Archives

Capón Holstein SC, novas instalacións para seguir producindo leite en base á herba

Águeda e Miguel, xunto ao seu fillo Lucas, no novo establo de Capón Holstein SC Capón Holstein SC é unha gandería familiar de Chantada que está de estrea. Teñen novo establo co que buscan asegurar unhas óptimas condicións de produción para os próximos anos, nos que aspectos como o benestar animal ou o coidado do medio ambiente terán un peso determinante na viabilidade das granxas leiteiras. Co obxectivo de lograr maior calidade de vida para eles e maior confort para o seu gando, no mes de setembro meteron ás súas vacas nas novas instalacións, que acollen ás vacas en produción nunha ala e á recría na outra metade. Manuel Capón, a súa filla Águeda e o seu xenro Miguel están á fronte desta explotación ubicada no lugar de Andemil, pertencente á parroquia de Vilauxe, que malia aumentar ao número de cabezas segue apostando polo pastoreo e o silo de herba para alimentar ás súas vacas, malia teren feito xa algún cambio no sistema de manexo. Eles, no seu xeito de traballar, pero sobre todo as súas vacas, están aínda no proceso de afacerse ás novas instalacións. Terceira xeración de gandeiros A incorporación de Águeda fai tres anos marcou o punto de inflexión para esta gandería familiar e foi o detonante para decidiren construír o novo establo. “As únicas instalacións que tiñamos eran unha cornadiza de 30 puntos e unha sala de muxido en espiña de peixe de 6 puntos en liña única. Para poder quedarnos nós tiñamos que aumentar porque obviamente con 30 vacas non iamos poder vivir, e dispoñer tamén de condicións de traballo boas, así que había que modernizarse”, razoa.
O establo vello tiña 33 anos; tiñamos que modernizarnos e aumentar ao número de cabezas para poder quedarnos coas vacas
Ela representa xa a terceira xeración de gandeiros na casa. “Empezou o meu avó con vacas de carne. Despois, cando o meu pai se quixo quedar, pasáronse ao leite e trouxeron as vacas holstein”, conta. O seu home tamén procede de familia gandeira. Miguel é de Cantabria, pero xa leva 15 anos en Galicia. Boas calidades Neste momento están muxindo unhas 65 vacas, cunha media de produción que está por enriba dos 30 litros e niveis altos de graxa (4,26%) e proteína (3,40%). Co cambio para a nova cuadra notaron xa un incremento de produción nas primeirizas e agardan que se vaia trasladando tamén ás vacas adultas a medida que se vaian afacendo ás novas instalacións. “Non estaban afeitas aos cubículos e a moitas aínda lles custa deitarse neles”, recoñecen. A zona de recría do novo establo conta con cama quente para as xatas e cubículos para as xovencas próximas ao parto para que melloren a súa adaptación de cara ao momento de pasaren ao lote de produción, no que as vacas descansan en camas de carbonato e serrín. 
Vir para aquí supuxo un cambio moi grande, de manexo, de alimentación e de instalacións, ao que as vacas aínda se están afacendo
O cambio para o establo novo tamén coincidiu coa campaña de vacinación da lingua azul nesta zona do sur de Lugo. “Viñemos para aquí coa vacina recén posta”, lembra Águeda, que agarda que a chegada da primavera e a saída do gando a pacer se note de maneira importante no tanque do leite. Levan entregando o leite a Danone “toda a vida”. “Eu non recordo outra empresa”, di Águeda, e de cara á vindeira renovación de contratos agarda “que os prezos se manteñan”. “É necesario para que as explotacións poidamos facer investimentos”, asegura. No seu caso, o novo establo custoulles máis de 360.000 euros. Mellora na recría Zona de recría do novo establo, onde as xatas están até que son inseminadas Aínda que na media de produción do rabaño non tiveron un incremento moi elevado, no caso da recría, de pasar de facela fóra, no prado, a poder completala a cuberto, o salto foi grande e positivo. “As xovencas chegan moito mellor ao parto e iso nótase despois no leite que dan”, asegura Miguel. “Ata agora esa era unha das cousas nas que flaqueabamos”, admite.
Ao pasar a facer a recría dentro as xovencas chegan moito mellor ao momento do parto e iso nótase despois no leite que dan
“Antes a recría faciámola toda no prado porque non tiñamos instalacións, o único que tiñamos para elas era unha cornadiza que usabamos só para inseminar. Agora as xatas e xovencas están todas dentro e penso que iso se vai notar moito”, augura Águeda. As vacas secas seguen estando un mes fóra, o que favorece a súa recuperación, e as xovencas cando empreñan tamén pasan 2 ou 3 meses, en función da época do ano, na pradeira, pero despois volven para o establo para ter un maior control sobre elas a medida que se achega o momento do parto. Manter o pastoreo Nos plans de Capón Holstein non entra prescindir do pastoreo, pero contar cunhas boas instalacións, que permiten maior confort aos animais e que están dimensionadas para o número actual de cabezas que teñen, permitiulles variar o sistema de manexo que facían do gando, pasando dun sistema totalmente extensivo “por necesidade” a un sistema semiextensivo que ten en conta as condicións meteorolóxicas e a calidade do pasto á hora de saíren as vacas a pacer. “Antes tiñamos todo fóra, tanto as becerras como as vacas de leite, que só viñan a muxirse e a comer o penso e o silo nas épocas nas que non había pasto fóra, pero despois pasaban tanto o día como a noite no prado. Non tiñamos nada estabulado porque non tiñamos outra alternativa. Agora as vacas en produción saen pacer só polo día e nas épocas nas que hai pasto”, explica Águeda.
Manexan unhas 115 hectáreas de superficie pero na zona non hai concentración parcelaria
A alimentación das vacas en produción supleméntase agora todo o ano con silo de herba e concentrado, mentres que para a recría empregan herba seca e penso. Manexan unhas 115 hectáreas, concentradas en dúas localizacións principalmente, en Andemil e en Xedive. Nas fincas que están no entorno do establo novo fan pastoreo coas vacas de leite, mentres que nas parcelas máis alonxadas teñen o lote de xovencas preñadas e vacas secas. O resto dos prados resérvanos para a produción forraxeira. O malo é, recoñecen Águeda e Miguel, o pequeno tamaño das fincas nesta zona, na que non hai concentración parcelaria, o que dificulta o manexo do gando e encarece os traballos de ensilado ou abonado. “Iso é agora o que nos faltaba a nós para poder traballar cómodos, a concentración”, piden. Socios de Aira Vista da nova granxa desde a zona de almacenaxe do xurro Esta gandería de Chantada é socia da cooperativa Aira, que lles proporciona a maioría dos servizos técnicos, de maquinaria e alimentación que precisan, o que lles permite aforrar custos, optimizar os investimentos e centrar os seu tempo no coidado do gando. “Aira subminístranos o penso, fainos o ensilado, préstanos o servizo de carro mesturador, o de podoloxía, lévanos a xestión, todo”, resumen. Na parte veterinaria, están na ADSG da cooperativa, aínda que a reprodución, o control da calidade do leite e a parte clínica fana eles, xa que tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios.   
Tanto Águeda como o seu irmán Roi son veterinarios
A formación representa hoxe en día un valor básico para estar á fronte dunha explotación leiteira, aseguran. Águeda fixo Veterinaria e Miguel estudou un ciclo medio de FP na rama agraria, o que lles permite ter coñecementos suficientes e capacidade técnica para adaptarse ás novas normativas que están a chegar, como a do veterinario de explotación ou a relativa ao SIEX e o caderno dixital.

Décadas de aposta pola boa xenética

Desde que Manuel Capón, o pai de Águeda, se fixo cargo da gandería familiar nos anos 80 e cambiou as vacas de carne que había na casa por animais de raza holstein, a mellora xenética sempre foi unha das súas teimas. “O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e un namorado das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico e eu seguín os seus pasos”, recoñece Águeda, que desde pequena acompañaba ao seu pai e ao seu irmán Roi nos concursos de gando aos que acudían habitualmente, unha experiencia que agarda que agora poidan vivir tamén os seus fillos Lucas e Blanca.
Capón Holstein era unha das explotacións habituais nos concursos de gando
“Neste momento paramos un pouco de ir por todos os cambios pero esperamos reanudar”, adiantan. Teñen obtido premios destacados tanto no certame autonómico como no Concurso da Moexmu. Neste momento atenden a granxa entre os tres (Águeda, o seu pai e o seu home), pero Manuel está xa próximo á xubilación, polo que non teñen en mente seguir medrando. “Para nós os dous sos as 72 vacas en muxido que nos collen no establo son dabondo”, din.
O meu pai sempre foi un entusiasta do pastoreo e das boas vacas desde o punto de vista morfolóxico
Ter que levar e traer as vacas ao pasto todos os días suponlles un traballo extra, aínda que reduciron bastante a distancia que percorren, que antes chegaba aos 2 km, e atopar man de obra “formal e preparada” non é doado, di Miguel.   Venda de recría Fai moitos anos que non mercan vacas e o crecemento que tiveron para entrar no establo novo cubrírono todo con recría propia. Nos últimos anos as xovencas que criaban fixéronlles falta para eles, pero unha vez estabilizada a granxa nas 72 vacas en produción (a capacidade total do establo), teñen pensado volver vender recría a outras explotacións, como facían antes.
Nós non buscamos vacas de concurso, pero unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite
Empregan seme sexado nas xovencas e tamén nalgunhas vacas adultas e buscan “animais funcionais”. “Nós non buscamos vacas de concurso, senón unha combinación de todo, pero eu penso que unha vaca boa morfoloxicamente é unha vaca que vai durar moitos anos dando leite, vai todo un pouco da man”, asegura Águeda. “Seleccionamos bastante e nas primeirizas que xa non nos convencen poñemos carne para seguir mantendo un nivel morfolóxico alto no conxunto do rabaño”, explica. Aínda que neste momento, pola necesidade de medrar para encher a capacidade do establo novo, a metade do rabaño son primeirizas, a media de lactacións no conxunto das vacas en produción sitúase nos tres partos, o que dá unha idea da lonxevidade que acadan.

Xan das Bouzas, unha gandería mixta con vacún de leite e carne, ovino e caprino e cabalo de monte

As vacas de leite da explotación pacendo nas fincas que están máis cerca da casa En Curros, pertencente á parroquia de Santa María Maior (Mondoñedo), os terreos son costentos, o que limita o seu uso para os cultivos agrícolas e a mecanización. Pero son aptos para o pastoreo, que é a base do manexo e a alimentación que fan na gandería Xan das Bouzas. Esta explotación, que combina gando vacún de leite e de carne, cabalos do monte e gando ovino e caprino, está rexentada na actualidade por Alba Recalde e Moisés García, dous mozos que contan aínda coa axuda dos pais de Moisés, María José e Luciano. Traballan 200 hectáreas de terreo, o 65% en propiedade e o 35% en aluguer e a superficie de pastoreo está repartida por ata 5 concellos diferentes: Mondoñedo, Lourenzá, Riotorto, Abadín e Trabada.
Moitas fincas teñen unha pendente pronunciada e só nos valen para pacer co gando
A maior parte das fincas teñen unha pendente pronunciada, que condiciona o seu manexo. “Moitas fincas non nos valen para sega, porque non valen para andar cos tractores; o que facemos é pacelas co gando que temos: vacas, bestas, cabras e ovellas. Temos un pouco de todo”, aclara Alba. “O que come a besta non o come a vaca” Vacas e cabalos do monte nos pastos do alto da serra Unha das características desta explotación é precisamente esa, a súa diversidade de animais. Ademais de ser unha gandería mixta de vacún, con 30 vacas de leite (máis 12 xovencas de recría) e 160 vacas de carne (máis os xatos e 25 xovencas de recría) nun CEA e noutro, de modo monte, outras 90 vacas; teñen tamén a maiores 35 ovellas, 30 cabras e 300 bestas e cabalos.  Manexar tanto gando nunha superficie tan dispersa é bastante complexo e traballoso, recoñecen. “Estás pendente do gando todos os días a todas as horas. Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación”, conta Alba.
Somos 4 persoas traballando a tempo completo para a explotación
Para facilitar os movementos entre as diferentes parcelas, cando se trata de fincas distantes, dispoñen dun camión para o transporte do gando. “Intentamos non concentrar moitas cabezas na mesma finca para que non precisen tanto manexo, pero aínda así necesitan manexo igual”, asegura.   Gando no monte abertal Unha das pozas de auga que teñen no monte para que beba o gando. Cando no verán achican pola seca soben a auga para elas en cisternas para enchelas Parte do gando (arredor do 50% do censo) pasta no monte abertal. Son vacas e bestas adaptadas á climatoloxía destas zonas altas e tamén a este tipo de pasto e que manexan en conxunto.
No inverno as bestas e as vacas castigan moito o monte e fan que o pasto vaia mellorando
“As bestas abren o monte para as vacas. A vaca non come o que come a besta, comen herbas máis brandas. As bestas do monte só comen toxo e herbas duras; axudan a ter o monte limpo, porque ningún outro animal come o que elas comen, e deste xeito fan que ese pasto vaia mellorando”, explica. Unha parte do monte abertal é propio da gandería (unhas 100 hectáreas) e outra parte comunal, aínda que dos corenta e poucos comuneiros da parroquia só catro ou cinco casas teñen gando no monte. “Somos poucos os veciños que aproveitamos o monte, pero de cara a facer a PAC nós só podemos declarar 4 hectáreas”, aclara. Petición de queimas controladas Unha das zonas de monte que se foi pechando de vexetación, onde sería precisa unha queima para rexenerar o pasto A alimentación das vacas e cabalos do monte consiste no pastoreo da vexetación espontánea, tanto toxo como herbáceas, pero na medida en que o toxo envellece a súa dixestibilidade e aproveitamento diminúe e a proporción de herbáceas tamén. “Solicitamos no mes de decembro para facer queimas controladas nas zonas de monte con máis vexetación, que non son tractorables, aínda que non temos aínda ningunha resposta. Se noutros lugares se fan, non vemos o motivo polo que aquí non se poderían facer tamén. Nós tentamos facer desbroces onde se pode, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco. Hai zonas nas que se non nos dan as queimas como alternativa é imposible entrar alí e acábanse volvendo improdutivas, porque hai toxos que agora xa non os comen as bestas”, relata.
Tentamos facer desbroces, pero hai sitios onde co tractor non entras e corres moito risco
“Por culpa da broza perdemos zonas produtivas e co tamaño de explotación e número de cabezas que temos necesitamos superficie que produza. Ademais, deste xeito hai máis risco de lumes", di Alba, que defende a utilidade das queimas controladas para a rexeneración do monte para lograr un control efectivo do mato en combinación co gando. Ataques do lobo O último ataque do lobo causou baixas no rabaño de ovellas O principal depredador do gando do monte é o lobo. “O 45% das baixas que temos hoxe son por causa do lobo. Nos últimos tempos nesta zona aumentou moito a presenza do lobo e os seus ataques. Se non fora polo lobo unha egua pode vivir entre 18 e 20 anos”, conta Alba. A maiores das baixas directas, os ataques tamén provocan abortos e outros problemas reprodutivos. “A besta que perde a súa cría ten máis dificultades para empreñar polo estrés que lle provoca o enfrontarse ao lobo para intentar defendela. Unha besta que pare hoxe aos 9 días pode volver empreñar se está co garañón pero se durante esa xestación hai un ataque do lobo á grea o máis probable é que aborte ”, di.
Se non se toman medidas co lobo as bestas, e o gando do monte en xeral, corren moito perigo de desaparición
“As poldras case todas as criamos, porque con tanta baixa necesitámolas para reposición. Se non se toman medidas co lobo as bestas corren moito perigo de desaparición, ao igual que o resto do gando do monte. E cando se dean conta e tomen medidas pode que xa sexa tarde”, alerta Alba.
O lobo mátanos o 45% das bestas e o 40% das ovellas. Non é un problema menor
O rabaño de ovellas é tamén outro dos afectados polos frecuentes ataques do lobo. “No último ataque de lobo que tivemos papounos 15 cabezas de ovino en dous días. E iso que tiñamos peche de malla”, relata. Entre 400 e 600 euros por poldro Entre as 300 bestas contan con 54 de pura raza galega Para o lobo, os poldros son unha presa máis doada que os xatos, polo que a presenza de cabalos no monte reduce os ataques ao gando vacún. “Mentres hai poldros non comen os xatos e é certo que o valor dos poldros é menor que o dos xatos, pero cando acaban os poldros despois comen tamén os xatos”, matiza Alba. “Os poldros que sobreviven vendémolos a través de Puraga, os que son de Pura Raza Galega, e o resto lévanos tratantes”, conta. Os prezos dependen da calidade dos animais e do seu peso e oscilan entre os 3 e os 4 euros o kg canal. “O prezo mellorou moito, aínda que na actualidade baixou algo, pero podía ser unha carne moito máis valorada”, defende.
O prezo mellorou moito nos últimos anos, aínda que agora baixou algo, pero falta que a carne de cabalo sexa máis valorada
O peso dos poldros oscila entre os 80 kg dos do monte aos 300 kg das razas de maior tamaño, que teñen pechados en fincas máis baixas. A idade oscila entre os 9 meses e o ano, mentres que nos de pura raza galega está entre os 7 e os 8 meses. “Ás bestas do monte nunca lles damos suplemento, só controlamos que teñan auga. Desde o meu punto de vista se lles damos suplemento non nos rendiría telas, non me parece viable”, detalla. Este ano tivemos un verán duro, apertou a seca e non había moita auga. Temos unhas pozas feitas e levamos auga con cisterna para que poidan beber”, explica. "O gando do monte é difícil de controlar, xa que o monte abertal é unha extensión grande e sen peche. Cando facemos movementos necesitamos ter cabalos de montura para dirixir e guiar o gando”, conta. Aumento de superficie e mantemento das vacas de leite Teñen mastíns como cans de garda para defender o gando dos ataques do lobo Fai 8 anos, cando Moisés e Alba comezaron a traballar na gandería familiar, era máis pequena. Ao ir aumentando ás cabezas de gando foron incrementando tamén a superficie. “Co noso sistema de manexo, se aumentas aos animais tes que aumentar tamén ao terreo”, di Alba. Trataron de buscar zonas máis baixas, como o val de Lourenzá, onde os invernos son máis suaves. “As vacas de leite, cando as secamos, levámolas para alí”, explica. Malia aumentar ao número de cabezas sobre todo nas vacas de carne, non quixeron abandonar a produción de leite. As 30 vacas que moxen garántenlles uns ingresos estables todos os meses, mentes que nas de carne “se lle morre a cría perdiche a ganancia de todo o ano”, razoa.
As vacas leiteiras están día e noite fóra; só entra á corte para muxirse e comer o silo e o penso
Das vacas de leite encárganse sobre todo Alba e María José. A alimentación é a base de pastoreo, suplementado con silo de herba e concentrado. “Están fóra día e noite, só entran para muxirse e comer o penso e o silo”, indica. Están certificados en pastoreo e benestar animal e entregan o leite neste momento a Lactalis. Nas vacas leiteiras traballan coas razas frisona e coa montbeliard e nas de carne con rubia galega, asturiana, limusín ou angus. En canto aos touros, a maioría son limusín, buscando sobre todo facilidade de parto.

“A baixada do gando para as San Lucas é algo moi bonito de ver, pero dá moito traballo”

Alba, a cabalo durante os traballos para baixar a grea para as San Lucas do ano pasado Ademais da vertente produtiva, o manexo do gando cabalar ten en Galicia unha parte cultural, vencellada a labores como a rapa ou a feiras anuais como as San Lucas ou as Quendas.   “Se as San Lucas seguen mantendo a súa esencia tradicional cos cabalos como protagonistas é por xente coma nós. Se os gandeiros non baixaramos os cabalos do monte habería as orquestras e os postos ambulantes, pero non habería a feira. Perderíase igual que se foi perdendo en moitos outros sitios”, razoa Alba.
O que dá vida ás San Lucas é o cabalo, pero só tres explotacións baixamos xa gando do monte para a feira
Só tres ganderías fan a día de hoxe a baixada do gando desde o monte ata o campo da feira. O domingo anterior xuntan o gando. É un traballo complicado e moitas veces dificultado pola néboa mesta habitual no alto do Fiouco ou en Campo do Oso. “Tes que estar adaptado a andar no monte cos cabalos para xuntar o gando. Axúdanos moita xente, porque 300 bestas non se guían entre catro”, conta. “A baixada do gando para as San Lucas é moi bonito de ver, pero dá moito traballo. Dannos unha pequena axuda por baixar o gando, estableceuse nos últimos 5 anos, pero a baixada a nós suponnos moito traballo. Ademais, temos perdas, porque hai abortos, porque as bestas sofren moitísimo”, explica.   Manter as tradicións Rapa das bestas no curro de Campo do Oso “Trataremos de seguir loitando para que nos valoren”, di Alba. “Se todos tiramos a toalla e non houbera xente coma nós non se manterían as tradicións. Somos unha das explotacións máis grandes desta zona, ninguén aquí ten tantas bestas coma nós. Facemos dúas rapas, unha en Campo do Oso e outra privada na mangada que temos nós en Curros”, conta.   Relevo asegurado Logotipo da explotación Xan das Bouzas é a día de hoxe unha das ganderías máis grandes da comarca da Mariña e Moisés e Alba destilan paixón polo que fan, un entusiasmo que souberon trasmitir aos seus fillos. Porque malia a súa xuventude (el ten 34 anos e ela 27), esta parella de gandeiros albisca xa relevo xeracional que está por vir, o do seu fillo Íker, que ten agora 11 anos e é un apaixoado do gando. “Ou moito me engano ou vai seguir coa gandería”, di orgullosa a súa nai. Sofía, a súa irmá, ten agora 4 anos, a mesma idade coa que Íker comezou a baixar a cabalo ás San Lucas.

“Grazas aos colares, detectamos rápido un posible caso de EHE, o que nos permitiu tratar o animal a tempo”

José Manuel Santín, coas súas vacas na parroquia de Pacios, en Baralla

Josmar Ganadería situada na parroquia de Pacios, no concello de Baralla, instalou os colares RUMI ao seu rabaño fai ano e medio. Fan un manexo en extensivo dos animais e buscaban telos controlados, “Buscabamos ter controlados os animais, porque temos preto unha estrada nacional e pasa tamén a autovía A-6 e poder ter xeolocalizadas as vacas en todo momento danos tranquilidade”, explica José Manuel Santín.  

Pero a monitorización ten outras vantaxes e estalles a permitir tamén gañar en produtividade, grazas á mellora reprodutiva, e mesmo detectar enfermidades no gando de maneira temperá, minimizando deste xeito as súas consecuencias e abaratando os tratamentos.

“No mes de outubro a aplicación enviounos unha alerta dun posible caso de EHE nunha xovenca. Grazas a iso puidemos separala e chamar ao veterinario para tratala a tempo. O aviso permitiunos anticipar o tratamento e en poucos días estaba xa recuperada e puido volver xa ao lote no que estaba”, explica José Manuel.

Ter xeolocalizados os animais en todo momento danos tranquilidade, porque estamos preto da autovía e da estrada nacional

O control da rumia e a monitorización de actividades de xeito individualizado, como pode ser o número de pasos ou as horas de pastoreo de cada animal, permiten detectar anomalías e enfermidades do gando incluso antes de que a simple vista puidera haber sintomatoloxía clínica, unha funcionalidade que converte a Rumi no dispositivo máis completo do mercado.

Cubrir o caderno de pastoreo de xeito doado para cumprir coa PAC

Josmar Ganadería é unha explotación ecolóxica que complementa a produción e venda de leite coa de carne. Contan cun rabaño de 60 vacas en produción, pero tan só moxen as vacas que están paridas de menos tempo, e as outras empréganas para criar os tenreiros cruzados con angus que despois venden para carne con 10 meses.   

A granxa está certificada en produción ecolóxica desde o ano 2017

Todo o gando está fóra e a base da alimentación é o pastoreo. “Facemos un pastoreo rotacional racional para maximizar a produción de forraxe e aproveitar mellor a herba que producen as fincas”, explica José Manuel.

“Os animais vanse movendo polas distintas parcelas e empregamos as cercas eléctricas para abrirlles pasto fresco todos os días”, explica. Por iso, nesta gandería buscaban unha ferramenta que lles permitira non só ter controladas as vacas en todo momento, senón tamén que lles facilitase a xestión do rabaño.

Rumi permite gañar eficiencia, tanto a nivel de mellora reprodutiva como de aproveitamento do pasto

“Na aplicación temos o historial de cada vaca e apuntamos partos, celos, inseminacións e diagnósticos de xestación”, explica. Tamén lles facilita a tarefa de cubrir o caderno de pastoreo, un dos requisitos esixidos para o cobro dos ecorreximes da PAC, ao ter un rexistro dos lugares nos que estivo pacendo o rabaño.

Colocación dunha antena que garante cobertura propia

Unha das vantaxes que ten Rumi a respecto doutros sistemas é o seu funcionamento autónomo, a través da colocación dunha antena na granxa que garante a cobertura aos colares aínda que non haxa cobertura móbil na totalidade do territorio que abrangue a explotación, o que permite tamén o seu uso en zonas remotas, de difícil acceso ou de sombra a nivel de telefonía.

Este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo; facilítanos moito o traballo

“Nós manexamos unhas 70 hectáreas de superficie e temos o gando repartido en distintos lotes por toda a parroquia. Colocamos a antena nunha finca situada na zona máis alta e desde alí temos cubertas todas as parcelas”, explican en Josmar Ganadería.

A antena non necesita de conexión á rede eléctrica para funcionar, xa que está alimentada por medio dunha placa solar. Tamén os colares están provistos dunha pequena placa solar que permiten que se recarguen sós, o que evita ter que cambiar baterías ou que os dispositivos deixen de funcionar cando estas se esgotan.

Os dispositivos Rumi, fabricados pola empresa Innogando, teñen unha grande versatilidade, tanto en ganderías de leite como de carne, e tanto para aquelas que producen en intensivo como para as que fan un manexo en extensivo, permitindo ter á man a información do rabaño en todo momento grazas a unha sinxela aplicación e ao envío de alertas ao teléfono móbil do gandeiro. 

“O feito de ter controlados os animais até agora parecía que era algo que só podían facer as explotacións intensivas pero este tipo de ferramentas axúdannos no día a día ás ganderías con sistemas de manexo en extensivo, facilítanos moito o traballo”, di José Manuel.

Queres instalar Rumi na túa gandería?

  • Teléfono e whatsapp: 644 586 245
  • Email: hola@innogando.com

“O gando é o mellor sistema de prevención de incendios”

Marcos Ferreira, enxeñeiro de montes, traballa nun modelo de recuperación de faixas de pastoreo en Montes do Courel e Pobra do Brollón como “ferramenta viable e sostible, fronte aos cortalumes tradicionais que, neste novo tipo de incendios, non funcionan e implican unha gran inversión en mantemento. “Aumentar os pastizais é moito máis viable que desbrozar cada ano”, valora. Coñecemos nesta entrevista en que consiste a súa iniciativa que presentou recentemente na Pobra do Brollón nunha xornada organizada pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.  Como xurdiu este proxecto e en que fase se atopa agora? O punto de partida foi o incendio de xullo de 2022 que foi moi distinto dos incendios clásicos. Os especialistas insisten en que este novo tipo de incendios serán máis frecuentes. Demostrouse que os cortalumes clásicos non funcionaron nada, o lume saltounos como se non existiran. Entón pensamos que había que enfocalo doutro xeito, non só facelos máis anchos, senón doutro xeito. A proposta consiste en facer unha pista central nos actuais cortalumes, e mínimo 50 metros a cada lado da pista de pastizal. Así serán máis anchos e resistentes ao lume. Agora mesmo estamos negociando coa Administración xa que moitas comunidades de montes non queren comezar a transformar os seus cortalumes ata que a Xunta non aclare como se vai implicar neste proxecto. As negociación están avanzando pero ainda non sabemos o grao de implicación da Administración Pública e os requisitos esixidos. Durante un tempo invertimos moita enerxía e medios en facer chegar o noso modelo ás comunidades de montes pero agora mesmo preferimos focalizar en levalo a cabo para que sexa unha realidade tanxible e non só un proxecto teórico. As Comunidades de Montes de Froxán e Vilamor están convencidas de levalo a cabo e temos outras dúas Comunidades de Montes que se queren implicar tamén pero precisan máis información para facelo. O que decida a Xunta vai ser clave.
 “O incendio saltou os cortalumes como se non existiran”
Que beneficios e problemáticas presentan estas faixas de pastoreo? Os beneficios son varios: A paisaxe melloraría, pois o impacto visual non é o mesmo. Como cortalumes serían moito máis eficaces e implicaría a creación de emprego e fixación de poboación no rural, pois unha persoa (e quizáis a súa familia) se mudarían á zona para traballar de pastor. Así combatemos algúns dos principais problemas do rural e facilitador dos incendios, a falta de poboación e de actividade económica. Hai varias dificultades: o investimento inicial. Os cortalumes tamén o tiveron pero xa está feito. O investimento é forte, centos de miles de euros. Nós estamos en contacto coa Xunta para intentar que o asuman eles. Outra das dificultades é a cuestión de permisos e autorizacións. Este cambio de pinar e freixeiras (uces) a pastos é un trámite longo co seu custe que non implica a aprobación. O terceiro problema que hai que resolver é quen vai xestionar os pastizais. Hai varias solucións posibles. Poden ser os gandeiros desa zona, hai que ver se lles interesa e en que condicións. Outra opción sería que viñera un gandeiro de fóra. No noso caso, en Froxán e Vilamor, xa temos un empresario interesado en invertir, incluso pagando aluguer polas terras. Outra opción sería a explotación directa por parte das comunidades de montes, como o caso de MVMC de Pinzás (Tomiño), onde recuperaron a actividade gandeira con vacas cachenas. Houbo unha reunión coa consellería para ver se é viable financialo desde a Adminstración e en que condicións. Iso vai ter implicacións nas comunidades de montes, que están á espera de ter máis información para tomar unha decisión. Que requisitos deben cumprir as faixas de pastoreo? Teñen que ser zonas mecanizables, é prácticamente imprescindible, porque hai que facer uns traballos de acondicionamento que se non son mecanizables o prezo dispárase. Como estaba o monte e os cortalumes no incendio do 2022 ? Que se está facendo agora mesmo? A situación non era homoxénea pero en xeral os cortalumes estaban máis ou menos limpos, non estaban abandoados. estaban relativamente coidados. O monte igual. Había zona baixa de uces, zonas rasas, é a vexetación que hai aí. Moitos piñeirais tamén… había bastantes con pouco mantemento. Non podemos dicir que o problema era o abandono. Piñeirais limpos arderon enteiros. Agora mesmo o único que se está facendo é retirar a madeira queimada. Está levando moito máis do que imaxibamos todos.
 “Non podemos dicir que o problema era o abandono. Piñeirais limpos arderon enteiros”
A idea é recuperar un pouco o traballo tradicional que xa viña facendo o gando no monte, que en moitas zonas se está perdendo? Si, totalmente. Na prevención de incendios, o gando e os gandeiros teñen que ter un papel fundamental, tanto nas faixas como arredor das aldeas, é un pouco o tema da aldea modelo da Xunta. Recuperar gando que paza nos terreos arredor das aldeas. Recuperar cabras, ovellas, vacas… é básico na prevención de incendios.

Rancho Martiño: Así traballa a maior gandería de raza Angus de Galicia

Álvaro é dono de Rancho Martiño, ata o de agora, a maior ganadería de raza Angus de Galicia. Esta explotación localízase no concello coruñés de Zas, en concreto na parroquia de Brandomil. Conta neste momento cuns 125 animais e máis de 90 hectáreas de pasto. Ademais destes animais, Álvaro compatibiliza a súa actividade con outra grazas, tanto á colaboración dunha persoa contratada a xornada completa (Rodrigo), como á docilidade e facilidades desta raza. Falamos co este propietario para que nos detalle máis información  desta raza de moda polas cualidades da súa carne e facilidade do seu manexo.  De onde xorde a iniciativa de Rancho Martiño? Esta iniciativa nace despois de herdar unha pequena explotación de leite, cunhas hectáreas xa de terreo, que estaban a maioría a pastos e pastizais. Naquel momento, a idea era continuar coa explotación de leite ou rexurdir cunha explotación de carne, e foi cando, en 2019 decidimos comezar con isto. Actualmente, temos máis de 90 hectáreas de pasto e uns 125 animais en total. Nese momento, por qué optaches por seguir adiante cunha ganadería de carne e non de leite? Si que se valoraron as dúas ideas, pero os argumentos que se tiveron en conta para tomar a decisión foron varios. Por un lado, que os investimentos non eran tan fortes como se se tratara dunha explotación de leite, e por outro, que a man de obra pensamos que se necesitaría menos que nunha explotación de leite. O que si que tiñamos claro é que o manexo ía ser en extensivo, fora dun tipo ou doutro. Igualmente, esta non é unha ganadería de carne ao uso, senón que estamos ante a maior ganadería de raza Angus de Galicia. Contanos, como comezaches a traballar con estes animais? Estes animais son de raza Angus, Black Angus en concreto, e primeiramente decidímonos a escoller esta raza pola súa docilidade e facilidade de manexo. Atopamos un proveedor que nos abasteceu duns 40 animais que trouxemos inicialmente e un semental, e o que tiñamos claro desde o momento que optamos por seguir adiante con carne é que ía ser con esta raza.  Cóntanos, que características principais ten este gando? As vacas Angus proveñen de Escocia e as súas características principais é que nacen sen cornos, incluso ata o primeiro cruzamento deberían continuar nacendo así. Isto, parece que non, pero representa unha vantaxe porque evitas o estrés dos recén nacidos ao sacarlle os cornos con lápiz ou pistola, e ao mesmo tempo, tamén evitan moitos posibles accidentes á hora dun saneamento, ou doutras situacións, porque non se trata de animais agresivos pero si que teñen un sentimento materno bastante forte, que é o que pode xerar reaccións á hora de acrotalar unha cría, por exemplo.  Outra característica é a súa docilidade e facilidade de parto; son animais moi tranquilos con un parto moi sinxelo, sacan crías de entorno 20 ou 25kg e adáptanse moi ben a condicións climatolóxicas adversas como poden ser as choivas ou os fríos de inverno, e tamén resisten moi ben as altas temperaturas. As diferencias entre Black Angus e Red Angus? Realmente é o mesmo animal. É igual que unha vaca en leite que se fala moito de factor vermello e sen factor vermello. Pode ser unha frisoa con factor vermello ou sen ela, e no caso de Angus pasa o mesmo.
Alimentamos o gando en gase a pasto, sen nada de penso, e cos partos concentrados na primavera
Como é o manexo destes animais? En Rancho Martiño agora mesmo hai unhas 85 vacas nutrices. Nestes momentos están todas preñadas e sen cría porque temos concentrados todos os pastos na primavera. Facemos un baleirado de crías no mes de decembro, que sacamos todo, e botan secas ata o mes de marzo, abril ou maio, que é cando temos concentrados os partos.  O noso manexo é a base de pastos durante todo o ano, non utilizamos nada de penso,  aínda que en momentos como pode ser agora ou nas secas de verán si que temos axudar cun punteo con rolos, con rolos de herba, ou incluso cun pouco de millo. Iso si, ao ter os partos concentrados nas épocas de maiores rendementos do pasto resúltanos sinxelo adaptar a ración ao estado corporal da vaca.  En canto ao manexo dos pastos pódese dicir que é rotacional intensivo porque facemos varios cambios diarios en parcelas moi pequenas con ampla concentración de gando, concretamente unha concentración instantánea de gando por hectárea moi alta, pacendo moi a ras, e facendo en primavera ata 3 cambios diarios. Todo aquilo que necesitamos de bolas, facémolo nós, temos maquinaria para cortar e enrolar. O único que non facemos nós é picar o millo, que directamente tampouco temos unha superficie adicada ao seu cultivo. Moitas veces, sobre todo nesta época cando as vacas están secas, optamos por mesturar palla con millo porque quizáis as bolas de herba sexan un alimento demasiado rico para o que necesitan.  Como fas a recría? A recría tamén está en base a pasto sacando en momentos nos que non o hai. Cando non dispoñemos de pasto facemos o mesmo que coas nais, temos que achegarlles comida en bolas de herba ou de silo de millo. Polo de agora estamos quedándonos con toda a recría, tan só vendemos os machos e quedamos coas femias, aínda que xa comezaremos nesta época de partos ou na seguinte posiblemente a vender algunhas femias, xa sexa para vida ou sacrificio, xa que temos que optar por esta vía para reducir a cabana gandeira.  E ao respecto da reprodución, como fas as inseminacións? É todo por monta natural, dispoñemos de dous touros, un deles ten un aspecto máis americano, un touro moito máis grande, e un segundo touro que temos para a recría e para animais máis pequenos que ten rasgos máis escoceses; é dicir, é un animal máis baixiño. O noso sistema consiste en introducir touro no rabaño, e sacar touro do rabaño; entra sobre o mes de maio e sacámolo sobre o mes de agosto. O resto do tempo os touros están nun establo con alimentación a base de cereal e en cama de palla para que gañen peso e estean óptimos para a hora de volver a entrar.
A carne de raza angus ten a graxa moi infiltrada e ten moi boa saía comercial, sobre todo na hostalaría
Por outra banda, a carne da raza Angus é recoñecida pola súa calidade e infiltración. Que características lle ves ti como criador? As principais calidades desta raza Angus, ademais das físicas e das que xa falamos, son as da súa carne. Tenden a sacar canais moi engraxados e sobre todo con graxa moi infiltrada que fai que sexan óptimos para o seu consumo, sobre todo en hostalería. Non é unha carne tan comercializada a nivel familiar pero si que se comercializa moito a nivel de restauración. En que peso medio e prezo se sitúan estes animais no mercado? Andan en torno a 4€/kg vivo, e están indo na volta do 200 kilogramos. En vivo soen ir en torno a 20/30 cts. por enriba dunha lonxa de referencia, como a de León ou a de Salamanca, e subirlle esa cantidade. Se falamos de kg/canal soe ir en torno a 6’20€/6’30€. 
 O kilo canal desta carne rolda os 6,20 euros
Facedes cebo final? Polo momento nada, plantexámonos no seu momento estudar os costes, pero non fixemos nada ata agora. Hai animais desta raza que se ceban ata dous anos, dependendo do seu destino, e iso implica un gran sobrecuste, cando realmente esta forma de cría tamén tería que estar valorada: sen penso, sen antibóticos, en base a pasto, etc. Ademais da túa faceta como xerente propietario de Rancho Martiño, posúes unha asesoría. Como compatibilizas as dúas actividades? Outro dos factores que nos invitou a seguir adiante cunha ganadería é que eu teño unha asesoría e oficina de enxeñería tamén conectada con este mundo, especialmente ao vacún de leite. Cremos que é algo plenamente compatible cunha seguda actividade sobre todo nos comezos. Ao final, trátase dunha actividade de carne na que a fonte de ingresos chega máis tarde que na de leite, non entran os animais o primeiro día e comezas a ter ingresos, entón o que facemos é compatibilizala. Para facer isto, teño colaboración dunha persoa que está aquí contratada en Rancho Martiño que me apoia nas tarefas diarias de luns a venres, a xornada completa. Que plans de futuro tes para este proxecto? A previsión de Rancho Martiño a medio ou longo prazo sería continuar aumentando a súa cabana gandeira, non superando moito a centenar de vacas nutrices, e mellorando un pouquiño as canles de comercialización intentando dar un valor engadido ao producto que estamos sacando.  Agora mesmo, estamos sacando xatos ao destete para vender a cebadeiros fóra de Galicia e o que temos en mente é intentar darlle un remate a estes animais, ou mellorar a canle de comercialización, engadíndolle valor a esa carne que producimos. Pensamos que isto o podemos conseguir con ciclos curtos de venta, máis ao por menor, ou ben mediante a creación dunha marca propia. 

Xornada en Curtis sobre os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto

No marco da campaña informativa lanzada polo Sindicato Labrego a finais do pasado ano para alertar do que consideran industrialización da IXP Ternera Gallega, este xoves 25 de xaneiro desenvolverá no Centro Etnográfico de Teixeiro a xornada “Os beneficios económicos e sociais da alimentación en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”, en horario de 11 a 14h. A xornada, aberta ao público e medios de comunicación, é de balde e para asistir non é necesaria inscrición previa.  A primeira parte da mesma estará centrada na exposición de diversos estudos académicos e traballos de investgación arredor do acabado en pasto. Partciparán a gandeira de leite e Secretaria Xeral do SLG-CCLL, Isabel Vilalba; o enxeñeiro técnico agrícola do grupo de investgación da Universidade de Santago de Compostela “Carne de vacún a pasto”, Xan Pouliquen; o enxeñeiro técnico agrícola Eloi Villada e a investgadora do Centro de Investigación y Formación Agraria CIFA Cantabria Enma Serrano. Ás 13h. terá lugar unha mesa de experiencias labregas onde se establecerá un coloquio entre persoas labregas de carne.

Xornada formativa en Curtis sobre gandería de vacún alimentada en base a pasto

O Sindicato Labrego Galego organiza o vindeiro 25 de xaneiro en Curtis (A Coruña) unha xornada formativa sobe “Os beneficios económicos e sociais da alimentació en base a pasto. É a herba alimento abondo para alimentar rumiantes?”. A formación impartirase a partir das 11:00 horas no Centro Etnográfico de Teixeiro. Esta acción conta co apoio da Deputación da Coruña. As inscricións poden realizarse nos locais do Sindicato Labrego Galego ou enviando un correo a carne@sindicatolabrego.gal

“Grazas ás cooperativas, hoxe segue habendo ganderías de leite no Pirineo”

Joan Guitart, coas súas vacas en Castellar del Tost, onde a seca se está a notar este ano nos pastos Cataluña conta a día de hoxe con 347 explotacións lácteas e unha producción mensual de 57.858 toneladas, segundo os últimos datos publicados polo Fondo Español de Garantía Agraria, do pasado mes de outubro. Setenta e tres deses gandeiros aséntanse nas comarcas pirenaicas de Alt Urgell e Cerdanya, cunha forte implantación do cooperativismo na zona, o que permitiu a supervivencia da produción láctea nestas áreas de montaña. “Grazas ás cooperativas hoxe aínda queda gandería de leite aquí no Pirineo”, asegura Joan Guitart, un dos 6 socios de Granja Castellar, situada en Castellar de Tost, no municipio de Ribeira d’Urgellet, un pobo de só 20 habitantes e situado a 900 metros de altitude no Pirineo de Lleida.
Ás industrias élles difícil vir recoller o leite aquí, en granxas pequenas e dispersas, por iso cando desaparecen as cooperativas desaparecen as ganderías
A diferenza do que ocorre en Alt Urgell, en todo o veciño val de Pallars, nas tres comarcas que lindan co Val d’Aran, xa non quedan granxas leiteiras. “Hai 30 anos, cando nós empezamos co unifeed cooperativo, Copirineo tiña máis de medio cento de explotacións. Pero cando desaparecen as cooperativas ás industrias élles difícil vir recoller o leite aquí, en granxas pequenas e dispersas”, explica Joan. Medrar absorbendo a outras granxas SAT Granja Castellar é unha das explotacións máis grandes da zona. Muxe nestes momentos 420 vacas e produce uns 13.500 litros diarios, que entrega á cooperativa Cadí para a súa transformación en queixo e manteiga. Da ración para alimentar ás vacas encárgase outra cooperativa, Pirenaica, que fai 30 anos instalou un dos primeiros centros comunitarios de mestura húmida unifeed de Europa. Joan está á fronte desta granxa xunto a dous dos seus irmáns, a súa filla e outros dous veciños que acabaron pechando as súas granxas familiares para integrarse na SAT. “No seu momento chegamos a ser 8 socios. Eran explotacións que deixaban de muxir pero que no canto de vender a cota láctea nós absorbiamos a granxa, comprando o gando, quedándonos coa cota, e pasando a integrar a eses gandeiros na sociedade. Desa forma evitamos que esa cota marchase da comarca cara a outras zonas”, explica.
Integrando ás ganderías que ían pechando, evitamos que a cota se vendese e marchase da comarca
Tras décadas de incremento continuado no número de cabezas, nestes momentos o seu obxectivo é a estabilización da granxa. “Non queremos seguir crecendo, a nosa intención actualmente é manter o número de vacas en muxido ao redor das 415-420. Pero temos moitas xovencas e tivemos que mandar ao matadoiro este verán moitas vacas, porque senón estariamos nestes momentos en 450 vacas en produción”, detalla Joan. Recría en dúas localizacións diferentes Aínda que forma unha soa unidade epidemiolóxica, Granja Castellar ten 4 libros abertos, 2 deles para reposición en dúas granxas próximas que deixaron de producir leite, e suma en total unhas 900 cabezas contando vacas adultas e recría. A unidade de produción atópase en Castellar de Tost, onde tamén se desenvolve a fase de lactación das tenreiras. “Aos 2 meses e medio facemos o destete e a partir de aí, ao redor dos 3 ou 4 meses, vanse a outras granxas”, explica Joan.
As ganderías lácteas das comarcas de Alt Urgell e Cerdanya comparten algúns problemas coas granxas de Galicia, como escaseza de base territorial e orografía complicada
Os outros dous establos están situados a 6 e 8 km de distancia. “Imos pola mañá e pola tarde e temos a unha persoa encargada da recría. A partir dos 12 meses empezamos a poñer as primeiras doses se a vaca está en condicións. Detectamos os celos con colares, co que gañamos en tempo e en fertilidade”, asegura. A inseminación realízase con persoal propio da granxa. Producir leite nunha zona de montaña Joan considera que o labor do gandeiro é o de “ser capaz de adaptar o modelo produtivo da súa explotación á situación concreta de cada lugar”. Na comarca de Alt Urgell a climatoloxía e as características do terreo condicionan o tipo de produción láctea. “A base territorial é moi baixa, porque por unha banda temos o río e pola outra o monte; e todo é pendente, xa que estamos nunha zona de prepirineo”, explica. Granja Castellar conta con 200 hectáreas de superficie aproveitada en pastoreo por distintos lotes de animais: polas vacas secas, polas xovencas e por unha parte das vacas en produción (aquelas que están no final da lactación).
Temos un custo de produción alto, chegamos a preto dos 12 euros por vaca e día de custo de alimentación
Para o resto das vacas en muxido, a alimentación baséase en ración unifeed que inclúe preto de 20 kg de concentrado. “Logramos medias de 32-33 litros de produción e unhas calidades de leite moi boas; case todo o ano estamos por enriba do 4% de graxa”, conta Joan. A ración é proporcionada diariamente no establo grazas a un sistema de cátering que, sumado ao uso de grandes cantidades de concentrado, dispara o custo de alimentación. “Temos un custo de produción alto, chegamos a preto dos 12 euros por vaca e día, mentres o prezo de venda do leite o ano pasado situouse en 0,52 euros o litro de media de todo o ano”, detalla. Primeira planta de unifeed comunitario de Europa A explotación é socia da Cooperativa Pirenaica, con instalacións na Seu d’Urgell e fábrica de penso e mestura húmida no municipio de Montferrer y Castellbò, a 3 km da Seu d’Urgell. Desde esta planta saen diariamente os camións que descargan nas granxas. “Levamos 30 anos funcionando desta forma. Fomos pioneiros no seu momento en Europa neste sistema de unifeed comunitario. Estivemos a dar voltas polo mundo para aprender, desde Israel a Dinamarca”, lembra Joan. “Hoxe damos comida a 40 explotacións de leite que sumamos unhas 3.500 vacas en total, aínda que día a día van desaparecendo granxas”, lamenta. Dentro de Pirenaica, algúns socios xestionan a súa propia superficie agraria, mentres hai outros que xa deixaron as súas terras en mans da cooperativa.
Non é que sexamos máis cooperativistas que noutros lugares, é que a necesidade nos fai selo
A superficie total é dunhas 1.000 hectáreas, insuficiente para autoabastecer á planta. “É difícil facelo mellor con esta seca. Temos que comprar bastantes insumos, por exemplo millo para ensilar; millo gran e soia, que veñen do porto de Tarragona e cebada que traemos de Francia”, explica. O servizo de cátering que a cooperativa presta ás ganderías socias é un piar fundamental para a supervivencia das granxas da zona, considera Joan. “En Xirona outras iniciativas similares de unifeed comunitario desapareceron porque alí hai outras alternativas. Por que funciona aquí? Porque estamos nun sitio apartado e é difícil ser autosuficiente ti só. Se queres ser moi individualista tes que ter máis de 450 vacas. Con granxas máis pequenas aquí é difícil. Non é que sexamos máis cooperativistas que noutros lugares, é que a necesidade nos fai selo”, argumenta. Cadí, primeira cooperativa láctea creada en España Camión cisterna da cooperativa Cadí recollendo o leite da explotación Hai máis de 70 anos que Granja Castellar forma parte tamén da cooperativa Cadí, formada por 73 familias gandeiras de Alt Urgell e Cerdanya. Fundada en 1915, Cadí foi a primeira cooperativa láctea creada no Estado español. “Nunca foi rescatada nos seus case 110 anos de historia”, destaca Joan, que formou parte ata 2016 do Consello Reitor da cooperativa. Dentro de Cataluña, Cadí é unha referencia. Produce queixo e manteiga, con dúas Denominacións de Orixe. Transforma entre 170.000 e 180.000 litros de leite en diversas referencias comerciais, entre elas varias modalidades de queixo, requeixo e manteiga, o verdadeiro produto estrela de Cadí, que é tamén socia de Llet Nostra, a través da cal se dá saída aos excedentes en forma de leite líquido e yogurt.
Urgèlia é un queixo con DOP que se produce integramente a través da cooperativa
Cadí vende os seus produtos por toda Cataluña, ademais de exportar a distintos países, e conta na actualidade cun cadro de persoal de 130 traballadores. “Estamos a pasar un momento delicado precisamente porque a cooperativa está sobrecargada de man de obra e non somos capaces de ser competitivos. Temos que industrializarnos máis, porque os tempos cambian e creo que faltaron investimentos en modernización e tecnoloxía. Non podemos vivir dos 100 anos de historia, iso non é suficiente, temos que avanzar para pensar nos próximos 100”, reflexiona. Aforrar custos co pastoreo Aínda que o pastoreo é o sistema tradicional de alimentación do gando nesta zona do Pirineo, as explotacións lácteas da zona foron abandonando esta práctica a medida que ían crecendo e intensificándose, aínda que Granja Castellar segue mantendo o pastoreo como unha estratexia para reducir custos de produción. “Ás veces penso que queremos ser demasiado americanos. Estamos a 900 metros de altitude e temos pendentes elevadas; sáeme máis cómodo levar a pacer as vacas que cortar a herba”, argumenta.
Sementamos raigrás e centeo forraxeiro para o inverno; así alongamos o período de pastoreo
A SAT conta con 200 hectáreas de superficie, que se aproveitan na súa totalidade en pastoreo e coa recollida de forraxe, tanto ensilado como seco. Dispoñen de pradeiras sementadas con diferentes especies para desta forma poder alongar a duración do pasto. “No outono empezamos pacendo as parcelas que teñen festuca e datilo, despois pasamos ao raigrás e terminamos co cereal, que é o máis resistente, cando veñen as xeadas, en xaneiro e febreiro”, explica Joan. Pero a importante seca que arrastra Cataluña nos dous últimos anos secou os pastos e encareceu a alimentación do gando. O pasto é a base da alimentación da recría. “Moitas veces temos grupos de 30 xovencas sen tomar nin un quilo de forraxe na estabulación”, conta. Pero tamén están a estender o pastoreo ás vacas adultas.
Ao botar ao prado o lote de final de lactación reducimos o custo de alimentación de 12 euros diarios a só 2
“Unha parte das vacas en muxido, a partir de 180 días de preñadas (6 meses), cando baixan de 30 litros, pasámolas ao prado. Ao facelo baixan a 15 litros de media, pero logramos alongar un pouco máis a lactación a un custo moi baixo mentres se recuperan dos cubículos e se preparan para o parto. Cando o leite non cho pagan ben, baixar a produción non ten por que implicar matar á vaca, esta é unha forma de darlle outra oportunidade. Dos 12 euros por vaca e día que nos custa alimentalas en unifeed, pasan a 2 euros. Baixan á produción de leite, si, pero gañámolo en custo de alimentación e saúde”, defende. Regadío por presión natural Nesta zona da montaña, a 900 metros de altitude, a neve permanece durante dous meses ao ano. “A partir do 15 de xaneiro, cando as horas de luz empezan a aumentar, a neve empeza a derretirse. O malo é cando neva a principios de decembro, aí si que non se vai nin co soplete”, bromea Joan. O cambio climático está a deixarse notar tamén no Pirineo. “Temos mananciais para regar que nos proporcionaban un caudal de entre 50.000 e 60.000 litros á hora que baixaron a menos de 20.000 e non podemos regar cando queremos, como faciamos antes”, indica.
Nótase o cambio climático; os mananciais viron reducido o seu caudal á metade
A zona de regadío da explotación abarca 30 hectáreas e o sistema funciona por presión natural, sen necesidade de bombeo. “Temos a auga canalizada desde o manancial a unha balsa, onde alcanza 10 kg de presión dinámica natural, que é suficiente para que funcione o sistema de aspersores”, detalla. Abonar con esterco e non usar herbicidas Aínda que a alimentación das vacas mediante unifeed non lles permite estar en ecolóxico, o manexo da terra dista moi pouco do esixido para a certificación. “Abonamos con esterco, que repartimos por todas as leiras, e desde hai 3 anos non tiramos nin unha pinga de herbicida; non imos lograr 17.000 kg de materia seca por hectárea de forraxe pero imos ver se podemos ser competitivos así”, razoa.
Ás veces cando a palla sobe de prezo usamos area calcaria con superfosfato nas camas
As camas do gando son de palla e de compost, producido na propia granxa. “O que facemos é amontoar o esterco dos lotes de xovencas e vacas que temos en cama seca nunha pila ao aire libre e dámoslle voltas para ventilarlo. Por pasteurización natural chega a 70 graos, o que xera unha higienización”, explica. Planta móbil para tratamento de xurros A cooperativa Pirenaica impulsou tamén a adquisición dunha planta móbil de tratamento de xurros para facilitar o cumprimento das novas normativas en materia de xestión de estercos ás súas ganderías socias, volvendo situarse á vangarda de todo o Estado. Esta planta, a primeira destas características en España, está dotada dun grupo electróxeno propio, unha bomba, un separador sólido-líquido, unha planta de polielectrolitos e coagulantes e unha decantadora centrífuga.
A cooperativa Pirenaica dispón dunha planta móbil que se traslada ás explotacións e realiza a separación da fracción líquida e sólida do xurro
Grazas ao seu funcionamento autónomo, trasládase ás explotacións e realiza a separación mecánica e posterior tratamento do xurro cru procedente das fosas de almacenamento das granxas, logrando concentrar na fracción sólida o 45% do nitróxeno e o 70% do fósforo. A parte líquida queda dispoñible na explotación para fertirrigación nas leiras máis próximas e a parte sólida, cun alto contido en materia orgánica e nutrintes, pode ser almacenada e transportada para realizar o abonado nas parcelas máis afastadas. Sementeira directa “Sen o esterco das vacas o noso pobo non existiría”, asegura Joan. As características do terreo (“este é un terreo moi calcáreo onde hai moita pedra”, indica) obrígaos a usar técnicas de mínima labra. “Traballamos sempre con sementeira directa. O de arar non se toca, é sagrado. Porque se non son todo pedras. Empezamos hai xa 35 anos con sementeira directa”, conta.
Usamos ás vacas secas para facer limpeza nas leiras e poder resementar sen usar herbicidas
Para o control das malas herbas usan aos propios animais. “En épocas de seca facemos pastoreo intensivo nesas parcelas, sen cambiar ao gando cando queda pouco pasto, para obrigalo a comer esas malas herbas. Ás vacas secas que non están próximas ao parto forzámolas eses últimos tres días nesas leiras, cun bo peche para que non se escapen. Despois imos rápido detrás con sementeira directa, tras sacar ao gando, para non usar herbicidas. Non logras unha implantación do 100% pero si vas conseguindo mellorar a pradeira con aquelas especies que máis che interesan. No prado natural, por exemplo, facemos resembras de datilo, que é para min o que mellor vai, e ás veces poñemos tamén algo de festuca”, indica. Modernización do muxido En canto á man de obra, a SAT conta con 10 persoas empregadas, das cales entre 7 e 8, dependendo do momento, son contratadas e o resto socios traballadores. Para reducir as necesidades laborais da granxa, apostaron por investir en mellorar as instalacións de muxido. “Tivemos que modernizarnos 3 veces en 30 anos, primeiro con muxido directo, despois con sala e hoxe con rotativa”, explica Joan. Dispoñen na actualidade dunha sala rotativa de 40 puntos, que substituíu á sala de espiña de peixe 10x2 puntos, co obxectivo de facer un muxido máis rápido. “Non queremos crecer máis, senón que os traballadores teñan tempo para facer máis cousas. Se non dispós de instalacións adecuadas, os traballadores convértense en robots dentro dunha sala de muxido”, afirma.
Coa rotativa, en pouco máis de dúas horas muximos 420 vacas; na sala levábanos máis do dobre de tempo
Na sala rotativa muxen preto de 200 vacas á hora. Os horarios do muxido son ás 6 da mañá e ás 5 da tarde. “As vacas que temos en pastoreo, que son as de final de lactación, son as últimas que muximos pola mañá e as primeiras pola tarde; así gañamos media hora e ás 7 da tarde os traballadores xa se poden ir para a casa”, indica. Os beneficios de muxir 4 veces ao día ao lote de postparto Granja Castellar realizou un estudo entre outubro de 2003 e maio de 2007 realizando catro muxidos no canto de dous no lote de vacas postparto, no que tanto as primíparas como as multíparas permanecían durante 3 semanas. “Naquel momento estabamos a muxir 230 vacas nunha sala de 20 puntos. Levábanos 3 horas pola mañá e 3 pola tarde facer o muxido. O que faciamos era meter primeiro ao lote de postparto e despois ao resto de animais en produción e ao final de todo volviamos meter á sala ao lote de postparto”, explica Joan. Esa estratexia de catro muxidos acadou resultados positivos tanto en relación á mellora da produción como en saúde e redución de problemas nas vacas postparto. “Hai claras evidencias da mellora da saúde da ubre, sobre todo na diminución de edemas postparto e na incidencia de mamitis. Constátase unha máis rápida involución uterina, en consonancia coa maior frecuencia de liberación de oxitocina, e unha mellora do comportamento das primíparas, en particular unha diminución nas dificultades da subida do leite e retención na ubre”, conclúe o estudo.
O muxido 4 veces ao día durante os primeiros 21 días é suficiente para aumentar a produción de leite durante toda a lactación
A mellora lograda na produción era de case 9 litros nas primeiras 3 semanas (de 33,5 kg a dous muxidos a 42,3 kg a catro muxidos), pero o incremento produtivo mantíñase posteriormente ata o final da lactación, con case 3 litros máis por vaca e día (34,8 kg nas vacas a dous muxidos fronte ao 37,4 kg de media nas vacas que comezaran a lactación a 4 muxidos). En total, a diferenza equivale a unha produción de 550 litros máis por vaca en toda a lactación. “Hai un mellor arranque das lactacións, comparado co sistema tradicional, o que se atribúe ao estrito control diario das vacas postparto, o que permite detectar moi pronto calquera anomalía e realizar o tratamento correspondente”, argumenta o estudo Placas solares e acumulación da enerxía en forma de xeo Ademais de na modernización do sistema de muxido, esta SAT catalá investiu nos últimos anos en enerxías renovables para reducir a factura eléctrica da granxa, mediante a instalación de placas solares e dun sistema de refrixeración do leite por medio de bancos de xeo. "Hai un ano e medio que o temos funcionando e permítenos no verán lograr que o 75% da enerxía que consumimos sexa autoconsumo, No inverno baixamos ao 40% de media, pero é un investimento fácil e rendible”, asegura Joan.
No verán o 75% da enerxía que consome a granxa é autoconsumo e no inverno o 40%
“En lugar de ter baterías, a enerxía que producen as placas fotovoltaicas almacénase en xeo e no momento de muxir ponse en marcha unha bomba de auga xeada. Desta forma lógrase unha optimización do consumo de enerxía, porque logras baixar os mínimos. Nós temos un termo de potencia en hora punta, que é cando estás a muxir, de 30 Kw; se non fose por este sistema necesitariamos 50”, compara. Outra das decisións que tomaron foi a de non orientar todas as placas solares, que suman 120 Kw instalados, á mesma posición. “Desta forma as placas non traballan todas á vez pero gañamos horas de luz, porque unha parte témolas orientadas á saída do sol e á posta, non todas ao mediodía”, explica.

“Na Administración todos mandan e opinan desde a capital”

Joan Guitart é na actualidade coordinador territorial da organización sindical agraria Unió de Pagesos no Alt Pirineu e móstrase “moi crítico e cabreado" coa Administración. “Todos mandan e opinan desde a capital”, quéixase. Iso, di, leva consigo a aprobación de normativas afastadas da realidade e prexudiciais para o sector que provocan abandono e unha crecente desconexión da poboación cos problemas dos produtores. “Hai que facer moita pedagoxía e moitas xornadas de portas abertas para que os consumidores vexan como facemos e por que”, defende. “Nós fixemos recuperación de terreos perdidos, sacando piñeiros, rozando e recuperando pasteiros. Teño tenreiras en pastoreo a 1.600 metros de altura, evitando que haxa incendios. Pero na sociedade iso ninguén o valora”, quéixase. Fauna salvaxe Como en Galicia, no Pirineo o avance da fauna salvaxe está a poñer tamén contra as cordas ás explotacións gandeiras. “De momento a nós o lobo non nos afecta moito, estamos na zona máis baixa e chega a contagotas, pero o oso si. Está aquí asentado e provoca desbandadas de animais. Ás veces atopas o tenreiro a 2 horas da vaca ou vacas que se van onde hai neve, porque se sinten máis seguras. O oso prodúcelles pánico”, asegura.
Coa Lei de Benestar Animal aos gandeiros trátannos de terroristas
“Pero a sociedade non é consciente do problema. Aquí hai unha distancia demasiado grande para que o público urbano entenda o que pasa e coa Lei de Benestar Animal trátannos de terroristas”, denuncia. Relevo xeracional no sector Joan ten na actualidade 58 anos, e a súa filla, que é enxeñeira agrónoma, incorporouse á granxa. Pero aínda así, teme polo relevo xeracional, tanto na súa explotación como na maioría das ganderías lácteas catalás. “Os mozos non van aguantar o que aguantamos nós. Hai unha presión enorme pola falta de man de obra e aínda que teñas traballadores tes que estar con eles. Iso converte a nosa profesión nun traballo moi suxeito”, razoa. “Descentralizamos as grandes cidades” Joan deixou de ser funcionario na Generalitat hai 40 anos para traballar na granxa. “Non me gustaba Barcelona”, admite. Pero hoxe, di, “se non me caducase a excedencia, volvería”, asegura, medio de broma, medio en serio. Castellar de Tost, no municipio de Ribeira d’Urgellet, é un pobo “de só 20 habitantes contando aos traballadores da granxa”. “Descentralizamos as grandes cidades. Cada 10 vacas en muxido é un posto de traballo, porque cada 10 vacas en muxido xeran entre 30 e 40.000 euros ao ano de actividade económica, non só polo leite e os tenreiros que dan, senón porque damos vida a veterinarios, cooperativas, talleres, etc. Son números moi importantes”, reflexiona. “As granxas pequenas son as que manteñen a paisaxe nas zonas de montaña, pero á parte de manter o territorio, estamos a manter a poboación, senón estariamos todos hacinados nas cidades”, conclúe.

“As ganderías de vacún de carne que mellor aproveitan o pasto son as que gañan máis cartos”

Integrantes do Grupo Operativo durante a xornada de presentación de resultados do primeiro ano O Grupo operativo Carne de Vacún a Pasto vén de presentar os resultados do primeiro ano de estudo técnico-económico en 26 ganderías galegas, que revela grandes disparidades en canto a manexo e resultados pero do que se pode sacar unha conclusión: “As ganderías que mellor aproveitan o pasto son as que máis destacan tamén en termos de rendibilidade”, segundo explica Mar Pérez Fra, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo e integrante deste grupo operativo de dous anos de duración, que rematará os seus traballos en setembro de 2024. Deste grupo operativo forman parte a USC, as entidades de aconsellamento XAN e Celtia, a cooperativa de produtores de carne Almoga de Vilalba, a gandería O Igrexario de Ortigueira e José Manuel Caridad Regueiro, que se adica a cebar bois.
Temos o sector abandonado, en investigación trabállase moito en leite pero moi pouco en carne
O obxectivo dos traballos é identificar que modelos de manexo e alimentación do gando son máis rendibles e establecer pautas ás ganderías coas que lograr un mellor aproveitamento do pasto a través da mellora das técnicas de pastoreo aplicadas.   As ganderías familiares, máis eficientes “As ganderías familiares son máis eficientes, xa que adican o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas explotacións de maior tamaño, con maior porcentaxe de superficie arrendada e maior dependencia de man de obra contratada, a ratio de custos sobre os ingresos elévase ao 79%, polo que teñen unha menor marxe”, explica Ibán Vázquez, profesor de Economía Aplicada da USC e autor do estudo económico comparativo entre as 26 granxas analizadas.
As granxas familiares destinan o 47% dos ingresos a pagar gastos, mentres que nas de maior tamaño increméntase ata o 79%
Estes cálculos están feitos en base aos datos do 2022, logo dunha recollida individualizada granxa a granxa de distintas variables económicas (ingresos, custos, marxes) e  produtivas (superficie, porcentaxe de arrendamento, número de cabezas, carga gandeira, sistema de pastoreo empregado, traballo anual e porcentaxe de traballo asalariado). En base a estes parámetros, establecéronse dous grupos: Grupo 1, con ganderías de maior tamaño, con maior SAU e UGM e maior porcentaxe de fincas arrendadas e traballo asalariado, e Grupo 2, ganderías de menor tamaño e man de obra fundamentalmente familiar.   Das 26 granxas, 11 atópanse na provincia da Coruña, outras 11 na de Lugo, 3 en Pontevedra e 1 en Ourense. Todas elas empregan o pasto para alimentar ao seu gando, aínda que de distinto xeito: “o que predomina é o sistema de pastoreo continuo ou semicontinuo, pero mentres que nas de maior tamaño e intensificación teñen preferencia por este sistema, as granxas máis pequenas usan máis o sistema de limitación do pasto con fío dianteiro e fío traseiro”, explica Ibán.
Pretendemos ofrecer unha tipoloxía dos manexos máis rendibles na produción de carne con pastoreo
Das 26 granxas analizadas, 19 fan pastoreo en convencional, 3 están en ecolóxico e 4 no período de conversión e obsérvanse diferenzas claras de manexo dos animais no pasto, pois mentres as explotacións máis grandes manteñen unha media de 5,6 días ao gando na mesma parcela, nas ganderías máis pequenas redúcese a tan só 2 días. “Un maior número de días na mesma parcela indica unha peor xestión do pastoreo”, aseguran os autores do estudo. Retorno económico do uso de concentrado Os dous grupos de ganderías, tanto as de maior tamaño como as familiares, venden os seus becerros próximos aos 10 meses de vida e o peso medio é practicamente o mesmo (223 kg/canal no Grupo 1 e 222 kg/canal no Grupo 2). Pero varía o xeito de lograr eses rendementos, xa que as ganderías máis grandes comezan o cebo un mes e medio antes (aos 5,3 meses de media) con respecto ás granxas familiares (6,8 meses de media) e empregan tamén unha maior cantidade de concentrado, en concreto 56 quilos máis (766 kg de penso por animal no Grupo 1 fronte a 710 no Grupo 2).
Dase a contradición de que as ganderías que empezan a cebar antes e usan un 8% máis de penso obteñen despois un menor prezo de venda nos xatos
En canto ao prezo de venda dos xatos, as ganderías familiares logran un maior prezo (5,1€ kg/canal no ano 2022) fronte ás explotacións de maior tamaño (4,8€ de media). “As que empezan antes o cebo gastan máis penso pero cobran ao final 30 céntimos menos por kg/canal”, explica Ibán. En canto á marxe neta final resultante, é moi inferior nas ganderías máis intensivas, polo que precisan ir a un maior volume para ser rendibles, fronte ás granxas familiares, que duplican a marxe por cabeza, hectárea e traballador: 243 €/UGM no Grupo 1 fronte a 701€ no Grupo 2; 299€ por hectárea de SAU no Grupo 1 fronte a 847€ no Grupo 2; 5,6€ por hora traballada no Grupo 1 fronte a 13,2€ no Grupo 2. “Se melloramos o pastoreo melloramos a rendibilidade” O asesor Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo, tira unha conclusión clara destes datos: “se melloramos o pastoreo, melloramos a rendibilidade da explotación”. Por iso, di, a posibilidade de criar vacún de carne con pasto en Galicia representa unha oportunidade económica. “Non falamos de usar só pastoreo, senón de usar o máximo pastoreo posible”, aclara. Pero “non se pode facer iso con calquera tipo de pasto ou de sistema de pastoreo”, indica. “Hai unha diferenza importante cando temos unha parcela grande onde os animais están 5 ou 10 días na mesma finca, algo que é unha práctica habitual en Galicia, ou cando metemos o gando nunha parcela con herba espigada, con respecto a un sistema organizado rotacional máis racional. Se facemos outro tipo de pastoreo somos capaces de sacar máis rendemento económico nas granxas”, asegura. Neste tipo de pastoreo máis dirixido, “os animais non se moven practicamente do sitio e meten continuamente bocados de herba de grande calidade na boca, fronte a outros animais que andan por unha finca moi grande buscando que comer ou escollendo a herba que comen”, compara. Ideas preconcebidas que son falsas “Se hai tanta diferenza de beneficios entre granxas é porque non hai criterio técnico, e séguese funcionando un pouco con ideas preconcebidas, como por exemplo que os xatos pasteiros non teñen calidade, que a herba non aporta enerxía ou que non se poden criar becerros só a pasto, cando ningunha delas é verdade. O que haberá que ver é en que momento do ano se pode facer e de que maneira, porque hai épocas do ano en que a calidade da herba é superior á calidade do penso”, afirma Xan.
Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos
“Os datos deste primeiro ano de análise dinnos que se facemos unha produción máis intensiva e de máis volume perdemos cartos fronte a se facemos unha produción mais extensiva en base a máis pasto”, asegura. A clave está, di, na redución de gastos porque “o importante son os custos de produción, non é se vendes por uns céntimos máis ou por uns céntimos menos”. “Non fai falta un acabado para que un gandeiro gañe máis cartos. Cun bo pasto e movendo o gando todos os días pódense conseguir crecementos de máis dun quilo diario nos becerros sumando a un pasto de calidade o leite da nai”, conclúe.    “As vacas teñen que parir no momento adecuado” Ruth Rodríguez, profesora da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, destacou que “o pasto é un dos recursos máis baratos que ten unha gandería, polo que canto máis pasto se poida empregar, máis se diminúen os custos e máis beneficios se van ter”. “Estamos nunha das zonas do mundo con maior crecemento da vexetación. Producir en base a pasto é un sistema que eu cualificaría de resiliente, porque o pasto vainos abaratar moitísimo os custos de produción”, insistiu.
Non se poden ter xatos fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non hai pasto para darlles
Esta veterinaria contou a súa experiencia en Nova Zelandia hai 9 anos para a realización da súa tese de doutoramento. “Traballaban con angus e levaban xa 60 anos agrupando partos e traballando co sistema de fío diante e fío detrás para pacer. Alí basean todo o seu sistema produtivo, tanto en leite como en carne, en que as vacas teñen que parir no momento axeitado para aproveitar o pasto. En realidade, os gandeiros alí son produtores de herba, non de gando”, destaca. “Se concentras os partos podes aproveitar moito mellor o pasto e reducir moito os custos de produción. Non podes ter becerros grandes fóra nos meses de xaneiro e febreiro, cando non tes que darlles de comer. Para min esa é a clave da rendibilidade das explotacións”, defendeu. “Podemos producir barato; é unha vantaxe competitiva” Para Santiago Crecente, investigador do CIAM, o pasto é “a única oportunidade” que teñen as explotacións de vacún de carne galegas para poderen ser competitivas. “Non coñezo ningunha explotación que teña vacas nodrizas en Galicia que non faga un aproveitamento do pasto, sexa máis ou menos intensivo ese aproveitamento. Esa é unha vantaxe importante que temos en Galicia sobre outras partes do Estado. Temos a oportunidade de producir barato en base aos pastos que temos, que noutras comunidades non teñen”, lembra.  
É unha oportunidade producir en base a pasto; outra cousa é producir exclusivamente en base a pasto
Pero Santiago defende que se debe suplementar aos becerros con concentrados na fase final de engorde. “O consumidor ten unha percepción negativa do concentrado, pero o penso non é algo malo. Os becerros cómeno ben, medran moi ben e permite un bo crecemento e engraxamento dos animais. Pero producir exclusivamente en base a concentrado non é o camiño”, defende.
Os concentrados, de por si, non son malos, outra cousa é a procedencia e o que iso implica sobre a sustentabilidade ambiental
Nos ensaios realizados en Mabegondo lograron ganancias de ata 2 quilos de peso vivo ao día cun período de finalización dos xatos de 2 meses ou 2 meses e medio. O investigador do CIAM asegura que ese cebo “pode facerse fóra mediante un acurralamento con sombra”, polo que “obrigar á xente a facer cortes é un erro”. “Temos que chegar ao consumidor co produto que el demanda” José Gómez Viaño, secretario executivo da IXP Ternera Gallega, admite que “todo o que sexa utilizar os recursos que temos na explotación é positivo” pero fai fincapé na necesidade de “producir o tipo de canal que o mercado demanda”. “O produto que obtemos ten que ser vendible, non só se trata de producir, senón de chegar ao consumidor cun produto que el demanda. Non podemos esquecer que producimos para o mercado, non producimos por producir, por iso temos que pensar sempre no consumidor. Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide”, argumenta.  
Se reducimos custos pero tampouco conseguimos unha calidade axeitada non estariamos facendo o que o mercado nos pide
Gómez Viaño defende a necesidade de desestacionalizar os partos como xeito de favorecer a comercialización da carne e incrementar os ingresos das granxas. “Na produción de Suprema temos 15.000 becerros que nos saen ao mes en febreiro, marzo e abril fronte aos 8.000 que saen en setembro. Iso implica unha presión enorme sobre o mercado á hora de dar saída no inverno a ese número de animais. Xa sei que é imposible equilibrar completamente cunha distribución uniforme dos partos ao longo do ano, pero desviando só un 15-20% dos partos da primavera ao outono teriamos uns resultados económicos moito mellores nas ganderías”, asegura. Mais recoñece que “é certo que complica outras cuestións, como a alimentación, porque implica un manexo moi diferente”.  

Distintas estratexias: venda ao destete antes dos 8 meses, cebo con penso ata os 10 meses ou dar só herba e alongar a idade de sacrificio até os 15 meses

Público asistente ao debate sobre os distintos modelos de utilización do pasto en vacún de carne Dentro das case 20.000 ganderías de vacún de carne existentes en Galicia conviven diferentes modelos de manexo e alimentación do gando, así como distintas estratexias de comercialización da produción. Unhas 7.000 están dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, polo que teñen que comercializar os seus animais antes dos 10 meses de idade. Todas elas fan, en maior ou menor medida, un aproveitamento do pasto. Hainas que teñen un manexo do gando totalmente extensivo e empregan o pastoreo como única fonte de alimentación para o gando, suplementando unicamente con forraxes ensiladas ou herba seca nos momentos de escaseza. Outras, pola contra, fan un manexo máis tradicional, cos xatos na corte e botando as vacas fóra a pacer só polo día. Noutros casos combinan os dous sistemas, coas vacas sempre fóra acompañadas dos becerros até os 7 ou 8 meses e estabulando e cebando posteriormente os xatos nos meses finais antes do sacrificio, algo que o Consello Regulador quere estandarizar.
En Galicia existe unha grande disparidade de manexos, razas e cruces, o que leva a múltiples maneiras de producir en función das condicións da gandería e as preferencias do gandeiro
Outras, sen embargo, prefiren mandar os becerros ao matadoiro directamente desde o pasto, algo que seguirá sendo posible sempre que non teñan cumpridos os 8 meses de idade. E mesmo as hai que están fóra da IXP e prefiren alongar a idade de sacrificio até máis aló do ano de idade para favorecer o engraxamento natural dos animais, que despois son comercializados directamente a través de carnicerías ou clientes particulares. “Abro pasto novo cada 12 horas e este ano non din penso” A de Abel Fernández López, granxa O Igrexario, de Ortigueira, é unha das ganderías participantes no estudo. “Empecei no 2016 en Ternera Gallega Suprema e para min o pasto é outro concentrado máis. O aporte máis importante que dou ao gando é ese, porque é o recurso máis económico que teño na granxa e non poido desperdicialo”, destaca.
Para min o pasto é outro concentrado máis
Na zona norte da costa da Coruña, na que está a gandería de Abel, hai pasto case todo o ano. “Non ten sentido non usalo, outra cousa é como o xestionamos e como conseguimos unha canal comercializable. Eu este ano mandei todos os xatos sen penso. Pero se che coincide que teñen que saír no inverno igual tes que dar penso, porque non sempre tes a mesma calidade de pasto”, matiza.
Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos porque o prezo de venda dos xatos non o poño eu
Abel trata de sacar ao pasto todo o rendemento que pode, para o que fai un manexo no que move dúas veces ao día ás vacas na parcela. “Ábrolles pasto novo cada 12 horas, polo que eu case estou encuadrando no campo, porque case non se moven do sitio”, di. “Eu como gandeiro só me dedico a manexar custos e cando estamos nunha época coma esta, de custos de produción altos, temos que aproveitar o pasto como principal recurso que temos. Logo, á hora de comercializar, é un xogo entre dous, o que quere a industria e o que podo dar eu de maneira rendible”, conclúe. “Sacrifico aos 8 meses, cando aínda conservan a graxa do leite” David López García é un gandeiro da Mariña que ten as vacas pacendo os 365 días do ano, logrando machos co nivel 2 de graxa e femias con 2-3 de graxa. “Sacrifico aos 7-8 meses, ao destete, cando aínda non perderon a graxa que lles aporta o leite materno. Logro animais de 180 kg canal, aí é cando son rendibles; porque despois xa hai que gastar neles”, afirma. En relación ás críticas da IXP pola menor calidade dos becerros pasteiros, David argumenta que “o problema vén cando os xatos se destetan e quedan outro mes e medio ou dous meses no prado ata que se mandan ao matadoiro, porque aí é cando perden toda a graxa”, di.
Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte
“Non se pode meter todo no mesmo saco e dicir que os becerros do pasto son malos. Non é comparable todo Galicia. Os que temos esa oportunidade non tiñamos a necesidade de meternos en gasto estabulando e cebando. O que conta é a clasificación da canal; o que conta é o resultado colgado, non como se logra ese resultado, porque se os temos estabulados pero están mal estrados, chove dentro ou o comedeiro está baleiro, de pouco vale telos estabulados. Coas tolvas fóra e o penso a libre disposición a partir dos 4 meses, evitas pneumonía, rotura de patas, sacar esterco e moito traballo. Os meus becerros comen a terceira parte do penso que come un da corte”, explica. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño” Erik Paisán Fernández é un gandeiro de Pereiro de Aguiar, onde as condicións para o pasto non son as mesmas que na Mariña de Lugo ou en Ortegal. “A min éme imposible cebar a pasto cando non o teño, nos meses de agosto, setembro e outubro pola seca e no inverno polas xeadas”, conta. O seu sistema de manexo inclúe a estabulación dos xatos. “Temos fóra vacas e becerros ata os 6-7 meses con tolvas para que logo non estrañen o penso cando os metemos dentro. Eu non podo pacer o mesmo que fan David ou Abel, porque se teño o becerro mamando na vaca fóra ata os 8 meses en pleno mes de agosto, quedas sen a vaca e o becerro”, asegura. Xan Pouliquen, coordinador do grupo operativo Vacún de Carne a Pasto, recoñece que as condicións para o pastoreo non son as mesmas en toda Galicia pero que é posible facer melloras tanto no manexo do gando como nas especies sementadas para preservar a pradeira durante máis tempo. “O sistema de pastoreo imperante en Ourense é nefasto, catrastrófico. Mellorando ese sistema podemos reducir a seca e ter pasto un mes máis”, asegura.

Xornada en Lugo sobre produción de carne a base de pasto, unha oportunidade económica

O vindeiro 23 de novembro celebrarase en Lugo a presentación dos resultados do grupo operativo “Carne de vacún a pasto”, un proxecto no que se busca reducir os custos de produción das ganderías de vacún de carne cunha alimentación do gando o máis baseada posible no pasto. A xornada celebrarase na sala de xunta da Facultade de Veterinaria co seguinte programa: 16:00 horas. Introducción a cargo de Xan Pouliquen Kerlau, coordinador do Grupo Operativo “Carne de vacún a pasto”. 16:30 horas. “Análise da rendibilidade da produción de carne”. Ibán Vázquez Gonzalez, profesor de Economía Aplicada da USC-Campus Terra. 17:00 horas. Mesa de debate: “Vacún a pasto, é posible e é rendible?”. O debate será moderado por Mar Pérez Fra, profesora do departamento de Economía Aplicada da USC. Intervirán: -Abel Fernández López, gandeiro. -Ruth Rodríguez Bermúdez, profesora axudante da área de Produción Animal da Facultade de Veterinaria. -José Gómez Viaño, secretario executivo do Consello Regulador da IXP´s de Carne de Vacún de Galicia. -Santiago Crecente Campo, investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL).

Éxito ou fracaso dos ecorreximes en Galicia?

Que ecorreximes pediron as explotacións galegas? Por que se reducen finalmente as contías previstas inicialmente? Atopamos a resposta se temos en conta o importante volume de solicitudes que se observan no conxunto do Estado, onde case 9 de cada 10 hectáreas declaradas na PAC se enmarcan dentro dalgún ecorrexime. 

As explotacións agrogandeiras galegas, sen embargo, recibiron con menos entusiasmo unha das principais novidades da PAC neste primeiro ano de aplicación, malia que a Xunta mesmo se esforzou a animar aos produtores a acollerse a eles indicando que nesta campaña non se van realizar controis sobre o seu cumprimento.

Pero finalmente só 291.968 hectáreas están adscritas a algunha destas prácticas a favor do clima e o medio ambiente do total de 468.827 hectáreas incluídas nas declaracións únicas da PAC deste ano en Galicia, presentadas por 24.395 titulares de explotacións, o que significa que en 4 de cada 10 hectáreas preferiron non acollerse a estes pagos extra, que implican esixencias a maiores das incluídas na condicionalidade da PAC, aínda que de vinculación anual na maioría dos casos.

A Xunta mesmo animou aos produtores a acollerse a algún dos ecorreximes indicando que este ano non se ían realizar controis sobre o seu cumprimento

O principal ecorrexime solicitado polas explotacións agrogandeiras galegas foi o de pastoreo extensivo, para o que foron solicitadas 228.467 hectáreas, principalmente por parte de ganderías de vacún de carne, e representan o 64% da superficie total destinada a pastoreo na comunidade (pastos permanentes e temporais), unha cifra moi inferior á media do conxunto do Estado (92%). 

A segunda práctica con máis hectáreas solicitadas, fundamentalmente por parte de ganderías de vacún de leite que botan millo,  foi a da rotación de cultivos en terras de labor, cun total de 57.429 hectáreas, o que equivale ao 56% das terras totais de cultivo declaradas na PAC en Galicia, unha porcentaxe que está 10 puntos por baixo da media de toda España (dos 10,47 millóns de hectáreas de terras de cultivo 6,94 acolléronse a este ecorrexime) e é sensiblemente inferior á de comunidades da cornixa cantábrica como Cantabria (71%) ou o País Vasco (95%), aínda que similar á de Asturias (55%).

Tivo máis ‘éxito’ entre os produtores galegos o ecorrexime de pastoreo que o de rotación de cultivos

As cubertas vexetais en cultivos leñosos permanentes, por exemplo viñedo ou froiteiras, ocupan un total de 3.197 hectáreas, das que 2.135 sitúanse en parcelas de elevada pendente (+10%) ou cultivadas en bancais. Finalmente, ao ecorrexime de espazos de biodiversidade acolléronse un total de 2.873 hectáreas en Galicia.

“Imos cobrar por vaca a metade que os do leite; non nos parece xusto”

Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, coas súas vacas en Mazoi (Lugo)

Os produtores de vacún de carne en extensivo séntense “enganados” polo Ministerio e “novamente prexudicados” polas decisións tomadas en relación á PAC. “Dinnos que imos cobrar unha cantidade e en función diso cada un fixo as súas cábalas e tomou as súas decisións e agora modifican os importes, unha vez xa que non temos marxe de manobra”, quéixase Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema.

“Vén saír o que nós viñamos denunciando desde fai meses, que imos cobrar por vaca a metade que os do leite. Non temos nada en contra dos nosos compañeiros gandeiros de leite, pero non nos parece xusto”, di.

Lembra ademais que a prima por vaca de carne, fixada para este ano en 81,53€, levaba conxelada desde o ano 2014, polo que considera “incomprensible que en vez de aumentala, incluso se diminúa”; mentres a que se cobra por vaca leiteira pasou no mesmo período de 120€ a 157 na actualidade, o que equivale a unha revalorización do 30%.

Con respecto á última campaña a axuda por vaca nodriza descende un 4%, mentres a prima por vaca leiteira aumenta un 30%

O descenso no importe final da axuda asociada a vaca nodriza, que cae un 10% con respecto ao previsto inicialmente para o período da PAC 2023-2027 e un 4% respecto ao cobrado na última campaña, e a diminución do 28% do valor do ecorrexime de pastoreo, que queda fixado en 44,72€, vai supoñer unha nova perda de ingresos para as explotacións nun momento de custos de produción elevados e estancamento no prezo de venda dos xatos.

Por iso, desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema esixen ás Administracións “unha liña de subvencións para compensar a perda de axudas nos ecorreximes e na vaca nodriza”. “Nos ecorreximes tamén nos penalizan, non se está fomentando o que di a PAC, que é a extensificación para coidar o medio ambiente e combatir incendios; non se está primando iso que se está vendendo”, denuncia.

“Moita xente vai deixar de pedir o ecorrexime”

A importante redución na contía do ecorrexime de pastoreo, considera Santiago, “vai desincentivar á xente a pedilo o ano que vén”. “Este ano era un pouco de proba e ao ver a contía final do importe e os requisitos que tes que cumprir, entre outros o de levar un caderno de pastoreo, moitas explotacións van deixar de solicitalo”, argumenta.

Santiago achaca a menor porcentaxe de hectáreas acollidas ao ecorrexime en Galicia (64%) en comparación co total do Estado (92%) a diversos factores, entre outros ao tipo de explotacións, máis pequenas e menos profesionalizadas, ou á estrutura da propiedade. “Non é o mesmo facer pastoreo aquí que facelo en Castela ou Estremadura, aquí temos o minifundio e o problema do lobo”, engade.

“A axuda pola seca non dá nin para mercar un rolo de herba”

Os produtores de Suprema séntense “dobremente enganados polo Ministerio”, despois de que a axuda anunciada para paliar os efectos da seca tamén vira reducido o seu importe final. “Anunciáronse 100 euros que despois quedaron en 35,87 euros por vaca nodriza, é unha cantidade ridícula”, di.

A palla está a 200€ a tonelada, o rolo de herba seca a 40€ e o de silo a 60. Quen aguanta o gando no inverno con estes custos?

Prevese o seu cobro polas ganderías en outubro pero de pouco vai servir para aliviar a situación das granxas. “A tonelada de palla está a máis de 200€, os rolos de herba seca a 40 euros e os de silo chegan incluso aos 60. A axuda non dá nin para comprar un rolo por vaca e en todo o inverno unha vaca come moitos rolos”, quéixase Santiago.

“Prevese que este inverno haxa falta de gando”

Ante a falta de forraxe e os altos prezos, explica, moitas explotacións optaron por diminuír o número de cabezas polo que pensa que “nos vindeiros meses van escasear os xatos de Suprema”. “Prevese que no inverno haxa falta de gando. Imos para unha época na que sempre sobraba carne, pero este ano non vai ser así”, prognostica.

Ternera Gallega permitirá cebar no prado os xatos de Suprema pero esixirá o acurralamento dos animais

As modificacións no Regulamento da IXP Ternera Gallega, acordadas no seo do Consello Regulador e que previsiblemente se farán públicas o mes que vén, esixirán unha finalización mínima de 2 meses dos animais, ben sexa en interior ou, se é no exterior, con acurralamento. “Vai encarecer o custo final dos becerros para as explotacións que non estaban cebando, pero é algo necesario para potenciar unha Suprema mellor, porque non se pode seguir devaluando o selo marcando animais que non cumpren”, defende Santiago Rego.  

Finalmente, tamén haberá cambios en relación á axuda comprometida pola Xunta para primar a Suprema, unha medida arrincada polos produtores ao conselleiro logo das mobilizacións levadas a cabo en Lugo esta pasada primavera. A axuda abrirase no 2024 e non será finalmente por quilo de carne, senón por canal certificada, para poder encadrar esta subvención dentro do PDR, segundo explican desde Gandeiros Galegos de Suprema.

O Ministerio reduce nun 30% o importe do ecorrexime de pastoreo e nun 20% o de rotación de cultivos

O Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) fixo públicos este luns os importes provisionais dos ecorreximes para a campaña da PAC deste ano 2023, que recollen mermas considerables nas cantidades previstas inicialmente para as principais prácticas ás que se poden acoller os agricultores e gandeiros galegos. Deste xeito, segundo a nota publicada polo FEGA, o importe do ecorrexime de pastoreo extensivo pasa dos 62,16€ previstos inicialmente a 44,72€, o que supón un descenso do 28%, mentres que o de rotación de cultivos con especies mellorantes baixa de 85,72€ a 68,64€, un 20% menos.
Os ecorreximes son prácticas anuais beneficiosas para o medio ambiente ás que se poden acoller voluntariamente os produtores
A redución nestas axudas supón a perda de case 18€/ha no caso dos produtores galegos que solicitaron o ecorrexime de pastoreo e 17€/ha para os que se acolleron ao de rotación con especies mellorantes en terras de cultivo. Tamén se reduce nun 22% (13 euros menos por hectárea) o importe fixado para o ecorrexime de espazos de biodiversidade e superficies non produtivas, así como nun 5% (8 euros menos por hectárea) a utilización de cubertas vexetais en cultivos en bancais ou con pendentes superiores ao 10%. 
Existe unha redución importante por degresividade nos ecorreximes de rotación de cultivos, sementeira directa e cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10%
Existe a maiores unha redución importante por degresividade ao superar as 30 primeiras hectáreas nos ecorreximes de rotación de cultivos e sementeira directa en secaño (20 euros menos por hectárea) e as 25 hectáreas en regadío (42 euros menos por hectárea), así como no uso de cubertas vexetais en pendentes superiores ao 10% cando se superan as primeiras 15 hectáreas (57 euros menos por hectárea).  Non varía o importe de 25€/ha a maiores previsto na normativa da PAC para os produtores que se comprometan a realizar tamén as prácticas de sementeira directa e cubertas vexetais sobre as mesmas parcelas na vindeira campaña.
O FEGA aclara que os importes publicados son o resultado das solicitudes da PAC efectuadas nesta campaña
Os importes resultantes establecéronse en base aos datos das superficies solicitadas polos agricultores e gandeiros na solicitude única da PAC deste ano, comunicadas ao FEGA polas comunidades autónomas.  O cobro destas cantidades terá lugar en dous prazos, un primeiro pago ou anticipo do 70% entre o 16 de outubro e o 30 de novembro deste ano e un segundo pago da cantidade restante, até completar o importe total establecido, entre o 1 de decembro deste ano e o 30 de xuño do ano que vén.
A redución das cantidades a percibir polos produtores redundará en máis gastos e menos PAC
A incorporación destas primas por ecorreximes voluntarios é unha das novidades fundamentais do novo período da PAC até 2027 e implica a adopción de determinadas prácticas por parte dos produtores. Algunhas delas implican gastos a maiores (rotación de cultivos ou cubertas vexetais) ou levan implícita unha perda de produtividade (illas de biodiversidade), polo que a redución agora das cantidades compensatorias previstas inicialmente vai redundar nun menor cobro de axudas por parte dos produtores que se acolleron a estes ecorreximes e un maior custo de produción para estas explotacións. 

“Logramos un custo fixo de 2.60 € por kilo de carne con pouco máis de 300 € de penso por becerro”

Alejandro Cabana Chao cun dos bois da súa gandería. Foto. G.F.S. Antonio Cabana Fraga é o titular dunha explotación de vacún de carne en ecolóxico da parroquia de San Simón da Costa, en Vilalba. Xunto coa axuda do seu fillo, Alejandro Cabana Chao, atenden diariamente un total de 130 animais. Foi fai unha década cando Antonio e Alejandro decidiron continuar coa explotación de Pilar Chao, muller e nai respectivamente, que por motivos de saúde tivo que abandonar a actividade que iniciara a principios dos anos 90. Recentemente, publicáronse os resultados do ‘Grupo operativo carne de vacún a pasto' vendo uns resultados satisfactorios nesta gandería en canto a custes de produción e rendibilidade. Aínda así, Alejandro recoñece que sempre hai cousas nas que mellorar. Para isto centran a base da alimentación de vacas e tenreiros no pasto, que complementan con penso a medida que se van acercando á idade de comercialización. “A pesar de que no estudo hai granxas que conseguen máis ingresos, no noso caso saíronnos os custos de produción bastante baixos e así podemos conseguir mellor beneficio. Temos un custo fixo de 2.60 €/kg con pouco máis de 300 € de penso por animal. Isto conseguímolo mantendo a calidade, sempre buscamos un grao de engraxamento mínimo de 2 puntos. Habendo pasto, leite en cantidade e axudándolles con algo de concentrado na fase final conseguimos unha media de 220 quilos aos 8 meses. Con todo isto as contas finais sáennos nuns 14€ por hora traballada na explotación”, explica Alejandro. Na explotación de Antonio e Alejandro, traballan unha superficie agrícola de algo máis de 60 hectáreas. A maiores, dispoñen do monte comunal de San Simón, certificado en ecolóxico. Para o aproveitamentos dos pastos dividen a cabana gandeira en 3 lotes: dous de vacas paridas e un terceiro lote de xestación. “Para nós é moi importante o monte porque témolo pegado á casa e están as vacas controladas, ademáis de que no inverno poden baixar ás nosas fincas para comer. É un monte que para o gando é bo e ten moito pasto” comenta Alejandro. A medida que as vacas se van acercando ao parto baixan do monte comunal para as fincas nas que permanecerán coa cría ata o momento do destete e a súa comercialización. A pesar de non ter unha programación de partos en épocas concretas “ao estar nunha zona de montaña a propia natureza fai que moitas vacas pairan na primavera. Tampouco quero modificalo porque para min é moi cómodo criar un becerro nesta época. Aquí os meses de xaneiro e febreiro son dos peores do ano. Temos xatos que naceron na primavera e xa están con 160 quilos, agora con algo de penso que coman na moxega póñense para vender noutros 3 meses. Ademais, levan pouco tempo comendo porque había pasto suficiente e eu vía que medraban ben” explica Alejandro. O destete coincide na maioría dos casos coa saída dos becerros da granxa, “a non ser que vexa unha vaca máis baixa están con elas ata que se venden. Elas mesmas cando se achegan aos 7 meses vanos destetando. O ideal sería facer unha nave cun corral grande para metelos os últimos 2 meses pero tal e como están os custos das obras é complicado”, comenta Alejandro mirando cara o futuro. Desta forma os xatos veñen comercializándose cando acadan un peso entre 200 e 230 quilos. “No noso caso é cando máis rendibles son. De pouco sirve sacar un becerro con máis quilos se ao final o comeron en concentrado. O que si sempre buscamos é animais con calidade, cun mínimo de 2 puntos de engraxamento”, argumenta apoiándose nos datos recollidos no informe do grupo operativo

O pasto é a base da alimentación

En canto á alimentación o pasto é a base, ben sexa aproveitado directamente polas vacas ou en forma de complemento como silo ou herba seca. A maiores, os xatos teñen a disposición unha tolva con penso como complemento cando as necesidades nutricionais non están só cubertas co leite e o pasto. “Para conseguir o engraxamento utilizamos un concentrado con moito millo. Este ano tamén vamos probar a mesturar o penso con silo de millo e ver que resultado nos dá. Sementamos 1.5 hectáreas que picaremos pola atura da espiga e faremos en bolas pequenas para ir gastando segundo nos faga falta” comenta Alejandro. O exceso de herba na primavera recólleno en forma de rolos, de silo e herba seca, facendo cada campaña unha media de 500. A xestión en ecolóxico das pradeiras, unida á ubicación da granxa fai que o pasto se prolongue no verán. Alejandro explica que “nesta zona baixa moito a néboa e barruza, temos máis problemas no inverno, os primeiros meses do ano son duros. Creo que tamén o manexo que levamos facendo en ecolóxico dende o ano 2001 fai que os nosos pastos estean adaptados a esta zona e a pesar de estar en agosto as nosas fincas aínda están verdes. Fixemos un estudo biolóxico das fincas e saíu que había moita vida debaixo da terra, tendo así un equilibrio no que o pasto aguanta mellor”.

Mallan a herba das súas fincas para teren a súa propia semente

Para o abonado e mantemento do pasto Alejandro e Antonio empregan esterco de polo ecolóxico e semente colleitada na propia explotación, ademais da sabedoría popular. “Mallamos herba das nosas fincas. Coincidindo coa primeira lúa de setembro pasamos a trituradora para logo botar a semente colleitada e esterco por riba”. Para os traballos agrícolas teñen todo tipo de maquinaria. “Facemos un correcto mantemento de todos os apeiros para que teñan unha vida útil máis longa e así sáenos máis económico que facelo cunha empresa externa”, explica. En canto a tratamentos veterinarios realizan o mínimo posible. “Desparasitamos e vacinamos contra IBR e carbunco, polo resto tratamos algunha vaca ou becerro cando o necesita pero é moi raro. Tamén, puntualmente, realizamos algunha inseminación pero para a reprodución temos dous touros” detalla Alejandro. No tocante á raza empregada non hai pureza aínda que os touros son de limusín. Alejandro di que “estou seguro que calquera rubio fai tan bo becerro como un limusín pero para nos a facilidade de parto e a vitalidade que ten nos primeiros días de vida é fundamental e por iso nos decantamos por esta raza de cara ao futuro”. Todas as fincas teñen peche con estacas de castiñeiro e 4 ou 5 fíos de arame. “Ao traballar fora necesitamos que os peches estean ben feitos e non estar pendentes de se o gando se bota das fincas. Hai fincas pechadas con estacas con máis de 20 anos, e que están ben conservadas. Meu pai mira moito as lúas para facer os traballos, deste xeito a madeira hai que cortala no seu momento e deixala secar antes de facer os peches, conseguindo que duren máis tempo e aforrando custes. Explica Alejandro ao mesmo tempo que comenta que a pesar dos peches todos os anos teñen 2 ou 3 baixas a causa do lobo. “Tamén son consciente de que o lobo fai a súa función e non se pode erradicar completamente pero sí controlar. Outro problema que temos coa fauna son os voitres que neste caso si que creo que nesta zona hai un exceso de aves e que habería que limitar”. Foto do gando no prado feita no mes de agosto Entre Alejandro e Antonio repártense as tarefas diarias da granxa tendo unha boa organización para optimizar o tempo. Deste xeito, cuantifican unha media de 4 horas diarias dedicadas á explotación “hai días que estás máis horas e outros nos que únicamente revisas que o gando estea ben. Eu paso moitas horas no medio delas aínda que solo sexa observándoas e ao final esas horas non son de traballo propiamente ditas. Para o manexo do gando e para cambialo de finca ou meter as vacas na manga facémolo cun quad e uns cans border collie. Xa teñen instinto de traballo e con algo que os ensines serven de moita axuda. En menos de media hora podo cambiar de finca un grupo de 40 vacas”.

Comercializan os animais a través da cooperativa Almoga

Sempre foron socios de cooperativas a través das que comercializan a carne. “Estamos na Cooperativa Almoga, de Vilalba, e vendemos todo a través dela, eu na casa non acordo nunca un tratante. Despois tamén vendemos a particulares medias canais ou canais completas aínda que por falta de tempo non potenciamos máis a venta directa, son os clientes de sempre”. Para Alejandro o traballo na gandería é un hobby ao que dedica parte do seu tempo libre e recoñece que “isto ten que gustar, hai que levalo no corpo”. “Para min -subliña- é unha forma de vida, crieime nisto e podo botar horas e horas no medio das vacas só porque me gusta. Loitarei por isto a pesar de que moitas veces non recibimos o apoio por parte das administracións. Este ano quedamos sen liña de axudas de ecolóxico por falta de presuposto, o mesmo que coas axudas polos ataques do lobo. Igualmente, non vexo normal que non sexamos considerados zona de montaña cando estamos a 800 metros de altura e a pouco máis de 1 quilómetro de distancia, que xa son doutro concello, si haxa esa consideración. As leis deberían ser feitas cos pés na terra e non sobre un papel”.
“As leis deberían ser feitas cos pés na terra e non sobre un papel”
Outro problema co que se atopa Alejandro na súa explotación é a ordenación do territorio, “nesta zona non hai concentración, nós temos bastante terreo arredor da casa porque fomos cambiando e comprando fincas pegadas pero isto debería facelo a administración para facilitar o traballo e facelo máis atractivo para as novas xeracións”. A produción de vacún de carne en ecolóxico segue a ser baixa en comparativa con outros sectores mais Alejandro sempre apostou por protexer o medio ambiente. “Seremos unha das explotación de carne en ecolóxico máis antigas de Galicia, unha das cousas que me anima a seguir adiante é a protección do medio que nos rodea e manter a cultura e a sabedoría popular. Cando se pasa de convencional a ecolóxico tamén hai que cambiar a mentalidade de traballo e pode que ao primeiro vexas un descenso na produción pero ao final, cando hai un equilibrio nas fincas volves ver a rendibilidade”, conclúe.

Caderno Dixital: Novidades sobre a súa entrada en vigor e as explotacións exentas

O Ministerio de Agricultura acaba de someter a consulta pública o proxecto que modifica o Real Decreto 1054/2022, de 27 de decembro, polo que se establece e regula o Sistema de información de explotacións agrícolas e gandeiras e o Caderno Dixital, que sofre unha nova dilación, neste caso de 9 meses, pospoñendo a súa entrada en vigor ao 1 de setembro de 2024 e establecendo ata entón unha serie de medidas de fomento para a súa adopción voluntaria por parte das explotacións.

O prazo inicialmente establecido para o Caderno Dixital, o próximo 1 de setembro, fora posposto xa ata o 1 de xaneiro de 2024 e agora o Ministerio decide aprazar esa entrada en vigor a setembro de 2024, polo que finalmente se dilata un ano a respecto da data inicial fixada.

A entrada en vigor en marzo deste ano da nova Política Agrícola Común (PAC) para o período 2023-2027 estableceu a entrada en vigor progresiva do caderno de explotación dixital para avanzar cara ao obxectivo de introducir a dixitalización na xestión das explotacións agrarias.

A obriga de usar o caderno dixital será progresiva a partir de setembro de 2024

Pero o Goberno recoñece que “a entrada en vigor deste caderno dixital ten coincidido co primeiro ano de aplicación da PAC, que supuxo un esforzo adicional para agricultores e gandeiros” polo que o Ministerio decide “pospoñer a entrada en vigor do caderno de explotación dixital, co obxecto de dar máis tempo ao sector, agricultores e gandeiros e tamén ás entidades colaboradoras, para que se poidan familiarizar coas novas ferramentas necesarias para a súa aplicación”.

En paralelo, ata a súa entrada en vigor, póñense en marcha medidas que promovan o uso do caderno de explotación dixital de maneira voluntaria, con vantaxes e axudas para os agricultores e gandeiros que o utilicen. 

Quen debe usar o caderno dixital e a partir de cando?

A aplicación do caderno de explotación dixital realizarase de forma progresiva a partir do 1 de setembro de 2024. A partir desa data, o caderno de explotación dixital será obrigatorio para as explotacións que conten cunha superficie total, sumando a superficie de terras de cultivo e de cultivos permanentes, superior a 30 hectáreas; para as que sobre o total da súa superficie de terras de cultivo e de cultivos permanentes, teñan máis 5 hectáreas de regadío; e para as que dispoñan de cultivos baixo invernadoiro.

As explotacións pequenas, exentas

A partir do 1 de setembro de 2025 deberán empregar o caderno de explotación dixital o resto dos produtores, aínda que se flexibiliza o uso do caderno de explotación dixital, eximindo da obriga do seu emprego aos agricultores con menor base territorial.

En concreto, as explotacións máis pequenas quedarán exentas da obriga de empregar o caderno dixital cando conten cunha superficie agraria total menor ou igual a 5 hectáreas, non dispoñan de invernadoiros nin dunha superficie de regadío superior a 1 hectárea.

Non terán obriga de cubrir o caderno dixital as explotacións con menos de 5 ha de superficie e aquelas que realicen pastoreo e non abonen

Tamén estarán exentas de utilizar o caderno dixital as ganderías que dispoñan unicamente de superficie de pastos, sempre que non realicen nelas aplicacións de fertilizantes que non sexan as derivadas do propio exercicio de pastoreo dos animais.

Con todo, estas explotacións estarían obrigadas en caso de solicitar os ecorreximes da PAC, xa que os titulares de explotación que soliciten axudas por determinadas prácticas ambientais ligadas a superficies de pastos permanentes deben anotar determinadas accións para beneficiarse destes pagos (identificación das parcelas de pastoreo, datas, actividades en relación coa sega sostible e as illas de biodiversidade, entre outras).

Medidas para fomentar o uso voluntario do caderno dixital

Os agricultores que así o desexen, poderán realizar, de forma voluntaria, todas as anotacións do caderno dixital a partir do 1 de xaneiro de 2024.

O Ministerio de Agricultura promoverá a aplicación voluntaria mediante distintos tipos de accións: concesión de axudas específicas para promover a implantación do caderno dixital e priorización ou incremento dos importes cando os beneficiarios fagan uso do caderno dixital.

Menos controis na PAC

O caderno de explotación dixital supón cambiar do soporte en papel do caderno de explotación tradicional a un soporte dixital que permita ao agricultor sacar mellor proveito da información que xera e poder transmitila ás administracións por métodos telemáticos.

O caderno dixital permitirá ás comunidades autónomas comprobar se se cumpren os requisitos de concesión de ecorrexímes e axudas directas

A información individualizada sobre o uso de insumos na agricultura permite ás autoridades competentes poder comprobar dunha forma máis sinxela o cumprimento da normativa, como é o caso das anotacións relacionadas co cumprimento de certos requisitos dos ecorreximes e das axudas asociadas dos pagos directos da PAC.

Por iso, o Ministerio indica de forma expresa que “nas solicitudes de axuda da PAC os beneficiarios que empreguen o caderno de explotación dixital de maneira voluntaria estarán sometidos a menos controis e, en caso de aplicarse penalizacións, estas serán máis reducidas”.

Plans de abonado

O caderno de explotación dixital inclúe a anotación das aplicacións de fitosanitarios e fertilizantes en todas as explotacións agrícolas, con motivo da entrada en vigor da nova normativa sobre nutrición sostible de chans agrarios. A ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024.

Os titulares de invernadoiros con acceso ao interior deberán utilizar o caderno dixital de maneira obrigatoria para as aplicacións de fertilizantes e fitosanitarios.

Nos casos de ganderías extensivas nas que se aplican fertilizantes aos pastos, os titulares deberán anotar as aplicacións no caderno dixital a partir de 1 de setembro de 2025.

A ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024

Con respecto á fertilización, os agricultores que fagan uso voluntario do caderno de explotación dixital con anterioridade ao seu emprego obrigatorio poderán facer uso dunha ferramenta dixital de fertilización, coa que poderán dar cumprimento á obriga de dispoñer dun asesor de fertilización para cumprimentar o plan de abonado; estarán eximidos da obriga de establecer medidas de mitigación ligadas ao uso de urea; e poderán superar as tolerancias de nitróxeno e/o de fósforo se se cumpren o resto dos requisitos.

Redución de custos de produción

A información rexistrada nos cadernos de explotación é clave para a mellora na xestión, permitindo un uso máis eficiente e sostible dos insumos e, con iso, unha redución dos custos de produción.

O caderno dixital permite combinar os datos con outras ferramentas de fertilización, meteorolóxicas e coa información obtida pola maquinaria de sementeira e recolección

A introdución do caderno dixital permite ao agricultor a toma de decisións baseadas en datos e, con iso, mellorar a eficiencia no consumo de inputs, contribuíndo ademais da redución de custos, a aumentar a súa contribución ambiental.

O caderno dixital permite acceder á lista de produtos fitosanitarios autorizados, sistematizar a información sobre fertilización e coñecer se se está facendo un uso optimizado destes insumos, acorde co tipo de explotación, tipo de chan, cultivo e zona.

“Tentamos facilitar as cousas ao agricultor cun caderno de campo moi sinxelo de utilizar”

José Senande é un dos responsables do caderno de campo e explotación dixital Osigris, unha aplicación informática creada hai case 4 anos e que a día de hoxe utilizan xa máis de 10.000 explotacións.

A intención desta empresa galega, que empezou en Cambre en 2019 e na que traballan 8 persoas, é a de “facilitar ao agricultor a transición cara ao caderno dixital a través dunha ferramenta doada de utilizar”, explican.

Máis de 10.000 explotacións utilizan xa a día de hoxe o caderno de campo de Osigris

“Creamos un caderno de campo que é rápido e sinxelo e que conta co mellor soporte de apoio. O agricultor, gandeiro ou técnico pode chamarnos en calquera momento e ímolos guiando sobre como realizar as anotacións ou resolver posibles dúbidas ou incidencias. Tentamos facilitar o máximo posible os cambios que se aveciñan”, explica Senande.

Vantaxes de Osigris

Utilizar o caderno de campo de Osigris aporta unha serie de vantaxes aos titulares das explotacións agrícolas e gandeiras fronte a outras ferramentas dispoñibles. Por exemplo, permite ter conectado ao seu técnico agrícola, para que poida realizar as anotacións e supervisar e corrixir os datos introducidos.

“A norma establece un prazo moi curto, de só 30 días, para meter os datos dos distintos tratamentos fitosanitarios e aplicacións de abonado; é un prazo moi axustado, sobre todo en plena campaña, e non cumprilo pode acarrear sancións e penalizacións importantes na PAC”, advirte Senande.

A aplicación emite alertas individualizadas que avisan ao agricultor se se pasa das doses máximas permitidas ou comete un erro nas anotacións

Osigris actualiza cada semana os datos do Ministeiro relativos aos índices de referencia oficiais que se toman como base e xera alertas individualizadas sobre os límites de aplicación. “Avisamos se te pasas das doses permitidas ou se se realizou unha anotación incorrecta”, explica.

A aplicación está conectada á ferramenta SIEX do Ministerio, o sistema oficial para explotacións agrícolas e gandeiras, pero a diferenza desta plataforma, Osigris permite corrixir os datos introducidos e subir a información unha vez esta foi supervisada polo técnico agrícola que asesora á explotación. “Na plataforma oficial se cometes un erro tes un problema”, alerta Senande.

Asequible para calquera tipo de explotación

Osigris permite de forma sinxela cubrir o caderno de campo dixital realizando as anotacións de tratamentos fitosanitarios, aplicacións de fertilización, sementeiras, laboreos e colleitas parcela a parcela tanto desde o móbil como desde a web.

A maioría de cooperativas, distribuidores, técnicos e empresas de asesoramento agrícola traballan xa con Osigris, que é asumible para calquera tipo de explotación.

Para recibir máis información sobre o Caderno de Campo Osigris pode accederse á súa páxina web, chamar ao teléfono 627797153 ou enviar un email a info@osigris.com.