Archives

Abre a nova fábrica de pensos de Nudesa no polígono industrial de Silleda

Vista aérea da nova planta de Nudesa en Margaride. Foto: CEDIDA

A marca de pensos Nudesa abre unha nova fábrica no polígono industrial de Silleda para modernizar a súa forma de producción, así como para abordar novos mercados e productos. A súa visión centrouse no deseño dunha empresa que incorpora as últimas tecnoloxías, e a informatización e automatización de todos os procesos. Ademais, esta fábrica conta coas últimas innovacións en pensos medicamentosos, co cal, asegura a máxima calidade de producto e unha maior seguridade alimentaria.

A nova planta de NUDESA duplicará a capacidade de produción actual ata as 28.000 toneladas mensuais de penso, cun proceso totalmente automatizado. A empresa dezá, con máis de 30 anos de historia e unha facturación no último exercicio que chegou aos 124,5 millóns de euros, prevé que comezarán a subministrar en maio penso elaborado na nova planta. 

Fondevila indicó que con esta segunda factoría se duplicará la producción hasta las 28.000 toneladas de pienso mensuales, permitiendo además mayor eficiencia y calidad en el granulado gracias a un proceso 100 % automatizado.

A infraestructura contou cunha forte inversión que non só lle permite aumentar a capacidade de producción, senón que lles vai permitir “explorar novos mercados, con productos tecnolóxicamente mellorados. Deste xeito, o noso departamento de I+D poderá investigar no deseño de novos productos, que nos permitan dar resposta aos novos retos que nos plantexan os clientes”, sinalan desde Nudesa.

Nesta nova industria todos os procesos estarán informatizados e automatizados “desde a recepción da materia prima ata a carga do penso nos camións, cuestión que mellora a eficiencia enerxética e permite unha maior precisión dos procesos”, explican. Así mesmo, isto tamén permitirá a eliminar a posibilidade de contaminación cruzada cos pensos medicamentosos, “que aínda que na actual fábrica tampouco existe, neste caso o proceso será moito máis sinxelo”, avanzan.

Ademais, esta nova aposta na comarca do Deza recibiu o terceiro premio internacional ‘Steel Lion Award’ pola estructura da súa nave almacén. “Felicitamos a Calmesa Estructuras todo o seu traballo e agradecemos a dedicación a todo o seu equipo de traballo”, agradecen desde Nudesa.

Nudesa

Nos seus inicios era unha empresa familiar dedicada á alimentación animal, e especializada no sector porcino. Hoxe en día, é unha empresa líder e punteira no sector que ten como obxectivo fundamental “ofrecer o mellor alimento posible aos animais, e conseguir que estes pensos sexan aproveitados da maneira máis eficiente e sostible”, engaden.

Ademáis de vender pensos para porcino, vacún, aves, coellos, cordeiros, cabalos e mascotas, ofrecen unha serie de servizos aos seus clientes; desde asesoría técnica porcina ou servizos veterinarios, a servizos de enxeñería e de análise de laboratorio. Deste xeito, Nudesa engloba un equipo multidisciplinar que “axuda ao gandeiro con asesoría técnica, nutrición, sanidade, instalacións, etc. para que a súa explotación sexa sá, rentable e sostible”, detallan desde a entidade.

Xornadas de portas abertas da nova fábrica

Durante esta semana, 10, 11 e 13 de abril, Nudesa está a organizar unhas xornadas de portas abertas na nova fábrica no polígono industrial de Silleda enfocada a todas aquelas persoas e empresas relacionadas co sector. Ademáis dun percorrido polas instalacións, a entidade levará a cabo diversas charlas sobre retos e desafíos do sector. A invitación que fai a empresa é válida para dúas persoas e será necesario inscribirse a través do 986 58 12 00 ou enviando un mail a nudesa@nudesa.com.

Mércores 10 de Abril. Xornadas para Sector Porcino
17:00 Benvenida
Afrontando retos xuntos con Mar Lara, veterinaria de Nudesa
Perspectivas de futuro con Pep Font, veterinario e fundador empresa SIP
18:00 Visita instalaciones
18:30 Cóctel despedida

Xoves 11 de Abril. Xornadas para Vacún de Leite
11:00 Benvida
Futuro da producción de leite en Galicia con Gonzalo Domingo, veterinario de Nudesa
Novos desafíos: nutrición animal e sustentabilidade con Xan Rodríguez, Técnico de Alltech
12:00 Visita instalacións
12:30 Cóctel despedida

Xoves 11 de Abril. Xornadas para Vacún de Carne
17:00 Benvida
A nosa aposta: A Calidade con Sem Rodríguez, veterinario de Nudesa
Pasado, presente e futuro do vacún de cebo con Pepe Roquet, Director Técnico de Altech
18:00 Visita instalacións
18:30 Cóctel despedida

Sábado 13 de Abril. Xornadas para Distribuidores
17:00 Benvida
Manual puntos críticos e APPCC e outros puntos de interese
Rega avicultura e actualidade con Cistina Toubes, responsable de calidade de Nudesa
18:00 Visita instalacións
18:30 Cóctel despedida

Fotos do interior da nova planta e das xornadas de portas abertas: 

 

Sae ao mercado unha nova gama de pensos ecolóxicos

Planta de fabricación de Piensos O Coto, que distribuirá o novo produto por toda Galicia

A UE pretende que no ano 2030 unha cuarta parte da produción agrogandeira europea sexa ecolóxica e a nova PAC empurra nesa dirección, ao tempo que os consumidores buscan cada vez máis produtos co selo bio. A produción ecolóxica ofrece grandes posibilidades en Galicia, sobre todo nos sectores do vacún de carne e de leite. 

Pero o mercado dos pensos ecolóxicos era até este momento moi limitado, con pouca oferta, o que condicionaba as posibilidades reais de escolla das explotacións. EcoCoto, a nova gama ecolóxica de Piensos O Coto, vén poñer fin a esa escaseza de alternativas nutricionais para o gando. 

O sector da produción ecolóxica está a medrar cada ano a nivel europeo e a nova PAC empurra nesa dirección

Esta nova liña de produto xa está no mercado e súmase á ampla gama de pensos, cereais, fertilizantes, sementes e subministros agrarios desta empresa familiar que empezou a funcionar no ano 1992. 

Logo da nova gama ecolóxica de Piensos O Coto

Coa nova gama ecolóxica, Piensos O Coto amplía a súa oferta, facilitando deste xeito a conversión a ecolóxico das ganderías, con fórmulas específicas tanto para vacún de carne como para vacún de leite, explica Joaquín Valledor Núñez, director-xerente de Piensos O Coto. 

A empresa ten previsto chegar a toda Galicia con esta nova gama ecolóxica que distribúe en exclusiva, elaborada a partir de materias primas de primeira calidade coas que cubrir de maneira efectiva os requerimentos nutricionais do gando, logrando deste xeito altas producións e unha mellora na rendibilidade das explotacións. 

A experiencia de Piensos O Coto, presente no sector desde fai máis de medio século e con fabricación propia desde hai tres décadas, é unha garantía para os produtores que desde fai anos confían nos seus servizos e tamén para os novos clientes.

Máis información no teléfono 982340300 ou no email administracion@benjaminvalledor.com

Máis do 90% das materias primas para facer pensos en Galicia pasan polos controis do Galis

O control das materias primas para asegurar unha alimentación sa e axeitada para o gando, permite a obtención de produtos con todas as garantías sanitarias para o seu consumo. É por iso que se estableceron unha serie de organismos e sistemas que, como sucede en Galicia, analizan a maioría de produtos destinados a pensos gandeiros e evitar así "elementos non desexados". Galis, o sistema de control alimentario creado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) para extremar o control na elaboración de pensos para gañado, realiza case un milleiro de análises por ano. Así, durante o pasado exercicio, o laboratorio -situado en terreos do Porto da Coruña- analizou un total de 947 mostras, procedentes na súa maioría de barcos que chegaron aos portos de Galicia. Tamén examina materia prima doutras zonas da península. Na actualidade, Galis controla o 96% da produción de pensos de toda Galicia mediante estas análises rápidas destinadas a comprobar que as materias primas non superen os límites establecidos pola Unión Europea, que é a encargada de ditaminar que ingredientes pódense utilizar nos pensos e cales non. Deste xeito, obtéñense de forma precisa parámetros nutricionais moi diversos: grao de humidade, perfil de proteínas, acedo láctico, acidez, impurezas, nivel de calcio, fósforo, potasio… de cada unha das materias primas. Os resultados destes exames son esenciais porque os fabricantes dispoñen de valiosa información para extremar a calidade dos seus produtos e garantir a seguridade de todo o proceso da cadea. O millo, o cereal máis vixiado Das 947 mostras analizadas o pasado ano por Galis, 202 corresponderon a millo, a materia que máis se descarga nos portos galegos (sobre todo no peirao da Coruña) e tamén a máis vixiada ao ser a máis susceptible de conter substancias indesexables, un termo co que os técnicos se refiren a substancias como dioxinas, micotoxinas ou materiais pesados. Seguíronlle as fariñas de soia con 123, a cebada con 75 e moi de preto o trigo e a colza con 71 mostras cada unha. Ademais de Galis, en España hai outros cinco sistemas de seguridade de carácter sectorial. Son os sistemas de Cataluña (Qualimac), País Vasco (Aplika Epea), Castela e León (Segacyl), Murcia (Pensa-Q) e Andalucía (Sicalia). O sistema galego non só é un dos decanos -creouse en 2005- senón tamén é líder indiscutible en canto a controis realizados, xa que en Galicia realízanse cada ano unhas 1.000 mostras sobre unha produción de 3,2 millóns de toneladas de pensos. Con todo, Galis destaca non só pola cantidade de mostras realizadas e polo amplo abanico de parámetros analizados, senón pola incorporación de sistemas de alerta rápida de última xeración. Neste sentido, o seu laboratorio dispón da tecnoloxía NIRS (Near Infrared Spectroscopy) que permite máis precisión e rapidez con resultados garantidos nun prazo máximo de 24 horas.

Regulamento da UE contra a deforestación e como afecta á produción de alimentos

A directora técnica de CESFAC, Ana Hurtado, explicou o pasado 21 de abril durante a “XV Jornada Técnica para Responsables de Calidad de las Fábricas de Galis”, puntos e obxectivos clave do “Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello relativo á comercialización no mercado da Unión e á exportación desde a Unión de determinadas materias primas e produtos asociados coa deforestación e coa degradación forestal, e que deroga o Regulamento (UE) nº 995/2010”, abreviando “Regulamento contra a deforestación”. Durante esta xornada técnica organizada o 21 de abril de 2023 pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), a enxeñeira agrónoma e directora técnica Ana Hurtado avisou que a nova regulamentación é “complexa” ademais de que serán necesarios cambios nas políticas de exportación e importación da UE. Isto último debido a posibles confusións en canto certificacións dos lugares de orixe, pois existirá a posibilidade de que un país sexa de baixo risco de deforestación para un produto como o cacao e en cambio sexa de algo risco de deforestación para o café, o que suporá que o país se cualifique enteiramente como país de alto risco. Regulamento: orixes e marco ambiental A Unión Europea estimou necesaria a súa intervención para evitar a desaparición de zonas boscosas orixinarias. Esta premisa foi a base do “Regulamento contra a deforestación”, un texto dividido en catro partes e que pola súa complexidade até o momento: “traballamos con rascuños”. Alén disto, a UE quixo armarse dun texto legal que axudase a frear os procesos de deforestación no planeta debido a que este espazo económico forma parte das principais economías responsables do 80% da perda de masa forestal no mundo. Concretando en cifras, 420 millóns de hectáreas foron deforestadas até o día de hoxe para transformalas en terras de cultivo ou para gandaría, e actualmente 110 millóns de hectáreas están afectadas negativamente mediante incendios e outras incidencias (pragas, enfermidades, etc.) segundo informes da FAO de 2020. Detrás está a expansión agraria que se asocia tanto á deforestación como á perda de biodiversidade (FAO, 2020), sendo un 40% agricultura comercial a grande escala (carne vacún, soia e aceite de palma) e un 33% agricultura de subsistencia. Tamén a deforestación é un axente activo do cambio climático provocando un 11% das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI). A UE consume o 10% de produtos froito da deforestación dentro da porcentaxe mundial. O marco ambiental, xa que logo, é unha perda constante de masa forestal producida pola ampliación de terreos para usos agrogandeiros, a maioría a grande escala. Así pois, a UE non quere importar unha serie de produtos con orixes en áreas deforestadas. Estes produtos son: palma, soia, madeira, café, cacao e carne de vacún. A palma e a soia inclúen os seus derivados tamén. Daquela, o “Regulamento contra a deforestación” nace, por unha parte, de medidas lexislativas que se deseñaron previamente como a FLEGT, sobre o mercado da madeira e a EUTR, declaración responsable no comercio de madeira dentro da UE. A aprobación do regulamento fíxose nun tempo “récord”, pois a proposta saiu en 2020-2021 desde a Comisión Europea (CE) e o 6 de decembro de 2022 acadáronse os consensos necesarios no Parlamento Europeo, aínda que varios grupos querían introducir máis produtos “de deforestación”, por tanto o documento xa está pechado e a publicación apareceu en maio de 2023. No caso español, o Ministerio para a Transición Ecolóxica é o que lidera a aplicación desta normativa fronte ao Ministerio de Agricultura debido ás diferentes visións dos dous departamentos, sobre todo porque se aplica maioritariamente a alimentos. Arquitectura do Regulamento O obxectivo fundamental é minimizar o impacto da UE na deforestación e degradación forestal arredor do planeta. De maneira máis específica: evitar a entrada na Unión de produtos asociados coa deforestación e aumentar a demanda e o comercio da UE con materias primas e derivados “que non causen deforestación”. Estas materias veñen especificadas na lista de produtos afectados clasificados segundo Nomenclaturas Combinadas do Regulamento do Consello (CEE) Nº 2658/87. O Regulamento esixe unhas condicións para os denominados “produtos relevantes” que puideran ter detrás accións de deforestación: - Estar libres de deforestación (legal e ilegal) e degradación forestal desde 2020 - Cumprir coa egalidade do país de produción (ambiental, social, comercial, CLPI, etc) - Declaración de dilixencia debida previa antes de colocar no mercado A Dilixencia Debida (DD) é un sistema que permite recoller toda a información relativa ao produto que foi avaliado en canto a súa procedencia de zonas deforestadas despois do 31 de decembro de 2020 e que contan cuns parámetros baseados en auditorias para certificar que non é un elemento saído de áreas recentemente deforestadas. Isto aplicarase mediante a xeolocalización do predio ou terreo onde se cultivou o extraeu a materia prima e pasará a formar parte dun Rexistro de Declaracións de Dilixencia Debida. A xeolocalización pode presentar problemas segundo o país. Por exemplo, EE.UU considera a produción de soia un elemento estratéxico, por tanto será difícil que de primeiras permita xeolocalizar as áreas de produción, desta maneira ábrese a necesidade de negociar. A Declaración de Dilixencia Debida (DDD) é o documento que recolle todos os parámetros que necesitará o producto para entrar no mercado da Unión Europea ou ser exportado desde a mesma. A quen se lle aplica este regulamento? Aos axentes implicados en exportación, importación, produción, pemes (aquí estase estudando, mesmo para o comercio intracomunitario). En tal caso a DDD terá que ser simplificada para evitar a repetición de esforzos, isto pensando nas implicacións que podería ter para as aduanas e outros axentes similares, por que?, porque isto implicaría un aumento de custos (taxas, impostos, timbres, etc.). Ao dito súmaselle a avaliación de risco que faga a UE sobre o lugar de orixe. Crearase unha lista de lugares de alto, medio ou baixo risco. Isto medirase cuns condicionantes como son a seguridade do país, fiabilidade do mesmo (transparencia, grao de corrupción, guerras), o respecto ás comunidades nativas ou primeiros habitantes, certificacións que podan declarar como seguras as mesturas de produtos alimentarios realizadas no país de orixe e por último, a declaración de ser un lugar de risco baixo de deforestación. Elementos centrais do Regulamento Existen uns puntos esenciais que deben ser explicados máis polo miúdo en canto o documento que estamos estudando. A UE ten 18 meses para aplicar os niveis de risco a cada país. Porén pode aparecer un país de alto risco de deforestación para o cacao e ser ao mesmo tempo, de baixo risco para a soia. Que solución tería isto? A rexionalización do país (de aí a xeolocalización p.e.) e para iso haberá que abrir negociacións. Por outra parte, falamos tamén da simplificación da DD para países de baixo risco analizando a súa situación previamente. Os estados membros da UE deberán establecer en 6 meses unha serie de autoridades competentes para aplicar o Regulamento. Estas autoridades deberán aplicar unha porcentaxe de controis mínimos que poden ir do 9% ao 1% segundo o lugar de orixe. A presenza de riscos ou perigos obriga á UE presentar cada ano un plan de control que actuaría nas fronteiras da Unión (papel das autoridades aduaneiras), onde se incluirían medidas provisorias e correctoras que afecten á UE e aplicadas mediante un réxime sancionador aplicable á Unión. Isto inclúe unha sanción equivalente ao 4% do volume de negocios da empresa. Crear unha “lista negra” de infractores, prohibirlles o sistema simplificado e eliminar a financiación pública se existise. Os criterios que deberán cumprir os países segundo o Regulamento, tanto de dentro como de fóra da UE comezan pola información ofrecida polo país implicado. Dentro ofrecerase o índice de deforestación e degradación forestal, a expansión de terreo agrario relacionado con materias primas relevantes e medir a intensidade de produción das mesmas. Observarase a contribución do país á CMNUCC (Convenio Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático), se hai acordos sobre deforestación co país implicado e se a súa lexislación nacional cumpre co Acordo de París. A CE dará as designacións pertinentes a cada territorio. O rexistro ou sistema de información necesario para aplicar o Regulamento deberá ser estableccido e sustentado pola CE. Dentro del especificarase un rexistro de axentes e comerciantes, un rexistro DDD, outro de resultados e controis ademais de realizar unha interconexión aduaneira que facilite os trámites. Obrigarase a identificar envíos de alto perigo, a propiciar a asistencia e cooperación entre axentes de control (aduanas, comerciantes e axentes). Os datos serán públicos agás aqueles que sexan de tipo persoal por protección de datos. Dentro deste apartado tamén se engaden as necesidades que xurdan para negociar con terceiros países, cooperar con eles para aplicar políticas contra a deforestación e ter sensibilidade con aqueles lugares que viven dun único produto ou duns poucos. O Regulamento deberá ser revisado en caso de aumentar as materias primas e produtos que procedan de deforestación. Isto debera aplicarse en dous anos para ter datos que permitan ampliar os tipos de ecosistemas que se queren protexer con este Regulamento. A revisión será anual no caso de buscar incluír áreas boscosas. En cinco anos debera revisarse todo o Regulamento e as ferramentas que axudan a aplicalo, así como o impacto que ten a súa implementación sobre pequenos agricultores, pobos indíxenas e comunidades locais. Non se inclúe a obriga de cumprir as normas internacionais de dereitos humanos, serán puntos adicionais, todo de cara unha non inxerencia nas leis internas dos países. Aínda así, poderá exercese información sobre posibles infraccións diante das autoridades competentes para avaliar a situación e tomar as medidas pertinentes. Isto non impide o acceso á xustiza que figura no convenio AARTHUS. En España os ministerios correspondentes (MITECO, MAPA, Exteriores, Consumo, Hacienda e Función Pública) deberán designar as autoridades competentes e desenvolver medidas lexislativas de cara ao réxime sancionador, distribuír competencias, a coordinación entre departamentos e administracións e recuperación de custos. Conclusións As conclusións entre os membros da UE unha vez apliquen este Regulamento, son a necesidade de colaborar con importadores para aclarar dúbidas. En paralelo, será necesaria a cooperación con representantes de países produtores así como a creación dun comité de sustentabilidade (CESFAC) e foros para seguir as políticas de desenvolvemento do sector e as súas dificultades. Aumentar a colaboración interdepartamental e potenciar a participación e seguimento na FEFAC. O sector da alimentación animal entende que a sustentabilidade necesita do uso de proteína sustentable para unha subministración responsable de pensos compostos. O Regulamento converte o compromiso en obriga, por tanto o proveedor de proteína debe fornecer a industria con materias primas que cumpran a legalidade. Faise necesario para o sector entender ben quen e como se aplicará o Regulamento. Tamén piden solucións de cara ao cumprimento das obrigas legais en caso de non facerse por causas alleas á industria, que a lexislación sexa esixente e non haxa “sombras” na súa aplicación e tamén que a competitividade do sector diminúa polo incremento de prezos. Finalmente, estudar os impactos na cabana gandeira e ter ferramentas para superar as dificultades en negociacións cos demais axentes produtivos.

Etiquetaxe dos pensos: Desviacións encontradas nas inspeccións e melloras a aplicar

A "XV Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis" ofreceu ao público a intervención de Juan Gómez Apesteguía, xefe de seguridade alimentaria da Consellería de Medio Rural, ademais de asesor de AGAFAC. Esta intervención quixo demostrar que, aínda a día de hoxe, o etiquedato dos pensos para animais de explotacións agrogandeiras e tamén de compañía, presentan desviacións, erros intencionados ou non e nomenclaturas de substancias alimentarias ás veces descoñecidas dentro do mercado tanto galego como no resto do Estado. Porén, Gómez Apesteguía comezou a súa intervención aclarando uns conceptos básicos para o traballo da inspección alimentaria gandeira como son as obrigas de gardar mostras de produtos que se van usar na fabricación de pensos.

Conservación de mostras

A primeira parte da intervención de Juan Gómez Apesteguía consistiu en explicar as recomendacións sobre as condicións para o cumprimento das disposicións establecidas no Anexo II do Regulamento 183/2005, concretamente o apartado “Control de calidade”, e dentro del, sobre a mostrateca. Este último concepto é o conxunto de mostras recollidas nun establecemento produtor de pensos. Ditas mostras representan cada lote de ingredientes que forman parte dun penso composto e de cada lote de produto acabado. Estas recomendacións para o correcto cumprimento sobre a mostrateca foron aprobadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) o 22 de marzo de 2022. O obxectivo do Regulamento 183/2005 remarca que, coa finalidade de garantir a trazabilidade, os fabricantes deberán conservar documentos sobre as materias primas dos pensos compostos. Os documentos deberán estar a disposición das autoridades durante “un periodo acaído co uso para o que comercializan o produto”. A isto engaden que se deberán conservar “cantidades suficientes” tanto de ingredientes e lotes de elementos fabricados e comercializados ou “de cada fracción específica da produción (de ser unha produción continua)”, para garantir a trazabilidade. Todo isto farase mediante un procedemento establecido previamente polo fabricante. As mostras deberán ser gardadas de tal maneira que quede garantida a súa identificación e a súa conservación farase en condicións de almacenamento que eviten a posibilidade de modificación anormal na composición ou mesmo de adulteración. Estas mostras tamén permanecerán ao dispor das autoridades competentes durante un período axeitado para o fabricante. No caso de pensos para animais non destinados a producir alimentos, o fabricante só terá que conservar mostras do produto acabado. A dúbida xorde arredor do concepto “mostra suficiente”, é dicir, a cantidade estimada como necesaria para realizar as probas necesarias de cara ás analíticas que se apliquen. As cifras concretas segundo as recomendacións do MAPA serán: 500 gramos (g) en canto pensos sólidos e 500 mililitros (ml) en pensos líquidos ou semilíquidos. Os aditivos de alto custe e as materias primas de moi baixa porcentaxe de inclusión en fórmula, poderán gardar mostras cunha cantidade mínima de 100 g ou ml. Será así no caso de acreditarse que non serán necesarias cantidades maiores para as análises.

Obxecto: trazabilidade

O Regulamento (CE) 767/2009, sobre comercialización e utilización de pensos, sinala que: “o etiquetado cumpre con obxectivos en materia de aplicación da lexislación, trazabilidade e control”. Por outra parte, as etiquetas deben ter información para que os compradores poidan escoller o tipo de penso que cubra as súas necesidades, para iso debe ser “consistente, coherente, transparente e comprensible”. O artigo 4 do mesmo Regulamento ten uns requisitos de seguridade e comercialización para os comercializadores de pensos que deberán garantir que estes produtos estean etiquetados, envasados e presentados de conformidade coas disposicións establecidas segundo o Regulamento mencionado e outras lexislacións Por tanto, o etiquetado dos pensos obedece ao seguemento dos mesmos desde a recollida das materias primas até que son postos no mercado. Así, e segundo o que di o Regulamento (CE) 178/2002, sobre os procedementos relativos da seguridade alimentaria, sinala no seu artigo 18 en referencia á aplicación da trazabilidade. En todos os pasos da produción, da transformación e da distribución deberá asegurarse a trazabilidade de alimentos, pensos e animais destinados para alimentación e calquera outra substancia destinada para a súa incorporación nun alimento ou nun penso, ou coa probabilidade de ser engadida. É por iso, que o mesmo artigo no seu punto 4 insiste en que os alimentos ou pensos comercializados ou con posibilidades de seren comercializados na UE, deberán estar debidamente etiquetados. Todo para facilitar a trazabilidade con documentación e información segundo disposicións máis específicas. Todas as cuestións anteriores inclúen o etiquetado dos pensos elaborados na fábrica, senón tamén aqueles que mercou o fabricante dentro da avaliacón de provedores.

Erros frecuentes

Os erros máis frecuentes no etiquetado son lapsos ou equivocacións. Non obstante, hai erros na redacción do documento ou foi redactada para a confusión do cliente. A finalidade é que crea estar mercando un produto diferente do que é realmente, salvar trámites administrativos, ampliar o número de clientes. As inspeccións tamén detectaron que a maioría das etiquetas con erros corresponden a “penso complementario” cando non o son. A definición de “penso complementario” é a dun penso composto cunha proporción máis alta de determinadas substancias aínda que, debido a súa composición, non é abondo para unha ración diaria de non ser que se mesture con outro penso (Regulamento (CE) 767/2009). Fronte a esta definición temos a do “penso composto”, unha mestura de polo menos dúas materias primas para pensos, tanto ten se levan aditivos para penso ou non, e que serven para alimentar animais por vía oral como penso completo ou complementario.

Mostra de erros

Juan Gómez Apesteguía mostrou algúns exemplos de etiquetado con erros que demostran a “habilidade” dos productores en canto poder superar algunhas normativas. Na primeira diapositiva mostra unha etiqueta de “penso composto”. Os compoñentes son polpa de chicoria e aditivos. O penso composto debe ter dúas materias primas, aquí só hai unha, primeira cuestión. Ademais, o vendedor quere facer pasar como materia prima un aditivo, a bentonita, usada para reudicir contaminación por microtoxinas. E neste caso, o 85% do penso é bentonita. Esta estiqueta describe unha premezcla, é dicir, un aditivo diluído nun soporte, neste caso a chicoria. A causa de posible infracción está en que o fabricante sabe que vende unha premezcla e só podería vendela a fabricantes de penso. Por que o fai? Aumentar o número de clientes de maneira ilegal. O segundo exemplo é unha etiqueta que presenta un “alimento completo” para rumiantes. O etiquetado, se se examina con claridade, mostra un penso complementario. O fabricante corrixiu este dato, mais hai outro que é intrigante: “aportar regularmente durante períodos de stress cando máis risco teñen os animais”. Risco de que? A etiqueta viña en castelán e portugués e nesta parte poñía: “reporta inmunidade”, un alimento? A composición pola súa parte aportaba carbonato cálcico e litoteme. Isto último é unha alga e esta descrición non vén na etiqueta. A terceira etiqueta indica que “axuda en caso de cetose e desordes metabólicos postparto por desequilibrios nutricionais”. Se fala de cetose é unha indicación terapéutica. O produto en cuestión debera ser presentado como penso dietético. Nun seguinte exemplo, o penso di ter compostos anti-salmonela, cando non existen tales compostos. A seguinte indica que é aceite de soia G.M.O., o que non indica é o significado: aceite obtido a partir de soia modificada xeneticamente, que sería a denominación legal. Por último, hai quen etiqueta sen ter en conta certos parámetros aínda que se ofreza toda a información necesaria. Por iso, neste último caso, houbo un aviso e o fabricante rectificou e realizou a nomenclatura segundo lexislación.

A lei europea contra a ‘importación de deforestación’ terá impacto nas materias primas dos pensos galegos

A lei aprobada o pasado mércores, 19 de abril, polo Parlamento Europeo para evitar as importacións de materias primas e derivados que xeren deforestación en terceiros países, elevou a preocupación dos fabricantes de pensos galegos, que levan tempo advertindo de que a medida pode traducirse nunha subida de prezos nun momento onde o custo dos cereais é preocupante. Así se expuxo esta mañá na “XV Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis” organizada pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) á que asistiron máis de 60 expertos e representantes do sector e que foi inaugurada polo director da entidade, Bruno Beade. A nova norma, que agora debe ser publicada no DOUE (Diario Oficial da Unión Europea) e que probablemente entrará en vigor o próximo mes de maio, prohibe a comercialización de produtos procedentes de zonas en risco de deforestación, entre os que se inclúe unha parte do aceite de palma ou da soia que se emprega nos pensos. Isto esixe novos requisitos de rastrexabilidade e datos de xeolocalización de cada explotación de orixe de produción da materia prima. O sector dos pensos calculaba o ano pasado que a maior parte das importacións de materias primas estaban libres de deforestación, pero admitía que había dúbidas sobre unha parte delas, por exemplo sobre o 29% das importacións de soia do Brasil. Co seu programa de autocontrol, os fabricantes de penso esperaban chegar ó 2030 cun 100% de compras de soia sostible, pero a nova norma obrigará a que iso suceda xa este ano. Un contexto de máximos históricos O sector considera que a lexislación engadirá aínda máis presión sobre os custos no sector de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados, á vez que lembran que xa se promocionan prácticas de produción responsable, como no caso da soia sostible. Neste aspecto, Ana Hurtado, da Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compuestos para Animales (Cesfac), explicou na súa intervención nas xornadas os principais puntos da nova norma e tamén as preocupacións do sector.
A lexislación engadirá aínda máis presión sobre os custos no sector de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados
Así, fixo fincapé no compromiso dos fabricantes de pensos coa sustentabilidade e o uso de fontes de proteína sostibles (palma e soia) para unha subministración responsable de pensos compostos. Con todo, asegurou que o novo regulamento “converte o compromiso nunha obrigación” polo que destacou a necesidade de entender “a trasposición da norma e os mecanismos de control”. Así mesmo, a experta advertiu de cuestións como problemas para o cumprimento dos requisitos legais por causas alleas á industria, falta de aprovisionamento por desvío cara a outras áreas cunha lexislación menos esixente e menor competitividade do sector por incremento dos prezos. Lei de Envases Pola súa banda, Paloma Sánchez, directora de Competitividade e Sustentabilidade na Federación Española de Alimentación e Bebidas (FIAB) disertou no seu relatorio sobre as obrigacións dos fabricantes de pensos con respecto ao Real Decreto de Envases e Residuos de Envases, mentres que Juan Gómez Apesteguía, responsable da área de Seguridade Alimentaria nas Produccións Gandeiras da Xunta, expuxo as melloras introducidas nas inspeccións oficiais. Os protocolos de análises das materias primas e o manexo dos kits de control foron abordados por Gerardo Fernández e Carlos Martínez, xefe da Unidade de Técnicas Cromatográficas dos Servizos de Apoio á Investigación (SAI) da UDC e experto na empresa DSM. https://www.campogalego.gal/europa-esixira-soia-libre-de-deforestacion/

Xornada sobre o cultivo de chícharo bravo en Galicia

O CIAM organiza unha xornada sobre o cultivo do chícharo bravo (altramuz) en gran en Galicia. A formación celebrarase o vindeiro día 21 de outubro en Lalín (Pontevedra). Na sesión abordaranse da man de expertos as posibilidades de aproveitamento deste cultivo en Galicia para poder fornecer ás fábricas de penso galegas ou mesmo ser aproveitado directamente polas ganderías para elaborar as súas propias mesturas de penso. Precisamente, a cooperativa de segundo grao lalinense Xuncoga, xa probou a cultivar hai anos chícharos para as mesturas dos seus pensos, aínda que a experiencia non tivo continuidade. A xornada terá lugar na Aula da Uned de Lalín, situada no polígono industrial da vila. As persoas interesadas en asistir poden cubrir este impreso cos seus datos persoais e deberán remitilo despois ó email: luis.urquijo.zamora@xunta.es. Tamén poden solicitar máis información sobre a xornada contactando co investigador Luis Urquijo no teléfono 881 881 852. A continuación detallamos o programa da xornada: 9:30 – 10:00 horas. Control de asistencia e reparto de información. 10:00 – 10:15 horas. Presentación do director do Agacal, José Luis Cabarcos Corral. 10:15 – 10:45 horas. O cultivo do chícharo bravo. Experiencia no Ciam. Luis Urquijo. 10:45 – 11:15 horas. Experiencias con chícharo bravo en Galicia. Fernando Almeida. 11:15 – 11:45 horas. O chícharo bravo en España. J.M. Mateos – Cañero. 11:45 – 12:15 horas. Descanso para o café. 12:15 – 12:45 horas. O chícharo bravo en Extremadura. CICYTEX. María José Lozano / Antonio García 12:45 – 13:15 horas. As proteaxinosas na industria do penso galega- Piensos del Sil. 13:15 – 13:45 horas. Mesa redonda.

Os prezos do penso tenden á estabilidade nos próximos meses

Despois da tormenta dos primeiros catro meses deste ano semella que chegou a calma ao sector da alimentación animal. Non se esperan vaivéns significativos ata final de ano e mesmo se detectan indicios de relaxación nos prezos das materias primas que poderían confirmarse de cara ao ano que vén, aínda que esa tendencia non garantiría unha baixada no prezo final que pagan os gandeiros polo penso, debido a que o incremento de custos enerxéticos ou de transporte está a impactar tamén nas plantas de fabricación. O ministro de Agricultura, Luis Planas, reuniuse esta semana con representantes do sector da alimentación animal para coñecer a situación actual. No encontro analizáronse as previsións de colleita e existencias de determinadas materias primas, como millo ou soia, que marcan a cotización do resto de cereais e oleaxinosas.
Trala inestabilidade e risco de desabastecemento dos catro primeiros meses de 2022, na actualidade hai materia prima abundante aínda que a prezos aínda elevados
A flexibilización das importacións adoptadas pola Comisión Europea trala guerra de Ucraína, así como as excepcións nas normas de condicionalidade da PAC, serviron para relaxar a presión vivida nos meses de febreiro e marzo. A dispoñibilidade de materia prima necesaria para a elaboración de pensos está garantida nestes momentos, grazas sobre todo á normalización nas importacións de países como Brasil ou EEUU e á lenta saída de cereal dos portos ucraínos tralo acordo de Rusia con Turquía, xa que a colleita tanto en España como noutros países europeos foi sensiblemente menor nesta campaña debido á seca vivida na primavera. Dispoñibilidade suficiente e indicios de posibles baixadas de prezos Jorge de Saja, director xeral de CESFAC, a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais, que estivo presente na reunión deste mércores no Ministerio, resume a situación existente nestes momentos: “dispoñibilidade suficiente, prezos das materias primas estables e con algún indicio de que poidan baixar e custos de produción (e por tanto prezo final do penso) aínda demasiado altos polo impacto dos custos enerxéticos”.
Prevemos que os prezos das materias primas poidan baixar nos próximos meses (Jorge de Saja, CESFAC)
“Nós consideramos que a pesar dos problemas de subministración na zona vinculada ao porto de Tarragona, e aínda que as colleitas se reduciron en Europa, hai suficiente dispoñibilidade de materias primas para atender a demanda. Outra cousa é o prezo, aínda que confiamos en que non haxa xa máis subidas de prezos e mesmo poida haber baixadas”, prognostica.
A situación de subministración é moito mellor a día de hoxe que nos primeiros catro meses do ano
O director xeral de CESFAC considera que “está a prexudicar máis neste momento aos fabricantes a subida dos custos enerxéticos que o das materias primas. Se as materias primas repiten as cotizacións de agora mesmo ou mesmo hai algunha baixada iso podería permitir ás plantas de fabricación volver á rendibilidade perdida nos últimos meses. Pero se o prezo da enerxía segue subindo, tanto as fábricas de penso como as ganderías entrarán de novo en números vermellos”, asegura. Peticións ao ministro Reunión este mércores dos representantes das industrias de alimentación animal co ministro Luis Planas As peticións máis significativas trasladadas na reunión deste mércores ao ministro polas empresas de alimentación animal céntranse en distintos ámbitos. Por unha banda, consideran necesario prorrogar de cara ao próximo ano as medidas adoptadas como consecuencia da guerra de Ucraína, como a flexibilización da normativa de pesticidas para a importación de materias primas do continente sur.
Á hora da verdade viñeron moi poucos barcos de Arxentina porque se cubriu a demanda con importantes cantidades de millo procedente de EEUU
“En setembro hai que tomar a decisión e nós pedimos que se inste á Comisión Europea a renovar as medidas excepcionais adoptadas no seu momento como garantía ante a alta volatilidade do escenario actual, porque a chegada de materia prima procedente doutras orixes pode cambiar”, indica Jorge. Aínda que recoñece que “nestes meses, á hora da verdade, viñeron moi poucos barcos de Arxentina porque se cubriu a demanda con importantes cantidades de millo procedente de EEUU”. A maiores, un dos elementos que está a impactar nestes momentos na fabricación de pensos en España son os “graves problemas” que está a haber no porto de Tarragona como consecuencia da “folga encuberta de estibadores”. “Trátase da maior dársena para entrada de graneis para alimentación animal en España, sobre todo para a zona de Cataluña e Aragón, onde se produce gran parte da fabricación de pensos española. O porto estivo moi pouco operativo durante todo o verán e pedimos solucións a este conflito laboral que está a provocar importantes problemas”, aseguran.
Pedimos un plan de continxencia que evite as enormes distorsións de primavera no funcionamento das plantas de fabricación e o subministro ás ganderías en caso dunha nova folga de transporte no outono
Desde CESFAC temen ademais os efectos dunha posible folga de transportes no mes de outubro ou novembro, con consecuencias como as sufridas na primavera, cando “chegou a perigar a subministración a moitas granxas”, afirman. En materia de enerxía, as plantas de fabricación de pensos non son consideradas industrias electrointensivas e, por tanto, non teñen acceso a algúns paquetes de medidas que desde o Goberno se foron implementando para facer fronte ao custo enerxético. “Pero somos un sector esencial, xunto coa gandería, e por este carácter esencial pedimos poder equipararnos, para os efectos de acceso ás axudas do Ministerio de Industria e Enerxía, a outros sectores máis electrointensivos pero non tan esenciais coma nós”, argumenta CESFAC.

Caída de consumo de penso no sector do vacún de leite e de carne

A produción industrial de pensos compostos para alimentación animal mantivera un crecemento constante en España desde o ano 2008 que se rompeu no ano 2020. Desde os 21,3 millóns de toneladas fabricadas en 2008 chegouse a 25,2 millóns en 2019. Pero desde entón, freouse ese crecemento, primeiro como consecuencia da pandemia e, posteriormente, a partir de 2021, como consecuencia da escalada de prezos das materias primas.
Está a haber unha produción por encima do esperado en avicultura e un descenso en vacún de leite
A previsión para este ano 2022 que realiza CESFAC é de 24,6 millóns de toneladas de penso fabricadas en España, das que 10,9 millóns serían para porcino; 4,2 para avicultura e 9,4 para vacún, coellos e pequenos ruminantes. “As cifras ata agosto confirman as previsións prudentes que fixeramos. Con algunhas variacións en vacún de leite á baixa e en avicultura á alza, esperamos unha repetición en quilos das cifras de produción do ano pasado”, detalla Jorge de Saja.
Está a producirse o sacrificio anticipado dalgúns animais en vacún de leite pola subida dos custos de produción
As estimacións que cada ano realizan os fabricantes de penso están baseadas en datos reais de número de animais vivos de cada especie e en consumos históricos. “Está a producirse o sacrificio anticipado dalgúns animais en vacún de leite pola subida dos custos enerxéticos e de insumos para alimentación”, asegura. O elevado prezo que nestes momentos teñen as vacas de desvelle está a incentivar esta práctica por parte das ganderías de leite. Debido ao elevado custo do penso, que alcanzou niveis históricos este ano, moitas explotacións adiantan a saída de animais cara ao matadoiro.
O penso para vacas de leite empezara o ano en 316€/tonelada e sitúase nestes momentos en 409
Nestes momentos o prezo da tonelada de penso para vacas de leite atópase xa en 409€, segundo os datos publicados polo Ministerio de Agricultura no mes de xullo, superando de lonxe os prezos de 2012, durante a anterior onda de carestía das materias primas, cando a tonelada de penso chegara a alcanzar os 326€. Algo similar ocorre co penso para cebo de tenreiros, que arrincou o ano en 338€ a tonelada e sitúase nestes momentos en 428€, o que fai que en Galicia, xunto a este descenso de consumo de penso vinculado ao sector lácteo, en vacún de carne estea a notarse tamén unha baixada de consumo, xa que numerosas ganderías de vacas nodrizas optaron este ano por non finalizar os tenreiros co habitual cebo de dous meses estabulados e envialos directamente a matadoiro desde o prado. 

Economistas e expertos advirten de que a suba do prezo dos cereais manterase, polo menos, este ano

Os prezos das materias primas continuarán a súa fase ascendente os próximos meses e os cereais non serán unha excepción. Así o cren os expertos que se reuniron esta mañá en Santiago de Compostela, no marco do XI Foro Galis, e que prognostican tempos complicados. Unha subida desmesurada dos custos de produción e a guerra en Ucraína son dúas das principais causas dunha situación que para a maioría dos expertos non ten visos de solucionarse nin a curto nin a medio prazo. Ese é tamén o prognóstico do catedrático en Economía Santiago Niño Becerra, que participou no foro e onde pronunciou o relatorio "2022-2023. Tendencias". O experto foi un dos participantes da IX Edición do Foro Galis, organizado no hotel Oca Porta do Camiño pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac). Ao encontro asistiron máis de 100 representantes do sector e o acto de clausura presidiuno o conselleiro do Medio Rural, José González. A apertura do acto correu a cargo do presidente de Agafac, José Luís Rey. Na súa intervención, Niño Becerra asegurou que a situación é moi complicada e que o próximo outono e inverno será peor."Poida que entrásemos nunha fase, que durará décadas, de prezos das materias primas tendencialmente á alza", indicou para apuntar que este novo escenario "é malo". Asegurou que o salario frecuente en España -que non soldo medio- rolda os 18.600 euros, polo que os fogares sufrirán de forma importante esa situación adversa que se acentuará tras este verán "de carpe diem, de aproveita o momento". "A xente está a saír, as terrazas e restaurantes están cheos, as estradas repletas de vehículos coa gasolina polas nubes. E dicimos: xa pensaremos no mañá, e no outono chegará todo", vaticinou. Así mesmo, o economista, un dos poucos que prognosticou a crise de 2008, mostrouse convencido de que a capacidade de produción alimentaria "é a que é", as colleitas de trigo ou millo "son as que son", e lembrou que, ademais dun previsible aumento de prezos, en China a demanda de cereais está a aumentar.

Situación insustentable

Pola súa banda, Lola Herrera, xerente de Rogah e consultora de USSEC, acrónimo en inglés do Consello de Exportación de Soia de Estados Unidos, pronunciou a conferencia "As materias primas agrícolas na presente conxuntura xeopolítica global" e na súa intervención asegurou que a situación dos prezos "é insustentable". A experta indicou que o contexto mundial está marcado pola guerra e prognosticou que a curto prazo non se esperan grandes cambios. "O futuro é incerto e talvez en 2023 asistamos a unha nova normalidade", dixo. O XI Foro Galis reuniu en Santiago a provedores e representantes das principais fábricas de pensos de Galicia. O presidente de Agafac, José Luís Rey, abriu o acto e no seu discurso apelou á unidade do colectivo para afrontar con éxito "estes tempos complicados" e os retos en materia de sustentabilidade e dixitalización, dous factores que cualificou de fundamentais para ser competitivos nun mercado cada vez máis globalizado. O sector da alimentación animal en Galicia aproveitou o encontro para render unha emotiva homenaxe a Javier Barcia, anterior director de Agafac, con motivo da súa xubilación e ao durante o evento fíxose entrega da insignia de Agafac. O conselleiro de Medio Rural, José González, foi o encargado de pechar o acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros. Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia do sector para a economía galega tras encomiar a traxectoria de Galis, o sistema de control de materias primas impulsado por Agafac e que se converteu nun referente a nivel nacional.

Xornada sobre como afecta a actual crise en Ucraína á gandería galega

O grupo operativo supraautonómico Proteinleg organiza este xoves, día 19 de maio, unha charla con axentes do sector para analizar Como afecta a actual crise en Ucraína á gandería galega? A xornada en liña será retransmitida vía Teams e a inscrición é gratuíta. Coñecido como a despensa de gran de Europa, Ucraína é o gran exportador da UE de numerosos cultivos que son base para o funcionamento do sector agroalimentario europeo. Co estalido da invasión cortouse esa subministración, o que xerou unha enorme crise de abastecemento na industria gandeira, que viu seriamente comprometida a elaboración de pensos, co risco que supón para os animais e a viabilidade das ganderías. Nesta xornada, que terá unha duración de pouco máis dunha hora, tratarase como afectou e está a afectar ao sector en Galicia esta profunda crise internacional. Abordaranse posibles solucións que permitan mitigar esta situación e vías para que os produtores poidan saír reforzados. Para iso, Proteinleg aposta polo cultivo sostible, innovador e de proximidade de variedades tradicionais de leguminosas ricas en proteínas coas que elaborar pensos que satisfagan as necesidades nutricionais dos animais. Na mesa redonda participarán Almacenes Gamallo, o Centro Tecnolóxico da Carne, a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e as asociacións Agaca e Asoporcel. As persoas interesadas poderán formalizar a inscrición gratuíta aquí, para que lle faciliten un link de acceso á sesión. Detallamos, a continuación, o programa da xornada: 10:00 – 10:05 horas. Benvida. Anxo Sanabria. Feuga 10:05 – 10:20 horas. Presentación do Grupo Operativo Proteinleg. Ángel Sanabria. Feuga. 10:20 – 11:00 horas. Mesa redonda. Como afecta a actual crise en Ucraína á gandería galega? Erica Pazos. Almacenes Gamallo. Lucio García. Centro Tecnolóxico da Carne. Higinio Mougán. Agaca. Iván Rodríguez. Asoporcel. 11:00 - 11:10 horas. Preguntas. 11:10 horas. Fin da sesión  

Estudantes de Veterinaria visitan o Porto Exterior para coñecer de cerca o sector da alimentación animal en Galicia

Dous grupos de estudantes da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC) no campus de Lugo percorreron as instalacións do Porto Exterior da Coruña dentro das visitas organizadas pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) coa USC que arrincaron este mes de maio. Achegar aos futuros profesionais da veterinaria o proceso de control das materias primas coas que se elaboran pensos que alimentan á cabana gandeira de Galicia é o principal obxectivo desta iniciativa realizada grazas á colaboración da Autoridade Portuaria e que inclúe charlas sobre o sector de pensos impartidas por Bruno Beade, director de Agafac. Durante as visitas, os grupos, cada un formado por uns 35 mozos e mozas, coñeceron como leva a cabo o proceso de recollida de mostras de miles de toneladas de trigo, soia ou millo que se descargan a diario no porto coruñés. Trátase de controis realizados por Agafac a través de Galis, un dos sistemas de control sectorial de calidade das materias primas para alimentación animal máis avanzado de España.

O Goberno dará 169 millóns de euros en axudas directas ás gandarías de leite

O Consello de Ministros aprobou hoxe un paquete de axudas para os sectores agrario e pesqueiro, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, dotado con máis de 430 millóns de euros, recollidas no Real Decreto-lei polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína. Os apoios para mitigar o impacto no sector primario suman 193,47 millóns de euros para o sector agrario e gandeiro, o sector produtor de leite percibirá un total de 169 millóns de euros e a pesca extractiva e acuícola contará cunhas axudas de 68,18 millóns de euros. En total, 430 millóns de euros de axudas directas e subvencións comunitarias, aos que hai que considerar o engadido da redución de 20 céntimos durante 3 meses no prezo do gasóleo que, de acordo aos datos de consumo medio de anos anteriores, desde o Ministerio destacan que pode supor un impacto positivo de 78 millóns de euros para agricultores e gandeiros e doutros 16 millóns para pescadores.

Axudas para os produtores de leite

O Goberno porá a disposición dos produtores de leite 169 millóns de euros en axudas directas, xa que é un dos máis afectados polo incremento dos custos polo prezo da electricidade, os pensos de alimentación animal e os combustibles provocado pola invasión rusa de Ucraína. Desta cantidade, 124 millóns de euros son para o sector produtor de leite de vaca (210 euros por vaca até un máximo de 40 animais por beneficiario, 145 euros por animal entre 41 e 180 cabezas; e 80 euros por máis de 180 vacas); 32,3 millóns de euros para os produtores de leite de ovella (15 euros por animal); e 12,7 millóns de euros para os de leite de cabra (10 euros por cabeza). Estas axudas xestionaranse de forma urxente e inmediata, unha vez entre en vigor o real decreto-lei.

Posibilidade de cultivar barbeitos

A norma aprobada hoxe polo Consello de Ministros tamén recolle a modificación normativa pola que se exime aos agricultores da obriga de deixar en barbeito un 5 % das súas superficies de cultivo e flexibilízase o requisito de diversificación. Con iso, poderanse mobilizar máis de 600.000 hectáreas declaradas como superficies de interese ecolóxico, así como 2,16 millóns de hectáreas declaradas para cumprir o requisito de diversificación de cultivos. Desta forma, o sector agrario contará con máis superficie para producir cereais e oleaxinosas e mellorar a subministración destes produtos en España. O sector ademais beneficiarase do conxunto de medidas no ámbito enerxético (enerxía eléctrica, gas e enerxías renovables) recollidas no real decreto-lei para axudar ao conxunto da economía con medidas de impacto positivo para agricultores, gandeiros e pescadores.

Consulta aquí o decreto publicado no BOE

As debilidades do sistema de produción de leite en Galicia

Desde o fin das cotas lácteas no ano 2015 Galicia aumentou a súa produción de leite nun 15%, pasando de 2,58 millóns de toneladas a 2,98 millóns o pasado ano. Pero fíxoo a costa de seguir intensificando o seu xeito de producir e incrementando a súa dependencia dos mercados internacionais de insumos para a alimentación do gando. Galicia importa cada ano dous millóns de toneladas de materias primas para alimentar á súa cabana gandeira. Polos portos da Coruña, Marín e Vilagarcía entran cada ano 800.000 toneladas de cereais (outro millón de toneladas procede do mercado interno do resto de España) e un millón máis de proteaxinosas (soia e colza fundamentalmente), cos que se elaboraron o ano pasado 3,1 millóns de toneladas de penso.
As ganderías de leite galegas son tremendamente dependentes da cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de proteaxinosas como a soia ou a colza
Desde o fin das cotas lácteas a fabricación de concentrados incrementouse en Galicia un 10%. A maior dimensión das ganderías de vacún de leite, principais consumidoras de materias primas en Galicia, estaría detrás deste aumento, xunto coa multiplicación de granxas de porcino e avícolas. De feito, o sector bovino encabeza as estatísticas de consumo de preparados para animais, con máis de 1,3 millóns de toneladas, moi por enriba de polos e porcos (unhas 750.000 toneladas cada un). Menos vacas pero máis produtivas Galicia contaba no ano 1985, previo á entrada na UE, con 100.000 explotacións leiteiras, que producían 1,2 millóns de toneladas de leite ao ano. A día de hoxe quedan 6.300 e producen case 3 millóns de toneladas. É un dato revelador que dá idea da transformación e reconversión vivida no sector leiteiro galego nas últimas décadas.
Galicia perdeu un terzo das súas explotacións leiteiras desde o final das cotas lácteas
O incremento da produción é froito do alto grado de profesionalización acadado polos produtores, dos investimentos realizados en ampliación de granxas e dunha crecente intensificación da produción, tanto a nivel das zonas onde se produce o leite como a nivel das granxas que se manteñen dando leite, e que pasaron de 9.600 no ano 2015 a 6.300 a día de hoxe.
Desde o 2015 producimos un 15% máis de leite con case 20.000 vacas menos
O número de vacas por explotación está a incrementarse, pasando dunha media de 35,8 no ano 2015 a 51,4 na actualidade, mais no global, a cabana gandeira produtora de leite está a diminuír levemente (Galicia contaba con 343.920 vacas adultas no 2015 e ten hoxe 324.195). Así pois, as que hai hoxe son vacas máis produtivas (a media de produción sitúase en 9.212 litros por vaca e ano cando no 2015 era de 7.512).

Escasa superficie agraria  


Concellos galegos con máis produción de leite no ano 2019 (Fonte: Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego a partir dos datos do FOGGA) Mais o incremento na produción de leite en Galicia non levou aparellado un aumento na base territorial das granxas. Cunha superficie agraria adicada á produción láctea dunhas 200.000 hectáreas, equivalente ao 8% do territorio galego, a comunidade produce o 40% do leite de todo o Estado, cunha carga gandeira moi superior á do resto de países europeos.
O promedio de terras por explotación no 2019 era de 25 hectáreas repartidas en 60 parcelas
Segundo os datos incluídos na Estratexia do Sector Lácteo aprobada pola Xunta, a explotación promedio de Galicia contaba no ano 2019 con 68 cabezas (46 vacas e 22 becerras), producía 380.000 litros de leite ao ano e dispuña de 25 hectáreas de terreo repartidas en 60 parcelas, o que equivale a unha ratio de 1,84 UGM/ha.
A carga gandeira increméntase a medida que aumenta o tamaño da explotación e o 50% do leite de Galicia prodúcese en só 20 concellos
Pero a medida que se incrementa o tamaño da explotación diminúe a proporción de superficie por cabeza. As ganderías máis grandes, que equivalen ao 7% do total e producen un terzo do leite galego, teñen de media máis de 250 cabezas (163 vacas e 97 becerras) pero dispoñen tan só de 68 hectáreas para alimentar o gando, é dicir, 2,4 UGM/ha.
A intensificación acelerouse de xeito importante desde o final das cotas lácteas
A especialización na produción de leite en determinadas comarcas fixo tamén que a intensificación produtiva nesas zonas sexa moi elevada. Catro concellos galegos (A Pastoriza, Pol, Rodeiro e Frades) teñen máis dun 80% da súa superficie agraria útil destinada á produción de leite e outros 11 (Castro de Rei, Portomarín, Chantada, Silleda, Touro, Arzúa, Mesía, Curtis, Monfero, Trazo e Mazaricos) dedícanlle máis do 60% da súa SAU.

A dependencia das importacións de millo e soia  

Control de calidade do cereal chegado ao porto da Coruña O millo é a materia prima máis descargada no porto da Coruña, a onde chegan unhas 50.000 toneladas mensuais coas que abastecer ás industrias de fabricación. Até o comezo da guerra o millo que chegaba a Galicia viña de países como Ucraína ou Rusia a través dos portos do Mar Negro. Para substituílo a UE vén de flexibilizar os límites aos transxénicos e fitosanitarios que impedían traer millo de países como EEUU ou Arxentina. A soia é a outra materia prima fundamental, malia que nos últimos anos foi perdendo peso a favor da colza nas racións das vacas de leite. Aos portos galegos chegan anualmente 750.000 toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU.
A fabricación de pensos é un gran mercado que factura en Galicia máis de 1.200 millóns de euros
O sector fabricante de pensos está formado en Galicia por unhas 30 empresas, que crean 1.500 empregos directos (outros tantos indirectos) e a súa facturación representa o 1,5% do PIB da comunidade, cun volume de negocio superior aos 1.200 millóns de euros. Con máis do 12% da producción de pensos a nivel nacional, Galicia é a quinta comunidade autónoma en fabricación de alimentos preparados para animais. Cataluña, onde a produción de pensos ascende a 7,7 millóns de toneladas anuais, encabeza o ránking.  

O gando porcino desequilibra a balanza en España   

España é deficitaria en cereais para alimentación animal e debe importar arredor do 50% da maior parte de materias primas e o 100% no caso da soia. Aos portos españois chegan anualmente 4 millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU.
Impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos
Malia ter que importar a meirande parte das materias primas, España é o principal produtor de pensos da UE. A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).
España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais
Esta alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal e ás ganderías ás que subministran tremendamente vulnerables diante de subas de prezos como as que se levan producindo no último ano ou diante de problemas de abastecemento como os xerados pola guerra de Ucraína ou a folga de transportes.

“Para as condicións que teñen, os nosos gandeiros fan un bo traballo e sacan unhas producións moi boas”

Francisco Sineiro, exconselleiro de Agricultura e profesor xubilado da Escola Politécnica Superior de Lugo, é un bo coñecedor do sector leiteiro galego e da súa evolución nas últimas décadas. Recoñece os problemas polos que está atravesando na actualidade, pero foxe de dar unha mensaxe negativa nin catastrofista e pon en valor o traballo que están a realizar os gandeiros. “Estamos nunha situación delicada sobre a que hai que actuar pola vía dos custos, con medidas en relación á fiscalidade e ao control de prezos para evitar a especulación, e tamén pola parte do prezo do leite. Hai que pasar da letra á realidade e que os prezos se correspondan coa situación real de mercado, que é hoxe moi favorable. Porque se se recibirá en orixe un prezo axustado ao momento actual do mercado a situación nas ganderías non sería tan delicada”, asegura. Falta de terras e escasa industrialización “Ao meu entender o sistema de produción de leite que temos en Galicia ten dúas debilidades fundamentais: unha é a falta de terra e outra a falta de industrialización”, resume Sineiro. “A produción veu aumentando de modo importante nos últimos anos, leva facéndoo varias décadas, e a superficie de terras non o fixo, coa Administración deixando vía libre á forestación de terras agrarias”, denuncia. “A medida do impass para as plantacións de eucalipto chega tarde. E eu dubido de que a moratoria se estea a cumprir e que se estean controlando as novas plantacións que se están a facer porque en teoría levamos 9 meses de moratoria e eu vexo plantacións novas en moitos sitios. Non só hai que escribir os papeis senón que hai que facer que se cumpran”, insiste.
Temos claras as superficies que son aptas, o que hai que facer é facilitar esas superficies aos gandeiros a curto prazo
A falta de terras é un factor que condiciona o medre das explotacións e o seu xeito de traballar. “Teñen que facer produción intensiva de forraxes, forzando as producións de millo e raigrás. Ese réxime tan intensivo ten consecuencias para o solo e a produtividade da terra a longo prazo”, advirte Sineiro.
A Lei de Recuperación da Terra Agraria aprobada o ano pasado ten aspectos interesantes pero chega tarde, tiñáse que ter posto en marcha 20 ou 30 anos atrás
Galicia é un caso case excepcional, di, entre as rexións produtoras de leite a nivel europeo, pois “parécese máis a Suecia ou Finlandia". "A superficie que dedicamos á agricultura está por debaixo do 25% e a que destinamos específicamente á produción de leite só representa o 8% da superficie galega. E iso non é porque non teñamos terras aptas para a produción de forraxe nin é pola vontade dos gandeiros senón pola carencia de políticas agrarias durante moitos anos, que fixo que parte desas terras estean abandonadas ou dedicadas a outras cousas”, explica.   Prezos baixos “O outro problema que eu vexo é a falta de industrialización e de capacidade de negociación de prezos. Non ten sentido que desde a última crise do sector leiteiro do ano 2015-2016, os prezos do leite non teñan mellorado apenas, tan só tiveron un lixeiro incremento nos últimos 5-6 meses pero a media de todos estes anos foi de 32 céntimos para España e menos para Galicia. En Europa na maior parte dos países europeos houbo un incremento notable de prezos e aínda máis nos últimos meses. A media da UE está en 42 céntimos, cun máximo actualmente en Irlanda de 45 céntimos”, detalla.   “Un dos pescozos de botella que temos tradicionalmente é a dependencia do leite envasado e as marcas de distribución. Pero nos últimos meses eses produtos pasaron nos liñais dos supermercados de 55 a 67 céntimos, unha revalorización que non se trasladou á produción”, lamenta. Por iso, di, “os gandeiros galegos vense afectados neste momento por unha dobre tesoira, a dos prezos do leite, que non se corresponde coa realidade do mercado, e a dos custos de produción, polas compras de fertilizantes e concentrados derivados dun sistema intensivo forzado polas circunstancias de falta de terras”. Alto grado de profesionalización acadado polos gandeiros “En momentos de prezos elevados de materias primas sufrimos máis, tamén porque a situación dos prezos do leite non se adecúa á situación real do mercado. Tiña que aumentar o prezo do leite en orixe a parte industrial, porque hoxe ten marxe para facelo tal como está a situación do mercado; eu non son partidario de compensar o prezo con axudas públicas”, defende. Onde si reclama Sineiro a intervención da Administración é no control dos custos aos que fan fronte as granxas ante o aumento dos prezos das materias primas, “que aínda poden aumentar máis”, advirte. “Fan falla medidas de control e diminución dos prezos dos cereais, o gasóleo ou a luz”, exemplifica.
Fan falla medidas de control de custos por parte da Administración e que o prezo do leite en orixe reflicta a situación real do mercado; a industria ten marxe para subir
Pero malia as dificultades actuais, Sineiro destaca os aspectos positivos do sector leiteiro galego: “ten feblezas pero ten as súas fortalezas tamén. Para os medios e a terra de que dispoñen os nosos gandeiros son capaces de conseguir unha produción de leite importante, practicando un sistema intensivo pero onde os resultados son bos. As explotacións fixeron un esforzo en investimento, recursos e profesionalización importante. Para as condicións que teñen, os nosos gandeiros fan un bo traballo e sacan unhas producións moi boas”, conclúe.

Acruga cifra unhas perdas duns 350 euros por exemplar de Tenreira Galega Suprema que levan ó matadeiro

O presidente da Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, César Dorado, cifra unha perda media de 350 euros en cada exemplar de Rubia Galega que se leva ao matadoiro, cun peso medio duns 250 quilos de carne e que se comercializa baixo o selo de Ternera Gallega Suprema.  Así, dende o colectivo estiman que producir un quilo de carne desta calidade custa uns 6 euros, mentres que o prezo por quilo está a pagarse agora entre 4,60 e 4,80 euros, no mellor dos casos. "Actualmente os gandeiros de Rubia Galega atópanse producindo a perdas, cun déficit de 1,40 euros por quilo, e vendendo moi por debaixo dos seus custos de produción, o que a longo prazo supón pagar do seu peto uns 350 euros por cada exemplar que levan ao matadoiro”, explica César Dorado. O presidente deste colectivo, que comercializa carne baixo a marca Ternera Gallega Suprema - Carne de Rubia Galega, reclama unha vez máis ás administracións que senten a dialogar para adoptar as medidas necesarias que poñan fin a esta situación. Dorado Pin lembra que no último ano o prezo da tonelada de penso viuse incrementado en máis de 100 euros por tonelada, é dicir máis dun 40% do seu custo; o gasóleo, que representa un 20% dos gastos de produción, dobrou o seu prezo, mentres que os abonos e plásticos agrícolas aumentaron a súa contía en máis dun 60%. "Todo isto fai que os custos de produción se incrementasen de maneira considerable, custando máis de 6 euros producir un quilo de carne desta cualificación”, detalla Dorado.  O presidente desta asociación sinala ademais que “a situación actual vén apontoar un panorama que xa era malo nos últimos anos”. De feito comenta que “os prezos de venda da carne mantéñense en niveis de hai 30 anos”. Por último, dende o colectivo, fan fincapé en que “esta situación condena á desaparición a miles de ganderías tradicionais que basean a súa produción no aproveitamento do pastoreo e na que os animais maman nas súas nais ata o momento en que van ao matadoiro. Creo que isto non só afectará os gandeiros de Rubia Galega, senón que condenará ao abandono do medio rural”, sentenza César Dorado.