Archives

Xinzo de Limia e Coristanco acollen este mes unhas xornadas sobre optimización do cultivo de pataca de calidade

A localidade ourensá de Xinzo de Limia e a coruñesa de Coristanco acollerán o 17 e 18 deste mes, respectivamente, dúas xornadas técnicas sobre optimización do cultivo de pataca de calidade. As xornadas están organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. No caso de Xinzo, celebrarase o día 17 no salón de plenos do concello en horario de 09:30 a 14:00 horas e en Coristanco terán lugar o día seguinte, 18 de abril, no Edificio Multiusos co mesmo horario e programa. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico a patacadegalicia@patacadegalicia.es En canto ao programa, presentará as xornadas o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos, quen dará paso ao consultor Fernando Alonso Arce, quen cun relatorio sobre “Posibles problemas na produción de pataca na campaña 2024” analizará cuestións como a escaseza de semente, posibles problemas ocultos, calidade fitosanitaria da semente e diferentes aspectos sobre a conservación e o manexo do tubérculo. Alonso tamén apuntará algúns posibles riscos da práctica de reempregar a pataca de semente. O terceiro relatorio analizará a regulación da pataca de sementeira, en concreto en relación con aspectos como os requisitos fitosanitarios, os parámetros de calidade e os posibles procedementos de reclamación ante incumprimentos da normativa. Pecha o programa de ambos os encontros unha mesa coloquio moderada por José Manuel Gómez, presidente do IXP Pataca de Galicia.

A praga da couza guatemalteca da pataca avanza na provincia da Coruña

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena “Tecia solanivora povolny”, ou couza guatemalteca da pataca, na comunidade autónoma de Galicia. En termos xerais a praga remite na provincia de Lugo pero segue espallándose na da Coruña. Mediante esta resolución, a Xunta levanta formalmente a prohibición do cultivo de pataca -medida que se mantiña para evitar a expansión da couza deste tubérculo- nas parroquias de Chamín (Santaia) e Corrizo (San Pedro) en Arteixo; e na parroquia de Caión (Santa María do Socorro) na Laracha, tamén na provincia da Coruña; así como na totalidade do concello lucense de Burela. Ademais, declara como novas zonas infestada as parroquias de Abegondo (Santaia), Cabanas (San Xián), Figueroa (San Miguel) e Sarandós (Santa María de Sarandós), no concello de Abegondo; as parroquias de Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo), no concello de Carral; e as parroquias de Barallobre (Santiago) e Maniños (San Salvador), no concello de Fene. Ao tempo, mantense a prohibición de plantar pataca nas parroquias coruñesas de A Pedra (Santa María), no concello de Cariño, e San Xurxo de Moeche, en Moeche. En Lugo, a prohibición do cultivo deste tubérculo segue a manterse na parroquia de Santa María de Trabada, no concello homónimo. Polo tanto, son zonas tampón -espazos límite de contención en lugares que lindan con outras zonas infestadas e nas que se pode plantar pataca comunicando o cultivo-, na provincia da Coruña, as parroquias de Cerneda (San Salvador), Folgoso (Santa Dorotea), Mabegondo (San Tirso), Meangos (Santiago), Montouto (Santa Cristina), e Viós (San Salvador), no concello de Abegondo; a parroquia das Somozas (Santiago Seré), no concello homónimo; Laraxe (San Mamede), en Cabanas; Vigo (Santa María), en Cambre; Cariño (San Bartolomeu), Landoi (Santiago) e Sismundi (Santo Estevo), en Cariño; as parroquias de Beira (Santa Mariña), Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), en Carral; Régoa (Santa María), en Cedeira; As Encrobas (San Román), en Cerceda; Castelo (Santiago), en Culleredo. Tamén son zonas tampón as parroquias de Limodre (Santa Eulalia), Magalofes (San Xurxo), e Perlío (Santo Estevo), no concello de Fene; Labecengos (Santa María), San Xoán de Moeche (San Xoán) e Santa Cruz de Moeche (Santa Cruz), no concello de Moeche; as parroquias de Franza (Santiago) e Piñeiro (San Xoán), no concello de Mugardos; e as parroquias de Ferreira (San Paio) e Lamas (San Xiao), en San Sadurniño. E na provincia de Lugo, son zonas tampón as parroquias de San Xusto de Cabarcos, no concello de Barreiros; Santo Tomé de Lourenzá e Santo Adrao de Lourenzá, en Lourenzá; A Fórnea, A Valboa (Santa María Madanela), Sante (San Xiao), Vidal (San Mateo) e Vilapena (Santiago), no concello de Trabada. Todas as zonas tampón declaradas con anterioridade e non incluídas na presente resolución pasan a ser zonas libres.

Medidas nas zonas infestadas

Os agricultores das novas zonas infestadas deberán declarar as existencias de pataca almacenada na oficina rural máis próxima, en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada) utilizando o código de procedemento MR465B. O prazo para presentar esta declaración será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG da resolución (26 de marzo de 2024). A pataca almacenada será retirada polos servizos oficiais para proceder á súa destrución. Posteriormente, os titulares deberán desinsectar o solo, as paredes e o teito da zona onde estivera almacenada. En todas estas zonas queda prohibido o cultivo de pataca e os operadores de pataca de semente non poderán ter existencias nin comercializar este tipo de pataca. Tamén se prohibe a saída de pataca de consumo da zona infestada excepto no caso de tránsito, onde o vehículo deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Se o motivo da entrada de tubérculo na zona infestada é subministrar este produto dentro desa zona, en ningún caso, a pataca que entrou poderá saír da dita zona. Todos os produtores das novas zonas declaradas como infestadas que teñan que destruír ou arrancar patacas poderán solicitar a correspondente indemnización, a través dunha liña de axudas que sairá nas vindeiras semanas. Medidas nas zonas tampón En todas as zonas tampón declaradas, os agricultores deberán comunicar inmediatamente despois da sementeira, e en todo caso antes do 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca. Esta declaración poderá presentarse nos mesmos lugares que os indicados para a declaración de existencias ou a través da sede electrónica utilizando o código de procedemento MR465C. En canto aos operadores de pataca de semente deberán levar o rexistro de información dos compradores de pataca de semente e ter instalado no local destinado a almacén trampas de feromona específica para a captura de Tecia solanivora.

Evolución

A praga de corentena da couza guatemalteca da pataca detectouse por primeira vez no ano 2015, polo que a Consellería do Medio Rural tivo que prohibir o seu cultivo en diversos concellos da Coruña e Lugo de cara a procurar a súa erradicación. Dende a Consellería do Medio Rural afirman que “na actualidade, os datos de seguimento da presenza deste organismo -a través da rede de monitorización da Xunta, que conta con 2.100 trampas no territorio para realizar análises sistemáticos- mostran un avance significativo na súa contención, previa a unha posible erradicación”. No 2019, momento de máxima expansión da couza guatemalteca, chegaron a estar infestados 35 concellos. No período 2017-2023, a Xunta investiu 5,2 millóns de euros no Plan de choque contra a couza guatemalteca da pataca.

Enlace á resolución no DOG

A campaña “Pataca de Galicia. En boca de todos”, premio nacional de promoción

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asistiu este xoves á primeira edición dos Premios Nacionais da Pataca, celebrados na localidade valisoletana de Medina del Campo baixo a organización da Revista Campo. Nela, premiouse á Xunta de Galicia pola súa campaña publicitaria “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, impulsada polo Goberno galego para promover o consumo deste produto co selo diferenciado de Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. O xurado, composto por profesionais e representantes do sector da pataca así como polo presidente da revista “Campo”, Máximo Gómez, seleccionou “Pataca de Galicia. En boca de todxs” como gañadora da categoría de campaña de promoción, unha das oito que se premiaron nesta gala, na que Cabarcos destacou o excelente traballo dos produtores da IXP Pataca de Galicia, e que precisamente esta acción publicitaria quixo recoñecer. A campaña “Pataca de Galicia. En boca de todxs”, feita en galego, contou con presenza nun cento de medios de comunicación de ámbito local, provincial, autonómico e estatal, a través de creatividades, cuñas radiofónicas ou anuncios audiovisuais dende novembro ata decembro de 2023, situando o selo de calidade da pataca como sinónimo de tradición e calidade. Estes premios están organizados co obxectivo de poñer en valor a cadea alimentaria e recoñecer aos produtores, industrias e proxectos destacados. Entre os premios que se concederon están o Premio Nacional da Pataca, o Premio Produtora de Pataca do Ano ou o Premio Produtor de Pataca Mozo do Ano. As oito categorías dos galardóns establecéronse para “enxalzar” o cultivo e para destacar o “vigor” de todo o sector económico que pivota ao redor del, incluídos todos os elos da cadea: produtores, industria, distribuidores, restauración e institucións. Premios Nacionais da pataca revelan un sector con ganas de seguir loitando As oito categorías dos galardóns establecéronse para “enxalzar” o cultivo e para destacar o “vigor” de todo o sector económico que pivota ao redor del, incluídos todos os elos da cadea: produtores, industria, distribuidores, restauración e institucións. Tamén se trata dun cultivo “no que teñen un papel destacado novos e mulleres, os colectivos que garanten a renovación xeracional e a supervivencia do medio rural”, segundo os organizadores. Premio Nacional da Pataca. Nicolás Serna A traxectoria profesional de Nicolás Serna convenceu ao xurado para a concesión do Premio Nacional da Pataca a este agricultor de Montorio, na provincia de Burgos. Empezou a cultivar patacas aos nove anos e aos seus 77 xa leva case sete décadas dedicado a esta produción. E non ten pensado abandonar. “O día que pare, replican as campás. É como que me falta algo”, confesa entre risas. A paixón deste agricultor polo campo mantense intacta, e traspasouna aos seus fillos Isidro, Sara e Nicolás, que lle acompañan na cooperativa O Carmen, unha de principais produtoras do país. Diríxea xunto a Balbina, a súa esposa e quen segundo Nicolás é “a gran artífice” da compañía. Premio Produtora de Pataca do Ano. María del Mar Galindo María del Mar Galindo (San Javier, Murcia) lévao no sangue. Neta e filla de agricultores, esta moza de 31 anos estudou Enxeñería Agrícola cun obxectivo claro: dedicarse ao campo, “porque para min non é un traballo, é a miña vida”, comenta con emoción. Ao terminar a carreira empezou a traballar, xunto ao seu irmán e o seu pai, en Agrícola Galindo, empresa fundada polo seu avó. A súa compañía céntrase na produción ecolóxica e o residuo cero de froitas e hortalizas en terras de Cartaxena. “A pataca é un cultivo que descoñeciamos, pero cando entramos o meu irmán e eu vimos que era un proxecto moi interesante e alcanzable, e aquí estamos”, sinala. Premio Produtor Mozo do Ano. Manuel Aires Anastasio Aos seus 36 anos, Manuel Aires leva 16 na empresa familiar Floyma, en Encinas de Abajo (Salamanca). “Fai máis de tres décadas que a miña familia dedícase á pataca e o meu irmán e eu somos a terceira xeración na empresa”, detalla Manuel. Xunto ao seu pai e ao seu irmán teñen unha explotación de regadío na que cultivan millo, trigo, leguminosas e, por suposto, patacas. “A pataca é moi importante na miña vida porque é o cultivo que nos axudou a crecer como familia e como empresa”, subliña. Premio Proxecto Sostible. Programa de Agricultura Sostible de Pepsico Agro Este galardón recoñece a unha organización cuxo traballo promove a sustentabilidade en tres ámbitos: económico, social e ambiental. O Programa de Agricultura Sostible de Pepsico desenvólvese desde o ano 2018 en relación con todos os agricultores que fornecen pataca á compañía. O proxecto consiste no cumprimento e a verificación dunhas 200 prácticas moi diversas e que abarcan cuestións como as condicións de contratación do persoal, dispoñibilidade de auga potable nas explotacións, zonas de descanso adecuadas ou aspectos ambientais, como as condicións de almacenaxe e dosaxe de produtos de sínteses. Premio Profesional Técnico. Jorge Pérez Xubilado desde hai apenas unhas semanas, a traxectoria de Jorge Pérez ben merecía un recoñecemento. Natural de Madrid, leva máis de 35 anos en Burgos dedicándose ao mundo da pataca. Un dos seus primeiros empregos foi nunha cooperativa de pataca de sementa, e nos últimos 32 anos traballou en Matutano. Pérez tivo un papel instrumental no desenvolvemento de novas variedades de pataca que melloraron substancialmente a produtividade e a calidade do tubérculo. Premio Campaña de Promoción. ‘Pataca de Galicia. En boca de todos’ O labor da Xunta de Galicia por promover unha iniciativa relacionada co sector da pataca, e que reflicte un compromiso social, ten o seu premio. Premio Proxecto Gastronómico. Concurso ‘Patapas de Xinzo de Limia’ O Concello de Xinzo de Limia (Ourense) lanzou en 2023 o I Concurso de Tapas realizadas con patacas da comarca. Preto de 20 establecementos presentaron propostas innovadoras con base no tubérculo durante os oito días que durou a iniciativa. A cita tivo tanta repercusión que só a primeira fin de semana servíronse máis de 4.000 patacas, o que supuxo un revulsivo económico e culinario na hostalería da zona, onde se desprazaron visitantes desde toda a provincia e de comarcas próximas. Premio Pataca Solidaria. Federación Española de Bancos de Alimentos A Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL) leva case 30 anos promocionando o labor e a imaxe dos Bancos de Alimentos na súa loita contra a pobreza e o desperdicio de comida. Estas entidades combaten as carencias dos máis necesitados mediante a repartición de produtos de primeira necesidade, ao mesmo tempo que contribúen a mellorar o medio ambiente. A Federación está composta por 54 Bancos de Alimentos de toda a xeografía española, que en 2022 chegaron a 6.919 entidades benéficas e a máis de 1,2 millóns de beneficiarios. Un xurado de prestixio Todos os premios entregados este xoves valoran o carácter innovador e a aplicación das novas tecnoloxías como piares da competitividade. Ademais, o xurado destacou a capacidade de emprendemento e a incorporación ao sector dos mozos e as mulleres. O xurado estaba composto por profesionais de prestixio do sector, que valoraron as candidaturas presentadas entre as máis de 200 propostas.

Claves na conservación da pataca: alternativas tras a prohibición do CIPC

“O almacenamento da pataca no noso país está en declive. Cada vez gárdanse menos patacas e a campaña de almacenamento é tamén máis curta”, explica o rioxano Carlos Javier García Ladrón, xerente de Agrofield, no marco das xornadas técnicas da cuarta edición da feira Alimagro, celebrada en Xinzo de Limia (Ourense) recentemente. García concreta ademais que cada vez resulta máis difícil almacenar patacas e conservalas ata maio, como viña sendo habitual. En gran medida, isto débese á menor eficacia dos antixerminativos actuais, en comparación co CIPC, que viña empregándose de forma xeneralizada e cuxo uso foi prohibido desde o outono de 2020. Debido a esta dificultade para conservar as patacas acurtáronse xa os tempos de venda. Así, antigamente os prezos elevados situábanse ao redor do 15 de abril e en maio, mentres que actualmente adiantáronse xa a comezos de marzo. “Temos a necesidade de gardar pataca para cubrir as necesidades do mercado, polo que é preciso que se regule este mercado, xa que non se poden vender todas as patacas entre setembro e outubro”, valora García.

Como se conserva a pataca en España?

En España a maioría dos almacéns non dispón dunhas instalacións adecuadas para garantir a conservación da pataca, xa que son un número moi reducido deles os que contan con sistemas de frío que contribúen a esta conservación. “A menor eficacia dos antixerminativos obriga a dispoñer dunhas boas instalacións de almacenamento, pero a maioría dos almacéns españois non contan con elas”, recoñece. En España só o 10% dos almacéns dispoñen de sistemas de frío e caixóns, o sistema máis idóneo, mentres que en Francia o 80% dos almacéns abandonou xa o granel.
En España só o 10% dos almacéns dispoñen de sistemas de frío e caixóns, mentres que en Francia o 80% dos almacéns abandonou xa o granel
O 30% dos almacéns teñen un sistema de ventilación forzada e empregan caixóns ou big-bags. “A diferenza de contar con sistemas de frío, neste caso a eficacia de conservación diminúe notablemente, en especial en anos calorosos nos que se ventila en exceso o almacén para baixar a temperatura das patacas”, concreta García. Patacas empaquetadas en bigbags de gran capacidade. Boa parte destes almacéns dispoñen de caixóns cunha capacidade dunha tonelada que se amorean en varias alturas. É un dos métodos máis recomendados para almacenaxes longas, xa que desta maneira optimízase o aproveitamento das dimensións do almacén e facilítase a súa xestión. Mentres, os big-bags ou sacas son moi utilizadas para o transporte de patacas, así é que a maioría están perforadas para facilitar a aireación e son amontoadas en andeis, polo que se recomenda para aqueles almacéns que realizan unha almacenaxe da pataca durante períodos curtos de tempo. Ter un sistema de ventilación forzada e as patacas a granel é o método que emprega outro 30% dos almacéns de patacas españois. Como recoñece García, nestes casos resulta complicado conservar de forma eficaz as patacas máis dun mes e medio.
“Nos almacéns que teñen as patacas a granel resulta máis difícil asegurar a eficacia do antixerminante”
Mentres, existe outro 30% de almacéns que non dispoñen de ningún sistema de ventilación ou frío e as patacas almacénanse ben en sacas ou a granel. As patacas vanse amoreando mediante cintas apiladoras sobre un sistema de condutos de ventilación para permitir a aireación interior do montón. É un dos métodos que permite almacenar un maior volume de tubérculos, aínda que dificulta a xestión do almacén, á vez que resulta complicada a acción dos antixerminantes. “Nestes casos, é difícil asegurar a eficacia do antixerminante”, valora García. Patacas almacenas a granel.

O clima, condicionante da pataca en España

A pesar de ser un produtor de pataca, España conta con condicións desfavorables para a conservación da pataca en comparación con outros países europeos como Bélxica e Países Baixos. Factores climáticos como a temperatura ou as condicións hídricas marcan a diferenza entre estas rexións e engaden dificultades na conservación das patacas españolas. O propio clima mediterráneo de España, onde se adoitan superar os 30 graos de temperatura e mesmo sobrepasar os 40 de forma recorrente, acompañado de noites frías que poden quedar con menos de 10 graos xera un estrés térmico na planta, que afecta á pataca. Estas condicións de estrés térmico prodúcense mesmo en zonas produtoras galegas como a comarca da Limia. Mentres, en Países Baixos e Bélxica a temperatura media sitúase por baixo dos 30 graos e non caen dos 15 graos, o que supón condicións óptimas de temperatura para a planta da pataca.
“A conservación das patacas españolas resulta máis complexa, posto que en ocasións no momento da colleita hai patacas xa con brotes nados debido ao estrés hídrico e térmico que experimentaron”
Estes países tamén adoitan ter condicións hídricas óptimas, xa que é habitual que chova case todos os días, sen que cheguen a producirse tormentas, de maneira que as plantacións de pataca non precisan de rega. En España, acostúmase a regar cada 5 días, o que provoca que o primeiro día o terreo quede encharcado, o segundo se logren condicións óptimas, pero ao terceiro e cuarto día acúsase xa un estrés hídrico para a planta. Como consecuencia tanto das temperaturas como da falta de humidade constante, cultívanse patacas máis estresadas, a diferenza das obtidas en Países Baixos. “Resulta máis complexo a conservación das patacas españolas, xa que en ocasións no momento da colleita hai patacas xa con brotes nados debido ó estrés hídrico e térmico que experimentaron”, indica García.
Termonebulización de patacas almacenadas a granel.

Alternativas tras a prohibición do CIPC

Tras a prohibición en outubro de 2020 do CIPC, o conservante máis utilizado de forma xeneralizada polos almacéns, na actualidade preséntanse 5 alternativas populares para este fin. Recollemos algunhas das características destes produtos autorizados polo Ministerio de Agricultura para este fin. -Hidracida Maleica, coñecido polo seu nome comercial como Super-Stop-Brot 18. É dos poucos produtos que se aplica xa en campo, cando a mata aínda non foi arrincada. “É un produto moi técnico que esixe un seguimento exhaustivo do estado de desenvolvemento do cultivo para determinar o momento óptimo de aplicación”, explica o técnico. Ten unha eficacia aproximada dun mes e resulta unha alternativa económica en canto ao seu custo por toneladas e mes de almacenaxe. “É unha produto ideal se o almacén non reúne as condicións óptimas”, recoñece García. - Etileno, comercializado como Restrain. É un produto que se aplica xa en almacén, cando a pataca se sacou  da terra. Adoita empregarse un equipo dosificador que emite etileno ao interior do almacén cando o sensor detecta niveis baixos do mesmo. É unha das alternativas que dispón de rexistro tanto para pataca de sementeira como de consumo, pero precisa un almacén moi ben pechado e que estea situado fóra da zona de traballo. -Aceite de menta, vendido como Biox-M. Trátase dunha alternativa que se aplica xa no almacén e só ten un efecto curativo, xa que queima os talos que xa brotaron. Ten unha eficacia aproximada duns 21 días. Dispón dun rexistro sobre pataca de consumo e ecolóxica. “Só está dispoñible en formulado termonebulizable e recoméndase a súa aplicación a través dunha empresa especializada”, explica García. -Aceite de laranxa, coñecido como Argos. É outra das alternativas pensadas para pataca de consumo e ecolóxica e que se aplica directamente en almacén, unha vez arrincado o tubérculo. Do mesmo xeito que o aceite de menta, ten un efecto curativo, xa que só queima os talos xa brotados e proporciona unha eficacia de 21 días. Tamén se aconsella aplicalo por unha empresa especializada, xa que se trata dun formulado termonebulizable. -DMN 1,4 -dimetilnaftaleno, comercializado como 1,4 Sight. Tamén se aplica xa no almacén e é un dos poucos que ofrece un efecto tanto preventivo como curativo, xa que inhibe a brotación dos talos e queima os que xa brotaron. Este produto ten unha eficacia de 1 a 2 meses e ten rexistro só sobre a pataca de consumo. Tamén se aplica como un formulado termonebulizable, polo que se require unha aplicación especializada. Como sinala García, este produto ofrece ademais outras vantaxes para a conservación da pataca, xa que proporciona unha maior turxencia do tubérculo e redúcense as diminucións por perda de peso. Tamén provoca menores danos por presión entre tubérculos e facilita e reduce as perdas durante o proceso de pelado nas fábricas de frito.

O Campus Terra pon en valor o cultivo de pataca en Galicia no LII Seminario de Técnicos e Especialistas en Horticultura

Máis de 30 profesionais, investigadores e técnicos do sector hortícola en España presentarán en Lugo os resultados dos últimos traballos de experimentación en horticultura, no marco dun foro coordinado polos profesores Benigno Ruiz Nogueiras e Mª Belén Díaz. Desenvolverase do 18 ao 22 de setembro na Escola Politécnica de Enxeñaría e inclúe visitas a Xinzo de Limia e ao CIAM de Mabegondo. O programa desta reunión científica, na que se agarda a participación de máis de 20 profesionais, investigadores e técnicos do sector hortícola procedentes de toda España, permitirá expoñer os resultados das últimas investigación e dos traballos de investigación desenvolvidos neste eido produtivo, un sector no que a produción de pataca constitúe o principal sinal de identidade da horticultura en Galicia. Galicia, despois de Castela León, é a segunda comunidade autónoma de España con maior produción deste tubérculo. Daquela, alén da presentación de comunicacións, nas que se darán conta dos últimas investigacións e ensaios realizados no ámbito da horticultura, o programa da próxima edición deste seminario nacional inclúe unha visita técnica a Xinzo de Limia, onde as persoas inscritas neste foro científico terá a oportunidade de coñecer de primeira man as singularidades que presenta a produción deste cultivo extensivo en Galicia, así como as distintas iniciativas postas en marcha para a súa valorización.

A Feira da Pataca de Coristanco será o escenario para presentar o distintivo Artesanía Alimentaria

A elaboración de produtos alimentarios artesanais ofrece ás persoas consumidoras finais unha variedade de alimentos cunha alta calidade nutricional. Por iso, e para dar a coñecer mellor a elaboración destas pezas, a Festa da Pataca de Coristanco vai ser a plataforma desde onde se dea a coñecer o distintivo Artesanía Alimentaria. Co fin de dar a coñecer o distintivo de Artesanía Alimentaria e promocionar estes produtos certificados, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria organiza os días 16 e 17 de setembro, coincidindo coa Festa da Pataca de Coristanco, un mercado de artesanía dirixido ao consumidor final (na rúa do Muiño de Coristanco, en horario de 10:00 h a 14:00 h; 16:00 h a 20:00 h.). Constará de 22 postos de venda ao público, onde as empresas participantes venderán produto certificado co distintivo de Artesanía Alimentaria coma: aceite, lácteos, conservas, embutidos, patés, té, especias, mermeladas, repostería, xeados, sidra, cervexa ou mel. Para dinamizar o mercado contarase cun programa de actividades variado: charlas técnicas e divulgativas, obradoiros para adultos e nenos ademais de sorteos de lotes de produtos.

Rotación de cultivos: o caso da pataca de sementeira na Bretaña francesa

A rotación de cultivos é unha técnica agronómica realizada de forma habitual en Galicia. Nas ganderías de leite é habitual que na mesma parcela se alterne pradería co cultivo de millo ou en zonas produtoras de pataca que se combine o cereal co tubérculo ou outros cultivos. Aínda que estas rotacións adoitan ser anuais ou bianuais, mentres noutras rexións como a Bretaña francesa, un dos territorios galos especializados na produción de pataca de sementeira, esta rotación de cultivos pode chegar mesmo aos 7 anos. Na cooperativa francesa Bretagne Plants, especializada no cultivo e comercialización da pataca de sementeira, os produtores optan pola rotación de cultivos, cun sistema de produción variado. “Hai un sistema multivarietal, onde se asocia a produción animal coa agraria, e nesta última óptase por unha gran variedade de cereais e vexetais”, explica Philippe Dolo, responsable de investigación de Bretagne Plants.
É obrigatorio realizar unha rotación de 4 anos entre cultivos de pataca e algúns produtores chegan a esperar 7 anos para volver producir o tubérculo
Na produción de pataca de sementeira nesta rexión gala é obrigatorio realizar unha rotación entre cultivos de pataca de 4 anos, aínda que como apuntan dende Bretagne Plants, o máis habitual entre os produtores da cooperativa é que agarden 5 anos entre campañas de pataca, pero hai agricultores que realizan rotacións de 6 e 7 anos. “Para realizar estas rotacións é moi frecuente que os produtores se intercambien as parcelas, é un concepto que está moi desenvolvido e arraigado”, apunta Dolo. O millo e o trigo son os cultivos que máis adoitan alternarse coa produción de pataca, seguidos de chícharo e pradeiras temporais. Aínda que, o abano de cultivos que utilizan nestas rotacións é amplo, a maioría son gramíneas. Así, por exemplo, nunha explotación agrícola cunha rotación de 5 anos, tras o cultivo de pataca o segundo ano adoitan cultivar na súa maioría algún cereal, para ao terceiro ano optar por millo e no cuarto ano sementar unha pradeira temporal e terminar ao quinto ano cun cultivo como a colza. No caso dos produtores que optan por rotacións de 6 anos é habitual que nos últimos tres anos cultiven legumes como as xudías ou os chícharos e mesmo intercalar con chalotas. Rotación de pataca de 5 anos. Rotaron o cultivo da pataca con cereal, millo, pradeira e colza.

A preparación do terreo

En base ao cultivo que vaian producir en cada campaña tamén realizan unha preparación do solo acorde. Por unha banda levan a cabo accións mecánicas, o que implica a labranza no inverno ou primavera. Ademais, acometen un traballo profundo con ferramentas de dentes, así como traballos superficiais con ferramentas articuladas. Por outra banda, para a preparación dos terreos tamén efectúan labores agronómicos, como a xestión de cubertas vexetais, que en ocasións son multiespecies, e que cultivan durante os meses de outono e inverno. Neste caso, nos meses de febreiro e marzo destrúen esta cuberta e realizan un traballo profundo con ferramentas de dentes.
Adoitan utilizar cubertas vexetais intermedias que cultivan entre dous cultivos principais e que lles proporcionan nitróxeno para a seguinte colleita
“Traballamos moito con estas cubertas, que se cultivan entre dous cultivos principais. Levamos con estas prácticas case 30 anos e son estas cubertas as que nos permiten recuperar o nitróxeno nas nosas terras para a próxima colleita”, explica Philippe Dolo. Nas cubertas vexetais que cultivan antes de volver sementar pataca, o máis frecuente é que realicen unha destrución mecánica das mesma, aínda que algúns produtores optan por empregar métodos químicos e hai quen combina ámbalas dúas técnicas. Neste tipo de cubertas adoitan cultivar unhas dúas especies. Entre as máis utilizadas atópase a avea, facelias, ravos, mostaza e en menor medida trevos e veza. Especies como as facelias, a mostaza ou a veza utilízanas principalmente co obxectivo de achegar nitróxeno á terra, polo que as empregan como abono verde. O máis habitual é que o cultivo anterior á pataca sexa avea, facelias, ravos, mostaza e en menor medida veza e trevos. No caso concreto da campaña que sementan pataca, a preparación da terra realízana en tres etapas. O primeiro paso é arar a terra cun arado ancho despois de labrar ou realizar un traballo superficial, en función do cultivo previo que tivesen no terreo. Adoitan empregar arados especiais que permiten facer un suco ancho e cunha profundidade de 30 centímetros. A segunda etapa é a tamizado, na que recuperan o suco coa tamizadora de cadeas de bares ou con rolos estrela. Así conseguen un tamizado da terra fina e que os terróns de terra se desprendan grazas ás cadeas ou rolos. Ademais proceden á eliminación das pedras dos laterais e os terróns entre os montículos. Tras iso, pasan cun contedor para recuperar as pedras de maior tamaño que fosen quedando atrás. “Búscase obter entre 25 a 30 centímetros de terra tamizada”, concreta o técnico. Por último, acostuman realizar a plantación da pataca, que pode ser en sucos ou en montículos. No caso dos sucos, teñen unha maior anchura (entre 160 e 180 centímetros) polo que se plantan en cada un deles 3 tubérculos a unha distancia de 40-45 centímetros. Mentres, no caso das plantacións realizadas en montículo, en 150 centímetros poden situarse dous montículos e en cada un deles seméntase unha pataca, de tal maneira que os tubérculos quedan separados por uns 75 centímetros.

Cubertas vexetais: aliadas da rotación

Nun modelo con rotación intensiva de cultivos como o que aplican nas terras galas, tamén apostan por prácticas arraigadas na agricultura de conservación como é a utilización de cubertas vexetais intermedias entre os cultivos principais. Estas cubertas teñen como obxectivo proporcionar unha achega de materia orgánica, fomentar a biodiversidade e a actividade biolóxica, así como incrementar a fertilidade da terra. Na actualidade, a maior parte dos produtores optan por manter estas cubertas durante varios meses, sobre todo no outono e inverno (desde mediados de setembro ata xaneiro), pero deixan varios meses o terreo espido entre cultivo e cultivo. Así, nunha rotación con trigo, pataca e millo de 4 anos, o terreo permanece espido un total de 7 meses e cunha media do 68% de días con raíces.
Empregan cubertas vexetais entre cultivos para conseguir un aporte de materia orgánica, fomentar a biodiversidade e incrementar a fertilidade da terra
O obxectivo é reducir ese tempo en que o solo permaneza espido pouco máis de 5 meses no mesmo período, de maneira que o 90% dos días o solo teña raíces. “É un gran paso entre un modelo e outro. É a diferenza de pasar a ter un solo máis vivo”, recoñece Dolo. Desta maneira, cun manexo máis apegado á agricultura de conservación e tal e como demostran algúns estudos realizados, lógrase unha maior recuperación de nitróxeno. O estudo realizado comeza mantendo a cuberta de longa duración ata o mes de marzo, deixando a terra espida apenas un mes, xusto antes de sementala pataca. En agosto, trala colleita, volverá permanecer un mes sen cultivo e en setembro seméntase unha cuberta curta que permanece ata novembro, cando se procede a sementeira do cereal que permanecerá ata o mes de xullo do ano seguinte. Nese momento, o terreo queda descuberto pouco máis de 15 días e a mediados de agosto sementan xa unha cuberta longa que se retirará en marzo para logo deixar só ao descuberto un mes antes de volver sementar cultivos como o millo. “Son as raíces as que fan boa parte do traballo. Cando miras o solo xa ves que a terra ten unha boa estrutura”, valora Dolo.
Con estas cubertas vexetais poden recuperarse ata 160 unidades de nitróxeno para o próximo cultivo
Contar con este tipo de cubertas permítelles combater risco de lixiviación, así como recuperar a estrutura da terra e gañar en nitróxeno. En función do tipo de cobertura que utilicen poden chegar a recuperar entre 60 e 100 unidades de nitróxeno, con variacións entre as distintas campañas. Co emprego de leguminosas poden chegarse a recuperar 160 unidades de nitróxeno. “O nitróxeno que se recupera transfírese á pataca ao ano seguinte”, apunta o técnico. Entre as claves para conseguir que estas cubertas vexetais sexan máis efectivas e conseguir unha maior produción de biomasa recomendan: -Asociar varias especies con perfil de raíz mixta. A diversidade de cultivo e coberteira proporciona unha barreira aos patóxenos de maneira que se consegue que o solo teña unha maior inmunidade durante varios anos”, explica Dolo. - Sementar rapidamente e asegurar un bo levantamento. Cunha sementeira máis temperá aprovéitase aínda a humidade residual. -Destrución da cuberta o máis tarde posible, só un mes antes do próximo cultivo.

A IXP Pataca de Galicia apunta a comercializar máis de seis millóns de quilos

A produción de pataca en Galicia diminuiu este ano debido ás condicións meteorolóxicas, que poden facer caer un 20% o volume total de tubérculo. O número de hectáreas sementadas no marco da IXP rondou case as 700, de onde se extraerán arredor de trinta millóns de quilogramos para a súa comercialización, dos que uns 6 comercializaranse baixo a IXP. A grande diferenza entre a produción total e a que se comercializará débese a que se leva a cabo unha esmerada selección dos lotes, e ademais unha parte destínase á transformación industrial e outras canles. Estes calculos, comunicados pola Indicación Xeográfica da Pataca de Galicia, deberán esperar até o final da tempada, pois os agricultores aínda están en plena recollida nos seus terreos. O Consello Regulador da Indicación Xeográfica da Pataca de Galicia acaba de facer públicas as previsións de produción para esta campaña do ano 2023. O organismo estima unha produción de aproximadamente 30 millóns de kilogramos nas áreas inscritas, que tras o proceso de selección e o traspaso de parte da produción ás empresas transformadoras de pataca frita e outras, serán máis de 6 millóns comercializadas baixo a IXP. Esta campaña contou co traballo de 71 produtores repartidos en 690 hectáreas de terreno de cultivo. Os produtores seguen en época de recolleita, comenzando pola variedade kennebec. Os produtores da IXP están, nestes momentos, en plena época de recolleita, comezando polas variedades de ciclo máis curto como a kennebec, para continuar polas de ciclo máis longo como a agria. Estas dúas, xunto á Fina de Carballo, conforman as tres variedades amparadas polo indicativo de calidade. No mercado xa se pode ver Pataca de Galicia, tanto da variedade de carne branca kennebec, como da agria, de carne amarela. Polo momento, non se dispón de produción da variedade autóctona Fina de Carballo. Neste inicio de campaña de comercialización, vai seguir aumentando a produción que chega ao mercado baixo o selo da IXP. Este ano a IXP contou con 690 hectáreas de cultivo, das que en torno a 400 corresponden á variedade kennebec, e 290 á agria. O número de produtores que traballaron baixo o amparo do selo nesta campaña é de 71, dos cales 54 pertencen a Ourense, 14 a A Coruña e 3 a Lugo, sendo as principais zonas produtoras A Limia, Monterrei e Bergantiños. A maior parte da produción concéntrase en Ourense, onde a IXP conta con 600 hectáreas. Nelas, concéntrase a maioría da produción de kennebec, e a práctica totalidade de agria. En segundo lugar, estaría Bergantiños, na Coruña, con máis de 60 hectáreas. Por último, estaría Lugo con 30 hectáreas. Pese ás desfavorables condicións climatolóxicas, que provocarían que a produción poida estar entre un 15 e 20% por debaixo da media dos últimos anos, a cifra da previsión é positiva, garantíndose ademais que a pataca producida será de excelente calidade para o consumo. Outro dato positivo é que, polo momento, existe unha elevada demanda de pataca, e non semella que a oferta nos mercados internacionais poida presionar os precios á baixa. Polo tanto, espérase que a campaña sexa boa en canto á retribución para os bolsos produtores. Recentemente, a IXP Pataca de Galicia mudou de directiva. A presidencia pertence a José Manuel Gómez, que ten coma obxectivo “poñer en valor tanto en Galicia coma no mercado nacional a innegable calidade do noso produto e do bo facer dos nosos produtores”. Agarda que, ao longo do que resta de ano, “o número de inscritos aumente, dunha forma homoxénea no conxunto da Comunidade Autónoma”. https://www.campogalego.gal/baixa-un-20-colleita-de-pataca-en-galicia-e-prezos-alza-de-momento/

Baixa un 20% a colleita de pataca en Galicia e prezos á alza… de momento

As diferencias climáticas do territorio galego tamén deixan diferentes perspectivas en torno ás previsións sobre a colleita de pataca deste ano, pero as abundantes choivas de maio e xuño, acompañadas das limitacións da aplicación de fitosanitarios  dan lugar a un prognóstico reservado sobre a cantidade de patacas, prevéndose reduccións que poderían chegar ao 20% en zonas como A Mariña ou Xinzo de Limia. Cabe engadir que, ata o de agora, é precipitado sacar conclusións claras posto que as choivas de final de verán e comezos de outono están retrasando a recollida. Pola contra, a calidade na maior parte do territorio vaise manter nuns estándares altos, aínda que, nalgunhas parcelas xa levantadas algúns productores percibiron certa diminución do calibre. Esta realidade vai en paralelo ao aumento dos custos de produción, palpable tanto a través dos carburantes como dos tratamentos autorizados. Todo isto, acompañado da previsible baixada da produción permite auspiciar que a media de prezos vai variar entre os 0,40 euros/kg e 0,65 euros/kg dependendo da zona e das características da producto. “A pesar de que o calibre é un pouquiño máis pequeno este ano, de 50-60, algúns de 70, si que percibimos unha homoxeneidade do producto, unha cuestión que lle interesa ao consumidor final. Isto tamén é mostra de que un cultivo coma o noso, intentamos que sexa o máis tradicional posible”, engade o presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez.

A Limia: Baixada da colleita e prezos á alza

Nesta parte do territorio, as choivas de maio e xuño fixéronlle sufrir especialmente as plantacións de pataca debido ás inundacións que supuxeron. “Houbo casos nos que se perderon fincas, ou ben porque a auga as asfixiou ou porque as parcelas quedaron asolagadas de auga e a maquinaria non podía entrar para aplicar os tratamentos. Eu no meu caso perdín unha hectárea e media, pero aquí falase dun 20% ou 30% de fincas que se perderon”, explica o alcalde de Xinzo de Limia e productor local, Amador Díaz.
“Eu no meu caso perdín unha hectárea e media, pero aquí falase dun 20% ou 30% de fincas que se perderon” (Amador Díaz)
“No momento das inundacións quedamos bloqueados, intentaron buscarse solucións de urxencia para contrarrestar os efectos das enfermidades e dos fungos. Desde a Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (ADEGAL) solicitouse fumigación con dron -pero non se conseguiu-, e logo algúns productores intentaron traer maquinaria especializada para a situación pero xa estaba comprometida. A salvación foi que a situación foi cesando e a boa praxe dos agricultores permitiu salvar os cultivos restantes”, amplía a presidenta de ADEGAL, María Teresa Joga. A pesar de que as choivas de finais de verán restrasaron tamén a recollida na Limia, na comarca interprétanas como algo beneficioso porque “suavizan as temperaturas e así favorecen a almacenaxe da colleita”, detalla Joga. Na mesma liña que o resto de organizacións e productores de Galicia, os limiáns toman o tema de prezos desde a distancia. “Polo momento é precipitado falar de prezos, depende de como estea o mercado e mesmo da demanda exterior, aínda que do que se está collendo fálase que ronda os 0,40€/kg ou 0,42€/kg a granel”, estima Amador Díaz. “En canto a calidade do producto tamén hai que falar coas debidas reservas, polo momento é algo moi anecdótico pero faise referencia a unha diminución do calibre e incluso de volume de patacas por pé, pero non se poden sacar unhas conclusións porque polo momento estanse levantando algunhas colleitas temperás”, avanza a presidenta de ADEGAL.

En Coristanco estase atrasando a recollida da pataca

Ao igual que no resto de Galicia, a colleita nesta zona pataqueira vai atrasada con respecto aos tempos doa anos anteriores. “Imos un pouco retrasados, xa teríamos que ter recollida bastante pataca pero primeiro fixo moita calor, e recollelas con altas temperaturas é malo porque che poden pudrir no almacén e agora esta temporada está chovendo por orballos, polo que tampouco podemos porque se están levantadas e se mollan poden pudrir”, apunta o presidente da Asociación de Productores de Pataca de Coristanco, Juan Ramón Sanjurjo. Nesta zona, aínda que a auga non permitiu avanzar, xa arrancaron algunhas colleitas temperás. Isto sérvelles aos productores locais como termómetro: “Se unha cantidade normal é duns 20.000kg por hectárea, este ano andaremos polos 17.000kg/ha de media, aproximadamente, o que suporá en liñas xerais sobre un 20% menos”, detalla Sanjurjo.  “O mildio e as choivas de maio e xuño vai supoñer unha disminución do volume da colleita. Aínda que polo momento só se poden dar estimacións, a partir de zonas como Coristanco,  A Mariña, Monterrei ou Laza, prevemos que Galicia vai recoller un 20% menos de pataca aproximadamente”, afirma o presidente da IXP Pataca de Galicia, José Manuel Gómez.
“Aínda que polo momento só se poden dar estimacións, prevemos que Galicia vai recoller un 20% menos de pataca aproximadamente” (José Manuel Gómez)
“Este ano é un pouco atípico, tanto en termos climáticos, como pola lexislación cambiante en torno ao uso de novos tratamentos. Agora, estamos utilizando novos compostos antifúnxicos que hai que utilizar en momentos moi concretos, dun xeito moi axeitado. Por iso, hoxe en día non podes estar dous días sen ir á finca”, comenta Sanjurjo. Ademais, pola zona tamén se percibiron certos ataques de verme branco que pasarán factura no volume final recollido.
“Hoxe en día non podes estar dous días sen ir á finca” (Juan Ramón Sanjurjo)

Provincia de Lugo: Caída da produción polas dificultades para combater o mildio

O compoñente climático desta zona tivo unha forte influencia sobre a evolución do cultivo. “O ano veu como veu, cunhas temperaturas que chegaron aos 39ºC-40ºC”, detalla o productor de Riotorto, Javier Miranda. No momento da plantación, a pataca tivo unhas condicións favorables de temperaturas moderadas e choiva e “iso permitiulle xerminar ben e sacar unha boa cantidade de froitos, pero despois tivo dificultades por excesos de calor -entre outras- que, nalgúns casos que xa vimos en parcelas arrancadas, vai implicar unha reducción do calibre”, explica. As temperaturas atípicas tamén estiveron acompañadas por brotes de mildio. A sustitución obligada de certos funxicidas por normativa europea conduciu a cambios no control desta enfermidade. “Este ano vimos marchar dúas hectáreas de pataca por mor do mildio, cando antes podías conter os seus efectos con productos comúns como o Ridomil. Europa quérenos máis ecolóxicos e paréceme razonable porque se estaban facendo barbaridades, pero non nos poden deixar sen armas efectivas da noite para a mañá”, critica Miranda. “Cada unha desas hectáreas implica unha perda duns 4500€ debido aos custos de semente, fertilización, etc.”, engade.
“Este ano vimos marchar dúas hectáreas de pataca por mor do mildio” (Javier Miranda)
O combinado de altas temperaturas, con choivas constantes no momento de contención de mildio, xunto á diferencia de efectividade dos antifúnxicos autorizados xeran unhas previsións en cantidade por debaixo das do ano pasado. “Aínda que é cedo para falar, coas parcelas que temos arrancadas e as que perdemos estamos vendo que imos ter en torno a un 20% menos de producción que no 2022”, avanza Javier Miranda. Ademais, tamén rexistraron “ataques de eiruga porque se unha planta está débil, éntralles de todo, e neste caso, comeron o tallo da pataca”, comenta. Estas consecuencias “non se van notar tanto nos prezos porque como vivimos nun mundo globalizado, se aquí sobe moito o producto impórtase doutras zonas. Para este ano non podemos falar de momento dun prezo de media, porque acabamos de empezar pero arrancamos en 0,65€/kg”, apunta.
“É moi cedo para falar de prezos pero este ano arrancamos en 0,65€/kg” (Javier Miranda)
Ata o de agora, “as primeiras fincas que se sacaron foi un desastre porque a pataca non quere tanta calor como veu en almacén, e non sei noutras zonas, pero aquí estamos habituados a 23ºC-24ºC”, explica o productor. “Agora, estas choivas de final de verán viñéronnos ben para os cultivos de inverno, pero para a pataca chega moi tarde”, afirma.

Xinzo de Limia convértese estes días no centro do sector da pataca na Península

Sete localidades de España e Portugal participaron este xoves no acto de Irmandamento Hispano-Luso de Pobos Produtores de Pataca, evento que representa unha alianza entre territorios para utilizar a pataca como elemento dinamizador, así como para defender o seu cultivo, impulsar os intercambios comerciais e consolidar a industria.  A alianza selouse na localidade ourensá de Xinzo de Limia e nela participan ademais as localidades de El Carpio (Valladolid), Soto de Cerrato (Palencia), La Bañeza (León), Coristanco (A Coruña), Valle de Losa (Burgos) e Montalegre, na rexión portuguesa de Trás-os-montes. O irmandamento foi promovido polo medio especializado agrario CAMPO, cuxa empresa editora será a encargada, a partir de agora, de coordinar as distintas accións promovidas no marco desta alianza. O irmandamento tamén conta, como patróns, coas compañías Patacas Meléndez, Argotractors, Esplet, CoopBarroso, Prodeleco, Interagro de Patacas, Regaber, que apoian o acordo e colaborarán en accións futuras.  “Esta alianza de pobos produtores é unha iniciativa pioneira na Península Ibérica, que busca pór en valor un cultivo tan estratéxico como a pataca. O Irmandamento favorecerá a colaboración entre todos os axentes que forman parte do sector e profundará na unión territorial das distintas zonas produtoras. Estamos convencidos de que esta colaboración será beneficiosa para todas as partes”, sinalou o director de CAMPO, Máximo Gómez.  Os concellos involucrados comprométense a posibilitar o intercambio de experiencias, iniciativas e solucións aos seus problemas comúns “co fin de lograr un coñecemento recíproco máis amplo, a difusión dos seus atractivos e os diferentes proxectos relacionados co sector”, ampliou. Nese sentido, os concellos comprométense a apoiar a organización de encontros sociais e agrarios “que redunden na formación integral dos municipios”, detallou. En particular, fomentarase o desenvolvemento de xornadas técnicas da pataca, eventos gastronómicos, monográficos e feiras, que fomenten a participación e o coñecemento cidadán.

Xornadas técnicas sobre a pataca

Inauguración oficial de Alimagro 2023 Alimagro continuou este venres coa Xornada Técnica de Pataca organizada por CAMPO, da man do concello de Xinzo de Limia. Rega por goteo, conservación dos tubérculos ou a dixitalización foron algunhas das cuestións que abordaron os expertos. Rega por goteo: rendibilidade e eficiencia Aínda que noutros países, o sistema de rega por goteo está moi instaurado nas explotacións de pataca, non é o caso do noso país. Con todo, algúns agricultores empezan xa a interesarse por este método, na procura de solucións que lles permitan ser máis eficientes. Guillermo Pellegrino, da compañía Netafim, analizou as vantaxes da rega por goteo en pataca. Para a súa compañía, trátase do "máis eficiente método de subministración de auga e nutrientes aos cultivos". Grazas a esta práctica entrégase a auga e os fertilizantes directamente á zona radicular do cultivo, "na cantidade correcta e no momento axeitado". Por tanto, "cada planta recibe exactamente o que necesita, cando o necesita para desenvolverse de forma óptima". "Grazas ao goteo, os produtores poden ter mellores rendementos mentres aforran auga, así como fertilizantes e enerxía", destacan desde Netafim. "Nalgunhas explotacións de Castela e León lográronse un aumento de até o 20% na produción, cun aforro de auga dun 25%", explicaba Guillermo. Dixitalizar o cultivo e o seu camiño até o consumidor "A tecnoloxía demostrou ser un gran aliado para o agricultor. Solicitar e analizar os datos das nosas explotacións permítenos observar a evolución dos nosos cultivos e axudarnos a axustar as velas", como así o sinalou Manuel Gil, responsable da compañía Hipatec para o norte de España. Esa dixitalización é a que vai permitir a todo profesional relacionado coa pataca alcanzar a máxima eficiencia, por exemplo, no consumo de auga, na realización de regas coa máxima eficiencia e en aspectos crave da conservación, como a medición da humidade relativa ou a temperatura. Hispatec é experta en ERP, como se denomina aos sistemas informáticos destinados á administración de recursos. Unha das súas prioridades é "a redución dos custos de produción" e, de feito, dispón dun pormenorizado estudo dos custos de grandes compañías de ambos os lados do Atlántico, como explicou Manuel. Dentro desa análise tómanse en consideración as contas de explotación de tres anos antes de traballar con Hispatec e tres anos despois. O resultado é, de media, un incremento do Ebitda (beneficio antes de intereses, impostos, depreciacións e amortizacións) do 75%, segundo Manuel Gil. No caso da pataca, a súa ERP "está preparado para obter un escandallo dos custos de produción, algo que é fundamental no mundo agrario", subliña. Como conservar a pataca? Tamén falará de conservación Carlos García, da compañía Agrofield, para quen este será "un ano para conservar moito máis produto que o anterior". Para el a solución comercial para a pataca española pasa por "regular a actividade, é dicir, por almacenar o produto con garantía"s. "Pero temos pouca infraestrutura para facelo de forma adecuada", advirte. Hoxe a conservación durante meses require tres elementos: unha nave pechada, caixóns e frío, "pero só o 10% dos almacéns españois reúneos", segundo el. Todo cambiou, de modo que son moi poucos o que aguantan coa pataca até febreiro ou marzo. "Quen o consiga é capitán xeral porque a súa competencia non será capaz", recalca. "Terás unha plusvalía quizá de 15 céntimos o quilo, de modo que para ti será rendible o esforzo e o investimento de ter un bo sistema de conservación con frío". O novo escenario obriga a todos a reformular a súa actividade e empezar a facer ben as cousas. Por exemplo, atrasar a sementeira das variedades para conservar, "porque só se actuamos en data de sementeora, en elección de variedades, en fertilización e en data de arranque estaremos en condicións de atender ao mercado durante máis tempo", destaca o responsable de Agrofield.

Mesa redonda: novos retos do sector

A xornada debateu sobre cuestións como a escaseza de auga, as achegas da I+D aplicada á agricultura, a Lei da Cadea Alimentaria ou a campaña 2023 na península ibérica. Na mesa participan José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia; Servando Álvarez Pousa, director técnico do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro, pertencente ao INORDE; Roberto García, responsable de Unions Agrarias; José Manuel Gómez, presidente do Consello Regulador do IXP Pataca de Galicia; Juan Manuel Coello, director de Operacións de Patacas Meléndez; Daniel Alves, responsable da cooperativa portuguesa Coopbarroso, e a agricultora, Mónica Míguez. José González, conselleiro do Medio Rural da Xunta de Galicia, lembrou que "o abandono é o peor inimigo da conservación do territorio e do medio ambiente, polo que temos que aliñar os compromisos ambientais coa sustentabilidade económica e social dos agricultores", Así mesmo, destacou que a agricultura ten futuro Galicia "porque temos terra e temos auga". Todos os axentes implicados 2temos que traballar xuntos para buscar a sustentabilidade e a rendibilidade do sector". Na parte administrativa, sinalou o traballo que se está realizando en modernización do regadío que será exemplo a nivel nacional. "É un primeiro paso, que continuará coa dotación de 35 millóns de euros no futuro", afirmou Un dos retos da pataca en Galicia é a necesidade de "ligar a maior cantidade de pataca posible ao IXP Pataca de Galicia, para poder protexer ao produtor e ao produto galego", concluía o conselleiro. En canto á marca de calidade, "somos conscientes de que producir un cultivo de calidade é máis caro que a produción tradicional", afirmaba José Manuel Gómez, presidente do Consello Regulador do IXP Pataca de Galicia. O obxectivo do IXP é seguir integrando produtores e almacenistas á Pataca de Galicia e, despois, 2meter nos mercados un produto de calidade". Roberto García, Unions Agrarias, puxo de relevo algunhas cuestións chave no sector: "Temos que partir de que os agricultores continúen coa actividade e isto conséguese se teñen unha rendibilidade económica. O segundo elemento é dispor dunha Política Agraria que favoreza ao agricultor e que non o limite. En terceiro lugar, que as etiquetaxes non leven a confusións ao consumidor. E por último temos que facer un esforzo por regular a produción de pataca, evitando a competencia desleal dentro do sector". "Na zona norte de Portugal traballamos en dimensións moito máis pequenas que aquí", explicaba Daniel Alves, responsable da cooperativa portuguesa Coopbarroso. Desde a súa cooperativa, están a traballar para fomentar o cultivo de pataca entre os agricultores da zona. "Produtor e industria deben ir da man no desenvolvemento do sector agrario" Juan Manuel Coello, director de Operacións de Patacas Meléndez, opinou sobre a evolución da relación entre estes dous elos da cadea. "No últimos cinco anos viñemos asinando contratos cos agricultores, que respectan e cumpren a Lei de Cadea Alimentaria", contaba Coello. Ao mesmo tempo destacou a importancia de realizar un labor importante na promoción da pataca. "Estamos a ver como o consumo está a decaer. Neste sentido, as marcas de calidade son unha boa ferramenta. É unha das tarefas pendentes que temos en Castela e León, por exemplo", sinalaba. Servando Álvarez, do INORDE, quixo pór de relevo a "sustentabilidade social". "Os agricultores teñen que facer o seu traballo loitando contra moitas cuestións, como pragas, malas relacións coa industria ou restricións normativas, e, por desgraza, séguese vendo como unha profesión de segunda", denunciaba. "É certo que moitas veces non sentimos consentidos", coincidía Mónica Míguez. A agricultora destacou o esforzo que os produtores están a facer para profesionalizarse e reclamou "a necesidade de contar con máis formación". "Entre todos temos que loitar por conseguir un sector máis profesionalizado. Aquí tamén é importante o papel das administracións e a IXP, como xanela para promoción dos nosos produtos de calidade", concluía Mónica.  

“O prezo da pataca é moi bo porque hai pouca en Europa e en 2024 prevese complicado atopar semente”

Enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, Fernando Alonso Arce é un dos maiores expertos en pataca en España. A súa vinculación con este cultivo vénlle xa de familia, xa que os seus pais eran xa produtores de pataca na zona de Burgos e a súa carreira profesional centrouse neste cultivo. Alonso Arce exerceu durante case 30 anos no Centro de Control de Pataca de Castela e León e tras a súa xubilación desta actividade segue activo como consultor percorrendo a xeografía española interesándose pola evolución do cultivo nas distintas zonas produtoras. Con el coñecemos as previsións desta campaña e os retos que afronta o sector. -Como se presenta a campaña da pataca este ano en España? -As previsións iniciais apuntaban a que sería unha campaña complicada porque se atrasaron as sementeiras e acumuláronse sementeiras tardías. Por este motivo, prevíase que coincidisen os arranques tamén en varias zonas, o que podería afectar de forma significativa aos prezos, provocando unha caída destes. Pero a situación cambiou pola exportación, xa que hai unha alta demanda desde Europa. Así, aínda que realmente coincidiron os arranques do sur cos das zonas produtoras do norte como Valladolid ou Segovia, saíron moitos camións para Europa. -Está a notarse nos prezos esta alta demanda europea? -Si, dende logo. Os prezos subiron e seguen subindo. Está a pagarse ao agricultor entre 40 e 45 céntimos o quilo de Agria. Son prezos realmente moi bos. -A que se debe esta alta demanda de Europa? -En Europa non teñen pataca, sobre todo para a industria, porque tiñan pouco stock. Tamén se debe a que despois do Covid-19 tampouco tiñan moita pataca en almacéns frigoríficos e o que fixeron foi tirar da pataca española. Así, xa se exportou e séguese exportando moita pataca española cara a Europa.
“Nestes momentos en Europa teñen pouca dispoñibilidade de pataca, por iso están a comprar a española, pero aínda está por ver como será a súa colleita”
-Plantouse menos pataca en Europa? -Non para nada, mesmo se plantou un pouco máis que o ano pasado. Sementaron máis tarde, no mes de maio, debido ás choivas da primavera. Despois houbo moita seca e temperaturas altas en zonas produtoras nas que non adoitan utilizar sistemas de rega porque habitualmente non o necesitan, de maneira que non o tiñan dispoñible. Por estes motivos teñen pouca dispoñibilidade de pataca polo momento. Aínda que tamén é certo que aínda está por ver como será a colleita de pataca en Europa. En Europa está a tirarse moito cara á industria. En Bélxica a industria está a construír novas fábricas. Esta é outra das razóns polas que hai menos pataca, xa que os agricultores deixaron de producir pataca de sementeira e de consumo para centrarse na de industria, porque están a subir os prezos. De feito prevese que o ano 2024 sexa bastante problemático en canto a dispoñer de pataca de sementeira, xa que vai haber pouca pataca. Países Baixos controla practicamente o mercado mundial da pataca de sementeira, mentres Francia é o líder europeo na exportación de pataca de consumo. En concreto a España destina unhas 700.000 toneladas de pataca e previsiblemente este ano se incrementará esta cifra. Así é que en distintas épocas, en España exportamos e compramos pataca, o que se converte nunha oportunidade máis para os agricultores.
“Os mercados europeos están a pedir sobre todo pataca Agria para a industria e Colomba por ser unha pataca moi versátil”
-Que variedades están a pedir os mercados europeos? -Sobre todo estase exportando a pataca Agria e tamén están a pedir algo de Colomba. A primeira delas porque é a que pide a industria e a segunda porque ten moitas utilidades,  xa que é unha pataca que se utiliza para moitos fins. Tamén hai outras variedades que se destinan á exportación, como a Soprano, pero as que máis están a saír son Agria e despois Colomba. -Á marxe da demanda europea, que variedades se adoita consumir en España? -A Agria, a pesar da demanda que está a ter reduciuse o volume que se planta. Plántase moita Soprano e Colomba. Ademais, seméntanse moitas variedades cada ano. O mercado non é tan fiel como ocorre co galego, onde se sabe que están Kennebec e Agria. Mentres, no sur cámbiase de variedades cada ano. Todas as casas de sementes introducen variedades novas constantemente para ir ocupando o espazo que vai quedando. -Por que en Galicia somos tan fieis a esas dúas variedades? -Sobre todo ten que ver coa boa valoración que hai tanto no mercado galego como fóra del da Kennebec e en especial da Kennebec galega, que é moi apreciada. Ata hai dous anos só se admitía na IXP Pataca de Galicia esta variedade. Finalmente introduciron a Agria e a Fina de Carballo. -Afondando un pouco máis nas previsións da campaña e á marxe dos bos resultados que está a deixar a gran demanda de Europa, de que maneira afectaron as restricións de auga e as vagas de calor nas plantacións de pataca? -As tormentas e as choivas torrenciais apelmazaron o terreo, provocando que os tubérculos non poidan respirar ben e tampouco permite o desenvolvemento radicular. Ademais, os rendementos están a ser baixos debido a isto. Neses campos que se encharcaron houbo problemas fitosanitarios como o mildio ou a alternaria. Tamén se detectou en varias zonas verticiliose, unha enfermidade, pouco habitual, pero que afecta moito cando se rexistra un grao de humidade alto. Afectou en plantacións de Cartaxena, en Castela León e en Galicia. En Xinzo de Limia estiven hai unhas semanas despois de que me chamasen ao detectar problemas. Non o identificaban como Verticillium e estabano a tratar coma se fose mildio. -Cales son os síntomas que presentan as plantas afectadas por Verticillium e como tratalas? O Verticillium é un fungo que en EE.UU. coñecen como ‘morte prematura (early dying)’, porque a pataca morre antes de cumprir a maduración. Comezan secando as follas máis baixas e termina coma se fose unha palmeira, cun talo e un cogollo seco. No Ministerio de Agricultura non hai ningún produto rexistrado para tratar esta enfermidade, por iso é tan problemática, xa que non hai produtos eficaces contra ela. O recomendable cando se detecta é suspender a rega e deixar que a planta chegue a sufrir un pouco pola falta de auga, xa que axudará a combater o fungo. -É difícil identificar as plantas afectadas por Verticillium? -Non é unha identificación difícil, o problema é que ao non ser frecuente pode pasar que non se pense nela. É unha patoloxía que confunde moito ao agricultor, xa que os síntomas iniciais son similares aos do mildio e alternaria: a planta comeza a secar. Ante isto, o habitual é que se apliquen tratamentos fitosanitarios para estes fungos e se lle proporcione máis auga á planta, o que resulta contraproducente para atallar o Verticilium.  -Verase afectada a calidade da pataca esta campaña? -A calidade sanitaria da pataca pode afectar na súa conservación. Xa viña habendo dificultades nos últimos anos na conservación das patacas debido á prohibición do produto antixerminante que viña utilizándose, que era ademais o máis eficaz e barato. Este ano creo que pode haber problemas na almacenaxe por mildio e pé negro. A almacenaxe pode ser problemática.
“Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nos lotes que van almacenar”
-Que recomendación pode facerse para reducir estes posibles problemas na almacenaxe? -A única posibilidade que se lle presenta ao produtor é non meter no almacén os tubérculos afectados por pé negro e mildio. Será moi importante que se controle ben a entrada de novas partidas e a evolución da pataca no almacén. Este ano os agricultores deben ser moi selectivos nas partidas ou lotes que van almacenar.

“As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos"

-E en Galicia, como esperan que sexa a campaña? Tamén afectaron as choivas de primavera? -As leiras chegaron a estar moi asolagadas en Galicia e iso pode afectar moito aos rendementos que se logren esta campaña, tanto en Xinzo de Limia como en Bergantiños, tal e como apuntan no terreo tanto agricultores como técnicos. Habitualmente na Limia prodúcense unhas 120.000 toneladas e este ano poida que non cheguen ás 100.000. -A incidencia de mildio ou alternaria, foi máis significativa que outras campañas? -Si houbo máis incidencia, pero en xeral, controlouse. O problema é que obrigou aos agricultores a dar máis tratamentos. Tamén é certo que na Limia régase moito, creo que con menos auga o cultivo podería ter unha mellor sanidade. Quizais sería recomendable realizar regas máis frecuentes e con menos cantidade de auga.
"Os modelos de predición como o desenvolvido pola investigadora Laura Meno Fariñas poden ser de gran axuda para optimizar o uso dos fitosanitarios, coma no caso do mildio"
-Coa Unión Europea esixindo producións máis sostibles e a redución de fitosanitarios, como se poderá lograr en Galicia cos problemas de mildio que temos? -Neste sentido son moi interesantes proxectos como o que está a desenvolver na Universidade de Vigo e o Inorde a investigadora Laura Meno Fariñas para reducir o número de tratamentos en base a un sistema de predicións intelixentes, de maneira que só se apliquen tratamentos nos momentos de maior risco de mildio. Ademais, na Limia estes modelos poden ser de gran axuda, xa que se trata dunha zona bastante uniforme, a diferenza do que ocorre noutros lugares onde hai unha gran variedade de factores ambientais que inflúen. -Sería unha alternativa a aposta por variedades máis resistentes a mildio? -Están a facerse estudos en Galicia, sobre todo desde o Inorde, sobre estas variedades. Aínda que, a non ser que se demostren unhas vantaxes moi grandes e unha gran resistencia, eu non son partidario de introducila na IXP Pataca de Galicia. Podería traballarse con ela fóra. Tamén é certo que é complicado, xa que todas as casas de sementes están a tentar introducir as súas variedades e Galicia foi un reduto que se resistiu e creo que o modelo galego é moi acertado.
 "As medidas que se adoptaron para controlar a couza guatemalteca foron moi duras, pero é un caso de éxito sen precedentes"
-En Galicia pasamos tamén por restricións como a derivada da couza guatemalteca, en 2017, que opinión ten acerca da actuación levada a cabo para conter a praga? -Creo que foi unha actuación moi acertada. No ano 1999 apareceron as primeiras en Canarias e no 2015 detectáronse as primeiras en Ferrol, crese que chegadas en pataca nalgún barco e desde aí estendeuse tanto a outras zonas de Galicia e Asturias. As dúas comunidades adoptaron entón as medidas que esixe a Unión Europea e aínda que foron medidas moi duras, conseguiuse que Asturias desde xaneiro deste ano sexa zona libre e en Galicia estea a avanzarse nesa dirección. Para min é un éxito sen precedentes. Agora mesmo esta praga está a estenderse en América do Sur, estendéndose en Ecuador, Perú, Bolivia… e en ningún sitio se conseguiu frear da maneira que se fixo aquí. -Unha vez controloda por completo, hai algunha recomendación ou práctica aconsellable para evitar a súa aparición? -Debe manterse a vixilancia, xa que en calquera momento pode aparecer de novo, non só en Galicia, senón en calquera punto. Por iso é importante manter as trampas de feromonas para detectar algún repunte. -Á marxe desta campaña, como valora a produción de pataca en Galicia? -A produción de pataca en Galicia ten moito futuro. A pataca galega valórase moito tanto en Galicia coma fóra. Esta percepción tan positiva que se ten sobre o produto é un dos seus maiores puntos fortes, por iso ás veces dá medo esa ampliación de variedades que se baralla dentro da IXP. Eu non son partidario desa ampliación, xa que cando se pensa en pataca galega pénsase en Kennebec, aínda que se incluíuse tamén a Agria e outras como a Fina de Carballo (da que apenas hai produción). Na miña opinión é mellor continuar sen incluír máis variedades.

Véndense máquinas para plantar cebolas e de recollida de patacas

A cooperativa Postoiro SCG, con base en Vilar de Santos (Ourense), ten á venda varias máquinas para labores de horta. En concreto conta con dúas máquinas de plantación de cebolas con funcionamento por inxección de auga e unha máquina de recollida de pataca, esta con reducidas horas de traballo. As tres máquinas atópanse no polígono de Vilar de Santos, donde as persoas interesadas poderán velas, no caso de estar interesadas en adquirilas. O prezo de todas estas maquinarias é negociable. Pódese mercar as máquinas de forma individual, non é un lote pechado. A maiores teñen tamén á venda palots de madeira, cun prezo de 50 euros a unidade. Dispoñen dun elevado número destes e pódense mercar por conxunto ou de forma individual. Para máis información poden poñerse en contacto coa cooperativa nos teléfonos 699 516 116 / 662 669 223 ou nos correos electrónicos: postoiroscg@gmail.com e tecnicopostoiroscg@gmail.com

LAINCO lanza SIVAR GOLD®, un novo funxicida para o control de mildiu e Phytophthora 

LAINCO presentou o seu máis recente produto de formulación exclusiva. Trátase de SIVAR GOLD®, funxicida desenvolvido para ofrecer unha solución eficaz no control de enfermidades como mildiu e Phytophthora, que afectan a cultivos de gran importancia en España, como a pataca, o tomate e a vide, entre outros. 

SIVAR GOLD® está composto por dúas materias activas altamente eficaces na xestión de resistencias: o fosfonato potásico ao 25,5% (expresado como acedo fosforoso) e o azoxistrobin ao 6,25%, nunha formulación de suspensión concentrada (SC) de alta calidade. Esta combinación única de ingredientes activos xera unha sinerxía que potencia o efecto funxicida de ambas. 

Esta solución ofrece unha acción preventiva, curativa e antiesporulante, o que resulta fundamental no control de Phytophthora spp. e do mildiu da vide (Plasmopara viticola), entre outras enfermidades. Ademais, unha característica destacada de SIVAR GOLD® é a súa capacidade para estimular as defensas naturais das plantas, proporcionando unha protección adicional en momentos críticos de risco. 

SIVAR GOLD® foi autorizado para o seu uso en diversos cultivos, como: vide, pataca, tomate, berenxena, pexegueiro e nectarino, durante distintas etapas de crecemento.  

Co lanzamento de SIVAR GOLD®, LAINCO reafirma o seu compromiso coa investigación, a innovación e o desenvolvemento na industria agrícola. A empresa busca brindar aos agricultores unha ferramenta efectiva e confiable para protexer os seus cultivos, asegurando a produtividade e a calidade das colleitas. 

Enquisa aos produtores de pataca de Galicia

A Universidade de Vigo, xunto co Centro Agrogandeiro do INORDE, está a traballar no deseño de estratexias para unha produción de pataca máis sostible e con menores custos en Galicia, empregando diferentes técnicas coma o uso de sistemas de alerta, cultivos trampa, a utilización de fungos micorrízicos ou a rotación de cultivos. Para deseñar correctamente estas estratexias, e que sexan de utilidade para as persoas produtoras de pataca galegas, os investigadores precisan coñecer a opinión dos produtores/as, convidándoos/as a participar respondendo a seguinte enquisa en liña:  https://link.webropolsurveys.com/Participation/Public/af03e70a-28da-4b5d-81a4-da07651c5e7a?displayId=Fin2779630 Pódese facer dende calquera dispositivo (ordenador ou teléfono) e ao finalizar poderá participar no sorteo dunha tarxeta regalo de 200 €  A enquisa pode cubrirse ata o 30 de xuño (data na que se pechará o estudo).  Para calquera problema ou cuestión pode contactar por correo electrónico maringomez@uvigo.es