Archives

Gandería Maire SC, pastoreo día e noite os 365 días do ano

Mariano e Remedios co seu fillo, incorporado fai ano e medio "Empezamos no ano 1995 con 3 ou 4 vacas de leite. Desde entón fixemos todo desde cero e apostamos polo simple". Mariano Samblás resume deste xeito a filosofía de Gandería Maire SC, ubicada no lugar do Castrillón, na parroquia pastoricense de Bretoña. Contan neste momento con 178 cabezas (das que 120 son vacas adultas) pero non dispoñen de establo para o gando, que vive permanentemente nas pradeiras. Tan só veñen á casa as vacas que están en produción para muxírense e recibir unha alimentación que complementa o pasto. Esa é a función das pequenas instalacións coas que contan: unha sala de muxido de 8 puntos, a leitería e uns trabantes a cuberto nos que dar silo e algo de penso. Rematada esa labor tanto pola mañá como pola tarde, as vacas volven ao prado, o mesmo se é verán coma se é inverno.
Non hai establo, os animais viven fóra toda a súa vida
"Das 24 horas do día as nosas vacas pacen 18 ou 19 horas, independentemente das condicións meteorolóxicas. Aquí a calor é tolerable, é raro que haxa unha calor extrema, e agora os invernos veñen tamén suaves. Eu non vexo que a climatoloxía lles afecte especialmente ás vacas", opina Mariano. Producións de 25 litros con boas calidades Dispoñen dunha sala de muxido de tan só 8 puntos A produción sitúase entre 25 e 26 litros de promedio e as calidades varían ao longo do ano en maior medida que no caso dunha gandería intensiva con ración uniforme. As calidades de Gandería Maire no mes de xullo foron de 3,80 de graxa e 3,20 de proteína e en abril en 3,76 e 3,24; pero en febreiro situáronse en 4,21 e 3,21 e en xaneiro en 4,17 e 3,32. "Ao estar vinculada a alimentación ao pasto, os sólidos fluctúan máis ca se fose unha ración única todo o ano", explica Mariano.
Ao estar vinculada a alimentación ao pasto, os sólidos fluctúan máis ca se fose unha ración única todo o ano
Malia estaren fóra día e noite, chova ou faga sol, as vacas desta explotación non teñen especiais problemas de mamite, por exemplo, e a media de lonxevidade sitúase en 4 ou 5 partos. Desde hai 5 anos entregan os entre 2.300 e 2.400 litros diarios que producen a Reny Picot. Antes facíano a Puleva. Cisterna con auga para facilitar o manexo diario As vacas móvense detrás do tractor coa cisterna que lles subministra a auga nas pradeiras Dúas veces ao día, pola mañá e pola tarde, nesta explotación van buscar as vacas que están dando leite para muxírense. O lote de produción está formado neste momento por 95 animais. As vacas veñen todas xuntas polas pistas desde as pradeiras detrás do tractor que está enganchado á cisterna que leva a auga e que vén á casa tamén para rechearse mentres as vacas se muxen para voltar logo con elas de novo ao prado. O tractor coa cisterna sérvelles de guía para chegar até a pradeira. É unha rutina que ten lugar ás 8 e media e ás 11 e media pola mañá e ás sete da tarde e ás 10 da noite para o muxido de pola tarde. "Lévanos moito tempo muxir, unhas 3 horas pola mañá e outro tanto pola tarde, porque temos só 8 puntos, e o sitio que temos para darlles de comer ao lado da sala tamén é pequeno, así que temos que facer dous turnos para muxilas e darlles de comer; mentras unhas se moxen a outra metade comen e logo cambiamos. Cando acaban de muxirse e de comer todas o concentrado e algo de silo volven para o prado. Peor non era traballar con dous lotes, pero habería que ir levalas e buscalas ao prado dúas veces á mañá e outras dúas á noite", detalla Mariano. Investimentos fixos, só os imprescindibles Instalacións para o muxido e a alimentación. Cementaron o camiño para facilitar a saída das vacas ao pasto Opina que investir miles de euros en grandes instalacións non é rendible. "Nós temos 120 vacas adultas, sería o equivalente a dous robots de muxido. Hai quen gasta un millón de euros en facer unha nave nova e nos dous robots, eu gastei en total 60.000 euros entre a zona de comedeiro e a sala de muxido. A miña filosofía é ir ao simple, investimentos fixos, os mínimos necesarios, só os imprescindibles", compara.
A miña filosofía é ir ao simple, investimentos fixos, os mínimos necesarios, só os imprescindibles
Con todo, as instalacións das que dispoñen en Gandería Maire quedaron pequenas e precisarían un redimensionamento. "Non foron pensadas para tantas vacas, necesitariamos dobrar os puntos da sala de muxido e máis zona de alimentación para traballar de xeito máis cómodo, porque cando fixemos isto fixémolo para a metade de gando que temos hoxe, pero nesta zona van pechando explotacións e vai quedando superficie dispoñible e neste sistema que temos nós a terra é unha oportunidade que che permite medrar", explica. 90 hectáreas de superficie As fincas máis próximas á instalación de muxido están reservadas para as vacas de leite Esta explotación dispón de 90 hectáreas de terreo, das que 11 están en Abadín, onde se atopa parte da recría. As fincas máis próximas ás instalacións de muxido e alimentación dedícanse a pastoreo das vacas en produción. No resto das parcelas, que se atopan máis alonxadas, están as secas e a recría. "O máximo que van pacer as que están dando leite é a un quilómetro de distancia. Aínda así, as nosas vacas fan todos os días de media 2 ou 3 quilómetros para vir muxirse dúas veces, entre ir e vir, máis logo o que anden polo prado", indica.
Neste sistema que temos nós a terra é unha oportunidade que che permite medrar
Das 90 hectáreas, un terzo son propias e o resto arrendadas. "Temos 37 hectáreas nosas, e iso partindo de cero, todas mercadas", salienta Mariano. Bretoña linda coa parroquia de Álvare, con gran número de explotacións de leite, polo que a súa influencia incrementa os prezos da terra. "Aquí pagamos uns 300 euros por hectárea de aluguer", conta. Alimentación en base a herba Cos excedentes de pasto fan silo de herba e só botan 9 hectáreas de millo para complementar a alimentación Do total das 90 hectáreas, Gandería Maire botou este ano 9 hectáreas a millo, que ensilan para complementar a alimentación a base de herba das vacas de leite. O resto das fincas dedícanse a pastoreo e a facer cortes para silo de herba en primavera. Aproveitan o cultivo do millo para ir renovando as pradeiras cando a pendente o permite. "Renovamos as pradeiras cada 3-4 anos, están todas cunha mestura de raigrás inglés e híbrido tipo inglés e trevo branco e violeta", explica Mariano. "Do que come a vaca diariamente o 80% é herba, tanto en forma de pasto como en silo, o resto é silo de millo e 5 quilos de concentrado", detalla. Na explotación traballan ademais de Mariano e Remedios o seu fillo Mariano, incorporado hai case dous anos. Aténdena entre os tres e non contan con man de obra externa. Fan eles case todos os traballos agás para o cultivo e ensilado do millo e o picado da herba. "Só contratamos o forte das campañas de recollida da forraxe, o resto facémolo nós", contan. Gando cruzado e monta natural A maioría das vacas son cruces de frisona con jersey e parda alpina Outra das características da cabana desta explotación é o feito de traballar con gando cruzado. "Empecei con normando, logo con jersey e agora a maioría son cruzamentos de frisón con pardo alpina e teño tamén algunha montbeliard e algunha parda puras", conta. "Co gando cruzado teño menos problemas de todo tipo e a mesma produción. Non volvería ao frisón puro porque a vaca holstein ten unhas necesidades moi altas e se non llas cubres pásao mal e con 5 quilos de penso que lles dou eu a unha holstein non lle chegan", razoa. "As holstein son para estar de hotel, non serven para o noso sistema de manexo", engade Remedios.
As holstein son para estar de hotel, non serven para o noso sistema de manexo
O feito de pasaren a maior parte do tempo na pradeira dificulta poder ver os celos, polo que Mariano optou por ter touros para facilitar a reprodución. "Insemino algunha xovenca, pero o 90% é monta natural. Temos 6 touros para distribuir nos distintos lotes, dous están sempre no medio das vacas de leite, van e veñen con elas todos os días e móvense con elas polas pradeiras. Con este sistema é moi difícil ver os quentes, senón fixeramos así sería imposible ou habería que pinchar para sincronizar", explican.

Dez pastores eléctricos funcionando ao mesmo tempo

A maioría das fincas están pechadas unicamente co fío do pastor O sistema de manexo que empregan nesta explotación fai que o peche das fincas cobre vital importancia. Gandería Maire SC ten até 10 pastores eléctricos funcionando ao mesmo tempo en distintas ubicacións e parcelas nas que se reparte o seu gando. Traballan coa marca de pastores galegos ION e escollen os aparellos en función das características e necesidades da finca. "Temos un pouco de todo, pastores de batería, alimentados con placas solares ou recargables", explica Mariano. "Agás en Abadín, onde temos peche de malla porque alí temos recría e ao estar máis lonxe imos cada varios días, o resto das fincas están pechadas só co fío do pastor", conta. Para minimizar a incidencia de moscas no verán, levan dous anos colocando aos animais os crotais repelentes Flectron. "A nós funciónannos ben, porque a mosca que máis nos daba a lata era a dos ollos, máis que a da mamite do verán. É importante telas controladas porque, ademais das molestias que causa ao gando, son un vector de contaxio de enfermidades", afirma Mariano. Abonado directo As 95 vacas do lote que está agora en produción pasan un mínimo de 18 ou 19 horas no pasto É o propio gando o que abona directamente as parcelas, ás que se engade tamén purín de vez en cando. "Xurro facemos pouco, o de lavar e pouco máis, porque as vacas pasan pouco tempo na casa. Ao abonar elas directamente evitas moito traballo. É certo que non hai distribución uniforme, pero hai mellor aproveitamento da urea, por exemplo, porque penetra directamente no chan e provoca menos emisións de óxido nitroso", di.
Repasamos as fincas para controlar as malas herbas, se empregas herbicidas o trevo desaparece
Para o control das malas herbas repasan as fincas á man para non ter que empregar herbicidas. "Se sulfatas o trevo desaparece e os cardos e carabeis non son un problema se os tes controlados", afirma Mariano. Contan tamén con 20 cabras e 12 cabalos que empregan en ocasións para ir detrás das vacas limpando as fincas. Por circunstancias familiares, de novo Mariano foi pastor de cabras en Xaén, pero con 20 anos trasladouse ao Castrillón, onde os seus pais foron caseiros na casa na que agora vive el coa súa familia. "Ao vir para aquí estiven traballando de albanel e tamén nunha fábrica. Logo no ano 91 casamos e ata o 95 tivemos vacas de carne. Desde entón empezamos coas de leite", lembra. Hoxe contan cunha explotación con relevo e cun sistema de manexo low cost pouco habitual nas principais zonas leiteiras de Galicia, cada vez máis volcadas na intensificación.

Gandería Rivera Otero, a aposta dun mozo de 25 anos polo sector ovino

Luis Miguel coas súas ovellas na nave que construíu este ano A carón mesmo da Lagoa de Cospeito, en plena Rede Natura, un mozo de 25 anos pastorea o seu rabaño de ovellas. Son elas as que coidan duns prados que doutro xeito seguramente estarían abandonados. Son fincas pequenas e húmidas nas que é difícil entrar con maquinaria no inverno. Os seus animais contribúen deste xeito a coidar a paisaxe e manter a biodiversidade nun espazo declarado Reserva da Biosfera e Zona de Especial Conservación (ZEC). Luis Miguel Rivera Otero estudou Frío Industrial pero decidiu enfocar o seu futuro cara ao sector agrogandeiro. "Acabei de estudar e estiven traballando algo pero informeime e animeime a seguir coas ovellas e estou contento. Optei polas ovellas porque xa as había na casa, así que andiven polo medio delas desde pequeno e sempre me gustaron", conta. Na súa casa, no lugar de Fontarrega, pertencente á parroquia de Feira do Monte, había unha pequena gandería ovina con 30 cabezas que coidaba a súa nai. Fai un ano que se incorporou el e desde entón apostou por profesionalizar a explotación. Solicitou un plan de mellora e desfixo a vella corte onde a súa nai gardaba os animais para construir no seu sitio unha nave nova de 270 metros cadrados con capacidade para 200 cabezas.
Non podes estar atendendo partos todos os días. É mellor agrupalos. Así sabes que os vas ter todos xuntos en 15 días
É unha instalación cómoda, onde o rabaño está dividido en dous lotes separados polo pasillo de alimentación. Ter as ovellas en lotes facilita as labores de alimentación ou o encamado e permite programar os partos. "Non podes estar atendendo partos todos os días, hai que organizarse e agrupalos, senón non hai maneira. Así sabes que os vas ter todos xuntos en 15 días", explica Luis Miguel. Rabaño mercado en Salamanca As ovellas e os machos son de raza Inra 401 Este mozo gandeiro aproveitou as 30 ovellas que tiña a súa nai, de raza mestiza, e completou a nova nave con outros 170 animais da raza Inra 401 que mercou en Salamanca á Gandería Lorenzo Pascual, especializada nesta raza, con 4.000 ovellas e que vende tanto recría como sementais. "Trouxen 167 ovellas e 3 machos puros. A Inra 401 é un cruze de Berrinchón, que é unha raza cárnica, con Romanov, que é unha raza moi prolífica. Quería que fosen desta raza porque ten moi boas aptitudes para a produción de carne. Son animais que poden sacar adiante dous ou tres cordeiros por parto sen problema", explica. As ovellas que mercou, todas primeirizas, chegaron o 27 de abril do ano pasado a Cospeito con 6 meses de vida e están a piques de comezar a parir agora. "Dentro dun mes van empezar a parir as primeiras", conta Luis Miguel. Cando nacen os cordeiros teñen que mamar costro en tomas de entre 60 e 70 centilitros cada 2-3 horas. "Sempre teño costro conxelado para non ter problemas", indica.
Gastou 23.000 euros en mercar 167 ovellas e tres machos da raza Inra 401 e outros 35.000 euros no establo novo
As dúas primeiras semanas aliméntanse exclusivamente co leite da nai, que logo se complementa con concentrado. "Aos 15 días xa se lles pode meter algo de penso", explica Luis Miguel. "Esta raza dá bastante leite, polo que os cordeiros saen rápido para diante. A outra raza que había na casa, a mestiza, dá menos leite e se traía tres crías unha xa a apartaba a propia ovella porque vía que non as daba mantido a todas. Daban bastante a lata niso porque había bastantes casos de rexeitamento, pero con esta raza, a Inra 401, penso que vou ter menos problemas deste tipo porque son ovellas que dan máis leite", razoa. De todos xeitos, xa mercou unha amamantadora. "O custo non era moito e sácache traballo porque se hai casos de rexeitamento tes que andar cos biberóns", explica. Entre 65 e 70 euros por un año de 20 quilos Un dos tres sementais da explotación Cando cumpren entre dous e dous meses e medio de vida os cordeiros chegan xa aos 20 quilos de peso e están listos para seren vendidos, pasar polo matadoiro e sairen ao mercado. O obxectivo de Luis Miguel é sacar unha produción de 100 años cada tres meses. Mentras unha metade das reprodutoras está en lactación criando aos cordeiros, a outra metade está preñada e así sucesivamente. "Tentarei sacar 1,5 partos ao ano por ovella, os dous partos non llos das sacado, é moi difícil, porque son 5 meses de xestación, 2 meses coas crías e logo un mes de espera para que sequen e se recuperen un pouco antes de volvelas cubrir, así que entre cubrición e cubrición pasan 8 meses", explica.
Entre parto e parto pasan 8 meses: 5 de xestación, 2 coas crías e un de espera e recuperación antes da cubrición
Este mozo é membro da Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica) e forma parte tamén da cooperativa Vélaro, polo que dá saída á súa produción a través da marca Pastores de Galicia, que distingue a carne de cordeiro galega. Un cordeiro de dous meses e medio, con 20 quilos de peso (quedaría sobre uns 10 en canal, xa que perde a metade) ten un prezo de venda que oscila entre os 65 e os 70 euros. "Os 70 euros é un prezo aceptable que está ben. Eu a particulares case non vendo, moi pouco, non me compensa, porque teño que levar eu ao matadoiro", explica. Esta é unha época mala para as vendas. "O primeiro trimestre do ano é sempre frouxo, a partir de marzo empeza a haber máis demanda, que se incrementa moito no verán polas festas e tamén en Nadal. O problema é que para ter produción para o Nadal é complicado, porque terían que parir en setembro e para iso tes que cubrilas na primavera, que é a época peor para iso", conta. Dobrar o número de cabezas no prazo de 3 ou 4 anos A nave xa quedou prevista para ser ampliada Luis Miguel conta con tres machos puros da mesma raza Inra 401 que están no medio do rabaño unha vez que as ovellas pasan ao lote de secas trala venda dos cordeiros. "Os tres carneiros son novos, chegaron con 9 meses, pero cada 2-3 anos teño que cambiar de machos para non ter problemas de consanguinidade", indica. "Quixen apostar por unha raza pura para poder sacar algo de recría, primeiro para medrar eu e despois para poder vender tamén animais para vida e ter algúns ingresos por esta vía ademais dos da venda para sacrificio", explica. Sen embargo, o obxectivo a curto prazo desta explotación é o de medrar até dobrar o número de reprodutoras nos vindeiros 3 ou 4 anos. "O número de animais que teño hoxe é o mínimo para vivir, porque hai a PAC e vas tirando, pero quero seguir aumentando, quería chegar ás 500 nais", avanza.
Para empezar tiven que comprar, porque das 30 ovellas que tiña de miña nai ás 200 tardaba 4 ou 5 anos e perdía moito tempo, pero agora poido dobrar sen problema coas miñas en pouco tempo con recría propia
Pretende facelo a través de recría propia, sen mercar máis animais. "Para empezar tiven que comprar, porque das 30 ovellas que tiña de miña nai ás 200 tardaba 4 ou 5 anos e perdía moito tempo, pero agora poido dobrar sen problema coas miñas en pouco tempo con recría propia", di. Deste xeito o aforro é considerable. Os 170 animais que mercou en Salamanca custáronlle 23.000 euros, case tanto como facer a nave (35.000 euros lista, contando a estrutura, o peche, o chan, os comedeiros e os bebedeiros), que xa deixou preparada para a ampliación. Non conta con moito espazo, xa que dentro de Rede Natura non pode ampliar e a finca na que fixo a nave está no límite co espazo natural protexido. "Só poido obrar onde teño a nave, todo o resto é Rede Natura e non poido construír", indica.

Alimentación diferenciada para cada lote

As ovellas xestantes pasan 5 horas pola mañá no pasto; as que están en lactación non saen. Co rabaño dividido en dous lotes en función de se as ovellas se atopan en xestación ou en lactación, a alimentación tamén é diferente. "Durante os dous meses que están cos cordeiros non saen e voulles dar silo de herba e silo de millo, que penso que é mellor que o concentrado e sae tamén algo máis barato", explica Luis Miguel. El non bota millo pero atópase nunha zona onde abundan as explotacións de vacún de leite e ten pensado mercar uns 50.000 quilos de millo, que é o que calcula que precisará para todo o ano, tendo en conta que cada ovella en lactación come uns 2 quilos diarios de silo de millo. "Teño pensado facer o silo de millo tamén en rolos, porque ensilando en pila nunha explotación pequena coma esta é difícil manter unha boa conservación porque non consumes moito e pérdese", considera.
Con 200 ovellas é o mínimo para vivir, grazas a que hai a PAC , pero eu quero seguir aumentando e chegar ás 500 cabezas
Os animais que estarían comendo silo de millo serían sempre a metade do rabaño, xa que o resto das ovellas (as xestantes) sairían todos os días ao pasto, complementado logo con herba seca de volta á casa. "Sácoas pacer de 10 da mañá a 3 da tarde, con 5 horas chégalles se teñen bo pasto, veñen cheas", di. Tres fíos de pastor e dous mastíns Luis Miguel aproveita esas horas nas que a metade das ovellas están fóra para preparar a cama e a ración no establo. Conta cunha encamadora que emprega tanto para estrar como para botar a comida no pesebre. "Agora estou usando a encamadora para a alimentación, vai ben, pero teño que dar moitas voltas, porque dou primeiro a herba seca e logo o silo. Quero mercar un carro de segunda man para facer con el a ración, porque ao ir mesturada comen todo moito mellor e aproveitan máis a comida, así que tes menos desperdicio que sacar e tamén acabas antes", xustifica. Para a cama está a usar herba seca para aproveitala, porque este ano sobroulle moita, aínda que recoñece que "as ovellas non están tan secas como se estiveran en palla". "O esterco que saco bótollo despois aos pastizais por enriba no inverno, que é a época na que non saen a pacer e aproveito para abonar. Contrato un esparexedor de esterco que desfaga ben, tamén teño gañas de mercar un, pero todo de golpe non se pode", razoa.
Se non tivera o pastor posto sempre, tanto se están as ovellas como se non, tería as pradeiras todas levantadas, aquí hai moito xabarín
"Atendo eu só a explotación sen problema e cando as boto ao pasto e eu veño facer os traballos á casa teño dous mastíns con elas. Son un cruce de mastín con border coli, prefiro cruce que mastín puro, porque penso que os cruces son máis vivos. Lévoas á pradeira, déixoas cos cans e veño amañar todo na explotación e estou tranquilo", di. Ten as fincas pechadas con varillas de 90 centímetros de alto e tres fíos de pastor eléctrico, un cada 30 centímetros. Pero máis que para que non se boten as ovellas a súa finalidade principal é a de impedir que entre o xabarín. "Se non tivera o pastor posto sempre, tanto se están as ovellas como se non, tería as pradeiras todas levantadas, aquí hai moito xabarín", quéixase. "O lobo non me afectou de momento porque eu métoas todos os días durmir ao establo e as que están paridas e teñen as crías non saen", engade. Control de enfermidades como a fasciola ou a basquilla Manga pola que pasan as ovellas ao voltar do pasto para realizar o baño de pés Ao estar nunha zona húmida Luis Miguel ten que ter especial coidado con determinadas enfermidades, como a fasciola hepática. "Estou nunha ADS e en marzo fanme analítica de feces para ver os parásitos que puidera haber. Hai máis problemas de fasciola ao ser unha zona húmida e estoulles dando unha mestura para desparasitar dúas veces ao ano, na primavera e no outono. E cando desparasito tamén aproveito para vacinar para a basquilla e para a neumonía", conta.
Todos os días ao volver do pasto as ovellas fan un baño de pés antes de entrar no establo en auga con sulfato de cobre para previr as coxeiras
Para facilitar a aplicación dos distintos tratamentos e poder separar de xeito máis doado os animais instalou unha manga permanente nun dos laterais da nave, que emprega tamén para facer o baño de pezuñas. "Fágolles pasar pola manga todos os días ao vir do pasto para desinfectar os pés cun baño de auga e sulfato de cobre antes de entrar ao establo", explica. Deste xeito deixou de ter problemas de coxeiras. Na primavera fai a rapa a través do persoal contratado por Ovica e aproveitará para amañar os cascos a todos os animais. "Aforras moito traballo porque se o tes que facer ti, con 200 ovellas son moitos pés que amañar", evidencia.

30 hectáreas para pastos e forraxes ao redor dun dos humidais máis importantes de Galicia

Pradeira renovada o ano pasado con semente apañada noutra das fincas da explotación A Lagoa de Cospeito e as terras que a rodean forman parte da Rede Natura 2000, o conxunto de espazos naturais da Unión Europa. O estar pegada á Rede Natura condiciona o medre da explotación de Luis Miguel, aínda que polo tipo de actividade que realiza, baseada no pastoreo, non supón ningún problema no día a día máis que á hora de facer ampliacións ou outro tipo de obras. "Quero facer este ano un estercoleiro e un almacén para a herba seca e en 3 ou 4 anos ampliar a nave das ovellas se me dan licenza", indica. Polo demais, a lagoa mantén hoxe unha simbiose beneficiosa coa explotación Rivera Otero, un equilibrio favorable para ambas partes por tratarse dun aproveitamento tradicional do solo. Luis Miguel bota as ovellas a pacer nas fincas que rodean a lagoa e abónaas co esterco que xeran os propios animais no establo. A lagoa aporta humidade que mantén verde o pasto todo o ano. "Teño máis problemas no inverno ca no verán con iso de que son fincas moi molladas. Aquí é húmido e teño pasto todo o verán, non teño problemas coa seca", indica. Tamén axuda a manter a pradeira a mestura de variedades coas que Luis Miguel sementou todas as pradeiras no ano 2018, xusto antes de incorporarse. "Botei unha mestura de raigrás inglés, italiano e híbrido con distintos trevos, como por exemplo o branco e o violeta, a razón de tres quilos de trevo por hectárea, iso nótase no verán, aguántase mellor a pradeira", asegura. Semente propia Silo de herba cunha baixa porcentaxe de humidade Nas fincas que renovou o ano pasado a semente procedía da que el mesmo apañou nas fincas que renovara un ano antes. "Deixei espigar dúas hectáreas e recollinas cunha colleitadora do trigo, saquei moitos quilos, teño para varios anos e penso que ademais de coller moita cantidade é de mellor calidade que a comprada e sae e arraiga mellor na pradeira", afirma. Para o control das malas herbas emprega diferentes métodos, en función da pranta da que se trate. "Cando collín as fincas ao principio tiven problemas de malas herbas nos pastos, sobre todo de caraveis, que fun eliminando a base de sulfatar; fentos non teño e aos cardos cando hai tírolles sal e desaparecen", conta. Tamén procura ter coidado á hora de ensilar ou de enrolar a herba seca para non traer a semente das malas herbas para a casa e esparexela despois polo resto de fincas a través do esterco.
O silo de herba das vacas non vale para as ovellas, ten que ser moito máis enxoito, con dous días de presecado cando menos
Luis Miguel dispón en total de 30 hectáreas de terreo. A metade son fincas que destina a pastoreo, das que só 2,5 hectáreas son propias, o resto alugadas, e das outras 15 hectáreas recolle a forraxe para todo o ano en forma de herba seca e silo de herba. As fincas que ensila teñen raigrás puro e fai un presecado moi longo, de dous días, antes de enrolar a herba. "Para as ovellas o silo de herba ten que ser moi enxoito, non vale o silo das vacas, porque dalles tos e aféctalles ao fígado e acaba matándoas. Por iso eu antes de maio non poido ensilar, porque non vale o tempo para iso, porque eu teño que segar, extender e voltear durante os dous días de presecado e logo acordoar e facer os rolos", indica Luis Miguel. Fai el todo o traballo agás enrolar e encintar. Desecación e recuperación A lagoa de Cospeito foi a máis extensa da Terra Chá (ocupaba máis de 70 hectáreas), foi desecada na década de 1960 para o aproveitamento agrícola do territorio e recuperada parcialmente na década de 1980 e con posterioridade ao ano 2000 polo seu valor ecolóxico e ambiental. Na actualidade ten unhas 17 hectáreas, das que só arredor de 7 son de augas permanentes, dentro dun espazo total dunhas 45 hectáreas delimitado por un camiño perimetral duns tres quilómetros de lonxitude. A actual consideración e protección legal da que hoxe gozan os humidais viviu outrora períodos totalmente diferentes nos que se fomentou a súa desecación e destrución. Esta clase de actuacións supuxeron a perda, a mediados do pasado século XX, de dous dos máis importantes humidais interiores de Galicia, as Lagoas de Antela e de Cospeito. Pero este proceso deuse a nivel de toda Europa, onde a superficie que actualmente ocupan os humidais na Unión Europea representa o 25% da que posuían a principios da época industrial.
A superficie que actualmente ocupan os humidais na UE equivale ao 25% da que tiñan antes de seren desecados para gañar terras de cultivo
O modelo tradicional de aproveitamento dos humidais sufrirá un importante cambio en España coa promulgación, o 24 de xuño de 1918, da denominada Lei Cambó, á cal se sumará un extenso articulado lexislativo que, coa escusa de erradicar as pragas de mosquitos, posibles vectores de infeccións humanas, e obter novo terreo agrícola, favoreceu a sangradura, desecación e saneamento dun número cuantioso de marismas e lagoas galegas. Seguindo estas consideracións, anos máis tarde o Instituto Nacional de Colonización Agraria (INCA), dependente do Ministerio de Agricultura, declara no ano 1956 de alto interese nacional as obras de saneamento e colonización de dous dos humidais máis singulares de Galicia, o da lagoa de Cospeito na provincia de Lugo e o da lagoa de Antela, na de Ourense. Os proxectos promovidos polo INCA buscaban a creación de zonas de colonización agraria que servisen para dar acubillo a agricultores foráneos, cuxas terras serían anegadas pola creación de grandes encoros. Os novos asentamentos e as novas terras de labor obtíñanse trala desecación de humidais e o britado de amplos espazos que ata o momento non foran cultivados.
O Instituto Nacional de Colonización Agraria expropiou entre 1950 e 1980 na Terra Chá case 3.000 hectáreas de montes comunais e terreos gañados ás lagoas de Cospeito, Caque e Pumar
Na Terra Chá, o INCA procederá á expropiación dunha superficie de 2.889 hectáreas, constituída por montes comunais de varias parroquias dos municipios de Cospeito e Castro de Rei, incluíndo na mesma a totalidade do humidal da lagoa de Cospeito. Terreos que serán desecados coa apertura de canles de drenaxe, a ruptura de represas, a cavadura do terreo e o seu aireado, etc., para ser transformados, con maior ou menor éxito, en terras de cultivo. As actuacións promovidas polo INCA e, posteriormente, polo Instituto para a Reforma e o desenvolvemento Agrario (IRYDA), entre 1950 e 1980, implicarán unha perda significativa dos humidais de Cospeito, Caque e Pumar. Con todo, a Lagoa de Cospeito logrou recuperar parte do seu antigo esplendor logo de ser declarada Refuxio de caza en 1986, Reserva da Biosfera pola Unesco no ano 2002 e Rede Natura dentro do LIC Parga-Ladra-Támoga no ano 2004. Agora, as ovellas de Luis Miguel contribúen a coidala.

Recomendacións para o bo funcionamento dos peches eléctricos para o gando

Para gardar o gando nas pradeiras ou para protexer cultivos como o millo ou as patacas dos ataques dos xabaríns, os peches eléctricos convertéronse nas últimas décadas nun dispositivo habitual e indispensable no medio rural.

Sen embargo, seguen sendo comúns erros que diminúen notablemente a súa eficacia, tanto dos conectados directamente á rede elécrica como dos que funcionan con pilas ou son alimentados por placas solares.

Para resolver dúbidas e desmontar falsas ideas falamos con Daniel López González, propietario e fundador da empresa luguesa ION, líder na fabricación de pastores eléctricos.

1) A importancia da toma de terra:

Entre os erros máis comúns que reducen de forma notable a eficacia das cercas elétricas está a toma de terra. “Hai moitos gandeiros que consideran que o único que importa é a corriente que vai pola cerca, polo cable que está á vista. Sen embargo, é tan importante a toma de terra como o cable que vai por riba”, subliña Daniel.

Neste sentido, a súa recomendación é que a toma de terra debe estar espetada polo menos a 1 metro de profundidade no solo. “Sempre que se toque unha toma de terra e dea algo de calambre é que algo falla, pois estase a perder enerxía eléctrica”, advirte. Nese caso, haberá que espetar a barilla da toma máis fondo ou cravar outra toma, separada uns 3 metros, e conectalas entre si.

Como solución eficaz para garantir que a toma de terra estea correctamente espetada, o fundador de ION explica que “é moi fácil ter de forma permanente unha barilla de ferro clavada na finca no lugar onde solemos colocar o pastor eléctrico portátil, e a pica do aparato, que é máis que un soporte, cravala pegada a ese ferro e que estea en contacto con el”. “É unha solución cómoda e eficaz para que funcione correctamente”, destaca.

2) Enerxía eléctrica que se precisa:

A máxima enerxía que permite a normativa para pastores eléctricos é de 5 julios con unha tensión máxima de 10.000 voltios, e o mínimo que debe marcar nunha cerca é de 3.000 voltios, pois de aí para abaixo non sería segura para conter aos animais.

3) Tipos de fíos que se aconsellan:

Para evitar perdas de enerxía eléctrica na cerca, Daniel López considera fundamental, xunto á toma de terra, o tipo de fíos conductores. “Nunha cerca perimetral fixa non se debe andar con cables de nylon con fíos de aceiro, pois son malos conductores. Pola contra, un conductor barato e eficaz son os fíos de ferro galvanizalo, pois está recuberto de zinc, que é un bo conductor. En canto aos fíos de aluminio, non teñen a resistencia física dun cable de ferro ou de aceiro. Logo hai cables de aleacións especiais, moito máis caros, pero tamén cunha duración e unha calidade moito maior”, explica Daniel López.

4) Colocación dos postes:

Outro erro común é colocar os postes demasiado cerca uns dos outros, co cable tenso e enroscado nos illantes. “Nunha cerca eléctrica o que impide que o gando pase é a descarga eléctrica, que é memorizada polo animal, polo que o cable non ten que ofrecer unha resistencia física ao paso do mesmo. Por iso, aconsellamos colocar os postes moito máis separados, con entre 18 e 20 metros entre eles, o que aforra moito diñeiro en illadores e postes. E nunca enrolar o cable nun illador, senón que se debe tensar nas esquinas e deixalo solto e elástico, de forma que se unha vaca quere forzar a cerca o cable terá elasticidade, non romperá tan fácil e seguiralle dando descarga, co que será máis eficaz”, explica.

Os postes que están no centro só teñen que manter a altura do fío e poden ser de calquera material (plástico, aluminio, madeira…etc). Os dos ángulos si que teñen que ser máis resistentes: un tubo de ferro, unha estaca de madeira un pouco gorda…etc.

“Resulta clave que o arame da cerca teña elasticidade para que ceda e non rompa en caso de que un animal queira pasar”, subliña o fundador de ION.

5) Altura do fío para o gando:

A altura e o número de fíos depende de se hai becerros, pois se é así é mellor poñer 3 fíos. Recoméndase meter os dous de abaixo máis xuntos, que é por onde se poden colar os xatos, de forma que o primeiro estea a uns 30 centímetros; o segundo a 60 centímetros do chan e o de arriba a 1 metro. “En todo caso hai que lembrar que cando os cuchos son moi novos non son tan sensibles á corrente eléctrica, polo que se aconsella que non estean pechados nunha finca preto dunha estrada”, precisa.

Se non hai becerros, a recomendación de Daniel López “é poñer só dous fíos: un a 60 centímetros e o outro a 1 metro, pois as vacas ao estar o fío máis alto sempre limpan mellor as herbas de debaixo e tamén porque se rompen algún dos fíos o outro aínda está suficientemente alto para seguir tendo conta do gando”.

6) Protección fronte ao xabarín:

En canto á protección das fincas fronte ao xabarín mediante unha cerca eléctrica, o fundador de ION desaconsella o emprego de cintas como conductor, un tipo de tendido só recomendado para animais coa pel máis sensible ás descargas eléctricas do pastor, como os cabalos.

“A xente ten a manía de colocar cintas nas cercas eléctricas. Para un animal de pouco pelo, como un cabalo, está ben a cinta, pero para un xabarín ou unha vaca a cinta para no pelo e non lle dá unha descarga eléctrica na pel. É mellor un fío metálico para que a descarga lle chegue á pel, e se non se pode poñer un fío de nylon con filamentos de aceiro inoxidable”, explica.

En canto á colocación dos fíos, a súa recomendación é colocar dous: o de abaixo debe estar entre 23 e 25 cm do chan e o de arriba a 48 ou 50 cm.

Por último, lembra que “o pastor debe estar libre de herba debaixo e por riba do fío, pero aínda que caia algunha pode seguir funcionando”.

ION: Unha empresa líder na fabricación de pastores eléctricos

Daniel López na súa finca experimental de A Pastoriza

Daniel López González é propietario e fundador da empresa luguesa ION, que leva décadas adicada á fabricación de pastores eléctricos e material para realizar peches electrificados, con importantes innovacións, sendo a primeira en fabricar pastores eléctricos alimentados por placas solares.

Os comezos de ION foron froito da necesidade e do empeño. “Empecei nisto por casualidade. Eu son radiotécnico e nos anos 70 dedicábame a reparar radios e televisores. Logo montei o meu propio establecemento comercial, onde tamén vendía pastores eléctricos, pero de importación. Sen embargo, en caso de avarías moitas veces tardábase semanas en conseguir as pezas. E precisamente para poder facer reparacións empecei a fabricar os meus propios pastores”, explica Daniel López.

Isto foi nada menos que no ano 1973 cando saíron ao mercado os primeiros pastores ION. Hoxe a empresa conta con 8 empregados a tempo completo e é líder no mercado galego. Ademais, ION é dos principais vendedores en Portugal e conta con clientes en toda España.

Da súa fábrica de Lugo saen cada ano algo máis de 7.000 pastores, cun amplo catálogo con case 30 modelos, adaptados a todas as necesidades.

Fabricantes do primeiro pastor con placa solar en España

¿Cal é clave do éxito da “Chispa galega” para imporse nun mercado moi competitivo, con fabricantes nacionais e estranxeiros? Explícao Daniel: “Realizamos unha continúa adaptación dos aparatos á realidade e aos avances técnicos, e tamén á propia evolución das gandarías. Outro dos nosos puntos fortes é o noso servizo técnico. É incrible a cantidade de pastores eléctricos que se abandonan por falta dun servizo de reparación. Pola contra, en ION reparamos os pastores prácticamente dun día para outro”.

Por outra parte, ION foi pioneira en España na fabricación de pastores con alimentación de enerxía solar. Así o acreditan os diplomas: no ano 1981 Daniel López recibiu o premio na Feira de Maquinaria Agrícola (FIMA) de Zaragoza no Concurso de Ahorro Energético; e no 1982 o Ministerio de Industria y Energía concedeulle a Prima a la Innovación Tecnológica Industrial polo pastor eléctrico ION modelo HS.

E cal é o produto que máis venden neste momento? “O mercado foi cambiando e hoxe os que máis se venden son os de enchufar directamente á rede eléctrica, porque as parcelas foron concentrándose cada vez máis”. “Quen teña unha parcela cerca da casa debe empregar ese tipo de pastor pois non dá problemas de batería e proporciona unha enerxía eléctrica de superior calidade, educando o gando para que respecten cercas alimentadas con aparatos de baixa enerxía cando sexa trasladado a outras fincas”, aconsella.

Daniel pasa moitas horas na súa finca experimental de A Pastoriza onde ensaia con distintos tipos de cables, illadores, alturas dos fíos, etc. Os fines de semana, tamén dirixe visitas guiadas para persoas interesadas na montaxe de cercas eléctricas.

“Espero que algún día me concedan o título de Pastor Maior do Reino, que o teño ben merecido”, bromea.

Vídeo sobre ION no programa A Labranza:

Premio de 3.000 euros ao mellor peche gandeiro electrificado

A empresa galega ION, recoñecida a nivel peninsular e internacional polos seus pastores eléctricos, e a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF), convocan o Premio ION-SGPF e as súas bases. Premiarase o mellor peche gandeiro electrificado e a gandaría seleccionada recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo para presentarse a este premio finaliza o 31 de marzo. OBXECTIVO O premio ten como obxectivo promover o emprego de peches electrificados fixos e móbiles para o manexo e protección do gando en pastoreo e a protección dos cultivos. Por iso premiarase o mellor peche electrificado para ese fin. 1- PARTICIPANTES Poderán participar nesta convocatoria todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dunha explotación gandeira radicada en España e Portugal. Participarán aqueles traballos realizados nos anos 2017 e 2018 para a instalación de peches fixos ou móbiles para o manexo e protección do gando e os cultivos forraxeiros. 2- CARÁCTER DO PREMIO O premiado obterá un recoñecemento formal a través dun diploma acreditativo e unha suma de 3.000,00 €, permitindo a difusión do proxecto realizado a ION e a SGPF a través dos medios de comunicación e outras canles que se estimen oportuno. 3- PRAZOS O prazo de presentación das candidaturas estenderase dende o 10 de novembro de 2018 ata o 31 de marzo de 2019. O xurado comunicará o seu veredicto, nun prazo non superior a dous meses dende o peche da convocatoria, de forma persoal ó premiado e nun acto público nunha data próxima. 4- PRESENTACIÓN DOS PROXECTOS As persoas candidatas deberán enviar unha solicitude, cubrindo o formulario do Anexo I da presente convocatoria, xunto cunha memoria descritiva do proxecto ao enderezo electrónico sgpf.galicia@gmail.com, en formato PDF (tamaño máximo de ficheiro de 10 MB) e cunha extensión máxima de 20 páxinas, nas que se incluirán os datos identificativos e unha memoria que debe incluír: -Descrición do promotor (identificación, motivacións e proxecto de futuro) -Descrición da gandería (parcelas, instalacións, gando e sistema de manexo) -Descrición do estado anterior das parcelas nas que se realizaron melloras (peches e/ou pradeiras) -Descrición das melloras que se fixeron (peches e/ou pradeiras), explicando polo miúdo os métodos e medios empregados para realización as mesmas: material (sen referencia a marcas comerciais), medios humanos e técnicas empregadas para a instalación dos peches e a implantación e/ou mellora das pradeiras. -Estado actual das parcelas melloradas Calquera outra información que se considere de interese para a comprensión da gandería e do proceso de mellora. Xunto co Anexo de solicitude de inscrición poderase achegar, e valorarase, unha reportaxe gráfica do proceso de mellora e do resultado final dos peches e parcelas. Para a realización da memoria pódese consultar coa SGPF para calquera dúbida na súa elaboración. Se o xurado o considera oportuno poderá solicitar documentación complementaria co fin de comprender mellor o proxecto. 5- CRITERIOS DE VALORACIÓN Valorarase a idoneidade dos peches realizados tanto para a especie destinada a pastorear esas parcelas como para a facilidade no manexo habitual do gando e/ou o nivel de protección fronte a animais salvaxes. 6- XURADO O xurado estará formado pola Xunta Directiva da SGPF. O xurado elixirá, entre os proxectos presentados, aquel que considere máis apropiado ós obxectivos do premio así como a un suplente, se así o considera oportuno. Se os proxectos recibidos non acadasen o nivel mínimo estipulado, o xurado podería declarar o concurso deserto. A data e o lugar do acto formal de entrega do premio serán anunciados oportunamente.

-Descarga aquí as bases do premio

-Descarga aquí a solicitude de inscrición.