Archives

Os beneficios da madeira en terapias ocupacionais: O exemplo do Centro de Atención á Discapacidade Souto de Leixa

A madeira é un material incrible. Non só é renovable, reciclable, reutilizable, biodegradable, e sostible, tamén é unha materia prima que polas súas características ten un efecto positivo na nosa saúde, provocando sensacións como a tranquilidade e benestar. É un material nobre, co que podemos construír desde casas ata edificios de gran altura, e co que, neste caso, PEFC Galicia e o Centro de Atención á Discapacidade (CAD) Souto de Leixa, de Ferrol, construíron unha sólida ponte de amizade. O CAD Souto de Leixa é un centro de titularidade pública, xestionado pola empresa CLECE e situado na cidade de Ferrol, no que residen 95 usuarios e 33 máis que fan uso como centro de día ou centro ocupacional. Neste centro contan con gran variedade de actividades, entre elas, un taller de carpintería e reciclaxe e un taller polivalente, polo que a madeira forma parte do seu día a día. A madeira é un vehículo marabilloso a través do cal os usuarios amosan as súas habilidades e emocións, sentindo ademais que os seus traballos teñen unha verdadeira utilidade. Gustavo Pampín, un dos usuarios asegura que se sinte feliz ao empregar madeira, desde a súa recollida no monte ata cando a corta ou lixa, e sobre todo satisfeito porque moitos dos traballos que realiza faino cos seus compañeiros como Gustavo Rico ao que lle gusta máis serrar e montar, ou Juan Barco e Javier Casteleiro que fan patróns ou serran, ou Luis Gundín ao que lle encanta empregar ferramentas como chave de parafusos ou alicates. Todos forman un gran equipo. De esquerda a dereita: Juan Barco, Javier Casteleiro, Gustavo Pampín, Gustavo Rico e Luis Gundín A súa monitora de carpintería, Ledicia López, relata que lles encanta chegar ao taller todos os días, ver a madeira e empezar a imaxinar cal pode ser o seu destino, desde unha caixa de almacenaxe, un chaveiro para as súas nais ou unha casa para os paxariños. «Son eles os que deciden e é iso é o máis lles motiva», subliña. De esquerda a dereita: Gustavo Pampín, Luis Gundín e Ledicia López, monitora do Taller de carpintería. A reciclaxe é unha prioridade no CAD Souto de Leixa. Así, caixas de madeira para froita acaban converténdose en estupendos marcos de fotos ou nun portal de Belén, ou vellos armarios aos que se lles dá unha nova vida transformándoos noutro obxecto ou recupérandoos e decorándoos novamente. No taller polivalente da man de “Monchi”, realizan moitos traballos diferentes empregando madeira, serraduras, papel ou cartón pedra, e actualmente encóntranse inmersos nun proxecto moi gratificante no que constrúen pequenas casas de madeira que serven de refuxio para os gatiños sen dono. De esquerda a dereita: Patricia Bello, Patricia Bellón e “Monchi”, monitora do Taller Polivalente. A educadora social Miriam Lago, explícanos como dan uso a todo o que fan, e encántalles amosar aos demais os resultados do traballo ben feito. «Cando utilizan madeira, a creatividade xorde, e dunha idea aparece outra e outra máis, e parece que non ten fin», asegura. Miriam Lago, educadora social do CAD Souto de Leixa

A madeira para os usuarios de Souto de Leixa é sinónimo de felicidade

En moitas ocasións dicimos que a presenza de madeira nas nosas contornas de vida xera un efecto psicolóxico positivo en nós, conectando ás persoas coa natureza, e nesta ocasión demostramos un paso máis alá. Esas outras cualidades que nos ofrece a madeira como a cor, o aroma, o son, a textura ou a súa xeometría, empréganse en diferentes usos terapéuticos para a gran diversidade de persoas con diferentes capacidades, facilitando a estimulación sensorial ou mellorando habilidades motrices. Lucía Prados PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que promove a xestión forestal sostible do monte galego a través da certificación forestal. Por iso desenvolve diferentes actividades divulgativas, non só para que os propietarios ou profesionais do sector forestal obteñan un selo que garanta a boa xestión que realizan nos montes ou asegurar a rastrexabilidade da madeira en toda a cadea de transformación ata que chegue ao consumidor final, “senón que consideramos esencial que a cidadanía visualice a multitude de beneficios que aporta esta materia prima renovable, a madeira”. Se queres saber máis, podes ver o vídeo na canle de youtube de PEFC GALICIA: 

O futuro é de madeira

Esta acción está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. #Galiciaémadeira #industriaforestalmadeira #XERAsavia #ElasXeranSector #PEFC #PEFCGalicia #PEFCEspaña #OFuturoÉdeMadeira #industriaforestal «O apoio da Axencia Galega da Industria Forestal para a elaboración desta publicación non implica a aceptación dos seus contidos, que serán responsabilidade exclusiva dos seus autores. Por tanto, a Axencia Galega da Industria Forestal non é responsable do uso que poida facerse da información aquí difundida»
 

90 profesionais do sector forestal participan no webinar organizado por PEFC Galicia

Este martes, 26 de setembro, PEFC GALICIA organizou un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR), que ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sustentables nas cadeas de subministración. Máis de 90 persoas, principalmente traballadores de empresas forestais galegas, seguiron o webinar no que se analizou o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal galego. No acto de apertura contouse coa intervención de Isabel Puentes, directora da Área de Promoción e Calidade da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), e Enrique Valero, Presidente do PEFC Galicia. O evento desenvolveuse en módulos diferenciados. No primeiro presentouse a situación actual da certificación forestal PEFC por parte de Ana Belén Noriega, Secretaria Xeral de PEFC España; mentres que no segundo, abordado por Belén Bris, Xefa do Servizo da Propiedade Forestal e Odón López, Xefe do Servizo de Xestión Forestal da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Xunta de Galicia, explicouse o Regulamento de Deforestación da UE, requisitos e o papel da Xunta de Galicia, así como as distintas aplicacións desenvolvidas pola administración que axudarán ao cumprimento da lexislación. No terceiro módulo interviñeron de xeito conxunto Marta Salvador, directora técnica de PEFC España, e Pablo Narváez, responsable de Cadea de Custodia & Desenvolvemento de Marca. Os dous ponentes informaron sobre a Norma PEFC ST 2002:2020 de Cadea de Custodia de produtos forestais e arbóreos, e sobre o Sistema de Dilixencia Debida recollido dentro da propia Norma, contrastando os requisitos actuais coas novas esixencias establecidas no Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR).

Obrigatorio para as pemes e micropemes a partir do 30 de xuño de 2025 e para as grandes empresas a partir de decembro do 2024

O EUDR entrou en vigor o 29 de xuño de 2023 e será aplicable aos 18 meses (30 de decembro de 2024) para grandes empresas e aos 24 meses (30 de xuño de 2025) para pemes e micropemes. O EUTR quedará derrogado a partir do 30 de decembro de 2024 e establecerase unha exención para a madeira e os produtos derivados producidos antes do 29 de xuño de 2023 e comercializados a partir do 30 de decembro de 2024. PEFC xa traballa no estudo e análise do EUDR para identificar, e se fose necesario, incorporar novos requisitos ao Sistema de Dilixencia Debida da Norma de Cadea de Custodia PEFC, co fin de facilitar o cumprimento da lexislación e a transferencia da información necesaria na cadea de valor. Un dos elementos crave deste regulamento é a obrigación de coñecer a xeolocalización das parcelas das que proceden as materias primas. Nesta liña, PEFC España está a revisar, mediante o proxecto GO BOSQUES 3.0, a Plataforma de Rexistro de Superficie Certificada e a mellora do buscador público de montes certificados para facilitar a identificación dos montes certificados e ás empresas responsables que garanten a orixe legal e sostible das materias primas. PEFC está formado por unha ampla rede de sistemas de certificación e socios locais en todo o mundo, o que facilita a implementación do sistema de dilixencia debida e a identificación de riscos asociados coa deforestación asegurando o cumprimento do EUDR. Esta pílula formativa está cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. Xunta de Galicia. O FUTURO É DE MADEIRA #Galiciaémadeira

Webinar sobre como afecta ao sector forestal galego o regulamento de deforestación da Unión Europea

O vindeiro 26 de setembro, PEFC GALICIA organiza un webinar para dar a coñecer o novo Regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR) e analizar o alcance da nova normativa e as súas implicacións para empresas do sector forestal. Galicia é líder nacional en cadeas de custodia certificada PEFC, de forma que máis do 80% do propietarios forestais certificados en España son galegos. De aí a importancia de organizar esta pílula formativa enmarcada dentro dunha serie de actividades integradas no proxecto “Madeira, produtos e valor dunha cadea forestal sostible e certificada”, una iniciativa cofinanciada pola Axencia Galega da Industria Forestal. O recentemente publicado regulamento da Unión Europea contra a Deforestación (EUDR) ten como obxectivo minimizar a contribución da Unión Europea á deforestación e degradación forestal mundial, así como promover prácticas sostibles nas cadeas de subministración. O regulamento afecta a empresas produtoras ou comercializadoras de madeira e os seus produtos derivados, ademais doutros produtos como a carne de vacún, aceite de palma, cacao, café e caucho. O pasado 9 de xuño publicouse no Diario Oficial da UE o Regulamento (UE) 2023/1115 do 31 de maio de 2023, relativo á comercialización no mercado comunitario e á exportación desde a UE de determinadas materias primas e produtos asociados á deforestación e a degradación forestal e polo que se derroga o Regulamento (UE) n. 995/2010 (EUTR). Entrou en vigor o 29 de xuño de 2023 e será aplicable aos 18 meses (30 de decembro de 2024) para grandes empresas e aos 24 meses (30 de xuño de 2025) para pemes e micropemes. O Regulamento da UE relativo á madeira (EUTR) quedará derrogado a partir do 30 de decembro de 2024 e establecerase unha exención para a madeira e os produtos derivados producidos antes do 29 de xuño de 2023 e comercializados a partir do 30 de decembro de 2024. O EUDR amplía a listaxe de produtos de orixe forestal, que estaban afectados polo EUTR, ao incorporar novos produtos como asentos de madeira, libros impresos ou carbón vexetal. Este Regulamento incluíu, inicialmente, 7 produtos básicos dentro do seu alcance: soia, carne de vacún, aceite de palma, madeira, cacao, café e caucho e os seus derivados. Neste sentido, as empresas que produzan e comercialicen ditos produtos terán que cumprir obrigacións en materia de dilixencia debida para garantir que os produtos non proveñan de áreas deforestadas ilegalmente ou que producisen degradación forestal. No EUDR, do mesmo xeito que no EUTR, recoñécese como boa práctica aos sistemas de certificación voluntaria como PEFC, permitindo utilizarse no procedemento da avaliación do risco das subministracións. O Sistema de Certificación PEFC ofrece garantías de que os montes certificados PEFC a nivel global non só cumpren a lexislación de aplicación e non teñen risco de degradación, senón que a súa xestión é sostible en base a unha ampla listaxe de esixentes criterios. En relación á normativa de cadea de custodia, PEFC iniciou a análise deste regulamento para identificar se é necesario incorporar novos requisitos ao Sistema de Dilixencia Debida que as empresas certificadas xa teñen implantado, co fin de garantir o absoluto cumprimento da lexislación e facilitar a transferencia da información necesaria na cadea de valor. Un dos elementos clave deste regulamento é a obriga de coñecer a xeolocalización das parcelas das que proceden as materias primas. Nesta liña, PEFC España xa conta cunha Plataforma de Rexistro de Superficie Certificada que está a revisar para a súa mellora, así coma o buscador público de montes certificados para facilitar a identificación dos montes certificados e ás empresas responsables que garanten a orixe legal e sostible das materias primas. PEFC está formado por unha ampla rede de sistemas de certificación e socios locais en todo o mundo, o que facilita a implementación do sistema de dilixencia debida e a identificación de riscos asociados coa deforestación asegurando o cumprimento do EUDR.

Preme aquí para inscribirte no webinar

#Galiciaémadeira

Medra un 42% a superficie forestal certificada por PEFC en Galicia

En España, a peche de 2022, o sistema de certificación forestal PEFC rexistrou un total de 2.689.271 hectáreas de superficie certificada e 56.114 silvicultores e xestores forestais adheridos ao Sistema PEFC, o que supón un crecemento neto do 8,44% e do 14,28%, respectivamente. Galicia foi a Comunidade Autónoma que maior incremento rexistrou, tanto de superficie certificada, como de novos xestores e silvicultores activos, con 122.000 novas hectáreas máis e 5.661 xestores, é dicir, o 58% e o 77% do crecemento neto nacional durante o ano. “Isto significa que, cada vez, máis superficie forestal é xestionada de xeito sustentable e son máis os silvicultores que xestionan seus territorios atendendo á biodiversidade, ao réxime hídrico, mellorando os sumidoiros de carbono, aproveitando numerosos recursos naturais, aplicando medidas de prevención de incendios e danos, coidando os seus valores culturais, garantindo a seguridade e saúde dos seus traballadores”, destacan dende PEFC Galicia . Correspóndense cos criterios e indicadores que se avalían conforme á Norma UNE 162.002 de Xestión Forestal Sostible, baixo a que se audita o Sistema Español de Certificación Forestal PEFC. Neste sentido, dende a entidade certificadora recoñecen que “o impulso da Consellería do Medio Rural a través das ordes de axudas, para a redacción de instrumentos de ordenación dos montes, foi decisivo no incremento de superficie certificada".

410.000 hectáreas de superficie forestal galega contan coa certificación forestal PEFC

Os propietarios e xestores, tanto públicos como privados, adhírense ao Sistema PEFC de xeito voluntario, a través de distintas entidades solicitantes da certificación que xestionan os certificados de Xestión Forestal Sostible. Para facilitar o proceso e facer accesible a certificación, tanto ás grandes como ás pequenas superficies, a certificación forestal PEFC ofrece diferentes modalidades de agrupación que, anualmente son auditadas por unha terceira entidade independente. A certificación forestal internacional PEFC, aplicada en Galicia garante a súa xestión sostible, grazas ao esforzo de máis de 45.000 silvicultores activos galegos dos 56.000 certificados a nivel nacional.

Galicia é líder nacional en Cadeas de Custodia PEFC

No concernente ós procesos produtivos, 456 empresas galegas demostran o seu compromiso por unha produción máis comprometida coa certificación dos seus procesos de transformación da materia prima de orixe forestal sostible e a súa rastrexabilidade, grazas á certificación da Cadea de Custodia PEFC, garantindo a sustentabilidade.

Os peregrinos do Camiño de Santiago coñecerán a importancia do monte en Galicia

No Día Internacional contra o Cambio Climático, o PEFC Galicia, Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal, presentou hoxe luns, 24 de outubro ás 12 horas o seu proxecto “PEFC no Camiño Francés” no Enredo do Abelleiro- Portodemouros (Arzúa), iniciativa que forma parte do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia. O acto de presentación, da man de D. Enrique Valero, Presidente do PEFC Galicia, contou coa presenza de D. Ildefonso De La Campa, Director de Xestión do Xacobeo e con autoridades municipais da ruta do Camiño Francés. A iniciativa que se presenta, pretende dar continuidade ao proxecto desenvolvido o pasado ano na ruta do Camiño de Fisterra e, segundo PEFC Galicia "temos a firme intención de abordar o resto das rutas a Santiago na nosa Comunidade ao longo dos vindeiros anos". Neste sentido, desde a asociación destacan que "PEFC no Camiño Francés, achega aos peregrinos que nos visitan e á sociedade galega no seu conxunto, a importancia dos montes a escala local e global. Camiño e Monte son dous conceptos intimamente ligados no noso territorio ao longo dos séculos, xeradores dunha cultura, tradicións e natureza propias e singulares". "O Camiño -engaden- é o fío condutor que dá a coñecer aspectos da paisaxe rural galega, a tipoloxía de propiedade, usos e traballos no monte, a importancia dos bosques no medio natural e das árbores nas cidades, lendas, toponimias, a ligazón coa arquitectura e a natureza, etc".

Poderase acceder á información en galego, castelán e inglés mediante un código QR

O acceso á información, en galego, español e inglés, atópase no código QR das postais e displays facilitadas aos albergues e outros puntos de información, ou a través do enlace https://pefcgalicia.org/camino-frances/ PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que, desde o ano 2003, promove a xestión sostible nos montes galegos, garantindo que se xestionen e aproveiten de acordo con esixentes requisitos ambientais, sociais, económicos e éticos. Forma parte de PEFC Internacional, que é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo asegurando que a multitude de funcións dos bosques estean protexidas para xeracións presentes e futuras. Galicia conta con máis de 400.000 hectáreas de monte con certificado de xestión forestal sostible PEFC e 44.000 propietarios dos 53.000 certificados en España son galegos. Galicia é líder nacional en empresas coa cadea de custodia certificada PEFC, 453 empresas das máis de 1.671 certificadas en España que garanten a trazabilidade da orixe dos seus produtos. PEFC distingue co seu selo todos os produtos (madeira, resina, castañas, mel, cogomelos, biomasa, téxtil,...) procedentes de montes certificados, garantindo a sostibilidade da súa xestión e aproveitamento, así como a súa rastrexabilidade a través de toda a cadea forestal ata o consumidor final.

Adxudican 19 lotes de madeira por preto de 640.000 euros na última poxa pública, na Coruña

A Consellería do Medio Rural vén de proceder na última poxa electrónica celebrada na Coruña á venda de 23 lotes de madeira taxados inicialmente en 427.546,64 euros e que finalmente acadaron un valor total de 639.877,20 euros. Destes 23 lotes, catro quedaron desertos. Todos os lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Xunta.

Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, chegando a superarse os 60 euros por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país, e prezos ao redor dos 20 euros por tonelada para o puntal da mesma especie, segundo os datos da Xunta. Cómpre destacar que os mellores prezos acádanse na madeira baixo certificación da xestión forestal sostible realizada polo persoal da Xunta, e enmárcanse nunha dinámica de suba desta materia prima, sendo previsible que continúen á alza no futuro, debido a que a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións.

Os lotes de madeira certificada cumpren cando menos os requisitos dun dos dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Así, 15 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e un máis coa dobre certificación PEFC e FSC. Ademais, as empresas adxudicatarias destes lotes dispoñen dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira e o mantemento destes selos ata o produto final. A certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

En total, os lotes suman 21.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese, segundo os cálculos da Xunta, nunha absorción de CO² de máis de 15.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores, que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Procedemento electrónico

A poxa de madeira en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural

A Xunta saca a poxa 52 lotes de piñeiro por case 1,4 millóns de euros

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, alleará 52 lotes de madeira por un importe de 1,38 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica que se celebrará o 8 de decembro na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería. Entre os lotes suman máis de 73.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e de piñeiro silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies. Tal e como sinalan dende a Consellería, estímase que estas árbores permitiron unha absorción de CO² de 39.000 toneladas. Agora preténdese substituílas por novos pés que restauren os montes cortados, produzan madeira e continúen absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

Dos 52 lotes de madeira, 24 deles contan con certificación forestal sostible PEFC e 13 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. “Cabe apuntar que a certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais”, destacan dende Medio Rural.

Poxa en liña

Cómpre lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no no portal web da Consellería do Medio Rural.

– Consulta aquí o enlace á resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) cos detalles da poxa.

Concurso de fotografía “O futuro é de madeira”

A Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal - PEFC GALICIA e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia - COETFG, poñen en marcha o CONCURSO DE FOTOGRAFIA “O futuro é de madeira” co fin de dar a coñecer a importancia de xestionar os montes de forma sostible, englobando os aspectos sociais, ambientais e económicos, da súa conservación e do seu aproveitamento, das persoas que viven, traballan e gozan deles, os traballos que se realizan, a cadea de subministración de materia prima nunha industria forestal moderna, innovadora e responsable, os procesos de transformación, os produtos con base forestal que empregamos no día a día, a multitude de usos da madeira... A participación é gratuíta, e o prazo de recepción de fotografías comeza o 1 de setembro e finalizará o 01 de novembro de 2021. O concurso está aberto a todos aqueles interesados, desde fotógrafos profesionais, afeccionados, ata quen goza da natureza, do monte e dos seus produtos, e o ámbito das fotografías é Galicia. Os participantes poderán enviar ata 5 imaxes, e só poderán presentar as súas fotografías a través da páxina: https://pr.easypromosapp.com/p/924744

Premios:

PRIMEIRO PREMIO: Aloxamento de 2 noites para 2 persoas nas Cabaniñas do Bosque, situadas en Outes (A Coruña). www.cabanitasdelbosque.com Por cortesía de DO ARTESANATO SEGUNDO PREMIO: Conxunto de utensilios de cociña elaborados en madeira e acompañados do libro “El bosque en tu paladar. Sabores de bosques sostenibles” co asesoramento gastronómico da Chef Charo Val e editado por PEFC España. TERCEIRO PREMIO: Caixa agacha tesouros con marco fotográfico incorporado, e un USB con capacidade de 32GB elaborados con madeira certificada PEFC. PREMIO ESPECIAL CADEA MONTE-INDUSTRIA: Vale de 100€ para a compra de produtos certificados PEFC en LEROY MERLIN ESPAÑA, S.L.U. Por cortesía de LEROY MERLIN ESPAÑA, S.L.U. Este premio especial é especifico para aquelas fotografías que representen os traballos que se executan nos montes e os seus procesos de transformación ao longo da cadea monte-industria para obter un produto final natural, renovable, reciclable e biodegradable. Só este tipo de fotografías poderán acceder ao premio especial, sen menoscabar o dereito de acceder a calquera dos outros premios. Os gañadores anunciaranse o 10 de novembro do 2021. Toda a información e as bases do concurso en: www.pefcgalicia.org e www.forestaisgalicia.es Colabora XERA, Axencia Galega da Industria Forestal.

PEFC pon en valor o monte galego entre os peregrinos do camiño de Santiago

A entidade de certificación forestal PEFC Galicia presentou este venres o “Plano-Guía do Camiño Fisterra- Muxia” e un “Libro por Escribir” no Albergue Municipal de Negreira. Ambos os dous entregables son froito dun proxecto, iniciativa de PEFC Galicia e promovida polo Programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.

O acto contou coa participación, ademáis de representantes de PEFC Galicia, do director de Xestión do Xacobeo, Ildefonso De la Campa, e de alcaldes e representantes dos concellos de Negreira, Ames, Dumbría, Cee e Fisterra.

A través do Plano facilítase ao peregrino un fío condutor que dará a coñecer aspectos da paisaxe rural galega, a importancia dos bosques no medio natural e das árbores nas cidades, os tipos de propiedade, usos e traballos no monte, lendas, toponimias, a ligazón coa arquitectura e a natureza, etc. No libro os camiñantes poderán plasmar as súas percepcións e sentimentos ao longo do Camiño, así como as súas achegas para lograr unha contorna máis sostible.

Coa iniciativa PEFC no Camiño, quérese trasladar aos peregrinos que visitan Galicia e á sociedade galega no seu conxunto, a importancia dos montes a escala local e global. “Camiño e Monte son dous conceptos intimamente ligados non noso territorio ao longo dos séculos, xeradores dunha cultura, tradicións e natureza propias e singulares”, destacan dende PEFC Galicia.

O Plano-guía ten un deseño desenfadado, buscando que ademais de ofrecer e facilitar o acceso a toda a información a través dun código QR (en galego, español e inglés), sexa atractivo para o peregrino e que poida pasar un intre agradable observando os debuxos e buscando infinidade de detalles que de seguro poden arrancar máis dun sorriso. Dito plano poderase atopar en albergues, puntos de información e nos concellos do Camiño Fisterra-Muxía.

Ademais, nos albergues, os peregrinos poderán atopar un libro pendente de escribir por eles mesmos, con breves mensaxes, que invitan a describir as súas sensacións facendo o Camiño polos montes, ou que conten os seus soños, acheguen as súas ideas, ou indiquen que estarían dispostos a facer ou mudar nas súas vidas, para lograr un planeta máis sostible.

“O monte forma parte da cultura e da idiosincrasia dos galegos. O 70% do territorio galego é forestal, polo que dun ou doutro xeito, forma parte das nosas vidas, debuxa a nosa paisaxe, alberga flora e fauna, proporciona traballo, contribúe ao benestar e fixa poboación no rural, provee de alimento e materia prima renovable, conserva o solo e as augas, permítenos o recreo e o contacto coa natureza e contribúe á mitigación do cambio climático”, explican dende PEFC Galicia.

Que é PEFC Galicia?

PEFC Galicia é unha asociación sen ánimo de lucro que, desde o ano 2003, promove a xestión sostible nos montes galegos, garantindo que se xestionen e aproveiten de acordo con esixentes requisitos ambientais, sociais, económicos e éticos. Forman parte de PEFC Internacional, que é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo asegurando que a multitude de funcións dos bosques estean protexidas para xeracións presentes e futuras.

Galicia conta con máis de 260.000 hectáreas de monte con certificado de xestión forestal sostible PEFC, formando parte dos 2,5 millóns de hectáreas certificadas no conxunto do Estado. Case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal a nivel nacional proveu de Galicia. 33.000 propietarios dos 40.000 certificados en España son galegos. Galicia é líder nacional en empresas coa cadea de custodia certificada PEFC, 450 empresas das máis de 1.500 certificadas en España que garanten a trazabilidade da orixe dos seus produtos.

PEFC distingue co seu selo todos os produtos (madeira, resina, castañas, mel, cogomelos, biomasa, téxtil,…) procedentes de montes certificados, garantindo a sostibilidade da súa xestion e aproveitamento, así como a súa rastrexabilidade a través de toda a cadea forestal ata o consumidor final.

PEFC lanza a campaña “Coidamos os bosques” para celebrar o Día Internacional dos Bosques

Existe unha falta de coñecemento por parte da sociedade sobre o sector forestal e as persoas que están ao coidado dos montes e bosques. Isto provoca, en ocasións, dúbidas sobre a adecuada xestión dos montes, as actuacións forestais, o seu acerto, base científica e técnica, ou conveniencia, entre interlocutores sociais ou a opinión pública en xeral. Mesmo, podería chegar a parecer que os actores e responsables da xestión, así como os habitantes e traballadores das zonas forestais, non actuasen en beneficio dos montes que son parte da súa contorna e o sustento de numerosas poboacións rurais. PEFC únese á celebración do Día Internacional dos Bosques cuxo lema este ano é “Restauración forestal: un camiño á recuperación e o benestar” lanzando a nosa campaña máis comprometida “Coidamos os Bosques”. Cremos que é moi importante comunicar os beneficios que as masas forestais e a súa biodiversidade achegan á sociedade e ao planeta, para o que é necesario preservalos mediante a súa xestión sostible e as actividades humanas que promovan o desenvolvemento sostible. Por iso, queremos visibilizar o traballo dos selvicultores, xestores, propietarios forestais e empresas da cadea de valor forestal e a súa importante función na sociedade para preservar non só os bosques, a súa multifuncionalidade e biodiversidade, senón tamén valores tan importantes como a tradición, o desenvolvemento rural, a contribución ao reto demográfico ou a innovación. Así mesmo, queremos promover a confianza nas capacidades dos profesionais do sector forestal, a importancia e beneficios do seu traballo, da xestión sostible dos montes e a certificación, poñendo o sector forestal en valor, tamén, no seu interior. “Coidamos os bosques” nace co obxectivo de visibilizar a importancia do coidado e preservación ambiental, o freo ao cambio climático e o compromiso do labor activo e constante das persoas de todo o sector forestal, imprescindibles para promover unha economía descarbonizada. Queremos, tamén, dar a coñecer e dimensionar os beneficios ambientais, económicos e sociais que achega o traballo do sector forestal e de toda a súa cadea de valor, desde o monte ata o produto final. Elaboramos distintos materiais divulgativos, vídeos, creatividades e elementos para as redes sociais e os medios, que mostrarán os valores das alianzas ( ODS17) para impulsar as sinerxias entre os distintos axentes do sector forestal. Por iso, chamamos aos silvicultores, xestores e propietarios forestais, ás entidades certificadas, consultores, rematantes e profesionais do sector, medios especializados e xeneralistas, asociacións e ao público en xeral a unirse a esta campaña de concienciación e visibilización dun sector que traballa incesantemente e coida da biodiversidade e os bosques do planeta para que todos podamos gozar deles. O Sistema de Certificación PEFC conta xa con 2.434.785 hectáreas de superficie certificada e case 43.000 silvicultores e xestores forestais, o que supón un incremento neto de 11.424 hectáreas e 956 novos adscritos en tan só os dous meses e medio que van de ano. Igualmente, no impulso por continuar coa rastrexabilidade dos produtos forestais desde o monte ata o consumidor final, en España son xa 1.547 empresas certificadas en Cadea de Custodia PEFC que avalan a orixe sostible dos seus produtos. Estas cifras de crecemento demostran o interese pola sustentabilidade forestal e por seguir conservando os nosos montes para as xeracións futuras. Sigamos traballando por iso e coidemos xuntos os nosos bosques. Sobre PEFC PEFC é o sistema de certificación forestal máis implantado no mundo, cuxo obxectivo é asegurar que os bosques sexan xestionados de forma responsable, e que a súa multitude de funcións estean protexidas para xeracións presentes e futuras.

Galicia concentra o 60% da superficie forestal certificada por Pefc en 2020 en España

Case o 60% da superficie incorporada no 2020 á certificación forestal polo sistema PEFC (Programa para o Recoñecemento de Certificación Forestal, en inglés Programme for the Endorsement of Forest Certification) proveu de Galicia. Así, das 124.010 novas hectáreas sumadas a este sistema no conxunto de España, un total de 73.679 corresponden á comunidade galega. Con esta superficie incorporada, xa son 2,4 millóns as hectáreas certificadas no conxunto do Estado. Ademais, dos novos silvicultores certificados en España no pasado ano, o 87% son galegos (5.530 dos 6.363 incorporados en 2020). Así, o total de silvicultores adscritos a este sistema é xa de 41.870 en toda España, dos que 32.875 – o 79% – proceden da comunidade. No seguinte mapa poden apreciarse os datos da evolución de PEFC no 2020 por comunidades autónomas: Fonte: https://www.pefc.es/np467-sostenibilidad-forestal2020.html Estes datos foron postos en valor polo director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, na xuntanza virtual que mantivo cos representantes do sistema de certificación PEFC Galicia e PEFC España. A reunión serviu para presentarlles os principais instrumentos da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tales como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, os polígonos cortalume e o impulso dun conxunto amplo de diferentes tipos de agrupacións forestais de xestión conxunta. Asemade, trasladoulles que, por primeira vez no Estado, desenvólvese a figura do silvicultor activo, vinculado á ordenación forestal sostible e á súa certificación forestal. Doutra banda, José Luis Chan expúxolles as principais liñas e programas definidos na 1ª revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica” e fixo especial fincapé na aposta decidida pola superficie baixo instrumentos de ordenación e xestión forestal.

Fuentes Transformaciones de la Madera. S.L., aposta pola especialización e pola certificación PEFC

Fuentes, Transformaciones de la Madera. S.L. é unha empresa de carácter familiar, fundada en 1961 por Manuel Fuentes Rial, en Carreira (Zas-A Coruña), especializada en traballos de ebanistería e torneados. Esta é xa a terceira xeración na empresa, que sempre estivo vinculada ao sector da madeira.

Durante moitos anos dedicáronse exclusivamente á carpintería (mobiliario, construcción..), pero xa hai unha década, mudaron á fabricación de tapóns de madeira, para diferentes sectores, sendo agora a súa actividade principal.

A combinación de procesos artesanais con modernas técnicas de fabricación permítenlles realizar unha gran diversidade de produtos feitos a medida e con identidade propia. A certificación forestal PEFC dálle un valor engadido aos seus produtos, garantindo a súa orixe sostible e a rastrexabilidade ata chegar ao consumidor final.

O seu volumen de traballo é importante, xa que só 4 empresas a nivel nacional dedícanse á fabricación deste tipo de produtos, o que lles permite contar cun cadro de persoal de 9 traballadores, das cales 4 son mulleres totalmente implicadas no proceso de transformación.

Orgullos de empregar sempre nos seus produtos madeira de Galicia, principalmente bidueiro e piñeiro, fabrican artigos torneados, cadrados, rectangulares, con rosca, sen rosca, con ollao metálico ou sen ollao, adaptándose ás necesidades dos seus clientes. Os acabados poden ser ao natural, tinguidos e vernizados, realizando toda a transformación nas súas instalacións.

Podemos atopar os seus produtos en diferentes establecementos como Leroy Merlin, Gadis e moitos máis.

Nesta empresa non desperdician nada, realizan un aproveitamento de todos os residuos forestais e obtendo un beneficio económico en diferentes modalidades, incluso elaborando balas para alimentación do gando.

Neste último ano, notaron un incremento na demanda deste tipo de produtos, xa que moitas empresas queren abandonar a utilización do plástico e incorporar nos seus procesos de produción ou nos seus produtos finais un material renovable como é a madeira.

Fuentes, Transformaciones de la Madera. S.L., conta co certificado PEFC desde o 2015 formando parte das más de 450 empresas forestais galegas comprometidas coa sostibilidade.

Balance de PEFC Galicia do ano 2020 para o sector forestal

 Aínda que tratándose dun ano especialmente duro para todos e todas, a certificación forestal PEFC en Galicia experimentou un balance positivo en canto a superficie certificada e número de propietarios adscritos e, por tanto, comprometidos cunha xestión forestal sostible. Galicia conta xa con máis de 250.000 Has. certificadas, xestionadas por uns 33.000 propietarios; (incremento de 70.000 Has. e 5.000 propietarios)

Na área de cadea de custodia, é dicir, de empresas de transformación de materia prima forestal con certificado de rastrexabilidade ao longo dos procesos monte – industria, máis de 450 contan co certificado PEFC. Durante un ano 2020, tan negativo para o sector empresarial, rexistráronse tan só unhas 15 baixas (pendente de finalizar o ano), pero máis de 40 novas empresas se incorporaron ao sistema PEFC, o que lles permite amosar o seu compromiso pola sostibilidade.

A Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal, PEFC Galicia, mantén un fluído contacto cos diferentes axentes do sector, así como liñas estreitas de colaboración coa Administración forestal. Neste mesmo mes de decembro, presentouse á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal os diferentes avances tecnolóxicos que está a desenvolver PEFC en Galicia, como o Sistema de Dixitalización e Teledetección que permite detectar máis do 90% dos cambios que se producen no territorio forestal.

PEFC Galicia tamén colabora estreitamente con XERA, Axencia Galega da Industria Forestal, tanto no ámbito de promoción e calidade como no de innovación e formación. Neste sentido, ao longo do ano, desenvolvéronse diferentes accións formativas e divulgativas, que permitiron achegar a máis de 1.500.000 persoas información sobre a certificación forestal PEFC. As accións máis destacadas foron un spot na TVG (que se volve a emitir nestas datas de Nadal) (enlace PEFC GALICIA – YouTube), varios webinarios, cunha media de participación superior aos 100 asistentes, ou un concurso de fotografía no que 1.059 persoas aportaron as súas mellores imaxes relacionadas co monte.

Fotografías gañadoras do concurso NÓS💚MONTE: 

Trasladamos nosa máis sincera felicitación para toda a sociedade galega, anhelando que o 2021 sexa un ano cheo de felicidade e prosperidade para ela e para os nosos montes.

Webinar sobre “Dixitalización e teledetección en montes certificados”

A Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal - PEFC GALICIA,organiza un webinar sobre "Dixitalización e teledetección en montes certificados". A actividade formativa, de carácter gratuíto, e que se impartirá online o vindeiro 6 de novembro en horario de 10:00 a 13:00 horas imparirá formación sobre: -A PLATAFORMA de Rexistro de superficies certificadas, as funcionalidades e novos desenvolvementos do VISOR, -A ferramenta de TELEDETECCIÓN para coñecer os cambios na superficie certificada, e o próximo BUSCADOR público de montes PEFC, Esta actividade está cofinanciada por XERA, Axencia Galega da Industria Forestal. Inscríbete nesta ligazón: https://forms.gle/ZCfMtE7jQYuqwZRQA