Archives

Galicia presenta un proxecto ao Perte Agroalimentario para modernizar e dixitalizar a industria láctea

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia presentará un proxecto tractor “forte, sólido e potente” ao Perte Agroalimentario enfocado a modernizar e dixitalizar a industria láctea. Así o deu a coñecer o titular do Goberno galego na participación no Foro Next Generation Galicia do Perte Agroalimentario, no que estiveron presentes tamén o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro do Medio Rural, José González; e tamén asistiu a conselleira do Mar, Rosa Quintana. Precisamente, Rueda lamentou que o sector da conserveira quedase fóra destas convocatorias e garantiu que o Goberno galego seguirá reclamando que se lle dea cabida. Rueda atribuíu á colaboración público-privada e á unión do sector o resultado do proxecto tractor Smartz4milk que se presenta ao Perte Agroalimentario, produto da simbiose da industria láctea co ecosistema I+D+i. Sobre esta iniciativa, salientou o feito de que participan un total de 19 empresas, centros tecnolóxicos e de coñecemento galegos xunto con outros de Asturias, Cantabria, Andalucía, Cataluña e Valencia, e que ten como obxectivo investigar e aplicar melloras nos procesos de produción da industria láctea.  

Integrantes

O proxecto integra preto dunha vintena de empresas das que nove son empresas lácteas líderes no sector e 11 empresas tecnolóxicas, de Galicia, Asturias, Cantabria, Andalucía e Cataluña. Por parte de Galicia, as empresas son: Celta, Clun, Leite Río, Natur Leite, Queizuar, Bico de Xeado, Queixería Prestes, ASM, Plexus, Amslab, Sixtema. Centros de coñecemento: ITG, UVigo e a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do Campus de Lugo (USC). De Asturias participa Capsa Food. Por parte de Andalucía: Cooperativa Ganadeira del Valle de los Pedroches (Córdoba). De Cataluña: Inédit e Kersia e da Comunidade Valenciana: Centro Tecnolóxico, Embalaxe, Transporte e Loxística (Itene). O presidente da Xunta considerou unha “oportunidade inmensa” optar ao Perte Agroalimentario, xa que lembrou que conta cunha partida de preto de 1.500 millóns de euros, pero lamentou que tivera que pasar un ano desde a súa aprobación ata que se publicou a convocatoria. No entanto,  defendeu a fortaleza da candidatura galega para acadar financiación. Por estes motivos, pediu “xustiza” e reclamou que “non sucedan as malas experiencias” doutros Perte, en referencia ao da automoción que deixou fóra na súa primeira convocatoria a Stellantis. Proxectos lácteos con fondos europeos Rueda salientou outros proxectos tractores que xa contan co apoio dos fondos europeos Next Generation, como son Milktelligence, que busca mellorar a produtividade do sector mediante a recollida de datos e visualización de indicadores clave na produción; e Smart4Cheese, que persegue impulsar a dixitalización integral no sector lácteo de queixerías. O primeiro proxecto está liderado por Clusaga, e conta coa participación de Grupo Entrepinares, Queizúar, ASMSoft, Medrar Smart Solutions, Anfaco e ITG - Instituto Tecnolóxico de Galicia. En canto a Milktelligence tamén está promovido por Clusaga, que implica dúas empresas tecnolóxicas (e Innogando) e tres empresas alimentarias (Galacteum, Feiraco e Cooperativa Agraria Provincial da Coruña). Neste senso, amosou a súa preocupación pola baixa execución dos fondos europeos, tendo en conta que o Goberno central só leva convocado o 30% (12.339 M€) dos 41.000 millóns anunciados. Advertiu, ao respecto, que se necesita “máis celeridade” e para iso considerou necesaria unha “certa descentralización, porque o tempo pasa e isto móvese con demasiada lentitude”, reprochoulle ao Goberno central.

Aposta polo sector lácteo

O mandatario galego advertiu que “non é ningunha casualidade” esta aposta da Administración galega por proxectos do sector lácteo galego para optar tanto ao Perte Agroalimentario como aos fondos Next Generation, xa que lembrou que Galicia lidera a produción de leite en España e sitúase entre as dez principais a nivel europeo. Ademais, puxo en valor que a nosa comunidade concentra a maior parte dos grupos empresariais lácteos de España e o feito de que máis da metade dos gandeiros do país son galegos; cuns 6.600 profesionais.

Que condicións terán as axudas Next Generation para a industria agroalimentaria?

‘PERTE agroalimentario: mecanismo vertebrador e tractor do impulso á transformación sectorial’ foi o título da sesión dixital organizada pola Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, na cal se abordaron as primeiras condicións deste programa de axudas europeas dotadas con máis de 1.000 millón de euros nas que está traballando o Goberno central. O eixo 1 do PERTE, aquel destinado ao fortalecemento industrial do sector agroalimentario, sen incluír a produtores nin distribución, contará con 400 millóns de euros de orzamento. Ramon Herrero, subdirector xeral de Áreas e Programas Estratéxicos do Ministerio de Industria, anunciou as primeiras condicións da convocatoria como, por exemplo, que será un requisito para optar a estas axudas que as empresas se presenten como agrupacións sen personalidade xurídica propia que teñan establecido con anterioridade un acordo de agrupación. Ramón Herrero na súa intervención na xornada en liña sobre o Perte agroalimentario O responsable estatal recomendou ás compañías que “mentres o Ministerio está redactando as bases deste programa, algo que se prolongará durante todo o primeiro semestre do ano, vaian pensando en coalicións para optar a estas subvencións e préstamos”. As empresas galegas contarán coa axuda da Oficina Técnica, unha entidade impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia e a Xunta de Galicia para mobilizar proxectos tractores que opten a estes fondos europeos, ao Plan estatal de Recuperación, Transformación e Resiliencia e, en concreto, ao PERTE agroalimentario, co obxectivo de armar unha proposta galega conxunta. Roberto Alonso, xerente de Clusaga, sinalou que “estamos ante unha oportunidade única para apoiar a transición dixital e ecolóxica” para que o sector siga sendo competitivo no mercado global. Igualmente, fixo fincapé en que o sector alimentario en Galicia xera un valor engadido bruto anual de máis de 4.000 millóns de euros, o 7,2% do PIB e máis de 100.000 postos de traballo, un 9,2% do emprego total. Pola súa banda, só a industria alimentaria xera cerca de 10.000 millóns de euros e máis de 34.000 empregos.

Prazos provisionais que se manexan

Herrero manifesta que desde o Ministerio o obxectivo é “rematar a redacción das bases neste primeiro semestre”, e, a falta de que as condicións se concreten, adiantou que “haberá uns 30 meses para executar os proxectos tractores seleccionados co 30 de setembro de 2025 como límite máximo”. Desde Galicia Food destacan que “se trata dunha oportunidade irrepetible xa que haberá unha única convocatoria no 2022, que se executará entre o 2023 e o 2025”. Así mesmo, o subdirector xeral explicou “o tipo de actuacións que se poderán apoiar en cada un dos tres bloques nos que se divide o eixo 1 do PERTE agroalimentario: competitividade, sustentabilidade e trazabilidade, e seguridade alimentaria”. Todos os proxectos tractores que se presenten deben incluír accións en dous destes tres bloques e un deles debe ser obrigatoriamente o da trazabilidade. Falou, por exemplo, de iniciativas para o marcado e control, tecnoloxía blockchain, etc. Para impulsar a competitividade búscanse actuacións que avancen na dixitalización como a automatización dos procesos, a implantación da robótica ou de solucións de intelixencia artificial. Entre os proxectos de sustentabilidade inclúense os plans de xestión ambiental conxunta. Entre os tipos de axuda, ademais de subvencións, a maior parte dos 400 millóns de euros -ata 250 millóns- repartiranse en préstamos a interese cero con amortización a 10 anos incluíndo tres de carencia. Será obrigatorio cumprir co denominado efecto incentivador marcado pola UE, é dicir, que o proxecto non pode ter empezado antes de facer a solicitude.