Archives

Lanzan ao mercado unha xenebra elaborada con Pementos de Padrón con Denominación de Orixe

O grupo Pernod Ricard, que en 2020 aquirió a adega padronesa Vermutería de Galicia e a súa marca de vermut St. Petroni, acaba de lanzar ao mercado "A´Miña Orixe", unha xenebra que incorpora nas súas ingredientes os Pementos de Padrón, iso si con Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón, para garantir a súa orixe galega e que lle achegan un particular sabor e matiz especiado. "Estes pementos teñen unha calidade que fan que poidan resultar especialmente picantes, o que confiren un particular sabor a esta xenebra, xa que proporcionan un extraordinario equilibrio co resto de botánicos da receita, dotándolle dunha sensación fresca en boca, bañada en notas cítricas e de froita", destacan desde a compañía. Unha xenebra con esencia galega que nace da man de Vermutería de Galicia, que participa na creación desta nova xenebra premium axuntando nela a súa experiencia, a súa paixón polo autóctono, o seu coñecemento dos ingredientes locais. En definitiva unna innovadora proposta que nace do respecto pola materia prima e pola calidade como ingredientes principais do proxecto e que xa está á venda a un prezo de 24,68 € en formato 70cl.

Pementos Carmucha, 3 xeracións apostando polos pementos de Herbón de calidade

A familia de José Manuel Ferro leva toda a vida adicada ó pemento de Herbón. Antes ca el, súa nai seguiu xa os pasos da matriarca, a avoa Carme Rivera, fundadora e unha pementeira incansable. “Con 90 anos seguía contando os pementos para encher as bolsas, xa que antes vendíanse por unidades no canto de por peso”, recordan. Pasaron de vender os pementos en Vigo, como facía a avoa, á Praza de Pontevedra e a distintos mercados cando a súa filla Carmucha Lago tomou o relevo. Agora, coa terceira xeración de Pementos Carmucha, céntranse na venda á hostalería e en ampliar mercado cara a produtos elaborados a base dos pementos de Herbón. Con todo, seguen sendo un dos vendedores habituais os domingos na feira de Padrón (A Coruña) e os sábados no mercado de Bertamiráns (Ames, A Coruña), onde levan acudindo máis de 25 anos.

Unha produción familiar

Os pementos cultívanos en parcelas situadas no concello de Padrón (A Coruña), localizadas a maior parte delas na parroquia de Herbón. Teñen uns 8.000 metros cadrados dedicados ó cultivo do pemento, dos cales uns 2.800 metros cadrados están ocupados con invernadoiros, o que lles permite comezar a tempada máis cedo. “Antes de plantar nos invernadoiros, a tempada eran só 2 meses, porque ata xullo non lograbas pementos e daquela os invernos eran tamén máis duros e en setembro xa non che aguantaban”, explica José Manuel. O cultivo nos invernadoiros permítelles prolongar a tempada varios meses. As primeiras plantas de pemento transplántanas en xaneiro ós invernadoiros e, deste modo, a primeira tanda de produción chega a comezos de maio, cando se abre a tempada de comercialización baixo a Denominación de Orixe Pemento de Herbón. Mentres, os pementos que teñen no exterior plántanos en maio e producen nos meses de verán. “O pemento precisa dunha temperatura suave para que saia adiante”, explica o produtor.
Teñen parte da plantación en invernadoiro para poder comercializar os pementos xa a comezos da tempada, en maio
Ó longo destes anos, ademais da incorporación dos invernadoiros, a produción de pemento foi transformándose. “Cando miña avoa ou miña nai se dedicaban ó pemento traballaban todo o día, recollían todo o día, dáballes moito máis traballo plantalos e atendelos”, recorda. Na tempada de produción, os pementos recóllenos de mañá e pola tarde levan a cabo un proceso de selección, clasificación e embolsado para a súa comercialización. “Seguimos sendo 4 persoas as que traballamos no pemento, pero fomos mecanizando e profesionalizando a produción. Naqueles tempos daban moita sacha para ter bos pementos”, lembra. A incorporación de sistemas de rega automatizada, así como o acolchado do solo para evitar que medren herbas que compitan directamente coa planta do pemento foron algúns dos cambios máis significativos. Porén, mantéñense fieis á tradición noutros aspectos como a selección da sementeira. Como boa parte dos produtores da DO Pementos de Herbón, encárganse de producir as súas propias plantas de pemento no canto de mercalas en viveiros, como acontece noutras producións de horta.
Encárganse da selección da sementeira e de cultivar a propia planta no canto de mercala en viveiros
“Cando as plantas comezan a producir pementos, escollemos aquelas que máis nos gustan, que teñen unha produción máis uniforme e uns bos pementos, e son as que deixamos para a sementeira”, explica José Manuel. Un lazo atado na planta identifica nas plantacións aqueles exemplares seleccionados e que darán pé ás novas colleitas. Unha vez seleccionadas, deixan madurar eses pementos na planta, seguindo o ciclo natural, para obter unha sementeira de calidade. No coidado da plantación, José Manuel opta por tratamentos ecolóxicos e pola loita biolóxica no canto doutras solucións fitosanitarias. “Non temos o selo de ecolóxico na nosa plantación porque o tamaño reducido das nosas parcelas fai imposible que poidamos certificar o 100% da nosa produción, xa que unha parte delas está próxima ás parcelas colindantes, pero nós traballamos nesa liña de respecto ó medio”, detalla o produtor. Xunto con José Manuel outras 3 persoas encárganse da recollida e comercialización dos pementos. Algunhas das problemáticas máis habituais no cultivo do pemento son a presencia de pulgón ou de virose. “Hai 2 anos tivemos unha praga de virose moi forte. Cando é así só che queda arrancar a planta e desinfectar, porque esa colleita xa está perdida”, lamenta o produtor. Os invernos e as primaveras moi chuviosas tamén son un atranco para a produción de pemento. “Se o terreo está moi húmido cando transplantas o pemento, a planta remata por pudrir e non sair adiante”, indica o pementeiro, ó tempo que recorda que hai dúas tempadas no momento do transplante a terra estaba aínda moi húmida e algunhas das plantas resentíronse.

Venda á hostalaría

En Pementos Carmucha, pese a que agora están máis centrados na venta á hostalería e tendas gourmet ou pequenas froiterías, no canto dos mercados, seguen encargándose eles mesmos de boa parte das entregas. “Na zona de Santiago, Sanxenxo e Pontevedra facemos nós a entrega dos pementos”, concreta. Ó resto de Galicia e algúns puntos en Asturias envían a mercadoría por transporte, aínda que puntualmente, se algún dos seus clientes se queda sen provisións tamén se acercan a levarlle subministros.
“Queremos que os nosos clientes teñan sempre pemento fresco e de calidade”
“Queremos que os nosos clientes teñan sempre pemento fresco e de calidade. Así é que se un restaurante nos pide 300 quilos de pementos á semana, non llos distribuímos todos nunha entrega, aínda que puidéramos facelo, preferimos levarlle tres veces pementos para que os vaian tendo frescos e poidan servir Pemento de Herbón de calidade”, reivindica o pementeiro. Trala recollida diaria seleccionan, clasifican e embolsan os pementos para distribuir en restaurantes e pequenas tendas. Ó ter boa parte da súa produción orientada á hostalería, este ano tamén están a sufrir tanto o parón de actividade no estado de alarma, como a baixa demanda destes meses polas restricións sanitarias da crise do coronavirus. “Este ano as vendas están sendo moito menores ó haber menos turistas”, explica. Ante a incertidume desta campaña xa optaron por reducir a superficie plantada. No canto de contar cos 8.000 metros cadrados doutros anos, teñen plantada unha superficie duns 6.500 metros cadrados.

Novos produtos

Co gaio de prolongar as vendas máis alá dos seis meses –do 1 de maio ó 31 de outubro- que están autorizados baixo a Denominación de Orixe Pementos de Herbón, José Manuel apostou nos últimos anos por outros produtos elaborados a base de pementos de Herbón. “Gústanos innovar e probar novas elaboracións cos nosos pementos”, indica o productor. Nos últimos anos comezaron a elaborar tanto confeituras como pementón verde a base das súas hortalizas. Hai 5 anos sacaron ó mercado os seus pementos confeitados, unha preparación pensada como acompañamento de carnes e peixes ou como aperitivo. “En Galicia está costando abrir mercado, porque a xente asocia a confeitura ó almorzo, e a algo doce, mentres noutros países este tipo de elaboracións son moi demandadas”, recoñece. Porén, o produto está a gustar entre os cociñeiros profesionais, que conseguen deste xeito ter nos seus platos o sabor do pemento de Herbón fóra da tempada. Polo momento, teñen unha produción duns 4.500 botes de confeitura, en diferentes tamaños.
Comercializan pementos confeitados e pementón verde que eles mesmos elaboran
Outro dos produtos que elaboran é o pementón verde de Herbón, tanto doce como picante, que a diferenza do popular pementón doutras zonas de España, cunha característica cor vermella, este realízase cos pementos en verde, o que lle confire esa cor. “É moi laborioso, xa que para elaborar un 1 quilo de pementón precísanse 70 quilos de pemento e hai que facelo, ó igual que a confeitura o propio día no que se preparan os pementos, porque unha vez que se cortan oxídanse moi rapidamente”, concreta José Manuel. Ó elaborar o pementón co pemento en verde permite que o sabor e a textura do pemento de Herbón quede concentrada. A queixería Lácteos de Friol incorporou o pementón verde a un dos seus queixos. Ademais de comercializar de forma directa o pementón verde dende hai 2 anos, tamén está presente noutras elaboracións como o queixo cremoso de Casa Zolle, de Lácteos de Friol. Nestes meses tamén están a piques de cerrar un acordo cun dos principais produtores de tortas de casar para elaborar unha que inclúa o seu pementón verde.

Galicia calidade, un recoñecemento ó seu esforzo

Este ano, Pementos Carmucha acaba de conseguir o selo Galicia Calidade tanto para os seus pementos como para as confeituras. “Como o pementón só hai dous anos que o comezamos a comercializar, aínda non podíamos optar ó selo, pero agardamos que axiña o poidamos tramitar”, explica o produtor. “Lograr o selo de Galicia Calidade para nós foi un premio a anos apostando pola calidade na nosa produción”, afirma o produtor.
“Lograr o selo de Galicia Calidade para nós foi un premio a anos apostando pola calidade na nosa produción”
Dispor deste selo é unha garantía máis para os consumidores de que están a mercar un produto procedente de Galicia o que, no caso dos pementos de Herbón, pese a levar anos reivindicándoo mediante a DO, segue a ser moi necesario. “Aínda nos fai moito dano todo ese pemento que se vende como de Padrón, que é semellante ó que producimos en Herbón, pero que non ten o sabor, a textura e a calidade do que conseguimos aquí”, explica. Os pementos que compiten co pemento de Herbón proceden principalmente do campo murciano, de Marrocos ou de Póvoa de Varcím (Portugal) e comercialízanos como pementos de Padrón. Esta denominación fora rexistrada por un viveiro do sur de España para comercializar a planta, o que obrigou ós produtores galegos a buscar a diferenciación mediante a Denominación de Orixe Pementos de Herbón. “O problema é que estes pementos báixannos os prezos, xa que os producen todo o ano, cando nós só estamos 6 meses. Así é que cando os nosos primeiros pementos chegan ó mercado xa atopamos con que hai pementos que se vende a 1,5 euros o quilo”, detalla o produtor.

Xa se poden comercializar as variedades galegas de pemento Couto Grande e Piñeira

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica hoxe a inscrición definitiva das variedades galegas de pemento Couto Grande e Piñeira no Rexistro de Variedades Comerciais como variedades de conservación. Así, a partir de agora poderanse producir e comercializar as súas sementes, tras anos de trámites. Ambas variedades caracterízanse por seren pementos de carne media-grosa, de sección case cadrada e de cor verde escura. No caso do Couto Grande, consómese en verde ou maduro, e na variedade Piñeira adoita consumirse en verde, sendo esta última unha variedade moi adaptada para o cultivo ao aire libre en zonas costeiras. Esta inscrición obtense unha vez cumpridos todos os trámites establecidos nos regulamentos xerais e regulamentos técnicos de inscrición de variedades. Para elo, o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) da Consellería do Medio Rural, vén desenvolvendo traballos dende o ano 2008, no caso da variedade Couto Grande, e dende o ano 2005, no da variedade Piñeira. Todo co obxectivo de evidenciar as súas características propias e diferenciadas doutras variedades autóctonas de pemento. Dende o ano 2012, a Consellería do Medio Rural rexistrou máis dun cento de castes autóctonas de variedades vexetais, a través dos seus centros de investigación. Na actualidade son máis de 50 as variedades en estudo ou en proceso de rexistro sobre as que se están facendo estudos e traballos de investigación coa finalidade de poñer a disposición do sector produtos diferenciados con características propias que poñan en valor as variedades tradicionais da nosa comunidade. O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo é o encargado da coordinación, dirección, custodia, conservación e posta en valor do Banco de Recursos Fitoxenéticos Agrarios da Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolve as súas actividades de investigación e transferencia especialmente nas liñas autóctonas de variedades hortícolas, cereais de inverno, millo, froiteiras e especies forraxeiras.

Abono orgánico na horta, vantaxes e boas prácticas

Que beneficios ten un abono orgánico na agricultura? Resulta complicado comparar a súa eficacia coa dun fertilizante mineral, pois o abono orgánico, ademais da aportación de nutrientes, ten uns efectos positivos sobre as propiedades do solo. A comparación de rendementos preséntase, sen embargo, como a mellor vía para coñecer o valor dun abono orgánico. Vexamos como se comporta un abono elaborado con esterco de polo en cultivos de leituga e pemento. Unha investigación feita en Galicia por Francisco Antonio Cabaleiro (Escola Politécnica de Lugo, Universidade de Santiago) comparou o resultado do abono Biof (Aviporto), feito con esterco de polo deshidratado e granulado, con distintos abonados minerais. A súa conclusión é que o fertilizante orgánico demostrou resultados equivalentes ou superiores ós abonos minerais no cultivo do pemento e en dous ciclos sucesivos de leituga.
Unha vantaxe do abono orgánico é que os seus nutrientes se mineralizan progresivamente, de xeito que a planta dispón deles segundo os vai necesitando
Unha das vantaxes que amosou nos ensaios o abono de Aviporto (Portomarín, Lugo) é que a súa materia orgánica e os nutrientes que contén (N, P, K, calcio, magnesio, etc.) mineralízanse progresivamente, é dicir, libéranse gradualmente, de xeito que a planta disporá dos nutrientes segundo os vaia necesitando. Ese efecto é de especial interese en cultivos de ciclo longo, coma o pemento, que se alonga ata 9 meses. En ciclos curtos, como o da leituga, o abono orgánico xera un efecto residual que pode ser aproveitado nun segundo ciclo de cultivo, comportándose ó xeito dun fertilizante químico de liberación lenta. Outro beneficio claro radica na aportación de materia orgánica ao solo, o que mellora a súa estrutura, propiedades físicas e biolóxicas e capacidade de retención de auga. Cultivo de leituga. / Arquivo.

Abonado en leituga

A leituga é un cultivo cunhas necesidades por ciclo que oscilan entre 80 e 160 Kg. de nitróxeno por hectárea. O ensaio de aplicación de abonos en leituga, realizado en invernadoiro en Lugo no marco da tese de Francisco Antonio Cabaleiro (Escola Politécnica de Lugo, 2013), fíxose comparando cinco doses distintas do abono orgánico Biof (60, 80, 120, 240 e 360 Kg. de nitróxeno por hectárea) con dous fertilizantes minerais, un nitrato amónico (120 kg. N. / hectárea) e un fertilizante de liberación lenta (120 kg. N. / hectárea). Tanto co abono mineral como co abono orgánico realizouse unha labor pouco profunda para incorporalo ó solo e despois os bancais cubríronse con plástico negro de polietileno para evitar a aparición de malas herbas. A investigación desenvolveu dous ensaiois, un primeiro iniciado en outubro, con dous ciclos de cultivo sucesivos de leituga, mantendo un descanso dun mes entre ambos, e outro en primavera, tamén con dous ciclos consecutivos. Ensaios de outono-inverno Os ensaios de outono inverno compararon catro doses de abono orgánico (60-80-120-240 kg. N/hectárea) co nitrato amónico (120 kg. N./hectárea). No primeiro ciclo de outono, o abono orgánico á dose máis baixa e o abono mineral obtiveron leitugas de peso semellante (230-240 gramos unidade), en tanto as tres doses con maior aportación de abono orgánico obtiveron os rendementos superiores. No segundo ciclo de cultivo de outono-inverno, froito do efecto residual do abono orgánico, as tres doses máis altas de abono orgánico deron lugar a altas porcentaxes de leitugas con peso comercial, superior a 100 gramos, en tanto o abono mineral quedouse en leitugas do entorno de 50 gramos. O efecto do abono orgánico no segundo ciclo foi entre un 69 e un 200% superior ó abono mineral. Ensaios en primavera Os ensaios de primavera compararon tres doses de abono orgánico (120-240-360 kg. N/hectárea) co nitrato amónico (120 kg. N./hectárea) e cun fertilizante de liberación lenta (Nitrofoska Stabil, 120 kg. N. / hectárea). No primeiro ciclo, os maiores rendementos corresponderon ó fertilizante de liberación lenta, seguido dos abonados coas dúas doses máis altas do abono orgánico Biof. No segundo ciclo, evidenciouse o efecto residual de todos os fertilizantes, en comparación cunha parcela control sen abonado, pero o resultado do abono orgánico foi superior ó fertilizante de liberación lenta entre un 18 e un 34%, segundo a dose. Tamén mellorou en máis dun 97% ó nitrato amónico. O autor da tese sinala que no primeiro ciclo de primavera, as tres doses de abono orgánico obtiveron resultados semellantes, probablemente porque precisábase de máis tempo antes do cultivo para que os nutrientes do abono se fosen mineralizando, quedando a disposición das plantas. No segundo ciclo, sen embargo, evidenciouse de xeito claro que o peso da leituga aumentaba co incremento do abonado orgánico. Conclusións Tanto en cultivos en condicións climáticas desfavorables (outono-inverno) como en mellores condicións (primavera), o abono orgánico garantizou a produción de leituga en calquera das doses aplicadas do mesmo xeito que o abono mineral. Resulta, por tanto, competitivo cos abonos minerais nun primeiro ciclo e claramente superior nun segundo ciclo do cultivo, nos que mantén un efecto maior.
En cultivo de leituga, unha dose de abono orgánico de 120 kg. N / hectárea foi suficiente para obter producións superiores ós fertilizantes minerais
En canto ás recomendacións de abonado, a tese conclúe que unha dose de 120 kg. N. / hectárea do abono orgánico Biof é suficiente para obter producións superiores ás que se logran co abono mineral convencional (nitrato amónico) e, en conxunto, similares ás obtidas con fertilizantes de liberación lenta. A tese doutoral analizou tamén posibles efectos secundarios dos abonados, como a acumulación de metais no chan, concluíndo que no periodo analizado, de 8 meses, non se detectou ningún risco coa aplicación do abono orgánico Biof.

Abonado en pemento

Outro dos ensaios realizados no marco da tese doutoral foi con pemento tipo Lamuyo, un cultivo de ciclo longo que se estableceu de abril a xaneiro do ano seguinte, comparándose distintas doses do abono orgánico Biof (60-120 kg. N. / hectárea) cun fertilizante de liberación lenta, Nitrofoska Stábil, aplicado a 100 kg. N. / hectárea. En rendemento do cultivo, usando o abono orgánico á dose máis baixa (60 kg. N./hectárea), obtivéronse rendementos de igual calidade e categoría que os obtidos co fertilizante de liberación lenta. As maiores doses de abono orgánico aumentaron o rendemento produtivo, impoñéndose ós abonados minerais. A investigación avaliou tamén a calidade nutritiva do pemento, onde non houbo diferenzas significativas no contido de vitamina C, un dos elementos que máis destaca no pemento, pero o abonado con esterco de polo si aumentou os niveis en pemento de nutrientes como fósforo e zinc.

Esta fin de semana celébrase en Guntín a XVI Festa do Pemento de Mougán

Este fin de semana, 26 e 27 de agosto, celébrase no concello lucense de Guntín a XVI Festa do Pemento de Mougán. Este produto autóctono conta con Indicación Xeográfica Protexida e será exaltada nestas xornadas de promoción, organizadas pola Asociación de Produtores do Pemento de Mougán, e que contan cun apoio de 6.000 euros por parte da Deputación de Lugo. A XVI Festa do Pemento de Mougán arrancará o sábado 26 de agosto, a partires das 12:00 horas, coa actuación da banda municipal. Ás 13:30 será a lectura do pregón a cargo de José Manuel Balseiro, Delegado Territorial da Xunta. Logo será o momento da degustación gratuíta. Ao longo da tarde, haberá música a cargo da Charanga Malo Será e o grupo de acordeóns Gigantes, ademais da actuación do mago Romarín e dun campeonato de tute. Pola noite, estará a cantante do Incio Lucía Pérez e a orquestra Gran Pirámide. O domingo 27 tamén haberá xantar e actuacións musicais. Un produto de primeira calidade O pemento de Mougán conta co selo de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) dende o ano 2014. A súa zona xeográfica tradicional de produción e elaboración é, precisamente, o nome da parroquia de Mougán, no Concello de Guntín. Unha característica que os diferenza dos pemento de Ourense e de Padrón é o feito de que cando nacen estes fano cara arriba, ao contrario que os dos seus homólogos galegos.

Publican unha guía de “Variedades autóctonas de pementos de Galicia”

A Consellería do Medio Rural ven de publicar unha guía de “Variedades autóctonas de pementos de Galicia”. Este traballo, do que son autores Alfredo Taboada Arias, Antonio Rivera Martínez e Manuel Riveiro Leira, destaca a xa longa tradición de cultivo do pemento en Galicia, onde se comezou a cultivar a comezos do século XVII, cunha rápida adaptación ao noso clima e solo, polo que axiña se popularizou como unha hortaliza habitual na dieta galega. Froito deste éxito na súa adaptación, actualmente consérvanse 14 variedades autóctonas de pementos en Galicia, sendo a máis coñecida o Padrón, pero tamén o Arnoia, do Couto ou de Mougán, repartidos por toda a xeografía galega. Neste sentido, esta guía ofrece unhas fichas descriptivas de cada unha das catorce variedades de pementos tradicionais de Galicia, nas que aparecen co nome, o lugar de onde é orixinario e a súa situación nun mapa de Galicia, ademais das fotos dos pementos verdes e maduros, dos cortes lonxitudinal e transversal e da folla. Tamén se detallan dentro de cada ficha os datos agronómicos (rendemento), morfolóxicos (forma e sección lonxitudinal e transversal, forma do ápice, tipo de pel, peso, lonxitude, anchura e grosor da carne), fisicoquímicos (presenza ou ausencia de capsaicina) e o xeito habitual de consumo. Esta guía divulgativa foi elaborada a partir dos traballos feitos coas distintas variedades tradicionais galegas polos investigadores da sección de horta do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña) e da Estación Experimental Agrícola do Baixo Miño en Salceda de Caselas (Pontevedra), adscritos á Consellería do Medio Rural. Descarga aquí a guía de “Variedades autóctonas de pementos de Galicia”

Pemento de Herbón, o auténtico pemento de Padrón

O mercado do pemento é confuso para o consumidor. Nos supermercados hai unha gran oferta de pementos tipo Padrón que na súa maioría nin son da localidade de Padrón nin teñen as cualidades do produto alí cultivado. Gran parte dos pementos de variedade Padrón que chegan ós puntos de venda incluso son producidos fóra de Galicia e, nalgúns casos, en Marrocos. Desde a Sat A Pementeira, que agrupa a 19 agricultoras de Herbón, levan 8 anos de traballo tratando de poñer en valor o “auténtico pemento de Padrón”, un esforzo para o que resulta clave a Denominación de Orixe 'Pemento de Herbón'. De cara ó mercado de fóra de Galicia, contan tamén co reforzo do selo Galicia Calidade. A presidenta da Sat A Pementeira, Milagros González, incide na importancia de dar a coñecer as características diferenciais do Pemento de Herbón. “Levamos tempo no mercado, pero aínda nos atopamos con que hai moita xente que descoñece as nosas particularidades. Hai consumidores que pensan que distribuímos pemento de Herbón todo o ano, cando a nosa campaña vai de maio a outubro. O resto do ano non temos pementos”, explica. Elementos diferenciais O pemento de Herbón distínguese no mercado polas bolsas que identifican a súa pertenencia á denominación de orixe Pemento de Herbón. O seu prezo adoita ser lixeiramente máis alto que o dos pementos convencionais, unha diferencia que desde A Pementeira xustifican na calidade. “O sabor do pemento de Herbón é inconfundible. As persoas que entenden de pementos aprecian o noso produto”, destaca Milagros González. Bolsa de Pementos de Herbón. “Se o noso pemento é máis caro, por algo é”, engade. “Producir aquí pementos son moitas horas de traballo. Seguimos uns coidados de cultivo de acordo coa normativa da Denominación de Orixe e garantimos un produto de elevada calidade, que cumpre cos controis da Denominación e de Galicia Calidade”, sinala. As produtoras están tamén a traballar, en colaboración co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, para diferenciar xeneticamente as plantas que empregan, que foron pasando de xeración en xeración, co obxectivo de poder distinguilas das plantas da variedade Padrón que se venden en viveiros. Mercado Boa parte do mercado do pemento de Herbón atópase en Galicia, se ben o produto tamén ten distribución fóra da comunidade en supermercados da zona norte de España (Carrefour e Gadis) e, a maiores, a demanda por venda online é crecente. Os selos da Denominación de Orixe Pemento de Herbón e de Galicia Calidade xogan un importante papel na defensa do produto no mercado. “Desde un comezo, démonos de conta de que o selo Galicia Calidade era importante, non só á hora de identificar o valor do noso pemento, senón porque supón unha axuda importante de promoción”, valora Milagros González.

Marmelada doce e picante

A Sat A Pementeira está a lanzar este ano ó mercado a súa marmelada de pemento, que elabora en variedades doce e picante. “Nós sabemos que pementos pican e cales non, polo que escollemos os que non pican para a marmelada doce e os outros para a picante. No caso da marmelada picante, podemos ademais elaborar produto con diferente gradación de picor, ben suave ou forte”, explica a presidenta da sociedade. O produto, que se comezou a dar a coñecer en certames gastronómicos o pasado ano, elabórase de xeito artesanal na nave de procesado da Pementeira. Polo de agora, a súa distribución concéntrase en establecementos gourmet e tradicionais, así como a través da venda online por internet.

Constituído o Consello Regulador da IXP Pemento de Mougán

A directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, presidiu este mércores o acto de constitución do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Mougán. Esta reunión tivo lugar trala aprobación do Regulamento da IXP, publicado no DOG o pasado día 8 de xuño. Neste encontro os representantes da Consellería do Medio Rural e do Mar realizaron unha breve explicación do camiño percorrido ata o momento para a certificación deste produto, así como da normativa de aplicación para o funcionamento do Consello Regulador e dos apoios cos que van contar, tanto dende a Consellería como dende o Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal), para o fomento e promoción do pemento. Nesta liña foi tamén a intervención dun representante do Ingacal, como organismo encargado da certificación da produción e da prestación de servizos de apoio, quen explicou aos produtores interesados que deben facer se desexan inscribirse. Pemento de Mougán O ámbito xeográfico da IXP Pemento de Mougán comprende a totalidade do territorio do concello lugués de Guntín. O nome da denominación “Mougán” é o do topónimo desta parroquia, dende onde partían no transporte público os pementos destinados ao mercado da capital. A inscrición do produto como indicación xeográfica protexida baséase tanto nas súas características específicas ligadas ao territorio -por tratarse dun ecotipo de pemento adaptado ás condicións desta área- como pola súa reputación, fundamentalmente recoñecida no ámbito da Comunidade. Os pementos amparados por esta IXP son os froitos da especie Capsicum annuum L., do ecotipo local recoñecido polo nome de pementos de Mougán. As plantas son de consistencia hebácea, moi ramificadas, porte medio (acadan entre 50 e 90 cm ao aire libre e entre 60 e 120 cm en estruturas baixo cuberta) e de ciclo semi-precoz, con follas pequenas, lanceoladas e de elevada floración con froitos normalmente colgantes. Os froitos destinados á comercialización teñen un peso de entre 6 e 15 gramos por unidade e unha lonxitude de entre 3 e 6,5 cm, cunha pel de cor verde escura brillante. Na cata presentan unha carne de textura fina e substanciosa, de sabor doce, lixeiramente herbáceo e ás veces picante, con aroma de intensidade moderada.