Archives

A Xunta crea unha sociedade pública privada para investir en proxectos enerxéticos e mineiros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presentou hoxe a sociedade ‘Recursos Galicia’, unha entidade público privada da que a Xunta manexará o 30% das accións. ‘Recursos Galicia’ nace no marco do proxecto de Lei de Aproveitamento dos Recursos Naturais, presentado a pasada primavera. Daquela, a Xunta xa anunciara a próxima creación dunha sociedade mixta para investir en proxectos enerxéticos e mineiros. A posta en marcha da nova sociedade é agora xa un feito, cunha trintena de empresas que se comprometeron a aportar, conxuntamente coa Xunta, os 100 millóns de euros que se proxectan investir ata o ano 2027. A idea do Goberno galego é que ‘Recursos Galicia’ invista en proxectos eólicos, tanto terrestres como mariños, en proxectos mineiros, naqueles ligados coa concesión de augas, como os de enerxía hidráulica, e noutras enerxías renovables (biogás, solar). A Xunta subliña que ‘Recursos Galicia’ nace para investir en iniciativas que sexan de “interese público” para Galicia e destácase que o Goberno galego, malia ter só un 30% da sociedade, terá unha acción de ouro, é dicir, capacidade de veto sobre os proxectos nos que investirá a sociedade. A creación da sociedade mixta ‘Recursos Galicia’ concíbese como unha entidade matriz, segundo avanzara xa a Xunta na primavera, pois para cada proxecto concreto que acometa crearase unha empresa específica na que poderán entrar outros accionistas. O Goberno galego incidiu hoxe en especial na posibilidade de que Concellos ou empresas locais entren a participar en proxectos concretos que se poñan en marcha nos seus correspondentes territorios. Impacto social Con esta iniciativa, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quere enfrontar tamén a contestación social e medioambiental que adoitan xerar parte dos proxectos enerxéticos e mineiros. “Esta é a primeira pedra para garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traducirá sempre en riqueza social para a comunidade”, defendeu Rueda na presentación de ‘Recursos Galicia’, que se fixo hoxe no Museo do Pobo Galego, en Santiago. Ao acto de presentación acudiron tamén a conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana, e os conselleiros de Facenda, Miguel Corgos, e Medio Rural, José González. Rueda entende tamén que a creación de ‘Recursos Galicia’ é importante para que a explotación dos recursos naturais teña unha repercusión económica maior na comunidade. “Non imos resignarnos a quedar á marxe do desenvolvemento das enerxías verdes en toda Europa: aspiramos a estar no centro”, aseverou, ao tempo que avogou por que os beneficios da explotación destes recursos repercutan no conxunto do pobo galego e se repartan colectivamente. A Xunta subliña a fortaleza da firma ‘Recursos Galicia’, que incorpora unha trintena de empresas que suman máis de 20.000 empregos directos e que achegan ao Produto Interior Bruto autonómico case 11.000 millóns de euros cada ano. Entre as empresas que participan en Recursos Galicia están Abanca, Finsa, Megasa, Valtalia, Copasa, Gesuga, o Grupo Nogar, Pérez Rumbao, Jealsa, Revi, Profand, Gadisa, Ence, Exlabesa, ARP Global, AIN Active, Severiano, Intaf, Genesal, Industrial Recense, Mecanizados Acebrón, Cover Global, Edigal, Tecdesoft, Ertec Iberia, Integria Energía Empresas, Eroxona, Sertogal, Twinleads, Wind1000, Epifanio Campo, Aceites Abril e Megaro Foods. En todo caso, o presidente da Xunta apuntou que as portas desta sociedade están abertas tamén para calquera empresa, sexa cal sexa o seu tamaño, ou Administración local que se queira incorporar aos proxectos específicos que irá desenvolvendo. A idea de Rueda é que Recursos Galicia deixe “beneficios para as comunidades locais”, que fomente o “autoconsumo de fontes renovables” e que se traduza en máis traballo para as empresas dos lugares nos que se acometan os proxectos. Sobre os proxectos de enerxías renovables e mineiros, o presidente da Xunta destaca que Recursos Galicia demostrará que “non son estranxeiros na terra na que se asentaron”, senón figuras “claves” na cohesión e no progreso da veciñanza.

Que pasará cos eólicos en Galicia?

A avalancha de proxectos eólicos en Galicia do último ano está vencellada ás concesións dos puntos de conexión, isto é, aos puntos onde se evacúa a enerxía obtida dos aeroxeradores. Os puntos de conexión da rede eléctrica teñen unha capacidade limitada, polo que son cruciais para que as empresas poidan sacar adiante os seus proxectos. José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, unha asociación que asesora ós propietarios afectados polos parques, subliña que “algúns dos puntos de conexión caducaron o ano pasado e outros caducan este ano, unha cuestión que levou a lanzar masivamente proxectos de parques eólicos para non perder eses puntos”. As empresas eólicas que solicitan un nó de conexión teñen que presentar un aval de 40.000 euros por megawatio solicitado, polo que no caso de non impulsar un proxecto de parque, a caducidade dos puntos suporía serias perdas para as compañías. Por iso, o sector embarcouse nos dous últimos anos nunha carreira por sacar adiante proxectos, boa parte dos cales non chegarán a ver a luz, segundo Ventonoso. “A nivel estatal, calcúlase que un 60% dos proxectos non van saír adiante”, sinala José Antonio Diéguez. De feito, xa houbo compañías que desistiron dos seus proxectos, aproveitándose de que o Goberno lles ofreceu devolver os avais se renunciaban ós puntos de conexión antes do 23 de xaneiro deste ano. “En Galicia, xa se desbotaron por esta vía arredor de 500 megawatios eólicos”, apunta Diéguez. As cifras do 2021 remiten a que a comunidade galega ten unha potencia instalada en parques de 3.800 megawatios. Nos dous últimos anos presentáronse arredor de 125 novos proxectos que chegarían aos 6.800 megawatios adicionais, se ben previsiblemente moitos non chegarán a bo porto. “O Goberno prorrogou 9 meses a concesión dos puntos de conexión no caso de proxectos maduros, pero en conxunto, haberá moitos proxectos que non dean concluído os trámites en tempo e forma. Houbo moita especulación en torno ós puntos de conexión porque sen eles non é posible sacar adiante un parque éolico”, conclúe Diéguez. Puntos de conexión e eólica mariña Os tres principais puntos de conexión que quedarían libres en Galicia serían Meirama, As Pontes e, polo momento, de xeito especulativo, Alcoa. A gran maioría dos parques que se están proxectando están dirixindo as súas redes de evacuación cara eses puntos. Pero, que está pasando agora? Segundo afirma Diéguez, “están plantexándose novos parques eólicos mariños que tamén precisarán puntos de conexión, que serán os mesmos que os dos parques eólicos terrestres”. Por tanto, o escenario actual apunta a un aumento dos proxectos eólicos no mar que sustituirían a parte das instalacións proxectadas en terra. “No mar, os parques teñen unha eficiencia e unha produtividade moi superior. Estamos falando de aeroxeneradores de ata 10-12 megawatios e máis eficientes que os terrestres, xa que o coeficiente de rugosidade para os ventos é case nulo; é dicir, o vento non se atopa con obstáculos e chega con toda a enerxía ós aeroxeneradores”, explica José Antonio Diéguez. O potencial da eólica mariña flotante é un dos temas que está tomando cada vez maior espazo no debate sobre as enerxías renovables, debido a que “a potencia xerada, nalgúns casos, podería chegar a ser similar á dunha planta nuclear”, compara o presidente de Ventonoso. “Unha cuestión clara é que a transición enerxética é imparable e que a enerxía eólica seguirá cobrando peso, acompañada en ocasións doutros proxectos, como o hidróxeno verde ou as centrais hidráulicas ‘reversibles’, que bombean auga a unha balsa superior cando hai sobrantes de enerxía e turbínana cando se precisa”, exemplifica Diéguez.

Comunidades enerxéticas e compensacións para a poboación afectada polos parques, novas tendencias

O Goberno abriu recentemente a posibilidade de que se desenvolvan pequenos proxectos de enerxías renovables impulsados por cooperativas, comunidades de montes, pymes, concellos ou grupos de veciños. As persoas involucradas nunha comunidade enerxética son á vez produtoras e consumidoras da súa propia enerxía. É unha vía, que segundo o Ministerio de Transición Ecolóxica, pode permitir “unha maior democratización do sistema enerxético e un importante aforro para o consumidor final”. Polo de agora, a creación de comunidades enerxéticas está pouco explotada, cunha vintena de proxectos en toda España. En Galicia, só hai un polo de agora, correspondente á comunidade de montes de Tameiga (Mos, Pontevedra), que instalou paneles fotovoltaicos de autoconsumo. “Un caso particular de comunidade enerxética poderían ser tamén os parques eólicos singulares que montaron no seu día algúns Concellos galegos, con pequenas potencias de 1-2 megawatios”, profundiza Diéguez. Compensacións no entorno Outra vía á que José Antonio Diéguez lle ve perspectivas de futuro é a das compensacións das compañías eléctricas no entorno. “Ata o de agora, as compañías eólicas só lle pagaban ós propietarios, pero houbo xa uns primeiros casos en Mazaricos nos que as empresas se plantearon pagarlle a luz ós veciños próximos ó parque. Estamos falando de zonas con poucas casas, nun dos parques son 8 casas, polo que é un pouco enganoso, pero de cara ó futuro é unha tendencia que podería medrar”, valora Diéguez.

Granxa Ameixeira, paso de intensivo a ecolóxico e proxecto para comercialización directa do leite

Malia aos avances producidos no réxime de cotitularidade, as explotacións galegas nas que está á fronte unha muller son aínda minoría. A de Eva Rodríguez é unha delas. Ubicada na parroquia de Dordaño, en Cesuras (hoxe Oza-Cesuras trala fusión municipal), Granxa Ameixeira mudou nos últimos anos a súa filosofía cara a un proxecto máis sustentable vinculado á terra e que agora queren facer chegar ao consumidor. A gandería sufriu desde o ano 2015 unha transformación desde o modelo intensivo ao extensivo, reducindo o número de animais e incrementando a superficie de pasto, e buscando na certificación ecolóxica unha diferenciación para o seu leite no mercado.
Eva fixo Relacións Laborais pero cando acabou de estudar decidiu dar continuidade á gandería do seu pai
Até o momento venden a súa produción á industria, pero a intención é envasar e comercializar directamente unha parte do seu leite para chegar con el á cidade da Coruña e o seu entorno metropolitano. Sería o xeito de culminar a transformación emprendida e de valorizar o seu produto, que vén de ser recoñecido cun dos premios Exceleite pola súa calidade hixiénico-sanitaria.   De intensivo a extensivo “Eu incorporeime á actividade agraria no ano 2000 prexubilando ao meu pai e despois de pasar por unha fase pro-intensivo no ano 2013 empecei a cuestionarme ese modelo, ata que no 2015 solicitei a certificación do Craega para dar o paso a ecolóxico”, conta Eva, que explica o proceso que levou de redución do número de cabezas. 
No ano 2000, cando Eva colleu o relevo do seu pai, muxía 25 vacas. No 2008 xuntouse cuns veciños e pasaron a 85 animais en produción. Agora pretende estabilizarse en 40
“As instalacións, tanto a nave como a sala de muxido, que ten 12 puntos, están sobredimensionadas, porque eu veño dunha SC con outros tres veciños na que chegamos a muxir aquí 85 vacas. Pero cando eu me quedei coa granxa, decidín cambiar a maneira de producir. É a terceira vez que cambio de tanque, pero para baixo, por un de menos litros, ao contrario do que fan todas as explotacións”, explica. As macrogranxas e a PAC "Estou indignada con toda esta polémica que se montou polas declaracións de Garzón, pero non polo que dixo Garzón, porque eu estou de acordo. E en Francia e noutros países europeos están opinando o mesmo. Pero eu penso que está habendo un problema de conceptos, xa que non están quedando claros. Por exemplo, habería que definir ben o que é unha macrogranxa, de que tamaño falamos, porque en Galicia non hai ningunha. Desde ese punto de vista non sei por que nos pareceu mal o que dixo porque en Galicia hai granxas intensivas pero non se poden chamar macrogranxas, xa que detrás delas normalmente están familias e non empresarios alleos ao sector que saben moi pouco ou nada da nosa actividade", asegura. Eva o que critica é a falta de coherencia entre as declaracións e as actuacións do Goberno. "Ademais de falar Garzón debería tamén facer, porque como ministro de Consumo podería facer moito se quixese, xa para empezar diferenciando o produto no mercado, o producido en intensivo do producido doutro xeito. Falta moita información ao consumidor e moitas veces temos que ser os produtores os que nos vemos obrigados a facer esa labor", di.
É a terceira vez que cambio de tanque, pero non para mercar un máis grande, que é o que fai todo o mundo, senón para reducir o tamaño
Outro tanto ocorre, di, coa percepción da agricultura e a gandería como un sector subvencionado por parte da sociedade. "Equivocámonos na maneira de explicar a PAC. A denominación da PAC como axudas ou subvencións é errada, porque realmente é unha compensación polo traballo que estamos facendo de coidado do medio ambiente, do rural e do sector primario, e somos nós os primeiros que lle chamamos mal. Europa realmente danos eses cartos porque lle estamos facendo un traballo que doutro xeito lle custaría moito máis diñeiro. Entre outras coudas, sen a nosa actividade apagar os lumes custaría moitísimo máis, así que realmente estámoslle aforrando cartos a Europa", argumenta. O paso a ecolóxico Granxa Ameixeira fixo no ano 2017 a conversión a ecolóxico logo do período de 2 anos de transición. Parte da culpa da transformación da explotación tívoa o nacemento de Xiana, a filla de Eva, que agora ten 7 anos. “Foi o detonante para dicir: hai que darlle un cambio a isto, porque o planeta que quero deixarlle é outro distinto”, lembra. Con ese convencemento, Eva e o seu home, Germán, comezaron o proceso de cambio. “Había moito mito de que a nivel burocrático era un lío pasarse a ecolóxico e que había que cumprir moitos requisitos, pero non foi para tanto, para nós foi doado, tan só tiveramos que empezar a estrar con palla unha zona na que teño as becerras, na que hai parrillas. Non foi problema ningún, ao contrario, agora están moito mellor alí as xatas do que estaban antes, porque non saquei as parrillas, así que o líquido marcha por elas para o pozo e están sempre moi enxoitas e ao mesmo tempo fago esterco para abonar as fincas”, explica. "E o cambio a pastoreo foi moi sinxelo, despois de facer os oportunos peches nas parcelas, porque os propios animais saían encantados e felices", engade.
Germán, o home de Eva, faleceu no 2016 como consecuencia dun golpe dunha xata
Germán, o home de Eva, traballaba na Casa Grande de Xanceda, polo que xa tiña experiencia no manexo do gando en ecolóxico. O seu soño era montar unha granxa ecolóxica familiar, pero parte desas expectativas víronse truncadas en febreiro de 2016 cando Germán faleceu logo de recibir un golpe dunha xata un día que estaba axudando a Eva na explotación. Aquel golpe foi un verdadeiro pau. Mais Eva decidiu continuar co proxecto sen o apoio e a axuda de Germán pero coa determinación de seguir co camiño emprendido, coma unha homenaxe cara el e tamén por facelo unha realidade para a súa filla.  Cruzamentos en busca de máis graxa e proteína Inseminan con parda alpina, roja sueca, jersei, montbeliard e fleckvieh Partindo dunha cabana 100% frisona Eva comezou a facer cruzamentos buscando por un lado animais máis rústicos capaces de aproveitar mellor o pasto e, ao mesmo tempo, mellorar as porcentaxes de graxa e proteína do leite. “Estou experimentando, teño feito cruces con parda alpina, con jersei, con rojo sueco, con fleckvieh e ultimamente con montbeliard. Polo de agora estou facendo só F1, logo non volvo cruzar”, indica. “O cambio de modelo produtivo, tanto no relativo a alimentación como a manexo diario e tamén na estratexia de inseminación, noteino moito a nivel sanitario. Os veterinarios veñen a inseminar e pouco máis, problemas clínicos case non temos”, asegura.
Están por baixo das 150.000 células e 10.000 bacterias nas análises do Ligal
Esa mellora do estado do rabaño tivo tamén o seu reflexo na calidade hixiénico-sanitaria do leite. Granxa Ameixeira vén de ser recoñecida cun dos premios Exceleite, un galardón que distingue a aquelas explotacións galegas que destacan polos baixos niveis de células somáticas e bacterias do seu leite nas medias dos análises que realiza o Ligal. “Fun finalista nos dous anos anteriores e neste recibimos o premio de prata. En bacterioloxía estamos sempre por baixo dos 10.000 xermes e en células non chegamos ás 150.000”, explica Eva. “Eu achaco estes bos resultados á regularidade, é dicir, a non facer cambios no manexo nin na alimentación. As vacas están cómodas, tanto no pasto como aquí na nave, porque non están apretadas e están ben alimentadas. Logo á hora de muxir non facemos nada especial ou distinto, só usamos un selador que é puro iodo e procuramos que a sala estea ben, con todos os mantementos e coidados necesarios”, indica. Alimentación a base de herba A maiores do pasto, suplementan con herba fresca no pesebre A alimentación das vacas está baseada na herba fresca, tanto a que pacen elas mesmas na pradeira como a que lles traen das fincas máis alonxadas para suplementar no pesebre. No inverno empregan tamén silo de herba pero a idea que teñen é ir reducíndoo tamén no posible. “Traballamos moito máis a herba seca que o silo de herba, niso si que facemos moito fincapé, en lograr unha herba seca de moi boa calidade, para combinala coa herba en verde", conta. “O meu obxectivo é tratar de prescindir o máximo posible de insumos externos. O que lles estou dando de penso non chega aos 200 gramos por vaca e día e a idea aínda é baixar máis”, detalla. Empregan penso ecolóxico Ecofeed, que lles sirve Campoastur.
De maio a setembro as vacas en produción están día e noite fóra e as fincas máis alonxadas que pacen están a 1,2 km do establo
Na primavera e o verán as vacas en produción están día e noite fóra, xa que á tardiña, unha vez muxidas, volven para o prado. No inverno, dormen habitualmente no establo, máis por non machacar tanto as pradeiras que polo feito en si de que durman fóra. “Máis que a climatoloxía, condicióname sobre todo o feito de non estropear as pradeiras porque iso supón retrasar a produción de herba da primavera”, asegura Eva. Coñecer os gastos, esencial para unha boa xestión económica Zona de recría da gandería, que lles está a permitir medrar sen ter que mercar animais Eva está asesorada por Xan Pouliquén e pon o énfase na importancia de entender a actividade gandeira hoxe en día como calquera outra actividade económica, tendo información detallada sobre os custos como único xeito de levar un control efectivo da granxa. “Eu a cada nutrólogo que viña sempre lles dicía: a min tédesme que dicir cal é a relación exacta entre o penso que lles dou ás vacas e o beneficio que obteño”, di. O mesmo para a adquisición de maquinaria: “Hai que botar ben os cálculos da amortización da maquinaria e moitos gandeiros deberían preguntarse se realmente necesitan un tractor de 150 cabalos para a súa explotación ou se o que realmente precisan é un tractor máis pequeno e versátil que ademais non compacta tanto as terras porque pesa menos”, argumenta.
Traballamos moitísimo en saber para onde se vai cada céntimo que cobramos polo leite
Baixo esa mesma óptica de xestión empresarial pretende acadar o tamaño xusto para aproveitar mellor os recursos dispoñibles e maximizar os ingresos sen necesidade de máis man de obra ou outros gastos. “Teño bastante recría, unhas 20 becerras neste momento, que me sobran para repoñer baixas porque agora preciso moitísimas menos que cando estaba en intensivo, e vanme permitir medrar un pouquiño, pero sempre en base á superficie que teña”, insiste. O obxectivo que Eva persegue co aumento da cabana é lograr un pequeno incremento de ingresos para que tanto o seu salario como o de Antonio, un veciño que ten contratado, se poidan ver mellorados. “Queremos estabilizarnos nunhas 40 vacas en muxido todo o ano, o que significaría ter unhas 50 reprodutoras máis ou menos”, detalla.    Baixada de 2 céntimos e medio no prezo do leite Sala de muxido, de 12 puntos, ampliada no 2008, cando a explotación producía en intensivo Granxa Ameixeira entrega o leite a Lactalis, a quen llo vendía xa antes de pasarse a ecolóxico no 2017. Está a cobrar o leite a 46 céntimos, logo de que no último contrato (renovou no mes de agosto) lle baixaran 2,5 céntimos, algo que Eva considera un sensentido, dado que a demanda de leite ecolóxico aumentou a raíz da pandemia.
O meu pai vendía a Pascual e logo pasaramos a Río antes de comezar con Lactalis
A produción media é duns 400 litros diarios e acabou o ano 2021 cun volume total de 185.000 litros producidos. Ao longo do ano móvese nunhas porcentaxes de graxa que oscilan entre o 3,85 e o 3,90 e con niveis do 3,10% de proteína. “Non estou cunhas calidades moi altas, é un deber pendente”, recoñece. “Estame costando un pouco instaurar ben o raigrás nas fincas nas que están pacendo as vacas e lograr unha boa combinación de variedades nas pradeiras. Teño que mellorar iso para poder subir as calidades. Tamén o podería facer co penso, pero non é o que quero”, explica. Venda directa sen intermediarios Entrada á granxa, onde un letreiro deixa claro o carácter loitador e optimista de Eva O proxecto que agora Eva quere emprender, o seu novo soño, é o de comercializar o seu propio leite ecolóxico pasteurizado. Foi seleccionada pola Fundación Juana de Vega para participar no seu programa de Emprendemento Rural, o que lle está a axudar no proceso de deseño e posta en marcha do plan de empresa. “Estou aínda moi en pañais, aínda que era unha idea que tiña xa desde fai anos, de feito xa me presentara no ano 2015 pero naquela ocasión non pasara da primeira fase. Logo a idea quedou un pouco en stand by por todo o que aconteceu e porque sempre o vas deixando por centrarte en atender a granxa, ademais de pola cuestión económica e de man de obra que require”, recoñece.
A única maneira de que se valore en condicións o noso produto é levándoo ás casas e explicando a calidade que realmente ten
Pretende repartir nun radio de 25 quilómetros desde a granxa, o que lle permitiría chegar á cidade da Coruña e á súa área metropolitana, que coincide tamén coa zona da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo e Mariñas Coruñesas, onde Granxa Ameixeiras xa consta como marca de calidade. “A comercialización é algo que realmente quero facer eu para non depender de outros, igual que no tema dos pensos, tratando de ser o máis autosuficiente posible en todo, tanto na alimentación do gando como na venda do leite, porque estou vendo que a única maneira para que se valore en condicións o noso produto é vendéndoo nós directamente, eliminando intermediarios, levándoo ás casas e explicando o valor que realmente ten”, asegura.  

“As axudas deberían dirixirse cara a base territorial das explotacións e non cara a maquinaria e as naves”

Veñen de mercar un autocargador a través dun Plan de Mellora para traer herba das fincas alonxadas Granxa Ameixeira está centrando os seus esforzos nos últimos anos en aumentar a súa base territorial facéndose con fincas a carón da explotación nas que poder pastorear co gando. “É un proceso que se leva a cabo pouco a pouco, porque como son parcelas de monte poñelas a producir non é algo inmediato”, explica. "Non está habendo axudas para a compra de base territorial, cando penso que tería que ser o primordial. É un absurdo que se subvencione a compra de maquinaria ou facer naves e non a compra de terras, porque estase subvencionando un sobredimensionamento das explotacións sen vinculación de ningún tipo á superficie agraria dispoñible, facendo, polo tanto, cada vez máis dependentes ás ganderías da compra de insumos externos. Iso está afogando cada vez máis ás explotacións", razoa.
Por que non se subvenciona a adquisición de terras en vez das naves e a maquinaria? A propia Administración coas súas políticas está fomentando as granxas intensivas e forzando un sobredimensionamento das explotacións cara a un modelo moi industrial
"Eu solicitei un Plan de Mellora para mercar un autocargador para traer herba en verde das fincas de máis lonxe, ás que non levo as vacas a pacer, e se quixese mercar fincas só me dan o 10% do total que gaste en maquinaria. É dicir, se metes 20.000 euros no autocargador só che dan 2.000 euros para mercar fincas, que non é nada. Así que podes atoparte con que che financian a compra do autocargador sen ter fincas ás que ir buscar a herba, realmente é un despropósito. Éncheselles a boca de falar de gandería extensiva pero realmente non hai axudas para facerse con base territorial", asegura.  Cambiar eucaliptos por pradeiras Nos últimos 4 anos mercaron 12 hectáreas de monte que rodeaban o establo, que roturaron para facer pastos Traballan neste momento unhas 45 hectáreas, das que 25 son en propiedade. “Desde o 2018 empecei a mercar superficie practicamente sen axudas e iso obrigoume a empeñarme para poder facerme con base territorial. Logrei facerme con 12 hectáreas a base dun gran desembolso e de pedir préstamos. Era terreo forestal que rodeaba a granxa, os eucaliptos chegaban case á porta. Isto estaba tan abandonado todo que eu tiña medo a que chegara o lume ata aquí se prendía no monte", conta.   "Eu non son pro-eucaliptos, pero entendo que hai sitio para todos. Son consciente de que a cada propietario lle tes que ofrecer unha saída e entendo que as plantacións de eucaliptos deixan cartos e son unha fonte de ingresos importante para moita xente, pero cada cousa debe estar no seu lugar e o problema máis grande que temos é a falta de ordenación territorial", opina.
A base de compras e permutas Eva logrou facerse con 12 hectáreas de superficie
A experiencia de Eva exemplifica as dificultades de moitas ganderías para facerse con terras e incrementar a súa base territorial. “Isto era do lugar de Emilia Pardo Bazán e despois quedara para a filla, Blanca Quiroga. Pero logo de sucesivos repartos, no tramo que estaba pegado á granxa, que podían ser 5 hectáreas, había 8 ou 9 fincas de varios donos distintos, o que fai moi complicado o proceso, porque aínda que un che venda no medio se os outros non o fan non resolves nada. Foi un proceso laborioso a base de cambios e permutas, porque eu sabía que aínda perdendo, gañaba”, di.  
A Xunta se de verdade quixese frear o avance do eucalipto tería que primar a adquisición de base territorial por parte das ganderías
E móstrase escéptica coa efectividade das modificacións normativas levadas a cabo pola Administración autonómica. "A Xunta sacou agora o da moratoria do eucalipto, pero se de verdade quixese frear a eucaliptización tería que primar a adquisición de base territorial por parte das ganderías, que é a mellor maneira de frear o avance do eucalipto. Eu fun a unha charla do conselleiro en Curtis sobre a nova Lei de Recuperación da Terra Agraria e o que plantexan é que os gandeiros lles cambiemos aos propietarios de monte unha hectárea nosa por unha hectárea deles e a maiores a Xunta compensa despois aos propietarios forestais con media hectárea máis. É dicir, a propia Consellería está dando máis valor ao monte que ás terras, cando debería ser ao revés", conclúe.

“Case todas as miñas fincas quedan dentro da poligonal do parque eólico do monte Legre”

Eva Rodríguez é unha muller vital e loitadora, que foi quen de facer fronte ás dificultades que se lle presentaron e que se implica en todas aquelas causas que considera xustas. Desde o pasado mes de xuño forma parte da dirección do Leite do SLG e participa activamente na plataforma A-Legre, a asociación veciñal creada contra o parque eólico do monte Legre, que xunto a outros dous proxectados na comarca terían unha notable afectación sobre as ganderías da zona de Curtis, Mesía, Ordes e Cesuras, unha importante zona de produción agrogandeira de Galicia. Green Capital Power proxecta un parque eólico con 5 muíños no monte Legre, dentro do macroconxunto Ordes-Mesía-Curtis-Cesuras. “A estratexia das empresas é dividir estes megaparques en pequenos proxectos para facilitar as autorizacións pero toda a zona quedaría afectada. Os outros dous parques do conxunto serían o Gasalla, que prexudica moitísimo a Casa Grande de Xanceda, e o Solpor, que afecta á zona de Vilamaior. Todos eles instalaríanse nunha zona moi aproveitada desde o punto de vista agrícola e gandeiro”, argumenta Eva.
A estratexia das empresas é dividir estes megaparques en pequenos proxectos para facilitar as autorizacións pero toda a zona quedaría afectada
A Xunta flexibilizou as condicións para a instalación de parques eólicos en solos agrogandeiros, de maneira que calquera solo rústico sen protección ambiental é susceptible de acoller muíños de vento. “O proxecto de instalación de muíños máis próximo coincide a pouco máis dun quilómetro de aquí, xusto por enriba das parcelas máis alonxadas da granxa ás que levo as vacas a pacer, e o resto das nosas fincas, a grande maioría, quedaría dentro da poligonal do parque. Para un parque con 5 muíños delimitan unha poligonal de 400 hectáreas. Está claro que están preparando os terreos para despois ampliar sen ter que solicitar permisos, porque o perímetro xa quedaría delimitado agora para usos enerxéticos. Así que o seguinte paso é que poden chantar os muíños nas fincas tranquilamente”, teme Eva. As vacas de Granxa Ameixeira pacendo en Dordaño. Ao fondo, o monte Legre, onde irían os aeroxeradores Ademais dos desmontes e movementos de terra necesarios para facer os accesos e instalar os muíños, estarían os ruídos que xeran os parques e dos inconvintes provocados polas liñas de evacuación. “En Cesuras, como somos zona de paso para a subestación de Mesón do Vento, en menos dun quilómetro están proxectados 4 tendidos de evacuación procedentes de lugares como Monfero ou Xermade, o que vai converter isto nunha tea de araña de liñas de alta tensión e eu son moi consciente de que esa condutividade eléctrica vainos afectar tanto ás persoas como aos animais, pero seguramente máis aínda ás vacas, que son máis sensibles ca nós, por iso notan máis o pastor eléctrico”, razoa Eva.
As vacas son moi sensibles á condutividade eléctrica que van provocar as liñas de evacuación; iso é contraditorio co benestar animal do que tanto se fala agora
O funcionamento dos aeroxeradores provocaría tamén afecións sobre o gando que está en pastoreo. “En relación ao ruído, os estudos de impacto ambiental só teñen en conta o ruído do motor, pero non o das aspas co vento, que non o calculan porque non se pode saber ata que están funcionando. E mesmo a nivel lumínico esa sombra constante pasando é incómoda para as vacas, e tanto que se está a falar do benestar animal agora, pois parece que non se ten en conta en proxectos coma estes”, argumenta. Pero confía que as Administracións, no seu deber de protexer e defender aos administrados, escoiten o rexeitamento existente por parte dos veciños que non queren ver sacrificadas as súas vidas polo beneficio das todopoderosas empresas enerxéticas e sen que estes proxectos eólicos revirtan en nada nas aldeas afectadas. "Se todos estes proxectos eólicos van para diante teremos que marchar do rural, e todos sabemos que se o rural non produce as cidades non comen. É un problema que nos incumbe a todos", conclúe.

Que factores poden frear a instalación dun parque eólico en Galicia?

A proliferación de novos proxectos de parques eólicos en Galicia nos últimos meses está a provocar que moitos veciños, gandeiros, produtores e propietarios de terra se atopen de cheo con estas iniciativas e coas consecuencias que pode provocar a súa instalación. En numerosas ocasións, estes novos parques eólicos son percibidos como prexudiciais polas persoas afectadas. Fronte a estes proxectos, queda presentar alegacións ás Administracións, coas que valorar o impacto real que o parque ocasiona e decidir que aproveitamento prevalece, pero ¿que cómpre ter en conta á hora de presentar alegacións desta índole?
“Hai que dimensionar os proxectos eólicos en Galicia. Estamos a ver modificacións compulsivas do marco regulador que só tentan poñer unha alfombra vermella ós proxectos eólicos”
A xurista e catedrática de Dereito Administrativo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), Alba Nogueira tratou esta cuestión nunha xornada organizada polo Observatorio Eólico de Galicia. A sesión centrouse nos posibles impactos que poden provocar algúns destes proxectos e que están a ser motivo para a súa paralización. “Hai que dimensionar os proxectos eólicos en Galicia. Estamos a ver modificacións compulsivas do marco regulador que só tentan poñer unha alfombra vermella ós proxectos eólicos”, valora a xurista.

Utilidade pública

Boa parte dos proxectos eólicos reivindican a utilidade pública da proposta para tentar así mesmo conseguir unha expropiación forzosa dos terreos, sen necesidade de mercalos ou alugalos. Segundo aclarou Nogueira, a propia lei 8/2009 que regula o aproveitamento eólico en Galicia e pola que se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, recoñece no seu artigo 44.5 a posibilidade de que os proxectos eólicos poidan ser declarados de utilidade pública. Esta declaración serve en moitos casos de arma nos procesos de negociación cos propietarios, posto que ante prezos ou condicións pouco competitivas para os donos dos terreos, os promotores dos parques eólicos optan por deixar sobre a mesa a expropiación forzosa á que optan se son declarados de interese público.
Antes de declarar de utilidade pública un parque eólico e permitir expropiacións forzosas estúdanse os usos que se fan do terreo e a súa prevalencia. Este proceso pódeno solicitar afectados que fagan uso do monte como gandeiros ou comunidades de montes
Porén, no recoñecemento da utilidade pública dun proxecto eólico tamén se teñen en conta outros usos que se fan nese territorio. “É posible que co recoñecemento de utilidade pública haxa outras actividades produtivas (gandeira, agrícola, forestal, mineira...) ou bens a protexer, e a lei estipula que hai que facer un trámite para determinar que usos prevalecen se as actividades non son compatibles”, explica Nogueira. Así, cando nas zonas existen outras actividades ou bens debera analizarse se son usos compatibles e de non selo, sométese a exame a situación para determinar cales prevalecen. Ademais, este trámite para determinar a prevalencia dos usos dun terreo é un trámite que pode iniciarse polas persoas que se vexan afectadas, como poden ser gandeiros ou agricultores, así como comunidades de montes. “Ver que usos prevalecen non só se inicia de oficio senón polos propios afectados”, concreta a xurista.

Cuestións a ter en conta nas alegacións

Á hora de tramitar as alegacións para analizar que usos do territorio prevalecen, Nogueira recomenda ter en conta os criterios que están a ser determinantes nesta valoración. Así, as alegacións deben estar afianzadas en razóns científicas e técnicas. Ademais, o aporte de documentación que axude a estimar o impacto económico tamén é unha ferramenta de utilidade para que as alegacións sexan tomadas en consideración. Do mesmo xeito, afianzar os argumentos en normas ou xurisprudencia existente é outra das vías para que estas peticións se valoren.
Incluír estimacións do impacto económico, argumentos científicos e técnicos ou asentados en xurisprudencia poden ser de utilidade para lograr que as alegacións prosperen
Nogueira tamén sinala a importancia que chega a ter o órgano que promove ditas alegacións. “É preciso que o grupo que impulsa esta valoración de prevalencia dos usos teña un interese lexítimo, que estean afectados os seus dereitos ou bens”, concreta. Tanto é así, que a xurista recorda un caso dunha asociación sociocultural que promoveu  alegacións contra un parque eólico que afectaba á parroquia e que foron desestimadas por non estar vinculada directamente á actividade que se levaba a cabo nos terreos afectados e pese a que nos seus estatutos figuraba a defensa dos intereses dos veciños.

Avaliación de Impacto Ambiental

A Avaliación de Impacto Ambiental é un trámite que afrontan os proxectos dos parques eólicos e que tamén está a ser determinante en moitas ocasións para a súa paralización ou avance. En función do tamaño do parque, o proxecto debe superar unha avaliación ordinaria (para as iniciativas de maior tamaño) ou simplificada (para aquelas instalacións cunhas dimensións máis reducidas). Nogueira sinalou que coa proliferación de parques eólicos que se está a producir nos últimos meses en Galicia estase a constatar unha fragmentación dos proxectos eólicos, coa intención de que estes parques se sometan a unha avaliación simplificada no canto de ter que afrontar unha ordinaria, máis complexa e que en moitos casos faría rexeitar o proxecto polo impacto que pode ter tanto no territorio como na poboación do lugar.
Coa proliferación de parques eólicos en Galicia estase producindo unha fragmentación dos proxectos para optar a unha avaliación máis simplificada
Estas estratexias están a aplicarse non só cos parques eólicos en si senón cos proxectos para as liñas de evacuación da electricidade xerada nestas instalacións. Este tipo de cuestións tamén poden ser incluídas nas alegacións, dado o impacto que chegan a producir. “Este fraccionamento de proxectos é unha cuestión que a lexislación europea persigue tanto na colocación de novos aeroxeradores como coas infraestruturas de evacuación da corrente eléctrica”, detalla Nogueira. Outro das estratexias que a xurista sinala que se están a seguir con distintos proxectos para conseguir a súa aprobación é a recuperación de antigos informes de impacto ambiental, dado que a norma galega é moi antiga. Con todo, a avaliación de impacto ambiental tería unha caducidade de 2 ou 4 anos, segundo as características do proxecto e non cabe posibilidade de prórroga, tal e como sinala a especialista en Dereito Administrativo.

Por que non se están a repotenciar os parques eólicos en Galicia?

Parque eólico de Malpica, o primeiro dos construídos na Costa da Morte, repotenciado no 2017 Galicia foi pioneira a nivel estatal na regulación do aproveitamento do vento para a produción de electricidade e nos seus máis de 170 parques eólicos conta con máis de 4.000 aeroxeradores. A meirande parte puxéronse en marcha durante o período que vai dende 1997 ata o ano 2008 e moitos deles poden ser considerados xa obsoletos e pouco eficientes en termos produtivos. Unha saída nestes casos é a repotenciación dos parques eólicos, que consiste na substitución dos aeroxeradores obsoletos por outros novos, con maior potencia unitaria. Dado que estes procesos de repotenciamento non poden supoñer, segundo a lexislación española, aumentar a potencia total do parque, acaban implicando unha redución moi considerable no número de muíños por parque e un incremento na eficiencia produtiva das instalacións en termos de produción anual de enerxía.
Os primeiros muíños de vento instalados na comunidade xa remataron o periodo de vixencia das primas á produción de enerxías renovables e serían susceptibles de seren repotenciados
Segundo os datos do Observatorio Eólico de Galicia, a data 19-11-2020 había en Galicia 1.569,92 megawatios eólicos cobrando primas, o que representa un 44% da potencia instalada na comunidade. O sistema de apoio á produción eólica rematou no ano 2012 pero segue vixente na actualidade para os parques que entraron en funcionamento entre o 2003 e o 2011. Pero os primeiros muíños de vento instalados na comunidade xa remataron o periodo de vixencia das primas á produción de enerxías renovables e serían susceptibles de seren repotenciados. Repotenciación vs Novos parques Traballos de desmontaxe das vellas turbinas do parque eólico de Corme A recente reactivación da enerxía eólica en Galicia e os parques que se encontran en tramitación administrativa aventuran un repunte do sector nos vindeiros anos e un incremento notable de megawatios en funcionamento. Dada a potencia unitaria dos novos aeroxeradores, que en moitos casos é de 3MW e mesmo nalgún proxecto concreto chegan a acadar os 4,5MW, parece previsible que a potencia media dos muíños eólicos de Galicia vaia a experimentar un importante crecemento desde os 0,8 megawatios actuais de promedio por muíño (no caso dos primeiros aeroxeradores instalados en Galicia a súa potencia é inferior en moitos casos aos 0,5 megawatios).
Os novos aeroxeradores multiplican até por dez a potencia dos vellos
Ese aumento da potencia instalada en Galicia pode vir por unha dobre vía: instalación de novos parques e repotenciamento dos existentes. O Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio, indica, cando se refire ás actuacións relativas á enerxía eólica, que se priorizará "a repotenciación dos parques xa existentes" sobre o desenvolvemento de novos parques.
Os de Malpica, Cabo Vilán, Corme e Zas son dos poucos parques eólicos que foron repotenciados en Galicia
Sen embargo, poucos son até o de agora os casos de repotenciación de parques eólicos levados a cabo na nosa comunidade, que se circunscriben case exclusivamente a uns cantos exemplos na Costa da Morte: os de Malpica, Cabo Vilán, Corme e Zas. "Cóntanse cos dedos da man os parques repotenciados en Galicia", evidencia Xavier Simón, responsable do Observatorio Eólico de Galicia. De 80 muíños a tan só 10 Repotenciación do parque eólico de Malpica, onde se desmontaron 69 vellos muíños e se instalaron 7 novos O parque eólico de Zas, situado entre os concellos de Zas e Santa Comba, foi un dos últimos en repotenciarse. Hai un ano que EDP, a empresa propietaria, rematou os traballos. Tiña orixinariamente 80 muíños de vento dunha potencia de 0,3MW cada un, é dicir, 24MW totais. Logo da repotenciación, eses 80 muíños iniciais foron substituídos por tan só 10 aeroxeradores, cunha potencia unitaria de 2,4MW. O número de muíños reduciuse considerablemente mais a costa de incrementar o seu impacto visual individual (os muíños orixinais de 24 metros de alto e 14,5 metros de lonxitude das pas foron substituídos por torres de 93 metros de alto e 57 metros de longo de pa). Malia non incrementarse a potencia total instalada do parque, que segue a ser de 24MW, a produción estimada anual practicamente se duplicou, pasando de 52,8GWh a 100,27GWh.
As novas turbinas son máis potentes e van colocadas a maior altura
O primeiro parque repotenciado en Galicia foi o de Cabo Vilán, propiedade de Naturgy, no ano 2016. Alí cambiáronse 22 turbinas de 0,2MW postas en funcionamento nos anos 1991 e 1992 por tan só dous aeroxeradores de 3MW cada un. É dicir, un só dos novos aeroxeradores produce case tanta electricidade coma os 22 vellos, que sumaban unha potencia entre todos de 3,9MW. No parque de Malpica, o máis antigo da Costa da Morte, situado no límite con Ponteceso, Elecnor desmontou no 2017 os 69 vellos aeroxeradores e colocou no seu lugar tan só 7 turbinas novas, cunha potencia total nos dous casos de 16,5MW; mentres que en Corme EDP cambiou os 61 muíños de 18,3MW por outros 7 que garanten a mesma potencia. O cambio de turbinas, permitido en Rede Natura Parque eólico da empresa EDF en Corme, ubicado en Rede Natura e repotenciado nos últimos anos En Rede Natura, a partir do ano 2009, coa entrada en vigor da Lei 8/2009, non está permitida a construción de novos emprazamentos eólicos, coa excepción da repotenciación das instalacións xa existentes, polo que o feito de atopárense boa parte destes primeiros parques instalados en Galicia en lugares como a Costa da Morte ou a Serra do Xistral en zonas hoxe protexidas desde o punto de vista medioambiental non impediría o seu repotenciamento. De feito, o parque de Corme estaba situado en Rede Natura nunha zona considerada de especial protección para aves (ZEPA). A substitución das turbinas actuais por outras novas en parques coma este, construídos fai anos en espazos naturais, permite reducir a súa zona de afectación. Por exemplo, no caso do parque ubicado entre Malpica e Ponteceso, logrouse reducir case á metade a superficie ocupada, pasando de 3,2 hectáreas a 1,9.
Na repotenciación levada a cabo no parque eólico de Malpica, o máis antigo da Costa da Morte, logrouse reducir a superficie ocupada de 3,2 a 1,9 hectáreas
Os traballos de repotenciación non consisten só no cambio dunhas turbinas polas outras, senón que levan aparellado o desmantelamento dos muíños antigos, a recuperación do terreo desde o punto de vista natural e a instalación dos novos aeroxeradores. "Execútase a desmontaxe dos aeroxeradores peza por peza para poder ser reempregados coa dobre vantaxe de reducir o número de residuos e da obtención dun maior retorno económico. Os equipos son desmontados para a súa reutilización e comercialízanse como útiles a nivel global", explican desde Surus, a empresa creada no 2010 e encargada da repotenciación da meirande parte dos parques en Galicia.
Os vellos aeroxeradores son vendidos no mercado internacional para desenvolver proxectos eólicos noutros países
No caso do parques de Zas e Corme, os vellos aeroxeradores disfrutan xa dunha segunda vida con até 9 empresas ou sociedades distintas como compradores, sendo máis do 50% dos equipos adquiridos por sociedades internacionais. O retorno económico foi máis do dobre do que se obtería co achatarramento das 5.300 toneladas de ferro e aceiro. A mesma solución de economía circular se levou a cabo en Malpica. "A pesar de levar 20 anos funcionando, tanto os 69 aeroxeradores como os 15 centros de transformación encontrábanse en perfecto estado para ser reempregados", conta Surus. En total, foron 2.070 toneladas de ferro e aceiro valorizadas e 1,4 millóns de euros de retorno económico, catro veces máis que o seu valor como chatarra.

As primas eólicas, un freo ao repotenciamento?

Parques eólicos que cobran primas pola produción de enerxía / Fonte: OEGA a partir dos datos da CNMV Até a aprobación do Real Decreto Lei 1/2012, que suprimiu os incentivos económicos para as novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables, o Goberno español primaba a produción eólica, solar, hidráulica e procedente de biomasa cun sistema de apoios para instalacións de menos de 50MW. Derivado destes cambios legais no tempo, na actualidade podemos distinguir dous tipos de parques eólicos en Galicia: os que non reciben primas de apoio estatais e os que si. Tan só os muíños instalados entre 2003 e 2011 estarían neste grupo, mentras o resto de parques, tanto os anteriores como os posteriores, non contarían con mecanismo de remuneración pública e financiaríanse exclusivamente coa venda da enerxía a prezo de mercado.
Catro de cada dez megawatios instalados en Galicia seguen a cobrar primas á produción eólica
Segundo os datos aportados polo Observatorio Eólico de Galicia, a partir dos certificados de garantía de orixe expedidos pola Comisión Nacional do Mercado de Valores, a data 19 de novembro de 2020 unha cuarta parte dos megawatios eólicos instalados en Galicia, correspondentes aos parques postos en marcha entre os anos 2003 e 2011, manterían aínda o cobro de primas á produción de enerxía. Maiores beneficios e menor tributación Dinámica da potencia media por aeroxerador en funcionamento no territorio galego / Fonte: OEGA A vixencia das primas por produción pode ser un elemento que está a xogar en contra da repotenciación, pois os novos muíños perderían os dereitos de cobro, mais non serviría para xustificar a falta de modernización dos parques máis antigos, os construídos entre os anos 1997 e 2003, que non contan xa con ningún sistema de apoio público. Neste caso habería condicionantes doutro tipo, como o elevado investimento ou a necesaria tramitación. Aínda que o custo actual de instalación dos aeroxeradores tamén diminuíu a respecto do gasto inicial de cando se montaron os primeiros parques (nos últimos 30 anos produciuse un constante descenso do investimento total necesario para a posta en marcha de parques eólicos, ao pasar de 2.713 euros por MW en 1990 a 1.386 euros en 2019), os repotenciamentos levan aparellado investimentos millonarios. En Cabo Vilán Naturgy gastou 7,6 millóns de euros; en Malpica Elecnor 22 millóns de euros.
O obxectivo das primas ás enerxías renovables era facelas competitivas con respecto ás fontes convencionais a base de carbón e petróleo
No lado oposto estarían os beneficios para as compañías propietarias, xa que aproveitarían unha parte das infraestruturas xa existentes (subestacións, liñas de evacuación, accesos, contratos de dereitos sobre os terreos, etc) e incrementarían notablemente os ingresos actuais grazas a unha maior produtividade do parque. No parque de Malpica, por exemplo, logo da repotenciación acometida no 2017, os 7 aeroxeradores actuais conservan a mesma potencia total dos 69 anteriores (16,5MW) pero son capaces de producir o dobre de electricidade (até 66GWh ao ano). Outro tanto ocorre en Zas, onde cos mesmos 24MW, a produción estimada anual dos 10 muíños actuais practicamente se duplicou con respecto aos 80 vellos, pasando de 52,8GWh a 100,27GWh.
O parque eólico de Malpica produce hoxe con 7 aeroxeradores o dobre de electricidade ao ano ca antes da repotenciación con 69 muíños
A repotenciación tería tamén vantaxes para as empresas desde o punto de vista tributario. O canon eólico, un gravame autonómico que serve para financiar o Fondo de Compensación Ambiental, recada uns 24 millóns de euros anuais, un diñeiro que se reparte entre os concellos que teñen parques e tamén se destina a outras actuacións ambientais e de eficiencia enerxética no conxunto do territorio galego. Parque eólico de Corme antes da súa repotenciación O pago está vinculado ao número de aeroxeradores, de maneira que os parques de menos de tres muíños están exentos de tributación e os restantes distribúense en tres tramos: entre 4 e 7 pagan 2.300 euros por aeroxerador ao ano; entre 8 e 15, 4.100 euros; e máis de 15, 5,900 euros.
Naturgy pasou de pagar 129.800€ ao ano de canon eólico polo parque de Cabo Vilán a deixar de tributar na actualidade, Elecnor aforra 391.000€ en Malpica e EDF 431.000€ en Zas e 343.800€ en Corme
Os novos parques teñen menos muíños de vento pero de máis potencia e, en consecuencia, a contía a pagar polo canon eólico tamén diminúe considerablemente. Sirvan os seguintes exemplos ben clarificadores: en Zas a empresa EDF pasou de pagar 472.000 euros anuais de canon eólico por 80 aeroxeradores a tan só 41.000 euros polos 10 actuais; en Corme, a mesma empresa pagaba 359.900 euros polos 61 vellos muíños fronte a tan só 16.100 euros polos 7 aeroxeradores actuais; a mesma cantidade é a que paga hoxe Elecnor en Malpica ao pasar de 69 muíños, polos que antes pagaba 407.100 euros, a 7; no caso de Cabo Vilán, Naturgy pagaba 129.800 euros por 22 vellas turbinas e non paga nada polas dúas actuais que as substituíron.
A diminución no número de muíños tamén leva aparellada, en moitos casos, uns menores ingresos para os propietarios dos montes ao teren asinados contratos de arrendamento por aeroxerador e non por potencia
Por iso, desde o Observatorio Eólico de Galicia, e recollendo o sentir dos representantes municipais, propúxose a modificación da normativa que regula o canon para vincular a cota tributaria coa potencia total do parque eólico e non co número de aeroxeradores. A diminución no número de muíños por parque tamén leva aparellada, en moitos casos, uns menores ingresos para os propietarios dos terreos, posto que en moitos casos os contratos de arrendamento asinados no seu día coas empresas fixaba un pago anual por aeroxerador, non por potencia, e o descenso de turbinas provoca unha merma proporcional nas rendas que perciben os donos dos montes.

Calquera solo rústico galego sen protección ambiental, susceptible de acoller muiños de vento

Vacas leiteiras e muíños de vento na Estrada, unha imaxe cada vez máis habitual a medida que os aeroxeradores, favorecidos pola lexislación, se van achegando ás explotacións Todas as terras rústicas de Galicia poden ser o emprazamento para novos parques eólicos. A Xunta flexibilizou en febreiro pasado a normativa en vigor para permitir instalar aeroxeradores fóra das denominadas Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE), aquelas reservadas no Plan Sectorial Eólico de Galicia para a instalación de muíños. Desde ese momento, todo o solo rústico que careza de protección é susceptible de acoller aeroxeradores. O cambio normativo foi introducido a través da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. Entre moitos outros cambios, esa nova lei modifica a Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, ao establecer unha nova redacción para o seu artigo 6.4, que queda redactado do seguinte xeito: “Non poderán implantarse parques eólicos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia, coa excepción das modificacións substanciais dos parques en funcionamento nos termos que se desenvolvan regulamentariamente, así como aqueles proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, posúan unha función vertebradora e estruturante do territorio e sexan declarados como tales polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de enerxía”.
Xa é posible colocar aeroxeradores fóra das Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) incluídas no Plan Sectorial Eólico de Galicia
Así pois, a instalación de novos parques en calquera solo rústico da comunidade é agora posible e queda unicamente a criterio do Consello da Xunta con criterios tan subxectivos como os da "incidencia territorial" ou a "función vertebradora do territorio". A modificación normativa pon máis doado ás empresas elixir ubicación para os seus proxectos de produción, pois abre todo o territorio rústico sen protección ambiental aos parques eólicos. Esta última modificación do mes de febreiro pasado vén a sumarse á producida no 2017, cando se modificou a Disposición Transitoria 2ª da Lei 8/2009. Con ela, contémplase que os parques eólicos poidan situarse tanto nas zonas incluídas dentro das Áreas de Desenvolvemento Eólico "así como na faixa paralela a estas”.
A modificación normativa pon máis doado ás empresas elixir ubicación para os seus proxectos de produción eólica
En base a esta posibilidade produciuse a petición do parque eólico Coto do Carballal, en Cotobade, situado nas proximidades do LIC Serra do Cando, pero fóra da Área de Desenvolvemento Eólico fixada na zona. Nesa delimitación, situada sobre Rede Natura, hai na actualidade 2 parques eólicos de 97 aeroxeradores e case 65MW de potencia total instalada. A solicitude presentada inclúe un novo parque con 4 aeroxeradores e unha subestación fóra da zona ADE. Moratoria eólica Parque eólico ubicado en terreos da Comunidade de Montes de Lousada, en Xermade O Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), aprobado inicialmente en 1997 e modificado en 2002, está a quedar obsoleto por moitas razóns. Sobre todo, polos cambios tecnolóxicos ocorridos no sector, cun incremento significativo da potencia media dos aeroxeradores. Pero ademais, o boom eólico dos últimos dous anos muda a escala do desenvolvemento do sector, cunha multiplicación da potencia instalada, non só pola presentación de megaproxectos, senón tamén pola maior potencia dos novos aeroxeradores. "Desde o OEGA defendemos unha moratoria eólica que permita a actualización da planificación enerxética e territorial da enerxía eólica. Unha actualización na que participe toda a cidadanía e que derive tamén nun cambio normativo que recolla o papel activo das comunidades locais na transición enerxética", defende Xavier Simón, responsable do Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade de estudo e asesoramento creada a tres bandas pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto.
Demandan unha moratoria semellante ao do eucalipto para redactar un novo Plan Sectorial para o sector eólico
O Observatorio considera necesario avanzar nunha nova gobernanza do sector eólico en Galicia que, apostando pola transición enerxética desde os modelos fósiles aos modelos das enerxías renovables, propicie unha transformación real dos territorios onde se asentan esas novas tecnoloxías. "O medio rural merece un cambio na dirección actual do sistema enerxético", aseguran. Nese sentido, apuntan a dous tipos de medidas: aquelas que non requirirían cambios normativos e outras cuxa posta en marcha necesitaría de cambios lexislativos previos. "As dúas precisan que a sociedade galega no seu conxunto, sen exclusións, reconsidere a necesaria transición enerxética para que sirva realmente para fortalecer ás comunidades locais e rurais, ata agora moi pouco consideradas tanto como suxeitos para a toma de decisións sobre a planificación enerxética e territorial como actores que toman parte nun reparto equitativo das cargas e dos beneficios asociados ás novas instalacións enerxéticas", defenden. Distribución desigual no territorio Captura de pantalla do Rexistro Eólico de Galicia: en azul, os parques en funcionamento; en morado, os que están en tramitación; e en laranxa, as novas solicitudes Aínda que hai parques eólicos en máis dun cento de concellos, a enerxía eólica non se distribuíu de maneira homoxénea ao longo do territorio, xa que existen espazos xeográficos que concentraron grande parte da potencia instalada. As provincias de Lugo e A Coruña teñen a meirande parte dos parques en funcionamento e os municipios que concentran máis aeroxeradores están radicados nas serras que compoñen a Dorsal Galega e nas zonas de costa da provincia de A Coruña. Destaca particularmente a densidade eólica existente na Serra do Xistral con concellos como o de Muras, O Valadouro, Abadín e Ourol á cabeza da masificación eólica.
As compañías eléctricas compiten pola terra coas explotacións, coa vantaxe do recurso á expropiación forzosa en caso de non chegaren a acordo cos propietarios
Nos últimos meses estanse a presentar unha manchea de solicitudes para instalar novos parques eólicos, moitas delas dirixidas a terreos ubicados a menor altitude dos que até agora rexiron a colocación de muíños de vento en Galicia. Nestes novos emprazamentos, moitas veces terreos aptos para a produción agrogandeira, as compañías eléctricas compiten pola terra coas explotacións, coa vantaxe do recurso á expropiación en caso de non chegar a acordo cos propietarios. Fondo de Defensa Xurídica da Cordilleira Cantábrica Distintos colectivos de toda a zona norte española veñen de constituír un Fondo de Defensa Xurídica co obxectivo de dotarse dun soporte económico para promover accións legais en defensa da biodiversidade e da paisaxe da cordilleira cantábrica e a súa contorna fronte á avalancha de megaproxectos de enerxía eólica.
Colectivos ecoloxistas e de afectados de Galicia, Castela e León e Cantabria son os impulsores desta iniciativa
Os impulsores desta iniciativa son a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Plataforma Bierzo Aire Limpio, a Mesa Eólica Merindades de Burgos, a Plataforma para la Defensa de la Cordillera Cantábrica, a Plataforma para la Defensa de los Valles Pasiegos e a Sociedade Galega de Ornitoloxía. O Observatorio Eólico de Galicia forma parte tamén do equipo asesor co ánimo de contribuír a unha transición enerxética que integre os valores ambientais e non deixe atrás ás comunidades rurais.
A defensa xurídica e a asistencia a colectivos de afectados na presentación de alegacións son algúns dos principais ámbitos de actuación do Fondo, que ten aberta unha campaña de mecenado
A defensa xurídica, impulsando accións legais nos ámbitos autonómico, estatal e europeo, e a asistencia a colectivos de afectados na presentación de alegacións son algúns dos principais ámbitos de actuación do Fondo. Para levalos a cabo púxose en marcha unha campaña de crowdfunding, desenvolvida a través da plataforma de recollida solidaria de fondos migranodearena.org, até o 5 de xuño de 2021, Día Mundial do Medio Ambiente.

A Xunta autorizou nos anos 90 parques eólicos que contaban con informes negativos

Vista dos parques eólicos na Serra do Xistral desde o alto do Cadramón Na actualidade, colocar parques eólicos en zonas de Rede Natura non está permitido. Pero non sempre foi así. Un artigo publicado polo Observatorio Eólico de Galicia detecta casos nos que mesmo se autorizou a instalación de parques eólicos en lugares que contaban con informes técnicos negativos pola súa importante afección ao territorio. "Analizamos as autorizacións dos primeiros parques eólicos instalados e descubrimos varios do ano 1997 nos que os técnicos de Medio Ambiente emitiron informes preceptivos negativos. Hai un conxunto dos que se instalaron na Serra do Xistral que tiñan informes desaconsellando a implantación neses espazos debido ao impacto ambiental nas turbeiras", explica Xavier Simón.
Hoxe o nivel de protección incrementouse. O parque previsto na zona de Pena Trevinca non foi autorizado pola afectación sobre os exemplares de aguia real
A partir da entrada en vigor da Lei 8/2009 xa non é posible promover novos parques eólicos en Rede Natura, pero até entón a normativa xustificaba que "tan racional resulta a instalación dunha explotación agrícola ou gandeira en solo de especial protección agrícola, como a dun parque eólico nun espazo natural”. Mesmo o Consello da Xunta o día 11 de marzo de 1999 declarou a "compatibilidade expresa dos Plans Eólicos cos lugares de Rede Natura 2000”. Esta permisividade supuxo que dos 3.173 MW instalados a setembro de 2009, 1.254 MW desenvolvéranse en 54 parques eólicos que teñen algunha clase de afección á Rede Natura 2000, é dicir, isto significa que o 39,53% da potencia instalada naquelas dúas primeiras décadas de desenvolvemento eólico en Galicia afectaba total ou parcialmente a Lugares de Interese Comunitario (LIC).
En Galicia hai 54 parques eólicos instalados antes do 2009 que teñen algunha clase de afectación á Rede Natura
Entre os espazos naturais protexidos que contan con parques eólicos en funcionamento encóntranse: Serra do Cando, Serra do Candán, Monte Maior, Serra do Xistral, Carnota-Monte Pindo, Costa Ártabra, Serra do Careón, Costa da Morte, Xubia-Castro, Monte Faro, Ortigueira-Mera, Brañas de Xestoso e Fragas do Eume. A Serra do Xistral acumula 835 muíños de vento Entre todos os espazos ambientais afectados por parques eólicos resalta o caso da Serra do Xistral, onde hai 28 parques eólicos, que totalizan 642,32 MW de potencia e 835 aeroxeradores, que teñen algunha afección a este LIC. Os 3 primeiros parques (Álabe Soán, Álabe Cadramón e Álabe Nordés) foron postos en marcha en 1999 e o último en 2007 (fora autorizado baixo o paraugas do Decreto 302/2001). "A Xunta de Galicia autorizaba parques eólicos dentro de Rede Natura pois a lexislación sectorial (enerxética, eólica e urbanísticas) estaba configurada para que tal cousa acontecera", asegura o director do Observatorio Eólico de Galicia. Malia que a normativa permitía instalar aeroxeradores en espazos naturais, non eximía de levar a cabo avaliación ambiental e todos os parques instalados no Xistral foron sometidos a declaración de impacto ambiental, seguindo a normativa vixente naquel período de tempo.
A Xunta de Galicia autorizaba parques eólicos dentro de Rede Natura pois a lexislación sectorial (enerxética, eólica e urbanísticas) estaba configurada para que tal cousa acontecera
Pero pouco caso se lle fixo por parte da Consellería de Industria, engargada da autorización final, malia que a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural consideraba no seu informe preceptivo a execución dos parques de Álabe Soán, Álabe Cadramón e Álabe Nordés "absolutamente incompatible coa conservación do hábitat característico da Serra do Xistral e Cadramón, como son as peculiares turbeiras de cobertor, únicas na Península ibérica e que son hábitat de interese prioritario para a Comunidade Europea".
No caso do Xistral polo menos 3 parques eólicos foron autorizados con informes ambientais contrarios
Malia iso, os parques construíronse igual. "O que nos está indicando é que a pesar dos informes negativos existentes nos anos 90 os políticos decidiron establecelos, non tiveron carácter vinculante. Parécenos inaudito que isto tivera acontecido e deu pé a que outros parques se estableceran posteriormente tanto nesa zona coma noutras", argumenta Xavier Simón. Parques eólicos en zonas de ampliación da Rede Natura A Serra do Xistral, ao igual que moitos outros espazos ambientais galegos, foron incluídos dentro da Rede Natura a finais do ano 2004. Isto significa que moitos dos parques eólicos instalados no Xistral foron autorizados antes de adquirir ese nivel de protección. Algo semellante volve acontecer neste momento, xa que a ampliación prevista da Rede Natura en Galicia, anunciada pola Xunta pero conxelada neste momento, condicionaría a instalación de novos parques, posto que impediría a súa autorización en lugares onde hoxe poden colocarse.
A ampliación prevista da Rede Natura en Galicia, anunciada pola Xunta pero conxelada neste momento, condicionaría a instalación de novos parques en determinadas zonas
"A existencia de informes técnicos preceptivos de carácter negativo deberían ser considerados na súa enteira magnitude. Se uns ecosistemas están na porta de entrada para a súa inclusión en Rede Natura (como ocorre agora coa Serra do Suído ou coa Serra da Groba) o lexislador (órgano substantivo ou ambiental, da Xunta de Galicia) debería ser totalmente sensible a acomodar súa decisión sobre os parques eólicos a ese nivel de protección ambiental, non permitindo a súa implantación. Se son autorizados parques eólicos antes de que eses lugares teñan a etiqueta legal da Rede Natura estariamos a usar de forma inaceptable unha fenda legal", argumenta o Observatorio.

Como repartir os cartos dos parques eólicos entre a veciñanza: o caso de Muras

Na Serra do Xistral os cabalos axudan a manter limpos os montes nos que foron instalados os muíños de vento Despois de anos medio parada, unha nova febre do ouro (neste caso do vento) percorre Galicia, con múltiples proxectos en marcha para instalar novos aeroxeradores en moitos daqueles montes que aínda non os teñen. Non hai máis que ver o mapa do Rexistro Eólico da Xunta para comprobar como a maioría de serras quedarían inzadas de muíños. Con eles, a dicotomía entre enerxía limpa e impacto ambiental volve xurdir con forza, mais tamén o debate da rendibilidade económica e social da explotación (hai quen di expolio) deses recursos. En Galicia hai na actualidade máis de 170 parques eólicos, con 3.800 megawatios instalados, o que a converten na cuarta comunidade en potencia eólica e a segunda en xeración de enerxía procedente do vento. Pero nos dous últimos anos presentáronse, segundo expuxo recentemente nun debate na Cadena Ser Paula Uría, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta de Galicia, outros tantos novos proxectos, que se atopan en distintas fases de tramitación (medio cento en exposición pública) e que sumarían en total outros 6.800 megawatios. É dicir, de chegar todos a bo porto, nesta década o número de parques podería duplicarse e a potencia actual instalada multiplicarse por tres, o que representa unha oportunidade de xerar maiores rendas para o rural galego.
Galicia acumulaba no 2010 un total de 3.200 megawatios eólicos, equivalentes a tres centrais nucleares, pero na última década case non se crearon novos parques polo parón no sector eólico na comunidade
Os beneficios que recibe agora o rural da tarta eólica son limitados. Os propietarios perciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques, segundo un informe publicado no 2019 polo Observatorio Eólico de Galicia, un organismo constituído a tres bandas entre a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto. As empresas recollen nos seus contratos distintas modalidades de pago aos donos dos montes onde se instalan os aeroxeradores: unha porcentaxe da produción eléctrica (una media dun 1,5% os primeiros anos e un 4% os seguintes); por superficie ocupada (de 0,03 a 0,61 euros o metro cuadrado anual); ou por potencia instalada (de 2.000 a 3.000 euros por megavatio). Se se teñen en conta tamén os impostos municipais (IAE, IBI, imposto de construción, etc.) que reciben os Concellos e os ingresos derivados dos parques eólicos municipais, o negocio eólico deixa no rural galego un 5% da facturación dos parques, segundo estimacións do Observatorio Eólico de Galicia.
A empresa pública norueguesa Statkraft pretende entrar en Galicia con tres macroproxectos en Rebordechao, Prada e Barxas, no límite entre León e Ourense e con liñas de evacuación por territorio galego
Alén do debate sobre a contía das rendas que xeran aos propietarios dos terreos onde se instalan os muíños de vento, en moitos casos comunidades de montes, e dos ingresos que van parar para as arcas municipais en forma de impostos, o debate estaría tamén en como socializar eses beneficios económicos entre a poboación local, por teren asimesmo que sufrir os prexuizos e condicionantes que provocan os aeroxeradores. Medio muíño de vento per cápita Vista dos parques eólicos na Serra do Xistral, en Muras, desde o alto do Cadramón Con 164 km cadrados, Muras, o concello galego con máis aeroxeradores, é tamén un dos máis despoboados de Galicia. Tocan a máis dun muíño de vento por cada dous veciños. É un dos concellos galegos con máis parques eólicos (20 en total) e contan tamén cun modelo propio a nivel municipal que busca repartir os ingresos dos aeroxeradores entre a veciñanza, facéndoa partícipe das contías económicas que todos os anos deixan nas arcas municipais. O Concello, cun goberno bipartito desde o ano 2015, adica unha parte dos recursos municipais que xeran os 381 aeroxeradores instalados no termo municipal ao pago da factura da luz ás familias, negocios e explotacións gandeiras. Comezaron hai 5 anos subvencionando a enerxía eléctrica aos fogares como un xeito de minimizar a suba do recibo que comezaban a aplicar as compañías eléctricas, as mesmas que teñen os parques eólicos en lugares coma Muras.
Nos 164 km cadrados do termo municipal viven 680 veciños e hai instalados 381 aeroxeradores
"É unha axuda de 300 a 600 euros anuais, en función do consumo e de criterios de renda, que lles damos ás unidades familiares censadas no municipio para pagar a factura da luz. Serve para paliar o aumento abusivo e inxusto dos prezos da enerxía e para eliminar a pobreza enerxética e pretende que a riqueza que xeran os muiños instalados no concello revirta dun xeito directo sobre as persoas que viven no territorio, todo iso cos cartos que reportan os propios muíños de vento. Este é tamén un incentivo importante para que novas familias se asenten en Muras", razoa o alcalde, Manuel Requeijo.
O Concello saca unha convocatoria de axudas para o pago da factura da luz de até 600 euros ao ano por unidade de convivencia e 1.500 euros para explotacións agrogandeiras, autónomos e pemes
Nas bases do ano pasado incorporaron unha nova liña de axudas destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio. A medida tenta paliar os efectos da crise provocada polo coronavirus na actividade produtiva e comercial cunha contía fixa de 1.500€ e servir tamén de incentivo para atraer novas iniciativas e negocios. 25 anos de parques eólicos no Xistral O Xistral é un dos lugares de Galicia con maior concentración de parques eólicos. Só no concello de Muras hai 20 Os primeiros parques eólicos comezaron a instalarse na Serra do Xistral nos anos noventa. Os partidarios dos muíños de vento argumentan supostos beneficios en materia de creación de riqueza e postos de traballo, pero malia contar cun importante número de aeroxeradores nos seus montes, Muras perdeu no último medio século o 80% da súa poboación, mantendo na actualidade só 680 veciños censados. E iso que no último ano logrou reverter a tendencia das últimas tres décadas, as mesmas que levan os muíños de vento instalados, e gañar por primeira vez habitantes.
O dinamismo económico que xeran a nivel local os parques eólicos é bastante escaso e os postos de traballo creados desaparecen unha vez construídos
"O dinamismo económico que xeran a nivel local os parques eólicos é bastante escaso. Os postos de traballo que hai en Muras vinculados aos aeroxeradores poido contalos cunha man, son 4 ou 5 empregos, e tampouco se crean actividades asociadas á produción eólica. Os postos de traballo que se crean cando se fai a obra civil son empregos momentáneos, o mesmo que pasa coa hospedaxe e as casas de comidas. Agora as empresas de mantemento só pasan por aquí de cando en vez, destrozan as vías municipais pero non deixan riqueza nin son un elemento dinamizador da economía da zona", asegura o alcalde da localidade.
As empresas eólicas mercaron en propiedade as fincas aos veciños a prezos de entre 30 e 100 pesetas o metro cadrado polo que a día de hoxe non perciben renda algunha pola súa instalación
Os 20 parques que hai en Muras pertencen a distintas empresas. A que máis ten é Acciona, pero tamén os hai propiedade de Endesa, Iberdrola ou Norvento. Os primeiros datan de 1994 e 1995. Manuel tiña daquela 20 anos e lembra perfectamente o acontecido. "Era unha negociación cos veciños totalmente desinformados e coa Administración actuando en connivencia coas empresas, coa ameaza da expropiación sobrevoando nas negociacións. Eu tamén o vivín. A miña familia tiña un pinar dunha hectárea no alto da Gañidoira onde se instalou un daqueles primeiros parques. Pagárase a 100 pesetas o metro cadrado, en total foran uns 7.000 euros", conta.
Era unha negociación cos veciños totalmente desinformados e coa Administración actuando en connivencia coas empresas
O feito de que se pecharan contratos de compra-venda cos veciños a prezos baixos fixo que as empresas propietarias dos muíños de vento se fixesen cos terreos en propiedade e evitasen ter que seguir pagando na actualidade unha renda anual aos donos das fincas onde se instalaron os aeroxeradores. Por iso, di Manuel, "o revertir na comunidade foi moi pequeno". Aeroxeradores en Rede Natura O movemento ecoloxista concentrouse nos últimos meses en contra do parque eólico do Monte Oribio, entre Samos e Triacastela, paralizado polo TSXG, igual que nos anos 90 o fixera sen éxito no Xistral Unha terceira parte do territorio do termo municipal de Muras está dentro da Rede Natura 2000, unha porcentaxe que se duplicaría en caso de levarse a cabo a ampliación de espazos naturais protexidos proposta pola Xunta e que se atopa en stand by.
En Rede Natura xa non se poden construir novos parques eólicos, máis alá da repotenciación dos existentes
A normativa impide a día de hoxe instalar novos parques en Rede Natura (só se pode repotenciar os xa existentes), pero cando as compañías eólicas se fixaron a mediados dos anos 90 na Serra do Xistral para instalar os seus muíños de vento non encontraron impedimento, malia as protestas do movemento ecoloxista galego, que alertaba da súa afectación sobre hábitats prioritarios como as turbeiras de cobertor máis importantes de Europa occidental.
A lexislación impediu ás empresas eólicas mercar os terreos ás Comunidades de Montes contrariamente ao que fixeron en Muras cos que eran de propiedade particular
Pero aquelas voces en contra da instalación dos eólicos na Serra do Xistral non foron tidas en conta e os montes de parroquias como as de O Viveiró, Silán e A Balsa acabaron inzados de muíños, malia atopárense hoxe en Rede Natura. Neses tres casos a propiedade dos terreos onde se atopan segue sendo veciñal, mediante un contrato de aluguer ás empresas donas dos muíños, pois a lexislación impide a venda de terreos propiedade de Comunidades de Montes. Son os únicos casos en Muras nos que os veciños reciben unha compensación anual pola ocupación dos seus terreos, aínda que con contías limitadas. O máis habitual son os pagos por megawatio instalado ou mesmo arrendamentos por metro cadrado. No caso de non chegar a acordos cos veciños, as empresas promotoras sempre teñen a posibilidade de expropiación, polo que os importes dos contratos poucas veces pasan, no caso dos montes comunais do Viveiró, Silán e A Balsa dos 1.500 euros por muíño.
A Serra do Xistral estreou a produción eólica en Galicia nos anos 90. Hoxe os principais cumios da comunidade están xa ocupados por aeroxeradores, que se dirixen agora a outeiros máis baixos
Ao igual que o Xistral, os principais cumios da comunidade galega xa están ocupados por aeroxeradores. Por iso as solicitudes para novos parques van dirixidas en moitos casos a outeiros máis baixos, máis perto tamén dos núcleos de poboación, podendo autorizarse a súa instalación mesmo a tan só 200 metros de vivendas illadas, malia os ruídos e molestias que xeran. "Os veciños quéixansenos do impacto paisaxístico, visual e acústico que provocan os muíños, sobre todo cando arrincan e cando paran, tendo en conta ademais que algúns están ao lado das vivendas, a non máis de 200 ou 300 metros de distancia", di o alcalde. Novos parques de menos de tres muíños para non pagar canon Distribución do número de aeroxeradores por concellos en 2017. Muras, en cor violeta, é o que máis ten. / Elaborado polo Observatorio Eólico de Galicia a partir da BISEEGA O feito de que Muras teña boa parte do seu territorio en Rede Natura e moitos dos montes estean xa ocupados con muíños de vento condiciona a ubicación de novos parques eólicos no municipio. Sempre se falou en Galicia das sospeitas de que as empresas promotoras parcelaban os parques en anacos para resolver a tramitación a nivel autonómico e non ter que presentar a documentación ao Ministerio, competente para as autorizacións de parques con máis de 50 aeroxeradores.
Nós só nos enteramos cando está a exposición pública, non se nos informa nin se nos ten en conta antes
Pero hai outra razón para o fraccionamento. "Por menos de 3 muíños non se paga canon", explica o alcalde de Muras. Que o Concello teña constancia, hai presentadas solicitudes para a instalación de 4 novos parques eólicos no municipio, aínda que poderían ser máis. "Nós só nos enteramos cando está a exposición pública, non se nos informa nin se nos ten en conta antes", quéixase Manuel.
Agardemos que non se fraccionen os parques, porque por debaixo de 3 muíños xa non se paga canon
Das solicitudes de novos parques presentadas, polo menos unha delas contaría con só dous aeroxeradores. "Agardemos que non se estean a fraccionar os parques para non pagar o canon", advirte o rexedor. Isto suporía saltarse a obriga de tributación, aínda que a potencia total, con só tres aeroxeradores fose a equivalente a un parque con 15 dos antigos, posto que a potencia dos novos muíños supera os 3 megawatios, cando a dos primeiros que se puxeron en Muras é de 0,6. O 45% do orzamento municipal procede do vento O Canon Eólico, establecido a través da aprobación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia, é un tributo autonómico que grava os impactos ambientais negativos dos parques eólicos na paisaxe e que se establece en función do número de aeroxeradores (no tramo máis elevado, cando os parques teñen máis de 15 muíños, a cota tributaria sitúase en 5.900€ por unidade). A Xunta recada anualmente a través deste imposto uns 22 millóns de euros, cos que nutre o Fondo de Compensación Ambiental. Un terzo dos cartos repártese, de xeito proporcional, entre os Concellos que conten con aeroxeradores ou liñas de evacuación de electricidade no seu territorio. Estes ingresos están destinados a actuacións que revistan natureza produtiva xeradora de emprego, conservación da biodiversidade ou utilización recreativa dos recursos naturais.
Muras non conta con ningún parque eólico singular, isto é, de titularidade municipal
O Concello de Muras, ao ser o que máis parques ten, tamén é o que máis fondos recibe do Fondo de Compensación Ambiental. En concreto, sumando aos cartos que lle chegan do Canon Eólico autonómico os ingresos propios por tributación municipal dos parques (IAE e IBI), a contía anual que deixan os 381 muíños de vento nas arcas municipais é de 800.000 euros, o que representa o 45% do orzamento total do Concello. "O lóxico é que eses cartos revirtan nas comunidades locais, e máis cando sabemos como foi no seu momento a negociación das empresas cos propietarios", razoa o alcalde.
O Concello reparte 95.000 euros dos ingresos eólicos entre as familias, explotacións agrogandeiras e negocios do municipio en forma de subvencións sobre o recibo da luz
Por iso buscaron unha fórmula para tratar de compensar dalgunha maneira a todos os veciños cos cartos que deixan no Concello os aeroxeradores instalados. "Era de xustiza que eses beneficios redundaran na veciñanza e vimos que as axudas ao pago do recibo da luz era o xeito que mellor encaixaba dentro do que podiamos facer nós a nivel municipal", explica Manuel. Esas subvencións, que na última convocatoria acadaron os 95.000 euros, despois de que o Concello se vise obrigado a incrementar a partida desde os 80.000 euros iniciais (o 10% dos ingresos xerados polos parques eólicos) ante a boa acollida por parte dos veciños e o número de solicitudes presentadas, saen dos fondos propios do Concello porque "directamente os ingresos dos eólicos non os podemos adicar a subvencións", tal como establece o Fondo de Compensación Ambiental, recoñece o alcalde.
Buscamos a xustiza social, reducir a pobreza enerxética e frear o despoboamento rural
Muras non é o único concello de Galicia con parques eólicos, pero si o único que buscou un xeito de participación directa dos veciños nos ingresos eólicos. Outros Concellos da contorna do de Muras, como Abadín, Ourol, O Valadouro ou As Pontes están tamén entre os que máis parques teñen de toda Galicia, así como tamén Ortigueira, Dumbría e Mazaricos na provincia da Coruña ou Lalín e Forcarei na de Pontevedra. Así pois, por que non se estableceron medidas similares noutros Concellos? "É cuestión de vontade política e convicción para facelo. Ti, como alcalde, podes gastar os cartos nestas cousas ou noutras. Nós buscabamos a xustiza social, reducir a pobreza enerxética e frear o despoboamento rural", defende o rexedor murense. Informar e asesorar aos veciños Pero hai tamén outra faceta na que os Concellos poden ter un papel relevante á hora de buscar un reparto xusto do negocio eólico, a de informar e asesorar aos veciños no proceso de negociación coas compañías que instalan os parques. "Temos asinado un convenio co Observatorio Eólico de Galicia para a realización de estudos e asesoramento aos veciños", conta o alcalde de Muras.
O feito de que un terzo do territorio de Muras sexa Rede Natura e que boa parte dos montes estean xa ocupados con muíños condiciona a ubicación de novos parques
"Avogamos por un proceso de participación dos veciños a través dun modelo eólico diferente e levamos traballado bastante no Concello a nivel formativo da xente, porque pensamos que ten que haber unha participación activa de todos os intervintes, incluídos os Concellos e os veciños. A enerxía eólica está ben, pero hai que medir onde se pon e como se pon. Non discuto que Galicia sexa unha potencia eólica pero esa riqueza ten que ser repartida, os que están no territorio sofren as consecuencias pero non obteñen os beneficios. O que reciben os veciños de Muras en comparación co diñeiro que xera cada muíño é insignificante", conclúe o rexedor da localidade.

O Sindicato Labrego cuestiona os proxectos eólicos nas serras orientais de Galicia

Os arredor de 130 proxectos eólicos que se cernen sobre os montes galegos suscitan un rexeitamento parcial do Sindicato Labrego, que considera preciso frear aquelas instalacións que poden xerar un maior impacto en espazos naturais. A organización agraria cuestiona en especial os proxectos que hai no entorno dos Ancares (parque Pena do Furco, en Becerreá, entre outros) e na comarca de Valdeorras (parque eólico Barjas). O Sindicato Labrego apelou ó Ministerio de Transición Ecolóxica para que se pronuncie sobre estas centrais eólicas, así como sobre outras que considera que terían incidencia en espazos naturais, caso do Parque eólico Hépotas II (Muras), na Serra do Xistral, ou do parque eólico Pena Ombra (Guitiriz, Curtis e Sobrado dos Monxes). A maiores do impacto sobre o medio, a organización agraria considera tamén que parte dos parques terán un impacto sobre núcleos de poboación próximos, como o Parque de Vilachá (Muras, Ourol), segundo explica o SLG.

Un novo ‘boom’ de proxectos eólicos baixa a terras agrarias

Galicia acumula unha potencia instalada en parques eólicos de 3.800 megawatios, pero nos dous últimos anos presentáronse arredor de 125 novos proxectos que suman 6.800 megawatios. Esa é a magnitude do novo ‘boom’ eólico que se aveciña sobre Galicia, coa singularidade de que boa parte dos proxectos se ubicarán en terras máis baixas do habitual, en ocasións en zonas agrarias, segundo explica a asociación Ventosono, un colectivo de propietarios afectados ligado a Unións Agrarias. Boa parte dos proxectos de novos parques eólicos presentados ante a Xunta ou o Goberno central están aínda nunha fase inicial da súa tramitación, polo que Ventonoso asume que non todos chegarán a bo porto. O colectivo, non obstante, advirte da necesidade de que os veciños das zonas con proxectos en perspectivas estean atentos para alegar contra os impactos críticos que poida ter cada parque, a fin de correxilos ou de que se deneguen parques mal plantexados. “Unha característica dos novos proxectos é que están descendendo a zonas agrarias e ás proximidades das aldeas, o que pode xerar máis problemas” -explica José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso-. “Esa baixada de altitude é lóxica se pensamos que a maioría dos principais cumios xa están ocupados por aeroxeneradores e que en montañas de Rede Natura xa non se poden construir novos parques eólicos”, indica. O achegamento dos aeroxeneradores a terras de cultivo presenta varios problemas, segundo analizan en Unións Agrarias. Un primeiro inconvinte derívase da propia competencia polo uso da terra, pero o que máis preocupa son as consecuencias urbanísticas. “Todo o solo incluído no perímetro dun parque é recalificado, de xeito que non se autorizarán nese perímetro usos urbanísticos. Se hai unha granxa, non poderá ampliarse nun futuro nin se poderán levantar novas naves” -advirte José Antonio Diéguez-. “Na práctica, expulsarase á xente das súas terras ou quedarán alí en precario”, valora. Os impactos complétanse co ruído asociado ó funcionamento dos aeroxeneradores. “Os muiños teñen que estar a 500 metros de solo de núcleo rural consolidado, pero pode haber vivendas ou granxas fóra do núcleo e neses casos a distancia mínima redúcese a 200 metros”, detalla. A maior proximidade dalgúns dos novos proxectos a núcleos de poboación e zonas agrarias xa está causando as primeiras polémicas nas últimas semanas, caso do Deza (Pontevedra). Diéguez sinala como exemplo paradigmático da nova tendencia outro parque da provincia de Lugo, o de Serra das Penas (Paradela). “Pola nosa parte, estamos a disposición dos afectados que nolo requiran para informalos e asesoralos”, conclúe. Estado da tramitación Os proxectos actualmente en trámite superan os 125. En Galicia, hai presentados 90 proxectos ante a Xunta (3.650 megawatios), dos que 26 atópanse a exposición pública e o resto está aínda nunha fase inicial da tramitación. Outros 37 proxectos, ao tratarse de complexos de maís de 50 megawatios, presentáronse ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. Estes últimos suman 3.300 megawatios, dos que 256 están a exposición pública. O habitual ata o de agora é que os proxectos de parques eólicos se fragmentasen en iniciativas de menos de 50 megawatios para facer tódolos trámites ante a Xunta, o que axilizaba o proceso. Desde Ventonoso consideran posible que boa parte das solicitudes presentadas ante o Ministerio teñan só un “carácter exploratorio”, de cara a coñecer a valoración da Administración antes de elaborar os proxectos finais. Autorización e negociación de contratos Unha vez que os parques superan os primeiros trámites e pasan á fase de autorización e avaliación ambiental, chega un segundo momento de importancia para os propietarios afectados, o de negociación de contratos. Ventonoso, que adoita asesorar a comunidades de montes e propietarios particulares neste proceso, lamenta a tendencia á baixada da oferta por megawatio, que nos últimos anos pasou dos 3.000 euros a uns 2.000 euros. “É de xustiza que haxa uns pagos xustos para os propietarios polos dereitos de uso das súas terras”, defende o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, que se posiciona en contra das expropiacións e avoga por acordos entre as partes. Ventonoso sempre foi partidaria da sinatura de contratos nos que se lle pague ós propietarios unha porcentaxe dos beneficios do parque, como fixo no seu día a eléctrica portuguesa EDP, que abona ata un 2,75% dos beneficios en concepto de arrendamento. O máis habitual, non obstante, son os pagos por megawatio instalado ou mesmo arrendamentos por metro cadrado, existindo sempre a posibilidade de expropiación se non se chega a acordos. Desde Ventonoso reclaman que unha das condicións para a autorización dos parques sexa que as empresas teñan que presentar de xeito previo un mínimo de acordos asinados cos propietarios. “Durante todos estes anos de enerxía eólica en Galicia perdemos a ocasión de establecer un marco legal que promova os acordos cos propietarios”, cuestiona o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo. “Estamos a favor da enerxía eólica, no marco da loita contra o cambio climático -continúa Jacobo Feijoo-, pero estamos tamén a favor de que xere riqueza no entorno no que se instalan os parques. Non podemos volver á política dos encoros dos anos 50, que non deixaban nada no seu entorno. Son necesarios acordos xustos cos propietarios e sería bo que houbese ademais un retorno de beneficios que repercutise nas entidades e veciños do entorno, pois a día de hoxe só hai impostos de carácter municipal e autonómico que gravan as instalacións”, analiza.

Advirten de prácticas especulativas nos terreos afectados por parques eólicos

O Observatorio Eólico de Galicia (OEGA) alerta da chegada, nos últimos meses, de especuladores que están a propoñer contratos fraudulentos nos terreos afectados por parques eólicos. Advirten de que se trata de buscadores de rendas que, sen teren proxecto eólico, pretenden asinar acordos con condicións abusivas para os propietarios. “Son condicións inaceptables para as comunidades rurais: prezos tan baixos que só se poden cualificar de ridículos; dereitos exclusivos sobre tódalas terras do propietario, e non só sobre as que conforman o parque eólico; períodos de carencia que chegan aos 10 anos”, informan dende o Observatorio. A modo de exemplo deste tipo de situacións, citan varios casos na provincia de Ourense, como a proposta realizada en Verea e Celanova para un pagamento de 1.000 euros por megavatio ou a tramitada na Rúa e Quiroga de servidumes con pagamento unha única vez. Dende o Observatorio indican que fronte a esas posicións especulativas, encóntranse outras que obedecen a unha maior responsabilidade social por parte das empresas. Na actualidade, as mellores ofertas sitúan o pagamento medio arredor dos 3.600-3.800 euros por megavatio instalado, moi lonxe das cifras ofrecidas polos novos intermediarios detectados nos espazos rurais de Galicia. “A enorme diferenza de prezos e a existencia de numerosas cláusulas de importancia para as partes, significa que existen posibilidades de mellorar as ofertas iniciais mediante a negociación”, valoran.

Recomendacións

Ante as propostas realizadas a propietarios de terras afectadas pola construción de novos parques eólicos, dende o Observatorio Eólico galego sempre recomendan estudalas con detenimento e contar con información para entender o tipo de negocio que a empresa quere desenvolver na localidade. Aconsellan non ter présa para asinar o acordo e tentar establecer alianzas con outros propietarios, co Concello e con organizacións profesionais e sociais; así como negociar conxuntamente con tódolos propietarios afectados. Ademais, o Observatorio Eólico de Galicia é un defensor dos contratos de arrendamento ou contratos de dereito de superficie, fronte á expropiación ou á compravenda, para vincular as terras eólicas cos parques eólicos. “A experiencia indícanos que o alugueiro rende maiores beneficios para as comunidades rurais. Pero ollo, hai que ler a letra pequena e, sobre todo, tratar de adoitar estratexias colectivas para buscar as mellores condicións”, argumentan. Sinalan que mentres non mude o marco normativo, na liña de converter en actores centrais do aproveitamento dos recursos enerxéticos renovábeis ás comunidades rurais, propietarios dos recursos territoriais nos que existen ese capital eólico, o OEGA seguirá a traballar para fortalecer a súa posición negociadoras e así conseguir unha transición enerxética máis xusta.

-Consulta aquí a Guía elaborada polo Observatorio para incrementar o valor social e económico da enerxía eólica.

   

Propoñen no Parlamento un contrato tipo para os afectados por parques eólicos

A indefensión dos propietarios das terras eólicas fronte ás compañías eléctricas levou ó Observatorio Eólico de Galicia a propoñer un modelo de contrato tipo entre as partes. A iniciativa foille trasladada estes días ós tres grupos parlamentarios da Cámara galega, ós que se lles pediu o seu apoio á proposta. Desde o Observatorio fixeron un chamamento a que os acordos entre as partes prevalezan sobre as expropiacións, que se fixeron máis habituais nos últimos anos. O Observatorio propón un contrato no que se pacten os pagos que reciben os propietarios con tres posibles alternativas: por superficie ocupada, porcentaxe dos ingresos do parque ou por capacidade instalada. Entre as medidas que se inclúen para a protección dos propietarios, destaca a cláusula de produtividade, pola que cada ano, a partir do segundo, producirase unha revisión do canon pactado. Tamén se propón que en calquera momento da vixencia do contrato, a compañía eléctrica se comprometa a igualar calquera contrato existente que presenten ós propietarios, sempre que se refira a un contrato en España cunhas condicións retributivas máis vantaxosas. O obxectivo é facilitarlles a negociación ós propietarios, segundo explican desde o Observatorio Eólico, unha entidade que naceu da colaboración entre a Fundación Juana de Vega, a Fundación Isla Couto e a Universidade de Vigo. A iniciativa de elaborar un contrato tipo derívase da comisión de estudo que se constituíu no Parlamento tras a vaga de lumes de outubro do 2017. Unha das conclusións da comisión foi a de fortalecer a capacidade de negociación das comunidades de montes fronte ás empresas de produción de enerxía eléctrica.

Dez medidas para que o negocio eólico deixe máis rendas no rural galego

En Galicia hai 160 parques eólicos, con 3.400 megawatios (MW) instalados. Nos próximos 10 anos, esa potencia pode duplicarse, o que representa unha oportunidade de xerar maiores rendas para o rural galego, segundo subliña un informe que vén de presentar o Observatorio Eólico de Galicia. Os beneficios que recibe agora o rural da ‘tarta eólica’ son limitados. Os propietarios perciben de media entre o 1,1 e o 2,4% do total da facturación dos parques. Se se teñen en conta tamén os impostos (IAE, IBI, imposto de construción, etc.) que reciben os Concellos e os ingresos derivados dos parques eólicos municipais, o negocio eólico deixa no rural un 5% da facturación dos parques. É un escenario mellorable, segundo se valora no informe do Observatorio Eólico de Galicia, un organismo constituído a tres bandas entre a Fundación Juana de Vega, a Universidade de Vigo e a Fundación Isla Couto. O informe presenta dez propostas para mellorar o impacto da enerxía eólica no desenvolvemento rural, pois cómpre ter en conta que a práctica totalidade dos aeroxeneradores se sitúan en concellos rurais.

1) Limitar os procesos de expropiación de terras

A xeración de rendas anuais para os propietarios polo arrendamento das terras é a fórmula máis beneficiosa para o rural. Se as compañías eléctricas recurren á expropiación das terras, favorecida pola normativa vixente, o negocio eólico deixará menos cartos no terreo. O Observatorio Eólico de Galicia propón que se recupere a obriga legal de que as compañías enerxéticas teñan que xustificar os motivos de porque non chegaron a acordo cos propietarios dos montes, debendo quedar estes motivos acreditados documentalmente. Proponse tamén o deseño de instrumentos que incentiven os acordos entre as partes.

2) Apostar pola figura de parques eólicos comunitarios

Tal e como se está facendo noutros países de Europa, o informe avoga por crear unha figura específica de parques eólicos comunitarios, que poidan ser promovidos por comunidades de montes, cooperativas, propietarios e pequenas empresas do rural. De crearse esa figura, a Administración tería que reservar unha parte dos novos megawatios eólicos para os parques comunitarios.

3) Crear a figura dos parques eólicos municipais

En Galicia, impulsáronse ata o de agora 13 parques eólicos singulares, promovidos con participación de Concellos, e hai outros 14 pendentes de execución. Son proxectos de impacto limitado, pois teñen un máximo de 3 MW de potencia, pero demostraron os seus beneficios para as arcas municipais, pois de media xeran 36.000 euros por megawatio e ano para os Concellos promotores. O informe do Observatorio propón ampliar a figura dos parques singulares, de xeito que non estean limitados a 3 megawatios de potencia.

4) Promover un contrato tipo entre as eléctricas e os propietarios

O informe suxire que a Xunta cree un contrato tipo que aporte maior transparencia e garantías para as comunidades rurais.

5) Base de información pública sobre os prezos pactados nos distintos parques entre as compañías eléctricas e os propietarios das terras

Esta medida favorecería que os propietarios das terras negociasen con maior información e coñecemento do escenario de mercado. Na actualidade, a remuneración que perciben os propietarios é moi variable, oscilando de media entre 1.315 e 8.000 euros por megawatio instalado.

6) Obriga legal de ofrecerlle ós propietarios unha participación no capital das empresas eólicas

En Dinamarca, lexislouse no 2016 para que os propietarios de terras próximas a un parque éolico teñan dereito de acceso ó capital social das empresas eólicas. O informe do Observatorio Eólico propón que ese aspecto se regule tamén en Galicia, establecendo unha obriga legal para que os propietarios de terras cercanas a un parque éolico (4-5 km.) teñan posibilidade de participar no capital social das compañías, establecendo unha reserva de cota dun 20%.

7) Distribuír os beneficios do Canon Eólico nos concellos con parques

O Canon Eólico recaudado pola Xunta das compañías eléctricas reinvístese na actualidade en toda Galicia, reservándose unha parte para os Concellos con parques éolicos. O Observatorio propón que a totalidade do Canon se destine ós municipios con parques éolicos instalados, pero precisa que eses cartos non deben ir só ós Concellos, senón que aposta por establecer tamén programas de financiación de iniciativas para as comunidades locais.

8) Cambiar o deseño do Canon Eólico e do Fondo de Compensación Ambiental

A Administración cóbralle ás empresas eléctricas un Canon Eólico en función do número de aeroxeneradores. Dado que a maioría dos parques están facendo un proceso de repotenciación, reducindo o número de aeroxeneradores, proponse que o Canon se cobre en función da potencia do parque e non polo número de muíños. Outras comunidades autónomas xa veñen cobrando desde hai anos o Canon en función da potencia.

9) Fomentar impostos locais para os parques ó tipo máximo de gravame permitido

Con esta medida, trataríase de lograr unha maior recadación das arcas municipais en impostos como o IBI, o IAE ou o imposto de construción.

10) Promover unha maior conexión entre os promotores dos parques eólicos e as capacidades das empresas locais para participar na execución do mesmo

Abordada esta cuestión con antelación suficiente, é posible impulsar procesos de formación para que as empresas locais teñan unha maior cota de participación na execución dos parques eólicos.

Tres gráficas que explican a enerxía eólica en Galicia

Distribución dos parques éolicos por concellos A gran maioría dos parques está ubicado en concellos do rural, principalmente na Costa da Morte, na media montaña da Dorsal galega e na Mariña lucense - Serra do Xistral. Facturación acadada polos parques eólicos A facturación total dos parques éolicos galegos ronda os 700 millóns de euros anuais, dos cales só uns 27 millóns quedan nas comunidades rurais (12,7 millóns nos Concellos, vía impostos, 10,5 millóns nos propietarios das terras e 1,2 millóns nos parques eólicos singulares promovidos por 13 municipios). Prezo medio da enerxía eólica A enerxía eólica está sometida a un prezo de mercado variable. No 2013, ao retirarse as primas do Goberno ós parques éolicos, houbo unha baixada de rendibilidade, pero desde o 2017 os prezos remontaron por encima dos 80 euros por megawatio hora producido (MWh), manténdose esa situación na actualidade. Os propietarios das terras perciben cada ano de media entre o 1,1 e o 2,4% da facturación do parque. A maior porcentaxe de ingresos (2,4%) produciuse no 2016, cando o MWh eólico situouse por baixo dos 60 euros, pero nos últimos anos, ó aumentar o prezo da enerxía, a participación dos propietarios nos beneficios reduciuse. Non semella existir unha correlación entre a produtividade en horas de funcionamento de cada parque e as rendas dos propietarios. Detectáronse casos de parques coas mesmas horas de funcionamento nos que os propietarios das terras dalgúns complexos chegaban a percibir o dobre do que se cobraba noutros. Tamén hai situacións de parques con moi distinta produción nos que os propietarios reciben a mesma renda.

“Os propietarios das terras eólicas están nunha situación débil, son precisos cambios”

O Observatorio Eólico de Galicia, unha entidade impulsada pola Universidade de Vigo, a Fundación Juana de Vega e a Fundación Isla Couto, naceu hai uns meses co obxectivo principal de asesorar ós propietarios de terras eólicas. Falamos cun dos seus integrantes, Damián Copena, para analizar o ‘mini-boom’ de novos proxectos de parques eólicos que están xurdindo en Galicia. Na comunidade, hai 3.300 megawatios eólicos instalados e 600 de próxima instalación, nalgún caso con complexos xa en construción. - Con que obxectivos nace o Observatorio Eólico de Galicia? - O Observatorio concíbese como unha ferramenta que sirva para apoiar ós propietarios do rural. Queremos transparentar todo o relacionado coa enerxía eólica, asesorar ós propietarios dos terreos e divulgar experiencias positivas, tanto no ámbito das comunidades de montes veciñais, que son as entidades coas que temos máis contacto no terreo, coma no ámbito dos Concellos. Outra cuestión importante é que o Observatorio nace con espíritu propositivo. Son precisos cambios normativos, que trataremos de impulsar, para mellorar as rendas dos propietarios. - Que problemas detectades no actual marco normativo en Galicia? - Todo o que ten que ver cos procesos de negociación dos parques eólicos entre propietarios e empresas está condicionado polo marco normativo existente. Os cambios que se produciron nos últimos anos foron negativos para os axentes rurais. Desde finais do 2017, eliminouse a obrigatoriedade de xustificar os procesos de expropiación das terras, co cal están producíndose moitos procesos de expropiación para parques eólicos.
"En países como Alemaña ou Dinamarca, a maioría dos parques teñen a propiedade repartida entre múltiples axentes locais, incluíndo ós propietarios das terras"
Polo que vemos nos últimos meses, as ofertas das empresas eólicas non están sendo boas. Que haxa un proceso de expropiación iniciado ó mesmo tempo que se negocia é unha espada de Damocles para as comunidades de montes, pois condiciona as rendas finais que van obter. A realidade é que os propietarios das terras quedan nunha situación débil. Son precisos cambios en múltiples ámbitos, pero a cuestión da expropiación é importante. Non se deberían permitir expropiacións de calquera xeito. - Que outros cambios vedes precisos para fortalecer a posición dos propietarios? - É necesario tamén avanzar na democratización da enerxía eólica. Débese apostar por unha figura específica que favoreza o desenvolvemento de parques eólicos cooperativos, nos que haxa participación de axentes locais como comunidades de montes ou cooperativas agrarias. Se observamos o que sucede en países de Europa como Alemaña ou Dinamarca, as grandes empresas enerxéticas teñen pouca participación no total do negocio eólico, pois a maioría dos parques teñen a propiedade repartida entre múltiples axentes locais. Os propietarios están no accionariado dos parques, co cal as súas rendas multiplícanse. - No caso dos arrendamentos que se acordan en Galicia, que rendas están obtendo os propietarios dos terreos nos que se asentan os parques eólicos? - En canto ós ingresos dos propietarios en Galicia, temos estudado que porcentaxe representan sobre a facturación bruta dos parques e atopámonos con que móvese entre o 1% e o 1,5% da facturación. Son cifras baixas. Os impactos económicos para os propietarios poderían aumentar sen que iso dificultase a instalación dos parques eólicos. Son precisas ferramentas que garantan maiores niveis de rendas e maior capacidade de participación e decisión dos propietarios. É fundamental transparentar os procesos. En moitos casos, os propietarios descoñecen que hai un proceso administrativo avanzado que rematará coa instalación de parques eólicos nas súas terras. - Que perspectivas hai cos novos parques eólicos en proxecto para os propietarios? - Os parques eólicos representan unha oportunidade para xerar rendas e desenvolver iniciativas, aínda que o contexto normativo é complicado. Na actualidade, estamos asesorando ós propietarios en máis dunha vintena de futuros parques eólicos, tanto comunidades de montes coma propietarios privados. Para eles, os parques representan unha oportunidade de xerar emprego e dinamizar o entorno local. Os montes veciñais en particular favorecen unha visión ligada ó ben común. Pódense identificar moitos casos nos que as rendas dos parques eólicos posibilitan nas comunidades a xeración de emprego e de iniciativas sociais e medioambientais. - Como valorades o actual nivel de conflitividade social e medioambiental que provoca en ocasións a instalación de novos parques? - En cuestións ambientais, na actualidade non está permitido ubicar parques eólicos en zonas de Rede Natura, que foi unha situación que si se deu no pasado, con casos de conflicto paradigmáticos, como o da serra do Xistral. Agora só se permite repotenciar parques en Rede Natura, pero non crear novos complexos. Nos últimos anos, houbo procesos sociais de oposición ós parques en zonas como o Galiñeiro ou o Morrazo, pero en xeral, o malestar dos veciños afectados polos parques céntrase na falta de capacidade de negociación real e na escasa participación que teñen en todo o relacionado co proceso administrativo do parque eólico. Como comentabamos, o contexto normativo é complicado, pero aínda así, tamén hai que resaltar que atopamos casos interesantes onde os propietarios logran melloras importantes nas negociacións e introducen cláusulas que incrementan os impactos positivos a nivel local.
Contacto do Observatorio Eólico de Galicia observatorio.eolico@uvigo.gal

“Os novos parques eólicos expolian ós propietarios”

A enerxía eólica atravesou máis dunha década de parón en Galicia, pois do 2007 ó 2018 a penas se crearon novos parques eólicos, pero no 2019 a patronal eólica pronostica que se instalarán na comunidade arredor de 600 megawatios eólicos. Estas novas instalacións, que representan un novo ‘mini-boom eólico’, estanse a poñer en marcha “arrasando cos dereitos dos propietarios”, segundo critica José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, un colectivo de propietarios impulsado por Unións Agrarias que aglutina a afectados polos complexos. - O obxectivo de sempre de Ventonoso foi o de lograr mellores prezos para os propietarios nos contratos de aluguer coas empresas eólicas. Que perspectivas hai cos novos parques que están en marcha? - Os propietarios contamos agora menos que nunca. As compañías eólicas están practicando un expolio do rural que foi facilitado pola Xunta. Nos últimos anos, a Xunta recurtou os dereitos de comunidades de montes veciñais e de propietarios, de tal xeito que as empresas teñen moi fácil acceder a procesos de expropiación con baixos prezos do solo.
"EDP, a eléctrica portuguesa, foi a única que asinou contratos para pagarlle ós propietarios unha porcentaxe dos ingresos dos seus parques"
Os contratos de aluguer que están ofrecendo as grandes eólicas, como Naturgy (a antiga Fenosa) ou Enel Green Power (Endesa), son o equivalente do que tería que pagar a eléctrica pola expropiación das terras. Se relacionamos eses novos contratos de aluguer cos ingresos que obterán as eléctricas pola venda de enerxía, atopámonos con que se lle ofrece ós propietarios menos do 1% dos ingresos do parque, cando na última década se viña pagando o 1,2% - 1,3%. A única empresa que no seu día asinou contratos que incluían o pago ós propietarios dunha porcentaxe de ata o 2,75% dos ingresos foi EDP, a eléctrica lusa. Non houbo máis. - Que empresas se están beneficiando principalmente destes novos parques? - Sobre todo son catro grandes empresas, tres multinacionais (Naturgy, Enel Green Power e Capital Energy) e unha empresa galega, Norvento. Sobre Norvento, temos que dicir que estamos moi decepcionados, xa que tivemos reunións con eles e tiñan un compromiso de facer contratos de 6.000 euros por megawatio, pero á hora da verdade están ofrecendo contratos moi baixos e optando por expropiar. Fixeron expropiacións para algún parque eólico que lles saíron ben de prezo e agora están apostando en tódolos parques polas expropiacións ós propietarios, que se ven indefensos. O propietario ou colle ‘guatemala’ ou vai para ‘guatepeor’.
"Estamos decepcionados con Norvento, unha empresa galega que se comprometera a pagar prezos xustos e que na práctica está expropiando a baixos prezos"
É triste que en países como Dinamarca ou Alemaña se apostara por fomentar a participación dos axentes locais nos parques, por exemplo vía cooperativas de propietarios de terras, e que aquí se optase por beneficiar a grandes monopolios, ós que a Xunta lles pon a alfombra. - Falas dunha reducción de dereitos dos propietarios nos últimos anos. Explícanos en que cuestións se empeorou. - Unha cuestión clara é que no caso de parques eólicos que se vaian instalar nun monte veciñal, a Xunta eliminou o trámite de prevalencia. Antes, como o monte veciñal é de utilidade pública, había que facer un trámite de prevalencia para ver que utilidade pública primaba, se a do parque eólico ou a da comunidade de montes. Na práctica, a Xunta sempre se burlou dos montes veciñais e concedíalle a prevalencia en tódolos casos ó parque eólico, pero agora eliminouse ese trámite, co cal se pode reducir ata nun ano o proceso administrativo do parque, e déixase ás comunidades de montes sen dereitos. A tramitación ambiental dos parques é outra cuestión que en Galicia sempre foi moi laxa, desde a época Fraga, e é posible que no futuro os promotores eólicos teñan problemas por ese lado. Dáme a impresión de que a Xunta está bloqueando a ampliación da Rede Natura para facilitar novos parques eólicos neses terras, pero haberá que ver se a Comisión Europea permite esa xogada. - En Ventonoso tedes tamén criticado ó Xurado Galego de Expropiación porque entendedes que está beneficiando ás empresas, en perxuízo dos propietarios. Cal é a situación a nivel de expropiacións? - Pois estanse pagando os terreos eólicos a prezo de solo rústico, sen ningunha plusvalía. É un expolio consentido pola Xunta, pois é a Xunta quen expropia por medio do Xurado Galego de Expropiación.
"A lexislación agora permite que unha empresa eólica expropie menores superficies e lle esixa ós propietarios manter o resto sen arborado"
Outra cuestión a ter en conta é que o Goberno galego vén de modificar a lexislación de prevención de lumes para obrigar a que o propietario manteña sen arborado 200 metros arredor de cada aeroxenerador. Con esa disposición, agora a empresa nin sequera terá que expropiar grandes superficies. Poderá expropiar unha pequena parte a baixos prezos e esixirlle ó propietario que manteña sen arborado a parte restante. Verdadeiramente, logo de tantos anos de traballo na defensa dos propietarios, teño claro que as empresas eólicas e a Xunta están operando no rural galego coa mesma impunidade que teñen as compañías enerxéticas en Latinoamérica. O rural galego é un Oaxaca máis. - As novas instalacións eólicas, que se rematarán este 2019, son froito das primas de enerxías renovables que lle concedeu o Goberno en subasta ás compañías promotoras. A patronal eólica fala de que na próxima década, 2020-2030, Galicia duplicará a súa potencia eólica. Como ves ese proceso? - En primeiro lugar, iso está por ver. É de supoñer que haberá novas subastas de primas, pero polo momento non hai nada firme sobre esa cuestión. Se non hai subastas de primas e non se garante unha rendibilidade mínima para os investimentos, quizais esteamos ante unha burbulla. En segundo lugar, as novas que están saíndo sobre a expansión da enerxía eólica en Galicia son promovidas pola patronal eólica. É un sistema de publicidade, de venderlle á opinión pública que os parques van ser bos para a sociedade, pero no rural temos claro que está habendo un expolio das nosas terras e isto algún día terá que pararse.