O Sindicato Labrego creará unha Secretaría das Persoas Xubiladas para defender as pensións dos traballadores do agro
O Sindicato Labrego Galego celebrou este sábado, 7 de xullo, unha asemblea en Lugo na que creou unha Coordinadora que guiará o proceso para constituír, no seu vindeiro congreso, a que será a Secretaría das Persoas Xubiladas, un órgano dentro da organización sindical que centrará o seu traballo naquelas cuestións propias deste sector da afiliación.
Inicialmente, serán responsábel e vicerresponsábel desta Coordinadora Olga Otero Gómez, de Arcos (Chantada); e Cándido Iglesias Turnes, de Cabana (A Baña). Xunto a estas dúas persoas, estarán tamén na Coordinadora Cruz Valle, Carme Veiga, Rosario Villadóniga, Jorge Pacio e Araceli Pillado; estando previstas novas incorporacións nas asembleas comarcais que se irán desenvolvendo nos vindeiros meses.
Previamente á elección desta coordinadora, houbo unha palestra na que se analizou a fondo a problemática das pensións como unha das cuestións centrais nas que terá que traballar, a Secretaría das Persoas Xubiladas do SLG. Isabel Vilalba Seivane, secretaria xeral do SLG, foi a primeira en intervir, destacando o peso cada vez maior que están a ter as persoas xubiladas, tanto na sociedade galega en xeral, como na propia organización sindical. De feito, hoxe en día o 25% da poboación está xubilada, e estímase que, en 2031, esa porcentaxe chegará ao 33%. De aí que , segundo o sindicato “sexa moi necesario crear un espazo de participación a estas persoas no seo do SLG, porque a súa achega, por experiencia e capacidade, segue a ser fundamental”.
Ameazas sobre o sistema público de pensións
A seguinte intervención foi a do escritor, mestre e sindicalista, Xabier Pérez Davila, que explicou brevemente o funcionamento do sistema público de pensións e subliñou as cinco principais ameazas que se cernen sobre el: as pensións son moi baixas, con 4 millóns de persoas que perciben unha paga inferior ao salario mínimo interprofesional (735'90 €); o propio sistema de pensións reflicte a desigualdade de xénero que se dá no mundo laboral, cunha pensión media para os homes de 1.250 € fronte aos 800 € que cobran as mulleres; tamén existe unha desigualdade territorial ao ter na Galiza unha pensión media de 898 €, fronte aos 1.078 € da media estatal e os 1.271 € da Comunidade de Madrid.
Finalmente, segndo Xabier Pérez Davila, “é previsible que todo vaia a peor se, tal e como agora, tralas últimas reformas, as pensións só se incrementan un 0'25% anual en troques de subir o IPC, e segue a haber déficit na recadación da Seguridade Social”. “A única solución fronte a estes problemas é a mudanza das políticas, especialmente en áreas como a reforma laboral ou a recadación de impostos”, subliñou.
Un dos exemplos que puxo Davila ao respecto é que, se o Estado Español recadase unha media de impostos igual á da UE podería ingresar 81.000 millóns de euros adicionais aos que recada agora.