Archives

Que cambios supoñerá ter que contar cun veterinario de explotación?

Entre o paquete de normativas en materia de sanidade animal aprobadas nos últimos meses desde a Unión Europea para as ganderías, un dos cambios significativos é a obrigación de contar cun veterinario de explotación. Este foi precisamente un dos temas tratados na última edición dos Encontros Gandeiros organizados pola ADS Xundeva, en Lalín, debido ás dúbidas que suscita este requisito da normativa. “Moitas das ganderías galegas xa están a cumprir boa parte dos requisitos que se esixen agora coa figura do veterinario de explotación”, apunta Ignacio Arnáiz, responsable de área do Laboratorio de Sanidade Animal do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam), durante as xornadas celebradas na capital dezá. Aínda así, ter que incorporar un veterinario de explotación supoñerá trámites burocráticos específicos e cambios para boa parte das ganderías.
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa” (Gloria Martínez, coordinadora de Xundeva)
“O veterinario de explotación aseméllase ao médico de cabeceira, é o profesional que terá acceso a toda a información en materia sanitaria da granxa, podendo ver todos os informes dos distintos profesionais que traballen na gandería”, exemplificaba a veterinaria Gloria Martínez Sanz, veterinaria e coordinadora dos servizos veterinarios da ADS Xundeva. Gloria Martínez e Ignacio Arnáiz na presentación realizada nesta edición dos Encontros Gandeiros de Xundeva.

Obrigacións para os gandeiros e os veterinarios

Aínda que está por concretar por parte da Administración, estímase que as ganderías deban de dispoñer deste veterinario de explotación a partir do 15 de maio do 2024, xa que esta foi a data provisional que se fixo pública coa aprobación da norma. Estas son algunhas das obrigacións que se lle presentan ao titular da gandería ao ter que incorporar esta figura de veterinario de explotación: -Este veterinario de explotación debe ser un profesional ou empresa que dispoña de servizos veterinarios para todas as especies da gandería. “Pode contarse cun só veterinario da granxa que xestione todas as especies ou poden nomearse varios veterinarios de explotación para as distintas especies”, indica Martínez Sanz. -Será o titular da gandería quen deba acreditar que conta con este profesional ou empresa mediante un modelo de declaración responsable. -O titular da granxa deberá comunicar a designación ou cesamento deste veterinario de explotación. Para iso dispón dun prazo de 7 días hábiles. -No caso de cesamento do veterinario de explotación, o titular da granxa dispón dun prazo de 3 meses para designar a un novo profesional para o cargo e de novo terá que comunicalo á Administración. -O propietario da granxa debe proporcionarlle ao veterinario ou facilitarlle que obteña no seu nome a información necesaria sobre a situación epidemiolóxica da súa gandería. -O titular da gandería tamén debe asegurarse de que todas as persoas que traballen na granxa co gando teñan unha formación adecuada e suficiente. Así, deberán acreditar unha formación mínima de 20 horas nun prazo de 6 meses contados desde o comezo do seu traballo na granxa. Estes cursos xa se impartiron en distintas Oficinas Agrarias Comarcais e está previsto que sigan ofertándose. Estarán exentos de recibir esta formación aqueles traballadores que acrediten un mínimo de experiencia práctica de 3 anos no manexo de gando bovino. Tampouco deberán tomar esta formación mínima os traballadores que xa teñan un título técnico de Produción Agropecuaria ou o título técnico superior en gandería e asistencia en sanidade animal. Pola súa banda, o veterinario de explotación comprométese a cumprir unha serie de funcións na granxa: - Todas as ganderías, independentemente da especie que sexa, deberán contar cun Plan Sanitario Integral (PSI) en formato dixital ou papel que debe elaborar o veterinario de explotación, o persoal veterinario da ADS ou a integradora ou entidade asociativa á que se pertenza. -Este Plan Sanitario Integral debe incluír actuacións sanitarias, de hixiene, bioseguridade e o uso racional de antibióticos. “É fundamental que o PSI estea adaptado á especie e ás características da gandería”, apunta a veterinaria Gloria Martínez Sanz.

Como debe ser o Plan Sanitario Integral (PSI)

Un dos requisitos imprescindibles que se pedirá ás ganderías e que está asociado á figura do veterinario de explotación é o Plan Sanitario Integral (PSI). Este Plan debe adaptarse ás diferenzas existentes entre os distintos tipos de granxas e responder ás necesidades e características de cada gandería. Así, dependerá de cada especie, tipo de explotación, sistema produtivo, situación epidemiolóxica e características particulares da gandería. “No caso de que convivan na mesma gandería diferentes especies, pode establecerse un plan sanitario único ou ben propoñerse plans sanitarios específicos para cada unha delas e baixo a responsabilidade de máis dun veterinario”, explica a veterinaria Martínez Sanz. Ademais, no caso das ganderías pertencentes a unha ADSG que teña asignado un veterinario de explotación distinto do veterinario da ADSG, o Plan deberá contemplar como mínimo un programa sanitario da ADSG.
O Plan Sanitario Integral debe actualizarse cada 5 anos ou cada vez que haxa cambios destacados na granxa
Este Plan debe actualizarse polo menos cada 5 anos e sempre que se modifiquen substancialmente as instalacións ou as prácticas de manexo na gandería. Debe estar asinado tanto polo veterinario da explotación como polo propietario. Ademais, é o propietario da gandería o responsable de que se cumpran as medidas que se recollen neste Plan.

Decálogo do Plan Sanitario Integral

O Plan Sanitario Integral debe contar cun contido mínimo para asegurar as medidas sanitarias imprescindibles na gandería. A continuación recóllese un decálogo de accións para incluír no devandito Plan: 1. Medidas de hixiene e bioseguridade. Neste apartado inclúense todas as accións preventivas que teñan que ver co control de acceso de animais á gandería ben sexa recría, reposición externa, animais alleos á granxa, animais en corentena… Tamén se contemplan as medidas de prevención en relación ao persoal da granxa e alleo a ela, así como vehículos. Neste apartado deben figurar tamén medidas que contemplen un control sobre a hixiene e a bioseguridade da alimentación do gando, así como á subministración e calidade da auga. Inclúense ademais, medidas específicas sobre o manexo dos animais. “Deben figurar protocolos para a separación do gando enfermo ou en corentena”, especifica a veterinaria. Neste apartado deberán aparecer ademais as medidas que adopta a granxa con respecto da xestión dos residuos sanitarios, así como a revisión periódica de certos aspectos das instalacións ou a recollida e almacenamento dos cadáveres, entre outros aspectos. 2. Plan de vixilancia e control de parasitos internos e externos dos animais. 3. Protocolo de vixilancia do estado sanitario dos animais. “A detección temperá é fundamental, xa que tratar de forma rápida marca a diferenza”, explica a veterinaria. 4.Programa de mostraxe rutineira fronte ás enfermidades obxecto de control na granxa. “Deben incluírse tamén os animais de nova incorporación á gandería”, detalla Martínez Sanz. 5. Plans de vacinación que se realicen na granxa. 6. Plan dun uso racional dos medicamentos. “Nas ganderías está a facerse xa un uso moi controlado dos medicamentos”, apunta a veterinaria. 7. Plan de cumprimento e control de hixiene do leite nas ganderías. 8. Plan sanitario da ADSG, se o veterinario de explotación designado é distinto ao da ADS. 9. Plan sanitario en relación coas enfermidades de declaración obrigatoria ou que sexan de interese para a propia gandería, a comarca, provincia ou comunidade autónoma. 10. Visitas zoosanitarias. O veterinario da explotación debe realizar de maneira presencial o seguimento sobre as medidas recollidas no propio PSI e o Plan de Benestar animal da granxa. “O veterinario emitirá as recomendacións que considere oportunas á persoa titular da gandería sobre as deficiencias que observe ou o uso de antibióticos na granxa”, explican os técnicos. As visitas zoosanitarias realizaranse unha vez cada 6 meses nas ganderías cun risco alto, cada ano nas granxas de risco medio e cada 18 meses nas que teñas un risco baixo. “A autoridade competente será a que determine o nivel de risco para cada gandería”, apuntan.

Claves para un uso racional dos antiparasitarios na explotación

Un uso racional dos antiparasitarios na explotación, do mesmo xeito que ocorre con outros medicamentos, pode retardar o desenvolvemento de resistencia dos parásitos aos medicamentos. "Os parásitos están a evolucionar constantemente e non podemos evitar o desenvolvemento desta resistencia aos fármacos e tampouco eliminala naqueles que xa a desenvolveron", explica o veterinario Alfonso Martínez, do servizo técnico de rumiantes de Boehringer Ingelhein, nos Encontros Gandeiros que XUNDEVA ADSG ven de celebrar en Lalín. De aí a importancia de fomentar un uso apropiado dos antiparásitos "para que teñamos tempo de atopar novos tratamentos eficaces e seguros", puntualiza o veterinario.
"O uso racional de antiparasitarios é o que os bos gandeiros asesorados por bos veterinarios levan facendo toda a vida"
"Os parásitos traballan duro, ben, sen descanso, con éxito e co único obxectivo de reproducirse", sintetiza Martínez que recorreu ao caso da fasciola hepática, para exemplificalo, xa que ten unha produción diaria de 25.000 ovos e provoca, a Fascioliasis, coñecida popularmente como verme da lenzoá do fígado, unha das enfermidades parasitarias con maior incidencia en rumiantes. O experto incide na importancia de afrontar o tratamento dos parásitos desde unha perspectiva profesional e fomentar unha correcta aplicación dos tratamentos. Martínez insiste en que é a vía para lograr que sexan efectivos e atallen os problemas que poden ocasionar os parásitos na explotación e que, nos casos máis graves, chegan á morte do animal. "O uso racional dos antiparasitarios é o que os bos gandeiros asesorados por bos veterinarios levan facendo toda a vida", afirma Martínez. Así, o veterinario deixa claro desde un principio que a clave para un uso correcto dos medicamentos, e máis en concreto dos antiparasitarios, está nunha estreita colaboración entre os veterinarios e os gandeiros. Pero, máis aló deste traballo conxunto, existen factores determinantes a ter en conta para prolongar a efectividade dos fármacos.

Métodos de diagnóstico

Diagnosticar a presenza de parásitos na explotación é fundamental e para iso un dos métodos de diagnóstico máis habitual é, dependendo dos parásitos, a análise dos excrementos. De novo, para Martínez é imprescindible unha colaboración estreita co veterinario para realmente detectar a súa presenza, xa que entran en xogo outros elementos que poden enmascaralos.
En determinadas fases, os parásitos poden pasar desapercibidos ante os métodos de diagnóstico tradicionais
É moi importante ser consciente dos ciclos de vida dos parásitos, xa que dependendo da fase na que se atope unha análise dos excrementos pode non rebelar a súa presenza aínda que realmente estean parasitando ao animal. É o caso por exemplo da ostertagia, un verme estomacal que desenvolve unha fase do seu ciclo de vida dentro das glándulas da parede estomacal do rumiante, onde a súa presenza pasa desapercibida nas feces pero é preciso tratar a tempo xa que o momento da súa eclosión pode resultar xa demasiado tarde para o animal parasitado.

O momento de desparasitar

Realizar un uso racional dos antiparasitarios implica non só evitar utilizalos de forma abusiva senón que se empregar cando realmente son necesarios e resultan eficaces. Por iso, o experto tamén incide en que é imprescindible atender non só a seguir unha rutina de desparasitado dos animais senón facelo no momento preciso. Coñecer o ciclo do parásito é tamén imprescindible para poder atallalo.
Non só é preciso ter unha rutina de desparasitación senón facela no momento adecuado
Como exemplo toma a Hipodermosis, producida pola coñecida como mosca dos cerros, que pon os seus ovos na pel do animal e estes acceden ao interior onde permanecerán nunha migración polo seu organismo que dura varios meses. Neste caso o tratamento de desparasitado debe facerse antes de que as larvas estean no seu interior, xa que nese momento pode carrexar graves lesións.

O produto axeitado

Outra das claves a ter en conta na desparasitación é a elección dun produto adecuado. "É moi importante que o produto que utilicemos teña a duración suficiente para non facer tratamentos de forma constante", recomenda o veterinario. Así, por exemplo, no caso da sarna, un ácaro moi común no gando, é preciso que o efecto do produto se prolongue o suficiente non só para eliminar os ácaros senón tamén os seus ovos. Martínez lembra que á hora da elección dos produtos, a intervención do veterinario é imprescindible xa que debe ser quen o recete. Na elección de produto máis adecuado tamén se valora que o fármaco estea rexistrado para a especie á que se lle vai a aplicar, xa que o tratamento para o mesmo ácaro pode variar en función do animal no que se localice. Un dos factores que tamén condiciona a elección do produto é que deixe residuos no animal así como na súa carne ou o seu leite, sobre todo cando se trata de animais destinados á produción alimentaria. "Os gandeiros teñen que ser moi conscientes de que se dedican a producir alimentos para as persoas e hai poucas cousas máis importantes que iso polo que deben ser moi coidadosos e responsables", matiza. Ademais, Martinez insiste na importancia de que estes tratamentos contra os parásitos sexan aplicados por un especialista xa que se poderá optar por tratamentos de amplo espectro que poidan atallar ou previr a aparición de varios parásitos. En definitiva, o veterinario recalca que cada vez máis "debemos facer os mesmo que os parásitos: traballar moi ben", sentenza.

Unha nova solución para as moscas e os parasitos do gando

Chega o verán e a calor e tamén comezan a proliferar as moscas e outros parasitos que prexudican o benestar e o rendemento do gando. Gav-Allfeed  REPLYN é unha solución rápida, efectiva e cómoda a estes problemas: Un bloque mineral que inclúe aceites esenciais de orixe natural e que ao ser lambido polo gando protéxeo contra a infestación tanto de parasitos externos (moscas, tabáns, carrachas, pulgas, sarna, piollos...etc.) como internos (hipoderma bovis, parasitos intestinais, pulmonares ou hepáticos). Ademais, diminúe o grao de infestación de coccidia e de criptosporidia. Gav-Allfeed Replyn está deseñado e fabricado en España pola empresa Gav-Allfeed. Os resultados no gando son visibles a partir dos 15-30 días, dependendo do grao de infestación. O bloque véndese en formato de 10 quilos e pódese utilizar tanto para gando estabulado como en pastoreo. O consumo do bloque depende do grao de infestación xeneralizado do rabaño, aínda que tende a ser maior nos primeiros días e vaise reducindo ata estabilizarse a medida que remiten os parasitos. A clave de Gav-Allfeed Replyn está, ademais de nos complementos minerais para o gando que incorporan estas pedras, nos aceites esenciais e principios activos que leva o bloque. Ademais, inclúe na formulación Gav-Allfeed Turbobronchial, un protector do fígado e estimulador da actividade dos aceites esenciais. Desta forma, o bloque ten tamén un efecto protector de mucosas, expectorante e diurético. O seu efecto mucolítico e bronquiodilatador faino efectivo para o control de parasitos pulmonares. Potencia os aceites esenciais presentes no bloque. Gav-Allfeed Turbobroncial tamén é un potente inmunomodulador e inmunoestimulador, que fai que o animal desenvolva defensas propias fronte á infestación de parásitos, tanto internos como externos. É ademais un  regulador efectivo da función insulínica do páncreas. Por último, estes bloques estimulan a función do fígado e do páncreas do animal. Tamén achega un forte efecto antifebril. O uso continuado de Gav-Allfeed Replyn leva a un cambio moi visible no comportamento dos animais, cunha acción calmante e relaxante, mellorando o aspecto sanitario, o brillo da pel, pelo e/ou la.

Modo de emprego

Os bloques débense repartir polo establo ou polo pasto -algúns gandeiros cólganos dos bebedoiros- para que estean a libre disposición para que o gando os poida lamber. En vacún extensivo aconséllase fornecer un bloque por cada 5 ou 6 vacas presentes, para evitar a competencia polos bloques entre elas. En ovino extensivo aconséllase fornecer un bloque por cada 10 ou 12 ovellas presentes.

Testemuños: José Manuel Santín Caloto, gandeiro de Baralla (Lugo): “As vacas están máis tranquilas no muxido”

José Manuel Santín Caloto é un gandeiro de Baralla (Lugo) cunhas 80 vacas de leite en pastoreo. Empezou a utilizar as pedras de Gav-Allfeed Replyn fai tres meses e os resultados son positivos. “Nas moscas onde máis se nota é no muxido, porque as vacas están moito máis tranquilas ao non ser picadas polas moscas. Ademais, hai moita menos afectación da mosca dos cornos, que provoca feridas no ubre e na parte baixa da barriga. Tampouco ves moscas nos ollos das vacas, onde no verán lles poden provocar incluso algunha infección”, explica. En canto ás carrachas, destaca que “desapareceron por completo, e non ves ningunha nos animais”. Os bloques colócaos nun soporte nas cisternas de auga. José Manuel Santín Caloto recoñece que ao principio o consumo dos bloques foi maior do esperado. “Ao comezo o consumo foi esaxerado, pero xa levan un par de meses e reducírono, agora é un consumo normal”, asegura. En canto á distribución, este gandeiro coloca un bloque para 30 vacas secas e xovencas preñadas, que lle dura 10 días, e nas vacas en muxido, unhas 50, coloca unha pedra á semana. Globalmente maniféstase satisfeito co resultado xa que “o prezo é parecido aos bloques de minerais que utilizaba antes e os resultados son máis efectivos”. Martín Regoa Baamonde, gandeiro de Mañón (A Coruña): “É moito máis cómodo que o antiparasitario de liña dorsal” Vacas de Martín Rego Martín Rego Baamonde é un gandeiro do concello de Mañón, na provincia da Coruña, que se está pasando da gandaría de leite a carne. Conta na actualidade con 18 vacas en muxido e 14 de carne, da raza Angus. Todo o rabaño está en pastoreo día e noite case todo o ano. Asegura que “empecei a utilizar Gav-Allfeed Replyn fai tres semanas, comprei 5 bloques por probar” e afirma que os resultados están a ser moi positivos. “Aos 5 días as vacas estaban sen moscas e tamén están limpas de carrachas”, destaca. Outra vantaxe que lle ve a este produto é a súa comodidade á hora de aplicalo: “Co método tradicional de botar o líquido antiparasitario pola liña dorsal tiña que meter aos animais na manga de manexo, pero con estes bloques déixalos no pasto e esquéceste”, asegura.

Onde comprar Gav-Allfeed Replyn?

O representante de Gav-Allfeed Replyn en Galicia é: -José Taboada, tamén gandeiro. O seu teléfono de contacto é o 620 856 301

Veterinaria advirte dos riscos polo parasito ‘Cryptosporidium’ nas granxas galegas de ruminantes

A presenza xeneralizada do protozoo parasito Cryptosporidium nos ruminantes domésticos aparentemente sans da maioría das granxas galegas de gando vacún, ovino e caprino pode constituír unha fonte de infección e contaxio de procesos diarreicos entre os animais máis novos, á par que supón un risco para a saúde humana. Así o recolle unha pioneira tese desenvolvida pola bióloga Esther Navarro González na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, en Lugo. O Cryptosporidium spp. é un protozoo parasito que con frecuencia se asocia a procesos diarreicos en animais e que tamén pode afectar a persoas, especialmente en individuos novos ou inmunocomprometidos. Outra das singularidades do 'Cryptosporidium' é que tamén pode aparecer en individuos aparentemente sans. Baixo o título ‘Caracterización molecular e potencial zoonótico de illados de Cryptosporidium en ruminantes domésticos e a súa relación coa idade’, este traballo achega luz sobre o papel que xogan no contaxio e difusión desta enfermidade parasitaria os rumiantes de diferentes idades que non presentan diarrea. Elevada prevalencia en Galicia Estudos previos xa constataran unha elevada prevalencia do Cryptosporidium en rumiantes domésticos sen destetar con diarrea. Este axente afecta ó 32% dos tenreiros e ó 63% dos cordeiros e cabritos. Porén, este traballo, que inclúe arredor de 1.200 mostras de gando vacún, ovino e caprino, demostrou que o Cryptosporidium spp. tamén está presente en granxas de rumiantes de Galicia sen antecedentes de diarrea neonatal. O 41,6% dos animais das explotacións de vacún contaban con este axente, mentres que a taxa de animais afectados en explotacións de ovino e caprino se sitúa no 47% e o 50% respectivamente.
Os animais adultos sen diarrea poden actuar como reservorio, contribuindo a contaminar o medio
De feito, o estudio incide en que esta presenza do parásito leva a pensar que precisamente os animais adultos sen diarrea poden actuar como reservorios, contribuindo a contaminar o medio e incrementando o risco de infección dos animais máis novos, que son os máis propensos a padecer episodios de diarreas neonatais. A clave está en extremar a hixiene No 70% das diarreas neonatais, o causante non é so este protozoo parásito senon que adoita ir asociado con outros parásitos, así como bacterias ou virus. Por iso, será o diagnóstico, coa remisión das mostras a un laboratorio especializado, o que poida revelar as causas da diarrea. A presenza do Cryptosporidium non se pode atallar polo de agora cun tratamento farmacolóxico eficaz, así que a clave para reducir a súa incidencia nas explotacións pasa por extremar as medidas de hixiene, tal e como recolle esta tese. A fin de evitar brotes de diarrea neonatal, unha práctica aconsellada é manter os neonatos en cubículos individuais e separados dos animais adultos. O cambio regular de camas e o control tanto da alimentación como da auga que inxiren os animais é outra das prácticas recomendadas para evitar o contaxio. Risco para as persoas Ademais, nas 3 especies de ruminantes obxecto da investigación detectáronse os subtipos IIaA15G2R1 e IIaA16G3R1 de C. parvum, sendo o primeiro un dos principais subtipos responsables de criptosporidiosis humana. Isto confirma que en Galicia o gando vacún, ovino e caprino, aínda que non presente diarrea, pode constituír unha fonte de infección para as persoas, polo que especialmente os gandeiros deben extremar as medidas hixiénicas no manexo destes animais. Aínda que só suporía un risco potencial para aqueles individuos máis novos ou inmunocomprometidos. Unha tese pioneira en Europa A tese realizada por esta investigadora do Grupo de Referencia Competitiva (GR2015/003) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia é unha investigación dirixida polos profesores doutores do Departamento de Patoloxía Animal da USC, Pablo Díaz Fernández, Mª Patrocinio Morrondo Pelayo e Pablo Díez Baños. O traballo constitúe un detallado estudo sobre o 'Cryptosporidium spp.', sendo pioneiro en Europa. Os datos sobre a asociación entre a idade e as especies de 'Cryptosporidium' no gando ovino e cabrún son os primeiros obtidos en Europa e a investigación representa o cuarto estudo a nivel mundial, logo dos realizados en China.

“A hipodermose bovina segue afectando ata ao 80% das vacas non estabuladas”

A hipodermose bovina, popularmente coñecida como “medradeiras” ou “barros”, é unha enfermidade parasitaria do gando vacún caracterizada por uns avultamentos baixo a pel do lombo, debidos á presencia neles da larva dunha mosca, a Hipoderma bovis. Chámaselles en galego “medradeiras” porque a saída desas larvas ó exterior prodúcese na primavera e algúns gandeiros atribuían antigamente o maior medre das vacas nesa época precisamente ás devanditas larvas e crían que con elas depuraban o sangue. Porén os efectos da hipodermose bovina son moi negativos para a vaca xa que inciden nunha menor produción de leite, nunha maior incidencia de mamite, en perda de peso e en depreciación das peles. A súa incidencia na cabana gandeira galega que non está estabulada roza o 80%, aínda que nas explotacións que están en Asociacións de Defensa Sanitaria (ADS) e seguen unhas boas pautas de desparasitación baixa ao 42%. Estes e outros resultados foron expostos pola veterinaria Eva Cabanelas Dopazo que ven de presentar en Lugo no Campus Terra da USC a súa tese na que avanza nos métodos de detección desta patoloxía. ¿Que grao de incidencia ten a hipodermose bovina en Galicia? Tendo en conta os datos de seroprevalencia obtidos en estudos realizados polo noso grupo de investigación nas últimas décadas, podemos afirmar que, a pesar da existencia de fármacos eficaces para o tratamento da hipodermose, o seu uso esporádico e sen pautas axustadas non se traduciu nun descenso significativo no contacto do gando vacún co parasito, xa que os valores de seroprevalencia da hipodermose seguen próximos ao 80% na nosa comunidade.
“A hipodermose bovina segue afectando ata ao 80% das vacas non estabuladas”
Cómpre subliñar, sen embargo, a considerable diminución da seroprevalencia en granxas incluídas en ADSG, nas que se reduce practicamente á metade (42,5%), feito que demostra que o control e a erradicación da hipodermose é posible a corto prazo. ¿Que perdas nos rendementos pode provocar e cal é a súa gravidade dende o punto de vista sanitario? A hipodermose dá lugar tanto a perdas indirectas, como ao descenso da produción láctea e da ganancia de peso en gando de carne, como tamén a perdas directas derivadas da depreciación das canais e deterioro das peles, xa que os orificios polos que respiran as larvas a través da pel permanecen tralo curtido. Como a maioría de enfermidades parasitarias, a hipodermose relacionase cunha maior incidencia de outros procesos infecciosos, como as mamites, xa que compromete o sistema inmune dos animais. ¿Cal é o ciclo dos "barros" ou “medradeiras” no gando vacún e a que tipo de animais afecta? A cronobioloxía do parasito depende en gran medida das condicións climáticas, podendo variar entre ano e ano. Segundo estudos realizados no noso grupo de investigación, en Galicia axústase ao seguinte modelo: desde mediados de maio a setembro, ten lugar o voo das moscas, a posta de ovos e o inicio da migración larvaria. Entre agosto e finais de decembro, as larvas 1 atópanse nos lugares de repouso invernal, isto é, o esófago, no caso de H. lineatum, especie maioritaria na nosa rexión. Desde outubro ata xaneiro, complétase a migración larvaria cara o dorso e entre decembro e abril, detéctanse a maioría dos nódulos subcutáneos coñecidos popularmente como “medradeiras” ou “barros” A hipodermose afecta ao gando vacún en pastoreo, sendo un proceso mais frecuente no gando de carne en réxime extensivo. Asemade, pode darse en explotacións de vacún de leite nas que os animais saen fóra, xa que as moscas non entran nos establos. ¿Detectades que nos últimos anos houbo unha redución das desparasitacións que provocou un repunte da enfermidade? Efectivamente, temos rexistrado varias explotacións nas que todos os animais presentaron barros durante varios anos consecutivos, debido a que non se realizou desparasitación para recortar custos. Nalgúns casos, sobre todo, en animais infestados por vez primeira, o número de barros no dorso adoita ser bastante elevado, feito que temos comprobado a nivel de campo e en matadoiro.
“O mais importante na prevención da hipodermose é unha boa pauta de desparasitación
¿Que recomendacións lle darías ao gandeiro para previr e erradicar os barros? ¿E de cara ao veterinario? O mais importante na prevención da hipodermose é unha boa pauta de desparasitación. As lactonas macrocíclicas presentan unha boa eficacia fronte a tódolos estadios larvarios do parasito; a eprinomectina é o fármaco de elección para o gando leiteiro, xa que carece de período de supresión en leite. Nas explotacións que forman parte de ADSG, adoitan realizarse dúas desparasitacións por ano: unha en primavera e outra en outono. Mentres que a primeira, contribúe a reducir o número de moscas de cara á tempada seguinte, a desparasitación de outono destrúe as larvas ao inicio da migración antes de que estas acaden ao dorso, interrompendo así o ciclo do parasito. No que atinxe á aplicación dos antiparasitarios, debe realizarse de forma correcta, aplicando aos animais as doses adecuadas, xa que a subdosificación do fármaco pode ser ineficaz na prevención da hipodermose. Por outra banda, é preciso evitar a súa aplicación “pour on” en períodos de choiva, xa que a auga produce un efecto lavado e o fármaco non é absorbido na súa totalidade. Medradeiras en vacas de leite. ¿Que novidades presenta a túa tese sobre a detección en gando vacún de infestacións con larvas de Hypoderma e que avances supón? Nesta tese, puxemos a punto técnicas inmunolóxicas e moleculares para a detección de citoquinas en animais infestados con Hypoderma. As citoquinas están implicadas na regulación do sistema inmune e a súa dinámica vese alterada nos procesos parasitarios. Neste caso, comprobamos que os distintos antíxenos do parasito reducen a produción de citoquinas “in vitro” e que os animais infestados por Hypoderma desenvolven, con respecto aos non infestados, unha resposta inmune de memoria de cara a sucesivas reinfestacións. Estes achádegos afondan nos mecanismos que favorecen a supervivencia do parasito e contribúen ao mellor coñecemento da resposta inmune que protexe aos animais dos danos producidos polas larvas de Hypoderma. ¿Cales cres que serán as vías para previr e erradicar no futuro esta patoloxía? Como se comentou anteriormente, cómpre incidir na importancia da desparasitación e de concienciar aos gandeiros sobre as graves repercusións de non facelo. As perdas económicas derivadas dos problemas parasitarios pasan a miúdo desapercibidas, xa que son dificilmente cuantificables. Porén, supoñen unha considerable ameaza á produción, ao empeorar o estado sanitario dos animais e facelos máis susceptibles a outras enfermidades.
“Estase a investigar en vacinas fronte a este parasito”
A realización de boas prácticas de desparasitación é, polo momento, a mellor alternativa para o control da hipodermose, tarefa na que as ADSG están a traballar satisfactoriamente. Actualmente, estase a investigar en novas alternativas de control fronte a esta parasitose, como son as vacinas. Neste eido, o estudo das citoquinas resulta fundamental de cara a poder empregalas como potenciadores da resposta inmune natural dos animais.