Archives

Case a metade da produción de penso de Asturias e Cantabria xa está controlada por Galis, o sistema galego de seguridade alimentaria

Galis, o sistema de seguridade alimentaria creado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac), amplía a súa presenza no norte de España con dúas novas adhesións, os asturianos Almacenes Francos e a galega Naturleite, polo que o modelo sectorial xa realiza controis a case o 50?% da produción de Asturias e ao 45% da de Cantabria. En Galicia a porcentaxe roza o 100%. A incorporación destas dúas factorías supón un paso máis na aposta de Galis por ofrecer a todos os fabricantes de pensos un modelo de control sectorial de materias primas rigoroso e eficiente. “É un novo reto para o sistema porque significa que cada vez hai máis fábricas que nos dan a súa confianza “, indica Bruno Beade, director de Agafac e xerente de Galis. O acordo alcanzado con Almacenes Francos e Naturleite permitirá a estas factorías ter á súa disposición toda a infraestrutura e a tecnoloxía en seguridade alimentaria de Galis, que é pioneira en España nos controis de calidade realizados desde o propio sector, unha actividade que incrementa a seguridade da cadea alimentaria. Actualmente, Galis reúne a un total de 58 fábricas de alimentación animal, 53 das cales están en Galicia. O resto das factorías adscritas atópanse no Principado de Asturias, Cantabria e Portugal. O salto internacional de Galis produciuse en 2023 tras o acordo asinado con Cevargado, fábrica situada no distrito do Porto, que desde entón somete as materias primas coas que elabora os seus pensos aos estritos controis de seguridade que Galis realiza desde hai 18 anos.

Sobre Galis

O sistema Galis foi creado en 2005 pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) e ten o seu laboratorio no porto da Coruña. As súas análises axudan a detectar posibles contaminacións nas materias primas (millo, trigo, soia, etc..) a través de controis baseados en puntos de control críticos das fábricas e empresas adheridas ao programa, que abarca a totalidade do proceso, involucrando aos axentes responsables da fabricación e tamén ao sector veterinario, agrícola e gandeiro.

Etiquetaxe dos pensos: Desviacións encontradas nas inspeccións e melloras a aplicar

A "XV Xornada Técnica para Responsables de Calidade das Fábricas de Galis" ofreceu ao público a intervención de Juan Gómez Apesteguía, xefe de seguridade alimentaria da Consellería de Medio Rural, ademais de asesor de AGAFAC. Esta intervención quixo demostrar que, aínda a día de hoxe, o etiquedato dos pensos para animais de explotacións agrogandeiras e tamén de compañía, presentan desviacións, erros intencionados ou non e nomenclaturas de substancias alimentarias ás veces descoñecidas dentro do mercado tanto galego como no resto do Estado. Porén, Gómez Apesteguía comezou a súa intervención aclarando uns conceptos básicos para o traballo da inspección alimentaria gandeira como son as obrigas de gardar mostras de produtos que se van usar na fabricación de pensos.

Conservación de mostras

A primeira parte da intervención de Juan Gómez Apesteguía consistiu en explicar as recomendacións sobre as condicións para o cumprimento das disposicións establecidas no Anexo II do Regulamento 183/2005, concretamente o apartado “Control de calidade”, e dentro del, sobre a mostrateca. Este último concepto é o conxunto de mostras recollidas nun establecemento produtor de pensos. Ditas mostras representan cada lote de ingredientes que forman parte dun penso composto e de cada lote de produto acabado. Estas recomendacións para o correcto cumprimento sobre a mostrateca foron aprobadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) o 22 de marzo de 2022. O obxectivo do Regulamento 183/2005 remarca que, coa finalidade de garantir a trazabilidade, os fabricantes deberán conservar documentos sobre as materias primas dos pensos compostos. Os documentos deberán estar a disposición das autoridades durante “un periodo acaído co uso para o que comercializan o produto”. A isto engaden que se deberán conservar “cantidades suficientes” tanto de ingredientes e lotes de elementos fabricados e comercializados ou “de cada fracción específica da produción (de ser unha produción continua)”, para garantir a trazabilidade. Todo isto farase mediante un procedemento establecido previamente polo fabricante. As mostras deberán ser gardadas de tal maneira que quede garantida a súa identificación e a súa conservación farase en condicións de almacenamento que eviten a posibilidade de modificación anormal na composición ou mesmo de adulteración. Estas mostras tamén permanecerán ao dispor das autoridades competentes durante un período axeitado para o fabricante. No caso de pensos para animais non destinados a producir alimentos, o fabricante só terá que conservar mostras do produto acabado. A dúbida xorde arredor do concepto “mostra suficiente”, é dicir, a cantidade estimada como necesaria para realizar as probas necesarias de cara ás analíticas que se apliquen. As cifras concretas segundo as recomendacións do MAPA serán: 500 gramos (g) en canto pensos sólidos e 500 mililitros (ml) en pensos líquidos ou semilíquidos. Os aditivos de alto custe e as materias primas de moi baixa porcentaxe de inclusión en fórmula, poderán gardar mostras cunha cantidade mínima de 100 g ou ml. Será así no caso de acreditarse que non serán necesarias cantidades maiores para as análises.

Obxecto: trazabilidade

O Regulamento (CE) 767/2009, sobre comercialización e utilización de pensos, sinala que: “o etiquetado cumpre con obxectivos en materia de aplicación da lexislación, trazabilidade e control”. Por outra parte, as etiquetas deben ter información para que os compradores poidan escoller o tipo de penso que cubra as súas necesidades, para iso debe ser “consistente, coherente, transparente e comprensible”. O artigo 4 do mesmo Regulamento ten uns requisitos de seguridade e comercialización para os comercializadores de pensos que deberán garantir que estes produtos estean etiquetados, envasados e presentados de conformidade coas disposicións establecidas segundo o Regulamento mencionado e outras lexislacións Por tanto, o etiquetado dos pensos obedece ao seguemento dos mesmos desde a recollida das materias primas até que son postos no mercado. Así, e segundo o que di o Regulamento (CE) 178/2002, sobre os procedementos relativos da seguridade alimentaria, sinala no seu artigo 18 en referencia á aplicación da trazabilidade. En todos os pasos da produción, da transformación e da distribución deberá asegurarse a trazabilidade de alimentos, pensos e animais destinados para alimentación e calquera outra substancia destinada para a súa incorporación nun alimento ou nun penso, ou coa probabilidade de ser engadida. É por iso, que o mesmo artigo no seu punto 4 insiste en que os alimentos ou pensos comercializados ou con posibilidades de seren comercializados na UE, deberán estar debidamente etiquetados. Todo para facilitar a trazabilidade con documentación e información segundo disposicións máis específicas. Todas as cuestións anteriores inclúen o etiquetado dos pensos elaborados na fábrica, senón tamén aqueles que mercou o fabricante dentro da avaliacón de provedores.

Erros frecuentes

Os erros máis frecuentes no etiquetado son lapsos ou equivocacións. Non obstante, hai erros na redacción do documento ou foi redactada para a confusión do cliente. A finalidade é que crea estar mercando un produto diferente do que é realmente, salvar trámites administrativos, ampliar o número de clientes. As inspeccións tamén detectaron que a maioría das etiquetas con erros corresponden a “penso complementario” cando non o son. A definición de “penso complementario” é a dun penso composto cunha proporción máis alta de determinadas substancias aínda que, debido a súa composición, non é abondo para unha ración diaria de non ser que se mesture con outro penso (Regulamento (CE) 767/2009). Fronte a esta definición temos a do “penso composto”, unha mestura de polo menos dúas materias primas para pensos, tanto ten se levan aditivos para penso ou non, e que serven para alimentar animais por vía oral como penso completo ou complementario.

Mostra de erros

Juan Gómez Apesteguía mostrou algúns exemplos de etiquetado con erros que demostran a “habilidade” dos productores en canto poder superar algunhas normativas. Na primeira diapositiva mostra unha etiqueta de “penso composto”. Os compoñentes son polpa de chicoria e aditivos. O penso composto debe ter dúas materias primas, aquí só hai unha, primeira cuestión. Ademais, o vendedor quere facer pasar como materia prima un aditivo, a bentonita, usada para reudicir contaminación por microtoxinas. E neste caso, o 85% do penso é bentonita. Esta estiqueta describe unha premezcla, é dicir, un aditivo diluído nun soporte, neste caso a chicoria. A causa de posible infracción está en que o fabricante sabe que vende unha premezcla e só podería vendela a fabricantes de penso. Por que o fai? Aumentar o número de clientes de maneira ilegal. O segundo exemplo é unha etiqueta que presenta un “alimento completo” para rumiantes. O etiquetado, se se examina con claridade, mostra un penso complementario. O fabricante corrixiu este dato, mais hai outro que é intrigante: “aportar regularmente durante períodos de stress cando máis risco teñen os animais”. Risco de que? A etiqueta viña en castelán e portugués e nesta parte poñía: “reporta inmunidade”, un alimento? A composición pola súa parte aportaba carbonato cálcico e litoteme. Isto último é unha alga e esta descrición non vén na etiqueta. A terceira etiqueta indica que “axuda en caso de cetose e desordes metabólicos postparto por desequilibrios nutricionais”. Se fala de cetose é unha indicación terapéutica. O produto en cuestión debera ser presentado como penso dietético. Nun seguinte exemplo, o penso di ter compostos anti-salmonela, cando non existen tales compostos. A seguinte indica que é aceite de soia G.M.O., o que non indica é o significado: aceite obtido a partir de soia modificada xeneticamente, que sería a denominación legal. Por último, hai quen etiqueta sen ter en conta certos parámetros aínda que se ofreza toda a información necesaria. Por iso, neste último caso, houbo un aviso e o fabricante rectificou e realizou a nomenclatura segundo lexislación.

Tormenta perfecta: mala colleita española de cereais e posible fin do corredor do Mar Negro

O sector gandeiro enfronta os próximos meses con incertidume, pois as perspectivas actuais para os prezos de pensos e forraxes son negativas. España enfronta unha colleita de cereais catastrófica, que se estima en 10,7 millóns de toneladas, polos 18 da tempada anterior e os 23,9 de hai dúas campañas. En trigo brando, espérase unha colleita do 57% en comparación co 2022, en tanto en cebada do 64%. Tamén no millo para pensos agárdase unha diminución de case un tercio da produción. As consecuencias da mala colleita para as granxas galegas son dobres. Dun lado, unha menor dispoñibilidade de palla, calcúlase que polo menos un 60% menos que o ano pasado, co que a pouca palla que haberá terá un prezo elevado. Doutro lado, a perspectiva de que os prezos de pensos e cereais se incrementen nos próximos meses.
España precisará importar máis de dous terzos dos cereais que consume cada campaña, segundo as previsións de Cesfac
A Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos para Animais (Cesfac) estima que España terá que importar un mínimo de 23 – 25 millóns de toneladas de cereais, para cubrir a demanda interna para consumo humano e alimentación animal, que ascende a 35 millóns de toneladas. Ese aumento do esforzo importador xerará previsiblemente problemas loxísticos, sobre todo no transporte da materia prima desde os portos ata as fábricas do interior da Península. Cómpre tamén ter en conta o escenario actual de mercado mundial, pois a partir desta semana Rusia anunciou que cancela o corredor do Mar Negro, que permitía a exportación de cereal ucraíno. Se ese corredor se chegase a pechar, habería consecuencias importantes nos prezos e dispoñibilidade de cereais.
Os prezos de futuros de trigo e soia disparáronse nas últimas horas tras anunciarse o fin do corredor do Mar Negro
Os mercados de futuros de comercialización de soia, trigo e millo xa se dispararon nas últimas horas, con aumentos que chegan a superar o 4% nos prezos a futuro no caso do trigo norteamericano, se ben, se o acordo do Mar Negro se chegase a reeditar, é previsible unha caída inmediata deses prezos. Perspectivas de produción mundial de cereais A parte positiva do actual escenario é que a nivel mundial, hai unhas aceptables expectativas de produción de cereais. Brasil moverase en cifras récord en soia e millo, co que se espera que sexa o principal exportador de millo nos próximos meses, aínda que prevense dificultades loxísticas, a modo de embudo, no almacenamento da materia prima e no seu embarque. As perspectivas semellan tamén positivas a nivel da UE, coa excepción de España e Polonia, e en principio tamén en Estados Unidos e Canadá, á espera de ver como se comporta a meteoroloxía en agosto. No lado negativo, empeorando colleita, estarían Arxentina, China ou Australia. A previsión da CESFAC é que haxa suficiente materia prima no mercado, pero advirten tamén de que a partir do 2025, se non cambia a normativa europea que quere evitar a importación de materias primas producidas en zonas deforestadas, pode existir un problema de suministro.

Aira dobra o volume de negocio nos primeiros cinco anos de actividade e factura 206,5 millóns de euros

A cooperativa agrogandeira Aira acaba de presentar balance dos 5 primeiros anos de actividade, dende o proceso de intregración que realizaron no 2018. Fíxoo durante a súa asemblea ordinaria, celebrada este xoves en Taboada (Lugo). Aira conseguiu dobrar o volume de negocio nestes anos e presenta unha facturación consolidada de 206,5 millóns de euros, cun crecemento continúo e significativo durante tódolos exercicios. A cooperativa medrou en tódalas áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro, coma o leite ou o penso. Reivindica tamén o seu compromiso de valorizar a produción e servir de apoio ós máis de 2.900 socios e socias que integran a entidade. “Seguimos medrando e facémolo en tódalas áreas de negocio, en especial no volume de actividade da fábrica de penso e na planta láctea”, explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira. Outro dos datos significativos é que acadou un nivel de EBITDA de 7,2 millóns de euros. Estas cifras, como apuntan dende a entidade, permítenlle afrontar o volume de investimentos que manexa. Nestes 5 anos Aira investiu máis de 33 millóns de euros, sobre todo na transformación láctea, á que destinaron un 70% dos investimentos, en especial á planta láctea de Melide.
A cooperativa destinou 33 millóns de euros a investimentos, sobre todo para a transformación láctea. Este ano teñen previsto realizar investimentos por 5 millóns de euros
Mentres, investiron preto de 12 millóns de euros noutras actividades de interese para a cooperativa. “Só no 2023 temos previsto destinar a investimentos outros 5 millóns de euros”, detalla Ferreiro. No último ano, algúns dos proxectos destacados foron a construción dun novo taller para os carros mesturadores da Cooperativa e unha nova gasolineira, que se atopan aínda en plena fase de construción. A cooperativa pechou este último exercicio cuns beneficios antes de impostos de 4,2 millóns de euros, dos que máis do 50% capitalizaráselle ós asociados.

Leite e penso, motores de AIRA

A comercialización do leite das ganderías socias segue sendo unha das prioridades e un dos motores da cooperativa. No 2022 Aira comercializou un total de 115 millóns de litros de leite, fronte ós 91 millóns de litros de leite que xestionaba no 2018, cando se formalizou o proceso de integración da Cooperativa. Ademais, nestes 5 anos, Aira pasou a transformar o 55% deste leite nas industrias lácteas nas que participa. “A transformación do leite é unha das prioridades de Aira e unha das liñas nas que imos seguir sumando esforzos”, ratificou Ferreiro na asemblea.
Aira tranforma o 55% dos 115 millóns de litros de leite que comercializa das ganderías socias
A fabricación de alimentos para o gando é outra das actividades principais da cooperativa. Nestes 5 anos, Aira conseguiu dobrar o volume de produción e só no 2022 fabricáronse máis de 270.000 toneladas de penso e mesturas húmidas, unhas cifras polas que se mantén coma unha das principais fábricas de penso especializadas en vacún de leite en España.

A dixitalización das granxas

A cooperativa tamén está destinando importantes esforzos a contribuír á dixitalización das granxas, con programas especializados como o TRAC PLUS, co que ademais de proporcionar ferramentas de utilidade para as ganderías buscan poder chegar a certificar todo o proceso dende a granxa ó consumidor, cunha trazabilidade completa. “Tentamos dar resposta ás esixencias que se lle presentan dende Europa ás granxas socias”, explica Ferreiro. Ademais, as ganderías de Aira seguen a colaborar en distintos proxectos para a análise da pegada de carbono e hídrica, para seguir apostando por unha produción sostible.

“Os prezos do penso moderaranse pero non volverán aos niveis de 2020”

Os prezos das materias primas volverán “a unha certa normalidade” tras máis de dous anos dunha escalada que parecía non ter fin. Así o explicaron este pasado venres os expertos que participaron no XII Foro Galis, organizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos e que reuniu en Santiago de Compostela a máis de 100 representantes do sector da alimentación animal. A apertura do seminario correu a cargo de José Luís Rey, presidente de Agafac, quen se mostrou esperanzado respecto ao futuro do sector e encomiou a súa capacidade de resposta en momentos complicados como os actuais. “O sector soubo estar á altura, responder con responsabilidade e tentando que os incrementos de custos e das materias primas que nos golpean desde hai meses repercutan o menos posible no gandeiro e, por tanto, no consumidor final”, dixo. Tras a súa intervención, comezou a quenda dos relatorios da man de Lola Herrera, xerente de Rogah Global e consultora de USSEC -acrónimo en inglés do Consello de Exportación de Soia de Estados Unidos-, que impartiu a conferencia “Situación actual e perspectivas do mercado de materias primas”. A experta explicou que o escenario actual convida a un certo optimismo porque as previsións apuntan a unha retardación dos prezos das principais materias primas como a soia, o millo ou o trigo. “A nivel de fundamentais recupéranse as colleitas e, se todo segue así, non hai motivos de preocupación porque se fixeron os deberes”, indicou.

Moi difícil volver ás cifras de 2020

Herrera engadiu que os prezos deberían axustarse aos poucos á realidade do mercado e que, agás circunstancias climáticas nas colleitas previstas en Estados Unidos ou os vaivéns propios do Mar Negro e do acordo alcanzado entre Rusia e Ucraína para garantir o corredor de grans, as perspectivas para este ano e para 2024 “son boas” tras as históricas subidas provocadas pola guerra, aínda que advertiu de que será “moi difícil volver ver os prezos de 2020”.

Entrada en vigor do Regulamento europeo sobre deforestación

Doutra banda, o recentemente aprobado Regulamento europeo sobre deforestación foi outro dos protagonistas do Foro Galis. A normativa, que entrará en vigor o próximo 29 de xuño, prohibe a comercialización de produtos procedentes de zonas en risco de deforestación, entre os que inclúe o aceite de palma ou a soia, e esixe novos requisitos de rastrexabilidade e datos de xeolocalización de cada explotación de orixe de produción da materia prima. Neste sentido, Pedro Cordero, vicepresidente da Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (Fefac), avanzou que o sector deberá prepararse para afrontar as novidades dunha lei que converte o compromiso do sector de usar fontes de proteína sustentable para a subministración responsable de pensos compostos nunha obriga legal. Pola súa banda, o director da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo, analizou na súa charla a situación e as perspectivas económicas actuais en programa que finalizou co emprendedor Anxo Pérez, que ofreceu a súa visión de como deben ser as empresas do século XXI para triunfar. Neste sentido, asegurou que a formación e a capacidade de adaptación son dous factores clave. O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, José Balseiros, pechou o Foro Galis destacando o labor do sector da fabricación de pensos na economía galega.

Chega á Coruña o maior cargamento de millo ucraíno para Galicia desde o inicio da invasión rusa

Galicia recibe hoxe o maior cargamento de millo ucraíno desde o inicio da invasión rusa, coa chegada ao porto da Coruña do mercante Tramp Lady, un buque que leva nas súas adegas máis de 65.000 toneladas de millo. O Tramp Lady recala na Coruña procedente do terceiro porto máis importante de Ucraína, Chornomorsk, situado a uns 30 quilómetros da cidade de Odesa. Tras atracar no peirao, o buque comezará a baleirar a mercadoría, traballos que se prolongarán durante varios días debido ao elevado número de toneladas que almacena no seu interior. O gran ucraíno destinarase á elaboración de pensos para animais de abasto de Galicia, principalmente. Galicia pechou o exercicio 2022 cun total de 310.010 toneladas de millo procedente de Ucraína descargados (sobre todo no porto da Coruña), o que supón ao redor dun terzo do consumo anual de cereais para a elaboración de penso na comunidade autónoma, que supera o millón de toneladas. A maior parte destas partidas, con todo, recibíronse nos dous primeiros meses de 2022, antes da invasión rusa que desencadeou a guerra en Ucraína, cando chegaban a Galicia procedentes dese país unhas 200.000 toneladas de millo, con fretes medios de 45.000 toneladas por barco. Así, tras o estalido do conflito, o 24 de febreiro de 2022, houbo que esperar ao mes de xuño para recibir o primeiro envío de millo a través dun novo roteiro marítimo aberta polo mar Báltico para sortear o bloqueo ruso. O 10 de xuño atracaba no porto coruñés o buque Alppilia cun cargamento de 18.000 toneladas de millo ucraíno. O corredor de cereais E é que desde o inicio da guerra, Galicia recibiu unicamente 109.900 toneladas de cereal ucraíno no medio de importantes problemas loxísticos que obrigaron a buscar roteiros alternativos ante o bloqueo ao que a Armada rusa someteu o Mar Negro ata que, grazas á mediación de Turquía e a ONU, foi posible alcanzar un acordo que permitise a exportación de gran desde o porto de Odesa. En agosto de 2022, o porto de Chornomorsk uníase á operación do corredor de cereais. A continuidade deste roteiro, con todo, periga debido á ameaza rusa de non prorrogar o acordo que permite a Ucraína exportar os seus cereais utilizando un corredor seguro a través do Mar Negro. A interrupción deste acordo obrigaría a Ucraína a renovar as exportacións de cereal desde portos do Mar Báltico, aos que o gran tería que ser trasladado por estrada cruzando o país en guerra primeiro e Polonia despois.

Alternativas forraxeiras, os ases na manga para as ganderías de vacún de leite galegas

“Deberíamos lembrar que o que lle serviu ós nosos avós para resistir igual nos pode servir tamén nas granxas hoxe a nós”. Deste xeito convidaba a reflexionar a investigadora e doutora pola USC Ana Isabel Roca Fernández ós gandeiros que asistían a unha xornada sobre alternativas forraxeiras para o vacún de leite que se celebrou na Granxa Gayoso Castro, en Castro Ribeiras de Lea (Lugo). A investigadora pon o foco na situación que atravesan na actualidade as granxas, afanadas en reducir os custos de produción. “O campo galego precisa unha maior resiliencia e para iso as granxas deben facer un aproveitamento eficiente dos recursos forraxeiros”, explica. Facelo permitirá ás ganderías reducir os custos de alimentación e facer fronte a situacións inesperadas como as que se están a presentar co cambio climático ou que se derivaron da pandemia sanitaria ou o estoupido da guerra entre Rusia e Ucraína.
“Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal facer as granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”
E como lograr este mellor aproveitamento das forraxes nas granxas? A doutora Roca bota man do saber aprendido dos seus avós labregos, combinado coa súa formación académica e da experiencia que lle proporcionaron as estadías en países con sistemas produtivos e climas semellantes ó galego para facer unha recomendación clara: apostar por distintas alternativas forraxeiras para complementar as forraxes tradicionais. “Diversificar cultivos é unha estratexia forraxeira viable grazas á cal se consegue facer granxas máis resilientes para producir leite de xeito eficiente”, valora a experta.
En Galicia só o 4% das ganderías utilizan cereais de inverno producidos nas súas terras
Así, noutras zonas da Bretaña francesa, Nova Zelanda ou Irlanda, nas que a investigadora realizou estadías, están a apostar polo uso de alternativas forraxeiras para a alimentación do gando. Mentres que en Galicia tan só o 4% das ganderías de leite utilizan cereais de inverno producidos nas terras que xestionan. Pola contra, o 57% das granxas cultivan millo e o 52% empregan raigrás italiano.

Sota, cabalo e rei na ración do gando

A modo de exemplo gráfico e divulgativo, a investigadora fai unha comparativa da ración do gando e unha partida de naipes xogando á Brisca. A experta cualifica os cultivos de inverno coma os ases na manga dos que poden botar man as ganderías de vacún de leite. Recomenda así, deixar de optar só por gañar a partida da alimentación animal a base de empregar as figuras da sota, o cabalo e o rei. Senón recorrer ao emprego deles para paliar posibles situacións de déficit e condicións adversas. En base ao uso que os gandeiros fan dan forraxes nas explotacións galegas, a doutora Roca equipara a herba verde coa sota da baralla, mentres que o silo de herba sitúao coma o cabalo e o silo de millo coma o rei debido ao seu valor nutricional e o custo que supoñen para as ganderías o aporte destes alimentos, sendo, este un modelo de “xogo” fixo no cal non se teñen en conta ás alternativas. Seguindo coa comparativa entre os naipes e a alimentación do gando, o resto de trunfos da baralla constitúeno os pensos, con diferente fonte de materias primas, na ración das vacas. Cómpre ter presente que de media o custo do penso supón 5 veces ó da herba verde e 3 veces máis inversión económica que o silo de herba e de millo, de aí que a doutora Roca considere os pensos coma unha das estratexias menos adecuadas para gañar en resiliencia na granxa, ó estar suxeitos a maiores variacións nos prezos. Abonda ver como se dispararon os prezos dos pensos trala pandemia, pasando dun custo medio de 250 euros por tonelada a superar os 400 euros por tonelada na época postcovid. A investigadora recorda neste senso que en España adóitase empregar de media uns 400 gramos de penso por quilo de leite producido, mentres que noutros países da contorna con producións de leite semellante úsanse entre o 30 e o 40% menos de penso que o utilizado habitualmente en Galicia. A composición media das racións nas granxas de leite adoita estar composta basicamente por penso (33%), xunto con herba verde (15%), ensilado de herba (26%), ensilado de millo (14%) e forraxes secas (12%). Así, é que case non se empregan outras alternativas forraxeiras que poderían servir a modo de ases na manga para as ganderías á hora de reducir a dependencia que amosan dos pensos.

Os ases na manga para reducir custos na ración

Entre as alternativas forraxeiras que a experta recomenda empregar en Galicia atópanse cultivos de inverno, así como cultivos proteicos. “As alternativas forraxeiras poden xogar un papel importante na granxa na época de parada vexetativa da herba (no inverno), así como ante a seca do verán, cando logo dos partos da primavera as vacas están aínda en lactación”, argumenta a investigadora. Ademais, este tipo de cultivos son forraxes que xa teñen sido empregadas durante anos en Galicia, polo que a doutora Roca recomenda volver a botar man destas, posto que a maioría delas xa amosaron unha boa produción e atópanse ben adaptadas as condicións edafoclimáticas imperantes na rexión. Optar pola produción de forraxes de calidade na propia gandería é unha das practicas polas que a PAC contempla distintas liñas de acción, como as específicas para a xestión de pastos e a extensificación do vacún de leite, recollidas no DOG núm. 22 de 1 de febreiro de 2017. Á marxe disto, o Real Decreto 1075/2014 contempla tamén unha liña específica para a diversificación de cultivos, onde se poderían incluír estas novas alternativas forraxeiras, así como para a conversión e mantemento da agricultura ecolóxica. “As alternativas forraxeiras están chamadas a ser un piar básico da alimentación do gando vacún de leite no futuro e vano a ser”, reafirma a doutora Roca. As principais alternativas que se presentan son:

-Leguminosas forraxeiras

Teñen un bo crecemento invernal, o que facilita o seu ensilado. Ademais aportan un alto contido en proteína barata, no canto de mercar soia importada ou outras fontes de proteína, de xeito que ben sexa en monocultivo ou asociadas con cereais de inverno, permiten abaratar os custos de alimentación do vacún de leite. Por outra banda, este tipo de cultivos axuda a ofrecer unha ración máis equilibrada. “Coa asociación de leguminosas búscase paliar o déficit de proteína vexetal que a maior parte da granxas teñen debido á asociación entre raigrás italiano e millo”, detalla a investigadora. No caso de leguminosas pódese apostar por especies como a alfalfa, a veza, a esparcela ou a zulla. Tamén se poden empregar especies proteaxinoasas coma o chícharo, o faballón ou o chícharo tremoceiro.

-Gramíneas

Neste caso pódese optar por empregar o raigrás italiano híbrido. A doutora Roca recomenda sementar o raigrás italiano anual e realizar un ensilado nas épocas axeitadas para obter os mellores resultados.

-Cereais forraxeiros

Especies coma a avea, a cebada, o centeo, o trigo ou o triticale ofrecen un alto valor nutricional e son unha boa combinación para mesturar coas leguminosas. “Á hora de asociar leguminosas e cereais é recomendable empregar mesturas con chícharo polo excelente valor nutricional que este proporciona”, concreta a experta.
A doutora Ana Isabel Roca Fernández durante a súa participación na xornada celebrada na Granxa Gayoso Castro.

Estudos recentes con estas alternativas forraxeiras

A doutora Roca aproveitou para presentar en dita xornada, os datos obtidos en dous estudos realizados nos últimos anos sobre algunhas das alternativas forraxeiras, nas que testaron o tipo de forraxe e o método de aproveitamento. En concreto, compararon gramíneas (raigrás italiano), leguminosas (chícharo, faballón e veza) e cereais (avea, triticale e cebada), empregándoas tanto en verde como en ensilado e combinándoas. Entre as principais conclusións destes estudos convén mencionar que: -As forraxes en verde amosaron unha calidade excelente fronte ás ensiladas. -O uso de leguminosas resultou unha estratexia axeitada como alternativa ó raigrás italiano (a opción en combinación co millo pola que máis ganderías apostan na actualidade). As leguminosas son unha excelente alternativa para alimentar ó gando en produción de leite con altos requirimentos nutritivos nos 3 primeiros meses de lactación debido ó seu alto valor nutricional. -Recoméndase a introdución de leguminosas en monocultivo (tanto chícharo como faballón) polo seu alto contido en proteína bruta. -A avea en verde sería o único cereal recomendado pola súa calidade nutricional excelente. -A cebada sería o único que non se recomendaría para animais altamente produtivos, senón que sería mellor para as vacas secas. -Nas asociacións de leguminosas e cereais recoméndase o chícharo polo seu excelente aporte nutricional. -Destacaron o faballón, o chícharo, a veza e as combinacións de chícharo-veza, chícharo-triticale, a veza-cebada e veza-avea, pola súa excelente calidade nutricional.

Galicia é líder en España na produción de pensos de vacún, con 1,4 millóns de toneladas ao ano

Galicia é a primeira comunidade autónoma en produción de pensos para vacún, con máis de 1,4 millóns de toneladas ao ano, segundo se desprende do “Estudo do Sector da Alimentación en Galicia”, realizado pola Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos (Agafac) en colaboración coa Xunta de Galicia. O informe ofrece unha completa radiografía do sector a través de enquisas realizadas nas 95 empresas -cun total de 106 fábricas- que operan na comunidade autónoma e pon de manifesto que Galicia é unha potencia na elaboración de pensos compostos para vacún, ocupando o primeiro lugar do ranking cunha produción media de máis de 1,4 millóns de toneladas, o 17,9% do que se fabrica en España. Hai que ter en conta que a cabana de vacún de leite de Galicia representa ao redor do 40% do total español. Por outra banda, a comunidade galega tamén se sitúa nos primeiros lugares en alimentación para aves, con máis de 810.000 toneladas, e ocupa a oitava posición en porcino, con 843.000 toneladas (4,7%). Respecto ao perfil empresarial, o informe destaca a presenza de grandes grupos como Coren, con catro fábricas -dúas en Lugo e dúas en Ourense-, De Heus Nutrición Animal, con dúas plantas na Coruña, unha en Lugo e outra en Pontevedra- ou Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), con dúas factorías na Coruña e dúas en Lugo, así como a cooperativa AIRA. Respecto ao tipo de animais ao que se dirixe a produción, o gando vacún é o principal destinatario dos pensos elaborados en Galicia, xa que os datos reflicten que o 44% do producido destínanse a alimentar a esta especie; o 25% á avicultura e porcino, respectivamente, mentres que o 6% restante se reserva a outras especies (coellos, cabalos, gando ovino ou cabrún). En canto ás materias primas máis utilizadas na elaboración dos pensos galegos, os cereais, os seus produtos e subproductos son os ingredientes máis comúns (63% do total). Pola súa banda, as sementes de oleaxinosas, froitos oleaginosos, produtos e subproductos aglutinan o 27% e os minerais o 3%.

Máis de 900 millóns de euros en facturación no 2020, coa provincia da Coruña á cabeza

O estudo tamén se detén na facturación dos centros de produción e, neste sentido, as fábricas coruñesas, con 348.798.568 euros no ano 2020, representaron o 38% da facturación total. Séguenlle os centros de Lugo cun 26% (236.658.741 €); os de Pontevedra, cun 19% e 178.541.051, e as fábricas de Ourense, cun 17% e 152.280.000 € facturados. Outro dos parámetros analizados no estudo sectorial é o emprego. Neste sentido, o sector da alimentación animal en Galicia xera uns 3.000 postos de traballo directos e indirectos e só entre as empresas enquisadas concéntranse máis dun milleiro de traballadores. Así mesmo, a metade destas compañías contan con persoais de máis de 15 persoas e o 71% dos traballadores teñen entre 41 e 50 anos.

Galis, garantía de calidade

O “Estudo do Sector da Alimentación en Galicia” valora ademais o grao de satisfacción das fábricas con Galis (o sistema sectorial de control que realiza mostraxes en barcos e almacéns). Neste sentido, todos os centros de produción consultados manifestaron un grao de satisfacción elevado, cun sete sobre dez. Deste xeito, o 100% cualificou de “útil” o sistema de alerta rápido de Galis, que ofrece a posibilidade de actuar de forma inmediata ante posibles perigos derivados da contaminación das materias primas. Por outra banda, destaca o feito de que o 61% das fábricas enquisadas conte con laboratorio propio de análise fronte á situación que había en 2001, cando só o tiñan oito empresas. Respecto ao sistema de recollida de mostras, o 84% recólleas de forma manual e só o 16% dispón de sistemas de recollida automáticos.

Máis competitivos e sustentables

A incapacidade para negociar os prezos das materias primas, o elevado número de referencias e as limitacións tecnolóxicas son, a xuízo das empresas, as súas principais desvantaxes para ser máis competitivas no sector. Porén, a maioría é partidaria de estratexias para reducir custos potenciando o agrupamento de fabricantes mediante integracións ou concentracións, impulsando servizos de comercialización dos produtos gandeiros baixo denominacións comúns (algunhas xa en marcha como Ternera Gallega ou Porco Celta) e a través de axudas públicas que contribúan a unha maior automatización e modernización dos centros de produción. O sector considera que un dos seus principais retos nos próximos anos é a sustentabilidade. Así, xa se iniciou a transición cara a modelos produtivos máis coidadosos co medioambiente e o benestar animal. No seu camiño cara a unha industria máis sustentable, apostan pola consecución de Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS). Neste aspecto, o 79% das empresas desenvolve estratexias nutricionais para unha alimentación máis eficiente e sustentable en condicións de benestar animal. A posta en marcha de medidas a favor do cambio climático ou que permitan a adaptación aos seus efectos, como a redución de emisións, e o respaldo a programas de redución do uso de antibióticos (o 64% das empresas xa non produce pensos medicados e o 36% usa alternativas nutricionais para reducilos) ou iniciativas como “Da granxa á mesa” son outros dos seus avances nesta materia.

Claves para o cultivo do chícharo bravo en Galicia

A suba dos custes das forraxes e pensos sumada á preocupación por incorporar cultivos forraxeiros cos que reducir os gastos das ganderías e o impacto ambiental están a abrir a porta tanto a novas especies coma a algunhas que xa se cultivaran en Galicia, pero que foran quedando en desuso. O chícharo bravo (Lupinus), tamén coñecido como chícharo tremoceiro, é unha das alternativas que se están a valorar e sobre as que traballan no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), na Coruña, co gaio de ofrecer as claves sobre o seu cultivo ós produtores que deciden apostar por ela. O chícharo bravo ten un alto contido en proteína, de entre o 30 e o 50% en especies coma o Lupinus albus, coñecido como chícharo bravo branco. Este é un dos eixos que pode impulsar a recuperación do seu cultivo en España, xa que ademais de ser unha fonte de proteína para alimentación animal, a nova PAC contempla axudas para a produción sostible de proteínas de orixe vexetal, con achegas que poden chegar a ser de entre 80 a 100 euros por hectárea e sen ter que empregar semente certificada.
O chícharo bravo preséntase coma unha fonte de obtención de proteína vexetal e que tamén ten en conta a nova PAC
A nova PAC e os ecorréximes tamén buscan favorecer a rotación dos cultivos, introducindo especies mellorantes como as leguminosas e nas que se inclúe o chícharo bravo, o que pode supoñer un pago de máis de 80 euros por hectárea. “O chícharo bravo ten raíces profundas e pivotantes, que lle permiten ter unha alta resistencia á seca. Empregalo como abono verde permite mellorar en gran medida a capacidade de infiltración da terra”, explicaba o enxeñeiro agrónomo do Ciam Luis Urquijo durante a súa participación nas xornadas sobre este cultivo organizadas polo propio centro e que tiveron lugar en Lalín (Pontevedra). Do chícharo bravo pode aproveitarse tanto o seu gran, para alimentación humana ou animal; como toda a planta, para abono verde ou forraxe. O chícharo bravo é tamén un aliado para a recuperación de solos erosionados. O prezo medio do cultivo deste gran en 2022 estimouse en 450 euros por tonelada, duplicando case o seu valor con respecto do 2010, cando rondaba os 230 euros, segundo os datos manexados dende o Ministerio de Agricultura. Evolución do prezo do chícharo bravo en España entre os anos 2009 e 2019. Fonte: MAPA.

Unha alternativa para Galicia?

Aínda que o chícharo bravo se ten cultivado en zonas de Lugo, a súa presencia é mínima en Galicia e mesmo se reduciu moito dende os anos 60 en rexións coma Extremadura, Andalucía ou Castela e León, principais produtores españois e onde se cultivara dende os anos 30. Esta redución da superficie adicada ó seu cultivo debeuse en especial ó baixo prezo da soia, que pasou a converterse nunha alternativa máis rendible na alimentación. Porén, o incremento do valor que experimentaron os cereais como a soia no último ano derivada da guerra de Ucraína volve poñer sobre a mesa ó chícharo bravo. Gran de chícharo bravo. Un dos aspectos polos que se presenta como unha alternativa a producir en Galicia é a súa alta tolerancia ás xeadas (entre -6º e -9º), aínda que como recorda Urquijo, durante a floración é máis sensible. A temperatura de crecemento óptima sitúase entre os 15º e os 25º. Ademais, tampouco require gran aporte de auga, o que permite que se poida cultivar en zonas cunha pluviometría mínima duns 350 milímetros ó ano, precisando o maior aporte durante a floración e o callado das vainas. Así, segundo apuntan dende o Ciam en base a diferentes estudos realizados por outros investigadores, para un rendemento dunhas 4 toneladas por hectárea precisaríanse entre 400 e 500 milímetros de auga ó ano, unha cantidade moi por debaixo do rexistrado en todas as localidades galegas . Ademais é unha especie que se adapta a diversos solos, en especial dáse en solos acedos ou neutros, polo que tamén resulta viable de cultivar en Galicia.“É un cultivo que tamén está adaptado para solos pobres e dependendo da pH da terra pode empregarse unha especie ou outra”, detalla o investigador. Así, o chícharo bravo amarelo (Lupinus luteus) dáse ben en solos máis acedos e pobre, pero ten menor resistencia ás xeadas e ó frío ca outras variedades. Mentres, o chícharo bravo branco (Lupinus albus) require solos máis fértiles e menos acedos.
En función da zona na que se cultive e do tipo de solo que haxa é recomendable empregar unha especie ou outra, e realizar a sementeira na primavera ou no outono
Esta leguminosa adoita sementarse no outono, e a finais de febreiro prodúcese a floración, que durará ata maio. “Tamén se están logrando bos resultados con sementeiras primaverais realizadas naquelas zonas máis frías”, explica Urquijo. En función de cando se realice a sementeira tamén varía o cantidade de semente a empregar. Nas sementeiras de inverno, en zonas cálidas, recoméndase empregar unhas 20 plantas por metro cadrado. Mentres, se a sementeira se realiza na primavera, en zonas frías, increméntase o número de sementes ata as 50 plantas por metro cadrado. O investigador tamén recomenda que a terra estea ben arada, para evitar a costra superficial que pode dificultar a nascenza. Tamén recomendan realizar a sementeira a unha profundidade de entre 1 e 5 centímetros e deixar unha distancia entre liñas de entre 15 e 60 centímetros. Urquijo tamén apunta que para lograr un rendemento de entre 3 a 4 toneladas por hectárea adoita ser habitual realizar un abonado de 0-60-80 (N – P2O5P2o5- K2O). A maduración do gran estará condicionada polas altas temperaturas e a seca.
A rotación de cultivos como o trigo, a colza ou a pataca contribúe a unha produción máis sa ó reducir a incidencia de Antracnose, principal patoloxía
Un dos maiores problemas deste cultivo en Galicia parece ser a Antracnose, que aparece diseminada na sementeira e acaba causando podredoiro na planta e no froito. Un dos métodos para reducir a incidencia desta doenza fúnxica é usar semente libre de patóxenos e producida en rexións secas ou semiáridas, e contar con semente certificada. Outro método é a rotación de cultivos. “Facer unha rotación de cultivos como chícharo bravo, trigo ou centeo, colza e patacas é unha maneira de reducir a incidencia deste patóxeno”, explica o enxeñeiro agrónomo. Con todo, en todas as sementeiras realizadas no Ciam non tiveron que botar man de funxicidas. Tampouco empregaron herbicidas para o control de herbas de competencia posto que foi un ensaio ecolóxico e fixeron un control mecánico con grade de púas, un método que lle serviu para o seu control. “É recomendable pasar a grade cando a planta ten unhas 8 follas, é dicir cunha planta de 3 meses, xa que de facelo antes, remátase por arrancar un importante número de plantas, xa que aínda son moi pequenas”, detalla o investigador. Instante da intervención do enxeñeiro agrónomo, Luis Urquijo nas xornadas celebradas en Lalín.

A experiencia do Ciam

No Ciam xa levaran a cabo probas para incluír o chícharo bravo nas rotacións con outros cultivos de gran no ano 1993 e no 2013. Máis recentemente iniciaron un estudo en rotación co trigo Rumbo durante a campaña 2019- 2020, sen empregar abono, herbicidas ou funxicidas. Conseguiron un rendemento de 4 toneladas por hectárea e unha calidade de proteína de 39,5%. “Alternar nese terreo co chícharo bravo permitiu lograr un rendemento do trigo superior, en concreto de 1.100 quilos máis, conseguindo un incremento do 48% se se compara con monocultivo de trigo”, explica o enxeñeiro agrónomo.
Alternar o chícharo bravo co trigo permitiulles incrementar a colleita de trigo case un 50% que o monocultivo do cereal
Xa durante a campaña 2021- 2022 realizaron probas co chícharo bravo branco alternando con tres variedades de trigo: Rumbo, Estoril e Orden Dorado, seguindo sen abonar, empregar herbicidas nin funxicidas. Ademais realizaron sementeiras tanto en outubro, coma en febreiro e marzo. Das tres variedades, os mellores resultados acadounos a variedade Rumbo, sementada a mediados de outubro. En concreto, con esta variedade de chícharo bravo conseguiuse un rendemento de 3.109 quilos por hectárea, cun aporte de proteína do 40,6% e sen case incidencia de antracnose (6,5%), mentres que noutras variedades e datas esta afección chegou a ser do 31 ou 20 %, no caso do Estoril. Resultados de produción do 2021-2022. Así, como destaca Urquijo, en base ás investigacións realizadas, esta é unha alternativa a ter en conta en Galicia. “O chícharo bravo ten un alto potencial produtivo en Galicia, de entre 2 a 4 toneladas por hectárea, e un alto porcentaxe de proteína (entre un 38 e un 42%), ademais de mellorar o solo e a súa fertilidade”, destaca o enxeñeiro agrónomo.
Instante do debate que pechou as xornadas sobre o chícharo bravo celebradas en Lalín, no que participaron parte dos relatores.

O chícharo bravo, dende distintos eixos

Nas xornadas tamén se abordaron outros aspectos sobre o chícharo bravo que resultan de interese á hora de valorar o seu cultivo en Galicia. Así, o investigador Fernando Almeida ratificou os bos resultados que ofrece para combinar con cultivos como o trigo, en base ás investigacións que levou a cabo, logrando tamén mellores resultados con esta leguminosa que co monocultivo do cereal. Pola súa banda, José Manuel Mateos-Cañero, un destacado coñecedor do cultivo do chícharo bravo polos anos que leva comercializando esta sementeira, apuntaba o potencial desta leguminosa. “Do chícharo bravo aprovéitase todo, e, aínda que foi desprezada, en zonas de Galicia pode chegarse a conseguir un 40% de aporte de proteína”. Á hora de valorar o cultivo de chícharo bravo, Extremadura convértese nun referente, non só pola importancia que tivo alí esta leguminosa senón porque alí están a desenvolver o único programa de mellora realizado en España e contan cun banco de xermoplasma con máis de 2.000 ecotipos, dos cales máis de 150 proceden de Galicia, tal e como sinalaba Antonio García, un dos investigadores do Centro de Investigacóns Científicas e Tecnolóxicas de Extremadura (Cicytex) onde se desenvolven estes traballos e que tamén participaron nas xornadas cunha conexión por videoconferencia. Abrir a porta a un aproveitamento do gran do chícharo bravo en Galicia destinado á alimentación animal é un dos obxectivos que os relatores e asistentes consideran fundamental. Neste senso, dende Piensos del Sil, Manuel Fernández apuntaba a viabilidade do emprego deste gran para a elaboración de racións e fórmulas de penso, pero o reto pasa por conseguir unha oferta estable deste gran para que se poida comezar a valorar en firme por parte das industrias.

O millo brasileiro dálle aire ás fabricas de penso galegas ata o inverno

En só seis meses a situación cambiou drasticamente para as fábricas de penso galegas. De non ter practicamente existencias de millo, até o punto de perigar seriamente o subministro ás explotacións, a ter os almacéns do porto exterior da Coruña en Punta Langosteira ateigados de cereal. Desde AGAFAC, a asociación galega de fabricantes de pensos, destacan que “está chegando neste momento aos portos galegos unha cantidade inxente de millo brasileiro”. “Están chegando barcos grandes, porque hai unha presión importante por sacar ese millo de Brasil, polo que a día de hoxe o risco de falta de subministro que se deu no momento álxido da guerra de Ucraína pasou e a dispoñibilidade de materia prima é importante”, asegura Bruno Beade.
O risco de falta de subministro que se deu no momento álxido da guerra de Ucraína pasou polo de agora
“Cambiáronse moito os fluxos de compra no mundo a raíz do conflito en Ucraína”, explica. Galicia perdeu o millo do Leste de Europa e enfocouse a América, en especial a un aumento das importacións arxentinas, nas que se introduciu unha maior flexibilización das condicións de importación. Con todo, o millo arxentino chegado a Galicia foi mínimo nestes meses. Tan só ao principio chegou algo procedente de antigas colleitas, pero sobre todo de Canadá e EEUU e moi pouco de Arxentina. Iso durou ata fai un mes, cando xa se enlazou coa colleita brasileña, que é habitual que chegue a Galicia a estas alturas do ano, e que podería seguir facéndoo aínda que se eliminaran as medidas excepcionais adoptadas pola Comisión Europea.
O perigo pode volver a comezos de 2023, porque de xaneiro a maio subministrabámonos en Rumanía e Ucraína
Sen embargo, Bruno é partidario de manter estas medidas de cara ao vindeiro ano. “A medida foi positiva porque permitiu unha relaxación do mercado e foi un freo á especulación coas materias primas que se estaba producindo ao ter abertas distintas vías e orixes para o subministro”, asegura, e “non sabemos o que vai pasar o ano que vén co millo e o trigo de Ucraína e hai que lembrar que de xaneiro a maio subministrabámonos en Rumanía e Ucraína”, explica.
No último ano e medio o millo subiu un 100% e o resto de materias primas algo parecido
A nivel de prezos de materias primas, “houbo un pequeño axuste”, indica, pois “neste momento as cotizacións relaxáronse un pouco a respecto do nivel que acadaron en febreiro pero non baixaron significativamente, simplemente non seguiron subindo”, admite o director de AGAFAC. Desde a Asociación que engloba aos fabricantes de penso galegos son prudentes a respecto dunha posible baixada das materias primas nos vindeiros meses. “Pensamos que de aquí a finais de ano non vai haber baixadas e de cara ao ano que vén temos moita incertidume para saber o que vai pasar con Rumanía e Ucrania, que van marcar un pouco o prezo de principios de ano”, argumentan. “É complicado facer previsións” Ante as dificultades para facer previsións nun ano coma este, “tan raro, volátil e incerto”, poucos se atreven a prognosticar como estará o mercado en 2023. “Vexo a cousa difícil. É un mercado con moita volatilidade e con temas contrapostos neste momento que inciden en ambos sentidos, á alza e cara abaixo”, describe Iván Álvarez Bajo, de Asegrain, unha asesoría para compra de cereais con sedes en Madrid e León e que traballa con moitas das fábricas de penso galegas.
Os últimos informes de final de colleita falan dun descenso de entre un 5 e un 7% en EEUU, principal produtor de millo do mundo
“Por unha banda, en EEUU os últimos informes de final de colleita falan dun descenso de entre un 5 e un 7% con respecto ao último informe USDA de agosto. Estamos a falar dun descenso moi importante e hai que lembrar que EEUU é o principal produtor de millo do mundo e iso é un elemento alcista porque o millo é o cereal que dá soporte a todos os demais. Pero, doutra banda, temos un elemento baixista, que é a recesión. Os fondos de investimento están nerviosos, porque o diñeiro é medoso e sae de sectores que se poden ver afectados”, detalla. Seca e fertilizantes caros Do mesmo xeito que en EEUU, en Europa tamén houbo unha menor colleita con respecto ao ano pasado tanto de millo como de trigo, cebada, colza ou xirasol. “En España, as zonas máis temperás salváronse, pero as máis tardías, que son as máis produtoras, sentírono máis. O problema foi a calor, pero podemos dicir que en moitas zonas foi unha colleita de cereal correcta, pero a de xirasol si que foi unha campaña nefasta”, asegura.
En España este ano a campaña de cereal foi correcta, pero a de xirasol foi nefasta
Debido á mala colleita de primavera e ao elevado prezo dos abonos, para a actual sementeira de outono Iván prevé un descenso da superficie sementada de cereal. “Os agricultores optarán por sementar cousas con menor risco e custos asociados por necesidades de fertilización menores, como pode ser o caso de forraxes, leguminosas ou xirasol”, considera. Saída de cereal de Ucraína Ante este escenario de menor produción, Iván aposta por prezos estancados ou con lixeiros repuntes puntuais. “A miña opinión persoal é que estes prezos altos das materias primas viñeron para quedar. Os fertilizantes subiron unha barbaridade e seguirán subindo e cando os imputs están altos, os produtos tamén se venden a prezos altos”, xustifica Iván.
Ucraína segue sacando cereal, ten moito acumulado, pero a Rusia non lle gusta o que está a ver
O desbloqueo do cereal ucraíno debería servir para relaxar as cotizacións, pero o acordo entre Rusia e Turquía vese como inestable desde o sector. “Saíron xa bastantes barcos de Ucraína, pero a Rusia non lle gusta o que está a ver. Rusia aceptou o acordo para permitir a saída de trigo e aliviar desta forma a situación de fame da poboación dos países africanos, porque Rusia ten moitos intereses nestes países, pero está a ver que parte dos barcos que saen de Ucraína acaban noutros moitos lugares do mundo. Rusia pode revisar ese acordo con Turquía en calquera momento”, teme. Mercado especulativo Esta tensión fai que haxa “moita incerteza e volatilidades no mesmo día de ata 15 euros nos mercados de Chicago ou Francia, sen que pasase nada importante que o xustifique”, destaca. “Os fondos de investimento fixáronse no sector primario no seu conxunto e vírono como un obxectivo. E iso fará subir os prezos. Xa o fixeron no sector inmobiliario e no turismo anteriormente”, lembra.
Os fondos de investimento fixáronse no sector primario no seu conxunto e vírono como un obxectivo
No caso da cotización do millo, hai anunciadas chegadas de barcos procedentes de Brasil con referencias de prezos en porto de 340 e 345 euros. E se o millo sobe tamén soben a cebada, que está 340€ nestes momentos, e o trigo, que cotiza a 355€. En canto á soia, “segue estando moi cara, por encima dos 565€, e a colza vai en proporción da soia, póñencha en 400€ e o xirasol o mesmo, porque a referencia é a soia, do mesmo xeito que o millo o é para os cereais”, explica Iván. “Os prezos subiron moito ata o mes de maio por Ucraína e logo estabilizáronse. Se me preguntas para os próximos 5 ou 6 meses, apostaría por unha suba”, aventura.

O prezo do penso ás explotacións aumentou máis dun 25% desde xaneiro

De xaneiro a xullo deste ano, o prezo do penso incrementouse de media un 30% no caso do vacún de leite e un 26,5% no caso do empregado para cebar os xatos de carne, segundo os datos oficiais feitos públicos polo Ministerio de Agricultura. O quilo de penso para vacas leiteiras pasou de 31 céntimos a 41, mentres que o dos xatos subiu de 33 a 43. No resto de animais as subas situáronse entre o 20% dos porcos e polos e o 31% dos coellos. A maioría de plantas de producción de alimentación animal teñen contratos asinados para todo este ano, polo que non habería correccións significativas neste ámbito, pero hai outros factores que inciden nos custos de fabricación dos pensos, como por exemplo o prezo da enerxía ou os salarios. “Os gastos de persoal das fábricas de penso subiron e a electricidade tamén”, destaca Bruno Beade.
O problema é que os gandeiros non poden trasladar estas subas ao produto final, é unha cuestión estrutural que afecta a todo o sistema
“O peor é que os gandeiros non poden trasladar estas subas ao produto final, é un problema estrutural, non teñen capacidade para trasladar os seus custos ata o consumidor e iso repercute no normal funcionamento de todo o sistema”, quéixase.

Europa esixirá soia libre de deforestación

A proposta lexislativa europea que se prepara sobre cadeas de subministración libres de deforestación supón unha nova preocupación para os fabricantes de pensos españois polas estritas medidas de control que incorpora. Desde a Confederación Española de Fabricantes de Alimentos Compostos Para Animais (CESFAC) advirten do impacto que terá esta proposta, con consecuencias directas para todo o sector, desde os fabricantes de pensos ós gandeiros. Os fabricantes consideran que as novas medidas de control da normativa poden ocasionar, entre outros efectos, un incremento dos custos das materias primas, nun momento en que os prezos dos cereais están xa disparados.
A proposta lexislativa prohibe a comercialización de produtos en risco de deforestación, esixe novos requisitos de trazabilidade obrigatorios e datos de xeolocalización das parcelas agrícolas de orixe
A nova norma busca regular a dispoñibilidade de materias primas de produtos asociados con deforestación e degradación dos bosques no mercado europeo. A proposta prohibe a comercialización de produtos asociados con risco de deforestación, esixe novos requisitos de trazabilidade obrigatorios e datos de xeolocalización da explotación de orixe de produción da materia prima. Uns requisitos que desde a Federación Europea de Fabricantes de Alimentos Compostos (FEFAC) ven desproporcionados ao risco e non operativos para moitos operadores da industria. Contexto A soia é unha das principais fontes de proteína vexetal que se empregan nos pensos. A importada por España procede na súa maioría de Estados Unidos e Latinoamérica, onde en ocasións se trata dun cultivo asociado á deforestación, como sucede en zonas do Amazonas. Para reducir eses riscos, os fabricantes europeos de pensos teñen en marcha programas de autocontrol, cos que aseguran que un 77% da soia importada na actualidade a Europa está libre de riscos de deforestación. O seu obxectivo é chegar ó 100% no 2030. Os fabricantes de penso consideran que o proxecto de nova normativa europeo parte cun periodo de implementación insuficiente e existe o temor de que chegue a interromperse a subministración necesaria pola UE de produtos da soia con alto contido proteico. "Esta proposta desincentivará a agricultores europeos de soia, ao non requirir outros cultivos de proteínas e oleaxinosas da mesma carga de trazabilidade. Iso debilitará o plan de proteína europeo e a Declaración de Soia Europea asinada por 14 ministros de agricultura europeos o 17 de xullo do 2017", resaltan desde FEFAC. En España, segundo os datos manexados pola CESFAC, a produción de soia situábase en 2018 en 1.481 hectáreas, co que se xeraron unhas 4.250 toneladas, que apenas supoñen unha milésima parte do total consumido no país. Mentres, España sitúase como unha potencia produtora de pensos na UE. Nese mesmo ano, fabricáronse en territorio nacional case 37 millóns de toneladas de penso para alimentación animal. Cómpre destacar que a industria española de alimentación animal foi unha das primeiras en realizar un estudo de campo para determinar cal é a situación de partida no que a cumprimento de esixencias de sostebilidade e de orixe non deforestado se refire. 

Incremento dos prezos

Os fabricantes de pensos sinalan que "os requisitos de trazabilidade desproporcionados engadirán maior presión sobre os custos nos sectores gandeiro e de pensos nun contexto de máximos históricos nos mercados das materias primas. A experiencia actual do mercado co estrito programa de cadea de vixilancia de 'firme identidade preservada' para a soia, implementado no sector alimentación, indica un incremento de tres veces o custo sobre o prezo normal de mercado". Ademais, sinalan que as subministracións actuais de soia non modificada xeneticamente do sector de pensos (sen datos de xeolocalización) para a industria de alimentación animal ofértanse xa até un 100% sobre o prezo normal de mercado. Os fabricantes vaticinan que este incremento dos custos das materias primas e dos pensos traducirase nunha menor competitividade dos sectores gandeiro e de pensos, e no incremento de importacións de produtos de orixe animal como a carne de porco e de aves de curral, non suxeitos ás mesmas normas de trazabilidade da UE libre de deforestación.

Subministración responsable

A Industria de Alimentación Animal Europea, xunto coas cadeas de subministración, reivindican que, á marxe das esixencias desta nova normativa, xa teñen implementado iniciativas de autocontrol para a promoción de prácticas de produción responsable para a soia, atendendo ao risco de deforestación e conversión de áreas de alto valor para a conservación. En Europa, o 77 do total de soia importada é de baixo risco de deforestación. "Confiamos que o Consello considere un enfoque máis equilibrado, recoñecendo os programas de autocontrol da cadea", reivindican desde FEFAC. En España, a CESFAC atende aos obxectivos que se marcan no documento Soia Sustentable para unha subministración responsable de pensos compostos, que busca conseguir que en 2030 o 100% da soia empregada na fabricación de pensos en España fose producida en orixe de maneira sustentable e comprometida coa loita contra a deforestación. No caso español, o 100% da soia importada de Estados Unidos e unha elevada porcentaxe de soia importada con orixe Brasil (71%) e Arxentina (91%) foi producida en zonas asociadas a un baixo risco de deforestación, o que recalca o compromiso coa desvinculación da produción en áreas con risco. Os últimos datos que manexa o informe sobre a soia sustentable elaborado por CESFAC, de 2018, indican que en España se importan uns 5,7 millóns de toneladas, un 43% procedente de Brasil, un 22% de Arxentina e un 26% chegado de Estados Unidos.

Nace Biofeed: alimentación ecolóxica coa confianza de Nanta

Biofeed é a nova marca de Nanta que conecta a tradición coa innovación e a seguridade. Trátase de pensos ecolóxicos, sustentables e de alta calidade para cubrir as necesidades dos produtores de alimentos e os requirimentos dos consumidores, cada vez máis esixentes coa orixe e composición dos alimentos que consomen.

Elaborados con ingredientes procedentes da agricultura ecolóxica, Biofeed é unha marca comprometida coa produción local orgánica. Así, Biofeed é o selo de confianza de Nanta que garante a produción de alimentos ecolóxicos de alta calidade, apoiados pola experiencia da compañía e os bos resultados técnicos obtidos tralos seus primeiros meses de aplicación.

Cara a uns alimentos máis saudables e sustentables

Atendendo ao principio ‘Da granxa á mesa’, resulta clave asegurar a alimentación dos animais coas mellores materias primas dispoñibles como primeiro elo na cadea de produción de alimentos saudables e sustentables. Unha estratexia á que Biofeed quere contribuír, ofrecendo unha nutrición animal ecolóxica que permita unha transición cara a un sistema alimentario máis respectuoso co medio ambiente, dende a produción ata o consumo.

Biofeed conta co apoio, a confianza e os máis de 50 anos de experiencia de Nanta, compañía líder no mercado español de pensos compostos, que, no seu compromiso coa investigación e o desenvolvemento de solucións cos máis altos niveis de seguridade, trazabilidade e calidade, e a súa aposta pola mellora continua, lanzou esta innovadora alimentación sustentable adaptada ás necesidades actuais do mercado e os consumidores.

Unha ampla gama de solucións ecolóxicas

Biofeed está formado por pensos ecolóxicos completos e equilibrados para cada unha das especies de produción (vacas, ovellas e cabras, porcos, aves, coellos e cabalos), formulados con óptimos niveis de nutrientes e adaptados ás necesidades de cada fase produtiva.

Para ovino e caprino, Biofeed ofrece solucións tanto para a produción de leite como de carne, e para todas as fases produtivas (iniciación, crecemento e engorde, mantemento, produción e extensivo). A alta palatabilidade e a seguridade dixestiva, para asegurar uns bos resultados técnicos, son algunhas das súas características máis destacadas.

No caso do vacún de leite, os pensos Biofeed aseguran a alta produción e a calidade de leite, e unha alta inxesta de materia seca. Para vacún de carne, Biofeed incorpora unha completa gama para o arranque, crecemento, engorde e acabado de tenreiros; así como un penso en tacos para o gando vacún campeiro.

En cunicultura, Biofeed conta cun penso formulado para coellos de tódalas idades, en especial para conellas reprodutoras e machos, e un destinado a coellos en fase de crecemento e engorde; e en avicultura ofrece unha ampla gama de pensos equilibrados para a alimentación de galiñas poñedeiras e pitos.

Para o gando porcino hai dispoñibles pensos para o destete de leitóns, nais e fase de crecemento e engorde, ademais de porcos en extensivo.

Por último, para cabalos de alto rendemento, cría e mantemento, os pensos ecolóxicos de Biofeed están formulados cos óptimos niveis de fibras, proteínas, graxas, minerais e almidón, achegando unha boa dixestibilidade e totalmente libres de po para evitar problemas respiratorios.

Os produtos Biofeed estarán dispoñibles en sacos de 25 kg, salvo no caso de avicultura, que estarán dispoñibles ademais en sacos de 5 kg para os particulares de cría doméstica.

Máis información en www.biofeednutrition.com.

Acerca de Nanta

Nanta é a compañía líder na fabricación e comercialización de pensos compostos na península ibérica. Comezou a súa actividade en 1968 e desde entón o alto grao de compromiso cos seus clientes e o mundo da produción gandeira en xeral, a tecnoloxía empregada e os seus programas de I+D+i e calidade supuxeron un auténtico motor de avance para este sector industrial. Unha clara vocación e aposta pola innovación que a compañía mantén e manterá no futuro.

Englobada dentro da multinacional Nutreco, Nanta conta con 22 centros de produción dotados de tecnoloxía punta e todas elas certificadas na norma ISO 14001 de medio ambiente e ISO 45001 de prevención de riscos laborais. Cabe destacar sobre todo a certificación de seguridade alimentaria FSSC 22000, garantía da seguridade e a calidade dos produtos da compañía. No seu portfolio de máis de 200 produtos atópanse alimentos para porcino branco e ibérico, para cunicultura e avicultura, para vacún de carne e de leite, ovino e caprino, e para a alimentación de cans, gatos e cabalos.

Os pensos DAP de Nanta permiten aos gandeiros avanzar cara á certificación das súas producións

O cálculo da Pegada Ambiental e a certificación Declaración Ambiental de Produto (DAP) son puntos clave na Granxa Circular, o proxecto de Nanta para avanzar na sustentabilidade da gandaría. O obxectivo é valorar o impacto ambiental dun produto ao longo de todo o seu ciclo de vida para poder planificar accións necesarias para reducir este impacto e mellorar a xestión ambiental. Grazas a estas análises, é posible achegar un valor engadido ás producións finais, carne e leite, ao trasladar a DAP e a Pegada Ambiental até o último elo da cadea de produción.

Nanta conta con dúas gamas de pensos con Declaración Ambiental de Produto, os pensos para ovino de carne Vitacor Life e vacún de carne Bovicarn Life.Ademais, no caso da gama dirixida a rumiantes de leite, dispón de pensos con declaración de Pegada Ambiental, deseñados todos eles para minimizar as emisións de metano, fósforo e nitróxeno.

Un valor engadido para as producións

O estudo da pegada ambiental dun produto ou servizo implica levar a cabo unha Análise de Ciclo de Vida (ACV), tamén coñecido como análise do berce á tumba, que abarca a avaliación de parámetros como o quecemento global, o uso da auga, o ozono fotoquímico, a acidificación e a eutrofización da auga, entre outros.

Desta forma, os pensos DAP de Nanta, así como o cálculo da Pegada Ambiental, son unha panca que permite aos gandeiros avanzar cara á certificación das súas producións e ofrecen a posibilidade de crear futuras alianzas estratéxicas para desenvolver alimentos máis responsables co medioambiente. Respondendo desta forma aos requirimentos da industria, tanto a nivel lexislativo como a nivel de consumidor, que reclama alimentos máis sustentables.

As certificacións ambientais nas granxas ofrecen a posibilidade de crear futuras alianzas estratéxicas para desenvolver alimentos máis responsables co medioambiente

Visita Granxa Circular para coñecer todos os servizos que Nanta pon á túa disposición para avanzar cara á gandaría do futuro.

Acerca de Granxa Circular

Granxa Circular é a proposta de Nanta para avanzar na sustentabilidade da gandaría. Aliñada co Roadmap de Nutreco 2025, trátase dun modelo de sustentabilidade co que demostrar o grao de sustentabilidade dunha granxa atendendo a catro alicerces fundamentais: económico, ambiental, social e benestar animal. Co Decálogo de Granxa Circular como guía, un conxunto de dez troncos críticos a considerar, Granxa Circular cualifica ás granxas en tres categorías (A, B e C) en función dos seus resultados de sustentabilidade.

Cun enfoque multidisciplinar, inclúe varias ferramentas de cálculo e avaliación e conta con indicadores solventes, medibles e prácticos, sendo posible a verificación da certificación de sustentabilidade por parte de Aenor. Máis información en Granja Circular.

Acerca de Nanta

Nanta é a compañía líder na fabricación e comercialización de pensos compostos na península ibérica. Comezou a súa actividade en 1968 e desde entón o alto grao de compromiso cos seus clientes e o mundo da produción gandeira en xeral, a tecnoloxía empregada e os seus programas de I+D+i e calidade supuxeron un auténtico motor de avance para este sector industrial. Unha clara vocación e aposta pola innovación que a compañía mantén e manterá no futuro.

Englobada dentro da multinacional Nutreco, Nanta conta con 22 centros de produción dotados de tecnoloxía punta e todas eles certificados na norma ISO 14001 de medio ambiente e ISO 45001 de prevención de riscos laborais. Cabe destacar sobre todo a certificación de seguridade alimentaria FSSC 22000, garantía da seguridade e a calidade dos produtos da compañía. No seu portfolio de máis de 200 produtos atópanse alimentos para porcino branco e ibérico, para cunicultura e avicultura, para vacún de carne e de leite, ovino e caprino, e para a alimentación de cans, gatos e cabalos.

“AIRA: Cumprindo obxectivos, consolidación e crecemento”

Hai pouco máis de tres anos da integración da Cooperativa AIRA, con sede central en Taboada (Lugo) e que na actualidade conta con 13 delegacións e máis de 2.500 socios espallados ó longo de 86 concellos de Galicia. Coñecemos con Daniel Ferreiro, director xeral de AIRA, a situación actual da cooperativa, os proxectos polos que apostaron neste tempo e os obxectivos que se marcan para os próximos meses.

-Tres anos despois do proceso de integración de AIRA, que balance fai?
-Visto dende calquera ángulo que se analice, o balance é moi positivo. Tamén é verdade que, se non coidásemos que fose resultar positivo, xa non o teríamos proposto. Como en todo, algúns obxectivos alcanzáronse antes e outros fóronse logrando ó longo deste tempo, pero sobre todo os esforzos centráronse no que se refire ós dous piares sobre os que se asentaba o proxecto de integración: a valorización da produción dos socios mediante a comercialización e transformación das mesmas e, a sostibilidade e desenvolvemento das actividades de produción, abastecemento e servizos.

Deixamos de ser un proxecto para ser unha realidade. As perspectivas iniciais de medrar o 3,5% anual quedáronse cativas. Así é que, dende o 2018 medramos un 25%. Paralelamente, tamén melloraron os resultados de explotación da entidade, o que permitiu que practicamente duplicáramos as inversións previstas para os tres primeiros anos. Tanto é así que, cando comezamos a darlle forma á integración no 2017, previamos unha inversión de 7,5 millóns de euros, sendo optimistas, porén no exercicio do ano pasado chegamos xa case ós 13 millóns de euros.

“Nestes tres anos crecemos non só en facturación, senón na comercialización e nos servizos que ofrecemos ós socios. Medramos no volume de ventas, o que nos permite ser máis competitivos”

-No marco económico, que resultados de facturación manexaron no último ano?
-Medramos tódolos anos a un ritmo sostible, por encima do 8%, sendo aínda maior nos últimos dous anos. Isto levounos no 2020 a unha facturación de 125 millóns de euros, fronte ós 97,8 millóns do 2017. A nivel de EBITDA, partiamos duns 2,6 millóns de euros e no 2020 acadamos os 4,7 millóns. Aínda máis salientable que o propio crecemento en facturación é que medramos en volume de actividade en tódalas áreas: na comercialización e nas actividades e servizos que desenvolvemos. Isto amosa tamén un gran apoio por parte dos socios.

-Como foi o camiño para lograr estes resultados?
-Profesionalización, moito traballo e compromiso por parte de todos. O crecemento da actividade e a mellora da eficiencia tamén fixo posible unha mellora dos resultados. Profesionalizouse aínda máis a cooperativa logo do proceso de integración e houbo un gran compromiso por parte dos socios, dos traballadores e directivos para conseguir lograr os obxectivos fixados inicialmente. Pasar de 97 a 125 millóns de euros, no contexto no que nos movemos vai máis aló dunhas simples cifras, por moi boas que parezan, tamén supón incrementar as oportunidades no rural galego en forma de emprego e renda. Moitas veces non se acaba de ver a importancia real que ten o cooperativismo nun entorno rural.

“Pasar de 97 a 125 millóns de euros de facturación tamén supón incrementar as oportunidades no rural galego en forma de emprego e renda”

Non medramos a base de subir as marxes de beneficio dos produtos. Incrementamos a facturación porque aumentamos o volume de actividades e servizos desenvolvidos, o que nos permite ser máis competitivos e xerar mellores resultados. O certo é que recortamos as marxes brutas, e aínda así, co incremento do volume de actividade, conseguimos seguir medrando, tamén coa incorporación de novos socios. Os bos resultados para a cooperativa sono tamén para o socio, non só polos servizos e prezos que ofrecemos, tamén polo retorno cooperativo. Cómpre ter presente que, de media, as ganderías socias capitalizan 1,2 euros por cada 100 euros de actividade coa cooperativa, o que en moitos casos supuxo unha suma importante.

-Tamén medraron en persoal? Con cantos socios e traballadores conta agora a cooperativa?
-Ata agora, as altas de novos socios están a compensar as baixas por cese da actividade e xubilacións, polo que seguimos un pouco por encima de 2.500 socios. No 2018 cando comezamos, contábamos con 228 traballadores e agora temos 254 empregados fixos directos, case na súa totalidade procedentes do entorno rural no que nos desenvolvemos. Este é un xeito de devolverlle ó rural unha boa parte dese crecemento que experimentou a Cooperativa. O forte crecemento e desenvolvemento dos servizos require de máis man de obra, por iso tamén temos un incremento maior.

Dende o comezo do proceso de integración o compromiso, dedicación e implicación dos traballadores foi moi importante na consecución dos obxectivos. De feito, ese marco propiciou que asináramos recentemente un convenio de empresa que agardamos sexa bo para a Cooperativa e os propios traballadores, e proporcione unha maior estabilidade ás relacións de traballo. Nestes anos tamén nos estamos atopando algunhas dificultades para encontrar traballadores con certos perfís especializados.

-Que liñas de traballo priorizaron na cooperativa nestes primeiros anos?
-O primeiro foi garantir que tódalas actividades e servizos seguiran funcionando con normalidade e, paralelamente, fomos ampliando e mellorando todas as áreas. Para logralo, fortalecéronse as mesmas con importantes inversións e realizáronse melloras nos centros de atención ós socios, como nas delegacións de Sarria, Becerreá, Silleda… Dese conxunto de inversións de case 13 millóns de euros, a parte máis importante foi para a comercialización.

Unha das nosas prioridades sempre foi a comercialización e transformación dos produtos das ganderías. Fíxose un gran esforzo en desenvolvemento e inversión para rematar a planta industrial de Melide, Galacteum. Agora xa rematada, posta en marcha e nestes momentos ó 100% da súa capacidade. No tema da comercialización de leite nestes tres anos medramos un 21% e comercializamos 115 millóns de litros.

Cómpre ter presente que este incremento do volume de leite comercializado a través da cooperativa fíxose nun contexto no que máis de 60 de ganderías deixaron a actividade, o que supón que tamén se incorporaron granxas que non estaban a comercializar o leite a través da cooperativa e, ademais, as que xa o estaban a entregar tamén medraron.

“Comercializamos 115 millóns de litros de leite e transformamos case a metade do que recollemos. Este ano agardamos que o 90% do leite das nosas ganderías sexa certificado en benestar animal”

Vimos incrementando a porcentaxe de transformación do leite que comercializamos. Este ano imos transformar case o 50% dos 115 millóns de litros que comercializamos. Aumentamos o volume e a transformación propia e as previsións para os próximos anos son de seguir medrando en volume de transformación de leite. Nestes anos apostamos por melloras en ámbitos como a sostibilidade e a calidade nas nosas granxas, de feito este ano agardamos que o 90% do leite das nosas ganderías socias sexa certificado en benestar animal.

Ademais retomouse a comercialización do vacún de carne, coa creación a finais do 2019 dunha área específica para a venda de xatos, recría e descarte. É unha liña que agardamos seguir reforzando, logo de que algunhas das accións previstas non as puideramos abordar debido á crise sanitaria e ás súas repercusións no sector. Foi unha actividade que non parou de medrar, pese a un contexto de crise e moi complicado en canto a prezos e mercado.

-E nos servizos ós socios, en que están centrando os esforzos?
-Seguimos facendo un esforzo por achegar tódolos servizos que precisan os socios. Hoxe mesmo estamos facendo unha ración diaria á carta a máis de 300 ganderías, que son máis de 21.000 vacas de leite. Isto supúxonos un esforzo inversor nos carros e en maquinaria. Este ano fixemos un investimento en maquinaria de 1,5 millóns de euros, co que buscabamos reforzar e ampliar os servizos ós socios en zonas como Sarria ou Guntín, onde creamos novos puntos con equipos fixos.

En Aira levamos tempo apostando por un modelo sostible a nivel de gandería, con iniciativas centradas en reducir a pegada hídrica e de carbono das granxas, así como de mellorar o benestar animal, tanto en vacún de leite como de carne. Estamos facendo un esforzo moi importante en áreas máis concretas que teñen que ver co día a día da gandería, como o desenvolvemento de produtos máis respectuosos co medio ambiente tanto na leitería coma no campo. Tentamos ir da man de empresas punteiras a nivel mundial en desenvolvemento de produtos máis sostibles.

-En cuestións que afectan ó día a día dos gandeiros como o prezo do penso e tendo en conta a situación actual mundial, haberá cambios nos próximos meses?
-Vainos haber e non precisamente para mellor. Esta situación de prezos de materias primas tan altos, unido ós fortes incrementos dos custes da enerxía eléctrica e dos combustibles, está a levar ó sector a unha situación insostible.

“En Aira, as subas dos prezos do penso foron mínimas e chegamos a subir o prezo do leite”

Sen dúbida, debera de moverse tamén o prezo do leite, xa que non é posible continuar así. En Aira, estamos a facer un esforzo na contención dos prezos. As subas dos prezos do penso foron mínimas e chegamos a subir o prezo do leite. A distribución ten que darse conta de que o leite non pode venderse a 0,60 céntimos, xa que ese prezo non é sostible. A Lei da cadea alimentaria ha de ser sostible en todos os elos e cumprirse. Entre produtores e transformación temos que ser capaces de facerlle entender tanto á distribución como ó consumidor que ese prezo provoca a desaparición de moitas ganderías.

É preciso que o consumidor sexa consciente desta realidade, xa que a supervivencia dos produtores é clave na loita contra a España baleirada. Apostar polos gandeiros e agricultores é un xeito de manter vivo o rural galego, pero para iso compre que a actividade que desempeñan sexa rendible e agora non o é. Os gandeiros non poden pasar de ser un sector esencial, como quedou demostrado durante a pandemia, a estar ó borde da extinción por estes prezos. O gasto de producir e transformar un litro de leite, sen incluír os gastos da distribución nin as marxes, é máis alto que 0,62 céntimos e o 40% do leite en España está a venderse entre 50 e 60 céntimos. Así, é imposible.

-Como afrontan nestes momentos a comercialización do leite das ganderías de Aira?
-Estamos totalmente comprometidos coa comercialización e a transformación do leite. A participación en Acolat (Clesa) e Galacteum son proba diso. En Aira, vimos facendo un importante esforzo en Galacteum. Tanto é así que, nestes tres anos fixemos investimentos por encima dos 22 millóns de euros, bastante máis do previsto inicialmente. Galacteum foi un proxecto moi complexo, cunha aposta decidida por un produto diferente, xa que non optamos polo leite líquido en brick e desenvolvemos outros produtos diferenciados, que tamén levou o seu tempo sacar adiante e que poden xerar importantes oportunidades. Nestes momentos, a nova planta está operativa ó 100% e agora iremos sacando rendibilidade a tódolos esforzos que fixemos neste tempo. Tamén é verdade que seguirémonos esforzando por valorizar máis cantidade de leite e obter maior valor engadido que repercuta nos nosos socios.

-¿Valoran un proxecto galego común para a transformación do leite como se está a falar nos últimos meses?
-Estamos completamente comprometidos e dispostos a abordar calquera proceso de transformación serio que contribúa a xerar valor engadido nas ganderías, posto que é un piar básico e así o decidiron os socios xa no comezo. As inversións que fixo AIRA nesta liña amosan claramente o compromiso da cooperativa.

“Presentamos proxectos por máis de 18 millóns de euros en materia de xestión sostible e da Economía Circular nas ganderías”

-Nun momento en que a vista está posta en moitos sectores nos fondos Next Generation, en que eixos traballan dende a cooperativa para optar a estes fondos europeos?
-Dixitalización, sostibilidade e Economía Circular. Estamos preparando un conxunto de actuacións destinadas a mellorar a sostibilidade das actividades desenvolvidas tanto pola cooperativa como polas ganderías socias. Nese senso, estamos a traballar en temas como a dixitalización, a xestión de datos e Big Data. Fixemos un importante esforzo a nivel organización, xa que chegamos a presentar proxectos por máis de 18 millóns de euros en materia de xestión sostible e da Economía Circular. Con estas propostas tratamos de axudar ás ganderías a asumir as transformacións que dende Europa se están esixindo e que están encamiñadas a unha produción agrogandeira cada vez máis sostible e respectuosa co medio ambiente.