Archives

As gandarías españolas de vacún de leite só emiten 1 kg de CO2 por cada litro de leite producido

As gandarías españolas de vacún de leite emiten de media 1,1 quilogramos de dióxido de carbono (CO2) por litro de leite producido, na media de países da contorna como Francia, aínda que cunha importante variación entre granxas, en función da eficiencia no manexo da explotación, e independentemente do sistema (vacas en pastoreo, en réxime semiextensivo ou en intensivo). As emisións de CO2 da produción láctea suporían ao redor do 1% do total da economía española.  Esta é a principal conclusión dos primeiros resultados de Climate Neutral Farms, un proxecto europeo liderado en España polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL), no que se miden as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) de 135 gandarías de vacún de leite. O estudo, que comezou en 2022 e que continuará este ano, é un dos máis rigorosos realizados até agora, tanto pola representatividade (ademais do CIAM, participan algunhas das principais industrias lácteas españolas, ademais do LIGAL, entre outras), como pola fiabilidade do sistema de medición das emisións, CAP´2ER, o referente en Francia e noutros países. “Comparamos os resultados das granxas cos que ofrecen outros programas que están en uso e coinciden, o que evidencia a consistencia e homoxeneidade dos datos”, explica César Resch, investigador do CIAM, que presentou os resultados obtidos até agora por Climate Neutral Farms nunha xornada celebrada en gandaría A Esperanza (San Sadurniño- A Coruña), unha granxa de vacún de leite xestionado pola Cooperativa Agraria Provincial da Coruña. “O obxectivo do proxecto é, en primeiro lugar, medir de forma rigorosa as emisións de gases de efecto invernadoiro das gandarías de vacún de leite de España e a partir de aí propor medidas para reducilas, dentro da estratexia europea de lograr para 2030 a neutralidade de emisións de CO2”, engade o investigador.

“A clave para reducir a pegada de carbono é utilizar os recursos da contorna da forma máis eficiente posible”

Os técnicos do proxecto visitan as granxas seleccionadas medindo en boca as emisións de metano das vacas -a principal fonte de emisións e analizando todos os datos que inciden nas emisións. Como se demostran nestas dúas gráficas, a variación entre explotacións é moi notable: Entre o 0,570 kg de CO2 por litro de leite producido do 10% de granxas que menos dióxido de carbono emiten ao 1,47 kg das menos eficientes. As principais variacións débense, como se recolle na seguinte táboa, á compra de alimentos (as que producen a súa propia comida contaminan menos), á fermentación entérica das vacas (na que inflúe especialmente a dixestibilidade da ración) e ao secuestro de carbono que se realizan na granxa (a través sobre todo de pradarías permanentes) e que compensan de media o 15% das emisione de GEI dunha gandaría. “Hai gandarías con baixas emisións e con altas tanto en pastoreo ecolóxico, como en estabulación intensiva ou semiextensiva, o que nos leva a concluír que todos os sistemas de manexo do gando son bos e que a clave está en facer un bo manexo. É dicir, canto mellor utilicemos os recursos da nosa contorna como gandeiros para producir máis con menos, máis eficientes seremos e menos emisións teremos, independentemente do sistema”, destaca César Resch.

Eficiencia no uso do nitróxeno

Neste sentido, outro parámetro que están a analizar no proxecto Climate Neutral Farms é a eficiencia no uso do nitróxeno; é dicir, cuantos litros de leite se producen en cada gandaría estudada en relación ás unidades de nitróxeno que se introducen tanto a través da fertilización como da alimentación comprada. “A eficiencia media do uso do Nitróxeno no grupo de 80 granxas validadas en toda España é do 35%, pero cunha importante variación entre o 64% das mellores e o 14% das que rexistran peores datos”, explica o investigador do CIAM. Porén, si se detectan variacións en función do sistema de manexo, sendo as máis eficientes as extensivas, seguidas das intensivas, e en último lugar as que optan por un sistema mixto.

Xornada de presentación de resultados en gandaría A Esperanza

O pasado 27 de febreiro celebrouse en Finca A Esperanza, en San Sadurniño (A Coruña), unha xornada de presentación de resultados do proxecto Climate Neutral Farms, na que participaron unhas 40 persoas, entre técnicos, investigadores e gandeiros. A xornada comezou cunha presentación da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña e da Granxa da Esperanza; a continuación realizouse unha visita ao establo, na que se coñeceron as medidas que aplican para a redución de emisións. Posteriormente, organizouse un grupo de traballo para propor distintas medidas a aplicar para reducir os GEI en gandarías de vacún de leite, para finalizar cunha comida na propia gandaría. No proxecto Climate Neutral Farms participan o CIAM-AGACAL, o LIGAL, as industrias lácteas Leche Río, Central Lechera Asturiana, Leite Pascual, Nestlé, Queserías Entrepinares, Danone, así como Caixa Rural Galega, Alltech e Agronovo Ecoloxía.

Información complementaria:

 

Sae a información pública o proxecto para regular os créditos de carbono forestais en Galicia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar o anuncio da Consellería do Medio Rural polo que se acorda someter a información pública o proxecto de decreto polo que se crea e regula o Sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta. O prazo polo que se someterá a norma a información pública será de vinte días hábiles contados desde hoxe. O texto do proxecto de decreto poderá consultarse no portal de transparencia da Xunta na seguinte localización: Normativa en tramitación - En prazo de envío de suxestións. O proxecto de decreto Este proxecto de decreto permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural, esta última a través da Axencia Galega da Industria Forestal. O decreto busca crear un sistema voluntario de carbono, así como a definición da súa estrutura e organización e a regulación das obrigas e dereitos das persoas participantes, tanto ofertantes como demandantes. Tamén se establecen os requisitos para a verificación e a certificación por terceiras persoas das eliminacións de dióxido de carbono, a xestión dos sistemas de certificación e o funcionamento dos rexistros. A Xunta subliña que farase todo a través dun sistema auditado, transparente e co aval da administración autonómica, ofrecendo garantía e lexitimidade aos compradores. O mercado diríxese e organizacións públicas e privadas que aposten por compensar a súa pegada climática e camiñar cara a neutralidade, coa participación en proxectos que contribúen á eliminación ou secuestro de carbono. Entre os obxectivos que se perseguen están o de contribuír á mitigación de gases de efecto invernadoiro, á descarbonización da economía no territorio autonómico e ao cumprimento dos compromisos nacionais e internacionais asumidos por Galicia. Trátase de incidir na sustentabilidade da xestión forestal, nas prácticas agrogandeiras ou na construción, de forma que este novo mercado desenvolverá metodoloxías pioneiras en España.

Bases do sistema: comité técnico, metodoloxías e Plataforma de Créditos de Carbono

Comité técnico O decreto dispón a creación dun comité técnico, que será o encargado de deseñar as metodoloxías para a posta en marcha do sistema voluntario de créditos de carbono. Metodoloxías Será nas metodoloxías onde se concrete que proxectos poderán certificarse no sistema, que requisitos deberán cumprir e como se medirá o carbono adicional que ou ben secuestren da atmósfera ou ben se deixe de emitir pola execución do proxecto. Cada metodoloxía que defina o comité técnico estará a exposición pública antes da súa aprobación. Unha vez aprobadas as metodoloxías, será cando poderán presentarse proxectos que encaixen nunha metodoloxía concreta, de cara a comercializar os créditos de carbono xerados. Pode consultarse unha relación preliminar de metodoloxías previstas nesta páxina do proxecto de decreto. Como xa se anunciara, un dos obxectivos principais é o de lograr a xeración de créditos de carbono voluntarios mediante prácticas de xestión forestal sustentable e de agricultura e gandería rexenerativa.
Os sectores que poderán xerar créditos de carbono voluntario son amplos, incluída a industria enerxética, xestores de residuos urbanos ou cultivadores de algas
En ambos casos, enténdese que eses créditos de carbono redundarán tanto en impulsar mellores prácticas ambientais como en complementar a renda de silvicultores, agricultores e gandeiros. Tamén se prevé que a construción en madeira poida acceder a créditos de carbono, así como a industria enerxética que opte por modelos de produción de enerxía con menores emisións, en concreto co uso de biomasa, enerxía solar, xeotermia, riotermia ou biocarbón. En total, polo de agora a Xunta prevé un total de 26 metodoloxías, con cabida para numerosos sectores, como a xestión e reciclaxe de residuos urbanos ou mesmo o cultivo de algas mariñas. Plataforma de créditos de carbono A Xunta creará para a comercialización unha Plataforma de Créditos de Carbono de Galicia, á que poderán acudir as empresas e institucións interesadas en mercar créditos de carbono de xeito voluntario para compensar as súas emisións.
https://www.campogalego.gal/o-futuro-mercado-de-carbono-de-galicia-dara-entrada-proxectos-agrogandeiros-e-constructoras/

Xornada sobre sostibilidade, pegada de carbono e hídrica nas granxas de vacún de leite

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) organiza o próximo luns día 27 e o martes 28 de febreiro senllas xornadas formativas sobre a sostibilidade nas granxas de vacún de leite. Técnicos de Agaca e do grupo BioGroup USC (Universidade de Santiago de Compostela) expoñerán a gandeiros e gandeiras socias de Aira que participaron no estudo “A mellora da competitividade das explotacións de gando de vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e pegada hídrica” as conclusións obtidas e as claves para reducir a pegada de carbono e hídrica nas súas granxas de leite. Este estudo desenvolvido por Agaca e BioGroup levouse a cabo realizando medicións exhaustivas en 100 granxas galegas produtoras de leite cunha media de 88 vacas en fase produtiva (50 delas, na comarca de Chantada-Sarria; 28 na mariña lucense; 7 das Terras de Melide e 15 na comarca de Barcala- Bergantiños). Tras publicarse as conclusións obtidas, iniciouse unha etapa de comunicación directa aos gandeiros e gandeiras para que poidan aplicar as recomendacións dos expertos. As primeiras xornadas de difusión realizáronse os días 15 e 16 deste mes en Ribadeo (Lugo) e Ames (A Coruña). As xornadas da vindeira semana celebraranse o luns na delegación da Cooperativa Aira en Chantada e o martes 28 en Lugo, no Hotel Santiago. Ambas xornadas comezarán ás 12.00 horas e prolongaranse polo resto da mañá. Detallamos o programa da xornada: 12:00 a 12:15 horas. Recepción de asistentes e entrega de documentación. 12:15 a 13:00 horas. Explicación do proxecto, que é a pegada de carbono e hídrica, métodos de cálculo, melloras para reducir as pegadas e rolda de preguntas. Relatores: Francisco López Calvo y Javier Martínez Caamaño. Técnicos de calidade e innovación alimentaria de Agaca. 13:00 a 14:00 horas. Presentación e interpretación dos cálculos de pegada de carbono e pegada hídrica. Relator: Eduardo Entrena Barbero. Estudante predoutoral de Enxeñaría Ambiental da USC.

A Xunta regula a comercialización do carbono capturado nos montes para frear a especulación

A comercialización do carbono almacenado nos montes convertiuse nos últimos anos nun aproveitamento forestal de gran atractivo. O sistema beneficia tanto a comunidades de montes e propietarios forestais, que poden vender parte do carbono atmosférico capturado nos seus montes, como a aquelas empresas e institucións que queren compensar voluntariamente a súa pegada climática coa compra dese carbono. O problema radica en determinadas empresas que operan como intermediarias entre uns e outros, pois en ocasións estábanse quedando con porcentaxes de ata o 50% do valor do carbono. Nun intento de frear ese escenario de especulación, a Xunta decidiu regular a comercialización do carbono capturado nos montes a través da Lei de acompañamento dos presupostos, que previsiblemente se aprobará antes de fin de ano no Parlamento galego. A normativa proposta pola Administración busca dotar de maior transparencia ó sistema. Calquera cesión ou venda de carbono que decida unha comunidade de montes terá que ser aprobada en asemblea pola maioría dos comuneiros, que deberán representar ó 50% da comunidade en primeira convocatoria ou ó 30% en segunda. Esixirase ademais que a asemblea teña a súa disposición un informe económico que analice as obrigas que o negocio xurídico supón para a comunidade, especialmente no referido ó periodo de conservación da masa, así como unha xustificación de que o prezo proposto responde a valores de mercado. En canto ós negocios xurídicos formalizados polas comunidades de montes antes da entrada en vigor da nova normativa, a Xunta sinala que deberán considerarse actos de disposición, polo que, no caso de que non fosen refrendados en asemblea polas maiorías pertinentes, serán nulos, sen prexuízo da posibilidade de que poidan someterse á aprobación da asemblea, aprobación que terá efecto desde o momento da súa adopción. A nova regulación establece igualmente que, no caso dos montes de xestión pública, a cesión de dereitos de carbono terá que contar coa autorización previa da Administración e formalizarse en escritura pública, que deberá ser inscrita no Rexistro Xeral de Montes Veciñais en Man Común. A Xunta obrigará a que os acordos inclúan ademais estipulacións no caso de que o cesionario venda os créditos de carbono a un terceiro, no sentido de que a comunidade de montes terá dereito a percibir parte do prezo de transmisión que se estableza. O periodo contractual non poderá ser superior a 30 anos, excepto nos casos en que os anos asociados á quenda de corta da especie principal sexa superior. Outra das cuestións que terán que aclarar os contratos é que sucede no caso dun incendio forestal ou doutra causa de forza maior que impida que a masa forestal capture o carbono proxectado. Funcionamento do sistema En España, o Decreto de Huella de Carbono (2014) estableceu polo de agora dúas vías para proxectos de absorción e compensación de emisións nos montes: a forestación de superficies que estiveran desarboradas desde o 1989 ou a restauración de montes afectados por incendios forestais. En ambos casos, propietarios e comunidades de montes poden inscribir os seus proxectos de forestación no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio de Transición Ecolóxica. O sistema representa así unha oportunidade para financiar a restauración forestal de montes, pois as empresas interesadas en compensar as súas emisións poden presentarlle ofertas por ese carbono ós propietarios. Deste xeito, o mercado de carbono configurouse como un recurso de gran interese para o propietario, pois cada tonelada de carbono ten un prezo de mercado que ronda os 20 – 30 euros. Se se ten en conta que cada hectárea inscrita pode absorber arredor de 250 – 350 toneladas, en función do tempo de permanencia da masa e da densidade de plantación, os ingresos que pode xerar o carbono rondan na práctica unha media de arredor de 6.000 - 7.000 euros por hectárea. O problema radica na aparición de empresas intermediarias que, en ocasións, reservábanse ata o 50% do valor do carbono do monte. De cara a protexer os dereitos das comunidades de montes e propietarios, a Consellería do Medio Rural mesmo baralla aprobar modelos tipo orientativos de contrato, de utilización voluntaria.

Rexistro autonómico de proxectos de carbono

En paralelo a unha maior regulación sobre as compras vendas do carbono forestal, a Xunta proxecta crear un Rexistro de CO2 alternativo ó do Ministerio, asumindo así as súas competencias na materia. En concreto, o borrador da Lei de acompañamento dos presupostos establece que “a Xunta de Galicia poderá articular un sistema de créditos de carbono de carácter voluntario cun rexistro no que se poderán inscribir aquelas persoas titulares dos dereitos derivados do aumento de carbono almacenado grazas as súas actividades. Este sistema servirá de nexo entre titulares e aquelas persoas, de natureza física ou xurídica, que desexen mercar créditos ben como intermediarios ou ben como axentes finais, co fin de reducir ou facer nulas as súas emisións” As comunidades de montes e propietarios que desexen inscribir proxectos no sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia deberán cumprir, cando menos, cos seguintes requisitos: - Dispor dun instrumento de ordenación forestal aprobado pola Administración. - Realizar tomas de parcelas de mostraxe de inventario forestal, de xeito complementario ós requisitos establecidos no Decreto 52/2014 de ordenación e xestión dos montes. - Estar suxeitos a auditorías continuadas e permitir a entrada ao persoal responsable do sistema de créditos de carbono da Xunta, así como cooperar con eles no que fora necesario a fin de dotar da maior transparencia ó sistema, en particular na detección de posibles casos de dobre contabilidade en materia de créditos de carbono en Galicia. - Permanecer no sistema alomenos os anos que corresponda a quenda de corta da especie principal da masa.
Fe de erratas: Nun inicio, informouse de que a cesión dos dereitos de carbono terá que contar coa autorización previa da Administración galega, pero iso só é aplicable no caso dos montes de xestión pública. https://www.campogalego.gal/como-funciona-o-mercado-de-carbono-no-monte-galego-luces-e-sombras/

Xornada formativa sobre a pegada de carbono da actividade agraria

O Sindicato Labrego Galego ten aberta a inscrición na formación online “A Pegada de Carbono na Actividade Agraria”, que terá lugar os días 11, 17, 18 e 24 de outubro. Docentes: -Gregorio Salcedo (profesor de nutrición animal) -José Taboada (CMVMC de Vincios) -Ana Rodríguez e Andrés Castro (especialistas en PAC do SLG) -Cesar Rech (Investigador de Mabegondo) Datas e horario: 11, 18 e 24 de outubro (15:30h. a 18:30h.) 17 de outubro (16:00h. a 19:00h.) INSCRICIÓNS no formulario: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSefgbl8B6oUj69UDPWBDJM1fRkgmLspH5-gidvoxTelz2v4RA/viewform Información: 981 554 147 / nacional@sindicatolabrego.gal

Xornada online sobre a pegada de carbono da agricultura e a gandería

O Grupo Alimentario de Innovación y Sostenibilidad (GIS) organiza o próximo 21 de setembro ás 11:00 horas a xornada titulada “A pegada da agricultura e a gandería na alimentación”. Ricardo Migueláñez, coordinador do GIS, será o encargado de dar a benvida á xornada. A inauguración correrá a cargo de Paz Fentes, Subdirectora de Cultivos Herbáceos e Industriais e Aceite de Oliva do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). Así mesmo, Fentes será a encargada de levar a cabo o relatorio titulado “A agricultura de carbono en Europa”. Da man de Xoán Rodríguez, director técnico de Vacún de leite en Alltech Spain, os asistentes coñecerán as “Estratexias de mitigación da pegada de carbono en gandería”. Por último, terá lugar unha mesa redonda titulada “Balance de emisións agrícolas e gandeiras”, moderada por Manuel Laínez, director do INIA. Representantes do sector da agricultura e a gandería formarán parte desta mesa, tales como Emilio de León. director de Compras e Desenvolvemento de Negocio de COVAP; Javier Gómez, responsable do aprovisionamento lácteo de Nestlé España; Sergio Menéndez, coordinador do Grupo de Innovación de Campo do Grupo AN; e Leonor Algarra, Subdirectora de Medios de Produción Gandeiros do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA). As inscricións no webinar poden realizarse a través desta ligazón: https://register.gotowebinar.com/register/7932740424087110928 Máis información: info@gisalimentario.es | 91 721 79 29

Cal é a pegada de carbono e a pegada hídrica de producir un litro de leite en Galicia?

Este martes pola mañá tivo lugar en Santiago de Compostela a xornada Sostibilidade, Pegada de Carbono e Pegada Hídrica na produción de leite, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA). Nela foron presentados resultados do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e a pegada hídrica” iniciado en 2018, no cal participou a Universidade de Santiago de Compostela (USC). No proxecto efectuouse a medición da pegada hídrica e a pegada de carbono en 100 explotacións galegas produtoras de leite, cunha media de 88 vacas en fase produtiva. Ricardo Rebolledo, enxeñeiro industrial na USC, explicou que mediante a metodoloxía de análise de ciclo de vida achouse que a media dos indicadores ambientais avaliados (pegada de carbono e pegada hídrica) foi de 1,42 kg de CO2 equivalente por litro de leite (en tanque frío de explotación) para a de carbono, na media da Unión Europea, situada en 1,4 kg, e de 1,33 m3/l en canto á hídrica, tamén na media comunitaria. En canto a fontes de impacto, as cargas ambientais principais son, para a pegada de carbono, as emisións de campo (fertilizantes e pensos) e, para a pegada hídrica, a alimentación do gando. Un fenómeno que se observa, ademais, é que a maior produción de leite, menor pegada de carbono: “Se mellora o rendemento da produción de leite, considerando os mesmos niveis de emisón e consumo, mellora o meu indicador de pegada de carbono e auga. En ambas as pegadas a emisión está ligada a emisións de campo, aínda que no caso da hídrica teñen maior impacto os pensos”, precisou o investigador da USC. Rebolledo indicou que as granxas analizadas teñen un valor de eficiencia próximo ao 100% (58 teñen un valor do 100% e as restantes sitúanse maioritariamente entre o 80% e o 100%).

Boas prácticas para reducir a pegada de carbono e hídrica na produción de leite:

-Control de enfermidades para reducir a necesidade de recría e aumentar a produción vitalícia: O 20% das perdas de produtividade animal están estreitamente relacionadas coa enfermidade. -Uso eficiente da auga: Instalar sistemas de recuperación, utilizar sistemas de limpeza de auga a presión e instalar colectores para recoller e reutilizar as augas pluviais. -Produción de biogás separando a parte sólida da líquida do xurro. -Mellorar a calidade dos alimentos das vacas mediante: Mellora da calidade das forraxes producidas, empregando trigo ou cebada en lugar de palla, sorgo, millo, pensos secos ou residuos de cultivos. Aposta polos sucedáneos dos alimentos: bagazo de cervexa... Promover o contido proteico da colza, un cultivo local, en comparación coa soia. -Xestión do esterco e dos fertilizantes químicos: Adaptar a súa aplicación segundo as necesidades do solo, realizando análises periódicas do mesmo. Uso de leguminosas (chícharos, trevos...etc) para fixar nitróxeno e reducir a necesidade de fertilización nitroxenada a partir de estercos e fertilizantes de orixe mineral. -Mellorar a xestión ambiental das granxas mediante: Formación e sensibilización do persoal Revisión periódica de equipamentos Plan estratéxico de redución de insumos, en especial abonos químicos e pensos.

Tendencias de futuro para reducir a pegada de carbono e hídrica por litro de leite:

-Emprego de complementos alimenticios -Alimentación de precisión, axustándoa en cantidade e tipo de alimentos (especialmente no caso do concentrado) ao estado produtivo de cada animal. -Uso de inhibidores: Afecta directamente aos microorganismos do rume para evitar a produción de metano -Resistencia ás enfermidades, mediante a mellora xenética.

Conclusións:

-A pegada de carbono aumenta a medida que diminúe o nivel de produción de leite, o que amosa un sobredimensionamento no aproveitamento dos recursos que consumen as pequenas explotacións gandeiras. -Constatouse que en ambas pegadas, a maior parte das cargas ambientais poderían estar asociadas a emisións do campo, compra de pensos e insumos agrícolas para os campos. Reducir estes imputs contribuiría nunha granxa a reducir tamén a súa pegada de carbono e hídrica. -Para a pegada hídrica ,a maioría dos impactos poderían estar asociados a o tipo de ingredientes utilizados no penso adquirido , destacando o alto valor reportado para a cebada.

Elevada capacidade das granxas galegas de vacún de leite para secuestrar carbono no solo

Un momento da xornada Pola súa banda, María Rosa Mosquera (catedrática de produción vexetal da USC), indicou que a agrosilvicultura é clave para manter e mellorar o carbono orgánico no chan. En concreto, foi analizada a presenza e influencia de superficies de pastos, froitais e forestal nas 100 granxas. Mosquera indicou a elevada capacidade das explotacións de Galicia para secuestar carbono, dado que a maioría das analizadas declaraba contar con alguna das superficies, e recomendou a creación de plans de xestión adaptados ao clima e cultivos de cada zona, ademais de encamiñar as granxas cara aos pastos permanentes para alimentación do gando, tendo en conta non só o secuestro de carbono senón tamén a redución de custos en man de obra e compra de proteína, ademais de reducir o volume de xurros. Por outra banda, Victorio Collado, técnico de Gandería de Cooperativas Agro-alimentarias de España, explicou carbon farming, mellores técnicas dispoñibles e posibles ferramentas para controlar pegada de carbono no sector lácteo. María Luz Macho, subdirectora xeral de Meteoroloxía e cambio climático, presentou diferentes ferramentas e sistemas para calcular pegada de carbono nas explotacións e Lorenzo Bonoldi, de Nutralia Solutions, presentou Rumitech como caso de éxito na redución da pegada de carbono. Ademais, foi presentado o proxecto europeo GO-GRASS, no que participa AGACA, cuxo obxectivo é por en valor os pasteiros e atopar novos usos para a herba (como camas e concentrado de proteína orgánica para animais, biochar e papel). A xornada forma parte do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e a pegada hídrica”, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES). Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial destas.

Agaca presenta estudo sobre pegada de carbono e hídrica das ganderías de vacún de leite galegas

O vindeiro martes 12 de xullo terá lugar a xornada Sostibilidade, Pegada de Carbono e Pegada Hídrica na produción de leite, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agraoalimentarias (AGACA). Será no Hotel OCA Puerta del Camino (Santiago de Compostela), de 09:00 a 17:30h. O primeiro relatorio centrarase na presentación dos cálculos da pegada de carbono e a pegada hídrica de 100 explotacións do sector vacún de leite, a cargo de Gumersindo Feijóo, catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), entidade que colaborou con AGACA no estudo. A xornada continúa cun relatorio sobre agrosilvicutura para mellorar o carbono no solo (ás 11:15h.) e outro sobre carbon farming (ás 12:00h.), e coa presentación do proxecto europeo GO-GRASS no que participa AGACA, que busca novos usos para a herba, tales como briquetas, biochar, camas e concentrado de proteína para animais e papel (ás 12:45h.). Pola tarde, de 16:00 a 17:30, as intervencións centraranse na previsión, cálculo e regulamentación do cambio climático e en estratexias para redución de pegada de carbono. A Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, Silvestre Balseiros, participarán na xornada. A iniciativa forma parte do proxecto “Mellora da competitividade das explotacións de gando vacún leiteiro mediante asesoramento para a redución da pegada de carbono e a pegada hídrica”, no marco do Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, xestionado pola Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES). Conta co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, mediante a convocatoria de subvencións dirixidas a entidades e empresas da economía social para o desenvolvemento de proxectos destinados á creación de empresas e entidades da economía social ou á mellora da competitividade e o apoio á consolidación empresarial destas.

Prácticas sinxelas para reducir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite

As limitacións, e tamén as penalizacións, ás emisións de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera, uns dos principais gases causantes do cambio climático, van chegar tamén á gandería de vacún de leite. A Unión Europea márcase dentro da súa estratexia do Pacto Verde Europeo lograr no 2050 unha Europa climáticamente neutra, é dicir que non emita CO2, en todos os sectores, entre eles a produción de alimentos. Neste contexto, o proxecto europeo Dairy for Future (D4F), coordinado en Galicia pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), ven de presentar os resultados dun estudo, realizado en 80 granxas do Arco Atlántico Europeo, para medir a pegada de carbono nas ganderías de vacún de leite e as formas de reducila. O Doutor César Resch Zafra, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e coordinador en Galicia do proxecto, avanzou que “o obxectivo deste estudo foi determinar que prácticas son máis determinantes, algo que neste momento está en debate, para calcular as emisións de dióxido de carbono dunha granxa de vacún de leite, de cara a poder cuantificalo e establecer medidas para reducir esa pegada de carbono”. “Onde si hai consenso é en que a unidade de medida debe ser en kilogramo de CO2 equivalente por litro de leite corrixido”, engadiu.

A menos carga gandeira menos emisións de CO2

Un dos factores que se analizaron foi a relación entre a carga gandeira, medida en cabezas de gando por hectárea de superficie, e relacionándoo tamén coa porcentaxe de xovencas de reemprazo. Para iso, ordeáronse os resultados obtidos nas 80 granxas en función da súa carga gandeira de maior a menor, resultando catro grupos en base a este parámetro. En cada grupo realizaron a media de porcentaxe de xovencas de reemprazo, resultando o cadro seguinte.

Carga gandeira e porcentaxe de xovencas de reemprazo:

Fonte: Dairy For Future Seguindo a mesma metodoloxía que no caso anterior vemos que se agrupamos por emisións de CO2 equivalente resulta o seguinte cadro cando a variable medida no grupo e a carga gandeira.

Carga gandeira e emisión de carbono equivalente por litro de leite corrixido:

Fonte: Dairy For Future “A conclusión clara é que a maior carga gandeira máis emisións de carbono terá unha granxa de vacún de leite. E tamén que a maior porcentaxe de reposición, máis emisións, polo que teremos que procurar incrementar a lonxevidade das vacas, con maiores produccións vitalicias, reducir o número de xovencas e incrementar a Superficie Agraria Útil (SAU) das granxas para así termos ganderías con menor índice de emisión de carbono equivalente”, explica César Resch.

Canto máis custa a ración das vacas maiores serán as emisións de CO2

Outro aspecto que se analizou no proxecto Dairy For Future foi a relación que existe entre o custo do que comen as vacas (maior ou menor cantidade de penso, de forraxes ensiladas e de pasto ou herba en verde) e as emisións de carbono.

Gasto en alimento por litro producido e emisión de carbono equivalente:

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>
Fonte: Dairy For Future   Os resultados reflicten que as emisións de CO2 por litro de leite duplícanse segundo o custo da alimentación das vacas: 0,98 para as máis baseadas en pastoreo e 1,75 para as que empregan máis penso. Neste sentido, César Resch destacou que “o factor a controlar son os gramos de concentrado por litro producido, tendo como obxectivo de 200 a 250 gramos por litro de leite. Para que este obxectivo sexa factible económicamente necesitamos forraxe en cantidade e calidade”. “O reto tecnolóxico está en producir 40 litros de leite con 9 kilos de concentrado e non con 12 ou 14 kilos como está acontecendo neste momento en moitas granxas de vacún de leite de España, algo que é inviable do punto de vista medioambiental e tamén económico cos prezos actuais das materias primas”, advertiu.

As emisións de CO2 por litro de leite producido parecen non ter relación co sistema de producción que se utilice

¿As vacas en pastoreo emiten menos CO2 que as que están estabuladas e reciben unha ración unifeed? Para responder a esta pregunta o estudo analizou a relación entre o sistema de produción das 80 granxas analizadas (dende as exclusivamente a pastoreo de Irlanda, semiextensivo na Bretaña francesa ás ganderías nas que as vacas están estabuladas e son alimentadas con forraxes ensiladas, pasando pouco tempo en pastoreo).

Sistema de produción e emisión de carbono equivalente:

Fonte: Dairy For Future “Non atopamos diferencias nas emisions de CO2 por litro de leite corrixido. A clave é que nós manexemos o sistema e que non sexa o sistema o que nos manexe a nós”, destacou o coordinador do proxecto.

A maior coste de produción dunha granxa.....maiores emisións de CO2

Fonte: Dairy For Future Outro factor que analizou o estudo de Dairy for Future foi a relación entre o que lle custa a unha gandería producir un litro de leite e as emisións de CO2 equivalentes. Neste sentido, e como era de esperar, as do grupo que teñen maiores custos de produción, en torno a 0,37 euros o litro, son as que emiten máis kilogramos de CO2, uns 1,41 kg por litro de leite corrixido, mentres que as que rexistran menor custo, 0,20 euros por litro de leite, tamén emiten menos, sobre 1,29 euros o litro, algo que se relaciona fundamentalmente coa maior eficiencia na utilzación dos recursos da granxa, nomeadamente concentrados, adubos orgánicos e inorgánicos e forraxes entre outros.

Conclusións:

-As emisións de gases de efecto invernadoiro son un bo indicador da eficacia de uso dos recursos. -A precisión, independentemente do sistema (pastoreo, estabulación con ración unifeed, semiextensivo..), parece clave para controlar as emisións de gases de efecto invernadoiro. -A emisión de GEI é un indicador da saúde económica da granxa, xa que se vincula cos custos de produción. -Para controlar as emisións de CO2 é clave ter en conta: -A porcentaxe de recría. -A cantidade de adubo inorgánico que se emprega. -O uso adecuado do concentrado

Forestación Galicia defende os contratos de carbono que asina con comunidades de montes

A polémica xerada ao redor dunha parte dos contratos de carbono que se están asinando no monte galego apunta principalmente a dúas empresas: Forestación Galicia (Foresga) e ao Grupo Sylvestris. Desde Foresga quixeron dar a súa versión sobre os contratos que están a ofrecer en monte, nos que se reservan a percepción do 50% dos dereitos de carbono, en tanto o outro 50% corresponde aos propietarios.

En primeiro lugar, Forestación Galicia S.A. (Foresga) sinala que é unha empresa de servizos forestais con máis de 25 anos de traxectoria profesional. A firma apunta que realiza, entre outros, traballos forestais de todo tipo, como plantacións, tratamentos silvícolas ou construción e mellora de infraestruturas, así como a xestión integral de comunidades de montes. A compañía afirma que presta os seus servizos a 300 comunidades de montes de toda Galicia.

Desde a empresa consideran que o mercado voluntario de carbono podería ser unha oportunidade de financiamento e de ingresos para os propietarios forestais, “axudando de forma moi importante a aquelas comunidades de montes veciñais faltas de recursos para poder afrontar os investimentos que son necesarios, sobre todo nos primeiros anos de vida da plantación, cando as necesidades de investimento son maiores”.

Pero Foresga asegura que “a día de hoxe, no mercado voluntario de carbono non hai unha demanda real do carbono que se inscribe e, na nosa opinión, o formato de inscribirse no rexistro do Ministerio e que te “chamen” os interesados en comprar o carbono é erróneo”.

Para defender este argumento, a empresa apunta a datos da web do Ministerio de Transición Ecolóxica a 1 de febreiro: “As toneladas de CO2 dispoñibles para vender no rexistro son 220.481; as vendidas desde 2014 son 19.000 e as operacións de venda realizadas son 231, cunha media de 82,5 toneladas por operación”, indican.

Con estes datos, Foresga sostén que “o mercado de carbono poderá ser algún día un recurso interesante para o propietario, pero nestes momentos non o é”.

Evolución e situación do mercado de carbono
Con todo, se se repasa a cronoloxía das inscricións de CO2, compróbase que a gran maioría formalizáronse no último ano, en tanto nos primeiros anos do Rexistro practicamente eran inexistentes. En paralelo a esas inscricións do último ano, o mercado despegou. En Galicia nos últimos meses pecháronse ou apalabráronse a venda de arredor de 100.000 toneladas de carbono a empresas, segundo os datos que manexa Campo Galego, tras consultar a distintas fontes do sector.

Esas 100.000 toneladas aínda non aparecen como retiradas (vendidas) no Rexistro do Ministerio, xa que as empresas deben previamente calcular a súa compensación e inscribila ante o Ministerio, un proceso que se pechará previsiblemente nos próximos meses na maioría de casos en xestión.

A visión de Foresga
Desde Foresga entenden, pola súa banda, que o mercado de carbono é aínda incipiente e decláranse comprometidos en crear un mercado de carbono real. “Para iso é fundamental manter unha alta actividade comercializadora para fomentar a demanda, de tal forma que o comprador poida obter rendibilidade (imaxe, diñeiro, etc.) do produto que compra. Igualmente parécenos fundamental atraer a investidores con capacidade para comprar volumes substancialmente maiores aos que se viñeron comercializando até agora”, aseguran.

De cara a obter volumes de venda que ofrecer a investidores, Foresga subliña que “é necesario dispor de cantidades de CO2 que exceden das posibilidades dunha soa comunidade de montes e dar garantías ao investidor sobre a permanencia do proxecto de absorción e a execución do plan de xestión entregado. Neste sentido, “Forestación Galicia -asegura- dá seguridade ao investidor, pero tamén á comunidade de montes veciñais propietaria, ao acompañala en todo o necesario ao longo da vida do proxecto”.

Tipo de contrato
En relación ao tipo de contrato que lle ofrece ás comunidades de montes, Foresga confirma, tal e como se publicou, que lle propón aos seus clientes o rexistro dos seus dereitos de carbono, garantindo “nun contrato sinxelo que o 50% dos seus dereitos corresponda á propiedade, sen que esta asuma ningún custo e mantendo a última palabra na decisión de venda”, explica Foresga.

Foresga xustifica a percepción do outro 50% de dereitos en que “a empresa dedicou importantes recursos para o rexistro e comercialización do carbono dos seus clientes e todo este esforzo esperamos que dea os seus froitos, conseguindo a venda do seu produto en condicións adecuadas, sendo merecedores da confianza que depositaron en nós”, conclúe.

Como funciona o mercado de carbono no monte galego: luces e sombras

A loita contra o cambio climático deparou nos últimos anos unha oportunidade para o monte, coa creación dun mercado para o carbono atmosférico que absorben determinados proxectos forestais. Para comunidades de montes e propietarios particulares, a aparición de empresas interesadas na compra do carbono almacenado nas masas forestais constitúe unha nova vía de ingresos. O problema é que con ese mercado de carbono, chegaron tamén empresas intermediarias que, nalgúns casos, están a ofrecerlle “contratos abusivos e de especulación” ós propietarios forestais, segundo se apunta desde o sector. A posta en marcha do mercado de carbono remóntase ó 2014, cando o Goberno impulsou o Decreto de Huella de Carbono, que estableceu dúas vías para proxectos de absorción e compensación de emisións nos montes: a forestación de superficies que estiveran desarboradas desde o 1989 ou a restauración de montes afectados por incendios forestais. O Decreto de Huella de Carbono foi ben recibido tanto polas empresas como polos propietarios forestais. Para as empresas, abriu vías para compensar, de xeito voluntario, a súa pegada de carbono a través de proxectos forestais. Para os propietarios, o Decreto supuxo un vello anceio, o cobro polos servizos ambientais que presta o arborado, un cobro que lles xera fondos para o coidado dos seus montes. “O mercado de carbono representa unha segunda oportunidade para xestionar montes que se pode dicir que estaban desahuciados” -valora Daniel Rodríguez, economista da Asociación Forestal de Galicia-. “Os ingresos que xa están a recibir os propietarios polo carbono permítenlles acometer a restauración de montes que ou ben se viran afectados por serios lumes ou ben estaban abandonados desde hai décadas”.
En Galicia inscribíronse arredor de 60 proxectos de absorción de carbono no 2021
Trala aprobación do Decreto de Huella de Carbono no 2014, pasaron uns anos con escasos proxectos de compensación inscritos no Rexistro de Absorcións de CO2 do Ministerio, pero nos últimos anos as inscripcións disparáronse. Só en Galicia rexistráronse arredor de 60 proxectos forestais de compensación no 2021. Proceso Co rexistro dun proxecto no Ministerio de Transición Ecolóxica, os propietarios están ofrecendo no mercado o carbono que captan os seus montes. A documentación de cada forestación inscrita concreta o número de hectáreas plantadas, o tempo de permanencia da masa (normalmente entre 30 e 50 anos) e os pés de corta final. Con eses datos, o Ministerio determina cantas toneladas de carbono captará a plantación, que serán as que poderán ofrecer os propietarios no mercado. Nun inicio, os propietarios poden anticipar a venda de ata un 20% das toneladas inscritas, en tanto as restantes só as poderán vender unha vez que, efectivamente, esas toneladas de carbono estean capturadas pola plantación. Prezos No caso do piñeiro, unha das especies máis habituais nos proxectos de absorción, os prezos no mercado por tonelada de carbono rondan na actualidade o arco entre os 20 e os 30 euros. Se se ten en conta que cada hectárea inscrita pode absorber arredor de 250 – 350 toneladas, en función do tempo de permanencia da masa e da densidade de plantación, o mercado de carbono preséntase como un recurso de gran interese para o propietario.
Os prezos de mercado rondan os 20 - 30 euros por tonelada de carbono. Se se ten en conta que unha hectárea de piñeiros pode absorber da orde de 250 -350 toneladas en quenda, a oportunidade é clara
“Estamos falando dun novo recurso dos montes, a maiores da madeira e doutros, que non se pode regalar ás primeiras de cambio”, valora Daniel Rodríguez, técnico da Asociación Forestal de Galicia. “É unha marabilla -completa Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga)-. Estáselle pagando actualmente polo carbono ó propietario case a metade do valor da madeira a final de quenda”. Analizamos a continuación como se está a mover o mercado de carbono en Galicia.

Modelo de contratos: do pago de servizos a comisións do 50%

As alternativas de mercado que teñen comunidades de montes e propietarios particulares para comercializar o carbono dos seus montes pódense dividir en tres.

1) Pagar os servizos técnicos do proxecto e asumir a venda do carbono

Técnicos e asociacións do sector consultadas coinciden en que a opción máis beneficiosa para as comunidades é comercializar directamente o seu carbono. É dicir, pagar os servizos dun técnico, empresa de enxeñería forestal ou asociación para que elabore o proxecto e o inscriba no Rexistro de Absorcións de CO2. Unha vez inscrito o proxecto, serían os propietarios os que comercializarían directamente o seu carbono. É, por exemplo, a vía pola que se aposta nos proxectos de absorción que elabora para comunidades de montes e propietarios a Asociación Forestal de Galicia (AFG), unha entidade que tamén colabora na mesma liña coa Fundación Arume.
"A Asociación Forestal de Galicia cobra polos seus servizos técnicos, pero é o propietario o que vende o carbono dos seus montes a quen quere e cando así o decide" (Daniel Rodríguez, AFG)
“A Asociación Forestal elabora o proxecto de forestación e inscríbeo no Rexistro do Ministerio, cobrando loxicamente por ese servizo, pero son os propietarios os que venden o carbono dos seus montes. Nós podemos conseguir ofertas para ese carbono e trasladarllas ás comunidades de montes e propietarios, pero é a comunidade a que decide se quere aceptar esa oferta ou esperar por outras”, explica Daniel Rodríguez, economista da AFG. Desde a Asociación Forestal de Galicia subliñan tamén a importancia de facer un acompañamento técnico das plantacións: “A forestación debe facerse cuns criterios técnicos que garantan a obtención de madeira de calidade a final de quenda. É fundamental planificar cuestións como a calidade xenética da planta, as claras e os tratamentos silvícolas a aplicar. O propietario debe esixir rigurosidade e seriedade”, conclúen.
"Desde Asefoga recomendámoslles ós propietarios que inscriban os seus proxectos e que sexan eles os que xestionen cando e a qué prezo vender o carbono" (Jacobo Feijoo, Asefoga)
Outro colectivo, a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada a Unións Agrarias, aposta tamén por unha vía similar para que os propietarios desenvolvan os seus proxectos. “Desde Asefoga o que lle recomendamos ós nosos asociados é que inscriban os seus proxectos e que non teñan présa por vender o carbono. Hai e haberá empresas interesadas no carbono que contactarán con eles para presentarlles ofertas. Non se pode regalar”, valora o secretario xeral de Asefoga, Jacobo Feijoo.
"É importante que ninguén se quede co que é dos propietarios. A mellor opción é que comunidades de montes e propietarios se encarguen de vender o seu carbono" (BioeCO2)
O mesmo camiño apunta a asociación BioeCO2, un novo colectivo que agrupa a empresas de enxeñería forestal de Galicia. “O obxectivo das nosas empresas socias é aportarlle valor ós seus clientes, os propietarios forestais. A mellor vía para iso é que as comunidades de montes e propietarios inscriban os seus proxectos no Ministerio, a través do servizo técnico co que queiran traballar, e que as propias comunidades e propietarios se encarguen da posterior venda do carbono. Que ninguén se quede co que é deles”, conclúen.

2) Ceder o carbono a cambio da forestación do monte e do seu mantemento durante 6 anos

Este segundo sistema consiste en que unha empresa asume un proxecto de forestación, sen custo para o propietario, a cambio de que se lle cedan tódolos dereitos sobre o carbono. A empresa poderá vender eses dereitos cando e como queira, quedándose con todos os ingresos que logre. É o modelo que emprega en Galicia o Grupo Sylvestris, que estase a comprometer cos propietarios á plantación e ó mantemento da plantación durante 6 anos, con rozas bianuais. Desde o sector forestal vense advertindo desde o verán pasado contra este tipo de sistema. A Organización Galega de Comunidades de Montes pediulle incluso á Consellería do Medio Rural que intervise para frear a especulación que entenden que se está a dar no mercado de carbono. “As empresas pretenden acaparar as compensacións monetarias pola captura de CO2 que ben poderían xestionar directamente os propietarios”, defenden.
A Organización Galega de Comunidades de Montes advirte contra as prácticas especulativas que buscan "acaparar as compensacións monetarias pola captura de CO2 que ben poderían xestionar directamente os propietarios"
Outra cuestión a ter en conta, segundo apuntan técnicos do sector, é que algúns dos modelos silvícolas que se promoven dificultan a obtención de madeira de calidade a fin de quenda, polo que se lle recomenda ós propietarios que en caso de decantarse por este sistema, atendan ás cuestións técnicas da plantación. Desde Campo Galego contactouse co Grupo Sylvestris para coñecer a súa versión, pero polo de agora renunciou a contestar.

3) Pagarlle unha comisión de ata o 50% do carbono a unha empresa intermediaria

Unha terceira vía que se popularizou en Galicia é o de entregarlle ata o 50% do carbono do monte a unha empresa intermediaria, que simplemente inscribe no Ministerio un proxecto de forestación xa executado polos propietarios. Esa empresa, a cambio da inscripción do proxecto, quédase co dereito a vender o carbono, cando e como queira, e cunha comisión de ata o 50% dos ingresos que esa venda xenere. É o modelo que emprega Forestación de Galicia (Foresga), unha empresa que acumula arredor da metade de tódolos proxectos de absorción inscritos o pasado ano en Galicia. Desde a óptica das asociacións e técnicos do sector, é o sistema máis prexudicial para o propietario. “É como se eu fago un proxecto de ordenación dun monte e a cambio quédome co 50% da madeira que produza ese monte. É simplemente quedarse co que é do propietario”, compara un enxeñeiro técnico forestal consultado. Desde Campo Galego contactouse con Foresga para coñecer a súa versión, pero polo de agora non contestaron á petición. O Grupo Sylvestris, a parte de acometer forestacións a cambio dos dereitos de carbono, tamén está a adquirir en Galicia os dereitos de carbono de plantacións xa feitas. Ese pago, segundo se interpreta desde o sector, representa para a comunidade unha parte menor dos ingresos por carbono que podería chegar a percibir no mercado ao longo de toda a quenda da masa. Valoracións As asociacións de propietarios, pola súa banda, sen entrar a analizar casos concretos, apuntan que consideran prexudicial este tipo de sistemas. “Para que unha comunidade de montes valorice o recurso ó mellor prezo posible, o razonable é que pague só os custos técnicos que teña pola elaboración e inscripción do proxecto, pero non que entregue unha alta porcentaxe do carbono que vai producir”, aconsella Daniel Rodríguez, da Asociación Forestal de Galicia. En similar liña exprésase Jacobo Feijoo, de Asefoga: “A cuestión principal e positiva é que hai unha serie de externalidades ambientais que se lle están pagando ós propietarios. Se existe unha certa especulación sobre os dereitos de carbono, un sistema para evitar iso sería establecer algún tipo de cláusula para que unha parte importante dos dereitos de carbono percibidos polo propietario se tivesen que reinvestir nos traballos forestais, de cara a cumprir co plan de ordenación”, propón.

Os pensos DAP de Nanta permiten aos gandeiros avanzar cara á certificación das súas producións

O cálculo da Pegada Ambiental e a certificación Declaración Ambiental de Produto (DAP) son puntos clave na Granxa Circular, o proxecto de Nanta para avanzar na sustentabilidade da gandaría. O obxectivo é valorar o impacto ambiental dun produto ao longo de todo o seu ciclo de vida para poder planificar accións necesarias para reducir este impacto e mellorar a xestión ambiental. Grazas a estas análises, é posible achegar un valor engadido ás producións finais, carne e leite, ao trasladar a DAP e a Pegada Ambiental até o último elo da cadea de produción.

Nanta conta con dúas gamas de pensos con Declaración Ambiental de Produto, os pensos para ovino de carne Vitacor Life e vacún de carne Bovicarn Life.Ademais, no caso da gama dirixida a rumiantes de leite, dispón de pensos con declaración de Pegada Ambiental, deseñados todos eles para minimizar as emisións de metano, fósforo e nitróxeno.

Un valor engadido para as producións

O estudo da pegada ambiental dun produto ou servizo implica levar a cabo unha Análise de Ciclo de Vida (ACV), tamén coñecido como análise do berce á tumba, que abarca a avaliación de parámetros como o quecemento global, o uso da auga, o ozono fotoquímico, a acidificación e a eutrofización da auga, entre outros.

Desta forma, os pensos DAP de Nanta, así como o cálculo da Pegada Ambiental, son unha panca que permite aos gandeiros avanzar cara á certificación das súas producións e ofrecen a posibilidade de crear futuras alianzas estratéxicas para desenvolver alimentos máis responsables co medioambiente. Respondendo desta forma aos requirimentos da industria, tanto a nivel lexislativo como a nivel de consumidor, que reclama alimentos máis sustentables.

As certificacións ambientais nas granxas ofrecen a posibilidade de crear futuras alianzas estratéxicas para desenvolver alimentos máis responsables co medioambiente

Visita Granxa Circular para coñecer todos os servizos que Nanta pon á túa disposición para avanzar cara á gandaría do futuro.

Acerca de Granxa Circular

Granxa Circular é a proposta de Nanta para avanzar na sustentabilidade da gandaría. Aliñada co Roadmap de Nutreco 2025, trátase dun modelo de sustentabilidade co que demostrar o grao de sustentabilidade dunha granxa atendendo a catro alicerces fundamentais: económico, ambiental, social e benestar animal. Co Decálogo de Granxa Circular como guía, un conxunto de dez troncos críticos a considerar, Granxa Circular cualifica ás granxas en tres categorías (A, B e C) en función dos seus resultados de sustentabilidade.

Cun enfoque multidisciplinar, inclúe varias ferramentas de cálculo e avaliación e conta con indicadores solventes, medibles e prácticos, sendo posible a verificación da certificación de sustentabilidade por parte de Aenor. Máis información en Granja Circular.

Acerca de Nanta

Nanta é a compañía líder na fabricación e comercialización de pensos compostos na península ibérica. Comezou a súa actividade en 1968 e desde entón o alto grao de compromiso cos seus clientes e o mundo da produción gandeira en xeral, a tecnoloxía empregada e os seus programas de I+D+i e calidade supuxeron un auténtico motor de avance para este sector industrial. Unha clara vocación e aposta pola innovación que a compañía mantén e manterá no futuro.

Englobada dentro da multinacional Nutreco, Nanta conta con 22 centros de produción dotados de tecnoloxía punta e todas eles certificados na norma ISO 14001 de medio ambiente e ISO 45001 de prevención de riscos laborais. Cabe destacar sobre todo a certificación de seguridade alimentaria FSSC 22000, garantía da seguridade e a calidade dos produtos da compañía. No seu portfolio de máis de 200 produtos atópanse alimentos para porcino branco e ibérico, para cunicultura e avicultura, para vacún de carne e de leite, ovino e caprino, e para a alimentación de cans, gatos e cabalos.

Gandería Os Taboada, un novo concepto no camiño cara o modelo europeo

“Hai 20 anos os nosos obxectivos na granxa eran outros, críase que aumentar e dimensionar a gandería era a vía para lograr unha maior rendibilidade. Hoxe vémolo doutro xeito, estamos nun mundo global, que evoluciona moi rápido e non podemos vivir de costas a iso, nin atoados nos conceptos que se manexaban daquela en xestión ou produción ”, reivindica José Taboada á fronte, xunto con seu pai, da Gandería Os Taboada. Nesta granxa familiar asentada na aldea lucense de Soengas de Arriba, en Portomarín, levan máis de 40 anos centrados na produción leiteira e tamén tiveron épocas nas que ademais cebaban xatos. “Sempre fomos unha gandería con inquedanzas e un carácter innovador”, apunta José. De feito, foi a gandería na que se logrou o primeiro xato dunha fecundación in vitro, un feito punteiro no que contaron coa colaboración de Xenética Fontao e que convertía a esta granxa en pioneira non só a nivel galego senón estatal.
“Debemos ser moi conscientes de que somos produtores de alimentos de primeira necesidade e por iso coidamos ó máximo os nosos animais, xa que somos o que comemos”
Hai pouco máis de 5 anos deron un cambio de rumbo, comezaron a priorizar outros criterios cos que lograr animais máis sans e deixar de usar antibióticos e desparasitantes convencionais. Buscan a eficiencia e optimizar os recursos cos que conta a gandería para producir leite dun xeito sostible. “Os gandeiros debemos ser moi conscientes de que somos produtores de alimentos de primeira necesidade e por iso coidamos ó máximo os nosos animais, xa que somos o que comemos”, reafirma. José Taboada ademais de gandeiro é veterinario e compaxina o traballo na granxa, cos labores de asesoramento noutras granxas de vacún de leite e carne en colaboración coa firma comercial GAV-Allfeed, de Jordi Tost. Tanto a súa formación como a experiencia comercial están moi vinculados a este xiro na súa propia granxa.

Un rabaño de Frisoas e Fleckvieh

Un dos primeiros cambios que introduciron na gandería nesta aposta por un modelo máis sostible foi contar con outras razas, xa que tiñan un rabaño puro de Holsteins. “Acordamos meter outras razas non só por unha cuestión de eficiencia senón polas necesidades de mercado tanto a nivel nacional como mundial”, explica. Apostaron polas vacas Fleckvieh élite de leite, en colaboración con Genetic Austria, e polo cruzamento de Fleckvieh-frisoa. Así, entre o branco e negro predominante das frisoas noutros tempos fóronse abrindo paso os tons pardos das vacas Fleckvieh. Hoxe, na gandería en pleno proceso aínda de transición, teñen unhas 70 vacas en muxido.
“Ó introducir outras razas na granxa foi cando vimos claro que tamén tiñamos que cambiar o modelo empresarial da gandería”
Unha viaxe do gandeiro a granxas austríacas acabara de convencelo non só do potencial da raza Fleckvieh, coñecida pola súa rusticidade, rendementos e lonxevidade, senón tamén da necesidade de seguir afianzando un modelo de produción no que xa están centrados países como Austria ou Alemaña. “Ó introducir outras razas na granxa foi cando vimos claro que tamén tiñamos que cambiar o modelo empresarial da gandería”, indica. Na gandería optaron por un sistema mixto, onde combinan o pastoreo co aporte dunha ración a base de silo de herba, penso e herba seca que lle proporcionan cada día co carro mesturador. Así, o lote de vacas en lactación sae ó pasto sempre que é posible. “Temos moitas fincas que boa parte do ano están anegadas ou con moito caudal de auga, polo que non podemos levar as vacas para elas tanto como nos gustaría”, explica. Mentres, tanto as xovencas como as vacas secas pasan fóra boa parte do ano. “En Galicia hai cabida para todo tipo de granxas: ganderías intensivas, de pastoreo, mixtas,en ecolóxico,ou rexenerativas, xa que cada unha delas produce para un determinado nicho de mercado e consumidor. Do mesmo xeito, hai espazo para granxas grandes e para pequenas ganderías familiares, pero cada unha ten que ver o modelo de xestión que mellor se lle axusta, posto que queiramos ou non recoñecelo a granxa é unha empresa. Nós optamos polo sistema mixto porque é o que mellor se nos axusta”, valora.

Protocolos de saúde

O cambio de modelo tamén implicou marcarse novos obxectivos e xeitos de traballar. “Apostamos pola simplicidade nos protocolos e pautas de traballo, para que as tarefas poidan ser levadas a cabo sen complicación e tentar así ser máis eficientes”, detalla.
“Nós procuramos animais sans, con protocolos de saúde. A maioría das granxas seguen centrándose nos protocolos de enfermidade, para tratalas ou previlas”
Inciden en incorporar protocolos de saúde, máis alá da prevención, procuran animais fortes e sans que non enfermen e, no caso de facelo, que conten cun sistema inmunolóxico que responda de xeito rápido e contundente sen necesidade de tratar os animais con antibiótico. “Na maior parte das granxas séguense protocolos centrados na enfermidade e en tratar os animais para que non enfermen, nós queremos ir un paso máis aló e procuramos saúde”, explica Taboada, quen reivindica tamén o papel fundamental dos veterinarios na saúde pública, non soamente cos animais. Para lograr un manexo áxil inclúen protocolos específicos en cuestións como a desparasitación do gando, na que optan por produtos como as pedras Gav-Allfeed Replyn, que comercializa a empresa coa que colabora José. Trátase dun bloque de minerais e aceites esenciais para o control das moscas, insectos e parasitos, xa que ten un efecto desparasitante interno e repelente externo. Deste xeito deixaron atrás os desparasitantes convencionais. Ademais, na granxa apostan por optimizar os recursos propios para así conseguir unha maior rendibilidade da actividade e reducir a dependencia de insumos externos ó máximo. Contan con pradeiras, onde medran variedade de especies como os raigrases inglés e italiano, distintos trevos ou dáctilos. “Temos pradeiras permanentes e facemos segas tardías”, explica José. Tamén é habitual ver nos seus prados especies como dentes de león ou as labazas, consideradas por moitos gandeiros de vacún de leite como ‘malas herbas’. “Non deixamos que invadan a pradeira, temos certo control sobre elas, pero cando as vacas entran no prado, as labazas son o primeiro que comen e iso débese a que tamén lle fan un aporte importante”, explica o veterinario, ó tempo que recorda que estas especies teñen propiedades diuréticas, son estimulantes do sistema inmunolóxico e aportan distintas vitaminas ademais de ter efectos antioxidantes.

En liña coas directivas europeas

Na Gandería OsTaboada teñen fixados obxectivos a curto e longo prazo cos que conseguir este cambio a un modelo mixto e sostible. A nivel de granxa, co cambio de raza e alimentación, queren lograr animais máis lonxevos. “Buscamos un maior número de partos por vaca, porque somos moi conscientes do custo da recría”, indica Taboada. Deste xeito, pretenden destinar a recría tanto á venda como a cruce industrial de cebo.
“Buscamos un maior número de partos por vaca, porque somos moi conscientes do custo da recría”
Ó centrarse en lograr animais que aguanten en pleno rendemento máis tempo na gandería buscan incrementar os rendementos netos por animal. “Con este plan na granxa tamén pretendemos lograr unha maior calidade de vida”, comenta José. Nun marco máis global, nesta gandería lucense traballan dende hai tempo xa cos obxectivos que está marcando Europa nas súas últimas políticas verdes e nas que se encadran tamén os novos requisitos da PAC. Teñen moi presente a importancia de reducir a pegada de carbono da súa actividade gandeira e para iso tentan aproveitar ó máximo as forraxes que teñen dispoñibles. Ademais, están empezando a facer prácticas rexenerativas. Grazas ás vacas en produción e en maior medida ós animais secos e ás xovencas conseguen manter limpas parcelas que doutro xeito ficaban abandonadas. A protección da biodiversidade, tanto de fauna como de flora nas súas pradeiras é outro dos eixes do seu día a día.
“Eliminar tanto antibióticos como desparasitantes convencionais fai que xa teñamos unha maior cantidade de diversidade de flora e fauna nas nosas pradeiras”
A redución de plásticos é outro dos obxectivos que teñen moi presente con pequenos xestos que van marcando diferenza. “Empregamos un selador dos tetos que ven nun bote dun litro e temos capacidade para diluílo a 50 litros, co que se reduce o plástico das garrafas”, sinala o gandeiro. Nesa mesma liña, tamén están involucrados nun proxecto para reducir os envases de plástico dos deterxentes. Ademais, levan xa máis de 4 anos traballando con deterxentes sen cloro, unha herdanza dunha das empresas coas que José colaborou como comercial. Con todo, o maior cabalo de batalla de José na gandería é lograr eliminar tanto o uso de antibióticos como de desparasitantes convencionais. “Non é só un tema de seguridade e saúde pública senón tamén polo impacto que teñen no entorno. Eliminar tanto antibióticos como desparasitantes convencionais fai que xa teñamos unha maior cantidade de diversidade de flora e fauna nas nosas pradeiras”, reivindica o gandeiro. A eliminación de uso antibióticos no gando ábrelle a porta a que o seu leite se destine á elaboración de produtos como o leite en po para bebés, máis esixentes en canto á presenza de residuos polo uso de medicamentos. O destino do leite que comercializa a gandería é a empresa Inleit situada en Curtis (A Coruña) e especializada na transformación do leite en produtos de alto valor engadido.

Granxa piloto e certificación pioneira

A gandería Os Taboada é ademais unha granxa piloto na que José está testando algúns dos produtos que van comercializar na firma coa que colabora. Os produtos que foron xa aprobados e cumpren coas normativas legais vixentes, atópanse na fase final, previa ó seu lanzamento ó mercado. Estas probas en granxa permítenlle coñecer de primeira man as propiedades e a resposta do gando e ofrecer un mellor asesoramento ás ganderías. Nestes momentos na granxa teñen un lote de vacas ás que lle están proporcionando un aporte de nutracéuticos que lles axuden a reducir o estres por calor. Así, pese a que a granxa conta con sistema de ventiladores, nestes últimos días abafantes de calor tívoos apagados ó conseguir que o gando se mantivese deste xeito confortable. “Coa nutracéutica búscase que os animais estean sans e cando enferman teñan unha mellor capacidade de curación. Este tipo de tecnoloxía é presente e vai ser tamén o futuro”, concreta. Nun segundo lote de gando están a comprobar a mellora da eficiencia alimentaria que proporciona un dos seus novos produtos. “Estase coidando moito a calidade das forraxes, polo que é tempo de ir un paso máis alá e conseguir mellorar a conversión que o animal fai dese alimento”, indica o gandeiro. Dita conversión, en función do animal en cuestión, pode traducirse en quilos de leite, en quilos de graxa e proteína ou en carne. Xunto con estas probas, a granxa colabora con universidades nacionais e internacionais no desenvolvemento de estratexias de alimentación máis eficientes, con axustes na ración do gando.
A Gandería Os Taboada atópase agora en pleno proceso de avaliación para obter o novo selo de calidade ELUA
Ademais, a Gandería OsTaboada atópase en pleno proceso de avaliación para obter o novo selo de calidade ELUA: explotacións libres de uso de antibióticos e desparasitantes convencionais, con leite A2A2. Así, agardan que sexa unha das granxas pioneiras en lograr este selo europeo. Ademais de ter eliminado o uso de antibióticos e desparasitantes convencionais, boa parte do seu gando produce leite A2A2. Na gandería Taboada empregan un baño podal sen biocidas. Esta acreditación de calidade, na que José Taboada está moi involucrado, establece tamén un amplo abano de protocolos que permitan traballar na redución do uso de antibióticos. Estas pautas inciden en cuestións como o desparasitado, secado do gando, o coidado e manexo da recría máis nova ou dos baños podais sostibles. Lograr este selo de calidade supón o apoio a un modelo de gandería que procura unha produción máis sostible. “O consumidor está cada vez máis pendente da crianza que se fai dos animais e nós temos que ofrecerlle o que demanda. Nós queremos promover saúde tanto nos nosos animais como nos nosos consumidores finais, xa que realmente somos o que comemos”, conclúe José Taboada.