Archives

Avisan da aparición de patacas con pé negro na comarca de Bergantiños

O pé negro da pataca, unha enfermidade causada por diferentes bacterias (principalmente a Pectobacterium carotovorum e a Dickeya dianthico) e cuxo síntoma máis visible é a pudrición do talo da planta apareceu en diferentes zonas da comarca de Bergantiños, a segunda en produción deste tubérculo en Galicia despois da Limia. Así o confirman a Campo Galego distintos produtores da comarca que o detectaron sobre todo en sementeiras de cedo e en terreos húmidos De momento na Limia non apareceu, segundo confirman desde o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo. "Para detectala necesitamos que a pataca xa estea nada, e que haxa condicións de humidade no chan e temperaturas altas, algo que de momento aquí non temos", explica Servando Álvarez, director deste centro dependente da Deputación de Ourense. Ao tratarse dunha enfermidade causada por unha bacteria e que provoca a pudrición da planta e do tubérculo é difícil combatela de forma efectiva con produtos fitosanitarios. "O máis efectivo é airear a terra mediante un aporcado, con tempo seco, para romper a costra superficial e así oxigenar o terreo", recomenda Servando Álvarez. Desde o Instituto Tecnolóxico Agrario de Castela e León (ITACYL), un referente en España no estudo de enfermidades da pataca, recomendan as seguintes medidas preventivas contra o pé negro: -Usar pataca de sementeira libre de bacterias Pectobacterium spp. ou Dickeya spp., se é posible sen cortala para non incrementar o inóculo. -Non sementar en solos moi mollados ou encharcadizos, deixando a semente pouco cuberta de terra se se esperan problemas. -Non regar en exceso procurando ter sempre o terreo ben drenado. -Evitar a contaminación desinfectando as plantadoras, colleitadoras e o equipo para trocear (non usar sementadoras que danen as sementes). -Colleitar con tempo seco, evitando condicións húmidas de choiva, favorecendo a cicatrización de feridas e limitando a entrada de bacterias. -Eliminar patacas espontáneas, plantas enfermas e pilas de patacas sobrantes próximas á parcela de cultivo. Ampliar as rotacións de cultivo.

Máis información sobre o pé negro da pataca