Archives

Amaro López, un gandeiro de Baleira, recibe o premio ION-SGPF ao mellor peche eléctrico

A Casa da Cultura do Concello da Pastoriza (Lugo) acolleu este venres a entrega do premio Premio ION-Sociedade Galega de Pastos e Forraxes ao mellor peche  eléctrico gandeiro de España e Portugal no 2018. O premiado nesta convocatoria 2018 foi Amaro López Rivero, un mozo gandeiro da  parroquia de Córneas, no concello lugués de Baleira. A súa é unha gandería de vacún de carne en extensivo  que xestiona 36 hectáreas de pradeiras e terreos de monte para alimentar a 38 vacas nais de raza vianesa e 5 cabalos de raza galega. “O traballo de Amaro na recuperación de terreos pobres mediante o bo manexo do gando e a presión do pastoreo grazas ao correcto emprego de peches electrificado -uns 13 kilómetros de peches electrificados en total- fai que sexa un exemplo na súa contorna para mostrar o  que se pode facer para transformar as superficies abandonadas en prados  e pradeiras e fontes de riqueza”, salientan dende a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. O premio, consistente nunha escultura dunha vaca e un cheque de 3.000 euros, foi entregado por Daniel López González, propietario e fundador da empresa luguesa ION, líder en venda de pastores eléctricos, e polo alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias Sierra. Nesta convocatoria, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes retoma o espírito de antigas edicións na procura  dunha mellor xestión das superficies forraxeiras grazas ao emprego de peches electrificados, hoxe en día a mellor ferramenta de gandeiros e gandeiras para a xestión do pastoreo do gando. Pola súa parte, a empresa luguesa ION, patrocinadora do premio, leva décadas adicada á fabricación de  pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados, con importantes innovacións, sendo a primeira en fabricar pastores eléctricos alimentados por placas solares.

Curso sobre o uso de setos e sebes como peches para gando vacún

Xestión Agrogandeira e Natureza organiza para o vindeiro mércores, 28 de novembro, un curso sobre “Setos e sebes en vacún: Por qué e como?”. Impartirase na localidade coruñesa da Baña.

A xornada comezará ás 12:00 horas cunha charla formativa en aula, na que se explicarán as vantaxes das sebes, os tipos que existen así como as recomendacións sobre que arbustos utilizar, como plantalos e onde.

Ás 14:00 horas está previsto o xantar e tras o remate visitarase unha gandería de vacún de leite en ecolóxico que emprega sebes.

O custo da inscrición é de 20 euros e inclúe o xantar. Para máis información chamar ao teléfono 620 806 414.

Curso sobre peches de parcelas agrícolas e gandeiras

O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo (A Coruña) organiza este mes un curso sobre peches agrícolas, baixo o título de “Mellora da produtividade nos sistemas agrogandeiros: Taller de execución de cerramentos en parcelas agrícolas”. O curso, de carácter gratuíto, celebrarase co CFEA de Guísamo os días 29 e 30 de outubro, en horario de 16:00 a 20:00 horas e o día 31 en horario de 10:00 a 14:00 horas. Nestas xornadas, que forman parte das accións de transferencia tecnolóxica da Consellería do Medio Rural, explicaranse e analizaranse os tipos de cerramentos e as súas indicacións no ámbito rural, así como a normativa ao respecto. Tamén se abordarán o emprego de elementos vexetais como cerramento, o uso da madeira para peches e a tipoloxía e emprego de cercas eléctricas.

Descarga aquí a folla de inscrición

Máis información e matrícula: cfea.guisamo@edu.xunta.es ou no teléfono 881881043