Archives

“Aumentar pastizais é máis viable que rozar cortalumes cada ano”

Quico Ónega presentando o proxecto Terra Activa O verán do 2022 Galicia sufriu no Courel o seu maior incendio forestal da última década, con máis de 11.700 hectáreas afectadas e unha aldea arrasada polo lume. O avance das lapas só se detivo por completo nos pastos e prados, como constataron as ganderías e veciños da comarca. Para divulgar esa potencialidade da gandería extensiva, a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes vén de organizar este sábado unha xornada na Pobra de Brollón na que se presentaron as experiencias de distintos produtores e investigadores. Foi o caso de Quico Ónega, enxeñeiro agrónomo do Laboratorio de Territorio da USC centrado na creación de ferramentas e materiais para “novos entrantes” no Medio Rural a través do seu proxecto “Terra Activa”, co que pretende dar apoio e soporte á xente do rural, pero especialmente ás persoas que comezan a actividade agrogandeira.  Os directivos da Comunidade de Montes de Pinzás (Tomiño) Natividad González e Francisco J. López continuaron a xornada coa súa experiencia de recuperación de pastizais a través de vacas cachenas, coas que conseguiron xerar un novo posto de traballo e os primeiros beneficios pola venda da carne.
“Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano” (Marcos Ferreira, Parada dos Montes)
Despois da pausa para o café, Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes expuso a seu modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. "Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora. Un momento da xornada celebrada na Pobra do Brollón  Continuou a xornada María Virginia Rodríguez e a súa explotación familiar de cabras en Sobredo (Courel), enfatizando na dificultade e soidade de comezar na gandería, e na importancia de que este tipo de proxectos podan ter apoios, como o do programa “O que non arde” da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo. Seguiu “Fernandín”, unha granxa de vacas de carne en Seceda (Courel) que conseguiu recuperar vellos pastizais e casas, fixando poboación a través de Javier Carballo, quen recuperou a tradición familiar tras anos de inactividade gandeira. Roi Estévez, enxeñeiro de montes, falou da súa experiencia como “novo entrante” no mundo das ovellas en Vieiros (Quiroga, Courel), resaltando as dificultades de ser novato e sufrir un mal asesoramento nun inicio. Despois da comida Xosé Manuel Iglesias falou da xestión multifuncional e diversificada da comunidade de montes veciñais de Carballo-Friol, onde traballa como asesor e técnico forestal. Na comunidade, contan actualmente con cabalos, porco celta, cabras e colmeas.
“Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla” (Alex Villa, Marcón)
A última experiencia foi a de Alex Villa, técnico de incendios e veciño de Marcón (A Pobra do Brollón), onde está recuperando terras abandonadas con vacas cachenas, das que xa están comercializando a carne por encargo de forma directa. “Queríamos recuperar terras abandonadas e pensamos que podería ser un negocio rendible. Decidimos apostar pola cachena porque é unha carne que gusta moito e para os partos é unha marabilla”, destacou Alex. Por último houbo un breve debate no que se enfatizou na importancia do apoio das institucións públicas e privadas ás explotacións agrogandeiras, especialmente ás de nova creación e, concretamente, na creación de infraestructuras. Tamén se falou sobre a importancia do valor engadido que xeran as ganderías, capaces de fixar poboación xerando novos postos de traballo, á vez que serven para conservar a paisaxe e aumentar a biodiversidade, mitigar os efectos do cambio climático e son unha gran prevención contra incendios, quizáis unha das máis eficientes e viables que temos a día de hoxe. En próximas entregas ofreceremos información máis en profundidade das distintas iniciativas de aproveitamento agrogandeiro que se presentaron nesta xornada

Novo pasteiro de 32 hectáreas no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, supervisou o avance do pasteiro de Quireza, situado no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade e enmarcado na cuarta fase do Plan de pastos 2022-2023. No percorrido tamén estivo presente o alcalde da localidade, Jorge Cubela. O pasteiro atópase no monte veciñal homónimo, no que se están a realizar labores de posta a punto nunha superficie de 32 hectáreas. Nos próximos meses prevese executar os traballos de abonado e sementeira, que finalizarán o proxecto. Dende a Consellería do Medio Rural destacan que coas catro fases completadas, mediante o Plan de pastos actuarase nunha superficie aproximada de 4.416 hectáreas. O investimento total previsto para o conxunto do Plan sitúase en 9,5 millóns de euros. Na súa visita, tamén comprobaron as obras de mellora de infraestruturas financiadas pola Consellería do Medio Rural no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Estes procedementos están centrados na mellora das vías de titularidade municipal en varios emprazamentos deste municipio. Así, estanse a levar a cabo traballos como a pavimentación de varios tramos na contorna da Capela de Nosa Señora de Loreto, a mellora da recollida de pluviais coa instalación de canais de PVC e a optimización da accesibilidade en tramos de acceso ás vivendas.

Lista das ganderías beneficiadas polas axudas da Deputación de Lugo para o fomento do pastoreo

O Boletín Oficial da Provincia de Lugo publica este luns a resolución da convocatoria de subvencións para o fomento de boas prácticas de silvopastoreo do programa “O que non arde”, dirixido a gandeirías de ovino, cabrún e porcino. Unha trintena de gandeirías recibirán as axudas para financiar a instalación e mantemento de peches perimetrais que protexan o gando da fauna salvaxe e outros elementos para a alimentación e o manexo do gando en extensivo. As achegas, que oscilan en función da puntuación nos criterios establecidos, alcanzan na maioría dos casos os 2.500 euros, a contía máxima asignada por solicitante. Medio Rural da Deputación destinou 60.000 euros a esta cuarta edición do programa, que o pasado mes de outubro foi recoñecido como o mellor proxecto de apoio a gandeiría extensiva desenvolvido por unha Deputación a nivel estatal, pola oenegué internacional WWF Adena. Mónica Freire destacou “o éxito desta cuarta convocatoria, na que se investirá todo o orzamento consignado, demostrando o interese do sector por un modelo gandeiro que aproveita os recursos naturais existentes nos montes para producir alimentos de forma sostíbel e reduce a biomasa, protexendo o territorio contra os lumes”.

Cuarta edición dun programa pioneiro

“O que non arde´” é o primeiro programa impulsado pola Deputación de Lugo en relación coa prevención de incendios e a xestión integral do monte. Na súa primeira edición, en 2020, o programa implementouse a través da colaboración cos concellos, que puideron solicitar axudas de Medio Rural para a roza e limpeza das faixas laterais da rede viaria municipal, así como para o mantemento da rede de faixas secundarias de xestión de biomasa coa plantación de especies arbóreas autóctonas. En 2021, a convocatoria orientouse ao fomento do pastoreo preventivo por parte das comunidades de montes veciñais en man común, implicando a comuneiros e comuneiras no mantemento e limpeza das faixas de protección contra os lumes e financiando os proxectos de aproveitamento silvopastoril das Comunidades de MVMC, necesarios para poder inscribilos no rexistro de montes con uso gandeiro da Xunta de Galicia e poder deste xeito percibir as axudas da PAC para xestión destes pastos comunais. Na pasada edición, as axudas extendéronse ás gandeirías extensivas de cabrún, ovino e porcino, financiando a instalación e mantemento de peches perimetrais e outros elementos para a rotación e manexo do gando nunha vintena de gandeirías das distintas comarcas, así como o desenvolvemento de programas de fomento do silvopastoreo por parte de asociacións gandeiras (Asoporcel, Boaga, Fruga e Ovica). Mónica Freire valorou “o traballo realizado ao longo destes catro anos para consolidar o programa e implicar ás administracións locais nos concellos, ás comunidades de montes, ás asociacións gandeiras e aos propios/as gandeiros e gandeiras no fomento do silvopastoreo e da gandeiría extensiva, que actúa como barreira contra os lumes forestais e contribúe ao equilibrio territorial e á fixación de poboación no rural”. Medio Rural da Deputación destinou un total de 240.000 euros nas sucesivas convocatorias do programa, durante estes 4 anos.

Avanza a implantación de pasteiros nos montes do concello ourensán de Cartelle

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, vén de reunirse co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, e con representantes do monte veciñal en man común de Cabadas, no que se prevé instaurar un pasteiro de preto de 20 hectáreas. Así, en compañía tamén de gandeiros que se beneficiarán da iniciativa, estiveron visitando a zona na que se traballará no marco do Plan de pastos da Xunta. Deste xeito, búscase promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e, sobre todo, para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural. Neste caso concreto, os gandeiros beneficiados contan con máis dunha trintena de exemplares da raza autóctona bovina Frieiresa, á que lle buscan dar un maior impulso con esta iniciativa. O Plan de pastos -que se atopa na súa terceira fase de execución- prevé actuar nunha superficie total de 2.250 hectáreas en toda Galicia. Así, as dúas primeiras fases xa están rematadas con actuacións en arredor de 1.200 hectáreas de terreo. No caso da provincia de Ourense, executáronse pastos en 15 concellos que supuxeron o acondicionamento de 355 hectáreas nesta provincia.

Recomendacións ás ganderías para evitar recortes nas axudas por pastos na PAC 2023

A campaña da solicitude da PAC deste ano prevese problemática. Á complexidade engadida na tramitación, como consecuencia da entrada en vigor no novo período 2023-2027 de elementos como os ecorreximes, engádese unha actualización do SIGPAC que modifica a porcentaxe subvencionable en parcelas de pasto arbustivo e baixo arboredo. Desde o pasado 1 de febreiro pódense consultar a través do Visor do SIGPAC os datos das parcelas que se terán en conta para a Solicitude Única que comeza o vindeiro 1 de marzo. Como novidade para esta campaña 2023 incorpóranse novas capas de Pastos Comunais e Faixas de Protección de Cauces e actualízase o valor do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos (CSP), que substitúe ao anterior Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP). O novo CSP, definido nos Decretos que regulan o novo período da PAC, aprobados a finais de decembro, aplícase a aquelas superficies de pastos “que presenten características que de forma estable impidan un aproveitamento total das mesmas pola presenza de elementos improdutivos tales como zonas sen vexetación, pendentes elevadas ou masas de vexetación impenetrable” (Real Decreto 1048/2022 artigo 3.13).
Para a fixación do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos téñense en conta as condicións da parcela, a pendente, a presenza de arboredo e as características botánicas do pasto
Como novidade respecto ao CAP fixado no ano 2015, o CSP do 2023 introduce o factor da especie forraxeira á hora de fixar a porcentaxe de superficie de pasto subvencionable, que valora a pastabilidade do tipo de vexetación presente na parcela. Ademais, introdúcese unha nova categoría para a clasificación das parcelas, a de Matogueira (MT), que se engade ás xa existentes de Pastizais (PS), Pasto Arbustivo (PR) e Pasto Baixo Arboredo (PA).

Consecuencias á hora de solicitar a PAC

A redución da superficie admitida afecta sobre todo a gandeiros nas zonas de montaña, que verían comprometidas as axudas que percibían estes anos. Xoán González é titular dunha explotación ovina no concello de Viana do Bolo. Este mozo detectou o problema ao revisar no SIGPAC as súas parcelas trala última actualización do 1 de febreiro. “Tiña fincas cualificadas como pasto arbustivo que están moi ben coidadas e valen para pacer case como se fosen un prado que pasaban dun 85% de CAP a cero e outras ao 35%. A rebaixa total supúñame ter 6 hectáreas menos de superficie, co que perdería a liña de axudas de ecolóxico e caeríanme todos os compromisos de carga gandeira esixidos”, explica.
Eu recomendaría a todo o mundo que revise como aparecen as súas parcelas para que non se atopen con ese problema o día que vaian presentar a solicitude da PAC
Ao igual ca Xoán, outros produtores da zona atopáronse co mesmo problema e decidiron dirixirse ao FOGGA pedindo explicacións. “Chamamos ao FOGGA e volveron poñelas ben. Dixéronnos que fora un erro, pero se non chegamos a chamar non o terían arreglado e atopariámonos con ese problema o día que foramos facer a solicitude da PAC, que é o que lle vai pasar á maioría da xente, que se vai enterar ese día”, asegura. Xoán quéixase do cambio de oficio realizado “sen un motivo de peso nin unha acta que xustificara ese cambio”, cando o propio FEGA, na súa última circular sobre como presentar alegacións ao SIGPAC, indica que “cando como resultado dunha actualización masiva do SIGPAC, vísense afectados os cálculos das axudas da PAC (pagos directos e pagos ao desenvolvemento rural) así como calquera outra subvención na que se utilice o SIGPAC como referencia para a declaración de superficies, aquelas persoas cuxos intereses se visen afectados deberán ser notificadas no marco do procedemento de tramitación das devanditas axudas ou subvencións”. Un requisito que non se está a cumprir neste caso e do que se queixan os afectados.

Procedemento para alegar ao SIGPAC

Desde o 1 de xaneiro do 2005 o SIGPAC é a única base de referencia para a identificación das parcelas agrícolas no marco da PAC, pero os produtores deben realizar a declaración de superficies en base á realidade do terreo. “No caso de que o SIGPAC non reflicta a situación real das parcelas e se observe que os seus recintos non están correctamente delimitados ou se cambiou o uso dalgún recinto, o produtor notificarao á súa administración autonómica a través da oportuna solicitude de modificación ao SIGPAC, e entre tanto, na súa solicitude única declarará a situación real”, aclara o FEGA.
As alegacións ao SIGPAC deberán incluír un informe técnico e fotografías xeoreferenciadas
Para corrixir os erros detectados os afectados terán que presentar alegacións ao SIGPAC no propio proceso de solicitude da PAC, a través da aplicación que habilitará a Xunta. A alegación deberá incluir un informe técnico con antigüidade inferior a 6 meses que xustifique o cambio solicitado, así como fotografías xeoetiquetadas. Amaia Santamarta, técnica de Ovica e encargada de tramitar a PAC dentro da asociación, asegura que “as alegacións son unha tortura e os resultados son moi variables dependendo da provincia, porque aínda que supostamente os técnicos do FOGGA teñen criterios comúns na realidade hai moita diferenza”. Ademais, di, “as parcelas de menos de 3.000 metros cadrados denéganas de oficio, xa non as van nin ver, e en Galicia hai moitas así”, quéixase. Por iso “xogarse as axudas da PAC a esas alegacións é un risco, como produtor non podes xogalo todo á carta das alegacións”, considera.
"Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias"
“Os gandeiros máis afectados pola revisión do CSP son os das zonas de montaña que teñen gando vacún de carne, cabalos ou rabaños de ovino e caprino. Os pastos arbustivos e pastos con arboredo sempre van ter rebaixa de superficie pero hai parcelas que xa foran alegadas e ás que se lles asignara un CAP máis alto que agora volvéronas para atrás”, explica. “Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias porque colle os datos do Catastro, que en Galicia está moi mal, polo que arrastra eses mesmos erros. Galicia ten unhas circunstancias moi concretas que deberían ser tidas en conta”, di Amaia. O cambio de cualificación das parcelas pode levar a unha perda de fondos, sobre todo para os produtores que anden moi xustos de superficie. “Hai zonas onde é complicado atopar máis terreos e se os atopas van ser de características similares, polo que vas ter o mesmo problema”, conclúe.

Outras eivas do SIGPAC: moitos elementos da paisaxe e cauces fluviais seguen sen aparecer

Unha das novidades introducidas no actual período da PAC dentro da condicionalidade reforzada é a obriga de que as explotacións manteñan unha porcentaxe mínima do 4% de superficies de interese ecolóxico (SIE), no que se incluirían elementos da paisaxe ou marxes fluviais sen cultivar. Aínda que a obriga do cumprimento desta boa práctica (BCAM 8) manterase este ano en suspenso, ao igual que a da rotación de cultivos (BCAM 7), como consecuencia da excepcionalidade aprobada pola UE a raíz da guerra de Ucraína (tal como se recolle no Real Decreto 1049/2022), estas superficies deberán ser tidas en conta sen embargo no caso de solicitar os ecorreximes de rotación de cultivos con especies mellorantes ou o de mantemento de espazos de biodiversidade.
As superficies ou elementos non produtivos poderán adicarse excepcionalmente este ano a produción de alimentos, agás millo e soia
Pero xorde neste caso o problema de que no SIGPAC non aparecen en moitos casos reflectidos a totalidade dos elementos da paisaxe (sebes, lindes, árbores ou froiteiras illadas nos prados e terras de cultivo, balsas de rego, muros de pedra seca e outros elementos singulares, etc) nin tampouco os 5 metros de faixa entorno aos ríos e regatos.

O FOGGA recomenda non alegar

A única alternativa en caso de que unha explotación queira marcar estes elementos para cumprir co ecorrexime de espazos de biodiversidade sería presentar tamén unha alegación ao SIGPAC, que complicaría a solicitude da PAC. “Os ríos seguen sen estar todos cargados e no caso dos que non estean debuxados desde o FOGGA desaconsellaron que os introduciramos na solicitude”, explica Ana Rodríguez, responsable da Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego. O propio FEGA admite que a capa cargada no SIGPAC o pasado 1 de febreiro relativa aos cauces fluviais “é provisional, de forma que permitirá ir depurando e consolidando a información”. Polo tanto, “no caso de que un agricultor non estea de acordo coa información recollida deberá presentar ante a súa administración autonómica unha solicitude de modificación do SIGPAC”, recomenda a entidade estatal, en contra do criterio seguido polo FOGGA.

Conflitos nos montes veciñais

O SIGPAC incorpora tamén como novidade unha nova capa de Pastos Comunais, onde se incluirían os montes veciñais en man común que fan aproveitamento gandeiro. Nos casos nos que as parcelas son pacidas de xeito individual polos comuneiros, a directiva da comunidade de montes ten que facer unha declaración asignando esas superficies para que despois os produtores as poidan incluír nas súas solicitudes individuais.
As directivas dos montes veciñais teñen que declarar as diferentes superficies que lles asignan aos gandeiros
Se non está feita esta declaración previa non se poderían solicitar axudas por estas parcelas traballadas individualmente, o que está levantar toda a problemática existente cos montes veciñais en Galicia. “Se a directiva do monte vecinal non fai este trámite previo, os gandeiros están vendidos”, advirten desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Moitas veces os conflitos de intereses entre comuneiros con gando e comuneiros con intereses forestais impiden o acordo. Outras veces as xuntas directivas das Comunidades de Montes están sen renovar desde fai anos, polo que non terían capacidade legal para operar sen antes proceder á renovación dos seus órganos de representación.

Problemas coa clasificación das granxas extensivas

Outro dos cambios introducidos na solicitude da PAC deste ano ten que ver coa axuda asociada por vaca nodriza, que só van poder cobrar as explotacións clasificadas como extensivas. “Antes non pedían ningunha clasificación en concreto, pero agora se non tes ben a categoría non vas poder cobrar esta axuda, que representa unha cantidade económica importante, e moitas granxas en Galicia que eran de leite e se pasaron á carne seguen figurando como explotacións intensivas, polo que perderían as axudas”, advirte a responsable da PAC no SLG.  
Hai moitas explotacións en Galicia que están mal clasificadas e perderían a axuda asociada por vaca nodriza
Ese cambio de categoría, en función da clasificación que establece o novo Real Decreto de Ordenación de granxas bovinas, poden pedilo as explotacións en calquera momento, previo pago da taxa correspondente, aínda que se agarda que se habilite un período extraordinario para facer o cambio, ben a través da solicitude única da PAC ou na Oficina Virtual. “A xente debería ir mirando como ten as parcelas, en que rexión está e como está clasificada a súa granxa; é algo moi importante”, recomenda Ana.

Retrasos na presentación das solicitudes

O FOGGA celebrou este pasado xoves unha xuntanza con entidades colaboradoras na tramitación da PAC, que serviu para deixar patente o seu malestar polo incremento da carga de traballo que vai supor a solicitude deste ano, no canto da simplificación anunciada, así como o axustado dos prazos.
A estas alturas, cando falta menos dunha semana, non está aínda operativa a aplicación para cargar as solicitudes nin foi aprobada a norma reguladora a nivel galego
Aínda que oficialmente o prazo ábrese o 1 de marzo, non se van poder presentar as solicitudes até ben avanzado marzo ou principios de abril. “O día 1 non vai estar nada operativo, a aplicación de proba non estará até o día 6 pero ata o día 20 non van facer a formación porque non vai haber ata entón unha versión da que se fíen para poder cargar as solicitudes. Non sei se é culpa do Ministerio ou da Xunta, da Consellería ou do FOGGA, pero este ano é todo un auténtico desastre. Está todo aínda no aire a menos dunha semana de que se abra o prazo e da reunión saímos peor do que entramos, con máis dúbidas, porque teñen moi pouca seguridade nas cousas que nos din”, asegura Ana. O prazo oficial de presentación de solicitudes remata o 30 de maio, con prazo para modificacións até o 15 de xuño, pero o FOGGA xa estuda a súa ampliación até finais de mes. “Máis do 30 de xuño non poden alongalo porque despois non lles dan os prazos. Pero imos perder o mes de marzo por non estar listo o sistema e abril comeza coa Semana Santa”, advirten desde o SLG.

Xornadas sobre a produción de leite na Galicia interior

A VII Reunión de Outono da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) terá lugar os vindeiros 16 e 17 de setembro en localidades do sur de Lugo, en concreto, en Chantada e Carballedo, e estará centrada na sustentabilidade da produción de leite na Galicia interior.  A inscrición e participación é de balde e aberta a todos os interesados ata completar o aforo. A data límite para inscribirse é o día 12 de setembro nos teléfonos 686620154 (Eloi) e 619032791 (Joan) ou no correo electrónico sgpf.galicia@gmail.com. A inscrición non cubre o custe dos xantares (o prezo do xantar é de 20 € cada día). 

Programa

Venres 16 - Lugar de celebración no Círculo Recreativo e Cultural de Chantada (Praza de Catro Camiños n.º 5) 9:30 - Recepción de asistentes 10:00 - Presentación e Inicio da Reunión Olga Iglesias, Xefa do Servizo Territorial da Consellería de Medio Rural Mónica Freire, responsable Área Medio Rural Deputación Provincial de Lugo Joan Alibés, Presidente da SGPF 10:30 - Caracterización Agro-Gandeira das Comarcas do sur de Lugo Emilio Iván Vázquez, Xefe de Área de Monforte 11:00 - Cultivos forraxeiros para a produción de leite na Galicia interior Gonzalo Flores, investigador no CIAM 11:30 - Xestión da produción forraxeira na Gandaría SAT Sabadelle Lois Lareu, gandeiro e socio da SAT Sabadelle (Chantada) 11:50 - Debate sobre as presentacións 12:10 - Pausa para café 12:40 - Transferencia tecnolóxica: Experiencias de campo na produción de forraxes ecolóxicos en Allariz e na Limia Juan Valladares, investigador no CIAM 13:20 - A importancia da transferencia tecnolóxica na produción de leite ecolóxico Marcos Quintás, gandeiro e socio da SAT Torneiros (Allariz) 13:40 - A inclusión da herba verde na ración mesturada diaria para vacas de leite Alberto Quintián, gandeiro e socio da SAT Sebastián (Irixoa) 14:00 – Debate 14:30 - Xantar no Mesón Mogay (Chantada) 16:20 - Cooperativa AIRA, unha ollada cara ao futuro Daniel Ferreiro, Director Xeral de Aira 16:50 - Xestión e manexo dun rabaño de 120 vacas de leite ao aire libre na Gandería Maire Mariano Samblás, gandeiro e socio da Gandería Maire (A Pastoriza) 17:10 - Proposta de fusión de explotacións de leite de pastoreo en Rodeiro Alberte Lamazares, gandeiro de Rodeiro 17:30 - Outeiro e Airas Moniz: Vacas Jersey e elaboración de queixo Ricardo Gómez, gandeiro e socio de Outeiro e Airas Moniz (Chantada) 17:50 - Produción extensiva, elaboración de lácteos Xosé G. Freire, gandeiro de Casa da Fonte (Pantón) 18:10 - Alimentación robotizada na produción de leite José Manuel Feás, gandeiro (Taboada) 18:30 - Debate - coloquio 19:00 - Fin da xornada Sábado 17 - Lugar de Reunión na Gandería Outeiro (Chantada) 10:30 - Visita á explotación Gandería Outeiro e á Queixería Airas Moniz (San Salvador de Asma, Chantada) 11:45 – Chegada ao Pazo de Cartelos (Carballedo) 11:50 – Fundación José Luís Taboada, historia e obxectivos Álvaro Taboada de Zúñiga, Presidente da Fundación José Luís Taboada 12:10 - Presentación das actividades de investigación do CIAM sobre produción forraxeira desenvolvidas no Pazo de Cartelos Juan Piñeiro, patrono da Fundación José Luís Taboada e investigador retirado no CIAM 12:30 - Visita de campo ás experiencias de investigación de millo en regadío e en secano no Pazo de Cartelos 14:30 - Clausura da Reunión 14:45 - Xantar na Feira do Castro de Carballedo – Casa Benito 16:30 - Visita ao Ecomuseo Pazo de Arxeriz (O Saviñao) 18:30 - Fin da Reunión

Xornada online «Pasteiros como sumidoiro de carbono» o 1 de xuño

O proxecto GO-GRASS, no que participa a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA), organiza, o 1 de xuño, a xornada online «Pasteiros como sumidoiro de carbono», no marco da Semana Verde Europea (EU Green Week). A Semana Verde da UE é unha oportunidade anual para debater a política ambiental europea cos responsables políticos, os principais ambientalistas e as partes interesadas de Europa e máis aló. A edición deste ano céntrase no Pacto Verde Europeo, a estratexia de crecemento sustentable e transformador da UE para unha Europa climáticamente neutra e eficiente no uso dos recursos para 2050. Con motivo da Semana Verde da UE 2022, que se centra no Pacto Verde Europeo, o proxecto GO-GRASS arroxará luz sobre como o aumento dos pasteiros e o secuestro de carbono están a xerar beneficios para a biodiversidade, a neutralidade climática, a economía circular e a calidade da auga. A inscrición á xornada, que terá lugar o 1 de xuño de 14:00 a 16:00h, pode realizarse cubrindo este formulario: https://us06web.zoom.us/webinar/register/WN_x6vb2D6WSYmCZ_kJhBcDVg O evento presentará prácticas e recursos que poden fomentar o despregamento da agricultura de carbono vinculada a prácticas de xestión sustentable de pasteiros e sistemas agroalimentarios circulares en Europa, ademáis de brindar a oportunidade a empresarios, organizacións de agricultores, responsables políticos, investigadores, redes rurais e outras partes interesadas locais e europeas de descubrir modelos comerciais circulares baseados en pastos cun alto potencial de replicación e solucións para a eliminación de carbono.

GO-GRASS

O proxecto GO-GRASS propón unha alternativa á economía europea reducindo a cantidade de importacións dalgúns materiais crus críticos, incluídos nutrientes como o fósforo e mesmo proteínas. Ao redor do 21 % da superficie total da UE está cuberta por pasteiros, o que converte a xestión destes nunha actividade relevante para o mantemento dos agroecosistemas e as economías rurais. Con todo, a maior parte deste recurso déixase sen utilizar. Para desbloquear este potencial, o proxecto GO-GRASS de Horizonte 2020 está a apoiar a produción de produtos sustentables a base de pasto que substitúen as alternativas existentes baseadas en fósiles, como fertilizantes ou envases de plástico. Para iso, téñense en consideración todas as circunstancias sociais, económicas e ambientais nas áreas rurais. Máis información sobre GO-GRASS na súa páxina web: https://www.go-grass.eu/es/

¿Como conseguir que as ganderías de vacún de carne sexan máis resistentes ás crises?

A Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), en colaboración co GDR Montes e Vales, organiza para os vindeiros 27 e 28 de maio as súa oitava Reunión de Primavera centrada este ano nos “Sistemas de produción de carne resilientes ás crises”. As xornadas celebraranse no MUVICLA, en Tasliste, no concello lugués de Láncara. Para asistir é preciso inscribirse chamando ao 686 62 01 54 Velaquí o programa:

A Xunta anuncia que en 2022 investirá un 58% máis para crear pasteiros en montes veciñais

A Xunta anuncia que investirá o ano que vén 4,8 millóns de euros ao abeiro do Plan de pastos de Galicia, o que supón un aumento dun 58 % con respecto ao destinado en 2021, cando se consignaron algo máis de tres millóns para este fin. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que -acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros- supervisou hoxe os traballos levados a cabo no monte veciñal de Valongo, na localidade pontevedresa de Cerdedo-Cotobade, no marco de dito Plan. Alí, tamén destacou que o Goberno galego destinará o ano vindeiro 5,33 millóns de euros a desenvolver os instrumentos recollidos na Lei de recuperación da terra agraria. Os dous representantes de Medio Rural supervisaron hoxe en Cerdedo-Cotobade os pastos executados nas parroquias de Caroi, Loureiro e Valongo, cun orzamento de case 200.000 euros. Os labores non só consistiron na implantación dun pasteiro de 34,43 hectáreas, senón tamén na instalación dunha manga de manexo de gando de 20 metros de longo, na construción de 3.100 metros de peche perimetral e na colocación de dous comedeiros e dous bebedoiros, así como dunha condución de auga para a subministración dos bebedoiros. A maiores, puxéronse tres cancelas e leváronse a cabo obras de mellora no camiño de acceso. Segundo destacou o titular de Medio Rural, na segunda fase do Plan de pastos -xa en execución- tamén hai accións previstas en Cerdedo-Cotobade. En total, preto de 50 hectáreas de traballos a petición das comunidades de montes de Montouto e de Deán, para actuar, fundamentalmente, nos montes de Quireza e de Figueroa. Esta programación prevé labores como a instalación de máis de 4 km de peches ou traballos en 300 metros de pistas de acceso. Así mesmo, está previsto habilitar dous pasos canadenses, dous bebedoiros, un pozo e unha manga de manexo de gando. O conselleiro do Medio Rural puxo de relevo que no conxunto da provincia de Pontevedra están programadas case 225 ha de pasteiros nun total de sete concellos, cun investimento próximo ao millón de euros. En toda Galicia, a segunda fase contempla case unha trintena de pastos en montes veciñais cunha superficie de actuación próxima ao milleiro de hectáreas. Segundo a Consellería, a primeira fase do Plan de Pastos supuxo poñer en valor 560 hectáreas de terreo en 14 montes veciñais doutros tantos municipios de toda Galicia., cun investimento total de 2,3 millóns de euros. O Plan de pastos de Galicia recolle ata catro fases coas que está previsto traballar nunhas 2.250 hectáreas da comunidade, cun investimento total duns 9,5 millóns de euros.

O Plan de Pastos da Xunta prevé actuar en 2.250 hectáreas de monte

A gandería extensiva pode ser unha aliada contra o lume cando existe unha boa xestión do monte. Sobre esa base, a Consellería do Medio Rural deseñou un Plan de Pastos co que busca un dobre obxectivo, apoiar á gandería extensiva e crear pastos no monte que sirvan de cortalumes en caso dun incendio. A primeira fase do Plan, que rematou o pasado inverno, actuou nun total de 560 hectáreas pertencentes a 14 montes veciñais. Na segunda fase, en marcha, a Xunta prevé beneficiar a uns 30 montes veciñais, cunha superficie de actuación dunhas 750 hectáreas. O Plan de Pastos ten un total de 4 fases, polo que nos dous próximos anos prevese a continuación das actuacións, ata chegar a un total de 2.250 hectáreas e un investimento total duns 9,5 millóns de euros. As actuacións céntranse en rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo do gando e comedeiros ou bebedeiros. O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este venres a comunidade de montes de Baroña, na que se actuou nunha superficie que ronda as 30 hectáreas. González lembrou que o Barbanza é unha zona habitual de lumes, polo que a creación de pastos no monte que rachen a continuidade do arborado é unha estratexia que considera útil para a zona. Repasamos a continuación as actuacións previstas na segunda fase do Plan de Pastos de Galicia, segundo os datos do Plan de Defensa contra Incendios 2021, presentado esta primavera. Detallamos tamén as actuacións acometidas na primeira fase. Segunda fase do Plan de Pastos (2021) Primeira fase do Plan de Pastos (Actuacións xa executadas)

Galicia participa nun proxecto europeo para transmitir as técnicas de pastoreo

Galicia, a través do Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, de Coristanco (A Coruña), participa no proxecto europeo PastorEA que reúne a 3 organizacións de educación agrícola de Francia, España e Eslovenia. O obxectivo é fomentar e/ou desenvolver a formación en materia de pastoreo para darlle o lugar que lle corresponde na formación agrícola, no marco dunha dinámica de transición agroecológica. Para iso as organizacións participantes intercambiarán temas, contextos e prácticas na transmisión de coñecementos para o pastoreo, unha técnica milenaria de alimentación do gando que presenta múltiples beneficios: permite producir alimentos de calidade, sen insumos, o mantemento das contornas abertas e a biodiversidade, a redución do risco de incendios, o mantemento das paisaxes e a dinamización rural... Neste sentido, o equipo europeo que participa env PastorEA abordou temas como o cambio climático, a depredación e a biodiversidade grazas aos expertos de cada país, co fin de preparar tres sesións de formación transnacional para agosto de 2022. Ao final deste proxecto, os socios poderán desenvolver novos cursos de formación adaptados ao contexto actual e aos retos do pastoreo.

Socios:

Os socios do proxecto europeo PastorEA son: -España: Federacion de Escolas Agrarias de Galicia como responsable da formación de asesores agrícolas e futuros gandeiros -Francia: L´institut Agro - Florac como responsable da formación de formadores -Eslovenia: Biotehniski center Naklo & Biotehniska fakulteta como responsable da formación de xestores, asesores e técnicos agrícolas, formadores e futuros gandeiros na práctica.

Obxectivos:

Partindo da constatación de que nos enfrontamos aos mesmos retos e de que os nosos contextos teñen similitudes en España, Eslovenia e Francia, os socios de PastorEA fixáronse como obxectivos: I. Profundar no coñecemento dos diferentes contextos e identificar os puntos de converxencia e diverxencia; II. Realizar un inventario da organización da formación e da transmisión de coñecementos en materia de pastoreo; III. Analizar e comparar os sistemas de formación/transmisión; IV. Elaborar escenarios para o desenvolvemento da formación en pastoreo baseados en prácticas de campo e identificar os elementos pedagóxicos relevantes con respecto a estas prácticas; V. Contribuír a facer visible o pastoreo para que se lle recoñeza o importante papel que pode desempeñar na transición agroecolóxica.

Intercambios e opinións confrontadas sobre e para o pastoreo

Organizaranse tres sesións de formación de tres días, cada unha nun país para un público mixto. Nas formacións transnacionales participarán un dez persoas por país: gandeiros e profesionais, formadores, asesores e técnicos, traballadores de asociacións e sindicatos de pastores ou de organizacións que xestionan certificados de calidade ou marcas. Os participantes serán seleccionados pola súa experiencia no seu campo (ecoloxía, gandaría, pastoreo, pedagoxía, técnica, xestión,...), a súa capacidade de difusión (redes), a súa relevancia para traballar polo desenvolvemento da formación no seu país. Esta participación permitirá a cada un dar visibilidade ás súas accións, enriquecer a súa rede transnacional en torno ao pastoreo e traballar nunha dinámica de mantemento desta práctica.

Duración do proxecto:

Do 1 de setembro de 2020 ao 31 de agosto de 2022. Calendario das sesións de formación: -21-25 de xuño de 2021 en Eslovenia (aprazado) -Outubro-Novembro de 2021 en Francia -Marzo-abril de 2022 en España *As datas adaptaranse en función do contexto sanitario

Resultados esperados:

-Un documento de síntese e inventario sobre a transmisión de coñecementos en pastoreo Unha reflexión sobre a creación dunha rede europea sobre pastoreo.

Contacto :

jose.gil@efagalicia.org rosa.leis@efagalicia.org

A Xunta recuperará en primavera 744 hectáreas de pastos en montes veciñais

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado a parroquia de Lucenza, no concello ourensán de Cualedro, para coñecer os traballos realizados ao abeiro da primeira fase do plan de pastos de Galicia. Alí destacou que esta iniciativa contempla, en diversas fases, actuacións nun total de 2.250 hectáreas, cun investimento conxunto de 9,5 millóns de euros. Na visita, José González anunciou unha segunda fase do plan, que comezará na vindeira primavera e que permitirá poñer en valor un total de 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. O investimento programado achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas, das que case 178 corresponden á provincia de Ourense. Neste caso, os concellos beneficiados desta provincia serán os da Veiga, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Lobeira, Laza, Maceda, Vilariño de Conso e O Irixo, segundo apuntou o conselleiro. No caso concreto desta parroquia de Lucenza, José González explicou que os labores abrangueron case 22 hectáreas, que facilitarán o pastoreo do gando en extensivo e contribuirán a esa anticipación aos lumes. Ademais, o conselleiro sinalou que nesta primeira fase do plan tamén se executaron na provincia de Ourense pastos en Beariz (case 17 hectáreas), Ramirás (13 hectáreas), Sarreaus (88 hectáreas), Montederramo (34 hectáreas) e Paderne de Allariz (algo máis de 9 hectáreas).

Implicación da veciñanza de Lucenza

Na súa intervención, o titular de Medio Rural agradeceu tamén a implicación dos veciños de Lucenza nestes labores, unha disposición que lles fixo acredores, o pasado ano, ao premio Agader dentro da categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras. O conselleiro recordou que o prazo para presentar candidaturas a estes galardóns neste 2021 estará aberto ata o vindeiro día 11 de marzo. Advertiu ademais que a convocatoria vén de publicarse recentemente no Diario Oficial de Galicia e que establece unha contía económica de 80.000 euros para repartir entre as oito categorías establecidas. Uns fondos que deberán ser reinvestidos nos proxectos galardoados, remarcou González, quen afirmou que con estes premios a Xunta pretende recoñecer aquelas iniciativas que contribúan de xeito singular a promocionar o medio rural e a xerar unha sociedade rural máis dinámica e cohesionada. Pastos recuperados nos montes de Lucenza

Executados 14 proxectos de pasteiros en montes veciñais e previstos 30 máis no 2021

Ao longo do vindeiro mes de febreiro está previsto que remate a primeira fase do Plan de pastos de Galicia, unha actuación impulsada pola Consellería de Medio Rural coa que busca a posta en valor de 560 hectáreas de terreo, cun investimento total de 2,3 millóns de euros. Así se recolle no informe avaliado este xoves polo Consello da Xunta. O plan busca promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais para traballar na anticipación aos incendios forestais e garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial e proporcionarlles novas ferramentas para xerar oportunidades de riqueza no rural.

Os primeiros pasteiros

Nesta primeira fase do plan traballouse na reordenación de pasteiros en 14 montes veciñais en man común doutros tantos concellos. Así, na provincia de Ourense acondicionáronse terreos dos municipios de Beariz, Ramirás, Sarreaus, Cualedro, Montederramo e Paderne de Allariz. En Lugo, os labores centráronse nos concellos de Navia de Suarna, Samos, Sarria e Láncara. En Pontevedra as actuacións realizáronse en A Lama, Covelo e Cerdedo-Cotobade. Por último, na provincia da Coruña actuaron en montes do municipio de Porto do Son. A segunda fase deste plan, que previsiblemente comezará na primavera de 2021, está prevista para outros 30 montes veciñais pertencentes a 24 concellos galegos. Nesta fase o investimento programado achégase aos 4 millóns de euros e a superficie da actuación roldará as 744 hectáreas. O Plan de pastos de Galicia recolle ata 4 fases de execución, coas que teñen previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas e un investimento total de arredor de 9,5 millóns de euros. As actuacións concretas céntranse nas rozas, sementados, pistas, peches, pasos canadenses, mangas de manexo de gando, comedeiros ou bebedeiros. A Consellería pretende así que os gandeiros se vexan beneficiados co acondicionamento das parcelas e cunha mellora dos accesos aos seus terreos, ao tempo que amplían a base territorial das súas ganderías. 

Sinerxías cos plans forestal e de reactivación

A promoción do pastoreo recóllese tamén no Plan Forestal de Galicia, no que a Consellería fixou o reto de chegar ás 225.000 hectáreas de terras agrarias en montes veciñais no ano 2040, unha meta que o sector ve complicado de acadar. As superficies que se dediquen a pasto deberán inscribirse no Rexistro de Terreos Forestais de Pastoreo. Ademais, a Lei de montes de Galicia sinala que os pasteiros en monte terán que figurar tamén nos correspondentes instrumentos de xestión e ordenación forestal. Dende a Consellería destacan que a combinación de actividades forestais e gandeiras permite tamén a conservación dos hábitats, posto que nas zonas onde se proxectan a meirande parte dos pasteiros predominan as ganderías de produción de carne de maneira sustentable e con razas autóctonas.

A Xunta prevé aumentar a superficie de pastos e forraxes en terreos forestais en 225.000 hectáreas

O Plan Forestal de Galicia 2021-2040 aspira a que o aproveitamento agrario cobre peso no monte. O documento, que será aprobado previsiblemente no Consello da Xunta este primeiro semestre do 2021, fala de aumentar a superficie de pastos e forraxes en terreos forestais ata en 225.000 hectáreas. O aproveitamento agrario do monte xeraría un dobre beneficio. Dun lado, as ganderías aumentarían a súa base territorial para pastos e forraxes. Doutro, os usos agrogandeiros contribuirían a reducir o risco dos incendios forestais. Medio Rural proxecta fomentar no monte unha paisaxe mosaico, na que as zonas de pasto ocupen espacios desarborados entre o arborado, de xeito que haxa discontinuidades no combustible forestal, -sen mato e sen arborado-, que axuden a frear posibles incendios. Unha segunda liña de traballo centrarase na creación de áreas de aproveitamento silvopastoril, onde o gando paste en montes arborados aclarados ou en superficies non arboradas mediante o pasto extensivo, axudando á protección dos terreos forestais. Como exemplo dunha posible actuación, Medio Rural apunta o interese de fomentar a actividade produtiva de madeira a baixas densidades, en particular de chopos resistentes a solos ácidos en zonas orientais de Galicia, compatibilizando este uso co aproveitamento silvopastoril. Rexistro de terreos forestais en pastoreo As terras de monte que se adiquen a pasto deberán inscribirse no rexistro de terras forestais en pastoreo, un rexistro que na actualidade ten pouco máis de 4.000 hectáreas inscritas, aínda que lóxicamente a cifra real de superficie de montes con uso agrario sexa maior. A Xunta sinala no Plan Forestal que os pastizais en monte deberán figurar tamén nos correspondentes instrumentos de xestión forestal. No caso das comunidades de montes veciñais, ademais, esixirase un documento de asignación dos lotes de terras de pasto. En terras particulares, pedirase no seu lugar un contrato de arrendamento. Os obxectivos da Xunta para aumentar o uso agrario do monte son ben recibidos polo sector agrario, se ben tamén hai incredulidade sobre as superficies que proxecta adicar a Xunta a usos agrarios, toda vez que nos últimos anos as actuacións anuais para crear pastizais no monte son mínimas, cun presuposto reducido.