación e poda de frondosas • Demostración de tratamento contra bandas en piñeiro radiata 13.00-14.00 h Poda mecanizada en monte da piñeiro laricio 14.30 h Refrixerio no monte 15.30-17.30 h Planificación e tratamentos en montes de piñeiro radiata.

Caída xeral da actividade na cadea forestal madeira no 2023

O consumo de madeira baixou a nivel internacional no último ano, un escenario que se acompañou dunha caída de prezos en coníferas e pasta de papel (eucalipto). Ese contexto negativo reprodúcese en Galicia, onde as cifras da cadea forestal madeira amosan unha ralentización xeral de cortas e facturación, como xa se viña constatando nos últimos meses. A excepción na comunidade é o sector da segunda transformación da madeira, que se mantén, en boa medida polo bo comportamento dos produtos de madeira para construción, un nicho que compensou a baixada do mobiliario e carpintería. As cifras provisionais do 2023 da cadea forestal madeira de Galicia presentáronse onte nun acto en Santiago, organizado pola Consellería do Medio Rural. A elaboración do informe anual da cadea, como outros anos, correspondeu á Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. “Este ano, a previsión é que a facturación da cadea forestal madeira ronde a final de ano os 2.400 millóns de euros, uns 300 millóns menos que o ano pasado”, apuntou como conclusión xeral o director da Escola, Juan Picos. A menor actividade deixouse sentir en especial nas cortas e na primeira transformación da madeira (aserrado, taboleiro e pasta). Cos datos de cortas a 31 de outubro, a previsión é que as cortas finais do ano conclúan no entorno dos 9,5 millóns de metros cúbicos, cunha baixada de arredor do 15%, en comparación cos algo máis de 11 millóns de metros cúbicos do pasado exercicio. Por especies, baixaron tanto os piñeiros como o eucalipto, se ben o descenso das cortas foi máis significativo nos piñeiros, que poden rematar o ano cunha caída do volume de cortas próxima ó 25%, en tanto o eucalipto rondará o 12% de descenso. A nivel territorial, a redución dos aproveitamentos deixouse sentir en tódolos distritos forestais. Cos datos provisionais a 31 de outubro, en eucalipto, destaca a baixada de Santiago – Meseta interior e da Mariña lucense, en tanto en piñeiro o descenso principal produciuse en Lugo – Sarria. Contexto xeral Os datos de Galicia correspóndense co contexto xeral de mercado en Europa, marcado pola baixada de consumo e de prezos da madeira. Calcúlase que o consumo xeral de madeira aserrada, en especial de coníferas, baixou un 2%, con casos como o alemán, que se sitúa nunha caída do 14%. Hai tamén un descenso claro do mercado de embalaxe e palets, que en Galicia é fundamental para o sector do piñeiro. Entre tanto, no eucalipto, os prezos da pasta de papel desplomáronse este ano. Dos máis de 800 euros / tonelada ás que cotizaba a pasta de papel hai un ano pasouse ós 477 euros / tonelada do terceiro trimestre do 2023. A boa noticia é que tanto en piñeiro como en eucalipto hai motivos para un moderado optimismo. En eucalipto, o prezo da pasta de papel xa comezou a repuntar no último trimestre do ano, e a previsión de Ence é que no 2024 se continúe esa senda, cos prezos avanzando cara ós 600 euros / tonelada de pasta. En coníferas, a análise de Juan Picos subliña as perspectivas positivas da madeira para construción no 2025, de recuperarse a ralentización xeral que houbo na construción en Europa nos últimos meses. En Estados Unidos existe xa unha tendencia de mellora no consumo de coníferas para construción. Por parte galega, a Consellería do Medio Rural lembrou que a partir do 2024, introducirase progresivamente en Galicia unha porcentaxe de edificacións estruturais en madeira na obra pública, ata chegar ó 20%, un camiño que se agarda que siga tamén no futuro a iniciativa privada.

O camiño de futuro, gañar peso na transformación da madeira

As cifras de facturación do sector no 2023 deixan un dato para a reflexión. Nun contexto xeral de caída de actividade, o único segmento que mantivo cifras foi a segunda transformación da madeira, que se move nuns 600 millóns de euros, un 25% da facturación total da cadea. O resto de segmentos sufriron baixadas significativas, tanto os rematantes como a biomasa e o aserrado, así como o taboleiro e pasta de papel, É de destacar, ademais, que mobiliario e manufacturas da madeira foron gañando peso nas cifras de exportación, ata representar o 25% do total (polo 5% que tiñan a mediados dos anos 90). Ante esas cifras, o conselleiro do Medio Rural, José González, subliñou que o camiño pasa por “traballar para darlle o peso necesario ás segundas e terceiras transformacións en Galicia”. Para iso, cómpre compoñer unha folla de ruta clara e concreta para os seguintes anos, sinalou, en alusión á elaboración do Plan estratéxico da industria forestal-madeira. Na mesma liña, proximamente espérase unha declaración sectorial a prol do peche dos ciclos industriais da madeira en Galicia. Valor das árbores galegas Máis alá das cifras anuais, o informe anual da cadea introduce este ano a novidade de facer un cálculo sobre o valor das árbores existentes nos montes galegos (1,4 millóns de hectáreas). O cálculo, seguindo unha metodoloxía establecida a nivel ministerial, tivo en conta non só o valor da madeira, senón os valores ambientais (captura de carbono, control da erosión, reservorio de auga, lecer, caza, biodiversidade, etc.). A conclusión é que o bosque galego ten un valor de 43.000 millóns de euros. Desa cantidade, o principal valor é aportado polas frondosas (17.700 millóns de euros), que son tamén as que maior superficie ocupan, con máis de 600.000 hectáreas. Se ben a nivel industrial, o seu aproveitamento é escaso, con arredor de só o 3% das cortas anuais, os seus aportes como leñas domésticas e sobre todo, os seus aportes ambientais, depáranlle ese primeiro posto en valor. En segunda posición, sitúase o eucalipto, con 16.500 millóns de euros, e en terceira posición as coníferas, con 8.700 millóns de euros.

Récord de cortas do 2022

As cifras finais do 2022 sitúan as cortas en Galicia en 11 millóns de metros cúbicos, o que constitúe un récord. Desa cifra, máis de 10,7 millóns corresponden a montes privados (particulares ou veciñais) e a parte restante a montes de xestión pública. Por especies, en montes privados destaca o eucalipto, con 6,2 millóns de metros cúbicos, seguido dos piñeiros, con 4,25 millóns e das frondosas, con arredor de 300.000 metros cúbicos. Entre os piñeiros, hai case empate entre o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e o piñeiro insigne (‘Pinus radiata’), pois ambos rondan os 2 millóns de metros cúbicos, cunha lixeira vantaxe para o piñeiro do país. Hai tamén 155.000 metros cúbicos de piñeiro silvestre, característico da alta montaña, e 70.000 doutras coníferas. A continuación, lístanse os 20 concellos galegos onde máis cortas se producen. Destaca o dato de que só o concello de Ortigueira ten máis cortas que comunidades autónomas enteiras, como Aragón (211.000 metros cúbicos) ou Extremadura (203.000 metros cúbicos).

Curso de xestión integral de piñeiros en Monforte

A firma Foresín realizará desde o 30 de outubro até o 11 de novembro un curso sobre o manexo do piñeiro en Lugo. A acción formativa levará por nome "Xestión Integral de Piñeiros: madeira, resina, cogomelos e gando". O obxectivo deste curso é formar ás persoas asistentes no aproveitamento integral do bosque de piñeiro en todos os seus aspectos. Durante a realización do curso de impartirán conceptos sobre o aproveitamento resineiro como medio para a xestión integral das masas de piñeiro, para que o alumnado adquira os coñecementos precisos para obter madeira de pino de calidade, resina, cogomelos e se considere o gando como medio alternativo para o control do sotobosque. O curso realizarase no Centro de Interpretación Terras do Miño (Lugo), terá unha duración de 40 horas e as datas van do 30 e 31 de outubro a 2,3,6,7,8, 10 e 11 de novembro. A actividade está financiada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal). Contacto para mais información distrito.forestal9@xunta.gal 982 828 620 Inscripcións https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas

Programa do encontro ‘Piñeiros 23’, que se posiciona como escaparate da innovación na cadea da madeira

‘Piñeiros 23’ situará un ano máis a Galicia como escaparate internacional da innovación na cadea forestal – madeira de coníferas. A Fundación Arume, organizadora do evento, presenta o programa da terceira edición, que conta con tres bloques principais: edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa; innovación e cooperación na mellora xenética do piñeiro radiata, e bioeconomía e madeira no espazo rural (moble, viño, arte e turismo).

O evento, que se celebrará o 10 de outubro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, contará tamén cunha conferencia de apertura a cargo do recoñecido arquitecto David Chipperfield, fundador e presidente da Fundación RIA.

É de destacar ademais que a edición 2023 de Piñeiros, a terceira, daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata.

Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa.

Detallamos o programa completo a continuación.

PROGRAMA PIÑEIROS 23

Data: 10 de outubro de 2023.
Hora: de 09:00h a 17:00h
Ubicación: Edificio Fontán (Cidade da Cultura – Santiago de Compostela).

08:45h – Recepción e acreditación de asistentes.

09:30h – Apertura.
• José Carballo, presidente da Fundación Arume.
• Federico Saiz, presidente de Baskegur.
• Representante institucional da Xunta de Galicia.

10:00h – Conferencia. David Chipperfield, presidente da Fundación RIA. Máis que unha economía.

10:30h – Edificios de baixo impacto con coníferas do sur de Europa.
• Moderadora: Lara Méndez, alcaldesa do concello de Lugo.
• Daniel Ibáñez, director do Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña. Edificio Terrazas para la vida de Barcelona.
• Beñat Aranburu, arquitecto en Asmatu S.L. Nova Sede de NaturKlima en San Sebastián.
• Marta Benedicto, socia fundadora de Cierto Estudio. Illa Glòries, Barcelona.
• Alex de Rijke, socio fundador do estudio dRMM. Proxecto Wellness Hotel en Nazaré (Portugal).

12:00h – Pausa café.

12:30h – Innovación e cooperación en mellora xenética de Pinus radiata.
• Moderador: Ricardo Alía, profesor de investigación do Instituto de Ciencias Forestais (ICIFOR-INIA-CSIC).
• Juan Majada, director do Centro Tecnolóxico Forestal e da Madeira de Asturias (CETEMAS).
• Francisco Lario, responsable de investigación de TRAGSA-Maceda.
• Paloma Moncaleán, investigadora do Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (NEIKER).

13:45h – Pausa para refrixerio.

15:15h – Bioeconomía e madeira nun espazo rural resiliente: moble, viño, arte e turismo.
• Moderadora: Genoveva Canals, coordinadora de UNEmadera.
• Enrique Arrillaga, fundador de Muebles LUFE.
• Florence De Kimpe, directora de marketing de Lafite Rothschild.
• Frank Buschmann, artista do moble.
• Jorge Martínez, CEO e fundador de Suites Nature.
• Mercedes Rois, directora da Área de Innovación Forestal da Axencia Galega da Industria Forestal. Bosques resilientes para a sociedade. Proxecto RESONATE.

17:00 – Acto de clausura. Representante institucional da Xunta de Galicia.

-DESCARGA AQUÍ O PROGRAMA.

 

Aprobadas axudas para forestación con piñeiros e frondosas en 1.600 hectáreas de monte

Case un cento de persoas e entidades beneficiáronse dos tres millóns de euros en axudas para a creación de superficies forestais, tal e como indica a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Estas achegas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Esta partida contaba inicialmente cun orzamento dun millón de euros. Logo de recibir un amplo número de solicitudes que cumprían todos os requisitos necesarios para ser beneficiarias da axuda, a Xunta optou por levar a cabo unha ampliación de crédito de dous millóns de euros. Polo tanto, estas axudas contarán a partir de agora cun orzamento de 3 millóns de euros. Están destinadas á creación de superficies forestais formadas por coníferas de ata cinco especies diferentes, como o piñeiro do país ou o piñeiro silvestre, e ata 21 especies de frondosas, como o castiñeiro, o carballo ou o bidueiro. Nesta liña, as actuacións subvencionables inclúen os gastos de planificación forestal e de área de defensa contra incendios forestais. Entran aí os gastos necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta e os gastos de plantación propiamente dita e a área de defensa contra incendios, así como aquelas infraestruturas de acompañamento e obras complementarias. Así, noventa e nove persoas e entidades puideron beneficiarse destas achegas. Son maioritariamente comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas e as sociedades de fomento forestal. A partir deste 25 de xullo comezará o prazo para executar os traballos. Este prazo para xustificar e executar finalizará o 15 de marzo de 2024 para todos os beneficiarios excepto ás Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, que terán ata o 15 de abril de 2024. Enlace á resolución: - Listado de beneficiarios das axudas para a creación de superficies forestais

Piñeiros 23 celebrarase o 10 de outubro en Santiago

A Cidade da Cultura de Santiago acollerá o martes 10 de outubro ‘Piñeiros 23’, a terceira edición do encontro internacional especializado nas coníferas. O evento, organizado pola Fundación Arume, convertiuse xa nunha cita clave para toda a cadea forestal – madeira, pois aborda cada ano innovacións e tendencias, tanto a nivel forestal como da cadea industrial dos piñeiros. A maiores de analizar o escenario e perspectivas do sector en Galicia, a edición 2023 de Piñeiros daralle especial protagonismo a Euskadi, un dos territorios do arco atlántico europeo que é referente no manexo silvícola e no aproveitamento industrial do piñeiro radiata. Coa inclusión de Euskadi no programa, séguese a liña iniciada o pasado ano, cando fora o sector forestal e da madeira de Portugal o convidado especial de Piñeiros, con investigadores, empresas e outras entidades do país veciño participando nas distintas mesas do programa. Deste xeito, consolídase o posicionamento internacional do encontro Piñeiros, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

Os piñeirais dunares da costa galega resisten o cambio climático

Os piñeirais ubicados en zonas dunares da costa son a primeira diana do cambio climático, pois o solo areoso repercute nunha menor dispoñibilidade de auga. Co aumento de secas máis prolongadas, no sur de Europa estase constatando unha maior mortandade nos piñeirais da liña de costa, como sucede por exemplo en Cataluña. Sen embargo, en Galicia polo de agora as masas de coníferas de zonas dunares están resistindo ben o cambio climático, segundo as conclusións do proxecto ForManRisk. A iniciativa ForManRisk, na que participan numerosas entidades do sur de Europa, analizou a actual situación dos piñeirais dunares costeiros, entre eles os galegos, así como da evolución dos montes de coníferas do interior. O cambio climático non só agrava o estrés hídrico dos bosques durante o verán, senón que empeora outros riscos asociados, como lumes, pragas e enfermidades. Ante esta situación, o sector buscou desenvolver no proxecto ForManRisk ferramentas para a prevención de riscos nos bosques. Pola parte galega, participou a Asociación Forestal de Galicia, en colaboración co Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Resiliencia dos piñeirais costeiros de Galicia En Galicia, os traballos centráronse en 10 bosques piloto da costa atlántica, 6 piñeirais dunares e outros 4 de interior. Se ben noutras áreas do proxecto, como Cataluña, constatouse unha alta mortandade das plantas de coníferas na rexeneración dos piñeirais en dunares, no caso galego polo de agora non se observaron eses problemas de mortandade e seca das plantas, polo que se espera que os piñeirais da costa poidan seguir mantendo unha boa rexeneración natural. É de salientar ademais que os piñeirais costeiros de Galicia acollen con frecuencia un alto uso social, incluso albergando áreas recreativas e cámpings. O proxecto observou que esta actividade social é compatible coa rexeneración e mantemento do arborado.

‘Rewilding’ de areas nos piñeirais dunares?

No ámbito dos piñeirais dunares e de liña de costa, un asunto candente son algunhas decisións que están tomando as Administracións ambientais para eliminar masas forestais, como é o caso de Corrubedo, onde a Consellería de Medio Ambiente comezou a actuar no 2022 para erradicar o piñeiral que se atopa a uns centos de metros da gran duna. No caso de Corrubedo e noutras accións similares en zonas costeiras, o obxectivo declarado é o de lograr unha ‘renaturalización’ do ecosistema inicial, con maior espacio para as areas e para as especies herbáceas e de fauna asociadas ás areas. Ese ‘rewilding’ (restauración ecolóxica baseada na renaturalización) é visto con escepticismo polo sector forestal, que lembra que os piñeirais de zonas dunares asentáronse a finais do século XIX e primeira metade do XX cun obxectivo utilitario -non só produtivo-, como era precisamente o de frear o avance das dunas. Hoxe en día, cumpren ademais unha función ambiental, con fauna e floras asociadas, e presentan a singularidade de acoller un alto uso social, en especial no verán. En tanto en Corrubedo se decidiu reducir a zona de piñeiral no seu Parque Natural, outros espazos protexidos do Eixo Atlántico, como o Parque Natural das Dunas de San Jacinto (Aveiro, Portugal), optan pola preservación da súa masa de coníferas como parte capital do ecosistema da Reserva, no que se combinan distintos hábitats (dunas móbiles, fixas e área forestal). E en Cataluña, a Administración ambiental centra a súa preocupación en como conservar piñeirais dunares que presentan unha alta mortaldade. Volvendo a Galicia e deixando a un lado Corrubedo, un percorrido por zonas de Rede Natura da costa permite constatar algúns dos dilemas que plantexan os piñeiros en diferentes áreas dunares e marismas. Nesta imaxe da área dunar da Praia das Furnas (Porto do Son), preto da lagoa pequena de Xuño, vese como os piñeiros adentráronse nunha zona que ata hai uns anos estaba rasa, con vexetación dunar, como proba o observatorio ornitolóxico alí situado e que agora ten a súa vista trabada polos piñeiros. Unha de dúas, ou sobran os piñeiros ou colocouse mal o observatorio ornitolóxico. Se nas Furnas, eses piñeiros poden estar de máis, na marisma de Carnota preséntase un caso que podemos calificar de inverso, o dun piñeiral afectado por un lume que se está rexenerando con eucaliptos dun xeito ‘natural’. Semella que aquí si cumpriría unha intervención de Administración e/ou propietarios para impulsar unha boa rexeneración do piñeiral, un ecosistema que semella encaixar mellor a nivel ambiental e social coa marisma, visitada cada ano por decenas de miles de persoas. Eucaliptos colonizando o piñeiral da marisma de Carnota, nunha imaxe do 2020. / Arquivo. A axeitada xestión das masas por parte dos seus propietarios é outro dos retos, de cara a garantir unha boa conservación dos piñeirais costeiros, así como ecosistemas máis resilientes ó lume e ás enfermidades, pois masas como esta, a uns metros da liña de costa das Furnas, representan un potencial niño de problemas pola falta de rareos e podas.

Árbores máis resistentes á seca

O papel da Asociación Forestal de Galicia no proxecto ForManRisk incluíu tamén a toma de mostras e medicións ‘in situ’ nas masas de coníferas, en colaboración co INRAE de Francia (Institut National de Recherche pour l’Agriculture, l’Alimentation et l’Environnement), que analizou piñeiros de todo o sur de Europa para comparar a súa resistencia ao estrés hídrico e atopar poboacións que poidan ser empregadas no marco dun proxecto de mellora xenética, de cara a obter montes máis resilientes ó cambio climático. Guía transnacional de boas prácticas Do mesmo xeito, a Asociación Forestal de Galicia colabora na edición dunha guía transnacional de boas prácticas, pois no marco do proxecto desenvolvéronse diferentes ensaios para mellorar a rexeneración e supervivencia dos piñeiros, con distintos métodos de plantación e materiais. Outros traballos realizados no proxecto No proxecto, que contou para a súa realización con fondos FEDER do programa Interreg Sudoe, realizáronse ademais outra serie de traballos, como os seguintes: • Office National des Forêts. A ONF francesa desenvolveu un sistema de información xeográfica para obter un mapa detallado das Obrigas Legais de Desbroce a nivel municipal, cun desglose das superficies a desbrozar en cada propiedade. A diferenza do caso galego e portugués, a roza das faixas de protección existentes a redor de urbanizacións son responsabilidade da comunidade de veciños residentes na mesma e non do titular do monte afectado. • Instituto Mediterráneo del Corcho (ILM). Puxo a punto un método para medir as afeccións do cambio climático na sobreira e noutras especies. • Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Instalou tres parcelas piloto para estudar a rexeneración natural do piñeiro bravo (dúas parcelas) e da sobreira (1 parcela). • Gistree. A empresa traballa na posta en marcha dun sitio web para compartir a información xeográfica producida ao longo do proxecto e para permitir tamén simulacións sinxelas de lumes, en torno ás parcelas piloto do proxecto. • Centre de Ciència i Tecnologia Forestal de Catalunya (CTFC). Esta entidade centrou os seus esforzos na rexeneración dunha duna continental (200 hectáreas) que ten unha orixe humana, pois plantouse con piñeiros a finais do século XIX co obxectivo de fixar a duna. O piñeiral ten hoxe en día 130 anos e un importante uso social. Nos últimos tempos, o Pinus pinaster está a sufrir unha morte progresiva das árbores adultas, algo que se atribúe ó cambio climático, sen que haxa unha suficiente rexeneración natural. O proxecto está a valorar outras especies para esta rexeneración, como o piñeiro carrasco e o piñoneiro. • Sociedad Aragonesa de Gestión Agroambiental (SARGA). Desenvolveu unha aplicación que contribúa a tomar decisións silvícolas para a prevención de grandes incendios forestais. • Diputación Provincial de Ávila. Plantou catro bosques piloto de piñeiro silvestre e de aziñeiras para analizar o seu desenvolvemento nun contexto de cambio climático.

Galicia lanza a estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata

A Fundación Arume vén de presentar nunha xornada en Santiago os primeiros resultados do programa de mellora xenética das coníferas galegas, que se desenvolve por medio dun acordo de colaboración público – privado entre a propia Fundación, na que se integra toda a cadea do piñeiro de Galicia, e a Axencia Galega de Calidade Alimentaria, dependente da Consellería de Medio Rural. A xornada deixou dúas cuestións principais, por un lado un primeiro balance do programa de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), no que se estivo a traballar no periodo 2021-2022, e por outra banda o anuncio do lanzamento do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, co que se quere dar resposta ás necesidades dos propietarios forestais en relación a esta especie.

180 árbores superiores identificadas que servirán de base para 5 novas parcelas de ensaio


O piñeiro radiata ou insigne ten en Galicia unha importancia forestal similar ó piñeiro do país, pois o seu volume anual de cortas é moi semellante, en ambos casos preto dos 2 millóns de metros cúbicos de madeira ó ano. O piñeiro radiata acada gran importancia sobre todo na provincia de Lugo e, en menor medida, en zonas da provincia da Coruña e de Pontevedra. É apreciado polos propietarios forestais, xa que en xeral ten menores turnos de corta que o piñeiro do país, pero presenta claras necesidades de mellora xenética, para acelerar máis os turnos de corta e para gañar resistencia a enfermidades, dúas cuestións clave que veñen demandando os propietarios. Para dar resposta a esas necesidades, o sector forestal galego anuncia o inicio dun programa de mellora xenética do piñeiro radiata, para o que se parte do traballo de selección feito nas dúas últimas décadas polo Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán e pola Consellería do Medio Rural. A investigadora Raquel Díaz, do CIF Lourizán, presentou o programa de mellora xenética do piñeiro radiata. Existen xa 8 parcelas en campo con material seleccionado, con arredor de 180 árbores superiores identificadas. Ese material analizarase, para comprobar a súa orixe e diversidade xenética, e cunha selección das súas sementes instalaranse 5 ensaios de proxenie novos en distintas zonas de Galicia, con prioridade para a provincia de Lugo. A intención do CIF Lourizán é a de incluír tamén neses ensaios materiais xenéticos doutros programas mundiais, como o chileno ou o neozelandés, para comparar o resultado do programa de mellora xenético de Galicia co de países pioneiros na mellora xenética do radiata. Valórase tamén a posibilidade de incluír nas parcelas de ensaio sementes doutras árbores sobresaíntes ou rodais selectos de propietarios privados que se poidan detectar en Galicia. Como parte do programa de mellora xenética do piñeiro radiata, xa se instalou un horto sementeiro en Sigüeiro (A Coruña), visitado este luns no marco da xornada organizada pola Fundación Arume, á que asistiron medio cento de profesionais ligados ó sector forestal. En paralelo á instalación de parcelas de ensaio e horto sementeiros, o obxectivo da Fundación Arume pasa por desenvolver co piñeiro radiata un programa de multiplicación vexetativa, similar ó xa en marcha co piñeiro do país, para acelerar o suministro de planta mellorada ó propietario. Resistencias a enfermidades De entre as 180 árbores superiores que ten identificadas Lourizán, o CIF fixo un primeiro ensaio con 55 delas e logrou identificar 7 familias que presentan polo menos un 50% máis de resistencias ó nematodo do piñeiro que o resto. Esas 7 familias son unhas primeiras candidatas a unha catalogación específica e a ser unha das bases da estratexia galega de mellora xenética do piñeiro radiata.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identificou xa 7 familias de piñeiro radiata que presentan unha notable resistencia ó nematodo, unha praga que afecta ó sur de Pontevedra
Está tamén sobre a mesa a opción de traballar a nivel xenético na obtención de piñeiros resistentes ó fungo das bandas, se ben esta é unha posibilidade que se terá que valorar en próximos anos, sobre todo se en piñeirais afectados polas bandas, se detectan árbores sans que presentan unha aparente resistencia. Existe o hándicap de que Lourizán non conta polo de agora cos invernadoiros de alta seguridade que serían precisos para ensaios nos que teña que manexar o fungo das bandas, se ben, chegado o caso, o sector interpreta que se trata dunha cuestión solventable.

Programa de mellora do 'Pinus pinaster'

Mesa de debate na xornada organizada pola Fundación Arume. O programa de mellora xenética das coníferas de Galicia acadou este ano un primeiro fito, coa posta en marcha en seis viveiros galegos dun programa de multiplicación vexetativa (por estaquillado) de piñeiros do país (Pinus pinaster) con mellora xenética e con altas resistencias á praga do nematodo do piñeiro. O plan de mellora do piñeiro do país está a permitir así unha maior rapidez na produción de planta mellorada, de xeito que o seu lanzamento comercial nos viveiros galegos iniciarase en breve, primeiro en partidas limitadas pero coa idea de que o acceso a esta planta mellorada sexa xeneralizado en poucos anos. Como cuestión a ter en conta, os viveiros que traballan na multiplicación vexetativa do piñeiro do país mellorado xa advertiron de que o seu custo será superior ó da planta de piñeiro convencional. Ante o encarecemento que representará a planta mellorada, xurdiu a cuestión na xornada sobre como implicar ás empresas de servizos e plantadores na adquisición deste tipo de planta. Orde para apoiar a compra de planta mellorada A ese respecto, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, anunciou onte que Medio Rural contempla apoiar de xeito específico ás plantacións forestais que se fagan con planta mellorada, subvencionando “unha porcentaxe” do total do custo desta planta. Será a través dunha orde independente da habitual de primeira forestación, pois na orde de planta mellorada poderán entrar piñeirais que se corten e se queiran replantar. A orde de forestación 2023-24, segundo anunciou Chan, publicarase o próximo 7 de decembro, en tanto a orde de apoio á compra de planta mellorada espérase que se publique no 2023.
https://www.campogalego.gal/pineiros-3-0-como-innovacion-tecnoloxica-mellorara-planta-forestal-galega/

Curso de aproveitamento resineiro en Vimianzo

Vimianzo acolle este mes un curso sobre aproveitamento resineiro como vía para a xestión integral dos piñeirais, con usos de madeira, resina, cogomelos e gando. A formación, impartida pola empresa Foresín, ten entre os seus obxectivos dotar ós propietarios forestais e profesionais do sector das competencias técnicas relacionadas coa xestión integral dos piñeirais mediante o uso de madeira, resina, cogomelos e gandería. O curso é de balde e ten unha duración de 40 horas. Datas: 16, 17, 18, 21, 22, 23 e 24 de Novembro - 9h a 13h 25 e 26 de Novembro - 9h a 15h Localización: Casa da cultura de Vimianzo (R/Braña, s/n, Vimianzo) Información: informacion@foresin.es 680208320 - 611413582 Preinscripción: https://foagro.xunta.gal/foagro/inscripcion/publica/accionsFormativas

“Nas árbores resinadas en Galicia, non apreciamos diferenza en densidade e volume de madeira aserrada”

Desde que o resinado comezou a retomarse en Galicia, hai arredor de 7 – 8 anos, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán emprendeu liñas de traballo para adaptar as técnicas de extracción ás características forestais galegas. Falamos co director do Centro, Enrique Martínez Chamorro, sobre as innovacións que se están a producir, así como sobre as perspectivas da actividade. O CIF colabora actualmente co grupo operativo Acrema na optimización das técnicas de resinado. - Explíquenos as accións sobre resina que está a desenvolver o CIF Lourizán no marco do grupo operativo Acrema. - Xunto aos demais membros do grupo, o Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán está por unha banda, optimizando o método convencional de pica de cortiza e comparando este método de extracción de resina tradicional con outros máis innovadores de extracción, mecanizados en envase pechado. Con estas innovacións, búscase optimizar a cantidade e a calidade dos produtos obtidos, minimizando así os impactos na calidade da madeira e mellorando a sanidade das masas tralos aproveitamentos, ao non facer feridas abertas. - Cando comezou a recuperación do resinado de piñeiros en Galicia, ao redor de 2015, o CIF de Lourizán enfocou as súas liñas de investigación para adaptar o método de extracción de pica sobre cortiza ás condicións da comunidade, aínda que as perspectivas de cara ao futuro oriéntanse a métodos mecanizados e/ou recollida en bolsa (o método de entalladura circular e o Borehole). Que conclusións se poden adiantar sobre estes novos métodos en Galicia? - Aínda que é pronto para dar resultados globais, si se pode concluír que os métodos mecanizados -como o de Pica Circular Mecanizada- son máis rápidos, porque os rendementos melloran e os esforzos diminúen; a resina que se obtén é máis pura, sen auga nin outros residuos (cortiza, acículas etc.), ao “cultivarse” en bolsas pechadas. Ao mesmo tempo, falta avanzar no tratamento que dá a industria á resina cultivada en bolsas (residuo da bolsa), e que se cuantifique economicamente o valor engadido que ten esta resina pura. - Unha das vantaxes que se apunta que achegarían estes métodos de extracción é unha maior calidade da resina. Explíquenos esa mellora. - A parte do indicado, estes métodos permiten aumentar a fracción volátil (trementina), con alto valor engadido, e ademais ofrecen a posibilidade de aplicar estimulantes con menos contido en ácido sulfúrico, ou mesmo, como xa se probou desde o CIF, estimulantes a base de ácidos orgánicos, obtendo unha miera (resina) válida para calquera aplicación en humanos (terapéutica, farmacolóxica etc.). - Como sería o sistema de traballo ao longo dunha campaña con estes métodos e que produtividades se poderían obter? - Sería similar ao tradicional en periodicidade, pero os procesos de extracción e recolección lévanse a cabo nun curto período de tempo, ao tratarse dun método mecanizado, é tecnicamente máis fácil e con menos esforzo físico para o resineiro. - Hai diferenzas internas dentro de Galicia en canto a produtividade? Podería dicirse que o sur da comunidade, con maior insolación, e en especial a provincia de Ourense, cun clima mediterráneo, teñen maiores produtividades? - Ao final do Proxecto Acrema compararemos datos de Asturias e da zona norte e centro de Galicia, aínda que si pensamos que é un factor importante o efecto das temperaturas acumuladas os días anteriores e posteriores á apertura da pica. - Para mellorar a resinación, no CIF de Lourizán desenvolvestes unha pasta estimulante elaborada en base de ácido salicílico, que demostrou a súa eficacia en comparación con pastas máis agresivas, como as que inclúen acedo sulfúrico ou ethrel. Fálanos desta liña de traballo. - No grupo operativo Acrema está a dar moi bos resultados. Na actualidade no CIF de Lourizán xa estamos a traballar noutra con menos proporción de ácido sulfúrico que se adaptaría mellor a unha incisión pechada como é a Pica circular mecanizada. - En canto ao resinado, unha das dúbidas que se mantén no sector forestal é sobre un posible impacto do resinado na madeira. O CIF de Lourizán, en colaboración con Finsa, fixéstedes hai uns anos unha comprobación coa curta de 35 pés resinados en Caldas de Reis. Cales foron as conclusións? - Nas probas de aserrado non se apreciaron diferenzas sobre a porcentaxe en volume con respecto ao total da rolla. Respecto á densidade da madeira non se apreciaron diferenzas entre as trozas de árbores testemuña e as de árbores resinados cunha e dúas caras opostas. De maneira xeral, a zona de madeira afectada pola resinación está presente na primeira táboa nunha lonxitude de entre 40 a 60 cm (táboas de 27 mm de espesor). Tampouco a velocidade da serra se viu alterada nas árbores resinadas. - É aconsellable só unha resinación a final de quenda, nos 3-5 anos previos á curta, ou vedes posible outras opcións? - Agora mesmo paréceme a mellor opción, máis aínda cando a madeira en Galicia é o produto principal e aumentou o seu valor (prezo). Se se resinara a máis anos, podería depreciarse o valor da madeira como sucede noutras zonas de España. - Outra cuestión sobre a que hai incerteza é a vinculación entre resinado e sanidade forestal. En Galicia polo momento non se permite a resinación en zonas afectadas polo nematodo do piñeiro. Como ve esa situación? - Creo que cos novos métodos de Pica circular mecanizada pode reformularse esta restrición. No caso do método tradicional, prodúcese unha ferida que pode ser un posible foco de entrada de pragas ou enfermidades, pero ao estar esta ferida constantemente selada, esa posibilidade, ao meu xuízo, diminúe considerablemente. - Vostede sempre foi optimista sobre a potencialidade do resinado na comunidade, pero é un aproveitamento que en Galicia, a diferenza de Castela e León, non acaba de despegar. Que falta para que a actividade resineira aumente na comunidade? -Claro que en Galicia non existía tradición como noutras zonas de España, pero hoxe en día iso está a empezar a cambiar e existen particulares e comunidades de montes cada vez máis implicadas. Só falta que a industria se asente na nosa comunidade, para así poder realizar todo o proceso en Galicia. Proxecto financiado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desarrollo Rural 2014-2020, cun importe de 561.719,17 euros, financiado con fondos FEADER nun 80% e AGE nun 20%.

‘Piñeiros 3.0’, como a innovación tecnolóxica mellorará a planta forestal galega

Ata hai un par de anos, máis do 90% da planta de piñeiro que se plantaba cada ano en Galicia carecía de mellora xenética. Era planta maioritariamente só identificada ou seleccionada, pero que carecía das garantías que aportan os materiais xenéticos superiores, os cualificados (etiqueta rosa) e controlados (etiqueta azul), que teñen a ganancia xenética certificada. Ese escenario está a cambiar e o sector uniuse para acelerar a transferencia de plantas con mellora xenética a propietarios e comunidades de montes. A planta mellorada que está hoxe en día nos viveiros galegos procede de sementes dos hortosementeiros de material selecto que desenvolveu nas últimas décadas o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Trátase de plantas que presentan cualidades como maiores crecementos, rectitude ou maior resistencia á praga do nematodo, que afecta ó sur de Pontevedra. O problema é que as sementes obtidas nos hortosementeiros chegan a pouco, polo que a oferta de planta mellorada é limitada. Na cadea forestal, tomouse conciencia nos últimos anos da necesidade de acelerar a chegada dese material a monte. Así, seis viveiros galegos, coa coordinación da Fundación Arume, están a introducir unha serie de innovacións tecnolóxicas para acelerar a mellora xenética. Ese proceso de innovación detallouno onte nunha xornada en Galiforest Francisco Lario, responsable de Material Forestal de Reproducción en Tragsa (viveiro de Maceda, Ourense). As novidades son basicamente dúas. Primeiro, coas sementes de planta mellorada, Tragsa está a proceder á embrioxénese somática, que explicado de xeito sinxelo, quere dicir que a partir de cada semente xéranse decenas de embrións que darán lugar a futuras plantas. En segundo lugar, esas plantas permitirán a creación de campos de plantas nai, dos que se extraerán cada ano estaquillas con capacidade de enraizar. Así, dunha soa semente, nun prazo de catro anos, poden saír milleiros de plantas. No proceso, contarase coa asistencia técnica permanente de dous investigadores chilenos, Fernando Droppelman e Miguel Ángel Peredo, que estiveron de estadía no último mes en Galicia convidados pola Fundación Arume. Esa colaboración é unha garantía para o sector en Galicia, pois Chile ten unha experiencia de máis de 40 anos na mellora xenética do piñeiro radiata, da que é un referente mundial. En Galicia, ademais de mellorar o piñeiro radiata, tamén se mellorará o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), pois ambas especies presentan na actualidade unha importancia similar no monte galego. Procedencias, forestacións e frondosas A xornada de Galiforest sobre planta mellorada abordou tamén unha serie de debates complementarios, como a a necesidades de facer “forestacións melloradas”, en palabras de Isabel Álvarez (viveiros Braña), “para que esa planta mellorada exprese o seu potencial no monte”. O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, plantexou tamén a necesidade de que haxa un maior control sobre a planta foránea que ofrecen os viveiros galegos, pois indicou, “o propietario ten que ter información sobre as procedencias e garantías desas plantas”. En concreto, Dans aludiu á chegada a Galicia de partidas de planta de ‘Pinus taeda’, que ten a virtude de presentar unha alta resistencia ó nematodo, pero que xenera dúbidas sobre a súa adaptación a Galicia. O traballo sobre a mellora xenética das frondosas que está desenvolvendo o viveiro Cultigar ou a introdución de micorrizas na planta forestal por parte de Hifas Foresta foron outros dos asuntos abordados. Na mesa redonda sobre planta mellorada, onte en Galiforest, interviron Isabel Álvarez (Braña SCL), Enrique Fandiño (xerente de Hifas Foresta), Margarita Fraga (directora técnica de Cultigar, Fundación Paideia), Francisco Lario (responsable de proxectos MFR Tragsa) e José Martel (xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal); coa moderación de Enrique Martínez Chamorro (director Centro de Investigación Forestal de Lourizán).

Publicada a resolución das axudas para tratamentos silvícolas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas para tratamentos silvícolas (podas, rareos e rozas), de acordo coa convocatoria que se abrira a finais de decembro do 2020. As achegas totais superan os 10,2 millóns de euros e distribúense entre case 400 beneficiarios, principalmente comunidades de montes veciñais, para actuar nunha superficie de 5.500 hectáreas. A provincia con máis expedientes aprobados é Ourense, con 149 e 2.737 hectáreas, para un importe total de 5 millóns de euros. Séguelle Lugo, con 102 expedientes e 1.119 hectáreas; Pontevedra con 97 beneficiarios e 1.146 hectáreas; e por último, na Coruña, aprobáronse 45 expedientes para traballar en 524 hectáreas. Estas achegas están dirixidas a executar rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas e as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual. A Consellería do Medio Rural lembra que esta convocatoria de axudas está bianualizada, polo que practicamente a totalidade da contía concedida (arredor do 90%) correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2022. Desde a Consellería calculan que, segundo os datos do sector, estes apoios para actuacións silvícolas permiten manter arredor de 200 postos de traballo no sector forestal.

A última poxa pública de madeira, celebrada en Pontevedra, confirma o aumento de prezos

Medio rural procedeu a pasada semana á poxa pública de 19 lotes de madeira na provincia de Pontevedra, a maioría procedente de montes veciñais con convenios de xestión coa Administración. Os lotes tiñan un prezo de saída de 288.000 euros, pero a súa cotización disparouse na subasta ata case dobrarse, chegando ós 568.000 euros. En total, os lotes suman 17.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, chegando a superarse os 60 euros por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país, para aserrado, e prezos superiores aos 20 euros por tonelada para o puntal da mesma especie, destinado a trituración. Cómpre destacar que os mellores prezos acadáronse na madeira baixo certificación de xestión forestal sustentable e enmárcanse nunha dinámica de suba da madeira, “sendo previsible que continúen á alza no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións”, valora a Xunta. Plataforma dixital A poxa desenvolveuse íntegramente de xeito electrónico e puido ser seguida en directo polas empresas e persoas interesadas. O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, o sistema permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas. A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no portal web da Consellería do Medio Rural.

A Xunta saca a poxa 52 lotes de piñeiro por case 1,4 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, alleará 52 lotes de madeira por un importe de 1,38 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica que se celebrará o 8 de decembro na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería. Entre os lotes suman máis de 73.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e de piñeiro silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies. Tal e como sinalan dende a Consellería, estímase que estas árbores permitiron unha absorción de CO² de 39.000 toneladas. Agora preténdese substituílas por novos pés que restauren os montes cortados, produzan madeira e continúen absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Dos 52 lotes de madeira, 24 deles contan con certificación forestal sostible PEFC e 13 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. “Cabe apuntar que a certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais”, destacan dende Medio Rural.

Poxa en liña

Cómpre lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no no portal web da Consellería do Medio Rural.

– Consulta aquí o enlace á resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) cos detalles da poxa.