Archives

Proxecto para impulsar as permutas agrarias dos GDRs de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte

O proxecto de cooperación ‘Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas’ é unha iniciativa colaborativa protagonizada polos Grupos de Desenvolvemento Rural de  Lugo, Ordes e Pontevedra Norte. En si, as permutas forman parte xunto ás aldeas modelo, aos polígonos agroforestais ou ás agrupacións de xestión conxunta da “caixa de ferramentas” da Lei de Recuperación de Terra Agraria, e “ están predispostas para a súa implantación en áreas onde a presión sobre a terra é alta debido a existencia de múltiple actividade agraria, sobre todo, gandeira”, manifestou o conselleiro de Medio Rural, José González, quen estivo presente no acto de presentación da iniciativa, que tivo lugar na Cidade da Cultura este luns. De acordo mutuo entre propietarios e aplicable noutras zonas Estas permutas, declaradas de especial interese agrario “facilitaron a mobilización de arredor de 400 hectáreas no concello lucense de Friol e son froito do libre acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio”, e así mesmo, “faise mediante un proceso consensuado bilateral e recíproco”, destacou na súa intervención José González. “A posta en marcha desta iniciativa en Friol non só tivo como consecuencia unha mellora da estrutura das propiedades agrarias, senón que tamén serviu de punto de referencia para estudar a idoneidade de implantar este sistema noutras zonas de Galicia. Así, entre os concellos nos que se prevé actuar atópanse, ademais do de Friol, os de Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes”, avanzou. “Deste xeito, as permutas son ideais para mobilizar terras en zonas con características singulares, nas que non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas viarias”, engadiu o conselleiro. Sobre outras figuras de reordenación da terra, González destacou que “entre 2020 e o que vai de 2023 rematáronse un total de 29 parcelarias na nosa comunidade, que abarcaron unha superficie de máis de 19.500 hectáreas, beneficiando a máis de 14.000 persoas, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”, salientou. Da mesma maneira, sobre as figuras da Lei de Recuperación de Terra Agraria, como aldeas modelo, avanzou que “no 2024 aprobaranse os pilotos dos plans de dinamización de catro destas aldeas e que se porán en marcha os primeiros espazos agrarios de experimentación, nos que os mozos emprendedores poderán facer uso”, adiantou.

Xornada informativa en Lalín sobre o sistema de permutas de terras agrarias

Lalín (Pontevedra) acolle este venres, día 17 de novembro, unha xornada formativa sobre a Ordenación territorial da terra agraria a través do sistema de permutas. A sesión celebrarase na Aula da Uned do municipio, situada no polígono industrial Lalín 2000, a partir das 11.00 horas.

Na xornada participarán Ramiro Ruibal Fuentes, xerente do GDR Pontevedra Norte e Miguel Rodríguez López, responsable técnico do proxecto de permutas agrarias no Concello de Friol (Lugo), pioneiro na aplicación deste tipo de permutas de terras agrícolas.

O alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, presidente do GDR Pontevedra Norte, encargarase da clausura da xornada que se pechará coa degustación de produtos locais.

A segunda fase do proxecto de permutas de terras agrarias alcanzará case 1.000 hectáreas nas comarcas de Lugo, Ordes e A Estrada

A Directora Xeral de Agader, Inés Santé, reuniuse cos Grupos de Desenvolvemento Rural (GRD) das comarcas de Lugo, Pontevedra-Norte e comarca de Ordes para dar as últimas pinceladas e perfilar o remate do segundo proxecto de cooperación para o estudo da ordenación do territorio agrario a través do sistema de intercambio mediante permutas de terras agrarias. Nesta reunión, a Directora Xeral confirmou a concesión duns 275.000 euros para o financiamiento da totalidade de toda a segunda fase do devandito proxecto, que suporá o final dos traballos iniciados nas zonas de Friol (Nodar e Condes), Outeiro de Rei (Mosteiro), Guntín (Cibrao-Vilameá), A Estrada (Cabanelas) e Ordes. Nesta segunda fase vanse a mobilizar case 1.000 hectáreas de superficie agraria, nas que na actualidade están divididas nunhas 3.033 parcelas e beneficiaranse 111 propietarios. Concretamente o Concello de Friol, será o municipio con maior superficie, onde se mobilizarán 279 ha. distribuídas polas parroquias de Nodar con 205 ha. que terá un orzamento asignado de 53.613 euros e na de Condes, no lugar de O Castro, con 74 ha. beneficiándose 28 propietarios e cun custo de 22.527 €. No municipio de Outeiro de Rei permutaranse unhas 84 ha. no lugar de Mosteiro, cun total de 85 parcelas e participarán 8 propietarios, onde suporá un custo de 24.066 €. No Concello de Guntín, cun investimento duns 58.067 €, mobilizaranse 236 ha e actuarase nunhas 520 parcelas sendo beneficiados 25 propietarios dos lugares de Cibrao e Vilameá. Xa no municipio da Estrada, no núcleo de Cabanelas mobilizaranse 233 ha. cunhas 1.833 parcelas de 35 propietarios, cun custo estimado de 88.353 €. Por último, no municipio de Ordes cun financiamiento de 26.516 €, actuarase en 70 ha. de 65 parcelas sendo propiedade de 15 titulares.

Unha iniciativa para aumentar o tamaño das parcelas moito máis áxil e económica que as concentracións parcelarias

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo, despois de pór en marcha cun primeiro proxecto piloto de permutas e despois do éxito obtido, coordina tamén este segundo proxecto de cooperación xunto co GDR Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes e GDR Terras de Pontevedra, cuxo principal obxectivo é implantar o procedemento de ordenación en tres zonas con diferentes características de chan agrario mediante o sistema de permuta que permita avaliar a súa idoneidade para aplicalo en zonas nas que non existan problemas de identificación da titularidade da parcela, nin a necesidade de máis infraestruturas viarias, especialmente naquelas zonas con activo consolidado e co fin de mellorar a produtividade das operacións existentes e/ou o nacemento de novas iniciativas. Segundo o presidente do GDR Comarca de Lugo, José A. Santos, “esta cooperación é necesaria para mellorar a estrutura da propiedade agraria, reducindo ou minifundismo para facer as explotacións máis eficientes mediante un sistema máis sinxelo e con menor custo que a concentración/reestruturación parcelaria”. O alcalde de Friol, tamén agradece “a implicación directa da Xunta de Galicia, concretamente o apoio técnico, económico e de asesoramento de Agader, particularmente moi agradecido ao Conselleiro de Medio Rural, José González, que desde ou minuto un mostrou colaboración e foi sempre sensible con este proxecto, de feito, é unha realidade grazas á súa implicación directa”. Á reunión sede do GDR Comarca de Lugo asistiron a Directora Xeral de Agader, Inés Santé; José Ángel Santos, alcalde de Friol e presidente de GDR 4 Comarca de Lugo; José Pardo, alcalde de Outeiro de Rei; Mariano Iglesias, alcalde de Mesía; Luís Martínez. , alcalde de Ordes; Verónica Vilela, concelleira de Guntín; Lorena López, xerente Gdr Comarca de Lugo; Ramiro Ruibal, xerente do GDR Pontevedra Norte; Domingo Lojo, xerente de Asdecomor; María Pérez, xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, e Carlos Díaz , Xefe de Área de Xestión de Mobilidade de Terras da Consellería do Medio Rural

Axudas da Xunta para permutas de fincas de especial interese agrario

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución pola que se amplía o prazo de solicitude de axudas para afrontar os gastos notariais e de inmatriculación de predios obxecto das permutas de interese agrario, cun investimento total de 50.000 euros. Os interesados en solicitar esta achega teñen ata o día 16 de novembro para presentar a súa petición e só teñen que acreditar, mediante resolución da persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o especial interese agrario da permuta. As axudas concederanse en réxime de concorrencia non competitiva ás persoas que presenten unha identificación do acto administrativo polo que se declara a permuta de especial interese agrario, un certificado ou nota simple da inscrición da permuta que se trata ou dos predios inmatriculados, as facturas notariais e do rexistro da propiedade relativas á permuta e o xustificante do seu pago bancario. As permutas son unha das ferramentas coas que conta a Xunta para a mobilización de terra agraria e así evitar o seu abandono. A través da Lei de recuperación de terra agraria, o Goberno autonómico quere intensificar a súa mobilización e para iso conta con recursos como son os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as permutas, entre outros. Nesta caso, as permutas de especial interese agrario son un mecanismo especialmente acaído para mellorar a base territorial das explotacións agrarias galegas. Para incentivar o seu uso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural dispón destas axudas que permiten o reembolso dos gastos notariais e de inmatriculación que orixinen.

Enlace á publicación do DOG

Enlace á web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para máis información sobre as permutas

Medio Rural prevé proxectos piloto de permutas agrarias en Lugo, Ordes e Deza – Tabeirós

En Friol estase desenvolvendo desde o 2020 un proxecto piloto de permuta de terras que agora a Consellería do Medio Rural quere extender a máis comarcas galegas. En concreto, para este ano espéranse novos proxectos piloto de permutas en Lugo, Ordes e Deza / Tabeirós – Montes (Pontevedra Norte), en colaboración cos correspondentes Grupos de Desenvolvemento Rural que actúan nesas áreas. O obxectivo é traballar en zonas onde as propiedades están ben identificadas e que presentan suficientes viais de servizo das terras agrarias. As novas tres áreas piloto para traballar con permutas agrarias foron anunciadas esta semana no Parlamento polo deputado popular José Antonio Armada, que propuxo instar á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a abrir unha liña de axudas para cubrir os gastos notariais e rexistrais dos propietarios que participen nas permutas. A proposta do grupo popular foi aprobada por unanimidade, co apoio do Bng e do grupo socialista, se ben por parte do BNG, o deputado Xosé Luis Rivas ‘Mini’ cuestionou a suposta falta de xestión da Xunta na reestruturación das terras agrarias. “En permutas só temos o caso de Friol, que foi unha iniciativa concreta dun alcalde, canso de ver que os outros sistemas non funcionaban” -opinou ‘Mini’-. “Das concentracións parcelarias, mellor non falemos, porque quero lembrar que en decembro do 2022, a Xunta rematou unha concentración que se iniciara no ano 1967”. Polígonos agroforestais En canto á Lei de Recuperación das Terras Agrarias, ‘Mini’ interesouse polo polígono agroforestal de 3.400 hectáreas que se comezou a tramitar no concello de Curtis (A Coruña). “Cantos anos tardarán en poñelo en marcha?” -preguntouse-. “É un proxecto dunha dimensión moi interesante, suficiente para poñer terra a disposición das explotacións do concello e tamén podería haber sitio para proxectos innovadores de neo-rurais. O problema que temos en Galicia é que cada vez pechan máis explotacións e as poucas que quedan engordan en terras, pero precisamos tamén máis explotacións, porque é o que mantén xente no campo e o que trae servizos”, valorou. Sobre as iniciativas de polígonos agroforestais en marcha, ‘Mini’ advertiu de que lle preocupa a “intención política”. “Sería un problema que 2 ou 3 empresas se fagan con moita propiedade e fagan o seu agosto. Á beira dun dos polígonos agroforestais en proxecto, a adega Vega Sicilia xa estivo mercando terras”, cuestionou ‘Mini’.

Friol, un exemplo a seguir para a xestión das terras agrarias en Galicia

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Comarca de Lugo coordina un proxecto de cooperación xunto co GDR Asociación de Desenvolvemento Comarca de Ordes e GDR Terras de Pontevedra Norte para a ordenación territorial do solo agrario mediante o sistema de permutas. Hoxe celebrouse no concello de Friol a presentación do novo proxecto de cooperación e a súa localización foi nunha das zonas implicadas no proxecto inicial de permutas. Ao mesmo acto estiveron presentes o conselleiro de Medio Rural, José González, así como varios representantes da Consellería, o presidente do GDR Comarca de Lugo e alcalde de Friol, José A. Santos, o alcalde de Outerio de Rei, José Pardo, a alcaldesa de Guntín, Maria José Gómez, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, o presidente do GDR Asdecomor e alcalde de Mesía, Mariano Iglesias, o alcalde de Ordes, José Luis Martínez, o presidente do GDR Pontevedra Norte e alcalde de Lalín, José Crespo así como diferentes colaboradores técnicos do proxecto.

Porase en marcha en tres áreas piloto de Galicia

O obxectivo principal da actuación é poñer en práctica en tres áreas piloto con características diferentes o procedemento de ordenación da terra agraria mediante o sistema de permutas, que permita avaliar a súa aptitude para aplicalo en zonas onde non existan problemas ou identificación da titularidade da parcela, nin a necesidade de máis infraestruturas viarias, especialmente naquelas zonas con actividade consolidada e para mellorar a produtividade das explotacións existentes e/ou o nacemento de novas iniciativas. Nas comarcas dos tres GDRS que participan no proxecto, o rural é un piar básico da súa economía produtiva, polo tanto, é o primeiro proxecto onde cooperan territorios moi similares que poden traballar en novos proxectos no ámbito da transformación e comercialización de produtos agrarios. Esta cooperación é necesaria para mellorar a estrutura da propiedade agraria, reducindo o minifundismo para facer as explotacións máis eficientes mediante un sistema máis sinxelo e con menor custo que a concentración/reestruturación parcelaria. Segundo o presidente do GDR 4 Comarca de Lugo e alcalde de Friol, outro dos principais obxectivos é “fomentar o aproveitamento dos terreos non utilizados, xa que ao estar concentrados se pode posibilitar a posta en marcha de novos proxectos agrarios e mellorar a produtividade dos existentes así como a favorecer a xestión da propiedade rústica xa que todas as parcelas resultantes do proceso de permuta terán, como mínimo, título público notarial”. En definitiva, este proxecto de cooperación pretende plasmar sobre o terreo as múltiples posibilidades que ten esta figura de intercambios á hora de poñer en valor as terras agrarias e favorecer a redimensión das explotacións. Ademais, aspira a servir como elemento demostrativo e valorativo dos custos (a priori inferiores) dun procedemento que pode ter unha forte implantación en zonas con actividade agraria consolidada.