Archives

Os propietarios forestais de Galicia ingresaron no 2022 un total de 356 millóns de euros por cortas de madeira

Galicia contou en 2022 con máis de 11 millóns (11.016.649,58) de metros cúbicos de aproveitamentos madeireiros. Así se recolle no informe elaborado pola Consellería do Medio Rural que coñeceu hoxe o Consello da Xunta. O documento sinala que con esta cifra se supera amplamente o obxectivo marcado na primeira revisión do Plan forestal de Galicia 2021-2040 ‘Cara á neutralidade carbónica’ para o final do ano 2025, que establecía un nivel de cortas de madeira de 10 millóns de metros cúbicos por ano. Neste senso, en 2022 o volume de madeira dos expedientes de aproveitamentos madeireiros en Galicia tivo un incremento do 9,92 % respecto ao ano anterior (10.022.184,47 m³), unha tendencia á alza que se mantén desde o ano 2015. Precisamente, Galicia aglutina a metade das cortas de madeira que se realizan no territorio español. Ademais, tal e como se desprende do informe, o obxectivo é que, dentro de 10 anos, se teña acadado o nivel de cortas de madeira de 12 millóns de metros cúbicos ao ano. O número total de expedientes rexistrados en 2022 en aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada foron 58.921, dos cales 41.136 foron de tipo declaración responsable e 17.785 de tipo autorización. En canto a montes de xestión pública, os expedientes foron 183.

Desagregación dos datos

Destes máis de 11 millóns de m³ de madeira do ano 2022, uns 10,7 millóns de m³ pertencen a aproveitamentos madeireiros en montes de xestión privada e 253.303,11 m³ a aproveitamentos madeireiros en montes de xestión pública. O valor destas cortas supuxo un ingreso duns 356 millóns de euros, dos cales 350 millóns de euros corresponden ás cortas privadas. Se analizamos estes datos a nivel de provincia, A Coruña foi a que rexistrou un maior volume nos expedientes de aproveitamentos madeireiros cun total 4,7 millóns de m³, seguida de Lugo, con case 4,4 millóns de m³, Pontevedra con 1,3 millóns de m³ e Ourense con case 500.000 m³. No tocante aos distritos forestais, o de Santiago-Meseta Interior (distrito III) é o que rexistra o maior volume nos expedientes de cortas de madeira de Galicia, cun total de 1,4 millóns de m³, seguido polo distrito II Bergantiños-Mariñas Coruñesas (con 1,3 millóns de m³) e polo VI A Mariña lucense (1,2 millóns de m³). Por último, tendo en conta o volume nos expedientes de cortas por formacións específicas, cabe destacar as cortas de eucalipto (Eucalyptus spp.) (un 56,55% con 6.229.792,88 m³), seguidas polas de piñeiro (Pinus pinaster) (un 19,72 %, con 2.172.193,29 m³) e Pinus radiata (un 17,99 %, con 1.981.622,32 m³).

Curso sobre tramitación por internet das cortas de madeira

O Distrito Forestal IX Lugo-Sarria da Consellería do Medio Rural organiza un curso de formación "Taller CORWEB (tramitación telemática dos aproveitamentos madeireiros) FC2022F127158" que se celebrará na aula de informática do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo o xoves 2 de xuño de 16h a 20h. Esta acción formativa está incluída dentro do programa de primaveira de "Cadeiras de Divulgación Forestal" organizado polo Distrito Forestal IX Lugo-Sarria, dentro do plan de formación agroforestal 2022 de AGACAL-Consellería do Medio Rural. O curso será desenvolvido por persoal técnico da Consellería do Medio Rural e contará cos seguintes aspectos a desenvolver: -Normativa básica de aproveitamentos forestais -Tramitación telemática de autorizacións e declaracións responsables de aproveitamentos madeireiros -Características básicas aplicativo CORWEB As persoas interesadas poden preinscribirse no seguinte enderezo: https://ovmediorural.xunta.gal/es/consultas-publicas/acciones-formativas Máis información no teléfono 982 828 620, así coma no correo distrito.forestal9@xunta.gal ou en Twiter: @Dist_Forestal9

Rexístranse case 6.000 denuncias por infraccións forestais nos últimos tres anos

Medio Rural contabilizou nos tres últimos anos un total de 5.944 infraccións forestais denunciadas tanto polas forzas de seguridade (Seprona, Policía Autonómica, axentes forestais...), así como por propietarios particulares forestais ou entidades forestais ou grupos de defensa do medio ambiente. A maioría delas trátase de incumprimentos das distancias mínimas, plantacións ilegais ou cambios de terras agrarias a forestais sen autorización. Os datos foron expostos este venres no Parlamento polo director xeral de planificación e ordenación forestal, José Luis Chan, durante o transcurso da Comisión 7ª de Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes. A comparecencia de Chan produciuse logo de que o grupo socialista galego solicitase coñecer os datos de cortas, plantacións e denuncias por infraccións na normativa forestal dende o 2019. O grupo socialista buscaba avaliar así o impacto que tivo a moratoria da plantación de eucalipto, unha medida que reprobaron debido ó efecto chamada que aseguran que tivo para facer cortas de piñeiros e plantacións de eucalipto no seu sitio, desbordando ó sector forestal, ademais de afear que fose realizada sen o apoio do sector e sen basearse en criterios profesionais forestais. En canto ó volume de cortas que se produciron nestes anos, Chan recordou que os datos son públicos e que poden consultarse no Observatorio Forestal de Galicia. Porén, apuntou que no 2021 se apreciou unha recuperación con respecto do rexistrado no 2020, situándose a taxa de extracción de madeira en cifras semellantes ás que se manexaron nos anos previos á pandemia, tanto no 2018 coma no 2019. Chan tamén incidiu en que a corta de madeira é un mercado á alza, que pon en valor en especial a madeira de coníferas. “O Plan forestal fixa como obxectivo para os próximos 20 anos acadar os 12 millóns de metros cúbicos de madeira e nestes momentos estamos xa chegando ós 10 millóns (9,6 millóns de metros cúbicos acadados pola xestión privada e 300.000 de xestión pública)”, explica.

Coruña e Lugo, os territorios con máis denuncias

O maior volume de denuncias por infraccións forestais rexistrouse no 2019, cun total de 2.397 apercibimentos, un procedemento previo ó inicio do expediente sancionador e que se aplica para aquelas accións que aínda son reversibles, según recolle a Lei de Montes e incendios. No 2020 producíronse 1.190 e no 2021 contabilizáronse 2.357. Nestes primeiros meses de 2022 formalizáronse 183 apercibimentos. Por provincias, A Coruña cun total de 3.626 e Lugo con 1.755 apercibimentos son os territorios con maior volume de denuncias. Mentres, en Pontevedra contabilizáronse ó longo destes 3 anos un total de 320 e en Ourense rexistráronse 243. Neste trienio tamén se tramitaron un total de 2.243 expedientes sancionadores, derivados en parte de apercibimentos no que os infractores non realizaron os cambios solicitados ou por denuncias que xa derivan directamente neste tipo de procedementos ó ser irreversibles, como as cortas ilegais ou sen autorización. No ano 2019 tramitáronse 730 expedientes, no 2020 foron 615 e no 2021 acadáronse os 898. No que levamos de 2022 xa se tramitaron 53 procedementos sancionadores. Por provincias, de novo A Coruña sitúase á cabeza ó contabilizar 832 expedientes sancionadores, en Lugo chegaron a rexistrarse nestes 3 anos un total de 619 procedementos e en Pontevedra apenas se contabilizaron 117. Destaca que en Ourense se tramitaron 675 expedientes sancionadores. Nun percorrido por algúns dos concellos con maior número de denuncias nestes tres anos destacan na Coruña, municipios coma Cedeira con 159 denuncias, Mazaricos (154), San Sadurniño (152), Touro (147), Santa Comba (118), Carballo (106), Carral (113), Arteixo (103), Ortigueira (90) Aranga (80), Ames (34) ou Abegondo (10). En canto ós expedientes sancionadores, Chan detallou o número de procedementos activos en municipios lucenses coma Palas de Rei con 80 ou Lugo que suma 140. En Pontevedra, concellos coma A Estrada tramitaron 64 expedientes, Caldas de Reis suma 13, Agolada 15 ou 25 en Lalín.

Aproveitamento madeireiro de frondosas caducifolias: requisitos, criterios e complexidade da situación actual

As especies de frondosas caducifolias, como o carballo, castaño, freixo ou bidueiro, teñen un criterio especial de protección para o seu aproveitamento madeireiro. O marco legal para aproveitamento madeireiro de frondosas esixe sempre tramitar unha autorización previa. “Para realizar unha corta de frondosas, non hai unha diferenciación de espazos en función das súas afeccións, sexan por Rede Natural, Patrimonio Natural, Augas de Galicia ou outras. Sempre hai que tramitar unha autorización”, explica Ana Oróns, secretaria xeral da Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga). Marco legal Actualmente, en Galicia, hai dúas vías para tramitar a corta de madeira, mediante unha simple declaración responsable previa, nos casos de piñeiros ou eucaliptos, ou cursando unha solicitude de autorización, no caso das frondosas. “É necesario tramitar a petición e esperar dous meses para a resolución oficial, onde se comunica se podes realizar a corta ou non, e en que termos”, expresa a secretaria xeral de Fearmaga. Para valorar a solicitude, hai unha visita á parcela do persoal técnico do distrito forestal correspondente. “Sobre o terreo, o persoal do distrito determinará que árbores se poden cortar, en que cantidade ou cales non se poderían tocar”, especifica Ana Oróns. Se a parcela tivese afeccións territoriais de índole supra-autonómica, “os prazos xa non aplicarían neses dous meses, senón que habería que esperar a ter unha resolución expresa; por exemplo, en zonas do interior de Lugo, con amplas masas de frondosas caducifolias, se teñen unha afección pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, habería que esperar á resolución desa administración”, detalla a secretaria de Fearmaga. A única excepción á obrigatoriedade de pedir permiso son as leñas domésticas. “As cortas de leñas de autoconsumo poderíanse facer mediante declaración responsable, pero habería unha limitación de 10 metros cúbicos ao ano, entre outras”, amplía Oróns. Masas mixtas As frecuentes masas mixtas de árbores tamén están reguladas. "Sexa unha masa de piñeiros ou de eucaliptos que estea mesturada con frondosas caducifolias, “sempre que o número de pés supere máis do 10% da parcela, é necesaria a solicitude dunha autorización para a súa corta”, sinala a secretaria xeral de Fearmaga. Nesta porcentaxe contabilízanse os denominados ‘pés maiores’, é dicir, árbores que teñan máis de 7,5cm de diámetro. Criterios da administración Os criterios da Administración para autorizar as cortas de frondosas e as súas condicións varían en función de factores como as especies, a súa idade, a ubicación ou o destino da madeira. No sector forestal, unha queixa recurrente é que, con frecuencia, os permisos para a corta de frondosas só permiten o aproveitamento dun 30-40% dos pés, o que dificulta as cortas. Para definir os criterios de corta, en parcelas de menos dunha hectárea ubicadas en solo rústico forestal, o persoal do distrito forestal aplica as directrices dos modelos silvícolas publicados pola Xunta para as distintas especies forestais, segundo explica o axente forestal José Luis Lage (Distrito II, Betanzos). Estes modelos marcan desde os criterios de plantación e coidados silvícolas ata o método de corta final. No caso das frondosas caducifolias, os modelos de determinadas especies, como carballos ou rebolos adultos, establecen a necesidade de deixar unha reserva de arborado, se ben noutros casos permítense cortas a feito, é dicir, do total dos pés da parcela, ou recoméndase a corta a feito en faixas ou bosquetes, como no caso do bidueiro. No caso de parcelas con frondosas caducifolias diferentes, como sabemos que tratamento silvícola aplica?. Segundo aporta Lage, neses casos "procédese estimando cal é a especie predominante para determinar o modelo silvícola concreto". Con respecto a aquelas superficies de corta que superen a hectárea, e nas cales se atopen masas de caducifolias, "a Lei de Montes obriga á presentación dun 'Plan técnico de cortas' no que se detalle o inventario, usos de corta, etc.” -explica o axente forestal-. “O plan debería contar coa información e documentación necesaria, ademais de facer constar a intencionalidade de volver a plantar coas mesmas especies, ou con outras similares do anexo I da Lei de Montes", detalla. En montes mixtos, con piñeiros e eucaliptos, nos que non exista unha masa continua de frondosas caducifolias "existe unha dificultade condicionada polo contexto, por iso é necesario atender caso a caso", comenta Lage. Neste suposto,"procédese a facer unha estimación daquelas árbores que son danos ineludibles á hora de cortar as especies para as que formulas a solicitude", especifica o axente.

Situación e perspectivas de futuro

A ampla presenza de masas de frondosas caducifolias en Galicia, cunha superficie que ronda o medio millón hectáreas, choca co seu escaso aproveitamento industrial. “O que nos estamos atopando é que o principal aproveitamento é leñoso” -comenta o presidente de Fearmaga, Elier Ojea, dono dun serradoiro familiar en Ourense-. “En moitas partes, pola falta dunha correcta xestión forestal e de aplicación dun tratamento silvícola, moitas árbores nacen unhas enriba de outras, tortas ou pequenas”, confirma o presidente de Fearmaga. Elier Ojea fai fincapé na necesidade de mentalizar á xente da importancia de “darlle un coidado adecuado ás frondosas caducifolias, xa que é a maneira de conseguir un prezo adecuado, e, así mesmo, evitar a súa importación”. Desde a Asociación Forestal de Galicia, o seu director, Francisco Dans. subliña que Galicia é un territorio frutífero para este tipo de árbores, pero apunta que “se queremos aumentar a superficie de frondosas, que a xente as coide, e extraer madeira de calidade, hai que cambiar a perspectiva”. “O das frondosas trátase dun mundo por desenvolver, sobre o que nós estamos tratando de divulgar técnicas e procedementos modelo, con cursos como os que facemos no monte demostrativo do Pico Sacro (Boqueixón)”, destaca Francisco Dans. “As novas plantacións específicas, tanto de froiteiras como madeireiras ou mixtas, teñen grande importancia na interface agropecuaria de Galicia, representando un futuro moi interesante", destaca Francisco Dans. O director da Asociación Forestal de Galicia considera que “hai moitos terreos nos que se poden instalar estas especies -incluso con mellora xenética-, e cunha boa silvicultura, representan unha boa oportunidade na xeración de madeira de valor”, conclúe.

Taller sobre tramitación electrónica das cortas de madeira

O Distrito Forestal IX Lugo-Sarria da Consellería do Medio Rural organiza un "Taller CORWEB (tramitación electrónica aproveitamentos madeireiros)" que está previsto celebrar na aula de informática do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo o xoves 28 de outubro de 16h a 20h. O obxectivo do curso, de carácter gratuíto, é acadar un coñecemento básico da solicitude telemática dos expedientes de aproveitamento madeireiro a través da aplicación CORWEB. Para iso, no programa explicaranse os seguintes puntos: -Aspectos normativos dos aproveitamentos madeireiros. -Características básicas na tramitación electrónica. -Características básicas aplicativo CORWEB. -Prácticas tramitación autorizacións e declaracións responsables. Para inscribirse pódese descargar a solicitude nesta ligazón e enviala cuberta a xbruna@xunta.gal Para máis información chamar aos teléfonos 982 828 622 ou 659 774 678

Polémica entre alcaldes e madeiristas pola aprobación dunha taxa municipal á saca de madeira

Estado dunha pista forestal tras unha corta de madeira no concello de Ribeira de Piquín Seis Concellos da provincia de Lugo, os de Meira, Pol, Ribeira de Piquín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza, acaban de aprobar o cobro dunha taxa municipal de 60 céntimos por tonelada de madeira cortada nos seus municipios para con eses cartos mellorar o estado e o mantemento da rede viaria municipal. Pero a polémica está servida porque os madeiristas, que serían os que terían que abonar este tributo, rexeitan de plano asumir este custo e din que o acabarán pagando os donos dos montes porque repercutirá negativamente no prezo da madeira que cobran os propietarios forestais deses concellos. De feito, algunhas empresas xa comezarán a descontar, desde hoxe mesmo, o importe da taxa no prezo final dos contratos. Os alcaldes, de diferentes cores políticas, alegan que a saca de madeira dos montes prexudica o estado das pistas e camiños e que despois, en moitos casos, teñen que ser amañados polas entidades locais, supoñéndolles importantes gastos aos que non poden facer fronte.
Vímonos obrigados a tomar estas medidas pola irresponsabilidade dalgúns, non queremos xeralizar nin dicimos que todo o mundo que saca madeira faga o mesmo
Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín, di que se viron obrigados a adoptar medidas "pola irresponsabilidade dalgunhas empresas". "Non queremos xeralizar nin dicimos que todo o mundo que saca madeira faga o mesmo, pero ás veces atopámonos con vías municipais completamente destrozadas nas que investiu cartos o Concello pouco antes de que se sacara a madeira e vemos como a empresa responsable marchou e despreocupouse de todo, non fai moito mesmo romperon unha traída de auga aos veciños e estiveron unha semana sen subministro", lamenta. A nova normativa, que inclúe dúas ordenanzas municipais, unha de carácter fiscal e outra que regula as licenzas de corta e o uso dos camiños, entrou en vigor en Riotorto o día 15 deste mes, na Pontenova o 21 e en Meira, Pol e Ribeira de Piquín farao hoxe, día 25, mentres que na Pastoriza está pendente de publicación.
Somos conscientes de que o forestal é un sector potencial nos nosos concellos e defendemos que se sigan facendo traballos nos montes, pero debemos regular a actividade
Estes seis concellos limítrofes, que xa xestionan conxuntamente o punto limpo para a recollida do lixo, puxéronse dacordo desta volta para a regulación da actividade extractiva de madeira nos seus termos municipais. "É un traballo conxunto de seis Concellos coa mesma problemática. Todos somos Concellos moi forestais dunhas características semellantes, con parcelas pequenas que en moitos casos os compradores subcontratan para a saca a outras empresas que traballan á tonelada e que non teñen coidado ningún á hora de facer os traballos", asegura. Ordenar unha actividade que xera riqueza Ao igual que o resto de rexedores da zona, Roberto é consciente de que "o forestal é un sector potencial no noso concello e defendemos que se sigan facendo traballos forestais, pero temos que esixir un ordenamento da actividade", defende. O primeiro que pretenden coa nova norma municipal é "localizar todos os puntos nos que se está sacando madeira" porque "ás veces son traballos que son executados en poucos días e as empresas marchan sen ter constancia a nivel municipal de que se fixeron eses traballos nin de quen os fixo", conta. "Entendemos que toda a madeira que se saque por vías municipais ten que ter un permiso do Concello e temos moi claro que o desgaste das vías e os estragos deben ser financiados por quen os fai, parécenos lexítimo esixir que quen fai o dano pague a reparación", defende.
Até agora non tiñamos normativa ningunha que regulase a extracción de madeira nin maneira legal de reclamarlle os danos a quen os facía. Parécenos lexítimo esixir que quen provoca o destrozo pague a reparación
Pon como exemplo o seu propio municipio, con 70 km2 de superficie total e 600 km de vías de titularidade municipal, entre pistas alquitranadas e camiños forestais. "Temos máis ou menos 8 quilómetros e medio de vías por km2 e o custo dun quilómetro de alcatrán non sae por menos de 20.000 euros e un de aglomerado en quente vaise a 30.000 euros. Até agora non tiñamos normativa ningunha que regulase a extracción de madeira nin maneira legal de reclamarlle os danos a quen os facía", xustifica. 15 euros por camión de madeira Pero a parte máis polémica da nova norma, que se aplica tamén ás canteiras cunha cota anual por metro de vía pública utilizada, é sen dúbida a nova taxa por tonelada de madeira extraída. Está fixada en 60 céntimos por tonelada, o que equivalería a uns 15 euros por camión. "Os cálculos que fixemos é que, tendo en conta os prezos medios dos últimos anos, equivalería a un 2% do valor de mercado da madeira cortada", explica.
O pago da taxa municipal de 60 céntimos por tonelada non exime aos madeiristas de facer as reparacións nos viais
Roberto defende que "é unha taxa asumible" e considera que este sistema é máis xusto que as fianzas que teñen establecidas outros municipios. "Neste caso é progresiva, cantas máis toneladas de madeira se saquen, máis alta é a taxa. Na miña opinión non tería sentido poñer unha fianza fixa porque 2.000 euros non chegan para amañar un desperfecto que custa 30.000 euros arranxar e poñer unha fianza moi elevada penaliza moito as cortas en parcelas pequenas", argumenta. "A taxa polémica pode ser, pero xusta eu defendo que si. A veciñanza non ten que deixar de dispoñer doutros servizos por desperfectos que ocasionan terceiros", conclúe o alcalde de Ribeira de Piquín.

Lugo: fianza de 1.000 euros por quilómetro

Outros concellos teñen aprobadas tamén ordenanzas reguladoras semellantes, aínda que sen incluír tributos coma os que estes seis municipios acaban de fixar. Noutros casos, iso si, establécense fianzas previas ao comezo dos traballos que as empresas deben depositar, ben en metálico, ben en forma de aval bancario, como garantía de reparación dos danos provocados nos camiños ou infraestruturas municipais.
Os Concellos que teñen fixados avais en concepto de garantía foron incrementando o seu importe por non cubrir en moitos casos a totalidade dos danos e desperfectos causados
A contía destes depósitos foise incrementando nos últimos anos en moitos Concellos, xa que en moitos casos os importes depositados non eran suficientes para cubrir a totalidade dos danos causados. Un dos últimos Concellos en actualizar a súa normativa neste sentido foi o de Lugo. O pasado luns 18 de xaneiro entrou en vigor unha ordenanza municipal con condicións para traballos de poda e saca de madeira no termo municipal, que conta con 54 parroquias rurais a maiores da cidade. A contía da fianza é, neste caso, variable, en función de distintos parámetros: 50 céntimos por tonelada de madeira extraída, 500€ por quilómetro de camiño sen asfaltar utilizado e 1.000 por quilómetro de pista asfaltada e 800€ por cada ponte ou infraestrutura semellante que sexa necesario atravesar.

A Fonsagrada: suspender as cortas no inverno

Outro dos Concellos da provincia de Lugo que ten establecida unha fianza para a saca de madeira é o da Fonsagrada, que aprobou a ordenaza no ano 2014. A contía, neste caso, vai dos 500 aos 5.000 euros para volumes de corta superiores aos 3.000 metros cúbicos. No caso de empresas madeireiras que vaian realizar numerosas cortas ao longo do ano dentro do termo municipal teñen a opción de depositar unha única fianza anual por importe de 7.000 euros. Pero o seu alcalde, Carlos López, propón unha solución diferente para reducir o deterioro dos camiños como consecuencia da saca de madeira dos montes: paralizar ou limitar as cortas durante o inverno ou outros momentos do ano nos que hai unha climatoloxía adversa que intensifica os danos producidos.
Ti vas a Cantabria, ao País Vasco ou a Navarra e non hai esas queixas nin esa polémica por parte dos madeiristas e son tan competitivos coma aquí
"Poderíanse reducir as sacas cando fai mal tempo, igual que os gandeiros non botan o purín nas pradeiras ou non entran a labrar las terras porque as desfán", compara. "O que non pode ser é que o beneficio dunha actividade repercuta negativamente no Concello e que o amaño das pistas o teñan que pagar logo todos os veciños. Eses gastos son responsabilidade dos madeiristas, entra dentro do negocio", considera, e rexeita que este tipo de medidas prexudiquen ao sector: "Ti vas a Cantabria, ao País Vasco ou a Navarra e non hai esas queixas nin esa polémica e son tan competitivos coma aquí", di. Na Fonsagrada, o concello máis grande de España, con 470 km2, a rede municipal de pistas pasa dos 1.000 km. O gasto no seu mantemento sitúase por enriba dos 300.000 euros anuais. "No Orzamento municipal temos 200.000 euros e non nos chega, sempre temos que andar buscando fondos para rexeneración de firme", asegura.
Na Fonsagrada, onde dunha esquina a outra do muniucipio pode haber 60 quilómetros, moitas veces non sabes quen está cortando e o Concello non dá chegado para amañar todo ao mesmo tempo
Carlos evidencia que "nos últimos 20 anos a maquinaria que se usa nos montes deu un salto tecnolóxico moi grande, agora non son as carrocetas e tractores que se usaban antes", di, e o seu maior peso déixase notar nos viais polos que pasan, moito máis cando a chuvia ablanda o terreo. "E no momento no que o camiño queda desfeito até que se logra reparar ás veces pasa un ano ou dous e nese tempo son os veciños, que teñen que pasar por eles todos os días, os que sufren os desperfectos e as incomodidades porque o Concello non dá chegado para amañar todo ao mesmo tempo", recoñece.

Barreiros: comisión mixta de madeiristas e Concello

Momento da sinatura do convenio entre LugoMadera e o Concello de Barreiros o pasado mes de setembro A Mariña é, xunto a Ortegal e Ferrolterra, un dos distritos forestais con máis cortas de madeira de Galicia e os rexedores da comarca optaron por distintas solucións ante o deterioro da pistas. En Barreiros, onde hai unha ordenanza aprobada desde fai anos que non surtiu os efectos desexados, decidiron apostar pola vía do diálogo. O pasado mes de setembro, a alcaldesa do municipio, Ana Ermida, asinaba coa Asociación de Empresarios de Primeira Transformación da Madeira de Lugo, que reúne á práctica totalidade de empresas vinculadas ao sector forestal na provincia, un convenio que non leva aparellada fianza nin taxa de ningún tipo pero que recolle os compromisos por ambas partes e o protocolo de actuación para a protección do medio ambiente e a conservación das vías municipais. O texto establece a obriga de comunicación e sinalización dos traballos forestais realizados polas empresas madeireiras, incluíndo tanto a saca de madeira como das pacas de biomasa e restos de corta dos montes, ao fin de facilitar a labor de seguimento e comprobación por parte do Concello do bo uso das vías municipais, especialmente dos camiños e pistas forestais, e inclúe un compromiso de reparación de desperfectos por parte dos madeiristas.
Hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e os recursos municipais non sexan incompatibles
O convenio especifica que o arranxo das vías debe realizarse, de ser preciso, nun prazo acordado entre as empresas e o Concello, non podendo producirse dilacións indebidas e comprometéndose a Asociación a realizar as xestións oportunas para o bo fin do acordo. En base a este convenio, existe unha comisión mixta entre Concello e Asociación ao fin de analizar a situación e a resolución de posibles conflitos que poidan existir e a propia Asociación actúa de garante para o cumprimento do acordado por parte dos seus asociados. A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, explica que se trata, mediante esta colaboración, de "facilitar os traballos forestais, que indubidablemente teñen un grande impacto no territorio, e garantir o menor prexuízo dos mesmos nas vías municipais e, de ser o caso, axilizar os mecanismos de reparación". "Somos conscientes da importancia que ten o aproveitamento do monte coa corta e saca de madeira e a necesidade de adaptar as infraestruturas a tal uso, mais non é menos certo que o impacto xerado por dita actividade non pode resultar negativo para o conxunto da poboación; por iso hai que buscar o equilibrio para que os usos sociais e económicos do monte e os recursos municipais non sexan incompatibles", defende. Malia que pasaron só tres meses desde a sinatura do convenio, desde o Concello fan un balance positivo. "A implementación está sendo paulatina. Supón un cambio de mentalidade porque implica que as empresas se corresponsabilicen do mantemento das vías pero o acordo está funcionando razoablemente ben", din. O protocolo a seguir é o seguinte: as empresas comunican onde van cortar e envían fotografías do estado no que se atopan os camiños (se non o fan enténdese que están en perfecto estado) e eles mesmos son os que os amañan despois de sacar a madeira. Un técnico municipal vai facerlles o seguemento. "Estamos moito máis enriba para vixiar", aseguran no Concello.

As empresas do sector descontarán desde hoxe nos contratos de compra o importe da taxa

Os madeiristas mostran o seu rexeitamento frontal a "taxas ou fianzas desorbitadas" que impliquen gravar a actividade extractiva de madeira nos montes galegos. Miguel Vázquez, da empresa Maderista Souto, asegura que estas medidas "levarán a unha baixada no prezo da madeira que reciben os propietarios forestais". "Ao final a quen vai afectar é aos propietarios máis que a nós. Non é realista pensar que vai saír dos madeiristas. A realidade é que a madeira de Pol ou de Meira vai valer un euro menos que a dos propietarios do resto de concellos veciños e iso non é xusto. A partir de agora teremos que ter en conta onde sacamos a madeira para fixar o prezo. Non sei por que desde as Administracións locais teñen interese agora en baixar a madeira aos seus veciños", di.
Non é realista pensar que vai saír dos madeiristas, a realidade é que a madeira de Pol, de Meira ou da Pontenova vai valer un euro menos ca dos concellos veciños. Non sei por que eses alcaldes teñen interese en baixar o prezo da madeira aos seus veciños
Maderista Souto, que merca madeira nas provincias de Lugo, Ourense e parte da Coruña, está neste momento cortando nun dos Concellos que veñen de aprobar as novas taxas, aínda que neste caso a licenza de corta foi anterior. "Esa madeira foi pagada en novembro, non tiña ese custo, pero a partir de agora no contrato vaise especificar que o prezo non inclúe calquera taxa que impoña o Concello e no momento de pagar a madeira descontarase directamente ao propietario no importe final a taxa municipal abonada", anuncia.  Tanto esta coma outras empresas do sector decidiron aplicar esta solución xa a partir deste luns, 25 de xaneiro, ofrecendo á hora de mercar piñeiro, eucalipto, castiñeiro ou outras especies aos donos dos montes o prezo da madeira menos o custo municipal, sexa cal sexa en cada caso.  É unha medida que está recomendando a Asociación Provincial de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo a todos os seus asociados. "Desde Lugomadera entendemos que o abono de dita taxa corresponde ao titular da parcela e debe trasporse ás operacións de compra-venda de madeira", indican. Por iso, os contratos que sexan asinados a partir de agora incluirán unha cláusula na que se establece un "desconto por taxa a ingresar ao Concello por aproveitamento especial de dominio público local con motivo das operacións de depósito, arrastre e transporte de madeira" coincidente co importe da taxa municipal establecida. "Levarán a que as pequenas parcelas queden sen cortar" As empresas forestais consideran que a aprobación destas taxas á saca de madeira "terán repercusión sobre os veciños destes municipios e fomentarán o abandono entre os propietarios do monte". "Fincas pequenas, que xa de por si para os maderistas non son rendibles, non as imos comprar e van quedar sen sacar", alerta Miguel, que indica que "a madeira de eucalipto está pagándose a 38 euros tonelada no monte" logo de que os prezos volveran estabilizarse, o que supón que "unha hectárea de monte cunha selvicultura adecuada poida supoñer entre 16.000 e 18.000 euros e eses cartos son cartos que ían para os propietarios", argumenta.
A taxa son 60 céntimos máis gastos de xestión, vaise a un euro en total, e no caso de depósito de fiazas hai que descontar un 1% no prezo da madeira para os avais
Miguel estima que a baixada da madeira neses concellos será "como mínimo dun euro", xa que aos 60 céntimos por tonelada que fixa a taxa municipal hai que engadir "os gastos de xestión e a burocracia que leva aparellada", polo que "vaise a un euro en total", di. "Eu vou descontarllo no prezo final ao propietario e vou especificarllo así ao dono do monte", avanza. Outro tanto acontece no caso de Concellos que fixan "avais desproporcionados", di. "Non estou en contra de fianzas razonables para garantir que todos cumprimos e non se produce competencia desleal entre os que reparamos despois as pistas e os que non realizan ese gasto, sempre que o Concello sexa rápido á hora de devolver os cartos. Pero unha cousa é ter que depositar 3.000 ou 5.000 euros e outra ter que pedir un aval por 20.000 euros, como vai pasar a partir de agora no Concello de Lugo, por exemplo. O aval xérache uns gastos e uns intereses, polo que este tipo de fianzas desproporcionadas métennos a todos nun custo financieiro que acaba cos madeiristas pequenos", asegura, polo que defende os convenios cos Concellos: "en Láncara entre 7 madeiristas que sacaramos madeira dunha zona fixémonos cargo entre todos do amaño dun camiño que usaramos para sacar a madeira, esa é unha solución moito mellor para todos". "Os gandeiros non pagan" Miguel considera que esta taxa que están trasladando algúns Concellos ás empresas forestais "é unha taxa manifestamente inxusta". Lembra que o sector forestal "xera riqueza no medio rural e crea emprego estable e de calidade", polo que non entende, di, "por que o atacan nestes Concellos". As súas empresas, Maderista Souto SL e Landmaschinen SL, por exemplo, fixeron nos últimos dous anos un investimento de máis de dous millóns de euros en maquinaria e teñen en total 11 traballadores, máis os empregos indirectos que xeran por exemplo no transporte da madeira.
Atopas unha pista ben de cada 10 e non é lóxico que teñamos que amañar nós as pistas que non destrozamos nós
"Atopas unha pista ben de cada 10 e non é lóxico que teñamos que amañar nós as pistas que non destrozamos nós. Os gandeiros tamén usan as pistas e non teñen taxa. Non estou dicindo que llela poñan a eles tamén, só digo que é un agravio, porque van con maquinaria similar á nosa e con camións igual de pesados á hora de levar os subministros ás granxas ou á hora de ensilar", argumenta. Desde as entidades locais xustifican que "a taxa vai para o sector da madeira e o das canteiras por utilización das vías municipais porque son os que máis danos provocan nelas", afirma o alcalde de Ribeira de Piquín. "O que non entendo é porque hai que pagar en Meira e non en Guntín", rebate Miguel e "por que hai municipios nos que se nos impoñen ás empresas estas taxas inxustas e outros que fixan avais desproporcionados, xa que ao final todas estas cargas reflectiranse no valor da madeira", insiste. Extralimitación de competencias Os maderistas asumen que os Concellos poden obrigalos a reparar os danos, pero non "inventar un novo imposto", din As asociacións da cadea de valor da madeira consideran que "estas ordenanzas supoñen un imposto máis á actividade forestal, discriminando ao sector da madeira con respecto a outros sectores primarios que se desenvolven no mesmo territorio e que non sufren esta penalización". A través dun comunicado, desde Feamarga, que aglutina ás asociacións provinciais de aserradeiros e rematantes de madeira, denuncian "a extralimitación de competencias dos Concellos na aprobación de ordenanzas forestais e a imposición de taxas discriminatorias para a actividade forestal". Nuria Rodríguez, secretaria xeral de LugoMadera, a Asociación Provincial de Empresas de Primeira Transformación de Madeira de Lugo, confirma que unha vez foron rexeitadas no eido local as alegacións presentadas pola Asociación, están estudando co seu departamento xurídico levar estas ordenanzas aos tribunais por entender que os Concellos se estarían extralimitando das súas competencias ao aprobar un novo tributo sen base legal en materia fiscal de carácter autonómico ou estatal que o ampare.
Desde Lugomadera, na defensa dos intereses dos nosos asociados, seguiremos recurrindo este tipo de impostos revolucionarios á actividade forestal
LugoMadera rexeita a aprobación unilateral por parte destes seis Concellos destas taxas e defende a colaboración mediante os convenios que teñen asinados con máis de 20 Concellos na provincia de Lugo. "Os convenios funcionan ben e son bos para todos e non prexudican a unha actividade tan importante para o medio rural e os seus habitantes", di Nuria. Recoñece que nalgúns casos se produce "algún problema á hora da identificación das empresas que traballan nas vías municipais" e, para mellorar isto, desde a Asociación están desenvolvendo unha ferramenta informática que permita informar en tempo real aos Concellos en que lugares concretos se están realizando traballos forestais ou de saca de madeira "sen que isto supoña unha carga burocrática ou de tempo ás empresas". Adaptación das vías a unha maquinaria cada vez máis grande Desde LugoMadera recomendan ás empresas integradas nela que comuniquen aos Concellos o inicio dos traballos e o estado inicial das vías e pídenlles "limpeza e boa praxe durante a actividade", identificando mediante carteis a quen pertencen os acopios de madeira e informando da data na que se vai proceder á reparación no caso de ter provocado dano ou deterioro. A cambio, desde esta e outras organizacións profesionais galegas do ámbito forestal reclaman "a adaptación das vías á evolución da maquinaria forestal, a creación de parques de madeira, puntos de acopio e zonas de viraxe de camións". Tampouco ven viable desde Feamarga a paralización da actividade extractiva durante o inverno dado o "impacto que tería esta medida en termos económicos e de emprego, afectando a toda a cadea de subministro e á industria de transformación da madeira".

Novo servizo da Xunta para a consulta das cortas públicas de madeira

A Consellería do Medio Rural -a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) veñen de publicar un novo servizo web que permitirá consultar facilmente os datos dos expedientes de aproveitamentos madeireiros que xestiona a administración autonómica. Así, a nova ferramenta posibilita que as empresas e profesionais interesados poidan conectar os seus propios sistemas á aplicación Corpu -coa que se xestionan as cortas públicas de madeira-, para obter automaticamente toda a información dispoñible. Deste xeito, os usuarios non só evitarán ter que consultar manualmente os datos habilitados en Corpu, co conseguinte aforro de tempo e incremento da seguridade, senón que calquera cambio no estado da tramitación destes expedientes notificaráselles ao instante, evitando así erros ou omisións na tramitación que poidan ter un custo económico para os administrados. Así, tras un sinxelo sistema de alta -basta con cursar unha solicitude á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal- e despois dunha doada adaptación da súa aplicación informática, calquera usuario que o desexe disporá da información pública e tamén daquela restrinxida que lle afecte directamente. En concreto, a información que se ofrece vai desde os datos principais do expediente (lote, concello, monte, estado do expediente, etc.) ata os datos de contabilidade relacionados (importes de adxudicación, do IVE, etc.), pasando polas diferentes datas, prazo de execución e outras referencias ata un total de 150 parámetros distintos que completan a información dos aproveitamentos máis complexos. Para as empresas e profesionais interesados, a información técnica deste sistema pode atoparse na Oficina Virtual do Medio Rural, concretamente na seguinte dirección: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/servizos-web-forestais. O servizo web publicouse nas dúas versións máis estendidas (SOAP e REST), para que independentemente do sistema que empregue o usuario poida adaptarse dun xeito sinxelo.

Como se regularán as declaracións e autorizacións de corta?

As declaracións responsables e autorizacións de corta, que se regularon provisionalmente hai un par de anos por unha orde de Medio Rural, terán unha normativa definitiva co decreto de aproveitamentos madeireiros e outros usos do monte que publicará en breve a Xunta. É unha normativa que, entre outras cuestións, busca simplificar o proceso de autorización, polo que toda solicitude que non sexa contestada en dous meses será considerada aprobada por silencio administrativo, salvo indicación en contra. O novo decreto regulará tamén os aproveitamentos de pastos, resinas, cortizas e cogumelos, quedando derogado o decreto 50/2014 que abordaba estas cuestións. Analizamos a continuación os puntos clave do borrador da normativa, que se espera que saia publicado en breve.

Aproveitamentos madeireiros e de leñas

  • Prazos. Cando un aproveitamento precise de autorización, o prazo máximo de resolución será de 2 meses. Se nese prazo, o solicitante non recibise comunicación electrónica en contra, entenderase aceptada a súa solicitude por silencio administrativo. Isto permitirá en teoría evitar os retrasos que se están a dar nos últimos anos con determinados permisos sectoriais, como o das cortas con afectacións de Patrimonio Cultural.
  • A persoa que execute o aproveitamento terá un prazo de 12 meses para facelo a partir da data de concesión da autorización.
  • Informes sectoriais. Tramitarase só unha petición de autorización única ante a Xunta e cando sexa preciso un informe sectorial, como o de Patrimonio, Medio rural encargarase da súa solicitude. Se no prazo dun mes non o recibe, entenderáo favorable e proseguirá coa solicitude. En calquera caso, a Xunta tamén se reserva o dereito de agardar por ese informe e suspender o procedemento de solicitude por un máximo de 3 meses, á espera do informe, o que lle tería que ser comunicado ó solicitante.
  • En caso de afectacións con outras administracións, como no caso de cortas afectadas por Confederacións Hidrográficas, de non existir un protocolo de colaboración específico, os procedementos de autorización doutras administracións distintas da autonómica non están integrados no procedemento de autorización única neste decreto, polo que a presentación da solicitude de autorización á Xunta non producirá ningún efecto ante ás outras administracións tutelantes
  • Declaracións responsables. Nos casos en que sexa suficiente unha declaración responsable para proceder á corta, o solicitante debe garantir que esa declaración contén datos veraces de especies e volumes de aproveitamento, non podendo estar infravaloradas á fin de evitar o réxime de autorizacións, nin sobrevalorados cun maior volume, a efectos de obter cobertura en materia de trazabilidade e certificación forestal para madeira allea á corta.
  • De constatar a Administración inexactitude dos datos ou falsidade dos mesmos, en calquera posible control ou inspección, poderá proceder a suspender as cortas.
  • Extracción ou trituración dos restos de corta. A realización de calquera aproveitamento madeireiro implicará a extracción ou trituración da biomasa forestal sobrante da corta.
  • Rexeneración. Salvo causas xustificadas, tras a corta, os propietarios terán un prazo de dous anos para encamiñar a rexeneración natural ou a plantación da parcela. Permitirase a rexeneración da especie ou especies principais que conformaban a masa sempre que se respecten as distancias a vías de comunicación e núcleos de poboación, así coma as franxas de protección reservadas ás frondosas.
  • Supostos en que é precisa unha autorización de corta

    Os montes sen proxecto de ordenación ou que téndoo, queiran executar aproveitamentos non previstos no mesmo, terán que solicitar autorización nos seguintes casos: - Cando a parcela teña máis dun 10% de pés maiores de especies frondosas caducifolias. Enténdese por pé maior aquel cun diámetro superior a 7,5 céntimetros. Tamén precisará de autorización a corta de frondosas nas franxas de protección dos núcleos de poboación, onde por Lei só pode haber frondosas caducifolias pero non piñeiros nin eucaliptos. - Cando os montes formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público. - Cando a Consellería declare a existencia dunha praga ou enfermidade forestal e obrigue á presentación de dita solicitude para unha determinada especie. - Cando a superficie do aproveitamento madeireiro sexa superior a 1 hectárea para masas de frondosas caducifolias e ás 15 hectáreas para as demais masas. Estes aproveitamentos precisarán dun plan de cortas.

    Supostos en que é suficiente unha declaración responsable de aproveitamentos madeireiros

    Será suficiente coa presentación dunha declaración responsable, polo menos un día antes da corta, cando o monte teña un plan de ordenación aprobado e a corta se axuste a el. No caso dos montes sen plan de ordenación, tamén se poderá presentar só declaración responsable nos seguintes supostos: - Cando os montes non estean poboados con especies frondosas caducifolias ou teñan menos dun 10% de pés maiores desas especies (carballos, bidueiros, castiñeiros, rebolos, etc.). - Cando os montes non formen parte de espazos suxeitos a un réxime de protección ou estean afectados por lexislacións de dominio público, cuestión que se pode comprobar no visor de xeolocalización posto en marcha pola Administración. - Os aproveitamentos para leñas domésticas precisarán tamén só de declaración responsable. Enténdese por uso doméstico unha corta máxima de 10 metros cúbicos por propietario e ano. No caso das comunidades de montes, eses aproveitamentos terán que ser autorizados en asemblea, cun máximo de 150 metros cúbicos por ano en montes veciñais de ata 250 hectáreas e de 300 metros cúbicos en montes de maior superficie. - Os aproveitamentos en zonas afectadas por expropiacións, así coma as cortas obrigadas pola normativa de prevención de incendios, sempre respectando as frondosas caducifolias que cumpran con esas distancias. Se se queren cortar as frondosas nas franxas de protección, haberá que solicitar autorización. - Cando a Consellería declare unha praga forestal e obrigue á corta de determinadas especies nas áreas afectadas. - As cortas de arboredo implícitas nas autorizacións de cambio de uso dun terreo forestal a agrícola.

    Regulación de pastos, resina, cortiza e cogumelos

    O decreto que prepara a Consellería regulará os outros aproveitamentos do monte, máis alá da madeira. Estas son algunhas das cuestións que se establecen no borrador: Cortiza Só se poderá facer a extracción do 20 de xuño ó 30 de agosto de cada ano, a fin de evitar danos nas árbores. O primeiro descortizamento só se poderá facer en sobreiras cunha circunferencia sobre a casca maior a 60 centímetros á altura do peito. Para o segundo, haberá que esperar polo menos 9 anos desde o primeiro. Pastos Os propietarios que queiran regular permisos e prohibicións deberán comunicalo ó Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo. Nos montes veciñais, acordaranse en asemblea xeral. En todo caso, o aproveitamento dos pastos deberá realizarse de xeito compatible coa conservación do potencial produtivo do monte e coas actuacións de rexeneración de arborado. En terreos queimados, con carácter xeral non se poderá pastorear ata o 31 de decembro posterior á data en que se cumpran dous anos do lume. Pódense regular excepcións se se acredita que hai ganderías na zona sen outras alternativas, pero esas excepcións nunca se farán sobre superficies arboradas nin en parroquias catalogadas como de alta actividade incendiaria. Aproveitamento micolóxico A recollida para consumo propio de ata 2 quilos de cogumelos por persoa e día será libre, salvo que a persoa titular do monte regule o acoutamento da recollida, o que deberá comunicar á Administración e sinalizar axeitadamente no monte. Resina O periodo hábil para o resinado será de xaneiro a novembro. As solicitudes de autorización poderán tramitarse desde o 1 de setembro do ano anterior. Os aproveitamentos de resinas e cortizas que estean no Plan de Ordenación dun Monte só precisarán dunha declaración responsable, en tanto o resto de aproveitamentos estará suxeito a autorización de Medio Rural.

    Poderase cortar piñeiro e eucalipto en espazos protexidos sen necesidade de permiso da Xunta

    A Xunta permitirá cortar piñeiros e eucaliptos en espazos de especial protección (Rede Natura, parques naturais, humedais protexidas, ou paisaxes protexidas) só cunha notificación previa á administración, e sen necesidade de agardar a un permiso da mesma. En concreto, o Consello da Xunta avaliou este xoves un informe polo que se inicia a tramitación do borrador dunha orde para axilizar os aproveitamentos forestais, nestes espazos. Para iso, as consellerías do Medio Rural, de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Infraestruturas e Vivenda coordináronse para redactar unha serie de condicionantes cos cales, de cumprirse, unha corta de piñeiros e eucaliptos en réximes de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público podería levarse a cabo sen esperar un permiso da Administración. Así, a aprobación das condicións sectoriais permitirá substituír a solicitude de autorización de aproveitamento polo trámite de declaración responsable. É dicir, non será necesario recadar o informe dos órganos sectoriais correspondentes, co recorte de prazos e custos que isto supón, sempre e cando o solicitante inclúa na declaración responsable o seu compromiso de realizar o aproveitamento axustándose ás condicións establecidas nos pregos que se aproban nesta orde. Só para piñeiro, acacia e eucalipto O aproveitamento madeireiro que se regula nesta orde afecta o piñeiro galego ou do país, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón, a acacia negra e o eucalipto. A Consellería do Medio Rural xa puxo en marcha a pasada primavera o novo sistema de xanela única para a autorización de cortas, a través do cal os propietarios teñen un único interlocutor coa Administración autonómica. Comezouse, ademais, a aplicar o procedemento de declaración responsable para cortas de piñeiros e eucaliptos en espazos sen protección especial, de tal xeito que a acción resultaba inmediata sen necesidade de esperar por ningunha resposta da Xunta. Así mesmo, aplicábanse a autorización forestal única para todas as especies en espazos con protección. Agora dáse un paso para que as cortas de piñeiros e eucaliptos en determinados espazos de especial protección se poidan realizar tamén a través dunha declaración responsable. Vantaxes prácticas Desde a entrada en vigor do visor de aproveitamentos forestais o 26 de abril, un terzo das solicitudes recibidas poderían beneficiarse deste novo cambio. Trátase de todas as cortas localizadas en rede Natura 2000 ou nas zonas prioritarias de especies catalogadas, na zona de policía da demarcación hidrolóxica Galicia Costa . Só estes espazos ocupan algo máis do 12% do territorio galego. Pero tamén afectará á zona de afección das estradas autonómicas ou das deputacións. Todas elas poderían pasar a tramitarse como declaracións responsables, unha vez aprobada esta nova orde. Tendo en conta que anualmente tramítanse máis de 50.000 procedementos de autorización, dende a Xunta estima que unhas 16.000 solicitudes ao ano poderían pasar a tramitarse como declaracións responsable, axilizando moitísimo os aproveitamentos de piñeiros e eucaliptos en terreos suxeitos a algún réxime de protección ou afectados por lexislación de protección do dominio público.
     “O sector madeireiro podería aforrar uns 1,7 millóns de euros só en taxas”
    Deste xeito, dende o goberno da Xunta consideran que “se dá resposta a unha demanda histórica do sector forestal e dos propietarios de montes, que reclamaban simplificar o sistema de aproveitamentos forestais. Ademais, cúmprese con outro dos 30 puntos recollidos na proposta de acordo forestal” . De feito, segundo traslada o propio sector, a inclusión da declaración responsable para terreo con e sen afección suporía un aforro só en taxas duns 1,7 millóns de euros. A esta cifra habería que sumar os custos de loxística e xestión que xa non terán que executar as compañías madeireiras e que poden chegar aos 6,9 millóns de euros. Polo tanto, as empresas de aproveitamentos forestais cren que, unha vez rematado o proceso de implantación de declaracións responsables en todos os supostos posibles, o impacto económico sería duns 8,6 millóns de euros que suporá unha mellora da súa competitividade e, pola súa vez, reverterá nos propietarios forestais.