Archives

Canta madeira se cortou no 2023 en Galicia?

O mercado de madeira en Galicia confirma a súa estabilidade, cun volume de cortas que superou os 9,2 millóns de metros cúbicos no 2023, na liña coa media do periodo 2018-2021, exercicios todos eles que superaron os 9 millóns de metros cúbicos. Os ingresos dos propietarios forestais por vendas de madeira situáronse no 2023 en 276 millóns de euros, segundo os cálculos da Asociación Forestal de Galicia, elaborados en base ás estatísticas de corta da Consellería do Medio Rural. Do total de facturación, 168,7 millóns de euros corresponden ó eucalipto, 101,3 millóns de euros ós piñeiros e 6,6 millóns de euros ás frondosas caducifolias, que máis alá do seu uso para leñas domésticas, continúan a ter un aproveitamento residual na industria da madeira. Logo dun ano excepcional de mercado no 2022, con altos prezos da madeira e boa demanda, as cortas experimentaron no último ano un lixeiro descenso, en consonancia coa menor demanda industrial e os menores prezos. Dos 10,7 millóns de metros cúbicos cortados no 2023 pasouse ós 9,2 millóns de metros cúbicos do 2022. O eucalipto descendeu en cortas arredor do 10%, en tanto no piñeiro as cortas reducíronse un 23% tras un excepcional 2022, que se pechara cos maiores volumes de corta da última década. Datos por provincias Os montes de A Coruña aportan o 45% das cortas totais de madeira en Galicia. Seguen Lugo, co 37%; Pontevedra, co 14%; e Ourense, con só o 4%. Por especies forestais, o 60% do eucalipto córtase na provincia da Coruña, en tanto Lugo é líder autonómico en cortas de piñeiro, con máis da metade do total. Lugo e Pontevedra destacan polo equilibrio de cortas entre piñeiro e eucalipto, pois Lugo ten un 50,5% de cortas de piñeiro, un 45,5% de eucalipto e un 4% de frondosas. En Pontevedra, as cifras son moi similares, co liderado neste caso do eucalipto: un 51% de cortas de eucalipto, un 45% de piñeiros e un 4% de frondosas. No caso da Coruña, as cortas de eucalipto representan un 78,5% do total, polo 17,5% do piñeiro e un 4% das frondosas. En Ourense, unha provincia con escasa actividade forestal, o piñeiro representa o 72% das cortas e séguenlle as frondosas, co 14%, e o eucalipto, especie pouco apta para esta provincia, co 13% das cortas. Distritos forestais En consonancia cos datos provinciais, os tres distritos líderes en cortas de piñeiro sitúanse en Lugo (Lugo – Sarria, Terra de Lemos e A Fonsagrada – Ancares), en tanto os tres líderes en corta de eucalipto están na Coruña (Ferrol, Santiago – Meseta interior, e Bergantiños – Mariñas coruñesas). Convén lembrar que todos estes datos de cortas corresponden a propietarios de montes privados (comunidades de montes e propietarios particulares), que suman o 98% da madeira cortada en Galicia, en tanto o restante 2% procede de montes de xestión pública, principalmente de montes veciñais con convenios coa Administración. Prezos da madeira En prezos, a rolla selecta de piñeiro, con maiores diámetros e calidades, situouse no último ano nos 70 euros, en tanto a rolla de 1ª e 2ª moveuse no arco dos 30 – 40 euros, e o puntal para trituración no entorno dos 20 euros. O eucalipto, pola súa banda, rondou prezos no arco dos 29-31 euros, segundo os datos recabados pola Asociación Forestal de Galicia. En tódolos casos, trátase de prezos medios en pé, sen Ive e con casca. A entidade lembra que nos prezos da madeira inflúe moito a dimensión da parcela a cortar e a accesibilidade para corta e saca da madeira. Multifuncionalidade do monte A maiores do percibido pola venda de madeira, a AFG apunta que os propietarios forestais completan os seus ingresos con outros aproveitamentos a ter en conta, como castañas, cogumelos, silvopastoreo ou servizos ecosistémicos (como venda de dereitos de carbono), entre outros. Todos estes ingresos prodúcense no marco dun manexo sostible do monte. A AFG subliña que a madeira e os restantes aproveitamentos son un recurso renovable, pois os propietarios forestais proceden á plantación ou á rexeneración natural de todas as superficies cortadas, o que contribúe a garantir a sostibilidade do recurso.

As bandas do piñeiro esténdense pola humidade e as altas temperaturas da primavera

Piñeiros afectados polas bandas a primavera pasada en montes de Lugo As enfermidades fúnxicas defoliadoras, en especial a banda vermella e a banda marrón, están causando estragos este ano nos piñeirais galegos. As condicións ambientais de humidade e altas temperaturas desta primavera favorecen a explosión dos fungos e a súa propagación, con efectos visibles sobre todo en montes da provincia de Lugo, pero tamén en zonas do interior da Coruña ou do sur de Pontevedra. Os danos máis graves afectan ao piñeiro radiata, pois o piñeiro do país ('Pinus pinaster') ten unha susceptibilidade escasa a estes fungos. No piñeiro insigne ou radiata, a enfermidade seca as acículas, empeorando a circulación do zume e repercutindo, ademais de no crecemento, no estado sanitario xeral da árbore, que pode chegar a secar. “Cando a afectación nunha árbore chega ao 25-30%, que é cando vemos que está decolorada, prodúcese unha perda de crecemento e cando esa afectación chega ao 70% pode producir xa mortandade, porque o piñeiro empeza a ter problemas vexetativos graves pola falta de densidade das follas”, explica Francisco Dans, director da Asociación Forestal de Galicia.
Co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos
Noutros casos, coa chegada do verán e as altas temperaturas, a actividade do fungo decae e a pranta pode recuperar parte das acículas no outono se non vén tempo moi chuvioso e caluroso que reactive a presenza da enfermidade. Por iso desde a Administración recomendan agardar a ver como evoluciona a situación nos vindeiros meses, antes de tomar decisións precipitadas de cortas. “Hai reservorios e activáronse polas condicións ambientais existentes. A iso se debe a explosión desta primavera. As condicións deste ano son propicias para os fungos foliares”, recoñece Xabier Bruña, enxeñeiro forestal e responsable do distrito Lugo-Sarria, onde o piñeiro insigne é a especie maioritaria. Avance da enfermidade cara ao interior de Lugo O avance da enfermidade en Galicia desde a súa entrada pola parte oriental fai 5 anos, procedente de Asturias, está a ser imparable. “Na parte que é colindante con Castroverde xa tivemos que facer cortas sanitarias por bandas fai dous anos, tanto na zona de Teixeiro como na de Meda, en rodais que estaban completamente secos”, explica Xabier.
Na zona de Teixeiro e Meda xa tivemos que facer cortas sanitarias fai dous anos en rodais que estaban completamente secos
Ademais da Fonsagrada, os montes de Baleira e Castroverde, así como os da comarca de Meira están entre os máis afectados, pero os males esténdense xa a outras zonas do centro de Lugo, A Terra Chá ou A Mariña. “O avance vén motivado polas condicións climáticas, que son propicias para que se espalle, este ano máis ca outros, porque co inverno e a primavera que tivemos, con tempo cálido e húmido, os fungos están moito máis activos. Na zona máis pegada á montaña é máis evidente; noutras áreas a presenza é máis difusa”, detalla Xabier. A nivel galego, Francisco Dans tamén recoñece que “a situación é moi variable e non responde a un patrón común en toda a comunidade”. “Hai zonas de Galicia moi afectadas, especialmente na parte oriental de Lugo, tanto de media montaña como máis ao norte, e tamén algunhas zonas do interior, pero outras curiosamente non teñen danos. Esta situación non obedece a un criterio lóxico establecido, descoñecemos aínda bastante da bioloxía desta especie de fungo”, recoñece. Tratamentos con sales de cobre Tratamento contra a banda marrón en Trasmonte (Friol), na primavera de 2021 Desde a Asociación Forestal de Galicia comezarán na vindeira semana e até mediados de maio unha campaña específica de tratamento sobre unhas 500 hectáreas de monte propiedade dos seus socios e á que se unirá tamén Finsa cos seus montes. Serán tratadas masas de radiata na comarca de Vigo e do Rosal, en Dozón, Lalín e Vilasantar e tamén no entorno de Santiago (Ames, Boqueixón, Negreira, Brión). O tratamento repetirase nestas mesmas parcelas a mediados de setembro, de cara a un posible rebrote no outono.
As aplicacións de cobre matan as esporas e impiden que se transmitan polas acículas e polo zume
 “A clave é protexer as follas, tanto as que quedaron do ano pasado como as que van saír novas este ano”, explica Francisco, que pon énfase en que “é necesario coller a enfermidade a tempo porque enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco”, recoñece. Preocupación na industria O avance da banda marrón preocupa aos propietarios forestais e tamén á industria de transformación. Jorge Souto, que xestiona xunto ao seu irmán Alberto o aserradoiro Hijos de Ramón Rubal SL, a referencia para a madeira de piñeiro na comarca da Mariña, asegura que a enfermidade “vai agravar o problema de subministro de materia prima de cara ao futuro, porque ameaza con deixar a Galicia sen piñeiro insigne en 10 anos”. “En Asturias están a ter que cortar plantacións de futuro, ladeiras enteiras, e en zonas da Mariña ou a Terra Chá está a levarse por diante tamén as plantacións novas, secando os piñeiros que levan tres anos plantados”, conta, polo que “está a desanimar aos propietarios a facer repoboacións con piñeiro radiata”.

“Temos masas mixtas de pinaster e radiata e vese claramente a diferenza”

Voo feito o 13 de agosto de 2023 na Sofor Santa Juliana, onde se aprecia a diferente afectación entre radiata (coas copas secas) e pinaster nunha masa mixta / Imaxes: Galca Agroforestal. Esther Sanchez Barreiro é presidenta da SOFOR Santa Juliana, da parroquia de Cereixido, na Fonsagrada, formada por 19 propietarios e 198 hectáreas de monte. Contan cunhas 25 hectáreas de piñeiro pinaster e outras 20 de radiata, que se atopan moi afectadas. “O pinaster aguanta mellor a día de hoxe, aínda que non quere dicir que non lle afecte, pero as masas de radiata, tanto as que están repoboadas como as que están máis avanzadas, en estado de latizal, están moito peor. Temos incluso unha masa mixta na que se ve claramente a diferenza”, explica. Nesta SOFOR da Fonsagrada trataron xa dúas veces as súas plantacións de radiata pero non lograron salvalas. “Tratámolas fai dous anos pero nada, dá pena velas. E non nos valen moito para cortar aínda, porque terán uns 10 ou 15 anos; faltaríanlles aínda outros 10”, indica Esther.
Seguramente teñamos que cortar o piñeiro radiata, pero non sabemos que imos plantar no seu sitio
Os 19 veciños propietarios do monte de Cereixido están convencidos de que acabarán tendo que cortar a maior parte da superficie afectada, coa incógnita de non saber que plantar de novo. “O que non sabemos é que imos plantar no seu sitio”, recoñece. Axudas para repoboacións por motivos sanitarios José Fernando Enjamio Gándaras é o enxeñeiro técnico forestal da empresa Sortegal que asesora á SOFOR Santa Juliana e reclama unha implicación maior por parte das Administracións. “A Administración ten que empezar a tomar medidas, como tomou no seu momento co nematodo, porque o problema non é pequeno", asegura. “O radiata fóra da súa estación óptima está a sufrir moito, pero incluso en zonas da Terra Chá estano a pasar mal. Notas que a enfermidade vai avanzando; de día en día ves que van empeorando e desde fai un mes é cando os ves máis amarelos”, indica.
As árbores que están afectadas sofren a maiores da enfermidade o estrés da poda
As podas e clareos que se levan a cabo, di, ás veces mesmo son contraproducentes cando as masas xa están afectadas. “Estamos a ver que os tratamentos selvícolas non lles están vindo nada ben a masas xa coa enfermidade, porque sofren o estrés da poda a maiores do da propia enfermidade”, afirma. De cara a substituír, por motivos sanitarios, as repoboacións afectadas por novas plantacións, Fernando pide unha modificación nas ordes de axudas da Consellería. “Neste momento, as repoboacións que se financian son superficies rasas ou que non tiveran arborado nos últimos 5 anos. Este tipo de repoboacións non entrarían”, lamenta. “A alternativa é o cambio de especie. Hai que ver cal se adaptaría mellor en función da zona, pero o 'pinaster' é unha alternativa clara. Os modelos selvícolas non están desenvoltos para que podamos introducir outras especies a día de hoxe”, asegura.

Medidas culturais preventivas

“O nivel de afectación dos fungos foliares depende das condicións climáticas e do estado da masa, por iso é moi importante a aireación, é dicir, que as plantacións estean podadas e clareadas, reducindo a espesura da masa e a presenza de combustible, para que non se dean condicións axeitadas para os fungos e non teña reservorios”, explica Xabier.
A xente descoidou os tratamentos no monte e temos masas de piñeiro radiata sen podas desde fai moitos anos
Para tratar de poñer coto ao intercambio de esporas, Francisco propón tamén outras medidas como “desinfectar as ferramentas e vehículos cando imos dun monte de radiata a outro” e que a planta que sae dos viveiros veña tratada, o que serviría para protexela durante o primeiro e segundo ano. “É algo que non se fai, pero que sería barato”, razoa. Adiantar as podas e reducir a densidade Unha vez no monte, desde a Asociación Forestal de Galicia recomendan aumentar o marco de plantación. “En Lugo estamos poñendo de 830 a 600 pés por hectárea de inicio. Iso ten varias vantaxes, porque favorecemos a aireación da masa desde un inicio e deste xeito ademais os traballos de plantación e poda son moito máis baratos”, di Francisco.
Hai que facer intervencións máis precoces. As masas teñen que estar podadas e manter baixas densidades
Outra das claves na prevención da banda vermella e da marrón é precisamente facer intervencións máis precoces, con podas xa desde os primeiros anos. “As esporas soben desde o material que está no chan á árbore desde o solo a través das ramas baixas, polo que canta maior distancia haxa ao solo máis estaremos evitando a expansión do patóxeno”, evidencia. “Non é unha enfermidade letal se se toman as medidas de prevención axeitadas e se levan a cabo as medidas selvícolas idóneas, que coinciden ademais coas que hai que facer para obter madeira de calidade”, argumenta.
É necesario coller a enfermidade a tempo; enfrontarse a masas adultas xa moi afectadas é difícil, porque recuperan pouco
Outro factor que incide na maior ou menor afectación das masas de piñeiro radiata é a propia elección do lugar de plantación. “A afectación da enfermidade é máis evidente en zonas cunha mala calidade de estación (combinación de solo e clima) ou un ambiente forestal pouco propicio para o piñeiro radiata (pouca profundidade de solo, encharcamentos, escasos procesos de micorrización)”, salienta Francisco.

Folla de ruta para o piñeiro do país

Arredor de 40 profesionais do sector forestal e do ámbito científico xuntáronse durante dous días en Mondariz nun encontro que partía cun reto ambicioso, o de deseñar a folla de ruta para o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) nas próximas décadas. Logo de anos de regresión en monte, por factores como os lumes, a expansión do eucalipto ou a ameaza da praga do nematodo, o piñeiro do país está a invertir esa tendencia, volvendo a gañar protagonismo. A meteórica suba de prezo que experimentou a madeira de piñeiro no 2021 – 2022, unida á moratoria do eucalipto e ós avances na mellora xenética da planta de ‘Pinus pinaster’ son algúns dos motivos que explican ese cambio de tendencia. Pero como continuar a recuperación dos montes de piñeiro do país?. A Asociación Forestal de Galicia quixo dar respostas a esta cuestión nun encontro transnacional Galicia – Norte de Portugal no que confluíron o ámbito científico e a xestión operativa en monte, con participación de centros de investigación, universidades, empresas de servizos forestais e industria da madeira. Imaxe de grupo dos asistentes ó encontro transnacional. O escenario de mercado a curto e medio prazo é positivo para o piñeiro, pois a demanda de madeira de coníferas vai ser moi superior á oferta, como xa se viviu no 2021 e 2022, pero hai que ter en conta tamén riscos para os montes de piñeiro, como o cambio climático, pragas e enfermidades ou lumes. Outro desafío é a produción de madeira de calidade, que lle proporcione unha rendibilidade suficiente ó propietario forestal. Resumimos a continuación as principais cuestións que se abordaron no encontro:

Recurso e mercado

Superficie no monte galego Galicia conta con arredor de 422.000 hectáreas de piñeiro, segundo os datos do Inventario Forestal Continuo, o que representa aproximadamente un 30% da superficie arborada na comunidade. Do total de hectáreas de coníferas, o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) ocupa arredor da metade e o resto divídese principalmente entre o piñeiro radiata, con gran presenza no interior de Lugo, e o piñeiro silvestre, característico de zonas de media e alta montaña. Produción de madeira e destinos
  • España corta cada ano arredor de 5 millóns de metros cúbicos de piñeiro, dos que se producen uns 2 millóns de metros cúbicos de táboa de piñeiro. Para abastecer o consumo interno, é preciso importar outro millón de toneladas de tabla de coníferas, principalmente europeas, segundo explicou no encontro Ismael Olveira, responsable do aserradoiro de Finsa.
  • Dous terzos do piñeiro aserrado en España adícase a embalaxes e envases, principalmente pallets, un destino de limitado valor engadido. O terzo restante repártese entre carpintería, mobles e outros usos, como a construción.
  • A madeira de piñeiro destinada á construción en España representa só un 1% do total, en tanto noutros países europeos destínanse un 20% das coníferas a produtos estruturais para construción. “É un mercado de alto valor engadido que pode representar unha panca para o piñeiro do país”, subliña Ismael Olveira. A experiencia da fábrica galega de madeira contralaminada (CLT) para construción, Xilonor, deixa ademais outro dato relevante: o piñeiro do país presenta mellores características técnicas para este uso que o piñeiro radiata, a outra especie de coníferas con maior presenza en Galicia.
Coxuntura actual de mercado Desde a primavera – verán do 2023 houbo unha caída do mercado de pallets en Europa, o que supuxo un descenso de arredor dun 30% da demanda, así como unha baixada de prezos. No primeiro trimestre do 2024, sen embargo, recuperouse a demanda máis do esperado, se ben os prezos aínda non acadaron os valores anteriores. Parte dos aserradoiros en Galicia manteñen aínda unha redución da súa capacidade produtiva. Demanda estrutural de madeira
  • A demanda de madeira de piñeiro seguirá á alza nos próximos anos. Esperáse que para o 2050 teña aumentado un 37%, segundo os cálculos da FAO.
  • Portugal e Galicia presentan unha carencia de madeira de piñeiro no curto e medio prazo. En Portugal, o consumo anual de piñeiro é de 3,9 millóns de metros cúbicos, cunha oferta interna de só 1,77 millóns de metros cúbicos, segundo os datos expostos por Tiago Almeida, do Centro Pinus: “Portugal ten un déficit estrutural do 57% en madeira de piñeiro”, advertiu.

Xestión de riscos

Cambio climático O cambio climático empeora as perspectivas para os montes de piñeiro en Galicia e, máis aínda, en Portugal. As árbores estarán previsiblemente sometidas a un maior estrés hídrico no verán, se ben espérase que sexa un escenario solventable. No encontro, púxose de manifesto a necesidade de estudar as procedencias de ‘Pinus pinaster’ que poden ser interesantes para o clima de Galicia no futuro, pois existe un amplo arco de procedencias en todo o arco atlántico e mediterráneo do sur de Europa e norte de África. Pragas e enfermidades A praga que máis preocupa na actualidade é a do nematodo do piñeiro, que ten un impacto importante en todo Portugal e tamén no sur da provincia de Pontevedra, unha zona tradicional de montes de piñeiro do país. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán identificou unha serie de familias de piñeiro con alta tolerancia ó nematodo, que xa se están multiplicando no marco do plan de mellora xenética do piñeiro do país. A previsión é que en poucos anos toda a planta de piñeiro que se instale en monte no sur de Galicia sexa tolerante ó nematodo. A irrupción a medio prazo de novas pragas e enfermidades é motivo de incertidume. O sector ten a vista posta no que está a suceder no País Vasco co piñeiro radiata, moi afectado polos fungos das bandas, un problema que xa chegou tamén nos últimos anos ás masas de radiata de Asturias e da provincia de Lugo. Mellora xenética O programa de mellora xenética do piñeiro do país, impulsado polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán, centrouse ata hai unha década na selección de árbores con mellores crecementos e formas. Na última década, o traballo focalizouse en identificar proxenitores resistentes ó nematodo do piñeiro nas familias que formaban xa parte do programa de mellora xenética. Nos últimos anos, Lourizán introduciu criterios complementarios de selección, a demanda da industria da madeira, como a densidade básica e o módulo de elasticidade. Rexenerados naturais ou planta mellorada? No sur de Pontevedra, era habitual que as comunidades de montes e propietarios forestais optasen polo rexenerado natural dos piñeirais tras corta, pois é un sistema que se ben esixe maior manexo e seguemento do monte, reduce o investimento preciso para reforestar. Coa chegada do nematodo á provincia e o lanzamento en Galicia de planta tolerante a esta praga, preséntase a disxuntiva para as comunidades de montes e os propietarios de se apostar polos rexenerados naturais ou por plantacións con material mellorado. Ambas opcións teñen pros e contras. As rexeneracións naturais reducen o investimento e dan a seguridade dunha planta adaptada ó ambiente. As plantacións aportan, pola súa parte, á seguridade dunha mellora xenética e de plantas máis tolerantes ó nematodo. Desde a Asociación Forestal de Galicia, Xosé Covelo plantexou unha opción mixta, coa introdución de planta mellorada en rexenerados naturais e que sexa marcada para, nun futuro, permanecer como pés pais no monte, tras corta do resto da masa.
As Landas francesas plantan un 90% dos piñeirais que se cortan, sempre con xenética mellorada
En Galicia, Raquel Díaz, de Lourizán, estima que tras corta, pode haber un 70% de plantacións e un 30% de rexenerados naturais. Da superficie plantada, arredor de dous terzos fanse con planta mellorada. Son cifras en ambos casos moi inferiores ás das Landas francesas, unha rexión que se toma como referencia, na que o 90% das superficies son plantadas e o 100% da planta empregada neses casos incorpora mellora xenética.

Silvicultura e rendibilidade

Calidade da madeira David Lorenzo, da marca Pino de Galicia (Fundación Arume) expuxo no encontro os obxectivos de calidade que se precisan na madeira de piñeiro para usos de alto valor, como o da construción: - Diámetros superiores a 40 centímetros e trozas de 3 metros de longo. - Tronco recto, co corazón centrado. - Árbores podadas ata os 4 – 6 metros, que poidan aportar ata dúas trozas de gran calidade. - Ausencia de nós, pudricións e bolsas de resina. Para obter esa madeira, será preciso aplicar unha boa silvicultura, con podas, rareos e claras cando sexa preciso. Modelos silvícolas Un dos debates da xornada estivo nos modelos silvícolas a aplicar en piñeiro do país, con distintas opcións de marcos de plantación que poden oscilar entre 625 e 1.250 plantas por hectárea, todos eles cos seus pros e contras. En plantacións con planta mellorada, pódese optar por unha densidade baixa de plantación, o que elimina a necesidade de rareos e permite facer unha única clara ós 20 anos. Con marcos máis densos, faise preciso un rareo, no entorno dos 7 anos, e claras sucesivas a medida que a plantación medra. En determinadas zonas, esas claras poden producir un maior ataque polo vento ás árbores de futuro, que poden rematar caíndo. Pero a opción de facer plantacións a baixa densidade tamén xenera contras, como a esixencia de maiores podas ou crecementos xuvenís máis altos, o que deparará unha madeira que no seu corazón terá unha menor densidade.
A curvatura basal en plantacións xuvenís é un problema habitual que pode ser correxido
Un problema que se detecta con frecuencia nas plantacións de piñeiro do país é o da curvatura basal das árbores xuvenís, sobre todo en áreas desbrozadas, que quedan máis expostas ós ventos, e tras un periodo de choivas que abrandan o solo. Esas curvaturas, en árbores non moi grandes, de 3 a 8 anos, poden correxirse manualmente antes do inicio da primavera, co manexo da terra ao pé da árbore, segundo expuxo na xornada Braulio Molina (AFG). Tamén se poden tomar medidas preventivas, como substituír os desbroces por rozas puntuais en zonas que se poidan esperar problemáticas. Rendibilidade En función do modelo silvícola aplicado e da calidade do monte, a rendibilidade esperada nunha plantación de piñeiro oscila actualmente entre un 2,3 e un 6,6% anual, segundo os cálculos de Ulises Diéguez (Universidade de Santiago). Trátase dunha rendibilidade que para os propietarios resulta escasa: “Tendo en conta os riscos que leva consigo unha plantación forestal, a nivel de lumes, pragas ou enfermidades, ningún propietario forestal ve atractiva unha plantación que ofreza intereses menores ó 7%”, valora o director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans.
"Tendo en conta os riscos, ningún propietario forestal ve interesante un investimento que ofreza intereses menores ó 7%" (Francisco Dans)
Como mellorar esa rendibilidade foi outro dos debates da xornada. A opción do rexenerado natural, que reduce o investimento, é unha alternativa para a mellora de rendibilidade. Outra alternativa pasa pola busca de fontes de ingresos complementarias, como a venda do carbono capturado pola plantación ou o apoio de axudas públicas. Desde a Fundación Arume, propúxoselle a Medio Rural o deseño dunhas axudas contractualizadas que inclúan compromisos do propietario desde a plantación ata o ano 12 da mesma. “A silvicultura nos primeiros 12 anos é a clave para conseguir unha árbore que a nivel silvícola vai estar feita nos primeiros 4 metros. O resto da quenda é precisa para completar os crecementos, pero a calidade terémola garantida”, explica Jacobo Feijoo.
Proponse un sistema de axudas contractualizadas con compromisos silvícolas durante os primeiros 12 anos da plantación
Desde Medio Rural, o director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, valorou como positiva a proposta, co compromiso de estudar a súa posible implementación para o próximo ciclo de axudas, a partir do 2025, cando entra en vigor un novo ciclo de axudas forestais, ligado ó Plan Estratéxico da PAC 2023-2027.

Visitas a monte

Como parte deste encontro, fixéronse diversas visitas a montes de piñeiro no sur de Pontevedra. Un dos percorridos foi nunha parcela de ensaios de ‘Pinus pinaster’ ubicada no monte veciñal de Soutelo (Salceda de Caselas), instalada no 2021 de xeito conxunto polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán e a Asociación Forestal de Galicia. Trátase dunha parcela na que se ensaian un total de 12 xenotipos resistentes ó nematodo do piñeiro e na que se están facendo comparacións entre a planta mellorada en Galicia, a identificada (sen mellora), e a mellorada en Portugal e en Francia. A parcela instalouse hai dous anos, polo que aínda non hai unhas primeiras conclusións, se ben o comportamento da planta galega mellorada e da portuguesa está a destacar.
Estanse facendo ensaios comparativos da planta mellorada en Galicia coa francesa e a portuguesa
Outra das visitas técnicas foi ó monte demostrativo de Mouriscados (Mondariz), impulsado pola Asociación Forestal de Galicia en colaboración coa comunidade de montes veciñais de Mouriscados (Mondariz). No monte demostrativo de Mouriscados visitáronse traballos de plantación con planta mellorada, procedente de multiplicación vexetativa por estaquilla, así como unha plantación experimental de 2,7 hectáreas de planta resistente ó nematodo do piñeiro. O percorrido polo monte veciñal de Mouriscados concluíu nunha zona na que, tras un recente incendio, restauráronse antigos bancais. É un traballo que se fixo con material controlado de ‘Pinus pinaster’, acompañado de rexeneración natural, e de franxas de bidueiros en determinadas zonas.

Un encontro científico – técnico abordará a mellora do manexo dos montes de piñeiro en Galicia e Norte de Portugal

A Asociación Forestal de Galicia organiza os próximos 19 e 20 de marzo un encontro científico – técnico transfronteirizo sobre os montes de ‘Pinus pinaster’, coñecido popularmente como piñeiro do país ou piñeiro bravo. O obxectivo é analizar como mellorar a xestión forestal dos montes de piñeiro, así como a súa resiliencia a ameazas como o cambio climático, as patoloxías forestais ou os lumes. O encontro contará coa participación dun grupo de 40 expertos, profesionais da xestión forestal e científicos, que analizarán conxuntamente durante dúas xornadas os temas máis relevantes que afectan ao manexo dos montes de piñeiro na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. Programa O programa do evento contará con tres bloques principais: mellora xenética e manexo silvícola dos piñeiros, xestión e prevención de riscos, e sostibilidade e servizos ecosistémicos. Pódese consultar todo o programa do evento neste enlace. Inscripcións Todas as persoas interesadas poderán seguir o evento por videoconferencia, para o que terán que inscribirse a través deste formulario. Con antelación ó inicio do encontro, enviaráselle a todas as persoas inscritas o enlace de conexión. O evento está organizado pola Asociación Forestal de Galicia, coa colaboración dun comité organizador integrado tamén polas seguintes entidades: Asociación Sectorial Forestal Galega, Associação Florestal de Portugal, Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, Fundación Arume e Unión de Silvicultores do Sur de Europa. Asimesmo, o encontro conta co patrocinio da Consellería do Medio Rural, de Abanca e da Fundación Arume.

Comeza unha lixeira reactivación da demanda de piñeiro e eucalipto

Despois dunha segunda metade do ano 2023 cunha considerable redución no volume de cortas de piñeiro e eucalipto no monte por mor dunha situación de mercado ralentizada que mesmo obrigou ás fábricas a restrinxir a entrada de materia prima, o 2024 comeza cunha lixeira reactivación da demanda, aínda que polo momento non se trasladou de maneira importante aos prezos, salvo cunha tímida recuperación nos lotes máis grandes e con mellor saca. “Houbo subas nos volumes de pedidos que tiñamos reducidos, pero máis aló deses pequenos atisbos de incrementos de demanda, no prezo non houbo aínda marabillas”, recoñecen algunhas das empresas do sector. O eucalipto glóbulus está aínda por baixo dos 40 euros, mentres que a rolla de piñeiro móvese entre os 35 e os 42 euros dependendo da especie, chegando aos 45€ nas pezas de maior calidade. Tanto no caso do piñeiro como do eucalipto, a facilidade de saca e o tamaño da parcela condiciona tamén de xeito importante o prezo final a cobrar polo propietario forestal. A recuperación dos prezos do eucalipto faise agardar Aínda que se agardaba unha recuperación do valor da madeira de eucalipto en pé logo de que Ence decidira frear en novembro as baixadas de prezos, que no conxunto do pasado ano supuxeron uns 7€/tonelada, as subidas estanse a facer agardar.
O eucalipto baixou o ano pasado un 15%, mentres que o piñeiro fíxoo un 10%
Os propietarios individuais con lotes de madeira bos para vender directamente a Ence xa notaron un pequeno incremento de prezo, pero polo xeral o eucalipto glóbulus segue por baixo dos 40€, cunha diferenza duns 5 ou 6 euros menos de media no caso do nitens, dependendo da fábrica e dos dixestores que teña. Ence, principal destino para o eucalipto que se corta en Galicia, non chegou a establecer cupos o ano pasado para a entrada de madeira ás súas plantas, agás no caso da biomasa, pero optou por priorizar nas entradas de madeira o glóbulus fronte ao nitens, cunha maior penalización no prezo, que aínda se mantén.
Segue sen corrixirse a diferenza de 6 euros menos no nitens
O prezo a cobrar polo propietario forestal, xa con IVE e descontado o 2% de retención fiscal, está neste momento, no mellor dos casos, en 40€ para o eucalipto glóbulus pelado (34€ sen pelar) e 6€ menos para o nitens segundo a tarifa de Ence, que se mantén sen cambios desde novembro.
As importacións de pasta de papel e madeira desde suramérica están a retrasar a revalorización do eucalipto nos montes galegos
No caso do eucalipto para a exportación, tanto con destino a Portugal para Navigator como o que se envía aos países nórdicos, están a incrementarse os volumes de saída de madeira logo de meses de pedidos reducidos, aínda que as fábricas en Europa están agardardo o máximo posible para repercutir no prezo a suba xa experimentada na cotización da pasta de papel, que supera neste momento os 1.000 dólares, cando estivera a tan só 700 hai medio ano. Chegada de madeira en cargueiros desde Huelva e Brasil Se durante o 2023 a planta de Ence en Navia elexía glóbulus nas súas compras, agora que os parques de madeira da pasteira practicamente se baleiraron, está transportar en barco ao porto de Mirasol, en Ribadeo, eucalipto  desde Huelva, unha estratexia que xa levou a cabo noutras ocasións. Para surtir á planta de Pontevedra, sen embargo, Ence está a apostar por traer materia prima de Brasil en grandes cargueiros de máis de 40.000 toneladas que descargan no porto de Marín, segundo fontes do sector. Estas importacións non eran algo habitual até agora, pero os excedentes de eucalipto no país suramericano están a servir para ofertar madeira a prezo barato ás pasteiras europeas.
No porto de Marín descárgase a madeira de importación para a planta de Pontevedra e en Ribadeo a de Huelva destinada a Ence Navia
Ademais de pasta de papel, Brasil é tamén un importante exportador de madeira en rollo, fundamentalmente con destino a China, pero o mercado asiático atópase nestes momentos ralentizado e eses excedentes están a ser derivados a Europa. Volve a normalidade á industria do taboleiro A caída de prezos do piñeiro o ano pasado foi menor ca do eucalipto, pero houbo problemas para dar saída á madeira que se cortaba nos montes. Aínda que os principais aserradoiros locais en Galicia mantiveron as compras, o atranco fundamental estaba no puntal, onde houbo un embotellamento debido ao establecemento de cupos e restricións por parte de Finsa. Esa limitación no mercado do puntal acabou prexudicando tamén á rolla, xa que cando unha empresa forestal entraba nun monte atopábase con que tiña saída para a madeira de calidade pero non para a destinada á industria do taboleiro, o que limitou de maneira importante as compras e cortas de madeira de piñeiro en 2023.
Os aserradoiros locais en Galicia mantiveron a actividade no 2023 pero Finsa estableceu cupos que arrastraron a toda a cadea
Neste momento, sen embargo, a situación nas fábricas corrixiuse. As restricións impostas á entrada de madeira levantáronse fai un par de meses e Finsa está recibindo materia prima con normalidade desde principios de ano, o que está a servir para incentivar o mercado.
Comezan a animarse un pouco os pedidos e xa aumentou algo a demanda de especies como o radiata
Dependendo do tipo de piñeiro, da facilidade da saca e da distancia do monte ao aserradoiro, a rolla móvese na horquilla dos 35-45€, mentres que o puntal págase a 27€ a tonelada. O descenso sufrido pola madeira de conífera o ano pasado foi menor que a do eucalipto (entre 4 e 5 euros para o piñeiro fronte aos 7 do eucalipto), e produciuse ademais de xeito moito máis paulatino, o que deu tempo ás empresas forestais a reaccionar e axustar as súas ofertas. Procesadoras paradas Coa caída da demanda por parte das fábricas a maioría das empresas forestais estiveron traballando a medio gas nos últimos meses, mesmo reducindo as unidades de corta operativas porque “se tes cupos non podes apilar a madeira”, recoñecen.
A falta de demanda fixo que as empresas atenderan a feitura de montes menos produtivos, que levan máis tempo
Tamén se aproveitou por parte do sector para facer aqueles montes menos produtivos e nos que a saca levaba máis tempo. “Cando hai apuro priorizas os máis rápidos de cortar e de máis volume e é nestes momentos máis parados nos que aproveitas para facer limpeza e sacar de diante outro tipo de montes”, explican. Á espera dunha recuperación das compras de madeira no monte As empresas forestais agardan poder volver traballar con normalidade nos vindeiros meses aínda que neste momento as compras seguen aínda moi paradas. “É difícil comprar, basicamente porque a xente non vende; ten que acostumarse aos novos prezos e o propietario que pode esperar está agardando a ver que dirección colle isto”, recoñecen nunha empresa que compra na Mariña.
A xente non vende porque o propietario está agardando a ver que dirección colle isto
No inverno sempre hai unha redución das vendas de madeira por parte dos propietarios polas propias condicións meteorolóxicas á hora, por exemplo, de ir ensinar os montes, mentres que na primavera e o verán é cando máis se anima o mercado da madeira en pé, polo que se os prezos repuntan poderíase volver aos volumes habituais doutros anos, consideran. “Se o prezo mellora un pouco pode animar ao propietario a vender, porque é certo que a retracción desta volta foi enorme a partir de setembro, pero se non hai unha certa revalorización a cousa seguirá parada, porque se non tes unha necesidade acuciante de vender agardas a que se recupere o prezo”, indican noutra empresa.

Novos destinos para a madeira queimada

Na Mariña, a prioridade das cortas neste 2024 estará centrada en sacar a madeira dos montes queimados no gran incendio do pasado outono, que afectou a 2.300 hectáreas dos concellos de Ribadeo e Trabada, no maior lume producido en Galicia no 2023. Pero non foi o único que se produciu nesta zona. Fai só dúas semanas o vendaval tirou unha árbore sobre unha torreta eléctrica e provocou un incendio que se levou por diante outras 190 hectáreas neste municipio cunha importante produción de madeira e que conta con varias empresas adicadas ao sector forestal.
Fai dúas semanas o monte volveu arder en Trabada por mor dunha árbore que tirou o vento sobre un transformador eléctrico
Maderas Edelmiro López é unha delas. Sara Montero, a xerente da empresa, explica que xa empezaron a cortar madeira queimada e que están buscando novas saídas para ela en mercados fóra de Galicia. O lume de outubro queimou máis de 50 hectáreas de monte propiedade da súa familia, a maior parte de eucalipto nitens, que non se pode pelar. “Até agora nunca embarcaramos madeira con corteza queimada. Estámola mandando para Reino Unido desde o porto de Burela, tanto para uso papeleiro como para caldeiras de estelas”, conta. Perspectivas para este ano A curto prazo, Sara agarda unha recuperación do sector, tanto no piñeiro como no eucalipto. “Son optimista, porque os prezos baixos do eucalipto están durando xa moito e os ciclos no eucalipto son curtos, é un ciclo que dura normalmente 6-8 meses. As fábricas están non con escaseza pero si aumentando a demanda de madeira de eucalipto e a celulosa volve cotizar ben, aínda que é certo que tarda un pouco en trasladarse esa revalorización a todos os puntos da cadea”, explica.
Eu esperaba unha baixada moi grande do piñeiro o ano pasado e foi ao revés, o que baixou máis foi o eucalipto, porque de piñeiro comeza a haber escaseza
En canto ao piñeiro, “segue parado”, di, “pero confío que o mercado se recupere neste primeiro semestre, ao mellor non totalmente, pero si que haxa indicios de recuperación forte, sobre todo en material de aserradeiro”, prognostica. “Co piñeiro comeza a haber escaseza e a curto prazo vai ser importante o desabastecemento nalgunhas zonas. Durante moitos anos o piñeiro foi moi mal tratado en prezo para o propietario, e iso, sumado a uns coidados maiores (podas, entresacas), ademais do maior turno de corta, desincentivou a súa plantación”, recoñece.

Obradoiros sobre extracción de resina e cultivo de oliveiras

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias ofrece dous obradoiros dentro das Xornadas de Formación para Oportunidades de Negocio. O primeiro obradoiro será o día 29 de febreiro e tratará sobre a extracción de resina de piñeiro como oportunidade de negocio. Este curso impartirase en modalidade online, a inscrición será gratuíta e pode facerse mediante este enlace. A formación inclúe tanto a explicación de aspectos técnicos como o mercado e as maneiras de comercializar o produto. Como reforzo desta formación, contarase co testemuño da comunidade de montes de Baroña onde se están facendo traballos de extracción. Aquí pódese consultar o programa do obradoiro de extracción de resina. O segundo obradoiro será o día 1 de marzo e impartirase en modalidade presencial. Será no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago de Compostela. Estará focalizado no cultivo de oliveiras e a súa explotación. A inscrición tamén será gratuíta a través deste formulario. A xornada contará cunha presentación de Oligalicia: Grupo Operativo da Oliveira en Galicia. Tamén falarán sobre a recuperación de variedades de oliveira en España. Haberá palestras con especialistas e profesionais do sector como Centro Tecnolóxico da Carne e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, produtores como a cooperativa Proligal ou empresas como Ouro de Quiroga, CentoXCento e Aceites Abril. O programa pode consultarse neste enlace.

Convócanse axudas para a forestación con piñeiros e frondosas caducifolias

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais de coníferas e frondosas, dotadas cun orzamento de algo máis de 1,5 millóns de euros. A través destas achegas, poderán crearse superficies forestais con cinco especies diferentes de coníferas, como o piñeiro do país, o radiata ou o piñeiro silvestre; e con 21 especies de frondosas, como o ameneiro, o bidueiro, o freixo ou o castiñeiro, entre outros. Os beneficiarios das axudas poderán ser tanto propietarios particulares como agrupacións dos mesmos ou comunidades de montes veciñais. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles a partir do próximo luns, 5 de febreiro. Superficies A superficie mínima a plantar será dunha hectárea en couto redondo e ten que cumprir o requisito de que non existise nela arboredo cando menos os últimos cinco anos, ou que o que haxa teñan unha fracción de cabida cuberta inferior ó 20% da parcela. Exceptúanse desta obriga as parcelas ocupadas por eucalipto cun diámetro inferior a 10 centímetros ou as parcelas con acacias, mimosas ou robinias. As parcelas teñen que cumprir ademais o requisito de estar identificadas no Sistema de identificación xeográfica de parcelas agrícolas (Sixpac) como forestal (FO), pasto con arboredo (PA), matogueira (MT) ou pasto arbustivo (PR). Pódese consultar no DOG a orde completa de axudas.

Poxa pública da Xunta para vender 37 lotes de piñeiro en Lugo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras en Lugo, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta na provincia lucense. Nesta poxa, adxudicaranse 37 lotes cun valor total de 1.780.000 euros, dos cales 23 contan con certificación forestal sostible PEFC e 3 dispoñen da dobre certificación, PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados no mundo. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible asegura que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. Os lotes suman 67.204 metros cúbicos de madeira de piñeiro. A madeira é toda verde e será vendida baixo a modalidade de alleamento de risco e ventura. Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin. Plataforma de consulta Os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas. Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta, apoiándose nun videotitorial elaborado para axudar nesta situación.

Como obter mellor madeira de piñeiro en Galicia?

A industria do aserrado do piñeiro en Galicia tivo ata o de agora gran parte do seu negocio no sector de embalaxes e paléts, caracterizado en xeral por unha esixencia flexible sobre a calidade da madeira. Coa aparición de prometedoras liñas de negocio con máis valor engadido, como a madeira estrutural para construción, o termotratado de piñeiro para exteriores ou potenciais posibilidades en carpintería e interiores, as esixencias de calidade aumentan. Está preparado o monte galego para abastecer esa demanda?. Haberá madeira suficiente e de calidade? En Galicia, o Inventario Forestal calcula a existencia de máis de 400.000 hectáreas de piñeiros, pero as coníferas son unha especie en regresión na comunidade, lastradas principalmente pola expansión do eucalipto nitens na zona norte e polos incendios nas provincias do sur. A suba de prezos que experimentou o piñeiro a partir do 2022 fixo que as coníferas recuperasen atractivo para o propietario forestal, unha tendencia que a Fundación Arume quere reforzar con novas medidas. A Fundación Arume, que agrupa á maior parte da cadea forestal madeira da comunidade ligada coas coníferas, desde viveiros forestais e asociacións de propietarios ata a industria, considera que existen dous desafíos principais. Mellora xenética da planta Primeiro, que toda a planta que saia dos viveiros con destino a monte teña a máxima calidade xenética, é dicir, que garanta bos crecementos e menores turnos de corta, calidade do fuste e resistencia a pragas, enfermidades ou fenómenos adversos, como o cambio climático. Con ese obxectivo, a Fundación impulsará a partir do 2024 un plan de mellora xenética do piñeiro do país (‘Pinus pinaster’) e do piñeiro insigne (‘Pinus radiata’). O obxectivo sitúase en lograr a produción de 5 millóns de plantas con mellora xenética. Como referencia, no 2022 producíronse nos viveiros forestais galegos 6 millóns de plantas de coníferas, das que algo menos da metade presentaban mellora xenética, ben da categoría cualificada -a superior-, ou controlada. Pero a situación era peor uns anos antes, cando aínda Arume non iniciara os plans piloto de mellora da planta. En aquel entón, no 2019, a planta mellorada era só un 7% da total. Para lograr a produción de máis planta mellorada, os viveiros forestais galegos comprometéronse na posta en marcha de máis campos de pés nai, a partir dos que facer multiplicación por enraizado de estaquillas. Tamén se está adaptando e utilizando xa en Galicia a técnica da embrioxénese somática de sementes, para lograr a multiplicación de familias melloradas de piñeiro e instalar a curto prazo novos campos de pés nais con ese material. Tratamentos silvícolas das plantacións Un segundo chanzo sitúase en garantir o tratamento silvícola das plantacións melloradas, de cara a garantir que se obtén madeira de calidade, podada e libre de nós. Con esa idea, a Fundación Arume presentaralle á Consellería do Medio Rural unha proposta para redefinir as axudas ós montes de coníferas. O obxectivo é a posta en marcha dun programa de axudas públicas destinado á produción sostible de madeira de alto valor. De cara a asegurar que as axudas públicas logran o seu resultado, proponse que a liña de apoios para xestión sostible dos montes de coníferas teña un carácter plurianual, con pagos progresivos a medida que se consigan determinados fitos silvícolas, desde o inicio da plantación ata o ano 12. A proposta da Fundación é que as persoas propietarias forestais que queiran aproveitar estas axudas asinen un contrato coa Administración forestal competente, comprometéndose a desenvolver un determinado itinerario silvícola valorado e especificado nun protocolo contractual ou plan técnico. A axuda proponse que abranga un ciclo de 12 anos, comezando no ano cero da sinatura do contrato e cun calendario de pagos, en función do itinerario silvícola comprometido. Os modelos silvícolas contractuais, segundo a proposta de Arume, establecerán as quendas e as operacións forestais necesarias para alcanzar os seguintes obxectivos de produción de madeira: • 300 pés/hectáreaa mínimo ao finalizar a quenda de corta. • Nos pés obxecto da corta final: polo menos 4 metros de torada basal sen nós. • 300 m3/ha de madeira na corta final. As operacións forestais ao longo do primeiro ciclo de cultivo, de 12 anos, incluirán, como mínimo, as seguintes cuestións: plantación con planta mellorada, reposición de marras, rozas de control da vexetación de competencia, podas de formación e de calidade ata unha altura mínima de 4 metros de fuste, cortas de rareo. Resultados Estas medidas concíbense como unha semente para lograr a sostibilidade silvícola dos montes de coníferas en Galicia. A cadea da madeira galega enfronta boas perspectivas de futuro no medio prazo, pero precisa garantir un suministro futuro de madeira de calidade en cantidade suficiente. A potencialidade dos novos usos, como a madeira estrutural para a construción, estase xa a deixar sentir, coa previsión de crecementos sostidos da demanda nos próximos anos. É de destacar, neste sentido, o compromiso da Xunta de Galicia de que, a partir do 2024, polo menos o 20% das edificacións de promoción pública se constrúan con sistemas de madeira estrutural. A Fundación Arume, que onte celebrou unha reunión do seu Padroado, agradeceu este compromiso, que considera que representa unha oportunidade para todo o sector. A previsión é que trala iniciativa pública, chegue tamén a privada a esa tendencia de construción en madeira.

A baixada do eucalipto toca fondo e agárdase unha certa recuperación de prezos no medio prazo

O prezo da madeira de eucalipto semella ter tocado fondo, logo da brusca caída producida desde o mes de abril, e desde o sector apúntase a unha lixeira recuperación no medio prazo, como consecuencia da caída de stock nos parques de madeira que subministran ás plantas de Ence. Os prezos mantivéronse na banda alta até o mes de abril deste ano, logo do forte ascenso vivido en 2022, pero desde entón comezaron unha baixada paulatina todos os meses de entre 1 de 1,5 euros en tonelada até outubro. Ence, que pilota as baixadas e subidas de prezo en Galicia, freou os descensos en novembro, mantendo na actualidade o eucalipto glóbulos pelado no entorno dos 40 euros, cando na primavera rondaba os 47 euros, o que supón unha caída do 15%.
Ence deixou de baixar o prezo en novembro logo de 7 meses consecutivos de caídas
No caso da madeira con corteza, estase a pagar neste momento entre 31 e 33 euros, no caso de montes con óptimas condicións de saca. Ence prioriza a compra de madeira con casca debido ao seu aproveitamento enerxético e penaliza en maior medida neste momento o nítens e o regnans. A caída no prezo da materia prima débese ao descenso da cotización da pasta de papel. Ence non baixou produción nas fábricas, pero as marxes reducíronse notablemente. O mercado fóra de Galicia tamén se retraeu, e os envíos desde a nosa comunidade a pasteiras do norte de Europa ou Portugal, así como a Euskadi ou Zaragoza, minguaron.
No piñeiro os descensos foron menores aos do eucalipto, cunha baixada do 10% este ano
En canto aos prezos do piñeiro, os descensos foron máis suaves que os do eucalipto, acumulando unha baixada do 10% este ano. A rolla de primeira págase neste momento a 45 euros a tonelada. A problemática do piñeiro é distinta á do eucalipto e débese á dificultade para colocar a madeira cortada polas empresas forestais nos aserradoiros e fábricas de taboleiro desde o verán. Ao haber pouca saída de produto a madeira empezou a acumularse nos parques. As vendas están paradas As baixadas, tanto do piñeiro como do eucalipto, frearon en seco as vendas nos últimos meses. As cortas que se están a producir neste momento foron contratadas en moitos casos antes de que se consumara a caída de prezos, pero non está a haber novos contratos e as empresas forestais están a traballar xa a medio gas.
Está habendo cortas contratadas previamente pero non novos contratos
Como consecuencia, prevese un descenso importante a final de ano do volume de madeira sacada dos montes galegos neste exercicio, acabando o 2023 nos 9,5 millóns de metros cúbicos, fronte aos 11 millóns acadados no ano 2022. Os propietarios a día de hoxe están a optar por non poñer madeira no mercado, polo que se albisca unha caída na oferta de materia prima a curto prazo, que podería notarse máis no eucalipto, xa que segue habendo saída de celulosa, aínda que a un prezo un 40% inferior ao de fai ano e medio.
A medio prazo agárdase unha certa reactivación dos prezos do eucalipto a medida que o stock actual se esgote
Os parques de madeira que subministran ás plantas de Ence, que fai 6 meses estaban a tope de madeira, diminuíron xa o seu stock, polo que no sector agárdase unha certa recuperación do prezo do eucalipto no monte para a primavera.

Ence escúdase nunha caída do prezo da celulosa en Europa de máis dun 40% e di que non foi trasladada na súa totalidade aos propietarios forestais

Ence Terra, a división forestal da compañía, afirma que segue a manter os prezos de compra de madeira de eucalipto en pé en niveis similares aos de 2020, a pesar do importante descenso que sufriu neste exercicio o prezo dos produtos procedentes da madeira, como é o caso da celulosa, nos mercados internacionais.   Desde os máximos alcanzados en agosto de 2022 e os mínimos alcanzados en agosto de 2023, o prezo da celulosa en Europa caeu máis dun 40%, “pero este descenso non se transmitiu ao prezo da madeira”, asegura, un feito co que a compañía “pon de manifesto o seu compromiso cos propietarios forestais e o seu apoio ao sector”, di.
A pasteira insiste en que os prezos no monte se manteñen neste momento en niveis do ano 2020, previos á pandemia
“Aínda que o prezo da madeira de eucalipto en pé sufriu unha pequena corrección con respecto ao prezo do último ano, actualmente atópase en prezos similares aos rexistrados no ano 2020, manténdose as plantacións de eucalipto como unha alternativa de alto valor  para os propietarios á hora de sacar proveito das súas parcelas forestais”, afirma a empresa. O eucalipto gaña peso no conxunto das cortas Ence nega que este ano se vaia producir un descenso importante nas cortas de madeira de eucalipto en Galicia e prevé que se peche o actual exercicio por enriba dos 5,5 millóns de metros cúbicos cortados, “unha cifra similar á media dos últimos cinco anos”, destaca.   Ademais di, “as cortas de madeira de eucalipto, que se cultivan no 20% da superficie forestal de Galicia, aumentaron o seu peso relativo sobre o conxunto do total dos aproveitamentos de madeira da comunidade ata situarse en torno ao 60%, facendo do aproveitamento do eucalipto  un piar de crecente importancia para o sector forestal”, conclúe.
https://www.campogalego.gal/caida-xeral-da-actividade-na-cadea-forestal-madeira-no-2023/

Adxudicados 40 lotes de madeira en poxa pública por 1,8 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicou 40 lotes de madeira en Ourense por un total de 1.828.175,12 € nunha poxa electrónica. Amais destes lotes, outros catro quedaron desertos e serán alleados -a un prezo menor- en próximos procedementos. Case todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural. Os lotes adxudicados suman máis de 63.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, incluíndo unha pequena porción de eucalipto branco e chopo negro. Toda a madeira é verde e será vendida baixo os sistemas de risco e ventura e a resultas de liquidación final. Os importes acadados na poxa confirman unha vez máis os altos prezos da madeira de coníferas, acadándose os valores máis altos na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal. Así, enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que se manteñan no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións. Certificacións forestais sostibles A Xunta destaca o feito de que 29 dos lotes teñen a certificación de xestión forestal sostible PEFC e outros 14 teñen a dobre certificación PEFC e FSC. Isto significa que cumpren polo menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación máis comúns a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben ter tamén un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible garante que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, e que cumpre outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais. Como nas poxas electrónicas de madeira anteriores, os licitadores realizaron todos os trámites de forma telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Tamén puideron seguir o proceso a través dunha sala virtual creada para este fin. A plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET). Tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas. Ademais, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado para este fin. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse neste enlace que leva ao enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural. Medio Rural, por último, lembra que a explotación destas árbores representa unha absorción de CO2 de máis de 44.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a súa vida. Estas árbores serán substituídas por outras novas que seguirán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

A singularidade da sinxeleza: o mobiliario de Isaac Díaz Pardo para Sargadelos

A Fundación Arume, que agrupa a toda a cadea monte – industria de Galicia ligada ó piñeiro, vén de elaborar un vídeo para recoñecer e prestixiar o traballo que desenvolveu Isaac Díaz Pardo (1920-2012) no deseño de mobiliario, en especial no creado para as instalacións de Sargadelos en Cervo (Lugo). O traballo de Díaz Pardo representa un exemplo temperá da importancia do deseño como elemento crave para a segunda transformación da madeira. As pezas que elaborou para Sargadelos, a maioría delas de uso cotiá, como cadeiras e mesas, son coherentes con toda a súa traxectoría artística. En palabras do arquitecto Elías Cueto, Isaac Díaz Pardo dáballe protagonismo ás “formas robutas e de xeometrías fortes”. Unha das madeiras máis empregadas no mobiliario por Isaac Díaz Pardo foi o piñeiro, xunto co castiñeiro. “O piñeiro é unha madeira sen pretensión de prestixio, que empregou como se usa na carpintería rural, sen artificios, buscando unha sinxeleza atemporal e que resoa nas imaxes da tradición etnográfica galega”, sinala Cueto. O crítico de arte David Barro, da Fundación Didac, contextualiza o mobiliario creado por Isaac Díaz Pardo no conxunto da súa obra. “Cando Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane impulsaron o Laboratorio de Formas querían enriquecer ó mundo coa nosa diferenza. Eles entenderon que o deseño era fundamental para conseguir o carácter diferencial da nosa cultura, das nosas empresas”, sinala Barro. “Con Cerámicas do Castro e Sargadelos recuperaron a historia de Galicia para levala ás casas, ó pobo. O deseño de mobiliario hai que entendelo tamén nese contexto. “É un deseño cooperativo, socialista. Cadeiras feitas para os comedores, salóns de actos, para uso de todas as persoas que tiñan relación con Sargadelos, coas fábricas e empresas. O Laboratorio de Formas impulsa unha sorte de Bauhaus galega”, explica David Barro. Con este vídeo, a Fundación Arume prosegue unha serie de vídeos divulgativos cos que quere transmitir a potencialidade da madeira galega de piñeiro. Este traballo en vídeo contou coa cofinanciación de XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

“O piñeiro galego ten moitas posibilidades e imos polo bo camiño, pero tamén é certo que nos queda bastante por avanzar”

Jesús Nantón, director de Operacións do Grupo Malasa (Cerceda, A Coruña), leva 25 anos na empresa. Comezou a traballar como carpinteiro nos inicios da firma, cando era unha pequena carpintería, e viviu toda a súa evolución, ata convertirse no grupo empresarial que é hoxe en día, con proxectos de ‘contract’ a nivel internacional para cadeas de hoteis e ‘retail’. - Que potencialidade lle ves á madeira de piñeiro de Galicia para as aplicacións da madeira que vós traballades, tanto en mobiliario, interiorismo como en casas prefabricadas de madeira? - A madeira de piñeiro sempre estivo presente, o que pasa é que ao final o piñeiro, por equivocación ou ao mellor, porque non facemos fincapé os transformadores que estamos na parte final da cadea, estánselle descartando posibilidades xa cando se corta no monte. A limitación que sempre tivo é que se corta en monte en longos de 2,50 metros. Pensámolo desde o monte para palés, embalaxes ou para triturar. Nós agora estamos metidos na liña de casas de madeira, estamos intentado facer unha casa de madeira distinta, cunhas calidades top, cun sistema construtivo de entramado de madeira, con fachada ventilada. Podedes imaxinar toda a madeira que leva unha casa de 120 metros cadrados. Que pasa? Unha porcentaxe altisima desa madeira non pode ser piñeiro galego, cousa que a min me gustaría que fose. Non pode ser porque non temos suficiente piñeiro galego certificado para estrutural e non temos piñeiro galego cunhas dimensións suficientes para poder utilizalo para ese traballo. O máis grave para min é a limitación no longo. En canto consigamos que non haxa esas limitacións, xa lle podemos dar máis utilidades, pero esa limitación provócanos que teñamos que dar pasos atrás. Hai solucións que lles poderiamos propoñer aos clientes en madeira de piñeiro de Galicia, pero por esa limitación, non podemos facelo. - Houbo xa avances nos últimos anos en novos usos do piñeiro, como o da madeira contralaminada (CLT) para construción. Que máis pasos cres que habería que dar? - É certo que creo que imos mellorando, imos no bo camiño, con novos usos, pero aínda nos queda bastante. O primeiro é conseguir un piñeiro rendible no monte e que lle interese ós propietarios facer plantacións con el e cuidalo. Non son partidario de prohibir especies sen dar opcións. Hai que dar solucións para que se queremos que se plante piñeiro, sexa rendible, que lle interese ao propietario e que proporcione boa madeira para os transformadores. Porque agora mesmo, a madeira galega de piñeiro presenta nós, forma irregular e ten tonos, texturas e densidades variables. Pódese facer selección desa madeira, pero é un traballo extra para as empresas e iso é un problema.En canto a produtos, non se trata de comezar a cortar o piñeiro a 6 metros de longo, sen máis. A solución pasa por un proceso, unha madeira cun secado apropiado, cun ensaio estrutural para certificala, ver a que dimensións convén cortala, que laminados interesan e tomar decisións. Se tivésemos produtos de piñeiro galego con esas características e calidades, unha empresa como a nosa, a igual prezo, tiraría máis do piñeiro galego, en lugar de traballar, por exemplo, con abeto importado. - Que usos tedes actualmente da madeira de piñeiro de Galicia? - Por exemplo, nós facemos para unha cadea de ‘retail’ mobiliario en madeira de piñeiro, cousa que a min me enorgullece podela facer. Ao final vemos un moble elegante e que ten moitas posibilidades. A nivel estrutural, o mesmo. Podería ter todas as posibilidades. O 70 % da madeira dunha casa nosa é de ‘pino rojo’ ou abeto de Centroeuropa. A madeira que traemos nós para aquí está en costes un 30 % por riba da madeira de piñeiro galego. Realmente ese 30 % son costes do transporte, agora mesmo ese 30 %, se puidese repercutir en Galicia en toda a cadea da madeira, estabamos xa revalorizando sen darnos de conta o noso piñeiro e dándolle moitas máis posibilidades. O piñeiro galego nunha empresa como a nosa utilizámolo moi pouco, aínda así temos moito piñeiro. Estánselle buscando novas utilidades, nas casas estas que estamos facendo nós todas as fachadas van en piñeiro galego termotratado. É unha posibilidade que vemos que funciona, que gusta, ten un acabado de madeira moito máis nobre e ten bo comportamento para exteriores. Estase facendo agora un bo traballo co piñeiro, pero non sempre se fixeron as cousas como se tiñan que facer. Ás veces aplicáronse tratamentos en autoclave na madeira de piñeiro que non se fixeron como se tiñan que facer e que deixaron de funcionar como deberían. Entón, no exterior houbo algún fracaso con ese tipo de madeiras. O que non podemos é permitirnos que haxa fracasos.
"A madeira de piñeiro termotratada é unha solución que está gustando moito e ten moita cabida"
- A madeira termotratada de piñeiro, que empregades no exterior das vosas casas, é unha liña de produto á que lle ves posibilidades de crecemento? - O termotratado foi unha solución que está gustando moito e ten moita cabida. Hoxe mesmo aquí no almacén podemos ver piñeiro galego limpo, en espesor 50 milímetros, que dá gusto velo termotratado. Eu cando llo ensino a algunha persoa, a carpinteiros que colaboran connosco en moitos proxectos, sorpréndense de que iso sexa pino galego. Aí é onde temos que estar finos e ver as posibilidades que ten, non quedarnos en que é unha embalaxe. Aquí hai 20 metros cúbicos termotratados porque ten futuro. Teño que telo enriba da mesa porque xa aparecerá o momento no que o piñeiro teña a súa saída, porque é un pino que gusta, que ten posibilidades enormes e cun prezo competitivo. Hai pouco fixemos un proxecto con piñeiro galego para un hotel, con colocación de listóns de madeira no teito. O proxecto viña prescrito con nogal, pero para rebaixarlle o custo final ó cliente, propuxémoslle piñeiro termotratado. Encantou e temos chamadas de interioristas que nos preguntan que madeira é esa. Posibilidades hai moitas, só hai que facer un traballo coherente. - En canto ás casas prefabricadas en madeira, en que liña estades traballando? - A nosa casa de madeira, en concreto, ten un entramado de madeira que non está en contacto co exterior. É un sistema construtivo que funciona moi ben a nivel térmico e acústico. Lembro perfectamente unha casa de madeira que montamos a finais do ano pasado e xusto o día de fin de Ano, que había un temporal grande, a propietaria sorprendíase de que dentro da casa non se escoitaba nin chover nin o vento. Esa casa entregámola a inicios de xaneiro e creo que prenderon a calefacción un día en todo o inverno. Esteticamente queda preciosa tamén. É unha casa de alto nivel e que ten unha fachada ventilada, que neste caso é madeira, pero poderiámola combinar con porcelana, con metal, con outro tipo de acabados. Temos todas as posibilidades. O que temos é que facer unha casa de calidade, que loxicamente ten uns custos. Por prezo non podemos ir a unha casa de madeira, porque vai ser máis elevado que unha construción clásica e, sobre todo, unha casa de madeira coas características das nosas. A nosa casa pódese hipotecar porque non se vai acabar nunca. Un elemento moi favorable para a construción en madeira é que se fai todo en fábrica. Tes unha plataforma, chegas alí e ensamblas a casa. Unha montaxe dunha casa de 130-140 m2, en 3 - 4 semanas está feita e xa case o cliente está vivindo dentro. Loxicamente, ten un proceso anterior, pero en canto tes decidido o que queres, o proceso é áxil. Quizais un problema que vemos coas casas de madeira é que tecnicamente, para a construción das casas de madeira, en Galicia os técnicos non están aínda formados, saen da Universidade sen coñecementos suficientes neste campo, e é algo no que temos que avanzar. - Que madeiras empregades habitualmente para o mobiliario e acabados interiores? Habería madeira galega que vos puidese interesar, a parte da de piñeiro? - Unha madeira coa que temos traballado moito é o carballo europeo, no que agora mesmo temos unha situación grave, porque duplicou o prezo e é difícil de conseguir. Poderiamos substituílo por castiñeiro galego?. Si, se tivésemos madeira de calidade. O castiñeiro galego non é unha madeira carisima cando a mercamos por metro cúbico, pero ten un desperdicio esaxerado. Os castiñeiros que arrastramos ata o de agora non se trataron con cariño no proceso de corta, serrado e secado.
"Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos"
En xeral, as nosas madeiras teñen o problema de que necesitan procesos para empregalas en mobiliario, o que nos obriga a ir a outras madeiras. Agora en Galicia xa se están facendo plantacións de castiñeiro para madeira ou para froito, co cal é previsible que se poida obter boa madeira nuns anos. En canto á madeira de castiñeiro de Europa, é madeira con bos crecementos e limpa, pero non ten a densidade nin a elegancia do noso castiñeiro. Se falamos de carpinterías de exterior, en Galicia fabricáronse moitos anos do noso castiñeiro e funcionaron de marabilla. Para o exterior, eu optaría polo noso castiñeiro, pero volvemos ó mesmo, procesos da madeira. Temos agora un proxecto con vigas laminadas de castiñeiro nas Canarias e tivemos que ir a Asturias por elas, pois é onde están os mellores proveedores de madeira laminada de castiñeiro.

Malasa, unha empresa orientada a proporcionar un servizo integral

- Explícanos a historia da empresa e a liña de traballos que desenvolvedes. - O Grupo Malasa é unha empresa que se creou nun inicio como unha pequena ferretería para dar servizo aos carpinteiros. A anterior xeración tiña un serradoiro e almacén de madeira e vía unha necesidade de mercado, que era ter unha ferretería especializada de cara a eses carpinteiros, ós que xa se lles vendían taboleiros e madeira, pero que precisaban de máis servizo. Creouse esa ferretería no 1992 e no 94-96 montouse un pequeno taller de carpintería que nese momento tiña 1.000 metros. Comezouse a medrar con iso e no 1999 xa tivemos a oportunidade de entrar na colocación de tarimas nas tendas Inditex, que realmente foi a cadea que nos fixo crecer, independentemente de que nos diversificamos moito máis. Naquel momento había falta de instaladores e nós puidemos cubrir esa necesidade e entrar noutras ramas de traballo das tendas. No 2000 comezamos a fabricar mobiliario, coincidindo cun boom na construción, enfocámonos moito no mobiliario de fogar, todo o que son armarios, portas... Daquela comezamos tamén a fabricar mobiliario para o segmento de ‘retail’. Chegados a este punto, no 2007 vimos que as instalacións quedábanse pequenas para dar servizo aos clientes que estabamos adquirindo e ás posibilidades que tiñamos de mercado. Era un momento malo, porque foi cando caeu a construción de vivenda, pero por outra vía a nós entrounos unha carga de traballo, que era fabricar mobiliario. Entón tomouse unha decisión, montáronse unhas instalacións que son nas que estamos agora aquí en Cerceda, de 4.500 metros, que nos parecían esaxeradamente grandes, pero hoxe mesmo aquí en Cerceda temos 50.000 metros cadrados cubertos. Montamos unhas liñas de barnizado e adaptámonos un pouco ás necesidades que tiñamos para dar servizo ao cliente, que ao final é o que sempre fai Malasa. Considerámonos unha carpintería, pero máis ben unha empresa de servizos, que foi o que sempre intentamos facer: darlle un servizo cada vez máis integral ao cliente. Polas necesidades que tiñan os nosos clientes e que non eramos capaces de cubrirllas só con subcontratas, tivemos que ir abarcando outras ramas. Por exemplo, integrando dentro do Grupo unha empresa de metal, cristal... para ofrecer o conxunto completo, que é o habitual nos segmento de ‘contract’, no que se traballa para cadeas de hoteis, restauración, etc. Tamén hai que precisar que das nosas raíces non apartamos nada, seguimos dando servizos ó cliente particular. Seguímolo facendo, respectámolo moitisimo e creo que temos que seguir facéndoo así. De feito, na Coruña temos un showroom renovado, cun investimento importante, e seguimos mantendo esa carpintería pequena que tiñamos alí, para seguir dando servizo ao cliente particular, para non deixalo de lado. É algo que levamos no sangue todos.
  • Entrevista difundida pola Fundación Arume

“Necesitamos aplicar unha silvicultura que poña no mercado madeira de máis valor, con novos usos para a industria”

A boa demanda e altos prezos que acadaron os piñeiros nos últimos anos fixeron que propietarios forestais e comunidades de montes recuperasen a ilusión nas masas de coníferas. Entrevistamos ó enxeñeiro de montes Jorge Bouzas, da Asociación Forestal de Galicia, para falar con el da xestión que deben ter os piñeirais, de cara a producir madeira de calidade. Visitamos ademais con el traballos forestais na comunidade de montes de Balouta e Fontecova (Dodro, A Coruña). - Explícanos unhas recomendacións xerais para planificar as masas de piñeiro. - Na Asociación Forestal de Galicia partimos de modelos silvícolas de produción de madeira de alta calidade, con dous itinerarios posibles: a rexeneración artificial, que se fai mediante plantación, e a rexeneración natural tras corta, que é moi habitual en comunidades de montes. No caso da rexeneración artificial por plantación, sempre aconsellamos empregar planta con mellora xenética, con I+D. Partindo desa planta de calidade, temos a opción dun marco aberto de 4x4 metros, case definitivo, con planta moi boa, e hai tamén a posibilidade dun marco máis denso, de 4x2,50 metros, que nos permite facer unha posterior selección dos pés de porvir, así como acceder a axudas públicas para a xestión da masa. En calquera caso, sempre recomendamos distancias de 4 metros nas filas para evitar nos posteriores traballos danar o arborado, con toques do tractor ou maquinaria. Nos traballos de preparación de terreo, recomendamos sempre un subsolado profundo, se pode ser cruzado mellor. Outra opción é a apertura de buracos de plantación con mini pala. No caso do rexenerado natural, trala corta hai que facer un tratamento dos restos e esperar a ese rexenerado natural, para ver se é suficiente, e logo abrir unhas rúas e selecionar as árbores que se deixan. Poda nun piñeiral no monte veciñal de Balouta E Fontecova. - Estamos na comunidade de montes de Balouta e Fontecova, un monte veciñal que é un exemplo de aposta polo piñeiro nas arredor de 500 hectáreas que xestiona. Cóntanos a situación silvícola do monte. - A comunidade de montes de Balouta e Fontecova principalmente ten masas de piñeiro que sempre acuden a rexeneración natural. Teñen unha rexeneración natural moi boa no monte, teñen moi boa planta e entón sempre optan por facer cortas, tratamento dos restos e aproveitar o rexenerado para abrir rúas o primeiro ou o segundo ano, axudando con rexeneración artificial nas zonas puntuais onde non nacera o piñeiro. - Cales son os traballos silvícolas precisos ó longo de todo o ciclo dunha plantación ou dun rexenerado natural de piñeiros? - Unha vez feita a plantación, hai que facer un seguemento aos 6 meses ou primeiro ano, para proceder a unha reposición de marras. Isto é importante sobre todo se estamos nun marco de densidade baixo, de 4x4 metros, para asegurar o número de plantas.
Con carácter xeral, haberá que facer unha poda entre os 8 e os 10 anos, de cara a evitar a formación de nós ou a minimizalos
Logo é recomendable nos primeiros 3-4 anos facer un desbroce, para o control da vexetación acompañante e facilitar o desenrolo dos piñeiros. Este traballo, dependendo do crecemento, pódese acompañar dunha poda moi somera dos verticilos inferiores dos piñeiros. No caso dunha rexeneración natural, se esa rexeneración é viable hai que abrir rúas, cun ancho de labor de 2,5 – 3 metros. No metro restante, iremos seleccionando os pés que queremos , ata conseguir as rúas e densidade buscada. A partir de aí, os tratamentos son comúns. Consisten en facer unha primeira poda baixa, que se debe facer, en función dos crecementos, entre os 8 e 10 anos. Convén non retrasala moito para que as pólas non sexan grosas cando se podan. As pólas de 3 centímetros ou menos son as ideais para que as feridas pechen o antes posible e para concentrar os nós no interior das árbores.
Os rareos son importantes para concentrar o volume de madeira para corta final nos mellores pés, que sexan máis rectos e cilíndricos
Despois, unha vez feitas esas podas, son tamén importantes os rareos para rebaixar a densidade, sobre todo nos modelos de densidade máis alta. Faríanse rareos que se chaman polo baixo para eliminar os pés máis baixos, que están dominados, bifurcados, que están torcidos ou con algún dano. Favorecerase así que queden na finca os pés mellores, máis rectos, máis cilíndricos, con poda correcta, nos que tentaremos concentrar o volume de madeira para corta final. - En canto á elección de especie de piñeiro, que recomendacións estades dando na Asociación Forestal? - Hai varios tipos de piñeiro no mercado, que son sobre todo o ‘Pinus pinaster’ (piñeiro do país) e o ‘Pinus radiata’ (piñeiro radiata ou insigne). O ‘pinaster’ é un piñeiro máis agradecido se hai pouca xestión, porque tende a facer unha mellor poda natural, tende a ter menos enfermidades. No caso do ‘radiata’, é recomendable unha silvicultura para reducir eses nós, que non debe haber na madeira de calidade, polo que hai que facer esas podas temperás. Tamén son necesarios os rareos para que a masa estea saneada e circule ben o aire por ela, evitando os fungos, que son habituais nas masas de piñeiro radiata.
"En piñeiro insigne, a recomendación é ter as masas o máis aireadas posible, con podas baixas e rareos, para previr a entrada do fungo das bandas"
- Na actualidade e de cara ós próximos anos, cales son as perspectivas de sanidade nas masas de piñeiro? - Os principais problemas son a praga do nematodo do piñeiro, que por agora está concentrada na zona sur de Pontevedra, e os fungos das bandas, que afectan sobre todo ó piñeiro radiata na zona de Lugo. No caso do nematodo, non se sabe ata que punto quedará retido na zona sur de Galicia. En todo caso, hai ensaios de proxenie feitos para atopar familias de piñeiro que manifesten máis resistencia ó nematodo. A recomendación sería que no momento en que esas familias testadas estean dispoñibles nos viveiros, claramente identificadas, optar por esas familias para a plantación. No caso das bandas, si é certo que houbo un aumento, por entradas da enfermidade das bandas desde País Vasco e Asturias, algo fomentado por invernos cálidos. Agora estamos nun ciclo no que a enfermidade das bandas está tendo bastante importancia, sobre todo na zona de Lugo e en piñeirais de insigne. A recomendación é ter as masas o máis saneadas posible, con podas baixas e rareos que permitan mellorar a aireación da masa. Chegado o caso, a nivel de tratamentos tamén se pode intervir con produtos funxicidas para intentar rebaixar o nivel de esporas do fungo e controlar a enfermidade.
"Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. É certo que agora estamos nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para o piñeiro"
- Cal é a perspectiva de rendibilidade das plantacións de piñeiro a medio prazo? - Vimos dun ciclo de alta demanda e prezos moi altos. Iso demostrou que o propietario, cando percibe que o piñeiro ten un valor, vai apostar por el. Estamos agora mesmo nun ciclo de menor demanda, pero Europa é deficitaria en madeira, co cal a previsión é que exista demanda para esa madeira. Temos que traballar nós tamén para facer os traballos silvícolas necesarios, de cara a poñer no mercado madeira de alta calidade que lle permita valor engadido á industria e usos que ata agora non eramos capaces de acadar. - Os traballos silvícolas dos que falamos, serían a principal clave para obter madeira de calidade? - Efectivamente, nos piñeirais sempre son moi importantes os coidados silvícolas de podas, rareos e entresacas. Estes traballos van sempre encamiñados a producir madeira dun elevado diámetro, moi cilíndrica e sen presenza de nós. Se facemos podas no momento que proceda, entre os 8 e os 10 anos, e rareos en anos posteriores, imos concentrar o volume de madeira en pés de calidade de maior diámetro, o que nos permitirá pensar en destinos de serra, chapa e desenrolo. No caso de que partamos de marcos amplos de plantación, son importantes as entresacas de madeira adulta, ós 15-18 anos, nas que imos extraer sempre os pés dominados, partidos, enfermos ou danados. - Falabas antes de que os altos prezos do piñeiro confirmaron que o propietario forestal, cando hai boas perspectivas, aposta polo piñeiro. Que evolución estades vendo do interese na especie? - As comunidades de montes sempre foron máis fieis á especie, por exemplo no Barbanza e no sur de Pontevedra, sempre tiveron bastante superficie de piñeiro, con tendencia a mantela. No caso dos propietarios particulares, si que é certo que cando os prezos foron baixos houbo un claro cambio ó eucalipto por tema de rendibilidade. Pero no momento en que o propietario viu que o piñeiro acadou un prezo moi superior ó eucalipto, houbo unha aposta clara pola plantación de piñeiro. - Na Asociación, que recomendacións estades facendo en canto a elección de especies e ordenación do monte? - Distinguimos entre pequeno propietario e comunidades de montes. O recomendable é non apostar sempre por unha especie, senón diversificar. Para as comunidades de montes, a parte das masas de piñeiro, recomendamos apostar por frondosas nas zonas de valgada, nas franxas dos camiños e preto das vivendas. Son zonas condicionadas pola normativa de prevención de incendios e pódense facer aí plantacións de frondosas con vistas a controlar o sotobosque, de xeito que os traballos posteriores de desbroce se abaraten. No caso dos propietarios particulares, a diversificación é máis complicada, pois falamos de pequenas propiedades nas que non ten sentido rodalizar en exceso. O normal é facer aí unha aposta máis monoespecífica, tendo en conta a normativa que lle afecte a cada persoa. - As masas de piñeiro presentan nos últimos anos un certo auxe de aproveitamentos multifuncionais, a maiores da madeira. Que posibilidades destacarías? - Hoxe en día, xa hai cada vez máis comunidades de montes que teñen os seus coutos micolóxicos. Está tamén a extracción de resina, que probaron bastantes comunidades, como forma de ter a masa limpa e persoal traballando no monte en época na que é importante a prevención de incendios. Outra opción a ter en conta é a dos mercados de carbono, que poden proporcionar un extra de ingresos. Polo de agora, en España a regulación do Ministerio de Transición Ecolóxica permite que entren nos mercados de carbono as superficies forestadas que estiveran rasas desde o 1989 ou terreos afectados por un incendio nos que se faga plantación ou apertura de rúas para rexeneración natural. Extractos da entrevista en vídeo