Archives

O Goberno analizará o contido en carbono dos solos agrícolas para avaliar se se cumpren os obxectivos da PAC

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación analizará o contido de carbono nos solos agrícolas do territorio español para determinar a súa capacidade de secuestro, e establecer as bases do futuro sistema de certificación de créditos, cuxa nova lexislación foi presentada pola Comisión Europea. Os traballos prolongaranse, na súa primeira fase, até marzo de 2024. O contido en carbono nos solos en España é o máis baixo de Europa, especialmente nas rexións do centro e sur, e non tanto en Galicia e na Cornixa Cantábrica. Recoñecer as súas características e parámetros é importante para contribuír ao futuro desenvolvemento da actividade agraria. As análises permitirán coñecer a súa fertilidade, a súa capacidade de retención de auga, e favorecerán a loita contra o cambio climático. O ministerio ampliou o ámbito da Enquisa de Superficies e Rendementos de Cultivo de España (ESYRCE) co fin de darlle máis valor engadido, pois xa non só terá información sobre rendementos e superficies, senón que incorporará datos de calidade do chan. Esta enquisa proporciona información precisa sobre as superficies cultivadas en España, os rendementos obtidos, e variables descritivas da actividade agraria como as técnicas de manexo do solo ou a tipoloxía de rega coa que se conta, para comparar os rendementos por cultivos e zonas. Agora, ademais, permitirá coñecer o contido en carbono dos chans, e incorporará a información á ferramenta dixital. Debido ao amplo tamaño de mostras desta enquisa, analizaranse cada dous anos os solos de 16.000 leiras agrícolas repartidas por todo o territorio. Esta mostra permitirá ter datos significativos e robustos para todas as rexións, usos do chan ou técnicas de manexo deste, entre outros. Ademais, ao estar incluída en ESYRCE permitirá coñecer aspectos como a relación entre técnicas de manexo da terra, contido en carbono e rendementos obtidos.

Avaliar a efectividade dos ecoesquemas da nova PAC

Con iso, o proxecto ten como obxectivo avaliar se as novas prácticas agrícolas e gandeiras como a agricultura de conservación, as cubertas vexetais nos cultivos, as rotacións con especies mellorantes ou o pastoreo extensivo, contribúen a mellorar o contido en carbono dos solos agrícolas, e a reducir a erosión e mellorar a súa fertilidade. Desde o Ministerio de Agricultura destacan que “os traballos proporcionarán unha información moi valiosa para todos os agricultores no exercicio da súa actividade nun ámbito tan importante como é a agricultura de carbono. Por iso, a finalidade dos traballos que agora se inician non é só proporcionar a fotografía máis completa que se poida ter sobre o estado actual dos solos agrícolas, senón repetilos cada dous anos para analizar a súa evolución”. O operativo de recollida de mostras involucra a máis de 200 axentes de campo especialistas. Os agricultores cuxas parcelas vaian ser mostreadas recibirán nos próximos días unha notificación informativa sobre os traballos, por se queren acudir durante os mesmos. A toma de mostras non ocasionará ningunha molestia nin afección á actividade, dado o pequeno volume de terra que se extrae (ao redor de 1,5 kg de terra por parcela). Os agricultores recibirán gratuitamente os resultados correspondentes ás súas parcelas. O proxecto forma parte dos traballos de avaliación dos resultados da aplicación da nova Política Agraria Común (PAC), que comezou a aplicarse este ano.

Xornada o vindeiro martes no CIAM sobre como mellorar a sustentabilidade medioambiental das gandarías de vacún de leite

O vindeiro martes, 19 de setembro, celebrarase no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) unha xornada sobre como mellorar a sustentabilidade económica e ambiental das gandarías de vacún de leite. A xornada enmárcase dentro do proxecto Climate Neutral Farms, da Axenda H2020, un proxecto europeo no que participan gandarías e industrias lácteas da Unión Europea e que en España ten como socio á Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL). O obxectivo deClimate Neutral Farms é buscar solucións a nivel local para lograr que as granxas de vacún de leite sexan climáticamente neutras; é dicir, cun balance 0 de emisións de gases de efecto invernadoiro, á vez que se busca mellorar o seu resiliencia ou capacidade de adaptación ao cambio climático. A asistencia á xornada é gratuíta previa inscrición enviando un correo a ciam.cmr@xunta.gal Este é o programa: 10:30 "Perspectivas da produción de leite en Nova Zelandia baixo as novas restricións ambientais". Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria en a Escola Politécnica Superior do campus de Lugo (USC). 11:45 "Aplicación e resultados do progama Bas Carbone en Francia". Solenn Challali, técnica do Institut de l´*Élévage (IDELE) de Francia. 13:00 "Proxecto Climate Neutral Farms". César Resch/Adrián Botana, investigadores do CIAM: · Resultados e accións levadas a cabo en ClieNFarms no ano 2022 · Ensaio con aceites esenciais para a redución da emisión de gases entéricos en vacún de leite · A produción de leite e as emisións de gases efecto invernadoiro

EcoComedores, un novo proxecto para impulsar o consumo de produtos locais de Galicia nos comedores escolares

O próximo mes de febreiro comeza o programa EcoComedores, un proxecto que se pon en marcha da man de 11 Grupos de Desenvolvemento Rural, Gadisa e a Axencia Galega de Servizos Sociais e que se presentará nas próximas semanas. Desta forma, os grupos de desenvolvemento rural buscan impulsar a incorporación de centros educativos nesta rede de EcoComedores coa finalidade de introducir nos seus menús os produtos locais, ecolóxicos e de tempada dos produtores locais de cada territorio. Así, durante o tempo que dura o proxecto, porase á disposición da comunidade escolar durante o curso 2022-2023 un equipo de nutrición para revisar os menús de cada centro participante, para poder analizar as necesidades e cambios que sería necesario aplicar para elaborar menús saudables, con produto local, sen que supoña un incremento económico da partida alimentaria. Ademáis de crear espazos de colaboración e comercialización para pequenos produtores, con este proxecto tamén se promocionarán os productos locais, fomentando o consumo en circuitos curtos diminuindo a pegada ecolóxica da alimentación, ao tempo que se dinamizará a economía local, fortalecendo a capacidade de producción de pequenos produtores, xeralmente novos emprendedores.

Participantes

Os Grupos de Desenvolvemeto Rural que participan no proxecto son a asociación Mariñas-Betanzos, asociación Seitura22, asociación Ulla-Tambre-Mandeo, asociación Terras de Miranda, asociación Terra Chá, asociación Comarcas de Lugo, asociación Montes e Vales Orientais, asociación Limia Arnoia, asociación Miño-Ulla, asociación Condado-Paradanta, e a asociación Galicia Suroeste Eu-Rural. A cooperación entre Grupos de Desenvolvemento Rural demostrou ser unha canle moi efectiva para o intercambio e transferencia de experiencias ao mesmo xeito que permite poñer en marcha actividades colaborativas de éxito en determinados territorios. Desta maneira, búscase dar resposta a problemáticas comúns e fomentar a transferencia de coñecemento e innovación dando un valor engadido aos comedores escolares e aos pequenos produtores locais.

Reducir a pegada ambiental das granxas, un dos retos da nova PAC

A nova Política Agraria Común (PAC) ten entre os seus obxectivos principais reducir a pegada ambiental das granxas, tanto no referente a emisións de gases de efecto invernadoiro como no relativo á conservación da biodiversidade. Falamos cun técnico e un gandeiro en ecolóxico sobre estas cuestións.

Estratexias para reducir os gases de efecto invernadoiro a nivel de granxa

Gregorio Salcedo é investigador do CIFP La Granja de Cantabria As emisións de gases de efecto invernadoiro que xera o sector produtor de leite en Galicia representan só un terzo das que provocan os incendios forestais, pero o foco social está cada vez máis centrado na actividade gandeira. Isto obriga ás granxas a empezar a ter en conta índices de contaminación e a adoptar medidas correctoras para baixalos. “Ata o de agora mediamos a eficiencia desde o punto de vista da produción animal ou vexetal, pero hoxe en día cando falamos de eficiencia temos que ter en conta tamén os índices ambientais”, afirma Gregorio Salcedo, investigador do CIFP La Granja de Cantabria, centrado desde o 2006 en aspectos como a pegada de carbono.
Ata o momento mediamos a eficiencia desde o punto de vista da produción, pero agora debemos ter en conta tamén os índices ambientais
Dentro dun proxecto levado a cabo polo INIA estudáronse 54 explotacións da cornixa cantábrica, desde Galicia ata Navarra, distribuídas en 5 categorías: ecolóxico, pastoreo convencional, ensilado de herba, ensilado de millo e ensilaxe de herba e millo. En función de como expresemos a pegada de carbono (por litro de leite, por UGM ou por hectárea) saen mellor ou peor paradas os distintos tipos de explotacións. Segundo os resultados do estudo e expresada por litro de leite, a pegada de carbono para unha explotación ecolóxica é de 1,30 quilos de CO2; 1,15 en caso de ganderías con sistema de pastoreo convencional; 1,01 para alimentación con silo de millo e de herba; 1,12 só con silo de herba; 0,97 para as explotacións baseadas exclusivamente en silo de millo. “O millo é un alimento que reduce o metano bastante, pero ao mesmo tempo necesita insumos para producilo”, indica Gregorio.

Balance de entradas e saídas

A pegada de carbono é un indicador de conxunto que cuantifica as emisións dos tres principais gases de efecto invernadoiro: dióxido de carbono (CO2), metano (CH4) e óxido nitroso (N2O). Nunha granxa, o consumo de enerxía fósil é unha das principais fontes de CO2, o CH4 procede principalmente da fermentación entérica dos ruminantes e o N2O dos fertilizantes e o manexo do xurro. Exprésanse en quilos de CO2 equivalentes, de forma que un quilo de metano equivale a 28 de CO2 e un de óxido nitroso a 298 kg de CO2.
A compra de alimentos representa o 20% da pegada de carbono para as explotacións da cornixa cantábrica
A gandería, do mesmo xeito que outras actividades, consome recursos naturais e xera gases de efecto invernadoiro. Pero ao mesmo tempo, tamén achega á sociedade servizos ecosistémicos, como paisaxe e biodiversidade, ademais de secuestro de carbono. “Este aspecto é moi importante para os ecoesquemas da PAC”, destaca Gregorio, que participou nas últimas Xornadas organizadas por Africor en Lugo.
A medida que compramos máis forraxe e máis concentrado aumenta a emisión; a soia leva tras de si case 3 quilos de CO2 por litro de leite
Os resultados indican que a emisión de metano entérico representa o 43,1% do total de gases de efecto invernadoiro das 54 granxas estudadas; o manexo do xurro o 20,4%; a compra de insumos para alimentación animal o 19,6%; o uso da enerxía o 11,1%; os fertilizantes o 4,1%; e os consumibles (plásticos, medicamentos, etc) o 1,75%. “Este tipo de medicións serve para comparar explotacións e para analizar globalmente as tendencias nos procesos de produción”, afirma Gregorio. “Ao final, onde o gandeiro pode actuar é no manexo do xurro e nos alimentos, que representan o 40% da pegada de carbono das explotacións”, indica.

Como reducir o metano entérico e o óxido nitroso?

Un aumento da dixestibilidade das forraxes contribúe cunha maior porcentaxe de ácido propiónico, que actúa como sumidoiro de carbono reducindo a formación de metano. Tamén axuda substituír parte da ensilaxe de herba por ensilaxe de millo e optar polo pastoreo, porque a proteína que ten o pasto é moito maior á da ensilaxe. O procesado do gran aumenta a súa dixestibilidade e reduce a emisión de metano. En canto á fibra, é necesaria para favorecer a rumia, “pero sen pasarse”, para evitar tamén a formación de metano, indica Gregorio.
É recomendable axustar a proteína bruta da ración ás necesidades produtivas, evitando a súa excreción en forma de urea
En canto á formación do óxido nitroso, practicamente todo vén da fertilización, tanto orgánica como inorgánica, así como dos restos das colleitas. “Canta menos proteína coma a vaca, menos emisión de óxido nitroso vai ter e canto máis pastoreo, mellor pola filtración propia dos ouriños, que reduce a actividade da ureasa”, explica. Do mesmo xeito, tamén se debe restrinxir o pastoreo en condicións de anoxia, así como a aplicación de xurro. Axustar a dose de abonado ás necesidades do cultivo e utilizar fertilizantes que inhiban a actividade da ureasa é tamén recomendable.
Cultivar a herba pola tarde aumenta os azucres, reduce a excreción de nitróxeno e as perdas de amoníaco e óxido nitroso
As suxerencias para mitigar a emisión de óxido nitroso pasan tamén pola incorporación de leguminosas, porque teñen maior dixestibilidade e requiren de menor fertilización. “A dieta modifica a composición química do xurro e a emisión de gases de efecto invernadoiro durante o almacenamento e posterior aplicación, polo que aportar proteínas axustadas ás necesidades da vaca reduce o amoníaco e a posterior emisión de óxido nitroso no esterco”, indica.

Manexo do rabaño

“Seleccionar animais con alta eficiencia alimenticia reduce o metano e creo que é algo que se debería incluír nos programas de selección xenética”, defende Gregorio. O aumento da produtividade animal por unidade de produto (litros de leite ou quilos de carne por materia seca inxerida), así como a redución da taxa de reposición, melloran a pegada de carbono da granxa. Reducir os animais improductivos e aumentar a súa vida útil; mellorar a detección de celos e establecer límites mínimos de produtividade na explotación serían outras das estratexias para adoptar.
Por cada litro de máis que consumimos de gasóleo estamos a emitir entre 76 e 96 quilos de CO2
A nivel de alimentación, reducir a compra de forraxes externas mediante melloras nutricionais das forraxes propias, non esperando á madurez para o seu aproveitamento, debido a que desta forma requirirán maior achega de concentrado, e aumentar a superficie por UGM serían estratexias a adoptar. “Deben adoptarse aquelas medidas que mellor se adapten a cada explotación, porque todo é imposible”, indica Gregorio.

Comparación con outros países

Os datos por comunidades autónomas do estudo do INIA do ano 2015 reflicten unha pegada de carbono media en Asturias de 1,05 quilos de C02 por litro de leite; 1,06 no caso de Galicia; 1,10 en Navarra e 1,31 en Cantabria. “Comparados co resto de países do mundo non estamos tan mal nin somos tan malos produtores, aínda que os datos son mellorables e hai prácticas que convén modificar”, asegura Gregorio. Os datos a nivel internacional nas principais zonas produtoras de leite do mundo varían en función do sistema de produción. Países como Nova Zelandia, Irlanda ou Uruguai, que basean a produción de leite no pastoreo, manteñen niveis que van desde 0,81 a 1,19; mentres países máis intensivos, como EEUU, sitúanse en 0,92 debido á maior produción por vaca.

Relación directa entre eficiencia medioambiental e rendibilidade económica

O obxectivo final das recomendacións que Gregorio Salcedo realiza é implantar estratexias potenciais de mitigación dos gases de efecto invernadoiro a nivel de granxa que contribúan ao mesmo tempo a mellorar a economía das explotacións de produción de leite. “Ao final as emisións imos convertelas en euros, porque o nivel de emisións está tamén relacionado cos resultados económicos da granxa. Por cada quilo de CO2 que emiten as vacas os custos aumentan 0,114 €/quilo”, asegura, en base a un estudo de 173 ganderías de Cantabria realizado no ano 2018 que correlaciona claramente pegada de carbono e custo de produción.
Facemos moi bo leite pero hai moito que mellorar no proceso
“Hai unha relación bastante directa entre o metano e a eficiencia de utilización do nitróxeno recuperado en leite. Canto máis metano se produce por litro de leite, menor eficiencia”, indica Gregorio, que con todo asegura que “o metano sería parte da solución, non un problema, porque é un gas de vida curta (10-12 anos de permanencia na atmosfera) que por medio de reaccións oxidativas convértese en CO2, capturado despois polas plantas a través da fotosíntese e inxerido de novo pola vaca en forma de carbono”. Principais recomendacións

Como se traballa no campo para reducir a pegada ambiental das granxas?

A Unión Europea márcase o obxectivo, dentro da súa estratexia do Pacto Verde Europeo, de lograr no 2050 unha Europa climaticamente neutra, é dicir que non emita CO2, en todos os sectores, entre eles a produción de alimentos.

A nova Política Agraria Común (PAC) que se aplicará entre 2023 e 2027 ten tamén presente estes desafíos e quere contribuir a apoiar a innovación no sector neste eido. As limitacións, e tamén as penalizacións, ás emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, uns dos principais gases causantes do cambio climático, van chegar á granxas, tanto de produción de leite como de carne.

A agricultura e gandería xogan un papel fundamental para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio da UE en 2050

A nova PAC mira cara ao pastoreo, non só por ser unha vía para lograr a redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono atmosférico no solo. A gandería extensiva, a agricultura de conservación (con sementeira directa), a rotación de cultivos e as cubertas vexetais son métodos para incrementar a captura de carbono.

O papel fundamental do asesoramento

Coa lupa da emisión de gases de efecto invernadoiro posta sobre o sector agrogandeiro, os produtores están a facer esforzos por reducir a pegada ambiental das súas explotacións, un camiño longo que se está a encetar en Galicia da man dos técnicos que asesoran ás granxas no seu día a día e que están chamados a ter un papel destacado na nova PAC.

O reforzamento dos AKIs, nomenclatura coa que a Política Agrícola Común designa todo o entramado de axuda externa ás explotacións, tanto de carácter público como privado, é precisamente un dos elementos novidosos para o novo periodo de axudas europeas que comeza no 2023.

O reforzamento dos AKIs é un dos elementos novidosos para o novo periodo de axudas europeas que comeza no 2023

Haberá fondos comunitarios para a posta en marcha dun sistema de asesoramento técnico profesional coma o que xa existe noutros países, como Irlanda, por medio do Teagasc. Do bo aproveitamento destes fondos dependerá en boa medida o avance na eficiencia e as boas prácticas medioambientais das granxas en lugares como Galicia.

Fondos da PAC para incentivar o cambio de modelo produtivo

Co obxectivo de avanzar nunha produción de alimentos máis respectuosa co medio ambiente e cara a unha agricultura e gandería que axuden a mitigar o quecemento global, a Unión Europea propúxose que a nova Política Agrícola Común, que estará en vigor no período 2023-2027, incentive determinadas prácticas beneficiosas co clima e a paisaxe, que serán definidas por cada Estado membro.

No caso español, a proposta de ecoesquemas, de adopción voluntaria por parte de agricultores e gandeiros, define 7 prácticas concretas que serán subvencionadas mediante axudas adicionais. Os ecoesquemas, tamén chamados eco-reximes, disporán dun orzamento anual de 1.107 millóns de €, equivalente ao 23% do orzamento das axudas directas.

O ecoesquema sobre pastoreo extensivo fomenta esta práctica sostible de xestión da terra e captura de carbono

Unha destas prácticas que se quere fomentar desde a PAC é o aumento da capacidade de sumidoiro de carbono dos pastos mediante o impulso ao pastoreo extensivo. As cubertas vexetais, a sementeira directa e a rotación de cultivos son outras das prácticas que se priman.

En concreto, o pastoreo pagarase en Galicia a 62,16€ por hectárea e a rotación de cultivos a 92,22€ por hectárea. A partir de 65 hectáreas de pastos e 30 hectáreas de cultivo cobrarase só o 70% do importe do ecoesquema. A carga gandeira deberá situarse entre 0,4 e 2 UGM por hectárea e deberá realizarse o pastoreo con animais propios durante un mínimo de 90 a 120 días ao ano.

Portugal é, xunto con Nova Zelandia, dos países produtores de leite no mundo con menor pegada de carbono

En Portugal, onde unha parte importante do leite se produce en base a pastoreo, caso por exemplo das Azores, a pegada de carbono sitúase en 0,89 quilos de CO2 por litro de leite, por debaixo dos niveis existentes en Galicia e dentro das recomendacións establecidas polo Panel Intergubernamental da ONU para o Cambio Climático, aínda que a crecente intensificación da produción láctea portuguesa nos últimos anos supón un risco tamén de incremento notable nas emisións.

Que é a pegada de carbono?  

Luis Cortiñas é asesor gandeiro e experto en xestión medioambiental, un campo no que leva máis de 15 anos traballando. “En si mesmo a pegada de carbono é a expresión dunha certa contaminación do aire. Mide a emisión de tres gases: CO2, metano e óxido nitroso. Pero a pegada ambiental dunha granxa, ademais da pegada de carbono, inclúe tamén a pegada hídrica e a afectación sobre a biodiversidade. A día de hoxe a pegada de carbono é quizais a máis solucionable pola tecnoloxía e o coñecemento, e para amañar a pegada de carbono non debemos derramar as outras dúas”, defende.

Ás veces por emitir menos metano podemos estar aumentando a emisión de óxido nitroso  

“Non vexo coherencia no que se está facendo, porque para amañar a pegada de carbono non podes cargarte as outras dúas, a pegada hídrica e a biodiversidade, nin podemos fomentar a liberación de óxido nitroso para reducir a de amoníaco, porque 1 quilo de óxido nitroso son 298 quilos equivalentes de CO2, non son os 25 do metano”, exemplifica.  

Non se están tendo en conta estas cousas, di, e existe un certo “tabú” á hora de falar da pegada de carbono das granxas. “O primeiro que hai que facer para poder mellorar é medir a realidade de partida, pero aquí este é un mundo que aínda está empezando”, asegura.

Un 40% de emisións por enriba das recomendacións da ONU

Luis realiza certificacións e auditorías e axuda ás granxas a mellorar neste eido. Recoñece que o sistema oficial de cálculo penaliza ás explotacións galegas, ao ter só en conta a pegada de carbono e non o uso dos recursos hídricos ou a xeración e mantemento da biodiversidade.

Somos unha potencia en materia hídrica e en biodiversidade pero oficialmente non se ten en conta

“Os datos que saen están a ser malos, de 1,4 kg de CO2 por litro de leite. A ONU asignounos un máximo de 1 e non se está a cumprir. Estamos un 40% por enriba do asignado polo Panel Intergubernamental da ONU para o Cambio Climático”, admite.

A nosa principal responsabilidade co planeta é producir comida, non capturar carbono

Luis é partidario de non obsesionarse con esas cifras, porque, di, “en Galicia estamos nun lugar no que se fas as cousas ben é doado estar por baixo de 1”. Ademais, defende, “secuestrar carbono hoxe é unha actividade industrial e non debemos obsesionarnos en competir con iso; a nosa principal responsabilidade co planeta é producir comida, non capturar carbono”.   

O cálculo que fai é que “coa produción de leite dunha hectárea deberiamos satisfacer a demanda de 32 persoas durante todo o ano, iso equivale a uns 6.500 litros por vaca. O que non chegue a ese nivel de produción non está a facer as cousas ben, por moi pouco carbono que emita”, argumenta.

Maior autosuficiencia alimentaria

Só por respirar unha vaca emite 2,3 toneladas de CO2, ao que habería que engadir as actividades asociadas de manexo e alimentación. Luis explica que “no que nós producimos temos boa pegada de carbono, pero temos tal dependencia dos insumos externos que é moi difícil reducir a pegada total da granxa”.

Un quilo de soia brasileira trae unha pegada de 3,70 kg de CO2

“O problema da soia non son os kilómetros, nin o é o flete; é a produción. A soia brasileira, que é a nosa gran fonte de subministro, ten unha pegada enorme, porque as terras da Amazonía son pobres e hai que abonar para producila. A soia producida en EEUU en boa terra, non ten esa pegada. Pero 1 kg de soia brasileira trae unha pegada de 3,70 kg de CO2, iso non o tes nun kilo de herba, por iso se eu uso 12 ou 13 kilos de materia seca de concentrado na ración, é moi difícil baixar de 1,40 kg de CO2 por litro de leite”, indica.

Do mesmo xeito, di, o millo é un cultivo emisor. “Estamos emitindo 300 kg de CO2 por hectárea de superficie de millo forraxeiro cultivada (70.000 en Galicia), cando no prado son 600 kg de captura anual por hectárea, unha captura natural en base á microbiota do chan”, detalla.

Unha hectárea de millo emite 300 kg de CO2, cando unha de prado captura 600 kg

Luis advirte que “a capacidade de desestocar é o dobre da que estoco” e chama a atención sobre determinadas prácticas prexudiciais, como deixar baleiras as terras do millo. “O manexo da terra non se fai moitas veces  con criterios agronómicos, senón mecánicos. Ao deixar a terra descuberta emito emisións pero, sobre todo, quedo sen terra. O dano que estamos facendo é brutal, porque estamos danando a estrutura do solo”, asegura.

Cambios na alimentación e o rabaño

Dentro do paquete de medidas a aplicar nunha gandería para reducir a pegada de carbono  é necesario traballar en distintos ámbitos. “Son cousas moi transversais e cada técnico no seu vai ter que aplicalo, pero polo xeral non hai un corpo técnico formado nestes aspectos”, di Luis, que asegura que “un terzo das accións teñen custo cero, é cuestión de cambiar hábitos, e noutro terzo o que gastas, recupéralo, é un investimento rendible”.

É necesaria formación técnica para mellorar o pastoreo e reducir a pegada de carbono

A primeira das medidas que propón é basear a produción de leite no prado para gañar autosuficiencia alimentaria. “Unha hectárea de prado permanente produce máis proteína que unha hectárea de soia”, asegura Luis, que defende que o prado debe producir, cando menos, 6,5 toneladas de materia seca ao ano, e que esta cantidade sexa a totalidade da fibra e o 90% da enerxía e a proteína que necesita a granxa (para 1,2 UGM).

Dado que para o cómputo como sumidoiro de carbono debe tratarse dunha pradeira de máis de 6 anos, é necesario traballar con resementeiras para reimplantar un tipo ou outro de herba en función da finca e o momento no que se vai pacer. “Ao prado están a pedírselle unhas funcións novas, de captura de carbono, que van máis aló de producir herba, e as sementes comerciais actuais non sabemos como se comportan nese longo prazo”, afirma.

Hai que adiantar a idade do primeiro parto e ir a vacas que duren máis anos producindo no establo

O seguinte paso sería manexar ben o pastoreo, para o que di, é necesaria formación técnica. “Hai que levar un control do que come a vaca, porque se non pace o suficiente hai que ir a suplementar no pesebre”, explica. Neste sentido, valora o feito de que se baixaran dous puntos o valor da proteína bruta nas dietas de leite, optimizando deste xeito a parte nitroxenada da ración. A inclusión de aceites esenciais e taninos poden axudar na asimilación do inxerido, pero Luis aclara que “unha vaca que pace xa os toma ela mesma”.  

A nivel de rabaño, “hai que ir a vacas que duren máis”, di. “Hai novos índices técnicos, como o de litros por día presente, que teñen que ser unha referencia. Unha produción de 12 litros por día presente fan falta só para non pasarse do quilo equivalente que aconsella o Panel climático da ONU. O primeiro parto ten que ser antes, polo que hai que facer ben a recría e empreñar antes as becerras, e os días de secado hai que reducilos, para que haxa poucos días escuros. Unha vaca que só produce a metade dos días que pasa na granxa non é eficiente”, asegura.

Non é normal que se abone en función da capacidade do tanque de purín

Outra gran vía para a redución da pegada de carbono das granxas de leite é a almacenaxe de xurro e esterco. Para iso, as instalacións deben ser as adecuadas. “Non é normal que se abone en función da capacidade do tanque de purín. Á hora de fertilizar, o primeiro é optimizar ben o que eu teño”, insiste Luis.  

A nivel enerxético, propón adaptar a potencia do tractor á necesidade do traballo. “Para que vou queimar 20 litros de gasóleo se o que estou a facer o podo facer coa metade?”, di. “A pegada de carbono o que detecta precisamente son as ineficiencias do ciclo enerxético”, conclúe.

O exemplo do selo de certificación climática Bas-Carbone en Francia

Luis Cortiñas asegura que o nivel de concienciación dos gandeiros galegos coa redución da pegada de carbono é aínda baixo. “Mentres iso non sexa trasladado ao recibo do leite é difícil convencer á xente”, recoñece. E pensa que “vai ser máis unha presión comercial que da PAC” a que faga avanzar neste ámbito.

O baixo nivel de concienciación ambiental dos gandeiros é unha das barreiras coas que se atopan os técnicos que asesoran ás granxas en Galicia

En Galicia as demandas do consumidor nos aspectos ambientais son aínda incipientes, pero noutros países europeos condicionan en moitos casos as decisións de compra. En Francia no ano 2000 creouse a asociación Bleu Blanc Coeur, recoñecida polos Ministerios de Agricultura e de Medio Ambiente e da que hoxe forman parte máis de 4.000 granxas que teñen unha pegada de carbono inferior a 0,8 kg de CO2.

O propio goberno francés puxo en marcha hai tres anos o selo de certificación climática Bas-Carbone, que busca identificar no mercado os produtos que contribúen á captura de carbono e á loita contra o cambio climático, primeiro paso para recompensar a eses produtores pola súa labor. 

“En zonas con moita carga gandeira haberá problemas para botar o xurro cando se aprobe o novo Decreto”

A redución e uso racional de fitosanitarios e fertilizantes son dous aspectos nos que a normativa europea se foi endurecendo nos últimos anos. Hai unha década introduciuse a obriga do caderno de fitosanitarios que cada explotación debe cubrir, onde se anota o nome do produto e a finca e data na que foi aplicado.

O incumprimento da normativa, en aspectos como o das franxas de protección a cauces de auga, está considerada unha falta grave, levando aparellado nalgúns casos mesmo a perda da totalidade da anualidade da PAC.

Nos últimos anos leváronse a cabo tamén distintas revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as explotacións porcinas (RD 306/2020) e avícolas (RD 637/2021). Prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación.

As novas normas de ordenación gandeira e xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

Todos estes cambios normativos buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, o aloxamento dos animais e o almacenamento do esterco e o xurro producido. Neste ámbito, outro cambio lexislativo que se agarda é a entrada en vigor antes de final de ano do Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas, en tramitación por parte o Ministerio, o que obrigará á realización de analíticas e a dispoñer de Plans de Abonado.

“En moitos casos neste momento estase abonando sen ter unha analítica de solos previa pero a partir da entrada en vigor do Decreto hai que ter analítica de todas as fincas, aínda que non ten por que ser o mesmo ano en todas”, explica Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia.

Neste momento estase abonando na maioría dos casos sen ter unha analítica de solos previa

Desde esta Asociación defenden un modelo de asesoramento ás granxas público-privado, con participación de organismos de carácter oficial e entidades de aconsellamento privadas, para que a realización dos plans de abonado non caia nas mans das empresas comercializadoras de abonos.

Problemas para botar o purín polos topes por hectárea

Elena advirte de que en zonas onde hai moita concentración gandeira, “haberá problemas para poder cumprir cos límites máximos que fixa o novo Decreto por falta de superficie dispoñible onde botar o purín”.

O novo Decreto agárdase antes de final de ano, implicando cambios importantes na xestión do xurro. “Desde o momento no que teñas que dicir en que fincas botas o purín vas ter unas concentracións máximas, podendo botar nunha finca máis ou menos purín en función do cultivo que teñas nela”, explica.

O límite será de 250 kg de nitróxeno en fincas de millo e 200 kg en pradeiras de menos de 5 anos

Por exemplo, o límite será de 250 kg de nitróxeno e 100 kg de fósforo por hectárea e ano para millo forraxeiro e 200 kg de nitróxeno e 100 de fósforo en pradeira de menos de 5 anos. “Nas zonas de concentración gandeira non vai haber terras dabondo e vai haber problemas serios para poder botar o purín. É máis condicionante o fósforo a día de hoxe que o nitróxeno, porque os solos en Galicia teñen xa unha concentración moi alta”, afirma Elena.

Por iso, recomenda ás granxas que se atopen nesta situación optar por sistemas de separación e tratamento do xurro, como os instalados na zona da Terra Chá en SAT do Ferreiro, Casa Carballo ou SAT A Vereda.

“Convencer ao gandeiro ás veces non é doado”

A UE obriga a reducir un 16% as emisións de amoníaco a partir de 2030. Para cumprilo, o Goberno español estableceu unha redución do 45% para o amoniaco procedente da produción de leite e unha parte importante desas emisións orixínanse na almacenaxe e aplicación do xurro, algo que en parte se resolvería coa separación da fracción sólida da líquida.

 “A parte sólida ten moitos beneficios porque é un esterco distinto ao tradicional, porque ao pasar polo separador queda un material que ti estendes na terra facilmente e a liberación dos nutrientes é lenta, polo que os lixiviados son practicamente inexistentes, porque os nutrintes están en fase sólida. Nótase na colleita, porque todo o que botas aprovéitase, esa é a diferenza”, afirma.  

Sepárase a fase sólida e pásase por un tambor que a hixieniza para poder usala na camas das vacas

A fase líquida podería empregarse para regar con ela. “Ten moi pouca fibra e pode botarse incluso cando o millo está nacido, porque non se pega á folla”, di. Pero malia ás vantaxes que ten o sistema de separación, “ás veces convencer ao gandeiro non é doado”, asegura Elena.

Medir e reducir as emisións, os novos horizontes da gandería de vacún de leite

Na Unión Europea estanse desenvolvendo unha serie de estratexias para dar de comer ao mundo dun xeito máis sostible, unha cuestión que involucra á agricultura e á gandería, obrigándoas a redeseñar os seus sistemas produtivos. No camiño á adopción desta nova perspectiva, como se pode lograr a sustentabilidade no negocio lácteo? Responsabilidade social, viabilidade económica e xestión medioambiental son os tres puntos entre os que se artella a resposta.

Claves para a mitigación das emisións de carbono na gandería

A tecnoloxía aparece, de novo, coma un ingrediente fundamental “pero no futuro non é suficiente con aplicala, senón que é necesario formar alianzas tecnolóxicas para conformar liñas estratéxicas entre empresas e produtores”, sinala Xoán Rodríguez, director técnico de vacún de leite en Alltech Spain, que o pasado mércores organizou a xornada online ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’. “A gandería actual ten que afrontar unha serie de ameazas e dificultades, pero nese contexto, as persoas que a xestionan teñen que ter unha intelixencia, é dicir, ser flexibles e coller isto coma unha oportunidade; se nos esixen e nos apertan por outro lado, cómpre interpretalo coma unha oportunidade”, explica Rodríguez. Ao respecto, as emisións dunha granxa son o eixo fundamental sobre o que a normativa pretende actuar. É aquí onde cobran utilidade a tecnoloxía e as ferramentas que ofrece para “medir, predicir e reducir os índices técnicos dunha granxa en materia de cultivo, gando, dieta, dexeccións e produción”, sinala. “As medicións non se fan con ningún tipo de aparello, senón que se fan por estimacións indirectas con ferramentas competentes que teñan en conta o análise de ciclo de vida, é dicir, contemplando, non soamente o que ocorre na granxa, senón todo aquilo que a rodea”, apunta. Emisións da granxa leiteira. Fonte: Alltech

Por que é importante medir?

“Hoxe en día existen dous tipos de presións sobre as emisións dunha granxa: pola vía das axudas e do propio mercado. Na primeira, cómpre ter en conta que co apoio dos Estados Membros, as subvencións da nova PAC irán vencelladas cos índices dunha granxa. Na segunda, o mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; de feito, no caso de Reino Unido, cadeas como Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano”, destaca Xoán Rodríguez. En calquera caso “é fundamental ter unha calidade de medición, pero hai que traballar en estandarizar os criterios, posto que, hoxe en día, a pesar de que existen ferramentas cun maior e un menor nivel de agregación, o fundamental é ter un criterio adecuado á hora de facer as estimacións indirectas das emisións, e ter claro que é o que hai que ter en conta”, sinala Rodríguez.
“O mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano” (Xoán Rodríguez)

Como se poden baixar as emisións nunha granxa?

Nesta tarefa cómpre ter un punto de vista “poliédrico”, segundo define Xoán Rodríguez, onde a nutrición ocupa un lugar central debido á carga de emisións, tanto entéricas como aquelas que proveñen da aplicación de fertilizantes sobre cultivos para gando. No seu entorno, sitúanse outros aspectos importantes como a saúde, o benestar animal, a adaptación da estratexia reprodutiva, as dexeccións, a redución de estrés ou a produción forraxeira. Redución das emisións en forma poliédrica. Fonte: Alltech En canto á produción forraxeira, é necesaria a aplicación de boas prácticas agrarias. Por iso, a valorización das dexeccións como fertilizante, ou a caracterización do ensilado e o seu manexo no día a día pode mellorar a dixeribilidade e, así mesmo, minimizar as mermas, permitindo unha alimentación de precisión. Por outra banda, en canto á saúde, “hai que utilizar programas efectivos de vacinación, de control da mastite ou de podoloxía. Nesta liña, para contribuír á redución das emisións é fundamental coidar do benestar do animal, e procurar reducir o estrés por calor", suliña Rodríguez. “Un punto importante e polémico actualmente é a adaptación da estratexia reprodutiva; os animais evolucionaron e non podemos manexar a reprodución das vacas no s. XXI cos mesmos criterios do s.XX; por isto, ten que haber unha xestión individualizada dos animais de acordo co número de lactacións, coa produtividade, coa persistencia da lactación ou coa súa saúde e condición corporal. En paralelo, é fundamental ter un programa óptimo de cría e recría”, detalla o director de vacún de leite de Alltech Spain.

Iniciativas de empresas para reducir as emisións

Durante a xornada ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’, representantes de diferentes empresas e cooperativas  transmitiron a importancia que se lle está dando na agroindustria ao balance das emisións. “Aplicamos unha estratexia integral coa finalidade de reducir as emisións, tomando medidas en materia de produción forraxeira, nas ganderías, e no ámbito industrial”, sinala o director de compras e desenvolvemento de negocio de Covap, Emilio de León. “Na produción forraxeira substituímos unha parte do ensilado de millo e desenvolvemos un cultivo que se adapte ás necesidades do terreo, no noso caso, ao Val dos Pedroches, un territorio seco. En canto ás granxas, comezamos a facer medicións dos factores de emisión e establecemos ferramentas de mellora. Por último, no eido industrial, estamos buscando o residuo que xeramos para valorizar o máximo posible; nestes momentos estamos no 85%, e en leite no 95%. Ademais, planeamos varios proxectos de enerxías renovables e de tratamento das dexeccións”, detalla De León. Igualmente, o resto de empresas seguen traballando baixo o mesmo obxectivo de reducir as emisións, aínda que non sen dificultades. “Estamos intentando reducir algo difícil de medir, hai que partir da base de que o correcto é dicir que podemos estimar as emisións, e a primeira dificultade ao respecto é que existen moitas ferramentas para facelo e non todas coinciden, polo que cómpre tratar de armonizarnos neste sentido. Outro dos inconvenientes cos que nos atopamos é que isto é algo novo, e os gandeiros están pasando a ser xestores medioambientais”, concreta o responsable de aprovisionamento lácteo de Nestlé España, Javier Gómez. Do mesmo modo, seguen traballando no posta en marcha de iniciativas para avanzar cara os novos requirimentos medioambientais. “Nas 230 granxas coas que colaboramos na cornixa cantábrica pautamos unha serie de medidas en torno á redución de metano entérico mediante plantas de biogás e a incorporación de certos aditivos; tamén introducimos produción de legumes, fóra do millo, e procedemos a realizar unha fertilización de precisión”, detalla Gómez. Pola súa banda, o coordinador do grupo de innovación de campo do Grupo AN, fixo especial alusión ás complicacións que este compromiso ambiental ten que sortear. “Nesta conversión temos que darlles aos gandeiros unha boa formación e sobre todo manter un discurso armonizado, trasladando efectivamente que é o que se lles quere pedir e de que maneira o poden dar”.

Novas prioridades na UE

A agricultura de carbono é un concepto co que a Unión Europea se está familiarizando cada vez máis, e tradúcese como a captura de dióxido de carbono dos solos agrícolas, pero inclúe moitos aspectos, desde a xestión dos almacéns de carbono ata os fluxos de gases e gases de efecto invernadoiro nas explotacións agrícolas. “Segundo o comunicado da Comisión Europea de Agricultura e Gandería do pasado decembro de 2021, o obxectivo que se pretende é conseguir un modelo de negocio ambiental que recompense aos xestores da terra pola mellora das prácticas, resultando no secuestro de carbono nos ecosistemas e a redución da liberación de carbono á atmosfera”, amplía a subdirectora de cultivos herbáceos do Ministerio de Agricultura Paz Fentes. Deste xeito, a nova Política Agraria Común aplícase en base á consecución deses obxectivos, pero, como se encaixa a agricultura de carbono na nova PAC? A mitigación do cambio climático aparece como o obxectivo específico número 4, polo cal, “un mínimo do 25% dos pagos directos deben dedicarse aos ecoesquemas; un mínimo do 35% do Feader debe ter unha finalidade medioambiental e climática; establece indicadores de impacto e de resultado,e de seguimento da aplicación da PAC, relacionados con carbono e solos”. “Todos os pagos directos están fundamentados no cumprimento dunha liña de base, a condicionalidade -que se reforza-, e que inclúe unha serie de condicións agrarias e medioambientais dentro das cales hai moitas que teñen que ver coa agricultura de carbono, por exemplo, a Becam 1, sobre mantemento de pastos e destinada a evitar a reconversión do terreo a outros usos”, recalca Fentes. Unha cuestión interesante coa que se pretende contribuír a manter unha estratexia de redución é “a posta en marcha dun marco de medición mediante unha aplicación, na cal, o gandeiro introducindo unha serie de datos poida estimar as emisións da gandería; estamos traballando para desenvolver algo así e facilitar a adopción de medidas nas granxas”, detalla Leonor Algarra, subdirectora de medios de produción gandeiros no Ministerio de Agricultura.

As ganderías de vacún de leite máis eficientes son as que menos contaminan

Granxas máis competitivas, sostibles e resilientes na produción de leite. Ese o obxectivo principal do proxecto Dairy for future, no que participan gandeiros e investigadores de 5 países da área Atlántica da Unión Europea, en concreto de Irlanda, Reino Unido, Francia, España e Portugal. Este mércores, algúns dos investigadores involucrados nesta iniciativa internacional poñían en común aqueles aspectos sobre os que terán que facer fincapé as granxas do futuro para afrontar os retos que se lle expoñen ao sector. Esta xornada en liña reuniu a boa parte dos profesionais involucrados no proxecto que achegaron estratexias e presentado os resultados dalgúns dos traballos desenvolvidos en granxas no marco deste proxecto. Entre os aspectos analizados atópanse as consecuencias derivadas do cambio climático. A redución de emisións de gases de efecto invernadoiro nas granxas é xa unha preocupación das ganderías, debido a que un dos obxectivos marcados nas políticas europeas é conseguir un balance neutro de emisións de carbono na produción de alimentos. Coñecer o impacto que as emisións teñen na granxa pode resultar clave á hora de trazar estratexias para reducilas, tal e como coincidiron en sinalar varios expertos. Os custos de produción, a innovación no manexo e xestión da gandería ou a necesidade de fidelizar ao consumidor son outros dos retos que se trataron durante a xornada e que resultan transcendentais para as ganderías tanto a curto como a longo prazo.

Ganderías sostibles ambientalmente

Conseguir a sustentabilidade ambiental na granxa é un dos obxectivos marcados dentro das políticas do Pacto Verde Europeo. Lograr ganderías cunha produción máis eficiente pode ser unha das vías para reducir o impacto ambiental tal e como apuntaron diferentes expertos na xornada. Os esforzos que están a realizar as granxas por reducir estas emisións queda patente nos datos manexados nun estudo realizado en Reino Unido, no que se constata unha redución do 19% das emisións de gases de efecto invernadoiro producidos polas granxas inglesas entre 2007 e 2017.
“Se se mellora a produtividade e eficiencia na granxa poderiamos reducir as emisións de carbono”: Jude Capper, investigadora do Reino Unido
Parece haber una certa correspondencia entre a produción de leite e as emisións de carbono. Así, contar con animais máis produtivos axuda a reducir o impacto ambiental tanto da produción de leite como na de carne. “Se se mellora a produtividade e eficiencia poderiamos reducir as emisións de carbono. A medida que baixa o rendemento lácteo as emisións de carbono soben”, explica Jude Capper, unha das investigadoras do Reino Unido que participou na sesión. “Non é que se estea promovendo unha maior a produción. Hai que comprender as peculiaridades dos sistemas e mellorar as granxas, pero non hai un sistema que sexa ideal para todos”, recoñece Capper. Correlación negativa entre a produción de leite e as emisións de carbono en distintos países. [En verde a produción de leite. En amarelo as emisións de carbono.]Nesta mesma liña preséntanse os resultados dos traballos de investigación realizados con ganderías galegas desde o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) para avaliar a relación entre o manexo do rabaño e a pegada de carbono. O estudo, presentado en días pasado no CIAM, demostra que existe unha relación entre as emisións e a xestión das granxas e o esterco, así como a superficie destas granxas, de modo que aquelas granxas que compran moito penso teñen maior pegada de carbono que aquelas que compran menos.
“O reto é seguir producindo leite producindo forraxe abundante e de calidade”: César Resch, doutor e investigador do CIAM
“Non se trata dos concentrados que lle damos aos animais senón da eficiencia da granxa, a inxesta de concentrado e a produción de leite. O reto é seguir producindo leite a base de producir forraxe abundante e de calidade”, apunta o doutor e investigador responsable César Resch. As investigacións sobre a pegada de carbono e o amoníaco desenvoltas pola investigadora Marion Sorley, do departamento de Agricultura de Irlanda (Teagasc) tamén sinalan a importancia de controlar a eficiencia do penso e da forraxe para mitigar as emisións de carbono na granxa. Aínda que tamén é moi importante ter presentes as emisións de esterco. Ademais, e aínda que o amoníaco non é un gas de efecto invernadoiro, apunta á necesidade de abordar desde un punto de vista agrícola a súa xestión para reducir o impacto ambiental das ganderías.

Afrontar os custos de produción

Contar con ganderías máis eficientes tamén contribúe a reducir os gastos de produción xa que como apuntaban os investigadores Laura Shewbridge-Carter, do departamento escocés de agricultura (SRUC); e Mark Topliff, do departamento de Desenvolvemento da Agricultura do Reino Unido (AHDB), “aquelas granxas con maiores gastos non son as que teñen unha maior marxe de beneficio”.
“Ter máis vacas na granxa non sempre resulta un incremento da marxe neta”: Laura Shewbridge- Carter, investigadora do SRUC
Os investigadores apuntaron a que os modelos de pastoreo preséntanse como os sistemas cuns menores custos de produción fronte ás ganderías estabuladas, en base a un traballo no que analizaron a xestión e gastos de granxas en pastoreo, híbridas e estabuladas. De novo, a eficiencia da gandería será clave. “O feito de ter máis vacas na granxa non sempre resulta un incremento da marxe neta”, indican. Ademais cuestións, como a taxa de substitución ou a idade do primeiro parto afectan directamente á eficiencia financeira da granxa. “Contar con animais eficientes na granxa permite reducir a superficie de solos e as necesidades de auga da gandería, o que leva tamén a unha redución das emisións e a un aforro nos custos de produción”, explica a investigadora Jude Capper. Outro dos factores estudados por Shewbridge-Carter e Topliff foi o gasto das ganderías en man de obra. Neste sentido, obsérvanse grandes diferenzas entre os países. Mentres nas granxas de rexións como As Azores (Portugal) teñen un gasto mínimo en persoal debido ao propio sistema, xa que predomina o pastoreo, Francia sitúase como o país con maior investimento destinado ao persoal da granxa. “En Francia ten un custo significativo o persoal: cun gasto de 20 euros por hora aos empregados”, sinalan.

Innovación adaptada ás necesidades do sector

Outro dos aspectos que están a abordar neste proxecto son os Sistemas de coñecemento e innovación agrícola, coñecidos como AKIS (polo seu acrónimo en inglés). Neste campo experimentouse nos últimos anos unha transformación, deixando atrá o modelo lineal habitual, no que as innovacións e estratexias saían dos centros de formación, pasaban polas oficinas agrarias e chegaban aos gandeiros como usuarios finais. “Agora ese enfoque lineal mudou e os granxeiros son xa parte activa desa toma de decisións e transmisión de coñecementos desde o comezo”, explica Liz King investigadora do AHDB.
“Os granxeiros son xa parte activa da toma de decisións e transmisión de coñecementos nas estratexias innovadoras para o sector”: Liz King, investigadora do AHDB
Os gandeiros pasaron a colocarse no centro das estratexias, pasando a un modelo circular de confianza do granxeiro no que tamén se teñen en conta outros elementos que inflúen na xestión da granxa e no desenvolvemento da actividade gandeira para propoñer estratexias innovadoras. Ademais, viuse unha transformación no perfil do gandeiro que inflúe directamente no desenvolvemento das innovacións para o sector. “Cada vez as persoas que entran no sector son máis tecnificadas e esperamos que entren máis mulleres”, valora Liz King. O investigador Jean- Baptiste Dollé, do departamento de Agricultura francés (Idele) incide tamén na importancia de involucrar aos produtores no desenvolvemento de estratexias. “Debemos involucrar aos gandeiros para que entendan o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e a redución das emisións. Debemos concienciar aos gandeiros de que se trata dun tema complexo para que os gandeiros adquiran novas prácticas”, sinala.
"Debemos involucrar aos gandeiros para que entendan o papel que desempeñan na loita contra o cambio climático e a redución das emisións": Jean- Baptiste Dollé, investigador do Idele
Nesta liña, en Francia desenvolveron unha ferramenta, a Cap2er, para avaliar os diferentes procesos das granxas francesas, de modo que se estime a pegada de carbono e se poidan expor estratexias adaptadas para reducir as emisións. Agora atópanse xa desenvolvendo unha versión europea, tras solicitarllo varios países. Ademais, traballan xa nun selo para certificar esta redución de CO2. “Creamos unha metodoloxía para cuantificar e certificar estas reducións de CO2. É unha ferramenta esencial”, detalla Dollé. Están xa en proceso de certificación 1.300 granxas. De feito, en Francia buscan unha redución da pegada de carbono de entre 15 e o 20% equivale a 300 ou 400 toneladas CO2 por granxas nun período de 5 anos. Para logralo expoñen 40 prácticas de mitigación das emisións entre as que se atopan cuestións como a mellora xenética dos cultivos, a mellora da fertilidade dos solos ou a conservación da biodiversidade.

O Goberno dirixirá fondos Next Generation a impulsar a dixitalización e sostibilidade ambiental das granxas

A agricultura de precisión e a dixitalización de procesos contarán con axudas públicas para a súa implantación O Consello de Ministros aprobou este martes o Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) do sector agroalimentario para dotalo do financiamento e das liñas de actuación necesarias para emprender os cambios ambientais, dixitais, sociais e económicos aos que terá que facer fronte na próxima década. O PERTE, que conta con medidas xestionadas polos ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación; de Industria, Comercio e Turismo; de Asuntos Económicos e Transformación Dixital; así como do de Ciencia e Innovación, vai dirixido a propiciar a transformación da cadea agroalimentaria e impulsar a modernización e dixitalización do sector, o seu crecemento económico e a cohesión territorial. Este PERTE Agroalimentario contará cun investimento público duns 1.000 millóns de euros ata 2023. Prevese que xere un impacto de partida na economía duns 3.000 millóns de euros, estimándose ademais unha creación neta de ata 16.000 empregos.
Os investimentos no sector agroalimentario apoiarán o seu crecemento económico sostible, a súa dixitalización e a cohesión territorial
O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, contextualizou este PERTE dentro da estratexia global da política do Goberno con relación ao sector agroalimentario e destacou que xunto á Política Agraria Común (PAC), o Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia e o Fondo Europeo Marítimo da Pesca e a Acuicultura suman máis de 50.000 millóns e supoñen “a cifra máis alta de inxección de fondos públicos que se produciu xamais no sector”. Planas destacou que por enriba da importancia económica do sector agroalimentario en España, "ten unha grande significación social, territorial e ambiental”. Máis de 30.000 empresas que xeran o 10% do PIB español O sector agroalimentario contribúe con case un 10% ao PIB e está conformado, na súa maior parte, por pequenas e medianas empresas, xa que un 96% das máis de 30.500 empresas son pemes. Desta forma, o PERTE concíbese como un conxunto de medidas que benefician a empresas e autónomos do sector agroalimentario e que xeran sinerxias cuns obxectivos claros: mellorar a competitividade, a sustentabilidade e a trazabilidade e seguridade do sector agroalimentario. Ademais, dada a importancia do sector agroalimentario no medio rural, incorpórase a contribución ao reto demográfico como obxectivo transversal.
O sector agroalimentario é a primeira industria de España, cunhas exportacións de 53.848 millóns de euros en 2020
Para facer fronte á loita contra o cambio climático e adaptarse aos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030 faise necesario promover un uso eficiente dos recursos naturais e da enerxía na produción agroalimentaria, a través da dixitalización de todos os procesos produtivos da cadea alimentaria. Con este PERTE Agroalimentario preténdese fomentar a automatización de procesos, a sensorización ou sistemas de aprovisionamento sostibles. Os investimentos previstos van contribuír desta maneira para dinamizar ao conxunto da cadea, a través de iniciativas que constitúan novos proxectos de transformación do sector e erixirse nun catalizador de propostas para modernizar o sector agroalimentario en varios ámbitos: impulso á transformación tecnolóxica, uso de Big data e novas ferramentas dixitais; subministro de alimentos sans, seguros e saudables; apoio a mozos e incorporación de mulleres; redución do impacto ambiental, descarbonización e desenvolvemento da economía circular. Tres eixos prioritarios de actuación Este PERTE baséase en tres eixos prioritarios, que abordan actuacións transformadoras sobre a cadea de valor industrial, medidas de apoio á dixitalización do sector agroalimentario e á investigación científica. Estas liñas van acompañadas de medidas complementarias ou facilitadoras que actuarán dunha forma integrada para incrementar o impacto das actuacións e así promover a transformación cara a un sistema agroalimentario máis sostible e dixital. Ademais, xunto co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, o sector agroalimentario contará co financiamento e ferramentas necesarias para afrontar os retos ambientais, sociais e económicos da próxima década. Eixo 1: Paquete de apoio específico para a industria agroalimentaria, co obxectivo de mellorar os seus procesos de produción, vinculados coa súa competitividade, sustentabilidade e trazabilidade da produción de alimentos. Dotación: 400 millóns de euros, xestionada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Eixo 2: Medidas concretas para apoiar o proceso de adaptación dixital e que se estenda a todos os axentes que forman parte da súa cadea de valor (agricultores e gandeiros e as súas cooperativas, pequenas e medianas empresas de produción, transformación e comercialización). Dotación: 454,35 millóns de euros. Destaca, para as pequenas empresas e microempresas agroalimentarias, así como para autónomos, o Programa Kit Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do que se poderían beneficiar cuns 275 millóns de euros co obxectivo de que dixitalicen os seus procesos ou poñan en marcha unha tenda en liña.
O PERTE Agroalimentario vai dirixido ao conxunto da cadea para afrontar os retos ambientais, dixitais, sociais e económicos da próxima década
Desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, coas miras postas en agricultores e gandeiros, o desenvolvemento do Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX) pretende avanzar na dixitalización do caderno de campo para simplificar a súa relación coa Administración, datos que poderán utilizar tamén para mellorar a súa xestión empresarial. Eixo 3: Medidas específicas de apoio á innovación e á investigación para lograr un sector agroalimentario competitivo en todos os elos da cadea. Dotación: 148,56 millóns de euros. Unha das liñas de I+D+i, que se realizará da man das comunidades autónomas, permitirá avanzar, a través de varios proxectos prioritarios de agroalimentación e das ciencias do mar, en produtividade, competitividade, sustentabilidade e calidade.

Unha delegación galega coñece iniciativas agroalimenterias contra o cambio climático en Romanía

Participantes de distintos países europeos puxeron en común en Bucarest as súas estratexias sobre o cambio climático Unha delegación de técnicos galegos, formada por Constante Lorenzo, enxeñeiro agrónomo e profesor no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa de Coristanco; Marcos Barreiro, xefe do Servizo de Análise e Informes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural; e Ramón Lamelo, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), visitaron recentemente Romanía para participar no proxecto europeo CliCK on T, unha iniciativa de intercambio de experiencias sobre boas prácticas para a reducción do cambio climático e a concienciación social neste eido.  Galicia aporta, dentro desta iniciativa multidisciplinar, a parte relativa á produción de alimentos. Falamos con eles sobre as súas impresións da viaxe, na que coñeceron distintos proxectos ecosostibles postos en marcha no país dos Cárpatos, sobre a súa participación no proxecto e sobre as medidas que desde a Xunta de Galicia se están a poñer en marcha para reducir a pegada ambiental das explotacións agrogandeiras galegas.  "A min o que me permitiu o proxecto Click on T foi conectar coas preocupacións sobre o cambio climático que hai noutras zonas de Europa e relacionalo co meu traballo, de forma que eu podo trasladar esas preocupacións ao meu ámbito laboral, que no meu caso é o da agricultura e máis concretamente o da produción ecolóxica. É dicir, trasladar aos operadores ecolóxicos como eles poden ser uns axentes para loitar contra o cambio climático mediante as súas prácticas e que iso lles sirva tamén para conectar co consumidor", explica Ramón Lamelo. 
É necesario que o productor ecolóxico teña unhas boas prácticas sostibles e que o consumidor o valore
"O proxecto que me pareceu máis interesante dos que coñecimos alá foi un proxecto vinculado á reciclaxe de ordenadores e de material téxtil de desfeito procedente de feiras, non polo feito de reciclar ordenadores senón pola dimensión que acadou, cun gran impacto social", conta.  "Gustoume tamén a visita a unha iniciativa arredor dunha passivhaus, unha casa climaticamente neutra construida para loitar contra o quecemento global, mediante a cal lograron construír toda unha serie de accións de sensibilización social nun proxecto vencellado a unha baixa pegada de carbono", engade. Fomento da agricultura ecolóxica a través da PAC  "Toda a Política Agraria Común para o novo periodo 2023-2027 está vencellada a estes obxectivos de mitigación do cambio climático", asegura Ramón Lamelo, que anima aos produtores galegos a aproveitar esta oportunidade. "Creo que é fundamental como os agricultores e gandeiros poden darlle valor aos seus produtos neste eido. Todos os gandeiros e moitos agricultores fan prácticas ambientais beneficiosas que mitigan o quecemento global, pero moitas veces non son conscientes diso. Eu poñería o exemplo dos apicultores. Un produtor de mel que non move as colmeas, como se fai tradicionalmente en Galicia, é moito máis sostible que un que fai trashumancia. E poderiamos escoller moitísimos outros exemplos e o que hai é que ver na explotación que cousas estás facendo ben e poñelas en valor tentando transformalas nun maior beneficio económico", defende.  
A produción de produtos tradicionais con distintivos de calidade leva aparellado normalmente o consumo de baixos imputs externos alleos á explotación
"No meu departamento traballamos na promoción dos produtos ecolóxicos galegos con distintivo de calidade. Moitos destes produtos están vencellados a unha área xeográfica concreta e todo o que sexa consumo local é un consumo de baixo impacto de carbono, ademais de que a produción de produtos tradicionais leva aparellado normalmente o consumo de baixos imputs externos alleos á explotación", indica. 

"A sensibilidade ambiental está extendida polo conxunto de países da Unión Europea, incluso en aqueles con menor desenvolvemento económico"

Marcos Barreiro González é xefe do Servizo de Análise e Informes da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural. Destaca que a procupación social polo medio ambiente avanza na UE e que as axudas de recuperación trala covid-19 están focalizadas cara a esta transición verde da economía europea. Por iso, di, os agricultores e gandeiros galegos teñen que aproveitar as novas axudas que van saír en materia de eficiencia enerxética, dixitalización e xestión de xurros e estercos para adaptar as súas prácticas e converterse tamén en axentes que contribúan a frear o cambio climático.  – Que che aporta o proxecto CliCK on T na túa formación persoal? – Persoalmente é moi enriquecedor participar neste proxecto, dende varios puntos de vista. Por unha banda, síntome moi identificado co tema principal de CliCK on T, que se encadra dentro da defensa do medio medioambiente. Estou convencido da necesidade de acelerar as accións para reducir a pegada de carbono e conseguir a sostibilidade das actividades humanas en xeral.
O sector primario debe seguir a traballar nas melloras ambientais pola demanda dos consumidores e para adiantarse ás futuras normas que se están a tramitar
Ademais, o contacto directo con persoas e iniciativas ambientais doutros países amosoume que a sensibilidade ambiental está extendida polo conxunto de países da Unión Europea, incluso en aqueles con menor desenvolvemento económico ca España, como Romanía ou Polonia. Estas experiencias tamén serven para desmontar as opinións preconcevidas sobre rexións pouco coñecidas da Unión. Finalmente, quedoume clara a necesidade de potenciar a colaboración entre persoas de distintos ámbitos e nacionalidades, como un xeito eficaz de mellorar a eficiencia das actuacións individuais das rexións e dos países. – Que iniciativas coñeciches en Romanía que poden ser interesantes para o noso rural galego? – A parte española deste proxecto está centrada no sector primario, pero o resto de participantes son doutros ámbitos. Hai enxeñeiros ambientais, químicos, físicos, profesores de universidade, etc. As iniciativas que coñecemos en Romanía foron organizadas por Silvia Petre, que forma parte dunha organización non gubernamental sen ánimo de lucro chamada Pro Xpert. Esta organización adícase á formación tecnolóxica, cívica, ambiental e de integración de adultos. En Romanía visitamos unha planta de reciclaxe de aparellos electrónicos, na que traballan persoas desfavorecidas e que produce miles de ordenadores operativos de segunda man, que posteriormente se distribúen entre escolares sen recursos. Tamén estivemos en dúas organizacións ambientalistas, que tentan mellorar a concienciación sobre o cambio climático entre a poboación local. Unha delas estaba nun local do centro de Bucarest e outra na parte rural da cidade, nunha construción tipo passivhaus. Porén, eu destacaría unha asociación ambiental de mozos que deron a coñecer os participantes italianos. Esta asociación estaba dirixida polos propios mozos sen participación de institucións públicas ou privadas, e que polo tanto nacía da propia concienciación ambiental destes rapaces. Penso que este é un exemplo de asociación desexable en calquera ámbito da sociedade galega. – O cambio climático é unha realidade. Que políticas da Consellería favorecen a redución de emisións de CO2 ou mitigan o efecto do cambio climático? – A Consellería do Medio Rural está a aplicar ou implementar diversas medidas que reducen, directa ou indirectamente, os efectos do cambio climático. En breve serán publicadas no DOG varias axudas dos fondos Next Generation da UE, entre as que eu destacaría as relativas á xestión de xurros e estercos, as de mellora da eficiencia enerxética das explotacións agrarias e as de agricultura de precisión.
En breve serán publicadas no DOG varias axudas dos fondos Next Generation da UE para a xestión de xurros e estercos, mellora da eficiencia enerxética das explotacións agrarias e agricultura de precisión
As axudas de xestión de xurros e estercos financian actuacións que reducen as emisións de metano (fosas pechadas, etc). Cómpre lembrar que é un gas con moito maior efecto invernadoiro que o dióxido de carbono. As axudas de eficiencia enerxética, ademais da actuacións de illamento térmico, susbstitución de maquinaria por outra máis eficiente, etc, tamén inclúen sistemas de produción de biogás. En canto ás axudas de agricultura de precisión, é evidente que este tipo de agricultura permite aproveitar os recursos propios en maior medida que os procedementos convencionais, e redunda unha menor pegada de carbono. Esta última axuda financia tamén a dixitalización da produción (software, sensores de temperatura ou doutros parámetros, etc). Outras actuacións son as do plan de pastoreo, que permiten crear pasteiros en montes veciñais en man común. Á vez que se loita contra os lumes forestais, as explotacións dispoñen de maior superficie para aumentar o seu grao de autoabastecemento, e polo tanto reducir o consumo de alimentos externos á explotación. Tamén cómpre citar as axudas dos plans de mellora, nas que se financian os sistemas de aplicación de xurros de baixas emisións de metano; o matadoiro móbil, que optimizará o transporte de gando e redundará nunha menor pegada de carbono por animal sacrificado; a marca Leite de Pastoreo de Galicia, creada pola Consellería para favorecer o pastoreo no sector lácteo; o proxecto de lonxa dixital, etc. – A loita contra o cambio climático dos gandeiros e agricultores pode dar valor aos seus produtos? – Estou convencido diso. O consumidor quere produtos sans e con boas características organolépticas, pero xa hai tempo que ademais demanda produtos respectuosos co medio ambiente. Actualmente, moitos gandeiros desenvolven actuacións que loitan contra o cambio climático. Por exemplo, reducen o consumo de enerxía convencional, tanto pola mellora da eficiencia dos equipos, maquinaria e instalacións como pola aposta por sistemas fotovoltaicos ou eólicos de xeración de electricidade.
Está demostrada a menor produción de metano dos animais en pastoreo en relación aos estabulados
Outra das actuacións é a actividade de pastoreo dos animais. Está demostrada a menor produción de metano dos animais en pastoreo en relación aos estabulados. Así mesmo, os solos agrarios de Galicia adoitan dispoñer dunha porcentaxe de materia orgánica moi superior á do resto de España, e polo tanto, contribúen á fixación do carbono. Por outra banda, hai varios proxectos de normativas sectoriais a nivel estatal, que afondan nas actuacións de sostibilidade ambiental, como son o uso das denominadas mellores técnicas dispoñibles (MTD). Eu destacaría o Real decreto de ordenación do sector vacún e o Real decreto de nutrición sostible dos solos agrarios. En resumo, o sector primario debe seguir a traballar nas melloras ambientais pola demanda dos consumidores e para adiantarse ás futuras normas que se están a tramitar.

Queimas prescritas e pastoreo: prácticas tradicionais sustentables para rexuvenecer o monte e preservar hábitats naturais

Monte comunal de Grao, nas que se combinaron queimas e pastoreo no marco do proxecto Open2preserve As queimas controladas ou prescristas e o pastoreo guiado son dúas prácticas pouco menos que ancestrais que seguen a ser perfectamente aptas para rexuvenecer o mato dos montes, ademais de para preservar os distintos hábitats naturais en superficies montañosas. É a principal conclusión do proxecto Open2preserve, levado a cabo con finanaciación europea en Galicia, Francia e Portugal e que incluíu unha experiencia piloto en distintas parcelas do monte comunal O Cerredo, en Grao (Cervantes), nas que se combinaron distintos sistemas de queimas e pastoreo para estudar os seus efectos en montes de alto valor ambiental como son os dos Ancares. O grupo de Sistemas Silvopastorais (Silvopast) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra  de Lugo da USC presentou recentemente os resultados destas experiencias de valorización de servizos ecosistémicos postas en práctica en parcelas montañosas incluídas na Rede Natura 2000.
As queimas controladas combinadas co herbivorismo pírico é un modelo que resulta acaído para a preservación dos ecosistemas de montaña
A coordinadora do proxecto, a catedrática Rosa Mosquera, destaca as vantaxes da aplicación dun modelo de xestión sustentable que combina prácticas de queimas prescritas e herbivorismo pírico e que resulta acaído para a preservación dos ecosistemas de montaña. O control da biomasa combustible e a conseguinte diminución do risco de grandes incendios forestais, así como o aproveitamento dos recursos naturais propios destas zonas de monte a través do pastoreo constitúen outros dos beneficios demostrados nas prácticas ensaiadas ao abeiro do proxecto Interreg Open2preserve, unha iniciativa comunitaria que busca ofrecer solucións innovadoras aptas para replicarse tanto a nivel local como rexional e que garantan tanto a viabilidade económica como a conservación do medio natural. Menor custo que o desbroce mecánico “A queima controlada ten unha serie de vantaxes moi obvias como son o control de incendios e un menor custo que outros sistemas. Fronte aos 200 ou 300 euros por hectárea que custa o desbroce por medios mecánicos, mediante este sistema de queimas o custo para os gandeiros é moito máis barato”, explica Rosa Mosquera.
En Francia as queimas asócianse ao cobro das axudas da PAC como práctica tradicional sustentable
Noutros lugares a propia Administración fomenta este tipo de prácticas por parte dos gandeiros. “En Francia a queima asóciase aos cobros da PAC e cada tres anos están queimando. Alí pagan máis aos gandeiros que fan queimas controladas. E en Navarra formaron aos gandeiros sobre as épocas nas que se poden facer para que leven a cabo estas queimas controladas que serven para que logo eses rebrotes poidan ser empregados por animais para a súa alimentación”, detalla. Control de incendios e aproveitamento da matogueira polo gando O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC na EPS de Enxeñaría Antonio Rigueiro explica que no caso das experiencias prácticas realizadas no Monte O Cerredo, na localidade ancaresa de Grao, as queimas prescritas e as accións de pastoreo contribuíron a rexuvenecer as matogueiras, que agromaron de novo con máis vitalidade logo de que as lapas asolaran a parte superficial sen danar as raíces soterradas. Co pastoreo, engade este investigador, o gando contribúe tamén a exercer un certo control sobre a vexetación ao tempo que impide a proliferación de material leñoso, outorgando ao mesmo tempo rendibilidade a esta fórmula de aproveitamento dos recursos naturais.
O gando contribúe a exercer un certo control sobre a vexetación ao tempo que impide a proliferación de material leñoso
Outra das vantaxes que levan implícitas este tipo de prácticas sustentables de conservación e preservación de hábitats atinxe a cuestións ligadas á propagación de incendios forestais. De feito, sinala Rigueiro, os hábitats de matogueira ou uceira atlántica está chamados a converterse en bosque co paso do tempo sempre que non se exerza ningunha actividade sobre a súa superficie, polo que cómpre este tipo de accións que se ben respectan a biodiversidade tamén impiden o seu descontrol. Alén dos beneficios xa citados asociados a queimas prescritas e pastoreo guiado, Rigueiro insiste en que as experiencias prácticas realizadas co proxecto Open2preserve permiten asemade a protección dun espazo da Rede Natura, unha catalogación que xa de por si denota o seu valor ambiental. Trabas burocráticas Malia os efectos positivos, son poucas as queimas prescritas que se realizan cada ano na comunidade. “Hai un problema de actuación en Galicia para facer queimas controladas, porque só se poden facer durante 10-12 días nos meses de xaneiro ou febreiro”, afirma Rosa Mosquera. As queimas controladas fanse sempre ladeira abaixo, polo que a temperatura que se acada no chan é moito menor ca cando se produce un lume incontrolado, polo que xa se pode pastorear a zona ese mesmo ano, o que non ocorre cando hai un lume forestal. Iso foi o que demostrou a experiencia levada a cabo no monte comunal de Murias de Rao, a 1.392 metros de altitude, nunha uceira, cunha queima controlada realizada en febreiro de 2019. “Logo de facer a queima cerrouse unha hectárea na que se meteu gando equino e outra na que non se introduciu gando para analizar que pasaba. Con drons analizábase como ía evolucionando a biomasa nos dous casos” explica Rosa Mosquera. 
En Galicia a mesma primavera xa había brotes verdes que podían ser aproveitados polo gando. En Cataluña, pola contra, tiveron que agardar 1 ano para poder pastorear e en Portugal 10 meses
“As uces están moi ben adaptadas ao lume porque rebrotan desde abaixo, e en Galicia fano moi rápido. Na mesma primavera xa había brotes verdes que podían ser aproveitados polo gando. Dentro do mesmo proxecto leváronse a cabo experiencias similares noutros lugares. En Cataluña tiveron que agardar 1 ano e en Portugal 10 meses para poder pastorear. Esa é a produtividade que temos en Galicia e que non aproveitamos”, destaca. Escolla do gando axeitado “No pastoreo é esencial facer unha análise da vexetación inicial que temos como alimento para elixir o tipo de animal que introducimos. Nós metemos cabalo, pero consumía todas as herbáceas pero non todas as uces”, explica Rosa Mosquera. Por iso, di, o seguinte caso que van estudar é introducir cabras e facer sementeira de leguminosas (xestas) trala queima controlada. “Só con uces non se manteñen as cabras, porque teñen un nivel de proteína moi baixo, polo que a combinación con toxos ou xestas funciona moi ben porque teñen uns niveis de proteína moito máis altos. A carqueixa tamén é unha leguminosa e dase en zonas máis pobres que as xestas”, aclara.

“Ao introducir gando increméntase a capacidade de secuestro de carbono do chan”

Rosa Mosquera, no último encontro da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes celebrado en Navia Rosa Mosquera é unha experta en cambio climático e forma parte de distintos organismos, foros e institucións de ámbito internacional relacionados co quecemento global. Sen embargo, é crítica co actual sistema de cómputo de emisións na gandeiría.   “O chan non computa nos pagos por secuestro de carbono, só se ten en conta o que capturan as árbores, mentres que o chan representa o 85% no sistema de carbono. Para a Administración neste momento só contan as emisións que produce o gando e o secuestro que fan as árbores, esquecéndose dese outro 85%”, critica.
Para a Administración neste momento só contan as emisións que produce o gando e o secuestro que fan as árbores, esquécese do outro 85% do carbono, que está no chan
“Estase loitando no Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático para que o cómputo sobre as emisións do gando sexa 10 veces inferior cando se trata de gandería extensiva con respecto á gandería intensiva”, explica. “O actual movemento para que non se coma carne deriva dun modelo de cálculo feito en Holanda e Australia, onde só traballaban con gandería intensiva. Por iso os métodos de cálculo non teñen en conta o que secuestra o chan”, engade.
Estase loitando no Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático para que o cómputo sobre as emisións do gando sexa 10 veces inferior cando se trata de gandería extensiva
“A PAC está dicindo que temos que ser climaticamente neutros e vai ter que computar cousas distintas das que se computan hoxe, porque non podes encher de máis árbores unha zona que xa está chea de árbores”, razoa. “É necesario establecer de maneira obxectiva cales son as emisións de efecto invernadoiro pero tamén cal é o secuestro realizado por parte do gandeiro. Ese secuestro ten que pagarse porque é capaz de retirar gases de efecto invernadoiro da atmosfera”, defende. Un sistema válido de cálculo sobre secuestro de carbono do chan podería consistir en medir o aumento dos centímetros de terra negra, a capa de terra superficial con materia orgánica que hai no chan, porque o carbono que xa hai na actualidade non contaría, únicamente o faría o que se lograse incrementar, é dicir, o aumento da profundidade do solo. O feito diferencial do solo galego: biomasa e pH Galicia é un lugar privilexiado en canto a niveis de carbono no chan porque a principal fonte de carbono é a biomasa. Pero o pH do chan é outra das razóns. “Galicia é a zona de maior crecemento forestal de toda Europa e os nosos solos son ricos en materia orgánica. Fóra de aquí os solos teñen un 0,5% de carbono, mentres aquí temos solos que chegan ao 20%”, indica Rosa Mosquera.
Fóra de Galicia os solos teñen un 0,5% de carbono, mentres aquí temos solos que chegan ao 20%
“En Galicia secuestramos moito, pero temos capacidade de secuestrar máis. Cando se mete gando en Galicia nas medicións a nós o que nos dá é que se incrementa a capacidade de secuestro de carbono no chan. O gando, ao pisar, axuda a incorporar carbono e a activar os ciclos de nutrintes. O carbono, cando se secuestra no chan por partículas finas (arxilas), ese secuestro dura centos de anos no chan se non se libera co laboreo”, aclara.
O gando, ao pisar, axuda a incorporar carbono e a activar os ciclos de nutrintes
O pastoreo acelera o ciclo de nutrintes, e a proba é que mediante a introdución de gando no monte aparece a herba, demandante de maior nivel de nutrintes, en substitución de especies arbustivas, que precisan menos nutrintes. O biochar xa se está pagando en Xapón “Cando se vai trasladar ao sector agrogandeiro o mercado regulado de CO2, o mesmo que fai pechar empresas ou dispara exponencialmente o prezo da luz?”, pregunta a catedrática do Campus Terra, que defende que “non se debe ter en conta só o secuestro de carbono senón tamén outros servizos ecosistémicos, como a biodiversidade ou a calidade da auga”. “Xapón conseguiu meter o biochar no seu cómputo de carbono e aquí temos todos os elementos necesarios para facer biochar, porque o que se necesita é biomasa e aquí témola”, di Rosa. O biochar, lógrase mediante a queima de biomasa en condicións de ausencia de osíxeno e é un abono moi bo que ten ademais moita capacidade de secuestro de carbono. “En Australia os pagos por secuestro de carbono en eucaliptais obrigan a manter a plantación 100 anos, porque senón ese secuestro de carbono dura moi pouco tempo. En Galicia en zonas de pastoreo extensivo ese secuestro no chan dura moitos anos”, di.     

Xornada sobre o cálculo da pegada de carbono nas producións agrarias

A Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), en colaboración coa Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos organiza a xornada “´CÁLCULO DA PEGADA DE CO2 NAS ACTIVIDADES PRODUTIVAS AGRARIAS”, que se desenvolverá o vindeiro 15 de outubro na aula da natureza Juan Lembeye (Xardín Botánico de O Burgo) Contidos do curso: -A pegada de CO2 e a pegada ecolóxica. -Ferramentas para o cálculo da pegada de CO2 nas explotacións agrarias. -Estratexias de redución e compensación. -Casos prácticos. Imparten: -Rafael Rivadulla. Agronovo -José Luis Cortiñas González. Enxeñeiro Agrónomo Persoas destinatarias: -Agricultores/as en activo. -Persoas responsables e traballadoras de empresas agroalimentarias. -Persoas con solicitude de incorporación á actividade agraria. -Persoas en idade laboral e menores de 60 anos con expectativas de incorporación ao sector primario. -Persoas responsables e traballadoras de empresas turísticas. Horario: De 9.30 a 14.30 horas. Duración: 5 horas Inscrición: As solicitudes deberán ser presentadas pola persoa interesada en participar no curso, preferentemente na Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, empregando o seguinte formulario: https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/formacion/formacion-continua/formacion-2021/Formulario%20solicitude%20de%20asistentes%20(word)%20(2).docx As solicitudes enviaranse cubertas a diego.miranda@marinasbetanzos.gal ou , preferentemente, por sede electrónica a través do procedemento PR004A: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A&ano=2017&numpub=1&lang=gl Esta actividade está enmarcada no Plan de Formación ao Agro Galego 2021, impulsado pola Consellería do Medio Rural, co obxectivo de apoiar e promover a competitividade do sector agrario en Galicia. 

‘Únicla Cero Emisiones’, primeiro leite que compensa a pegada de carbono asociada ao seu proceso produtivo

O leite Únicla, de Clun, é o primeiro do mercado en compensar o 100% das emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas ao seu proceso produtivo. Ese fito, que se logrou a través da restauración ambiental de montes afectados por incendios, permitiulle á cooperativa incorporar a mención de ‘Cero Emisiones’ nos seus briks de Únicla.

O proceso de compensación fraguouse por medio dun acordo entre Clun e a Fundación Arume, unha entidade orientada á recuperación e promoción do piñeiro en Galicia. Tanto Clun como Arume destacan que se trata dunha alianza histórica entre o sector agrogandeiro e o forestal. Desde a Fundación Arume consideran que este acordo pioneiro abre a porta a que outras empresas galegas compensen as súas emisións de gases de efecto invernadoiro por medio de actuacións de restauración ambiental en montes afectados por incendios forestais.

No caso de Clun, recuperáronse máis de 90 hectáreas de montes afectados por incendios, para o que se plantaron máis de 100.000 árbores, segundo sinala a cooperativa.

“A estratexia ambiental de Únicla considera de máximo interese colaborar na restauración dos terreos degradados en Galicia coa execución de proxectos forestais sustentables no tempo e que permitan ademais a compensación de gases de efecto invernadoiro en beneficio de toda unha comunidade”, sinala Clun.

O Leite Únicla mantén unha aposta decidida nesta liña de sustentabilidade, non só no leite, senón tamén no envase que o transporta, e por iso e en colaboración con Elopak, utiliza un envase Carbon Neutral, que do mesmo xeito que o leite ten compensado a 0 todas as emisións que se producen na súa elaboración. Ademais, como novidade neste lanzamento, o envase incorpora un novo sistema de peche con tapón feito a partir residuos forestais de piñeiro do norte de Europa.

Curso sobre economía social e modernización do sector agroalimentario

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) retoma en 2021 a formación a distancia e gratuíta relacionada coa calidade alimentaria, coa preservación do medio ambiente e coa divulgación do papel do cooperativismo nestes eidos.

A partir do próximo 22 de febreiro iníciase o curso “A economía social e a modernización do sector agroalimentario: certificacións de calidade e medioambientais”. As persoas interesadas poderán seguir a formación a través dunha plataforma de teleformación que permite ao alumnado avanzar ao seu ritmo e acceder aos materiais formativos en calquera momento ata o 31 de marzo. O tempo estimado para completar a formación é de 70 horas.

O curso consta de tres módulos: Cooperativismo no sector primario, Certificacións de calidade (ISO, BRC/IFS, Global GAP e de vacún de leite) e Certificacións ambientais (ISO, Análise de ciclo de vida e pegadas de carbono e hídrica).

As persoas interesadas en matricularse poden chamar ao 981 58 47 83, inscribirse cubrindo este formulario.

A actividade enmárcase na programación 2021 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social, que conta con financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.