Archives

Queixas en Friol pola demora nas concentracións parcelarias, solicitadas hai 12 anos

O alcalde do concello lugués de Friol, José Ángel Santos, esíxelle á Consellería de Medio Rural que acometa de inmediato a concentración parcelaria da parroquia de Seoane e o núcleo de Mundín. En 2007, os veciños da parroquia de Seoane xuntáronse para dar un paso importante en materia de reestruturación da propiedade solicitando á Consellería de Medio Rural, a concentración parcelaria no seu territorio, afectando a uns 75 veciños. A superficie de toda a parroquia suma 370 hectáreas, das cales o 95% destínanse a uso agrícola e gandeiro, sendo nesta zona a actividade gandeira a única fonte de ingresos para as familias afectadas. Na actualidade están rexistradas 22 explotacións gandeiras, das cales 14 están destinadas a vacún de carne e 8 a produción de leite, cun total de 600 reses. Estas 22 granxas son o sustento de 40 familias nesta parroquia. Nos últimos anos, as explotacións desta zona fixeron un importante esforzo de transformación e modernización para ser máis competitivas, renovando instalacións, parque de maquinaria, aumentando o número de cabezas por explotación, etc, o que foi un investimento sen precedentes nesta área, aproximadamente 11.000.000 de euros. Ademais, incorporáronse ao sector agrícola 12 mozos que esperaban poder amortizar os investimentos realizados, dimensionando as súas explotacións e cumprindo así cos compromisos adquiridos cando solicitaron a axuda. Sen embargo, o alcald de Friol denuncia que “estes compromisos son case imposibles de cumprir debido ao minifundio existente nesta parroquia, con pequenas parcelas nas que non é posible desprazar o gando ao pastoreo”. Ademais, a transferencia que se realiza é por vía pública, co conseguinte perigo tanto para o gando como para os usuarios destas vías, que a diario corren riscos completamente innecesarios e evitables acometendo a concentración. Os veciños da parroquia de Seoane e do núcleo de Mundín reiteraron continuamente a súa preocupación e descontento pola falta de interese da Consellería do Medio Rural en relación coa concentración parcelaria desta zona, que está paralizada e é a panca esencial para que este sector subsista e sexa competitivo, podendo así atender ás demandas actuais do mercado.

Unha concentración parcelaria solicitada hai 12 anos

Segundo o alcalde José Ángel Santos, do Partido Popular de Galicia, “a inacción do conselleiro do Medio Rural para levar a cabo esta concentración parcelaria, só pendente dun decreto, é incomprensible tanto para min como para estes veciños, que ven perigar a continuidade das súas explotacións, polas que apostaron con todo o seu esforzo persoal e económico sendo o seu único modo de vida”. O alcalde considera inxustificable que a Consellería do Medio Rural non actúe para levar a cabo un expediente de consolidación territorial e reestruturación da propiedade, solicitado hai 12 anos, imprescindible para o desenvolvemento da zona que o demanda, e que conta con todos os informes e trámites necesarios para o seu decreto e posterior execución. Por este motivo, o alcalde esíxelle ao titular de Medio Rural, José González, o desbloqueo inmediato desta situación, axilizando o expediente desta demandada e necesaria concentración parcelaria, para que se faga realidade, xa que é fundamental para as 40 familias que actualmente viven do sector agrícola gandeiro nesta zona e, polo tanto, o Concello estará á espera de que se decrete esta concentración nos próximos días e comecen os traballos necesarios para acometer esta demanda.